Archives

Recomendacións para o tratamento da mosca da nogueira

A mosca da nogueira (Rhagoletis completa) é unha praga de recente aparición en Galicia e que provoca importantes perdas na producción de noces. Como xa informou Campo Galego, os técnicos da Consellería de Medio Rural detectaron este ano unha ampla presenza deste insecto orixinario de Estados Unidos e México. En concreto, as trampas colocadas confirmaron o pasado mes de xullo a extensión da mosca da nogueira nas provincias da Coruña e de Lugo. En canto aos tratamentos, Francisco Otero, presidente da Asociación de Fruticultores de Galicia (AFRUGAL), asegura que se poden realizar de tres maneiras: -Tipo cebo: Colocar na nogueira trampas con insecticida que levan acoplado un cebo alimenticio, pois co cebo demóstrase que melloran as capturas de exemplares de mosca da nogueira. Canto maior sexa a altura á que se coloquen maior será o número de capturas. Sempre se deben orientar as trampas cara o sur. O cebo alimenticio é unha proteína hidrolizada para atraer aos adultos. Tanto o insecticida como a proteína pódense adquirir nun establecemento de fitosanitarios ou por internet. A colocación destas trampas tipo cebo debe facerse dende comezos de xullo, ao inicio do voo da mosca da nogueira, e manterse ate a recolección. -Tratamentos xeneralizados a toda a árbore: En función da evolución do voo, aplicando un insecticida ovo-larvicida. En canto aos insecticidas, dende AFRUGAL aconsellan empregar os seguintes: En agricultura ecolóxica: Spinosad. En producción integrada: Piretrinas sintéticas, como deltametrina, Lambda-cihalotrin, ... -Unha medida cultural moi últil é traballar a terra baixo a copa das nogueiras para eliminar as formas invernantes (pupas) desta mosca. Consistiría nun pase superficial (grade ou rotovator) a un máximo de 10 centímetros de profundidade para desenterrar as pupas deste insecto que están enterradas. Debe realizarse entre os meses de novembro e abril, de forma que ao expor as pupas ao frío estas morren.

Obradoiros sobre técnicas forestais de poda en piñeiros e frondosas caducifolias

A Asociación Forestal de Galicia está a iniciar o seu programa de formación anual, dirixido tanto a propietarios forestais particulares como a comunidades de montes ou público interesado na materia. Este mércores 19 de agosto desenvolverase en Cedeira un obradoiro sobre técnicas forestais de poda, que terá outra edición no Corgo (Lugo) o 26 de agosto. Con anterioridade, xa houbo outro en Boqueixón (A Coruña) a inicios de mes. As actividades formativas, que contan cunha parte teórica e outra práctica, realizaranse integramente ó aire libre, en parcelas forestais. O obxectivo é que as persoas participantes adquiran os coñecementos precisos para a produción de madeira de alta calidade. O taller abordará tanto a poda en piñeiros como en frondosas caducifolias (castiñeiro, carballo, cerdeira, etc.). Explicaranse os fundamentos e características da poda forestal e presentaranse os equipos e ferramentas de poda, cos que as persoas participantes poderán facer prácticas. A asistencia é gratuíta pero requírese inscrición previa nos teléfonos 981 564 011, 981 569 140, 618 752 214 ou no enderezo afg@asociacionforestal.org. Os grupos serán reducidos.

Confirman a presenza e a expanxión en Galicia da nova praga da mosca da nogueira

Os técnicos da Consellería de Medio Rural confirman a presenza e expansión en Galicia da mosca da nogueira (Rhagoletis completa), unha nova praga procedente de Estados Unidos e México. Despois de detectar o pasado mes síntomas de danos nas noces compatibles coa presenza deste insecto, técnicos da Consellería de Medio Rural colocaron a comezos de xullo trampas de captura cinco comarcas con presencia relevante de nogueiras das provincias da Coruña e Lugo. Estas trampas cromáticas de cor amarela ubícanse a dúas alturas distintas, 2 e 4 metros (a máis altura, máis capturas), sempre orientadas ao sur e cun cebo alimenticio. A semana pasada capturáronse nas trampas as primeiras moscas, que foron levadas ao Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia, para confirmar a súa presenza, obtendo un resultado positivo a mosca da nogueira (Rhagoletis completa). “A día de hoxe, seguen a capturarse moscas da nogueira en gran cantidade nas trampas de Bergondo, Cambre, Carral e Sada (A Coruña), así como Guntín na provincia de Lugo”, informan os técnicos. A mosca da nogueira pasou a Europa de forma accidental na década de 1980. Os adultos teñen un tamaño variable de entre 4 e 8 mm. Ten unha única xeneración anual. Os adultos emerxen do chan dende primeiros de xullo ata fináis de agosto cunha vida útil de 40 días. Pasa o inverno en forma de pupa enterrada no chan a pouca profundidade. Ás dúas ou tres semanas, as femias xa fertilizadas comenzan a posta de ovos na cáscara da noz. O desenrolo larvario dura entre 3 e 5 semanas. Despois, a larva cae ao chan ou caen coa froita enterrándose para pupar. Larvas de mosca da nogueira (Rhagoletis completa)

Posible aparición dunha nova praga en Galicia: A mosca da nogueira

Segundo o informe fitosanitario semanal da Consellería do Medio Rural, téñense detectado danos nos froitos da nogueira que posiblemente sexan causados pola mosca da nogueira (Rhagoletis completa), un insecto orixinario de Estados Unidos e México que de forma accidental pasou a Europa na década de 1980. Por este motivo, procederase á instalación de trampas de captura para verificar se se trata deste díptero. “Levamos certo tempo observando síntomas que nos fan pensar nun ataque debido á mosca da nogueira. Por eso, imos dispoñer de trampas de feromonas para tratar de capturala nas zonas con certa relevancia no cultivo da nogueira”, apuntan os técnicos da Xunta. Trátase dun díptero, cuxos adultos teñen un tamaño variable de entre 4 e 8 mm. Ten unha única xeneración anual. Os adultos emerxen do chan dende primeiros de xullo ata fináis de agosto cunha vida útil de 40 días. Pasa o inverno en forma de pupa enterrada no chan a pouca profundidade. Ás dúas ou tres semanas, as femias xa fertilizadas comenzan a posta de ovos na cáscara da noz. O desenrolo larvario dura entre 3 e 5 semanas. Despois, a larva cae ao chan ou caen coa froita enterrándose para pupar. Larvas de mosca da nogueira (Rhagoletis completa)