Archives

Novas estratexias no cultivo de patacas para atallar ós nematodos e reducir os fertilizantes fosfatados

O proxecto europeo SoildiverAgro, no que participa a Universidade de Vigo e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) presentou en Xinzo de Limia (Ourense) os primeiros resultados de varias liñas de investigación que procuran unha produción de pataca máis sostible e reducir os custos. As tres liñas de investigación que se están seguindo son o uso de sistemas de alerta para optimizar a aplicación de tratamentos contra o mildio, a procura de alternativas para combater os nematodos da raíz do tubérculo e o emprego de fungos micorrízicos para reducir o aporte de fertilizantes. A investigación sobre os nematodos do quiste (Globodera spp) céntrase no uso de plantas trampa, é dicir, o cultivo de especies que causan a saída dos nematodos dos quistes, pero das que non poden alimentarse, polo que acaban morrendo de inanición. Os nematodos do quiste son un dos desafíos actuais para a produción da pataca en Galicia, xa que a súa presenza provoca danos no sistema radicular da pataca, de xeito que se reducen en gran medida as colleitas e a súa eliminación resulta complexa. Ademais, a presenza de altas concentracións de quistes pode causar a posta das leiras en corentena impedindo o cultivo da pataca por longos períodos.
Co uso de especies coma o tumba cabalos conseguiuse reducir a presenza de nematodos a máis do 80% nalgunhas leiras
A investigación centrouse no Solanum sisymbriifolium, unha especie da familia das patacas e coñecida popularmente coma tumba cabalos. Os primeiros resultados, da primeira colleita, amosan que o emprego destas plantas conseguiu reducir a presenza de nematodos a máis do 80% nalgunhas leiras. “Polo momento son os resultados só dun ano, pero observamos unha redución importante en dúas das parcelas nas que se empregaron”, explica o investigador e director do Inorde Servando Álvarez Pousa.

Os resultados da primeira colleita

Traballaron en tres parcelas na comarca da Limia. Dúas delas localízanse en Piñeira Seca e outra en Bustelo. Estes predios dividíronse á súa vez en subparcelas nas que había unha presenza irregular de nematodos. Así, nalgunhas delas contabilizábase unha incidencia de 13 ou 30 quistes por cada 100 gramos de terra, mentres que noutras acadábanse cifras de máis de 200 quistes, o que se achega xa ós valores de 350 quistes, onde a produción de pataca se ve practicamente imposibilitada. Nunha das parcelas de Piñeira Seca e na de Bustelo coas plantas de tumba cabalos conseguiuse reducir a incidencia dos quistes nun 87% no caso da primeira e dun 77% na outra parcela. Nalgúns casos, mesmo se eliminou totalmente a presenza de quistes. En parcelas nas que apenas se contabilizaba unha incidencia de 15, 47 ou 52 quistes por cada 100 gramos a presenza reduciuse a 0. Resultados do emprego de tumba cabalos procurando a redución dos nematodos. En vermello a presenza de quistes antes do cultivo. En verde o reconto de quistes tras cultivar esta planta. Neste primeiro ano de investigación tamén se observaron resultados menos favorecedores nunha das leiras de Piñeira Seca, onde a incidencia só se reduciu nun 26% e nalgunhas subparcelas mesmo se incrementou puntualmente a presenza dos quistes do nematodo, de 71 a 84 quistes por 100 gramos. Aínda que como apunta o investigador, o manexo que se fixo do cultivo da planta trampa pode ser o motivo para non lograr os resultados favorables que se obtiveron nas outras leiras, xa que unha nacenza deficiente do Solanum implica un descenso da súa efectividade. Planta de tumba cabalos.

Recomendacións no cultivo do tumba cabalos

En base á experiencia e á documentación manexada, recóllense as seguintes pautas para o manexo do cultivo do tumba cabalos: -É preciso lograr unha nacenza regular, o que resulta complexo ó tratarse dunha semente con pouco peso. Os investigadores empregaron unha abonadora pendular ou unha sementadora das que se utilizan para o cereal na comarca. -É recomendable facer plantacións superficiais, de 5 centímetros de profundidade. -É necesario sementar cada campaña, xa que nas condicións da Limia non se comporta como unha especie invasiva. Recomendan sementar unha dose de 20 quilos por hectárea, o que elevaría o custo a uns 400 euros por hectárea. -Aconséllase facer unha lixeira compactación superficial do terreo tras a plantación, para evitar que as sementes se despracen, ó tratarse de sementes lixeiras. -Debe haber temperaturas diarias por encima dos 25 graos. Tamén resulta interesante que haxa unha humidade de entre o 25 e o 40%. “Se as temperaturas son frescas e o solo está moi seco entón as sementen non xermolarán ata que se dean as condicións axeitadas”, detalla Álvarez.

Estratexia integrada para lograr o éxito

A pesar dos bos resultados que se acadaron, Servando Álvarez incide na importancia de empregar unha estratexia integrada, na que se asocien diferentes métodos para o control dos nematodos. Así, xunto co uso do tumba cabalos poden empregarse outras plantas nematicidas, así como aplicar nematicidas químicos ou procurar rotación de cultivos.
“A día de hoxe a loita debe ser integrada, hai que asociar métodos coma o cultivo de plantas e o uso de nematicidas químicos”: Servando Álvarez, director do Inorde
Na Limia xa se tiña traballado con plantas nematicidas como os tagetes ou crucíferas coma a mostaza, os nabos ou as coles. “Nos últimos 10 anos na Limia lévanse plantado moitas alternativas para loitar contra os nematodos. Cos tagetes tíñase grandes esperanzas, pero case non se conseguiron resultados. O mesmo pasou coas crucíferas, xa que con especies como a mostaza apenas se consegue reducir a presenza de nematodos nun 35%, se se emprega esta especia como único método de control”, sinala o investigador. Porén, o emprego combinado das mostaza nematicidas, con outras medidas poden aumentar a eficacia do control ata superar o 50 % de reducción no número de quistes. Os investigadores Paula Pérez e Servando Álvarez durante a presentación das investigacións, no Inorde.

O uso de fungos micorrízicos nas leiras de patacas

O uso de fungos micorrícicos no cultivo das patacas é outra das investigacións levadas a cabo no marco do proxecto SoildiverAgro e que tamén foi presentado nestas xornadas celebradas no Inorde con produtores e empresas do sector. A investigadora principal, Paula Pérez Rodríguez, da Universidade de Vigo, destaca a contribución dos fungos micorrícicos na produción de patacas, ó conseguir mobilizar nutrientes e poder reducir a cantidade de fertilizantes químicos a aportar. “O uso de fungos micorrícicos que se engaden ao solo cando se planta a pataca conforman unha rede ampla e axúdanlle ás plantas a captar máis nutrientes en zonas más alá da superficie que abarcan as súas raíces”, explica a investigadora.
“Reducindo a dose de fósforo á metade ou nalgúns casos, sen necesidade de botar fósforo, a produción de patacas cos fungos micorrícicos foi superior ou mantívose”: Paula Pérez, investigadora 
Ademais, os fungos micorrícicos poden ser unha alternativa ós fertilizantes convencionais de fósforo á hora de incrementar a produción. “Reducindo a dose de fósforo á metade ou nalgúns casos, sen necesidade de botar fósforo, a produción de patacas cos fungos micorrícicos foi superior ou mantívose”, explica a investigadora. A investigación permitiu constatar ademais, que boa parte dos solos da comarca da Limia son ricos en fósforo, o que podería permitir reducir o uso destes fertilizantes químicos ó combinar o fósforo presente nos solos cos fungos micorrícicos aportados na liña de plantación. Pese ós prometedores datos obtidos, a investigadora mantense cauta e apunta que se trata dos primeiros resultados obtidos dun único ano de ensaio, cunhas condicións climáticas e carácterísticas do solo moi concretas. En futuros ensaios preténdese testar esta técnica nun número grande de parcelas con distintas características do solo.

Bio-ferramentas para o control de pragas nos viñedos, alternativas para reducir o uso de pesticidas

España atópase entre os 3 países nos que a viticultura ecolóxica ten un maior peso en Europa, cuns 2,1 millóns de hectáreas con este tipo de produción. Mentres, en Italia e Francia, os outros dous países que completan a clasificación da produción ecolóxica europea, apenas se conta con 1,9 e 1,7 millóns de hectáreas, respectivamente. “A viticultura ecolóxica en España é un sector importante ao que apoiar e brindar ferramentas”, reivindica Raquel Campos Herrera, investigadora Ramón y Cajal do Instituto de Ciencias de la Vid y del Viño (CSIC-UR da Rioxa), durante a súa participación no Seminario Internacional de Viticultura: Avances e desafíos conxunturais, organizado pola plataforma Vitivin.
“A xestión integrada de pragas no viñedo adoece dun uso reiterado de pesticidas e require dun avance en métodos máis sostibles para reducir os residuos en viñas”
Dado o espazo que reclama a viticultura ecolóxica e o impacto ambiental que supón a produción convencional, onde chegan a aplicarse ata 30 tratamentos fungicidas por campaña dependendo das condicións climáticas, as alternativas biolóxicas e sostibles para combater as principais pragas do viñedo fanse cada vez máis necesarias. “A xestión integrada de pragas no viñedo adoece dun uso reiterado de pesticidas e require dun avance en métodos máis sostibles para reducir os residuos en viñas, tanto en solos como na auga”, apunta a investigadora. O grupo de traballo no que participa a investigadora abordou nos últimos 3 anos o uso de bio-ferramentas que poidan contribuír no control de pragas e enfermidades da vide. Unha das estratexias de control de pragas nas que se están centrando é a utilización dos nematodos entomopatóxenos, empregándoos como axentes de control biolóxico e organismos de modelo ecolóxico para o control de pragas como a avelaíña do acio, entre outros.

Os nematodos, aliados no viñedo

Do mesmo xeito que xa se están empregando noutros cultivos, o grupo de investigación abordou a utilización dos nematodos entomopatóxenos, sobre cuxo uso en viñedo apenas se levaron a cabo investigacións polo momento. Pero, como poden os nematodos converterse nunha ferramenta contra pragas? O seu propio ciclo natural no solo lévalles a acabar co seu hospedador, é dicir, o insecto; unha vez que liberan as bacterias, por iso é polo que poden chegar a ser de utilidade para combater determinadas pragas propagadas por insectos. “Unha vez que os nematodos penetran no insecto, proliferan e liberan unha serie de moléculas e toxinas que afectan a órganos como o intestino e que acaban por provocar a morte do insecto, que despois os nematodos seguirán aproveitando para reproducirse, proliferar e volver ao solo en busca dunha nova vítima”, detalla a investigadora.
As súas investigacións centráronse na avelaíña do acio, a cigarra espumadora e as arañas vermella e amarela
Coñecendo este proceso, o grupo botou man dos nematodos entomopatóxenos para desenvolver ferramentas biolóxicas, en parte desenvolvidas polo investigador Ignacio Vicente Díez, como parte da súa tese doutoral. Centráronse en tres insectos para observar de que maneira os nematodos poden converterse nun aliado para o seu control nos viñedos. En concreto traballaron sobre a avelaíña do acio, a cigarra espumadora e as arañas vermella e amarela. Centrarse nestes insectos motivou que os seus traballos vaian máis aló do desenvolvido para outras pragas que sobreviven na terra, onde tamén se localizan os nematodos. “Todas estas especies desenvólvense na parte aérea, o que obrigou a traballar nunha tecnoloxía paralela”, detalla a investigadora. Levan aplicando en campo esta nova tecnoloxía desde 2015 con distintos modelos de aplicación. “Coa tecnoloxía desenvolvida conseguimos que estes nematodos sobrevivan o tempo suficiente como para que se poidan utilizar na parte aérea e que penetren nestes insectos”, detalla Campos. Ademais, nos últimos anos foron máis aló de utilizar o propio nematodo senón que pasaron a utilizar todas as bacterias que o nematodo produce dentro do insecto, xa que estas bacterias poden crecer nun medio líquido, é dicir nun cultivo artificial, de maneira que logo se poidan empregar de distintas formas.

Ferramentas biolóxicas e pragas

Polo momento, xa comprobaron que a utilización destes extractos é eficaz contra a araña vermella, así como contra a cigarra espumadora, a avelaíña do acio e mesmo para o control da botrite. “Os traballos realizados con estes extractos mostran que teñen unha elevada eficacia para controlar ácaros como a araña vermella”, detalla a investigadora. No caso do seu uso para controlar a cigarra espumadora (Philaenus spumaius), comprobaron que a escuma producida por este insecto é un hábitat ideal para que actúe o nematodo. Tamén certificaron que estes nematodos resultan moi eficaces para matar as ninfas deste insecto. Ademais, confirmaron que non só os propios nematodos senón os extractos estaban a resultar de gran utilidade para acabar co insecto aos 3 ou 4 días. Taxa de mortalidade da cigarra espumadora exposta a nematodos. Nos seus traballos sobre o uso de nematodos entomopatóxenos como dos extractos para controlar a avelaíña do acio (Lobesia botrana), centráronse en distintas fases do insecto e confirmaron que no caso da fase 3 de larva o uso dos extractos dos nematodos consegue unha mortalidade do 80%. “Son resultados moi prometedores e sobre os que necesitamos seguir traballando”, recoñece a investigadora, xa que os traballos apenas comezaron o verán pasado. A taxa de mortalidade das larvas de Lobesia botrana (couza do acio) chega case ó 100% ó quinto día. Tendo en conta a relación que existe entre a avelaíña do acio e o desenvolvemento da botrite, xa que este insecto actúa como vector do patóxeno, os investigadores quixeron comprobar tamén se o uso destes nematodos ou os extractos podía ser un método de control deste patóxeno, conseguindo resultados prometedores, aínda por confirmar. Ademais, nos seus traballos están a estudar cales son os mellores co-adxuvantes que se podían utilizar no viñedo para conseguir a mellor supervivencia dos nematodos entomopatóxenos na parte aérea. “Búscase que poidamos mellorar a prevalencia dos nematodos nos viñedos”, explica a investigadora. Así, estas investigacións abren a porta á utilización de novas alternativas biolóxicas e cun menor impacto para o control de pragas no viñedo.  

-Consulta aquí algúns dos artigos de referencia para este proxecto. 

-Utilización dos nematodos no control da couza do acio.  -Efectos insecticidas dos nematodos contra a cigarra espumadora. 

Medio Rural anuncia un plan de acción para impulsar a plantación de piñeiro

O piñeiro está na liña de saída dun proceso de recuperación en Galicia. Logo de dúas décadas de forte declive en monte, as coníferas galegas ven a luz ó final do tunel. Os prezos da madeira de piñeiro están disparándose a nivel mundial, da man dunha demanda que todo apunta a que será moi superior á oferta ao longo das próximas décadas. Ese escenario únese ó impulso que a Fundación Arume, conxuntamente coa Consellería do Medio Rural, trata de lograr para as plantacións de piñeiro en monte. Desde a crise do 2008, cando o prezo do piñeiro se desplomou, os piñeirais galegos pasaron por unha travesía do deserto. A especie perdeu atractivo económico para os propietarios e un cúmulo de factores sumouse en contra. Disparáronse as plantacións de eucalipto nitens, unha especie máis adaptada ó interior galego que o eucalipto globulus; e no sur da comunidade os lumes e a chegada da praga do nematodo á provincia de Pontevedra mermaron as perspectivas de futuro da especie. O panorama agora está a cambiar, non só pola moratoria a novas plantacións de eucalipto, senón polo atractivo económico que comeza a ter de novo o piñeiro para os propietarios particulares e comunidades. Os retos para o piñeiro no monte céntranse en tres puntos, segundo expuxo hoxe o presidente da Fundación Arume, José Carballo, na reunión do Padroado da entidade: mellora xenética, sanidade forestal e apoio á silvicultura. A esas tres demandas respondeu na clausura da reunión do Padroado o conselleiro do Medio Rural, José González, quen anunciou un plan de acción a partir de setembro para promover a plantación de coníferas e frondosas no monte. Ese plan, segundo detallou o conselleiro, incluirá apoios á mellora xenética e á sanidade forestal. En canto ás axudas ós propietarios, a Xunta quere reformulalas e que o financiamento privado gañe tamén protagonismo. Intervención do conselleiro de Medio Rural, José González, na reunión do Padroado da Fundación Arume.

Mellora xenética

Galicia perdeu o tren da mellora xenética fronte a outras grandes rexións do mundo produtoras de coníferas. É unha realidade que afecta tanto ó piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) como ó piñeiro insigne (‘Pinus radiata’) e ó piñeiro silvestre. O sector ten ante si o desafío de lograr plantas con mellora xenética que ofrezan maiores produtividades e calidades, menores turnos de corta e garantías sanitarias fronte a enfermidades e pragas. Preocupa en especial o nematodo do piñeiro, xa presente na zona sur de Pontevedra. O Centro de Investigación Forestal de Lourizán logrou seleccionar piñeiros do país con maior resistencia fronte ó nematodo, pero agora toca transferir esa planta ó monte. A vía máis áxil é a obtención de planta clonal, se ben iso require un importante esforzo económico e tecnolóxico. Para lanzar a mellora xenética do piñeiro en Galicia, a Fundación Arume, que agrupa a toda a cadea do piñeiro de Galicia, deseñou un proxecto de 4,6 millóns de euros que opta a fondos Next Generation. Entre tanto, o conselleiro do Medio Rural, José González, que hoxe participou na reunión do Padroado da Fundación Arume, anunciou a inminente sinatura dun convenio con Arume por importe de 200.000 euros para iniciar accións de mellora xenética dos piñeiros de Galicia. Outra das eivas en xenética que se quere afrontar de xeito prioritario é a mellora do piñeiro insigne. Ante as dificultades administrativas para importar sementes dos grandes países produtores de piñeiro insigne, como Nova Zelanda ou Chile, con xenéticas máis avanzadas, o camiño a tomar apunta a desenvolver a mellora a partir das masas implantadas en Galicia de piñeiro insigne.

Declaración dunha emerxencia sanitaria para axilizar a prevención da banda marrón e vermella

A enfermidade das bandas marrón e vermella foi outro dos focos de debate na reunión do Padroado da Fundación Arume. No País Vasco e en menor medida noutras comunidades da Cornisa Cantábrica, como Asturias, o piñeiro insigne sofre nos últimos anos serios problemas coas bandas marrón e vermella, uns fungos que provocan a defoliación das árbores e en último termo, a súa morte. No oriente de Galicia, xa se detectaron este ano zonas de Fonsagrada e Baleira afectadas polas bandas, o que levou a Medio Rural a intensificar as medidas de prevención en montes conveniados, con tratamentos fitosanitarios, podas e rareos. O segundo obxectivo da Consellería céntrase en incentivar as medidas de prevención nas propiedades particulares e montes veciñais non conveniados. Para iso, o conselleiro anunciou hoxe a inminente declaración dunha emerxencia sanitaria, unha figura coa que se quere axilizar a adopción de medidas. González precisou que contará coa colaboración da Fundación Arume, a fin de que se implique na organización dos traballos e coordinación cos propietarios. Na reunión do Padroado da Fundación Arume celebrada hoxe, o subdirector xeral de Recursos Forestais, Jacobo Aboal, aportou a boa noticia de que a Galicia aínda non chegou a banda marrón -a máis perigosa-, se ben espérase que acabe por chegar. Os casos de bandas que se detectaron nos últimos dous anos no oriente de Lugo correspóndense coa banda vermella, un fungo que causa en principio un menor impacto nas masas. En calquera caso, Medio Rural considera imprescindible acometer á maior brevidade tratamentos, podas e sobre todo rareos nas masas de piñeiro insigne, principalmente en Lugo.

Apoios ós propietarios e restauración de montes

Reunión do Padroado da Fundación Arume. O terceiro piar do plan de acción que a Fundación Arume trata de impulsar, conxuntamente con Medio Rural, é o apoio ós propietarios na plantación de coníferas, así como na restauración de montes degradados por incendios ou pragas. Para a restauración ambiental de montes, unha vía que se está comezando a empregar é a participación de empresas privadas interesadas en compensar de xeito voluntario a súa pegada de carbono. É un mecanismo que xa permitiu a restauración de montes afectados por incendios nos últimos anos, como é o caso das comunidades de montes de Saiar e de Paradela, no monte Xiabre (Caldas de Reis). A Fundación Arume aspira a fondos Next Generation para cofinanciar ese proceso de restauración con fondos públicos. En concreto, o obxectivo é plantar 12.000 hectáreas nos próximos 5 anos, 7.000 de piñeiro do país, 3.000 de piñeiro insigne e 2.000 de frondosas. A idea é que 5.000 desas hectáreas se implanten en zonas afectadas polo nematodo e con planta que presente maiores resistencias fronte á praga. Ao respecto das frondosas, o conselleiro do Medio Rural anunciou hoxe tamén a súa intención de impulsar un plan específico para promover a silvicultura do carballo, a parte do plan xa anunciado para o castiñeiro. Balance das liñas de axudas De cara a promover a plantación de coníferas e frondosas en monte, a Consellería proxecta continuar coas liñas de axudas dos últimos anos, pero anúncianse cambios. A cuestión é que se está constatando que esas axudas non funcionan correctamente. O subdirector de recursos forestais, Jacobo Aboal, presentou hoxe no Padroado da Fundación Arume unha análise dalgunhas das principais eivas que se detectan nas liñas de axuda á plantación de coníferas e frondosas. Un punto analizado é que son axudas que a penas chegan ós propietarios forestais particulares, pois as grandes beneficiadas adoitan ser comunidades de montes veciñais. Chama a atención ademais que sistematicamente os montes veciñais de Ourense aparecen entre os grandes beneficiarios das axudas, pero sen embargo o volume de cortas de piñeiro é residual nesa provincia desde hai anos. O problema radica en que gran parte das plantacións non chegan a turno de corta por mor dos incendios forestais.
Medio Rural anuncia un plan piloto no 2022 na comarca de Verín para crear polígonos forestais cortalumes
É unha cuestión que a Consellería pretende afrontar con maior esforzo en prevención. González anunciou hoxe que o Distrito Forestal de Verín – Monterrei acollerá no 2022 un plan piloto para a creación polígonos forestais cortalumes. “Nesa comarca temos máis de 50.000 hectáreas de montes veciñais en convenio e trátase dunha zona na que nos preocupa o impacto dos incendios”, explicou o conselleiro. Os polígonos forestais cortalumes son unha das figuras de agrupación que aparecen na nova Lei de Recuperación da Terra Agraria. No marco da Lei, o conselleiro considera imprescindible que os propietarios forestais se impliquen na posta en marcha de agrupacións de xestión conxunta para reducir o minifundio e impulsar traballos silvícolas e de prevención conxuntos. A Consellería anuncia que porá énfase en priorizar as axudas destinadas a propietarios que participen en figuras de xestión conxunta. Na Consellería, por último, preocupa tamén a escasez de parcelas con certificación forestal PEFC ou FSC en Galicia. “Temos arredor dun 8% da superficie forestal certificada. En Alemania están no 70% e en Francia case no 50%” -comparou Jacobo Aboal-, que advertiu que “sen certificación non se chega ós mercados”.

Lourizán cataloga seis proxenitores de familia de piñeiro do país resistentes ó nematodo, dos que haberá semente dispoñible este ano

Galicia conta xa con seis proxenitores de familia de piñeiro do país catalogados nos rexistros da Xunta e do Ministerio pola súa maior resistencia ó nematodo do piñeiro. Estos proxenitores proceden de tres xenotipos do programa de mellora de Lourizán que están ubicados en dous hortos sementeiros en A Coruña (Cedeira e Monfero). Sonproxenitores que presentan unha supervivencia media fronte á praga que ronda o 80% nos ensaios desenvoltos polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán en invernadoiro. Son 20 puntos máis que a media de supervivencia nos ensaios, polo que as perspectivas son boas para a súa futura implantación en monte en zonas vulnerables ó nematodo. Tralo proceso de catalogación, o seguinte obxectivo sitúase en poñer a disposición dos viveiros forestais este material con maior tolerancia á praga, de xeito que comece a súa implantación en monte por parte dos propietarios e das comunidades de montes. Medio Rural dispón nos seus hortos sementeiros de A Braxe (Cedeira) e Cordal da Loba (Monfero) de arredor de medio cento de exemplares adultos dos seis proxenitores catalogados, polo que conta xa con semente colleitada de todos eles para trasladarlla en parte ós viveiros, un proceso que a Consellería conta con acometer este mesmo ano. Multiplicación das plantas Das árbores catalogadas recollerase semente a partir da que xa se poderían facer unhas primeiras plantacións en monte e, o máis importante, a partir das que se poderá multiplicar a cantidade de plantas dispoñibles. “Unha posibilidade é acometer, en colaboración cos viveiros, campos de plantas nai, a partir dos que obter estaquillas. Iso permitiríanos multiplicar a cantidade de planta dispoñible. No caso de facerse isto, deberíase traballar cun alto número de plantas nai para garantir a maior resistencia ao nematodo que teñen estos proxenitores”, valora a investigadora Raquel Díaz, coordinadora do equipo de Lourizán que traballa co nematodo, no que tamén traballan outras investigadoras como María Menéndez e Eva Prada.
Existe a posibilidade dunha multiplicación áxil da cantidade de planta dispoñible por medio da propagación por estaquillas, pero será preciso evaluar as plantas obtidas antes do seu uso
A propagación dos piñeiros por estaquillas, consistente na obtención de pequenos brotes con acículas xuvenís das plantas nai, que posteriormente se plantan cun enraizante, éun método eficaz para a propagación clonal dunha planta, pero tamén algo laborioso. Unha das claves para unha rápida multiplicación será a cantidade de semente, traballo e recursos que se adique ó proceso. No caso de traballar con poucas plantas nai, será imprescindible evalualas de xeito individual. “Polos nosos ensaios, que repetimos con éxito como mínimo durante tres anos, sabemos que estas tres proxenies de piñeiro teñen unha supervivencia media fronte ó nematodo que ronda o 80%, pero hai un 20% de plantas que non sobreviven. Por tanto, será necesario en cada planta nai testar un grupo de estaquillas para saber se son resistentes. Se non o son, deberase desbotar esa planta nai”, explica Raquel Díaz. Continuación das investigacións De cara ó futuro, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán márcase o obxectivo de lograr novas proxenies de piñeiro cunha maior supervivencia fronte ó nematodo. É unha liña de traballo na que xa están embarcados, facendo por exemplo polinizacións controladas das árbores para valorar o resultado dos distintos cruces, se ben trátase dunha técnica custosa.
Lourizán continúa traballando na busca de proxenitores con maiores taxas de supervivencia fronte á praga
Existe tamén a posibilidade de facer plantacións de material enxertado das tres proxenies xa catalogadas, o que permitiría comezar a producir cara final da década un volume importante de sementes de coníferas con maior tolerancia ó nematodo. Son todas elas liñas de traballo que se concretarán nos próximos meses, unha vez que onte se oficializou no Diario Oficial de Galicia a catalogación dos seis proxenitores de familia de piñeiro que presentan unha maior resistencia ó nematodo. Plantacións en monte Esta catalogación abre a porta para que as comunidades de montes e os propietarios forestais das zonas vulnerables ó nematodo poidan acometer plantacións con perspectivas de futuro. O material clasificado pola súa resistencia á praga presenta ademais mellores características madeireiras que os piñeiros sen selección xenética, pois ten maiores crecementos, máis rectitude e menos nós. Contexto O nematodo do piñeiro detectouse por primeira vez no sur de Pontevedra no 2010 e desde entón atopáronse outros seis focos da praga, o que levou a que todo o sur da provincia fose catalogado como zona vulnerable ó nematodo do piñeiro. Polo momento, a presenza da praga en Galicia é testemuñal, aínda que representa unha ameaza seria, pois está completamente extendida por Portugal e os cálculos apuntan a que a fronte principal de avance da praga polo país veciño cruzará a fronteira polo sur de Pontevedra e polo sur de Ourense no 2021.

“As industrias da madeira están comprometidas nas medidas fitosanitarias para frear ó nematodo”

A recente publicación da auditoría europea que advirte de “importantes deficiencias” en Galicia no control da praga do nematodo do piñeiro suscita preocupación no sector forestal e, en particular, nos aserradoiros e nas industrias da madeira. Se a praga continúa o seu avance en Galicia, tanto propietarios forestais como empresas verán mermada a súa rendibilidade, o que leva á industria da madeira a ser firme na necesidade de axeitados controis. O presidente da Federación de Aserradoiros e Rematantes de Galicia (Fearmaga), Elier Ojea, é contundente. “Fearmaga estudiará os casos nos que se demostre que houbo un comportamento inaxeitado e actuará en consecuencia para preservar os intereses e reputación do conxunto dos asociados”, manifestou Ojea este xoves en Santiago ante un cento de empresas da madeira que asistiu a unha xornada sobre a norma NIMF 15. La norma NIMF 15 é a que regula o tratamento térmico que ten que seguir a madeira da zona demarcada polo nematodo e tamén toda madeira que se destine ó mercado internacional de envases e embalaxes. A secretaria xeral de Fearmaga, Ana Oróns, afonda no impacto da praga do nematodo no sector: “Desde que se detectou por primeira vez a praga, as empresas da zona demarca sufriron unha perda de competitividade, pois limitouse o seu acceso a mercados exteriores e experimentaron un aumento de custos no procesado e tratamento da madeira” , recapitula Oróns. Preguntada polas incidencias detectadas pola auditoría europea con empresas da madeira, Oróns sinala que unha mala praxe de “empresas puntuais” non representa ó conxunto do sector. “O conxunto do sector son as máis de 100 empresas que temos aquí que queren estar informadas dos avances lexislativos e de tódalas medidas precisas para a contención da praga. Desde Fearmaga non permitiremos que a mala praxe dunha ou dúas empresas poña en cuestión a boa imaxe do sector”, conclúiu. Sobre as deficiencias detectadas pola auditoría europea no control da praga en monte por parte da Xunta, Oróns non se pronuncia: “Sabemos só o que saíu publicado nos medios e temos aínda que estudar a auditoría europea en profundidade”, valora. De esquerda á dereita, Orlando Vázquez, xefe de Sanidade Vexetal de Medio Rural, Elier Ojea, presidente de Fearmaga, Carmen Díaz, xefa do Servicio de Prevención y Control Fitosanitario del Ministerio de Agricultura, Esperanza Pérez, técnico do Servicio de Prevención y Control Fitosanitario do Ministerio, e José Ángel González, técnico de Fearmaga.

Europa advirte deficiencias en Galicia no control do nematodo do piñeiro

Galicia fixo esforzos para mellorar o control da praga do nematodo do piñeiro, pero as deficiencias persisten. Esa é a conclusión da auditoría da UE sobre a xestión da praga en España, que vén de facerse pública. O equipo auditor da Comisión Europea conclúe que Castilla y León e Extremadura, con dous focos declarados da praga, están facendo un bo traballo, pero advirte de “importantes deficiencias” en Galicia, que xa fora cuestionada nun anterior control. A existencia de problemas na comunidade confirmouse cando no 2019 se interceptaron en Europa dous envíos de madeira e embalaxes de madeira procedentes de Galicia que deron positivo á presenza de nematodos do piñeiro vivos. A madeira interceptada fora sometida ós tratamentos de calor preceptivos para garantir a eliminación de nematodos -ou alomenos así fora marcada-, pero conservaba nematodos vivos, segundo sinala o equipo auditor. En base a esa interceptación, o informe da auditoría conclúe que é posible que a praga estea máis extendida do que se pensa, ben na propia zona demarcada, ben noutros puntos de Galicia. Ademais, unha inspección do equipo auditor en xuño do 2019 a unha das instalacións galegas das que saíra madeira con nematodos vivos detectou a presenza de dous nematodos en madeira aínda non tratada. Esa madeira procedía en teoría da zona demarcada das Neves, se ben posteriores análises na zona das Neves non atoparon novas árbores infectadas.
A auditoría detectou nematodos en madeira que aínda non fora tratada nunha industria. A boa noticia é que a madeira tratada non tiña presenza da praga
A boa noticia é que as análises sobre a madeira tratada na industria inspeccionada non revelaron presenza de nematodos vivos. A Xunta informou ó equipo auditor de que, trala interceptación en Europa de madeira con nematodos vivos, esa industria foi suspendida ata que mellorou o seu tratamento térmico da madeira para evitar novos erros, Controis no monte O equipo inspector centra as súas principais preocupacións nos controis en monte, pois considera que as análises sobre árbores decaídas da zona demarcada, sospeitosas de agochar a praga, son insuficientes. Durante o 2018, fixéronse 1.000 análises de mostras, cando o Laboratorio de Areeiro, encargado das análises, ten capacidade para 5.000 análises anuais de mostras de piñeiro. O equipo auditor sinala que en Galicia tomáronse moitas mostras de árbores decaídas que non foron analizadas. Desde a Xunta -apunta o informe- non ofreceron ningunha explicación convincente sobre o motivo de por que non fan máis análises de mostras, fóra de apelar á insuficiencia de recursos.
"A Xunta non ofreceu explicacións convincentes de por que se toman mostras en monte que non se analizan posteriormente"
A Comisión Europea conclúe que non se pode asegurar a inexistencia da praga noutros puntos da zona demarcada, sobre todo tendo en conta que en Galicia, polas súas menores temperaturas estivais, a praga pode estar presente a un nivel latente, sen cursar unha alta mortandade das árbores nun curto periodo de tempo. Retraso na ampliación da zona demarcada A Xunta tampouco foi capaz de explicarlle á auditoría da UE por que, tras detectar sete novos positivos do nematodo do piñeiro en agosto do 2018, non ampliou a zona demarcada ata o 28 de decembro dese ano. O comportamento das autoridades galegas contrasta co de Castilla y León, que decretou unha zona demarcada en xullo do 2018 tras detectar un caso ese mesmo mes, ou co de Extremadura, que decretou unha zona demarcada o 15 de marzo do 2018 tras detectar un caso o 28 de febreiro dese ano. “O retraso na revisión en Galicia da zona demarcada levou a que material susceptible continuase movéndose desde esa zona á espera de demarcación, o que puido posibilitar a propagación da praga por medio dese material”, cuestiona Europa. Os auditores precisan, sen embargo, que as sete árbores positivas en agosto xa se cortaran e eliminaran a comezos de xullo, trala toma de mostras, o que evitou males maiores. Árbores decaídas en monte A auditoría realizada en xuño do 2019 visitou un dos novos focos do nematodo e detectou dúas árbores decaídas nun radio de 500 metros ó caso detectado o ano anterior. Desde a Xunta indicouse que esas árbores foran mostreadas en xaneiro do 2019, pero que non se enviaran as mostras ó laboratorio. Tamén xustificou que non se cortasen ambas árbores, tal e como obriga a normativa, por traballos públicos que dificultaron o acceso ó lugar.
"Non é posible afirmar que o nematodo do piñeiro non estea máis amplamente presente en Galicia", conclúen os auditores
Visto o escenario, os auditores reiteran que “non é posible afirmar que o nematodo do piñeiro non estea máis amplamente presente, ben en árbores que foron cortadas pero non analizadas, ben en árbores en declive no monte que non foron nin cortadas nin analizadas”. Control sobre os movementos de madeira En Galicia, existen 33 empresas autorizadas para o procesado de madeira procedente da zona demarcada. Parte delas atópanse fóra da área afectada pola praga, pero só poden transportar madeira durante os catro meses en que non voa o insecto vector do nematodo, que está activo entre abril e novembro. De facer movementos para fóra da zona demarcada durante o voo do insecto vector, terían que facelo en contedores pechados. O equipo da auditoría sinala que os controis realizados semellan demostrar o cumprimento da normativa sobre o movemento de madeira, pero tamén advirte de que eses controis son insuficientes. “Existen condicións apropiadas para o movemento de material desde a zona demarcada das Neves e a conciencia e cumprimento das industrias semella bo, pero o baixo nivel de controis oficiais e o tamaño moito maior da zona demarcada aumentan o risco de que se produzan incumprimentos”. Como exemplo dun incumprimento, os auditores sinalan que se detectou en Castilla y León un camión con 25 toneladas de madeira queimada procedente de Galicia en agosto do 2018, época de voo do insecto vector na que esa madeira non tiña autorización para saír da área afectada pola praga. A empresa autora do envío foi sancionada con 90.000 euros. Cómpre lembrar que no outono do 2017, o sur de Pontevedra sufriu graves incendios que afectaron a milleiros de hectáreas de piñeirais, o que dificultou o control da praga no monte, así como a inspección dos numerosos movementos de madeira que se fixeron nos meses seguintes. Outro incidente produciuse en agosto do 2019, cando a Guardia Civil detivo a un maiorista da provincia de Ourense por enviar madeira da zona afectada a outros puntos de España falsificando a súa orixe, coma se procedese de fóra da zona demarcada.

O nematodo do piñeiro en Galicia

Zona demarcada polo nematodo do piñeiro en Galicia. O nematodo do piñeiro, un verme microscópico que pode causar unha rápida mortandade das árbores, identificouse por primeira vez en Galicia no 2010, no concello das Neves. A detección da praga, que foi seguida doutros casos posteriores no 2016 e no 2018, obrigou a finais do 2018 a declarar todo o sur da provincia de Pontevedra como zona demarcada pola praga. Esa declaración obriga a controis das árbores en monte, para eliminar tódolos pés secos ou decaídos, sospeitosos ou susceptibles de sufrir a praga, que se extende por medio dun escaravello, o ‘Monochamus galloprovincialis’. Sobre ese insecto vector, a Administración está tamén obrigada a trampeos e a análises de parte dos insectos capturados, a fin de comprobar se son portadores ou non da praga. Dos arredor de 5.000 insectos analizados no 2018 nas tres zonas demarcadas de España, ningún resultou ser portador.

A Garda Civil detén a un maderista de Ourense por vender piñeiro infectado polo nematodo

Axentes da Garda Civil desartellaron unha organización que comercializaba ilegalmente madeira infectada polo nematodo do piñeiro. Estaba liderada por un almacenista do sector da madeira de Ourense, quen creou unha rede de venda do produto que adquiría en zonas infectadas por esta praga no municipio pontevedrés das Neves e vendíaas noutras provincias de España. A operación, denominada Bursátil, comezou a comezos do verán pasado cando o Seprona recibiu o aviso de que un empresario ourensán estaba a adquirir grandes cantidades de madeira de piñeiro en montes infectados polo nematodo. Os axentes da Benemérita comprobaron entón como un autocargador transportaba este produto afectado polo nematodo e distribuíao en provincias como Segovia, Burgos, Cantabria, Asturias e Navarra mediante unha empresa de transportes, da que o detido tamén é propietario. As investigacións culminaron o 11 de xuño deste ano coa detención do director destas dúas empresas ourensás e catorce persoas máis involucradas. Acúsanos de organización criminal, estafa, falsidade documental e un delito contra a natureza e o medio ambiente. Co obxectivo de evitar a propagación desta praga, a Xunta de Galicia constituíu unha zona profiláctica de contención da bacteria que se estende ao longo de vinte quilómetros na fronteira entre As Neves e Portugal, xa que este país é o foco de orixe da infección.

Unhas 6000 toneladas vendidas

Neste sentido, o modus operandi do detido era o seguinte: aproveitaba as autorizacións da Consellería de Medio Ruralde das que dispuña para a corta e talla en zonas non demarcadas para realizar albaráns de expedición, facendo constar neles que esta madeira de piñeiro procedía de Nigrán, municipio por aquel entón zona non infectada. Porén, a orixe desta madeira estaba en áreas infectadas das Neves. Da análise de máis de 3.000 documentos de transporte e guías de recepción nas empresas destinatarias, estímase a saída ilegal de 218 transportes con máis de 6.000 toneladas de madeira de piñeiro da zona demarcada polo nematodo, desde As Neves a outras zonas do territorio estatal libres da enfermidade fitosanitaria. Máis información sobre o nematodo do piñeiro  

Demandan a simplificación dos permisos de corta na zona demarcada polo nematodo

O sector forestal está preocupado polos retrasos que se producen con frecuencia na corta de piñeiros secos, decaídos ou queimados que están na zona demarcada polo nematodo, un área que abarca todo o sur da provincia de Pontevedra. Estas árbores, que poden favorecer a expansión da praga do nematodo, deben cortarse con urxencia tras a súa detección, pero a burocracia está a retrasar parte das cortas durante varios meses. A normativa especifica que toda árbore con síntomas de decaímento debe eliminarse de inmediato durante o periodo de voo do insecto vector, que comeza o 1 de abril e prolóngase ata outubro. A ese 1 de abril, en teoría, o monte debería chegar libre de pés secos ou queimados, que se deben eliminar durante o inverno, pero na práctica non é así, entre outras cuestións porque a xestión de permisos de corta é un quebradeiro de cabeza para comunidades de montes e propietarios. A maiores, a Xunta recoñecía en xaneiro que aínda non estaba resolta a retirada de toda a madeira queimada no sur de Pontevedra nos grandes lumes do outono do 2017 . En concreto, Medio Rural estimaba en arredor de 1.000 hectáreas as pendentes de corta. Problemas con Patrimonio e Confederación Hidrográfica A Asociación Forestal de Galicia (AFG), que vén de reunirse esta fin de semana en Tomiño con comunidades de montes socias, constatou a inquedanza dos comuneiros polas dificultades que teñen para eliminar pés secos ou decaídos do monte. O problema céntrase naqueles montes que teñen afeccións de organismos como Patrimonio, Confederación Hidrográfica ou Estradas, pois neses casos, incluso para proceder á corta dunha única árbore seca ou decaída precísase dun permiso específico do correspondente organismo, que en ocasións tarda meses en contestar. Nunha recente reunión que houbo en Pontevedra da Mesa Provincial de Seguemento do Nematodo, na que participa a AFG xunto con outras asociacións do sector (Fearmaga, Monte-Industria, Asefoga, Organización Galega de Comunidades de Montes), trasladóuselle en conxunto á Xunta a necesidade de simplificar as cortas na zona demarcada, pois enténdese que debe prevalecer a necesidade de control e erradicación da praga fronte a outros criterios.
A Xunta aclarou que non hai restriccións polo de agora ó movemento de madeira en rolla a Portugal. A madeira aserrada si ten que pasar un tratamento térmico para a súa venda
Esta axilización -sinalan desde a Asociación Forestal de Galicia- podería ir acompañada de condicionamentos xenéricos que garantisen as proteccións que correspondese en cada caso (Patrimonio , augas, etc.). A Xunta comprometeuse a estudar a cuestión, na busca dunha posible solución. O sector forestal tamén lle trasladou á Administración a necesidade de que naqueles montes particulares que presenten unha escasa xestión, a empresa Tragsa proceda de xeito áxil á retirada dos pés secos ou queimados, de xeito que o traballo que están acometendo as comunidades de montes se vexa completado en propiedades particulares próximas que escapan o seu control. Ao tratarse o control do nematodo dun asunto declarado de utilidade pública, Tragsa ten desde hai anos unha encomenda da Xunta que lle permite acceder a parcelas forestais particulares para eliminar todo pé sintomático, seco ou queimado. Movemento de madeira con Portugal Outra cuestión que se aclarou na reunión da Mesa Provincial de Seguemento do Nematodo é que mantense a autorización de movementos de madeira en rolla a Portugal, é dicir, os piñeiros cortados na zona demarcada poden ser vendidos a industrias transformadoras ubicadas en Portugal, pois ao ser todo Portugal zona demarcada polo nematodo, esa rolla non sairía dunha zona demarcada. Distinto é o caso da madeira xa aserrada e transformada, pois nese caso precísase que toda a madeira sexa sometida a un tratamento térmico para eliminar calquera posible presenza de nematodos, de xeito que obteña o pasaporte fitosanitario que permita a súa comercialización.
Grupo provincial de seguemento do nematodo, constituído pola Xunta e entidades do sector.

Medio Rural compromete axudas para a silvicultura do piñeiro na zona demarcada e na zona tampón con Portugal

O sector forestal trasladoulle tamén á Xunta a necesidade da posta en marcha de axudas para a silvicultura na zona demarcada. A este respecto, Medio Rural confirmou que está a traballar nunha orde de axudas específicas para a zona demarcada, que abrangue todo o sur da provincia de Pontevedra, e para a zona tampón en Ourense, que inclúe unha franxa de 20 quilómetros na fronteira con Portugal. A Asociación Forestal de Galicia considera prioritaria a convocatoria destas axudas para potenciar a correcta silvicultura nas masas de coníferas, de xeito que se mellore a súa sanidade con desmestas, podas e coa eliminación das árbores sintomáticas directamente pola propiedade, triturándose os restos de cortas e podas cunha máquina de martelos.

Inquedanza no sector forestal polo bloqueo das vendas de piñeiro a Portugal

A ampliación da zona demarcada pola praga do nematodo do piñeiro, que se estende por todo o sur da provincia de Pontevedra, está a deixar consecuencias inesperadas. Medio Rural decidiu paralizar temporalmente na zona as autorizacións de exportación de madeira de piñeiro a Portugal, unha situación que preocupa entre madereireiros e comunidades de montes. A inquietude existente no sector constatouse estes días nunha reunión que mantivo en Tomiño a Asociación Forestal de Galicia (AFG) con comunidades de montes do Baixo Miño. No encontro, ao que asistiron medio cento de representantes de montes veciñais, os comuneiros trasladaron a súa preocupación tanto polo bloqueo dos envíos de piñeiro a Portugal como pola expansión da praga no sur da provincia.
Os envíos de madeira a Portugal nunca se bloquearan na anterior zona demarcada das Neves, vixente entre o 2010 e o 2019
A paralización temporal dos movementos de madeira de piñeiro a Portugal desde a zona demarcada iniciouse o pasado 12 de febreiro, a raíz dunha comunicación por escrito que a Consellería do Medio Rural lle trasladou ás empresas forestais, informándoas de que, “de momento”, as autorizacións de transporte da madeira con destino a Portugal quedaban suspendidas. Medio Rural sinalaba na mesma comunicación que está pendente dun acordo ao que se ten previsto chegar coas autoridades de Portugal. O bloqueo das vendas de madeira a Portugal, que nunca se producira na anterior zona demarcada das Neves (2010-2019), preocupa ás comunidades de montes veciñais e ós propietarios particulares, pois no sur de Pontevedra, a gran maioría da madeira de piñeiro destinada a trituración vendíase ata agora á factoría de Europac (Viana do Castelo, Portugal), unha empresa papeleira que paga por esa madeira prezos superiores ó resto de posibles compradores.
A factoría portuguesa de Europac é a compradora de referencia no sur de Galicia para o piñeiro de trituración
A imposibilidade actual de enviar piñeiro a Portugal representa, por tanto, un risco claro de serias perdas para as comunidades de montes. Tamén parte da madeira de piñeiro para serra se estaba a comercializar co país veciño, polo que desde a Asociación Forestal de Galicia pídese que se aclare a situación e que se proceda a un desbloqueo das exportacións o máis áxil posible. O sector entende que non debería haber problema nos envíos, pois todo Portugal é zona demarcada polo nematodo do piñeiro e de feito, o fronte principal da praga avanza por Portugal cara a Galicia. Desde Medio Rural, polo de agora, limítanse a lembrar que se pode exportar madeira de piñeiro previamente tratada térmicamente, pero iso non é unha posibilidade para toda a madeira que se vendía en pé no monte galego para compradores portugueses. Encontro da AFG con comunidades de montes. Programa de apoio á silvicultura Outro dos asuntos abordados o pasado sábado no encontro da Asociación Forestal de Galicia coas comunidades de montes do Baixo Miño foi a necesidade dun programa de apoio á silvicultura, pois para conter a praga do nematodo do piñeiro, unha das prioridades pasa pola eliminación dos pés sintomáticos e decaídos do monte. A vixilancia e control sanitario que as comunidades de montes poidan executar nos seus terreos é, por tanto, un asunto que se considera fundamental para frear a expansión do nematodo do piñeiro. A Asociación Forestal de Galicia mantén unha postura conxunta con outras asociacións e entidades forestais sobre a necesidade dun plan de apoio á silvicultura na zona demarcada polo nematodo, de xeito que as comunidades de montes poidan enfrontar ó aumento de custos que xera a praga na xestión das súas masas. A maiores da eliminación de pés secos ou sintomáticos, as comunidades teñen que executar a trituración dos restos de cortas e podas ata diámetros inferiores a 3 centímetros. Ese diámetro obriga a utilizar trituradoras de martelos, que encarecen o custo dos traballos de trituración a máis do dobre, en relación a unha trituradora de cadeas. Tamén se demanda desde o sector un plan de apoio ás empresas forestais e industrias de transformación da madeira ubicadas na zona demarcada. Outro asunto do que se queixan as comunidades de montes é da falta de información sobre a praga por parte da Administración. Novo encontro informativo en Vigo Desde a Asociación Forestal de Galicia continuarase este venres 22 en Vigo coas reunións informativas para explicar as medidas que se están a adoptar para frear o avance da praga e para abordar as consultas e inquedanzas de comunidades de montes e propietarios particulares. O encontro deste venres será ás 19.30 horas no local social da comunidade de montes veciñais de Coruxo (Subida San Sebastián, n.º 23. Fragoselo – Coruxo, Vigo).

Reunión do Consello Forestal de Galicia

O Consello Forestal de Galicia, un órgano consultivo da Xunta no que participan todas as entidades e asociacións do sector forestal, mantivo onte un encontro para abordar cuestións de normativas, proxectos e situación das masas forestais. Medio Rural avanzou na reunión que pretende publicar en breve un decreto para regular os aproveitamentos forestais. Este decreto desenvolverá a normativa xa existente sobre comunicacións e autorizacións de corta.
Medio Rural ultima o decreto de aproveitamentos forestais, que desenvolverá o sistema de comunicacións e autorizacións de corta
Outra cuestión que se abordou na reunión foi a busca dun sistema de xestión para os montes periurbáns cun alto uso recreativo. Medio Rural anunciou que desenvolverá unha proposta en tal sentido en colaboración coa Universidade de Vigo. A situación sanitaria das masas forestais centrou tamén parte do debate. En relación ó nematodo, chamou a atención do sector que Medio Rural recoñecese que tiña constancia de novos positivos no sur de Pontevedra desde agosto do 2018, se ben a comunicación ó sector e a ampliación da zona demarcada non se fixo ata xaneiro do 2019.

“É moi complicado atopar planta con garantía sanitaria tanto en Galicia como en España”

Aínda que está a piques de cumprirse un ano desde que se xubilou, Pedro Mansilla, segue moi vinculado á Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro que dirixiu case desde que o proxecto botou a andar hai máis de 30 anos. Abordamos con el as transformacións da agricultura galega nos últimos anos e repasamos como se combateron algunhas das pragas máis importantes á vez que debullamos a situación doutras que están a supor un reto na actualidade A agricultura en Galicia sufriu unha fonda transformación ao longo dos últimos anos, como valora estes cambios? Nalgúns sectores, como a viticultura, a evolución foi moi positiva e incrible. Cando eu cheguei a Galicia, en 1980, era case imposible atopar un viño etiquetado e agora mesmo todas as Denominacións de Orixe tiveron unha evolución moi importante, con presenza xa nos mercados internacionais e un gran potencial. Noutros sectores, a evolución foi moi distinta. Naqueles anos os invernadoiros, principalmente de flor, de caravel, rosas, crisantemos ou xerberas tiveran un boom que ao final se difuminou e agora apenas teñen presenza en Galicia. Con todo, outros sectores como os viveiros, sobre todos os ornamentais, asentáronse. A evolución foi moi dispar e nalgúns ámbitos houbo unha gran profesionalización.
"Areeiro foi unha biofábrica na que se producía da orde de 1 millón de parasitoides ao ano para combater o gurgullo"
Na Estación Fitopatolóxica de Areeiro fixeron fronte a moitas pragas, lembra algunha que representase un auténtico desafío? Tivemos moitas pragas importantes ao longo destes máis de 30 anos. Eu destacaría dúas delas no sector forestal. Unha foi o gonipterus platensis, que naquel momento chamábase gonipterus scutellatus [coñecida como a praga do gurgullo do eucalipto] que é un defoliador do eucalipto. Fomos os primeiros en detectalo a nivel español e os primeiros a nivel mundial en traballar no control biolóxico dunha forma masiva. Estivemos a traballar case durante 12 anos con ovos parasitados de anaphes nitens que é un parásito que funciona moi ben. Isto xa se fixo nalgúns países, pero de maneira moi puntual polo pouco eucalipto que existía ou porque esta praga tiña xa moitos depredadores que a controlaban, como ocorría no seu lugar de orixe. Había 12 persoas traballando todo o tempo nisto e Areeiro foi unha biofábrica na que se producía da orde de 1 millón de parasitoides ao ano. Tivemos moitos problemas ao principio e ninguén nos podía axudar porque non se fixo antes polo que foi un dos maiores éxitos da estación. Outro foi o control do chancro do castiñeiro coa inoculación de cepas hipovirulentas, xa que chegou un momento en que practicamente o castiñeiro estaba sentenciado posto que non había solución para esa enfermidade. Ao descubrir estas cepas e tras investigar sobre elas, conseguimos que hoxe, en Galicia, sexamos capaces de controlar o 95% do chancro. Houbera outros equipos que estiveron a traballar neste temática pero sen obter resultados, pero nós ademais do duro traballo que fixeramos durante máis de 10 anos, tivemos a sorte de atopar unha solución. Traballouse e séguese traballando en moitas pragas algunhas máis recentes como as que afectan aos cítricos ou o Nematodo do piñeiro ou as da madeira da vide. Eu fun fitopatólogo e estiven sempre máis centrado neste control das pragas, pero non hai que esquecer que en Areeiro se traballa tamén noutros temas como a camelia, sendo unha referencia mundial non só nas variedades ornamentais senón no tema do aceite ou a produción de té. Non imos competir con outros países pero é unha alternativa para os agricultores.
"O control do chancro do castiñeiro chegou nun momento en que practicamente o castiñeiro estaba sentenciado"
A avespiña do castiñeiro, o nematodo, a seca da oliveira, a couza guatemalteca... estamos a ter na actualidade moitas máis ameazas para os cultivos que hai anos? A verdade é que se pero debido a que hoxe non hai fronteiras, tampouco para as pragas. Calquera persoa pode ir a calquera parte do mundo e, aínda que está prohibido, traer unha semente, unha planta ou unha flor. Ademais, os intercambios comerciais son moitísimo maiores e facer inspeccións é realmente complicado. Os inspectores en fronteira teñen que coñecer multitude de temas e entran grandes cantidades. Aínda que se fagan mostraxes os resultados non sempre son garantían de que non estea a entrar material infectado. Por exemplo, no control de fusarium circinatum [causante do chancro resinoso do piñeiro] especifícase que se deben analizar 500 sementes, pero esa é unha mínima parte nun saco de 25 quilos de sementes, onde hai milleiros. Nesa mostra pode non darse ningún positivo e localizarse noutras. É moi complicado. Nun mundo cada vez máis global, hai que buscarlle solución a estas pragas no lugar de orixe? E no destino, en que fallamos? Cando nos atopamos cunha nova praga, ao principio a todos nos sorprende e alarmámonos pero, tanto pode ocorrer que as condicións sexan as adecuadas e a praga se instale como que non chegue a adaptarse e desapareza. Aínda que, boa parte das últimas pragas que chegaron terminaron instalándose e, con maior ou menor virulencia, atacounos. En moitos destes casos, hai que buscar a solución nos lugares de orixe vendo como se soluciona alí ou vendo como non se soluciona, xa que en boa parte deses países non se ven obrigados a combatelas posto que teñen un complexo de parásitos e depredadores que as manteñen baixo control. Traer a solución dos países de orixe tamén entraña os seus perigos porque se introduce un organismo novo que tampouco sabemos como vai comportarse neste ecosistema. Estas solucións implican moitos anos de estudo e traballo que fai que sexan solucións que se prolongan no tempo. Un control biolóxico sempre é unha solución máis lenta que un produto fitosanitario, pero con outras vantaxes. Tamén as restricións por parte das autoridades para introducir estas alternativas provoca que, ás veces, se atrase a solución, como está a ocorrer agora mesmo co dryocosmus kuriphilus do castiñeiro, que sabemos que se controla no seu lugar de orixe (China) con torymus sinensis, e estivérono facendo en Xapón e outros países con bos resultados, pero aquí o Ministerio aínda non autorizou a súa utilización máis que dunha forma moi reducida e estudada para ver a súa evolución. Unha vez que se introducen estas solucións, están a ofrecer resultados bastante satisfactorios. En Galicia, o gonipterus en eucalipto foi a praga máis importante con consecuencias económicas moi significativas, e solucionouse.
"Moitas veces os particulares non se implican e non mercan parasitoides para combater pragas. Os esforzos teñen que ser de todos"
Si é certo que nalgúns casos estas pragas seguen estando presentes, como o gonipterus, pero, en parte, débese a que hai que aplicar máis parasitoide. Moitas veces estes parasitoides está a soltalos case en exclusiva a Administración pero os particulares non se implican da mesma maneira e apenas mercan, cando son os que máis teñen que perder. Os esforzos teñen que ser de todos. A resistencia que presentan algunhas destas pragas, é unha herdanza de prácticas fitosanitarias pouco idóneas? Ás veces dá a impresión de que hai máis enfermidades ou que son máis resistentes pero en parte atende a que moitas delas eran aínda descoñecidas. É o caso, por exemplo, das enfermidades da madeira na vide, onde antes os agricultores definíano todo como yesca. Agora hai máis xente investigando sobre este tema e  viuse que hai moitos fungos implicados e cada un hai que tratalo de distinta maneira. Durante moito tempo pasou o mesmo ao diagnosticar a eutypa, unha conclusión á que se chegaba polos síntomas. Hoxe sabemos que non se pode diagnosticar unha enfermidade en base só aos síntomas xa que poden ser de varias afeccións. Tampouco había medios técnicos para afrontalos de forma eficaz. Hai organismos que é moi difícil de combater. Tamén é certo que algunhas desas malas prácticas séguense facendo hoxe en día. É verdade que as grandes plantacións están máis profesionalizadas pero moitos agricultores pequenos seguen con certos costumes pouco aconsellables.
"Hoxe en día hai unha loita dirixida e integrada, aplicando os tratamentos en función de como estea o fungo"
A pesar desas prácticas pouco aconsellables que refire, en viticultura hai producións cada vez máis respectuosas co medio ambiente, estamos no camiño de lograr colleitas reducindo a aplicación de sulfatos contra afeccións tan populares como o mildiu? Vai estar complicado, porque dependerá moito das condicións climáticas e haberá anos que, en certas zonas, con catro tratamentos sexa suficiente mentres que outros serán necesarias máis aplicacións. Avanzouse moitísimo aínda que segue sendo unha das enfermidades máis importante da vide. Cando eu cheguei, tanto os técnicos, como as casas de sulfatos ou os agricultores daban tratamentos a prazos fixo, houbese ou non afección. Hoxe en día hai unha loita dirixida e integrada, aplicando os tratamentos en función de como estea o fungo e as condicións climáticas. No caso dos agricultores da provincia de Pontevedra contan coa información que Areeiro lles proporciona periodicamente mediante boletíns sanitarios e que axuda nese camiño. Cara a onde cre que evolucionará o tratamento das enfermidades fúnxicas no viñedo? Está a verse xa nas grandes extensións de cultivo, como os cereais, onde están a apostar por unha mellora xenética. No resto, como son procesos longos que implican grandes gastos en investigación vaise avanzando máis lentamente. En Areeiro está a traballarse xa en mellora xenética cun equipo italiano e outro neocelandés para combater unha enfermidade moi importante da camelia. Entón, son as cruces mellorados xeneticamente, como defende o movemento PIWI, a solución? Para algunhas enfermidades pode ser un alternativa pero, si é certo que son investigacións moi caras e a longo prazo. Segue sendo complicado atopar planta de calidade en Galicia, tanto en variedades e clons como en garantías fitosanitarias? Si, segue sendo complicado, non só en Galicia senón en España, atopar planta con garantía fitosanitaria. Nós en Areeiro tivemos recentemente dificultades para atopar planta con garantías fitosanitarias para un estudo conxunto con Portugal, para a contención da PSA, unha das últimas enfermidades do kiwi. Realmente estanos custando moito conseguir planta que estea libre desta afección. Estamos a buscar estas plantas xa non só en España senón tamén noutros países. Unha situación similar ocorre coa vide, onde é moi difícil atopar planta libre das enfermidades da madeira, xa que pode estar limpa dalgunha pero non de todas as afeccións que poida ter. As enfermidades da madeira como a nova philloxera, están a dar a batalla especialmente tras a prohibición do artesino sódico. Coa súa experiencia, en que debemos mellorar na viticultura en Galicia para combater esta praga con eficacia? O problema que temos é que antes se falaba de yesca e parecese que só había unha enfermidade pero, a verdade é que, baixo ese nome había variedade de afeccións que se descoñecían e das que hoxe sabemos algo máis. Hai unha caterva de fungos ocasionando danos e hai que actuar contra eles vendo como é o seu ciclo, como actúa e en que condicións. É moi difícil controlalas. En Areeiro estase a traballar moito en loita biolóxica pero tamén require moito tempo e autorizacións. En certas enfermidades da madeira, con carácter preventivo, estamos a ter bos resultados con algúns produtos biolóxicos nos viveiros. Este é un dos aspectos que se recolle na primeira tese doutoral galega sobre as enfermidades da madeira na vide, fundamentalmente no Albariño, que se vai a presentar proximamente e coa que poderemos ter unha visión do que temos na actualidade e de que existen visos dun control preventivo destas afeccións. A flavescencia dourada está moi activa á outra beira do Miño. Corremos serio risco de que chegue a Galicia? Nós detectamos por primeira vez o vector, o mosquito scaphoideus titanus, hai xa 5 anos, e de momento, nas mostraxes que se realizaron na estación fitopatolóxica de Areeiro só se localizaron nun punto concreto no sur da provincia de Pontevedra. Ademais, este vector non é portador da enfermidade. Serán os nosos veciños portugueses os que deban empezar a tomar as primeiras medidas para evitar que sexa un risco para Galicia para que non ocorra o mesmo que co tema do nematodo, que entrou precisamente por Portugal.
"En Galicia, co control do nematodo fíxose un bo traballo nestes anos e está bastante restrinxido"
Chégase tarde en materia de prevención para atallar este tipo de pragas como o caso do nematodo? Algunhas veces é moi difícil controlalo. No caso do nematodo, en Galicia eu creo que se actuou moi ben xa que cando aparece na zona de Lisboa no ano 1999, nós en Areeiro xa estabamos a facer mostraxes de 20 km na fronteira con Portugal. Cando se estaba dando a primeira alarma en Portugal, nós, sen telo aquí, xa estabamos a traballar niso. Está claro que, controlar un insecto que transmite a praga e que voa é realmente difícil aínda que se estean colocando trampas. Como en todo, estas accións implican un investimento económico e os fondos vanse priorizando. Dentro das posibilidades fíxose un bo traballo en todos estes anos e está bastante restrinxido limitándose ao sur da provincia de Pontevedra. O seu avance dependerá, en gran medida, das condicións climáticas.

“Se hai algún momento no que parar o nematodo do piñeiro, é agora”

A enxeñeira de montes Begoña de la Fuente está centrada desde 2015 en investigacións sobre o impacto que terá a praga do nematodo do piñeiro en España. A súa previsión apunta a que no 2022 a fronte de avance de expansión da praga, que se estende imparable por Portugal, alcanzará de cheo o sur das provincias de Ourense e de Pontevedra, se como ata agora as medidas de contención non conseguen freala. Na actualidade, en España hai declarados oito focos ‘satélite’ activos de nematodo do piñeiro (sete en Galicia -cinco declarados a pasada semana- e un en Salamanca, detectado no 2018). Outros tres focos (dous en Cáceres e outro en Salamanca) déronse por erradicados o ano pasado, tras catro anos sen novos positivos. A investigadora publicou no 2018 senllos artigos, un deles modelizando a dispersión do nematodo para predicir a súa entrada en España a partir dos movementos do seu insecto vector, e outro sobre o impacto do mesmo nos espazos protexidos da Rede Natura 2000. Nestes momentos continúa co estudo da dispersión futura do nematodo por toda a península, considerando o impacto que terá o cambio climático na praga. De la Fuente, que desenvolveu parte do seu traballo do nematodo no Joint Research Center (JRC) da Comisión Europea, colabora actualmente como experta para a Comisión e é funcionaria en excedencia da Junta de Castilla y León, onde desenvolveu a súa actividade profesional durante máis de 10 anos. - Resúmenos en que consiste o traballo que elaboraches sobre as perspectivas de entrada da praga do nematodo do piñeiro en España. - Avaliamos por onde vai entrar a praga en España e cando, a partir da súa dispersión natural desde as zonas infectadas en Portugal. Esta avaliación realizámola mediante un modelo predictivo desenvolvido para ese efecto e validado cos datos da expansión da praga en Portugal desde o seu primeiro foco no 1999 preto de Lisboa, que o modelo foi capaz de reproducir con alta fiabilidade. É importante saber por onde vai entrar a praga para focalizar o traballo de prevención. Os orzamentos non son infinitos e non se pode ter un control por igual en toda a extensísima fronteira de España con Portugal. Hai que ter en conta, no entanto, que eses patróns de expansión poden cambiar por saltos da praga non asociados a unha expansión natural, tales como, por exemplo, un transporte de madeira procedente dunha zona infectada a outra libre desta enfermidade. Este transporte de madeira desde as zonas con presenza do nematodo normalmente está fortemente limitado, regulado e vixiado, pero no caso de que houbese unha expansión da praga por esta vía, podería acelerar a expansión da enfermidade máis aló do previsto polo modelo. - No artigo que publicastes o ano pasado, Galicia, en concreto a provincia de Ourense, aparecía como unha das primeiras zonas de entrada da praga en España. Que perspectivas manexas? - Na modelización que elaboramos, en base aos focos de nematodo declarados en Portugal no 2016, Galicia aparecía como a primeira Comunidade que ía ser alcanzada polo nematodo, en concreto a provincia de Ourense, ao redor de 2022, mesmo por diante da Serra de Gata (Salamanca), que é outro dos puntos que se identificaron como críticos no estudo.
"Galicia aparece como a primeira Comunidade en ser alcanzada polo frente de avance da praga, mesmo por diante da Serra de Gata (Salamanca), que é outro punto crítico"
Cos últimos datos dispoñibles sobre a infección en Portugal, correspondentes a xuño de 2018, observamos varios saltos importantes de nematodo cara ao noroeste do país, dentro do distrito portugués de Viana do Castelo, probablemente asociados a transportes de madeira infectada, e esa circunstancia fai que empeoren os prognósticos para Galicia. Agora o sur de Pontevedra converteuse nunha das primeiras zonas nas que se predice que a fronte de avance da expansión chegue a España -a partir deses novos focos de infección detectados recentemente en Portugal-, probablemente de forma simultánea á provincia de Ourense. - O sur de Pontevedra suma xa na actualidade sete focos de nematodo e convive desde 2010 cunha zona demarcada pola praga. Que diferenza representará a previsible chegada do nematodo a través da fronteira lusa? - Os focos que apareceron en Galicia ata o momento son o que se chaman focos satélite, aqueles que se producen de maneira descontinua previamente á chegada da fronte principal de avance da expansión, probablemente como consecuencia de comportamentos dispersivos atípicos ou extraordinarios de certos individuos, neste caso do insecto vector.
"Os novos focos declarados en Galicia son focos satélite, o problema será máis grave cando chegue a fronte principal e continua de expansión da praga"
Os novos focos declarados estes días en Galicia poderían ser focos satélite procedentes das zonas infectadas máis recentemente ao noroeste de Portugal ou escapes do foco inicial xa existente en territorio galego, é complicado sabelo. En todo caso, erradicar estes focos é de vital importancia para evitar que a dispersión se acelere. Sen dúbida, é o momento de actuar de forma contundente. Non hai un momento mellor para parar a dispersión do nematodo en Galicia; ese momento é agora. O problema será máis grave cando os saltos non sexan illados, senón asociados á chegada da fronte principal e continua da expansión, que segundo as previsións do noso modelo producirase antes de 2022 se os nosos colegas portugueses non conseguen contelo. Debemos estar preparados para afrontar esta ameaza.

Perspectivas de impacto da praga do nematodo en Galicia en 2022

Expansión natural do nematodo do piñeiro cara a Galicia previsto para o ano 2022 mediante a aplicación do modelo desenvolvido por De la Fuente et ao (2018, Journal of Applied Ecology), actualizado a partir das zonas infectadas en Portugal até xuño de 2018, segundo os datos de infección proporcionados polo Instituto dá Conservação dá Natureza e dás Florestas de Portugal.

Como pode observarse na figura, por mor da aparición de novos focos no noroeste de Portugal durante os anos 2017 e 2018, concretamente no Distrito de Viana do Castelo, ao redor das poboacións de Lavradas (1), Fornelos (2), Deão (3) e Oriz (4), a entrada da fronte de avance de dispersión natural do nematodo do piñeiro polo suroeste de Pontevedra (comarca de O Baixo Miño) producirase previsiblemente á vez que polo sureste de Ourense (comarca de Verín), infectándose ambas as comarcas antes do ano 2022, o que no caso de Pontevedra supón un adianto na entrada do nematodo respecto das previsións de expansión que se proporcionaron en De la Fuente et al (2018), usando datos das zonas infectadas en Portugal até o ano 2016.
- Vendo o escenario que debuxas, de chegada da fronte de avance do nematodo ao sur de Pontevedra e ao sur de Ourense ao redor de 2022, non cabe ser moi optimistas... - Eu quero selo. Temos que facer todo o posible. Unha vez que o nematodo se dispersa de xeito amplo é moi difícil paralo completamente, pero podemos retardar o seu avance e con iso a magnitude dos impactos económicos e ecolóxicos que provoca. É importante investir en medios e persoal para loitar contra esta grave enfermidade, que a día de hoxe é a maior ameaza que se cerne sobre os nosos piñeirais.
"Será difícil parar o nematodo por completo, pero podemos ralentizar o seu avance e reducir a magnitude do seu impacto"
Todos os anos, no inverno, antes de que emerxa o insecto vector do nematodo, o ‘Monochamus galloprovincialis’ -que inicia o seu período de voo en torno ao 1 de abril -aínda que depende de como vaia a primavera de adiantada cada ano-, é necesario actuar na zona demarcada da praga para eliminar do monte todas as árbores que presenten decaimiento. Se non se eliminan esas árbores e resulta que están infectados polo nematodo, cando emerxan as novas xeracións de ‘Monochamus’,farano xa portando o nematodo no seu corpo, dispersando aínda máis a praga. Tamén durante o período de voo do insecto vector, na primavera-verán, é necesario aplicar un trampeo masivo deste insecto que asegure a captura dunha parte importante da súa poboación. Os ‘Monochamus’ capturados, así como as mostras tomadas sobre as árbores apeadas por presentar síntomas de decaimiento, deberían ser analizados en laboratorio co fin de determinar se están infectados ou non, ampliando consecuentemente a zona demarcada cos novos positivos. Isto forma parte do protocolo que establece a lexislación europea para evitar a expansión do nematodo. Tamén as franxas de curta ao redor das árbores infectadas son necesarias para evitar que por temas de latencia (árbores infectadas pero asintomáticos), queden no monte piñeiros infectados. - Tras a detección do primeiro foco en Galicia, nas Neves (2010), a curta e transporte de madeira estivo restrinxida varios anos na zona demarcada durante o período de voo do insecto vector, entre abril e outubro, aínda que estes últimos anos xa non se está aplicando esa medida. Sería precisa algunha restrición de curtas e movemento de madeira? - Desde logo a medida que mencionas é ao meu modo de ver moi efectiva e necesaria, pois transportar ao insecto infectado en camións é unha das formas máis rápidas de acelerar a dispersión da praga. Tamén entendo que hai moita xente en Galicia que vive do sector da madeira. O que podo dicir é que as empresas e os propietarios forestais deben cumprir as medidas de prevención que se deben adoptar. Aínda que iso supón un sacrificio nas zonas afectadas, moito peores serían para todo o sector forestal as consecuencias a medio e longo prazo de non aplicar con rigor estas medidas. A madeira só pode saír da zona demarcada se está tratada de acordo ao que establecen os protocolos para evitar a dispersión da praga, portando o pasaporte fitosanitario que así o acredite. - Tendo en conta as perspectivas que se aveciñan, que mensaxe se lle pode trasladar aos propietarios de piñeirais da zona demarcada? - É necesario anticiparnos e xestionar activamente os nosos piñeirais co obxectivo de mellorar a vitalidade das masas e, onde sexa factible ecoloxicamente, favorecer ás estruturas do bosque e ás especies menos vulnerables á enfermidade.
"É necesario xestionar activamente os piñeirais para mellorar a vitalidade das masas e, onde sexa posible, favorecer especies menos vulnerables"
O que está claro é que a non xestión non é unha solución.Temos que traballar para que os nosos bosques sexan resilientes e por tanto, capaces de absorber este impacto co menor dano posible. Cónstame que o Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán está a realizar un gran traballo en obter variedades de piñeiro que sexan resistentes ao nematodo e en atopar especies que poden ser unha alternativa. De cara ao futuro, iso permitirá ter bosques menos sensibles ao nematodo. Mentres tanto, hai que aplicar as medidas mencionadas para frear, e se é posible deter, a expansión do nematodo e os danos que este pode causar, o que require do concurso de todos os axentes, desde a administración até os propietarios forestais. - A praga do nematodo precisa dunhas temperaturas determinadas para desenvolverse, superiores nos meses de verán a 19,4º centígrados de media, o que segundo os cálculos do CIF de Lourizán, deixa potencialmente un 60% da superficie de Galicia á marxe da praga. Nese sentido, o cambio climático empeora tales perspectivas? - A previsión en xeral é que co cambio climático haxa maior frecuencia e intensidade de ataques de patógenos, e as evidencias dispoñibles indican que o nematodo da madeira do piñeiro non é unha excepción. A maior parte da península ibérica xa ten na actualidade condiciones climáticamente adecuadas para o desenvolvemento da praga do nematodo. Só hai unha franxa no Norte na que en principio non se desenvolvería a enfermidade, o que engloba a unha boa parte de Galicia, como dis, pero unha subida de temperaturas medias de 1 - 1,5º centígrados fará que esa franxa sexa cada vez máis estreita. Podemos por tanto pensar que no futuro haberá, como consecuencia do cambio climático, unha parte significativamente maior en Galicia susceptible á enfermidade de decaimiento do piñeiro provocada polo nematodo.
'Monochamus galloprovincialis', insecto vector da praga do nematodo do piñeiro. / Imaxe: Ángel Herrero Álvarez.

Como opera a praga do nematodo?

- O nematodo do piñeiro é un organismo alleo aos nosos ecosistemas que chegou a Europa NO 1999, en concreto a Setubal, nas proximidades de Lisboa, probablemente por transporte marítimo de madeira infectada. Desde esa data, a súa dispersión por Portugal foi imparable. Aínda que o nematodo, un verme microscópico, carece de capacidade para desprazarse por si mesma dunha árbore a outra, asóciase para o seu desprazamento cun insecto autóctono, similar a un escaravello de longas antenas, o ‘Monochamus galloprovincialis’, que está presente de maneira natural en toda a Península.
"Por que o insecto se asocia co nematodo? Porque tamén sae beneficiado. O nematodo proporciónalle as árbores debilitadas que precisa para facer as súas postas"
Por que o insecto se asocia co nematodo? Porque tamén sae beneficiado. O nematodo proporciónalle ao ‘Monochamus’ as árbores debilitadas que necesita para facer as súas postas de ovos e completar os seus ciclos vitais. Se un piñeiro está san, o ‘Monochamus’ ten dificultades para ovopositar no mesmo, xa que a árbore emite resina que impide as postas. Pero se unha árbore está decaída, baixa en defensas e capacidade de resistencia, esas postas son posibles. Precisamente o nematodo, ao penetrar nunha árbore, debilítao deixándoo nas condicións perfectas, desde o punto de vista do insecto, para poder utilizalo como lugar de posta. Unha vez que, nestes piñeiros afectados polo nematodo, o ‘Monochamus’ fixo as súas postas, o nematodo, tendo o seu ciclo vital completamente sincronizado co do insecto, entra no aparello respiratorio dos novos insectos, previamente á súa emerxencia. Estes insectos pórtano con eles no momento de emerxer da árbore e dispersarse; comezan a voar levando o nematodo no seu interior e dispérsano cara a novas árbores sas, ás que se dirixen para alimentarse nas súas pólas e reproducirse. Nese momento, cando estes insectos se alimentan noutras árbores, os nematodos aproveitan as feridas que fan os ‘Monochamus’ ao alimentarse nas pólas de piñeiros sans para penetrar nestas árbores. Unha vez dentro, se as condicións climáticas son as adecuadas, e o son na maior parte de España, o verme é capaz de reproducirse a moita velocidade, bloqueando os condutos que transportan a auga ao longo do tronco da árbore, provocándolle a morte en pouco tempo. Estas árbores debilitadas ou recentemente mortas pola acción do nematodo emiten, como consecuencia do seu declive, unha serie de sustancias características que atraen ás femias do insecto, que saben así que ese é o momento e o hospedante propicio para facer as súas postas neles e completar así o seu ciclo vital no seu interior.

Cinco prioridades no control do nematodo do piñeiro

O nematodo, o peor pesadelo dos piñeirais, chegou a Galicia no 2010 para quedarse. O primeiro foco, que apareceu nas Neves, foi seguido doutro en Salvaterra do Miño (2016), a tres quilómetros daquel, e esta semana confirmouse unha importante expansión da praga nun radio de 20 quilómetros ó primeiro caso, con sete novos positivos, que están concentrados en torno a cinco puntos en Tui, O Porriño (2), Ponteareas e Salvaterra. Que se pode facer para controlar o problema? Dada a falta de cura para os pés afectados polo nematodo, que acaban morrendo nunha alta porcentaxe, a única vía para enfrontar a praga pasa polas medidas de prevención. A normativa comunitaria obriga a seguir un protocolo que inclúe a eliminación do monte de todos os pés decaídos na zona demarcada, así coma o trampeo do insecto vector do nematodo, o ‘Monochamus galloprovincialis’.
Coas trampas dispostas arredor do positivo de Salvaterra do 2016, é probable que só se capturasen un 20% dos insectos vectores
A cuestión é que, de acordo, cunha auditoria europea publicada o pasado ano, os controis en Galicia presentaban “importantes deficiencias”. Analizamos as prioridades de loita contra o nematodo e algúns dos erros cometidos nos últimos anos.

1) Executar un trampeo efectivo do insecto vector da praga

As trampas contra o ‘Monochamus galloprovincialis’, o insecto que transporta a praga entre piñeiros, cobran especial importancia arredor dos focos detectados ata o de agora. Calcúlase que o ‘Monochamus’, que voa entre abril e outubro, desprázase un máximo de 3 quilómetros de xeito natural cada ano, polo que as medidas de control nun radio de tres quilómetros a cada foco son decisivas. Trampa para o insecto vector do nematodo. Arredor do foco de Salvaterra (2016), a Xunta colocou no seu día un total de 175 trampas nun radio de 3 quilómetros, o que supón unha densidade de 0,1 trampas por hectárea. De acordo cunha investigación realizada en Castilla y León, con esa densidade de trampeo, só se capturan un 20% dos ‘Monochamus’. Para lograr un control eficaz do insecto vector, de ata un 95% dos exemplares, é precisa unha densidade de 0,8 trampas por hectárea, segundo a mesma investigación. Eficacia do trampeo Outra cuestión a ter en conta nas trampas é o seu funcionamento. En Galicia, alomenos ata o 2016, o trampeo que se estaba a practicar era ineficaz, pois as trampas capturaban escasos exemplares de ‘Monochamus’, ata o punto de que desde Sanidade Vexetal da Xunta se chegou a valorar que a presenza do insecto vector en Galicia era moi escasa. Unha investigadora de Castilla y León advertiu daquela nunhas xornadas en Lourizán de que era preciso recubrir o interior das trampas para o ‘Monochamus’ con teflón, pois do contrario o insecto era capaz de saír da trampa en menos dun minuto, segundo se comprobara en probas de laboratorio.

2) Eliminar as árbores decaídas no monte

As árbores decaídas constitúen un foco de atractivo para o ‘Monochamus galloprovincialis’ e presentan maior vulnerabilidade á entrada do nematodo do piñeiro. A normativa comunitaria obriga a eliminar os pés vulnerables na zona demarcada e na franxa tampón con Portugal –unha faixa de 20 quilómetros a partir da fronteira-. Esa eliminación debe facerse preferentemente antes do 1 de abril, data na que comeza o periodo de voo do insecto vector.
No 2016, a eliminación dos pés decaídos chegouse a retrasar ata xullo, cando o insecto vector da praga levaba máis de 3 meses de voo
En Galicia, a auditoria europea detectou que os traballos non comezaron no 2016 ata mediados de xullo, en tanto que no 2015 comezaron en maio. O problema, derivado de trámites administrativos, está solucionado desde o 2017, segundo a Xunta, que asegura que agora a empresa contratada para os traballos (Tragsa) pode operar desde o 1 de xaneiro. Expansión do problema Os erros atopados en Galicia no protocolo de control do nematodo levaron ós auditores europeos a determinar que o segundo foco detectado en Galicia -Salvaterra do Miño (2016)-, era unha extensión do primeiro foco do 2010 e non unha contaminación nova procedente de Portugal, como argumentaba a Xunta. Cos focos actuais, a Administración galega volveu apuntar a hipótese de que os novos casos poidan proceder de Portugal, se ben a proximidade dos novos positivos ós casos das Neves e Salvaterra xeran dúbidas sobre tal posibilidade. Árbores queimadas nos incendios do 2017 A eliminación de árbores débiles ou mortas do monte constitúe un problema de primeira orde no sur da provincia de Pontevedra, onde os incendios do outono do 2017 calcinaron miles de hectáreas. A Administración calcula que aínda permanecen no monte alomenos 1.000 hectáreas afectadas polos incendios pendentes de corta, unha tarefa que haberá que afrontar nos próximos meses.

3) Desenvolver unha axeitada vixilancia na fronteira con Portugal

O nematodo do piñeiro, detectado en Europa por primeira vez no 1999, nas proximidades de Lisboa (Portugal), avanza imparable ano a ano cara o norte de Portugal. De acordo coa modelización de expansión da praga que elaborou a investigadora Begoña de la Fuente, a expansión natural do nematodo pode chegar ó sur de Ourense no 2022 e afectar nos seguintes anos a todo o sur ourensán.
Espérase a chegada natural da praga procedente de Portugal ó sur ourensán no 2022 e posteriormente ó sur de Pontevedra
Na provincia de Pontevedra, a presión fronteiriza da praga tamén aumentará ó longo da próxima década e espérase que entre de xeito natural en Galicia, máis alá dos casos puntuais detectados ata o de agora. Todas estas previsións poden verse alteradas polas medidas de control que se desenvolvan tanto en Portugal como en Galicia, polo que a actuación na chamada zona tampón, unha faixa de 20 quilómetros a partir da fronteira, é fundamental para reducir problemas.

4) Controlar a saída de madeira da zona demarcada

A Administración está a vixilar tódolos movementos de madeira que saen da zona demarcada, a fin de evitar que saia piñeiro sen o preceptivo tratamento térmico e que a praga poida chegar así a outras zonas de Galicia. Toda a madeira que saia da zona demarcada, que comprende todo o sur da provincia de Pontevedra, deberá ser sometida a un tratamento a 56º centígrados durante 30 minutos.

5) Obter piñeiros resistentes ó nematodo

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán está a traballar desde o 2013 na identificación de familias galegas de piñeiro que sexan tolerantes ó nematodo. De cara ás futuras plantacións que acometan os propietarios forestais e comunidades de montes, resulta fundamental contar con material tolerante á praga no menor prazo. Outra alternativa pode pasar pola promoción de plantacións de coníferas resistentes ó nematodo, coma o ‘Pinus taeda’, que segundo probas realizadas por Lourizán parece adaptarse ben a Galicia, a sequoia ou a ‘Criptomeria japonica’.

Valoracións do sector forestal

Elier Ojea – Federación de Aserradoiros e Rematantes de Galicia

“É un xarro de auga fría para todos os actores forestais”

O presidente da Federación de Aserradoiros e Rematantes de Galicia, Elier Ojea, recoñece que os novos positivos de nematodo do piñeiro son un “xarro de auga fría” para todo o sector. Elier anuncia unha próxima reunión das empresas da madeira con Medio Rural para abordar a situación. “Será un encontro aberto tanto ás empresas da zona demarcada como ás de fóra, pois había moitas empresas doutros puntos que estaban mercando madeira nesa zona”, explica o responsable de Fearmaga. Desde a patronal dos aserradoiros avogan por un plan de apoio ás industrias, que se terán que dotar de secadoiros axeitados para o tratamento da madeira no caso de que aínda non dispoñan deles.

Francisco Dans – Asociación Forestal de Galicia (AFG)

“Pasamos dun problema coxuntural a un problema estrutural”

O director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, valora tamén con “moita preocupación” os novos positivos de nematodo do piñeiro e a ampliación da zona demarcada pola praga. “A primeira impresión é que isto está pasando dun problema coxuntural a un problema estrutural co que imos ter que convivir”, destaca. “Esa situación ten unhas implicacións silvícolas e económicas importantes, que teremos que analizar e para as que haberá que propoñer solucións”. Por parte da Asociación Forestal de Galicia tamén se está á espera dunha reunión específica da Xunta cos colectivos de propietarios forestais para abordar a situación.

Jacobo Feijoo – Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga)

“Cómpre dar información e apoio a propietarios e empresas”

O director da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), un colectivo de propietarios ligado a Unións Agrarias, coincide tamén na gravidade da situación, se ben avoga por “mandar unha mensaxe de tranquilidade”. “Cómpre proporcionarlle información axeitada e apoio a propietarios forestais e empresas”, incide. “Con respecto á Administración, Sanidade Vexetal debe fortalecer o control sobre a praga e hai que reforzar as liñas de investigación, de cara a lograr tanto un maior control do ‘Monochamus’ coma piñeiros que sexan resistentes”, subliña Feijoo, que tamén advirte da necesidade de intervir na propiedade privada para eliminar toda árbore sintomática do monte se o propietario non actúa. “Estamos ante o patóxeno máis perigoso para os piñeiros”, lembra.

Sete novos positivos de nematodo do piñeiro no sur de Pontevedra

A praga de nematodo do piñeiro está a expandirse no sur de Pontevedra en torno ós dous casos positivos que xa se detectaran no 2010 (As Neves) e no 2016 (Salvaterra de Miño). A Xunta confirmou hoxe a detección de sete novos positivos nun radio de 20 quilómetros ós casos anteriores. Afectan ós concellos do Porriño (4 positivos), Tui (1), Ponteareas (1) e Salvaterra do Miño (1). Ante a expansión do problema, a Xunta optou por delimitar como zona demarcada da praga todo o sur da provincia de Pontevedra, na que haberá unha especial vixilancia das masas de piñeiros e un control dos movementos de madeira.
Preocupan 1.000 hectáreas de madeira queimada no 2017 pendentes de corta, pois son un foco de atracción para o insecto vector da praga
A praga do nematodo do piñeiro, moi extendida no centro e sur de Portugal, constitúe unha seria ameaza para os piñeirais, pois o nematodo, un gusano microscópico, provoca un serio decaimento das árbores, causando a súa morte. A transmisión do nematodo realízase por medio dun insecto vector, o ‘Monochamus galloprovincialis’, que presenta unha especial querencia polos piñeiros secos ou decaídos. Esta circunstancia obriga á eliminación de todas as árbores con síntomas de debilidade na zona demarcada. Control das árbores decaídas Os propietarios son os responsables en primeiro termo da eliminación dos pés sintomáticos, pero na práctica a propia Administración estase encargando todos os anos da corta das árbores decaídas por medio dun contrato coa empresa pública Tragsa. O escenario actual no sur de Pontevedra é pouco alentador, pois hai milleiros de hectáreas afectadas polos incendios de outono do 2017 e aínda queda madeira queimada no monte pendente de extracción. A Xunta calcula que no último ano talou no sur da provincia unhas 7.000 hectáreas afectadas polos lumes en montes veciñais que teñen convenios coa Administración, pero estima que aínda quedan unhas 1.000 hectáreas sen cortar de propietarios particulares ou comunidades de montes. A corta e saca de toda esa madeira do monte, en consenso cos propietarios, é unha das prioridades que se marca a Administración. Radio de 100 metros ós positivos Tras a declaración dos novos sete positivos, o primeiro paso a afrontar será a eliminación de todas as árbores que están nun radio de 100 metros ós puntos nos que se detectaron os positivos. Dado que dous dos positivos estaban moi próximos, optouse por fixar cinco puntos de eliminación e destrucción do arborado nun radio de 100 metros: 2 no Porriño, 1 en Tui, 1 en Ponteareas e 1 en Salvaterra do Miño. A Xunta daralle de prazo ós propietarios ata o 1 de abril para executar eses traballos. De non facelos, será a Administración a que se ocupe. A Consellería do Medio Rural mantivo esta mañá unha reunión cos alcades da zona e con representantes dos propietarios forestais para trasladarlles o novo escenario. A declaración de todo o sur da provincia de Pontevedra como zona demarcada obrigará a extender a vixilancia dos piñeirais, o muestreo de árbores -en busca de posibles positivos-, e o trampeo do insecto vector da praga, o ‘Monochamus galloprovincialis’. Cortas e movementos de madeira A segunda consecuencia da zona demarcada é que toda a madeira de piñeiro que se corte terá que ser transformada e tratada na propia zona antes da súa saída. Esta situación obriga a todos os aserradoiros do sur da provincia a dotarse de cámaras de tratamento térmico -en caso de non telas-, pois a normativa obriga a que a madeira se someta a un tratamento de 56º centígrados durante 30 minutos. A única boa noticia para o sector forestal é que as cortas de madeira poderán seguir facéndose con normalidade ao longo de todo o ano, pois a Xunta decidiu non prohibir as cortas durante o periodo de voo do insecto vector de praga, de abril a outubro, como si fixera tras a detección do primeiro positivo do 2010. Concellos na zona demarcada Os concellos que quedan total ou parcialmente incluídos na zona demarcada son os seguintes: Arbo, Baiona, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Melón, Mondariz, Mondariz- Balneario, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas, O Porriño, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Redondela, O Rosal, Tomiño, Tui, e Vigo.

Nematodo, unha praga que resiste durante anos no terreo á espera da pataca

O Nematodo do quiste son pequenos vermes, maiores de 1 mm, que deben o seu nome a que as femias, unha vez fecundadas convértense en pequenos quistes adheridos ás raíces da planta da pataca. Os quistes si son visibles a primeira ollada, e das raíces pasan logo ao chan. O Nematodo do quiste da pataca está presente en moitos países xa que está adaptado a todo tipo de climas. É unha praga cunha gran capacidade de propagación dado que a súa taxa de multiplicación sitúase nunhas 30 veces nun cultivo de pataca. Pero, ademais, esténdese polo chan e a praga é capaz de resistir ata 20 anos sen cultivo. O Nematodo aguanta desta maneira no chan ata que se volva a plantar pataca. Neste momento o quiste rompe e libera os nematodos xuvenís que atacan ás raíces reducindo o rendemento da planta. Os expertos, como o director do Centro de Control de Variedades Vegetales Agrícolas de Castilla y León, Fernando Alonso Arce, apuntan a que o cultivo intensivo da pataca favorece a expansión da praga.

Síntomas

Esta praga provoca danos nas raíces e non hai evidencias da presenza do Nematodo na parte aérea da planta. As raíces collen unha cor marrón escuro e ramificanse. Este mal funcionamento das raíces provoca: -Un crecemento vexetativo pobre -Plantas ananas. Un ataque forte pode provocar que as plantas queden realmente raquíticas -Follas marchitas, síntomas como de falta de auga ou elementos minerais -Baixada da produción -Aparecen rodais de tamaño variable e ovalados

Detección

Para detectar esta afección, Alonso destaca varios métodos á vez que revela que, estatisticamente, o nivel de detección está nuns 4 millóns de quistes por hectárea: - Visita ás leiras para detectar zonas de crecemento reducido - Exame das raíces das plantas para localizar quistes - Mostraxes e análises da terra - Bioensaios para determinar os patotipos
O Nematodo sobrevive como quiste, e pode conter 500 ovos que permanecen protexidos no seu interior

Ciclo de vida

A pataca é un cultivo hospedante para o Nematodo e unha vez que as plantas emerxen, as raíces exudan sustancias específicas que estimulan a apertura do quiste e dos ovos que hai dentro do quiste. Nese momento as larvas saen dos ovos. As larvas desprázanse e penetran na raíz. Mentres os machos sofren a terceira e cuarta fases larvarias, as femias van crecendo e mantéñense agarradas á raíz coas súas cabezas. Cando os machos están maduros saen da raíz e apareanse coas femias, é o momento no que estas se converten en quistes. Unha vez convertidas en quistes o seu corpo énchese de ovos e despréndense da raíz. Un quiste pode chegar a ter de 100 a 500 ovos. Este ciclo dura entre 5 e 7 semanas. Os quistes son brancos ao principio, despois vanse escurecendo ata converterse en marróns. Quistes de nematodo nas raíces das patacas.

Multiplicación

A taxa de multiplicación depende de varios factores como a susceptibilidade da variedade da pataca, a duración do período que a pataca permanece no campo, as condicións do chan ou a temperatura. Tamén contribúen á propagación desta praga o chan contaminado, as sementes, a utilización de maquinaria, apeiros e material de envasado contaminados. Mesmo a auga, o aire ou os animais poden servir de dispersantes desta afección.
Nun ano sen cultivos hóspede, a poboación de nematodo pode reducirse entre un 20 e un 35%
En caso de sementar variedades resistentes, a incidencia do Nematodo redúcese un 80% nun cultivo. Aínda que permanecen na terra, nun ano sen cultivo que lles sirva de hóspede, a poboación de nematodo redúcese entre un 20 e un 35%. Tamén os climas cálidos provocan unha redución da poboación. Con todo, o Nematodo sobrevive como quiste, e pode conter 500 ovos que permanecen protexidos no seu interior. Poden, mesmo, sobrevivir a condicións extremas como inundacións, secas ou xeadas.

Prevención e loita

O experto Fernando Alonso establece unha serie de criterios a seguir a modo de prevención da praga e para combatela: -É fundamental controlar as sementes empregadas -Unha rotación ampla de cultivos consegue reducir a incidencia da praga -O emprego de nematicidas é unha solución tamén a ter en conta -É necesario limpar ou lavar os apeiros implicados no cultivo da pataca, xa que poden servir como elemento de propagación dos patóxenos -Evitar entradas de elementos doutras zonas. Establecer períodos de corentena para evitar a propagación -A plantación de "cultivos trampa" pode contribuír a reducir a incidencia da praga -É preciso evitar os cultivos permanentes de pataca (plantas que nacen se ser sementadas)
A utilización de variedades de patacas resistentes ou tolerantes reduce a incidencia e perdas polo nematodo
Ademais destes aspectos, Alonso Arce tamén insiste na necesidade de determinar os patotipos presentes, xa que unha vez identificados poden seleccionarse variedades resistentes a eles. Nestas variedades de tubérculos, o nematodo ataca ás raíces pero non chega a formar quistes. Doutra banda, a sementeira de variedades tolerantes tamén contribúe a reducir os danos nos cultivos. Este tipo de tubérculos conseguen que non se produza unha diminución na produción aínda que se multipliquen os nematodos. Outro factor a ter en conta segundo Alonso Arce son as bortas, as plantas espontáneas que xorden ao longo dun ano sen cultivo de pataca nese terreo. É moi importante evitalas xa que poden multiplicar por 3 ou máis o número de quistes.    

Tratamentos por fumigación

Outros métodos de control implican a aplicación de tratamentos por fumigación, aínda que no prazo dun ano ningún dos produtos citados se poderan utilizar. -Fumigación con 1,3 dicloropropeno (ás veces apróbase o seu uso excepcional) ou metam sodio (pode empregarse ata o 30 de outubro de 2018). Neste caso a aplicación debe ser coidadosa, xa que un correcto manexo pode lograr a eliminación de ata o 80% dos quistes. En contrapartida, é un método caro para ser usado como única forma de control, polo que é preciso utilizalo nun sistema integrado de control da praga. -Nematicidas sistémicos: Oxamilo (Vydate) (pode empregarse ata o 31 de xaneiro de 2019) etoprofos (Mocap) (só poderá utilizarse ata finais deste mes de xullo). Aplícanse como gránulos na plantación e reducen a multiplicación do nematodo Globodera, conseguindo que dunha multiplicación de 20-25 nun cultivo se reduza entre 2 e 5 veces.