Archives

O caderno dixital pasa a ser voluntario, con incentivos ó seu uso

O ministro de Agricultura, Luis Planas, anunciou hoxe un paquete de medidas para atender ás demandas de agricultores e gandeiros, que desde hai semanas se están a mobilizar a nivel de toda España. Planas reuniuse esta tarde coas organizacións agrarias Asaja, Upa e Coag, coas que comprometeu unha serie de cambios. “Escoitamos e damos resposta. Pero os sentementos e inquietudes do agro teñen que transformarse en cuestións concretas que sexamos capaces de resolver”, valorou Planas. “As protestas de agricultores e gandeiros nacen de preocupacións lexítimas e respetamos toda protesta pacífica. O problema -valorou Planas- son as interferencias políticas espúreas”. En rolda de prensa tralo encontro coas organizacións agrarias, Planas subliñou que este primeiro paquete de medidas seguirase traballando en reunións técnicas, así como en próximos encontros coas comunidades autónomas e a nivel europeo o 26 de febreiro. As medidas concretas xa comprometidas polo Ministerio son as seguintes:

1) Simplificación da PAC e das normativas

  • O caderno dixital pasa a ser voluntario, en lugar de obrigatorio. Agricultura habilitará incentivos para promover o seu uso, pero non será unha cuestión obrigatoria. Quedan por definir que tipo de incentivos decide o Ministerio. “Hai que dicir que o caderno dixital é algo fundamental para o agro, pois permítenos levar un control sobre aspectos como o uso de fitosanitarios. A cuestión é que temos moitos tipos de explotacións diferentes, tamén pequenas explotacións”, valorou Planas. “Por iso decidimos facer o seu uso voluntario, aínda que estou convencido de que o caderno dixital popularizarase no agro ao nivel do que ten un smartphone hoxe en día”, comparou.
  • Flexibilización da normativa de condicionalidade da PAC 2024. O ministro aludiu á flexibilización dos requisitos 7 e 8 das Boas Condicións Agrarias e Medioambientais, que abordan a rotación de cultivos e as superficies non produtivas. Queda por ver o detalle dos compromisos e se Bruxelas os valida.
  • Eliminación das fotos xeorreferenciadas das parcelas na declaración da PAC. “É necesario que haxa unha correcta xustificación do destino dos fondos públicos da PAC, pero tamén hai que eliminar requisitos superfluos”, opina Planas ao respecto desta medida.
  • Réxime simplificado da PAC. "Proporémoslle á Comisión Europea o día 26 que se poña en marcha un rexime simplificado da PAC, con menos requisitos, para os beneficiarios que cobren menos de 5.000 euros", sinalou o ministro.
  • >Ampliación do catálogo de ecoesquemas en zonas áridas, onde menos se solicitaron ecoesquemas. “Tres de cada catro explotacións solicitaron ecoesquemas e imos gastar o 100% dos fondos nesa partida, o que non poden dicir moitos Estados membros, pero si é certo que nas zonas áridas detectamos que hai problemas para entrar nos ecorreximes”, recoñeceu Planas.
  • Veterinario de explotación. O ministro anunciou a convocatoria dun foro de gandería extensiva para abordar a normativa do veterinario de explotación, que preocupa no sector.

2) Reforzamento do control da cadea alimentaria

O ministro avogou por unha maior coordinación coas comunidades autónomas, “que teñen que asumir a súa responsabilidade na aplicación da Ley de la Cadena Alimentaria”, valorou Planas. En canto as medidas concretas, o ministro sinalou as seguintes:
  • A Agencia de Información y Control Alimentario (Aica) eleva o seu rango ó nivel de axencia estatal e contará con máis medios materiais e humanos. O obxectivo é aumentar as inspeccións e controis de oficio.
  • Publicaranse as sancións totais acumuladas por empresa en sancións graves ou moi graves. “É unha medida pedagóxica que preocupa ás empresas, pois o dano reputacional é importante”, valora o ministro. Desde xaneiro do 2013 anúncianse trimestralmente as novas multas que impón a AICA, pero as anteriores nunca se publicaran.

3) Controis en fronteira

  • Reorganización dos controis en fronteira para mellorar a eficacia dos controis. “Non é certo que non haxa controis, como teño escoitado estes días, pero hai que melloralos”, valorou Planas.
  • España vetará a entrada de froitas ou hortalizas nas que se detecten residuos de produtos fitosanitarios non autorizados na UE, con independencia do volume destes residuos. O Goberno defenderá ademais nos foros internacionais que as clausulas espello se apliquen de xeito xeralizado na UE, é dicir, que os produtos que se importan teñan que cumprir os mesmos requisitos que os producidos na UE.

4) Relevo xeneracional

O Ministerio de Agricultura anuncia unha Conferencia Sectorial cos conselleiros das comunidades autónomas para abordar a cuestión do relevo xeneracional, un dos graves problemas estruturais do agro en España.

Valoracións das organizacións agrarias

Asaja, Upa e Coag anunciaron que manteñen o calendario de protestas convocado, “xa que queda camiño por percorrer”, se ben consideraron un “paso adiante” os compromisos de Planas. Desde Asaja, a organización maioritaria, valoraron en positivo as medidas pero chamaron a solucionar outros asuntos pendentes, como a xestión dos xurros na gandería ou a cuestión do lobo, da que culparon ó Ministerio de Transición Ecolóxica.
Máis información: Podes ler na web do Ministerio a nota de prensa que emitiron despois da reunión coas organizacións agrarias, na que detallan o paquete de medidas acordado. https://www.campogalego.gal/tractoradas-o-martes-20-para-urxir-medidas-adicionais-para-galicia-nos-xurros-e-nos-ecorreximes/ https://www.campogalego.gal/execion-de-normas-sobre-terras-en-barbeito-para-agricultores-europeos/

As organizacións agrarias de Galicia e da Cornixa Cantábrica convocan mobilizacións o martes 20

As organizacións agrogandeiras da Cornixa cantábrica sairán á rúa o vindeiro 20 de febreiro. A data foi fixada nunha reunión na que participaron os colectivos maioritarios de Galicia, Asturias e Cantabria. No encontro deron luz verde ás mobilizacións coordinadas que se agarda se estendan dende a fronteira con Portugal á de Francia. Euskadi non puido participar na xuntanza, pero agárdase que os colectivos da Comunidade tamén se sumen ás accións conxuntas na defensa do sector agrogandeiro. Ante a existencia de problemáticas comúns a toda a cornixa, os convocantes entenden que é necesario que agricultores e gandeiros de toda esta franxa vaian da man na defensa dos seus intereses. Con ese obxectivo, o vindeiro martes 13 de febreiro celebrarán unha nova xuntanza para pechar a táboa de reivindicacións conxunta, para a que o documento consensuado en Galicia por Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e Asociación Agraria de Galicia servirá de base. As organizacións agrarias entenden que existen suficientes motivos para que o sector produtor saia á rúa. As organizacións ven necesario actuar para paliar a excesiva burocracia e o aumento dos custos xerado pola entrada en vigor de novas normativas europeas; así como para garantir que os acordos comerciais con países extracomunitarios non poñan en risco a soberanía alimentaria nin supoñan unha competencia desleal para os produtores locais. A pesar de que a Lei de Cadea é clara ao respecto, a ausencia de contratos claros, o pago por debaixo de custos de produción e a imposición de prezos eludindo a negociación colectiva seguen a ser prácticas habituais, segundo aseguran os colectivos. Estas cuestións, din, precisan de solucións contundentes mediante un incremento do celo das administracións e un reforzamento dos medios e actuacións de control

Anúncianse mobilizacións polo prezo do leite ante as cadeas de distribución

O progresivo aumento dos custos de produción no campo, sen que haxa unha subida paralela dos prezos do leite, desencadeou hai unhas semanas as primeiras mobilizacións en Andalucía. Agora as protestas comezan a extenderse, aínda timidamente, co foco posto sobre as cadeas de distribución. A Coag, Upa e Asaja, as tres principais organizacións agrarias de España, organizarán unha concentración conxunta o 2 de agosto en Santander ante o Makro, unha das principais cadeas cash para hostelaría. Esta semana tamén se prevén mobilizacións da organización Unión de Uniones en Oviedo (martes 27), Vic (martes 27) e Lugo (mércores 28), en tódolos casos ante a cadea Mercadona. Tanto as industrias lácteas como as propias organizacións agrarias culpan ás cadeas de supermercados de estar bloqueando o prezo do leite no campo, pois mentres as marcas brancas de leite se estean vendendo por baixo dos 60 céntimos, as marxes de beneficio de toda a cadea quedan condeadas. Polo de agora, os únicos movementos á alza do prezo do leite que se produciron no campo chegaron de Pascual (1 céntimo) e, sobre todo, das industrias proveedoras de Mercadona ligadas ó grupo Covap, como a cadea Naturleite, que anunciou unha suba de 2 céntimos. Ese movemento de Naturleite e Covap semella anticipar unha suba do prezo nos lineais por parte de Mercadona que, segundo publica hoxe El País, tería confirmado un aumento de 3 céntimos no prezo de venda ó público. Ao tratarse Mercadona da principal cadea de supermercados de España, con máis dun 30% de cota na venda de leite líquido, espérase que o movemento de Mercadona se propague ó resto de cadeas comerciais. En Galicia, Ulega, a organización de produtores ligada a Unións Agrarias, está desenvolvendo esta semana unha nova ronda de contactos con industrias e cadeas de supermercados para comprobar se o resto de industrias e cadeas comezan a mover ficha. No caso de que non sexa así, barállase o inicio de mobilizacións.

“Deixan á xente do rural sen servizos e sen dereitos para favorecer o seu expolio”

Moitas das transformacións que deron lugar tanto ó sector agrogandeiro como forestal de Galicia tiveron lugar no século pasado. Afondamos da man de Alba Díaz Geada, doutora en Historia Contemporánea e profesora na área de Antropoloxía Social na Universidade de Santiago de Compostela (USC), nalgúns dos principais cambios que sufriu o agro galego no século XX. -Cales cree que foron os cambios máis significativos que experimentou nos últimos tempos o campo galego? -O século XX foi un século de grandes transformacións na sociedade rural galega, coma noutras moitas con cadansúas especificidades. Hai autores que mesmo, a partir da segunda posguerra mundial, falaron da fin do campesiñado. Tal vez, se quixeramos tentar unha resposta condensada, poderiamos dicir que a agricultura, particularmente a partir da década dos 60, vai ter que tornar de modo de vida en sector económico rendible. Se por mediados de século máis da metade das casas na Galiza vivían da terra e doutros oficios, a partir deses anos vanse ver obrigadas a reorientarse cara a especialización produtiva, migrar na procura dun traballo asalariado non agrario ou, co tempo, irse preparando para o abandono.
"A partir dos anos 60 a agricultura vai ter que tornar de modo de vida en sector económico rendible"
Nas últimas décadas, agudízase a tendencia pola que aumenta a capacidade produtiva, mentres diminúen os produtores. Cada vez é máis difícil ser o suficientemente rendible, dacordo ás normas do mercado. Á vez, xorden novas propostas, de produción e de vida, que enraízan ou buscan respostas naquela agricultura que era de todos e foi quedando invisibilizada. -O sindicalismo agrario, as organizacións labregas, que papel xogaron na conformación da realidade actual do agro galego? -A actividade dos sindicatos democráticos que se organizaron a mediados da década dos 60, na clandestinidade, estivo moi ligada á loita política contra da ditadura, a prol da ruptura democrática. Os sindicatos labregos, comunistas e nacionalistas, acompañaron as reivindicacións dos labregos e labregas contra a chamada Cota Empresarial, contra os impactos de numerosos proxectos mineiros, industriais e infraestruturais, a prol da recuperación dos montes veciñais e a prol duns prezos agrarios xustos. Defenderon, ademais, un programa agrario cuxas medidas permitisen a vida digna das casas labregas.
"A organización colectiva xogou un papel relevante na loita contra o que de explotación tiñan as distintas políticas modernizadoras"
Coido que a organización colectiva xogou un papel relevante na loita contra o que de explotación tiñan as distintas políticas modernizadoras dese tempo. Os impactos, os ritmos e a capacidade de negociar as mudanzas é moi distinta nun contexto ditatorial dun marco onde é posible a organización colectiva democrática. Finalizada a ditadura, xurdirán novas organizacións sindicais que continuarán a defender ós produtores, nun tempo de crecente especialización e profesionalización da actividade agraria. -Ten abordado os cambios socioeconómicos no rural galego do tardofranquismo atendendo á figura da muller, como afrontaron as mulleres esta transformación? -A muller xogou un papel central na mudanza, que cabería seguir pensando con tempo e fondura. Por un lado, as mulleres labregas tiveron un papel central no traballo produtivo. Nos moi frecuentes casos de migración temporal ou definitiva dos homes, ou do traballo dos mesmos en actividades fóra da casa, as mulleres levaban o maior peso do traballo agrario. Cando algunhas casas iniciaron un proceso de especialización produtiva que levou á profesionalización da actividade, parece advertirse unha masculinización da mesma. A agricultura que torna invisible, a que labran as mulleres dos homes que van á mina ou á fábrica, a que se entende “complementaria”, é feminizada. Nesa agricultura continúa a recrearse o rico entramado cultural das comunidades campesiñas. De aí o papel fundamental das mulleres no coidado e transmisión do mesmo. Cabería preguntarnos, por outro lado, como conxuga o anterior coa aposta das mulleres pola educación das fillas para un porvir diferente onde poder afrouxar as ataduras do patriarcado. Unha educación, por outra parte, que deu moito as costas ó rural. A ambivalencia do proceso esixe dunha mirada atenta e afinada para facer fronte ás preguntas sobre a mesa. -Hai quen ve nas mulleres labregas un empoderamento e un ‘matriarcado silencioso’ similar ó doutros pobos. É unha visión idealizada? -Non me atrevería a afirmalo. A diferenza do que acontece noutros casos, na sociedade labrega galega a muller ten un peso central na produción e na reprodución comunitaria. Moitas veces, como comentabamos, as mulleres levan o peso da casa. E cando aumenta o peso dos traballos asalariados non agrarios, ocupados maiormente polos homes, son as mulleres e os maiores os que sosteñen o sistema produtivo que nos dá de comer, e o entramado relacional e cultural comunitario, cada vez máis achicado. O anterior non quita, nin moito menos, que as mulleres na Galiza non sufran o dominio do patriarcado, e que moitas mozas atopen na marcha unha posible vía para separarse do mesmo. Mais quizais non sexa a cidade quen libera, nin o campo quen oprime. Quizais cumpriría explorarmos as distintas formas de dominación, que non coñecen fronteiras, e como estas se readecúan no tempo. E quizais naquelas comunidades a extinguir podemos mesmo atopar potencias, caso da fortaleza da axuda mutua, que inspiren respostas perante os problemas sociais que xera o engorde permanente do individuo en soidade. -Centrouse tamén en estudar os comezos do Servizo de Extensión Agraria (SEA) a mediados dos 50, que chegou ós nosos días daquelas primeiras liñas de actuación deste servizo? -O Servicio de Extensión Agraria creouse seguindo inicialmente o modelo do extensionismo estadounidense. Inicialmente orientado ó traballo nas explotacións, a práctica evidenciou que a transformación esixía traballar cos rapaces novos, coas mulleres e co conxunto da comunidade. Dalgún xeito, evidenciaba tamén que a agricultura era moito máis ca unha actividade produtiva. Ese traballar con, por outro lado, fixo da súa labor unha proposta ben interesante, máis aínda no contexto ditatorial en que se insería. Algúns proxectos produtivos de carácter cooperativo promovidos por planteis de mozos, continúan, con cambios, traballando hoxe en día. Ó tempo, o conxunto das mudanzas que os axentes de extensión de economía doméstica acompañaron en moitas comarcas, aínda crendo en facer posible seguir vivindo do agro, camiñaban cara un rural onde cada vez era máis difícil poder continuar. Non serían poucos os axentes que cavilarían a respecto dos paradoxos que contiña ese proceso.
"Unha das primeiras políticas agrarias da ditadura foi a expropiación dos dereitos das comunidades sobre os montes"
-Son estes os cimentos do sistema agrogandeiro que coñecemos a día de hoxe? -É posible, si, aínda que cabería contrastar todas estas cuestións con mellores coñecedores da materia. Na década dos 60 do século pasado, políticas estatais e instancias internacionais convidaron á reestruturación do agro dacordo a unha serie de especializacións produtivas orientadas polas demandas previstas dunha sociedade de consumo en construción. Ese proceso conlevou enormes esforzos por parte das casas labregas que se embarcaron no mesmo, conformándose un sector produtivo cun alto grao de dependencia. Ó tempo, moitas outras casas tentaron continuar cun modelo mixto, cada vez menos posible. Hoxe en día, unhas poucas explotacións seguen resistindo, e outras moitas teñen que botar o peche. Das que nos 80 aínda ían indo cunhas poucas vacas e un salario, poucas quedan. No entanto, non sen dificultades, algúns mozos tentan continuar no agro, traballando por outras formas de produción, recuperando algunhas que foran denostadas polos avós, no marco de propostas agroecolóxicas. -Cales eras as liñas xerais que se marcaban daquelas para o rural galego? Como foi a evolución? -Aínda que caberían moitas precisións ó respecto, dados os distintos espazos rurais do noso territorio, as distintas capacidades e circunstancias, quizais nos sirva como liña xeral insistir nesa promoción da especialización produtiva. A agricultura da primeira metade do século XX era maiormente de policultivo e gandería, co monte como soporte e fornecedor de estrume, espazo de pastoreo e de cultivo. Unha das primeiras políticas agrarias da ditadura franquista conlevou a expropiación efectiva dos dereitos das comunidades sobre os seus montes e o alleamento do monte do sistema agrario do que era soporte, para orientalo á produción de madeira para a industria celulósica. A especialización produtiva en distintas vertentes, caso da produción láctea, será incentivada polo Estado e as empresas privadas. As liñas marcadas polo Estado, por outro lado, non foron sempre unívocas nin carentes de conflito, caso do que atinxe ós intereses ás veces contrapostos da vertente forestal fronte á gandeira. A práctica dos labregos, por outra parte, non sempre se axustou á perfección ós ideais tecnocráticos. Durante décadas, foise plantando algún monte sombrío, ó tempo que se seguía labrando millo, trigo, patacas e horta. Seguíronse criando unhas poucas vacas de traballo e outras poucas de leite, aínda todas co seu nome. E seguíronse xuntando os veciños de cerca para facer a esfollada.

"Hai moitas décadas que comezaron a pecharse escolas e outros dereitos no rural"

-Nos últimos tempos estamos afrontando unha despoboación do rural, é unha repetición dos éxodos que se produciron noutras épocas como nos anos 50 e 60 cara a Europa e Latinoamérica? -Tal vez non sexa unha repetición, porque os tempos e as circunstancias son outros, pero é posible que podamos entender estes novos éxodos como parte dun novo momento na división internacional do traballo. Non se trata, ó meu ver, de que mozos formados queiran vivir a aventura do descoñecido. Trátase de se teñen ou non o dereito a reproducir a súa vida na terra onde se criaron. A pregunta sérvenos para momentos anteriores. No tempo das migracións masivas ó sur do continente americano no primeiro terzo do XX, os emigrantes articulaban alén mar asociacións de parroquia e retornaban escolas a comunidades vivas. Hoxe, moitos mozos, xa non só da aldea, tamén das vilas e das cidades, teñen que volver marchar. No entanto, pechan as portas das últimas casas abertas de moitas aldeas, como corolario necesario deste proceso sobre o que vimos falando. Non é só que hoxe falten servizos, é tamén que hai moitas décadas que comezaron a pecharse escolas e outros dereitos. -Pese a que o sector agrario debera ser comprendido como un piar fundamental da sociedade, como reivindican moitas voces, durante anos en Galicia asociouse o traballo no campo como unha alternativa despectiva ‘aquel que non valía para outra cousa quedaba atendendo as vacas ou as terras’. Que motivou a que esta concepción se mantivese durante tanto tempo? -Certamente, trátase dunha cuestión de grande calado. Este proceso de mudanzas que parece intensificarse a mediados do século pasado, contou cunha clara dimensión aculturadora. O rural, dacordo a certas teorías do desenvolvemento construídas nestas décadas, era un atraso a superar. Con ese argumentario, encubríase o expolio.
"O rural, dacordo a certas teorías do desenvolvemento, era un atraso a superar. Con ese argumentario, encubríase o expolio"
A lingua galega, era a da incultura. Nese sentido, a mobilización colectiva contribuiu a pensarmos se os agravios serían inxustizas e non males naturais. Mais é preciso continuar traballando neste sentido, porque o autodesprezo imposto calou fondo. E aínda así, desde a ambivalencia e con vento en contra, o que queda desa cultura popular desprezada é unha das nosas maiores forzas colectivas.

Agromuralla demanda medidas efectivas que melloren o prezo do leite

A asociación Agromuralla aproveitou a súa asemblea xeral para demandar das distintas Administracións públicas "medidas efectivas para garantir a pervivencia e o futuro do sector productor de leite en Galicia". Xurdida da unión dos produtores de leite que rodearon a muralla de Lugo cos seus tractores nos meses de setembro e decembro de 2015 para protestar pola situación que atravesaba o sector, Agromuralla está integrada neste momento por 400 socios. A entidade, presidida por Roberto López, considera que o panorama está algo mellor que no 2015, aínda que sinala que non se deu unha solución definitiva aos distintos problemas que motivaron as tractoradas dese ano, destacando que “os cambios lexislativos que se produciron desde entón foron moi insuficientes para protexer ao sector", explica Roberto López.
"Os marxes das granxas son escasos e dificultan os investimentos na modernización das explotacións" (Roberto López)
"Aínda que neste momento os prezos en orixe están uns 5 céntimos por enriba do que se cobraba a finais do 2015, no momento das tractoradas pola última crise de prezos, a suba dos custos de produción desde entón, coa escalada de prezos do gasóleo ou da enerxía eléctrica e o incremento de custos dos cereais ou de impostos como o IBI tralo catastrazo, fai que os marxes das granxas sexan moi escasas", argumenta o presidente de Agromuralla. Roberto López reclamou "cambios" nunha lexislación que "non garante a igualdade de condicións" nas relacións entre os gandeiros e as industrias e cadeas de distribución, o que provoca, dixo, un "reparto desigual" da cadea de valor que "prexudica claramente" aos gandeiros e gandeiras. "Na nosa comunidade é na que menos pagan as industrias polo leite, un céntimo por debaixo da media estatal, pero con diferenzas significativas como os tres céntimos menos con respecto ao que cobran de media os produtores de leite en Asturias, por exemplo", denunciou. As escasas marxes coas que traballan os gandeiros galegos "non permiten facer fronte aos importantes investimentos que se están a facer na modernización das explotacións para garantir a súa viabilidade", considera Agromuralla, que reclama "solucións a problemas endémicos do rural galego como a escaseza de base territorial das explotacións. Xabarín e puríns Outros problemas abordados na asemblea foron os danos dos xabaríns no agro ou a incertidume en torno á lexislación dos puríns. "Temos a sensación de que se nos culpa inxustamente por parte dos sectores máis urbáns da poboación do cambio climático, cando temos unha parte de responsabilidade moi pequena niso e de que se nos quere cargar coa obriga da redución de gases de efecto invernadoiro ,cando desde logo non é a gandería o sector que máis contamina, ao contrario, contribuimos a coidar o medio ambiente e a secuestrar CO2", expón Roberto López.

Agromuralla celebra este mércores a súa asemblea xeral

A asociación Agromuralla, xurdida das tractoradas de finais do 2015, ten previsto celebrar na tarde deste mércores a súa asemblea xeral, á que están convocados os arredor dos 400 socios con que conta. A asemblea, que se celebrará en Lugo, servirá para facer balance dos catro anos do colectivo, nos que Agromuralla tentou defender os intereses do sector. Presidida por Roberto López e cunha ampla representación no sector lácteo de Lugo, así como nalgunha comarca gandeira da Coruña, Agromuralla destaca de si mesma “a absoluta independencia á hora de velar polos intereses dos gandeiros e gandeiras de Galicia”, segundo indica en nota de prensa. O colectivo considera que durante a súa curta vida ten feito un traballo importante para a “visibilización do sector produtor de leite e dos problemas do rural” por parte da sociedade. Repaso ó sector lácteo Durante a asemblea, está previsto que se faga un repaso polos asuntos que máis preocupan ás granxas de leite, tales como a incertidume polas esixencias medioambientais relativas ó uso do purín, os danos da fauna salvaxe ou o aumento de custos derivados da suba de gasoil e electricidade. “A isto engádese -conclúe Agromuralla- un problema de relevo xeracional e de falta de persoal en moitas granxas e a unha lexislación que non garante a igualdade de condicións nas relacións entre os gandeiros e as industrias e cadeas de distribución, o que provoca un reparto desigual da cadea de valor que prexudica aos gandeiros e gandeiras”.

A reforma do Paquete Lácteo en España ultima a súa posta en marcha, tras o trámite de Competencia

O proxecto de reforma do Paquete Lácteo en España, presentado polo Ministerio de Agricultura hai case un ano, afronta os seus últimos trámites, logo do informe emitido estes días por Competencia. A revisión do Paquete Lácteo en España ten entre os seus obxectivos principais facer operativas as organizacións de produtores (OPs), que ata o de agora tiveron un funcionamento residual no país. Outro dos fins é o de ofrecerlle maiores garantías ás explotacións gandeiras en caso de impagos de primeiros compradores. O Paquete Lácteo naceu en Europa no 2012 co obxectivo de establecer relacións específicas de contratación no sector leiteiro, permitindo excepcións ás normativas comunitarias de Competencia. O informe emitido agora pola Comisión Nacional de Mercados y Competencia (CNMC) recoñece a excepcionalidade do Paquete Lácteo, pero precisa que “salvo nos casos recollidos expresamente, a normativa de competencia segue aplicándose no sector”. Negociación colectiva coas industrias O proxecto de reforma do Paquete Lácteo en España busca impulsar a negociación entre as organizacións de produtores (OPs) e as industrias lácteas, que ata agora estiveron bloqueadas por parte das industrias. A revisión do Paquete Lácteo naceu coa idea de impedir que as industrias lácteas negocien de xeito individual cos gandeiros adscritos a unha organización de produtores, de xeito que se force así a negociación colectiva entre industrias e OPs. Unha das dúas organizacións de produtores constituída en Galicia, Ulega, creada por Unións Agrarias, está ultimando estes días os comités negociadores que se reunirán con cada industria, que estarán conformados por gandeiros da propia OP, acompañados do correspondente asesoramento. Ulega agarda que a negociación coas industrias se active en canto se aprobe a reforma do Paquete Lácteo. En relación á reforma do Paquete Lácteo proxectada polo Ministerio de Agricultura, a CNMC cuestiona o periodo mínimo de adhesión dos gandeiros a unha OP, que se establece en dous anos. A CNMC propón que se baixe ese periodo e lembra que o mínimo esixido pola normativa comunitaria é dun ano. Tamén pide que se eliminen as penalizacións ás explotacións en caso de renuncia anticipada e que non se lles impida incorporarse a outra OP no prazo dun ano. Primeiros compradores Competencia tamén quere estar informada sobre os acordos de produción e venda que suscriban as OPs, a fin de controlar que se cumpre coa normativa comunitaria. Outro punto polémico do informe da CNMC radica en que se opón á fianza de 150.000 euros que o Ministerio de Agricultura propuxo esixirlle ós primeiros compradores, a fin de enfrontar posibles casos de impago. Esa fianza era considerada insuficiente polas organizacións agrarias, pois antes do fin das cotas lácteas pedíase unha fianza de 300.000 euros, pero desde a perspectiva de Competencia non está xustificada a petición da fianza. Igual que sucede co resto de informes de Competencia, corresponderá agora ó Ministerio competente decidir sobre a redacción final do proxecto de Real Decreto. Queda tamén por ver se o cambio de Goberno leva á inclusión de cambios na iniciativa, se ben á fronte da Secretaria de Agricultura do Ministerio situouse Fernando Miranda, ata agora director general de Mercados, polo que non se esperan grandes cambios.

Mobilización polo rural este domingo en Santiago

Arredor de medio cento de colectivos agrarios, forestais e do mundo da caza e pesca protagonizarán este domingo unha mobilización en Santiago baixo o lema ‘Creamos natureza e vida no rural: Non somos o problema, somos a solución’. Os participantes congregaranse ás 11 horas na Alameda e farán un percorrido ata a Praza da Quintana, onde se lerá un manifesto a favor do mundo rural. Os convocantes, que fan un chamamento á participación da sociedade galega, destacan que as súas actividades contribúen a fixar poboación e a crear riqueza no rural para mantelo vivo e activo. O acto concíbese como unha chamada de atención contra o abandono e como un acto de reinvindicación do rural, se ben os organizadores precisan que “non vai contra ninguén”.
"Se persiste o abandono, é cuestión de tempo unha catástrofe social e medioambiental"
“A mobilización, que non é contra ninguén, xurde en resposta ao abandono que está a sufrir o mundo rural. Cómpre que a sociedade tome conciencia de que se persiste o abandono do rural galego, só é cuestión de tempo unha catástrofe social e medioambiental. Por iso, os organizadores da marcha convidamos a todos os partidos políticos a participar nesta iniciativa, para amosar que se trata dunha reivindicación dunha vida digna e dun futuro próspero para o mundo rural”, explican os convocantes en nota de prensa. Á frente da organización do acto, que aglutina a medio cento de colectivos, destacan entidades como Unións Agrarias, o Clúster da Madeira, a Asociación Forestal de Galicia ou a Mesa Galega pola Caza. Tamén houbo significativos desmarques, como o da IXP Castaña de Galicia, que está de acordo no fondo do acto pero que discrepa con algunha das entidades convocantes sobre o sitio que lle corresponde ó eucalipto no monte galego. “Non é certo que o abandono do rural se solucione plantando eucaliptos, como teñen manifestado representantes da cadea da madeira”, valoran desde a IXP, que tamén precisa que “no rural hai sitio para todos”. Outro colectivo que se desligou da protesta é a Asociación Agraria de Galicia (antiga Asaja - Xóvenes Agricultores), que expresa dúbidas similares e pregúntase cales son os obxectivos reais da protesta. Máis información - Decálogo en defensa do mundo rural dos convocantes da manifestación.

Creada unha asociación sectorial de vacún de carne, A Vaca

O sector do vacún de carne galego estase preparando para a futura creación de organizacións de produtores, unha figura aínda pendente de regulación en España. Son varias as organizacións de produtores en perspectiva, entre elas a que ten previsto crear Unións Agrarias, que xa se decidiu a aglutinar ás explotacións interesadas no proxecto nunha asociación sectorial, A Vaca, orientada só a ganderías en extensivo que traballan con vacas nutrices. O presidente de A Vaca é José Ramón González, que xa viña coordinando o sector de vacún de carne en Unións Agrarias. “O obxectivo último da asociación sitúase na creación dunha marca propia, no marco de Ternera Gallega e de Vaca e Boi de Galicia, coa idea de impulsar prácticas comerciais máis transparentes e do século XXI”, destaca González. Acto de presentación da asociación. A creación de A Vaca formalizouse a pasada semana nunha reunión constituínte celebrada no salón de actos da Deputación de Lugo. Ao longo dos próximos meses, Unións informará sobre a asociación as súas explotacións socias de vacún de carne en extensivo, “que superan as 3.000”, sinala o presidente da agrupación. O colectivo organizarase en torno a cinco territorios, tres da provincia de Lugo (Mariña – Terra Cha, montaña lucense e Lugo interior e sur), un na provincia da Coruña e outro que aglutinará a Ourense-Pontevedra. PAC post-2020 Como primeiro paso da nova asociación, José Ramón González sitúa a batalla política que prevé dar sobre a PAC post-2020. José Ramón González, presidente de A Vaca. “Están previstos recortes nas axudas da PAC, que son imprescindibles para as ganderías de vacún de carne en extensivo, que teñen unha renda que depende un 40% das axudas. Ante esta situación, hai que demandar uns novos criterios de reparto nos que clarifiquemos quen pode cobrar a PAC e quen non. Deberase tamén establecer un teito de axudas máximas a percibir por explotación”, advirte González. “A gandería de carne xoga un papel imprescindible á hora de fixar poboación no rural e cumpre tamén unha función medioambiental clave en cuestións como a prevención de lumes”, conclúe González.

A Fruga interpón un contencioso contra a Xunta polas subvencións a organizacións agrarias

A orde de axudas dirixida a organizacións agrarias, convocada por Medio Rural en decembro do 2017, vén de ser impugnada pola Federación Rural Galega (Fruga) por medio dun recurso contencioso administrativo. A Fruga considera que a orde de axudas, dotada de 210.000 euros para o conxunto do sector, ten unhas bases reguladoras que na práctica impiden que a Fruga se poida beneficiar desas axudas. Na argumentación do seu recurso, a Federación destaca que é unha organización profesional agraria constituída e recoñecida ao amparo da Ley 19/1977, que regula o dereito de asociación sindical. A Fruga cuestiona que a orde da Consellería deixe fóra ás organizacións que non teñan concorrido ás eleccións a cámaras agrarias provinciais do 2002, pois considera que desde aquela ten mudado o panorama de representatividade do sector. Outra das cuestións coas que non está de acordo a Fruga é con que a orde de axudas estableza a obrigación de pertenza da organización solicitante a unha organización profesional agraria a nivel estatal.

“O sector lácteo de Galicia merece un prestixio social que aínda non ten”

A asociación Gandeiros de Mazaricos, creada hai un par de anos coincidindo coas protestas do sector lácteo, está xa consolidada como un referente do sector na comarca de Barcala – Xallas. Aglutina á gran maioría das explotacións de leite do concello e coorganiza cada ano a Semana Gandeira de Mazaricos, un evento que logrou non só implicar ó sector, senón a toda a poboación do municipio. Preside a asociación Óscar Blanco, un gandeiro que se incorporou hai algo máis de 15 anos á explotación familiar, na que manexan a día de hoxe unhas 250 cabezas, 120 en muxidura, cunhas medias de produción de arredor de 41 litros por animal. - Levades algo máis de dous anos coa asociación en marcha, que balance facedes? - Unha das cuestións importantes de Gandeiros de Mazaricos é que practicamente todas as explotacións do concello están na asociación, e non só as explotacións, senón que tamén acollemos ós negocios do entorno, como talleres, ferreterías e outros, que indirectamente viven en boa medida do sector lácteo. A idea que tiñamos cando nos constituímos era a de mirar en conxunto polos problemas do sector en Mazaricos, para ver o que se podía cambiar. Tamén nos orientamos ó tema de formación, potenciando a xornada técnica da Semana Gandeira de Mazaricos e dándolle un enfoque práctico, que lle sirva á xente para mellorar cuestións no día a día da súa granxa. - Que problemas destacarías no sector lácteo a nivel do voso concello? - A cuestión que nos preocupa sempre ós gandeiros é o prezo do leite. Houbo acordos e implantáronse contratos por escrito entre granxas e industrias, pero seguimos igual. Son as empresas lácteas as que continúan impoñendo os seus prezos. Por parte da Xunta, tiña que haber máis presión sobre as industrias para cambiar a situación.
"Cústanos atraer man de obra externa. A xente incluso prefire traballar noutro sector cobrando menos"
Outro dos temas que preocupa a nivel da comarca é a falta de man de obra para as explotacións lácteas. A xente prefire traballar noutro sector, como a hostelería, incluso gañando menos, en lugar de na gandería. Cústanos atraer a man de obra externa, en boa medida porque en Galicia o sector lácteo non se ve como o sector forte que é nin logrou o prestixio social que ten a gandería noutros países. Na nosa explotación, por exemplo, instalamos recentemente dous robots de muxido por estes problemas de man de obra que hai. - Aumentar o recoñecemento social do sector é precisamente un dos obxectivos da Semana Gandeira de Mazaricos, na que vos estades implicando non só gandeiros, senón asociacións culturais, escolas e todo o concello, en definitiva. - Tratamos de promover que a gandería teña un recoñecemento, que sexa ben vista e que a xente se involucre, participe nas actividades que facemos e haxa outra idea sobre o agro. O sector lácteo ten que ser máis valorado porque sempre aguantou de Galicia. E se falamos do rural, o mesmo. O lóxico é dar uns servizos públicos no rural e que a xente non se vexa obrigada a marchar pola falta de servizos. Eses servizos teñen un custo, pero que é mellor, pagar ese custo ou gastalo nun futuro en extinción de lumes do territorio que queda abandonado? - En canto ós problemas do sector, dúas cuestións habituais son a falta de acceso a terras suficientes e o relevo xeneracional. Como é a situación na comarca? - A zona de Mazaricos – Santa Comba é de gran concentración de explotacións, así que o acceso á terra é un problema. As ganderías medran, os alugueres de fincas escasean e están altos, e ademais temos o problema de superficies pequenas, en ocasións. Sería precisa unha nova concentración parcelaria para mellorar a xestión das terras. En canto ó relevo xeneracional, en Mazaricos si que houbo moita xente nova que se foi animando a entrar, pero temos un grupo de explotacións con produtores de 50 – 60 anos que non teñen perspectivas de relevo xeneracional. Pode ser un problema nuns anos. Penso que hai que animar á xente a que viva no rural. Hai alternativas. Non hai que pensar só en grandes explotacións lácteas. Pode haber pequenas explotacións que traballen á vez varios sectores, como unha pequena gandería complementada con horta, por exemplo. - Gandeiros de Mazaricos nacestes no 2015, coincidindo coas mobilizacións do sector lácteo. Logo daquelas protestas conxuntas de todo o sector, o agro quedou bastante desmobilizado e desunido. Como ves a organización do sector? - Cando as mobilizacións, tivemos o problema de sempre, que cada sindicato ou asociación que se mobilizaba miraba máis polo seu. Nós xuntamos moita xente que viña con nós porque non tiñamos nada que ver coa política. No 2015 fixemos unhas protestas históricas, nunca vin outras como aquelas, con todo o apoio cidadán que tivemos en concellos como Santiago. A cuestión é que se se prometen cousas e non se conseguen, a xente desmoralízase. Falta tamén unión no sector e así é complicado. Dáme envidia ver como se mobilizan en conxunto en países como Francia.
"Falta unión no sector e así as mobilizacións son complicadas. Dáme envidia ver as protestas conxuntas en Francia"
- A vosa comarca sempre foi forte a nivel de sindicalismo agrario, caso de Unións Agrarias, e tamén tivo un papel importante na creación da Organización de Productores de Leche (OPL). Como ves o papel hoxe en día das organizacións agrarias? - Hai anos, o 90% das explotacións da zona estaban nun sindicato ou noutro, principalmente en Xóvenes Agricultores ou en Unións Agrarias. Que pasou? Que nas explotacións houbo un relevo xeneracional, entraron os fillos ou socios novos e practicamente ningunha das persoas que se incorporou quixo seguir nos sindicatos. Os sindicatos tiveron cousas boas pero tamén outras que levaron a que perdesen apoios. Teñen que preguntarse por que antes tiñan tanta xente e por que agora hai moita xente que non quere saber nada deles. A OPL (e outras asociacions igual) non lograron o valor e o peso que precisan a nivel de institucións. Poderian ser un bo defensor do sector porque a directiva e os seus socios son todos gandeiros, e a comarca e Galicia poderían gañar moito se existiran mesas de negociación para o sector do leite e deixaran que os gandeiros defendamos os nosos intereses. O que sucede é que, ao final, os políticos seguen dándolle o poder ós sindicatos. - Desde hai algo máis dun ano, o cooperativismo galego está inmerso en dous procesos de concentración, a través de Clun, que vos toca de preto, e de Aira. Que perspectivas lle ves á integración das cooperativas? - A nivel de Europa, vemos que as grandes cooperativas están funcionando ben, polo que o tamaño pode ser clave, pero tamén é importante facer unha boa xestión. Para que unha cooperativa funcione ben, a xestión ten que ser verdadeiramente cooperativa, non individual; o socio ten que sentirse parte e ver un beneficio a final de ano de estar integrado na cooperativa.

Apoios da Deputación da Coruña para as organizacións de produtores lácteos

As organizacións de produtores lácteas tiveron polo de agora escaso éxito en Galicia. Malia que as dúas organizacións existentes, Aprolact, ligada ás cooperativas, e Ulega, impulsada por Unións Agrarias, aglutinan á metade dos gandeiros da comunidade, non lograron polo de agora que as industrias lácteas se sentaran a negociar con elas prezos e contratos. Ambas organizacións mantéñense sen embargo operativas, coa perspectiva nun futuro de lograr unha interlocución coas industrias. Co obxectivo de apoiar as súas actividades, a Deputación da Coruña vén de concederlles unha axuda de 107.000 euros. A concesión da subvención foi publicada hoxe no Boletín Oficial da Provincia. As axudas, segundo indica a Deputación, buscan apoiar ás sociedades de produtores lácteos en cuestións como servizos de orientación e formación práctica, fomento da realización de proxectos de investigación e innovación tecnolóxica, gastos de persoal e de funcionamento ou gastos derivados do asesoramento técnico necesario para acadar os obxectivos de venda e estabilidade dos prezos do leite. A provincia coruñesa produce o 41% do leite galego O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, manifestou que “a través destas axudas, a Deputación ten como finalidade estimular as actividades gandeiras e impulsar economicamente o sector lácteo, especialmente estratéxico na provincia da Coruña, onde se concentran 5.000 explotacións e unha produción de 900.000 toneladas anuais, o que representa o 41% da produción galega de leite”. Así mesmo, González Formoso afirmou que estas achegas “amosan o compromiso da Deputación cos produtores, para que poidan financiar proxectos innovadores que permitirán unha maior eficiencia na produción de leite e aumentar a competitividade das industrias lácteas galegas”.

Galicia perdeu un 10% das granxas desde o fin da cota láctea

Hai unha realidade sobre o sector lácteo galego na que hai consenso no conxunto dos axentes, tanto na Administración como nas cooperativas e nas organizacións agrarias. Tódalas partes coinciden en que as granxas galegas fixeron un gran esforzo de modernización nas últimas décadas, ata o punto de que as explotacións da comunidade pouco teñen que envexarlle en instalacións, equipos e manexo ás do resto de Europa. As interpretacións sobre o sector a partir de aí son como o día e a noite. Os balances particulares que cada entidade fai do 2016 veñen de xerar un cruce de declaracións e de notas de prensa entre a Consellería do Medio Rural e as organizacións agrarias.
As organizacións agrarias aseguran que hai granxas que non pechan porque non poden, dadas as altas débedas pendentes de pago
Os números sobre peche de explotacións lácteas semellan ter pouco misterio. O goteo de redución de granxas é constante e progresivo nos últimos anos. O fin da cota, en marzo do 2015, abría un periodo de libre mercado no que en teoría as granxas terían libertade para medrar e dimensionarse; pero esas expectativas fallaron. As cotizacións do leite caíron, parte das explotacións tiveron e teñen problemas para vender o leite a prezos de mercado e o peche de ganderías proseguiu. Desde o fin das cotas, Galicia perdeu un 10% das súas explotacións lácteas, pasando dunhas 9.530 a 8.550. As organizacións agrarias interpretan que a crise de prezos está detrás do peche das granxas e aseguran que mesmo hai explotacións que non pechan porque non poden, dadas as altas débedas pendentes de pago. Punto de vista da Consellería Onde as organizacións agrarias ven negro, a Consellería ve branco. Medio Rural acusa de “catastrofismo” ás organizacións agrarias e fala de que a redución de explotacións está provocada en boa medida polo asociacionismo e fusión de granxas. “O 24,2% dos gandeiros galegos xa están unidos a través de distintas fórmulas (sociedades limitadas, sociedades civís, Sat, etc.). Destacan especialmente as sociedades civís, con 1.585 socios e que producen o 32% do leite galego”, valora a Xunta en nota de prensa.
"O 24% dos gandeiros xa está unidos a través de fórmulas asociativas (SC, Sat, etc.). As granxas que desaparecen son pequenas e sen remuda xeneracional" (Medio Rural)
Desde a Administración inciden en que a maioría das explotacións máis dimensionadas, por riba de 400.000 quilos de cota, están xestionadas por persoas mozas, en tanto as granxas de menos de 200.000 quilos de cota están en mans de persoas maiores e con escasas perspectivas de relevo xeneracional, segundo o entender da Consellería. “Son estas as granxas que están desaparecendo por falta de remuda xeneracional”, sinala Medio Rural. Valoracións das organizacións agrarias Esas valoracións son cuestionadas polas organizacións agrarias. O sector produtor atribúe a gran maioría de peches de granxas á crise e cuestiona os argumentos da Xunta. Unións Agrarias sostén que gran parte das sociedades gandeiras son familiares, non derivadas da fusión de explotacións.
"Que é mellor, un rural galego con 3.000 macro-granxas ou con 10.000 explotacións, tendo en conta o impacto de cada gandeiro no seu entorno?" (SLG)
“A práctica totalidade das sociedades civís son sociedades entre o home a muller, ou entre pai e fillo. A propia Xunta obrigaba a constituír a sociedade civil para acceder a axudas” -lembra Óscar Pose, de Unións Agrarias.- “É certo que algunha fusión de granxas houbo, pero moi escasas”, conclúe. O problema de fondo, desde a perspectiva do Sindicato Labrego Galego (SLG), é de modelo. En tanto a Xunta considera lóxico o peche das pequenas explotacións, sen relevo xeneracional, o Sindicato Labrego, ante estes razonamentos, sempre fai a mesma pregunta: “Que é mellor para Galicia, un rural con 3.000 macro-granxas ou un rural con 10.000 explotacións, tendo en conta o impacto que ten cada gandeiro no seu entorno, tanto a nivel social como económico e de xestión do territorio?”.

Materias pendentes no rural

Aproveitando o comezo da nova lexislatura, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, mantivo unha reunión coas tres organizacións agrarias tradicionais, Unións Agrarias, Sindicato Labrego e Asaja Galicia para expoñerlles o seu plan de traballo e para escoitar as súas propostas. Foi unha xuntanza institucional, que non entrou a fondo en ningunha cuestión, pero da que se extrae unha idea dos que poden ser os grandes temas nos próximos catro anos. Por parte da Consellería, trasladóuselle ás organizacións agrarias a importancia de impulsar estruturas de comercialización para os principais sectores do agro, como o lácteo ou o vacún de carne. A cuestión terra é outro dos pilares sobre os que se quere avanzar. A titular de Medio Rural comprometeu medios e persoal para que o Banco de Terras estea operativo nas zonas con maior demanda de superficie. Sobre esas zonas, quérense tamén impulsar mecanismos de ordenación e xestión do territorio, de cara a lograr un maior aproveitamento. Por último, a conselleira trasladou tamén a súa idea de axilizar o funcionamento administrativo para resolver os expedientes no menor prazo posible. Nesa liña, para antes de fin de ano comprometeu a publicación das axudas concedidas para plans de mellora e incorporación ó agro. Medio Rural sostén tamén que reforzará a atención nas oficinas agrarias comarcais. Propostas das organizacións agrarias Desde as organizacións agrarias, as preocupacións xiraron tanto en torno a cuestións puntuais, que precisan dunha pronta resposta, como sobre problemas endémicos para os que se fai necesaria unha abordaxe lexislativa e de estratexia política. O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, avogou por un recoñecemento do papel de servizo que xogan no agro as organizacións agrarias, “agora que se perdeu o papel de Extensión Agraria”, e planteou unha serie de propostas de traballo. En primeiro lugar, García entende que hai que resolver todos os problemas que xurdiron no novo ciclo de axudas da PAC, tales como as incompatibilidades entre o cultivo do millo e o cobro do 'greening', os problemas cos pastos arbustivos ou os fallos do programa informático de tramitación das subvencións. En segundo lugar, desde Unións incídese sobre a formación de prezos na cadea de valor agraria. “Estamos ante un conflicto político. A lexislación na práctica obriga á sinatura de contratos en sectores como o vitícola ou o lácteo, pero o que está sucedendo é que temos contratos de adhesión, pero non negociación. Faise precisa a creación dunha arbitraxe e unha maior transparencia sobre a formación de prezos”, valora Roberto García. O sindicalista tamén tivo palabras para a calificada pola Xunta como “lexislatura do rural”. “Teremos un ollo posto nos presupostos para comprobar que as palabras se transforman en feitos. Se é a lexislatura do rural, haberá que resolver cuestións como as escolas de proximidade para os rapaces, a aposta polo transporte público comarcal, o mantemento de servizos de saúde ou o impulso a unha rede de centros de día no rural. En definitiva, que se faga máis fácil vivir no rural”, concluíu. Por parte de Asaja Galicia, o seu responsable, Francisco Bello, trasladoulle á Xunta a súa oferta de colaboración e compartiu coa conselleira a idea de que hai que facer posible non só vivir no rural senón tamén “vivir do rural”.

Impacto no mercado lácteo do leite en po intervido

O Sindicato Labrego amosou a súa preocupación polo impacto que pode ter a saída ó mercado de leite en po intervido durante a crise láctea. A secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, que vén de participar nunha reunión do Observatorio Lácteo Europeo, informou de que a Comisión Europea prevé a liberación no mercado en decembro de máis de 20.000 toneladas de leite en po procedente dos volumes retirados pola intervención pública. Desde o Sindicato Labrego enténdese que o mercado non está en condicións de recibir ese continxente de excedentes, pois témese que remate cos primeiros síntomas de recuperación e que volva afundir os prezos do leite. O SLG avoga porque eses excedentes non cheguen ó mercado e suxire alternativas como o seu destino para alimentación animal. Vilalba puxo o problema enriba da mesa na xuntanza mantida coa conselleira e pediu a súa implicación na cuestión. A medida anunciada pola Comisión Europea debaterase no próximo Consello de Ministros de Agricultura, así que o Sindicato Labrego pediulle á conselleira que lle traslade o problema ó Ministerio de Agricultura, co obxectivo de que a ministra, Isabel García Tejerina, se opoña a esa venda de leite en po.