Archives

Balance da aplicación do pago verde da PAC en España

O último informe sobre a aplicación do pago verde da PAC en España vén de presentarse. Nel, o Fondo Español de Garantía Agraria fai un balance dos cinco anos que leva en marcha este pago. Como principal elemento a destacar, o Fega sinala que as explotacións que teñen implantados 4 ou máis cultivos diferentes pasaron de representar un 37% no 2014 a un 62% no 2019. A implantación do chamado pago verde (greening) obrigou a que os profesionais beneficiarios da PAC introducisen unha serie de prácticas para mellorar a biodiversidade e a conservación do solo. Entre elas, destaca a evolución cara unha maior diversificación de cultivos, o mantemento nas explotacións dun 5% de Superficies de Interese Ecolóxico (SIE) e a conservación de pastos permanentes. En Superficies de Interese Ecolóxico, España mantivo nos últimos cinco anos unhas cifras semellantes. Como prácticas de interese para cumplir coa porcentaxe de SIE que se lle esixe ás explotacións de máis de 15 hectáreas, o Fega incide no uso de cultivos fixadores de nitróxeno e no emprego do barbeito. Os pastos permanentes, que non se laborean nin se destinan a outros usos, tamén manteñen unha superficie similar, cun leve incremento na última campaña. Agricultura incide en que os pastos permanentes teñen gran importancia como sumidoiros de carbono, co conseguinte beneficio na loita contra o cambio climático.

Datos de evolución de cultivos

  • Cultivo de cereais: É un cultivo importante para entrar na práctica de diversificación de cultivos, pero non é válido para as Superficies de Interese Ecolóxico. O seu uso en España mantense por riba dos 6 millóns de hectáreas nos últimos anos, con lixeiras variacións. En Galicia, na última campaña houbo máis de 32.000 hectáreas de cereal contabilizadas.
  • Barbeito. Nos últimos anos, a superficie a barbeito en España rondou os 2,4 millóns de hectáreas, fronte ós 2 millóns do ano 2014. A cifra actual representa un 22% da superficie agraria. O sentido principal do barbeito é o de favorecer a conservación de nutrientes e auga no solo para o posterior ciclo de cultivo, á vez que se favorece a biodiversidade. En Galicia, na última campaña houbo 3.920 hectáreas de barbeito declaradas.
  • Leguminosas, oleaxinosas e proteaxinosas. Son cultivos que contabilizan para a Superficie de Interese Ecolóxico e que ademais poden optar á axuda asociada para cultivos proteicos cando se destinan á alimentación animal. Representaron 1,7 millóns de hectáreas no 2019, cun lixeiro descenso en relación ó ano anterior. En Galicia hai computadas 300 hectáreas de proteaxinosas (guisantes, fabas, altramuces, etc.), 1.800 hectáreas de leguminosas (veza, avea, etc.) e 500 de leguminosas forraxeiras plurianuais. Tamén hai declaradas 92 hectáreas de oleaxinosas (xirasol, colza).

Axudas PAC 2019: Listaxe de especies válidas para os barbeitos melíferos

Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) acaba de publicar unha aclaración sobre a listaxe de especies válidas en barbeitos melíferos para podelos declarar como Superficie de Interese Ecolóxico (SIE) para cobrar as axudas do pago verde nesta campaña da PAC 2019. A nova normativa europea permite aos Estados membros que opten por unha nova categoría de superficies de interese ecolóxico -ademais dos cultivos fixadores de nitróxeno e do barbeito- como son os barbeitos melíferos. Esta nova SIE debe cumprir as condicións xerais dos barbeitos computables para superficie de interese ecolóxico, pero ademais, de forma adicional, unha serie de requisitos particulares, que permitirán distinguir estes barbeitos melíferos do resto de barbeitos computables como SIE. Neste sentido, o FEGA publica a listaxe de especies ricas en pole e néctar admitidas a nivel nacional. As especies elixibles que computarán como exixibles para que o barbeito sexa considerado como un barbeito para plantas melíferas, son as seguintes: · Vicia sativa (Familia Leguminosas) / Nome común: veza · Onobrychis hispánica (Familia Leguminosas) / Nome común: pimpirigallo · Onobrychis viciefolia (Familia Leguminosas) / Nome común: esparceta · Calendula arvensis (Familia Compostas) / Nome común: caléndula silvestre · Coriandrum sativum (Familia Umbelíferas) / Nome común: cilantro · Brassica napus (Familida Brassica ou Cruciferas) / Nome común: colza · Diplotaxis virgata (Familida Brassica ou Cruciferas) / Nome común: mostaza amarela · Sinapis alba (Familia Brassica ou Cruciferas) / Nome común: mostaza branca · Silene vulgaris (familia Caryophyllaceae) / Nome común: colleja · Salvia pratensis (Familia lamiaceae) / Nome común: salvia dos prados En ningún caso, a ou as especies implantadas deberán constituír unha produción que normalmente poida ser cultivada, polo que non se poderán utilizar só aquelas especies que respondan á consideración dun cultivo apto para a dicir finalidade. Chama a atención que non se inclúa a Brassica rapa var. Rapifera , ou nabo, estendida como abono verde de inverno en Galicia.

As Comunidades Autónomas poderán ampliar a lista de especies

Neste sentido, o FEGA precisa que a lista de especies elixibles no ámbito territorial de cada comunidade autónoma poderá ampliarse a decisión da autoridade competente, con outras especies melíferas adicionais para ter en conta as súas condicións particulares, que sexan autóctonas ou especies locais, sempre tendo en conta unha correcta selección en aras de fomentar aquelas especies propias do lugar, e que ademais de ter unha eficacia polinizadora, puidesen ser adxuvantes no control de malas herbas e pragas, evitándose en todo caso, aquelas de difícil control, ou que puidesen ser reservorios de axentes prexudiciais, e en particular as exóticas recoñecidas como invasoras. En calquera caso, e á luz dos estudos científicos que se están levando a cabo por diferentes Organismos, sobre os posibles efectos prexudiciais para a saúde humana dalgunhas sustancias, como os alcaloides de pirrolicidina (PAs), non poderán ser especies elixibles, calquera dos xéneros: Borago spp., Echium spp., Heliotropum spp., e Senecio spp. Por último, queda permitida a presenza doutras especies de carácter herbáceo, distinta das elixibles, cando estas últimas sexan predominantes.

A Xunta autoriza facer pastoreo ou segar as superficies de barbeito debido á seca

O Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) publica este xoves no Diario Oficial de Galicia unha resolución pola que autoriza a utilizar as superficies a barbeito para facer pastoreo ou para segar. Os agricultores con máis de 15 hectáreas de terra cultivable poden recibir axudas do chamado pago verde da PAC se deixan un mínimo do 5% para Superficie de Interese Ecolóxico (SIE), que pode ser tanto a barbeito ou con cultivos fixadores de nitróxeno. Sen embargo, para esta campaña da PAC 2017, a Xunta de Galicia, previa autorización do Goberno central, decidiu acollerse ás excepción que contempla a normativa europea debido á forte seca, que está a provocar unha importante diminución da forraxe nas explotacións de gando, sobre todo nas de vacún de carne en extensivo. Deste xeito, os gandeiros poderán este ano aproveitar esas superficies a barbeito para pasto ou para segar a herba e percibir igualmente as axuda do pago verde. Consulta aquí a resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria.

Preguntas e respostas sobre as axudas do pago verde en Galicia

O día 30 deste mes remata o prazo para a presentación das solicitudes das axudas da PAC 2017, que este ano veñen marcadas en Galicia polo cambio no período de verificación dos cultivos para as axudas do pago verde ou greening, que pasa a ser do 15 de xaneiro ao 15 de abril (antes era de abril a xuño). Isto permitirá que as explotacións gandeiras con máis de 30 hectáreas de superficie declaradas podan, en caso de que cumpran nos novos requisitos de diversificación de cultivos, dedicar ata o 100% da súa superficie a millo forraxeiro. Sen embargo, ao publicar a Consellería a convocatoria de axudas da PAC para 2017 o día 1 de febreiro, cando a inmensa maioría das ganderías xa tiñan sementados os cultivos de inverno, dificulta a adaptación ao novo período de control e que tiren todo o proveito deste cambio. Ademais, fai que xurdan dúbidas entre os gandeiros sobre aspectos como a superficie de barbeito, ou de interese ecolóxico ou dende cando empeza a xustificación. A grandes rasgos, as explotacións con máis de 30 hectáreas de superficie terán que cumprir coa diversificación cultivos no período principal, do 15 de xaneiro ao 15 de abril, tendo na superficie declarada como mínimo tres cultivos (pradeiras, un mínimo do 7,1% de leguminosas -consideradas como Superficie de Interese Ecolóxico-e, se callar, restos da colleita anterior de millo forraxeiro). De cumprir con este requisito do SIE a gandería podería chegar a plantar esta primavera o 100% da superficie de cultivo con millo forraxeiro. Se non cumpriu co SIE no período principal, é dicir, se non plantou leguminosas no inverno, a gandería terá que dedicar na primavera un mínimo do 5% a barbeito, co que como máximo poderá plantar o 95% da superficie a millo forraxeiro. A obriga de 3 cultivos é só para as explotacións con máis de 30 has de  terras de cultivo mentres que as que teñen entre 10 e 30 has terían que ter 2 cultivos e os de menos de 10 has cobrarían sempre. Coa axuda dos técnicos do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) intentaremos aclarar estas dúbidas: Para a solicitude da PAC 2017 ¿Teranse en conta os cultivos de inverno que se plantaron en outono de 2016 ou os que se van plantar a partir de setembro deste ano? No control determinaranse en xeral os cultivos presentes nas parcelas durante o período principal de cultivo que vai do 15 de xaneiro ao 15 de abril de 2017. ¿Cando e como se declara a Superficie de Interese Ecolóxico? A Superficie de Interese Ecolóxico (SIE) terá que ser dun mínimo do 5% da terra de cultivo da explotación no caso de que se declare a barbeito. Neste caso deberán respectarse as condicións de permanencia dun mínimo de 9 meses e non se faga ningún tipo de aproveitamento (non pode haber pastoreo nin sega) máis que unhas labores mínimas de mantemento. No caso de que o SIE se cubra con cultivos fixadores de nitróxeno terían que ser dun mínimo do 7,1% da superficie de cultivo e estar no terreo durante o período principal (Do 15 de xaneiro ao 15 de abril). Estes cultivos fixadores de nitróxeno poden ser leguminosas forraxeiras (alfalfa, trevo, veza forraxeira, chícharo, esparceta e zulla) así como para grao para consumo humano ou animal (xudía, garavanzo, lentella, chícharo, fabas e haboncillos, altramuz, algarroba, titarros, almorta, veza, yeros, alholva, alverja e alverjón). É dicir, ou ben se cumpre co SIE plantando leguminosas para ensilar en inverno, no período principal, que é cando se declaran, ou senón habería que deixar o 5% de superficie a barbeito no verán. ¿Os restos de millo da colleita de 2016 de forma excepcional considéranse este ano como un segundo cultivo do período principal? Non. No caso de inactividade entre dous cultivos (é dicir, entre un cultivo no verán de 2016 e outro cultivo no verán de 2017), no período principal haberá herba espontánea con restos da colleita de 2016 ou, nalgúns casos, terra xa preparada para a próxima sementeira dun cultivo en 2017. De acordo con indicacións recibidas do FEGA, neste tipo de situacións non se declara o produto 20 (barbeito non SIE), pois esta inactividade entre cultivos non se pode considerar barbeito, senón que corresponde declarar o produto da colleita posterior ao período principal (a do verán de 2017): millo ou o que corresponda. É dicir, declarase soamente millo no periodo principal, sempre que entre millo e millo non se semente nada. ¿As pradeiras permanentes, poderían dedicarse a millo no verán? De ser así  ¿obrigaríase cumprir coa diversificación de cultivos (3) no período principal e sobre o 100% da superficie cultivable, por exemplo cunha combinación de 70% de raigrás, 7,1% de leguminosas e o resto da superficie a un cereal para ensilar? Si, sería posible. Nesta situación é preciso asegurar que o recinto se actualice a uso de Terra Arable (TA), tendo en conta o cultivo do verán. Dado que a aplicación SGA-Captura non permite recoller un cultivo principal e outro secundario que correspondan a usos distintos e que é preciso verificar ese cambio de uso no 2017 mediante unha alegación ao SIXPAC, farase a declaración do seguinte xeito: - Declararase como cultivo principal o pasto como se fora xa pasto de menos de 5 anos, por exemplo declarando produto 63 (e non 64). Desta maneira a aplicación indicará a necesidade de presentar a alegación a TA. - Declararase como cultivo secundario o cultivo herbáceo presente durante o verán. Deste xeito, a alegación a TA resolverase verificando a presenza deste cultivo no verán. Independentemente do cultivo que se semente no verán, é obrigatorio cumprir coa diversificación de cultivos no período principal (do 15/01 ao 15/04). Se dedico máis do 75% da superficie cultivable en inverno a pradeira temporal, ¿estou exento do SIE e podo dedicar o 100% da superficie a millo forraxeiro no período secundario? Si, non será necesario contar con superficies de interese ecolóxico cando máis do 75% das terras de cultivo se utilicen para producir herba ou outras forraxes herbáceas, ou se deixe en barbeito, ou se empregue para o cultivo de leguminosas, ou se adique a unha combinación destes usos, sempre que a terra de cultivo restante non cuberta por estes usos non exceda as 30 hectáreas.

Un exemplo práctico:

Unha explotación con 50 ha, con 10 ha de pastos permanentes e 40 de terras de cultivo, e que non cumpre ningunha das excepcións previstas na normativa. Ten máis 30 ha de terras de cultivo, polo que : A efectos da diversificación de cultivos ten que ter polo menos 3 cultivos entre o 15 de xaneiro e o 15 de abril, e o principal non pode supoñer máis do 75% e a suma dos dous principais máis do 95%. A efectos das SIE ten que ter polo menos 2 ha (5% de 40 ha) que no caso de ser cultivos fixadores de nitróxeno terían que ser 2,86 ha (7,1%). Se ten máis do 75% de pradeira temporal exímese de cumprir co SIE e coa diversificación, ao seguir contando como cultivo herbáceo e superar o 75% da terra cultivable da explotación, cumprindo coa condicionalidade. En 2017 as tres opcións do plan de sementeira para esta primavera serían: A) Se no novo período de cultivo principal tivo tres cultivos (pradeira temporal e/ou permanente, restos do cultivo secundario anterior (millo forraxeiro) e un 7,1% de leguminosas (trevo, chícharos, favallón, veza forraxeira, alfalfa..), cumprindo por tanto coa diversificación de cultivos, o plan de cultivos para este verán podería ser: 10 ha de pastos permanentes 40 ha de millo forraxeiro, xirasol...etc Ou: 50 ha de millo forraxeiro (xirasol..etc) , se decide prescindir das pradeiras permanentes e concentrar a produción de herba para ensilar no período principal (inverno), mercando herba seca ou palla. Isto obrigaría a facer alegacións por cambio de uso de pasto permanente (PS) a terra arable (TA). Neste caso, ao ter o 100% como superficie cultivable, obrigaría a cumprir cos tres cultivos no inverno -período principal-, por exemplo, con raigrás, cun 7,1% mínimo de superficie cultivable a leguminosas e outra porcentaxe con outro cultivo como centeo, avea...etc para ensilar. B) Se tivo no inverno máis do 75% de pradeira temporal en inverno, a explotación estará exenta do SIE, tanto de leguminosas como de barbeito, polo que poderá plantar o 100% da superficie a millo forraxeiro. C) Se no período principal -en inverno- non cumpriu coa diversificación de cultivos, sobre todo co 7,1% de superficie de leguminosas: -10 has de pastos permanentes -38 ha de millo forraxeiro. -2 ha a barbeito. Ou -48 hectáreas a millo forraxeiro (se decide prescindir da pradeira permanente para herba seca). -2 ha a barbeito. Neste caso, ao ter o 100% como superficie cultivable, tamén obrigaría a cumprir cos tres cultivos no período principal.

Consideracións relativas ao novo período principal de cultivo

1. No caso de cultivo de raigrás entre cultivos (sementado tras recoller o millo do verán de 2016 e recollido para sementar millo no 2017), declararase como produto principal de 2017, que é o presente durante o período principal. Neste tipo de situacións declararase ademais como cultivo secundario en 2017 o produto presente no verán de 2017 (por exemplo, millo). Evidentemente entre cultivos de millo (ou calquera outro) dos veráns de 2016 e 2017 pódese sementar o cultivo que queira o agricultor e será este o que se declare como cultivo principal. No caso de que este cultivo principal sexa algún dos indicados na táboa seguinte será necesario declarar ademais como cultivo secundario o produto presente no verán tal e como xa se explicou para o caso concreto do raigrás. 68 Festuca 69 Raygrass 70 Agrostis 71 Arrhenatherum 72 Dáctilo 73 Fleo 74 Poa 247 Cultivos mixtos de especies pratenses Tratarase de igual xeito o caso en que non houbo cultivo no verán de 2016 senón prado temporal (produto 63) que se se mantén no período principal de 2017 e logo seméntase un cultivo que estará presente no verán de 2017. Nestas situacións declarase como cultivo principal o produto 63 e declarase tamén como cultivo secundario o do verán de 2017 (millo ou o que corresponda). 2. No caso de inactividade entre dous cultivos; é dicir, entre un cultivo no verán de 2016 e outro cultivo no verán de 2017), no período principal haberá herba espontánea con restos da colleita de 2016 ou, nalgúns casos, terra xa preparada para a próxima sementeira dun cultivo en 2017. De acordo con indicacións recibidas do FEGA, neste tipo de situacións non se declara o produto 20 (barbeito non SIE), pois esta inactividade entre cultivos non se pode considerar barbeito, senón que corresponde declarar o produto da colleita posterior ao período principal (a do verán de 2017): millo ou o que corresponda. 3. Nos casos de prado temporal sementado dentro dunha rotación tradicional (o prado está presente un ou máis anos completos), declararase produto 63. Cinco anos seguidos con esta declaración daría lugar a un uso PS. 4. No caso de declaración de CFN para SIE como secundario no 2016, volverá declararse ese mesmo produto CFN como principal no 2017. Para asegurar que en anos posteriores esta declaración non sexa incidencia na verificación da rotación de SIE deberá declararse como cultivo cultivo secundario en 2017 un produto presente na parcela no verán de 2017 e que aproveite o nitróxeno fixado polo CFN previo. 5. Se é necesario para solicitar axudas acopladas, poderá declararse como secundario (denominado agora “outro cultivo”) o cultivo do verán de 2017 (por exemplo, o xirasol para solicitar a axuda aos cultivos proteicos). 6. As comprobacións sobre o terreo da diversificación no período principal do 2017 esixirán, previsiblemente, teledetección. 7. No caso que sobre un recinto con uso de Pradeira Permanente (PS) o agricultor pretenda manter o pasto durante o período principal de 2017 e posteriormente sementar un cultivo (millo ou outro cultivo) que estaría presente durante o verán de 2017. Nesta situación é preciso asegurar que o recinto se actualice a uso de Terra Arable (TA), tendo en conta o cultivo do verán. Dado que a aplicación SGA-Captura non permite recoller un cultivo principal e outro secundario que correspondan a usos distintos e que é preciso verificar ese cambio de uso no 2017 mediante unha alegación ao SIXPAC, farase a declaración do seguinte xeito: - Declararase como cultivo principal o pasto como se fora xa pasto de menos de 5 anos, por exemplo declarando produto 63 (e non 64). Desta maneira a aplicación indicará a necesidade de presentar a alegación a TA. - Declararase como cultivo secundario o cultivo herbáceo presente durante o verán. Deste xeito, a alegación a TA resolverase verificando a presenza deste cultivo no verán. 8-A efectos do barbeito tradicional (produto 20) a pradeira temporal é un cultivo máis e o propio barbeito tradicional tamén se considera como un cultivo máis, que incluso podería ser obxecto de aproveitamento. Pola contra, se se pretende declarar un barbeito SIE (barbeito sen produción que se declara como produto 24), deberán respectarse as condicións de permanencia dun mínimo de 9 meses e que non se faga ningún tipo de aproveitamento (non pode haber pastoreo nin sega) máis que unhas labores mínimas de mantemento.