Archives

Apróbase un grupo operativo de investigación para potenciar a produción de oliva en Galicia

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimenarias (AGACA) integra, xunto co Centro Tecnolóxico da Carne (CETECA) e a cooperativa Proligal, o Grupo Operativo del Olivar en Galicia OLIGALICIA, co obxectivo de mellorar a produción dos oliveirais galegos. Para iso, elaborarase un mapa coas variantes de oliveira (autóctona e foránea) cultivadas en Galicia co fin de de caracterizar as súas particularidades produtivas e os seus custos de produción e, segundo a zona e o clima, elaborar plans de emenda e fertilización e identificar os sistemas de rega, de mantemento de solo e de control de pragas máis axeitados. O proceso de traballo, que prevé finalizar en 2026, incluirá a toma de mostras de solo, oliveiras e auga, por parte de Proligal, que se analizarán nos laboratorios do CETECA. Os datos servirán para facilitar a redacción dos cadernos de campo das diversas variedades e para optimizar as tarefas agronómicas de fertilidade do solo e manexo das árbores que conduzan a una mellor produción. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria colaborará na identificación das variedades máis aptas para seren implantadas nos campos experimentais. AGACA lidera o Grupo e ofrecerá o asesoramento técnico necesario. O orzamento de OLIGALICIA é de 179.955€ e conta con axuda para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), financiada co Fondo Europeo Agrícola para o Desenvolvemento Rural (FEADER), o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta de Galicia.

Aceites Abril espera recoller este ano uns 35.000 quilos de olivas para elaborar un aceite 100% galego

A empresa galega Aceites Abril prevé alcanzar este ano unha produción de 35.000 quilogramos de oliva para a elaboración de "Colleita Propia", o seu aceite de oliva 100% galego que se traducirá nunha edición limitada de 7.000 botellas de medio litro. Na actualidade, a empresa familiar ourensá da man dun cento de produtores conta cunhas 140 hectáreas repartidas nas comarcas de Verín, Valdeorras, Quiroga, Terras de Lemos, O Ribeiro, Ourense, O Baixo Miño, O Salnés, Caldas de Reis, Deza e Carballiño. Esta cifra, que se confirmará unha vez termine a campaña de recolección a mediados de novembro, supón un incremento aproximado do 15% con respecto á colleita da campaña anterior, na que se alcanzaron o 30.000 kg, debido á seca e inclemencias meteorolóxicas. Durante a visita á plantación de San Pedro de Moreiras, Alberto Fernández, responsable de Agro indicaba que "a pesar de que no resto de España, a seca minguou a produción, en Galicia non afectou tanto a escaseza de auga como as intensas choivas caídas cando a oliveira se atopaba en floración". Porén, o responsable de agro da firma ourensá cre que as expectativas son boas e confía en recoller até un 15% máis que na campaña anterior. A pesar das condicións meteorolóxicas, desde a área de Agro da empresa ourensá apuntan que "a calidade da oliva é moi boa, podemos dicir que excelente, que está a chegar en moi bo estado, realmente cunha aparencia formidable". En canto ao rendemento "esta campaña o rendemento por hectárea difire moito dunha parcela a outra en función da súa localización ou da posibilidade de rega. Estes condicionantes farán que o rendemento das leiras poida oscilar entre os 1.000 e 3.000 quilos de oliva recollida por hectárea. Este ano as mellores colleitas chegarán de agricultores da zona de Monterrei, algunha leira do Ribeiro e Baixo Miño", apunta Alberto Fernández Míguez, responsable da área de Agro da compañía ourensá. En todo caso, esperan retornar aos números de anteriores campañas (concretamente á de 2021 con 45.000 kg.) para a colleita do 2024 e desta forma continuar potenciando o proxecto "Colleita Propia". A nivel de consumo, apuntan desde Aceites Abril que este aceite 100% galego está consolidado, de feito, continúanse esgotando as existencias en fábrica desde fai dúas edicións. Haberá que esperar a decembro a que a nova colleita deste produto estea de novo dispoñible en tendas de alimentación especializada e na propia tenda on-line de Aceites Abril. Cando abrimos unha botella de "Colleita Propia" atopamos un aceite moi frutal, cun forte compoñente aromático, en boca un gusto a plátano e améndoa.

"Colleita Propia"

Este proxecto, iniciado por Aceites Abril fai máis dunha década, ofrece aos pequenos produtores, ademais do compromiso de compra da produción a un prezo superior á media nacional, o estudo de viabilidade das súas parcelas (informe de campo, recollida de mostras, análises do chan e tratamento de datos climáticos), así como asesoramento técnico e formativo. Neste sentido, Alberto Fernández, responsable de Agro da firma, engadiu "Colleita Propia é o resultado da nosa firme aposta e compromiso de recuperación das oliveiras de Galicia xunto a máis dun cento de produtores locais". Todo o traballo que hai detrás deste proxecto, foi recoñecido polo Cluster de Comunicación de Galicia, como a Mellor Práctica na Comunicación da Responsabilidade Social Empresarial nos Premios Paraugas na súa penúltima edición.

Aceites Abril incrementa un 15% a súa recollida de oliva galega

A campaña 2021 preséntase con boas perspectivas para a empresa galega Aceites Abril, que prevé alcanzar unha produción de 45.000 quilogramos de oliva para a elaboración de 'Colleita Propia', o seu aceite de oliva 100% galego. Nesta campaña agardan acadar as 10.000 botellas de medio litro desta edición limitada. A cifra, que se confirmará unha vez termine a campaña de recolección a principios de decembro, supón un incremento de practicamente un 15% con respecto á colleita da campaña anterior, na que case se alcanzaron o 40.000 quilos. O incremento da produción deste ano debeuse a que gran parte dos oliveirais incluídos neste proxecto atópanse en plena produción. Agardan que esta tendencia se siga consolidando nas próximas campañas de recollida de froitos. A nivel de consumo tamén notaron un incremento da demanda do seu aceite galego. "A pandemia motivou un cambio de tendencia nos consumidores, cun incremento na colaboración e púxose encima da mesa a importancia dun consumo responsable, das economías locais e da calidade", reivindica Elena Pérez Canal, responsable de márketing e exportacións da firma. Así, en outubro esgotaron as existencias da colleita anterior do seu aceite galego.  A súa Colleita Propia póñena á venda a partir de decembro e comercialízana tanto en tendas de alimentación especializada como na súa propia tenda on-line.

Máis de 200.000 oliveiras

Durante a visita aos oliveirais, Elena Pérez Canal destacou a firme aposta e compromiso da empresa ourensá por este proxecto, a través do cal vertebran a súa aposta pola recuperación das oliveiras de Galicia xunto a máis dun centenar de produtores locais. Levan máis dunha década con este proxecto que xurdiu do compromiso da firma coa contorna. "Colleita Propia é o compromiso co medio rural, co coidado dos montes, coa creación dunha barreira natural contra o lume, con favorecer a fixación de poboación no rural, cos produtos locais e a economía de proximidade. En definitiva, ligar a nosa actividade produtiva ao compromiso coa nosa contorna. E a través do proxecto Colleita Propia pretendemos dar visibilidade ás prácticas sustentables ao redor do sector agroalimentario", reivindican dende a empresa familiar.
No marco do proxecto Colleita Propia platáronse unhas 140 hectáreas de oliveiras en concellos e comorcas como Verín, Valdeorras, Quiroga, Ourense, Caldas de Reis, Deza ou O Salnés 
Baixo o proxecto Colleita Propia, ao longo de máis dunha década, plantáronse máis de 200.000 plantas en comarcas de Verín, Valdeorras, Quiroga, Terras de Lemos, O Ribeiro, Ourense, Ou Baixo Miño, O Salnés, Caldas de Reis, Deza e Carballiño, que conformarían unha superficie aproximada de 140 hectáreas de oliveiras. Aceite Colleita Propia elaborado só con olivas galegas. No marco desta iniciativa, dende a empresa teñen o compromiso de compra da produción a un prezo superior á media nacional por parte de Aceites Abril. Ademais, ofrécenlle aos pequenos produtores o estudo de viabilidade das súas parcelas (informe de campo, recollida de mostras, análises do chan e tratamento de datos climáticos), así como asesoramento técnico e formativo. Todo o traballo que hai detrás deste proxecto acaba de ser recoñecido polo Cluster de Comunicación de Galicia, que o nomeou finalista á Mellor Práctica na Comunicación da Responsabilidade Social Empresarial na VI edición dos Premios Paraugas, que se celebrarán este venres, 12 de novembro, en Expourense.

Selo de garantía

Co proxecto Colleita Propia tamén están a promover o uso da primeira e única certificación de carácter oficial que garante a produción do aceite oliva virxe extra con olivas procedentes exclusivamente de Galicia. "É un dos primeiros pasos de cara á consolidación do sector olivarero galego e alicerce fundamental sobre o que construír un marco normativo que garanta a produción de aceites de oliva virxe extra procedentes de oliveiras do noso territorio, o que vén ser os primeiros pasos para a constitución dunha Indicación Xeográfica Protexida", indican dende Aceites Abril.