Archives

“É un erro acumular palla por medo a que siga subindo, a que hai agora é vella e de peor calidade”

Almacén de palla nunha explotación de leite da provincia de Lugo Os custos de alimentación das granxas de vacún de leite e de carne seguen a incrementarse. Esta semana producíronse subas considerables da palla e a alfalfa na Lonxa de León, unha das de referencia xunto coa de Salamanca e Binéfar. A revalorización foi de 30€ en tonelada na palla e 20 na alfalfa. A seca que viven amplas zonas produtoras de cereal en España fai prever unha menor colleita este ano na campaña que comeza dentro dun mes e está a disparar os prezos da palla que hai almacenada do ano pasado. Coa suba producida na sesión deste mércores, a paca grande de palla enteira de cebada de categoría 1ª pasou de valer 90€ a 120. A ese custo habería que engadir entre 30 e 35€ do proceso de picado e outros 25€ máis de portes, polo que a tonelada de palla posta nunha explotación galega sitúase agora mesmo nos 175-180€.
O prezo da palla triplicouse no último ano
Con eses prezos, traer un camión de palla, que en setembro roldaba os 2.500€, pasa agora dos 4.000. A escalada de prezos, que se viña producindo nos últimos meses (desde hai un ano o prezo da palla multiplicouse por tres, pasando dos 40€ en maio de 2022 a 120 na actualidade), fíxose máis evidente nas últimas sesións (a palla de cebada de 1ª calidade duplicou o seu prezo no último mes, pasando de 60 euros en León na sesión celebrada o pasado 5 de abril aos 120€ co que pechou este mércores).
Non hai oferta no mercado e a colleita será ínfima
 “Non hai oferta no mercado e a colleita será ínfima”, xustifican os responsables da Lonxa de León. A seca, que está a reducir os pastos e a mermar as colleitas de forraxe, está a provocar unha maior demanda por parte das ganderías e tamén unhas malas previsións de colleita de cereal para a campaña que comeza a finais de xuño coa cebada e segue en xullo co trigo. Nerviosismo e especulación “Hai moito nerviosismo tanto por parte dos gandeiros que mercan como por parte dos agricultores que venden, o que está a provocar especulación no mercado”, asegura José Antonio González, nutrólogo de CLUN responsable da formulación da ración húmida que elabora o CAVI de Irmandiños. Na súa opinión, “o propio gandeiro é o que está xerando en boa medida a especulación e provocando a suba dos prezos ao acaparar o produto”. “Se nunha explotación se consumían ao ano 10 camións de palla e ata agora os ía mercando escalonadamente, a medida que lle ían facendo falta, pero agora de repente os quere mercar todos xuntos e almacenalos, por medo a que siga subindo o prezo, iso inevitablemente provoca esa suba”, razoa. Palla de peor calidade Ademais de ser unha das razóns da escalada de prezos, “acumular palla é un erro”, asegura, porque “até dentro dun mes non se inicia a nova campaña nin se comeza a colleitar, polo que a palla que está vindo agora é palla vella, da campaña pasada, que pasou o inverno fóra, porque a capacidade de almacenamento en orixe é limitada”, di.  “É certo que hai unha grande incertidume e ninguén sabe neste momento que vai pasar dentro dun mes ou dous, pero a incertidume o que non te pode levar é a facer toleadas”, afirma José Antonio, que teme un empeoramento na calidade da palla que está a chegar ás explotacións.
Acumular palla é un erro, porque a que hai agora é palla vella que pasou o inverno fóra
“Vai depender do provedor, pero eu penso que o que vai acontecer é que ante a escaseza vaise meter para picar palla de peor calidade, que noutras circunstancias non se usaría para a alimentación do gando”, indica. Por iso, recomenda “tranquilidade” ás explotacións á hora de pechar acordos de compra e non teme que se produza desabastecemento. “Aínda que a produción de cara á colleita deste ano será menor, as dúas campañas anteriores foron boas e hai palla antiga acumulada á que se lle dará saída este ano ao haber bos prezos”, razoa. Outro factor que vai provocar un aumento do valor da palla, ademais da menor produción, vai ser a caída nas cotizacións dos cereais. “O 70% da superficie de cereal de Castela é secano e aí o gran vai render moi pouco. Ademais, os cereais están baixando, desde os 380-400€/tonelada que valían o ano pasado aos 230€ actuais. Iso vai facer que o agricultor queira compensar esa diferenza no prezo da palla, aproveitando a escaseza”, explica. Alimentación de vacas sexas e xovencas e cebo dos xatos de carne Nas ganderías de vacún de leite galegas o uso da palla é habitual na alimentación de vacas secas e xovencas, así como na cama quente da recría. “Nas racións de produción case non se usa, pode botarse un quilo como moito para compensar o exceso de humidade do silo de primeiro corte de herba, pero as racións de xovencas levan normalmente de 2,5 a 4 quilos de palla e as das vacas secas entre 4 e 6 quilos”, explica José Antonio, que dentro do seu traballo leva a cabo tamén asesoramento nas explotacións.
As racións de secas levan normalmente entre 4 e 6 quilos de palla e as das xovencas entre 2,5 e 4
No caso das ganderías de vacún de carne, o consumo de palla concéntrase sobre todo no cebo dos xatos e en estralos. Ao igual que nas becerras de recría nas explotacións de leite, a palla que se emprega habitualmente na cama quente é de peor calidade e dun prezo menor.

A colleita de alfalfa redúcese a un 25% do que sería un ano normal debido á seca

A campaña de ensilado de herba deste ano en Galicia foi máis dispar, con baixadas de produción en determinadas zonas. Iso fai que as necesidades de compra de forraxe por parte das explotacións se incrementen, sobre todo naquelas que andan xustas de base territorial. Pero a carestía trasladouse tamén a cultivos como a alfalfa ou a veza, empregados polas ganderías para suplir a falta de silo de herba. A alfalfa é pouco utilizada na actualidade polas explotacións leiteiras galegas, agás naquelas que teñen falta de forraxe, polo que o seu encarecemento vai ter unha escasa repercusión na conta de resultados das granxas.
A alfalfa e a soia son dous cultivos proteicos que perderon protagonismo nas racións do gando leiteiro en Galicia nos últimos anos
Esta semana a alfalfa subiu na Lonxa de León 20€ e cotiza a 420 euros a paca grande en rama. A ese prezo habería que engadir o deshidratado e o porte até unha granxa en Galicia. A suba a respecto do mes pasado é neste caso de 60€, pero con respecto a fai un ano practicamente se dobrou o prezo, pois en maio de 2022 cotizaba a 228€ en rama e 320€ deshidratada. A razón da suba de prezos é dobre: por un lado unha menor colleita, debido á menor superficie labrada (na última campaña reduciuse a superficie adicada a alfalfa, que acada unhas 250.000 hectáreas no conxunto de España, pola competencia do trigo, a cebada ou a colza debido aos bos prezos) e á menor produción lograda por hectárea e, por outro lado, un incremento da demanda exterior, sobre todo de países como China ou Emiratos Árabes, que son os que están a marcar os prezos.
O 75% da produción española de alfalfa expórtanse, o que exerce unha grande presión sobre o mercado
Castela e León e Aragón son as dúas principais zonas produtoras de alfalfa en España e o comportamento do mercado nunha e na outra está a ser diferente. “Castela é unha bomba de reloxería este ano, porque hai unha peor colleita nas parcelas de secano e porque alí conviven agricultores e gandeiros, polo que se incrementa a demanda. Iso fai que estea máis cara a alfalfa en rama en Castela que a alfalfa xa deshidratada en Aragón, porque en Castela están competindo en prezo os deshidratadores e os gandeiros para facerse coa materia prima”, explica José Antonio. A alfalfa deshidratada procedente de Aragón sitúase sen embargo entre os 390 e os 400€/tonelada, máis cara se é dos primeiros cortes.
A seca segue empeorando e as segas son decepcionantes, con rendementos que non acadan un 25% do que sería un ano normal
No caso da veza, que comezou a cotizar esta semana, a tonelada sitúase en 320€. “A seca segue empeorando e as segas son decepcionantes, con rendementos que non acadan un 25% do que sería un ano normal”, explican desde a Lonxa de León.  

A Universidade de Vigo lidera un proxecto para producir biocompostos alimentarios a partir da palla de trigo

A Axencia Estatal de Investigación, dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, concedeu este mes a grupos de investigación da Universidade de Vigo algo máis dun millón de euros para a posta en marcha de nove proxectos de Proba de Concepto, traballos dirixidos a acelerar a transferencia de coñecemento e os resultados xerados en proxectos de investigación básica, en progreso ou recentemente finalizados dentro do Plan Estatal de Investigación. Entre eles está o proxecto Big-Prodixos, que permitirá avanzar no uso de enzimas como ferramenta biotecnolóxica central para a xeración industrial de xilooligosacáridos alimentarios a partir de palla de trigo. O proxecto conta cun equipo formado por María Luisa Rúa (investigadora principal), Ana María Torrado, Clara Fuciños e Andrea Rodríguez, do Laboratorio de Bioquímica, do Grupo de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da UVigo, situado na Facultade de Ciencias do campus de Ourense. Ademais, participa o Grupo Exprela, asociado ao Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da Universidade da Coruña, cun equipo encabezado por María Isabel González e formado tamén por Manuel Becerra e María Esther Rodríguez. Big-Prodixos, que celebrou este luns a súa xuntanza de arranque e que se desenvolverá ata finais de 2024, está financiado con 146.395 euros pola citada convocatoria da Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación e pola Unión Europea con fondos NextGeneration EU e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O traballo lanzado agora dá continuidade a outro proxecto, Prodixos, desenvolvido polo mesmo equipo entre os anos 2019 e 2022 e financiado igualmente polo entón Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e centrado na Produción dirixida de xilooligosacáridos para distintas aplicacións alimentarias mediante tecnoloxías enzimáticas innovadoras. Unha vez realizado con éxito o desenvolvemento a escala de laboratorio, Big-Prodixos ten como obxectivo levar a cabo o escalado e valorización comercial do proceso proposto ata nivel de clientes. O proceso que contempla o proxecto, comentan as súas responsables, desenvólvese “no contexto actual dunha necesaria transición cara unha bioeconomía sostible baseada no emprego de materias primas renovables, procesos de baixo consumo enerxético e redución de contaminantes e para contribuír a satisfacer a demanda crecente das e dos consumidores de alimentos seguros, saudables e con propiedades funcionais e características axeitadas para necesidades especiais”. Neste senso, engaden, Big-Prodixos propón un proceso biotecnolóxico de baixo impacto ambiental, baseado no emprego de enzimas como ferramenta central para a xeración limpa de ingredientes a partir da palla de trigo, ingredientes con utilidade crecente na industria alimentaria como prebióticos e axentes substitutos de graxas. O interese de empregar a palla de trigo como material de partida xustifícase segundo o equipo investigador polo seu potencial como subproduto cun elevado volume de produción, que en Europa e España supera os 144 e 16 millóns de toneladas anuais respectivamente, e contribuír así á xestión sostible dos seus residuos. Doutra banda, engaden, a iniciativa pretende contribuír “a autoabastecer de xilooligosacáridos a demanda da industria alimentaria europea, considerada a maior industria manufactureira en Europa en termos de emprego e valor engadido”.

Enzimas como ferramentas eficientes

Big-Prodixos “ten como primeira etapa a adaptación e validación do proceso a nivel de planta piloto e contornas industriais e a posterior validación en matrices alimentarias reais da utilidade dos xilooligosacáridos resultantes do proceso como axentes modificadores de texturas”. Para isto, empregaranse enzimas comerciais de uso alimentario e enzimas de produción propia desenvolvidas no marco dun proxecto europeo previo (Hotdrops), levado a cabo polo mesmo grupo de investigación do traballo lanzado agora. Cos resultados acadados, detalla María Luisa Rúa, “definirase a proposta de valor e desenvolverase e executarase unha folla de ruta dirixida á futura transferencia do proceso ao sector industrial alimentario e/ou biotecnolóxico, nos que se encadra o ámbito tecnolóxico do proceso”. Segundo explica, Big-Prodixos incorpora como novidade respecto doutros procesos de obtención de xilooligosacáridos a partir de palla de trigo a eliminación do pretratamento a alta temperatura e o emprego de endo-xilanas como coadxuvantes para a extracción limpa e eficiente do xilano presente na matriz lignocelulósica”. María Esther Rodríguez, Manuel Becerra, María Isabel González, María Luisa Rúa, Ana María Torrado e Marta Diéguez na Facultade de Ciencias do campus de Ourense. Foto: Univesidade de Vigo Desde o punto de vista científico, indican as investigadoras do estudo, “consideramos que o achegue principal do proceso que se propón pór en valor é a demostración do potencial das enzimas como ferramentas eficientes para o fraccionamento limpo de certos materiais lignocelulósicos en substitución dos tratamentos termoquímicos”. Deste xeito, engaden, “o uso de enzimas en combinación con pretratamentos suaves da materia prima que permitan unha mellor accesibilidade do catalizador aos seus substratos constitúe a base para desenvolver procesos máis ecolóxicos e limpos”. Segundo detallan, unha vantaxe adicional asociada ao uso de enzimas radica na súa capacidade para realizar catálises moi específicas en condicións suaves, “o que reduce drasticamente os procesos de degradación térmica e química e permite obter produtos finais con maiores graos de pureza”. Esta última característica, apuntan, “é de especial importancia para a industria alimentaria, que con frecuencia esixe a incorporación de custosas etapas finais de purificación, que garantan a seguridade do produto cando na súa produción se xeran sustancias indesexables, e achega un valor adicional aos xilooligosacáridos producidos de acordo a este proceso como ingredientes seguros”. Xa desde o punto de vista económico, as responsables do proxecto consideran que as características do proceso proposto (como a ampla dispoñibilidade de materia prima, a relativa sinxeleza en termos de tecnoloxías, o custo reducido dos materiais utilizados e o consumo moderado de enerxía) e a importante demanda de xilooligosacáridos en Europa (primeiro consumidor mundial deste tipo de ingredientes alimentarios) “constitúen un bo punto de partida para facilitar a transferencia do proceso ao sector industrial en Europa e España”. Desde o punto de vista social, engaden por último, consideran que a transferencia do proceso ao sector produtivo pode contribuír ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable: aumentando os beneficios da actividade agrícola a través da valorización dos residuos, neste caso a palla de trigo, co obxectivo de incentivar unha agricultura "digna e forte, capaz de fornecer alimentos suficientes para toda a poboación" (Obxectivo 2. Fame cero); proporcionando ingredientes alimentarios de alta calidade con propiedades funcionais que melloren a saúde do consumidor e ingredientes con propiedades texturizantes para a elaboración de alimentos con requirimentos especiais como, por exemplo, persoas da terceira idade con problemas de deglución (Obxectivo 3. Saúde e benestar); e achegando evidencias sobre o potencial das encimas como ferramentas estratéxicas na evolución cara un bioindustria máis sostible e máis eficiente para a obtención de produtos de alta calidade (Obxectivo 9. Industria, innovación e infraestrutura).