Archives

“O futuro dos gandeiros galegos pasa por organizarse nunha cooperativa cun proxecto industrial”

O secretario de Agricultura e Alimentación do Ministerio de Agricultura, Carlos Cabanas, reuniuse este xoves en Santiago de Compostela con responsables do sindicato ASAJA para analizar a crise do sector lácteo. Nunha entrevista con Campo Galego segura que a solución pasará polo acordo que está a impulsar o Goberno para revalorizar o leite entre industria, distribución e produtores, "como se fixo en Francia", subliña; un pacto que confía que se aprobe en setembro. Para as explotacións lácteas galegas, subliña que "o seu futuro pasa por agrupar os gandeiros en cooperativas e cun proxecto industrial", tal e como sucede en Asturias, País Vasco ou en Andalucía. Que lles diría aos miles de gandeiros galegos que se están a manifestar en demanda duns prezos do leite que cubran os custos de produción? A mensaxe do Ministerio é que estamos a traballar para resolver os problemas do sector lácteo. A través de varias vías. Por unha parte, mediante actuacións e medidas que o propio MAGRAMA está a impulsar; e por outra parte a través da busca dun acordo global entre industria, distribución e o propio sector gandeiro que permita dar unha estabilidade e sostibilidade ao sector. Esa é a liña na que se traballou en Francia e que entendemos que se pode facer. O que non podemos é fixar un prezo do leite porque é ilegal e non é o que se fixo en Francia. Non obstante en Francia acordouse coa mediación do goberno francés un aumento de 4 céntimos ata chegar a un mínimo de 34 céntimos o litro a finais de ano... Non se falou de prezo. O que se dixo en Francia é que as consecuencias do acordo poden levar a que o prezo aumente ata 4 céntimos, pero non se fixou un incremento de 4 céntimos. O que acordou o sector, que non o Goberno de Francia, é un acordo para o 20% da produción láctea do país polo que, se todo o sector traballa na valorización do leite e dos produtos lácteos, a consecuencia automática será unha suba de prezo para o gandeiro.
"O Ministerio está a promover en España un acordo para valorizar o leite, como se fixo en Francia"
E isto é o que estamos a formular no acordo en España para a estabilidade e a sustentabilidade do sector lácteo. Se todas as partes remamos na mesma dirección estamos convencidos de que a situación pode mellorar. Non nos cabe a menor dúbida polas impresións dos contactos que estamos a ter de que todas as partes están polo labor de sumar no acordo para valorizar o leite. En último termo, ¿a pelota non está no tellado da distribución? Eu creo que corresponde a todos. A distribución ten o seu compromiso de non banalizar o leite e facer prácticas de compra que non favorezan a baixada de prezo. A industria tamén ten que valorizar o leite e recollela aos gandeiros a un prezo razoable, do leite que veu producindo esa explotación, porque os incrementos de produción temos que ver como se resolven. E o gandeiro ten que organizarse e producir o que é capaz de vender. Todas as partes teñen que sumar neste acordo porque as repercusións para o gandeiro serán positivas. Á vista das infraccións da Lei da Cadea Alimentaria que vén cometendo a distribución, ¿Cre que será efectivo un acordo de carácter voluntario? É que os acordos non poden ser obrigatorios. É unha vontade á que todas as partes se suman para mellorar as condicións dos gandeiros e a de todo o sector en xeral. Non nos cabe a menor dúbida de que a distribución, a industria e os gandeiros van traballar na supervivencia do sector lácteo. E as mensaxes que nos trasladaron as distintas partes van na liña de intentar chegar a un acordo. Este acordo implicará ir abandonando por parte da distribución as poxas diarias do leite e a baixo prezo? Supón buscar sistemas de cesión que permitan dar estabilidade ao sector. E cada un sabe o que terá que facer. Cando chegarán os efectos do acordo ao gandeiro? Primeiro imos chegar a un acordo e logo veremos como se traslada. Falar do traslado de algo que aínda non está acordado creo que é prematuro. Mentres non se ven os efectos habilitaremos axudas de mínimis para dar liquidez ás explotacións lácteas en dificultades.
 "Non son razoables prezos do leite en orixe de 0,18 ou 0,20 euros"
Como valora que en Galicia haxa industrias lácteas que estean a pagar aos gandeiros 18 ou 20 céntimos polo litro de leite? Sempre dixemos que non é razoable que se paguen eses prezos polo leite. No que hai que traballar é por revalorizar o prezo do leite e que ao gandeiro se lle pague, polo menos, os custos de produción. Neste sentido, temos que fomentar o consumo de leite e de produtos lácteos. A partir de aí, que a industria sexa capaz de vender os produtos a unha distribución que é capaz de vendelo á súa vez, e que isto retorne ao gandeiro en forma dun prezo que sexa xusto. Carlos Cabanas en rolda de prensa En Galicia hai industrias que ameazan con deixar de recollerlle o leite aos gandeiros e que incumpren os contratos... Para iso temos a AICA e trasladamos ás organizacións agrarias que calquera denuncia que teñan nola trasladen para poder investigala e sancionar o incumprimento da lei. Non podemos facer outra cousa. Hai 30 anos había preto de 100.000 explotacións lácteas en Galicia, hoxe quedan menos de 10.000. Tratándose dun sector clave para a economía e para a fixación de poboación no rural galego, ¿deberíase evitar por parte da Administración que esta crise supoña unha nova reestruturación das explotacións lácteas en Galicia? O que eu entendo é que hai que organizar ao sector produtor de Galicia, sobre unha base cooperativa e que haxa un proxecto industrial. Creo que é fundamental. Estamos a falar de que o gandeiro se limita a producir leite, pero a cuestión é que poida comercializala, vendela e transformala. O futuro do sector lácteo galego pasa por copiar modelos que xa están noutros sitios. Temos moi preto os exemplos de Asturias, do País Vasco ou de Andalucía. Hai que ir na liña de agrupar os gandeiros e ser capaces de vender.
"Hai que ir na liña de agrupar os gandeiros e ser capaces de vender"
Por último, que espera o Ministerio da reunión do día 7 dos ministros de agricultura da Unión Europea para analizar as medidas a tomar ante a crise do sector lácteo? O que trasladou a ministra ao resto de colegas de países comunitarios é que é o momento de actuar. Ante unha situación como a que temos é fundamental que todos os mecanismos e instrumentos dos que dispomos a través da Organización Común de Mercados se poñan en marcha. Esperemos que a Comisión reaccione ás peticións españolas e do resto de países.

Decálogo básico para previr incendios forestais

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente recorda que o 95 por cento dos incendios forestais se deben á acción humana. Así, as principais causas dos lumes son descoidos ou despistes, imprudencias, falta de atención, irresponsabilidade ou a súa provocación de forma intencionada. Para extremar as precaucións, o Ministerio elaborou unha serie de recomendacións fundamentais á hora de realizar aquelas actividades que poidan provocar o inicio dun incendio.

Excursións e acampadas

A prevención dos incendios é fundamental nas excursións e acampadas. Por iso é necesario recordar que non se deben tirar cabichas acendidas ao chan nin botar ou deixar lixos fóra das papeleiras, xa que determinados residuos poden favorecer o inicio dun incendio. Tamén se recorda que as cacharelas só poden prenderse en zonas e épocas autorizadas. Tamén é recomendable non deixar lámpadas acendidas ao ausentarse do campamento. Se o excursionista ve un incendio, o primeiro que debe facer é avisar e pedir axuda ao número de teléfono 112. En caso de que se vexa ameazado polo lume, recoméndase intentar bordealo e fuxir rapidamente, procurando non subir pola montaña, xa que o lume avanza máis rapidamente que as persoas. Nese caso, o máis conveniente é non cargar con máis cousas das que realmente son necesarias. No caso de viaxar nun vehículo, recórdase a prohibición de tirar cabichas pola xanela ou outros obxectos que poidan servir de combustible ao lume.

Nas actividades agrarias

Na queima de restrebas, o Ministerio recorda que se debe solicitar a autorización necesaria e, en todo caso, evitalas en días de vento forte ou de seca. Se se realiza esta actividade, débese vixiar a queima e non a abandonar ata estar seguro de que estea totalmente apagada. Tamén se debe solicitar autorización nas queimas para a limpeza dos montes, que só se poderán realizar nos períodos autorizados e nunca en días de vento ou seca. En Galicia, ata novo aviso da Xunta, están prohibidas as queimas agrícolas.

Nas casas de campo e urbanizacións

Por outra parte, o Ministerio quere sensibilizar os cidadáns sobre a necesidade de manter limpos os camiños e as estradas. Dentro das vivendas, é conveniente instalar matafaíscas nas chemineas e evitar nos xardíns a excesiva frondosidade e vexetación seca. Así mesmo, recálcase a importancia de manter sempre limpos os tellados e as chemineas. Ao mesmo tempo, convén recordar que, nas proximidades de zonas forestais e en épocas de risco, non se deben empregar motoserras, rozadoras, soldadores, serras radiais ou ferramentas que poidan provocar faíscas e, polo tanto, incendios.

Participación na extinción

No caso de que un cidadán participe na extinción dun incendio forestal, o Ministerio recomenda non traballar nunca illado e poñerse sempre ás ordes da autoridade competente. Indicar que, cando un avión vai lanzar auga, hai que procurar protexerse e afastarse da súa traxectoria. Tamén é importante apuntar que non se debe botar auga aos cables eléctricos.

Decálogo de recomendacións

Por outra parte, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio realizou un decálogo básico de prohibicións e recomendacións que os cidadáns deben ter en conta para previr a declaración de incendios forestais. Desta forma, os aspectos básicos, tendo en conta as motivacións dos incendios, son: 1. Non botar cigarros nin fósforos ao chan. 2. Non acender lume no monte en épocas de risco. 3. Se se vai facer unha queima, solicitar a autorización oportuna. Ademais, aconséllase extremar todas as precaucións na súa execución. 4. En época de risco, non utilizar maquinaria agrícola ou forestal que poida xerar incendios. 5. Cumprir coas restricións de acceso a zonas forestais en épocas de risco. 6. Extremar as precaucións se se emprega lume nas actividades agrícolas. 7. Se se divisa un incendio, avisar de xeito inmediato ao 112 ou ao teléfono de emerxencia da Comunidade Autónoma correspondente. Recordar que a seguridade é o factor máis importante, polo que nunca se debe traballar só. 8. En época de risco, non utilizar ferramentas que poidan xerar faíscas. 9. Non botar lixo fóra dos colectores habilitados. 10. Por último, insistir que o 95% dos incendios forestais se deben á acción humana, polo que debemos poñer toda a nosa atención en evitalos.