Archives

A cooperativa láctea andaluza Covap reforza a súa presenza en Galicia coa compra dunha fábrica de pensos

A industria láctea Naturleite, con sede en Meira (Lugo), e filial da Cooperativa Ganadera del Valle de Los Pedroches (Covap), adquiriu a fábrica de pensos Cereles Rego, tamén na mesma localidade lucense, co obxectivo de reforzar os servizos que ofrece ás gandarías de Galicia. Con iso, a firma agrogandeira do norte da provincia de Córdoba, que en 2022 facturou 905 millóns, un 31% máis, reforza a súa posición no mercado galego, potenciando sinerxías coas súas gandarías provedoras. A planta de Cereais Rego está destinada á produción, almacenamento e distribución de pensos para as especies bovina, porcina, e aviaria, adscrita ao sistema de Calidade Galicia Alimentos Seguros (Galis) de AGAFAC. De acordo á información facilitada por Naturleite nunha nota de prensa remitida aos medios de comunicación, «o acordo alcanzado non só garante os actuais postos de traballo, senón que confirma a aposta de Naturleite por Galicia desde a súa chegada en 2019». Está por ver como repercute este acordo coas gandarías provedoras de Naturleite, en canto a descontos no penso ou primas no prezo do leite.

Crecemento sostido dunha planta provedora de leite parea Mercadona

«Desde entón, a compañía non deixou de medrar, pechando 2022 cunha produción de 130 millóns de litros procedentes de 11.000 vacas en muxido, todas elas en Galicia: para facelo posible, conta cun persoal de 84 persoas, cuxo esforzo e implicación permitiron fortalecer, en apenas catro anos, un proxecto que, xunto a Mercadona, e baixo a marca Hacendado, distribúe a toda España unha ampla gama de produtos de calidade, como leite fresco e UHT», engade. Para Ricardo Delgado Vizcaíno, presidente de Naturleite, «a compra de Cereales Rego pon de manifesto o compromiso que desde o inicio mantivemos con Galicia e co seu sector primario, un dos factores chave do noso modelo; con esta adquisición reforzamos o servizo que podemos ofrecer ás gandarías galegas, neste caso na área da elaboración de pensos non só para gando vacún leiteiro, senón tamén para vacún de carne, porcino ou aviario, incorporando unha actividade que tradicionalmente estivo moi vinculada a Covap, con centros de alimentación animal en Andalucía e recentemente tamén en Estremadura, abarcando toda a cadea alimentaria, desde a orixe». Do seu lado, Raúl Pedro Rego Fernández, propietario desta empresa familiar desde hai máis de 30 anos, sinalou: «Teño a crenza de que Cereles Rego, o equipo e a atención a clientes incorpóranse a un proxecto co que me identifico polos valores e modelo que compartimos, centrado en achegar valor á gandaría galega». Naturleite é a empresa galega do Grupo Covap dedicada á produción, transformación e comercialización de produtos lácteos. Situada en Meira, en 2022 facturou 108 millóns de euros, contando cun persoal de 84 persoas.

Naturleite mantén o prezo en 55 céntimos para o mes de abril

Naturleite, a empresa participada ao 100% pola cooperativa cordobesa COVAP e que envasa leite para a cadea de supermercados Mercadona na súa planta de Meira, manterá un prezo de 55 céntimos no mes de abril ás 210 ganderías ás que recolle o leite en Galicia.  Supón polo momento o prezo máis alto nos novos contratos de compra de leite que se están a asinar en Galicia, aínda que ese prezo manteríase só o mes que vén, cunha baixada prevista de 2 céntimos nos seguintes tres meses (maio, xuño e xullo), nos que o prezo base final quedaría en 53 céntimos. 
O volume de recollida de Naturleite sitúase neste momento nos 115 millóns de litros anuais
Sería o prezo máximo a cobrar con certificación por bienestar animal e os parámetros máximos de calidade hixiénico sanitaria. A partir de aí, Naturleite desconta por mostra diaria en bacterioloxía cando se superan as 250.000 células e os 50.000 xermes.  En canto ao pago por sólidos no leite, a empresa remunera unicamente a primeira décima de proteína, desde 3,10% a 3,20%, con 0,3 céntimos e a grasa con 0,2 céntimos a partir de 3,70%. Baixada gradual Os 55 céntimos do contrato de Naturleite para abril representan unha baixada de 4 céntimos a respecto do prezo que están a cobrar neste momento as súas explotacións provedoras, 59 céntimos. A empresa decidiu non elevar o prezo no mes de decembro, como fixeron a maioría de industrias, que superaron mesmo os 60 céntimos, e busca compensalo agora cunha baixada menos brusca. 
Naturleite non subiu en decembro e compénsao agora mantendo un prezo máis alto o mes que vén
Outras industrias, sen embargo, fixeron axustes máis drásticos, con descensos xeralizados por enriba dos 5 e 6 céntimos e que chegaron nalgúns casos aos 8 e 10 céntimos, caso de Danone nos contratos que asinou a comezos de marzo, que pasaron de 62 a 52 céntimos.  Movementos a 4 días da finalización dos contratos O incumprimento por parte da maioría de empresas do prazo legal de 2 meses para a entrega das ofertas aos gandeiros está a limitar a capacidade de negociación das explotacións. Aínda así, estanse a producir algúns movementos entre industrias.  
Existe descontento entre algunhas das granxas de maior volume que entregan a Lactalis
Inleit e Lactalis están a perder algunhas granxas, que están a marchar a empresas como Río ou Entrepinares.  A última proposta de Lactalis é un contrato a 4 meses a un prezo fixo de entre 48,60 e 51,60 céntimos, en función do volume da gandería. Ese prezo inclúe xa as primas por dobre A e de certificación por benestar animal. En calidades, a multinacional francesa, que segue sendo a empresa que máis leite recolle en Galicia, paga 0,4 céntimos a décima de graxa que supere o 3,70% e 0,3 céntimos a décima de proteína por enriba de 3,20%.

Entrepinares renova contratos por 4 meses a 53 céntimos

A renovación de contratos do leite avanza en Galicia. Até esta semana practicamente ningunha empresa moverá ficha, pero nos últimos días todas as industrias están a apurar a sinatura de acordos de subministro coas súas granxas provedoras. As ofertas da maior parte das industrias inclúen baixadas de entre 6 e 8 céntimos, o que está a facer que o prezo medio en Galicia pase de estar próximo aos 60 céntimos a finais de 2022 a practicamente non superar os 50 neste momento na maioría dos novos contratos. Na parte alta sitúase unha vez máis Entrepinares (a queixería subministradora de Mercadona está a asinar estes días ofertas cun prezo base de 53 céntimos e unha vixencia de 4 meses) e Pascual, que está a renovar contratos por dous meses que se moven entre os 51 e 53,5 céntimos en función do volume de entregas.  A estratexia que segue Entrepinares, sen embargo, é a de igualar o prezo base a todos os seus gandeiros, unhas 170 explotacións en Galicia, independentemente do seu volume de produción, de maneira que a única diferenza entre o prezo final a cobrar por uns e outros estaría nos niveis de sólidos, que se endureceron no anterior contrato até un mínimo do 3,80% de graxa e do 3,20% de proteína.
Entrepinares segue apostando polos sólidos, pagando a décima de graxa a partir de 3,80% a 0,5 céntimos e a de proteína a partir de 3,20% a 0,8 céntimos
Unha décima por enriba ou por debaixo dese baremo supón 5 euros máis ou menos en tonelada no caso da graxa e 8 no caso da proteína. Esa é outra das novidades nos novos contratos asinados pola queixería de Vilalba, que segue apostando polos sólidos e incrementa de 0,7 céntimos en litro a 0,8 o valor da décima de proteína. Crecemento en Galicia nos vindeiros anos Entrepinares proxecta ampliar nos vindeiros meses a súa planta de Vilalba, que incrementará nun terzo a súa capacidade produtiva. As obras comezarán de xeito inminente, unha vez foron declaradas iniciativa empresarial prioritaria por parte da Xunta, e a nova instalación estará operativa no 2024. É a terceira ampliación da factoría desde a súa creación no ano 2010, coa que a empresa busca poder fabricar a maior escala en Vilalba queixo con mestura de leite de vaca, ovella e cabra. Entrepinares produce actualmente na súa planta, ubicada no Polígono de Sete Pontes, 40 millóns de quilos de queixo, fundamentalmente de vaca, e 10 millóns de quilos de derivados lácteos  trala construción dunha planta de tratamento de soro, unha torre de secado que permite facer tamén leite en po. O aumento da produción de queixo da empresa de Valladolid en Galicia nos últimos anos levouna a ampliar tamén o número de ganderías provedoras, chegando a recoller o pasado ano 192 millóns de litros de leite. De cara á actual renovación de contratos esa tendencia mantense, prevendo chegar neste 2023 aos 200 millóns de litros de leite, froito tanto da captación dalgunha granxa máis como do aumento de produción das xa existentes. A ampliación da factoría auguraría un incremento deste volumen de recollida nos vindeiros anos.

Baixada de entre 5 e 6 céntimos do Grupo Lence

Outra das industrias que comezou este venres a asinar contratos de renovación é o Grupo Lence, propietario de marcas como Río de Galicia e Leyma. As ofertas da empresa lucense inclúen unha baixada do 10%, entre 5 e 6 céntimos, o que deixa o prezo final por debaixo dos 50 céntimos, agás algún caso puntual de explotacións de gran volume de entregas. O Grupo Lence, que recolle uns 850.000 litros ao día (310 millóns de litros ao ano) conta con tres escalas de prezos en función do tamaño das súas 350 ganderías, o que deixa diferenzas de prezo de até 4 e 5 céntimos entre unhas e outras. A maiores destas primas por volume, estarían as de calidade hixiénico-sanitaria (a super A págase por baixo das 250.000 células somáticas e 30.000 xermes) e a de composición físico-química (0,3 céntimos a décima de graxa e proteína a partir de 3,70% de graxa e 3,20% de proteína).
Non se coñece aínda a oferta de Naturleite, que finaliza contratos o 31 deste mes
Non se coñece de momento cal vai ser a oferta de Naturleite, que finaliza contratos o 31 deste mes, nin tampouco a de Leche Celta, que remata o 30 de abril. Pascual, pola súa banda, ten granxas que acaban en marzo e outras que o fan o mes que vén. As primeiras están xa tamén a renovar estes días cun prezo que se move entre os 51 e os 53,5 céntimos, en función das primas por volume, certificación de benestar animal e dobre A, pero cunha duración de contrato de tan só dous meses. A empresa con sede en Aranda de Duero, que recolle o leite a unhas 80 explotacións en Galicia, é nese momento das que se atopan pagando máis o leite, con prezos próximos aos 60 céntimos nas granxas que finalizan, por exemplo, os seus contratos en abril. 

Proxecto piloto no sur de Lugo para impulsar a creación de granxas de leite e de carne de ovino e caprino

Acto de presentación do proxecto piloto para o peche de ciclos produtivos en ovino e caprino impulsado por FAGA O Parador de Monforte de Lemos acolleu a presentación dun proxecto piloto para acadar o peche de ciclos produtivos en Galicia a través do aproveitamento de produtos cárnicos e lácteos de ovino e caprino, denominado Proxecto Rumiantes ou PRALEITE. O proxecto foi presentado no foro Nacer e Medrar, organizado pola Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA) co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración de Santander Agro para promover o networking e o intercambio de iniciativas emprendedoras entre empresarios e outros axentes do sector agroalimentario. Jaime López, como secretario da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e de FAGA, e José Tomé, como presidente da Deputación de Lugo, foron os encargados de presentar o Foro. Ambos coincidiron na necesidade de pechar ciclos produtivos no sector agroalimentario galego e no impacto que esto pode ter na loita contra a despoboación. En palabras de Jaime López, “non nos queda máis remedio ca mirar cara o rural”, e de José Tomé, “producimos pero non transformamos, e eso é unha pena; temos unas materias primas e uns produtos boísimos, pero temos que traballar para que o valor engadido se quede en Galicia”.
Estúdase a ubicación da primeira granxa deste tipo na zona sur de Lugo de cara a comprobar os resultados do estudo previo realizado antes de tratar de expandir o modelo por toda Galicia
Os veterinarios e diplomados europeos en pequenos rumiantes, hoxe exercendo na Universidade de Zaragoza, José María González Sainz e Teresa Navarro Rodríguez, foron os encargados de realizar o estudo de campo en Galicia e de desenvolver o proxecto Rumiantes ou PRALEITE (Proxecto piloto para a implantación de granxas de pequenos rumiantes de aptitude leiteira en zonas rurais do sur da provincia de Lugo). Interese da industria González Sainz presentou o proxecto a veterinarios, produtores integrados en OVICA e empresas transformadoras con interese na producción da tipoloxía de explotacións prevista no proxecto. Entroutros, estiveron presentes representantes de Naturleite, Suministros Megaro Foods, Entrepinares ou Galacteum. O proxecto xorde precisamente “por iniciativa da propia industria”, segundo destacou o presidente de FAGA e CEO de Megaro Foods, Carlos Cebrián. “Non nace coma un proxecto subvencionado, senón que somos as propias industrias as que temos interese na producción cárnica e láctea de explotacións de ovino e caprino, e eso garante a súa viabilidade”. “Este interese é o que nos leva a buscar ferramentas como a constitución dunha Fundación e o estudo especializado dun modelo de explotación que sexa viable e sostible en Galicia”, subraiou.
Somos as propias industrias as que temos interese na producción cárnica e láctea de explotacións de ovino e caprino, e eso garante a súa viabilidade
A realización do estudo técnico supuxo a visita a explotacións gandeiras por toda Galicia, e especialmente no sur de Lugo pola dispoñibilidade de hectáreas desaproveitadas, e a posterior definición dun modelo de explotación de ovino e caprino, alternativa ás de gando vacuno, enfocadas especialmente para producción de leite, aínda que se aproveitaría tamén a carne, un tipo de explotación que nestes momentos practicamente non existe en Galicia. A fin de garantir a súa implantación a futuro, con viabilidade e a longo prazo, para o modelo de explotación definido no proxecto PRALEITE estudáronse a fondo distintas vertentes: as necesidades de inversión e financiamento, número máximo de animais que se poidan atender para garantir a conciliación laboral e familiar e evitar o abandono das novas xeracións destas explotacións, así como investigación e innovación, ratios de rendabilidade e xeración de emprego, entre outros aspectos. Estúdase agora a ubicación da primeira granxa deste tipo de cara a comprobar os resultados do estudo e expandir o modelo por toda Galicia. Importación de leite de Castela e animais de desvelle de Extremadura No Foro tamén interviron, tras a presentación do proxecto, Luis Rivera e Miguel Viña, presidente e veterinario da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (OVICA) respectivamente, e representantes de Naturleite, Entrepinares, Suministros Megaro Foods S.L., Santander Agro e a consultora de innovación Medrar. Dende OVICA resaltaron que PRALEITE é un “proxecto ilusionante” porque “nace cunha base inicial moi forte, tanto polas posibilidades de financiamento e o interese da industria como por ter perfectamente estudiadas cuestións relacionadas coa sanidade, a alimentación dos animais ou a propia conciliación dos gandeiros”.
Na actualidade en Galicia hai moi poucas ganderías adicadas á produción de leite de cabra e ovella
Por parte das empresas destacouse, en todos os casos, o gran interese que existe na producción deste tipo de explotacións de poñérense en marcha, pois compañías como Entrepinares, Queserías Sarrianas ou Megaro Foods están traendo para transformar leite e carne de ovino de fóra de Galicia, tanto para a fabricación de queixo como para a exportación de carne de cordeiro. Pola súa banda, Naturleite, pertencente á cooperativa Covap e con planta en Meira, envasa leite de cabra e no polígono industrial de Reboredo, en Monforte, ubícase tamén Oviganic Ibérica, propiedade da compañía chinesa Yeeper Dairy, que procesa leite de cabra procedente de explotacións de Castela para fabricar produtos derivados destinados a alimentación infantil. Precisamente este interese da industria, que garantizaría a compra de toda a producción deste tipo de explotacións que se ubicasen en Galicia, “é unha garantía de éxito para o proxecto”, destacan dende FAGA.

Obxectivo: poñer a producir terreos en abandono e obter materia prima para a industria

Detras deste proxecto piloto para o desenvolvemento do sector ovino e caprino galego está a Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA), constituida en xaneiro desde ano co impulso da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), a Escola Galega de Carniceiros, Suministros Megaro Foods e Embutidos Montepicato.  Entre os seus obxectivos fundacionais atópase o fomento da cooperación entre os distintos estamentos da sociedade co fin de reactivar e relanzar o sector agroalimentario galego ou a promoción da innovación e a tecnoloxía para a consolidación do sector agroalimentario da comunidade e o impulso de novos produtos, canles de distribución, procesos e comercialización dos produtos agroalimentarios galegos.
A Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA) está impulsada pola Confederación de Empresarios de Lugo
Asemade, FAGA busca aglutinar e apoiar accións para facer fronte aos retos da industria agroalimentaria galega, promover iniciativas empresariais e transformadoras que redunden na promoción, a transformación, a modernización e a recuperación do sector agroalimentario da comunidade e a mellora do rendemento das explotacións e potenciar ou colaborar con estratexias que redunden en beneficio do sector agroalimentario galego. Do mesmo xeito, a Fundación Agroalimentaria Galega persegue captar e atraer investimentos nacionais ou internacionais e potenciar a peme agroalimentaria galega e o desenvolvemento do emprendimiento nas zonas rurais de Galicia. Tamén colaborar coas Administracións públicas e empresas agroalimentarias co fin de conseguir selos e denominacións de calidade diferenciada nas producións agroalimentarias galegas, así como para recuperar e pór a producir terreos en estado de abandono en Galicia, entre outros obxectivos. Tendo en conta estes obxectivos, a propia Xunta, a través da Consellería de Medio Rural, declarou a FAGA Fundación de interese galego e de interese para o desenvolvemento do rural de Galicia.

“Demos un paso adiante e ogallá todo o mundo o siga. O prezo que percibe o gandeiro non é viable”

Antonio Larrea, director de Naturleite, no seu despacho en Meira As 120 ganderías galegas que lle entregan a súa produción a Naturleite verán incrementado a partir do próximo 1 de agosto en dous céntimos o prezo que perciben polo litro de leite, un xesto unilateral da empresa, que busca un efecto contaxio no resto de industrias que faga que os produtores vexan compensado o actual incremento de custos de produción. As explotacións atópanse nunha situación "insostible", en palabras de Antonio Larrea, director de Naturleite, que envasa na súa planta de Meira 125 millóns de litros de leite de marca Hacendado para a cadea Mercadona. "Tal como está o prezo que percibe o gandeiro isto non é viable. Non só foi o custo de materias primas, que hoxe están moi altas e mañá poden baixar, pero subiu todo, a electricidade, gasóleo, abonos, plásticos", recoñece.
A suba de 2 céntimos aplicarase ao prezo base a partir do próximo 1 de agosto
Ante esta situación, di, "decidimos dar un paso adiante porque entendemos cal é a realidade que hai a día de hoxe, vémolo con moita claridade e rotundidade". "O noso ADN é gandeiro e sabemos que con 33 céntimos algunhas granxas poden cadrar os números, pero a maioría xa non", admite. Por iso, a empresa, pertencente á cooperativa andaluza Covap, aplicará unha suba lineal de dous céntimos no prezo base de todas as súas ganderías, que pasará de 30 a 32 céntimos, incrementando desta forma o prezo final desde os 33 aos 35 céntimos.
O Real Decreto 5/2020 obriga a asinar un novo contrato cando se produce unha modificación no prezo
A medida, que lle está a ser comunicada aos gandeiros, obrigará a asinar un contrato novo, rescindindo o anterior, que fora asinado fai só tres meses e que se mantén integramente salvo no relativo ao prezo de compra. Efecto contaxio Coa súa decisión, Naturleite busca o efecto contaxio no sector, aínda que Antonio Larrea prefire cinguirse unicamente ao seu movemento. "Non queremos sacar peito con isto, nin facer publicidade, nin ser exemplo de nada, só queremos que os nosos gandeiros cobren un prezo viable. Non queremos dicirlle aos demais o que teñen que facer, nós damos un paso e ogallá os demais o dean tamén, pero cada un na súa casa sabe o que debe ou pode facer, nós entendemos que era o que tiñamos que facer", asegura.
Nós damos un paso e ogallá os demais o dean tamén, pero non queremos ser exemplo de nada nin dicirlle a ninguén o que ten que facer
"Decidimos dar un paso porque senón isto non se move e ogallá todo o mundo o siga porque senón o sector non terá arranxo e irá de mal a peor", prognostica. "É un paso de xigante, que nos supón moitísimo diñeiro, entre 2,5 e 3 millóns de euros, pero con el tentamos dinamizar o sector", explica o director de Naturleite. "Mercadona veo con bos ollos" A planta de Meira envasa en exclusiva para a cadea de supermercados Mercadona, que apoia o movemento. "O noso cliente é consciente da realidade do sector e veo con bos ollos, está proactivo, pero a suba estamos a facela nós para que isto arrinque", aclara Antonio Larrea. "Estamos a correr moito risco dando este paso porque se non nos secundan quedamos no medio da nada. Nós estamos no medio entre o produtor e a distribución e o prezo vén cara abaixo, desde a distribución cara ao gandeiro. Nós ao facer isto trasladamos a presión cara arriba", indica.
A suba de 2 céntimos en litro ao gandeiro supón un custo engadido a Naturleite de 2,5 millóns de euros
Sobre se o xesto de Naturleite cos produtores verase apoiado cun incremento similar do prezo do litro de leite no lineal do supermercado, Larrea apela a un movemento compasado en toda a industria que faga moverse tamén ás grandes cadeas de distribución como Mercadona. "Non me pertence a min falar sobre iso, terán que ver eles, Mercadona, cal é o seu movemento a medio prazo, pero para iso temos que empurrar todos", insiste. Para dar ese empurrón, tanto a matriz Covap como Lactiber e Làctia, equivalentes a Naturleite en Castela e León e Cataluña, tamén aplicarán a partir do 1 de agosto unha suba equivalente de 2 céntimos. "Decidimos dar un paso uniforme en todas as nosas fábricas para ver se serve para dar o pistoletazo de saída", explica.
Covap, Lactiber e Làctia aplicarán unha suba equivalente en Andalucía, Castela e León e Cataluña
"Se te paras a analizar o que ocorreu nos últimos meses, nos que todas as partes (gandeiros, industrias e distribución) estivemos falando e participando no estudo do Ministerio sobre os custos do sector, o 80% estamos de acordo en que isto así non pode seguir porque non é sostible. Todos falamos moito pero ninguén dá o paso. A ver se isto serve de acicate para encarrilar as cousas, a ver se á parte de tomar conciencia, se producen feitos concretos", argumenta Larrea.
CALIDAD PASCUAL

“Construímos unha relación a longo prazo cos gandeiros, o 80% colabora con nós desde hai máis de 15 anos”

Calidad Pascual é a outra industria láctea que anunciou unha suba do prezo do leite ( 1 céntimo / litro), neste caso para o último cuatrimestre do ano. A empresa destaca que a decisión “é unha mostra máis do noso compromiso co campo e coas granxas, que son unha parte clave da nosa cadea de valor”, subliñan. A compañía incide en que sempre buscou construír cos gandeiros “unha relación a longo prazo, de tal xeito que o 80% das nosas granxas proveedoras colabora con nós desde hai polo menos 15 anos”. Pascual, que merca todo o seu leite en granxas de Galicia e do resto do Estado, xa se distinguía por ser unha das empresas que máis pagaba o leite no campo, no entorno dos 34 – 35 céntimos de prezo final, polo que coa suba reforza este liderazgo singular. A firma explica tamén que traballa continuamente coas granxas para mellorar a súa eficiencia, “a través de distintos programas e axudas, a fin de que os nosos gandeiros rentabilicen ó máximo todos os seus procesos produtivos, asegurando un produto da máis alta calidade”. Sobre a posibilidade de que a suba de prezos que van aplicar no campo repercuta no prezo do produto final no supermercado, Pascual sinala que periodicamente revisa o prezo de venda ó público de tódolos seus produtos, tendo en conta distintos parámetros e, “sobre todo, o poder manter un equilibrio xusto en toda a nosa cadea de valor, comezando polo gandeiro, que é o noso principal colaborador”. “O leite -conclúe Calidad Pascual- é un produto de primeira necesidade e sempre velamos por ofrecer un leite da máis alta calidade a un prezo que non banalice o produto, o que repercutiría negativamente no traballo e esforzo dos nosos gandeiros”.
https://www.campogalego.gal/suba-prezo-leite-bloqueana-os-supermercados/ https://www.campogalego.gal/duas-industrias-lacteas-anuncian-subas-nos-prezos-leite-para-compensar-o-aumento-dos-custos-de-producion/

“En Naturleite prevemos seguir aumentando a recollida en Galicia e chegar este ano aos 125 millóns de litros”

Antonio Larrea, no seu despacho con toda a gama de produtos que Naturleite envasa en Meira Hai dous años, en xaneiro de 2019, a cooperativa andaluza Covap (Cooperativa del Valle de Los Pedroches) aterraba en Galicia coa adquisición á portuguesa Lactogal da súa factoría de Meira (una fábrica que pertencera nas súas orixes a Vega de Oro e posteriormente a Leite Celta). Arrincaba así o proxecto de Naturleite. Antonio Larrea Morales é o seu director xeral. Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais e con formación en Dirección Financeira e Internacionalización, ocupou desde 2013 a 2019 distintos postos de dirección en Covap, a cooperativa andaluza propietaria de Naturleite, ata que a adquisición da planta galega o trouxo a Meira. Casado e con tres fillos, Antonio segue cun pé na súa Córdoba natal, onde está a súa familia, e con outro en Galicia. O mesmo lle ocorre á empresa que dirixe, pois aínda que o accionariado de Naturleite pertence ao 100% a Covap, a súa xestión é autónoma e independente e ten lugar desde Galicia. "O domicilio fiscal está aquí e os impostos páganse aquí", destaca. – Por que unha cooperativa como Covap toma a decisión de instalarse en Galicia? – Cando en 2018 iniciamos as conversas para poñer en marcha este proxecto coa adquisición da planta de Meira fixémolo xuntando dous criterios claves: oportunidade e confianza. Tiñamos a oportunidade de achegar valor cunha iniciativa empresarial nova que garantía a continuidade de todos os postos de traballo, así como a actividade da fábrica e as relacións cos seus provedores. E a confianza de facelo da man e en colaboración con Mercadona e baixo a marca Hacendado, apostando pola calidade dunha materia prima exclusivamente galega. – En xaneiro de 2019 empezabades xa a operar a planta de Meira. Cal é o balance que fas destes dous anos? – Efectivamente, en xaneiro de 2019 concretábase o acordo. E en dous anos demostramos que a operación tiña sentido e que achegaba e achega valor a todos os elos. Non paramos de medrar e consolidar Naturleite desde entón, con todo o que iso implica: mantemento e creación de emprego directo e indirecto, investimentos para fortalecer a competitividade, apoio aos gandeiros da zona e produtos cunha materia prima galega de altísima calidade, envasados en Galicia para unha das empresas líderes da distribución, o que sen dúbida supón un fito importante para a nosa fábrica.
Pechamos o ano 2020 cunha produción de 110 millóns de litros de leite e a nosa previsión é alcanzar os 125 millóns durante este exercicio, un 30% máis que cando empezamos
– Cumpríronse entón os obxectivos que vos marcabades cando chegastes a Galicia? – A maior parte dos obxectivos principais fóronse cumprindo, como pon de manifesto o feito de que durante estes pouco máis de dous anos lográsemos incrementar a nosa actividade dunha maneira sostida e sostible. Aínda que nos queda moito por facer e hai numerosos retos aos que como compañía nos estamos a enfrontar. Por exemplo, a diversificación, coa entrada de produtos innovadores; ou a aposta constante pola optimización de recursos, que nunha industria como a nosa é un factor clave de competitividade.
Un dos nosos retos é a diversificación, coa entrada de produtos innovadores, proxectando novas referencias de valor engadido que acheguen mellores marxes á industria e aos nosos produtores
– Cal era a produción en Meira cando vós chegastes e cal é nestes momentos? Traballades xa ao 100% da capacidade da planta ou poderiades aumentar as cifras actuais? – Pechamos o ano 2020 cunha produción de 110 millóns de litros de leite e a nosa previsión é alcanzar os 125 millóns de litros durante este exercicio, cifra que supón un incremento do 30% respecto a 2018, ano previo á nosa chegada. O noso obxectivo, con todo, é consolidar estas cifras e seguir crecendo, pois cunha capacidade produtiva de 150 millóns de litros ao ano aínda temos marxe. Pero paso a paso e sen despistarnos do noso obxectivo principal: abastecer a Mercadona dun produto 100% galego e de altísima calidade.
A planta ten unha capacidade produtiva de 150 millóns de litros ao ano; aínda temos marxe para seguir medrando
– Fixestes unha serie de melloras importantes nas instalacións da fábrica nestes dous anos. En que consistiron? – Cando chegamos xa anunciamos que tiñamos previsto realizar importantes investimentos porque, como dixen, sempre apostamos por achegar valor e por facelo a medio e longo prazo. Para iso era necesario acometer un programa de investimento que, durante estes dous anos, superou os 20 millóns de euros. Grazas a este esforzo incorporamos melloras fabrís, optimizado os procesos, introducido novas tecnoloxías que nos permitiron ampliar a familia de produtos, modernizado as liñas de envasado. En definitiva, investimos para ser máis competitivos, adaptando as nosas capacidades ás oportunidades que o mercado nos brinda.
Era necesario acometer un programa de investimento que, durante estes dous anos, superou os 20 millóns de euros
– Tendes programado algún outro investimento na planta? – Claro: o esforzo investidor de Naturleite é recorrente. Aínda que o máis importante xa o acometemos e agora a prioridade é rendibilizalo e aproveitar ao cento por cento do noso potencial. Por tanto, os nosos esforzos centraranse nos próximos meses en aproveitar ao máximo as nosas capacidades para ser aínda máis eficientes. E investiremos, aínda que en menor medida, en melloras menores, pero de retorno máis inmediato.
Nunha industria como a nosa a optimización de recursos é un factor clave de competitividade
– Que plans tendes para os próximos anos? – Seguir crecendo a través da nosa aposta pola calidade, que é a que nos ha de permitir manter a confianza dos consumidores nos nosos produtos. Queremos seguir liderando iniciativas que fortalezan ao noso sector, no seu conxunto, e que, ademais, nos permitan diferenciarnos. E, loxicamente, imos seguir enfocando cada paso que deamos cara ao cliente, ofrecendo produtos que dean resposta ás súas necesidades; proxectando novas referencias de valor engadido que acheguen mellores marxes á industria e aos nosos produtores.
Imos seguir enfocando cada paso que deamos cara ao cliente, ofrecendo produtos que dean resposta ás súas necesidades
– Tendes previsto seguir aumentando a vosa implantación na comunidade? – Como dixen, Naturleite quere seguir medrando sostida e sosteniblemente. E isto é importante, porque o que proxectamos cando empezamos, en 2019, era un crecemento paulatino e unha aposta polo longo prazo. Durante estes dous anos, conseguímolo: crecemos e creceron tamén os nosos provedores gandeiros e colaboradores, logrando, entre todos, impulsar economicamente a nosa contorna. Este é o camiño que eliximos e polo que queremos seguir, iso si, paso a paso; sen présas. É para o que nos preparamos.
Naturleite é moito máis sólida hoxe que cando se creou, o que se ha de traducir nun crecemento en Galicia a medio e longo prazo
Naturleite é moito máis sólida que cando se creou: dispón dunhas instalacións, tralos investimentos realizados, moito máis eficientes e produtivas; conta cunha oferta de produtos máis ampla; consolidou a unha rede de provedores locais que comparten a súa aposta pola calidade; e ten un persoal de 90 persoas que están totalmente aliñadas e comprometidas co noso proxecto. É dicir, dispoñemos dos ingredientes necesarios para seguir contando coa confianza dos consumidores, o que se ha de traducir, se sabemos xestionar todos estes activos, nun crecemento en Galicia a medio e longo prazo. Naturleite ten capacidade para procesar 24.000 litros á hora en 4 liñas de envasado, entre elas leite fresco – Ademais do leite UHT, o sen lactosa e o fresco pasteurizado, elaborades na actualidade en Meira algún outro produto ou tendes previsto ampliar ese catálogo con algunha outra referencia? – De momento traballamos para consolidar e mellorar os produtos mencionados, que son os que actualmente elaboramos en Meira, aínda que non descartamos a medio prazo aproveitar oportunidades e ampliar a nosa actividade con outros novos. – É o leite fresco pasteurizado unha das bases do proxecto de Naturleite? Cal é a produción actual e as perspectivas de crecemento? – Aínda é pronto para valoralo. É un produto que acabamos de incorporar á nosa actividade e que, de momento, está a obter unha acollida moi favorable no mercado, cunha produción mensual que xa supera o millón de litros. E o noso obxectivo é seguir incrementando ese volume nun mercado cuxo dinamismo é evidente.
A produción de leite fresco pasteurizado supera xa o millón de litros mensuais e o noso obxectivo é seguir incrementando ese volume nun mercado cuxo dinamismo é evidente
– Nestes momentos o leite fresco que se produce en Meira chega a boa parte da Península e a Canarias. Que retos supón distribuír ese produto a estas distancias? – A loxística, en produtos como o leite fresco, cunha vida útil moi curta, é un factor clave. Pero un factor que non é novo e co que os nosos procesos loxísticos levan anos lidando. E por suposto, garantimos tanto a seguridade alimentaria como a calidade no noso leite fresco, asegurando a frescura e a cadea de frío, que máis que un reto, é unha responsabilidade que asumimos as dúas partes do proceso, tanto Naturleite como Mercadona, e á que sempre demos resposta. – Como afectou o coronavirus ao consumo de leite e derivados en España? Que cambios ou que tendencias observades? – A pandemia demostrou que, nos momentos excepcionais e cruciais, o que máis se valora é aquilo de rutina, é dicir: abastecemento, seguridade alimentaria, calidade e compromiso co territorio. E niso tivemos que centrarnos inicialmente: en ser capaces de adaptarnos a unha demanda de mercado que foi exponencial, sen restar un chisco de calidade nos nosos produtos. Para iso, cando se iniciou o Estado de Alarma, no mes de marzo do ano pasado, en Meira adoptamos medidas extraordinarias para continuar producindo a pleno rendemento e dar cobertura á demanda do mercado, o que nos levou a incrementar a produción un 53% durante o primeiros sete días do Estado de Alarma, cun esforzo máis que considerable non só por parte do noso persoal, que traballaron con total dispoñibilidade e responsabilidade social, senón por parte de todos e cada un dos nosos gandeiros provedores, dos transportistas etc.
O principal cambio que introduciu a pandemia non foi tanto de consumo como de poñer de manifesto que o noso sector é un sector estratéxico
Ese foi o principal cambio que introduciu a pandemia. E non foi xa tanto de consumo como de poñer de manifesto que o noso sector é un sector estratéxico que, ademais, soubo demostrar o seu compromiso e eficiencia. Porque é unha realidade que o leite, os produtos lácteos, non faltaron nos lineais. E iso foi posible porque todos traballamos con normalidade, e cun esforzo extraordinario, a pesar da complexidade dunha situación tan anómala como a que estabamos e aínda estamos a vivir. – Considerades que eses cambios son algo conxuntural e pasaxeiro ou que terán dalgún modo continuidade trala pandemia? – O consumidor busca, en primeiro lugar, seguridade alimentaria e calidade no produto. Pero ademais, temos que dar resposta a un consumidor cada vez máis responsable e mellor informado, que demanda produtos máis sostibles medioambientalmente, que quere coñecer os procesos, as políticas de benestar animal, a aposta pola innovación, etc. Desta maneira, estamos diante dun mercado no que todo cambia a maior velocidade e no que a inmediatez é un elemento engadido. – Durante o 2020 vimos en dúas ocasións leite con marca Naturleite destinada ao Banco de Alimentos e en Andalucía Covap elabora e comercializa produtos lácteos coa súa propia marca. Poderiamos chegar a ver leite Naturleite ou Covap nos lineais dos supermercados galegos? – Naturleite é un proxecto galego que aposta pola gandería galega e por poñer en valor un produto galego de calidade, pero o noso camiño natural é seguir vendendo leite galego baixo marca Hacendado.
Naturleite é un proxecto galego que ten grandes oportunidades para mellorar e seguir crecendo
– A Xunta aprobou recentemente a súa Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo na que un dos seus obxectivos principais é incrementar a transformación en produtos de maior valor engadido. Plantéxase Naturleite facer algún outro tipo de produto máis aló de envasar leite? – Por suposto. Valoraremos calquera oportunidade de crecemento e niso estamos, pero priorizando nestes momentos os produtos actuais. En calquera caso, apoiamos a estratexia da Xunta, que expón igualmente outros obxectivos que nós, desde Naturleite, subscribimos ao 100%. Cumprimos e impulsamos, por exemplo, o feito de que os nosos gandeiros son 100% galegos e de que transformemos o 100% do seu produto en Meira, en Galicia. – Galicia segue incrementando a súa produción láctea de maneira importante desde o 2015, cun aumento do 4% o pasado ano. Existe capacidade de transformación e, sobre todo, de comercialización desa produción? – Está claro que si. Dos máis de 2.800 millóns de litros que se producen en Galicia, a metade transfórmanse fóra desta comunidade cando a realidade é que Galicia tería actualmente a capacidade industrial de asumir toda esa cantidade de leite que sae das súas fronteiras. E en canto á comercialización, non temos unha balanza nacional produtiva negativa? Pois o que temos que facer é fixar esa produción e comercialización ao territorio.
A metade do leite que se produce en Galicia transfórmase fóra, cando a realidade é que a comunidade tería actualmente capacidade industrial para asumir toda esa produción
– Outras empresas iniciaron o camiño da exportación a países como China ou os países do norte de África. Hai un mercado interesante para o leite galego neses países? – Calquera oportunidade de crecemento rendible é interesante. Nós xa o comprobamos, ao iniciar tamén o ano pasado exportacións tanto a China como a países do norte de África. E aínda que o noso negocio principal é, e seguirá sendo, o mercado español, para seguir medrando estamos obrigados como empresa a valorar todas as opcións existentes, polo que seguiremos ampliando mercados na medida das nosas posibilidades.

"Impresiónanme os excelentes ensilados que logran os gandeiros en Galicia"

Vista exterior da planta de Naturleite, adquirida no 2018 a Lactogal pola andaluza Covap Antonio leva só dous anos en Galicia pero este andaluz empeza a considerarse "un galego máis", tanto, que xa case se atreve co idioma e, di, empeza a saber o que é a morriña cando está fóra de Galicia. – Cando chegaches a Galicia, que foi o que máis che sorprendeu do sector lácteo galego? – O importante peso que ten na economía e sociedade galega, a transformación que sufriu nestes últimos anos e, sen dúbida, o extraordinario potencial que aínda ten. – Cal é a diferenza entre producir leite en Andalucía e en Galicia? – A auga, e por tanto, a base alimentaria, impresiónanme as excelentes ensilaxes que teñen os gandeiros. Hai magníficos profesionais gandeiros en Galicia e en Andalucía, pero a climatoloxía xera a diferenza. – Cal é o volume actual de recollida e número de explotacións de Naturleite? Incrementouse con respecto a cando chegastes? Tedes intención de seguir aumentando a recollida? – Actualmente traballamos con 118 ganderías, que nos abastecen de 330.000 litros de leite diarios á nosa planta. Este volume supón un incremento do 30% desde o inicio da nosa actividade, en xaneiro de 2019, e confirma que o proxecto que iniciamos coa colaboración do sector primario galego. De feito, o noso obxectivo é seguir crecendo en paralelo cos nosos provedores e seguir construíndo, xunto a eles, un sector lácteo máis moderno e rendible para todos os seus elos, traballando para construír unha cadea láctea sostible para todos.
Queremos seguir construíndo, xunto aos nosos provedores, un sector lácteo máis moderno e rendible para todos
– Consideras que está a funcionar ben a Lei da Cadea no caso do sector lácteo? Hai unha distribución xusta de marxes nos distintos elos? – O problema da Lei da Cadea é, seguramente, que non achegou a claridade necesaria, aínda que o espírito da lei teña moi boas intencións. Pero quizais falte claridade nun sector no que, como en calquera outro, a transparencia e a estabilidade son dous piares fundamentais. Todos temos que saír gañando porque se unha da partes perde diñeiro, non hai nada que estabilizar. Aínda que a ecuación da estabilidade pasa por despexar dúas incógnitas: a primeira, un prezo razoable; e a segunda, unha eficiencia produtiva acorde ao negocio. Pretender solucionar esta ecuación sen ter as dúas variables en conta está fóra de toda lóxica.
A Lei da Cadea non achegou a claridade necesaria, aínda que o espírito da lei teña moi boas intencións
E existe unha evidencia clara: é o consumidor final quen ten a última palabra, e demanda calidade ao mellor prezo posible. Por tanto, a nosa obriga é tratar de combinar uns bos prezos de venda coa eficiencia produtiva e non socializar perdas, que é a destrución do negocio a medio ou longo prazo. – Estamos nun momento de incremento importante dos custos de produción no campo debido á suba nos pensos e nas materias primas. Debería subir tamén o prezo que cobran os gandeiros polo seu leite? – O noso ADN é gandeiro e, por tanto, sempre buscamos o mellor prezo ao que poidamos chegar. Ademais de practicalo, esforzámonos en mellorar a rendibilidade dos nosos subministradores e en colaborar con eles, o que nos permite xerar esas relacións estables tan necesarias no noso sector. Pero baixo un compromiso conxunto, que é garantir unha calidade elevada.
Estamos a valorar se ofrecer o servizo de compra conxunta de penso aos nosos gandeiros para sufrir o menos posible as especulacións do mercado
Somos conscientes da dificultade de repercutir os incrementos de custos cara adiante, por iso unha forma de minimizar ese problema é concentrar a compra e evitar compras spot (compras con entrega inmediata a prezo de mercado), para ter estabilidade e sufrir esas especulacións o menos posible. En Naturleite estamos a valorar se ofrecer ese servizo aos nosos gandeiros. – O que facedes en Meira é marca de distribución. Por parte dos gandeiros acúsase frecuentemente ás grandes cadeas de usar o leite como produto reclamo. Ti crees que é así? Hai algunha correlación entre marca branca e prezo baixo ao gandeiro? – Naturleite fai un produto de calidade e baixo unha marca, Hacendado. Investimos, innovamos, contribuímos a transformar e modernizar o sector e apostamos pola rendibilidade en todos os elos. Esa é a realidade de Naturleite. No noso caso, non se trata dun produto reclamo.
No noso caso, o leite non é un produto reclamo
– Entendo que unha das claves das industrias de envasado de leite é estar preto dos puntos de produción, non sei se esta circunstancia é máis importante se cabe ao enfocar unha das vosas liñas de actividade ao leite fresco e se por iso tendes fixado algún tipo de límite en canto ao radio de quilómetros de recollida desde a factoría? – Recollemos leite no ámbito territorial da provincia de Lugo, a incorporación de ganderías doutras zonas de Galicia é unha posibilidade que non descartamos, pero que vai depender do noso propio desenvolvemento e das necesidades de materia prima que teñamos a medio e longo prazo. Efectivamente, a proximidade dos gandeiros aos puntos de produción é un factor relevante. Pero non o máis relevante para Naturleite, cuxa esixencia principal é a calidade.
Meira ten unha vantaxe estratéxica, pois está situada nunha das zonas máis produtoras de leite de España, o que nos permite recoller leite da calidade que esiximos nun reducido radio de quilómetros
E Meira ten unha vantaxe estratéxica neste sentido, pois está situada nunha das zonas máis produtoras de leite de España, o que nos permite dar resposta aos dous vectores anteriores: recoller leite nun reducido radio de quilómetros, percorrendo varios concellos de norte a sur da provincia; e garantir que o produto que recollemos ten a calidade que esiximos. Así que, neste contexto, e con recollida diaria, a loxística para a fabricación dos nosos produtos, incluído o leite fresco, cumpre sobradamente cos criterios que nos marcamos. Descarga dos camións que recollen nas 118 ganderías de Naturleite na provincia de Lugo – Cal é o perfil dos vosos gandeiros provedores? – Para Naturleite o principal é o compromiso dos gandeiros que forman parte do noso proxecto. Hai que ter en conta que nós somos tamén gandeiros en orixe, de maneira que entendemos perfectamente o contexto e os retos aos que se enfrontan. O noso modelo está baseado nunha relación estreita con eles que non se cingue exclusivamente ao pago dun prezo xusto, senón que vai moito máis aló compartindo o noso coñecemento do sector, froito de décadas de traballo, para mellorar a súa rendibilidade e produtividade, sobre a base dunha colaboración e implicación moi estreitas. Porque estamos convencidos de que Naturleite non pode ter futuro se non o teñen os seus gandeiros provedores. E ese é o compromiso conxunto ao que me refería: ser capaces, entre todos, de transformar e modernizar o sector lácteo por medio da calidade, eficiencia e sustentabilidade.
Nós somos unha industria atípica, porque tamén somos gandeiros en orixe, polo que o noso modelo está baseado nunha relación estreita que non se cingue exclusivamente ao pago dun prezo xusto senón a compartir o noso coñecemento con eles
– Unha das primeiras decisións de Naturleite foi a de suprimir a prima por cantidade, algo habitual noutras empresas A que se debe? – Débese ao noso modelo de relación, cuxas características son diferenciais respecto á industria láctea convencional. E dentro do noso modelo, á responsabilidade que temos, tanto cara ao noso cliente, como cara ao consumidor final, de ofrecer produtos cunha seguridade alimentaria garantida e dunha calidade moi elevada. E iso é o que facemos en Naturleite, valorar a calidade do leite por encima de calquera outro criterio, incluído o da cantidade. Por iso, porque o que perseguimos é a excelencia, todos e cada un dos litros que recollemos diariamente han de cumprir cos criterios establecidos. – Insistides en que a vosa aposta é pola calidade e esixistes tamén aos vosos gandeiros maiores niveis neste sentido. Tendo en conta que a vosa actividade céntrase no envasado de leite líquido, que aspectos cobran maior relevancia para Naturleite: as porcentaxes de sólidos ou os parámetros hixiénico-sanitarios? – Calidade, calidade e calidade. Esa en a nosa aposta e, con esa premisa, establecemos unha serie de condicións no contrato. E traballamos con gandeiros provedores que as aceptan porque nos coñecen e están totalmente involucrados no noso proxecto, dado que comparten os nosos criterios e saben, coma nós, que máis aló dos novos produtos que poidamos introducir no mercado, a mellor forma de diferenciarse coa produción e venda dunha commodity como o leite é por medio da calidade. Neste sentido, e respecto á calidade do leite, os parámetros hixiénico-sanitarios e as porcentaxes de sólidos van da man: só se poden obter sólidos de calidade do mellor leite. – A nivel de granxa, contades cun programa de asesoramento técnico para axudar aos gandeiros a mellorar a calidade do leite. En que consiste e cantos gandeiros participan? – A nosa proposta de negocio está baseada no crecemento conxunto e na optimización dos recursos por medio da colaboración constante. Para iso, asumimos un importante intercambio de coñecementos entre cantos formamos parte da cadea, o que se traduce, por parte do departamento de Campo de Naturleite, nunha asesoría constante aos provedores que o necesitan. Igualmente, contamos coa colaboración de veterinarios e doutros servizos técnicos da zona, que nos apoian e traballan directamente nas granxas e xogaron un papel importantísimo neste traballo en equipo. En total, falamos dun proxecto no que participan moitos provedores que, coma nós, creceron durante estes dous anos grazas á mellora da calidade da súa materia prima, que é o mellor exemplo dos resultados obtidos. – Buscades a calidade tamén no transporte. Naturleite implementou tamén un sistema para controlar a temperatura nos tanques dos camións. Como funciona? – En Naturleite apostamos pola trazabilidade da calidade, o que implica poder garantila desde a orixe ata a mesa do consumidor final. Isto obriga a poñer en marcha medidas de control en todo o proceso. Unha delas é a vixiancia constante de temperatura do leite, que é un dos puntos críticos que controlamos en tempo real.
A temperatura do leite é un dos puntos críticos que controlamos en tempo real durante o transporte desde a granxa ata a planta
– Outro dos puntos nos que poñedes a énfase nas vosas granxas ten que ver co benestar animal. É unha cuestión máis de márketing comercial, porque así o demanda o consumidor, ou porque está relacionado tamén con outros aspectos produtivos e de calidade de produto? – É unha cuestión de compromiso e de transparencia que nada ten que ver co márketing comercial e si con dar respostas a preocupacións reais dos consumidores. E que teñen todo o sentido porque na sociedade actual non podemos dar as costas a esta realidade cando, por outra banda, ademais está constatado que o benestar animal promove a mellora continua na produción e repercute positivamente na eficiencia. – Establecestes unha prima específica por este concepto, pódese cuantificar numericamente de maneira obxectiva algo como o benestar animal? – Como digo, o benestar animal é un compromiso real, que desde Naturleite abordamos por medio do protocolo Welfare Quality. Este protocolo de certificación e avaliación do benestar animal é un documento de consenso científico deseñado por varios equipos de investigación de toda Europa especializados nesta materia, despois de máis de 15 anos de traballo. Está baseado nunha auditoría na que, auditores acreditados e independentes, avalían unha serie de indicadores específicos dos animais. O resultado desta auditoría clasifica ás granxas en función dun baremo establecido polo propio sistema Welfare Quality, polo que a obxectividade está garantida.