Archives

“Os gandeiros deberían tomar a decisión de autolimitar a produción para evitar que os prezos caian na primavera”

Francisco Fernández, director de Agaprol OPL Entre as funcións que o Paquete Lácteo outorga ás Organizacións de Produtores está a negociación de prezos en conxunto en representación dos gandeiros socios para a formalización de contratos coas industrias e a regulación da oferta, de modo que están plenamente lexitimadas por Competencia para controlar os volumes de produción. Francisco Fernández é o director de AGAPROL, a maior OPL de España, con importante presenza en Castela e León, Cataluña ou Castela-A Mancha, onde aglutina a metade da produción nestas comunidades, pero con escasa presenza aínda en Galicia. A semana pasada estivo en zonas como A Mariña, Lugo, Ordes ou Santa Comba visitando a gandeiros socios e mantendo reunións coas industrias ás que entregan o leite de cara á renovación de contratos a partir de abril. A súa proposta para lograr manter os prezos nos niveis actuais pasa por invertir a posición de forza na negociación en favor dos gandeiros por ter nas súas mans a materia prima que as industrias necesitan. “O control da produción será a única forma de manter os prezos”, asegura.
Agaprol aglutina a 600 gandeiros e máis dun millón de toneladas de leite, o 13% da produción láctea española
Agaprol considera que o prezo de renovación de contratos que diten os grandes operadores do sector en España virá marcado pola evolución do prezo do leite en países como Francia, Holanda ou Alemaña, pero, sobre todo, di Francisco, “pola dispoñibilidade ou non de leite que haxa en España”. “Se as industrias detectan un crecemento superior á media non terán obstáculo para forzar novas baixadas de prezos”, asegura, polo que pretenden concienciar aos gandeiros de que “se aumentan a súa produción inexorablemente desencadearase unha baixada do prezo do leite que producen”.
O control da produción será a única forma de manter os prezos
O ano 2023 pechouse cunha estabilización da produción láctea no conxunto de España, con incrementos do 1% en Galicia, do 0,5% en Cataluña, do 2,4% en Castela-A Mancha ou do 3,9% en Navarra que compensaron os descensos do 0,5% en Andalucía, do 0,7% en Castela e León, do 1,9% en Asturias ou do 2,6% en Cantabria. “O que marca o prezo do leite no seu conxunto é aquel que a industria está disposta a pagar polos últimos litros cos que enchen as súas cisternas e os seus almacéns”, asegura Francisco. “Nun país deficitario como é España, que importa unha cuarta parte dos produtos lácteos consumidos, esta situación non debería de existir, pero as industrias saben que poden ditar a súa lei coa condición de que sobre unha cisterna no mercado capaz de facer baixar o prezo da totalidade do leite”, insiste. “A industria está a buscar o momento de maior crecemento da produción de todo o ano para aproveitar e volver baixar os prezos. Está nas mans dos gandeiros evitalo. Hai que concienciarlos de que cada vaca que deixen de muxir supón unha subida do prezo do leite das que sigan muxindo na granxa”, argumenta.
A 'Operación Cisterna' é unha medida necesaria diante da intención por parte da industria de novas baixadas de prezo para a primavera
O prezo das vacas de desvelle está repuntando, insiste Agaprol, polo que “podería aproveitarse a oportunidade para dar saída a aqueles animais que pola súa baixa produtividade poden minguar a rendibilidade das explotacións e, á súa vez, evitar un aumento perigoso da produción de leite”, recomenda Francisco. Tensionar a demanda Agaprol asegura que con esta campaña a favor da moderación na produción non pretenden “provocar unha situación de desabastecemento”, senón “controlar a oferta para que o gandeiro poida esixir polo seu leite o que realmente vale”. “En España as subidas de prezos víronse vinculadas historicamente a lixeiras baixadas de produción que provocaban a tensión suficiente entre as industrias para que se visen obrigadas a pagar o que vale o leite antes de quedar sen materia prima para transformar e cumprir cos contratos de abastecemento que manteñen coa gran distribución”, argumentan.
O leite é moi sensible, de sobrar un litro para faltar un litro cambia totalmente o panorama
E pon como exemplo o ocorrido durante o verán e o outono de 2022. “Non é que faltase tanto leite, pero foi o suficiente para que as industrias se pelexasen entre elas por captar explotacións subministradoras e mira a que se montou, tanto que en poucos meses o leite púxose a 60 céntimos”, lembra. Pero a situación inversa, dun pequeno excedente, xeraría agora o efecto contrario. “O leite é moi sensible, de sobrar un litro para faltar un litro cambia totalmente o panorama. O caldo de cultivo perfecto para a industria é que cada ano subamos un pouco a produción. Con só un pouco de leite de máis saben que o gandeiro está cautivo porque non ten posibilidade de cambiar de empresa e baixan os prezos. Pero iso non o poden facer no momento no que o leite está xusto ou falta algo”, argumenta. Maior concentración na recollida “A concentración da demanda está a ser determinante en todo este proceso. Cada vez son menos os operadores independentes con capacidade para influír no prezo dos contratos e iso afecta negativamente os gandeiros”, asegura Francisco. Esa unificación de prezos por redución da competencia podería observarse xa en Galicia nos próximos contratos debido ao acordo entre Capsa e Mercadona para envasar leite Hacendado na planta de Outeiro de Rei. “Mercadona controlaría xa nestes momentos, directa ou indirectamente, uns 600 millóns de litros só en Galicia, sumando as recollidas de Naturleite, Entrepinares e Larsa”, calcula o director de Agaprol.
Tras o acordo con CAPSA, o 20% da produción galega e o 40% da española estaría en mans de empresas que fornecen a Mercadona
No conxunto de España estima que o volume de leite controlado pola cadea de supermercados de Joan Roig situaríase preto dos 3 millóns de toneladas, o que representa o 40% da produción láctea española. “Covap manexa máis de 700 millóns de toneladas ao ano e Capsa outro tanto, só de brick. Se metes a Iparlat, estariamos xa en 2 millóns de toneladas. Se sumamos queixos e iogures, son case 3 millóns os que están baixo o paraugas de Mercadona, que controla máis do 30% do mercado do leite líquido de consumo (1,2 millóns de toneladas de brick dos 3 millóns que se consomen en España), o 40% da venda de queixos e o 45% do mercado de iogures”, detalla Francisco.
Mercadona é quen marca as pautas, a que di se hai que subir ou baixar e canto
“Capsa está metida de cheo na órbita de Mercadona. A join venture de Cataluña foi callando e estendeuse ao resto de plantas. Con iso Mercadona ten garantido o abastecemento e o crecemento para os próximos anos. Capsa perde en boa medida a súa identidade, pero non tivo máis remedio polo descenso do leite de fabricante”, indica. Pero ese cambio de estratexia terá consecuencias no campo, augura. “A pinza Larsa-Lactalis acabouse. Antes os seus contratos vencían un mes antes e marcaban a tendencia. Agora Mercadona é o que marca as pautas, a que di se hai que subir ou baixar e canto”, asegura o director de Agaprol. “Covap e Capsa ían facer unha central de compras, ao estilo de Compras e Suminstros Lactalis. Querían facer algo parecido, pero deulles medo por se tiñan problemas con Competencia. Cortáronse, pero dunha maneira ou outra haberá concertación de prezos”, augura. Risco de contaxio na distribución Agaprol mostra o seu temor ante unha baixada en cadea do prezo do leite desde o campo ao supermercado. “Ese é o risco maior que corremos. Se algunha industria decide optar por unha política agresiva de prezos, baixando o leite no campo para ofrecer ás grandes superficies o brick 4 ou 5 céntimos máis barato para rabuñar cota de mercado a outra industria que faga tamén marca branca podémonos cargar a cadea, que neste momento é sostible”, asegura.
A cadea láctea neste momento, tal como está, é sostible para todos
Afirma que “os supermercados tamén se atopan cómodos con esta situación”, pero advirte de que “se Carrefour, Día, Lidl ou outra gran superficie entra no xogo dalgunha destas industrias kamikace” habería un reflexo en toda a distribución. “Mercadona non está por baixar o prezo pero se baixan as demais eles farano de forma inmediata. Todas as cadeas queren ter o leite ao mesmo prezo para que non condicione ao consumidor a que supermercado ir. Hai anos actuaba como produto reclamo; agora non”, asegura. Por iso Francisco incide en evitar “que as industrias forcen unha baixada no campo e que esa baixada non se traslade despois á distribución”, porque “despois volver subir é dificilísimo”, advirte. “Non por producir máis se gaña máis” Desde Agaprol non pretenden dicirlle ao gandeiro o que ten que facer, pero lanzan un “aviso a navegantes”: “Se crecemos de forma desmedida podemos provocar unha baixada de 5-6 céntimos e volver aos 40 céntimos”. “Se Galicia non subise a produción no último ano estou convencido de que esta primavera repetiriamos prezos sen ningún problema”, asegura Francisco, que insiste en que “non por producir máis se gaña máis”.
En Galicia os gandeiros que queden teñen que medrar, pero ten que ser un crecemento sostido e moderado
Recoñece que a situación en Galicia é diferente ao resto de comunidades en canto a redimensionamiento das granxas. “Fóra de Galicia hai pouca xente que teña ganas de medrar, porque os que quedan no sector xa o fixeron, pero en Galicia eses crecementos aínda se están producindo. Os gandeiros que queden teñen que medrar, pero ten que ser un crecemento sostido e moderado. Do contrario, médrase a base de investimento e iso é unha dinámica infernal”, asegura. Ademais, explica, o límite de 850 UGM que fixa o Real Decreto de Ordenación de granxas de vacún supón un tope no caso das granxas de maior tamaño de comunidades como Cataluña, Castela e León, Andalucía ou Castela-A Mancha, pero permite aínda un considerable percorrido para as ganderías de tamaño medio en Galicia. A ameaza da EHE Pese ao peche de explotacións, existe un crecemento orgánico, indica o director de Agaprol, non só polo aumento de tamaño das granxas que quedan, senón pola maior profesionalización do sector. “Con menos vacas está a producirse máis leite por mellor manexo, alimentación, instalacións, xenética etc. Desde que se acabaron as cotas no conxunto de España aumentamos a produción de leite en 1 millón de toneladas con 7.000 gandeiros menos”, destaca.
A produción no inverno está a ser alta porque non fixo frío, pero a EHE podería reducir a produción en Galicia de cara ao verán
Para este ano, Francisco ve un risco importante na EHE. “O aumento da produción galega podería verse afectada este ano polo posible repunte da incidencia da Enfermidade Hemorrágica Epizoótica, que a campaña pasada practicamente non afectou as granxas lácteas da comunidade pero que co bo tempo e a humidade podería repuntar de forma considerable en toda a zona”, alerta, tras a experiencia vivida o ano pasado en Castela e León. A ameaza da EHE podería frear as entregas de leite nos meses de verán, tras un inverno favorable á produción. “Este ano está a ser espectacular polo tempo, con medias de 2 litros máis por vaca, porque non houbo inverno e as vacas están en modo primavera todo o ano. A estacionalidade na produción é agora menor. Este ano vaise notar menos a subida na primavera, cando outros anos a produción dispárase porque vés dun inverno máis frio”, explica.

“Estamos moi preocupados porque en Galicia vai haber presión para baixar prezos e iso pódenos arrastrar aos demais”

Aínda que a súa presenza na comunidade limítase a unhas 30 granxas socias, Agaprol levará a cabo nas próximas semanas unha intensa campaña de concienciación na comunidade galega sobre a necesidade de conter as entregas debido ao seu peso na produción láctea española. “Galicia condiciónanos a todos”, asegura o seu director. “A guerra que temos no resto de comunidades autónomas coas industrias é que nos ameazan precisamente con vir comprar o leite a Galicia porque é máis barato. Antes ameazábannos con traer leite de Francia e agora ameázannos con traer leite de Galicia, porque a media actual en Galicia está en 47 céntimos, mentres fóra de Galicia móvese entre 51,5 e 52 céntimos, son entre 4 e 5 céntimos de diferenza”, evidencia Francisco. Dos contactos que mantivo coas distintas industrias, conclúe que “en Galicia hai moitas ganas por parte das industrias de baixar, e bastante, o leite no próximo contrato. Vai haber moita presión para baixar prezos e iso pódenos arrastrar aos demais”, alerta.
En Galicia hai moitas ganas por parte das industrias de baixar, e bastante, o leite no próximo contrato
“Todas as negociacións están interconectadas porque ao final todas as empresas compran en todos os sitios. Cando empezamos coa OPL fixémola en Castela e León pero démonos conta de que iso non servía, que hai que estar en todos os lados”, xustifica. Por iso é polo que Agaprol foise estendendo e está presente hoxe xa en 11 comunidades. En Galicia, con todo, recoñece dificultades. “Noutras comunidades as explotacións grandes son as que están máis integradas na organización de produtores; en Galicia non pasa iso e as máis pequenas tampouco participan”, explica. Impunidade das empresas “Na maioría de sitios as industrias fan o que lles dá a gana e en Galicia máis”, afirma Francisco para defender a necesidade dunha maior unión entre os produtores e unha maior implicación tamén por parte da Xunta. “En Galicia as industrias están afeitas a facer auténticas barbaridades sen que pase absolutamente nada. As sancións ponas a AICA, pero o labor de inspección corresponde á Xunta”, aclara.
En Galicia as industrias fan barbaridades e non pasa nada. As multas ponas a AICA pero a inspección tena que facer a Xunta
“A folla de ruta que tiñan fixada as industrias era baixar dous céntimos en decembro e outros 2 en abril. En Galicia esa primeira baixada parouna a Xunta tras unha reunión coas industrias, mentres en Castela e León baixáronnos un céntimo coa desculpa de acurtar o diferencial con Galicia. Pero neste momento, sen o comodín do público, que eran as eleccións, en Galicia a intención das industrias é baixar agora de golpe, dunha tacada, eses 4 céntimos en abril”, advirte. Necesidade de negociar prezos en conxunto Agaprol acaba de cumprir 10 anos e o seu director defende a necesidade de que os gandeiros se integren en organizacións de produtores. “Xa non se pode negociar á antiga usanza, hai que profesionalizar eses procesos e dotalos de transparencia”, incide. “Agora mesmo negociamos máis dun millón de toneladas pero o noso obxectivo é seguir crecendo para poder plantar cara ás industrias, que cada vez máis acumulan volumes incribles”, xustifica.
A Xunta parou a baixada de 2 céntimos en decembro porque había eleccións pero agora a intención das industrias é baixar de golpe 4 céntimos
Francisco anuncia “unha campaña forte en Galicia nas próximas semanas” porque, di, “agora mesmo onde está o pescozo de botella e onde hai que apertar para frear a baixada é en Galicia”. Aínda que recoñece que na comunidade que produce o 43% do leite de España, sumando a produción convencional e ecolóxica, o labor das Organizacións de Produtores é máis difícil: “En Galicia hai empresas kamikace que non atenden a ningunha razón”, denuncia.

Rexistran a primeira organización de produtores de leite ecolóxico de España

A Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia estivo a funcionar dende o 2019 e agora dá un paso máis, logo de crecer en socios e produción, e acaba de rexistrarse como organización de produtores de leite (OPL) ecolóxica para empezar a operar como tal. Trátase da primeira OPL específica de leite ecolóxico en España. A OPL terá o seu ámbito de actuación a nivel de Galicia. Actualmente a asociación conta con 34 ganderías socias, con 12 millóns de quilogramos de leite. Delas, 29 ganderías, con máis de 9,7 millóns de quilogramos de leite integrarán a OPL. Como referencia, a OPL aglutina ao 12,4 % das explotacións de bovino de leite en España, así como o 20% de produción de leite cru española, segundo os últimos datos do Ministerio de Agricultura do 2020. O principal obxectivo da OPL é mellorar o propio sector, optimizando os custos de produción e mellorar as condicións para os socios. Para iso contará co persoal técnico, administrativo e medios necesarios, cos que darán apoio ao sector. O proceso de rexistro da OPL, foi encargado a Agronovo Ecoloxía, asesoría especializada en agricultura e gandería ecolóxica. A asociación convida ó resto de gandeiros de produción ecolóxica a sumarse á iniciativa para obter un beneficio mutuo, xa que se poderán beneficiar de formación adecuada, apoio técnico, interlocución coa Administración e coa industria, por citar algúns beneficios de pertenza á OPL.

Os contratos lácteos deberán revisarse se os custos das granxas soben durante 3 meses consecutivos

O Ministerio de Agricultura publicou este martes na súa páxina web a modificación da normativa que regula as condicións de contratación no sector lácteo (Real Decreto 95/2019, do 1 de marzo), que a partir do mércores 12 e ata o 20 de xaneiro inicia o proceso de audiencia e información pública. A iniciativa ten por obxecto facilitar que os contratos de compra-venda de leite cru entre a industria e os produtores se axusten con rapidez aos incrementos nos custos de produción que de maneira sostida se veñen producindo nos últimos meses. “Trátase de asegurar que os custos de produción se repercutan de maneira equilibrada ao longo da cadea de valor do leite e produtos lácteos, sen que produzan reducións de marxes nas granxas que poñan en perigo a súa viabilidade”, indica o Ministerio nunha nota de prensa. Revisión de contratos cando os custos de produción aumentan A proposta de modificación abre a posibilidade de que os produtores con contratos subscritos a prezo fixo e de polo menos un ano de duración soliciten á industria unha nova oferta de contrato, cando, como no momento actual, exista un incremento sostido e continuado dos custos durante polo menos 3 meses, que se traduzan en prezos polo leite entregado inferiores aos custos de produción durante ese período. Neses casos, o comprador estará obrigado a presentar a oferta nun prazo máximo dun mes para subscribir un novo contrato que respecte así o previsto na Lei da Cadea Alimantaria. Do contrario, será sancionado.
Os contratos a prezo fixo deberán revisarse se se produce un incremento sostido durante tres meses nos custos de produción
Do mesmo xeito, nos contratos con prezo variable, débese realizar un axuste que garanta que a evolución do prezo do contrato se acompase realmente coa realidade do mercado, moi en particular en relación á evolución dos custos de produción que maior influencia teñen na formación do prezo (alimentación do gando, enerxía, combustibles, etc). O proxecto, pola urxencia derivada da situación actual, estará sometido a información pública durante só 7 días, ata o próximo 20 de xaneiro incluído. Prohibición de venda a perdas A recente publicación da modificación da Lei da Cadea Alimentaria, en vigor desde o pasado 15 de decembro, busca lograr unhas relacións comerciais máis xustas, equilibradas e transparentes, e para iso, entre outros aspectos, introduce a prohibición da destrución de valor ao longo da cadea, polo que cada operador debe pagar ao elo anterior un prezo igual ou superior ao custo asumido.
As análises e informes publicados polo Ministerio e as Comunidades Autónomas poderán utilizarse para apoiar a información sobre os custos de produción que as granxas lles aporten á industria
“Por iso, resulta necesario introducir certas modificacións na normativa que actualmente regula a contratación láctea para garantir que esta premisa se cumpre tamén no caso de que a situación dos custos varíe de maneira significativa e sostida no tempo”, argumenta o Ministerio, que con todo segue sen establecer un mecanismo público que fixe un índice de referencia sobre os custos de produción das explotacións, tal como se vén reclamando desde o sector gandeiro, aínda que aclara que “as análises e informes publicados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ou as Comunidades Autónomas poderán utilizarse para apoiar a información sobre os custos de produción que no seu caso a granxa lle achegue” á industria.
O gandeiro deberá aceptar por escrito no prazo de 15 días a oferta presentada pola industria; en caso contrario considerarase rexeitada
Para a negociación de contratos, o produtor terá a obriga de contestar ao primeiro comprador por escrito e no prazo máximo de quince días aceptando ou rexeitando a oferta presentada. A ausencia de resposta por parte do produtor considerarase un rexeitamento expreso da oferta en todos os seus termos.

Diminución dos umbrais necesarios para constituír unha Organización de produtores

Doutra banda, tamén se introducen na norma outra serie de modificacións que pretenden mellorar tanto o poder negociador do produtor como as relacións contractuais establecidas. Así, diminúense os limiares produtivos necesarios para constituír unha Organización de Produtores tanto no vacún de leite como no caprino de leite, “xa que a experiencia adquirida desde a publicación da norma demostrou que un tamaño excesivo para constituír estas organizacións pode xerar dificultades na xestión e na eficacia das mesmas”, xustifica o Ministerio.
Para constituír unha OPL de gandeiros de vacún será suficiente con reunir unha produción de 75.000 toneladas en convencional ou 5.000 en ecolóxico
Coa aprobación do novo Real Decreto que se somete a información pública, redúcese a 75.000 toneladas o volume da produción comercializable mínimo de leite de vaca e a 30.000 e 15.000 toneladas de ovella e cabra, respectivamente, recollidas no anexo IV do Real Decreto 95/2019, do 1 de marzo. En caso de produción de leite ecolóxico a produción comercializable mínima será de 5.000 toneladas de vaca e 1.000 toneladas de ovella ou cabra.

“Os gandeiros melloraremos os prezos se producimos só o leite que o mercado precisa para non causar excedentes”

Coñecemos de man do presidente da Asociación de Produtores de Leite de Portugal (Aprolep), Jorge Oliveira, a situación actual do sector lácteo luso así como as súas reclamacións a curto prazo para mellorar o prezo do leite en orixe ou outros retos que se lle presentan ós produtores lácteos. Tamén abordamos a posible colaboración entre os gandeiros lusos e os galegos. -Como naceu APROLEP e con que obxectivos? -A Aprolep naceu en 2010 co obxectivo de loitar de forma consistente e organizada pola valorización da actividade dos produtores de leite e para alcanzar un prezo xusto para o leite portugués. A asociación defende os produtores de leite de todo o territorio nacional, independentemente da súa localización, dimensión económica e entidade compradora, xunto de entidades nacionais e comunitarias, pero a súa acción está sobre todo enfocada en Portugal continental. -Con cantos socios contan a día de hoxe? -Temos varios centos de asociados. -Como son as ganderías que se integran nesta asociación? -Temos asociados de todas as dimensións, desde o pequeno produtor con 40 vacas até empresas con máis de 1.000 vacas en muxido. -Cal é o modelo de gandería de leite polo que máis se está apostando en Portugal? -A raza dominante é a Holstein frisoa,criada en granxa a base de silo de millo e silo de herba. Só na rexión das Azores e situacións puntuais no continente é que hai condicións para o pastoreo.
"Dende hai 10 anos estamos con prezos moi baixos, sempre por debaixo da media comunitaria e nalgúns meses tivemos o peor prezo de Europa"
-Como valorades a situación actual do sector leiteiro en Portugal? -Vemos con moita preocupación o futuro, porque dende hai 10 anos estamos con prezos moi baixos, sempre por debaixo da media comunitaria e nalgúns meses tivemos o peor prezo de Europa. Estamos tamén preocupados coa perspectiva de redución das axudas da política agrícola común ata 2027. -Co remate do 2020 volvestes reclamar unha suba do prezo do leite, cal é o prezo medio actual en Portugal e que prezos pedides? -Tivemos en novembro (últimos datos dispoñibles) un prezo medio de 31,45 euros por 100 quilos de leite no continente e 28,84 euros nas Azores, o que dá un prezo medio nacional de 30,57 euros. Cremos que sería preciso chegar a 40 céntimos por quilo para ter un prezo xusto, capaz de pagar os custos de produción, remunerar o traballo do produtor de leite e da súa familia e facer os investimentos necesarios para o futuro do sector. Nunha primeira fase, sería importante acadar rapidamente os 35 céntimos por quilo e despois subir de forma gradual. -Que creedes que está a provocar que haxa este prezo á baixa para os gandeiros? -Ter prezos baixos do leite xa é unha tradición en Portugal, tanto para o produtor como para o consumidor. O prezo normal das marcas brancas de leite UHT, nos supermercados, está entre os 45 e os 55 céntimos e hai promocións por debaixo dos 40 céntimos. Isto é responsabilidade da industria e da distribución, dos supermercados.
"Lactogal garante a recollida e o pago regular do leite, pero non conseguiu valorizar o leite da forma que precisamos"
-Como inflúe para os gandeiros que a primeira industria láctea do país sexa a cooperativa Lactogal? -Lactogal garante a recollida e o pago regular do leite, pero non conseguiu valorizar o leite da forma que precisamos. Esperamos que no futuro poida cambiar, valorizando máis o leite e facendo máis queixo e iogures, pois hai unha enorme importación, temos un déficit de 300 millóns de euros entre exportacións e importacións. Por outro lado, hai outras cooperativas nas Azores que teñen excedentes de leite e colocan o leite á venda aquí no continente a 40 céntimos. Ten que haber unha maior condena e unión no sector para que todo o sector leiteiro faga forza para subir os prezos. -Como funciona a interprofesional láctea do país? -A interprofesional láctea apenas proporciona o laboratorio de análises, que funciona moi ben, pero agardamos que no futuro esta interprofesional impulse unha maior unión do sector leiteiro. -En Galicia estase a fomentar a creación de organizacións de produtores de leite como unha ferramenta para que os gandeiros teñan unha maior capacidade de negociación fronte á industria, está a axudarvos a vós a asociación para ter máis forza para negociar? -Aquí as cooperativas socias de Lactogal pediran o rexistro como OP e o prezo de Lactogal funciona como referente para Portugal continental.
"Débese aumentar a produción de queixos e iogures para substituír as importacións"
-Cales son para vós as liñas nas que máis se debe centrar o sector leiteiro? -O sector leiteiro debe concentrarse en producir apenas o leite que o mercado precisa para non causar excedentes, unha posición defendida xa pola European Milk Board a nivel europeo. Tamén se debera aumentar a produción de queixos e iogures para substituír as importacións e comunicar mellor á sociedade a forma como cultivamos a terra respectando o medio ambiente e coidando dos nosos animais seguindo as regras de benestar animal. -Credes necesaria unha maior cooperación entre Galicia e Portugal, pola proximidade e a importancia do sector leiteiro para ambos? Como se podería formalizar esta cooperación? -Si, e nós xa temos feito ese traballo na medida das nosas posibilidades. Xa organizamos visitas de estudo dos nosos asociados a ganderías en Galicia, ó Ciam en Mabegondo e xa convidamos a un investigador de Mabegondo, Cesar Resch, para falar no noso coloquio anual. Pensamos que pode ser por aí o camiño. Os produtores téñense que comunicar a nivel da Península Ibérica e a nivel europeo, por iso nos asociamos en 2019 ó European Milk Board (EMB). As industrias de Portugal, España e do resto da Europa tamén falan entre si e con maior facilidade do que nós os produtores.
"En Portugal durante anos, tamén nos dicían ós produtores que a culpa dos prezos baixos era do leite importado"
-A entrada de leite procedente de Portugal en España a prezos á baixa e sen identificar claramente a súa procedencia é un dos temas que teñen criticado moito dende o sector galego e español, pola competencia desleal que supón, que opinión tedes ó respecto destas prácticas? -O prezo ó produtor en Portugal continental e na Galiza é moi semellante, é moi baixo, ese é o problema, pero nós os produtores cremos nas desculpas que nos dan, e a culpa é sempre dos outros. Hai camións circulando nos dous sentidos. Nós, os produtores, non vendemos leite ás industrias de España e non sabemos cal é o volume que vai de aquí para España, pero en todo Portugal producimos tanto leite como en Galicia e un terzo dese leite prodúcese nas Azores, polo tanto non debe ser un volume tan significativo, aínda máis cando se dicía que España era deficitaria en leite. Aquí, durante anos, tamén nos dicían ós produtores que a culpa dos prezos baixos era do leite importado, por iso esiximos o etiquetado coa orixe do leite. Iso non o resolve todo, pero axuda ó consumidor a escoller. -Cales son as prioridades dos produtores de leite portugueses para a nova PAC? -O noso obxectivo de futuro é ter un prezo xusto para non precisar das axudas da PAC, pero como iso non é posíbel a curto prazo temos que manter as axudas actuais e conseguir eco-réximes que compensen ó agricultor pola súa contribución na conservación do medio ambiente e na loita contra o cambio climático.
"A pesar de tódolos ataques dos activistas e do esquecemento dos políticos, a maioría das persoas valora o noso traballo, que lles permite ter comida na mesa"
-Como é a normativa sobre esparexido de xurros no país? En España acaba de aprobarse un novo decreto nesta cuestión que obriga a soterrar o xurro e que está a penalizar á gandería de vacún, ocorre tamén en Portugal? -Aquí temos regras mais estritas nas zonas vulnerables de nitratos e temos obrigación de enterrar o xurro nas 4 horas posteriores ó seu espallamento. De momento non esperamos cambios. -Que perspectivas de futuro vedes para o sector leiteiro en Portugal? -Vemos o futuro con preocupación por manterse o prezo baixo, pola ameaza da redución das axudas da PAC, polo envellecemento do sector e polos ataques dos animalistas aproveitando a preocupación coas alteracións climáticas, pero tamén temos esperanza, porque coa pandemia vimos que a contaminación baixou e as vacas continuaron a producir, as persoas correron ós supermercados e levaron todo o leite que había, porque saben que o leite é un alimento saudable. No fondo, a pesar de tódolos ataques dos activistas e do esquecemento dos políticos, a maioría das persoas valora o noso traballo que lles permite ter comida na mesa. E nós sabemos que as persoas van continuar a precisar de comer, que somos gardiáns do medio ambiente e que teremos un papel tamén fundamental no combate contra o cambio climático.

Unións vincula a entrada de cisternas de leite coa rotura de contratos das industrias lácteas

Unións Agrarias vincula a entrada de cisternas de leite a baixos prezos que se veu detectando nos últimos meses, sobre todo durante a crise sanitaria do coronavirus, coa presión que están exercendo algunhas industrias para modificar os contratos que tiñan asinados cos produtores. Sinalan que non existen causas xustificadas no mercado para que as industrias tenten romper os compromisos adquiridos. O responsable de Servizos de Unións Agrarias, Óscar Pose, analizou esta mañá, nunha comparecencia telemática, a situación do sector lácteo no primeiro cuadrimestre do ano. Os datos revelan un incremento da produción acorde ó aumento do consumo tanto de leite como de produtos lácteos, que no caso destes últimos, no mes de abril chegou a aumentar un 21%. Mesmo os prezos de determinados produtos lácteos, coma a manteiga ou o leite en po, comezan a amosar certa recuperación nas últimas semanas, logo dunha baixada acentuada en meses pasados. “Non existe ningunha razón de mercado para as propostas de determinadas industrias de baixar o prezo do leite ós produtores”, sinala Pose.
Só no mes de abril a importación estatal de leite incrementouse nun 211%
Porén, dende a organización agraria denuncian que a entrada de leite a baixos prezos procedente de países excedentarios pode ser a causa de que algunhas industrias estean a presionar ós produtores coa rotura dos contratos. “A industria quere abaratar o prezo do leite e sérvese destas cisternas que están introducindo leite a entre 18 e 24 céntimos por litro para presionar ós produtores”, detalla Pose, ó tempo que aclara que esta práctica xa foi denunciada por Unións ante a Axencia de Información e Control Alimentarios (Aica). No primeiro cuadrimestre do ano, a importación estatal de leite incrementouse un 92%, e só no mes de abril aumentou nun 211% con respecto ó 2019, segundo apuntaron dende Unións.

Rotura de contratos

A organización advirte de que as industrias se están aproveitando deste incremento de leite para a modificación unilateral de contratos, como propuxeron Lactalis e Inleit, e que, segundo denuncian, se basean en propostas ilegais. No caso de Lactalis, a industria argumenta o cambio nos contratos atendendo á modificación da Lei da Cadea, que impide a aplicación dun índice referencial que Unións xa denunciara como ilegal. A proposta da industria é á baixa, polo que tamén sería ilegal, sostén Unións. Ademais, fíxase un índice tendo en conta os prezos dos produtos industriais, que segundo indica Pose, non teñen que ver co prezo do leite líquido no supermercado. Explicación de Lactalis Pola súa parte, o Grupo Lactalis asegura que se axusta á legalidade e que os novos contratos reemprazan ós que caducan no mes de agosto. Xustifican que é preciso contar con novos contratos que fixen de forma diferente o prezo base, logo de que a modificación da normativa lles obrigue a deixar de empregar o índice de referenciación que usaban ata o momento. No cálculo do prezo base propoñen unha parte fixa e outra variable indexada a índices internacionais. “Na parte variable propuxemos incorporar límites máximos e mínimos, polo que a oscilación será moi pequena”, indican dende a industria, ó tempo que aseguran que as súas propostas están a ser ben recibidas polos gandeiros. No caso de Inleit, a organización agraria anima ós produtores a rexeitar os novos contratos que a industria está a enviar estes días, alegando que son ilegais. Recrimina que se remitiron ós produtores de xeito unilateral, sen levar a cabo unha negociación, tal e como esixe a normativa de contratos lácteos. Pose tamén indica que a mesma norma prohibe unha baixada do prezo, estando só permitida unha modificación á alza. Ó igual acontece coa fixación dun prezo variable en función dos produtos industriais, cando a empresa xa acordara un prezo fixo e tendo en conta que esta modificación suporía unha baixada de 2 céntimos.
Unións califica de ilegais tanto os contratos de Lactalis como de Inleit, ó ser propostas á baixa
Para Unións, a proposta tamén incorre na ilegalidade ó ser remitida ós produtores fóra de prazo. No canto de propoñer a oferta con 2 meses de antelación, como estipula a normativa, “as notificacións están chegando no mesmo día de entrada en vigor, onte mesmo, ou no día de hoxe”, sinala. Tampouco sería legal que a industria propoña contratos a 3 meses, xa que o mínimo é 1 ano e só o produtor pode renunciar a esa duración. Ademais, Pose alerta de que “unha vez que se rompe o contrato anual e se firma a 3 meses ninguén nos garante que ó rematar este prazo nos sigan recollendo o leite”. Neste contexto, Pose recordou ademais que as industrias levan tempo "chantaxeando" ós produtores, obrigándolles a renunciar á súa participación nas Organizacións de Produtores Lácteas (OPL). “As OPL créanse para que o gandeiro teña peso na negociación e está claro que ás industrias moléstanlles", reivindica. Dende a organización agraria tamén piden á Consellería de Medio Rural a súa mediación para frear estas prácticas por parte das industrias e reclaman sancións exemplares.

Denuncian que Carrefour vende o leite a 0,25 euros o litro

A Organización de Productores de Leche (OPL) denuncia vendas a perdas en grandes superficies como Carrefour e E. Leclerc Salamanca, “con prezos ridículos, por baixo do trinta céntimos de euro”. En concreto, trátase dunha oferta pola que a multinacional francesa vende o seu leite de marca branca a 0,25 euros o litro, moi por baixo dos 0,55 euros de prezo normal. “O único que conseguen estas empresas que venden a perdas, descaradamente, é arrastrar ao resto da distribución a baixar os prezos, para poder competir, devaluando o produto e o noso traballo”, reclama o presidente da organización, José Alberto Martín . Tanto a OPL, como diversos sindicatos interpuxeron máis de 40 denuncias ante a Agencia de Información y Control Alimentarios (AICA), dependente do Goberno central, contra as prácticas de vendas a perdas. “Porén, só unas cantas sancións con multas ridículas. Outras perdéronse ao trasladalas a AICA ás respectivas comunidades autónomas, que son as que teñen a última palabra á hora de sancionar”, denuncian desde a organización. “Estamos totalmente indefensos ante calquera abuso que se comete contra os gandeiros produtores de leite. As denuncias non serven de nada. E se denuncias estás exposto a ter represalias, sen que ninguén sancione, nin poña orde e vixíe estas prácticas abusivas”, incide Martín.

Cambios que se prevén para as ganderías de leite en ecolóxico

Galicia pechou o ano 2018 con 109 ganderías de leite producindo en ecolóxico fronte ás 96 existentes un ano antes, unha cifra que seguirá incrementándose en 2019, segundo avanzou o pasado venres en Lugo Manuel Cancio, director técnico do Consello de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA). "Temos varias explotacións en tramitación que se incorporarán no transcurso deste ano", afirmou. Do total das ganderías de leite ecolóxico máis da metade (62) atópanse na provincia de Lugo, mentres que A Coruña conta con 29, Pontevedra con 13 e Ourense con 5. En conxunto, e a falta aínda de coñecer os datos definitivos, pecharon o ano cunha produción total de entre 12 e 13 millóns de litros, o que supón un incremento superior ao 33% a respecto do ano 2017, cando se produciron en Galicia 9 millóns de litros. Nos últimos anos, animados polo incremento no prezo do leite ecolóxico -arredor de 0,50 euros o litro- e a entrada de novos operadores no mercado, o número de gandeiros que se pasaron do sistema de producción convencional ao ecolóxico non parou de medrar. Se entre os anos 2011 e 2014 o número de explotacións de leite en ecolóxico se mantivo estable entre as 30 e as 34, ao ano seguinte eran xa 40. Pero o grande salto produciuse no 2016, cando se duplica esa cifra e pasa a haber 80.
A maioría das explotacións incorporadas xa facían pastoreo
"A maioría deses gandeiros cumpriron ao longo do 2018 os dous anos de adaptación e comezaron xa de cheo a producir en ecolóxico, de aí o importante incremento de produción contabilizado o pasado ano", explicou Cancio, que participou o pasado venres nunha xornada técnica sobre Mellora da produción do leite ecolóxico en Galicia, organizada por Agronovo no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo e que xuntou a máis de medio cento de produtores galegos. A cifra dos máis de 12 millóns de litros contabilizados correspóndese coa dos comercializados ou transformados e non ten en conta o que se dá nas explotacións aos becerros, polo que a produción total é algo maior. O dato supón que nos últimos catro anos duplicouse a produción de leite ecolóxico en Galicia, pasando de 5,5 millóns de litros en 2015 a 7,8 en 2016, 9 en 2017 e máis de 12 o pasado ano. As explotacións incorporadas tiñan entre 20 e 30 vacas En canto ao número de cabezas en ecolóxico, na actualidade hai en Galicia 4.355 reprodutoras, cunha media de 40 vacas en produción por explotación. Esta media sufriu un descenso nos últimos anos a medida que se sumaban novas granxas. "A media no ano 2015 era de 64 vacas por explotación pero as incorporacións nos últimos catro anos foron de explotacións pequenas, de entre 20 e 30 reprodutoras, que xa facían pastoreo e polo tanto éralles máis doada a adaptación", explica Cancio.
Nos últimos catro anos a produción de leite ecolóxico duplicouse en Galicia
O volume de negocio do leite ecolóxico e os seus derivados incrementouse un 41% entre 2016 e 2017, na mesma medida que o facía o volume de negocio da agricultura ecolóxica en Galicia, que pasou de 41,7 millóns de euros a 59. Desa cifra, 18,5 millóns correspóndense con leite e derivados. "Case un terzo da produción ecolóxica que se certifica en Galicia ten que ver con leite", detallou o director técnico do CRAEGA.

Cambios normativos a nivel europeo

Na súa intervención ante os gandeiros reunidos este venres en Lugo, Manuel Cancio detallou tamén os cambios legais que entrarán en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2021 como consecuencia do Regulamento (UE) nº 2018/848 do Parlamento e do Consello de 30 de maio do 2018 sobre produción ecolóxica e etiquetado de produtos ecolóxicos, que está aínda en fase de redacción definitiva. "Os cambios previstos en leite e carne vacún no novo Regulamento serán poucos, non así no caso doutras producións, como por exemplo as avícolas, onde si haberá importantes novidades sobre todo en materia de instalacións", avanzou Cancio. Entre as principais novidades que afectarían á produción de leite ecolóxico estaría unha mellora do benestar animal cun aumento das superficies mínimas nas que están os animais, tanto en interior como en exterior e a fixación dun límite no caso de explotacións que manteñen presos aos seus animais (só poderán ter os animais atados aquelas explotacións de menos de 50 animais adultos).
Só poderán ter os animais atados aquelas explotacións de menos de 50 animais adultos
Esta medida afectaría por exemplo a aquelas explotacións de maior tamaño e que no inverno manteñen dentro pola noite ao gando en produción, que, en caso de teren máis de 50 vacas adultas terían que adaptar as súas instalacións para que estivesen ceibas, máis alá do tempo necesario para a alimentación, aplicar tratamentos, etc. Outro dos cambios previstos é que as esperas logo dun tratamento en ecolóxico serán do dobre do indicado, como até agora, só que se engade que polo menos será de 48 horas, polo que aínda que un medicamento poña que non é necesario agarda, esta terá que ser de polo menos 2 días para volver entregar o leite dese animal.
O 70% da alimentación deberá proceder da propia explitación e prohíbense os substitutivos de leite materno nos primeiros meses
Ademais, búscase que cada vez as explotacións sexan máis autosuficientes e o 70% da alimentación terá que ser producida na propia explotación (a porcentaxe está agora fixada no 60%). Esta medida, que e non entraría en vigor no 2021 senón no 2023, obriga a que a forraxe sexa de produción propia ou en colaboración con outro produtor da zona para poder empregar a porcentaxe do 30% restante que permite a normativa en mercar o penso. Do mesmo xeito, a nova normativa europea reforza o leite materno e prohibe os substitutivos nos primeiros meses de vida dos becerros e becerras. Deberán recibir leite materno procedente da propia explotación durante un periodo que está aínda sen definir pero que podería ir desde os 3 aos 5 primeiros meses de vida dos animais. O Regulamento definitivo, que substituirá aos actuais Regulamentos (CE) nº 834/2007 e 889/2008, debería estar listo a finais deste ano. Aínda que pode haber algún cambio ou modificación máis nestes meses, as principais novidades serían as seguintes: NOVIDADES XERAIS - Contribuír a un medio ambiente non tóxico. - Manter a fertilizade do chan a longo prazo. - Fomentar os circuítos cortos de distribución e as producións locais. - Promover o desenvolvemento de actividades de mellora vexetal de prantas ecolóxicas. - Novos Produtos: Sal, corcho, capullo de gusano de seda, algodón, gomas e resinas, cera de abella, aceites esenciais, la, peles, etc. - Posibilidade de certificación en grupo NOVIDADES EN RELACIÓN Á PRODUCIÓN ANIMAL - Novas especies animais: coellos e cervos. - Tempo de espera despois dun tratamentos, será do dobre do indicado e polo menos de 48 horas. - Posibilidade de manter atados animais adultos por seguridade ou benestar en explotacións de máximo 50 animais adultos. - Introdución de animais non ecolóxicos: 10% anual, sempre que sexan nulíparas. Posibilidade de creación dunha base de datos de animais ecolóxicos. - Conversión continúa a ser de 6 meses para animais de produción de leite. - Emprego de leite materna, prohibido os sustitutivos do leite. - Alimentación con leite materna durante tres meses. (posibilidade de que sexan 5 meses). - A partir do 1 de xaneiro do 2023 o 70% da alimentación será da propia explotación ou en colaboración con outros operadores da mesma rexión. - De momento pídese que a metade da superficie das instalacións sexa sólida. - Superficies: Interiores e Exteriores (entre paréntese os cambios previstos) Becerro/a menos 2 semanas: 1,5 e 1,1 m2 Ata 100 kg.: 1,5 (2,5) e 1,1 (2) m2 Ata 200 Kg.: 2,5 (3,5) e 1,9 (3) m2 Ata 350 Kg.: 4 (4,5) e 3 (4) m2 Desde 350 Kg.: 5 (6) e 3,7 (5) 1/0,75 m2/100 Kg. Vacas Leite: 6 (7) e 4,5 (6) – Mín. 1 m2/100 Kg. Touros: 10 e 30 m2

Gandeiros nas xornadas sobre "Mellora da produción de leite ecolóxico en Galicia" organizadas por Agronovo

"Co volume actual sería posible crear unha OPL Eco en Galicia"

Os organizadores da xornada, a asesoría agrícola Agronovo, explicaron as vantaxes que tería para o sector a creación dunha Organización de Produtores de Leite propia. "Co volume de leite e o número de explotacións en ecolóxico que hoxe ten Galicia a creación dunha OPL Eco podería ser unha oportunidade", defendeu Javier Villanueva, que avogou por unha Organización de Produtores de ámbito galego. "Até agora non era posible creala porque non se chegaba ao número de produtores e de litros necesarios para constituíla pero coas últimas incorporacións que se produciron xa sería viable contar cunha organización profesional de produtores de leite ecolóxico galego que mirase polos seus intereses", argumentou. Os requisitos para poder crear unha OPL son xuntar un mínimo de 50 produtores e 10.000 toneladas de leite, unhas cifras que se superarían neste momento en Galicia, segundo os datos facilitados nesa mesma xornada polo CRAEGA. Outra das condicións fixadas na normativa que regula a creación das OPL é que os produtores só poden estar inscritos nunha. Neste momento existe outra iniciativa en marcha para a creación dunha Organización de Produtores de Leite en ecolóxico de ámbito estatal, polo que de creárense as dúas os gandeiros galegos deberían escoller a cal pertencer, ao non poderen estar nas dúas.
"Nas OPL convencionais os produtores en ecolóxico somos unha absoluta minoría e non se nos ten en conta"
O mesmo acontecería cos gandeiros en ecolóxico que na actualidade forman parte xa dalgunha das OPL existentes e que comparten organización con explotacións convencionais. Segundo puxeron de manifesto algúns dos gandeiros participantes onte na xuntanza celebrada en Lugo "nas OPL convencionais os produtores en ecolóxico somos unha absoluta minoría e non se nos ten en conta", queixábanse. Javier Villanueva explicou que "existe neste momento unha oportunidade para crear unha OPL Eco en Galicia e penso que habería que aproveitala, porque o vindeiro ano pode que sexa máis difícil creala porque hai un borrador no Ministerio que prevé cambios normativos que endurecerían os criterios a cumprir e se en vez de 50 explotacións poñen o mínimo en 150 produtores sería case imposible creala xa non só a nivel galego senón incluso a nivel estatal", indica.

"O consumidor confunde leite de pastoreo con leite ecolóxico"

O proceso para a constitución dunha OPL non levaría moito tempo, defenderon desde Agronovo. "O primeiro paso é que os gandeiros tomen conciencia da necesidade de creala e se poñan dacordo nos seus obxectivos. Logo viría o proceso de constitución, que é rápido. A tramitación administrativa podería levar un mes, non máis", explicou Xisela Fernández. Agronovo foi a empresa encargada da elaboración do Plan Estratéxico da Produción Ecolóxica de Galicia 2018-2022. "Detectamos cando elaboramos o Plan que o sector do leite ecolóxico podería mellorar moito cunha OPL propia porque nas Organizacións de Produtores de Leite actuais prima o convencional sobre o ecolóxico, de aí a necesidade de contar unha só para a produción ecolóxica", expuxo Xisela. Outra das vantaxes de contar cunha organización propia para a producción ecolóxica estaría na representación. "Unha OPL Eco necesita moita menos xente para constituila que unha OPL convencional, o que facilita as reunións e a participación directa dos membros que forman parte dela", dixo. Detallou algúns dos obxectivos que tería esta asociación profesional de gandeiros en ecolóxico, entre os que estarían as funcións de representación do produtor diante dos distintos estamentos (Administración, CRAEGA, industrias, comercializadores e distribución) ou promocionar ante a sociedade e o consumidor os beneficios do leite en xeral e do leite ecolóxico en particular para desmontar falsos prexuizos ou desinformacións existentes. "O leite de pastoreo pode ser unha competencia directa para o leite ecolóxico. Hai desinformación no consumidor sobre cales son as diferenzas entre un e outro e confúndese leite de pastoreo con leite ecolóxico", insistiu. Ademais, dixo, "as OPL actuais non están funcionando nunha das súas funcións principais, que debería ser a negociación de contratos e prezos estables e xustos dos produtores coa industria". "Até agora en ecolóxico non había con quen negociar porque só había unha industria recollendo leite ecolóxico, pero agora xa hai varios operadores no mercado e ten pleno sentido esta función", opinou.

A OPL critica que “as fusións cooperativas en Galicia non tiveron en conta aos socios”

A Organización de Productores de Leche ( OPL) critica que “case ningunha das fusións das cooperativas agrarias levadas a cabo en Galicia tiveron en conta aos seus socios e se plantearon para novos proxectos”. Neste sentido, advirten de que “os nosos socios galegos, en moitos casos, descubriron as verdadeiras motivacións: crecemento persoal dos xestores, acceso a axudas prometidas, xuntar débedas para que os organismos oficiais axuden a pagalas, entre outras”. “Nesta realidade é coma se só fosen accionistas minoritarios doutro tipo de sociedades. A modernización das explotacións fixérona os propios produtores, conseguindo que Galicia teña explotacións a nivel dos países máis avanzados de Europa e, moitas veces, a pesar de que as cooperativas foron un lastre para o seu desenvolvemento", advirten desde a OPL. Engaden que “é evidente a falta de coordinación entre os obxectivos das explotacións e o das cooperativas, xa que estas non conseguiron xestións eficientes e móvense fundamentalmente pola súa supervivencia como entidades”. Así mesmo, critican desde a OPL que “as administracións só interveñan nas cooperativas cando ven perigo de estourido social, dando diñeiro, que logo é manexado polos mesmos que provocaron dita mala xestión e permitindo que sigan polo mesmo camiño máis tempo”. Por último, insisten en que “sen a participación efectiva dos asociados, entendendo e asumindo os obxectivos que se pretenden, a cooperativa resultante nacerá sen un alicerce fundamental, con que o concepto real de cooperativa perderá a súa natureza”.

A OPL denuncia os baixos prezos do leite de pastoreo e pide ao Ministerio que interveña

A Organización de Produtocres de Leche (OPL) manifestan a súa preocupación ante os anuncios publicitarios referentes ao leite de pastoreo. "Vemos con certa frustración que os argumentos que esgrimen as grandes distribucións son os mesmos de sempre”, denuncian. Explican que “o prezo do envase nalgún supermercado é ridículo (0,57 euros), nin tan sequera chega aos 0,77 € cada litro, non entendemos que buscan as grandes cadeas de distribución con isto. Fannos entender que utilizan o prezo baixo nos seus lineais como un reclamo cara ao consumidor, devaluando o produto e ademais con ofertas enganosas”. Detallan que nalgún caso os envases de leite xa nin sequera son dun litro, senón de 750 mililitros, cando antes un cartón de leite dun litro custaría 0,76 euros. Desde a OPL insisten en que un prezo menor aos 0,77 € o litro, é insuficiente, especialmente para un leite, como a de pastoreo, que ao gandeiro cústalle máis producilo e suponlle maior traballo. Ademais, sinalan que resulta igualmente ridículo que “sendo este leite un alimento que a distribución vende como dunha calidade extraordinaria, non chega a valer nin os prezos que vale o leite convencional nas empresas de primeiro nivel”. Esixen ao Ministerio que esixa trazabilidade á industria Esixen ao Ministerio de Agricultura que non peche os ollos ante este tema e que actúe con celeridade e que regule os prezos de todos eses leites. “As industrias que poñan dita publicidade nos seus envases, deberán de ofrecer información veraz e cumprir os estándares de calidade que venden. As autoridades han de esixirlles trazabilidade, pero non a que nos impoñan a nós as industrias, que esa xa a cumprimos, queremos que non se envase leite doutras procedencias neste tipo de envases, que esa trazabilidade, chegue ao consumidor e non se perda nas portas de entrada das industrias. Os gandeiros estamos cansos dos seus enganos e de que se amenta ao consumidor. O Goberno debe velar, e de forma rigorosa, para que non soamente se beneficien os de sempre. Demandamos que se vixíe, ademais, o establecemento dun prezo de venda lóxico, non pode ser que do leite de calidade tamén se queira facer un reclamo para atraer xente aos lineais da gran distribución”. Así mesmo, lanzan outra advertencia tanto á distribución como ao ministerio, xa que informan de que “despois de consultar a gandeiros de Galicia que abastecen de leite á industria que transforma ese leite anunciado a 0,57 €, sabemos que lles pagan 0,28 € de prezo base por litro, dos cales reciben 0,005€/litro por certificación, unha miseria para a publicidade que do devandito produto fan os industriais e a distribución”. Advirten de que o gandeiro cobra o litro só a 0,31 euros Engaden que “cobrarían por leite AA 0,009€/litro (extra de calidade), e por tanto supoñen que esa é o mellor leite do mercado, outro mísero pago para este súper alimento. E un pago irrisorio de 0,018€/litro polo leite de pastoreo, pago ridículo, tanto polo esforzo que supón ao gandeiro, como pola menor produción das súas vacas, fronte aos sistemas convencionais, como por esa calidade en produto que dan as súas vacas pola diferenza en alimentación”. “O consumidor ten que saber que o gandeiro que produce leite de pastoreo non se ve recompensado pola industria, posto que non chega a cobrar nin tan sequera 0,31€ por litro, un prezo ridículo mesmo para un leite convencional, co cal máis aínda para este tipo de leites”, reclaman. Solicitan “que non se engane máis aos dous sectores máis débiles en todo isto, ao consumidor e ao gandeiro, o Ministerio está obrigado a vixiar e regular a cadea alimentaria. As prácticas abusivas da industria sobre a gandaría deberían ser sancionada, especialmente cando se vende leite nos supermercados a menor prezo que a auga. Unha situación aberrante segundo o ministro de Agricultura, Luís Planas, pero que vemos que nada está a facer para remedialo”.

A OPL defende os controis actuais nas granxas como garantía para a venda de leite cru

Ante o debate suscitado en distintos sectores trala aprobación do decreto de Cataluña que permite a venda de leite cru, a Organización de Produtores de Leite advirte de que “está a xerarse unha polémica e unha alarma social innecesarias, que nos fan perder a todos, en especial aos gandeiros”.

Desde a OPL lembran o cumprimento por parte dos gandeiros das normativas, tanto europeas como españolas, en canto a benestar animal e a controis sanitarios tanto de animais, como do leite. Entre estes controis que se fan cada ano figuran, por exemplo, os de brucelose e tuberculose. Tamén insisten en que diariamente o leite cumpre cuns determinados parámetros de calidade, hixiene ou refrixeración que se verifican no transporte ás industrias.

“Nunca se tivo máis control hixiénico-sanitario do leite e dos animais que hoxe e parece que non se lle quere dar importancia a eses controis”

“Nunca se tivo máis control hixiénico-sanitario do leite e dos animais, que hoxe. Ditas normativas, así como as sancións que son moi duras, calquera as pode atopar para ler e informarse ben na web do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación”, afirma José Alberto Martín González, presidente da OPL. Insiste en que “parece que non se lle quere dar moita importancia a todos estes controis. A día de hoxe o non informar deles ao consumidor xera moita desconfianza, moita xente crea e difunde bulos para mal informar ou crear polémicas e falsidades, sen ter en conta que para o gandeiro chegar a este punto de tantas esixencias, supúxolle, ademais, dun gran investimento económico, moito máis control, máis traballo e un maior custo á hora de producir”, puntualiza Martín. Neste sentido, incide en que “os ministerios de Agricultura e Sanidade terían que avalar o bo cumprimento de todas estas esixencias e controis, se non de pouco serve todo o traballo e esforzo dos gandeiros por cumprilas”.

A venda de leite cru en España

A venda de leite cru en España é unha práctica que xa estaban a levar a cabo distintas gandarías, varias delas en Galicia. Unha normativa europea permite esta venda sempre suxeita a uns estritos controis sanitarios. A gandaría debe converterse nunha pequena industria que garanta o cumprimento destes parámetros. Ademais, tamén debe garantirse que se mantén a cadea de frío durante todo o proceso, para que o leite en ningún caso exceda os 4ºC.

Ferver o leite

“Vender leite cru non é, en ningún caso volver cara atrás, máis ben é devolver un produto ao seu estado natural e dar ao consumidor a opción de comprar calidade”, defende o representante da OPL. Ao tratarse de leite cru, tal e como recollen as normativas europeas, debe indicarse que ten que ferverse antes de consumila. Con este proceso conséguese eliminar o risco de patóxenos no leite. Trátase dun tratamento térmico con resultados similares á pasteurización. Este é un aspecto no que tamén inciden os detractores do leite cru que critican que recaia esta responsabilidade no consumidor. Con todo, desde a OPL lembran que tamén existen outras recomendacións con distintos alimentos para reducir riscos para a saúde como conxelar o peixe, lavar a froita, verduras ou hortalizas, antes de comelas. A OPL incide, ademais, en que ferver o leite foi unha práctica moi asentada nos fogares durante anos.

Os beneficios para os gandeiros

A venda de leite cru permite aos gandeiros “aliviar as vendas a perdas, que hoxe en día nos ocasiona ter que depender forzosamente da industria, pasando polo seu xugo”, asegura o presidente da OPL. “Cando o leite sae da granxa para a Industria pagan unha miseria ao gandeiro, que non chega para cubrir os custos de produción. Coa venda directa o gandeiro podería cubrir custos e o consumidor pagar menos e tería un leite máis natural e directa, con todas as garantías de calidade”, sentencian desde a OPL.

A modo de exemplo, un gandeiro que produce diariamente 1.000 litros do leite, que a industria paga a 0,31€/litro, a través da venda de leite cru podería engadir 100 litros máis ao día, a uns 0,70€ ou máis.

Outro dos grandes beneficios que sinalan desde a Organización é o achegamento do consumidor ao produtor. “É unha oportunidade de recuperar a visión de como se traballa no campo e nas granxas e de como se coida aos animais, así como para enfrontarse a esa perspectiva de canto custa producir os alimentos e o sacrificado que é devandito traballo”, advirte Martín.

Gandería Iglesias Agra: Orgullo de ser gandeiros e de mellorar como profesionais

Gandería Iglesias Agra é un exemplo de transformación en moi poucos anos dunha explotación familiar a unha gandería xestionada cunha visión empresarial e con man de obra externa contratada, unha transición que están a experimentar moitas outras granxas en Galicia. Situada no concello de Santa Comba, un dos máis gandeiros do país, con máis de 11.000 vacas censadas, o momento clave para o futuro desta gandería foi hai 17 anos, coa decisión de Manuel Iglesias Agra de cambiar de profesión e facerse cargo da gandería familiar dos seus pais.
 “Cambiei o trato coas persoas na hostalaría polo trato coas vacas, que son animais máis nobres”
“Estudei a rama de hostalaría e traballei no sector, pero cando tiven a oportunidade deixeino para dedicarme ao que realmente me gustaba e me gusta: as vacas de leite. Pode dicirse que cambiei o trato coas persoas polo trato coas vacas, uns animais máis nobres”, recoñece Manuel. A explotación familiar da que partía era unha gandería con 30 vacas en muxido , que pacían durante o día e pola noite permanecían presas na corte. 17 anos despois, e tras sucesivas ampliacións, hoxe Gandería Iglesias Agra conta con 240 animais, dos que 120 son vacas en muxido. “Abandonamos o pastoreo, aínda que nos gusta velas no prado e de feito sacamos fóra ás secas e algunha xovenca, e sobre todo somos moito máis eficientes, produtivos e profesionais”, valora. Teñen moi bos resultados en herba cunha mestura de raigras inglés con festuca A base territorial tamén aumentou: hoxe contan con 75 hectáreas, das que a metade son en propiedade e as outras arrendadas. Sen embargo, Manuel Iglesias subliña que “sen ben é certo que é importante ter superficie, esta ten que ser proporcional ás necesidades e, sobre todo, hai que medir os rendementos das fincas para ver se son rendibles”. Así, cita a situación na que se atopou no ano 2016: “Tiña demasiada base territorial que estaba sendo un lastre para a miña explotación, porque había parcelas que non eran eficientes e disparábanseme os custos, polo que decidín deixalas”. A metade da superficie actual seméntaa a millo e a outra metade a herba. Neste último cultivo introduciu cambios no último ano, cunha mestura de raigráss inglés e de festuca, que valora moi positivamente. Está formada por un 10% de raigráss híbrido, un 35% de raigráss inglés diploide, outro 35% de raigráss inglés tetrapoloide e un 20% de festuca.
 “Con esta mestura o espigado é máis tardío e logro unha forraxe con moita folla e proteína”
“Esta mestura proporciona herba cun espigado moi tardío, un alto rendemento en cantidade, maior facilidade de manexo, porque non se pasa tanto dun día para outro, e un nivel máis alto de proteína no silo”, explica. En concreto, no silo deste ano esta mestura permitiu obter unha media dun 15-16% de proteína e un 30-32% de materia seca. “Velo na forraxe, cunha baixa cantidade de palla e unha cantidade moi importante de follas, de brotes máis dixestibles, que son os que aportan rendemento leiteiro”, destaca. E é que para este gandeiro a calidade das forraxes e a calidade da auga é o máis importante para as vacas. “Podes facer camas 4 veces ao día e ter ventiladores e aspersores, que como non teñas boa forraxe e auga non fas nada”, sentencia. O cambio da soia por colza permitiulles baixar o custo da ración sen penalizar a produción A ración para as vacas de leite en Gandería Iglesias Agra está composta por 30 kg de silo de millo, 16 kg de silo de  herba, 6 de colza e 5 kg de núcleo. Optaron pola colza hai algo máis dun ano por un motivo estritamente económico: negociaron un prezo para todo este 2018 de 224 euros a tonelada, uns 120 euros menos que a mesma tonelada de soia. “A pesar de que tivemos que subir 900 gramos en penso para lograr as mesmas unidades proteicas que ca soia, o cambio compensounos de sobra pois abaratamos a ración, ata chegar a unha media de 4,5 a 4,7 euros a ración por vaca e día, e a produción de leite non se viu penalizada”, explica Manuel. Polo demais, destaca o alto contido en fibra desta ración, en boa parte grazas ao silo de herba, cun resultado positivo na saúde das vacas: “As bostas están perfectas e os animais a nivel produtivo e reprodutivo funcionan moi ben”, destaca.
 “Na elección dos touros priman os que teñen a maior puntuación en sólidos e en lonxevidade”
Con esta ración a media de produción por vaca, normalizada a 305 días, é de 12.057 litros por lactación, cunhas calidades dun 3,7% de graxa e dun 3,2% de proteína, unhas calidades estándar que buscan mellorar. A media de mamites nesta explotación é de entre un 4 e un 5% ao mes e a media de reconto de células é de 155.000. O leite véndenllo a CAPSA Peñasanta. Precisamente, a necesidade de adaptarse ás demandas da industria láctea está levando a esta gandería a facer unha intensa selección co obxectivo de mellorar a calidade do rabaño e do leite que producen. “Fomos cambiando os criterios para inseminar e para descartar as vacas: ata o ano 2015 buscábamos produción en litros, patas e ubres. Hoxe temos en conta outros parámetros: que os touros sexan o máis altos posibles en sólidos, en lonxevidade e en saúde e que non sexan negativos en patas e en ubres. E as vacas que baixan das calidades de sólidos que nos pide a industria ou que non os mellora descartámolas”, explica. Esta situación de mellora do rabaño leva a que a taxa de reposición sexa elevada, de entorno ao 35%, un proceso que Manuel Iglesias recoñece que “sae caro, pero considero que é a mellor maneira de mellorar a cabaña”. As necesidades de recría levan tamén a que só inseminen con razas de carne as vacas repetidoras. A media de partos é de 3,5 por animal. “Os investimentos en maquinaria agrícola son unha lastre para as ganderías pequenas” En canto á maquinaria agrícola, Manuel Iglesias presume de que “só temos dous tractores e algún apeiro”. O servizo de carro proporciónallo CUMADEIRA, unha CUMA na que levan 15 anos, e practicamente todos os traballos agrícolas e de recollida contrátanos a unha empresa externa de servizos agrarios. “Para explotacións de pequeno tamaño é imprescindible non facer fortes investimentos en maquinaria, pois a experiencia ao final dinos que non son máis que un lastre para explotación. Ademais, contratando fóra fas as campañas ben, rápido e sen facer investimentos nunha maquinaria que axiña queda obsoleta”, destaca.

Unha nova ampliación en marcha para mellorar a recría e o benestar das vacas

Actualmente Gandería Iglesias Agra está realizando obras de ampliación, cunha nova nave na que albergarán toda a recría, actualmente repartida entre o establo e as cortes vellas. “Cando fixemos a segunda nave sacamos unha parte importante das becerras das instalacións vellas e pasamos dunha idade ao parto de 27,5 a 24,5 meses. E iso en 40 xovencas supuxo xa unha redución de custos moi importante, unha mellor condición corporal, mellor detección de celos..etc. Con esta ampliación queremos traer toda a recría, arredor de 90 xovencas, para as novas instalacións, e así facer un importante aforro en custos”, destaca Manuel. Coa liberación de espazo tamén teñen previsto aumentar algunhas prazas máis para vacas en muxido. O segundo obxectivo desta ampliación é mellorar o benestar dos animais en produción. “Imos facer unha redistribución dos lotes, dar máis espazo a cada vaca, modificando e facendo máis anchos os pasillos e reubicando os bebedeiros. Todo redundará en benestar ao aumentar os metros cadrados por animal”, avanza Manuel. E a medio prazo outros investimentos que prevén son construír unha nova foxa de xurro cuberta e adquirir ou ben unha sala de muxido nova ou un robot.
Anterior
Siguiente
Mestura que empregan nas pradeiras

Man de obra: “Temos que darlle aos asalariados as mesmas condicións de traballo que noutro sector”

En Gandería Iglesias Agra traballan Manuel, a súa muller, Chelo, e dous asalariados externos: Damián e Alberto. O paso dunha gandería na que o traballo era realizado por membros da familia a ter que contratar persoal externo supuxo un cambio importante nesta explotación. Neste sentido, Manuel Iglesias considera que é preciso que os gandeiros propietarios se formen e cambien a súa mentalidade para ser tamén xefes de persoal. “Debemos esquecernos que os traballadores son esa man de obra incondicional que nos traballaba de luns a domingo as horas que fixeran falta, e pensar que a persoa que ven á explotación busca unhas condicións laborais iguais que as de calquera outro traballo, tanto en horario, días libres, salario, previsións de futuro, conciliación coa vida familiar...etc”, subliña. “Se somos capaces de ofrecer un traballo con condicións equiparables a calquera outro sector será un éxito para nós. Do contrario, seguiranos pasando pola explotación moita xente e sen formación. E creo que a ningún empresario lle interesa que pola súa empresa pase moita xente sen formación”, conclúe.

En primeira persoa: "Gústame vivir nunha comarca, a de Xallas, con gandeiros cada vez máis profesionais"

Que che gusta máis do teu traballo? Globalmente gústame todo, principalmente o mellorar día a día, a sensación de que cada vez somos máis profesionais e de que facemos as cousas ben. Nunca tiven un día de dicir quen me mandaría a min meterme nisto. Que valoras máis do sitio no que vives? É moi importante vivir nun entorno no que haxa gandeiros, porque temos retos para os que nos temos que apoiar entre nós. Satisfaime vivir tamén nunha comarca na que hai moi boas ganderías e gandeiros cada vez máis profesionais.
Manuel Iglesias, no centro, nunha concentración da OPL en Santiago

 “O problema dos gandeiros é que non temos unha estratexia común”

Ademais de por mellorar a súa explotación, Manuel Iglesias Agra tamén deu a batalla para mellora a situación do sector: foi un dos impulsores das mobilizacións dos gandeiros durante a crise de prezos de 2015, como presidente da Organización de Productores de Leche (OPL), á que segue vinculado, agora como membro da súa directiva. Neste sentido, considera que a principal eiva do sector “é que aos gandeiros nos falta unha estratexia de futuro, algo que non temos e non vexo que haxa intención de tela”. Así resume a situación actual: “A distribución ten unha posición dominante na cadea de valor do sector lácteo e impón a súa estratexia á industria transformadora, que tamén ten estratexia. E os únicos que non a temos somos os gandeiros, que nos toca padecer a estratexia dos demais”. Como aspectos que debería afrontar esa estratexia dos gandeiros, cita presionar á administración local e autonómica para mellorar a base territorial das explotacións, con novos procesos de concentración parcelaria; que a administración tamén se implique para formar persoal cualificado para traballar como asalariados nas ganderías, “algo -subliña- que si fai a Xunta con outros sectores, como o do naval”, ou uníndose para ter unha industria láctea propia e solvente. Manuel Iglesias conclúe que “alégrome de que haxa concentración das cooperativas galegas pero sinto que tampouco teñen esa estratexia que precisamos”.

A OPL critica a “campaña de desinformación de certas industrias” para baixar o prezo do leite nos novos contratos

A Organización de Productores de Leche (OPL) prevé unha estabilidade e mesmo de lixeira subida do prezo do leite en orixe para o ano 2018 e desmente a “desinformación de certas empresas” lácteas para non subir o prezo do leite aos gandeiros. As razóns da OPL para xustificar esta previsión de estabilidade ou lixeira subida dos prezos son: 1. A manteiga mantén prezos á alza, a pesar das baixadas sufridas a finais do ano 2017, o que permite prever e, así o fai, a Comisión Europa, uns prezos estables do leite en orixe ao longo de todo o ano 2018. Establécese un prezo medio para a UE de 0.369 €/kg, prezo que en España, incomprensiblemente, non se alcanzou a pesar de ser un país deficitario en leite en máis dun 30%. 2. Segundo a estimación da bolsa de valores de Nova Zelandia, neste país, o maior exportador de lácteos a nivel mundial, prevese unha caída da produción dun 1.5% debido á seca que están a sufrir. Esta caída absorbe o aumento de produción na UE que é dun 1.7% máis que o ano anterior. 3. As poxas de Fonterra, no que levamos de ano, sufriron incrementos de prezo do 2.2%, 4.9% e 5.9%, só na última produciuse un lixeiro descenso do 0.5%. 4. Segundo datos do FEGA o número de xovencas en España descendeu un 4,4% o que fai presaxiar un descenso da produción. 5. O último informe sectorial do Ministerio a balanza comercial dos produtos lácteos mostra unha clara tendencia ao aumento das exportacións (nata líquida un 141%, leite en po un 139%) e unha redución das importacións. “A industria propaga o medo nos produtores para impor prezos á baixa” Sen embargo, a OPL advirte de que “a industria láctea en España, como cada ano na primavera, coma se dun período de rebaixas institucionalizado se tratase, e aproveitando que a maioría dos contratos subscritos cos produtores renóvanse a primeiros de abril, saca a súa artillaría pesada con técnicas de dubidosa ética, propagando o medo nos produtores para lograr impor prezos á baixa”. “Todo isto conségueo, -engaden- anunciando abandonos de rutas, asegurando que hai demasiado leite no mercado, de modo que os gandeiros que quedan sen poder vender o seu leite, deben ofrecela a outras empresas a prezos irrisorios”. Ante esta situación, a OPL insta os gandeiros “a manter a calma, xa que os datos apuntan cara a un mantemento, e probable subida do prezo do leite”.

Protestas en Bruxelas contra a desregulación do sector lácteo

Dúas coordinadoras gandeiras europeas, Vía Campesina, na que participa o Sindicato Labrego, e a European Milk Board, na que está a Organización de Productores de Leche (OPL), fixeron unha protesta simbólica en Bruxelas con motivo da celebración do Consello de Ministros de Agricultura da UE. Os gandeiros opóñense á desregulación que sufriu o sector lácteo e piden medidas públicas para controlar o mercado. O Sindicato Labrego, que apoia as protestas, considera que as medidas de desregulación do mercado (fin das cotas, baixada dos prezos de intervención, etc.) só benefician ás industrias lácteas e á gran distribución, en tanto que as granxas vense perxudicadas por situacións de sobreprodución e de caídas de prezos. Esa situación de crise no campo explica que na actualidade a Comisión Europea acumule 360.000 toneladas de leite en po, intervido no último ano e medio a 21 céntimos (por litro de leite equivalente) para tratar de aliviar o mercado. A intención da Comisión Europea de sacar o leite en po intervido ó mercado suscita as críticas do sector, pois enténdese que a situación de crise non pasou, polo que non é tempo de devolver as existencias intervidas ó mercado. Proba de que continúan as dificultades é que en decembro, a Comisión tratou de vender 20.000 toneladas de leite en po pero só puido colocar o 1% de tal cantidade. Análise do paquete lácteo Entre tanto, o Consello de Ministros de Agricultura analizou como marchan as medidas derivadas da implantación do paquete lácteo, tales como a posta en marcha de organizacións de produtores (Ops). En xeral, a Comisión valora que a maioría das Ops están servindo para as funcións para as que foron creadas, tales como negociación coas industrias ou xestión da oferta. Non é o caso de Galicia.

A OPL distribuirá mil litros de leite este xoves en Santiago

A Organización de Productores de Leche (OPL) fará mañá un reparto gratuito de leite entre a cidadanía de Santiago a partir das 12 horas na Alameda, no entorno da Porta Faxeira. O acto programouse no marco dun día europeo de protestas gandeiras convocado pola European Milk Board (EMB), unha confederación de asociacións de produtores na que participa a OPL. Con este acto, a organización quere chamar a atención sobre a necesidade de cambios nas políticas lácteas europeas. A OPL secunda a demanda da European Milk Board de políticas que promovan a reducción das entregas de leite en caso de crises. Tamén se demanda unha mellora dos prezos de intervención do leite en po, actualmente en niveis moi baixos, o que inviabiliza esta ferramenta para frear as caídas de prezos. Desde a Organización de Productores de Leche chaman a atención ademais sobre a falta de resultados inmediatos do acordo lácteo. Este venres está prevista unha reunión da Plataforma do Sector Lácteo de Galicia para estudar a situación e valorar posibles mobilizacións.