Archives

Xestión do pasto en Nova Zelanda, o país cos costes de produción do leite máis baixos

A xestión do pastoreo en Nova Zelandia é cada vez máis imprescindíbel co aumento dos novos obxectivos ambientais e a necesidade de manter a nosa vantaxe competitiva debido á volatilidade dos prezos. As nosa gandeiría ten como obxectivo estratéxico aumentar os beneficios da produtividade en $ 65 por hectárea ao ano. Para iso é fundamental unha mellora da xestión do pastoreo, ao aumentar a cantidade de pastos de alta calidade cultivados en cada hectárea de terra e convertelo de xeito eficiente en sólidos lácteos. A xestión correcta do pastoreo é unha habilidade con resultados dependentes da planta, do animal que pace e do empresario. Este artigo aborda todos este compoñentes: os principios do crecemento do pasto, o valor e as limitacións do ryegrass como alimento para a vaca leiteira e as decisións operativas tomadas polo empresario. Finalmente reunimos todo isto para definir obxectivos e procesos de xestión do pastoreo que mellorarán a rendibilidade na granxa.

Maximizar a disponibilidade de follas usando principios de crecemento

A enerxía da luz solar: o alimento vexetal principal e o punto de partida para comprender o crecemento das plantas e o rendemento dos pastos é a captación de luz. Neste sentido, podemos ver a luz como o alimento básico das plantas. “A enerxía da luz solar: é o alimento vexetal principal e o punto de partida para comprender o crecemento das plantas e o rendemento dos pastos”. O regreso do pasto tralo pastoreo elimina as follas e priva ás plantas da súa fonte de alimento principal: a luz. Xeneralmente, a primeira folla despois do pasto é relativamente pequena porque a planta ten pouca enerxía para o seu cultivo e restrinxe o seu tamaño. Non obstante, unha vez sae, a primeira folla engade máis enerxía á planta, polo que hai máis enerxía para a seguinte folla -que xa será un pouco máis grande- continuando este patrón ata que a planta recupere o seu estado enerxético. As follas teñen unha vida útil limitada. Así, o Ryegrass a miúdo denomínase planta de "tres follas" porque, normalmente ese é o máximo de follas vivas que soporta. Por tanto, unha vez que se produciu a terceira nova folla -a primeira produciuse tralo pasto- comezará a “morrer”. En última instancia, o pasto alcanzará o seu rendemento máximo mentres as plantas produzan novas follas, ao tempo que a cantidade producida queda cancelada pola taxa de morte. Neste momento de máximo rendemento, a taxa de perda por morte de folla vella é igual á produción de folla nova; por tanto, o material morto seguir acumulándose na base, pero non se acumula material folial adicional para o pastoreo. Por tanto, facer unha boa limpeza do pasto mediante dente vése como unha obriga para facer unha óptima entrada de luz na primeira folla.

Momento óptimo de pasto

A taxa de crecemento instantáneo é a taxa diaria de crecemento neto de pastos que contribúe á acumulación neta de pasto. Isto sabémolo facendo medicións en toda a plataforma de pasto unha vez ou dúas veces por semana, xa que saber o que medra o pasto diariamente é a base do sistema. O crecemento instantáneo aumenta inicialmente, a medida que se forman novas follas e non se produce ningunha morte, e logo diminúe a medida que as follas comezan a morrer e anulan a taxa de produción de novas follas. A taxa de crecemento media é a cantidade de pasto cultivado desde o último pastoreo (rendemento actual, menos residual no último pasto) dividido entre o número de días. Cando se alcanza a taxa de crecemento medio máximo é porque hai un equilibrio óptimo entre a cantidade de folla nova producida e a cantidade de folla que morre. Máis alá deste punto, a eficiencia de novos aumentos na cuberta de pasto está diminuíndo, polo que é o punto óptimo para pastar. Entón, como poden os gandeiros identificalo? Por exemplo, a través do estadio das follas: xeralmente, a taxa media máxima de crecemento prodúcese aproximadamente no estadio de tres follas despois do pasto , polo que o control do estadio das follas é un xeito práctico de rastrexar o que está a suceder.

Impacto residual do pastoreo

A análise anterior da dinámica de pastos e a identificación do punto de pasto óptimo baséanse no regreso do pasto tras os residuos de pastoreo (o que deixan as vacas tras cada pasto) de 3’5-4’5 cm de altura comprimida. O residuo a partir do que se recuperan os pastos impacta na súa dinámica, as taxas de crecemento posteriores e o momento óptimo do pastoreo. Está demostrado o impacto de diferentes residuos post-pastoreo (baixos, medios e altos) sobre a taxa de crecemento medio durante o seguinte ciclo de rexeneración. Isto resalta que: • O tempo que leva alcanzar a taxa de crecemento medio máximo é moi curto cun residuo alto e moi longo cun residuo baixo. • A taxa de crecemento real alcanzada na taxa de crecemento media máxima é inferior para o residual alto e o residual baixo en comparación co residual medio De aí, a cantidade de pasto que queda despois de cada pastoreo impacta sobre o momento óptimo para pastar de novo e a taxa de crecemento media máxima.
“O óptimo é que as vacas saian do pasto cunha altura de 3,5 a 4,5 centímetros para que o rebrote sexa máis rápido”
Polo tanto, isto afecta Á cantidade de pasto dispoñible no seguinte pasto. Noutras palabras: os residuos xogan un papel clave no crecemento global dos pastos. Asegurar que os residuos post-pastoreo son xestionados de forma consistente dentro dun rango moi alto (3’5-4’5 cm de altura comprimida) permitirá ás plantas captar tanta enerxía solar como lles sexa posible e convertela en alimento para as vacas. Minimizar a cantidade de folla vella que queda tralo pasto conducirá a un mellor ritmo de crecemento, permitindo que o tamaño e a densidade da cepa se adapten a un réxime de luz consistente despois de cada pasto. Isto minimiza o "atraso" na acumulación de folla verde nova. Cando se conseguen residuos consistentes, aproximadamente o 40% do rendemento final total provén da primeira, segunda e terceira follas producidas. Permitir que a luz chegue ao fondo estimula a produción de novos rebrotes. Isto mantén a alta densidade da cepa, o que permite que o pasto se recupere rápidamente despois do pastoreo.

Consideracións do sistema

Na granxa, a aplicación dos principios de crecemento de pasto complícanse coa necesidade de equilibrar os requerimentos dos animais e a oferta de suplementos (sempre que as condicións o requiran) durante todo o ano. Hai momentos nos que os agricultores necesitan dobrar "as regras" do pasto para mellorar os resultados globais do sistema. A consideración destas desviacións permite mellorar a toma de decisións. A transferencia do pasto no outono-inverno para alimentar o rebaño de leite a principios da primavera é un obxectivo común da xestión do pastoreo a finais do outono-inverno (estado de vacas secas, comendo pasto de inverno como centeos, triticales, nabos, verzas ou remolachas) é transferir o pasto do outono-inverno a principios da primavera, para lograr as cubertas de pasto necesarias no parto e cumprir os requisitos de pasto das vacas post parto. Isto conséguese alongando a rotación no outono e no inverno, máis alá do tempo que se tardan en cultivar tres novas follas. Aínda que isto producirá algunha morte en folla, a alimentación pódese transferir desde un período de demanda relativamente baixa a un período de alta demanda de suplemento de ensilado do sobrante da primavera se é o caso. En primavera é clave xestionar os excedentes e a calidade dos pastos durante a temporada, pois as taxas de crecemento dos pastos a miúdo superan a demanda das vacas, dando como resultado períodos de excedente de pasto temporal que, se non están ben xestionados, producirán unha calidade de pasto reducida e, posteriormente, un rendemento animal inferior. A eliminación de excedentes de pasto (ensilado) pode reducir os intervalos de pasto, dando lugar a pastar algúns pastos antes da etapa de 2½ e 3 follas. Se a recolección de excedentes non é a desexable, os curtos intervalos de pasto poden reducir o crecemento do pasto. (encanado, espigado da herba, e follas mortas)

Xestionar a cuberta do pasto

Hai que xestionar o rendemento (importantísima a medición dos crecementos diarios da herba: sen medir non podemos contabilizar e sen contabilizar non podemos xestionar) previo ao pastoreo para optimizar o aproveitamento do pasto e o rendemento dos animais, á vez que se poden conseguir os residuos óptimos. O alcance recomendado é de 2600-3200 kg de materia seca / ha para as vacas leiteiras en período de lactación. Durante os períodos de rápido crecemento e en pastos estimulados con nitróxeno, pode ser necesario o pastoreo entre as etapas de 2-2½ follas para alcanzar os obxectivos de cobertura previa ao pastoreo.

Ryegrass como alimento para a vaca leiteira

O rendemento óptimo nos sistemas baseados en pastos require unha xestión especializada do pastoreo. Aquí, centrámonos no valor nutritivo de pastos dominantes de alta calidade e no impacto de adherirse a unha boa xestión do pastoreo no rendemento dos animais. As vacas leiteiras son ruminantes, con catro compartimentos estomacais (rume, retículo, omasum e abomasum) que evolucionaron ata prosperar nas forraxes. A configuración anatómica do sistema dixestivo, combinada co proceso de ruminación, fai que o ruminante sexa moi eficiente para extraer enerxía das forraxes. De feito, os ruminantes son quen de recuperar máis nutrientes das forraxes que calquera outro herbívoro dun tamaño similar. Para conseguilo, formaron "asociacións" con microorganismos no rume. Os microorganismos son principalmente bacterias, pero tamén inclúen protozoos, fungos e arqueas. Xuntos dixiren a forraxe comida pola vaca. O rume dunha vaca conten uns 100 kg de forraxe e hai aproximadamente 10.000 millóns de bacterias en cada mililitro de líquido de rumen. Así, cando se alimenta a vaca leiteira, son os microorganismos do rumen os que se están alimentando máis que a propia vaca. Moitas das recomendacións nutricionais proporcionadas amplamente baséanse en datos derivados de vacas alimentadas cunha ración mixta total (TMR), pero estas non sempre son aplicables ás vacas leiteiras. Isto é debido a que as vacas alimentadas con pasto teñen características únicas. Imos numerar algunhas: - Carbohidratos: En teoría, a produción de leite maximízase cando azucres e almidóns solubles son do 40% da dieta. Aínda que os pastos de primavera conteñen menos que isto, os carbohidratos estruturais (fibra) de boa calidade, os pastos de folla son altamente dixeribles (85%) e degrádanse relativamente rápido, proporcionando así enerxía similar a azucres e almidóns solubles. Isto é debido a que os bloques construtivos de todos os hidratos de carbono (azucres e almidóns solubles e fibra) son esencialmente os mesmos (un simple azucre, por exemplo, glicosa), sendo a única diferenza química o tipo de enlace que une as moléculas de azucre. Os microorganismos do rumen son capaces de romper todos estes enlaces; e subministrar ás vacas alimentadas con pastos con azucres ou amidón non mellora a enerxía xerada pola fermentación microbiana, a menos que aumente a cantidade total de enerxía subministrada. Ademais, as recomendacións de TMR suxiren que a fibra nuetro deterxente debe constituír un 30% da materia seca con fibra efectiva, a fibra máis eficaz para estimular a ruminación e salivación, constituíndo un 20% da materia seca. Aínda que os pastos de primavera de alta calidade conteñen máis fibra neutro deterxentes que o necesario (40% DM), esta fibra é dixerida facilmente e non limita a inxesta. Ademais, aínda que se estima que a fibra "efectiva" no pasto é relativamente baixa (17-20% DM) en comparación cun TMR, e pode producir un pH inferior ao recomendado, non hai efectos adversos sobre a dixestión ou o crecemento microbiano. Isto é debido a que unha diminución do pH nas vacas alimentadas con pasto xeralmente é causada por un aumento do ácido acético e non resulta en trastornos. En comparación, a caída do pH do rumen nunha vaca alimentada por TMR normalmente está asociada a un aumento do ácido láctico que pode ter efectos perxudiciais (acidose do rume). Ademais, proporcionar fibra adicional "eficaz" (é dicir, palla) ás dietas baseadas no pasto non mellora a función de rumen nin a produción de leite. De feito, cando se engadiu a palla a unha dieta baseada en pastos (pasto + 4 kg de farina de millo) a produción de leite e a resposta marxinal ao gran reduciuse. - Proteína: Os niveis de proteína recomendados para as vacas alimentadas con TMR baséanse nunha dieta que contén arredor dun 16% de proteína bruta, do que o 65% é degradable, mentres que o 35% non se dixeriu no rume. Na meirande parte das veces, o pasto de boa calidade contén máis proteína da que a vaca precisa. Aínda que a proteína no pasto é altamente degradable (80-90%), a velocidade rápida de paso do rumen significa que aínda hai suficiente proteína non dixerida no rume. Cando a proteína é degradada no rume, o amoníaco é producido e usado polos microorganismos do rume ou transportado a través do sangue ao fígado, onde é convertido en urea. A meirande parte excrétase nos ouriños, pero outra recíclase no rumen e aparece unha pequena cantidade no leite . Este proceso non é enerxicamente “caro” para a vaca leiteira e as altas inxestións dietéticas de proteína bruta non son prexudiciais para a saúde ou a reprodución en vacas a base de pasto. Como resultado, o pasto de alta calidade cumpre os requisitos proteicos da vaca leiteira -Lípidos: Estes proporcionan unha fonte de enerxía para a vaca, pero non son utilizados polos microorganismos do rume para o aproveitamento. Unha vaca leiteira ten un baixo requisito de lípidos dietéticos (3-6% DM). De feito, un exceso de lípidos na dieta pode reducir a dixestión de fibras e diminuír a produción de leite. O pasto proporciona unha fonte adecuada. -Vitaminas: A suplementación de vitaminas rara vez é necesaria nas dietas baseadas en pastos, aínda que debe considerarse suplementar a vaca con vitamina A, D e E no final da lactación (secado) e vaca seca. - Minerais: Estes son esenciais tanto para os microorganismos do rume como para a vaca. As vacas leiteiras alimentadas con herba a miúdo requiren magnesio antes do parto e durante a primavera. Os requisitos para os suplementos minerais están afectados pola rexión, o tipo de chan, a fase de lactación e a dieta. Normalmente son aplicados un mix de minerais, dependendo da fase na que se atopa a vaca, inxectados na auga de bebida das vacas ou en grandes bloques (100 kg) deixados no prado ou tamén mesturados con melaza e algo de cebada rota (200g) suministrada no comedeiro da sala. Probablemente este último sexa o mellor sistema, xa que aumentamos o fluxo de entrada na salas rotativas e a baixada máis rápida de leite, o que se traduce nun muxido máis rápido e eficiente. Isto pon de manifesto o elevado valor nutricional da herba como alimento para as vacas leiteiras: ata o momento, a investigación non demostrou ningunha vantaxe na produción substituíndoa por unha fonte alternativa de pensos. Por tanto, o pasto na fase de 2½ e 3 follas, dirixir os residuos de pastoreo e maximizar o material das follas futuras de pasto proporcionará grandes cantidades de pasto de boa calidade para a vaca leiteira, proporcionando un bo rendemento durante toda a lactación

Unha visión operativa da xestión do pastoreo

É importante comprender este complexo proceso e identificar criterios clave para a toma de decisións, xa que os procesos diarios de xestión do pastoreo empregados polos gandeiros a nivel de prados (PDK) teñen unha influencia significativa na produtividade e na rendibilidade das explotación. Proceso da xestión do pastoreo: -Establecer plan: Reclutar e ordenar os prados segundo estes criterios: Altura, rendemento previo ao pastoreo, intervalo de pastoreo e etapa da folla. -Definir o plan: Revisar a orde dos prados a pastar. Criterios empregados: Clima, rendemento previo ao pastoreo, necesidades de xestión e ase das follas. -Calcular a demanda de pasto dos animais (kg de DM /animal/e tempo) -Determinar a asignación da área a pastar. Criterios empregados: • Pastos necesarios vs dispoñibles • Lonxitude de rotación • Suplementos ( si son necesarios) • Rendemento previo ao pastoreo. -Vacas no prado e vixiar o pastoreo. Consideramos: • Comportamento das vacas • Residuos, torpeza • Estado do paddock -Sacar as vacas do prado e revisar os obxectivos de pastoreo. Consideramos: • Residuos • Rendemento das vacas • Estado do prado.
“Se deixamos herba sen comer no prado deixamos cartos irados”
No caso de non cumplirse tomaremos medidas correctivas, considerando: • Limpeza mecanizada da pradeira • Suplementos • Asignación (rendemento de área / pre-pasto) • Revisar os pasos de control. Algo se fixo mal en algún paso anterior, pola contra agora incidiremos en gastos limpando a pradeira por quedar mal pastada debido á aplicación masiva de suplementos ou ao mal cálculo da herba ofrecida ás vacas. Temos un gasto en limpar pradeira mecánicamente e tamén un gasto en non transformar o remanente en leite. E lembrar sempre: se deixamos herba sen comer no prado deixamos cartos tirados que non poderemos apañar nin recuperar e iso ademáis incorrerá en gastos adicionais.

Como acadar un correcto equilibrio?

As comparacións do custos totais de produción entre as diferentes granxas indican tamén que, a medida que aumenta a proporción de pasto na dieta e a cantidade de pasto producida por hectárea, o custo total de produción diminúe. Por exemplo, se aumentamos a cantidade de pasto de 20 a 30 kg de DM (50%) por vaca aumentará a inxesta por vaca en 1,3 kg de DM pero reducirá a súa utilización nun 23%. Isto indica que hai que acadar un equilibrio entre a utilización de pasto e a inxesta individual de materia seca por vaca (DMI). A resposta ao aumento da inxesta de pasto é bastante baixa nos niveis máis altos. Outras investigacións informan de que a inxesta de pastos aumenta 0,45, 0,23 e 0,12 kg DM por kg de dotación DM dentro dos intervalos de 10-15, 15-20 e 20-25 kg DM (respectivamente) por riba dun resíduo de 5 cm3. Noutras palabras, o aumento marxinal da DMI redúcese na medida que aumenta a bonificación. A mala utilización de pastos (% utilizada por encima dos 3,5 cm) o que resulta en altos residuos post-pastoreo, suprimirá as taxas de crecemento do pasto no ciclo posterior de crecemento. Tamén reducirá a dixestibilidade dos pastos no próximo pastoreo , repercutindo negativamente no rendemento dos animais. Para acadar altos niveis de aproveitamento e altas inxestións de enerxía ao longo da tempada deberíanselle ofrecer ás vacas cantidades moderadas de pasto de alta calidade. O aumento da taxa de abastecemento nunha vaca / ha reportouse nunha diminución do rendemento leiteiro por vaca nun 8%, pero nun aumento do 20% na produción de leite por hectárea, o que indica de novo o compromiso do rendemento dos animais para conseguir un rendemento maior por ha. É dicir, menor consumo de materia seca (DMI) por vaca pero maior utilización de pasto por hectárea. Os residuos de pasto son un indicador clave da utilización de pastos despois de pacer as vacas. A finais da primavera, a herba pasa do crecemento vexetativo ao reprodutivo, dando lugar a algúns cambios importantes nos pastos. O desenvolvemento reprodutivo leva a alongamento do talo e aumenta as proporcións de encanado no futuro pasto, o que pode levar a pequenos aumentos na altura residual posterior ao pastoreo. Consecuentemente, os residuos de pastoreo aumentarán lixeiramente no verán e as vacas terían que verse obrigadas a comer o talo e folla morta de baixa calidade. A consecución de residuos de pasto obxectivos na primavera reducirá posteriormente a relación de reprodutores vexetativas, minimizando así este aumento de residuos de pasto. O inverno ofrece a oportunidade de restablecer o nivel dos residuos para a próxima tempada e asegurar que o crecemento das follas se promova na base da herba. Polo tanto, hai pouco espazo para a desviación a través do período crítico de primavera, desde un obxectivo residual de 3,5 cm cun lixeiro aumento no verán ata 4,0 cm e 3,5 cm de novo a finais do outono / inverno. Aínda que o pasto é valioso e nutritivo, moitas veces engádense fontes complementarias ao sistema. Xeralmente, os suplementos aumentarán a DMI (materia seca inxerida) total. Porén, cando engadimos suplemento deixarase algún pasto no prado. Coñécese como substitución e caracterízase por unha diminución do tempo de pasto de aproximadamente 30 minutos por cada kg de suplemento de materia seca e, en consecuencia, unha diminución do aproveitamento dos pasto que é directamente proporcional á produción de sólidos por hectárea de herba consumida. A substitución pode ser negativa (pasto malgastado) ou positiva (pastos aforrados). O principal elemento de substitución é a fame de vaca, habitualmente reflectido na cantidade de pastos que quedan (residuais post-pastoreo) cando as vacas saen do prado. Os residuos post-pasto son o principal motor da resposta de sólidos de leite producidos, xa que a medida que os resíduos aumentan a resposta de sólidos de leite aos suplementos diminúe. O impacto potencial da alimentación de suplementos sobre residuos de pasto, despois de pastoreos consecutivos (rotacións) nun prado onde os residuos non están ben xestionados, ilustra como este incremento é pequeno en cada pastoreo, pero acumulativo sobre eventos de pastoreo consecutivos co futuro do pasto, aumentando e impedindo que a vaca logre o obxectivo residual co paso do tempo. Polo tanto, o control dos residuos de pastoreo e unha boa toma de decisións operativas son esenciais para garantir unha resposta elevada de sólidos en leite aos suplementos (se son necesarios) e altos niveis de crecemento e calidade posteriores dos pastos.

Lograr os obxectivos

A xestión da etapa das follas e os rendementos pre-pastos require un foco maior a nivel táctico e operativo. Un proceso eficaz de xestión do pastoreo permitirá tomar as decisións correctas para asegurarse de alcanzar os obxectivos. Isto permitirá establecer a lonxitude de rotación correcta, baseándose na avaliación do estadio das follas, e asegurarase de que os prados pacidos están dentro do intervalo de rendemento desexado antes do pasto. A figura destaca a importancia de xestionar o rendemento previo ao pastoreo para alcanzar obxectivos residuais e unha alta cantidade de materia seca inxerida. Para acadar 16-18 kg de DMI (materia seca inxerida) por vaca ao chegar aos 3,5 cm de pasto residual o rendemento previo ao pastoreo debe xestionarse entre 2800-3200 kg DM / ha, con tomas máis elevadas, necesitando rendementos pre-pastoreos máis baixos para un obxectivo semellante residual. A consecución dunha inxesta similar con rendementos excesivos de pastoreo previo require altos residuos de pasto con impacto negativo no crecemento posterior dos pastos e calidade. Na procura dunha maior DMI será necesario equilibrar coa consecución da fase de follas obxectivo para maximizar o crecemento do pasto e optimizar o aproveitamento dos pastos. Cando a DMI (inxesta de materia seca) sexa inferior (14 kg de DMI), como por exemplo na lactación tardía, pódense pastar rendementos de ata 3800 kg DM / ha ata chegar aos 3,5cm. Isto require unha boa toma de decisións, axudada por paseos semanais en granxas, deixando de pastar prados cando sexa necesario e prestar atención aos residuos posteriores. O manexo por estadios das follas tamén require a relación descrita. Por exemplo, o pasto fertilizado con nitróxeno terá altos rendementos nos estadios inferiores das follas, requirindo o pasto antes da etapa de tres follas. Tamén é importante considerar a demanda de suplementos (penso ou silo se fora o caso ) da explotación en comparación coa cantidade de pasto cultivado, cun estadio de follas máis avanzado (intervalo de pastoreo máis longo) máis favorable para as explotacións con máis animais por ha. Conseguir residuos uniformes e consistentes en todos os prados en cada pasto é difícil pero non imposible. Precisa un maior foco no nivel operativo para capturar oportunidades antes, durante e despois de cada evento de pastoreo. A este reto súmanse os cambios no rendemento previo ao pastoreo e os feitos meteorolóxicos adversos. Durante longos períodos de precipitacións altas, pode ser que os residuos de pasto non sexan alcanzables con residuos máis longos ou racimos de herba restantes, reducindo o crecemento posterior. Polo tanto, se non se cumpren os residuos de pastoreo e os pastos pasan a ser "irregulares" ten sentido ter que corrixilos. Para isto pódense utilizar medidas como o pastoreo cun rendemento previo ao pastoreo inferior na seguinte rotación, deixar o prado para ensilado, pastar con vacas secas ou con animais de descarte. Hai unha serie de programas informáticos e software dispoñibles a través de provedores comerciais dirixidos a axudar a tomar decisións sobre os datos de pasto.

As claves do éxito na xestión do pastoreo en vacún de leite:

1. Medición e monitorización do crecemento da herba semanal 2. Crear unha estratexia baseada no crecemento real da herba 3. Determinar que prados serán pastados cada semana 4. Definir a rotación de entrada das pradeiras en días segundo o crecemento 5. Marcar o obxectivo de residuos 6. Calcular a demanda de materia seca inxerida polas vacas según a produción de sólidos e estado de lactacion 7. Dar os metros cadrados necesarios por vaca e día de pasto para acadar o maior aproveitamento de pasto co obxectivo de resíduos. 8. Medir a herba sen comer e comprobar que se logrou o obxectivo 9. Observar se os animais manteñen as producións ou se teñen fame 10. Chequear a dose e correcta administración dos minerais 11. Chequear que os bebedeiros funcionan perfectamente 12. Sacar as vacas do prado de maneira tranquila e pausada, nunca empuxar ou apretar. Ter camiños lisos e anchos, sen lama nin pedras; facilitar que anden á sua velocidade (2km/h) para evitar gasto de enerxía e, por tanto, de leite. Distanciarse da última vaca como mínimo 20 m. Na saída da sala de muxido, asegurar que teñan acceso a prado con pasto fresco. 13. Non deixar nunca que as vacas entren nas zonas que xa foron pacidas. Cando acaben de comer os bocados grandes elas volverán atrás a comer os rebrotes novos 14. Redefinir o plan se é necesario 15. Aplicar nitróxeno de síntese sempre que a temperatura da terra estea por riba de 7 grados celsius e por baixo de 19, a razón de que teña dispoñible 1 unidade fertilizante por día de nitróxeno 16. Aplicación de regadío a razón de 8mm/día, dependendo da evapotranspiración 17.Resembrar as pradeiras menos productivas

Ferramentas prácticas de nos poden axudar:

● A calidade da herba ben manexada é de 10.5-12.5 MJ ME/KG DM ou máis 1.1 ufls ● Requisitos diarios dunha vaca a principio de lactación de 450 kg peso vivo kiwi crros, producindo 2,0 kg sólidos / día e perdendo 0,5 kg por día de peso a 12,0 MJ ME / kg DM inxerida: - Mantemento 54 MJ ME - Camiñando en llano (3 km x 2 MJ ME / km) 6 - Sólidos lácteos (2,0kg MS x 80 MJ) 160 - Pérdida de peso (0,50 kg peso vivo x -37 MJ) -19 - Total MJ ME a 11,0 ME 201 ME -Requisitos reducidos en 5 % como 12,0 ME alimentados = 201 x 95% 191 kg de materia seca (DM) -kg DM consumido (191 ÷ 12,0 ME) 15,9 kg DM(materia seca requerida vaca día ● Unha vaca Kiwi crros (450 kg de peso vivo) come de media 16 kg de materia seca de herba pastada e produce 420 kg de sólidos por lactacion ● Unha vaca transforma 10kg de herba a 11ME nun kilo de sólidos de leite ● 420kg de sólidos producidos por unha vaca nun ano equivalen a 4200kg de herba pastada ● Unha ha produce ao ano 17 tn de materia seca de herba ou máis, dependendo das habilidades do empresario ganadero. 17kg de materia seca producida/4200kg de materia seca inxerida por vaca en lactación=4,04 vacas por ha ● 420 kg de sólidos vaca/ano x 4.04 vacas/ha=1696.8 kg de sólidos/ha sen depender de ningún insumo externo, sólo con pasto. ● O coste de 1kg de materia seca de pasto inxerido é de 0.027 dólares neozelandeses, calculando todos os custes menos o silo producido, no caso de facelo ● Unha vaca, entre o que come e rexeita ou desperdicia, consume 17kg de DM(materia seca), o que se traduce nun gasto de 17kg de DM x 0,027$NZD=0.459$ diarios ● Cálculo de pastura previa ao pastoreo: (vacas por ha x inxestión x rotación) + Residuo óptimo = Cuberta previa ao pastoreo Exemplo: (3,0 vacas / ha x 17,5 kg DM / vaca x 22 días) + 1500 kg DM / ha = 2650 kg DM / ha ● Asignación de pasto: -demanda por vaca kg materia seca inxerida x número de vacas = demanda do lote de vacaspor exemplo. 18 x 200 = 3600 kg DM demanda ese lote diario -suministro por ha. Rendemento previo ao pastoreo - residual = kg de materia seca ha, por exemplo. 2800 - 1500 = 1300 kg DM / ha - área requerida: Demanda ÷ oferta = área necesaria, por exemplo. 3600 ÷ 1300 = 2,8 ha / día (Superficie x subministración) ÷ número de vacas = pasto dispoñible / vaca, p. (2,8 x 1300) ÷ 200 = 18 kg DM. ● Asignacion de área: - M² por vaca a vacas por ha 10.000 ÷ m² / vaca = vacas / ha, por exemplo. 10.000 ÷ 140 = 71 vacas / ha (1ha = 10.000 m²) -Área que se necesita por lote de vacas: Total de vacas ÷ vacas / ha = área necesaria. Exemplo. 200: 71 = 2,8 ha - Área do pasto para ser pastado: Área (m²) ÷ Ancho do paddock = lonxitude necesaria para o pasto, exemplo. (2,8 x 10.000 = 28.000 m²) 28.000 ÷ 150 m = 187 m

Referencias:

RESEARCH CENTER TEAGASC IRELAND DAIRY NEW ZELAND David Chapman, Sean McCarthy, Cathal Wims, Jane Kay, Chelsea Hirst, Massey University, Danny Donaghy, David Gray and Brennon Wood,

Un galego xestionando unha das maiores ganderías de vacún de leite de Nova Zelandia

Fernando, “Ferreiro”, de Bama (Touro) é un galego que dende hai anos se ocupa de formar ao persoal e establecer protocolos de traballo en Canterbury Pampas Ltd, unha das maiores ganderías de Nova Zelanda, con algo máis de 6.000 vacas en muxido. Nesta entrevista explícanos como é a produción de leite en Nova Zelandia e as leccións que pode tirar Galicia. ¿De onde xorde o teu interese pola gandería? Se son honesto, eu non teño interese pola gandería, só pretendo gañar un soldo acorde á miña produtividade para lograr unha determinada calidade de vida. Traballo nisto porque na miña casa, na parroquia de Bama, no concello coruñés de Touro, sempre houbo e hai vacas e vivíase e viven delas.  E o entorno levoume a traballar nisto. Ao finalizar os estudios estiven traballando noutros sectores, e nun momento determinado decidín traballar na explotación dos meus pais, e ahi empezou todo. Cada vez sentía máis curiosidade por todo o que englobaba o sector.  Intentaba absorber toda a información posible (revistas, charlas, cursos...etc). Acórdome que bombardeaba de preguntas aos técnicos, que moito me axudaron e aos que lles mando un saúdo. ¿Como acabas traballando en Nova Zelandia? Todo isto foi por curiosidade por ter ganas de coñecer e de aprender. Sempre se escoitaba falar de que determinados países facían mellor as cousas que nós  os galegos, e fun ver se iso era certo. Todo empezou cunha oferta de traballo que me levou a Irlanda e de ahi a coñecer o Reino Unido e algún outro país de Europa. E agora Nova Zelandia. Explícanos un pouco como é o traballo que realizas e como é a granxa na que traballas. Canterbury Pampas Ltd é unha empresa  que está formada por 5 granxas distribuídas por todo o largo da illa sur de Nova Zelandia.  En total, moxen máis de 6000 vacas. Para dicilo dun xeito rápido: basicamente ocúpome de establecer protocolos de traballo e de entrenamento e incorporación de persoal na granxa. Por exemplo, de como sacar as vacas dunha pradeira e levalas á sala de espera para seren muxidas, pois medimos o tempo en chegar da pradeira a sala; a velocidade de avance do gando, mídese o pasto residual (pasto que deixaron as vacas sen comer)  e planéase o novo pasto a comer, facer o chequeo de bebedeiros e  da potencia do pastor, etc. Pois todo isto, aínda que pareza mentira, ten uns procesos para facelo e uns tempos establecidos. O obxectivo é ser máis eficientes no traballo para manexar máis litros de leite por persoa. Neste momento estamos en cerca dos 8000 litros diarios por persoa presente traballando. ¿Que importancia ten o sector lácteo en Nova Zelandia? Nova Zelandia produce  case 21 millóns de toneladas de leite e este ano cóntase cun incremento do 5%. Das vacas neozelandesas sae case o 5% do leite mundial e o país produce o 17% dos produtos lácteos comercializados internacionalmente (a cooperativa Fonterra produce 49% do leite enteiro en pó do mundo). Ademais, é de destacar que Nova Zelandia exporta o 95% da súa produción, principalmente a China, Xapón, Estados Unidos e Unión Europea. O sector lácteo representa o 40% das exportacións do país. En determinadas condados de Nova Zelandia o sector lácteo (granxas e industria) ocupa ao 22% da poboación activa, cunha media do 12% en todo o país. Todo este leite prodúceno 5 millóns de vacas repartidas en 11.900 ganderías e cunha media de  1.800.000 litros anuais por granxa. Todo este ouro branco é recollido pola cooperativa Fonterra, (que copa o 85% do leite recollido) e por outras industrias como Synlait, OCD, Westland,  Miraca, Oceania e Tatua. O leite é transformado maioritariamente en produtos industriais, como queixos, leites maternizados, leite A2A2 , iogur, xeados, manteiga e sobremesas lácteas. Sobre todas destaca Fonterra, unha cooperativa que ten 50.000 empregados e que é propiedade de 10000 gandeiros, que teñen que obter 1 acción por cada kilo de sólidos lácteos entregado á fabrica. O valor da acción nestes momentos é de algo máis de 6 dólares neozelandeses. ¿Como están neste momento os prezos do leite en Nova Zelandia e cales son un pouco as previsións para este ano? A previsión para esta campaña (2018-2019) vai a ser un 5% máis de produción de leite  comparada coa campaña anterior.  En Nova Zelandia o leite págase por kilo de materia seca (sólidos), non se premian os litros. Sen embargo, para cobrar o prezo máximo exíxense unha serie de calidades: bacteroloxia cfu/ml < 10000, termoduricos cfu/ml < 1500, coliformes cfu/ml < 300, RCS < 150000, Inhibidores IU/ml <0,003 IU, costros < 1, 35 gramos por litro e auga <=  a -0.513  do punto de conxelación. Sácanse mostras aleatorias e obrigatorias  3 veces por semana e que son analizadas na  cooperativa e, a maiores, sácanse mostras outras 2  veces ao ano para analizar as aflatoxinas que teñen que quedar por debaixo de 20 ppt. Se falamos de graxa e proteína é moi variable durante a época do ano, xa que a produción é estacional, pero de media está en 3,9 % de proteína e 5% de graxa. No caso de Pampas Ltd estamos agora mesmo en 5,02 % de proteína e 6,24 %de graxa. En canto ao prezo do leite temos que falar do Kg de materia seca do leite que está nos 6,60$ neozelandeses; é dicir, uns 3,96 € por Kg de sólidos. O futuro ninguén o sabe, pero fálase de que medrará a un ritmo do 5% en produción de sólidos e o prezo empezará en setembro (nova campaña) nos 7,25$ Nz ¿Como establecen o prezo do leite nese país? O prezo do leite de NZ  fíxase determinando os ingresos que obtería Fonterra se o equivalente de toda o leite que  recolle se convertira en especificacións de produto: leite en po enteiro,  leite en po desnatado, subprodutos como BMP e HMA. Os prezos dos produtos de referencia reflíctense no Global Dairy Trade (GDT) cada 2 semanas no mes. E pola outra parte,  dedúcense os custes  que proveñen dos custes reais da actividade de Fonterra ( transporte do leite de granxa á fabrica, fabricación dos produtos de referencia de produtos básicos, custe de transporte ao punto de exportación, gastos de venda e administración, dedución por depreciación de activos fixos e un retorno por investimento de capital). E o saldo resultante comprende a cantidade a pagar a accionistas e aos socios empresarios/gandeiros en $/Kg de sólidos  recollidos. O modelo neozelandés ponse a cotío como exemplo a nivel internacional de produción de leite a baixo a custe. ¿Realmente son tan baixos os custos de produción? Presumen de ter os custes de produción máis baixos dos países consolidados como produtores de leite e só a India produce mais barato, pero seguen a mellorar para ser máis competitivos.  Neste momento os custes están nos 3$ por kilo de sólidos de beneficio bruto calculado antes da dedución dos gastos financeiros.
 “A clave da eficiencia de Noza Zelanda en producir leite é o seu manexo do pasto”
As vantaxes que  teñen son: clima como o de Galicia, sobre todo na illa sur; todo o terreo xunto, con fincas de centos de hectáreas e coa sala de muxido no centro da finca; regadío con auga suficiente para regar toda a primavera e verán e parte do outono e sen  moito custe e están especializados na técnica pastoril de coincidir a curva de lactación da vaca coa curva de crecemento da herba, para o que fan concentración de partos. A clave da súa eficiencia é o manexo do pasto. ¿Como é a ración e o manexo do gando vacún de leite en Nova Zelanda ao longo do ano? Non hay ración  TMR,  non hai carros mezcladores directamente, ou polo menos eu aínda non os vin.  As vacas aliméntanse directamente  nos pastos e están todo ano á intemperie, polo que non hai cuadras e o único pendello que hai son as salas de muxido e para gardar os xatos. As vacas van do pasto á sala e da sala o pasto. O pasto soe ser de raygrass inglés e trevo branco, e nas épocas de inverno e final de lactación, secas e principio de lactación poden pacer remolacha e kell, co seu cambio de minerais correcto, que se aplica na auga de bebida.
 “Nas granxas nin se ensila nin se dá penso”
O manexo dos animais baséase no rendemento do pasto, de forma que canto máis pasto en cantidade e calidade máis sólidos por hectárea. É dicir, canto máis pasto sexamos capaces de producir máis vacas poderemos meter por hectárea e menos insumos consumiremos. De feito, nas granxas nin se ensila nin se dá penso. O  silo de herba é considerado un custe moi alto polo rendemento que crea. En Pampas Ltd estamos cunha carga gandeira de 4,2 vacas por hectárea ao principio de lactación e de 3,5 cando secamos. Non se suplementa nada, nin forraxes ni penso. As xovencas vanse para outra granxa onde se levan con 1 mes e tráense cun mes antes do parto, dous anos despois aproximadamente. ¿Que razas empregan e que destacarías das mesmas? As razas máis empregadas son as Kiwicross e as Frisoas Nezelandesas e Jersey. Todo o seme é seleccionado en LIC,  unha cooperativa de máis de 11000 socios e onde contan cun centro de testaxe dos touros e fan o control leiteiro entre outras cousas.
 “As kiwicross son máquinas de transformar herba en sólidos”
En todo caso, a raza máis utilizada, con cerca do 70% da cabana gandeira, é a kiwicross. Estas son vacas de pouco tamaño e peso (con 450 kg xa é unha vaca moi grande) que teñen moi boa mobilidade, cunha capacidade de inxesta de non máis de 17 kg de materia seca, e que destacan polas boas patas, pola alta fertilidade, empreñan fácil e tamén pairen sen problemas, e porque producen leite con altos sólidos. As kiwicross son máquinas de transformar herba en sólidos. En canto á frisoa neozelandesa, xa é unha vaca máis grande e máis lenta, cun peso de 550kg, e dá algo máis de leite pero menos sólidos que a kiwicross e dá algo máis de problemas nestes sistemas extensivos, polo que cada vez é menos utilizada en Nova Zelandia. O numero de partos por vaca é baixo, uns 3,5, e descártanse moitos animais por problemas de patas, así como os animais vellos, lentos andando ou muxindo ou por non empreñar. Os animais ineficientes vanse eliminando segundo se  vai reducindo o pasto. A produción media de leite por vaca e lactación anda cerca dos 5000 litros de leite, con 400 kg de sólidos por vaca. A xente di que o sistema extensivo dá máis calidade de vida ás vacas, e pola contra duran máis, pero iso merecería un debate sobre que sistema dá máis benestar ás vacas. ¿É un factor limitante o acceso á terra en Nova Zelandia? A terra sempre é un factor limitante, e neste país máis porque gandeiros, agricultores e viticultores compiten entre eles por acceder a base territorial. Pero os mellores posicionados son os gandeiros, porque ti cando tes unha finca de 500 hectáreas para facer pasto é moi difícil medrar debido ás características técnicas, pois as vacas poden camiñar un número limitado de km ao día. Os prezos da terra arable móvense cerca dos 50000 $ Nz por hectárea,  pero  depende en que sitio e se é con regadío ou sen el. Normalmente as operacións de compra ou de aluguer son de granxas enteiras ou propiedades. Un elemento importante é que a terra neste país non se pode dividir, leva así desde que chegaron os primeiros colonos británicos. ¿Que cambios está habendo neste momento no sector? Está habendo un cambio onde se están consolidando aqueles empresarios gandeiros, xente nova con alta capacidade de xestión, que manexan as súas empresas de produción de leite con custes cada vez máis baixos, con  baixo nivel de endebedamento e cunha alta produción de sólidos por hectárea, porque saben que é a única maneira de manexar a volatilidade dos prezos. ¿Como manexan as pradeiras os gandeiros neozelandeses? As especies que se sementan en pradeiras normalmente dependen das zonas, pero sole ser unha mestura entre raygrases ingleses  nas súas variedades de tetraploides ou diploides, onde poden ser moi precoces ata moi serodias. Sempre se toma como testemuño o Nui como valor cero. Así, se unha variedade espiga 21 días antes que o Nui é considerada  moi precoz, e se tarda  22 días despois é considerada tardía. Tamén sementan na mestura trevos brancos de folla ancha mediana ou pequena, e trevos vermellos. Na mestura tamén inclúen festucas e Kikuyo -un raygrás tropical- e tamén Cocksfoot, coñecido en Galicia como a pata de galiña.
“As pradeiras chegan a producir 17 toneladas de  materia seca por hectárea e cunha calidade superior a 1,06 UFL”
As ganderías que fan un bo manexo do pasto e con regadío están sempre por encima das 17 toneladas de  materia seca por hectárea e cunha calidade superior a 1,06 UFL. O solo ten unha capa de 15 centímetros e a veces menos de cobertura vexetal ou arable. Son solos de textura moi areosa, con moi pouca materia orgánica e por debaixo hai pedra e cantos rodados. O PH esta sempre entorno ao 6. Faise un solo abonado de fósforo e potasa ao ano. As doses son moi variables por finca, sempre dependendo das  analíticas de terra e do que permita a lexislación.  No tema  do nitróxeno estamos limitados  a 220 unidades de nitróxeno por hectárea ao ano.  O ideal é que o pasto teña entre 1 e 1,5 kilo de N ao dia para o crecemento da herba. A pradeira renóvase unicamente cando non rende as toneladas esperadas. Pola contra, ¿En que aspectos consideras que habería que mellorar ou que feblezas detectas no sector en Nova Zelandia? Todo é mellorable pero para min a prioridade máis importante é que cun mellor manexo dos animais dariamos mellorado a cantidade de sólidos producidos por vaca e incluso a súa vida produtiva. Creo que se centran moito no pasto e a vaca déixana un pouco de lado, ¿Cales son as principais preocupacións dos gandeiros neozelandeses neste momento? As preocupacións máis grandes dun gandeiro son os efectos que crean sobre o medio ambiente e a preocupación de como son producidos os seus produtos. Tamén teñen temor polas tecnoloxías disruptivas (leites de soia,  coco, avea, iogures sen leite, etc) e preocúpalles a falta de man de obra, de forma que cada vez máis teñen que recorrer a xente doutros países. ¿Son atractivas as condicións laborais en canto a salario e horarios? Os salarios son moi competitivos e as condicións son moi boas. O salario básico está nos 1800 € ao mes para persoal en proceso de entrenamento. Os soldos dos managers son moi altos, dependen da produtividade, pero como mínimo están nos 4800 euros, fóra de impostos. Os salarios son altos, pero a exixencia tamén é moi elevada. ¿Está entrando a robótica con forza no sector, tamén no muxido? Sempre é atractivo para o gandeiro o muxido robotizado, como non, pois a priori pensa nas múltiples vantaxes do robot. O problema é que de momento non hai robots que traian as vacas do pasto ao robot de muxido. Pero si que algún estase instalando, de feito aquí ao lado hai unha granxa que ten 24 robots. Pero a opción que máis está gustando son as salas rotativas robotizadas.

Así é a granxa na que traballa Fernando:

¿Quen lle ofrece asesoramento aos gandeiros? Cada granxa pode ter consultores ou servizos veterinarios privados. Pero normalmente varias granxas contratan en conxunto especialistas en determinadas áreas  para que lles axuden a ser  máis produtivas e só traballan para esas granxas.
“O asesoramento das granxas é independente, faino Dairy Nz, e é pagado polos gandeiros”
Pero o asesoramento normalmente procede de Dairy Nz, unha organización independente sen fins de lucro e sen intereses comerciais, que está dedicada a investigar e desarrollar ferramentas de extensión. Esta organización  está financiada polas granxas con 0.036$ NZ por kilo de sólidos vendidos. Fan actividades como centros de discusión de grupos de granxas ou dan clases para os empregados que traballan nas granxas, ou ofrecen masters xunto a Universidade de Hamilton. É todo un circulo aprendizaxe continua. ¿Hai relevo xeracional nas ganderías? Non porque aquí comprar e vender granxas ou arrendalas é cousa normal. Os que se dedican a producir leite normalmente son particulares ou empresas que compran as propiedades ou as alugan e poñen a traballar a outras persoas. Cada vez hai menos tradición de ser gandeiro e o que hai máis son propietarios duns determinados recursos que son explotados total ou parcialmente por outra persoa ou empresa mediante un contrato. A isto chámaselle Sharemilker ou tamén Contractmilker.
“A percepción da sociedade neozelandesa é que sen sector lácteo non hai país”
A percepción da sociedade é que sen sector lácteo non hai país, porque crea riqueza económica, paisaxística, cultural,  medioambiental, e turística. Saben que os seus produtos son vendidos no mundo enteiro coa percepción de que proveñen dun medio ambiente limpo e verde, 100% pure New Zeland Coa perspectiva que che da ter traballado en ganderías de vacún de leite de varios países ¿Como ves a situación do sector lácteo galego? ¿Como podemos ser competitivos? Primeiro dicir que os gandeiros galegos e a xente que traballan con eles son realmente os meus ídolos, porque o que ocorre en Galicia se  pasa noutro lado non había sector, estou totalmente seguro. A única vantaxe e a máis importante que teñen neste mercado tan agresivo e competitivo é a súa tenacidade e actitude por mellorar. Son os mellores con diferencia.
“Os gandeiros galegos como gandeiros son supercompetitivos, cos recursos que teñen fan cousas incribles”
Os gandeiros galegos como gandeiros son supercompetitivos, cos recursos que teñen fan cousas incribles. Os que son uns incompetentes e ineficientes son a administración, con políticas nulas e sen ideas para mellorar o sector lácteo. Os segundos culpables son os sindicatos que levan influíndo no sector para sacar o seu beneficio e nunca o dos gandeiros.  En terceiro lugar coloco as cooperativas que seguen sendo os niños dos novos caciques que agora se agrupan para facer oligopolios de venda de penso, pero non pensan en mellorar as políticas de  vendas, de creación de novos produtos e na busca de novos mercados.
“O problema real do sector galego é que non hai un plan estratéxico”
En cuarto lugar está a industria que está no seu paraíso: manexan 7millóns de toneladas de leite en toda España sabendo que se consumen 9 millóns de toneladas e, claro, chégalles con metela nun brick e xa ganan suficiente. O real problema do sector é que non hai un plan estratéxico que una as diferentes partes do sector e se vaia nunha dirección.  Suiza teno,  Irlanda, Holanda, Alemania,  Canada, USA, Italia, Reino Unido, Arabia Saudi, Nova Zelanda....etc téñeno. A mellor ferramenta para ser máis eficiente é saber que tes apoio e que o teu leite vai ser vendido no mercado con produtos de alto valor engadido. Se isto non vai unido aos resultados técnicos dunha explotación, as granxas acabarán por iren desaparecendo, pouco a pouco. Por moi bo granxeiro que sexas, porque estes países que nomeei van a por todas e sen piedade. Mirade pa Irlanda por exemplo. ¿Que plans tes para os próximos anos a nivel laboral? Intentar aprender o máximo posible deste sector. O futuro e o que pasará non o sei. ¿Algo máis que queiras engadir? Só dicir que o sector lácteo en Nova Zelanda é un conxunto de chanzos moi ben unidos para lograr un obxectivo común, non solo para o sector, senón para toda a sociedade neozelandesa. FONTERRA non solo vende produtos lácteos, senón que vende sensacións: sustentabilidade, medio ambiente, paisaxes, vacas felices...etc. É unha marca recoñecida mundialmente, fan marca, fan país, diferéncianse.

O vacún de leite de Nova Zelandia en fotos: