Archives

Curso en Palas de Rei sobre mellora da eficiencia da alimentación do gando co método Obsalim

Os próximos 13, 14 e 21 de xaneiro impartirase en Palas de Rei (Lugo) un curso sobre "Mellorar a eficencia da ración co método Obsalim". A formación será impartida por Xestión Agrogandeira e Natureza en horario da 11:00-14:00 a parte teórica e de 15:30-18:30 horas as prácticas en granxas. A inscrición ten un custo de 250 euros, incluíndo comidas e cartas "sintomas". As persoas interesadas poden informarse escribindo a info@xangalicia.com ou chamando ao 620806414. Ao final do curso, o alumnado: 1. Coñecerá os fundamentos fisiolóxicos do método OBSALIM 2. Coñecerá a metodoloxía do método de observación e análise 3. Será apto para realizar un diagnóstico alimentario 4. Terá elementos para propor regulación alimentaria tras un diagnóstico

Descarga aquí o programa

Xornada sobre o método Obsalim na EFA Fonteboa

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, de Coristanco (A Coruña), acollerá o vindeiro xoves, 3 de febreiro unha xornada formativa sobre OBSALIM, o método para detectar e corrixir as deficiencias en nutrición dos ruminantes. A xornada será impartida por Xan Pouliquen, de Xestión Agrogandeira e Natureza, co seguinte programa: Para máis información e inscribirse chamar ao teléfono 981733051 ou enviar un mail a fonteboa@efagalicia.org

Cando as vacas volven calcular a ración do nutrólogo

Todo o mundo está dacordo na importancia da fibra e a enerxía na dieta das vacas leiteiras, en especial nas de alta produción. Fibra física ou química, FND, dixestibilidade da FND, FAD, ADL, almidón rápido ou by-pass, índice de fibrosidade, millo de corte longo desfibrado, tamizado con Penn State, compact feeding… todos estes son conceptos ás veces difíciles de avaliar; mesmo chegan a contradicirse algunha vez.

Pero, o máis simple non sería preguntar directamente a opinión das vacas? Este é o enfoque do método Obsalim®.

Primeiro de nada, hai que lembrar que o papel primordial da fibra é facer que o animal mastique cando colle o bolo alimenticio. Esta masticación produce, entre outros, bicarbonato na saliva. Xa sabemos que o pH do rumen diminúe naturalmente durante a dixestión. Este bicarbonato permite estabilizar o pH a niveis correctos para o funcionamento do rumen. A rumia, fase que segue á dixestión, está relacionada, entre outras cousas, coa inxesta regular desta fibra, o confort, a falta de tensión, etc.

Para que funcione correctamente, o rumen debe ser alimentado de forma continua e regular

Bruno Giboudeau, creador do método Obsalim®, describe moi ben un concepto da nutrición, fundamental pero mal coñecido: a estabilidade do rumen. Para que funcione correctamente, o rumen debe ser alimentado de forma continua e regular. O feito de alimentar de forma continua confire capacidade ao animal para comer con regularidade, ao seu propio ritmo, ao máximo, sen destempos. Pola súa banda, unha alimentación regular permite comer sempre o mesmo, para que a fábrica microbiana do rumen traballe sempre ao mesmo ritmo.

A que hora se distribúe a ración?

Asegurar a continuidade das entradas é tarefa e responsabilidade do gandeiro. Terémonos que preguntar: A que horas se distribúe a mestura unifeed e se arrima de novo a ración ao pesebre? Como se coloca a ración no pesebre? As vacas deben esperar moito tempo de pé a distribución da ración?

As vacas seleccionan primeiro o penso porque buscan inxerir o máximo de enerxía. Asistimos entón a unha variación do pH no rumen que prexudica a actividade microbiana

En canto á regularidade das entradas ao rumen, esta depende da vaca. Varía segundo se lle deixa ou non a posibilidade de seleccionar na mestura unifeed que se lle presenta.

No método Obsalim a detección dos síntomas realízase mediante un xogo de cartas

Posiblemente xa o deducirades os gandeiros: ambos factores poden chocar! As vacas seleccionan nunha mestura heteroxénea distribuída de maneira irregular e entran nunha fase de inestabilidade ruminal. Asistimos entón a unha variación do pH no rumen. No inicio da inxestión, o pH cae, porque a vaca come moito, xa que está a buscar inxerir o máximo de enerxía. Selecciona os alimentos máis enerxéticos, en especial o penso. Ao final do consumo da ración unifeed, o pH aumenta, porque a ración está menos concentrada, ten máis fibra, a vaca inxere menos e rumia máis.

Existe gran diferenza entre o leite potencial, o que nos predi a ración calculada polo nutrólogo, e o leite real que entra no tanque porque se perde eficiencia alimentaria

Esta alternancia acidose/alcalose prexudica enormemente a actividade microbiana dentro do rumen, dado que o seu funcionamento require condicións moi constantes. Esta é a razón pola que falamos de estabilidade ruminal. A falta de estabilidade ruminal é letal para a fauna do rumen e reduce o traballo da vida microbiana. Como consecuencia, o alimento non se transforma de maneira eficiente en leite e carne, pérdese eficiencia alimentaria e produtividade animal. Existe gran diferenza entre o leite potencial, a que nos predi a ración calculada polo nutrólogo, e o leite real que entra no tanque.

Que non se vexa o fondo do pesebre

A aparición de círculos na ración é unha evidencia de selección por parte da vaca

Os minutos posteriores á distribución da ración unifeed son claves para saber se esta distribución se realizou de forma correcta, é dicir, suficientemente fibrosa para fomentar a masticación pero sen exceso para evitar a selección. Observar as vacas comer permitiranos descubrir iso dunha maneira simple: só hai que saber o que se debe observar!

Cando come, a vaca debe encher primeiro a súa boca coa lingua, e logo debe levantar a cabeza para masticar. Isto é o que acontece se a dieta é suficientemente rica en fibras salivóxenas. Observarase por tanto unha alternancia permanente de cabezas que baixan e soben.

Cando come, a vaca debe encher primeiro a súa boca coa lingua, e logo debe levantar a cabeza para masticar. Observarase así unha alternancia permanente de cabezas que baixan a comer e soben a masticar

Nunha situación incorrecta, cunha ración con moi pouca fibra e cunha forraxe moi rica en azucre, as vacas comen coa cabeza baixa, a velocidade de inxesta aumenta e o incidente de pH é inevitable: instalouse a inestabilidade ruminal.

Se as vacas comen sen levantar a cabeza é un síntoma de que a dieta contén pouca fibra e unha forraxe moi rica en azucre, o que provocará inestabilidade rumial

Outro comportamento que debemos saber identificar é a selección. A vaca busca as partículas finas e apetentes (os concentrados, a fibra curta moi digestible). Para iso, procura chegar ao fondo do pesebre e axúdase do fuciño para sacudir a ración. Así, caen as partículas finas, só lle queda á vaca recollelas coa lingua e listo! Se ao cabo duns dez minutos pódese ver o fondo do pesebre, as vacas gañan e o gandeiro perde: a inestabilidade ruminal está en marcha! Horas máis tarde aparecen círculos na mestura, signo evidente do esforzo realizado polas vacas ao virar a cabeza de dereita a esquerda para seleccionar.

A aparición de círculos na mestura é un signo evidente do esforzo realizado polas vacas ao virar a cabeza de dereita a esquerda para seleccionar

Para demostrar que existe selección, pódese tamizar a ración en diferentes momentos do día cunha ferramenta tipo separador de partículas Penn State. Pódese observar, cando existe selección, que as catro fases evolucionan no tempo desprazando o volume desde o máis fino cara ao máis fibroso.

Cando a transformación de concentrados e forraxes non é eficiente

A análise das feces aporta información sobre o aproveitamento da ración

Conclusión: a vaca volve calcular a súa ración, pero por desgraza faino peor que o seu nutrólogo! Balance final: espéranse 35 quilos de leite, pero no tanque só se recollen 31 quilos! A transformación de concentrados e forraxes en leite non é eficiente, e estase perdendo diñeiro. Ante esta situación preséntanse basicamente dúas solucións.

Por unha banda, débese asegurar unha distribución regular da ración unifeed. Débese respectar o tempo das vacas e permitir que coman ao seu ritmo, sen tensión e sen tempos improdutivos. Doutra banda, é preciso limitar a selección, o que se consegue coa maior uniformidade posible do tamaño das partículas na mestura, evitando fibras de máis de 4 cm. A incorporación de auga no carro mesturador vai pegar as partículas finas sobre a fibra e así dificultar a selección. Esta auga libre, que non está dentro da fibra da forraxe, colmata ademais a ración e prevé así contra o sobrequecemento.

Débese permitir que as vacas coman ao seu ritmo, sen tensión nin tempos improdutivos e limitar a selección evitando fibras de máis de 4 cm e incorporando auga no carro mesturador para conseguir pegar as partículas finas sobre a fibra

As mesmas vacas son as que van informar sobre como está a distribución da ración. Mediante a observación do rabaño faise posible identificar os erros de distribución da ración que son responsables de que falten litros no tanque. Para regular estes parámetros só hai unha solución: observar como comen as vacas! Isto é o principio do método.

MÁIS INFORMACIÓN: Páxina web oficial do método Obsalim.

BENIOT SIDEL. NutriPartenaire. Nutrólogo de rumiantes. Formador acreditado Obsalim®
XAN POULIQUEN KERLAU. Xestión Agrogandeira e Natureza SL. Formador acreditado Obsalim®

Último día para inscibirse no curso de mellora da eficiencia da conversión da ración en leite

Este mércores remata o prazo para inscribirse no curso gratuíto que organiza a Consellería do Medio Rural sobre “Mellora da eficiencia da conversión da ración en leite mediante o Método Obsaliim”. O curso impartirase no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude (Boqueixón-A Coruña) e terá unha duración de 20 horas (12 teóricas e 8 prácticas en explotacións). Terá lugar do 26 e 27 de setembro en horario de 11:00 a 14:00 e de 15:00 a 18:00 horas, e o día 9 de outubro de 2019, de 10:00 a 14:00 e de 15:00 a 19:00 horas. As persoas interesadas en participar deberán presentar as solicitudes no CFEA de Sergude antes das 14.00 horas do día 25 de setembro, por fax 881 86 73 36 ou mail: cfea.sergude@xunta.es

Programa:

O curso consta de 2 módulos: Módulo 1: metodoloxía OBSALIM.  Principios teóricos do método  Aplicación da metodoloxía de diagnóstico  Práctica: realización de diagnóstico en 2 granxas Módulo 2: Diagnóstico, propostas e avaliación.  Diagnóstico e propostas: casos-tipo  Uso da aplicación para móbiles  Práctica: diagnóstico e realización de propostas en 3 granxas Esta acción está organizada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) e forma parte do Plan de Formación ao Agro Galego 2019. Máis información no teléfono T881 86 73 25

Método Obsalim: Vacas que producen máis leite e que enferman menos

A pasada semana o inventor do método Obsalim, o veterinario francés Bruno Gibodeau, inventor do método Obsalim, e o nutricionista de ganderías en intensivo, Benoît Sidele, visitaron diversas ganderías de vacún de leite de Galicia nunha viaxe organizada por Xestión Agrogandeira e Natureza. O obxectivo foi comprobar in situ as vantaxes da aplicación deste método, que mediante a observación dos animais e a interpretación dos signos cun xogo de cartas de cores e outros soportes permite ao gandeiro detectar e corrixir deficiencias na alimentación das vacas, previr enfermidades e mellorar a produción de leite e de carne. “Concibín o método Obsalim para solucionar un problema xeral nos rabaños: teñen unha produción de leite ou de carne inferior á que debería ter coa ración que se lles dá. Así, a través dunha serie de técnicas de observación de síntomas tanto no animal como nas súas feces e ouriños pódense detectar as causas polas que a enerxía da ración non está a ser ben valorizada e a produción non é a prevista”, explica Bruno Gibodeau. Este veterinario empezou a traballar con este método no ano 1993 e que foi finalizado no ano 2000. Dende entón uns 10.000 gandeiros, veterinarios ou nutrólogos franceses recibiron formación neste método, con 20 técnicos que están acreditados para impartir formación. En España un dos técnicos acreditados para formar no método Obsalim é Xan Pouliquen, de Xestión Agrogandeira e Natureza.

Entre 2 e 4 litros máis de leite ao día grazas a este método

E é que este método serve para mellorar a conversión en carne e leite da ración que lle damos aos ruminantes observando determinados síntomas no animal, que van dende o lagrimeo dos ollos, as bostas, o fociño ou os ouriños, axudándose dunha baralla con 61 cartas cos síntomas de inestabilidade ruminal. “Estamos falando de que podemos aumentar a produción de leite de 2 a 4 litros ao día coa aplicación do método Obsalim”, destaca Bruno Gibodeau Entre os erros máis comúns na alimentación dos animais e que provocan estes síntomas de inestabilidade ruminal, coa consecuencia dunha menor produción e máis enfermidades, está a variación da ración que se lle dá ao longo do día, silos con calidades moi dispares, unha mala mestura da ración, falta de arrimado frecuente da comida ou tamaño inadecuado do picado das forraxes. “Estamos falando dunha mellora da eficiencia da ración que podemos alcanzar se aplicamos ben este método de entre un 10 e un 15%, pois estamos alimentando a unha vaca para producir 30 litros pero só produce 23 ou 25 litros e é unha enerxía que estamos perdendo”, explica pola súa parte Benoît Sidele, que traballa para ganderías de vacún de leite en estabulación intensiva no leste de Francia.
Benoît Sidele: “Con este método pódese mellorar entre un 10 e un 15% a eficiencia da ración”
“A principal causa desta ineficacia é a inestabilidade ruminal debido a un desequilibrio na ración, o que provoca unha falta de eficacia no aproveitamento da comida. A vaca recalcula a ración que se fai sobre o papel”, engade. Neste sentido, a súa recomendación para que o rume da vaca funcione ben e aproveite ao máximo a ración son forraxes moi ben picadas, con racións ben mesturadas e dabondo húmidas para que a vaca non escolla e os aportes sexan regulares e non haxa inestabilidade ruminal. “Hai que reproducir en estabulación o que fai a vaca no pasto: comer sempre o mesmo, de forma regular e lentamente”, subliña. No caso do picado das forraxes, para o millo que está algo seco a súa recomendación é que as partículas teñan entre 5 e 8 mm, e con millo máis húmido, con entre 32 e 33 % de materia seca, entre 12 e 16 mm de lonxitude das partículas. No caso da herba, debería ser picada a entre 2,5 e 4 centímetros. “Hai que arrimar a comida para que as vacas coman regularmente as 24 horas, pois é precisa unha actividade microbiana as 24 horas no rume da vaca”, subliña Benoit Sidele. Outras das vantaxes deste método é que permite aforrar gastos veterinarios e de potenciadores da actividade do rume. “É máis fácil venderlle ao gandeiro bicarbonato de sodio, lévedos, metionina ou lisina que explicarlle a un produtor en que falla a súa ración e como a distribución está mal feita. Iso é ir á base: a calidade da forraxes, mesturalas e distribuílas ben para evitar enfermidades e ter que empregar medicamentos”, conclúe.

“O método Obsalim fai que o gandeiro teña máis autonomía”

Pola súa parte, Bruno Gibodeau coincide en que “arredor de tres cuartas partes das enfermidades en ruminantes están vinculadas ou favorecidas por disfuncións alimentarias”. “E se a través da observación dos animais o gandeiro pode detectar onde está fallando a alimentación e modificar as súas prácticas, axustando as racións pode aforrar moito diñeiro, aínda que se empreguen lévedos ou conservantes das forraxes se o estado da forraxe obriga a elo”, engade. Unha vez que o gandeiro é formado no método Obsalim é autónomo para traballar con el, consultando as actualizacións que se publican cada dano.
 “É preciso volver observar as vacas, algo que se perdeu coa robotización e coa mecanización”
E como valoran os produtores este método?: “Os gandeiros que traballan con este método normalmente transmítenme que recuperaron o pracer do seu traballo, porque volveron descubrir a relación entre a observación dos animais, a alimentación e a produción. É preciso volver observar as vacas, algo que se perdeu coa robotización e coa mecanización”, conclúe o inventor do método Obsalim.