Archives

As granxas e instalacións agrícolas integradas na paisaxe recibirán un premio da Fundación Juana de Vega

A Fundación Juana de Vega vén de abrir a convocatoria no Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe, categoría de “Edificacións e instalacións produtivas”, que se estrea por primeira vez este ano. O obxectivo é recoñecer a calidade construtiva e correcta integración paisaxística deste tipo de construcións vinculadas con procesos produtivos no medio rural. Nun contexto máis amplo, a entidade busca darlles protagonismo como elementos que contribúen a mellorar a paisaxe de Galicia e poden servir de referencia social para futuras intervencións. A tipoloxía de proxectos que poden optar ao premio abrangue desde granxas a fábricas, talleres, adegas, serradoiros, silos, ou instalacións produtivas de calquera sector económico asentado no medio rural, como naves ou plantas industriais, entre outras. O xurado avaliará aspectos como a calidade da intervención e a súa contribución á mellora da paisaxe; ou a incorporación de criterios de sostibilidade, uso racional dos materiais, estratexias de proximidade e economía circular. Tamén terá en conta a adecuación da intervención realizada aos usos previstos e a capacidade da obra de converterse en referencia social. Admitiranse intervencións realizadas en Galicia e acabadas nos oito anos anteriores a 2024, é dicir, entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 31 de decembro de 2023. O prazo estará aberto ata o 30 de xuño de 2024 e o fallo darase a coñecer no último cuadrimestre do ano. As candidaturas poden ser presentadas polos autores ou promotores privados do proxecto ou por un terceiro, incluídas asociacións ou outras entidades que teñan coñecemento de intervencións que ao seu xuízo, poidan ser merecedoras dos galardóns. O xurado tamén poderá premiar proxectos que non se presentasen á convocatoria se os consideran merecedores do galardón. A dotación económica será de 6.000€ e, se o considera pertinente, o xurado poderá repartir o valor económico entre os autores e o promotor, podendo percibir este último ata o 50% do mesmo. A maiores, e a criterio do xurado, poderán concederse dous accésits, dotados cada un deles con 1.500€.

Composición do xurado

O xurado do Premio de Intervencións na Paisaxe 2024 estará integrado por dous enxeñeiros de prestixio nomeados pola Fundación Juana de Vega, o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais (COIIG) e o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia (COIAG), ou persoa na que delegue, e dous representantes de diferentes ámbitos profesionais relacionados coas intervencións na paisaxe e o territorio, a arte e a cultura. A mesa tamén estará composta por n membro do padroado da Fundación Juana de Vega e o director da Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega, que actuará de secretario. A Fundación Juana de Vega, de entre os membros do xurado, nomeará ao presidente.

Axudas da Xunta para mellorar a paisaxe agraria e a biodiversidade

A Xunta de Galicia ven de convocar 2,8 millóns de euros a axudas para recuperar, preservar e mellorar a biodiversidade, tanto da Rede Natura 2000 como dos sistemas agrarios de alto valor natural. Estas axudas poden solicitarse até o 27 de febreiro. O obxectivo desta orde de axudas é financiar proxectos que contribúan ao mantemento das condicións ambientais necesarias para a conservación e recuperación de especies relacionadas co medio agrario e os seus hábitats así como á mellora da paisaxe rural tradicional. Poderán optar a esta convocatoria bianual de axudas os concellos incluídos total ou parcialmente na rede Natura 2000 de Galicia, as persoas físicas, as asociacións sen ánimo de lucro e as comunidades de montes veciñais en man común. Os beneficiarios poderán recibir o 100 % do custo subvencionable cun importe máximo de 30.000 euros no caso dos concellos e de 15.000 euros no resto dos casos. Entre as actuacións subvencionables, inclúense iniciativas para preservar os hábitats ou ecosistemas naturais como, por exemplo, a eliminación de especies invasoras, a restauración da vexetación de ribeira ou a recuperación de puntos de auga ou áreas asolagadas como zonas importantes para a flora e a fauna acuáticas ou terrestres.

Axudas para a restauración de cercas e muros ou rehabilitación de cabaceiros, fontes ou muiños

Ademais, poderán recibir financiamento actuacións que teñan como obxectivo a mellora da paisaxe agraria, como a restauración de cercas ou muros de cachotaría e cantería; a adecuación de carreiros rurais; a creación de rutas e áreas recreativas, e a sinalización de camiños e sendas. A maiores, tamén serían subvencionables actuacións dirixidas á rehabilitación de elementos históricos ou culturais como hórreos, milladoiros, cabanas, fontes, alvarizas, muíños ou fornos tradicionais. A Rede Natura 2000 é un instrumento fundamental da política da Unión Europea en materia de conservación da biodiversidade. En  Galicia está conformada por 16 zonas de especial protección para as aves (ZEPA), que abarcan máis de 100.000 hectáreas, e 59 zonas especiais de conservación (ZEC), que ocupan preto de 375.000 hectáreas.

Enlace á orde de axudas

“Hai un futuro laboral prometedor para a xente con formación en paisaxismo”

O coidado da paisaxe forma parte da identidade dun país e é un dos indicadores do grao de desenvolvemento dunha sociedade. Paises como Francia, Reino Unido, Xapón ou Holanda fan do coidado do entorno non só unha fonte de benestar para os seus cidadáns, senón tamén un importante atractivo turístico, ademais de imprimir un plus de calidade para a exportación dos seus produtos.

Neste sentido, a formación de persoal especializado en paisaxismo é unha demanda crecente tamén en Galicia, onde dende o pasado curso se imparte o Ciclo Formativo Superior de Paisaxismo e Medio Rural. Un dos centros onde se pode cursar estes estudos é o Centro de Promoción Fural EFA Fonteboa, en Coristanco (A Coruña). Falamos cun dos seus antigos alumnos, Javier Cumplido, xerente de Comercial Benedicto, unha empresa cunha división de xardinería e paisaxismo.

Por qué decidiches estudar na EFA Fonteboa?
Cheguei á EFA Fonteboa con 13 anos, pola recomendación do titor que tiña daquela en EXB, que convenceu aos meus pais de que me metesen nun internado, porque crían que ía ser bo para min.

Que che aportaron os anos de aprendizaxe e vivencias na EFA?
Mentres estiven alí pensaba que aquilo era un castigo polo feito de estar en réxime de internado, as normas e o método de estudo. Sen embargo, cos anos despois recoñezo que me formou non só como profesional senón tamén como persoa. Estarei agradecido toda a miña vida da formación que recibín na EFA Fonteboa e estou moi orgulloso de ter estudado alí.

Tras rematar os estudos, ¿como te decidiches a tomar o relevo na empresa familiar?
Rematei os estudos na EFA Fonteboa no ano 1995 e dende entón e ata o ano 2000 estiven traballando en Control Leiteiro. No ano 1997 empecei a compaxinar esa actividade co traballo na empresa familiar, Comercial Benedicto, en Vimianzo. Foi no ano 2000 cando me incorporo a tempo completo e no 2004 asumo a xerencia da empresa.

Ese foi tamén o ano no que creamos unha nova empresa, Paisaxismo e Xardinería, e dende aquela experimentamos un crecemento contínuo das dúas ramas da empresa: as tendas agrícolas de Comercial Benedicto e a parte de xardinería e paisaxismo.

Que perspectivas de futuro lle ves ao paisaxismo en Galicia?
Creo que ten un futuro prometedor porque a medida que aumenta o nivel de vida tamén a xente pensa máis no aspecto estético. É dicir, cando melloramos a nosa situación económica dise que o primeiro que facemos é mercar un coche, despois arranxar a casa e por último coidar o entorno paisaxístico. Creo que estamos nesa fase, sobre todo en Galicia, pois a xente empeza a pensar cada vez máis no entorno no que vivimos, especialmente despois dos meses de confinamento.

Por qué recomendarías estudar o ciclo formativo superior de Paisaxismo e Medio Rural que se imparte na EFA Fonteboa?
Recomendaríaa porque hai falta de xente preparada e especializada. Todas as empresas creo que precisamos traballadores con formación e creo que é unha saída con moito futuro para cubrir as necesidades laborais deste mercado emerxente, que creo que vai ter un gran futuro, sobre todo na próxima década.

Máis información sobre o Ciclo Superior de Paisaxismo e Medio Rural da EFA Fonteboa:

Tlf: 981733051
Fax:981734097
fonteboa@efagalicia.org

https://www.efagalicia.org/efa/index.php/es/centros-de-formacion-es/efa-fonteboaes