Archives

Proxecto piloto no sur de Lugo para impulsar a creación de granxas de leite e de carne de ovino e caprino

Acto de presentación do proxecto piloto para o peche de ciclos produtivos en ovino e caprino impulsado por FAGA O Parador de Monforte de Lemos acolleu a presentación dun proxecto piloto para acadar o peche de ciclos produtivos en Galicia a través do aproveitamento de produtos cárnicos e lácteos de ovino e caprino, denominado Proxecto Rumiantes ou PRALEITE. O proxecto foi presentado no foro Nacer e Medrar, organizado pola Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA) co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración de Santander Agro para promover o networking e o intercambio de iniciativas emprendedoras entre empresarios e outros axentes do sector agroalimentario. Jaime López, como secretario da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e de FAGA, e José Tomé, como presidente da Deputación de Lugo, foron os encargados de presentar o Foro. Ambos coincidiron na necesidade de pechar ciclos produtivos no sector agroalimentario galego e no impacto que esto pode ter na loita contra a despoboación. En palabras de Jaime López, “non nos queda máis remedio ca mirar cara o rural”, e de José Tomé, “producimos pero non transformamos, e eso é unha pena; temos unas materias primas e uns produtos boísimos, pero temos que traballar para que o valor engadido se quede en Galicia”.
Estúdase a ubicación da primeira granxa deste tipo na zona sur de Lugo de cara a comprobar os resultados do estudo previo realizado antes de tratar de expandir o modelo por toda Galicia
Os veterinarios e diplomados europeos en pequenos rumiantes, hoxe exercendo na Universidade de Zaragoza, José María González Sainz e Teresa Navarro Rodríguez, foron os encargados de realizar o estudo de campo en Galicia e de desenvolver o proxecto Rumiantes ou PRALEITE (Proxecto piloto para a implantación de granxas de pequenos rumiantes de aptitude leiteira en zonas rurais do sur da provincia de Lugo). Interese da industria González Sainz presentou o proxecto a veterinarios, produtores integrados en OVICA e empresas transformadoras con interese na producción da tipoloxía de explotacións prevista no proxecto. Entroutros, estiveron presentes representantes de Naturleite, Suministros Megaro Foods, Entrepinares ou Galacteum. O proxecto xorde precisamente “por iniciativa da propia industria”, segundo destacou o presidente de FAGA e CEO de Megaro Foods, Carlos Cebrián. “Non nace coma un proxecto subvencionado, senón que somos as propias industrias as que temos interese na producción cárnica e láctea de explotacións de ovino e caprino, e eso garante a súa viabilidade”. “Este interese é o que nos leva a buscar ferramentas como a constitución dunha Fundación e o estudo especializado dun modelo de explotación que sexa viable e sostible en Galicia”, subraiou.
Somos as propias industrias as que temos interese na producción cárnica e láctea de explotacións de ovino e caprino, e eso garante a súa viabilidade
A realización do estudo técnico supuxo a visita a explotacións gandeiras por toda Galicia, e especialmente no sur de Lugo pola dispoñibilidade de hectáreas desaproveitadas, e a posterior definición dun modelo de explotación de ovino e caprino, alternativa ás de gando vacuno, enfocadas especialmente para producción de leite, aínda que se aproveitaría tamén a carne, un tipo de explotación que nestes momentos practicamente non existe en Galicia. A fin de garantir a súa implantación a futuro, con viabilidade e a longo prazo, para o modelo de explotación definido no proxecto PRALEITE estudáronse a fondo distintas vertentes: as necesidades de inversión e financiamento, número máximo de animais que se poidan atender para garantir a conciliación laboral e familiar e evitar o abandono das novas xeracións destas explotacións, así como investigación e innovación, ratios de rendabilidade e xeración de emprego, entre outros aspectos. Estúdase agora a ubicación da primeira granxa deste tipo de cara a comprobar os resultados do estudo e expandir o modelo por toda Galicia. Importación de leite de Castela e animais de desvelle de Extremadura No Foro tamén interviron, tras a presentación do proxecto, Luis Rivera e Miguel Viña, presidente e veterinario da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA) respectivamente, e representantes de Naturleite, Entrepinares, Suministros Megaro Foods S.L., Santander Agro e a consultora de innovación Medrar. Dende OVICA resaltaron que PRALEITE é un “proxecto ilusionante” porque “nace cunha base inicial moi forte, tanto polas posibilidades de financiamento e o interese da industria como por ter perfectamente estudiadas cuestións relacionadas coa sanidade, a alimentación dos animais ou a propia conciliación dos gandeiros”.
Na actualidade en Galicia hai moi poucas ganderías adicadas á produción de leite de cabra e ovella
Por parte das empresas destacouse, en todos os casos, o gran interese que existe na producción deste tipo de explotacións de poñérense en marcha, pois compañías como Entrepinares, Queserías Sarrianas ou Megaro Foods están traendo para transformar leite e carne de ovino de fóra de Galicia, tanto para a fabricación de queixo como para a exportación de carne de cordeiro. Pola súa banda, Naturleite, pertencente á cooperativa Covap e con planta en Meira, envasa leite de cabra e no polígono industrial de Reboredo, en Monforte, ubícase tamén Oviganic Ibérica, propiedade da compañía chinesa Yeeper Dairy, que procesa leite de cabra procedente de explotacións de Castela para fabricar produtos derivados destinados a alimentación infantil. Precisamente este interese da industria, que garantizaría a compra de toda a producción deste tipo de explotacións que se ubicasen en Galicia, “é unha garantía de éxito para o proxecto”, destacan dende FAGA.

Obxectivo: poñer a producir terreos en abandono e obter materia prima para a industria

Detras deste proxecto piloto para o desenvolvemento do sector ovino e caprino galego está a Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA), constituida en xaneiro desde ano co impulso da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), a Escola Galega de Carniceiros, Suministros Megaro Foods e Embutidos Montepicato.  Entre os seus obxectivos fundacionais atópase o fomento da cooperación entre os distintos estamentos da sociedade co fin de reactivar e relanzar o sector agroalimentario galego ou a promoción da innovación e a tecnoloxía para a consolidación do sector agroalimentario da comunidade e o impulso de novos produtos, canles de distribución, procesos e comercialización dos produtos agroalimentarios galegos.
A Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA) está impulsada pola Confederación de Empresarios de Lugo
Asemade, FAGA busca aglutinar e apoiar accións para facer fronte aos retos da industria agroalimentaria galega, promover iniciativas empresariais e transformadoras que redunden na promoción, a transformación, a modernización e a recuperación do sector agroalimentario da comunidade e a mellora do rendemento das explotacións e potenciar ou colaborar con estratexias que redunden en beneficio do sector agroalimentario galego. Do mesmo xeito, a Fundación Agroalimentaria Galega persegue captar e atraer investimentos nacionais ou internacionais e potenciar a peme agroalimentaria galega e o desenvolvemento do emprendimiento nas zonas rurais de Galicia. Tamén colaborar coas Administracións públicas e empresas agroalimentarias co fin de conseguir selos e denominacións de calidade diferenciada nas producións agroalimentarias galegas, así como para recuperar e pór a producir terreos en estado de abandono en Galicia, entre outros obxectivos. Tendo en conta estes obxectivos, a propia Xunta, a través da Consellería de Medio Rural, declarou a FAGA Fundación de interese galego e de interese para o desenvolvemento do rural de Galicia.

Oviganic impulsará a produción de leite de ovino e cabrún en Galicia

Oviganic Ibérica proxecta impulsar o sector ovino e cabrún en Galicia coa sinatura dun acordo para a compra do leite que produza este gando en Galicia. A industria monfortina, que se abastece principalmente de leite de ovella e cabra procedente de Castela, xa anunciara no seu día a súa disposición a suministrarse tamén de ganderías galegas de ovino que puidesen estar interesadas en orientarse á produción de leite. O director xeral da empresa, Joaquín Garrido Martín, vén de plasmar agora ese compromiso por escrito nun acordo asinado co conselleiro do Medio Rural, José González. Con este acordo, o goberno galego e a empresa con sede en Monforte de Lemos comprométense a traballar para incrementar o número de explotacións de ovino e de cabrún en Galicia. Nesa liña, o conselleiro destacou que estas gandarías permiten poñer en valor terreos de escaso valor agronómico pola súa pedregosidade, pendente, accesibilidade ou dificultade de mecanización, sendo así ademais os máis difíciles de xestionar en caso de lumes forestais. Así, avogando por este tipo de produción -recalcou- non só se crea actividade económica coa incorporación de novos emprendedores e co incremento da sostibilidade, da competitividade e do desenvolvemento integral do rural, senón que se facilita a reorganización territorial e se avanza na anticipación aos incendios. No marco do protocolo de colaboración, a Xunta e Oviganic Ibérica S.L. tamén perseguirán asegurar a viabilidade dos proxectos de industrialización que transformen e dean valor engadido ó leite procedente das explotacións galegas de ovino e de cabrún. Na medida en que exista dispoñibilidade de leite de ovella ou de cabra nas explotacións galegas -tanto de produción ecolóxica como convencional-, as dúas partes colaborarán para que a transformación se produza en Galicia de xeito estable, favorecendo as canles curtas de comercialización para permitir unha maior repercusión do valor engadido nos produtores e colaboradores.
A empresa e a Xunta comprométense a difundir este tipo de gandarías entre as comunidades veciñais de montes
Por último, o Goberno galego e a empresa monfortina comprométense a difundir este tipo de gandarías entre as comunidades veciñais de montes en man común, as sociedades de fomento forestal e as empresas de produción e transformación de leite. Finalmente, o conselleiro do Medio Rural aludíu ao papel clave que terá a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia no desenvolvemento destas gandarías, no marco da cal subliñou que xa están aprobadas 14 aldeas modelo e se están promovendo outras figuras, como os polígonos agroforestais, para poñer terra produtiva a disposición de quen a precise.

Sobre Oviganic Ibérica

Oviganic Ibérica S.L. leva 35 anos asentada no concello lucense de Monforte de Lemos e desde 2019 é propiedade da empresa chinesa Yeeper Dairy, que lle mercou a factoría á francesa Sodiaal. A compañía está a acometer un forte investimento para innovar na industrialización e comercialización de produtos lácteos de ovino e de cabrún, pero tamén de vacún. Nesa liña, a empresa ten prevista a ampliación da súa planta para a elaboración de produtos finais de alta especialización e valor engadido, como leite enteiro e desnatado en po, soro en po desmineralizado, manteiga e outras materias primas de produtos industriais. Instalacións de Oviganic

Oviganic Ibérica e Leite Noso adquiren Queixerías Prado

Queixerías Prado (Monforte de Lemos, Lugo), unha histórica industria do sector lácteo galego, nada no 1982, vén de ser adquirida por unha alianza de dúas empresas, co liderazgo de Oviganic Ibérica e a participación de Leite Noso. O obxectivo dos novos propietarios pasa por aumentar a produción e oferta da queixería, cunha aposta pola innovación que consolida as perspectivas de futuro da empresa monfortina. O acordo de compra inclúe a continuidade dos 25 postos de traballo da factoría, así como o mantemento dos acordos con tódalas granxas proveedoras. De feito, Queixerías Prado, a petición das dúas empresas compradoras, procedeu recentemente a renovar no campo a totalidade dos acordos coas ganderías. A factoría, xa dirixida a partir de agora por Oviganic Ibérica e Leite Noso, segue co seu ritmo de funcionamento habitual, garantindo o suministro a tódalas cadeas de distribución coas que opera, sen cambios nese sentido. O novo proxecto que encara Queixerías Prado supón un impulso para a histórica empresa monfortina, que naceu como tal no 1982 a partir de dúas familias ligadas ó sector lácteo, Prado e González. A empresa foi dirixida na última década por Inmaculada González -sucesora de Julio González-, que coa venda deixará tamén a dirección da firma. Queixerías Prado é unha referencia en Galicia na diversificación da oferta de queixos. Foi a empresa que contribuíu a prestixiar o queixo de barra de Galicia, adaptándose ás demandas de consumo, e na actualidade mantén unha ampla gama de produtos que inclúe diferentes formatos (loncheados, cuñas, queixos do país tradicionais, etc.), comercializando tamén queixos da denominación de orixe Tetilla. A capacidade de procesado da queixería sitúase en 100.000 litros de leite ó día, se ben traballaba ata o de agora a un ritmo menor. O obxectivo de Oviganic Ibérica e de Leite Noso é aumentar a produción de Queixerías Prado, así como a súa oferta de produtos.

Oviganic Ibérica, unha peza singular da industria láctea que se orienta ó mercado chinés

O novo proxecto para a queixería monfortina está liderado por Oviganic Ibérica, unha industria asentada tamén en Monforte que destacou nos dous últimos anos por un importante investimento para a modernización da súa planta. Oviganic Ibérica, propiedade da multinacional china Yeeper desde o 2019, está a poñer en marcha novas liñas de fabricación de leite en po para alimentación infantil de alta gama, así como liñas para a desmineralización de soro e para a elaboración de aceite de manteiga, que serve de ingrediente base para a industria alimentaria. Boa parte da produción de Oviganic Ibérica oriéntase á exportación a China, polo que é previsible que Queixerías Prado, a parte de manter as súas actuais liñas de comercialización en Galicia e no resto de España, pase a producir tamén con perspectivas á exportación. A entrada de Oviganic Ibérica en Queixerías Prado é considerada no sector como unha garantía para a modernización da histórica empresa monfortina.

Leite Noso, a sociedade gandeira que comercializa Deleite e Muuu, dá novos pasos na industrialización do leite galego

A outra empresa que participa na compra de Queixerías Prado é Leite Noso, a sociedade propiedade de gandeiros galegos que envasa as marcas Deleite e Muuu. Desde o seu inicio, Leite Noso significouse no campo por manter contratos estables coas granxas a prezos xustos. En abril do pasado ano protagonizou ademais unha importante captación dalgunhas das ganderías máis innovadoras de Galicia, coas que asinou contratos a 3 anos. Leite Noso xa fora pioneira en ofertar contratos no campo a 1 ano e no 2020 convertiuse tamén na primeira empresa en ofrecer contratos a 3 anos en Galicia, o que lle aporta unha maior estabilidade ás granxas. Coa entrada en Queixerías Prado, as perspectivas de Leite Noso aumentan, pois espérase que ademais de continuar o envasado de leite coas marcas Deleite e Muuu, engada novos produtos lácteos a súa oferta.