Archives

O SPTR: Unha ferramenta clave para a agricultura de precisión

O Instituto Xeográfico Nacional (IGN) desenvolve e mantén un servizo de correccións diferenciais con cobertura en toda España coñecido como Servizo de Posicionamento en tempo Real (SPTR), o cal opera de forma continua permitindo alcanzar unha precisión no posicionamento da orde duns poucos centímetros. Isto permitiu, entre outras, o desenvolvemento da agricultura de precisión grazas ao coñecemento da posición dunha forma precisa. O sinal transmitido de forma directa polos satélites dos sistemas GNSS -Sistema Global de Navegación por Satélite-, permite alcanzar unha precisión no posicionamento de varios metros de forma instantánea, a mesma que logramos por defecto cando usamos o receptor GNSS do noso teléfono móbil. Esta é unha precisión suficiente para navegación, pero non para actividades que esixen unha centimétrica como a requirida polo guiado de maquinaria agrícola de forma autónoma en campos de cultivo como sucede na agricultura.  Por este motivo, desenvolvéronse os sistemas de cálculo e transmisión de correccións diferenciais que operan corrixindo esa posición inicial para obter despois unha de maior precisión, da orde dun par de centímetros. Estes sistemas baséanse na utilización dos datos que provén as estacións permanentes GNSS distribuídas polo territorio e cuxas coordenadas é imprescindible coñecer coa máxima precisión posible. Aplicacións e usos do servizo Os usuarios rexistrados no Servizo de Posicionamento en Tempo Real forman parte de sectores moi plurais, desde a enxeñaría civil, ao medio ambiente ou a agricultura de precisión. Actualmente hai máis de 12000 usuarios rexistrados existindo un crecemento continuo e lineal nos novos rexistros principalmente por parte de usuarios pertencentes ao sector agrícola. Na seguinte imaxe pódese ver a distribución xeográfica de usuarios no mes de xaneiro de 2024 por área de actividade.  Conexións por área de actividade no mes de xaneiro de 2024./ Fonte: Rede de Infraestructuras Xeodésicas (RIG) Na actualidade, en torno ao 60% dos usuarios rexistrados pertencen ao sector agrario. O IGN está a efectuar tarefas de difusión do Servizo para dalo a coñecer a todos aqueles que estean interesados, así como para resolver todas aquelas cuestións que poidan exporse.   Do mesmo xeito, “a navegación autónoma de vehículos converterase nos próximos anos en algo cotián na tecnoloxía automobilística, e o SPTR pode ser unha opción fundamental para o desenvolvemento deste xeito de navegación en España. O uso do SPTR, co resto dos sistemas de control do vehículo, permitirán que o guiado sexa moito máis seguro”, sinalan desde a Rede de Infraestructuras Xeodésicas (RIG). O SPTR, servizo fundamental na agricultura de precisión. / Fonte: Cedida por John Deere En canto ao desenvolvemento do sistema nos vindieros anos, “é previsible o aumento da súa importancia dado o incremento de posibles aplicacións que se poden engadir ás anteriormente citadas, dificilmente imaxinables na actualidade”, avanzan. 

Curso de dixitalización no agro: “Preparándonos para o que se nos vén enriba…”

O Sindicato Labrego Galego vai realizar en Chantada unha acción formativa presencial baixo o nome "Curso de Dixitalización no agro. Preparándonos para o que se nos vén enriba...". A formación realizarase durante o mes de outubro entre os días 9, 10, 23 e 24. O horario das aulas será de 15:30 a 18:30 horas no local do SLG na localidade chantadina. Para máis información pódese contactar cos números 982440804 e 666935548 ou no enderezo electrónico: chantada@sindicatolabrego.gal

Un proxecto europeo traballará dende xaneiro na dixitalización de empresas do sector agrogandeiro e forestal

O centro loxístico galego Datalife Hub de Innovación Dixital (DIH) poñerá en marcha a partir de xaneiro o proxecto apoiado pola Comisión Europea: European Digital Innovation Hub. Esta iniciativa busca a transformación dixital de pemes de sectores claves vinculados ás cadea de valor agro-mar, alimentación, forestal-madeira, biotecnoloxía e saúde e coidados. O proxecto conta cun orzamento de case 6 millóns de euros para executar nos próximos 3 anos. “Traballamos e seguirémolo facendo para que as empresas galegas de sectores estratéxicos para a económica galega sexan competitivas nun entorno global”, destacou Pablo Álvarez Freire, presidente de Datalife durante o transcurso da asemblea xeral celebrada esta semana en Santiago. Na V asemblea participaron representantes dos 18 asociados do propio centro loxístico. A Axencia Galega de Innovación (GAIN) estivo representada por Patricia Fernández Liz, directora da área de Servizos, que destacou o traballo realizado por Datalife ó longo deste ano e que resultou clave para a economía galega. Nesta asemblea tamén se ratificou a entrada como socio de Datalife de Noso Capital, a primeira xestora de capital privado galega. A firma inversora exercerá como axente de coñecemento para as empresas socias de Datalife e aportará a súa experiencia en proxectos de innovación que poidan aportar un valor diferencial. Noso capital xestiona dous fondos: Bio&Tech Smart Capital, centrado nos sectores biotecnolóxico e tecnoloxías da información e Noso Capital I FCE, orientado á captación de investimentos para pemes galegas.

Accións do 2022 

A xornada serviu para facer balance do traballo e as actividades desenvolvidas por Datalife durante todo o ano 2022. O Hub de Innovación Dixital puxo en marcha e impulsou cinco obradoiros especializados do IGAPE que finalizaron en setembro; o proxecto HIBA para a dixitalización do sector primario e o convenio de infraestrutura coa Axencia Galega de Innovación. Tanto o proxecto HIBA como a colaboración co GAIN seguirán tendo vixencia e continuidade o próximo ano 2023. Datalife tamén presentou e aprobou o orzamento e o plan de actividades para o ano 2023, facendo fincapé sobre iniciativas que se poñerán en marcha a partir do próximo ano grazas á concesión do proxecto apoiado pola comisión europea: EDIH. Un orzamento de seis millóns de euros permitirá o despregamento da carteira de servizos para acelerar a transformación dixital das empresas da cadea de valor de Agro-Mar Alimentación, Forestal-Madeira, Saúde-Coidados e Biotecnoloxía en Galicia.

A reprodución: unha das bases para o diagnóstico de problemas na granxa

Os problemas nas granxas corresponden a cuestións de reprodución, enfermidades, nutrición, manexo ou ambiente, entre outros, por iso “é necesario aprender a escoitar ás vacas”, sinala a consultora veterinaria experta en reprodución Aurora Villarroel. Isto significa que a través da monitorización da actividade destes animais pódense detectar problema de forma temperá. A disposición de programas e biosensores que mediante algoritmos permiten saber se unha vaca está comendo, está rumiando ou mesmo se está ou non en celo representa unha oportunidade para optimizar o manexo da granxa, sempre e cando “os sistemas de biosensores usen algoritmos que detecten cambios dentro do que fai cada vaca durante cada día, e non en comparación co resto da granxa”, destaca Villarroel.

Atención especial á reprodución animal

O uso de sensores biolóxicos, como podómetros, permiten monitorizar os celos das vacas e ter controlados os seus ciclos reprodutivos. A partir da medición de certos parámetros de reprodución e dos cambios que presentan as vacas pódense diagnosticar prematuramente problemas nas granxas. Para interpretar estes datos cómpre ter claro cal é o esquema de reprodución ideal posto que o animal que se desvíe del seguramente teña un problema, ven sexa algunha enfermidade ou fallo nutritivo, de manexo, etc. “Unha vaca sa ten o primeiro celo cara os 10-15 días en leite, o seguinte uns 20-25 días máis tarde, e logo cada 20-25 días, e no seguinte é onde se empezan a inseminar” explica a consultora veterinaria. A pesar disto, é necesario ter en conta que a actividade normal moitas veces non se cumpre polo contexto do animal. “A situación real é estrés por calor, por frío, déficits alimentarios, e demais cuestións que levan a que o esquema de celos dunha vaca ideal non se cumpra”, afirma Villarroel. Deste modo, “en moitas granxas vemos vacas en anestro aínda dous meses despois de parir, polo que eu fíxome en cantos animais saíron en celo durante o primeiro mes e o período voluntario de espera total”, comenta. A consultora veterinaria pon o exemplo real de tres granxas con períodos de espera de 50 días, ou sexa que comezan a inseminar a partir da 8ª semana. Nesta comparativa a porcentaxe de anestro foi de entre o 3,07 e o 5,55%. Aínda así, pode haber anestros temperáns que se deben á multitude de casuísticas dentro das vacas; “por exemplo, tiven casos de vacas con celos aos 10 días, pero ás que lle falta o celo do día 30 e o dos 50 días, de forma que non teñen o segundo celo ata os 70-80 días e o terceiro ata os 90-100 días, a pesar de que se lle administraron tratamentos hormonais con prostaglandina. Pode ser problema dunha mala administración das hormonas ou algunha enfermidade das vaca”, exemplifica Aurora Villarroel. “Durante a miña carreira teño probado que cantos máis ciclos teña unha vaca antes de inseminarse mellor quedan preñadas porque o nivel de proxesterona é maior. Segundo un meta-análise publicado en 2016, ter múltiples celos antes de inseminar mellora a concepción un 27% de promedio. Nas miñas granxas vin un aumento de entre 15 e 100 días ‘open’ cantos máis ciclos se salte unha vaca”, detalla Villarroel.
“Ter múltiples celos antes de inseminar mellora un 27% de media a concepción” (Aurora Villarroel)
Sen embargo, segundo a consultora veterinaria “o que algunhas granxas fan é poñer GnRH e facer ovular as vacas antes de comezar co protocolo de sincronización, incluso entre a 3ª ou a 4ª semana despois de parir”, agrega. Para evitar estes tratamentos é necesario ter un manexo axeitado para contar con ovulacións naturais, que, ademais ten mellor concepción. Logo, unha vez que decidimos en que ciclo inseminar hai que aprender cando deemos inseminar. “En moitas granxas atópome con que as vacas están en celo entre as 6 e as 30 horas, e non todas saen á mesma, nin lles dura o mesmo”, afirma Villarroel. Partindo de que a única forma de que haxa concepción é se temos o espermatozoide e o ovocito vivos ao mesmo tempo no mesmo sitio, “se temos o ovocito vivo unhas 10 ou 12 horas, e o esperma ao redor dunhas 12 horas, a única forma de ter éxito é aproximar a inseminación máis á ovulación”, recomenda a veterinaria. “A tendencia maioritaria para inseminar sitúase entre as 8 e 10 horas tras ver os primeiros síntomas de celo, cunha taxa de concepción que ronda o 35%; sen embargo, se retrasamos a inseminación chegamos ao 63% de concepción na primeira inseminación con vacas en primeiro parto, e por riba do 50% en vacas adultas”, sintetiza Aurora Villarroel. En definitiva, “para min ningunha vaca debería inseminarse antes do día 90, con iso conseguimos que haxa varios celos antes. O recomendable é esperar a inseminar entre 80 e 100 días”, recalca Villarroel. Ademais, hai que ter en conta que “as vacas inseminadas entre 12 e 16 horas despois da última actividade son as que resultan en mellor concepción”, amplía.
“Para min ningunha vaca debería inseminarse antes do día 90, con iso conseguimos que haxa varios celos anteriores” (Aurora Villarroel)
Por outra banda, outros factores aos que prestar atención relacionados coa reprodución é o estrés por calor, as necesidades nutritivas das vacas leiteiras, a partición de enerxía ou as posibles enfermidades. Por iso, é necesario aclarar que “cando sube a temperatura baixan a intensidade dos celos” ou mesmo que “a vaca nova necesita enerxía para medrar e para reproducirse, e posta nas dúas opcións daralle prioridade ao crecemento, e se por riba están enfermas directamente esqueceranse de reproducirse”, concreta a consultora Aurora Villarroel. En definitiva, pódese concluír con que o uso de monitores de actividade representa unha oportunidade para o diagnóstico prematuro de problemas de saúde a nivel do rabaño. “O uso de sistemas automatizados proporciónanos novos síntomas clínicos aos que non estamos afeitos prestar atención”, destaca Aurora Villarroel.

Como adaptar os establos para unha correcta instalación dun robot de muxido?

Cada vez é máis común nas ganderías de vacún de leite facer inversións de cara a automatización do muxido. Algunhas granxas deséñanse desde 0 cunha infraestrutura adaptada á robotización, pero outras -a maioría- fan reconversións de sistemas tradicionais. “Creo que cando unha granxa inverte en equipos de muxido entre o 70% e o 80% opta por un modelo automatizado en lugar de sala rotativa”, explica en declaracións a Campo Galego Jack Rodenburg, asesor canadense en vacún de leite e experto en robot de muxido.  En calquera caso, “a reconversión pode obter bos resultados se o proxecto está ben plantexado, pero pola contra, pode perderse rendibilidade se non hai un espazo adecuado ao redor dos robots”, explica o asesor canadense. Se a renovación non contempla a separación das vacas para o seu manexo pode que non optimice o sistema e necesite unha maior cantidade de man de obra. Deste xeito, “as mellores renovacións soen consistir en engadir unha pequena sección ao final da granxa para os robots con espazo de manexo detrás deles”, concreta. Igualmente, antes de proceder a unha robotización, o asesor lácteo recomenda atender a outras cuestións de vital importancia que pasan desapercibidas: “Se o gandeiro cré que a súa granxa actual provoca coxeiras, mastite ou vacas cansadas é necesario que solucione estes problemas antes de automatizar o muxido; o benestar animal é fundamental para a obtención duns bos índices de produción de leite por vaca”, recalca Rodenburg.
“Se o gandeiro cree que a súa granxa actual provoca coxeiras, mastite ou vacas cansadas é necesario que solucione estes problemas antes de automatizar o muxido” (Jack Rodenburg)
Entón, se existe a posibilidade e a necesidade de ampliar unha granxa “os establos libres existentes con prazas pequenas e pasillos estreitos poden converterse nunha excelente opción para xovencas, polo que, se a ampliación forma parte do plan, construír unha nova sección para as vacas e renovar o antigo para as xovencas, sería a solución ideal”, especifica o asesor lácteo. En canto á distribución, “grupos de 120 vacas con dous robots por grupo é o ideal nestes momentos porque reduce o estrés cando un dos dous cae; os grupos de máis de 120 vacas fan que a recollida sexa máis difícil, aínda que con algúns sistemas de localización de vacas, os grupos de 180 vacas tamén se leva ben nas leiterías máis grandes de Canadá”, opina Rodenburg. Neste sentido, reforza a idea de que “os robots son unha excelente opción para grandes granxas, e así mesmo, considera que os rabaños máis grandes perden leite porque as vacas teñen que camiñar máis lonxe e esperar máis tempo baixo máis estrés nas zonas de espera abarrotadas”. Outra das cuestións a ter en conta é que “os robot poden achegar o muxido aos lugares onde descansan as vacas e reducir o tempo de espera así como o tempo que pasan camiñando dun lado a outro; por exemplo, moitas leiterías estadounidenses na que a sala de muxido rotativa está ao límite da súa capacidade están vendo moi rendible engadir partes robotizadas no mesmo lugar, é dicir, comezan a muxir as vacas frescas nas salas e trasladan as vacas de muxido rápido con bo ubre aos robots”, avanza o experto canadense.

Previsións de futuro: Robots para a xestión do xurro 

No último ano, a subida dos custes de produción e o abandono do rural poñen enriba da mesa problemáticas en torno á man de obra de granxas. “Despois da Covid, os custes da man de obra e os problemas para encontrar axuda empeoraron polo que se prevé un rápido crecemento na adopción do muxido robotizado e dos sistemas de alimentación automatizados para vacas e tenreiros; estes últimos poden ter unha rendibilidade maior que a os propios robots de muxido”, comenta Jack Rodenburg. A adopción destas tecnoloxías nas ganderías baseadas en pastos “demostrou ser un reto” e aínda que o seu desenvolvemento foi lento “os robots de muxido móbiles que muxen as vacas cerca de onde comen son o seguinte paso lóxico para aquelas zonas nas que o muxido baseado nos pastos é rendible”, prognostica o canadense. Por outra banda, cómpre ter en conta que na actualidade existe un interese crecente en termos de sustentabilidade, por iso no curto prazo “o mellor é centrarse no aumento de produción por vaca mediante un maior énfase na comodidade do animal, especialmente cun mellor control da calidade do aire e da temperatura, pero tamén con estratexias de alimentación máis sofisticadas”, afirma o asesor lácteo. Na mesma medida fai fincapé en que “entre as formas máis directas de minimizar o impacto medioambiental nunha granxa está a xestión de estercos, a través do cal se pode reducir as emisións e reducir a necesidade de fertilizantes comerciais. Por iso, quizais algunhas das novas áreas nas que deberíamos buscar oportunidades para a automatización sexa na robótica de manexo de estercos, así como na aplicación de auga sobre os cultivos dunha forma máis oportuna e precisa”, adianta.

“O sistema de cotas en Canadá protéxenos das importacións e dános un prezo alto do leite"

O baño de pés no carril de separación á saída do robot é a mellor opción para xestionar este proceso coa mínima man de obra e o máximo control. Fonte: Jack Rodenburg En Canadá existen dous modelos de granxas típicas máis marcados: aquelas que muxen entre 200 e 500 vacas en granxas modernas con salas rotativas, que son de propiedade familiar, pero contan con man de obra contratada e unha media de 50 a 70 animais por traballador; e “aqueloutras moi presentes tamén, con rabaños máis pequenos, que muxen entre 40 e 60 vacas, moitos dos cales seguen aloxados en cortellos de curral, utilizando unicamente man de obra familiar”, describe Jack Rodenburg.  Unha das principais diferenzas é o sistema por cotas que rexe o mercado lácteo canadense co complemento do programa de control de calidade ‘ProAction’ lanzado en 2011. O sector canadense está protexido contra a competencia de produtos importados mediante un complexo sistema que controla a produción interior mediante o establecemento de cotas, polo cal existen organismos encomendados á súa distribución e ao seu cumprimento, e así mesmo, establecen un límite para a produción leiteira destinada á comercialización nacional. “A miña sensación é que formato de estabulación para vacún de leite é similar a España, cunha diferenza substancial sobre o prezo do leite. O noso sistema de cotas protéxenos continuamente das importacións e proporciónanos un prezo do leite o suficientemente alto como para que as explotacións establecidas e razoablemente eficientes sexan sempre rendibles”, destaca Rodenburg.
“O noso sistema de cotas protéxenos continuamente das importacións e proporciónanos un prezo do leite o suficientemente alto” (Jack Rodenburg)
Estas diferenzas poden influír na implantación de robots de muxido? Aínda que o asesor lácteo canadense afirma non ter cifras para España fai fincapé en que a súa sensación “é que a adopción do muxido robotizado é un pouco máis rápida en Canadá, porque con bos ingresos, os gandeiros teñen máis confianza para adoptar unha tecnoloxía máis custosa”. Por este motivo, “arredor do 20% das nosas granxas teñen robots e ese número está medrando rapidamente”, apunta.

Jack Rodenburg: “Co robot de muxido as vacas teñen que sentirse seguras”

A comodidade das vacas e a eficacia do traballo están entre as prioridades da implementación dun muxido robotizado en granxa do asesor lácteo canadense Jack Rodenburg. O paso dos anos demostroulle que “as vacas cómodas producían máis leite e que o leite extra custaba moi pouco”, afirma este experto, coautor dun dos poucos manuais sobre muxido robotizado. Deste xeito., parámetros como os espazos preto do robot, entre os pesebres e nos corredores, xunto a unha boa ventilación e xestión do estrés térmico son cuestións que favorecen o benestar animal, e polo tanto, a produción láctea. Falamos con sobre as claves para sacarlle o máximo proveito ao robot de muxido nas granxas.  Vostede leva máis de 40 anos traballando no sector do vacún de leite, achegando solucións para un maior confort dos animais. Que lle levou a traballar neste sector? Empecei a traballar como asesor lácteo en Canadá en 1974, así que xa son 48 anos. Medrei nunha pequena explotación leiteira de estabulación fixa e vin a necesidade crítica de que a nosa industria no estado de Ontario se convertese á estabulación libre tanto pola mellora da eficiencia do traballo como pola mellora do confort das vacas. Asesorar aos produtores que estaban cambiando a granxas de estabulación libre naquela época permitiume centrarme en ofrecer o máximo confort á vaca. Tamén traballei moito en nutrición leiteira naquel entón, pero a experiencia rápido me demostrou que as vacas cómodas producían máis leite, e que o leite extra custaba moi pouco.
"As vacas cómodas producen máis leite e este leite extra custa moi pouco"
O seu campo de especialización é o das solucións de enxeñaría para mellorar o benestar dos animais e aumentar a eficacia da súa produción. En que temas se centra? Deseño granxas para clientes de todo o mundo, e as miñas prioridades son a comodidade das vacas e a eficacia do traballo. A énfase na comodidade das vacas vira ao redor duns establos cómodos e ben deseñados, con frontes abertas para que as vacas poidan moverse cara adiante e, preferiblemente, con camas de area que proporcionen unha base limpa e seca que ofreza un excelente agarre para levantarse e deitarse, ademais dun lugar limpo e seco para os ubres cunha exposición mínima dos tetos ás bacterias. Tamén me aseguro de que haxa suficiente espazo no pesebre e nos corredores para que as vacas poidan comer e moverse sen obstáculos. Nunha granxa robotizada, o espazo preto dos robots tamén é importante para garantir que as vacas tímidas se sintan seguras ao ir alí a muxirse. Outro criterio importante é poder separar facilmente ás vacas no robot e ofrecer un lugar onde poidan ser tratadas, examinadas e manipuladas co mínimo estrés para a vaca e o operario. Por outro lado, a ventilación e a xestión do estrés térmico son cuestións clave para a comodidade das vacas. Ademais, un bo deseño para a manipulación do xurro e o penso son áreas importantes para o aforro de man de obra. Se nos centramos na vixilancia das vacas, no seguimento do seu comportamento ou nas ‘granxas intelixentes’, cal é o camiño a seguir para optimizar o rendemento da tecnoloxía na granxa? Creo que as recentes melloras na duración das baterías fan prever que nos próximos dez anos esta tecnoloxía será moito máis práctica. O investimento ten que basearse no aforro de tempo de xestión e na mellora do rendemento, e nunha granxa leiteira ben xestionada. A miúdo é difícil atopar a rendibilidade. Por exemplo, se ten moi poucos casos de mastite clínica, os contadores de células somáticas que proporcionan recontos diarios de células en todas as súas vacas non ofrecen ningún beneficio real. Os mellores resultados obtéñense coa pedometría, que reduce o tempo de observación dos celos, e coa monitorización da rumia, que pode identificar ás vacas con problemas metabólicos. Así que o meu consello é comprar as cousas que funcionan e que teñen en conta aquilo no que se gasta o tempo agora, pero ser cauteloso coas cousas que responden ás preguntas que non é necesario facer. Unha parte do teu traballo dedícase ao deseño e xestión de sistemas de muxido automatizados e á creación de explotacións adaptadas, entre outros. Que aspectos teñen que ser diferentes nas instalacións dunha granxa robotizada e unha tradicional? Co muxido robotizado, as vacas teñen que sentirse seguras ao ir muxirse soas, polo que é importante un espazo aberto diante dos robots con vías de escape en ambas as direccións. Os establos cómodos para que as vacas poidan deitarse de 12 a 14 horas ao día, dan como resultado máis espazo nos corredores, unha maior frecuencia de muxido e menos vacas pendentes de muxir. Raspar os corredores de esterco ou xurro cos tractores é demasiado molesto, polo que estas granxas deberían ter arrobadeiras mecánicas, rascadores robóticos ou listóns para que as vacas non se distraian. A separación das vacas para o seu manexo realízase durante todo o día en momentos imprevisibles, polo que as instalacións para iso deben estar ben deseñadas e necesítanse diferentes protocolos para realizar este traballo de forma eficiente. As granxas de seis filas con alimentación perimetral, é dicir, con corredores de alimentación no exterior a ambos os dous lados, funcionan moi ben para isto. Ademais dunha infraestrutura adecuada, que factores favorecen a eficacia do robot? Os pensos granulados de boa calidade e as dietas con alto contido en forraxes altamente dixeribles permiten un muxido frecuente e unha alta produción. As vacas seleccionadas para unha boa colocación dos tetos e unha velocidade de muxido superior á media reducen o tempo no box e melloran a eficiencia do robot. Manter os ubres libres de pelo segundo sexa necesario durante a lactación tamén mellora o tempo de axuste e reduce as faltas.
"O intervalo de tempo de muxido en robot é un carácter herdable para seleccionar as vacas"
Como debe adaptarse a alimentación ou a xenética a unha granxa robotizada? Deberíase criar para que teñan tetos ben situados e dun tamaño moderado. Ademais, unha vaca con boas patas e cascos para que camiñe con confianza facilita a dinámica de muxido; en definitiva, débese seleccionar para ter unha velocidade de muxido media ou mellor. As granxas lácteas de todo o mundo necesitan controlar un novo dato sobre as nosas vacas, e é o intervalo de tempo medio desde que unha vaca é apta para o muxido ata que entra no box voluntariamente. Creo que isto é altamente herdable e axudaranos a seleccionar as vacas que van ao robot cando queremos que o fagan. A alimentación debe incluír no robot un penso granulado duro que non se desfaga ao manipulalo. E as táboas de alimentación no robot deben reflectir o que ocorre coa inxesta no pesebre. Está desenvolvendo agora algún proxecto que poida supoñer un avance no sector lácteo? Aínda que non teño un papel directo no desenvolvemento de tecnoloxía, si que fago consultarías con innovadores e de cando en vez participo en probas piloto de novos proxectos e equipos. A demanda de produtos lácteos segue aumentando en todo o mundo. A pesar de todos os retos aos que se enfronta a industria, creo que o futuro é o suficientemente brillante como para que os emprendedores sigan atopando novas solucións. Cando eu era un neno, unha hora de traballo na nosa granxa daba lugar a uns 35 litros de leite. Hoxe, algúns dos meus clientes producen máis de 10 veces esa cantidade por hora con vacas que producen o dobre de leite e cunha tecnoloxía que lles permite manexar 5 veces máis vacas que hai 60 anos. Confío plenamente en que isto continuará no futuro.

Claves para realizar escarda e laboreo do solo e reducir o uso de herbicidas

O uso de herbicidas na agricultura facilita o traballo no campo, pero a reducción do laboreo deixa tamén consecuencias en torno á saúde e sustentabilidade do solo. A súa microbioloxía, a súa textura, ou o nivel de compactación son cuestións a ter en conta pola súa influencia no cultivo, e por iso, cómpre buscar un equilibrio entre a aplicación de herbicidas e o laboreo para ter unha superficie de cultivo con plena capacidade produtiva. O uso de apeiros combinados para reducir as pasadas ou a aplicación de técnicas de escarda mecánica son algunhas das opcións para un manexo axeitado. As técnicas de escarda mecánica, en crecemento, permiten a redución do uso de herbicidas, a favor da salubridade do solo. O problema é que a nivel económico, non están claras as vantaxes. “Fixéronse estudos comparativos entre a escarda mecánica e os herbicidas, e nun caso concreto que utilizamos de referencia serían necesarios 8 anos para amortizar a escarda, polo que as vantaxes a nivel económico non están claras”, especifica Rodrigo Porto, docente dun curso de laboreo que se vén de celebrar en Sergude (Boqueixón). Tractor con sachadora en liña e corrección de software En termos de sustentabilidade, os beneficios da escarda mecánica quedan máis á vista. “O uso de herbicidas está claro que afecta ao solo alterando a súa microbioloxía, e o feito de non remover o terreo inflúe negativamente sobre compactación a medio prazo, polo tanto, a clave é reducir o uso de herbicidas e optimizar as técnicas de laboreo e de escarda mecánica”, recomenda Rodrigo Porto. Momento de cultivo ideal e novas ferramentas de escarda Moitas das técnicas que amosou o instrutor están vencelladas ao cultivo de millo pero “pódese aplicar perfectamente ao resto da horticultura”, comenta Porto. “O tempo seco e soleado é o máis axeitado para a escarda mecánica, sempre e cando se proceda cun estado do cultivo máis avanzado que o das herbas”, explica Porto. Cómpre ter en conta que neste contexto é necesario ter coidado de non danar a planta posto que se trata de “labores moi lixeiras que se realizan a unha velocidade alta”, advirte. É por isto que os escardadores de púas flexibles ou as sachadoras en liñas representan unha boa opción para traballar o espazo entre cultivo, posto que removen superficialmente a terra sen afectar á planta. Ademais, “xa existen modelos de sachadoras que realizan correccións por software para suavizar os erros que poidan existir cos cambios na dirección do tractor, permitindo unha maior precisión na eliminación das herbas próximas ao cultivo; polo momento, a alternativa a esta tecnoloxía estaría no uso de máquinas menos avanzadas, que necesitan dun segundo operario, o que implica unha perda de eficiencia”, detalla Rodrigo Porto. Cámara de detección automática integrada na sachadora en liña
"Xa existen modelos de sachadoras que realizan correccións por software para suavizar os erros que poidan existir cos cambios na dirección do tractor" (Rodrigo Porto)
“Durante o curso realizouse unha demostración coa primeira máquina que se puido ver en Galicia dotada desta tecnoloxía, e capaz de corrixir automaticamente as desviacións”, avanza Porto. Outra das innovacións alí presentes foi o laboreo mediante tractores con sistemas de guiado automático por GPS e con capacidade de rexistro de datos de cultivo, como tempos de traballo, consumos, etc., de cada finca traballada. Curso de laboreo O curso de formación profesional sobre a aplicación de técnicas de laboreo e escarda mecánica, organizado no Centro de Formación de Sergude, abordou desde as ferramentas e apeiros de laboreo primario e secundario e de escarda mecánica, ata o estudo do solo como “elemento vivo, fundamental para a nosa actividade”, explica Rodrigo Porto, profesor técnico no FP do CIFP A Granxa, en Ponteareas, e instrutor. Ademais, durante esta acción formativa aproveitouse para presentar a irrupción das novas tecnoloxías de escarda mecánica, con corrección mediante software , como pode ser o caso do escardador en liña, un método de eliminar as malas herbas sen danar o cultivo, e así mesmo, reducindo o uso de herbicidas. Escardador de púas utilizado no curso de laboreo de Sergude A importancia do estudo do solo O solo é “o elemento vivo máis importante para a nosa actividade”, destaca Rodrigo Porto, pero as técnicas a empregar igualmente teñen “dous condicionantes fundamentalmente, por unha banda, as restricións sobre o uso de herbicidas -cada vez maiores-, e por outra, a necesidade dunha maior eficiencia nas actividades mecanizadas, debido ao elevado custo enerxético”, comenta Porto. Estes dous factores levan a buscar un equilibrio entre o laboreo e a aplicación de herbicidas para ter un solo cuns parámetros de saúde adecuados, pero, a que se debe de atender? “A microbioloxía do solo é o aspecto menos estudado e está en pleno desenvolvemento, polo que o hai que ter en conta cada vez máis, pero sen descoidar os parámetros clásicos, como a textura ou estrutura do solo”, amplía Porto. En función da porcentaxe que teña de areas -as partículas máis grosas-, de limos -partículas intermedias-, e arxilas -partículas máis finas-, encaixase nun tipo de solo pesado ou lixeiro, que levan un tipo de traballo adecuado á súa constitución. “Nun chan lixeiro pódese facer unha labor de volteo e enterrado do residuo en profundidade porque neste tipo de solo hai certo nivel de osixenación e esa materia orgánica vai degradarse; sen embargo, nun solo pesado non vai ser así xa que podemos facer unha labor de volteo da terra en outono e na primavera atopar o residuo practicamente momificado, isto é, non hai evolución senón que hai putrefacción, proceso no que se poden liberar sustancias prexudiciais para as raíces”, avanza o instrutor. As distintas texturas condicionan tamén a resposta do solo en canto a capacidade de infiltración ou de retención da auga. Neste caso, “a única maneira da que se pode intervir ante un defecto estrutural, ou na textura do solo, é co aporte de materia orgánica”, explica Porto. Este tipo de aportes, xunto aos elementos de corrección do PH, principalmente calcio e magnesio en Galicia, sitúanse entre “as solucións para problemas de infiltración e acumulación de auga, de almacenamento dos nutrientes ou de intercambio catiónico, etc.”, exemplifica. Aínda que o abonado orgánico “se deixou un pouco de lado pola facilidade e a eficacia de abonos agroquímicos, non deberíamos esquecernos de manter uns niveis de materia orgánica adecuados; eu diría entre un 3 e un 5%”, afirma o profesor do CIFP A Granxa. Co recurso dos químicos a produtividade non se verá afectada pero poden verse afectados os parámetros do solo.
"Non deberíamos esquecernos de manter uns niveis de materia orgánica adecuados; eu diría entre un 3 e un 5%" (Rodrigo Porto)
O capital de materia orgánica do solo pode manterse en niveis adecuados ou mesmo subilo “evitando labores que trituren excesivamente o solo, e aportando restos de cultivo”, afirma Porto. “A fresa utilizada a altas revolucións con velocidades de avance moi lentas tritura tanto o terreo que aínda que realiza un traballo esteticamente valorado, destrúen ese capital por mineralización do solo”, agrega. Claves para o manexo do solo e escardado mecánico A utilización de apeiros da lugar á compactación do solo polas pasadas de tractor, “que pode ser un problema fundamental, sobre todo en condicións de alta humidade”, detalla Porto. Partindo da premisa de que o tractor é “unha auténtica máquina de compactar polo seu propio peso e a vibración”, cómpre “reducir ao mínimo posible as pasadas da maquinaria, cuestión na que intervén tanto o método de laboreo que se vaia empregar, como o ancho de traballo co que se funcione, para non comprometer o desenvolvemento radicular”, aconsella. Por outro lado, a atención sobre o estado de consistencia do solo é outra das claves para dar co manexo adecuado. “Tradicionalmente falábase que a labor de arado como mellor queda é co solo cun certo grao de humidade porque o solo adquire unha consistencia plástica, e o volteo do prisma de terra é máis efectivo, pero isto leva a un maior compactado, por iso convén que o traballo de laboreo non se faga con excesiva humidade”, concreta o profesor. Ao respecto da compactación, outra cuestión que axuda é “o uso de apeiros combinados, posto que reducirían o número de pasadas necesarias, aínda que esixen de tractores máis dimensionados”, comenta.

Comprométense apoios europeos para un proxecto de innovación dixital de empresas galegas do agro e da madeira

A Comisión Europea acaba de resolver a convocatoria para a selección dos centros de conexión, os coñecidos como Hubs Europeos de Innovación Dixital (EDIH polas súas siglas en inglés). Dos 26 candidatos españois, 23 conseguiron o selo de excelencia que lles permite denominarse EDIH, pero tan só a metade recibirá apoio financeiro por parte da Comisión Europea. Entre estes, a iniciativa galega Datalife, que xorde para converter Galicia nunha biorregión de referencia en Europa, eríxese como un dos Hub de referencia. En concreto, as firmas galegas implicadas en Datalife presentaron un proxecto de case 6 millóns de euros que se desenvolverá en tres anos, cofinanciado ao 50% pola Comisión Europea. É o único Hub galego que percibirá este apoio. Os fondos permitirán acelerar a transformación dixital das empresas das cadeas de valor de Agro-Mar Alimentación, Forestal-Madeira, Saúde-Coidados e Biotecnoloxía en Galicia. Destaca a alta puntuación outorgada a Datalife pola Comisión Europea no impacto esperado das accións no plan de traballo, todas elas aliñadas coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, así como coas principais políticas europeas de dixitalización. O proxecto será coordinado por DIH Datalife e no consorcio están gran parte dos seus asociados. Con eles, o Hub, poderá dinamizar o ecosistema de innovación galego, facilitar o acceso a financiamento, promover a formación en dixitalización e promover que as empresas proben tecnoloxías disruptivas sen custo. O recoñecemento da Comisión Europea a Datalife ratifica a aposta da Axencia Galega de Innovación que apoia ao Hub desde que foi escollido como estratéxico para Galicia en 2019. O financiamento europeo virá complementar os fondos cos que xa conta Datalife, que recibe apoio en forma de convenio coa Axencia Galega de Innovación, pero que tamén conseguiu financiamento do Igape na convocatoria competitiva de Obradoiros 4.0 e no proxecto Hiba de fondos Interreg- Poctep.

Como o inventario forestal continuo de Galicia está a analizar os recursos do monte

O inventario forestal continuo de Galicia está xa a obter os seus primeiros resultados, con datos publicados sobre catro concellos, un por provincia: Alfoz (Lugo), Oia (Pontevedra), Laza (Ourense) e Abegondo (A Coruña). Coñecemos máis sobre o proxecto do inventario forestal continuo da man de Juan Picos e de Julia Armesto, ambos da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (UVigo), que participaron recentemente nunhas videoxornadas forestais para presentar os primeiros resultados da iniciativa. Orixe A pesar da existencia dun inventario nacional que se realiza cada 10 anos, “a propia natureza do medio, un entorno forestal activo como o galego, ou as propias dinámicas rurais facían necesario reducir ese intervalo”, explica Juan Picos. Deste xeito, ábrese no 2020 un convenio entre a Consellería de Medio Rural, a Universidade de Santiago e a Universidade de Vigo para poñer en marcha o inventario forestal continuo de Galicia. A idea é “non só reducir ese intervalo de 10 anos entre inventarios, senón asumir un traballo continuo de seguemento dos recursos forestais en Galicia, podendo actualizarse o máis en tempo real posible”. Obxectivos Pero,en que consiste o inventario? O que busca é “caracterizar os recursos forestais tanto en superficie como noutras variables, como existencia de madeira”, define Juan Picos. Para definir os parámetros a estudar, procedeuse a “unha consulta a entidades do Consello Forestal de Galicia para coñecer as variables que podían ser de interese para elas”, explica. A partir das súas respostas, “optouse por proceder a un inventario forestal aumentado, incluíndo as variables dos recursos forestais, e cuantificar outras, como o seu aproveitamento desde o punto de vista económico, tecnolóxico ou legal; isto é, nunha masa determinada, ademais de saber a especie e a cantidade, amosar posibles restricións en torno a patrimonio ou rede natura, por exemplo, ou mesmo atribuír a propiedade do monte, etc.”, detalla o director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos. Sistema Para conseguir isto, o proxecto parte do uso de imaxes satélite “que non só procuran facer un rexistro do mapa de vexetación, senón tamén aplicar unha serie de variables á superficie de control”. Este proxecto “vai ir gañando eficiencia co paso da constancia, posto que é esta última a que nos vai dar unha inercia na medición, e precisión”, amplía o enxeñeiro. A evolución máis próxima xira en torno á integración de novas variables, como “capturas con tecnoloxía Lidar, o que nos permite ir introducindo melloras e afinando o sistema”, detalla. Entre as vantaxes que aporta o Inventario está “o acceso a unha información actualizada dos recursos, o cambio de percepcións sobre o territorio por datos precisos, e en definitiva, ter unha información precisa que permita tomar medidas obxetivadas”, aporta Picos. O traballo polo desenvolvemento deste inventario forestal continuo “é unha carreira de fondo”, remata. En canto ás perspectivas de futuro, Juan Picos afirma que “para Galicia non hai opción de que non teña un proxecto continuo de medición e estimación transparente, tanto para políticas, como para axentes privados do mercado ou para os propios consumidores de madeira do territorio, xa que permite observar que os recursos proveñen dunha superficie totalmente controlada”, defende.

Resultados

Na súa intervención nas xornadas, a doutora en enxeñería de montes Julia Armesto aludiu a dúas liñas de resultados: a detección de cambios en masas forestais mediante cartografía de media resolución, e un mapa de usos xerais en alta resolución. As imaxes da teledetección proveñen de dous satélites, o Sentinel2, de Copernicus, e o Worldview 3, diferenciados, entre outras cuestións, pola súa resolución. As imaxes obtidas intégranse con algoritmos para ver cambios na evolución de masas forestais, e compróbanse con traballos de campo da empresa Seaga, para “ir adestrando o algoritmo para o territorio galego, e así clasificar eficazmente os recursos”, destaca Juan Picos. Imaxes de media resolución: cambios no monte Nun primeiro momento, os resultados da detección de cambios con Sentinel2 tiveron que pasar por un filtrado e eliminación de ruído, e pola localización de falsos positivos. Unha vez corrixidos estes erros, lograron o “obxectivo primixenio de identificación de cortas ano a ano”, explica Armesto. Gráfico que amosa resultados cartográficos do satélite Sentinel2 Imaxes de alta resolución: mapa de usos En canto á cartografía de alta resolución, con imaxes dos satélite Worldview 3, cómpre partir da consideración de que “a fiestra temporal de adquisición é moi ampla, polo que as imaxes vense afectadas pola perda de folla dalgunhas especies, e polo cambio de incidencia solar, o que da lugar a sombras, e con elas, dificultades de identificación de información”, matiza Armesto. Ao igual que no caso de Sentinel2, ás imaxes de alta resolución do Worldview 3 aplícaselles un algoritmo de clasificación, afinado e adestrado cos traballos de campo de Seaga. Ademais, a estas imaxes tamén se lles aplican correccións doutras fontes de medición, como os resultados das análises multitemporais de Sentinel2, ou a aplicación de Lidar para controlar o arborado de rexeneración. Desta maneira, precísanse os usos do monte e as especies que o integran. Imaxes comparativas da integración de correccións a partir doutras tecnoloxías A pesar de que, polo de agora, na detección de novas plantacións ningunha das metodoloxías é plenamente efectiva, no resultado final do Worldview 3 obsérvase unha maior precisión. Non obstante, desde o grupo de investigación, están traballando en métodos complementarios para tentar estimar estas superficies. Imaxe cartográfica sobre a diferenciación de variedades de conífera en Laza Definir a viabilidade de aproveitamentos Unha vez chegada á obtención das clasificacións dos terreos nos mapas de usos, o proxecto procedeu a “unha caracterización da viabilidade de aproveitamento”, explica Juan Picos. A metodoloxía seguida para este caso parte da aplicación dunha serie de indicadores por píxel ás cartografías de Sentinel2, como poden ser “a forma da parcela, a superficie, a pendente, a distancia á vía de saca máis próxima, ou a fragmentación do entorno da parcela; entendendo que estes factores son os que poden condicionar o aproveitamento”. Nesta caracterización, tamén se inclúen as seis restricións legais máis importantes sobre o aproveitamento, é dicir, “aquelas vinculadas a infraestruturas, patrimonio cultural, augas, espazos naturais, costas e estradas”, detalla Picos. Coa agregación de todos estes indicadores e variables xerouse “un modelo de dispoñibilidade de aproveitamento técnico, e de dispoñibilidade legal de aproveitamento que, combinados, esperamos que poidan caracterizar a posibilidade de aproveitamento en cada unha das áreas que se estuden”, avanza. Imaxe sobre a definición do inventario forestal aumentado Adicionalmente á cartografía forestal, “o Inventario Forestal Continuo de Galicia inclúe o levantamento de parcelas en campo, de xeito complementario, baixo o deseño dos investigadores da USC liderados por César Pérez Cruzado”, engade Juan Picos. Nestes traballos medíronse preto de 400 parcelas nunha rede piloto e estanse comezar os traballos da rede definitiva na que se agarda chegar a unas 4000 parcelas. “Nelas adquírense datos sobre as especies, tamaño das árbores e numerosos parámetros que facilitarán a extensión da información da mostra ao conxunto do monte galego” -especifica Picos-. Este proceso está coordinado coa rede de danos dos bosques e inclúe a toma de datos sobre o mato “para desenvolver un mapa de combustibles que axude á prevención e á loita contra os incendios forestais, cuestión no que están a traballar o Centro de Investigacións de Lourizán e a Universidade de Vigo”, detalla.

Cubicar madeira a vista de paxaro

A empresa galega de servizos forestais Asefor ten unha liña de traballo en torno ás posibilidades da tecnoloxía Lidar, conectada a un dron. O obxectivo deste proxecto é mellorar a eficiencia da xestión forestal, á vez que se optimiza o emprego do Lidar en monte. A motivación de levar a cabo esta iniciativa, xurdida no 2018, é “darlle resposta a unhas necesidades de servizos que consideramos que tiña o sector”, explica Alberto López Amoedo, enxeñeiro forestal de Asefor.

Dron equipado con Lidar: que é, como funciona e usos

Lidar é o acrónimo de ‘Light detection and ranging”, un dispositivo que, a partir da emisión de un conxunto de raios láser cara unha superficie, crea unha nube de puntos. “Pode utilizarse con calquera soporte fixo, coma un trípode, aínda que nós seleccionamos un dron porque nos resultaba máis axeitado obter unha vista cenital das masas forestais”, detalla Alberto López.

“No ámbito forestal, esta nube de puntos representa unha masa de vexetación ou unha árbore en concreto, por exemplo”, explica o enxeñeiro forestal. “Esta información permite, mediante unha serie de algoritmos, sacar os modelos dixitais do terreo, isto é, sacar o terreo debaixo desa masa por un lado, e sacar a superficie da masa forestal por outro, co cal, obtemos a altura da vexetación”, concreta.

“Unha vez obtida a nube de puntos que representa a figura en tres dimensións da masa forestal, extraemos métricas matemáticas que se relacionan coas existencias de madeira”, detalla Alberto López. Desta maneira, sobrevoando unha zona concreta á vez que se usa a tecnoloxía Lidar, obtéñense “alturas medias e máximas, a densidade desa masa de vexetación ou mesmo se pode chegar a cortar en medallóns e ver como de espesas son”, amplía o enxeñeiro.

Imaxe na que se amosa un dos resultados gráficos da medición dunha masa polo Lidar.

Esta tecnoloxía é algo no que Asefor leva traballando desde o 2018. “A iniciativa xorde dunhas necesidades que nós vemos que existen no sector, como a realización de cubicacións de madeira áxiles e precisas, e da accesibilidade a unha tecnoloxía (Lidar) que existe, pero que temos que adaptar á complexidade da superficie do noso territorio. É preciso afinar os algoritmos de maneira individualizada en cada parcela que se probe, establecer un modelo de análise continuo vinculado ás medicións reais, e ir corrixindo os aspectos técnicos para obter medicións cada vez máis precisas”, expresa Alberto López.

O uso do Lidar para medicións forestais é un instrumento que se está desenvolvendo, pero a pretensión con esta liña de investigación é “ofrecerlle ós técnicos e empresas que traballen con nós, dunha maneira precisa e fiable, datos das existencias que hai nos montes que xestionan”, afirma López. “Se o algoritmo funciona correctamente, cuestión na que estamos traballando para conseguilo, poderíanse facer medicións precisas en tempo récord, e dar a información sobre a masa forestal en dous días”, comenta.

Igualmente, ademais da medición de existencias e da cubicaxe de madeira, este proxecto permitiría outros usos, como “a detección de camiños antigos, a determinación de límites entre montes, a identificación dalgún tipo de infraestrutura ou mesmo observar a evolución da vexetación de matorral ou o impacto do cambio climático, por exemplo, nun espazo determinado”, especifica Alberto López.

As posibilidades do Lidar semellan amplas. Alberto López explica que “é un instrumento que obrigará a normalizar a información porque vai existir a posibilidade de ter un territorio interrogado, e do que vamos obter todas as respostas ás preguntas que se lle formulen”, expresa o enxeñeiro.

“A tecnoloxía Lidar permite ter un territorio interrogado e obter del todas as respostas ás preguntas que se lle formulen” (Alberto López)

Do mesmo modo que aporta unha diversidade de vantaxes, o traballo co Lidar enfróntase a amplas dificultades, como o tempo meteorolóxico ou a necesidade de localizacións extremadamente precisas. “Son equipos moi caros e ademais, para voar o dron temos que ter unhas características meteorolóxicas óptimas, así como ter unha precisión subcentimétrica das coordenadas nas que se ubica a parcela de medición”, exemplifica o enxeñeiro, á vez que destaca “a necesidade de estar imbuídos co sector forestal para conseguir que estas técnicas teñan o seu efecto na práctica”.

Formación de Fearmaga sobre o potencial dos drons

A Federación Empresarial de Aserradoiros e Rematantes de Madeiras de Galicia (Fearmaga) organizou recentemente unha xornada formativa baixo o título ‘Innovación no cálculo de masas forestais: uso de drons’. A súa finalidade era a de transmitirlle ás empresas o potencial destes dispositivos como ferramenta para mellorar a xestión forestal e a planificación operativa do sector.

Os 50 participantes asistentes ao curso descubriron as solucións tecnolóxicas existentes na actualidade, os distintos tipos de drons e as súas aplicacións no ámbito forestal. Asímesmo, a través deste curso formativo, déronse a coñecer as características dos seus usos no cálculo de masas forestais, así como a posible integración con tecnoloxía Lidar.

Uso de algoritmos matemáticos para predicir as vacas que terán mastite

A aplicación de técnicas de ‘machine learning’ acompañada dunha integración de datos de diferentes orixes axuda a unha anticipación da mastite clínica, en tanto á identificación de animais con alto risco durante a primeira lactancia, como á predición continuada. A aplicación de algoritmos tamén permite reducir o uso de antimicrobianos e, polo tanto, de custos do animal. O Programa de Implementación exposto polo veterinario e investigador en Cornell University, Mark J. Thomas, reflexa a escaso marxe de erro que existe en vacas seleccionadas por algoritmo con posibilidade de contraer mastite, e as tratadas en realidade.

O ‘cerebro leiteiro’

A recolección de diferentes tipos de datos en varias granxas e a súa xestión mediante o uso de técnicas de ‘machine learning’ foi un dos horizontes abordados no ‘2022 National Mastitis Council Annual Meeting’  de Estados Unidos celebrado celebrado recentemente. A análise en tempo real integrando datos é un sistema que funciona de forma consistente e permanentemente. A aplicación de determinados algoritmos pode permitir acadar unha predición prematura de mastite clínica, entre outras. A idea parte dun proceso que Victor Cabrera, investigador da Universidade de Wisconsin, denomina ‘cerebro leiteiro’, polo cal se parte da recolección de datos en diferentes explotacións leiteiras que son transferidos a un sistema central. Unha vez recibidos, a computadora transforma esas cifras e homoxenéizaas, agrupándoas e clasificándoas para un posterior servizo analítico aplicado. O resultado é unha información cun valor adicional con aportes dunha información aberta en liña. Como se consegue chegar a ese resultado final que pode permitir prever certas intervencións? O ‘cerebro leiteiro’ segue un proceso piramidal que parte da base de crear un CIN, unha rede de innovación coordinada que aliña o desenvolvemento do servizo de cursos. Posteriormente é necesario crear o AgDH, un prototipo que colecta, agrega e difunde datos de múltiples sistemas a granxas leiteiras. Un terceiro paso sería a conformación do propio ‘cerebro leiteiro’, isto é, un conxunto de módulos analíticos que ata o servizo de agregación de certos datos dispoñibles para proveer información do traballo realizado. Por último, habería que executar un programa de extensión para controlar todo o sistema. As ferramentas de decisión que brinda este proceso teñen unha tripla vertente: poden ser descritivas por representar un taboleiro da situación actual; predictivas, de cara a proxección que leve cara o futuro, ou prescriptivas, é dicir, propostas de accións para actuar sobre determinados problemas. Segundo Victor Cabrera, “este é o exemplo de como diversas fontes de datos poden ser usadas para ter máis valor”. Este gráfico explica o funcionamento da integración de datos de granxas O ‘cerebro leiteiro’ preséntase coma unha ferramenta planificada que permite niveis de decisión en tres termos: corto ou operacional; medio ou táctico, e medio ou estratéxico. No primeiro deles, como expón Cabrera, “o algoritmo utilizado está entorno ao leite e o alimento, podendo incorporar datos integrados de muxidos e alimentos”. Un exemplo dos beneficios que aporta é a alerta temperá de falta ou exceso de nutrientes dando lugar a un modelo de eficiencia da alimentación diaria. Neste contexto, Victor Cabrera fai referencia a un estudo no que colaborou, denominado ‘Improving nutritional accuracy and economics through a multiple ration-grouping strategy’ polo cal, coa aplicación destes sistemas nas granxas leiteiras se pode mellorar a exactitude das dietas, facendo un proceso de grupos nutricionais automático e sistemático que diminúa os erros de vacas en currais que non lles corresponde. A prevención de mastite pode ser un dos horizontes alcanzables por métodos tecnolóxicos. A aplicación de ‘machine learning’ poderíase dar tanto para a identificación de animais con alto risco durante a primeira lactancia, como para unha predición continuada dun posible caso de mastite clínica. As técnicas aplicadas varían entre a aplicación de diferentes teoremas de clasificación estatística; para chegar unha predición continuada de mastite procederíase cun ‘random forest’ ou un ‘extreme gradient boosting’.

Predecir as mastities cun 72% de exactitude

Pero, que datos se monitorean? O estudo de variables durante o manexo, o DHI e a xenética son cuestións a ter en conta identificación de animais con risco de mastite durante a primeira lactancia. Pola contra, se se pretende acceder a unha predición continuada é necesario utilizar unha multitude de variables procedentes de salas de muxido, tales como os cambio de produción ou de temperatura da vaca, e do manexo, casos previos de cetose, aborto, etc. Na investigación ‘Exploring machine learning algorithms for early prediction of clinical mastitits’, na que colaborou Victor Cabrera, confirmaron que o modelo ‘random forest’ permite un 71% de detección de casos de mastite en primeira lactancia, e un 85% nunha predición continuada, isto é, ambos casos cun 72% de exactitude.

A tecnoloxía como ferramenta para a selección de vacas secas

A terapia selectiva para o secado de vacas permite unha administración antimicrobiana máis efectiva, xerando un impacto financeiro específico nas granxas. Segundo expón o veterinario e investigador en Cornell University, Mark J. Thomas, na súa intervención na ‘2022 National Mastitis Council Anual Meeting’, “a implementación de programas de terapia selectiva de vacas secas parte dunha selección de rabaños adecuados que se pode dar mediante algoritmo, entre outras”. Previa aplicación da selección por algoritmo, Thomas destaca que “debe haber uns criterios do rabaño que obedezan a unha calidade, tales como unha cantidade de CCS en tanque regular, en torno ás 200.000 células/ml, ausencia de estreptococos ou uns currais secos  ben manexados”. Para este tipo de selección, existen outros requisitos, como o acceso aos datos da incidencia de mastite, que non pode ser superior a 2 casos na lactación, e de células somáticas por vaca individual. O investigador de Cornell University fai fincapé en que a selección por algoritmo “é un método máis común para estabulacións con probas DHI rutinarias, polo que cómpre ter en conta o custo de ditos test de xeito mensual”. Da mesma maneira, Thomas refírese ao Programa de Implementación, polo que levou a cabo 50 visitas a granxas, para explicar a escasa marxe existente entre as vacas seleccionas por algoritmo para non tratar -65%- e as finalmente non tratadas -59%-. Esta táboa amosa o contraste entre as vacas seleccionadas por algoritmo para tratar e a realidade Unha das conclusións que o investigador amosa, en base ao Programa de Implementación de SDCT, é que esta aplicación algorítmica representa unha ferramenta viable para reducir o uso de antimicrobianos e os seus custos en vacas secas. Así mesmo, expón que este programa para identificar vacas de baixo risco e non tratalas con antibióticos intramamarios no secado expandiuse a ganderías comerciais de varios tamaños en todo o estado de Nova York.

O Goberno dirixirá fondos Next Generation a impulsar a dixitalización e sostibilidade ambiental das granxas

A agricultura de precisión e a dixitalización de procesos contarán con axudas públicas para a súa implantación O Consello de Ministros aprobou este martes o Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) do sector agroalimentario para dotalo do financiamento e das liñas de actuación necesarias para emprender os cambios ambientais, dixitais, sociais e económicos aos que terá que facer fronte na próxima década. O PERTE, que conta con medidas xestionadas polos ministerios de Agricultura, Pesca e Alimentación; de Industria, Comercio e Turismo; de Asuntos Económicos e Transformación Dixital; así como do de Ciencia e Innovación, vai dirixido a propiciar a transformación da cadea agroalimentaria e impulsar a modernización e dixitalización do sector, o seu crecemento económico e a cohesión territorial. Este PERTE Agroalimentario contará cun investimento público duns 1.000 millóns de euros ata 2023. Prevese que xere un impacto de partida na economía duns 3.000 millóns de euros, estimándose ademais unha creación neta de ata 16.000 empregos.
Os investimentos no sector agroalimentario apoiarán o seu crecemento económico sostible, a súa dixitalización e a cohesión territorial
O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, contextualizou este PERTE dentro da estratexia global da política do Goberno con relación ao sector agroalimentario e destacou que xunto á Política Agraria Común (PAC), o Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia e o Fondo Europeo Marítimo da Pesca e a Acuicultura suman máis de 50.000 millóns e supoñen “a cifra máis alta de inxección de fondos públicos que se produciu xamais no sector”. Planas destacou que por enriba da importancia económica do sector agroalimentario en España, "ten unha grande significación social, territorial e ambiental”. Máis de 30.000 empresas que xeran o 10% do PIB español O sector agroalimentario contribúe con case un 10% ao PIB e está conformado, na súa maior parte, por pequenas e medianas empresas, xa que un 96% das máis de 30.500 empresas son pemes. Desta forma, o PERTE concíbese como un conxunto de medidas que benefician a empresas e autónomos do sector agroalimentario e que xeran sinerxias cuns obxectivos claros: mellorar a competitividade, a sustentabilidade e a trazabilidade e seguridade do sector agroalimentario. Ademais, dada a importancia do sector agroalimentario no medio rural, incorpórase a contribución ao reto demográfico como obxectivo transversal.
O sector agroalimentario é a primeira industria de España, cunhas exportacións de 53.848 millóns de euros en 2020
Para facer fronte á loita contra o cambio climático e adaptarse aos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030 faise necesario promover un uso eficiente dos recursos naturais e da enerxía na produción agroalimentaria, a través da dixitalización de todos os procesos produtivos da cadea alimentaria. Con este PERTE Agroalimentario preténdese fomentar a automatización de procesos, a sensorización ou sistemas de aprovisionamento sostibles. Os investimentos previstos van contribuír desta maneira para dinamizar ao conxunto da cadea, a través de iniciativas que constitúan novos proxectos de transformación do sector e erixirse nun catalizador de propostas para modernizar o sector agroalimentario en varios ámbitos: impulso á transformación tecnolóxica, uso de Big data e novas ferramentas dixitais; subministro de alimentos sans, seguros e saudables; apoio a mozos e incorporación de mulleres; redución do impacto ambiental, descarbonización e desenvolvemento da economía circular. Tres eixos prioritarios de actuación Este PERTE baséase en tres eixos prioritarios, que abordan actuacións transformadoras sobre a cadea de valor industrial, medidas de apoio á dixitalización do sector agroalimentario e á investigación científica. Estas liñas van acompañadas de medidas complementarias ou facilitadoras que actuarán dunha forma integrada para incrementar o impacto das actuacións e así promover a transformación cara a un sistema agroalimentario máis sostible e dixital. Ademais, xunto co Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC) e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, o sector agroalimentario contará co financiamento e ferramentas necesarias para afrontar os retos ambientais, sociais e económicos da próxima década. Eixo 1: Paquete de apoio específico para a industria agroalimentaria, co obxectivo de mellorar os seus procesos de produción, vinculados coa súa competitividade, sustentabilidade e trazabilidade da produción de alimentos. Dotación: 400 millóns de euros, xestionada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Eixo 2: Medidas concretas para apoiar o proceso de adaptación dixital e que se estenda a todos os axentes que forman parte da súa cadea de valor (agricultores e gandeiros e as súas cooperativas, pequenas e medianas empresas de produción, transformación e comercialización). Dotación: 454,35 millóns de euros. Destaca, para as pequenas empresas e microempresas agroalimentarias, así como para autónomos, o Programa Kit Dixital, do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, do que se poderían beneficiar cuns 275 millóns de euros co obxectivo de que dixitalicen os seus procesos ou poñan en marcha unha tenda en liña.
O PERTE Agroalimentario vai dirixido ao conxunto da cadea para afrontar os retos ambientais, dixitais, sociais e económicos da próxima década
Desde o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, coas miras postas en agricultores e gandeiros, o desenvolvemento do Sistema de Información de Explotacións Agrarias (SIEX) pretende avanzar na dixitalización do caderno de campo para simplificar a súa relación coa Administración, datos que poderán utilizar tamén para mellorar a súa xestión empresarial. Eixo 3: Medidas específicas de apoio á innovación e á investigación para lograr un sector agroalimentario competitivo en todos os elos da cadea. Dotación: 148,56 millóns de euros. Unha das liñas de I+D+i, que se realizará da man das comunidades autónomas, permitirá avanzar, a través de varios proxectos prioritarios de agroalimentación e das ciencias do mar, en produtividade, competitividade, sustentabilidade e calidade.

Chega Rumi, o dispositivo GPS galego para monitorizar en tempo real vacas e xovencas tanto no establo como na pradeira

A revolución dixital chega ás ganderías galegas. A empresa Innogando, afincada no Arneiro, entre os concellos lucenses de Abadín e Cospeito, vén de lanzar ao mercado Rumi, un colar GPS que monitoriza en tempo real ao gando vacún mediante o recoñecimento de todas as súas actividades (alimentación, descanso, rumia, movemento, etc) e que facilita ao gandeiro a xestión do rabaño e a toma de decisións na granxa. Rumi é a única solución que permite a monitorización completa da gandería e dos seus animais, xa que cada vaca conta cun perfil no que se pode consultar toda a súa información relevante e engadir alertas concretas como celos, partos, diagnósticos de xestación ou patoloxías, a través dunha sinxela aplicación móbil. É dicir, Rumi permite tanto a xestión de cada animal de xeito individual como tamén do conxunto do rabaño dende a palma da man.
Rumi é o único sistema de localización GPS que existe no mercado con recoñecimento de actividade en tempo real
O dispositivo, deseñado e fabricado íntegramente en Galicia, é perfectamente válido para calquera sistema de producción, podendo empregarse tanto en interiores como en exteriores, onde conta cunha rede propia de cobertura a través da instalación dunha antena que lle proporciona alcance e autonomía en calquera circunstancia, mesmo en lugares remotos onde non existe cobertura de telefonía móbil. Versatilidade: ganderías de leite e de carne A versatilidade deste colar intelixente a respecto doutros existentes no mercado fai que sirva tanto para vacas estabuladas como para gando en pastoreo, o que o fai válido tanto para explotacións leiteiras en intensivo como para ganderías de carne en extensivo.
Unha mesma aplicación permite o control do gando que está estabulado e da recría ou as vacas secas que están no pasto
“Deseñamos o sistema pensando no modelo de granxas que temos en Galicia, onde hai explotacións de leite que teñen as vacas en produción estabuladas pero a recría ou as vacas secas fóra. Nestes casos serviríalles para monitorizar tanto a actividade das vacas do establo como das xatas e xovencas que están na pradeira, detectando celos ou proximidade ao parto. O mesmo pasa coas explotacións de vacún de carne”, explica Elio López, veterinario e fundador de Innogando. Facilita o manexo e incrementa a rendibilidade das granxas Este colar intelixente fabricado en Galicia está pensado para explotacións de carne e de leite, tanto en extensivo como en intensivo. En intensivo unha das principais informacións que Rumi facilita ao gandeiro é a detección de celos, mentres que en extensivo ou semiextensivo a esta función engádese a localización do gando en todo momento, a xestión de partos e a detección precoz de coxeiras e enfermidades metabólicas.
Ademais do posicionamento GPS do gando, Rumi proporciona monitorización de actividades, algo que non fai ningún outro dispositivo para extensivo    
“No gando que está fóra con este dispositivo tes un control absoluto do seu estado en tempo real, o que dá tranquilidade ao gandeiro e benestar aos animais, xa que che permite en todo momento a detección de celos e partos complicados ou outros problemas e anomalías que poida sufrir o teu gando”, insiste Elio. Funcionamento autónomo e sen necesidade de cobertura móbil Outra das vantaxes que aporta Rumi a respecto doutros dispositivos similares existentes no mercado é a súa autonomía. “Non é necesario cambiarlle a batería, xa que se autorrecarga con enerxía solar grazas a unha pequena placa fotovoltaica que leva incorporada”, explican os seus creadores.
Non é necesario cambiar a batería porque se autorrecarga mediante unha pequena placa solar que leva incorporada
Ademais non precisa de cobertura de telefonía móbil para o seu funcionamento, o que o fai apto para lugares con orografía complicada. “Colocamos unha pequena antena na gandería e con iso logramos unha cobertura de entre 10 e 15 km desde o punto no que se coloca, o que fai que non necesites cobertura de telefonía móbil no lugar onde está o gando. Deste xeito salvamos unha problemática existente en moitas zonas rurais de Galicia”, indica Elio.
A aplicación de xestión desde o móbil é moi sinxela e doada de seguir e con ela tes todos os datos reprodutivos e de xestión na man
Esta vantaxe é de utilidade en ganderías de vacún de carne con fincas dispersas e distantes, así como para explotacións de leite que manteñen en pastoreo a recría. “A moitas granxas leiteiras o noso dispositivo vailles permitir ter controladas as xovencas que están lonxe da explotación. O resto de sistemas de monitorización de intensivo non valen para iso pero Rumi fai as dúas funcións”, conta.

Oferta de lanzamento en Galicia practicamente sen custo para os gandeiros e gandeiras

O ano 2022 arrinca con esta importante novidade tecnolóxica que vai permitir ás ganderías galegas mellorar a súa eficiencia produtiva nun momento de encarecemento dos custos de produción, que fai que as marxes das explotacións se reduzan. “O noso obxectivo é a dixitalización do sector gandeiro para mellorar a rendibilidade das granxas, a calidade de vida dos gandeiros e o benestar dos animais”, asegura Elio López, que lidera un equipo de 10 persoas, entre as que hai veterinarios, informáticos e enxeñeiros electrónicos, e que leva dous anos traballando no desenvolvemento deste sistema novidoso.
Este colar intelixente fabricado en Galicia está pensado para explotacións de carne e de leite, tanto en extensivo como en intensivo
Para facilitar ás explotacións de Galicia o acceso a esta tecnoloxía, desde Innogando fan unha oferta limitada de lanzamento, prácticamente sen custo para o gandeiros galegos. Para poder beneficiarse destas vantaxes, é necesario chamar ao teléfono 644 586 245, pedir información a través do whatsapp ou mandar un email a hola@innogando.com.

Máis de 1.000 dispositivos xa en funcionamento

Rumi leva xa un ano funcionando en ganderías de leite ecolóxico e en pastoreo e en explotacións de carne, tanto de Galicia como de fóra da comunidade. “Xa temos instalados máis de 1.000 dispositivos por toda España, en Galicia, Extremadura, Navarra, Castela e León, Castela A Mancha e a Comunidade Valenciana. Moitos deles atópanse en centros de investigación como no CIAM ou na Granxa Experimental de Vacún de Leite da Universidade de Santiago ou en ganderías de referencia como as da cooperativa A Carqueixa”, detallan.
Rumi leva un ano testándose en centros de investigación como o CIAM ou a Granxa Experimental de Vacún de Leite da Universidade de Santiago
A grande versatilidade deste dispositivo, útil para a xestión e a localización do gando en pequenas fincas de minifundio de Galicia pero tamén en grandes extensións de terreo, fixo que teña chamado xa a atención de empresas de Andalucía ou Extremadura. “Imos poñelo nunha finca de touros de lidia de máis de 3.000 hectáreas de Andalucía e xa está instalado en Wagyu Ibérico en Extremadura. Rumi adáptase a todas as razas bobinas, desde explotacións de vacas frisonas a rubia galega, limusín, angus, wagyu ou outras razas”, explica Elio.

Unha start up galega

“A nosa empresa está afincada no Arneiro e é un dispositivo elaborado íntegramente en Galicia, onde ensamblamos e montamos os distintos componentes. Isto proporciona tamén unha maior garantía de servizo técnico á hora da instalación e posta a punto”, destacan en Innogando, unha start up galega que recibiu nos últimos anos numerosos premios e recoñecimentos pola súa capacidade de innovación.  
O equipo que desenvolveu o dispositivo está formado por un grupo de mozos e mozas galegos entre os que hai veterinarios, informáticos e enxeñeiros electrónicos
“Rumi vén desenvolvéndose desde finais do 2018 e o ano pasado afectounos de cheo a crise dos  microchips e a falta de compoñentes. Ese retraso permitiunos dispoñer hoxe dun sistema moi fiable que xa está moi testado e moi probado”, indican.

Proxectos piloto sobre aplicación da tecnoloxía 5G en zonas rurais

Un momento da presentación dos proxectos piloto na sede de Agroamb en Castro de Rei O municipio lucense de Castro de Rei acolleu esta semana a presentación de dous novos casos de uso da tecnoloxía 5G, destinados nesta ocasión a demostrar as vantaxes que achega a nova tecnoloxía 5G para mellorar a calidade de vida e a economía en instalacións agrícolas e zonas rurais. No primeiro dos proxectos piloto, desenvolto por Orange, Agroamb, Ericsson e Qampo, a instalación de sensores conectados mediante 5G nos campos de cultivo, unidos á utilización de mapas satelitais, permite obter información puntual sobre o estado da explotación agraria. Desta forma, e grazas á correlación de parámetros agronómicos, ambientais e satelitais, os técnicos poden coñecer en tempo real as necesidades de auga, fertilización, etc., dos seus campos, planificando así de forma óptima o coidado destes e optimizando o rendemento dos seus cultivos e das distintas colleitas.
Orange, Agroamb, Ericsson e Qampo colaboran no desenvolvemento destes dous casos Smart Agriculture no marco do Plan Nacional 5G financiado por Red.es e co apoio da Xunta de Galicia, a través de Amtega
Pola súa banda, o segundo dos programas piloto, que se leva a cabo sobre a rede 5G de Orange coa colaboración de Ericsson, ten como fin impulsar a dixitalización da contorna rural a través da mellora da conectividade que proporciona o 5G naquelas zonas nas que é máis difícil a instalación de fibra óptica. A través dunha solución coñecida como FWA e que utiliza a rede 5G como se fose unha rede de fibra óptica ata o fogar, mellórase o acceso móbil e a experiencia dos usuarios a redes ultrarrápidas en poboacións rurais, permitíndolles así gozar de servizos que, a día de hoxe, soamente están dispoñibles con accesos de rede fixa de última xeración. Estes proxectos enmárcanse no Plan Nacional 5G, o programa para o desenvolvemento de proxectos piloto de tecnoloxía 5G que executa Red.es, impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e para a execución do mesmo en Galicia formouse unha UTE composta por Orange, Cinfo, Gammera Nest e Optar Solutions e outras entidades colaboradoras. Innovación ao servizo do desenvolvemento sostible Ambos casos de uso de tecnoloxía 5G, que xa están operativos, foron presentados nas instalacións da empresa Agroamb en Castro de Rei. O CEO desta firma lucense, Severiano Ónega Ares, sinalou a súa satisfacción por participar en dous proxectos que "materializan as inquietudes de Agroamb". "Cremos firmemente na conxugación de innovación e tradición como motor de desenvolvemento sostible. A Smart Agriculture permitiranos facer un uso moito máis eficiente dos recursos, cos beneficios para o medio ambiente que iso conleva, e a mellora da conectividade, a través do FWA, supón unha oportunidade para reimpulsar as zonas rurais a través da retención e captación de talento. Ter as mesmas posibilidades comunicativas que as que se gozan nas contornas urbanas será o xerme dun novo renacer do campo”, insistiu o responsable de Agroamb.
Agroamb Prodalt está especializada na valorización de restos orgánicos biodegradables como fertilizante de uso agrícola
Agroamb Prodalt é unha empesa con sede no municipio de Castro de Rei que está especializada na valorización de residuos orgánicos do tecido industrial galego para o sector agrícola e confórmase a través dunha estrutura empresarial que permite pechar o ciclo da produción agrícola, a prestación de servizos agrícolas e de transporte, co engadido da valorización de restos orgánicos biodegradables como fertilizante de uso agrícola. Este grupo, que ten no seu ADN a consideración de iniciativa de emprego local, dá traballo a preto de medio cento de persoas da súa contorna, ás que hai que engadir outras 150 persoas de maneira indirecta en actividades complementarias á agraria. Ademais de prestar servizo a máis de 200 empresas, concellos e institucións, ten un firme compromiso con desenvolvemento de proxectos de I+D+i en diversas universidades e centros de coñecemento.