Archives

Recomendacións para o control da nosemose, unha enfermidade en expansión nas colmeas

A nosemose é, xunto á varroa e a loque, a enfermidade máis importante e por culpa da cal morren máis colmeas. Mentres que a varroa afecta tanto á cría como ás abellas adultas, a loque á cría, o nosema só afecta ás abellas adultas. Neste sentido, Ester Ordóñez Dios, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia, impartiu recentemente unha charla sobre como controlar a nosemose, dentro dunha xornada técnica organizada pola Asociación Apícola Ourensá. O “nosema apis” é un parasito do tracto dixestivo das abellas adultas. É unha enfermidade moi contaxiosa e que se presenta en dúas formas: -Nosema aguda: provoca diarrea. É a que coñecemos de sempre. -Nosema crónica: non presenta diarrea, senón síntomas inespecíficos. Trátase dun nosema da Apis cerana que no ano 2005 tamén se detectou en Apis mellifera e dende entón está en expansión.

Síntomas:

Imos centrarnos máis nesta última, posto que é a máis problemática. Síntomas: Son síntomas inespecíficos, como xa dixemos: -Colmeas que non avanzan en primavera e onde as raíñas cambian continuamente. -Primeiro afecta ás abellas adultas e logo a todo o resto. As abellas non dixiren ben nin o mel nin o pole. Moitas delas morren fóra da colmea, isto fano por perpetuación da especie, pois debido á falta de pecoreadoras as abellas aínda que non chegan aos 21 días para ser pecoreadoras toman as tarefas das mesmas, para suplir a carencia. Prodúcese unha desorganización e finalmente incluso o colapso da colmea co tempo. -Pódense ver abellas con abdome máis reducido. -Cando a enfermidade está moi avanzada queda a raíña só cun pequeno grupo de abellas. -As feces das abellas parasitadas contaminan ao resto do enxame. Ao igual que no loque, non está autorizado o uso de antibióticos.

Ciclo do nosema:

Últimos avances sobre o nosema apis:

As conclusións do Workshop Nosema do Grupo Coloss (Prevention of honerybee Colony LOSSes) son que: -A enfermidade causada polo Nosema ceranae non é similar á causada polo Nosema apis. Por tanto, proponse diferencialas identificando á primeira como Nosemose Tipo A, máis fácil de detectar polas dexeccións na piqueira, da segunda, a Nosemose Tipo C, posto que non as ten. Esta última detéctase por probas en laboratorio. -A Nosema apis só se dá en outono e primavera, mentres que a Nosema ceranae ou crónica rexístrase todo o ano e resiste maiores temperaturas. Ademais, desta última pode haber reinfestacións en menos de 6 meses. -Para o control xogan un papel moi importante o manexo das colmeas, a renovación dos cadros e das raíñas. -Tratamento da Nosema ceranae é de manexo e só hai posibilidades con produtos “naturais”, que serían complementos alimenticios, hai varios no mercado. Claves: -Bo manexo das colmeas. -Limpeza e desinfección. -Unha correcta alimentación, con suficiente pole e néctar e unha fonte de auga.

Tratamentos:

Existen múltiples no mercado (Apiherb, Nosemaz, Vitafeed Gold, Nosevit, Nosestat, Hive Alive...etc). O Hive Alive, elaborado en Irlanda con extracto de alga mariña, timol e citronela, é o único que ten estudos científicos que avalan que mata a espora do nosema e serve tamén contra as viroses. Ademais, estimula a posta das raíñas. Polo demais, é clave incidir nas medidas de limpeza e desinfección das colmeas, en que estean ventiladas e separadas do chan. Tamén hai que lembrar a importancia de desinfectar os asentamentos e no caso de proporcionarlle alimentación suplementaria, que non conteña celulosa. Por último, sinalar que en Italia estase investigando o uso do ácido oxálico contra a nosema e que o néctar de castiñeiro tamén parece provocar unha baixada nas esporas de nosema.