Archives

Galicia exportou en 2023 un 4,9% menos de viño pero vendeuno un 23,6% máis caro

As exportacións galegas de viño en 2023 caeron un 4,9% en volume e un 6% en valor, até os 52,98 millóns de euros, cun prezo medio de 4,07 euros o litro, un 23,6% máis caro que en 2022.

Así se recolle no informe realizado polo Observatorio Español do Mercado do Viño (OeMv). Segundo os datos analizados, España reduciu as súas exportacións vitivinícolas (viño, mosto, vinagre e aromatizado) un 2,8% en volume e un 1,8% en valor en 2023, até os 2.664,3 millóns de litros (-77,6 millóns) e os 3.360,2 millóns de euros (-62,6 millóns), a un prezo medio un 1% superior, até os 1,26 €/litro (+1 céntimo).

6 comunidades autónomas facturaron máis en exportación vitivinícola en 2023, a pesar da difícil conxuntura global actual. Castela-A Mancha foi a única que creceu entre as 10 primeiras e consolida o seu liderado ao ser a que máis gañou en termos absolutos (+19,7 millóns). O primeiro posto de Castela- A Mancha en volume é aínda máis claro con máis do 50% do total, a pesar de ser a que máis litros perdeu (-30,7 millóns) nun 2023 no que só 4 comunidades venderon máis cantidade. Cataluña en valor e Comunidade Valenciana en volume, segundas provedoras. 12 das 17 subiron de prezo.

Andalucía e Galicia son as comunidades que máis crecen en prezo

En canto aos prezos medios, Andalucía (+29,6%) e Galicia (+23,6%) foron as comunidades autónomas que máis se encareceron en 2023, até alcanzar os 3,10 e os 4,07 €/litro respectivamente. As seguintes que máis subiron de prezo foron Navarra (+18,4% até os 2,59 €) e Baleares (+14,7% até os 9,39€).

No polo oposto atopamos a Cantabria (-76% até os 2,99 €/litro), Estremadura (-8,6% até os 51 céntimos) e Murcia (-3,3% até os 1,14 €). Baleares (9,39 €/litro) e Castela e León (7,67 €) son as que rexistraron os prezos medios máis elevados en exportación vitivinícola. Séguenlles Canarias (5,32 €) e País Vasco (4,66 €).

Descarga aquí o informe completo

O éxito do viño galego: Multiplicou por 4 o seu prezo no mercado internacional en pouco máis de dez anos

Segundo os datos da Axencia Tributaria, recollidos polo Observatorio Español del Mercado del Vino (OeMv), as exportacións de viño realizadas desde a Comunidade Autónoma galega evolucionaron extraordinariamente na última década, sobre todo en euros. Aínda que o total do viño que se dirixe aos mercados internacionais aínda é pouco mais do 16% da produción galega, a progresión en valor e imaxe foi moi positiva e moi por riba da media española. Así o recolle a presentación realizada polo OeMv no Programa Superior de Dirección de Empresas Vitivinícolas da Galicia Business School este pasado 21 de outubro. Segundo os datos ofrecidos, as exportacións de viño realizadas desde Galicia pasaron de 24,5 millóns de euros en 2009 a máis de 55,7 millóns no interanual a xullo deste ano. Un crecemento do 127%, que contrasta radicalmente co descenso das vendas en volume. En pouco máis dunha década, Galicia practicamente abandonou as súas exportacións de viños máis económicos, normalmente a granel e dirixidas principalmente a Portugal e Angola, para centrarse nos viños enviados, maioritariamente con denominación de orixe e especialmente brancos, a unha diversidade de mercados, entre os que destaca Estados Unidos. Debido a este cambio estratéxico, as exportacións en litros pasaron no mesmo período de case 29 millóns a pouco máis de 19 millóns de litros en xullo deste ano, cun descenso do 34%. Como resultado da diferente evolución en euros e en litros, o prezo medio dos viños e mostos exportados pola Comunidade Autónoma tense máis que cuadriplicado en apenas 12 anos. En cifras absolutas, estes prezos pasaron dos 85 céntimos de euro por litro en 2009 - afectados pola crise que naquela época impactou sobre o conxunto dos viños mundiais, pero tamén pola composición da súa carteira de viños, máis inclinada cara ao de menos valor - aos 2,93 euros por litro que rexistran no interanual a xullo deste ano. Unha progresión extraordinaria, exemplo da tendencia máis recomendada polos expertos internacionais de "premiumización" das vendas (escalada progresiva cara a posicións de maior valor, aínda á conta de posibles perdas de vendas en volume) que, aínda que desexable, non sempre é fácil de executar. Esta magnífica progresión das exportacións de viños galegos tivo distintas fases. Un primeiro cambio produciuse entre os anos 2009 e 2013, cando en apenas 4 anos a facturación por viños envasados multiplicouse por 2,5, desde os 16,7 millóns de euros aos 41,8 millóns. As vendas exteriores, tamén afectadas pola variabilidade das colleitas e a maior ou menor dispoñibilidade de viño cada ano, seguiron logo crecendo, aínda que a un ritmo relativamente menor. En tempos máis recentes, o crecemento das vendas de viños envasados galegos volveu ser extraordinario desde 2018. Aínda que non se venderon moitas máis botellas neste período e Galicia mantívose sobre os 17 / 18 millóns de litros, a facturación en euros volveu subir con forza, desde os 43,6 millóns de euros a superar xa os 55 millóns. "Os datos mostran que as crises da COVID-19, o BREXIT e os aranceis temporais impostos en EE.UU. apenas tiveron efecto sobre estas vendas exteriores de viños galegos, que mantiveron unha evolución positiva tamén durante o pasado ano", destacan desde o OeMV.

Galicia foi a comunidade que máis subiu o prezo do viño en exportación en 2020

Galicia foi a comunidade que máis subiu o prezo do viño en exportación en 2020, en concreto un 20%. Así se desprende o informe de informe que acaba de publicar o Observatorio Español del Mercado del Vino (OeMv) no que analiza as vendas exteriores por comunidades autónomas e provincias durante 2020 a partir dos datos de Aduanas,. Nun ano complicado polas diversas ameazas ás que se enfrontou o sector, como a pandemia de coronavirus, os “Aranceis Trump”, o Brexit ou a nova Lei do Viño de Rusia, as exportacións vitivinícolas españolas caeron menos do esperado, un 3,5% en volume e un 2,9% en valor. Situáronse nos 2.646,2 millóns de litros (-96 millóns) e nos 2.956,7 millóns de euros (-88,4 millóns), cun prezo medio que subiu lixeiramente, até os 1,12 euros/litro (+0,6%). Os viños galegos capearon esta crise incrementando o prezo medio: as súas vendas ao exterior reducíronse nun 20% pero o impacto en valor foi do 3,6% grazas a que o prezo medio por litro incrementouse nun 20%.

A Rioxa, País Vasco, Comunidade Valenciana e Murcia lograron aumentar as súas vendas ao exterior

A pesar deste difícil 2020, 4 comunidades autónomas lograron aumentar a súa facturación por exportación vitivinícola respecto de 2019: Murcia (+10 millóns de euros, +5,7%), Comunidade Valenciana (+6,6 millóns, +2,6%), País Vasco (+2,9 millóns, +1,4%) e A Rioxa (+1 millón, +0,3%). En termos de volume, tamén foron 4 as que aumentaron as súas exportacións: Comunidade Valenciana (+40 millóns de litros, +14,5%), Murcia (+27,3 millóns, +19,2%), A Rioxa (+12,6 millóns, +12,5%) e Madrid (+3,2 millóns, +15,7%). O País Vasco exportou algo menos de cantidade, a pesar da boa marcha dos viños con Denominación de Orixe, mentres que Madrid caeu un leve 0,2% en valor, ao baixar bastante de prezo. No polo oposto, Castela-A Mancha, en volume (-110 millóns de litros, -7,3%), e Cataluña, en valor (-60,7 millóns de euros, -10,3%), foron as que máis vendas perderon en termos absolutos.

Consulta aquí o informe completo

Os 10 principais mercados para o viño español en 2020: Francia o que máis compra e Suíza o que mellor o paga

A seguinte infografía, elaborada grazas ao acordo de colaboración entre a Organización Interprofesional del Vino de España (OIVE) e o Observatorio Español del Mercado del Vino (OEMV) recolle de maneira visual os fluxos comerciais máis notables entre España e os principais destinos da súa exportación vitivinícola en valor no ano 2020, en comparación con 2019. Destaca que Francia, Portugal e Alemaña, son grandes consumidores de viño español en volume, pero sobre todo de viños a granel a menor prezo, mentres que Reino Unido, Estados Unidos, Canadá, Suíza ou Holanda importan maioritariamente viños españois con Denominación de Orixe e rexistran os prezos de venda máis elevados.

Que viños estranxeiros compran os españois?

Segundo datos da Axencia Tributaria, analizados polo Observatorio Español del  Mercado del Vino (OeMv), as importacións españolas de viño situáronse, en 2020, nos 95,2 millóns de litros (+82%) por valor de 165,7 millóns de euros (-20,8%), a un prezo medio de 1,74 euros/litro (-56%). En termos absolutos, España aumentou as súas compras de viño en 42,8 millóns de litros, pero gastou 43,4 millóns de euros menos, ao caer o prezo medio un 56% (-2,25 euros/litro). Esta caída prodúcese como consecuencia do destacado aumento do granel, a prezos medios moi económicos (40 céntimos por litro), e ao caer as importacións dos viños con maior valor engadido. Estas importacións de viño a granel, na súa maioría arxentino, estiveron moi concentradas nos meses de febreiro, marzo e abril do pasado ano.

Francia e Italia os principais provedores de viños a España en valor

O principal provedor de viño a España en 2020, (incluíndo aromatizados e sen ter en conta o mosto e o vinagre), en termos de volume, foi Arxentina. España importou 42 millóns de litros de viño arxentino, dos que 41,6 millóns, corresponden a viño a granel sen ningunha indicación, importado nos meses de febreiro, marzo e abril. Francia mantense como o principal provedor de viño a España en termos de valor, a pesar de perder un -38%, até os 75,4 millóns de euros, que supoñen un descenso en 46 millóns de euros respecto de 2019. Séguelle Italia, con 68,3 millóns de euros (-21% ou 17,8 millóns de euros menos). Italia tamén ocupou a segunda praza en volume, tras Arxentina, con 34,4 millóns de litros (-11%). Ademais de Arxentina, crecen as compras de viño orixinario de Rumania (+35% en valor e +56% en volume). Tamén creceron de forma destacada, pero só en volume, Alemaña (+43%) e Portugal (+34%).

Descarga aquí o informe completo

Reino Unido, Holanda e Países Nórdicos: Os países que máis aumentaron a compra de viño español en 2020

Tras aumentar as exportacións de viño nos dous últimos meses do pasado ano, España pechou o complicado ano da COVID-19 con caídas do -3,6% en valor e do -6% en volume. As vendas situáronse nos 2.012 millóns de litros, por valor de 2.616,1 millóns de euros. En termos absolutos, deixáronse de exportar 126,8 millóns de litros e de facturar 96,7 millóns de euros, respecto de 2019. Así se recolle nun informe que acaba de publicar o Observatorio Español del Mercado del Vino (OeMv), no que tamén se destaca a excelente marcha das exportacións a Reino Unido, Irlanda, Noruega, Holanda ou Suecia, entre outros. No lado negativo, houbo unha forte caída das vendas de viño español a Rusia, China e México. Por tipos de viño, creceron tanto en volume como en valor o pasado ano, os viños en bag-in-box (+23% en valor e +41% en volume) que constitúen o produto que mellor evolucionou tras a irrupción da pandemia, os viños con indicación de variedade envasados (+9% tanto en valor como en volume) e os viños con IXP a granel (+0,7% en valor e +2,6% en volume). Tamén medraron os viños sen ningunha indicación envasados en volume (+3,6%) e os viños con indicación de variedade a granel en valor (+7%). O resto de produtos reduciron os seus vendas en maior ou menor medida: En 2020, dentro das exportacións españolas de viños envasados no seu conxunto (é dicir, incluíndo viños tranquilos, xenerosos e de agulla) e por mercados, entre os once principais, aumentaron en valor e en volume, Reino Unido (+12% en valor e +20% en volume), Alemaña (+0,6% en valor e +8% en volume), Suíza (+12% en valor e +11% en volume), Canadá (+13% en valor e +8% en volume) e Holanda (+12% en valor e +11% en volume). En volume creceron, ademais, entre os principais destinos para o envasado español, Francia (+2,2%), EE.UU. (+1,3%), Italia (+24%) e Letonia (+31%). No lado negativo, mala marcha das exportacións a China (-29% en valor e -26% en volume), Portugal (-2% en valor e -16% en volume), Xapón (-8,8% en valor e -4,4% en volume) ou México (-23% en valor e -31% en volume), entre outros.

Saldo comercial

En canto ao saldo comercial, é netamente positivo para o viño español. En 2020, as importacións españolas de viño foron de 165,7 millóns de euros que, restados aos 2.616,1 millóns de euros facturados, arroxan un saldo comercial favorable de 2.450,4 millóns de euros, que supoñen unha gran contribución ao balance comercial español.

Descarga aquí o informe completo do OeMv

China compra cada vez menos viño

A poboación chinesa compra cada vez menos viño, sobre todo ao exterior. En concreto, tras alcanzar o seu máximo histórico en 2017 con 751 millóns de litros, China importou pouco máis de 430 millóns en 2020. Os efectos da pandemia do coronavirus Covid19 non fixeron senón acentuar a crise das importacións neste mercado asiático, que pecharon o pasado ano cun descenso que rozou o 30% respecto de 2019. Así se recolle nun informe realizado polo Observatorio Español del Mercado del Vino e dispoñible grazas ao acordo de colaboración coa Organización Interprofesional del Vino de España. O pasado ano todas as categorías de viños rexistraron fortísimas caídas, nun mercado no que o viño envasado non espumoso representou máis do 70% do volume e do 90% do valor total. Granel e bag-in-box baixaron de prezo en torno ao 15%, con forte subida en envasados e espumosos. Os 15 principais provedores rexistraron notables perdas salvo Arxentina, cuxo volume exportado a China triplicouse grazas a unhas vendas dun granel moi barato. En envasados, motor das compras, non se salva ninguén. Chile foi o que máis caeu e pasa de primeiro a terceiro provedor en volume, superado por Australia e Francia. O viño español perde cota, aínda que permanece como o cuarto máis importado. En concreto, España mantense como cuarto exportador de viño a China en volume a pesar de caer un 37,4% en 2020 até os 40,7 millóns de litros, 24,4 millóns menos que en 2019 e moi lonxe dos 134,4 millóns vendidos en 2017, o seu mellor ano até a data. En valor, as exportacións españolas de viño a China ascenderon a 622 millóns de yuans (-32%), cuxo prezo foi o segundo máis baixo entre os 15 analizados, só por riba de Moldavia. En definitiva, China reduciu as súas importacións de viño en 2020 un 30% en volume e máis do 25% en valor, a un prezo un 6% superior. "Moitos achacan o desastre das importacións chinesas á pandemia de coronavirus, que levou importantes restricións comerciais; e claro que afectou, aínda que hai que puntualizar que as compras chinesas xa viñan caendo en picado desde 2018, tras alcanzar máximos históricos en 2017 e rexistrar un desenvolvemento excepcional desde o ano 2000", explican desde o Observatorio Español del Mercado del Vino.

Que viños compraron os españois no supermercado no ano da Covid19 ?

A compra de viño con Denominación de Orixe Protexida (DOP) na canle alimentación (tendas, mercados, supermercados...etc) disparouse durante 2020 debido ao Covid19, crecendo un 32% en volume de vendas, que no caso dos brancos chegou ao 47%. Os principais incrementos rexistráronse durante os meses de abril e maio, nos que a hostalaría permaneceu pechada ao público. Son datos publicados esta semana polo Observatorio Español do Mercado do Viño (OeMv), a partir da análise dos datos do panel de alimentación publicados recentemente polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). En xeral, as compras de viño na canle de alimentación española creceron de forma notable durante os 9 primeiros meses de 2020, tanto en termos de volume (+22,4%) como de valor (+24,8%), até alcanzar os 303,6 millóns de litros e os 856,5 millóns de euros. Respecto ao mesmo período de 2019, as compras aumentaron en 55,5 millóns de litros e en 170 millóns de euros, cun prezo medio que subiu un 1,9% até os 2,82 euros/litro (+5 céntimos). Os viños tintos, brancos e rosados con DOP creceron de forma espectacular na alimentación española no acumulado de xaneiro a setembro tanto en valor como en volume. Así, en volume as súas vendas en alimentación creceron o 35%, até alcanzar os 126,7 millóns de litros e os 517,5 millóns de euros. Estas cifras supoñen o 41,7% do volume e o 60,4% do gasto total en alimentación. Desta forma, o viño con DOP estivo a piques de superar ao viño tranquilo sen indicación como o viño máis demandado en volume (si o supera xa no período interanual), mentres que consolida o seu liderado en valor, cun prezo medio de 4,08 euros/litro, apenas 4 céntimos inferior ao rexistrado nos 9 primeiros meses de 2019. O tinto é o viño con DOP máis demandado con 85,3 millóns de litros e 360 millóns de euros, cifras que supoñen subidas que roldaron o 26%, a un prezo medio estable (de 4,19 a 4,21 euros/litro). O tinto representou preto do 70% das compras de viño con DOP, aínda que creceu por baixo de brancos e rosados: o viño branco con DOP incrementou as súas vendas nestes 9 meses un 47%, até os 33,7 millóns de litros e os 136,7 millóns de euros, a un prezo medio tamén estable (de 4,06 a 4,05 ?/litro). Por último, o rosado con DOP baixou de prezo na canle alimentacíon un 15,2% (de 3,26 a 2,77 euros/litro), polo que as súas compras creceron máis en volume (+76,3%) que en valor (+49,5%), até os 7,8 millóns de litros e os 21,2 millóns de euros. O viño tranquilo sen DOP nin IXP creceu menos que a media, até os 131 millóns de litros (+18,8%) e os 177,4 millóns de euros (+16,4%), o 43% do volume e o 20,7% do gasto total. O seu prezo medio baixou un leve 2% até os 1,35 EUROS/litro (-3 céntimos). Por outra banda, un bo mes de setembro mellorou a evolución acumulada do viño con Indicación Xeográfica Protexida (IxP), cuxas compras en alimentación creceron un 9,4% en volume e un 16,2% en valor, até rozar os 20 millóns de litros e superar os 50 millóns de euros. O seu prezo medio subiu un 6,2% até os 2,51 euros/litro. O cava e outros espumosos con DOP mantivéronse estables en prezo, con 4,77 euros/litro, crecendo por tanto de forma similar en valor e volume, case un 19%, até os 15,2 millóns de litros e os 72,6 millóns de euros. O viño de licor creceu máis en valor (+18%) que en volume (+11%) ao subir o prezo medio un 6,3% até os 3,66 euros/litro. As súas compras situáronse nos 9,4 millóns de litros e nos 34,4 millóns de euros. Por último, destacar a forte caída do viño de agulla, que sitúa as súas compras en apenas 1,4 millóns de litros e 4,7 millóns de euros. Por outra banda, destaca a boa marcha das bebidas con viño, categoría que inclúe tintos de verán, sangrías e aromatizados e cuxas compras aumentaron nestes 9 meses un 14,2% en volume e un 25,8% en valor, até os 69,3 millóns de litros e os 117 millóns de euros. O seu prezo medio subiu un 10% até os 1,69 euros/litro (+16 céntimos).

¿Cales son os países que mellor se comportan para a venda de viño durante o coronavirus?

O Observatorio Español del Mercado del Vino(OeMv) acaba de publicar un informe sobre a evolución do comercio mundial de viño até o mes de xuño, a partir da análise dos datos de Aduanas (GTA) obtidos de máis de 80 países. O informe conclúe que as importacións mundiais de viño español caeron un -3% en volume no interanual de xullo de 2019 a xuño de 2020, até os 2.020,9 millóns de litros e, o que é máis grave, un -8% en valor, até os 2.600,9 millóns de euros, tras caer o prezo medio un -5%, até os 1,29 €/litro. En termos absolutos, as compras de viño español a nivel mundial caeron, respecto ao interanual a xuño de 2019, en 65 millóns de litros e en 224 millóns de euros, reducíndose o prezo medio en 7 céntimos. Para o OeMv as causas deste primeiro semestre de 2020 negativo para o sector do viño son, loxicamente, a pandemia mundial da COVID-19 , pero tamén outros aspectos que afectan o sector, como son os aranceis Trump a algúns viños envasados europeos ou a nova Lei do Viño da Federación Rusa, que está a afectar moi negativamente ás compras de viños a granel, entre eles os españois, afectaron negativamente ás vendas mundiais de viño español.

Viño español nos 13 primeiros compradores mundiais

A cota que ocupa o grupo de 13 países analizados respecto ao total de importación mundial de viño español é do 69,5% en volume e do 81,2% en valor, é dicir, 1.405,2 millóns de litros (-2,4%) e 2.112,9 millóns de euros (-4,7%). O prezo medio do viño español dentro deste grupo é superior ao da media mundial con 1,50 ?/litro (-2,4%). En termos absolutos, España exportou a estes 13 mercados, 34,2 millóns de litros menos e deixou de facturar, 104,9 millóns de euros. O viño español aumentou o seu prezo medio só en 6 dos 13 mercados analizados: EE.UU., Canadá, Rusia, Bélxica, Suecia e Dinamarca, reducíndoo nos demais. Alemaña é o primeiro importador mundial de viño español en termos de valor, perdendo cota ao caer un -11%, até os 353,4 millóns de euros. Séguelle EE.UU., con 300,5 millóns de euros e caída do -5,7%. É, con todo, o mercado onde o viño español rexistra o prezo medio máis elevado, con 4,45 €/litro (+0,4%), ao ser un mercado de gran valor engadido. Reino Unido ocupa a terceira posición con 278,3 millóns de euros (-3%), seguido de Francia, con 238,3 millóns (-14%). Son Francia e Alemaña os mercados que lideran a caída das importacións mundiais de viño español, deixando de gastar, respectivamente, 43,8 e 40,2 millóns de euros no interanual a xuño 2020 respecto ao mesmo período de 2019. Doutra banda, Francia é, con diferenza, o principal comprador mundial de viño español en volume, aumentando un 1,4% as súas compras de viño español até os 479,1 millóns de litros (+6,4 millóns). Séguelle Alemaña, con 337,4 millóns de litros e caída do -7,4%. Alemaña rexistrou a maior caída en termos absolutos entre os principais mercados mundiais, ao deixar de importar 26,8 millóns de litros de viño español. Xa a certa distancia, atópase o Reino Unido, con 127,2 millóns de litros, cifra un 4% superior á rexistrada no interanual a xuño de 2019 (+4,8 millóns de litros), seguido de Rusia, con 98,4 millóns de litros e caída do -12%. É o segundo mercado tras Alemaña que máis reduciu, en termos absolutos, as súas importacións de viño español (-13,6 millóns de litros), por caída, sobre todo, do granel (-20 millóns de litros). Francia, ten moita máis cota en volume ao rexistrar un prezo moi inferior ao resto con 50 céntimos por litro (-15,6%). A gran importancia do granel entre as compras francesas de viño español, sobre todo sen ningún tipo de indicación, explica este prezo tan baixo. Alemaña, destino relevante tamén para os graneis españois, rexistrou o segundo prezo máis económico, con 1,05 €/litro (-4%). China, rexistrou unha caída do 11%, até os 54,6 millóns de litros (-6,5 millóns), sendo a perda en valor do -14%, até os 110,6 millóns € (-17,7 millóns), con caída do prezo medio do -3,5%, até os 2,02 €/litro. O libre comercio de China con Australia e Chile elevou a moi bo ritmo as importacións de viño desde estes dous países, o que afectou negativamente a España e a outros provedores europeos, como Francia.

Holanda, Rusia e Canadá son os países que máis aumentan a compra de viño envasado español

En canto ao tipo de viños, as importacións mundiais de viño envasado español chegaron ao interanual a xuño de 2020 con caídas do -5% en valor e do -2% en volume, situándose nos 1.636,6 millóns € e os 711,5 millóns de litros. En termos absolutos, as perdas foron de 81,2 millóns de euros e de 15,5 millóns de litros. O prezo medio foi de 2,30 €/litro (-6 céntimos). Os 13 países analizados representaron o 66% do volume e o 83% do valor total, sendo superior a cota en valor ao rexistrar un prezo de 2,88 €/litro, 58 céntimos por encima da media mundial do envasado español. Reino Unido e Alemaña lideraron as importacións mundiais de viño envasado español en volume, con 98 (+1,6%) e 74,5 (-10%) millóns de litros respectivamente. Rusia supera a China na terceira posición, ao rexistrar un aumento do 12%, até os 51,7 millóns de litros, por unha caída de China do -16%, até os 43,4 millóns de litros. Alemaña (-8,6 millóns de litros), China (-8,1 millóns de litros) e Estados Unidos (-3,4 millóns), foron os mercados que máis reduciron, en termos absolutos, as súas compras de envasado español. En termos de valor, Reino Unido mantense como primeiro destino para o envasado español, con 232 millóns € (-4%), seguido de EE.UU., con 215,4 millóns € (-5%). Holanda (+15,1 millóns €) e Rusia (+14 millóns €), foron os mercados que máis aumentaron o seu gasto en envasado español. Tamén destaca o aumento rexistrado por Canadá (+8,2 millóns €). No lado negativo, é China quen máis deixou de gastar en envasado español (-18,7 millóns €), seguido de Alemaña (-17,1 millóns €), EE.UU. (-12,1 millóns) e Reino Unido (-10,3 millóns). Suíza rexistrou un prezo moi superior ao resto con 6,97 €/litro (+2%); os segundos máis elevados rexistráronos Estados Unidos (4,91 €/litro) e Canadá (4,55 €/litro). No polo oposto atopamos a Francia, con apenas 1,39 €/litro (-2%). España representou o 31% do volume total de viño envasado importado en Francia, cota moi superior á que ocupa no resto de mercados: o segundo máis importante é Rusia, onde ocupa o 18,6% do total. No polo oposto están Canadá e Estados Unidos, con ao redordo 7%, e Bélxica (6%).

Un mal semestre para as importacións mundiais de viño

Por último, a nivel global, as importacións mundiais de viño caeron, no interanual a xuño de 2020 (doce meses comprendidos entre xullo de 2019 e xuño de 2020), un -5,8% en valor e un -1,1% en volume, tras rexistrar un primeiro semestre de 2020, marcado pola pandemia mundial por COVID-19, moi negativo. O prezo medio perdeu un -4,7%. Situáronse, nestes doce meses, nos 10.126,5 millóns de litros e os 29.878,4 millóns de euros, a un prezo medio de 2,95 €/litro. En termos absolutos, por tanto, importáronse 115,6 millóns de litros menos e o gasto mundial en viño caeu en 1.843 millóns de euros. Hai que destacar que a perda, tanto en valor como en volume debeuse, sobre todo, aos malos datos rexistrados no primeiro semestre de 2020, cando se perderon máis de 1.900 millóns de euros e 235,2 millóns de litros.

Descarga aquí o informe completo do Observatorio Español do Mercado do Viño (OeMv)

Así evolucionan as vendas de viños a Estados Unidos, o principal importador mundial

Estados Unidos é o primeiro mercado exterior para os viños galegos e españois. De feito, é o país de maior consumo mundial, con ao redor do 14% do total mundial, un mercado clave para España, líder produtor a nivel internacional pero tamén o primeiro exportador mundial de viños, cunha cota de preto do 20% do total. Para Galicia o mercado estadounidense tamén é, xunto con Gran Bretaña, o principal destino das súas exportacións de viños. Sirva como exemplo que na campaña 2018-2019, a Denominación de Orixe Rías Baixas exportou 2,3 millóns de litros a Estados Unidos, unha cifra que supón o 29,04% do total das súas vendas ao exterior. Porén, este mercado estratéxico para España e para Galicia sofre nos últimos meses unha tormenta perfecta, pois ás tendencias de forte competencia doutros países, únense os aranceis de Trump en vigor desde o pasado mes de outubro, e que supoñen un gravame do 25% do valor e a crise que provocou o coronavirus COVID19. Como está a afectar esta situación ás importacións de viño a Estados Unidos? O Observatorio Español del Mercado del Vino ( OeMV) acaba de publicar un informe no que analiza os últimos datos sobre a evolución do comercio co mercado estadounidense.

Estados Unidos incrementa as compras de viño a granel, máis barato

A súa conclusión é que nestes 10 últimos meses as importacións globais de viño en EEUU mantivéronse cun lixeiro incremento do 1,5% en volume (15 millóns de litros) fronte a igual período do ano anterior, pero a uns prezos en dólares substancialmente inferiores, que xeraron unha caída da factura do 10,6% equivalente a 551 millóns de dólares, regresando a niveis de importación de 2017. “Máis ou menos o mesmo viño importado, pero moito máis barato, basicamente porque o produtor máis afectado é Francia, cun posicionamento de prezos máis elevado, e porque se cambiaron unha cantidade importante de viños envasados non espumosos por viños importados a granel”, explican. Segundo o informe do OeMV os viños principalmente afectados polas novas tarifas, son, con claridade, os envasados non espumosos, que mostran unha clara fenda na súa evolución no mercado norteamericano. Dos 551 millóns de dólares que se perden nestes 10 meses, 477 millóns de dólares son por menores vendas deste tipo de viños. O pequeno aumento de 15 millóns de litros do total de viños, conséguese no mercado a pesar da redución de 20 millóns de litros en viños envasados, que se compensan, en volume, cun aumento de 38,4 millóns de litros en viños a granel, cuxas vendas están a aumentar de forma sensible desde marzo de 2019. E non son só os países de prezos inferiores os que máis as aumentan. En termos absolutos, nos últimos 10 meses estes 38 millóns de litros de crecemento do granel en EEUU débense ao incremento de 16 millóns por parte de Canadá, principal provedor, e a 32 millóns de litros que aumentan as vendas de viños a granel chilenos ao mercado. Pero, en termos relativos, son Francia e Alemaña – os dous países máis afectado polos novos aranceis – os que están a aumentar máis rapidamente. O primeiro, Francia, cun crecemento nestes 10 meses do 228%, máis que triplica as súas vendas a granel a EEUU, desde os apenas 2,3 millóns de litros aos máis de 7,4 millóns. Alemaña, dobra neste período as súas escasas exportacións de granel de 62.000 a 123.000 litros, mentres España – principal exportador de granel do mundo – non participa apenas deste mercado e diminúe as súas vendas de granel a EEUU un 6% nestes 10 meses.

As exportacións de viños de España a Estados Unidos baixan un 10% en valor no que vai de 2020

En canto ao efecto sobre as importacións de viños envasados a perda é substanciosa, particularmente en valor e protagonizada por Francia. Dos 477 millóns de dólares que se perden nos últimos 10 meses, posiblemente polo efecto combinado de aranceis e pandemia, Francia protagoniza a perdida de case 400 millóns de dólares, equivalentes a un 33,5% das súas vendas no mesmo período do ano anterior. Unha porcentaxe moi similar – un terzo – ao que perde Alemaña (33,8%) e moi superior ao das perdas dos viños envasados españois neste mercado que é de 22,6 millóns de dólares equivalentes ao 10,4%. Caen tamén as vendas de Arxentina, Chile e Grecia e practicamente desaparecen (-95%) as que viñan realizando desde Reino Unido. “A consecuencia, en termos de cotas de mercado de viños envasados no mercado norteamericano, resulta arrepiante por tratarse dun período de tempo relativamente pequeno”, advirten desde o Observatorio Español del Mercado del Vino.
 “Francia é o país que sae peor prexudicado nas vendas de viños a Estados Unidos, mentres que Italia e Nova Zelandia saen beneficiadas”
E é que en tan só 10 meses, desde outubro do 2019 a agosto do 2020, Francia perde 6 puntos porcentuais, pasando dunha cota do 30,6% ao 24,6% deste tipo de viños, Alemaña perde apenas 0,4 puntos ata quedar no 1,6% do total e, con todo, España, cuxas vendas caen pero menos que a media do mercado, gana lixeiramente, 0,1 puntos, ata situarse no 5,7% de cota de viños envasados en EEUU. A máis beneficiada, neste caso e con certa claridade, é Italia que pasa nestes 10 meses do 31,7% ao 35,8% de cota, con ganancia de máis de 4 puntos. En menor medida, Nova Zelandia, terceiro maior provedor xa de viños envasados a EEUU, gana máis dun punto e sitúase cunha cota de case o 10% do total e vendas nos últimos 12 meses de máis de 400 millóns de US$. “En definitiva, nun mercado, o norteamericano, que cae con forza en valoren os últimos meses, posiblemente tanto polo efecto dos novos aranceis como pola COVID, Francia e Alemaña derrúbanse, España perde pero lixeiramente e menos que a media do mercado en valor e Italia sae beneficiada,non moito en termos absolutos, pero si con ganancia importante de cota de mercado. E gañan os envasadores de viños en EEUU que importan a granel para sortear aranceis maiores e distribuír posteriormente no mercado”, conclúen desde o OeMV.