Archives

“En Galicia interesa facer o cultivo de trigo en ecolóxico”

Ibán Vázquez, coautor do estudo de rendibilidade e análise DAFO xunto a Daniel Martínez e Catalina Fernández Producir trigo autóctono en ecolóxico en Galicia é un 8% máis rendible que facelo en convencional. Son os datos que recolle o libro monográfico Dende a produción á panificación do trigo caaveiro en cultivo ecolóxico vs convencional, publicado polo IBADER e coordinado pola Cátedra do Pan e do Cereal, no que se analiza desde distintas ópticas as posibilidades que ofrece esta variedade autóctona, incluída na IXP Pan Galego. Un dos obxectivos deste traballo, que forma parte do proxecto de investigación da agrupación estratéxica BIORREDES da USC, foi realizar unha análise económica comparativa (custo-beneficio) da produción de trigo autóctono galego da variedade caaveiro en cultivo ecolóxico fronte ao convencional, concluíndo que “o rendemento produtivo é menor pero a rendibilidade para o agricultor é mellor”, asegura Ibán Vázquez González, profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC na Politécnica de Lugo. “A produción de trigo ecolóxico en Galicia con variedades autóctonas é unha alternativa económicamente viable fronte á produción convencional”, conclúe o estudo, realizado a partir dos datos obtidos dun ensaio experimental levado a cabo entre decembro de 2019 e xullo de 2020 nunha finca localizada no termo municipal de Carral pertencente ao grupo panadeiro Da Cunha. Compensa o cultivo en ecolóxico? O caso do trigo caaveiro “Hai capítulos claros neste estudo que nos fan apostar polo cultivo ecolóxico fronte ao convencional”, afirma Ángeles Romero, directora da Cátedra do Pan e do Cereal e coordinadora, xunto a Santiago Pereira, deste traballo. Co cultivo en ecolóxico obtéñense menores producións, pero os custos asociados tamén son inferiores. “O cultivo en ecolóxico de trigo autóctono da variedade caaveiro ten un rendemento medio algo superior aos 1.000 kg/ha, un 30% inferior ao obtido en cultivo convencional, debido á dificultade no control de malas herbas e á limitación na aplicación de fertilizantes e fitosanitarios. Estas perdas estiveron compensadas en parte por un menor requerimento de insumos”, indica Ibán.
Os rendementos produtivos promedios do trigo ecolóxico foron un 32,4% inferiores (1.033 kg/ha fronte a 1.529 en convencional)
Labrar unha hectárea en convencional, segundo as extrapolacións realizadas en base aos custos obtidos na finca experimental de Carral, custa 470€ fronte aos 363€ en ecolóxico. A diferenza está fundamentalmente no aforro en herbicidas e fitosanitarios (92€/ha) e nos pases de tractor necesarios para aplicar os tratamentos.  
O custo de labrar a parcela ecolóxica foi de 363€/ha, un 22,6% menos que a convencional
En canto aos prezos de venda, o grupo Da Cunha pagou no ano 2020 uns 40 céntimos polo kilo de trigo autóctono producido en Galicia, cun incremento do 25% (50 céntimos) no caso do trigo ecolóxico. A marxe neta obtida, descontados os custos de sementeira, foi de 141,5€/ha para o cultivo en convencional e 153 no caso do cultivo en ecolóxico, o que equivale a unha diferenza de 11,5 céntimos (un 8%) a favor da produción ecolóxica.
O prezo real de mercado pagado polo trigo autóctono ecolóxico no 2020 foi un 25% superior (50 céntimos/kg fronte a 40)
“Este escaso beneficio económico que se obtén na produción ecolóxica fronte á convencional en condicións reais de prezo fai que a rendibilidade da produción eco sexa moi sensible a variacións de prezos, rendementos ou custos”, advirte Ibán. Posibilidades do cultivo en ecolóxico A esta pequena diferenza positiva directa na rendibilidade do cultivo habería que engadir o cobro de axudas. A nova PAC prima a sementeira de variedades autóctonas de trigo callobre e caaveiro con 320€/ha, aos que se sumaría a axuda agroambiental de produción ecolóxica (326€/ha para conversión e 275€/ha para mantemento), así como o valor do ecorrexime de rotación de cultivos (85,72€/ha) ou do de espazos de biodiversidade (56,04€/ha), en caso de cumprir coas prácticas esixidas.
A nova PAC prima con 320€/ha/ano a sementeira das variedades autóctonas callobre e caaveiro, esixindo unha superficie mínima de cultivo de 2 ha durante 5 anos
Na actualidade só hai declaradas 148 hectáreas de producción de trigo en ecolóxico en Galicia, segundo os datos do Ministerio de Agricultura relativos ao ano 2022, o que representa pouco máis do 1% da superficie total adicada a este cultivo na comunidade. O rendemento obtido é de 2.312 kg por hectárea, superior á media española e un 14% inferior á media acadada en produción convencional en Galicia. En todo o Estado son 56.450 as hectáreas declaradas en ecolóxico, o que representa o 3% da superficie total de trigo española. O rendemento medio é de 1.635 kg por hectárea, un 60% menor que a media obtida do cultivo en convencional. Terceiro cultivo en importancia en Galicia tralo millo e a pataca O trigo é, xunto co arroz e o millo, un dos tres grans máis cultivados no mundo. A orixe do trigo remóntase a Mesopotamia hai aproximadamente 10.000 anos, tendo constancia da súa presenza en Galicia no  século IV a.C. O trigo segue a ser esencial na gastronomía, a cultura e as tradicións galegas, aínda que a meirande parte do que se consume procede de fóra da comunidade. Galicia produce só o 0,46% do trigo cultivado en España, cunha superficie de cultivo que representa menos do 1% do total e un menor rendemento produtivo (2,7 toneladas por hectárea fronte ás 4,1 da media española).
En Galicia a superficie de trigo labrada descendeu á metade nas últimas 5 décadas
Catro comunidades: Castela e León, co 45,6% da produción; Andalucía, co 13,1%; Castela-A Mancha, co 11,8%; e Aragón, co 10%, acadan case o 80% do total da produción española (uns 8 millóns de toneladas no ano 2020). A superficie total española destinada a cultivo de trigo é lixeiramente inferior aos 2 millóns de hectáreas, cun descenso importante de 300.000 hectáreas desde o ano 2016. En Galicia, malia terse producido unha diminución moi notable da superficie de trigo cultivada no último medio século, do 50%, segue manténdose como o terceiro cultivo en importancia tralo millo e a pataca, con 13.500 hectáreas no ano 2020. Minifundio e presión do eucalipto A produción actual de trigo caaveiro, a variedade autóctona máis labrada, concéntrase na comarca das Mariñas (especialmente na Laracha, Carballo, Ferrol e Carral) na provincia da Coruña, na comarca de Xinzo de Limia en Ourense e nas da Terra Chá e Val de Lemos en Lugo. As características particulares da base territorial en Galicia, dominadas polo minifundio e a excesiva parcelación, condicionan o establecemento deste cultivo, pois sería precisa unha maior superficie para compensar os menores rendementos do cultivo ecolóxico con variedades autóctonas fronte ao sistema convencional.
A falta de terras de boa calidade e tamaño suficiente e a competencia das plantacións de eucalipto son algúns dos obstáculos para que o cultivo de trigo aumente
A competencia polo uso da terra con outras actividades agroforestais e as plantacións en terreos agrícolas foi identificada no estudo como outra das ameazas para o desenvolvemento do sector, xa que a plantación de especies como o eucalipto desprazan o establecemento de cultivos agrícolas tradicionais como pode ser o trigo.

A favor de aumentar do 25% actual ao 40% a porcentaxe mínima de trigo autóctono no Regulamento da IXP Pan Galego

Investigadores e público asistente á presentación do libro monográfico sobre o trigo autóctono O estudo realizado sobre as posibilidades de cultivo e a rendibilidade económica do trigo autóctono ecolóxico complétase cunha análise DAFO elaborada a partir dunha serie de 21 entrevistas realizadas a expertos de toda a cadea de produción do pan, desde o cultivo do cereal á comercialización do produto. O 62% dos enquisados están a favor de modificar o actual Regulamento da IXP Pan Galego para incrementar a porcentaxe de trigo autóctono esixido do 25% ao 40%, que o resto da fariña empregada sexa tamén producida en Galicia e permitir o pre-conxelado das pezas de pan para deste xeito aumentar as posibilidades de distribución.
Para facer viable o cultivo e panificación, a barra de pan de trigo autóctono ecolóxico debería valer 1,6€
En relación aos prezos, e sen ter en conta os efectos da onda inflacionaria actual, estímase que para acadar a viabilidade en toda a cadea, o sobreprezo medio que debería ter o trigo ecolóxico con variedades autóctonas fronte ao convencional é do 54,5%, acadando o quilo de trigo un valor de 1,2€, trasladándose a un prezo da barra de pan de 1,6€, o que equivale a un sobreprezo do 43,2%. 7 kilos máis de pan ao ano en Galicia En Galicia consúmese un 23% máis de pan que no conxunto de España, 7 kg máis por persoa e ano (37,26 kg per cápita ao ano en Galicia fronte aos 30,06 da media estatal). Con todo, desde o ano 2013 ata 2021 deuse un importante descenso tanto no consumo, do 18%, como no gasto per cápita en compra de pan, do 14,4%.
O consumo de pan caeu un 18% na última década
O estudo non analiza as consecuencias da suba da inflación iniciada en 2022, pero tanto os panadeiros como os investigadores do departamento de Economía Aplicada admiten que a alza de prezos e a caída do poder adquisitivo e a renda dispoñible das familias xoga en contra da compra do pan artesán fronte ao industrial. Só 25 panaderías dentro da IXP Na actualidade hay dúas ducias de panaderías en toda Galicia que están dentro da IXP, cun volumen de pan certificado moi pequeño, admite o presidente das panaderías lucenses integradas na Federación Galega de Fabricantes de Pan, César Fieiras, da panadería Raposo. Recoñece que a saída ao mercado estase a producir moi paseniñamente e que é necesario valorizar este tipo de pan como un produto exclusivo, de tipo gourmet ou delicatesen, debido aos maiores custos de elaboración motivados polos tempos de amasado, fermentación e repouso marcados no Prego de Condicións da marca de calidade. “Mentres fas 100 kg deste pan podes facer 1.000 dun pan semiindustrial”, afirma.
Mentres fas 100 kg de pan respectando os tempos marcados pola IXP podes facer 1.000 kg dun pan semiindustrial
Por iso César recoñece que a fariña de trigo autóctono galego estase a empregar na elaboración de pan artesán que non é comercializado co selo da IXP. “Cumprir con toda a normativa encarece o produto pero logo iso non se ve recompensado no prezo”, asegura. Baixos prezos para o agricultor Había postas moitas esperanzas en que a aprobación por parte da Unión Europea do selo de calidade diferenciada, logrado no 2019, despois dun longo proceso burocrático, serviría tamén para impulsar o cultivo de trigo autóctono, pero polo de agora este incremento de demanda de materia prima non se está a producir. Gema San Pedro ten desde fai 12 anos unha gandería de caprino en Guntín, Cabuxa Natur, e este ano decidiu diversificar os seus ingresos pola venda de cabritos coa produción de trigo autóctono.
Paguei a semente a 75 céntimos e foi difícil de conseguir
Botou unhas 6 hectáreas en ecolóxico e quéixase das dificultades tanto para atopar semente como para lograr despois un bo prezo para o trigo producido. “Paguei a semente a 75 céntimos o quilo e á hora de vendela páganma a min a 65 céntimos, poñendo eu o transporte, polo que perdería cartos”, asegura.   Por iso pensa adicar os 2.000 kg que colleitou para sementar o vindeiro ano. Pode reutilizala durante dúas campañas, pero ao terceiro ano xa tería que volver mercar, segundo establece a Xunta nos seus requisitos para o cobro da prima fixada na nova PAC para este tipo de cultivos. Esa axuda, di, é fundamental para que o cultivo de cereal autóctono chegue a compensar ao agricultor. “Non tiven ningún tipo de asesoramento e logrei un rendemento moi baixo, duns 300 kg por hectárea”, admite.

Este domingo celébrase a Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá

Este domigo, 26 de marzo, terá lugar a 29ª edición da Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá, considerada desde o ano pasado Feira de Interese Turístico de Galicia. Nela os protagonistas serán os dous produtos máis recoñecidos do municipio , o queixo e o pan, expostos entre 95 negocios da zona -unhas 90 queixerías e 5 panaderías-. A apertura da feira terá lugar ás 11.00h e o recinto feiral contará coa tradicional carpa localizada na Praza de Andón Cebreiro. Ademais, na liña do ano pasado, na súa entorna situaranse stands de produtos doutros sectores. Cartel de presentación Feira do Queixo de Friol 2023 / Fonte: Concello de Friol O queixo de Friol e o pan de Ousá son dous produtos consolidados, coñecidos en toda a xeografía galega, e agora comezan a selo no ámbito nacional e internacional. Deste xeito, tanto queixerías como panaderías “teñen máis demanda que a súa propia produción. Por iso nos últimos anos fixeron un esforzo transformando e modernizando as súas instalacións para poder ampliar esta produción, sobre todo nas queixerías”, afirma o alcalde de Friol, José A. Santos. O ano pasado, a feira rexistrou un récord de afluencia de público de en torno a 25.000 e 30.000 persoas “así que para esta nova edición temos a esperanza, cando menos, de alcanzar a mesma cantidade de público e se o tempo nos acompaña mesmo podemos superar as 30.000 persoas que nos visiten nesta 29ª Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá”, sinala. Imaxe do trascurso da Feira do ano pasado / Fonte: Concello de Friol

Máis información de programación

Descobren en Galicia tres variedades autóctonas de millo panificable con potencial

A Cátedra do Pan e do Cereal da USC impulsa xunto coa Misión Biolóxica de Galicia do CSIC e o grupo Panadería Da Cunha un proxecto piloto de recuperación de variedades autóctonas de millo para a obtención de pan de millo de calidade iniciado no 2019. O estudo partiu de 14 variedades que foran preseleccionadas e conservadas ata chegar a unha selección de tres delas, debido ás súas propiedades organolépticas, nutricionais e físicas. A directora da Cátedra do Pan, Ángeles Romero, afirma que “este proxecto pretende recuperar en Galicia o cultivo de millo autóctono apto para panificación, ao tempo que busca a obtención de fariña de máxima calidade”. Cabe destacar que, na actualidade, a fariña de millo de que se dispón procede de variedades de Francia ou de Portugal. Pola súa parte, o empresario Manuel Da Cunha, salienta que “a recuperación de variedades locais de millo antóllase como unha alternativa rendible nos procesos de rotación de cultivos e incluso favorece o consumo de fariñas con baixo índice de glute”.

Primeiros pasos

A través dunha primeira fase desta investigación, fixéronse ensaios agronómicos en distintas localidades -Ribeira, Carral, Pontevedra (ecolóxico e convencional), Ponte Caldelas, Sarria e, entre outras Xinzo de Limia-, nos que se avaliaron 14 variedades galegas de millo amarelo, branco e negro. Logo deste primeiro estudo, no que se obtiveron resultados positivos das variedades ‘Osoro’ e ‘Tuy’ (millo amarelo), ‘Oubiña’ (negro), así como doutras tres variedades de millo branco, a Cátedra do Pan procedeu “á realización de análises físico-químicas e organolépticas dos cereais e, posteriormente, das fariñas obtidas e dos pans elaborados nos obradoiros de Panadería Da Cunha”, adianta Ángeles Romero. Os primeiros resultados indican que a variedade 'Tuy' presenta moi boa calidade panadeira, ao tempo que sinalan ‘Rebordanes’ entre a poboación de millo branco con mellor comportamento agronómico. Os estudos cualitativos da variedade ‘Oubiña’ aínda non están rematados, pero os primeiros resultados indican un gran parecido coa variedade de millo negro ‘Carballeira’, que ten un menor rendemento agronómico. A xefa do grupo Xenética e Mellora do Millo da Misión Biolóxica da Graña, Rosa Ana Malvar, salienta como principal logro deste proxecto a “elección de variedades de millo de distintas características adaptadas a distintos ambientes”, un feito que, na súa opinión, “permitirá diversificar o campo galego e facelo máis rendible e sustentable”.

Cultivo ecolóxico

“O cultivo ecolóxico das distintas variedades de millo obxecto de estudo nesta actuación ofrece peores rendementos que os obtidos cultivando de forma convencional”, precisa Malvar, quen ve necesario optimizar o manexo ecolóxico para acadar producións sostibles e viables no plano económico. Os resultados acadados no marco deste proxecto e logo de dous anos de traballo chaman ao optimismo, segundo subliñas as tres entidades implicadas, que poñen en valor tanto o coñecemento das características organolépticas, nutricionais e físicas dos pans de millo elaborados ao abeiro deste proxecto, ao tempo que salientan que os resultados xa obtidos constitúen un acicate para fomentar o cultivo de variedades autóctonas de millo panificable e para recuperar a produción e o consumo dun produto tradicional.

A IXP Pan Galego chega ó mercado

Logo de anos de traballo e xestión, este mércores comezaron a venderse as primeiras pezas de pan baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan Galego. Nesta mesma xornada presentouse tamén de xeito oficial o selo, nun acto no que participaron medio cento de produtores e representantes dos distintos elos do sector. A presentación levouse a cabo na parroquia lalinense de Prado no Muíño de Cuíña, un dos inscritos na nova IXP. “A IXP Pan Galego permítenos ós panadeiros vender un produto cunha trazabilidade detrás, coas garantías que se lle esixen ós cereais, así como unha elaboración certificada e documentada. Para nós é moi importante esta diferenciación porque había moito pan vendido como galego que non o era”, reivindica Guadalupe López, a primeira presidenta do Consello Regulador da IXP Pan Galego. Polo momento hai inscritas 14 panadarías e o Pan Galego pode adquirirse xa nun total de 44 puntos de venda. Porén, tal e como indicou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos durante o acto, seguen a tramitarse máis solicitudes de inscrición no rexistro da IXP, polo que agardan aumentar en breve o número de puntos de venda autorizados. Así mesmo, mantense aberto o prazo para que se rexistren na IXP tanto os produtores de trigo autóctono, como os muíños e panadarías interesados en acollerse a este novo selo de calidade. Cabarcos recordou ademais, que se trata dunha inscrición que se renova cada ano e sen permanencia, co que animou a sumarse a esta iniciativa ós produtores.

Pan Galego

A calidade diferencial do produto amparado baixo a IXP Pan Galego débese á súa orixe, ás características dos seus ingredientes e á súa forma de elaboración, requisitos todos eles recollidos no prego de condicións da IXP aprobado pola Unión Europea. No que respecta aos ingredientes, debe empregarse fariña de trigo da que, como mínimo, o 25% procederá de trigos de variedades autóctonas de Galicia. Tamén auga, masa nai, sal común e, opcionalmente, lévedo biolóxico. “Dende a panadería vimos que a gran diferenza de empregar trigo autóctono no pan é que lle permite unha maior conservación, humidade e sabor especial, por iso sempre reivindicamos o seu uso”, detalla López.
“A gran diferenza de empregar trigo autóctono no pan é que lle permite unha maior conservación, humidade e sabor especial”: Guadalupe López, presidenta da IXP
O Pan Galego pode presentarse con catro formatos diferentes: bolo ou fogaza, rosca, bola ou torta e barra. O sabor intenso a trigo cun punto lixeiramente ácido e moi aromático, así como a súa codia triscante e a miga de textura esponxosa e alveolado abundante, son só algúns dos sinais de identidade deste produto característico da cultura gastronómica galega. Dende a Cátedra do Pan da Universidade de Santiago de Compostela, unha das entidades que colaborou estreitamente no proceso para lograr a IXP Pan Galego, desenvolveron un panel de cata. “Esta ferramenta permite non só valorar de xeito obxectivo o pan e as súas características senón que permite diferenciar os pans galegos dos industriais e coñecer como inflúen os factores determinantes para lograr este pan galego”, indica Ángeles Romero, directora da Cátedra do Pan. Este panel de cata tamén lles serviu para demostrar como o pan dunha mesma amasada varía en función da forma que teña a peza final. “Estamos a traballar para ter o perfil do pan en cada unha das formas, o que nos permitirá logo coñecer porque o consumidor escolle un pan fronte a outro”, explica Romero.

Puntos de venda

As 14 panadarías inscritas ata o momento están emprazadas nas localidades coruñesas de Carral, Oleiros, Curtis, Cerceda, Mesía e Coristanco, así como na cidade de Lugo e no concello lucense de Palas de Rei. Na provincia de Pontevedra, dúas localízanse en Vigo e outras dúas nos municipios de Vilanova de Arousa e A Estrada, mentres en Ourense se atopan en Allariz e en San Cristovo de Cea. As pezas venderanse envasadas e identificadas cunha etiqueta numerada na que figura o logotipo da indicación xeográfica protexida, asegurando a súa rastrexabilidade en todo momento. As pezas inferiores a 1.500 gramos serán expedidas, envasadas e etiquetadas en pezas enteiras, en formatos superiores permitirase o corte na propia panadería, sempre que se faga en presenza do cliente. Iso si, antes do seu fraccionamento, a peza deberá estar correctamente identificada.
Finca plantada con trigo autóctono en Distriz (Vilalba).

O trigo galego e a IXP

A posta en marcha da IXP Pan Galego agárdase que sexa tamén un motor para recuperar o cultivo de trigo de variedades autóctonas, xa que como mínimo o 25% que se empregue para a elaboración do pan producido baixo este selo debe ser galego. “Eu que son neta de panadeiros, recordo como meus avós sementaban trigo autóctono e deste xeito pechaban o ciclo produtivo”, rememora Guadalupe López. Dende a Asociación de Produtores de Cereal Galego (Procegal), o seu presidente Miguel Calvo, apuntaba durante a presentación que nos últimos meses están contactando con eles numerosos produtores interesados en cultivar este cereal.
“A produción de trigo pode ser unha nova oportunidade tanto para produtores que deixaron de colleitalo, como para granxas que cesaron a súa actividade”: Miguel Calvo, presidente de Procegal
Este ano Procegal conta cunhas 65 hectáreas en produción. Agora mesmo teñen uns 64 produtores inscritos, aínda que o proceso continúa aberto, o que lles permite sumar xa unhas 550 hectáreas. “A produción de trigo pode ser unha nova oportunidade tanto para produtores que deixaron de colleitalo, como para granxas que cesaron a súa actividade, pero que dispoñen de terras que poden servir para esta produción”, explica Calvo. Dende Procegal tamén apuntaron que pese o minifundio que predomina en Galicia, o cultivo de cereal como o trigo pode ser unha aposta competitiva. “En fincas moi pequenas habería que buscar solucións, pero nos casos que contemos alomenos con 5.000 ou 10.000 metros cadrados podemos ver rendibilidade”, sinala Calvo, quen tamén destacou que este minifundio tamén pode converterse nunha vantaxe. Así, o ter plantacións delimitadas en parcelas permite tratar especificamente esas fincas se presenten problemas. Polo momento, as dúas variedades certificadas pola IXP son o trigo callobre, rexistrada no 2006, e o caveiro, coñecido como trigo país e que foi rexistrado no 2015. Precisamente dende Procegal están a decantarse máis polo cultivo do trigo caveiro polos rendementos que están logrando e a resistencia ó encamado.
Xunto coas variedades callobre e caveiro, as únicas certificadas ata agora na IXP, tramitaron o rexistro de tres novas liñas de ecotipos galegos
O ano pasado tramitouse dende Medio Rural o rexistro de tres novas liñas melloradas de ecotipos galegos. “Se nolas autorizan nesta primavera, poderíamos comezar a empregalas nas sementeiras do outono”, indica Luís Urquijo, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam). O investigador tamén traballou nos últimos anos nun proxecto de mellora xenéticas de variedades galegas, que aínda se atopa en fase de estudo e que agardan ter dispoñible nos próximos anos. Entre outros aspectos están procurando variedades galegas con maior produción e menor altura, xa que é un dos inconvenientes dos trigos autóctonos. Ademais, tal e como se sinalou durante a presentación, a Consellería de Medio Rural activará unha liña de axudas para fomentar o cultivo de trigo autóctono para o próximo ano, una medida coa que agardan sumar novos produtores. A escalada de prezos que están a experimentar os cereais nos últimos tempos debido á guerra de Ucraína podería tamén afectar ó trigo galego, aínda que polo momento continúa a cotizarse entre os 0,5 e os 0,6 euros por quilo que se viña pagando, dependendo da modalidade de entrega que se fixera. “Estamos vendo un incremento moi importante dos prezos dos cereais e a tendencia é a que siga. A semana pasada estábase a pagar 430 euros a tonelada de trigo de fóra e estariamos moi preto dos 500 - 550 euros por tonelada que se adoita pagar polo cereal galego, polo que o cereal galego podería terminar sendo substituto de boa parte do cereal foráneo nalgunhas panadarías”, detalla Miguel Calvo.

Este mércores comezarán a venderse as primeiras pezas da IXP Pan Galego

A Xunta anuncia que o vindeiro mércores 9 de marzo comezarán a venderse as primeiras pezas baixo a indicación xeográfica protexida (IXP) Pan Galego nun total de 44 establecementos de 14 panadarías, repartidos por toda a comunidade. O acto central desta saída oficial ao mercado terá lugar ese mesmo día no muíño de Cuíña de Lalín, un dos inscritos nos rexistros da IXP, e poderá seguirse tamén por streaming a través da canle de Youtube da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). A xornada estará presidida polo director da Axencia, José Luis Cabarcos, que intervirá así mesmo nunha mesa redonda na que tamén participarán Miguel Calvo, da Asociación de Produtores de Cereal Galego (Procegal), Luís Urquijo, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, e Ángeles Romero, da Cátedra do Pan da Universidade de Santiago de Compostela. O obxectivo final é poñer en valor a IXP que persegue protexer o pan de trigo elaborado de xeito tradicional en Galicia.
O acto oficial para comunicar o inicio das vendas terá lugar no muíño de Cuíña de Lalín e poderá seguirse por streaming a través da canle de Youtube da Axencia Galega da Calidade Alimentaria
As 14 panaderías inscritas que poderán comercializar o produto nun total de 44 puntos de venda dende o próximo 9 de marzo superaron todos os controis previos, garantía do cumprimento dos requisitos establecidos no prego de condicións para a elaboración de Pan Galego. Así, distribuirán o produto envasado e identificado cunha etiqueta numerada na que figurará o logotipo da indicación xeográfica protexida, asegurando a súa trazabilidade en todo momento. Á venda en establecementos das catro provincias En concreto, as panadarías autorizadas están emprazadas nas localidades coruñesas de Carral, Oleiros, Curtis, Cerceda, Mesía e Coristanco, así como na cidade de Lugo e no concello lucense de Palas de Rei. Na provincia de Pontevedra, localízanse en Vigo e nos municipios de Vilanova de Arousa e A Estrada, mentres en Ourense se atopan en Allariz e en San Cristovo de Cea.
Mantense aberto o prazo para que se rexistren na IXP tanto os produtores de trigo autóctono, como os muíños e panadarías interesados en acollerse a este novo selo de calidade
Con todo, cómpre engadir que na actualidade séguense a tramitar máis solicitudes recibidas para inscribirse no rexistro do Consello Regulador, polo que en breve aumentará o número de panadarías e puntos de venda autorizados a distribuír Pan Galego con todas as garantías para os consumidores. Así mesmo, mantense aberto o prazo para que se rexistren na IXP tanto os produtores de trigo autóctono, como os muíños e panadarías interesados en acollerse a este novo selo de calidade.

Elaborado como mínimo cun 25% de trigo do país

A calidade diferencial do produto amparado baixo a IXP Pan Galego débese á súa orixe, ás características dos seus ingredientes e á súa forma de elaboración, requisitos todos eles recollidos no prego de condicións da IXP aprobado pola Unión Europea. No que respecta aos ingredientes, debe empregarse fariña de trigo da que, como mínimo, o 25% procederá de trigos de variedades autóctonas de Galicia  entre as que destacan o callobre e o caveiro (“trigo país”). Tamén auga, masa nai (chamada tamén formento, requento ou lévedo), sal común e, opcionalmente, lévedo biolóxico.
Pode presentarse en 4 formatos diferentes: bolo, rosca, torta e barra
O Pan Galego pode presentarse con catro formatos diferentes: bolo ou fogaza, rosca, bola ou torta e barra. O sabor intenso a trigo cun punto lixeiramente ácido e moi aromático, así como a súa codia triscante e a miga de textura esponxosa e alveolado abundante, son só algúns dos sinais de identidade deste produto tan característico da cultura gastronómica galega.
Permitirase para a venda o corte das pezas de máis de quilo e medio na propia panadería, sempre que se faga en presenza do cliente
O consumidor poderá mercar Pan Galego nos puntos de venda rexistrados na indicación xeográfica. Mentres as pezas inferiores a 1.500 gramos serán expedidas, envasadas e etiquetadas en pezas enteiras, en formatos superiores permitirase o corte na propia panadería, sempre que se faga en presenza do cliente. Iso si, antes do seu fraccionamento, a peza deberá estar correctamente identificada. Ademais incluirá o logotipo da IXP e o número de serie específico na súa correspondente etiqueta.

A Xunta estuda a creación dun polígono agroforestal de 100 hectáreas de cereal en Xunqueira de Ambía

Reunión do conselleiro e a directora do AGADER co alcalde de Xunqueira de Ambía O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo esta semana unha reunión de traballo co alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luis Gavilanes, para coñecer as demandas e necesidades dos habitantes deste concello ourensán relacionadas co agro. Na xuntanza tamén participou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé. No encontro, o conselleiro e o rexedor acordaron estudar a posibilidade de implantar un polígono agroforestal co fin de dedicalo a cereal para a Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego. Así, decidiuse que por parte da Consellería, técnicos deste departamento da Xunta desprazaranse á zona seleccionada para buscar áreas con certo nivel de abandono, co fin de situar o polígono, que podería ter unha superficie dunhas 100 hectáreas, segundo as primeiras estimacións, e que se localizaría na parroquia de Sobradelo. Neste senso, José González sinalou que a posta en marcha deste instrumento, que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, contribuirá á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ademais de supoñer un avance na anticipación aos incendios forestais, ao exercer estes cultivos de devasa natural fronte ao lume. Lembrou ademais que os polígonos agroforestais constitúen unha das principais ferramentas contempladas na nova norma e explicou que esta figura voluntaria ten por obxecto a volta á produción de grandes áreas de terra con boa capacidade produtiva que alcanzaron, co paso do tempo, estados de abandono ou infrautilización.
O municipio beneficiarase dunha achega de máis de 36.000 euros para mellorar os seus viais, dentro do plan extraordinario de reparación de camiños da Limia impulsado pola Xunta
Por outra banda, na reunión tamén se abordou a mellora das infraestruturas rurais do municipio e, neste sentido, o titular de Medio Rural puxo en valor a inclusión de Xunqueira de Ambía, no marco da estratexia para a Limia, no plan extraordinario de reparación de camiños, dotado cun total de 600.000 euros este ano. Así, este concello beneficiarase dunha achega de algo máis de 36.000 euros para mellorar os seus viais. A través deste programa repararanse camiños empregados, fundamentalmente, polos agricultores e gandeiros locais desta bisbarra ourensá.

Xornadas sobre a IXP Pan Galego na Coruña

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), organiza a semana vindeira na Coruña unha nova xornada técnico-informativa sobre a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan Galego. Está previsto que se celebre o martes 9 e mércores 10 de novembro no Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Paseo das Pontes, en horario de tarde (16:00 a 20:00 horas) cun total de sete horas de duración. O obxectivo é transmitirlles aos diferentes operadores que interveñen na produción do pan (produtores de trigo, muíños e panadarías) as posibilidades que ofrece traballar baixo este selo de calidade, así como o procedemento para inscribirse e os rexistros necesarios para cumprir o prego.
Está formación técnico-informativa celebrarase o martes 9 e o mércores 10 de novembro, en horario de tarde, no CIFP Paseo das Pontes
Así, a xornada comezará cunha presentación do prego de condicións e do regulamento que rexe esta IXP, para continuar tratando as perspectivas de desenvolvemento do trigo autóctono e os valores diferenciais do Pan Galego. Seguidamente haberá unha mesa redonda con axentes do sector para tratar o presente e futuro deste produto e rematará cunha visita a un obradoiro de pan. Os interesados poden inscribirse a través do formulario de solicitude de asistentes dispoñible na seguinte ligazón. Os formularios deberán ser enviados ao correo electrónico formacion.agacal@xunta.gal. Para máis información poden dirixirse ao teléfono 881997279.

“O 40% da fariña que usamos en cada fornada é de trigo do país”

Suso Buján leva 4 décadas de panadeiro, sempre guiado por un obxectivo: non perder a esencia do bo pan, aquel que antes se cocía nas casas. El é a terceira xeración dunha saga familiar de panadeiros que arrincou súa avoa Carmen na década dos anos corenta do século pasado. "A miña avoa era quen cocía e o meu avó tiña unha barbería", explica. Logo foron os seus pais os que seguiron a tradición antes ca el, que leva 40 anos no oficio, e agora o testigo está xa pasando ao seu fillo Roberto. "Eu non estudei panadería, vivín o oficio desde pequeno na casa e traballamos por experiencia, quizais por iso é artesán", argumenta. Nun día normal fan unha media de como mínimo 400 pezas do tradicional pan de Antas e outras 300 a maiores sumando tortas, roscas e barras. Non teñen reparto, só o venden no despacho que teñen a carón da panadaría no centro de Antas, na rúa Santa Mariña, e en supermercados e tendas de Lugo, Monforte, Chantada, Palas de Rei, Monterroso e Melide.
Este é un oficio artesán. Como dicía meu avó, mentres haxa leña e fariña...
En total traballan 7 persoas, 5 na panadaría e 2 facendo o reparto aos puntos de venda. Suso é un dos encargados de cocer. O seu turno arrinca á unha da madrugada e acaba ás 8 da mañá. Pero a súa labor non remata aí. É tamén o responsable de moer. É un aspecto ao que outorga vital importancia. "Mentres haxa leña e fariña, como dicía meu avó", resume. Muiño propio desde fai 2 anos "Nós sempre moimos en muíños de pedra, esta é unha zona onde había moitos pero van desaparecendo e eu non quería quedar sen esa parte do proceso, que me parece fundamental. Por iso hai dous anos mercamos un muíño. Levaba detrás del moitos anos. Era un antigo muíño de auga pero nós instalámolo para moer con electricidade porque tivemos que trasladalo do seu lugar orixinal e onde o puxemos non hai auga", explica Suso.
Nesta zona había moitos muíños de pedra, pero van desaparecendo e eu non quería quedar sen esa parte do proceso, que me parece fundamental, por iso montamos un
Moen o gran todos os días. Ás 8 da mañá Suso remata de cocer e dorme un par de horas. Despois vai para o muiño a poñelo a andar. "Montámolo para non perder a tradición, non porque compense moito economicamente. Pero toda a xente di que o pan de Modesto sabe a trigo e eu esa fama non a quería perder. Deste xeito sabes que lle estás ofrecendo un produto da mellor calidade ao cliente", razoa. Consomen 60 toneladas ao ano de trigo do país Dispoñer das instalacións para a moenda permitelles coñecer a orixe da materia prima e manter a trazabilidade até o produto final. "O 40% do trigo que usamos en cada fornada é trigo do país", explica, unha porcentaxe que se sitúa moi por enriba da establecida no regulamento da nova IXP Pan Galego, que fixa o mínimo no 25%. "Gastamos 60.000 quilos ao ano de trigo do país", detalla. Panadería Modesto merca o cereal a produtores da zona. "Sigo preferindo, mentres poida facelo, comprar a produción da xente que bota trigo por aquí", di. Noutros lugares de Galicia, como por exemplo na Limia, hai maiores producións de trigo, pero Suso opina que "o sabor non é o mesmo". "Somos unha das poucas panaderías de Antas que compra trigo do país. Nos case 40 anos que levo nunca tiven que ir buscalo. Tráenmo os propios produtores da zona. Eu sigo colléndollelo aos que me ofrecen 100 ou 200 quilos", conta.
Sigo preferindo, mentres poida facelo, comprar a produción da xente que bota trigo por aquí
A labor de panadarías tradicionais coma esta permitiu manter a tradición do pan galego e tamén a produción de trigo, que se está a recuperar nos últimos anos animada pola aprobación da Indicación Xeográfica Protexida e o aumento de demanda por parte do gremio de panadeiros. "O trigo é un dos produtos agrícolas que menos traballo dá, así que moita xente que deixou as vacas estáse a animar a botar trigo nas fincas", explica Suso.

Bota a andar a Indicación Xeográfica Protexida “Pan Galego”

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural que aproba o Regulamento e o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego, ademais de nomear un Consello Regulador provisorio. Así, o Regulamento establece que as características que debe ter o pan para poder acollerse a esta IXP de ámbito galego son contar cunha codia dura e triscante, miolo esponxoso e alveolado abundante e irregular. Ademais, a súa elaboración ten que ser artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte –como mínimo o 25%– debe proceder de trigos cultivados en Galicia, pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos, como callobre ou caaveiro. A maiores, o produto hase de caracterizar pola utilización de masa nai e dunha elevada cantidade de auga, así como polos longos tempos de fermentación e cocción, esta última sempre en fornos con soleira de pedra ou outros materiais refractarios. Segundo a orde publicada hoxe, as pezas de pan amparado poderán adquirir a forma de fogaza, rosca, bolo ou barra. Canto ao sabor e o aroma, o pan distinguirase por ser moi aromático e por contar cun sabor intenso a trigo cun punto lixeiramente acedo. No tocante á conservación das súas propiedades, a súa forte codia actuará de protección e permitiralle ao produto manter durante horas a súa consistencia dura e crocante, así como a textura esponxosa do miolo. Deste xeito, poderase consumir pasadas 48 horas desde a elaboración, ou mesmo despois. No relativo á supervisión das características e a orixe do pan, a Consellería do Medio Rural aprobará, tras a proposta do pleno do Consello Regulador, o programa de control, os procedementos operativos, as instrucións técnicas e os formatos relativos ao proceso de control e certificación da IXP Pan Galego, que serán integrados no manual de calidade. Os controis basearanse en inspeccións ou auditorías das parcelas de cultivo, almacéns de gran, muíños e instalacións de elaboración e despacho, revisión da documentación e un control do cumprimento dos parámetros físicos descritos no Regulamento. Así, poderán levarse a cabo comprobacións para verificar as características das distintas fariñas empregadas na elaboración do Pan Galego, así como analíticas do propio produto. Canto ao Consello Regulador da IXP, consta dunha presidencia e dez vogalías, ocupadas tres por representantes do sector produtor de trigo, dúas por representantes dos muíños e cinco por titulares das panaderías. Este Consello abrirá agora os distintos rexistros, para ter identificadas tanto as parcelas de cultivo e almacéns de gran, como os muíños e as instalacións de elaboración e despacho de Pan Galego, co obxectivo de que este produto amparado poida atoparse no mercado este mesmo ano.

Apoio da Xunta

A aprobación do Regulamento e do Consello Regulador da IXP Pan Galego prodúcese despois de que o produto xa quedara incluído no Rexistro Comunitario das Indicacións Xeográficas Protexidas, o que supuxo o seu recoñecemento no ámbito europeo. Todos estes trámites foron posibles logo dun proceso iniciado oficialmente en 2015 pola Federación Gallega de Asociaciones de Fabricantes de Pan (Fegapan) -se ben os traballos para acadar este logro viñan de anos atrás- e no que sempre contaron co apoio do Goberno galego. A Xunta e o sector agardan que esta medida beneficie un gran número de pequenas panaderías distribuídas por toda a comunidade, nomeadamente nas zonas rurais, evitando situacións fraudulentas, sobre todo fóra da comunidade, onde se vende pan como galego sen ser elaborado en Galicia. Ademais, esta indicación incentivará o cultivo de trigo en Galicia, o que terá un impacto positivo na mellora das rendas dos agricultores, na recuperación do rural e mesmo para anticiparse aos incendios forestais, ao actuar os terreos de labradío como barreira fronte aos lumes.

Enlace á orde no DOG

“Con colleitas por baixo de 1.200 quilos por hectárea, non compensa botar trigo”

Finca plantada con trigo autóctono en Distriz (Vilalba) "Eu nacín e xa se plantaba trigo na casa", afirma Miguel Calvo Bello, presidente de Procegal, a asociación de produtores de cereal galego creada fai tres anos na Terra Chá. A día de hoxe son 15 socios e sementaron este ano 65 hectáreas con trigo caaveiro e 20 con centeo. Falamos con eles de como traballan, de rendementos e prezos, de problemas como o do xabarín ou o do encamado e das perspectivas que abre a nova IXP Pan Galego. "O meu avó paterno tivo malladora e limpiadoras, o meu pai comprou unha colleitadora no 1980 aproximadamente e despois en canto lle puiden axudar, que foi desde os 14 anos, eu andiven tamén neste mundo e chegamos a ter 4 máquinas", engade Miguel. Xunto a outros catro produtores a finais de 2016 constituíron unha asociación, que inicialmente se chamou Asprotech (Asociación de produtores da Terra Chá), pero que meses máis tarde a medida que se incorporaban produtores doutras comarcas, por decisión dos socios nunha asamblea pasou a chamarse Procegal (Produtores de cereal galego). "Vimos que había certa demanda de cereal autóctono e queriamos recuperar as variedades propias de Galicia porque ás veces a xente pensaba que botaba trigo do país porque levaba moitos anos botando esa mesma semente e resulta que non o era", explican. Dez toneladas de semente, case toda caaveiro Na actualidade son 15 socios, a maioría de concellos da Terra Chá como Vilalba pero tamén de lugares como Rábade, Friol, Lugo ou Ferrol. Este ano sementaron entre todos en total 65 hectáreas coa variedade de trigo caaveiro e 20 de centeo nunha finca dun dos socios no monte comunal en Friol. "Chegamos a botar unhas 75 ou 80 hectáreas de trigo pero como tardaba moito a IXP e a colleita do 2018 foi moi mala, moitos produtores fóronse desanimando, aínda que agora coa inscrición definitiva no Rexistro da Unión Europea a xente está retomando a iluxión", asegura Miguel, que recoñece que a recente aprobación da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego está a crear expectativas positivas no campo para recuperar a produción de trigo autóctono en Galicia. Este ano os membros de Procegal mercaron uns 10.000 quilos de semente de trigo, case todos da variedade caaveiro. "Até agora estivemos experimentando coas dúas variedades certificadas, a callobre e a caaveiro, pero para os produtores resúltanos mellor a caaveiro porque con ela obtemos mellores rendementos e temos menos problemas de encamado", explica. Por iso, das 10 toneladas de semente, 9.500 quilos foron caaveiro e o resto callobre.
O rendemento varía. Por exemplo, o 2018 foi pésimo e no 2019 houbo unha boa colleita. Normalmente é algo cíclico e vén un ano bo cada 5 ou 6 anos
A produción o ano pasado foi boa, cun total de 80-90 toneladas colleitadas entre tódolos agricultores de Procegal, pero non acostuma ser o habitual. "O rendemento varía moito e por exemplo o 2018 foi pésimo en canto a quilos por hectárea e tamén houbo menor demanda á hora de vender, sen embargo a do ano seguinte foi unha colleita moito mellor. Normalmente é algo cíclico e vén un ano bo cada 5 ou 6 anos", asegura Miguel. O socio que máis produtividade logrou sacou rendementos de 2.600 quilos por hectárea o ano pasado e o presidente de Procegal considera que "hai marxe de mellora aínda e o obxectivo sería chegar aos 3.000 quilos por hectárea", di. Gastos de entre 600 e 700 euros por hectárea Problemas de encamado O trigo podería converterse nos vindeiros anos nunha alternativa para moitas fincas que hoxe están abandonadas e que, en moitos casos, xa tiveron trigo no pasado. "Noutro tempo sementábase moito trigo no monte, moita xente maior lembra iso. Este ano a nosa asociación montou un stand na Feira do Capón de Vilalba, celebrada o pasado mes de decembro, na que repartimos pan feito coa fariña que nós producimos. Tivo moi boa aceptación e moita xente achegábase a nós animándonos a seguir. A xente está cansa de ver as fincas abandonadas", asegura Miguel. El sementou este ano 5 hectáreas con trigo caaveiro e case todas eran fincas de monte. Pero a superficie que cultiva con cereal podería aumentar nos vindeiros anos. Os seus pais contan cunha explotación de 55 vacas de leite na parroquia de Belesar, en Vilalba, e xa está analizando que alternativas lle podería dar ás fincas a medio prazo cando se xubilen os meus pais.
Hai que ter un mínimo de maquinaria para abaratar os custos porque os rendementos son baixos
"Neste momento aínda resulta máis rendible alugar as fincas a explotacións de leite", asegura. "Tendo a quen", matiza, porque "en moitas das fincas nas que estamos botando cereal non hai moitas alternativas", polo que afirma categórico que "de ter as fincas a monte a telas producindo cereal indiscutiblemente é mellor telas producindo porque a terra é para producir e non debería haber ningunha terra a bravo e se vas desbrozar unha finca todos os anos é mellor tela con trigo", asegura. Miguel calcula uns gastos de entre 600 e 700 euros por hectárea entre a preparación da terra (arado e un pase de grade de discos), a sementeira, o abonado, os distintos tratamentos fitosanitarios, a colleitadora (o custo está entre os 80 e os 90 euros por hora e unha hectárea leva algo máis dunha hora colleitala), o transporte e a limpeza do gran. No seu caso logra abaratar os custos porque conta con maquinaria para facer moitos dos traballos. O produtor asegura que "hai que ter un mínimo de maquinaria porque os rendementos son baixos e se pagas por todo ten que ser un ano moi bo para que compense". O cálculo que fai ao prezo de venda actual é que "todo o que baixe de colleitas de 1.200 quilos por hectárea son perdas". Minifundio e danos provocados polo xabarín  A aprobación da IXP xoga a favor da recuperación da plantación de trigo en Galicia; en contra, factores como o minifundio, os destrozos provocados pola fauna salvaxe ou o encamado por mor do mal tempo. "A dispersión e o pequeno tamaño das parcelas en Galicia é un factor que encarece os custos. No meu caso, non me compensa botar trigo en fincas de menos de tres ferrados (en Vilalba o ferrado equivale a 524 metros cadrados). A partir de media hectárea comezas a plantexarte traballala e dunha hectárea para diante empezas a sacarlle rendemento", afirma Miguel. A sementeira depende en boa medida de moitos factores climatolóxicos e os anos que se retrasa por mor do mal tempo os gastos encarécense: "se se bota en novembro non fai falla sulfatar contra os fungos, pero botándoo en xaneiro si", indica.
As parcelas que están a monte son as mellores para botar cereal porque nelas o problema das malas herbas non se dá, pero ao mesmo tempo son tamén as máis atacadas polo xabarín
Son necesarios tratamentos tamén contra as malas herbas, aínda que o trigo autóctono, pola súa elevada altura, logra un bo asombramento e compite ben coas malas herbas. Sen embargo, esta característica do talle alto do trigo galego, que aporta unha vantaxe competitiva neste eido, supón ao mesmo tempo un problema noutro aspecto, xa que, sobre todo en condicións de mal tempo, prodúcese un maior encamado, reducíndose así moito a produtividade das parcelas. Danos provocados polo xabarín nunha das fincas da asociación Ademais de pola chuvia, o encamado é provocado moitas veces tamén polo xabarín. Os danos causados pola fauna salvaxe obrigan aos produtores a pechar as parcelas con fío de pastor eléctrico, o que encarece os custos de produción e desanima a moitos deles á hora de sementar trigo polo traballo engadido que supón o peche das fincas e o seu mantemento. "As parcelas que están a monte son as mellores para botar cereal porque nelas o problema das malas herbas non se dá, pero ao mesmo tempo son tamén as máis atacadas polo xabarín pola proximidade aos lugares onde se agocha e pola ausencia doutros cultivos", explica Miguel. Para reducir a presenza de malas herbas a utilización de nabos é tamén unha boa solución. "O nabo é unha das mellores rotacións que hai no caso de parcelas que estaban a monte, porque é o mellor cultivo para facer terra vexetal e fixar nitróxeno, que é o que interesa á hora de botar o cereal", indica o presidente de Procegal. No seu caso ten feito tamén rotación con outros cultivos con aproveitamento forraxeiro, como por exemplo un ano veza con cebada e outro ano veza con trigo.

Axeitada conservación para lograr un prezo de venda duns 55 céntimos por quilo

Foto de grupo dos membros de Procegal no stand que a asociación montou en decembro na Feira do Capón de Vilalba. Miguel aparece na marxen dereita, con chaqueta gris e xersei a raias. A demanda de fariña de trigo autóctono por parte das panadarías está a incrementarse e para poder acollérense á etiquetaxe da IXP deberán empregar como mínimo un 25% de variedades de trigo do país, polo que se prevé que a necesidade de trigo galego siga aumentando nos próximos anos. Ese incremento da demanda está a notarse xa nos prezos. O quilo de trigo caaveiro págase neste momento a uns 55 céntimos e os produtores practicamente teñen a venda garantida. "A venda da colleita deste ano témola asegurada, pero o ano pasado atopámonos con problemas para darlle saída á produción e até o mes de outubro tivemos o trigo almacenado", explica Miguel.
A venda deste ano témola asegurada pero o ano pasado atopámonos con problemas para darlle saída e até o mes de outubro tivemos o trigo almacenado
Este é precisamente un dos grandes problemas cos que se atopan os produtores de trigo do país. "Onde e como almacenar o gran é unha das graves eivas existentes. O segredo para unha boa conservación é facer unha recollida con baixa humidade, esa é a mellor garantía para que dure en bo estado", asegura Miguel, pero ás veces as condicións climatolóxicas no momento da recollida non son as axeitadas e é preciso facer unha selección de impurezas e un secado previo ao sol antes da almacenaxe. Nos estatutos da asociación xa estableceron que non admitirán trigo cun grao de humidade superior ao 16%. "A humidade é o tendón de Aquiles do trigo, ese é o segredo tanto para o produtor como para quen fai a moenda", afirma. "Este ano o mes de agosto veu bastante húmido ao principio pero logo o tempo foi seco, o que permitiu recoller o cereal en boas condicións no momento da colleita", explica. Acordo para subministrar a panadarías de fóra de Galicia Formato de almacenaxe do trigo desde a recollida até a moenda Procegal almacena a produción dos seus socios en grandes sacas e vai moendo a medida que se producen os pedidos de fariña. Por iso, o feito de contar cun lugar axeitado onde gardar o gran é un aspecto fundamental para os produtores. "Falamos co Concello de Vilalba para habilitar un antigo equipamento educativo como almacén, aínda que se o mercado segue evolucionando deste xeito penso que ás empresas vailles interesar recoller o cereal no momento da colleita e gardalo nas súas propias instalacións", considera. No seu caso teñen un acordo cun muiñeiro de Carballo que conta con muíño de pedra reconvertido a eléctrico para poder facer moenda tradicional do gran pero ao mesmo tempo poder atender en tempo e forma os distintos pedidos tanto no verán como no inverno, sen depender do caudal de auga para poder moer, como acontece nos muíños movidos por auga.
A humidade é o tendón de Aquiles do trigo, ese é o segredo tanto para o produtor como para quen fai a moenda, por iso o momento óptimo de recollida e unhas boas condicións de almacenaxe son vitais
"Imos moendo según demanda, para que a fariña non pase tempo almacenada e subministramos tanto a panadarías de Galicia, dúas da Coruña e dúas de Lugo fundamentalmente, como a panadarías de fóra da comunidade, por exemplo unha de Extremadura e outra de Barcelona que fan pan artesán con sementes autóctonas de distintos puntos do Estado", explica Miguel. Durante o tempo que teñen o trigo almacenado, Procegal fai unha analítica cada dous ou tres meses ao gran para garantir que o grao de humidade e o nivel de conservación son os axeitados. Apoio do CIAM Ademais de contar coa colaboración do Concello de Vilalba, que este ano lles axudou na compra da semente, Procegal ten tamén o apoio do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) en aspectos como a selección de variedades ou o intento de reducir a altura da planta para diminuír as perdas por encamado e  incrementar así a produtividade das leiras. "Reducir o tallaxe é directamente proporcional a reducir os custos, porque reducir a altura implica menos encamado e o encamado temperán merma moito os quilos obtidos. Se botas moito nitróxeno para ter boas producións o trigo medra moito e encama con máis facilidade, polo que para nós lograr reducir a altura da planta sen afectar á súa productividade e á calidade do gran é moi importante, pero é un proceso lento", explica Miguel. Toda a semente que utilizan os membros da asociación procede da semente base que subministra o CIAM. Trátase, polo tanto, de semente certificada, por ser o único xeito de garantir a procedencia e polo tanto tamén que a colleita final sexa trigo autóctono. Procegal leva despois un proceso de trazabilidade interna, con rexistro dos cultivos e dos distintos tratamentos que se efectúan nas fincas para garantir ao cliente final a orixe da fariña que comercializan.

Primeira reunión para pór en marcha a IXP Pan Galego

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, reuniuse onte no Pazo de Quián con representantes da Federación Galega de Panaderías (Fegapan) co obxectivo de avanzar na redacción do regulamento e a constitución do consello regulador da recentemente aprobada IXP Pan Galego. Trátase da primeira xuntanza que mantén a Consellería do Medio Rural cos axentes implicados para pór en marcha a Indicación Xeográfica Protexida, que foi rexistrada polo Diario Oficial da Unión Europea o pasado 20 de decembro. Fegapan, a agrupación que promoveu o recoñecemento da IXP Pan Galego, converteuse así na primeira entidade en analizar o borrador do regulamento que elaborou a Consellería. O director de Agacal e os representantes das panaderías tradicionais tamén examinaron a posible composición do consello regulador provisional no que, ademais dos panadeiros, deben estar presentes os produtores de trigo e os muíños de fariña. Tras a reunión de onte, a Consellería do Medio Rural manterá contactos con outras asociacións de panadeiros, agricultores e produtores de fariña para poder pechar en breve un borrador da orde pola que se aprobará o regulamento da IXP Pan Galego e o seu consello regulador, así como o nomeamento dun consello provisional. Unha vez se publique a orde no Diario Oficial de Galicia (DOG), procederase á apertura dos diferentes rexistros que englobarán os produtores de trigo, os muíños e as panaderías. O obxectivo é que neste mesmo ano 2020 se poida atopar no mercado produto identificado co logotipo da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego.

O trigo do país duplicará a súa produción coa nova IXP Pan Galego

Parcela sementada con trigo callobre a piques de ser recollido Era un dos distintivos de calidade máis agardados para os produtos agroalimentarios galegos. Despois de 20 anos de traballo e trámites burocráticos, a aprobación definitiva da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego abre novas oportunidades para a produción de trigo das variedades autóctonas callobre e caaveiro. As dúas asociacións que hai producindo hoxe trigo galego (Triaga e Procegal) aumentaron progresivamente nos últimos anos o número de socios e hectáreas plantadas, a medida que as panadarías foron apostando polo cereal autóctono como sinal distintivo para a diferenciación do seu produto no mercado. Os produtores de pan, agrupados na Federación Galega de Panadarías (Fegapán) agardan poder usar o distintivo da nova IXP canto antes, unha vez que a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), encargada da certificación do pan amparado baixo o selo de calidade, culmine cos aspectos técnicos para a implantación da nova IXP. "Estamos traballando xa en colaboración con Agacal no Regulamento e na constitución do Consello Regulador provisional para que a IXP comece a funcionar ao longo do 2020", explica César Manuel Fieiras, presidente de Fegapán, que aglutina desde o ano 1979 ás asociacións provinciais de fabricantes de pan, e que fai uns meses reclamaba "sementar Galicia de trigo e centeo autóctonos". Garantir a trazabilidade da leira á mesa O grupo de panadarías Da Cunha, con 150 empregados e con mercado a nivel autonómico e estatal, foi pioneiro na utilización de trigo do país e no impulso á produción de cereal autóctono. "Levamos 30 anos apostando polo trigo autóctono e hai xa un camiño andado tanto por parte nosa como tamén doutras empresas como Calfensa", afirma Fernando Almeira, técnico do grupo Da Cunha. A empresa de Carral logrou nos últimos anos poñer en marcha os distintos procesos necesarios para implementar a trazabilidade do pan feito con trigo caaveiro desde a leira na que é sementado até a mesa do consumidor. Ten acordos con produtores aos que facilita a semente e garante a recollida de toda a súa produción. Dispón ademais de instalacións para moer o cereal nas que mediante muiños de pedra logran incorporar á fariña tanto o interior do gran como a parte fina da cuberta. Esa materia prima é empregada tanto por Da Cunha como por outras panadarías integradas en Fegapan ás que é vendida.
Agardan que a produción de semente chegue a duplicarse no prazo de dous anos
Da Cunha conta tamén desde o ano 2017 coa empresa Semillas Setes, que actúa como entidade multiplicadora de semente certificada. No 2019 produciron 70 toneladas de semente certificada R1 e R2 a partir da semente base producida polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Esa semente multiplicada é logo comercializada a agricultores das catro provincias galegas para o seu cultivo. Fernando agarda "ampliar ostensiblemente" no 2020 o volume de semente certificada R2, a usada maioritariamente polos produtores de cereal galegos, o que implicaría incrementar considerablemente tamén as hectáreas sementadas e a produción final alcanzada, que podería duplicar a actual nun prazo de dous anos. A produción concéntrase nas Mariñas, Xinzo, Val de Lemos e A Terra Chá
Triaga, promovida por Da Cunha, que merca toda a súa produción, reune a 60 agricultores de toda Galicia. En Vilalba hai outra asociación máis pequena, Procegal, cunha ducia de produtores que comezaron a labrar trigo autóctono fai 3 anos
Para promover a produción agrícola de trigo galego, o grupo Da Cunha impulsou a creación dunha asociación de produtores, Triaga, con implantación nas catro provincias galegas. Con todo, a produción actual de trigo caaveiro concéntrase fundamentalmente en dúas ducias de concellos das provincias da Coruña, Ourense e Lugo. As Mariñas na Coruña (sobre todo en Laracha, Carballo, Ferrol e Carral), a comarca de Xinzo de Limia en Ourense e as da Terra Chá e o Val de Lemos en Lugo son as principais zonas produtoras de Galicia. Triaga reune neste momento a uns 60 produtores e Procegal, a outra entidade que aglutina a agricultores de cereal autóctono, xunta a unha ducia en concellos da Terra Chá. En conxunto sumarían unhas 500 hectáreas labradas este ano (450 Triaga e 50 Procegal). Luis Urquijo, investigador encargado do mantemento do Banco de Xermoplasma de cereais de inverno do CIAM, engade a esas 500 hectáreas de semente autóctona certificada caaveiro e callobre outras 1.000 ou 1.500 hectáreas doutras variedades panificables tanto autóctonas como foráneas espalladas por toda Galicia. Incremento de valor en toda a cadea Unha das claves para que a superficie de trigo se amplíe nos vindeiros anos está no aumento da demanda e no reparto do incremento de valor do produto en todos os elos da cadea. "Estamos seguros de que o consumidor lle dará o visto bo ao novo pan certificado dentro da IXP e iso ten que servir para lograr valor engadido para todos, desde o panadeiro ao agricultor, para que iso repercuta no incremento da sementeira de trigo do país", defende Carlos Fieiras.
O prezo do trigo autóctono para pan é duns 40 céntimos por quilo, o dobre do que se lle paga aos produtores de trigo destinado á fabricación de penso para alimentación do gando
É algo no que concorda Fernando Almeira, que considera que ese crecemento ten que ser acompasado. "O cultivo de trigo galego dependerá de como vaia tirando o mercado, porque non podemos producir máis fariña autóctona da que demandan as panadarías", di. Da Cunha garante a saída de toda a súa produción a aqueles agricultores cos que ten acordos. O prezo para o trigo do país é maior que para o trigo de variedades foráneas e pode rondar os 40 céntimos por quilo, o dobre que o que se paga por un trigo colleitado para facer penso para alimentación do gando. Carlos recoñece que o incremento de rendibilidade para o produtor é unha das premisas para que se labre máis trigo autóctono. "Para lograr diferenciar o pan hai que traballar desde a orixe. A nova IXP non supón grandes cambios na forma de elaborar, unicamente na obriga de usar como mínimo unha cuarta parte de fariña de variedades autóctonas e eu agardo que iso axude a impulsar o cultivo en fincas paradas, a medida que as panadarías se vaian sumando a facer as cousas polo libro, o que non sabemos é o rápido que vai ser ese camiño", di. Axudas para preparar as fincas Este panadeiro, cun dos dos obradores máis antigos de Lugo, Panadería Raposo, aplica a mesma receita para outros cereais como o centeo. "A maior parte dos panadeiros que facemos pan de centeo empregamos centeo foráneo porque en Galicia colleitase moi pouco", afirma.
A superficie total destinada en Galicia a cultivo de trigo, tanto para pan como para penso, rondaría as 16.000 hectáreas, pero moitas fincas que están baldías servirían para botar tanto trigo como centeo
En total, sumando o destinado a produción de fariña para pan e o que ten uso forraxeiro e para alimentación de gando, as hectáreas destinadas a cultivo de trigo en Galicia rondarían as 16.000, aínda que a superficie susceptible de acoller novas producións de trigo seria moito maior. A directora da Cátedra do Pan e do Cereal da USC, María Ángeles Romero, aseguraba hai un ano nesta entrevista en Campo Galego que "hai moitas terras con características edafolóxicas e climáticas axeitadas para o cultivo de cereal que están baldías dende fai moitos anos, e que poderían recuperarse para cultivar trigo ou centeo", afirmaba.
Para aumentar o cultivo de cereal en Galicia Fegapán propón habilitar unha liña de axudas para desbroces, o que permitiría reducir os custos da primeira sementeira en fincas que levan tempo paradas
O presidente de Fegapan propón que se habilite desde as Administracións públicas unha liña de axudas que sirva para impulsar o cultivo sobre todo en fincas que levan moito tempo paradas e que precisan traballos previos de acondicionamento. "Cando as parcelas levan moitos anos abandonadas é necesario desbrozalas, co cal increméntanse os custos de produción, o que fai que a xente non vexa clara a viabilidade en moitos casos. Se se reduciran eses custos iniciais da primeira sementeira quizais se animara máis xente a botar trigo ou centeo en terras que están sen uso a día de hoxe", argumenta. "Podería ser unha alternativa para o campo, porque entran miles de toneladas continuamente de trigo de fóra e unha parte poderiamos suplilo con trigo galego. As variedades autóctonas teñen características moi válidas para facer pan, aínda que é certo que para elaborar ben necesítase mesturalo con outro trigo", explica Carlos, que defende o uso de semente certificada porque "ofrécelle garantías aos panadeiros á hora de facer o pan con ela". Outro dos problemas que limita a produción de trigo é que moitos agricultores non contan coa infraestrutura necesaria para o almacenamento do gran,  polo que dependen de que haxa saída para toda a produción non momento da recollida. "Non está esa parte do ciclo ben rematada a día de hoxe. Hai que dar garantías ao produtor para que saiba que ten a recollida garantida no momento no que colleita o cereal", defende o presidente dos panadeiros galegos. Evitar a fraude A IXP Pan Galego obriga a usar un 25% de variedades ou ecotipos autóctonos e fixa o modo de elaborar desde o amasado até que o pan sae do forno. Os panadeiros agardan deste xeito poder acabar coa fraude que se estaba producindo, sobre todo fóra da nosa comunidade, onde se estaba a comercializar mesmo pan conxelado co nome de pan galego. "Pensamos que a IXP será útil para evitar a fraude que se está dando fóra de Galicia, onde se estaba usando o nome de pan galego sen selo e sen estar producido en Galicia", asegura Fernando Almeira. "En colaboración coa USC e co CIAM, estamos traballando para poder certificar a fariña de trigo caaveiro no saco a través da análise xenética e microscópica", explica.
Os panadeiros galegos consideran "ambiguo e insuficiente" o Real Decreto sobre calidade do pan aprobado no mes de maio a nivel estatal
O distintivo de calidade para o pan galego podería suplir as carencias da normativa actual, de recente aprobación pero insuficiente para diferenciar o alto nivel do pan producido en Galicia. "A IXP servirá para apuntalar a imaxe de calidade do pan artesán galego, que non pode depender de lexislacións como o Real Decreto aprobado no mes de maio a nivel estatal, que resulta ambiguo e insuficiente para o pan galego, necesitado de protección e dunha norma máis estrita e rigorosa que aclare de forma eficaz ao consumidor ante que produto se atopa”, opina Carlos Fieiras.

O traballo do CIAM, unha labor básica

Táboa comparativa das características alveográficas das dúas variedades de trigo autóctono Que haxa hoxe trigo galego no mercado depende criticamente de que Mabegondo siga subministrando semente de base. Desde o 2002 no CIAM empezouse a facer un banco de xermoplasma tanto de trigo autóctono, que conta na actualidade con 194 variedades, como de centeo autóctono, con 88 variedades. Grazas ao traballo de investigadores como Luis Urquijo, no 2006 rexistrouse a variedade comercial de trigo autóctono Callobre, coa que se traballou todos estes anos nunha transferencia desde o CIAM até as panadarías, e no 2015 rexistrouse a variedade de conservación de trigo autóctono Caaveiro. Son as dúas variedades certificadas que se están plantando nas leiras dos produtores que nos últimos anos apostaron polo cultivo de cereal autóctono.
A variedade caaveiro ten máis forza panadeira que a callobre e tamén un maior rendemento na parcela, cunha produción que pode chegar aos 3.800 quilos por hectárea
Entre os anos 2008 e 2017 recolléronse mostras de distintas parcelas e de ensaios realizados coas dúas variedades rexistradas até o momento para analizar a calidade alveográfica do trigo autóctono galego, realizándose 164 analíticas de trigo callobre e 47 de caaveiro. Os resultados indican que a proteína do caaveiro e do callobre está de media por enriba do 14,5%. No que se diferencian sen embargo as dúas variedades é na forza panadeira, que é mellor no caaveiro (179 julios fronte aos 102 do callobre). "É o que permite que o pan suba. Esa é a principal vantaxe do caaveiro sobre o callobre e tamén o seu maior rendemento na parcela, que se constata nun 30-40% máis de producción, chegando aos 3.800 quilos por hectárea nos ensaios realizados nos anos 2016 e 2019, ao que se engade tamén o feito de que o caaveiro tamén tivo menor encamado nas parcelas nas que se probou, tanto na Pobra do Brollón como en Xinzo", explica Luis Urquijo, que recoñece que a mellora tanto en produción en campo como no resultado final á hora de ir ao forno da variedade caaveiro fronte á callobre está a animar aos agricultores a sumarse ao proxecto para producir trigo de esta variedade para as panadarías galegas.

Rexistro de tres novas variedades no 2020

Luis Urquijo, explicando un dos ensaios realizados na Finca Robles da Pobra do Brollón, pertencente ao CIAM O CIAM segue traballando en varios ámbitos en relación ao trigo autóctono. Máis alá de seguir producindo semente base para multiplicar e posteriormente sementar con ela as leiras, teñen practicamente rematado o proceso para seguir ampliando o abano de variedades dispoñibles. De feito, segundo explica o responsable do banco de xermoplasma de cereais de inverno, queren rexistrar en 2020 tres novas variedades de conservación (Miño, Riotorto e Arzúa), que están listas xa para facer a solicitude de rexistro no mes de agosto. Son similares á variedade caaveiro en canto a forza panadeira e tamén en produtividade (entre 3.000 e 4.000 quilos por hectárea).
O CIAM traballa nun programa de mellora xenética para lograr un acortamento do 30% do tallo para reducir os problemas de encamado
As cinco variedades coas que se está a traballar (Callobre, Caaveiro, Miño, Riotorto e Arzúa) son de talle alto e teñen un problema de encamado que vai en contra delas. Por iso, o CIAM ten en marcha tamén un programa de mellora no que están intentando reducir a altura do tallo, cun acortamento do 30% en altura, logrando así un tallo máis groso e máis forte que o que había no caveiro e callobre, e gañar ao mesmo tempo deste xeito en produtividade ao reducir as perdas en campo á hora da recollida. A altura do tallo é un problema en canto ao aproveitamento do grao, sen embargo, resulta vantaxoso no aspecto relativo ao aproveitamento forraxeiro da palla. A altura da pranta tamén favorece o combate natural das malas herbas por asombramento.

A Unión Europea aproba a Indicación Xeográfica Protexida para o Pan Galego

O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) publica hoxe a inscrición definitiva no Rexistro Comunitario da Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego. Así, o regulamento da Comisión polo que se produce a inscrición da IXP entrará en vigor dentro de 20 días e para entón o Pan Galego contará xa con esa protección no ámbito europeo a todos os efectos. A Consellería de Medio Rural quere agradecer todo o traballo e esforzo que lle supuxo ao sector consolidar o seu produto, dando así por finalizada unha vella aspiración dos panadeiros galegos, organizados a través da Federación Galega de Panaderías (Fegapan), que viron necesaria a creación deste selo para facilitarlle aos consumidores a identificación no mercado do auténtico pan galego e frear a competencia fraudulenta do pan que se vende como galego, tanto na comunidade como no resto de España, sen ter sido elaborado en Galicia.

Características

As características que deberá ter o pan para poder acollerse a esta Indicación están recollidas no correspondente prego de condicións. Trátase dun pan de codia dura e triscante, miolo esponxoso e alveolado abundante e irregular, que se elabora de forma artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte –cando menos un 25% do total– debe proceder de trigos cultivados en Galicia, pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos, recuperados grazas ao traballo do equipo de investigadores do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Ademais, a súa elaboración caracterízase pola utilización de masa nai e dunha elevada cantidade de auga, así como polos longos tempos de fermentación e cocción, esta última sempre en fornos con soleira de pedra ou outros materiais refractarios. O prego de condicións establece tamén os diferentes formatos tradicionais que se admiten, os rangos de pesos que poden ter as pezas e define as características da codia e da miga, así como o aroma e sabor do produto. O pan presentarase ao consumidor en envases individuais que incluirán o logotipo da IXP.

O proxecto dunha panificadora para celíacos, premio da Cátedra do Pan

O proxecto dunha panificadora acaba de acadar o primeiro posto da segunda edición dos Premios da Cátedra do Pan e do Cereal da Universidade de Santiago de Compostela (USC), promovida en colaboración co Grupo Dacunha. O proxecto foi presentado por Roberto López Toja, graduado en Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. A proposta empresarial levou un premio en metálico de 1.000 euros e a posibilidade de asinar un contrato laboral no Grupo Dacunha. O proxecto foi presentado baixo o título ‘Panificadora de pan precocido conxelado para celíacos, produción de 4.000 quilos día, situada no polígono de Alvedro’. Nesta proposta aportábanse alternativas para sortear as limitacións propias das persoas que sofren intolerancia ó glute, que en Europa supón xa o 1% da poboación. A iniciativa premiada ten en conta rigorosos mecanismos de control durante todo o proceso de elaboración do pan, dende a moenda do cereal, a fase de amasado do pan, cocido e distribución. O proxecto integra asemade unha serie de técnicas innovadoras aplicadas ó método tradicional de panificación, como é o emprego de masa nai, ó tempo que documenta polo miúdo pautas de máximo respecto a parámetros relacionados coa seguridade e a saúde, residuos de construción ou planos nos procesos de construción e edificación da industria.

O consumo de pan na poboación sénior

O segundo dos premios do certame, dotado de 500 euros, recaeu nun traballo sobre a inxesta de pan entre a poboación sénior. O graduado en Nutrición e Dietética Javier Cancela Rodríguez realizou unha radiografía desta franxa da poboación a través de 150 enquisas persoais sobre os hábitos de consumo de pan, así como os cambios na alimentación ou sobre o coñecemento que teñen da composición deste alimento e do seu valor nutricional. O traballo de campo permite constatar o descoñecemento entre a poboación de máis idade da relación entre hidratos de carbono e saúde. Aínda así, máis do 80% dos consultados estima que non é preciso eliminar o pan da dieta para adelgazar. A continuidade do pan na mesa está garantida para máis do 90% das persoas enquisadas, que tamén recoñece un empeoramento do sabor e da textura deste produto alimenticio. A poboación sénior decántase polo pan tradicional fronte aos precocidos, conclúe este estudo, que cifra en 82,33 gramos diarios o consumo medio de pan.

Cultivo do cereal á sombra

O terceiro premio outorgado nesta convocatoria pola Cátedra do Pan e do Cereal Dacunha da USC, un galardón dotado con 250 euros en metálico, recaeu no tamén graduado en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria Rafael Abad Trasancos. O traballo presentado avaliou o desenvolvemento de distintas especies e variedades de cereal baixo diferentes condicións de sombra.
Avalían cereais como o millo, o trigo ou o centeo para empregalos en sistemas agroforestais para obter forraxes
Abad Trasancos avalía neste estudo o efecto que produce a sombra proxectada do extracto arbóreo sobre o desenvolvemento de cultivos de cereal, implantados nas rúas que separan as liñas de arborado. No traballo avaliáronse diferentes variedades de especies coma o millo, o trigo ou o centeo, para seleccionar as máis acaídas para a implantación dun sistema agroforestal con elas. Nas conclusións, o enxeñeiro indica que o centeo ten unha menor capacidade para espigar en condicións de sombra que o trigo e que o millo, o que se debe á súa notable capacidade para medrar en menos tempo, o que o fai máis interesante para o seu emprego como forraxe nos sistemas agroforestais.

Os panadeiros galegos piden “sementar Galicia de cereal autóctono”

Os panadeiros do mundo conmemoran o 16 de outubro o Día Mundial do Pan, unha data que a Asociación Provincial de Fabricantes de Pan de Lugo (AFAPAN) e a Federación Galega do Pan (FEGAPAN) queren aproveitar para deixar constancia do seu desexo e traballo en prol de “sementar Galicia de cereal autóctono”, cuxo cultivo actual “non cobre a demanda existente”. O colectivo empresarial de panadeiros lucenses, que leva anos apostando polo respecto á tradición e á elaboración artesá do pan en Galicia como mellor xeito para “conservar e garantir a calidade do produto”, busca agora “incentivar de forma decidida o cultivo de cereal autóctono certificado (fundamentalmente trigo das variedades callobre e caaveiro e centeo do país) no rural galego”, segundo explica o presidente de AFAPAN, César Manuel Fieiras, que asumiu tamén recentemente a presidencia da Federación Galega.
A produción actual de trigo das variedades callobre e caaveiro e de centeo do país non chega para cubrir a demanda existente
Igualmente, sinalan que promover este tipo de cultivos é unha forma de facilitar “o desenvolvemento económico e social do medio rural galego, con beneficios claros e inmediatos para as zonas onde se produzan estas plantacións, e coa posibilidade real de contrarrestar o rápido despoboamento destes territorios e de loitar contra a Galicia baleirada”. As asociacións do pan galegas destacan que se senten “moi orgullosas do camiño percorrido ata o momento, que levou a que o pan galego sexa considerado como un dos mellores do mundo”, grazas ao apego á tradición e ao soporte de entidades como a Xunta de Galicia a través do persoal da Consellería do Medio Rural, “que leva tempo asesorando e apoiando ao colectivo en demandas concretas”. Recuperar a materia prima autóctona fronte á que vén de fóra Con todo, cren que aínda “queda moito por facer”, e que nese camiño “recuperar e poñer en valor o noso, a materia prima autóctona, fronte á foránea, é a forma máis intelixente de apontoar o futuro do sector porque temos un produto único e imposible de imitar noutras latitudes e con outras fórmulas de traballo e ingredientes”.
Queren que haxa unha formación teórico-práctica regrada, en forma de FP dual, que permita a transmisión de coñecementos e técnicas dos panadeiros tradicionais galegos aos mozos que se incorporen ao sector
A patronal dos panadeiros considera que “sementar cereal autóctono en Galicia é a mellor maneira de manter e mesmo mellorar a calidade do pan”, sempre da man “do saber facer, o coñecemento e a experiencia dos actuais panadeiros do país”. Nesta liña, AFAPAN e FEGAPAN tamén traballarán por conseguir en Galicia “unha formación teórico-práctica regrada, a través dunha formación profesional dual, que garanta a transmisión desta tradición e experiencia dos panadeiros tradicionais galegos a mozos que se incorporen a esta profesión”. "Un superalimento imprescindible en calquera dieta" O Día Mundial do Pan celébrase todos os 16 de outubro, como data elixida pola Federación Internacional de Panadeiros (UIB) para promover o consumo do pan polos beneficios e as propiedades nutritivas que posúe. Afapan e Fegapan lembran ademais no Día Mundial do Pan que “o pan non soamente é un alimento básico, senón que as súas propiedades nutricionais, se se segue un método de elaboración artesanal, transfórmano nun superalimento imprescindible en calquera dieta saudable”.
"O Real Decreto estatal aprobado en maio resulta ambiguo e insuficiente para o pan galego, que necesita unha norma máis estrita" (César Manuel Fieiras, presidente de FEGAPAN)
AFAPAN é a asociación máis representativa do sector de panadarías na provincia de Lugo. Traballa constantemente pola mellora do colectivo no seu conxunto con iniciativas para aumentar a calidade dos seus produtos e mellorar a súa comercialización e promoción. Pola súa banda FEGAPAN aglutina ás asociacións provinciais de panadarías de Galicia desde 1979, e a súa directiva traballa nestes momentos con novos e variados obxectivos, que pasan por apontoar a imaxe de calidade do pan artesán galego, “que, entre outras cuestións, non pode depender de lexislacións como o Real Decreto aprobado no mes de maio a nivel estatal, que resulta ambiguo e insuficiente para o pan galego, necesitado de protección e dunha norma máis estrita e rigorosa que aclare de forma eficaz ao consumidor ante que produto se atopa”.

Ensaios para lograr variedades de millo para panificar

Sinatura do convenio entre a USC, o CSIC e a panadaría Da Cunha A Cátedra do Pan e do Cereal Da Cunha da USC e o CSIC están a impulsar o cultivo de variedades autóctonas de millo aptas para panificar mediante un acordo que contempla dúas parcelas experimentais en Lugo e Ourense. A Cátedra do Pan e do Cereal Da Cunha, promovida pola USC e o grupo de panaderías Da Cunha, colaborará coa Misión Biolóxica de Galicia, dependente do Centro Superior de Investigacións Científicas no desenvolvemento do proxecto de investigación Variedades autóctonas de calidade para a obtención de pan de millo de calidade, segundo se recolle no acordo asinado esta semana polo reitor da USC, Antonio López Díaz, a directora da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), María Elena Cartea, e o xerente e propietario do grupo Da Cunha, Manuel Da Cunha. O obxectivo desta liña de colaboración, que “constitúe un exemplo de transferencia de coñecemento cara a sociedade”, salientou o reitor Antonio López, pasa por avanzar na promoción e no desenvolvemento do cultivo e dos usos do millo producido en Galicia. Este ambicioso cometido rexe as diversas actuacións científicas e tecnolóxicas contempladas no plan de traballo establecido neste acordo entre a Cátedra do Pan e do Cereal Da Cunha da USC e o CSIC e cuxo obxectivo último é o de favorecer e potenciar o cultivo de millo panificable. Os primeiros pasos a seguir pasan pola elección e posterior establecemento de dúas parcelas de ensaio en zonas diferenciadas das provincias de Lugo e Ourense. Unha vez seleccionados os emprazamentos, o grupo empresarial Da Cunha en colaboración cos agricultores propietarios procederá a realizar as instalacións necesarias para que as parcelas de ensaio se aproximen na medida do posible ás plantacións de millo tradicionais, aínda que cun deseño apto para a toma de datos (crecemento do millo, seguindo a súa fenoloxía, así como outros parámetros relacionados coas sensibilidades a pragas, enfermidades ou datos de produción) e outras labores experimentais, unha tarefa da que se ocupará persoal da Misión Biolóxica de Galicia. Nunha fase posterior procederase á achega da semente de dous ecotipos (Tuy e Rebordanes), previamente seleccionados pola MBG-CSIC. A estas sementes engadiráselles adicionalmente dúas variedades comerciais de millo de referencia e coas que xa traballa na actualidade o grupo Da Cunha, que se encargará tamén dos procesos de moído e da propia elaboración da fariña, así como do amasado e a feitura e coción do pan.