Archives

Véndese rabaño de ovellas de raza dorper

A raza dorper, orixinaria de Suráfrica, é moi rústica e non precisa ser esquilada Véndese rabaño de ovellas de raza dorper, composto por 130 animais (3 machos e o resto reprodutoras, tanto brancas como de cabeza negra, de idades comprendidas entre o 2014 e o 2022). Atópase na parroquia dos Vilares, en Guitiriz, e as ovellas véndense por lotes ou individualmente. A explotación foi socia de OVICA e foi unha das pioneiras da introdución da raza dorper en España. O seu propietario, Juan Veres, faleceu fai un mes e a súa familia vese obrigada a vender o gando ao non dispoñer do tempo necesario para facerlle fronte ao traballo que require a granxa.  "O meu pai era quen levaba as ovellas e nós temos outros traballos e non podemos atendelas. Agora mesmo están cubertas porque entre os meses de xaneiro e marzo estiveron cos machos", explica a súa filla, Antía Veres. A raza dorper é unha raza de vocación cárnica de orixe surafricana que ten como característica principal que pela soa, polo que non é necesario ter que esquilar as ovellas, o que reduce os custos e a man de obra necesaria para este traballo anual. 
A raza dorper non precisa ser esquilada, o que reduce os custos na explotación
Neste rabaño hai presentes liñas xenéticas diferentes procedentes de Australia e de Suecia. "Son animais moi rústicos e cunha moi boa capacidade de adaptación ao medio galego", explica Antía.  Ademais, conta, "son moi prolíferas, a media na explotación é de 1,7 crías por ano, e son moi capaces de criar elas soas, sen supoñer un traballo engadido sacar os años adiante na época de parideira".  As persoas interesadas poden contactar con Antía no teléfono 628 822 397.

Impulso á mobilización de terras abandonadas en Allariz

A Fundación Juana de Vega e a Fundación Ramón González Ferreiro colaborarán nos próximos tres anos na creación e promoción de novas oportunidades para o medio rural galego desde o Ecoespazo O Rexo e a Granxa Educativa Agrogandeira que opera nestas instalacións. O acordo entre as dúas entidades artellarase a través de tres eixos: prestación de asesoramento para o fomento do emprendemento, desenvolvemento de accións para a mobilización de terras abandonadas e formación especializada para o sector agroalimentario. O convenio foi asinado polos presidentes de ambas institucións, Enrique Sáez Ponte e Ángel Ferreiro Estévez, durante un acto celebrado en Allariz, na sede da Fundación González Ferreiro. En concreto, as actividades nas que colaborarán as dúas entidades son, por unha parte, a identificación de bolsas de terras abandonadas na área de Allariz que sexan susceptibles de aproveitamento produtivo para a posta en produción baixo criterios de multifuncionalidade e de sostibilidade, así como na realización de dinámicas participativas para lograr acordos de cesión, de ser o caso, entre os propietarios e os posibles emprendedores interesados na súa xestión. Ademais, a Fundación Juana de Vega tamén prestará servizos de asesoramento especializado a emprendedores da zona e a empresas existentes, tanto no que se refire á elaboración de plans de negocio ou estratexias para acceder a novos mercados ou abordar procesos de consolidación ou crecemento. Ambas entidades tamén colaborarán no desenvolvemento de accións formativas relacionadas coa comercialización, etiquetaxe, packaging e márketing de produtos agroalimentarios, dirixidas a empresarios locais e a emprendedores. A primeira colaboración que está previsto poñer en marcha centrarase no Ecoespazo O Rexo e na Granxa Educativa Agrogandeira que a Fundación Ramón González Ferreiro inaugurou no 2000 co obxectivo de valorizar iniciativas de desenvolvemento rural que axuden a preservar o medio natural. A granxa conta con queixería para valorización comercial da produción de leite dun rabaño de ovellas Latxas. Co obxectivo de impulsar esta iniciativa, desenvolverán conxuntamente un plan comercial para incrementar as vendas de queixos e abordar novos mercados para fortalecer este proxecto empresarial. Paralelamente, traballarán na elaboración dun plan de negocio que permita analizar a viabilidade de creación de máis granxas de ovellas que se poidan sumar como novos centros produtores a esta iniciativa empresarial de desenvolvemento rural impulsada pola Fundación Ramón González Ferreiro. Por último, a Fundación Juana de Vega tamén colaborará coa Granxa Educativa Agrogandeira na ampliación da súa base territorial, identificando terras en estado de abandono que permitan incrementar a súa superficie actual de pastoreo. Acto de sinatura. Intervención dos presidentes Tal e como destacou Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega: “Para nós é un motivo de gran satisfacción estar hoxe presentes en Allariz para asinar este convenio coa Fundación Ramón González Ferreiro. Somos dúas institucións que, con medios propios, estamos comprometidas a fomentar o desenvolvemento do espazo rural, apoiando aos emprendedores e axudando a dinamizar a ocupación do territorio para facelo más rendible, máis resiliente e mellor coidado no plano medioambiental e paisaxístico. Hoxe poñémonos a traballar xuntas co obxectivo de coordinar esforzos para ser máis eficientes e potenciar o papel da dinámica sociedade civil galega da que formamos parte”. Pola súa parte, o presidente da Fundación Ramón González Ferreiro, Ángel Ferreiro Estévez, agradeceu a dispoñibilidade da Fundación Juana de Vega a colaborar e unir esforzos: “Desde o primeiro momento houbo sintonía e comprensión cara a un proxecto como o do Rexo no que nós temos depositadas moitas esperanzas”, destacou. “O traballo por evitar o despoboamento rural, engadiu Ferreiro, ten hoxe un novo instrumento para construír actividade agraria onde hai abandono. Para a Fundación Ramón González Ferreiro é un honor poder contar coa colaboración dunha entidade experimentada e eficaz como a Fundación Juana de Vega”.

A Feira Rural de San Sadurniño contará este sábado con 61 postos e un amplo programa de actividades

A Feira Rural de San Sadurniño deseñou un amplo programa de actividades para o sábado 27 de agosto. O evento iniciarase ás 10 da mañá e pecharase ás 8 da tarde. Haberá mercado desde primeira hora da mañá -produtos frescos, alimentos transformados, viveiros de planta e flor, artesanía e artigos de segunda man- distribuído polo arboredo da Finca A Cortiña, na que se celebra a feira. En total, haberá 61 postos (15 agroalimentarios, 19 de artesanía, 4 de viveiros, 1 de maquinaria, 18 de manufacturas, segunda man e oportunidades, e outros de entidades ligadas ó rural. Entre as actividades paralelas cóntanse as visitas á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos, con prácticas de poda e enxertado, os obradoiros de lambetadas con froita para a rapazada, a exhibición de manexo de ovellas con cans e o concurso morfolóxico da Raza Can de Palleiro, Tamén haberá música tradicional o vivo, postos para xantar e, por suposto, unha das accións de referencia da Feira, un concurso de froita autóctona, que se desenvolverá ao longo da mañá e no que cumprirá inscribirse o mesmo día. Pode consultarse todo o programa da feira neste enlace. O exitoso concurso de froita de San Sadurniño premiará os mellores lotes de castes do país colleitados nas comarcas do Eume, Ferrolterra, Ortegal e Betanzos. O certame ten como obxectivo continuar promocionando a recuperación das variedades autóctonas, ademais de difundir o seu potencial para a venda en fresco ou como produtos elaborados. Imaxe do anterior certame de froita autóctona. Por este motivo, ademais do concurso-exposición, dentro da feira tamén están previstas dúas visitas guiadas á horta de conservación Carlos Fornos, con obradoiros de poda de verán e técnicas de enxertado e, como novidade este ano, degustacións de zumes, confeituras e mesmo conservas de horta producidas no Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, partindo de materia prima local. As inscricións no certame da froita haberá que facelas o propio día da feira e os tres primeiros premios decidiranse mediante unha táboa de valoración das características organolépticas e morfolóxicas de cada lote concursante. Cada persoa poderá presentar cantos lotes de froita queira, sempre que cada un deles sexa da mesma variedade e teña un peso mínimo de 2 quilos, aínda que o xurado pode admitir cantidades inferiores se a súa rareza ou o tamaño das pezas o xustifican. Os lotes deberán proceder de hortas tradicionais das comarcas de Ferrol, o Eume, Ortegal ou Betanzos, vir presentados en cestos (non se admiten caixas con denominacións comerciais) e as bases establecen que por cada unidade familiar só se poderá percibir un premio. A Comisión de Inscrición estará formada por dúas persoas expertas da AGFA do Eume, mentres que ao xurado se sumará tamén unha persoa en representación do Concello. Para facer as valoracións contarán cunha táboa de puntuación que, entre outros factores, valorará se se trata de variedades antigas ou en perigo de extinción, o seu tamaño, se a pel presenta ou non defectos, a cor, o grao de maduración, o sabor, a textura da carne, etc. As bases completas poden consultarse nesta ligazón. O documento tamén reflicte os horarios do concurso. As inscricións cómpre facelas na carpa principal de 10:30 a 11:30h e, inmediatamente despois de pechar o tempo para anotarse, o xurado iniciará a valoración de cada lote. A comunicación do fallo e a entrega dos premios faranse sobre as 13:30h. Se houbese algunha reclamación, a entrega posporase media hora. As persoas participantes levarán como agasallo un pé dunha froiteira do país e os tres primeiros premios recibirán cadanseu bono de 75 euros para gastar nun establecemento do Concello. Os cestos premiados quedarán na feira e sortearanse entre o público ás 14:00 e ás 19:45h, engadíndolles en cada sorteo varios lotes preparados pola AGFA do Eume Visitas guiadas O concurso da froita autóctona non é a única actividade relacionada coa difusión do noso patrimonio vexetal. A AGFA do Eume programou dúas visitas guiadas á horta de froiteiras Carlos Fornos, unha ás 11:30h que leva asociado un obradoiro de técnicas de enxertado e outra ás 17:30h na que tamén se tratarán as podas de verán. As inscricións haberá que facelas no posto de información do Concello. Cómpre sinalar que o programa infantil desta edición da Feira Rural tamén está vinculado coa froita, xa que ás 12:00h e ás 17:30h van desenvolverse dous talleres para a rapazada nos que prepararán lambetadas sás e saborosas empregando mazás, peras, pexegos e outras pezas, preferentemente de castes do país. Para anotarse é necesario pasar tamén polo posto de información do Concello ata uns minutos antes do comezo de cada quenda. Centro de Transformación A Fusquenlla Dentro da promoción do potencial de desenvolvemento socioeconómico que ten o rural, a feira significará a posta de longo oficial do Centro de Transformación A Fusquenlla, situado en Moeche. Alí xa se levaron a cabo dous cursos sobre técnicas de conservación de horta e froita nos que se produciron os primeiros lotes de produto, principalmente marmeladas, pezas confeitadas en almibre, zumes e conservas de horta. O sábado 27 poderemos probar algunhas das delicadezas elaboradas e informarnos sobre como entrar a formar parte deste proxecto colaborativo que nos ofrece os medios e a formación necesaria para darlles aos excedentes da terra -e ao mel- un maior valor engadido. Pódese ampliar información na súa web: afusquenlla.gal.

Os cans ceibos convértense nun foco de danos para a gandería de ovino e caprino

A Asociación de Criadores de Gando de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) advirte sobre os problemas que está a causar a presenza de cans ceibos ós rabaños de ovellas e cabras. Nos últimos tempos detectaron un incremento das incidencias, que nos casos máis graves acaban por supoñer a perda das crías máis novas. Os ataques tamén xeran outros problemas como lesións ou episodios de estrés para o gando e mesmo a morte de exemplares adultos por complicacións derivadas dos ataques ou ó ser atacados en momentos como o parto. “É un problema que está a afectar a boa parte dos nosos socios de moi distintas zonas de Galicia, tanto en áreas próximas a núcleos rurais como en lugares máis afastados, pero ós que a xente acude a pasear cos seus cans e estes van ceibos”, apuntan dende a asociación. Así, estes ataques estanse a producir en parcelas pechadas onde o gando permanece pacendo e nas que os cans irrompen ou asustan ós animais. A presenza de cans ceibos tamén está a supoñer, en ocasións, enfrontamentos cos cans de protección de moitas ganderías de ovino e caprino. “Moitas veces a xente descoñece o importantes que poden chegar a ser os cans da gandería para a xestión dos animais e para previr ataques da fauna salvaxe”, apuntan dende a asociación de criadores. Neste senso, para lograr un maior entendemento, noutras comunidades autónomas, tanto a Administración como diferentes colectivos mesmo impulsaron campañas con carteis informativos que avisan da presenza destes cans e do seu papel no coidado das ganderías de ovino e caprino. Dende Ovica sinalan que este tipo de estratexias pode axudar a favorecer a convivencia entre as ganderías de ovino e caprino e os propietarios dos cans. Un dos carteis empregados en zonas gandeiras dotras comunidades para informar da presenza de cans nas ganderías de ovino e caprino.

Documentar o ataque

Xunto cos ataques, os gandeiros tamén teñen que facer fronte á complexidade que supón en moitos casos documentar e acreditar as incursións na parcela. Incluso naqueles casos nos que os cans causan baixas entre as crías, resulta difícil ó tratarse de animais de tan pequeno tamaño, en moitas ocasións é moi difícil ou mesmo imposible, conseguir localizar restos do animal na parcela. Esta situación súmase ás dificultades que os gandeiros están a ter para documentar os ataques da fauna salvaxe, como o lobo ou o raposo, nos que é imprescindible unha localización dos restos para lograr optar a unha compensación por parte da Administración. “Os gandeiros están tendo que afrontar procedementos moi estritos para documentar os ataques e logo perciben axudas que non son suficientes para afrontar as perdas”, detallan dende Ovica, á par que solicitan procedementos que se axusten máis á realidade deste tipo de ganderías.