Archives

O monte ordeado en Galicia supera o medio millón de hectáreas

Un informe presentado no Consello da Xunta repasou os datos de superficie ordeada de monte en Galicia, que supera o medio millón de hectáreas, máis dun 25% do total. O dato actual da superficie suxeita a proxectos de ordeación representa ademais un incremento do 40% en relación co de 2018, cando se aprobou inicialmente a Primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara a neutralidade carbónica”. De cara ao futuro, trabállase co límite do ano 2028 para que todos os montes ou terreos forestais dispoñan dun instrumento de ordenación, establecendo a prohibición de aproveitamentos comerciais nos montes que incumpran esta obriga. Cómpre lembrar que en superficies menores a 15 hectáreas, será suficiente con que os propietarios se adhiran a un dos modelos silvícolas da Administración. Co obxectivo de cumprilo, no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027, prevese unha intervención destinada a incrementar as superficies de montes ou terreos forestais ordenados, o que permitirá continuar convocando nos vindeiros anos novas ordes de axudas para a elaboración de instrumentos de ordenación e xestión forestal (IOXF), por considerarse que esta é a ferramenta máis axeitada para o cumprimento do obxectivo. Certificación sustentable En paralelo ós datos de superficie ordeada, o Consello da Xunta repasou os datos de certificación forestal. Galicia conta con 681.263 hectáreas de monte cunha certificación forestal sustentable, sexa PEFC ou FSC. Esta é unha cifra moi relevante, tendo en conta que PEFC certifica 2,7 millóns de hectáreas e FSC un total de 710.000 para o conxunto de España. Ademais, a nosa comunidade é líder en certificados de cadea de custodia -empresas autorizadas a cortar madeira certificada- por ambos sistemas. Desde a Xunta lembran tamén que o decreto que regula o novo contrato de xestión pública -próximo á súa aprobación- prevé como requisito que os novos contratos que se asinen, para substituír ós convenios actuais cos montes veciñais, se fagan a través dun proxecto de ordenación inscrito no Rexistro Galego de Montes ordenados. Isto, co fin de cumprir os obxectivos do Plan Forestal para o quinquenio 2020-2025 no que atinxe ao fomento da certificación forestal e a ordenación. Dita xestión deberá estar avaliada, polo menos, por un sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente e validado polas correspondentes entidades de certificación. Esta medida permitirá incrementar a superficie certificada facilitando o cumprimento do obxectivo establecido na Primeira revisión do Plan Forestal.

Listaxe de beneficiarios das axudas para fomentar a ordenación do monte

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas da Xunta para fomentar a ordenación forestal correspondentes á convocatoria de 2022, que tiveron 248 beneficiarios por un importe de máis de 1,6 millóns de euros e unha superficie ordenada de preto de 57.000 hectáreas en toda a comunidade autónoma. Dende a Consellería do Medio Rural destacan que Galicia dispón na actualidade de preto de medio millón (497.532,75) de hectáreas de superficie forestal ordenada, é dicir, que conta con instrumentos de ordenación e xestión forestal. “Con esta cifra, supérase amplamente o obxectivo marcado na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” para o final do ano 2025, que se situaba na contorna das 380.000 hectáreas”, subliñan dende o departamento que dirixe José González. Ademais, avanzan que “é previsible que ao remate da execución da orde de axudas do 2022 se teña acadado o fito previsto no devandito Plan Forestal para o ano 2030, cunha superficie forestal ordenada superior ás 545.000 hectáreas”. A finalidade destas subvencións é facilitarlles aos propietarios que dispoñan dunha ferramenta técnica coa que organizar os seus recursos forestais e que garanta unha xestión sustentable do monte. Nesa liña, estes fondos permiten financiar a redacción dos instrumentos de ordenación tales como proxectos de ordenación, documentos simples de xestión, documentos compartidos de xestión e as comunicacións de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou outros modelos de xestión forestal, como os sistemas silvopastorís.

Incremento da superficie

En relación co incremento da superficie ordenada, segundo o anuario de estatística forestal de Galicia, no ano 2018 era de arredor de 233.000 hectáreas, o que representaba pouco máis do 10 % da superficie forestal galega. Polo tanto, rexistrouse un incremento do 113 % entre os datos de 2018 e de 2022, o que significa que a superficie máis que se duplicou no referido período. Na consecución deste obxectivo tiveron unha incidencia especial as ordes de axuda convocadas pola Xunta para impulsar a ordenación forestal. En concreto, se se suman as convocatorias de 2018 e 2020, correspondentes ao Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, o total de beneficiarios destas subvencións foi de 834, cunha superficie ordenada que superou as 325.000 hectáreas e cuns importes de máis de seis millóns de euros. Ligazón á resolución no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230130/AnuncioG0426-170123-0001_gl.html