Archives

Beneficiarios das axudas da Xunta para fomentar a agricultura de precisión e a economía circular

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución mediante a cal se destinan 8,7 millóns de euros ao fomento da agricultura de precisión e a economía circular no sector agrario. Do orzamento total, que permitiu beneficiar a 92 entidades, 6,5 millóns de euros correspóndense coa liña para agricultura de precisión -53 beneficiarios- e os outros 2,2 son para a xestión de estercos -39 beneficiarios-. En canto aos investimentos subvencionables, no apartado de agricultura de precisión, apóianse con ata o 40% os investimentos en agricultura e gandaría de precisión e en tecnoloxías 4.0,, principalmene robots de muxido e sistemas de aplicación do xurro con inxectores. Na liña de xestión de estercos poden financiarse investimentos en sistemas de xestión de xurros e estercos nas explotacións gandeiras, fundamentalmente cubertas das fosas de xurro, cunha intensidade da axuda de ata o 50%. Os investimentos que poden recibir subvención abranguen fundamentalmente a obra civil, as instalacións e equipamentos fixos, a maquinaria e a dixitalización; mentres as porcentaxes subvencionables variarán entre o 40% e o 85% do proxecto. Estas achegas están financiadas con Fondos Next Generation que derivan do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia promovido polo Goberno central e son resultado do instrumento de recuperación temporal habilitado pola Unión Europea para reducir as consecuencias da crise sanitaria pola covid-19.

Consulta aquí a lista de beneficiarios:

Agricultura de precisión

Economía circular

“Instalar paneis solares nunha gandería de leite pode aforrar entre o 45 e o 60% da factura da luz”

A factura da luz segue a ser un dos gastos fixos máis importantes nas explotacións leiteiras.  Ao incremento do prezo da enerxía engádese un maior consumo, a medida que as ganderías aumentan o seu tamaño e automatizan procesos como o muxido ou a alimentación do gando.

Neste contexto, a instalación de paneis fotovoltaicos é unha boa opción. Permite ás granxas producir unha parte da electricidade que consumen, reducindo o custo mensual e gañando en autosuficiencia de cara a futuras alzas de prezos.

Analizamos coa axuda da empresa Ecogal Renovables, algunhas das vantaxes deste tipo de investimentos nas explotacións, as diferenzas entre muxir en sala ou en robot á hora de consumir a enerxía producida e o uso de ferramentas como as baterías virtuais para optimizar o aproveitamento dos quilowatios xerados ao longo do día.  

10 anos de experiencia e instalacións en 500 granxas

Ecogal é unha empresa galega especializada en enerxías renovables, autoconsumo eléctrico e eficiencia enerxética que leva desde o ano 2012 instalando paneis solares tanto en vivendas como en naves industriais e explotacións agrogandeiras.

Os paneis solares instalados por Ecogal teñen 25 anos de garantía de produción, coa man de obra de substitución incluída na garantía

Coa garantía que dá traballar coas mellores marcas a nivel internacional, Ecogal é unha das empresas que máis instalacións fotovoltaicas leva feito na comunidade, con máis de 500 granxas tanto de vacún de leite como do sector porcino e avícola, aínda que as explotacións leiteiras concentran o 80% das instalacións, explica Manuel Varela, socio de Ecogal.  

No caso dunha gandería de leite, “unha instalación media en Galicia pode rondar os 15-20 kw/h para 100 vacas en muxidura”, conta. O custo total, sen subvención, situaríase entre os 15.000 e os 20.000 euros e “permitiría aforrar entre o 45 e o 60% da factura da luz da granxa, dependendo de onde estea situada”.

O custo sen subvención para unha explotación de 100 vacas en muxidura, con 20 kw de potencia contratada e un consumo de 42.000 kw/h/ano sería duns 20.000€

O número de paneis a instalar dependerá de factores como o número de animais ou o volume de consumo eléctrico da granxa. “O primeiro que facemos é unha análise dos consumos da granxa para compaxinar a curva de carga da explotación coa curva de produción da instalación fotovoltaica”, explica Manuel. A potencia que ten contratada a gandería tamén limita a instalación, xa que legalmente non é posible instalar unha potencia superior á potencia máxima admisible, que vén marcada no boletín eléctrico que ten a explotación.

Compensación de excedentes

Axustar a produción de enerxía ao consumo real da granxa permite sacar o máximo partido ao investimento realizado. Pero nas ganderías de leite danse picos de consumo en momentos concretos do día, que coinciden coa muxidura e o enfriamento do leite, que desequilibran esa balanza.

Para poder aproveitar a enerxía producida e non consumida en horas de menor demanda, existen distintas posibilidades. “Hoxe hai medios para aproveitar ao máximo a enerxía que produce a instalación ao longo do día, como pode ser a través da compensación de excedentes”, explica Manuel.

Non estamos con ningunha empresa comercializadora porque pensamos que non é compatible con prestar un servizo independente aos nosos clientes

Consiste en que a granxa verte á rede a enerxía xerada, que é mercada pola compañía eléctrica e descontada da subministrada. “No modelo normal de autoconsumo o habitual é que o que che sobra do mes cho compensen nese mes, pero xa hai máis de 50 compañías que che gardan os excedentes dun mes para poder gastalo o resto do ano”, detalla.

Estas opcións, coñecidas como baterías virtuais, permiten que os excedentes dos meses de máis produción se garden por exemplo para o inverno, cando o menor número de horas de sol fai caer tamén a xeración de enerxía lograda.  

Cunha boa compensación de excedentes é posible cubrir as muxiduras da mañá e a tarde coa enerxía producida ao mediodía

“Non estamos con ningunha empresa comercializadora porque pensamos que non é compatible con prestar un servizo independente aos nosos clientes, pero cunha boa compensación de excedentes é posible cubrir as muxiduras da mañá e a tarde coa enerxía producida ao mediodía”, asegura Manuel.

Colocación de baterías

A curto prazo, a colocación de baterías como complemento aos paneis fotovoltaicos converterase en imprescindible, opinan desde Ecogal. “A potencia que se está instalando en España está a ser moita e iso está a saturar a rede polo día e a provocar unha demanda brutal pola noite. Para compensar xeración e consumo as baterías son unha boa opción”, explica Manuel Varela.

“Estamos instalando moitísimas baterías físicas, que tamén están subvencionadas”, aclara. “Nunha explotación con 20 kw de potencia habería que poñer 60 kw de acumulación. O custo desa batería é duns 30.000 euros”, conta.  

As baterías, tanto físicas como virtuais, son un complemento indispensable para optimizar a rendibilidade da instalación

“As baterías físicas, acompañadas de baterías virtuais, permiten optimizar a rendibilidade da instalación. Son unha boa combinación, porque as baterías físicas acumulan polo día para descargar pola noite e se sobra enerxía acumúlase na batería virtual”, indica, polo que este sistema permite ás granxas rendibilizar os excedentes.

Peculiaridades das granxas con robot de muxido

As granxas de leite cada vez están máis tecnificadas: robots de muxido, robots para arrimar a comida, robots de alimentación. Esa mecanización e automatización dos traballos leva a un aumento do consumo eléctrico nas explotacións, que é posible compensar coa colocación de paneis fotovoltaicos.

A robotización das granxas leva a un aumento do consumo eléctrico

Dependendo do modelo, o consumo pode situarse entre 3 e 5 kw/hora por robot, o que equivale a  70-110 kw/hora ao día. “Os máis novos son moito máis eficientes, e reducen entre un 30 e un 50% o consumo con respecto aos modelos máis antigos”, explica Manuel.

“O consumo eléctrico no robot é máis alto que nunha sala, pero o que fai o robot é un autoconsumo instantáneo máis directo, e loxicamente o aforro é maior que mediante a acumulación, porque perdes un 20-25% de peaxe na compensación virtual, xa que as compañías eléctricas cobran a 13 céntimos a enerxía consumida e compensan a 11 céntimos a xerada”, detalla.

O robot fai un uso máis directo da enerxía producida, polo que se evitan as peaxes da compensación virtual

Con ratios de 58-62 vacas por cabina, os robots teñen consumos practicamente continuos durante todo o día, “porque ese robot vai estar parado só unha ou dúas horas fronte a 22 horas de consumo”, indica.

No caso de explotacións con robots de muxido, en Ecogal aconsellan facer uso de baterías físicas e virtuais, así como contar cun sistema de alimentación alternativo para maior seguridade, evitando deste xeito que o robot poida quedar parado por unha caída na liña.

Subvencións até o 31 de decembro

O equipo técnico de Ecogal encárgase de toda a tramitación das axudas e da instalación dos paneis fotovoltaicos

Neste momento están dispoñibles subvencións para a instalación de enerxías renovables nas explotacións agrogandeiras. Trátase de fondos europeos Next Generation que xestionan as comunidades autónomas (no caso de Galicia a través do INEGA) e que se poden pedir até o 31 de decembro.

Facemos instalacións chave en man, nas que acompañamos aos nosos clientes en todos os trámites

“Hai axudas importantes, é unha mágoa que as ganderías non as aproveiten porque as reducións na factura son importantes”, destacan na empresa Ecogal, que facilitan aos gandeiros todo o proceso. “Facemos instalacións chave en man. Acompañamos aos nosos clientes en todos os trámites e papeleos, tanto das autorizacións e permisos como das subvencións”, asegura Manuel.

A subvención é do 35% e pode chegar ao 50% para instalacións de menos de 10kw/h en concellos de menos de 5.000 habitantes

En función do tipo de instalación e do lugar onde estea ubicada a granxa as porcentaxes de axuda varían entre o 35 e o 50%. “Instalacións de menos de 10 kw teñen máis axuda e en concellos de menos de 5.000 habitantes teñen un aumento da contía da subvención dun 5% adicional sobre o custo elixible, que é de 1.188 euros por kw en instalacións de menos de 10 kw e de 910 euros en instalacións de 10 a 100 kw”, detalla.

ECOGAL

  • Teléfono: 982 603 270
  • Email: administracion@ecogal.es
  • Web: www.ecogal.es

Maricarmen Barreiro Irimia (Gandería O Campo): “Puxemos os paneis solares pensando sobre todo na posibilidade de poñer robots de muxido nun futuro”

Vista aérea da gandería O Campo, no concello de Castro de Rei, cos paneis fotovoltaicos instalados no teito

Maricarmen Barreiro Irimia está á fronte da Gandería O Campo, ubicada na parroquia de Viladonga, no concello lugués de Castro de Rei. Están muxindo a día de hoxe 180 vacas, pero non descartan seguir medrando cando o seu fillo Aarón se incorpore, dentro dun par de anos.  

Esta explotación investiu nos últimos anos na ampliación e modernización do establo e na incorporación de tecnoloxía para facer máis doado o traballo diario, como unha amamantadora para as becerras ou un arrimador da ración para as vacas en produción.

Pero todas esas melloras levaron aparellado un aumento do consumo de luz, que se converteu nun gasto fixo importante cada mes, con facturas próximas aos 2.000 euros.

Investimos 50.000€ e recibimos unha subvención polo 50% do importe

Para tratar de rebaixar esa cifra, optaron por instalar paneis fotovoltaicos nos teitos da nave principal. “Puxémolos hai dous anos, para intentar aforrar no custo enerxético da granxa. Naquel momento estaba a luz carísima, aínda segue hoxe, pero daquela aínda estaba máis”, lembra Maricarmen.

A instalación é de 63 kw/h, pensada para cubrir case o 100% do consumo da explotación, uns 80.000 kw/hora/ano. O custo total da instalación foi de 50.000€ e recibiron unha subvención do 50% do INEGA, polo que o investimento final ao que tivo que facer fronte esta gandería foi de 25.000€. 

“Paréceme un complemento imprescindible de cara aos robots”

Foi un investimento que fixeron pensando no presente, pero tamén no futuro da granxa. “Puxemos os paneis fotovoltaicos pensando sobre todo na posibilidade de poñer robots de muxido nun futuro”, explica.

“Neste momento as horas de muxir coincídennos de noite, porque muximos ás 6 da mañá e ás 6 da tarde, polo que non estamos usando a enerxía que xeran os paneis solares nin para muxir nin para enfriar o leite, que é cando temos os maiores picos de consumo. Por iso neste momento estámoslles sacando menos rendemento ca nos meses da primavera ou o verán, cando hai máis horas de luz”, indica.

Estamos mirando como aproveitar mellor a enerxía que producimos, porque neste tempo as horas de muxir, tanto pola mañá como pola tarde, coincídennos de noite

Para aproveitar mellor a enerxía que producen nas horas centrais do día, están a mirar distintas opcións para poder empregala nos momentos de maior consumo. “Levamos pouco tempo vertendo á rede e estamos mirando para vender os excedentes vía compensación, é dicir, por medio dunha batería virtual, ou ben colocar baterías físicas para facer uso da enerxía xerada durante o día nas horas nas que muximos”, explica.

A recente aprobación dunha normativa europea que regula a Autorización de Explotación vai facilitarlles a obtención dos permisos, xa que a partir de agora no prazo máximo dun mes, por silencio administrativo positivo, as instalacións fotovoltaicas cunha potencia superior aos 15 kw lograrán directamente a autorización, un trámite que antes moitas veces se retrasaba ou mesmo encallaba nalgunhas ocasións.

Comeza o proxecto ‘Ourense Rural é Vida’ para xerar oportunidades na Galicia interior

As pequenas localidades galegas necesitan de medidas que as equiparen ás vilas e cidades dentro do posible. A partir desta idea nacen proxectos en Galicia deseñados para dinamizar o rural galego buscando frear o seu baleirado. Desta maneira, iniciativas como Ourense Rural é Vida pretenden dar un novo paso de cara a ofrecer novas oportunidades en lugares menos habitados. Ourense Rural é Vida comeza a súa actividade co reto de transformar as pequenas localidades da provincia ourensá en territorios prósperos, innovadores e sostibles, que ofrecen oportunidades e calidade de vida para as xeracións presentes e futuras. Esta xoves 28 celébrase unha xornada virtual dirixida aos concellos participantes, na que se presentarán as principais liñas de actuación. A necesidade de frear o despoboamento levou a 27 municipios a unir forzas en torno a este proxecto colaborativo, baseado na posta en marcha dun Hub de Innovación e Sostibilidade que potencie o emprendemento, o teletraballo e os novos servizos, para o que conta cunha oficina central en San Xoán de Río, localidade que lidera a iniciativa, e outros 8 espazos nos concellos de Boborás, Larouco, Muíños, Oímbra, Punxín, A Teixeira, Vilariño de Conso e Xunqueira de Espadanedo. O proxecto pretende crear un ecosistema de entidades locais e axentes dinamizadores que aborden a transformación territorial e a perda de poboación dende una dimensión integral, tanto económica como social, medioambiental e de xénero. O equipo técnico responsable ofrecerá servizos de asesoramento, formación mediante o modelo Aulas do Futuro, difusión e xeración de redes de colaboración, detectando oportunidades, acompañando e impulsando proxectos de impacto positivo que conecten o coñecemento, os recursos e o talento existentes dentro e fora do rural ourensán. A maior parte dos municipios implicados sitúanse no noroeste de Ourense e teñen unha poboación inferior aos 5.000 habitantes. Concretamente son: A Arnoia, A Bola, A Teixeira, Boborás, Castro Candelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, Larouco, Leiro, Lobeira, Manzaneda, Montederramo, Muiños, Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Oimbra, Paderne De Allariz, Pontedeva, Porqueira, Punxín, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Xoán de Río, Viana do Bolo, Vilardevós, Vilariño de Conso e Xunqueira de Espadanedo. Ourense Rural é Vida conta co apoio do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico a través dos Fondos Europeos Next Generation, cunha achega total de 148.047 euros baixo a convocatoria de subvencións para o financiamento de proxectos promovidos por entidades locais para a innovación territorial e a reactivación da actividade socioeconómica e a loita contra o despoboamento. Ourense Rural é Vida busca xerar posibilidades de emprego baseadas na tecnoloxía e nos recursos locais, que permitan fixar e atraer nova poboación, poñendo en valor o rico patrimonio bioxeográfico, histórico e cultural do territorio, con especial énfase en proxectos do ámbito agroalimentario e forestal, a economía circular, a eficiencia e autoconsumo enerxéticos, a biodiversidade, as novas tecnoloxías, a saúde e o turismo sostible. Como parte da sostibilidade social do proxecto, traballarase activamente en favor da igualdade de xénero e a inclusión de todos os colectivos locais, fomentando a participación da mocidade e dos grupos menos favorecidos, como eixos clave na construción dun territorio resiliente e sostible que sitúa ás persoas no centro. Organizacións que apoian Ourense Rural é Vida O Hub de Innovación e Sostibilidade está apoiado por 25 organizacións do ámbito empresarial, académico, social e institucional, como a Confederación Empresarial de Ourense, AJE Ourense, Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra, clúster Viratec, Red Internacional ODS España, Universidad de Extremadura, CESUGA, EF Business School, Club Empresarial Nordés, Colexio de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia, Red Mundo Atlántico, Fundación Venancio Salcines e Consorcio de Turismo Ribeira Sacra. A listaxe complétase coas organizacións Amarelante Cooperativa Galega, as asociacións de mulleres Algueirada (Manzaneda), Anel (San Xoán de Río), Arandeira (Pobra de Trives), Mulleres Rurais Santa Isabel (Xunqueira de Espadanedo), Antiguos Alumnos Santa Leonor, Asociación Os Xuncos, Club de Montaña Trives, Ecoyoga Ribeira Sacra, Cholita.gal e Terras da Mariña Cooperativa Galega. Carreira polo Clima e o Desenvolvemento Humano Sostible A xuntanza do 28 de setembro será unha ocasión para promover nos concellos participantes os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas. Farase no marco da Carreira polo Clima e o Desenvolvemento Humano Sostible*, unha iniciativa de concienciación a nivel mundial que dende o ano 2017 aglutina accións por parte de cidadáns, empresas e países. Ademais de reflexionar sobre a necesidade de avanzar no logro dos ODS co horizonte da Axenda 2030 cada vez máis preto, este ano a carreira céntrase na recadación de fondos para o Programa Mundial de Alimentos de Nacións Unidas, a plantación de árbores e o apadriñamento da planta posidonia, que xoga un relevante papel nos ecosistemas acuáticos. *Máis información sobre a carreira: https://correporlosods.com #CorreporlosODS

Concedidos apoios a 279 explotacións agrarias para mellorar a xestión de estercos, enerxía ou agricultura de precisión

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as resolucións da Consellería do Medio Rural sobre os apoios concedidos ó agro no marco do Plan de Recuperación e Transformación (Next Generation), financiado ó 100% con fondos europeos especiais que se habilitaron a raíz da pandemia da Covid 19. En total, son 279 explotacións agrarias as que se benefician, cun investimento total de 23 millóns de euros, segundo os datos que facilita a Consellería en nota de prensa. A convocatoria das axudas, que se lanzara a principios do pasado ano, partía con catro liñas diferenciadas, todas co fin común de mellorar a sostibilidade ambiental e económica das granxas: xestión de estercos, agricultura de precisión, eficiencia enerxética e modernización de invernadoiros. Resumimos a continuación a resolución de cada liña: Mellora da xestión de estercos Un total de 83 ganderías recibirán apoios para mellorar a xestión de estercos. En concreto, as liñas subvencionables orientábanse principalmente a financiar a cubrición de balsas de xurro e a proxectos de separación sólido – líquido dos xurros, compostaxe ou nitrificación – desnitrificación. O obxectivo dos proxectos situábase en reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro ou limitar as escorrentías de nitratos a acuíferos ou cauces fluviais. Agricultura de precisión A liña orientada a agricultura de precisión, as chamadas tecnoloxías 4.0, foi unha das máis concurridas, cun total de 196 explotacións agrarias e empresas beneficiarias. Pódese consultar no DOG a lista de solicitudes aprobadas e denegadas. Eficiencia enerxética Para eficiencia enerxética e instalación de enerxías renovables, aprobáronse un total de 13 proxectos, que se poden consultar na correspondente resolución do DOG. Invernadoiros En canto á liña de modernización e transformación de invernadoiros, houbo só 2 solicitudes e ambas foron denegadas por incumprimentos das bases da convocatoria.

Amplíanse en 17 millóns as axudas da Xunta para fomentar a agricultura de precisión e a economía circular

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe a orde de ampliación das axudas da Consellería do Medio Rural para fomentar a agricultura de precisión, a eficiencia enerxética e a economía circular no sector agrario, cun orzamento de 25,8 millóns de euros. Estas axudas foron convocadas orixinalmente o 2 de maio de 2022, cun presuposto de 7,41 millóns de euros. Á vista das solicitudes recibidas, hoxe publícouse unha ampliación deste orzamento, ata acadar os 25,8 millóns. Esta orde de achegas está financiada con Fondos Next Generation, que derivan do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. En concreto, estas subvencións incidirán na xestión de estercos con 11,57 millóns euros -a partida orixinal era de 4,68-, e na agricultura de precisión con 13,37 millóns -o orzamento anterior era de 1,87-, segundo os presupostos distribuídos na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación do pasado mes de outubro. A cifra destinada aos invernadoiros e eficiencia enerxética mantense igual que na orde previa. Con estas achegas agárdase acadar avances significativos nalgúns ámbitos, como na mellora na xestión de xurros e na eficiencia enerxética das explotacións galegas.

Axudas para cubrir as fosas de purín ou para mercar programas informáticos

No caso das axudas para a xestión de estercos, financiaranse investimentos nas explotacións gandeiras relacionadas coa adaptación ou cubrición das balsas ou depósitos exteriores novos ou existentes que reduzan os gases de efecto invernadoiro (como as fosas de xurro). O obxectivo é mellorar a xestión de xurros e estercos, fundamentalmente dende o punto de vista medioambiental. Canto aos invernadoiros, subvencionaranse investimentos para transformalos integralmente ou para modernizalos mediante, por exemplo, a automatización da ventilación, co gallo de mellorar a competitividade e a sustentabilidade dos cultivos de hortalizas, flor cortada e planta ornamental. Sobre a eficiencia enerxética, sufragaranse investimentos en eficiencia e en fontes renovables como o illamento térmico ou as plantas de biogás, para mellorar a sustentabilidade económica e ambiental mediante a redución do consumo de enerxía allea nas explotacións agrarias. Por último, en relación coa agricultura de precisión, apoiaranse investimentos en agricultura e gandaría de precisión e en tecnoloxías 4.0, como pode ser a adquisición de sementadoras ou de diversos programas informáticos, co obxectivo de mellorar a seguridade alimentaria, a rendibilidade económica e a sustentabilidade ambiental. Estas achegas convócanse en réxime de concorrencia competitiva e os beneficiarios poderán ser, na maioría dos casos, as explotacións agrarias ou as súas entidades asociativas. Os investimentos que poden recibir subvención abranguerán fundamentalmente a obra civil, as instalacións e equipamentos fixos, a maquinaria e a dixitalización; mentres as porcentaxes subvencionables variarán entre o 40% e o 85% do proxecto. Enlace á orde no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221221/AnuncioG0426-151222-0001_gl.html

Xornada informativa sobre as axudas dos fondos Next Generation para o sector agroalimentario

ABANCA celebrará mañá xoves, 16 de xuño, en Santiago de Compostela unha xornada divulgativa sobre as claves que ofrece o PERTE (Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica) agroalimentario para as empresas do sector. O evento abordará as oportunidades para impulsar a modernización, a sostibilidade e a dixitalización da cadea de valor. Para seguila de maneira presencial rógase confirmación de asistencia a través do correo electrónico comunicacion@abanca.com. Para seguila de maneira dixital é necesario realizar inscrición previa: https://abanca.zoom.us/webinar/register/WN_fwFNHfwCQMOocaHlpBUxRA DATA: 16 de xuño de 2022 HORA: 16.30 - 18.00 horas LUGAR: Centro ABANCA Obra Social (Praza de Cervantes, 17), Santiago de Compostela INTERVEÑEN: -Mónica Gondar Álvarez, directora Next Generation ABANCA. Presentación. -César Cantalapiedra López, socio director de finanzas públicas de Analistas Financieros Internacionales (AFI): “Contexto actual do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Cadro de mando e convocatorias 2022”. -Andrés Montero Aparicio, Unidade de Seguimento do PRTR no Gabinete de Presidencia do Goberno: “O sector agroalimentario no contexto do Plan de Recuperación”.

A pasteira portuguesa Altri elixe Palas de Rei para a súa planta de fibras téxtiles

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, valorou hoxe a decisión empresarial de Altri de elixir Palas de Rei como a mellor localización posible para o complexo de fibras téxtiles, o proxecto Next Generation máis importante” da candidatura galega aos fondos europeos. Tras unha reunión co CEO da empresa, José Soares de Pina, Feijóo afirmou que con esta decisión, froito da análise técnica exhaustiva por parte de Altri, dáse un paso fundamental para avanzar neste proxecto, cumpríndose así, ademais, coa solicitude feita de xeito unánime polo Parlamento galego para que a fábrica se asentase na provincia de Lugo. “Estamos a falar dun investimento de algo máis de 800 millóns de euros e da creación de 2.500 empregos directos e indirectos”, precisou, incidindo na enorme importancia desta planta para a Comunidade, ao converterse na única fábrica de fibras téxtiles de España. Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta recordou que se trata dunha nova “desexada e traballada” desde hai moito tempo e fixo fincapé na necesidade de “pechar” este proxecto, sendo non só candidato, senón adxudicatario de fondos europeos. “Necesitamos ao Goberno central para pechar este círculo e apostar pola execución material e eficiente dos fondos, de acordo co regulamento dos mesmos”, abundou. Nesta liña, aseverou que a Administración autonómica, no seu ámbito de competencias, seguirá comprometida e traballando para avanzar en todas as fases do seu desenvolvemento. O titular do Goberno galego concluíu agradecendo a Altri a decisión de investir en Galicia, cun proxecto co que a Comunidade aspira a sumar o 3% da produción mundial de fibra sostible. Este proxecto, que forma parte do Polo para a Transformación de Galicia, foi impulsado pola Xunta de Galicia coa axuda da Sociedade Impulsa, mecanismo público-privado participado pola propia Administración autonómica (40%), Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%). Esta sociedade encárgase de acelerar a maduración de novos proxectos empresariais tractores, como é o caso desta fábrica de fibras téxtiles, que contribúan a xerar actividade económica e cadeas de valor das que poidan saír beneficiadas especialmente as pequenas e medianas empresas galegas.

Por qué Altri elixiu Palas de Rei?

Segundo Altri, a escolla da localización en Palas de Rei, estratexicamente localizada no centro xeográfico da Galiza, “obedeceu a estritos criterios técnicos, nomeadamente ambientais, hídricos, orográficos, proximidade do bosque e acceso a vías de comunicación”. A biofábrica pode ocupar unha área superior a 200 hectáreas, tendo a Altri xa garantido acceso aos terreos necesarios para a súa implementação. Altri prevé que esta planta poda ter capacidade para producir anualmente cerca de 200.000 toneladas de fibras téxtiles de base celulósica, arrancando inicialmente coa produción de aproximadamente 60 mil toneladas de lyocell. Esta biounidade industrial estaría capacitada para fornecer o cluster téxtil do noroeste peninsular, nomeadamente a INDITEX, contribuíndo para o reforzo da economía circular e descarbonização dun importante sector económico como é o do sector téxtil.

Que condicións terán as axudas Next Generation para a industria agroalimentaria?

‘PERTE agroalimentario: mecanismo vertebrador e tractor do impulso á transformación sectorial’ foi o título da sesión dixital organizada pola Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, na cal se abordaron as primeiras condicións deste programa de axudas europeas dotadas con máis de 1.000 millón de euros nas que está traballando o Goberno central. O eixo 1 do PERTE, aquel destinado ao fortalecemento industrial do sector agroalimentario, sen incluír a produtores nin distribución, contará con 400 millóns de euros de orzamento. Ramon Herrero, subdirector xeral de Áreas e Programas Estratéxicos do Ministerio de Industria, anunciou as primeiras condicións da convocatoria como, por exemplo, que será un requisito para optar a estas axudas que as empresas se presenten como agrupacións sen personalidade xurídica propia que teñan establecido con anterioridade un acordo de agrupación. Ramón Herrero na súa intervención na xornada en liña sobre o Perte agroalimentario O responsable estatal recomendou ás compañías que “mentres o Ministerio está redactando as bases deste programa, algo que se prolongará durante todo o primeiro semestre do ano, vaian pensando en coalicións para optar a estas subvencións e préstamos”. As empresas galegas contarán coa axuda da Oficina Técnica, unha entidade impulsada polo Clúster Alimentario de Galicia e a Xunta de Galicia para mobilizar proxectos tractores que opten a estes fondos europeos, ao Plan estatal de Recuperación, Transformación e Resiliencia e, en concreto, ao PERTE agroalimentario, co obxectivo de armar unha proposta galega conxunta. Roberto Alonso, xerente de Clusaga, sinalou que “estamos ante unha oportunidade única para apoiar a transición dixital e ecolóxica” para que o sector siga sendo competitivo no mercado global. Igualmente, fixo fincapé en que o sector alimentario en Galicia xera un valor engadido bruto anual de máis de 4.000 millóns de euros, o 7,2% do PIB e máis de 100.000 postos de traballo, un 9,2% do emprego total. Pola súa banda, só a industria alimentaria xera cerca de 10.000 millóns de euros e máis de 34.000 empregos.

Prazos provisionais que se manexan

Herrero manifesta que desde o Ministerio o obxectivo é “rematar a redacción das bases neste primeiro semestre”, e, a falta de que as condicións se concreten, adiantou que “haberá uns 30 meses para executar os proxectos tractores seleccionados co 30 de setembro de 2025 como límite máximo”. Desde Galicia Food destacan que “se trata dunha oportunidade irrepetible xa que haberá unha única convocatoria no 2022, que se executará entre o 2023 e o 2025”. Así mesmo, o subdirector xeral explicou “o tipo de actuacións que se poderán apoiar en cada un dos tres bloques nos que se divide o eixo 1 do PERTE agroalimentario: competitividade, sustentabilidade e trazabilidade, e seguridade alimentaria”. Todos os proxectos tractores que se presenten deben incluír accións en dous destes tres bloques e un deles debe ser obrigatoriamente o da trazabilidade. Falou, por exemplo, de iniciativas para o marcado e control, tecnoloxía blockchain, etc. Para impulsar a competitividade búscanse actuacións que avancen na dixitalización como a automatización dos procesos, a implantación da robótica ou de solucións de intelixencia artificial. Entre os proxectos de sustentabilidade inclúense os plans de xestión ambiental conxunta. Entre os tipos de axuda, ademais de subvencións, a maior parte dos 400 millóns de euros -ata 250 millóns- repartiranse en préstamos a interese cero con amortización a 10 anos incluíndo tres de carencia. Será obrigatorio cumprir co denominado efecto incentivador marcado pola UE, é dicir, que o proxecto non pode ter empezado antes de facer a solicitude.

O Goberno dirixirá fondos Next Generation a impulsar a dixitalización e sostibilidade ambiental das granxas

A agricultura de precisión e a dixitalización de procesos contarán con axudas públicas para a súa implantación O Consello de Ministros aprobou este martes o Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) do sector agroalimentario para dotalo do financiamento e das liñas de actuación necesarias para emprender os cambios ambientais, dixitais, sociais e económicos aos que terá que facer fronte na próxima década. O PERTE, que conta con medidas xestionadas polos ministerios de Agricultura, Pesca e Alimentación; de Industria, Comercio e Turismo; de Asuntos Económicos e Transformación Dixital; así como do de Ciencia e Innovación, vai dirixido a propiciar a transformación da cadea agroalimentaria e impulsar a modernización e dixitalización do sector, o seu crecemento económico e a cohesión territorial. Este PERTE Agroalimentario contará cun investimento público duns 1.000 millóns de euros ata 2023. Prevese que xere un impacto de partida na economía duns 3.000 millóns de euros, estimándose ademais unha creación neta de ata 16.000 empregos.
Os investimentos no sector agroalimentario apoiarán o seu crecemento económico sostible, a súa dixitalización e a cohesión territorial
O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, contextualizou este PERTE dentro da estratexia global da política do Goberno con relación ao sector agroalimentario e destacou que xunto á Política Agraria Común (PAC), o Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia e o Fondo Europeo Marítimo da Pesca e a Acuicultura suman máis de 50.000 millóns e supoñen “a cifra máis alta de inxección de fondos públicos que se produciu xamais no sector”. Planas destacou que por enriba da importancia económica do sector agroalimentario en España, "ten unha grande significación social, territorial e ambiental”. Máis de 30.000 empresas que xeran o 10% do PIB español O sector agroalimentario contribúe con case un 10% ao PIB e está conformado, na súa maior parte, por pequenas e medianas empresas, xa que un 96% das máis de 30.500 empresas son pemes. Desta forma, o PERTE concíbese como un conxunto de medidas que benefician a empresas e autónomos do sector agroalimentario e que xeran sinerxias cuns obxectivos claros: mellorar a competitividade, a sustentabilidade e a trazabilidade e seguridade do sector agroalimentario. Ademais, dada a importancia do sector agroalimentario no medio rural, incorpórase a contribución ao reto demográfico como obxectivo transversal.
O sector agroalimentario é a primeira industria de España, cunhas exportacións de 53.848 millóns de euros en 2020
Para facer fronte á loita contra o cambio climático e adaptarse aos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030 faise necesario promover un uso eficiente dos recursos naturais e da enerxía na produción agroalimentaria, a través da dixitalización de todos os procesos produtivos da cadea alimentaria. Con este PERTE Agroalimentario preténdese fomentar a automatización de procesos, a sensorización ou sistemas de aprovisionamento sostibles. Os investimentos previstos van contribuír desta maneira para dinamizar ao conxunto da cadea, a través de iniciativas que constitúan novos proxectos de transformación do sector e erixirse nun catalizador de propostas para modernizar o sector agroalimentario en varios ámbitos: impulso á transformación tecnolóxica, uso de Big data e novas ferramentas dixitais; subministro de alimentos sans, seguros e saudables; apoio a mozos e incorporación de mulleres; redución do impacto ambiental, descarbonización e desenvolvemento da economía circular. Tres eixos prioritarios de actuación Este PERTE baséase en tres eixos prioritarios, que abordan actuacións transformadoras sobre a cadea de valor industrial, medidas de apoio á dixitalización do sector agroalimentario e á investigación científica. Estas liñas van acompañadas de medidas complementarias ou facilitadoras que actuarán dunha forma integrada para incrementar o impacto das actuacións e así promover a transformación cara a un sistema agroalimentario máis sostible e dixital. Ademais, xunto co Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC) e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, o sector agroalimentario contará co financiamento e ferramentas necesarias para afrontar os retos ambientais, sociais e económicos da próxima década. Eixo 1: Paquete de apoio específico para a industria agroalimentaria, co obxectivo de mellorar os seus procesos de produción, vinculados coa súa competitividade, sustentabilidade e trazabilidade da produción de alimentos. Dotación: 400 millóns de euros, xestionada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Eixo 2: Medidas concretas para apoiar o proceso de adaptación dixital e que se estenda a todos os axentes que forman parte da súa cadea de valor (agricultores e gandeiros e as súas cooperativas, pequenas e medianas empresas de produción, transformación e comercialización). Dotación: 454,35 millóns de euros. Destaca, para as pequenas empresas e microempresas agroalimentarias, así como para autónomos, o Programa Kit Dixital, do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, do que se poderían beneficiar cuns 275 millóns de euros co obxectivo de que dixitalicen os seus procesos ou poñan en marcha unha tenda en liña.
O PERTE Agroalimentario vai dirixido ao conxunto da cadea para afrontar os retos ambientais, dixitais, sociais e económicos da próxima década
Desde o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, coas miras postas en agricultores e gandeiros, o desenvolvemento do Sistema de Información de Explotacións Agrarias (SIEX) pretende avanzar na dixitalización do caderno de campo para simplificar a súa relación coa Administración, datos que poderán utilizar tamén para mellorar a súa xestión empresarial. Eixo 3: Medidas específicas de apoio á innovación e á investigación para lograr un sector agroalimentario competitivo en todos os elos da cadea. Dotación: 148,56 millóns de euros. Unha das liñas de I+D+i, que se realizará da man das comunidades autónomas, permitirá avanzar, a través de varios proxectos prioritarios de agroalimentación e das ciencias do mar, en produtividade, competitividade, sustentabilidade e calidade.

Que opcións ten o sector agroalimentario de optar ás axudas Next Generation?

A Unión Europea puxo en marcha os fondos Next Generation co obxectivo de axudar a reparar os danos económicos e sociais causados pola pandemia. Do total de fondos, a España adxudicáronselle uns 140.000 millóns de euros, que o Goberno xestionará de acordo co ‘Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia’, no que se detallan os catro eixos sobre os que deben pivotar estes fondos: transición ecolóxica, transición dixital, cohesión social e territorial, e igualdade de xénero. Que oportunidades terá o agro no Plan de Recuperación do Goberno?. O sector agroalimentario protagoniza un dos 6 Plans Estratéxicos de Recuperación e Transición Económica (Perte) nos que se divide o Plan de Recuperación. No Perte agroalimentario, que previsiblemente arrancará en xaneiro do 2022, hai dúas grandes liñas de acción: proxectos tractores e convocatorias de axudas. En canto ós proxectos tractores, de colaboración público – privada, trátase de iniciativas que aspiran a mobilizar un gran volume de fondos públicos. En Galicia, no marco do sector agrario, a Xunta aspira a que o Goberno destine fondos para iniciativas como a creación dunha fábrica de fibras téxtiles a partir da madeira, a recuperación de terras agrarias abandonadas ou a posta en marcha dunha macroplanta de tratamento de xurros e outros residuos.

Investimentos públicos e axudas específicas para o sector agroalimentario

Unha segunda vía pola que chegarán fondos ó agro é a través de investimentos públicos e de convocatorias de axudas específicas. Os fondos previstos son uns 1.000 millóns de euros e teñen unha xestión conxunta entre o Ministerio de Agricultura e o Ministerio de Industria. Previsiblemente, as convocatorias de axudas serán aprobadas polo Consello de Ministros a principios de xaneiro do 2022, segundo sinalou esta semana Enrique Porta, da consultora Kpmg, nunha xornada online organizada por Cooperativas Agroalimentarias de España para analizar os fondos Next Generation. Os investimentos previstos divídense nas seguintes cuestións:
  • Plan para a mellora da eficiencia e a sostibilidade no regadío: 563 millóns de euros. Dentro deste plan, Galicia beneficiarase de investimentos nos regadíos da Limia, xa pactados entre Xunta e Goberno central.
  • Plan de impulso da sostibilidade e competitividade da agricultura e a gandeiría: 355 millóns de euros.
  • Plan de impulso á sostibilidade, investigación, innovación e dixitalización do sector pesqueiro: 95 millóns de euros.
  • Estratexia de Dixitalización do Sector Agroalimentario e Forestal e do Medio Rural: 38 millóns de euros.

Creación dunha oficina técnica para asesorar ás empresas galegas

A Xunta e o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) porán en marcha unha oficina técnica que será a encargada de informar e asesorar ás empresas galegas do sector sobre os fondos Next Generation, segundo anunciou hoxe o conselleiro de Economía, Francisco Conde. A nova oficina técnica facilitará o desenvolvemento de distintas accións, actuando como observatorio dos programas que se convoquen a nivel estatal e europeo; identificando as oportunidades e definindo os proxectos tractores e singulares compatibles con diferentes programas e liñas. Tamén prestará asistencia e soporte ás empresas e entidades na preparación, tramitación e presentación de propostas de interese, apoiando a súa tramitación técnica e administrativa e facendo un seguimento e avaliación dos proxectos levados a cabo.

Axudas transversais de interese para o agro e o sector agroalimentario

Ademais das axudas vinculadas ao Perte agroalimentario, poden xurdir fiestras de oportunidade para o sector noutros ámbitos transversais, como poden ser as convocatorias de enerxías renovables para o autoconsumo. Nos casos das axudas transversais, os tempos de solicitude e os recursos tenden a ser máis ben limitados, sen superar as 3 ou 4 semanas desde a apertura dos prazos de solicitude.

Dez convocatorias de axudas e financiación: requisitos e prazos

As axudas orientadas a empresas agrícolas e agroindustriais son moi plurais. No seminario sobre os fondos Next Generation de Cooperativas Agroalimentarias de España, Victor Hugo Osorio, responsable de financiación pública en Insomnia Consulting, destacou as seguintes 10: 1) Axudas a investimentos, dentro do Plan de impulso da sostibilidade e competitividade da agricultura e a gandeiría. Os beneficiarios son persoas físicas e xurídicas -incluíndo cooperativas- e os obxectivos da convocatoria son a mellora dos sistemas de xestión de estercos en explotacións gandeiras (cunha inversión mínima de 10.000 euros); a modernización e transformación integral de invernadoiros de hortalizas, flor cortada e planta ornamental (160.000 euros hectárea en caso de transformación integral e 100.000 no caso de modernización); realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias, o aproveitamento enerxético de subprodutos gandeiros e, por último, os apoios á agricultura e gandeiría de precisión. 2) Subvencións para a realización de proxectos de investigación aplicada no sector apícola e os seus produtos. Os beneficiarios das axudas poderán ser cooperativas agrarias, sociedades agrarias de transformación, entidades asociativas prioritarias e agrupacións recoñecidas no sector da apicultura. Os obxectivos céntranse na mellora das condicións xerais de produción e comercialización de produtos apícolas. Esta axuda financia gastos de persoal, de adquisición de equipamento científico-técnico, de investigación contractual, viaxes ou dietas. Aínda que o fin de prazo de solicitude deste ano foi o día 13 de decembro, estas convocatorias son recorrentes para 2022. 3) Subvencións destinadas á inversións en materia de bioseguridade para a mellora ou construción de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte de gando por estrada. Os beneficiarios das axudas serán persoas físicas, xurídicas ou entes sen personalidade xurídica, titulares de centros de limpeza e desinfección rexistrados. A próxima convocatoria está pendente, e a contía máxima da subvención son 70.000 euros no caso de centros existentes e de 140.000 euros no caso dos de nova construcción. 4) Proxectos de innovación e inversión no sector pesqueiro e acuícola. O prazo de solicitudes está aberto todo o ano. 5) Incentivos rexionais, nos que se inclúen empresas do sector agroindustrial. Esta tipoloxía introduce subvencións a fondo perdido cunha aportación porcentual determinada por cada comunidade autónoma, oscilando entre o 10 e o 55% do orzamento total. Poden presentarse industrias transformadoras e diversos sectores de actividade que procuren a ampliación da capacidade produtiva, a modernización do negocio ou a creación dun novo establecemento.
Nos incentivos rexionais, Galicia subvenciona un 35% en pequenas empresas, un 25% en medianas e un 15% en grandes empresas
6) ENISA liña de crecemento. A empresa pública vencellada ao Ministerio de Industria está dedicada á financiación de proxectos empresariais. O que procuran estas axudas é financiar as propostas innovadoras de negocios viables que teñan como finalidade a expansión do seu negocio, aplicar avances tecnolóxicos para ampliar a capacidade produtiva. As características principais son os prazos de amortización (9 anos e ata 7 de carencia), con dous tramos de intereses. 7) ENISA Agroimpulso. É un programa enfocado á dixitalización das pymes. O obxetivo fundamental céntrase no impulso á transformación dixital de pequenas e medianas empresas do sector agroalimentario e do medio rural. O total da convocatoria son 13 millóns de euros e as condicións son as mesmas que na liña de crecemento.
Os importes de ENISA na liña de crecemento e no Agroimpulso van desde os 25.000 euros ata o 1.500.000 euros
8) FAIIO )Fondo de Apoio á Inversión Productiva) para empresas agroindustriais. Este fondo pretende axudar a inversión produtiva en empresas, e en xeral, financia empresas que desenvolvan ou vaian desenvolver unha actividade industrial produtiva e de servizos industriais. As empresas solicitantes poderán presentar a súa candidatura os 365 días do ano. Os proxectos financiaranse ata un máximo do 75% do total. 9) Liña CDTI. Proxectos de investigación e desenvolvemento (PID). Diríxese a empresas do sector agrícola e agroindustrial. Aquí encáixanse proxectos de investigación e desenvolvemento de carácter aplicado para a creación e mellora significativa dun proceso produtivo, no que se engloban tanto actividades de investigación industrial como de desenvolvemento experimental. En función do tamaño da empresa, existe un tramo de subvención non reembolsable -entre o 20 e o 33%- e exención de garantías. 10) Liña CDTI. Proxectos de innovación (LIC) para empresas do sector agrícola e agroindustrial. A semellanza co proxecto anterior exposto, a finalidade destas axudas é dar apoio económico a aqueles proxectos que desenvolvan tecnoloxías novidosas que non se apliquen hoxe en día, ou adapten tecnoloxías xa existentes a novos sectores. A data de solicitude é ata o 30 de setembro de 2022.
. Higinio Mougán. Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca)

“A nosa preocupación é que esas axudas cheguen ó sector para afrontar os retos medioambientais e de modernización”

Galicia está pendente de ver como se plasman e articulan as novas axudas que proveñen dos fondos europeos. “As preocupacións de Agaca céntranse en ver como se establecen esas liñas de axuda para facelas chegar ó colectivo de profesionais do agro, así como a aquelas persoas e entidades que rodean ó sector agroalimentario”, avanza Higinio Mougán, director xerente de Agaca (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias). As liñas de axudas ligadas ós fondos Next Generation arrancaron este ano e teñen un periodo de aplicación curto, pois teñen que estar decididas a finais do 2023, con catro anos a maiores de periodo de aplicación. Mougán considera que estes apoios poden axudarlle a Galicia a sumarse ás transicións ecolóxicas e tecnolóxicas necesarias, ademais de a facerlle fronte ás esixencias -cada vez maiores- da PAC. As expectativas de Agaca sobre estes incentivos económicos son positivas para afrontar os novos desafíos que se impoñen. En definitiva, “os fondos Next Generation poden axudar a afrontar os retos medioambientais e de dixitalización do sector”, valora Higinio Mougán. A que debería estar atenta a xente do sector nestes momentos?. “O que sabemos é que saíu un real decreto do Ministerio de Agricultura onde se citan unha serie de liñas de axudas concretas para investimentos, en relación á integración de novas tecnoloxías, a invernadoiros, de xestión de puríns, etc. O noso prognóstico é que a convocatoria debería ser moi próxima”, subliña o director xerente de Agaca.

A compañía portuguesa Altri, interesada en investir no proxecto galego de fibras téxtiles a partir da madeira

A Xunta acaba de chegar a un acordo coa compañía portuguesa Altri para o proxecto de fabricación de fibras textiles a partir de madeira. A pasteira lusa convertirase na inversora e tecnóloga deste proxecto, pendente de fondos europeos Next Generation, e co que prevén unha fabricación de 200.000 toneladas anuais de fibras téxtiles sostibles. Segundo transcendeu hoxe por medio dunha nota de prensa difundida aos medios, o grupo industrial comprométese a costear o deseño e desenvolver a iniciativa co fin de pilotar as seguintes fases do proxecto para transformar madeira en fibra téxtil. Ademais, o proxecto pretende ir máis aló e busca explotar alianzas con toda a cadea de valor do sector galego. Tal e como apuntaron dende Impulsa Galicia, a sociedade creada pola Xunta para fomentar proxectos que capten fondos europeos de reconstrución, neste proxecto agárdase un desembolso de 800 millóns de euros. A proposta comprende a execución dunha fábrica de lyocell, un tipo de fibra sostible que se comercializará para fío, corte e confección. Sería fabricada a partir de madeira e de reciclaxe téxtil. Prevén que o proxecto poida supoñer uns 1.500 empregos directos e ata 6.500 indirectos. Mentres, na construción da fábrica estiman que se empregarían uns 1.700 profesionais. Polo momento, tampoco transcendeu cales son as localizacións que se barallan para a instalación desta nova fábrica. Dende Impulsa Galicia, sociedade integrada pola Xunta (40%), Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%) agardan que o proxecto se converta nun motor para o sector forestal e nunha aposta do uso de madeira certificada como de tecnoloxías ambientalmente esixentes.  "Estamos nos primeiros chanzos dun proxecto inclusivo, aberto no seu desenvolvemento á colaboración de todo o sector forestal galego, pensando especialmente nas pemes e en toda a cadea de valor, que ademais, como o proceso en si mesmo, estará dixitalizado e aplicará os principios da mobilidade sostible", asegura Enyd López, directora xeral de Impulsa Galicia no comunicado realizado ós medios.   Altri, a compañía portuguesa que entraría no proxecto, é a segunda pasteira do país veciño, tras Navigator, e xa viña mercando de xeito habitual madeira de eucalito en Galicia. Tras Ence e a propia Navigator, Altri era un dos compradores de referencia en Galicia.

“É preciso que os seguros contemplen o mildio e oídio para que sexan unha ferramenta útil”

A Asociación Galega de Viticultura, da Fruga, celebrou en días pasados a súa Asemblea Xeral en Ribadavia, na sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro. No acto estiveron presentes representantes de todos os territorios vitícolas do país, tanto Denominacións de Orixe como Indicacións Xeográficas Protexidas. Na xuntanza analizaron os retos que se presentan nesta tempada, no seu conxunto e para cada zona vitivinícola galega de forma pormenorizada. A actual situación do sector está claramente marcada pola crise sanitaria provocada pola pandemia da Covid-19, cos descensos das vendas no mercado interno e exterior. Con todo, a Asemblea centrou o debate nos pasos que se deben dar a curto prazo, posto que serán cruciais para a recuperación do sector e para sentar as bases do futuro do viño galego. Pese ás dificultades derivadas da crise sanitaria e a baixada das vendas, motivadas polo peche da restauración durante meses e o cese de actividades, boa parte das adegas conseguiron dar saída ó viño e agora atópanse con capacidade para a chegada da nova colleita. “As grandes adegas derivaron parte da súa produción cara ás grandes superficies e as adegas máis pequenas tamén conseguiron sacar adiante boa parte das súas vendas”, explica Roberto Rivas, presidente da asociación. Así, é probable que os prezos se manteñan estables e competitivos para os viticultores de cara a esta campaña. Na asemblea tamén abordaron a situación concreta das distintas zonas xeográficas de produción de viño. Así, incidiuse nas dificultades que están a atopar na comercialización dos viños tintos de Valdeorras, xa que a pesar da gran calidade que están logrando compiten directamente con viños producidos en España que contan cunha fonda tradición. O presidente da DO Ribeiro, Manuel Casares, que estivo presente na apertura da sesión, sinalou que a denominación está atravesando un momento crucial para o seu futuro. A perda dun importante número de pequenos viticultores pola falta de remuda xeracional e as dificultades para afrontar unha renovación da estrutura da terra e das plantacións están detrás desta difícil situación que está atravesando a denominación de orixe con máis tradición.

Previsións de colleita

A excepción dos viñedos afectados polos episodios de pedrazo, ata o momento os viñedos atópanse nunha situación bastante favorable, e aínda moi pendentes da evolución meteorolóxica dos vindeiros meses, todo apunta a que poida lograrse unha colleita abundante e de calidade. Na sesión tamén abordaron a situación que atravesan nesta campaña algúns territorios na DO Ribeira Sacra, onde se rexistraron algúns dos episodios de pedrazo máis intensos e destrutivos. Roberto Rivas, presidente da AGV apunta á necesidade de que os seguros comecen a incluír cobertura para problemas ós que os viticultores teñen que facer fronte dun xeito máis habitual, como o mildio e o oído, para así conseguir que esta ferramenta estea máis implantada no campo e teña unha maior utilidade. “Non se trata de que se cubran eses danos se non se fai un manexo axeitado do viñedo, pero se se aplican os tratamentos que corresponden tamén se deberían incluír os danos por mildio e oídio nos seguros para que os viticultores o viran como algo necesario e de utilidade, non só contra episodios de pedrazo que son máis puntuais”, indica Rivas.

Fondos Next Generation

A captación de fondos Next Generation foi outro dos temas que se trataron na asemblea, xa que poden ser unha oportunidade fundamental para pór en marcha proxectos e iniciativas transformadoras que lle dean un pulo a nivel tecnolóxico e formativo ao sector. O presidente recalcou a importancia que terá unha boa e acertada xestión dos fondos Next Generation para o futuro do sector e sinalou que “o futuro do viño galego ten que pasar necesariamente por conseguir ligalo aos conceptos de calidade e de tradición”. Rivas recalcou a idea de seguir esixindo á Consellería de Medio Rural que traballe polos intereses de todo o sector tendo presentes todos os territorios vitícolas e todos os axentes involucrados na produción e elaboración. Dende a asociación reclaman maior formación e que a Administración dote de maior contido algúns dos centros como o de Monforte, nunha aposta pola viticultura de calidade, sostible e de futuro, pero tamén daqueles sectores que poden estar vinculados con ela e que poden xerar oportunidades no rural, apegados ó territorio.

Son as plantas de biogás unha alternativa viable para o vacún de leite?

As ganderías con sistemas máis intensivos, como o porcino, foron das primeiras en incorporar plantas de biogás para a xestión dos xurros. Agora, tamén as granxas de vacún de leite están a fixarse neste tipo de instalacións, sobre todo ante as limitacións e o control dos xurros que se está a impoñer dende Europa. O reparto dos fondos europeos Next Generation reavivan o interese por avaliar estes sistemas, vistos a priori como un modelo de economía circular. Sobre a mesa, hai propostas de macroplantas comarcais, como as que baralla a propia Administración galega, e tamén existe a posibilidade de instalacións de autoconsumo para unha única gandería ou para un grupo de granxas próximas. Porén, os atrancos ou o fracaso dalgunhas das plantas impulsadas tempo atrás, como a planta de Sarreaus (Ourense), na que se investiran 22 millóns de euros, fai que haxa certas desconfianzas sobre a rendibilidade e as oportunidades reais que ofrece o biogás.

Que vantaxes poden proporcionar?

As plantas de biogás preséntanse como unha alternativa sostible en materia ambiental para a xestión do xurro. En teoría reducen as emisións asociadas ós xurros e representan ademais unha opción para as granxas que carezan de suficientes terras nas que aplicar o xurro a modo de fertilizante. “A emisión de metano que se levaría a cabo nas balsas de xurro trasládase ó interior da planta e pode aproveitarse”, explica Belén Fernández, investigadora do Programa Gestión Integral de Residuos Orgánicos (Giro) do Instituto de Investigación e Tecnoloxías Agroalimentarias (Irta) de Cataluña.
“A emisión de metano que se levaría a cabo nas balsas de xurro trasládase ó interior da planta e pode aproveitarse” (Belén Fernández, investigadora do IRTA)
O mesmo acontece co amonio presente nas excrecións. Aínda que parte do nitróxeno orgánico vai quedar na cama dos animais, se os xurros se tratan na planta, as emisións prodúcense no dixestor, de xeito controlado, no canto de emitirse directamente á atmosfera. “A vantaxe é que o nitróxeno amoniacal vai estar presente no dixestato, o material sólido resultante logo do proceso de tratamento, e pode empregarse como fertilizante, xa que este tipo de nitróxeno é o máis axeitado para o crecemento das plantas”, apunta Fernández. Con todo, para lograr estes resultados a investigadora incide que é preciso levar a cabo unhas boas prácticas na xestión dos xurros, para que realmente esas emisións se produzan no interior da planta e non previamente. De igual xeito, tamén cómpre prestar atención ó tratamento que se fai do dixestato obtido, xa que un incorrecto almacenamento deste produto pode provocar novas emisións contaminantes. Obtención de biogás O tratamento do xurro permite obter biogás, unha fonte de enerxía renovable e que pode empregarse para abastecer as necesidades da propia gandería, no caso das plantas de autoconsumo. Hai granxas intensivas cunha importante demanda de enerxía térmica, polo que o biogás pode empregarse para abastecer as caldeiras. Outro modelo son as plantas con sistemas de coxeración, que a parte de calor tamén proporcionan electricidade para autoconsumo e para vender á rede eléctrica. “Entre aqueles gandeiros mozos, cunha gandería moderna e unha visión empresarial da mesma, ven estas plantas como un xeito de implantar a economía circular, obter enerxía dunha forma máis limpa e mellorar a súa competitividade”, indica Javier Taibo, responsable da sección centrada nas plantas de biogás da empresa galega Norvento.
“Estas plantas vense como un xeito de implantar a economía circular, obter enerxía limpa e mellorar a competitividade da gandería” (Javier Taibo, responsable de área de Norvento)
Esta firma participou na posta en marcha de varias plantas, algunhas delas para o gando vacún de leite, como a instalada hai 5 anos nunha gandería de Cospeito (Lugo) con 150 cabezas. “Nesta granxa, a electricidade producida expórtase á rede, pero nestes momentos estamos recomendando outro tipo de aproveitamentos dentro da granxa no canto de vendela”, indica Taibo. A firma é tamén a responsable do proxecto da planta instalada no Centro de recría de Gayoso Castro, da Deputación de Lugo.

As macroplantas

Para o tratamento dos xurros do vacún de leite estanse a propoñer dous modelos de instalación: plantas de autoconsumo, instaladas na propia gandería ou para un grupo reducido de granxas que se atopen próximas, así como macroplantas comarcais que poidan atender as necesidades dun número máis amplo de ganderías. Neste modelo a maior escala atópanse iniciativas impulsadas por cooperativas noutras comunidades, como é a planta de Biogastur, en Navia (Asturias), de Central Lechera Asturiana (Clas), unha das pioneiras para o tratamento dos xurros de vacún. O proxecto atopouse con diversos atrancos técnicos, xa que a area das camas, que boa parte das ganderías empregaban, terminaba mesturada co xurro e ocasionaba problemas na instalación. Tamén se viu lastrada por problemas na xestión e mesmo permaneceu parada. A finais do ano pasado anunciábase a súa reactivación nos próximos meses e tamén novos cambios para facela máis competitiva. Así, aínda que estas instalacións estiveron pensadas inicialmente para producir electricidade con biogás, barallan agora a purificación do biogás para obter biometano, con posibilidades de inxección na rede de gas natural.
Leite Río impulsa unha planta para tratar os residuos de industrias alimentarias e xurros dos gandeiros ós que lles recolle o leite
En Galicia, Leite Río está a impulsar tamén unha planta na que tratar tanto residuos da propia industria como excedentes de xurros dos gandeiros ós que lles recolle ó leite. O proxecto, deseñado pola empresa Norvento, incorpora tamén a un xestor de residuos, Agroamb. "Trataríase dunhas instalacións da industria láctea que lle prestarían un servizo ós gandeiros naqueles momentos nos que teñan excedentes de xurros”, detalla Taibo. Na planta non só se tratarán os xurros das ganderías, senón que se incluiría unha mistura procedente de residuos da industria láctea e doutras industrias alimentarias da zona de Lugo proporcionados por Agroamb, que será tamén a empresa encargada de xestionar o dixestato sólido obtido da planta a modo de fertilizante, dada a súa experiencia na materia. Desde a Administración, a Xunta está a valorar desde hai un par de anos este tipo de instalacións. Inicialmente anunciara a creación de 4 plantas de tratamentos de xurros nas principais zonas gandeiras (A Limia, Deza, Mazaricos e A Pastoriza), pero o último anuncio foi a solicitude de fondos Next Generation para un Centro para o Impulso da Economía Circular, que sería unha instalación de tratamento de distintos tipos de residuos, entre os que se inclúen os xurros, xunto con plásticos, residuos industriais orgánicos, lixo mariño e residuos téxtiles.
A Xunta baralla construír un gran centro de tratamento do xurro e outros residuos orgánicos, plásticos e téxtiles cos que obter biogás e fertilizantes
Como produtos finais, obteríase biogás e fertilizantes que terían como principal destinatario o sector primario galego. Mentres, dos residuos plásticos e téxtiles obteríase material reciclado que se incorporaría como materia prima a outros procesos industriais. Cómpre lembrar que a administración autonómica tamén está a traballar nunha nova lei para a xestión integral das dexeccións gandeiras. “O obxectivo da norma é ordenar a produción, recollida, transporte e almacenamento, sempre partindo do feito de que os gandeiros van poder facer autoaplicación dos xurros”, indican dende Medio Rural. O sistema de macroplantas de coxeneración, que se extendeu a partir do 2000 polas principais áreas de gandería intensiva de España, naufragou hai case unha década polo fin das primas á produción de electricidade con biogás (Real Decreto 1/2012). Daquela pecharan case tódalas instalacións que estaban en marcha e agora queda no aire ver a rendibilidade que poden ter estas instalacións de cara ó futuro.
A inxección de biometano na rede de gas natural é unha das opcións que se abren para as macroplantas
A principal opción que se baralla é a reformulación das plantas de biogás para que, no lugar de adicarse a producir electricidade, se orienten a inxectar biometano na rede de gas natural. "A clave das plantas está en ver para que se destina ese biogás e conseguir que a planta tamén sexa sustentable a nivel económico. Coa depuración do biogas para obter biometano ábrense máis alternativas, mesmo pode empregarse ese biometano para a maquinaria pesada agrícola, o que podería ser unha solución a curto prazo para as cooperativas", detalla Belén Fernández. Outra posibilidade sobre a mesa é a obtención de hidróxeno verde a partir do biogás, se ben en todas estas opcións hai que ter en conta que o custo do biometano é moi superior ó do gas natural, polo que se trata dunha enerxía que en principio semella depender de incentivos públicos.
Planta de biogás de la Finca Mouriscade en Lalín.

A experiencia da planta de autoconsumo de Mouriscade

Unha das plantas de autoconsumo de biogás operativas actualmente en Galicia é a instalada na Finca Mouriscade, en Lalín (Pontevedra), dependente da Deputación de Pontevedra e desenvolvida polo centro tecnolóxico EnergyLab. Foi instalada no 2013 e tivo unha inversión de 360.000 euros. Esta é unha planta pensada para o tratamento biolóxico e produción de biogás a partir de residuos orgánicos. Tratan en torno a 1.000 metros cúbicos do xurro da gandería de vacún de leite da granxa da Finca ó ano, xunto cos restos das mostras do laboratorio, uns 200 quilos semanais de forraxes. A instalación está preparada para producir 30 Kilowatios por hora de enerxía eléctrica, que son utilizados para autoconsumo no centro, o que supón o 60% da enerxía nel consumida. Actualmente, a planta ten un custe de mantemento de 5.000 euros ó ano.
Na planta tratan ó ano uns 1.000 metros cúbicos de xurro e unhas 10 toneladas de forraxes
Esta planta conta cunha balsa de recepción onde o material de biomasa é almacenado, triturado, homoxeneizado e enviado ó dixestor a través dunha bomba. Alí, a materia orgánica é dixerida a través da fermentación anaerobia do mesmo, mantendo a materia orgánica a unha temperatura de 37 graos centígrados dentro do dixestor, durante un período de tempo próximo ós 25 días. Este sistema aliméntase co calor proporcionado pola microturbina, que queima o gas e produce enerxía eléctrica. Se é necesario, tamén contan cunha caldeira auxiliar que lle proporciona esta temperatura. “A través do axitador situado no interior do dixestor, é posible manter a biomasa homoxénea dentro do dixestor. Ademais dos sistemas anteriores, o dixestor conta con sistemas de control: lentes de mira, sondas de temperatura, nivel de biomasa, medidor de presión, toma de mostras, válvulas de seguridade e válvulas de drenaxe”, explican dende a Finca Mouriscade. Finalmente, o biogás producido almacénase no gasómetro, que está situado na parte superior do dixestor e inclúe cintas de apoio e nivel para medir a cantidade de biogás almacenado. Dende alí pasa ó recinto de coxeración onde, despois de ser secado e comprimido, recupérase na microturbina xerando electricidade e gases de combustión. Nesta planta, a electricidade utilízase para autoconsumo da granxa e os gases de combustión úsanse para quentar a auga no circuíto de calefacción do dixestor a través dun intercambiador de calor, sendo finalmente expulsados polas chemineas.
A fracción líquida aplícana nas fincas da gandería e a sólida úsana como cama para o gando mesturada con casca de arroz
Unha vez realizada a dixestión anaerobia da biomasa, o produto resultante abandona o dixestor e alcanza, por gravidade, o chamado pozo de dixestatos. Dende aí o dixestato é bombeado e procésase nun separador sólido-líquido tipo prensa. Así, trala filtración obtense unha fase líquida, que aplican nas fincas que xestiona a gandería, e unha fracción sólida, que utilizan para cama do gando. Esta fracción sólida é previamente deshidratada e esterilizada tras un proceso de fermentación. Nas camas mestúrana con casca de arroz, o que facilita a aireación da mestura e o seu secado. "Esta parte sólida tamén se pode utilizar como fertilizante, aínda que é preciso analizar o seu contido en materia seca, nitróxeno, fósforo e potasio para axustar as doses de fertilizantes segundo o cultivo a empregar, analizando as deficiencias do solo”, indican dende a Finca.

Condicionantes para a obtención de biogás

A produción de biogás está condicionada tanto pola calidade do xurro como pola presenza doutros residuos. “Pódese obter biogás estrictamente co xurro, pero o potencial de xeración é limitado. Por iso, canto máis variado sexa o aporte de materia orgánica máis biogás se vai producir”, explican dende Norvento. Os datos da planta de biogás de Mouriscade dan boa conta disto. Así, empregando só o xurro de vacún en estado estacionario conseguen obter 476 metros cúbicos de biogás semanais. Mentres, se ó xurro de vacún lle engaden os residuos tanto da granxa como do laboratorio (restos de pensos, silos e materias primas) conséguese obter ata 670 metros cúbicos á semana.
Canto máis variado é o aporte de materia orgánica, máis biogás se produce. En Alemaña están optando por especies que intercalar cos cultivos de forraxes das ganderías e que logo empregan nas plantas
Nas plantas de coxeración orientadas a producir electricidade para a súa comercialización, os produtores adoitan mesturar residuos de industrias alimentarias para que lles sexa viable a instalación destes motores de coxeración. “Nestes casos, o residuo maioritario segue a ser o xurro e entre un 5 e un 10% do caudal de residuos pertence a outro tipo de materiais”, detalla a investigadora Belén Fernández. En países do norte de Europa, onde se primou a produción de biogás fronte ó tratamento dos xurros, mesmo se chegou a producir cultivos forraxeiros en exclusiva para introducilos nestas plantas e conseguir incrementar a produción eléctrica. Porén, en países como Alemaña este esquema de plantas estanse a deixar de construír pola perda de superficie agraria que supón cultivar exclusivamente para producir electricidade. Ademais, están optando por implantar os coñecidos como ‘cultivos comerciais’, especies que non son para uso alimentario e que se intercalan cos cultivos principais, de tal xeito que serven para fixar nitróxeno e carbono no solo, á vez que se destinan ás plantas de biogás. Area Outro dos condicionantes que afectou xa ó funcionamento das plantas de biogás instaladas en España para o gando vacún é a area que se emprega para as camas das vacas. Neste senso, empresas coma Norvento optan por incorporar sistemas de desareación para separala do xurro previamente. “A area en suspensión no xurro pode xerar problemas nos equipos, por iso se propoñen sistemas como os empregados nas depuradoras, que permitan a decantación da mesma”, concreta Taibo.

A cara b

O investimento que requiren as plantas de autoconsumo para unha gandería é un dos seus maiores inconvenientes, a falta de ver se se habilitan apoios públicos para estes sistemas. O desembolso sitúase a partir dos 200.000 euros, segundo estiman dende Norvento. “Os deseños axústanse ás necesidades das granxas, facemos un traxe a medida para cada gandería, polo que tamén varían os prezos da instalación”, explican. En relación ás macroplantas baralladas pola Xunta, preocupa o impacto ambiental do traslado dos xurros para o seu tratamento. Así, no canto de esparexerse directamente no campo e empregalos como fertilizante, levalos ás plantas para este tratamento previo incrementaría a pegada de carbono e os gastos, no que para algúns sería “marear o xurro”, no canto de ser un exemplo de economía circular. “En Galicia, o camiño é apoiar a vinculación da gandería de vacas coa terra, aumentando a base territorial, de xeito que os xurros se continúen xestionando sen que supoñan un problema ambiental”, valora a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba.
Os custos económicos e ambientais do traslado do xurros ás plantas e un dos principais inconvenientes 
Tamén se amosan contrarios a este tipo de macroplantas dende Unións Agrarias. “Desde a Xunta estase apostando por unha Sogama 2, co agravante de que os gandeiros terían que pagar por levar alí os xurros. É un modelo que carece de sentido”, advirte Jacobo Feijoo, secretario de Desenvolvemento Rural da organización agraria.
Reunión da comisión creada na Limia para a xestión dos xurros e o sistema de rego desta comarca.

O biogás nos modelos intensivos de carne

En comunidades como Cataluña, as plantas de biogás son unha realidade implantada e vinculada a sectores intensivos de produción de carne como o porcino. En Galicia, a macroplanta de Coren en Sarreaus, na Limia (Ourense) operaba no modelo de coxeración de electricidade mediante biogás e foi tamén unha das que pechou a consecuencia do cambio de normativa estatal, coa supresión das primas no 2012. Tras anos paralizada, Coren levou a cabo un proceso de reconversión das instalacións para que poida volver a xestionar os xurros das ganderías da cooperativa. A compañía reivindica que se trata dunha planta pioneira en Europa, na que investiron 22 millóns de euros. Logo do peche destas instalacións, a cooperativa ourensá habilitou unha nova planta de biometanización para a xeración de biogás, na que investiu uns 3,5 millóns de euros. Na Limia, principal zona de produción porcina de Galicia, anunciouse nos últimos meses a construción doutra planta de biogás impulsada, neste caso, polo grupo Arrate Energy Corp, un proxecto que foi presentado na Deputación xa a finais de 2020. O potencial aproveitamento do biogás en Galicia fai que outras empresas como Reganosa tamén estean a procurar financiación dos fondos europeos Next Generation para a construción dunha nova planta de biogás, cuxa ubicación aínda non concretaron. No marco das iniciativas para mellorar a xestión dos xurros na Limia, o pasado venres constituíuse na comarca unha comisión interdepartamental entre Xunta e Estado para mellorar a sustentabilidade do sector agrario desta comarca. O plan foi elaborado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural coa colaboración da Fundación Juana de Vega e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia. O obxectivo desta comisión é concretar accións e proxectos que contribúan a mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas, evitando e reducindo a afectación medioambiental das prácticas agrogandeiras actuais.

“Estamos ante un tsunami verde no agro”

A gandaría xoga un papel estratéxico no abastecemento alimentario da poboación, pero esa función capital só aparece de perfil nas políticas europeas. O foco da UE é a cuestión ambiental, un escenario que analiza Ramón Armengol, presidente da Confederación de Cooperativas Agroalimentarias de Europa (Cogeca): "A situación cambiou en pouco tempo. Hai uns anos non se falaba destas cuestións, pero agora no agro estamos en pleno tsunami verde e iso marcará a nosa actividade na próxima década", pronostica. "Por que aínda non se aprobou a PAC". A miña impresión é que cada país quere poñerse a medalla de ser o máis verde", apunta Armengol en alusión aos debates en Europa sobre os compromisos ambientais mínimos que esixirá a próxima Política Agraria Común, que entrará en vigor no 2023. Ante ese escenario, Armengol chama a cooperativas e granxas a tomar conciencia da situación. "Cada cooperativa ou produtor ten que proxectarse na súa situación ambiental e ver se o que fai cumpre obxectivos ambientais a 5 anos" -valora-. "É unha auditoría que moitas cooperativas xa fan, pois as esixencias están a cambiar. Toda a nosa actividade relaciónase agora co cambio climático e coa cuestión ambiental", sinala. Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Para afrontar os cambios que se aveciñan, Armengol apunta á oportunidade que representan os fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Son os coñecidos popularmente como fondos Next Generation, que a UE lle está entregando aos países membro para impulsar a recuperación da crise da Covid. "España é o segundo perceptor destes fondos, con 140.000 millóns de euros, dos que 70.000 son axudas a fondo perdido e os outros 70.000 créditos que como país teremos que devolver, probablemente vía novos impostos a plásticos, residuos, etc.", explica Armengol, que onte participou nunha xornada de Cooperativas Agroalimentarias de España sobre as oportunidades que estes fondos representan para o agro.
"A gandería non está de moda e iso é unha ameaza. Hai colectivos que teñen unha percepción distorsionada da carne"
Como prioridades, Armengol sinala a dixitalización, o coidado das augas e actuacións encamiñadas a mellorar a imaxe do sector. "A nosa actividade dáse na España despoblada, que en xeral ten grandes problemas de conectividad. Estes fondos pódennos axudar a liquidar eses problemas e facernos gañar en competitividade", destaca. Outra cuestión que lle preocupa ao presidente do Cogeca é a imaxe pública do sector. "A gandaría non está de moda e iso é unha ameaza. Pode ser pasaxeiro, pero hai colectivos de idades identificadas que teñen unha percepción distorsionada da carne. Acúsasenos directamente de ser culpables do cambio climático e do cancro, á marxe das evidencias científicas", lamenta.
"Eu como gandeiro non quero ser o culpable de que a calidade das augas da miña rexión non estea nos niveis nos que debe"
"Como problema engadido, temos a xestión dos residuos. Eu como gandeiro non quero ser o culpable de que a calidade das augas da miña rexión non estea nos niveis en que debe estar. Aí temos oportunidades de mellora e de cara aos fondos Next Generation, o tratamento de residuos gandeiros pode ser claramente unha prioridade", conclúe.