Archives

Que se está facendo para mellorar a posición do agro na cadea comercial?

A situación actual dos mercados alimentarios caracterízase por un elevado nivel de concentración da gran distribución comercial, cun gran poder de negociación, fronte a unha industria máis atomizada e con menor poder de negociación dos prezos e das condicións. Esa situación de desprotección aumenta aínda máis no último elo da cadea, as explotacións agrarias e ganderías.

“Esta realidade fai que sexa preciso equilibrar o poder de negociación ó longo da cadea”, explica José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega, unha das entidades galegas que está a traballar de xeito activo nesta liña.

Cómpre lembrar que o fortalecemento do papel dos produtores ao longo da cadea é un dos obxectivos prioritarios marcados pola PAC no novo ciclo 2023-2027. Tanto institucións públicas como entidades ligadas ao sector agrario están a implicarse nesta liña de traballo, por medio de medidas, organismos e ferramentas específicas.

Debullamos a continuación o papel que están desempeñando na cadea alimentaria distintas entidades públicas e tamén as organizacións de produtores, un instrumento impulsado por Bruxelas como vía para fortalecer a posición do agro na cadea de valor. É de destacar que son entidades ás que se lle recoñecen excepcións na normativa de competencia da UE, no sentido de que se lles permite negociar e pactar prezos en conxunto para as producións dos seus asociados.

O papel da AICA

Dende a súa creación no ano 2014, a axencia española AICA (Axencia de Información e Control Alimentarios) realizou máis de 6.700 controis de oficio en toda España, a maioría no sector da froita e hortalizas (1.763), seguido do sector do viño (1.216) e o lácteo, onde efectuaron 1.048 controis. Nestes 9 anos de traxectoria, a AICA tramitou un total de 1.978 expedientes de sanción, onde a maior parte deles débense a incumprimentos dos prazos de pago e á falta de contratos escritos entre as partes.

Expedientes sancionadores tramitados pola AICA dende a súa creación no 2014.

Coa última modificación da Lei de mellora da cadea alimentaria, introducida en 2021, as comunidades autónomas pasan a asumir funcións de control no seu territorio, que ata o momento desenvolvía exclusivamente a AICA.

Galicia: o Servizo da Cadea Alimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais

Con este fin, Galicia habilitou a finais do ano pasado o Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais. “A posta en marcha do novo servizo está producindo unha maior concienciación por parte dos operadores da cadea alimentaria na necesidade do cumprimento das obrigas legalmente establecidas nas súas relacións comerciais”, indican dende Medio Rural.

As principais actuacións coas que nace este servizo son:

– Mellorar o funcionamento e a vertebración da cadea agroalimentaria.

– Ofrecer un maior equilibrio e transparencia nas relacións comerciais.

– Fortalecer o sector produtor e potenciar actividades das organizacións interprofesionais agroalimentarias.

– Garantir a unidade de mercado para a mellora da competitividade da cadea alimentaria.

– Elaborar un observatorio de prezos e de custos de produción.

– Manter un intercambio de información e coordinación coa AICA e outras comunidades autónomas.

“Este servizo permitirá obter un coñecemento máis profundo do funcionamento da cadea alimentaria en Galicia e das relacións comerciais dos seus operadores. Iso permitirá detectar posibles desequilibrios no sistema e buscar medidas correctoras en colaboración cos membros da cadea”, explican dende Medio Rural.

Os primeiros controis realizados pola Administración galega prestaron especial atención ós contratos e ás prácticas comerciais abusivas, eixos da Lei de Mellora da Cadea Alimentaria. “Ata o momento, as actividades desenvolvidas centráronse en labores informativos e de inspección realizadas cos operadores de diversos sectores da cadea alimentaria”, indican.

Control da cadea de valor en Portugal

Portugal tamén aborda xa no Plan Estratéxico da PAC a necesidade de mellorar a posición dos agricultores na cadea de valor, unha liña de traballo na que xa vén traballando dende o 2011 por medio da Plataforma de Acompañamento das Relacións na Cadea Alimentaria, un órgano impulsado polo Goberno portugués, con participación de distintos Ministerios (Economía, Agricultura e Mar, Medio Ambiente e Ordenación do Territorio).

A Plataforma creouse co obxectivo de fomentar o equilibrio na cadea alimentaria, promovendo o diálogo para aumentar a transparencia e un axeitado reparto do valor entre os sectores da produción, da transformación e da distribución dos produtos agrícolas e agroalimentarios.

No marco do traballo da Plataforma, creouse no outono do 2022 o Observatorio de Prezos Nacional e Sostible, orientado a facer un seguimento das cotizacións medias dos produtos agroalimentarios, tanto dos vexetais como dos procedentes da gandería. O obxectivo do Observatorio é facer unha comparación de series homólogas entre a evolución dos prezos ó produtor e dos prezos ó consumidor, con actualizacións mensuais.

Co Observatorio gáñase en transparencia do mercado e facilítase o traballo da Autoridade de Seguridade Alimentaria e Económica (ASAE), creada no 2005 para velar polo cumprimento da normativa na cadea alimentaria, entre outros cometidos. Desde setembro do 2022 a marzo deste ano, a ASAE inspeccionou un total de 1.223 operadores económicos e cursou 93 denuncias por especulación e 115 procesos por infraccións administrativas.

A maiores das medidas de control gobernamentais, son de destacar tamén as medidas de autorregulación pactadas pola cadea agroalimentaria de Portugal, con participación de asociacións de todos os elos (produción, transformación e distribución). En concreto, o sector impulsou un Código de Boas Prácticas na Cadea Alimentaria, que inclúe un mecanismo de mediación e resolución de litixios entre as partes.

As organizacións de produtores (OP) en Galicia e Norte de Portugal

Con gran importancia na teoría para fortalecer a capacidade de negociación do agro, a aplicación práctica das organizacións de produtores foi polo de agora limitada en Galicia, con presenza puntual en sectores como o leite e o vacún de carne.

En Galicia, hai unha OP recoñecida en vacún de leite, Ulega, se ben con pouca incidencia no volume de leite negociado. Tamén hai OPs en proceso de inscrición en vacún de carne, como as ligadas a Gandeiros Galegos de Suprema ou a Unións Agrarias.

No Norte de Portugal, en cambio, hai 20 organizacións de produtores recoñecidas, de distintos ámbitos: 5 de froitas e produtos hortícolas, 5 de froitos secos (castaña, améndoa), 3 de viño, 3 de leite, 2 de carne, 1 de vacún de carne e produtos apícolas, e 1 de aceite.

Unha das organizacións de produtores que está a operar no norte de Portugal é a xerada hai 3 anos no seo da cooperativa vitivinícola Favaios, situada na rexión do Alto Douro e considerada unha das máis grandes e recoñecidas do país, cunha traxectoria de máis de 70 anos.

“Convertémonos nunha organización de produtores porque deste xeito podíamos obter vantaxes económicas. Foi un paso máis no camiño da Cooperativa e que os produtores aceptaron de bo grao, ó ver que era unha vía positiva, que tamén lles redunda a eles en apoios adicionais do 5-10% nas axudas da PAC que reciben”, sinala Mário Monteiro, presidente da adega cooperativa Favaios.

En Galicia, varios colectivos de gandeiros de vacún de carne están traballando na actualidade para constituír organizacións de produtores que lles axuden a ter unha mellor posición de negociación na cadea alimentaria.

É o caso de Gandeiros Galegos de Suprema: “Os socios demandan constituír unha organización de produtores para tratar de salvar as ganderías, xa que os custos de produción están afogándonos e non damos subsistido”, explica Santiago Rego, gandeiro e presidente da Asociación de Gandeiros Galegos de Suprema, unha asociación que se constituíu hai un ano e que na actualidade conta cuns 600 socios, boa parte deles da provincia de Lugo.

A asociación calcula que ten o apoio xa do 50% dos produtores para botar a andar a OP este ano e que logo se sigan sumando máis produtores. O seu obxectivo é conseguir mellores prezos para a carne das súas ganderías.

En Galicia creouse a ferramenta Conta Láctea para calcular os custos de produción nas granxas e establecer un prezo acorde.

Ferramentas para proporcionar maior transparencia

Para promover maior facilidade nas negociacións -individuais ou colectivas- entre as partes, un dos eixos nos que cómpre avanzar é no coñecemento dos custos de produción. Con este obxectivo, en Galicia creáronse dúas ferramentas informáticas: Conta Láctea e Contacarne, desenvolvidas pola Fundación Juana de Vega, cun convenio de colaboración coa Consellería de Medio Rural.

Trátase de dúas aplicacións informáticas para uso das ganderías de leite e de vacún de carne,respectivamente. Foron deseñadas para un funcionamento sinxelo e intuitivo, de xeito que ó introducir unha serie de datos técnicos e económicos da granxa se poidan estimar os custos de produción.

A Conta Láctea suma xa máis de 450 usuarios de alta e mesmo se deseñou un módulo de usuario profesional, -xestor de varias granxas-, atendendo á demanda do sector. “Outras comunidades como Cantabria acaban de incorporar tamén esta ferramenta, que resulta de gran utilidade para establecer os custos de produción e defender a correcta aplicación da Lei da Cadea Alimentaria”, informa José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega.

O Goberno regula as organizacións de produtores de carne de vacún, ovino e caprino

O Consello de Ministros aprobou este martes o real decreto polo que se regula o recoñecemento das organizacións de produtores e as súas asociacións dos sectores gandeiros de carne de vacún, e de carne de ovino. O novo margo xurídico establece as condicións para a negociación contractual por parte destas organizacións e as súas asociacións. O real decreto busca reforzar a posición negociadora dos produtores de carne para que poidan lograr unha maior retribución para o sector gandeiro e un mellor reparto do valor ao longo da cadea alimentaria. Todo iso dentro do marco da normativa comunitaria e da libre competencia no mercado. Tal e como sinalan desde o Ministerio de Agricultura, o novo decreto reafirma o seu compromiso e apoio á constitución de organizacións de produtores no sector agrario.  Ademais do decreto, tamén a Política Agraria Común (PAC) recoñece o papel fundamental das organizacións de produtores na concentración da oferta e na mellora da comercialización e planificación da produción, así como na adaptación da produción á demanda, a optimización dos custos de produción e a estabilización dos prezos ao produtor. Por iso, inclúeas como estruturas clave para mellorar a posición do sector primario na cadea, contribuíndo desta forma a cumprir cos obxectivos desta política comunitaria. De feito, as recomendacións realizadas pola Comisión Europea a España en decembro de 2020, no marco da 'Estratexia da Granxa á mesa', e que se tiveron en conta na elaboración do Plan Estratéxico para a aplicación da PAC español, xa incluían o desenvolvemento lexislativo para o recoñecemento de organizacións de produtores naqueles sectores que aínda non contaran con normativa a este respecto. Contexto en Galicia En Galicia, nos últimos anos xa se produciron varios movementos para a constitución de organizacións de produtores de vacún de carne que poidan fortalecer a posición das granxas. Unha vez que a normnativa para estas organizacións de produtores está aprobada, espérase a súa inminente posta en marcha. Entre os proxectos de organizacións de produtores de vacún de carne, figuraban o de Unións Agrarias e o de Agrigga.

Agromuralla teme represalías de Inleit contra as granxas que non asinaron os contratos á baixa

A asociación Agromuralla denuncia "coaccións intolerables" da empresa Inleit aos produtores galegos aos que lles recolle o leite para rachar o contrato asinado no mes de marzo e cambialo por un novo con peores condicións de prezos e prazos. Segundo explica o presidente de Agromuralla, Roberto López, a empresa asentada en Teixeiro, “está a presionar” aos gandeiros aos que recolle o leite en Galicia, para que acepten cambiar o contrato que teñen asinado por outro, con prezos á baixa de entre 2 e 3 céntimos, “baixo ameazas de deixar de recollerlles o leite e emprender accións legais contra eles”. Agromuralla reclama "a intermediación da Xunta de Galicia e do Ministerio de Agricultura" ante a "indefensión" que están a sufrir os case 150 gandeiros que se enfrontan a esa proposta de cambio do contrato en vigor. "A empresa leva semanas celebrando reunións individuais cos gandeiros para presionalos para que acepten rebaixar as cláusulas dos contratos que teñen asinados, algo que é totalmente ilegal, con presións e ameazas que son intolerables", denuncia Roberto López. A asociación Agromuralla lembra que Inleit, a empresa de nova creación asentada no polígono industrial de Teixeiro, de capital español e americano (Liasa e Rich's Corporation), "contou co respaldo da Xunta de Galicia e recibiu unha importante inxección de fondos públicos para a posta en marcha da súa planta, polo que a Xunta de Galicia non pode agora lavarse as mans e mirar para outro lado cando os dereitos dos produtores se están vendo gravemente vulnerados". Preocupación pola xestión das mostras do leite Inleit argumentara no seu día que a proposta de cambio de contratos debíase á situación provocada polo coronavirus, "unha circunstancia que non é responsabilidade dos gandeiros”, valora Agromuralla, que lembra que "fai un ano, cando Inleit aterrou en Galicia, fíxoo con ofertas conducentes á captación de proveedores, cunhas condicións que agora empeora ó obrigar ós produtores a romper os contratos que estarían vixentes ata 2021 e establecendo, unilateralmente os prezos á baixa, provocando que as granxas sufran importantes prexuízos". Do mesmo xeito, os gandeiros afectados temen "represalias" por parte de Inleit se se negan a modificar o contrato asinado e que está en vigor até o vindeiro ano, xa que "a toma e custodia de mostras do leite está en mans das empresas, que son as encargadas de envialas ao Ligal, de xeito que os produtores están indefensos en casos de analíticas sospeitosas", explica Roberto López. Cambios nos protocolos do Ligal De feito, segundo Agromuralla, algúns produtores están tendo problemas cos resultados do punto crioscópico do leite, un aspecto intimamente vinculado á conservación das mostras e que xunto á bacterioloxía penaliza moito no prezo final ao gandeiro, polo que os gandeiros temen que este tipo de prácticas coercitivas sexan usadas por parte da empresa para rebaixarlles igualmente o prezo en orixe en caso de negárense a asinar o novo contrato empeorado. Por iso, desde Agromuralla reclaman "un cambio nos protocolos do Ligal" para que se garanta "a correspondencia dos resultados das analíticas coas mostras do leite tomadas nas explotacións", sen que se deixe, como acontece neste momento, "a cadea de custodia en mans das industrias". A oposición ó cambio de contratos de Inleit xa fora trasladada nas últimas semanas por outras organizacións do campo, caso de Unións Agrarias.

Reunión con membros da OPL Agraprol

Dentro das habituais xuntanzas que a asociación Agromuralla mantén con outras entidades do sector, varios membros da Xunta Directiva de Agromuralla celebraron a semana pasada unha xuntanza con integrantes da Organización de Produtores de Leite AGAPROL, que reúne a case 600 gandeiros de 8 comunidades autónomas, co obxectivo de explorar vías de colaboración conxuntas para a defensa dos gandeiros e a mellora dos contratos lácteos, que malia ás últimas reformas legais introducidas, “seguen beneficiando claramente a unha das partes, as industrias, en detrimento dos produtores”. No encontro, celebrado na sede de Agromuralla en Lugo, analizouse a situación xerada trala recente modificación da Lei da Cadea para a inclusión dos custos de produción nos contratos, “que as empresas están a saltar”, así como ás revisións xeralizadas á baixa nos novos contratos por parte da maioría de industrias, "algo que claramente incumpriría as normas da Competencia".

Unións acusa a Leche Celta de “prácticas mafiosas” coas granxas, en pleno confinamento

A crise do coronavirus colleu á organización de produtores Ulega en negociacións para a renovación dos contratos do leite coa maioría das industrias lácteas. Ulega, unha organización que agrupa a preto de 2.000 granxas da comunidade e un 25% do total do leite galego, chegou entón a acordos provisionais de 2-3 meses coa práctica totalidade das industrias, co compromiso de retomar as negociacións de contratos en canto se resolvera a situación de confinamento. A excepción é Leche Celta, á que Unións Agrarias, impulsora de Ulega, acusa de “prácticas mafiosas”, “matonismo” e “comportamento miserable”. “A empresa portuguesa Leite Celta pretende aproveitarse miserablemente da actual situación de confinamento para impoñer as súas prácticas mafiosas nas explotacións que lle entregan o leite” -acusan desde Unións Agrarias- “Están incurrindo nunhas accións impresentables que chegan a obrigar as granxas a darse de baixa da organización de produtores Ulega para impedir a futuro que poidan negociar de xeito conxunto a venda da súa produción”. Os servizos xurídicos de Unións Agrarias están estudiando emprender accións xudiciais contra Leche Celta por atacar o dereito de asociación dos produtores, en base ás ameazas que están trasladando os seus transportistas de suspender a recollida do leite se as granxas non abandonan Ulega. A organización agraria esíxelle ás Administracións unha acción exemplarizante contra Leche Celta e anuncia unha campaña de accións nos supermercados no caso de que a empresa a non desista da súa actitude en 24 horas.

Revolución nos contratos do leite no campo?

Desde a pasada semana, cando o Goberno aprobou un real decreto de medidas urxentes en agricultura, as industrias lácteas están obrigadas a incluír os custos de produción das granxas como un condicionante do prezo do leite. A nova normativa colleu ó sector lácteo en plena época de renovación de contratos entre granxas e industrias, un proceso que se está a ralentizar á espera de que se concrete como incluír os custos de produción nos acordos. A organización de produtores(OP) Ulega, que negocia coas industrias preto dun 25% do leite de Galicia, correspondente a unhas 1.800 ganderías, paralizou as conversas á espera de clarificar nos próximos días coas industrias e coa Administración como aplicar a normativa. O resto das granxas de Galicia ou xa teñen contratos asinados a nivel individual ou estanos recibindo estes días por parte das industrias.
"A primeira recomendación é que ninguén asine un contrato que non cubra os seus custos de produción" (Óscar Pose, Unións Agrarias)
Óscar Pose, de Ulega, a OP ligada a Unións Agrarias, explica a situación: “Estamos agora clarificando como se poden elaborar os contratos en base ós custos da produción das granxas, pero unha primeira recomendación para tódalas ganderías que están recibindo contratos estes días é que non asinen ningún contrato que non cubra os seus custos de produción. Hai industrias que poden incluír unha cláusula nos contratos indicando que o prezo ofertado cubre os custos de produción, co cal, se iso se asina, serviralle á industria para certificar que está cumprindo coa normativa”, advirte Pose. Para a elaboración dos novos contratos, Pose sinala que se contemplan dúas alternativas: “Poderiamos ligar os contratos a un índice de custos de produción medios, como o Rengrati, do Ministerio de Agricultura, ou establecer unha metodoloxía que permita definir os custos por granxa”, apunta. A normativa permítelle tamén ás industrias asinar contratos coas cadeas da distribución na mesma liña, garantindo que se cubren os custos de produción para toda a cadea. “É unha normativa que beneficia a toda a cadea do leite, pero a primeira impresión que temos é que as industrias son máis partidarias de seguir dando a batalla no campo e non ante a distribución”, valora Óscar Pose. Desde a Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) pronúncianse polo momento con cautela e manifestan dúbidas sobre a aplicación da normativa na práctica, unha cuestión que, din, "teremos que aclarar co Ministerio tanto nas nosas relacións coa produción como coa distribución. En todo caso, como valoración xeral, a nosa opinión sobre o Real Decreto é positiva na medida en que é un intento de que se recoñeza no mercado o gran valor que aporta o sector lácteo desde a produción primaria, pasando pola transformación", conclúe a Fenil.

Maior demanda polo leite

A renovación de contratos no campo está marcada estas últimas semanas polo interese de determinadas firmas en aumentar a súa recollida no campo. É o caso de Inleit, que comezou a operar a finais de decembro na planta láctea de Teixeiro e que quere gañar presenza no campo para abastecerse de xeito directo, pois ata agora estaba suministrándose en boa medida de compras a outras industrias e primeiros compradores. Outra industria que tamén está aumentando recollida é Río, que segundo trascendeu no sector pechou contratos de abastecemento de marcas brancas para cadeas de supermercados, o que lle obriga a gañar volume de recollida. Un terceiro actor que gaña presenza no campo é Leite Noso, a sociedade galega que comercializa as marcas Deleite e Muuu, que, sobre a base de contratos estables a longo prazo e con bos prezos, está captando a novas granxas. O seu obxectivo sitúase en primar a calidade e cubrir as necesidades de leite que lle están trasladando as cadeas de supermercados para os próximos meses.

Claves da futura regulación das Organizacións de Produtores de vacún de carne

Ó igual que fixeron xa outros sectores produtivos como o lácteo ou o cunícola, os gandeiros de vacún de carne levan tempo procurando un marco legal que ampare e xestione as organizacións de produtores (OP), coas que conseguir unha maior capacidade de negociación para os gandeiros. A inestabilidade política dos últimos meses parece estar a condicionar a tramitación do borrador do real decreto polo que se rexirá a xestión destas OP, se ben desde o sector espérase que o decreto saia adiante en breve, unha vez constituído o novo Goberno. Neste documento, tramitado xa hai meses, aséntanse as bases destas organizacións tanto para vacún como para caprino e ovino. En Galicia, comezaron xa a darse os primeiros pasos para se constituír organizacións de produtores de vacún, aínda que a falta dun marco legal aprobado ralentizou o proceso.

Requisitos mínimos das Organizacións de Produtores

O borrador do decreto detalla, entre outros temas, os requerimentos que deben cumprir as organizacións de produtores para ser consideradas como tal. Un dos principais requisitos é que estas organizacións só poden estar integradas por gandeiros de vacún de carne. As agrupacións teñen que estar reguladas por estatutos e pensadas para concentrar a oferta e a comercialización da produción dos membros. De feito, tamén se estipula que o 100% da produción dos socios debe comercializarse a través da organización. Os gandeiros tampouco poderán figurar en varias Ops e deben pertencer á entidade por un período mínimo de 2 anos.
Os gandeiros teñen que comercializar toda a produción a través da organización
A maiores, tal e como recolle o documento, as organizacións teñen que procurar algunha das seguintes finalidades:
  • Garantir que se planifique a produción e se axuste á demanda, sobre todo en canto a cantidade e a calidade.
  • Optimizar os custes de produción e os beneficios das inversións relacionadas co medio ambiente e o benestar dos animais. Tamén deben de procurar estabilizar os prezos de produción.
  • Promover unha produción sostible, prácticas innovadoras e o coñecemento da evolución do mercado e a competitividade económica.
  • Fomentar o emprego de técnicas respectuosas co medio ambiente e o benestar animal.
  • Procurar mellorar a calidade dos produtos, proporcionando asistencia técnica nas normas de produción, desenvolvendo carne ou derivados con denominación de orixe protexida ou cubertos por unha etiqueta de calidade.
  • Preservar a calidade do solo, a auga e a biodiversidade da paisaxe mediante a xestión dos subprodutos e os residuos. Tamén se contempla que estas organizacións poidan contribuir a un uso sostible dos recursos naturais e a mitigación do cambio climático.
  • Desenvolver iniciativas para a promoción e comercialización da carne.
  • Proporcionar asistencia técnica para a utilización de novos mercados de futuro e sistemas de seguro.
Un dos obxectivos é que as organizacións de produtores fomenten o traballo conxunto en tarefas básicas para as ganderías

Traballar en conxunto

Para conseguir algúns destes obxectivos, o borrador sinala que as organizacións afrontarán de forma conxunta algunhas das tarefas básicas para os produtores na comercialización da carne, como a transformación, a distribución mediante plataformas de venda ou transporte conxunto, o envasado, etiquetado ou a promoción e o control de calidade dos produtos. Tamén se baralla que as organizacións dispoñan de instalacións e equipos que poidan empregar os socios. A xestión dos residuos ou a compra das materias primas son outros aspectos que se poden abordar en conxunto para conseguir unha maior rendibilidade. Tamaño mínimo Ademais de traballar de xeito conxunto, é preciso que estas organizacións agrupen un mínimo de produción a comercializar ó longo do ano. En concreto, no caso das Ops de vacún de carne, os cebadeiros deben dispor de alomenos 15.000 becerros. Esta cantidade redúcese a 1.500 animais no caso das denominacións de calidade, nas que se inclúen dende indicacións xeográficas protexidas, denominacións de orixe protexidas, especialidades tradicionais garantizadas, gandería ecolóxica e gandería integrada. O volume mínino de produción no caso de ganderías de reprodución para produción de carne e mixtas sitúase en 15.000 unidades de gando maior (UGM) e no caso das categorías de calidade o número redúcese a 2.500 UGM presentes na gandería. Produción mínima comercializable das OPs do sector de carne de vacún, recollida no borrador.

Os termos das negociacións

O decreto que regulará as organizacións de produtores tamén fixa os termos para que se leve a cabo unha negociación dos contratos para a comercialización da produción dos socios. Recoñécese que estas entidades terán a capacidade para negociar contratos para o suministro de animais vivos e produtos agrarios no nome dos socios. Isto levarase a cabo sempre que a OP concentre a oferta e comercialice os produtos dos seus membros, independentemente de que os produtores transfiran a propiedade dos produtos agrarios á organización.
A capacidade de negociación real que poidan acadar as OPs é unha das maiores preocupacións dos gandeiros
Tamén cabe a posibilidade de que as OPs non cheguen a realizar esta negociación da produción dun gandeiro socio, no caso de que este estea obrigado a entregar a produción a unha cooperativa que non pertenza á organización. Precisamente a capacidade de negociación que poidan acadar as OPs é un dos principais aspectos que preocupa no sector gandeiro, xa que será clave para o éxito ou o fracaso destas organizacións. De feito, no sector agrogandeiro abondan os exemplos onde a pesar de contar con Organizacións de Produtores dende hai anos, a súa capacidade de negociación é nula pola negativa das industrias a chegar a acordos colectivos. De cara a evitar esas situacións, o mandato de negociación será exclusivo, de xeito que a produción dunha gandería só poderá negociala unha única OP e tampouco o gandeiro poderá negociar individualmente as condicións de contratación dos seus animais ou produtos agrarios.
A OP encargarase da negociación dos contratos para comercializar a produción de xeito exclusivo alomenos durante 2 anos
Ó igual que a permanencia mínima á organización por parte dos gandeiros, o período de mandato no que a entidade se encargará da negociación conxunta da produción será de 2 anos. Pasado ese prazo prorrogarase de xeito indefinido ata que o gandeiro comunique a súa retirada, cunha antelación mínima de 2 meses. Do mesmo xeito que se asentan as bases das organizacións de produtores para regulalas, o borrador tamén contempla unha serie de controis por parte do Ministerio de Agricultura para garantir estas condicións, así como sancións estipuladas polas normas que regulan a produción alimentaria e garanten a defensa do consumidor.

Ferramentas para que os prezos do leite non queden fóra do mercado en Galicia

O sistema de contratos anuais entre industrias e granxas naceu coa lóxica de que os contratos tivesen un prezo variable en función da evolución do mercado. As industrias, sen embargo, decantáronse por promover contratos a prezo fixo durante todo o ano. Máis dun 80% dos contratos estanse facendo a prezo fixo, segundo os últimos datos do Ministerio. Trátase dun sistema que ten a vantaxe de que aporta estabilidade, pero pode deixar os prezos cobrados polas granxas fóra do mercado. É o que ten sucedido en Galicia en distintas fases nos últimos anos, cando por exemplo os prezos na comunidade chegaron a estar en novembro do 2017 un 18% por abaixo en comparación coa media de cinco Estados membros de referencia (Francia, Portugal, Alemania, Holanda e Dinamarca). Unha posible solución está no uso dos novos índices de referenciación de prezos da Interprofesional Láctea, o A2 e o A3.
Os índices operan sobre un prezo base do leite, fixado no contrato, e marcan a súa evolución en función de seis factores de mercado
Os índices creados pola Interprofesional para referenciar os prezos do leite atoparon ata o de agora escasa aceptación nas industrias, que nos últimos anos preferiron ofrecer contratos a prezo fixo ou fórmulas similares, como a de Lactalis, que viña referenciando os seus contratos ó prezo Fega Galicia. Son modelos de contrato que non convencen no sector gandeiro, pois enténdese que bloquean posibles recuperacións de mercado. O uso dos índices da Interprofesional, que están pactados entre industrias, cooperativas e organizacións agrarias, permitiría superar esa polémica. O seu mecanismo de funcionamento é sinxelo. O índice opera a partir dun prezo base fixado no contrato. Sobre esa referencia, os novos índices A2 e A3 da Interprofesional, que representan unha evolución dos anteriores, marcan a evolución en base a seis factores: custos de produción das granxas (prezo do penso), 19%; prezo medio en 5 Estados membros de referencia (19%); índice de prezos industriais de produtos lácteos (25%) e evolución de mercado de manteiga (19%), leite desnatado en po (7%) e queixos (11%). O índice A3, a parte de seguir esas referencias, incorpora ademais o chamado túnel de competitividade, é dicir, os prezos do índice débense manter sempre entre un +5% e un -5% en relación ós cinco Estados membros considerados de referencia en España (Francia, Portugal, Alemania, Holanda e Dinamarca). O prezo do índice bloquearía a súa subida ou baixada ao chegar a eses límites, permanecendo sempre no denominado “túnel de competitividade”, que por arriba representa unha garantía para as industrias e por abaixo para as granxas. Así, por exemplo, nos últimos meses do 2017 e primeiros do 2018, o índice A3 tería permitido que as granxas españolas tivesen percibido mellores prezos. Balance dos primeiros anos dos índices da Inlac Un dos riscos que as industrias lle achacaban ós índices era a posibilidade de que os prezos se desviasen moito dos do mercado. O novo índice A3, que comezou a funcionar no último ano, ofrece garantías para evitar excesivas desviacións, pero o funcionamento histórico do índice A, o que viña ofrecendo a Interprofesional nos últimos anos, confirmouse tamén como axeitado, como demostra unha análise de Jorge Santiso (Universidade de Santiago), que foi parte do equipo que deseñou os índices da Interprofesional Láctea. “A cuestión é comprobar se os índices ofrecen un prezo razonable de mercado ou non. Para comprobalo, comparamos o índice A da Inlac co prezo Fega, o prezo pagado no campo, durante un periodo de 8 anos. O resultado é que o índice da Inlac tería funcionado moi aceptablecemente”, explica Jorge Santiso. Entre o 2012 e o 2016, o índice A da Interprofesional e o prezo Fega teñen tódolos meses unha diferencia inferior a 0,3 céntimos / Kg, segundo a súa análise.

Petición de mediación institucional na negociación entre industrias e organizacións de produtores

Ao longo do primeiro trimestre do ano, a maioría das industrias lácteas renovarán os seus contratos coas granxas en Galicia. A nova campaña chega con novidades para o sector, pois as industrias están agora obrigadas por lei a negociar coas organizacións de produtores (OPs). En Galicia, a única OP que opera, Ulega, impulsada por Unións Agrarias, vén de instar á Xunta a mediar nas negociacións. Desde Ulega, que conta con máis de 1.600 granxas, témese que as industrias estean pouco dispostas a negociar, xogando coa vantaxe de que as granxas teñen un produto perecedoiro, o leite, para o que obrigatoriamente teñen que atopar saída. O secretario xeral de Unións, Roberto García, vén de reclamar unha mediación institucional que reequilibre o diferente poder que teñen industrias e OPs nas negociacións. No sector bótase en falta o papel que tivo a Xunta no seu día coa chamada Mesa do Leite, un foro no que industrias, cooperativas e organizacións agrarias abordaban prezos e situación de mercado coa intermediación da Administración. É un papel que nos últimos anos a Consellería do Medio Rural está pouco disposta a asumir, chegándose ata o punto de que o director xeral de Gandería, José Balseiros, pediulle públicamente nun acto ó Ministerio de Agricultura “que faga algo” para que Galicia deixe de ser a comunidade cos prezos do leite máis baixos de España.

Exame para as organizacións de produtores nos novos contratos do leite

As organizacións de produtores (OPs) de leite creáronse a partir do 2012 co obxectivo de aglutinar ás granxas para negociar en conxunto coa industria. En Europa tiveron certo éxito en países como Alemania ou Francia, pero en Galicia e no resto de España, as experiencias saldáronse ata agora cun rotundo fracaso. As industrias lácteas sempre se negaron a negociar coas OPs, unha cuestión que en teoría debería cambiar agora, pois a reforma do Paquete Lácteo aprobada este ano obriga ás empresas a sentarse coas organizacións de produtores, quedando prohibido que lle ofrezan contratos individuais ás granxas socias de OPs. O resultado do cambio da normativa comprobarase este outono, cando haxa que afrontar a renovación dos contratos anuais entre ganderías e industrias. O 86% das granxas galegas ten subscritos coas empresas lácteas acordos anuais, que vencen maioritariamente nos primeiros meses do 2020. Dado que as industrias teñen que entregar unha oferta de novo contrato con dous meses de antelación, espérase que nas próximas semanas arranque o proceso. Peche de Aprolact En Galicia, ata agora existían dúas organizacións de produtores, Ulega, ligada a Unións Agrarias, e Aprolact, creada polas cooperativas. Xuntas aglutinaban arredor do 40% dos produtores de Galicia, se ben nunca tiveron capacidade de negociación real coas industrias. Esa situación levou este outono a que Aprolact decidise suspender a súa actividade, a pesar do cambio normativo que en teoría podía proporcionarlle maior operatividade. Así as cousas, a única OP agora existente en Galicia é Ulega, que conta con máis de 1.800 granxas e con arredor dun 25% do leite producido na comunidade. Desde Unións Agrarias teñen prevista a constitución de comités negociadores conformados polos propios gandeiros para abordar o diálogo coas industrias. Polo de agora, en Ulega só tiveron confirmación do interese dalgunhas pequenas industrias por sentarse a negociar, se ben as grandes firmas do sector gardan silencio. Perspectivas O momento de relativa estabilidade que atravesa o mercado lácteo é interpretado desde o sector como un bo intre para implantar a cultura de negociación. Unha nova negativa das industrias ó diálogo poría ademais outra vez o foco nas súas prácticas, trala recente multa dictada por Competencia contra as industrias lácteas por pactar prezos do leite entre elas. As incógnitas céntranse precisamente nas grandes industrias multadas este verán por Competencia, como a francesa Lactalis – Puleva, con dúas plantas na comunidade (Lugo e Vilalba); ou a asturiana Capsa, unha sociedade de base gandeira (Clas) que en Galicia é propietaria das dúas plantas de Larsa (Outeiro de Rei e Vilagarcía). Paralelamente ás negociacións que poida emprender Ulega, as cooperativas primeiro compradoras de leite abordarán tamén pola súa conta as correspondentes conversas coas industrias, aínda que dun xeito individual e sen o paraugas de Aprolact. Cambios futuros De cara ó futuro, se o Ministerio reduce a esixencia dun mínimo de 200.000 toneladas de leite para crear unha OP, é posible que en Galicia xurdan novos proxectos, tanto desde a parte cooperativa como desde granxas independentes. “Quizais fose interesante crear OPs máis pequenas, que ademais poderían estar asociadas entre elas, tanto para negociar como para ter capacidade operativa de retirar leite do mercado en fases de crise” -valora Higinio Mougán, da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias-. “O que as cooperativas teñen claro é que o actual funcionamento das OPs non é eficaz e decidiuse cancelar Aprolact, en lugar de continuar con ela sen que tivese unha operatividade real”.

Retos do sector lácteo de cara á nova PAC: os casos galego e francés

Mesa redonda sobre os retos do sector lácteo con expertos galegos e franceses no XII Congreso de Economía Agraria celebrado en Lugo O termo sustentabilidade, máis alá dunha das palabras de moda no discurso público nestes momentos, pasará a guiar a Política Agraria Común na vindeira década incorporando novas esixencias para as explotacións leiteiras. Da capacidade que teñan para adaptarse a estes condicionantes dependerá en boa medida a súa viabilidade e rendibilidade. O ministro de Agricultura, Luis Planas, xa avanzaba o mércores durante a inauguración do XII Congreso de Economía Agraria que se estivo desenvolvendo esta semana na Escola Politécnica Superior do Campus Terra de Lugo que a nova PAC para o periodo 2021-2027 supón “un auténtico cambio de paradigma nas políticas agrarias europeas” e augurou “unha nova revolución verde na vindeira década” na que, dixo, “haberá que repensar o que producimos e como o producimos”. Os aspectos de sustentabilidade medioambiental (redución das emisións de efecto invernadoiro e loita contra o cambio climático e conservación da biodiversidade, a paisaxe e o estado do chan e a auga) engádense así aos retos actuais da sustentabilidade económica (como lograr que as explotacións sexan rendibles nun contexto de competencia internacional) e da sustentabilidade social (relevo xeracional e perspectiva de xénero) de cara ao futuro do sector leiteiro na vindeira década. A presenza no Congreso de especialistas españois e franceses permitiu facer unha análise comparativa das semellanzas e diferenzas das explotacións de leite galegas e francesas dentro do contexto europeo da vindeira década. Vexamos os principais aspectos a ter en conta: Presenza no territorio A produción de leite de vaca no mundo supón uns 700 millóns de toneladas, dos que a UE produce o 24%. España é o 8º produtor de leite dentro da UE por detrás de Alemania, Francia, Reino Unido, Holanda, Italia, Polonia e Irlanda. O 55% do leite que se produce en España prodúceno as comunidades da cornixa cantábrica (só Galicia aporta o 40% do total do leite producido en España, sendo a 8ª rexión máis produtora de leite da UE). Sen embargo, o tamaño das explotacións existentes no resto da península é tres veces maior ca en Galicia.
Galicia é a 8ª rexión produtora da UE e aporta o 40% do leite producido no conxunto de España
A cadea láctea aporta en España o 27% do valor do sector primario, xerando 13.000 millóns de euros ao ano. No 2018 un total de 23.000 gandeiros fixeron entregas de leite no Estado español, incluindo os produtores de ovella e cabra, onde España é o principal produtor da UE. A industria láctea emprega de forma directa a outras 30.000 persoas e xera máis de 9.500 deses 13.000 millóns de euros. Pero máis aló do seu valor económico, o mantemento do sector lácteo é fundamental para o mantemento da poboación e da actividade económica (directa e asociada) nas zonas rurais da meirande parte das comarcas galegas, tratándose pois dun sector estratéxico tamén desde o punto de vista social e demográfico. Relevo xeracional En España, 2 de cada 3 gandeiros están por enriba dos 55 anos, o que evidencia que se xubilarán no vindeiro periodo de vixencia da PAC. En Francia, a situación é similar, onde só o 20% dos responsables de explotacións teñen menos de 40 anos e máis da metade superan xa os 50 anos. Ao problema do relevo xeracional engádese o da escasa incorporación feminina. Só o 22,6% dos titulares de explotacións son mulleres en España e o ministro de Agricultura avanzou unha revisión da Lei de Titularidade Compartida para poder seguir avanzando neste campo. O enfoque de xénero será outro dos aspectos que incorpore a nova PAC no seu Regulamento.
En España 2 de cada 3 gandeiros están por enriba dos 55 anos, unha situación similar á que acontece en Francia
En conxunto, en Francia, igual que en Galicia, estase a producir un importante proceso de redución no número de explotacións. Na actualidade hai un total de 57.000 pero estímase que no 2035 quedarán tan só reducidas a 36.000. Neste momento, só o 22,6% das explotacións de leite francesas logran para os seus traballadores salarios iguais ou superiores ao salario medio francés. Sen embargo, de xeito parello á desaparición de explotacións, o 75% das granxas francesas están medrando. O promedio actual é de 73 vacas de media por explotación, aínda que o tamaño medio varía moito en función das zonas, con rexións como Bretaña ou Normandía, con explotacións leiteiras máis grandes, fronte ás existentes na zona máis montañosa do leste do país, onde son de menor tamaño e asociadas en moitos casos á produción de queixo. “Durante 30 anos a xestión das cuotas era rexional, sen transferencia entre os distintos Departamentos, e iso fixo que as rexións máis dinámicas, como Bretaña ou Normandía, non desenvolveran todo o seu potencial”, afirmou Benoît Rouyer, director de Economía e Territorios do CNIEL, a interprofesional láctea francesa. O 45% das explotacións de leite francesas atópanse nestas concas leiteiras do oeste do país, as montañas do leste concentran outro 23% mentres que o 29% restante están repartidas noutas zonas onde existe maior presenza de policultivo. O peso das cooperativas e as organizacións de produtores Máis da metade dos gandeiros franceses, o 55%, entregan o leite a unha cooperativa, mentres que o 45% restante faino a unha empresa privada. No país existen 240 cooperativas, aínda que moitas delas son pequenas queixarías situadas no leste do país.
Catro compañías francesas atópanse no top 15 das industrias lácteas mundiais e procesan case tanto leite fóra do país como dentro
O mercado está dominado pola cooperativa Sodiaal e pola empresa Lactalis, de capital privado pertencente á familia Besnier. Cada unha delas controla arredor do 20% do mercado. Pero no top 15 dos líderes mundiais da industria láctea hai outros dous grupos franceses, Danone e Savencia. En total, as empresas francesas procesan dentro de Francia 24.000 millóns de litros de leite e outros 20.000 millóns fóra, en países como España. Ademais da maior relevancia e volume das cooperativas francesas, outro factor diferencial con respecto a Galicia é o feito de que o 30% dos gandeiros son membros dunha das 64 Organizacións de Produtores que hai recoñecidas en Francia.
Un terzo dos gandeiros franceses pertencen a unha das 64 Organizacións de produtores existentes e o 15% do leite que se produce ten un distintivo que diferenza a súa orixe
O 15% do leite producido en Francia está diferenciado pola súa orixe: o 9,6% por estar dentro dunha DOP, o 2,6% por ser de produción ecolóxica (unha porcentaxe que se incrementará considerablemente a finais deste ano até alcanzar o 4%) e o resto mediante diferentes distintivos tales como leite de montaña, leite sen OGM, leite de pastoreo, leite de prezo xusto ou identificadores rexionais de proximidade. Volatilidade de prezos Trala supresión das cuotas lácteas no ano 2015 e o desmantelamento das medidas de regulación europea o sector produtor español quedou a mercede do mercado internacional, quedando os gandeiros afectados pola alta volatilidade dos prezos e a falla de garantía de recollida. Unha desigualdade nas relacións entre os gandeiros e as empresas que o Paquete Lácteo non foi quen de corrixir no paso da regulación pública do sector á autoregulación privada. “La volatilidad de precios es imposible de evitar en un mercado global internacional”, asegurou durante a súa intervención no Congreso Luis Calabozo, director xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), que afirmou que “o que poida acontecer en Nova Zelanda, Arxentina ou EEUU afectará a España”. Por iso, dixo, “tomar decisións individualmente como produtor ou mesmo como país non conduce a nada”. Puxo o exemplo de Francia, que decidiu voluntariamente reducir a súa produción tralo final das cuotas. “Hoy Francia produce menos que producía con las cuotas y no le ha servido de nada, es dejar hueco al competidor, y hoy ese hueco que ha dejado Francia lo ha ocupado Alemania”, asegurou.
Francia decidiu autolimitar a súa produción tralo fin das cotas lácteas, algo que o levou a perder peso no contexto europeo. O oco que deixou aproveitouno Alemania
A perda de peso do sector francés foi algo que tamén reafirmou Christophe Perrot, do Institut de l'Élevage, o organismo asesor en materia técnica e científica en Francia. “Tralo fin das cuotas produciuse unha perda de peso de Francia no mercado lácteo e de exportacións dentro da Unión Europea”, dixo. “Francia non participou da expansión da produción que se deu noutros países europeos tralo fin das cuotas e ve diminuir o seu excedente comercial coa UE”, engadiu. Tralo fin das cotas no ano 2015 os países que máis incrementaron a súa produción foron Irlanda, Polonia, Alemania e os Paises Baixos. Esta situación está a xerar ademais rendas máis baixas nas explotacións “porque os gandeiros franceses non teñen o baixo custo de produción dos irlandeses nin o prezo alto de venda do leite que teñen os holandeses ou os daneses”, explicou. O custo medio de produción do litro de leite, sen incluir o traballo do gandeiro, sitúase en Francia nos 250 euros por tonelada, similar a Alemania e uns 60 euros inferior a países como Holanda ou Dinamarca, pero uns 100 euros máis ca no caso irlandés, cunha produción baseada na alimentación mediante pasto. En canto ao prezo de venda, sitúase en Francia arredor dos 33,6 céntimos, tres menos que o cobrado en Holanda ou Dinamarca e só dous céntimos máis que o que se paga en Irlanda, por exemplo. Descenso no consumo de lácteos Calabozo indicou que tralo fin das cuotas lácteas a produción de leite en España aumentou á par que se producía un descenso do consumo de leite nos fogares. As entregas totais de leite en España no ano 2018 foron de 8,1 millóns de toneladas: 7.117.700 toneladas corresponderon a leite de vaca, 513.745 a leite de ovella e 481.209 a leite de cabra. Por contra, o consumo descendeu un 6,1% de 2010 a 2016, pasando de 5.245.971 toneladas a comezos da década a 4.924.307 no ano 2016. Desde entón, explicou, “tocouse fondo e comezou a repuntar levemente de novo o consumo de lácteos”, cun ascenso do 1% nos últimos dous anos até pechar 2018 con 4.973.296 toneladas.
As industrias porán en marcha en toda España a partir da vindeira semana unha campaña para chamar a consumir tres lácteos ao día, cun logo alusivo que incorporarán todas as marcas aos seus envases
“As industrias defendían durante anos a súa cuota de mercado pero non o sector lácteo globalmente e os beneficios do consumo de leite. Isto deu lugar a que se extenderan falsos mitos e a que o consumidor deixara de identificar os produtos lácteos como imprescindibles na dieta”, indicou Calabozo. “Non estamos ante un problema de penetración, xa que practicamente o 100% das familias españolas compra lácteos habitualmente, senón ante un problema de frecuencia, xa que un certo tipo de consumidor, como mozos e mozas independizados e familias con nenos de máis de 7 anos, non ve xa os produtos lácteos como esenciais dentro da súa dieta, en contra do que acontece coas froitas e verduras, por exemplo, sendo ademais en moitos casos unha reducción inconsciente no consumo de lácteos, xa que o 70% das familias que reduciron o consumo de produtos lácteos nos últimos 2 anos non era consciente de telo feito”, engadiu. Para incentivar este consumo, a FENIL porá en marcha unha campaña o vindeiro día 16 de setembro, cun investimento publicitario de 2 millóns de euros anuais durante os vindeiros 4 anos financiada na súa totalidade a través da INLAC. O lema da campaña será No dejes de hacer las cosas que te sientan bien e invita a tomar cando menos 3 lácteos ao día, cun logotipo alusivo que aparecerá en todos os envases de todas as marcas, lembrando os beneficios do consumo de leite e derivados como fonte de calcio e de proteínas pero non só asociado a épocas concretas como o crecimento, o embarazo ou a vellez. Incremento das exportacións Co descenso de consumo interno e o aumento da produción na UE tralo fin das cuotas, as empresas miran cara a exportación como solución, pensando no aumento de poboación mundial e de consumo de leite nos países asiáticos ou africanos. Pero para eses envíos non resulta rendible o leite líquido, senón produtos máis transformados como pode ser o caso do leite en pó. A balanza comercial de produtos lácteos española foi reducindo de xeito importante o diferencial existente entre as importacións e as exportacións tralo fin das cuotas. Se no 2011 exportábanse por debaixo de 400.000 toneladas e importábanse preto de 1.200.000, no ano 2018 as exportacións foron de 500.000 toneladas e as importacións non chegaron ás 800.000. No aumento das exportacións está pesando o crecimento do mercado exterior de queixo, que desde 2010 a 2018 medrou un 163%.
Só nos últimos tres anos España importou 866.000 toneladas de queixo a baixo prezo procedente de Alemania, Francia e Holanda, que usan as exportacións como mecanismo para a regulación do seu mercado interno
Con todo, segue entrando moito queixo de fóra a baixo prezo. Só nos últimos 3 anos España importou 866.000 toneladas de queixo (Edam, Gouda, Cheddar, Emmental e Havarti principalmente, procedentes de Alemania, Francia e Holanda) a un prezo medio de entre 3,11 e 4,05 euros por quilo. Son países que usan o mercado exterior de queixo a baixo prezo como mecanismo para a regulación do seu mercado interno. A balanza comercial de produtos lácteos francesa é completamente diferente á española. Por cada 10 litros de leite que exporta en forma de produtos lácteos Francia importa só 7, é dicir, o diferencial entre importación e exportación é favorable en máis dun 33%. Ademais, o consumo interno absorbe tres quintas partes dos produtos lácteos producidos no país. Reparto xusto de valor na cadea En Francia o marketing e a publicidade no sector lácteo xa non xira neste momento arredor dos beneficios alimenticios do leite. “Iso acontecía hai unha década, pero agora a maior parte da publicidade vai enfocada ao propio pracer de consumir eses produtos”, explicou Benoît. Palabras como ética, prezo xusto ou produción responsable aparecen con frecuencia nos envases de produtos lácteos franceses, unha tendencia que se consolidou nos anos 2017 e 2018. O Goberno Macron estableceu no ano 2017 un periodo de consultas cos distintos actores da cadea láctea e elaborou un Plan Sectorial para o sector que tiña como un obxectivo prioritario aportar transparencia e lograr un reparto máis xusto do valor en todos os elos da cadea.
Francia estableceu hai un ano limitacións legais á venda de leite a prezos por debaixo do custo de produción pero estas novas ferramentas de transparencia agardan aínda o visto bo da Comisión Europea
O resultado foi a promulgación en novembro de 2018 da chamada Lei Egalim, con restricións por exemplo ás promocións ou á venda a perda. “En Francia non se permiten técnicas como compre un e leve outro gratis”, explicou Benoît. Pero a realidade, recoñeceu, é que de momento esta normativa “aínda non surtiu o efecto desexado”. Incluía novas ferramentas de transparencia que agardan aínda a luz verde da Comisión Europea, como a publicación de indicadores mensuais de custos de producción. Segundo indicou, na última década os produtos alimentarios en Francia subiron unha media dun 0,7% anual, un incremento que non se notou no sector lácteo, que quedou á marxe. “Hoxe mantéñense os prezos de fai 10 anos”, dixo. Mobilidade de terras Francia ten un significativo potencial de producción de forraxes e cereais, cun custo moderado da terra e abundancia de superficie agraria útil, o que reduce a necesidade de insumos das súas explotacións. Pola contra, o minifundio e a fragmentación da propiedade é un hándicap que arrastra historicamente o sector leiteiro galego. O 97% da superficie total de Galicia é solo rústico, pero a nosa comunidade é un puzle de 11 millóns de parcelas catastrais pertencentes a 1,6 millóns de propietarios (un 8% deles descoñecidos para a Administración) e a parcela media non chega aos 1.500 metros cadrados.
Un terzo das terras que manexaban as explotacións leiteiras que pecharon en Galicia na última década non se incorporaron ás explotacións que continuaron en activo
Pero a esta fragmentación engádese a escasa mobilidade de terras en Galicia, o que dificulta o crecimento e redimensionamento das explotacións ao impedir o incremento parello necesario da superficie agraria útil da que dispoñen. Da pouca transferencia de terras que se produce na nosa comunidade dá testemuño un dato aportado no Congreso polo profesor Francisco Sineiro, que revelou que un terzo das terras que tiñan as explotacións leiteiras que pecharon en Galicia na última década non se incorporaron ás explotacións que continuaron en activo. Redución de emisións A sostibilidade medioambiental pasará a sen un dos condicionantes fundamentais da produción leiteira nos vindeiros anos. Así o recollerá tamén a vindeira PAC, segundo avanzou o ministro Planas, que o definiu como un dos tres retos para a vindeira década, xunto ao social e ao económico. Son dúas as premisas que terá en conta a nova PAC e que de seguro acabarán motivando novas limitacións ou restriccións no eido ambiental: a loita contra o cambio climático e a conservación da biodiversidade, a paixaxe e a calidade do chan e da auga.
A gandería é responsable do 31% das emisións de gases de efecto invernadoiro en Irlanda e representa a primeira causa de contaminación por enriba da industria e dos automóbiles
A agricultura e a gandería son responsables do 23% das emisións de efecto invernadoiro a nivel mundial. En España esa cifra baixa até o 12%, por debaixo da media da UE. En Irlanda, por exemplo, representa o 31% das emisións e é a primeira causa de contaminación por diante da industria e dos automóbiles. En Francia, que se sitúa no 18%, os problemas medioambientais son máis por calidade da auga e polos nitratos que pola emisión de gases como o metano. No caso de Holanda os límites son aos fosfatos. O ministro recoñeceu que este é un dos debates para a nova PAC, que afecta sobre todo ao sector do gando de leite, así como no caso do vacún de carne unha das discusións está en se o aproveitamento dos montes e da biomasa mediante silvopastoreo debe entrar ou non dentro de la PAC, admitindo que non existe acordo neste sentido. “Eu creo que debería entrar e é algo que tamén defende Galicia, pero hai outras comunidades que non están dacordo”, recoñeceu. Planas tamén se definiu como “firme defensor” dos regadíos porque, dixo, “o regadío produce seis veces máis que o secano”, aínda que avogou por un “regadío eficiente”, polo incremento das cubertas vexetais para os cultivos e a redución dos fitosanitarios. Indicou que é necesario avanzar cara a “agricultura de precisión” e dixo que “los robot, que ya están en las explotaciones ganaderas de leche, estarán también dentro de poco en los invernaderos y cultivos agrarios”.

Maior liberdade dos Estados na aplicación da nova PAC

Algúns dos asistentes ao XII Congreso de Economía Agraria celebrado esta semana en Lugo O primeiro debate de cara a posta en marcha da nova PAC, que se encetará dentro de dúas semanas nunha reunión dos ministros de Agricultura en Helsinki, será o da dotación económica. Luis Planas avanzou que España aspira a manter os mesmos fondos que no periodo 2014-2020, é dicir, unha mobilización de 50.000 millóns de euros en 7 anos (2021-2027). “Creo que non estamos lonxe de lograrlo”, asegurou. Con esta cifra, indicou, podería manterse o actual apoio ao sector, indicando que “no conxunto de España o 30% dos ingresos das explotacions corresponden neste momento á PAC”.
As axudas da PAC representan de media un 30% dos ingresos das explotacións en España
Pero ademais do canto a outra das cuestións a debate será o como. Outro dos aspectos nos que se terán que poñer de acordo os 27 países membros da UE será o do Novo Regulamento que fixe o marco básico de reparto deses fondos. A grande novidade desta reforma sobre os periodos anteriores é que os Estados membros gañan en autonomía e capacidade de decisión, unha descentralización da PAC que outorga maior protagonismo ao Plan Estratéxico Español que deberá guiar a acción do Estado na aplicación do Novo Regulamento da PAC. “Nunca nos últimos 40 anos tiveramos en España a oportunidade e a posibilidade de revisar da A á Z a nosa política agraria, porque estabamos limitados e condicionados polos acordos establecidos para a entrada de España na UE”, indicou o ministro.
Por primeira vez en 40 anos o Estado español poderá revisar a súa política agraria tralas limitacións motivadas pola entrada na UE
A primeira reunión coas Comunidades Autónomas para a elaboración do Plan Estratéxico tivo lugar no pasado mes de xaneiro. En outubro está prevista a segunda, xunto a unha rolda de contactos coas organizacións agrarias e do sector. “En febreiro de 2020 iniciaremos as discusións sobre como aplicar en España a nova PAC coa intención de ser, a principios de 2021, un dos primeiros Estados en presentar á Comisión Europea o seu Plan Estratéxico nacional”, avanzou o ministro de Agricultura. Dentro dese Plan Estratéxico estableceranse cuestións tan relevantes para os gandeiros galegos desde o punto de vista do reparto dos fondos como a definición do concepto de agricultor en aspectos como se para ter esta consideración deberá dedicarse a tempo completo á agricultura ou simplemente a tempo parcial.

As cooperativas galegas estudan a continuidade da súa organización de produtores de leite

Aprolac, a organización de produtores (OP) de leite conformada por algunhas das principais cooperativas galegas, coma Clun ou Aira, decidirá en setembro o seu futuro. A cuestión a determinar é se Aprolac pode ser útil na práctica para as cooperativas ou se se opta polo seu peche. O cambio da normativa do Paquete Lácteo obriga a tomar unha decisión, pois a Administración procederá nos próximos meses a cancelar tódalas organizacións de produtores que non estean a cumprir coas misións para as que foron creadas. En Galicia, a disxuntiva afecta tanto a Aprolac, a OP das cooperativas, coma a Ulega, a OP impulsada por Unións Agrarias. Ambas organizacións de produtores atravesaron nos últimos anos por un limbo, pois o seu principal obxectivo, a negociación de prezos coa industria, foi imposible pola negativa das industrias a sentarse a negociar con elas. O escenario, sen embargo, cambiou nos últimos meses, xa que unha reforma da lexislación impide que as industrias eludan a negociación coas organizacións de produtores. É dicir, as empresas non poderán ofrecerlle un contrato a gandeiros asociados a unha OP, senón que terán que negocialos coa correspondente organización. Ante esa situación, Ulega xa está a traballar para a súa reactivación co obxectivo de negociar o próximo ciclo de contratos coas industrias, a partir do outono. O factor de Competencia En Aprolac, a decisión aínda non está tomada. Tradicionalmente, as cooperativas primeiro compradoras viñan resolvendo de xeito individual as negociacións contractuais coas industrias, polo que a operatividade real dunha OP para negociar os prezos do leite xera incertidumes. En calquera caso, a organización de produtores semella unha figura de interese para as cooperativas, pois fronte ás restriccións que marca Competencia para calquera negociación no sector lácteo, as organizacións de produtores teñen a salvagarda da normativa europea, que lles permite non só negociar prezos senón acordos de volumes e medidas de autorregulación da produción. Se se crea unha asociación de OPs, as organizacións de produtores poderían ademais intercambiar información -sen penalizacións de Competencia-, e tomar decisións en conxunto. Nunhas xornadas organizadas recentemente pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), púxose de manifesto a potencialidade dunha OP para afrontar en conxunto situacións coma crises de prezos e medidas de autorregulación da produción. “Ogallá no sector do aceite tiveramos un instrumento similar a unha organización de produtores para afrontar a actual crise que arrastramos”, sinalou o presidente de Cooperativas Agroalimentarias de España, Agustín Herrero. Outra cuestión a ter en conta é que quizais no futuro, parte das axudas ó agro primen ás granxas que pertenzan a unha organización de produtores, se ben é unha cuestión sen aclarar. Cambio da normativa en Galicia A reactivación que se espera para as organizacións de produtores nos próximos meses pode incluír tamén a aparición de novas organizacións, pois en Galicia vaise flexibilizar a normativa para a súa creación. Por normativa, en España as organizacións de produtores teñen que sumar un mínimo de 200.000 toneladas. En Galicia, a maiores, engadiuse no seu día a esixencia de que teñan un mínimo de 1.000 produtores, unha limitación esta última que se vai eliminar proximamente, segundo se confirmou desde a Xunta. A situación, non obstante, non cambiará en exceso, pois con ganderías nunha media de 300 – 310 toneladas de produción, serían precisas máis de 600 granxas para conformar unha OP, lonxe das 200 – 300 granxas que hai de media nas OPs en países como Francia ou Alemania.

Créase a asociación de produtores de leite ecolóxico de Galicia, xérmolo dunha OP en ecolóxico

A Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia deu o seu primeiro paso coa sinatura da acta de constitución en Lugo. Unha vez recoñecida como Organización de Produtores de Leite, será a primeira OPL específica de leite ecolóxico en España. Os impulsores do colectivo, entre os que figuran o seu presidente, Amando Segundo, e o vicepresidente, Víctor Fernández, destacan que a asociación é “apolítica”. Sinalan tamén que a compoñen gandeiros con máis de 10 anos de experiencia en produción ecolóxica e que “apostará polo diálogo e por unha negociación construtiva coa industria e a Administración”. Avogan ademais por unha mellora das explotacións “en base a unha maior profesionalización e a unha redución dos custos de produción, maximizando a calidade do leite”. Esta asociación está aberta a entrada de novos gandeiros que se poderán ir sumando nos vindeiros días aos actuais socios, que representan unha produción de máis de 10.000 toneladas de leite, o que cumpre co mínimo esixido pola normativa para as OPs en ecolóxico. Os gandeiros interesados poden contactar coa asociación no e-mail aplegalicia (arroba) gmail.com.

Agaca organiza unha xornada sobre o cooperativismo leiteiro de Galicia e o Paquete Lácteo

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) reunirá este martes a medio cento de profesionais vinculados ó sector lácteo. Será nunha xornada que leva por título “Desenvolvemento do cooperativismo leiteiro galego: Paquete Lácteo” e que se celebrará no Hotel Oca Puerta del Camino. Entre os temas a abordar inclúense a reforma da Política Agraria Común (PAC), o novo marco regulador de aplicación sobre o Paquete de Produtos Lácteos, o progreso dos proxectos de Medio Rural no sector ou o acordo para o desenvolvemento do programa de prescrición e uso razoable de antibióticos.

Entre os oradores atópanse: Jorge J. Piñeiro, director xeral adxunto do FOGGA; Concha Gafo, do servizo xeral de leite e derivados lácteos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; Marcos Barreiro, xefe de servizo para análise e informes da Consellería do Medio Rural; Miguel A. Pérez, director xeral de desenvolvemento rural da Xunta de Galicia e Victorio M. Collado, técnico de Cooperativas Agro-alimentarias de España.

Finalmente, e só para as entidades socias, desenvolverase unha reunión sobre a situación actual da cooperativa e Organización de Produtores(O.P.) Aprolac.

Pódese consultar neste Pdf o programa completo da xornada.

O vacún de carne galego prepárase para crear organizacións de produtores

En Galicia xa se están sentando as bases das organizacións de produtores (OPs) de vacún de carne por medio de asociacións sectoriais que se foron creando nos últimos anos, como é o caso de A Vaca ou Agrigga Carne SCG. Abordamos co sector cales son as expectativas para estas OPs e os obxectivos que se marcan.

Incrementar a capacidade de negociación

Unha das reclamacións que se repite dende distintos colectivos céntrase en outorgarlle unha maior capacidade de negociación ós produtores, o que permitirá vertebrar e equilibrar o sector, segundo coinciden en destacar. “É preciso que se reduza a debilidade dos gandeiros para conseguir un sector onde non se impoñan as posicións dos máis fortes”, apunta Alberto Lema, de Agrigga.
Buscan que as OPs lles permitan gañar peso ós produtores e facilitar a comercialización coa industria
Tamén para José Ramón González, de A Vaca -a mesa sectorial constituída no seo de Unións Agrarias-, o principal obxectivo é incrementar a capacidade de negociación dos produtores para facilitar a comercialización coa industria. “Precisamos facer fortes ós gandeiros, xa que agora mesmo hai unha gran descompensación, onde as grandes empresas que hai crean unha gran dependencia para os produtores”, concreta González. “Hai moito interese por saber como se van desenvolver as OPs e se realmente se van converter nunha ferramenta práctica e útil para dar maior presenza ós gandeiros”, valora pola súa banda Higinio Mougán, xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias.

Fortalecer ós gandeiros

Máis alá de que a Organización de Produtores lle outorgue capacidade de negociación ós gandeiros, no sector tamén agardan que isto se traduza nun fortalecemento dos produtores. “Os gandeiros teñen que ser autónomos e loitar contra os impedimentos que lle están a poñer constantemente en contra do desenvolvemento da súa actividade. As OPs son a ferramenta para que os gandeiros poidan dirixir e establecer as súas directrices”, reivindica Lema.
"Hai interese por ver como se van desenvolver as OPs e por comprobar se realmente van ser unha ferramenta útil para os gandeiros" (Higinio Mougán, Agaca)
Lema tamén apunta que estas organizacións poden sentar as bases para que haxa unha maior profesionalización das explotacións. “Non podemos seguir entendendo isto como unha segunda ou terceira actividade, hai que ser cada vez máis profesionais”, defende.

Suplir as eivas do mercado actual

Outra das reivindicacións atende á propia estrutura que actualmente rexe este sector. “En Galicia temos un sector de vacún de carne moi delicado, que conserva prácticas de hai 50 anos, e que non lle ofrece garantías ós produtores. Modernizáronse as feiras e cambiáronse polos mercados, pero boa parte das normas que os estruturan seguen sendo as mesmas que hai anos, onde todo se tramita de palabra”, analiza González. O reto pasa por adaptar e modernizar este sistema e “non vai ser doado”, recoñece, aínda que apunta a que outros sectores como o vinícola xa afrontaron recentemente unha transformación similar con éxito.
A Vaca: “En Galicia temos aínda un sector con prácticas de hai 50 anos que é preciso modernizar”
Dende A Vaca, alertan de que esta transformación do mercado debe darse con control e evitando que sexa levada a cabo por outros actores que non sexan os produtores. “Debemos evitar que haxa a tentación de que algunha industria se poña ó fronte deste cambio”, apunta González. “Toda a organización dos gandeiros ten que partir en liberdade dende os propios gandeiros, non se pode permitir que a industria veña a organizar aínda máis a produción”, defende. A actualización do mercado tamén a reclaman dende Agrigga, denunciando que existen distintas eivas que afectan especialmente ó gandeiro e que é preciso atallar. “Hai moitos baleiros que cubrir e rexistrar. En Galicia, aínda se están a dar os prezos en canal só en quilos, mentres se obvian os decimais, e os gramos tamén suman”, exemplifica Lema algunhas destas deficiencias.
Agrigga: “No mercado galego aínda hai moitos baleiros que cubrir, como equilibrar o primeiro e o segundo semestre”
Outro dos retos que debe afrontar o mercado galego pasa por equilibrar o primeiro e o segundo semestre en canto a consumo e volume de carne. “Non hai tanta diferencia en consumo de carne como nos queren facer crer. Non se pode permitir a disparidade de prezos que hai entre un semestre e outro”, cuestionan dende Agrigga.

Cumprimento dos contratos 

Dentro dos obxectivos que se fixan para as OPs encadran tamén o uso dos contratos de longa duración como unha ferramenta que axudaría a organizar o mercado, como explican dende Agrigga. “As OPs daranlle a capacidade ós gandeiros para negociar os prezos e poder cumprir a lei de cadea e que se materialicen os contratos obrigatorios entre industria e produtores, dende unha posición de liberdade, e non dende o dominio que pode exercer a industria”, apuntan tamén en A Vaca.

Organizar as producións

Para Agrigga “as OPs son a ferramenta necesaria para concentrar oferta, conformar un volume determinado, homoxeneizalo e reunirse co mercado para poder optar a unha mellor negociación coa industria”, defende Lema. Deste xeito, agardan que a OP posibilite unha organización das producións que contribúa a amortecer a crise de prezos e permita orientar a produción á demanda do mercado.

Resposta dos gandeiros

Aínda que as OPs están por desenvolver, os gandeiros mantéñense expectantes ante esta figura e as posibilidades que lles oferta, como recoñecen tanto dende Agrigga como en A Vaca. “En canto os gandeiros coñecen as posibilidades que lles poden brindar as OPs, interésanse por estas organizacións”, explica Lema. “As OPs nunca van ir en contra de ningún produtor, so permitirán sumar esforzos e ser máis competitivos, como está ocorrendo noutros países como Francia, Italia ou Alemaña, onde están ofrecendo resultados moi positivos e onde xa se están empezando a facer organizacións de OPs” reivindica Lema.
Noutros países europeos estanse creando xa organizacións de OPs
As primeiras organizacións sectoriais que se perfilan como xermolo das OPs en Galicia dan boa conta xa do interese que suscita esta fórmula, aínda que a falta de lexislación ó respecto déixaas sen posibilidade constituírse formalmente en OPs polo de agora. “Agardamos que neste 2019 xa se poida contar con elas”, reclaman dende A Vaca. Porén, en Agaca, Mougán explica que “namentres non se concrete esta ferramenta e as posibilidades reais que LLE pode ofrecer ós produtores, tampouco se ve gran interese, aínda que o sector está á expectativa do que poidan aportar”. Á marxe da petición unánime para que se desenvolva a lexislación que permita artellar as OPs, o chamado 'Paquete da Carne', dende o sector tamén reclaman a implicación da Administración na regulación do mercado para lograr un equilibrio entre todas as partes das cadea.

As organizacións de produtores negociarán a venda de todo o leite dos seus socios

As organizacións de produtores (OP) de leite pasarán a ter un papel clave nas negociacións dos contratos coas industrias, unha vez se aprobe en España o decreto de reforma do Paquete Lácteo. O novo Ministerio de Agricultura, encabezado por Luis Planas, xa lle trasladou ó sector un borrador do proxecto e prevé a súa entrada en vigor para este outono. A principal novidade en relación ó decreto que anunciara o anterior equipo ministerial, hai un ano, é que se fortalece aínda máis a posición das organizacións de produtores. Todo o leite producido polos socios dunha OP terá que negociarse necesariamente a través da organización. A explotación socia emitirá un mandato exclusivo e vinculante para a negociación, o que implicará que renuncia a xestionar individualmente a súa produción. No anterior proxecto, barallárase a opción de deixar que o socio dunha OP reservara parte da súa produción para negociala individualmente, pero finalmente Agricultura decidiu pechar esa opción, en consenso co sector, para fortalecer así o poder das organizacións de produtores ante as industrias. En calquera caso, os socios poderán transferirlle ou non a propiedade do leite á organización de produtores. Se lle transfiran a propiedade, a OP poderá asinar os correspondentes contratos de suministro coas industrias no nome dos socios. Se non houbese transferencia da propiedade, a OP trasladaralle a cada gandeiro unha proposta de contrato para a súa sinatura. En Galicia, a principal organización de produtores, Ulega, xestionada por Unións Agrarias, xa estaba ó comezo do verán á expectativa da aprobación do decreto de reforma do Paquete Lácteo, constituíndo comisións negociadoras con cada industria con participación directa das granxas socias. Se as previsións de Agricultura se cumpren, o decreto podería estar en vigor este outono, co cal os contratos do 2019 negociaríanse xa a través das OPs. Valoracións Por parte de Unións Agrarias-Upa, considérase positivo o fortalecemento das organizacións de produtores. “As industrias non asumiron ata o de agora o papel negociador das OPs, así que é precisa a máxima regulación posible para fortalecer a negociación colectiva”, valora Román Santalla, secretario de gandería de Upa e responsable comarcal no Deza de Unións Agrarias.
"O produtor ten que dar un paso adiante e preguntarse se non é mellorable o prezo do leite a través dunha negociación colectiva" (Román Santalla, Unións Agrarias-Upa)
“Tamén o produtor ten que dar un paso adiante e preguntarse se non é mellorable a situación de prezos do leite a través dunha organización de produtores, que loxicamente terá que ser democrática e tomar as súas decisións de xeito transparente”, sinala Santalla. Por último, o responsable de gandería de Upa plántealle unha reflexión ás industrias. “En Galicia temos un prezo varios céntimos por baixo do que se paga en España e en Europa. Se as industrias non toman unha conciencia clara de pagar un prezo do leite razonable, seguirán desaparecendo explotacións, o que á larga será tamén un problema para as propias industrias”, valora. Sistema de mediación Se non hai acordo entre as partes negociadoras, ben entre organizacións de produtores e industrias, ben entre explotacións individuais ou cooperativas e as industrias, Agricultura prevé a posta en marcha dun sistema de mediación entre as partes. Con todo, igual que no anterior borrador de decreto, estipúlase que a mediación só se activará cando ambas partes estean de acordo, unha cuestión xa criticada no seu día polas organizacións agrarias, que pedían que a mediación se puidese activar unilateralmente. Transmisión de datos dos primeiros compradores O novo decreto regulará tamén a obriga de que os primeiros compradores de leite lle trasladen ó Ministerio información do prezo ó que lle venden o leite ás correspondentes industrias. Estes datos completan a información do resto da cadea, da que xa dispuña a Administración, co cal o Ministerio coñecerá os prezos de compra-venda que se rexistran en toda a cadea do leite, desde a granxa ata o supermercado. Iso permitirá en teoría detectar posibles irregularidades.
"Se non se lle esixe fianza ós primeiros compradores, seguirá habendo impagos a gandeiros. Teremos que mandarlle os casos a Competencia?" (Román Santalla)
Nun principio, estaba previsto tamén que o decreto regulase o depósito dunha fianza de 150.000 euros por parte dos primeiros compradores, a fin de que servira para afrontar posibles impagos ós gandeiros. Desde o sector agrario pedírase xa hai un ano que esa fianza fose maior, pero finalmente a Comisión Nacional da Competencia recomendou que se eliminase a petición de fianza, unha recomendación que o Ministerio tivo en conta, eliminando esa disposición. A eliminación da fianza disgusta no sector agrario. “Se non hai fianza, haberá xente que quede sen cobrar. Así de claro. Tódolos días temos casos de impagos a gandeiros. Que facemos, mandámosllos á Comisión Nacional de Competencia?”, pregúntase Santalla. Regulación temporal de queixos con denominación de orixe O decreto de reforma do paquete lácteo prevé tamén a posibilidade de que nas denominacións de orixe de queixo, por petición maioritaria dos produtores, se poida facer unha regulación temporal da oferta de queixos, a fin de axeitala á demanda.