Archives

“O gando para as mulleres e o campo para os homes; vexo eses roles na maioría das explotacións”

O Grupo Lence xuntou este martes en Lugo a gandeiras que entregan o leite a Río e a Leyma O 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, serve todos os anos para visibilizar a contribución feminina nos distintos eidos da sociedade. Nas explotacións leiteiras, e no rural galego en xeral, as mulleres sempre xogaron un papel fundamental pero non sempre recoñecido. O Grupo Lence organiza desde fai tres anos, baixo o lema Gandeiras con Actitude Río, xuntanzas nas que participan mulleres que forman parte das súas explotacións provedoras. Pretenden fomentar a relación entre elas e contribuír a que adquiran ferramentas de liderado e autoestima para que pouco a pouco poidan ir gañando peso na toma de decisións nas súas ganderías. 
Leite Río inicia esta semana, con motivo do 8-M, unha campaña publicitaria nas principais cadeas de televisión onde as gandeiras son as protagonistas
“Está moi ben estar con xente que comparte as mesmas vivencias ca ti e que está pasando polo mesmo. Cada unha temos a nosa situación persoal, pero deste xeito sentímonos máis apoiadas e arroupadas”, aseguran algunhas das participantes. Aproveitamos a última destas xornadas, que tivo lugar este martes en Lugo, para falar con tres destas mulleres, que representan nalgúns casos un cambio xeracional e de mentalidade no sector.

“Eu véxolle ao sector moito futuro”

Leticia Míguez ten 23 anos e acaba de incorporarse á gandería familiar, Gandería Míguez, ubicada en Valadares, na parroquia de Meavía, pertencente ao concello pontevedrés de Forcarei. É unha explotación familiar con relevo que está a medrar. O seu pai, José, marchou traballar fóra moi novo pero sempre tivo a ilusión de volver. “Cando volveu o meu avó tiña 7 vacas e hoxe estamos en camiño das 300 cabezas”, conta Leticia. A gandería aténdena os seus pais, ela e os seus dous irmáns, e contan neste momento con dous empregados. O seu pai está ás portas da xubilación (ten 65 anos) e tiveron unha oferta para mercarlles a granxa, pero Leticia non quixo. Esa decisión levouna a tomar as rendas da explotación. “Eu véxolle futuro ao sector”, di.
Tivemos unha oferta de compra, pero fun eu a que non quixo vender
Malia a súa idade, fala coa naturalidade de quen sempre estivo aí, coa mesma coa que decidiu dar continuidade á gandería familiar. “A fin de contas sempre estiven involucrada na granxa, aínda que agora se oficializara”, evidencia. Seguir medrando e modernizando as instalacións Entre Leticia e o seu pai hai 42 anos de diferenza e un gran salto xeracional que ela percibe. “Parecémonos moito, pero ao mesmo tempo temos visións xa moi diferentes. A súa é unha visión máis conservadora en relación aos avances que están vindo. Eu tamén procuro ser cauta, porque ás veces non se sabe moi ben que é o que vén”, matiza.
Son neste momento a maior explotación leiteira do concello de Forcarei pero queren seguir medrando “con calma e con cabeza”
Están muxindo a día de hoxe 128 vacas e son xa a maior gandería de leite do concello de Forcarei pero tanto Leticia como os seus irmáns queren seguir medrando. “Queremos seguir aumentando ás vacas, non nos marcamos límites, pero queremos medrar con calma e con cabeza”, asegura. Ao mesmo tempo que aumentan o seu tamaño para gañar volume, están tratando tamén de modernizar a explotación. Leticia estudou enxeñería mecánica e trata de aplicar a súa formación á gandería. “Pedimos un Plan de Mellora para meter un segundo robot de muxido e imos pór unha amamantadora para a recría”, conta. Recoñece que a súa presenza, pola súa idade pero tamén por ser muller, aporta unha nova visión á granxa familiar. “Quero introducir novos métodos de traballo e tratar de innovar”, avanza. Até agora axudaba sobre todo co papeleo, pero a raíz dun accidente que tivo a súa nai involucrouse máis no traballo diario da explotación, onde aínda ve diferenzas entre homes e mulleres.
Din que a dixitalización é para acabar co papeleo pero cada vez temos máis. O único cambio é que chos mandan por email pero despois ti telos que imprimir
“Relégase moito ás mulleres ao coidado do gando, mentres que o campo é para os homes. Iso está como moi diferenciado; vexo na maioría das granxas eses roles. De feito, cando eu me incorporei foi porque a miña nai rompera un pé e tiven que dar eu un paso á fronte e pórme a atender ás becerras e ao coidado dos animais. Esa labor de vixiancia nas explotacións eu penso que a fan sobre todo as mulleres”, afirma Leticia.

“Sempre tiven claro que dun xeito ou doutro quería quedar no rural”

Nerea Aneiros ten 25 anos e incorporouse o ano pasado, xunto ao seu irmán Alejandro, á explotación familiar, Granxa O Caxigo, de Cerdido, na provincia da Coruña. Neste momento están a acometer un importante proxecto de ampliación en Moeche que os converterá nunha das explotacións de referencia na comarca de Ferrolterra. “A nosa era unha explotación familiar pequena. Estaban os meus pais sos e muxían unhas 40 vacas. O establo era moi vello e non daba xa para máis. Eles aínda son relativamente novos pero sen facer establo novo non podían avanzar moito máis. Por iso estabamos nunha situación na que ou faciamos unha nave nova e tirabamos os catro para diante ou senón terían que mirar de pechar a porta e adicarse a otra cousa porque tiñan unha carga de traballo moi elevada polas instalacións que tiñamos”, explica Nerea.
Eu e o meu irmán medramos no medio das vacas e sempre nos gustou isto; eu tiña moi claro que fose dun xeito ou doutro quedaría no rural
Logo dalgún momento de dúbida, Nerea e Alejandro decidiron meterse de cheo no proxecto, para o que contaron co apoio entusiasta dos seus pais, Francisco Javier e Ana Belén, que sempre incentivaron que os seus fillos continuaran na explotación. Tradición e formación Xunto a esa procedencia de familia gandeira, tanto Nerea como o seu irmán representan unha nova xeración con formación técnica. Alejandro é enxeñeiro agrónomo e Nerea estudou en Fonteboa e agora está a facer Veterinaria en Lugo. Despois dunha etapa "rebelde" na que dicía non querer saber nada da granxa, Nerea decidiu estudar o ciclo superior de FP da rama agraria na EFA Fonteboa de Coristanco, que lle devolveu "a ilusión e as gañas". A súa formación en Fonteboa deulle ademais a oportunidade de visitar outros países, cunha estancia en Irlanda onde aprendeu que "en Galicia facemos as cousas igual ou mellor que noutros sitios pero noutros países ser gandeiro ten un prestixio e unha consideración social que non temos aínda aquí", afirma. Pasar de 40 a 200 vacas O ambicioso proxecto que están a levar a cabo, cun investimento próximo ao millón de euros, permitiralles pasar das 40 vacas actuais a case 200, e tamén dar un salto tecnolóxico coa incorporación de catro robots de muxido. “Aínda estamos coa obra pero non falta moito e contamos poder cambiar as vacas xa no verán”, explica Nerea. É consciente de que o cambio para a nova nave vai supoñer mudar por completo o xeito de traballar e tamén vai incrementar as necesidades de superficie agraria.
Cun forte investimento, de arredor dun millón de euros, están a construír un novo establo en Moeche con dous robots dobres para perto de 200 vacas en produción
Na zona na que se atopan, a gandería de leite foi esmorecendo nos últimos anos. Iso é tamén unha vantaxe, pois facilítalles o acceso a base territorial. “Estamos preto de Ortigueira, que era unha zona gandeira moi importante pero a día de hoxe quedan poucas granxas e as que quedan non están a medrar porque non teñen relevo, así que o día de mañá vai haber menos aínda”, asegura. “Sen xente nova non hai futuro no sector”, di, e aínda que recoñece que a situación e a consideración da muller nas explotacións está a mellorar, é consciente de que aínda están en minoría na toma de decisións en moitas granxas. Non acontece así na súa, pois os seus pais teñen en conta a opinión tanto dela como do seu irmán Alejandro. “Eles teñen a voz da experiencia e nós a formación técnica. Facemos moi bo equipo”, conclúe.

“Queriamos xuntarnos varias granxas pero as trabas burocráticas foron tales que tivemos que desistir”

Rosa Neira ten 47 anos e é a titular dunha gandería en pastoreo de 55 cabezas en Santiago de Saa, no municipio de Lugo. “A granxa era dos meus pais e agora lévoa eu soa”, explica. Está muxindo neste momento 37 vacas e considera que “as granxas pequenas como a miña teñen pouco futuro, pero tampouco non ofrecen moitas posibilidades para podernos xuntar”, lamenta.   “Fai un ano estivemos mirando de xuntarnos entre varios veciños e facer unha explotación entre todos pero as trabas burocráticas foron tales que tivemos que desistir. A Administración, en vez de animarnos a unirnos o que facía era poñérnolo todo negro, de maneira que tivemos que aparcar ese proxecto e cada un tivo que seguir coa súa granxa en solitario”, conta. Iso, no seu caso, supuxo “cortarlle as ás”, di, porque ela soa non pode afrontar un proxecto ambicioso para modernizar a explotación, algo que en conxunto si que vía factible. “Eramos 5 granxas e reuniamos máis de 300 cabezas, con perspectivas de seguir medrando”, destaca.
O proxecto consistía na unión de 5 granxas; xuntabamos máis de 300 cabezas
Rosa defende que só as granxas viables e dun certo tamaño poderán atopar relevo xeracional. Por iso, a súa decisión de sumarse a unha iniciativa conxunta dese tipo respondía ao obxectivo de dar continuidade á gandería que antes tiveran os seus pais. “Eu non o facía só coa idea de labrarme un futuro para min, senón tamén para a miña filla, que ten agora 12 anos”, asegura. “A min non me dá medo seguir adiante eu soa, pero mellor íamos os 5 veciños xuntos. Seriamos de inicio 6 ou 7 traballadores e, aínda que despois algún se fora xubilando, era unha boa maneira de seguir”, defende. Atrancos legais Das 5 explotacións que estaban de acordo en fusionarse, tres delas eran granxas pequenas, coma a súa, e dúas ganderías un pouco máis grandes. Pero o feito de que algunha delas fora xa unha sociedade complicaba as cousas, xa que os obrigaban á disolución previa de todas a fórmulas xurídicas existentes para poderen xuntarse de novo.  
Obrigábannos á disolución previa de todas as sociedades para poder xuntarnos
“As gañas tiñámolas todas, pero desde a Xunta non nos axudaron nada; foron tantas as trabas que nos puxeron que ao final eles mesmos botaron para atrás o proxecto”, quéixase. “Para min era unha meta importante e non entendo como cada vez que nos reuniamos cos funcionarios da Consellería todo eran problemas”, reitera.   Era un proxecto no que ela estaba moi ilusionada e que non dá aínda por perdido, pero polo que non pode agardar moito máis tempo. “Teño 47 anos e se tardamos moito igual daquela xa non me interesa meterme como socia e me compensa máis traballar de empregada e alugarlles as fincas”, razoa.

Encontro da Secretaría das Mulleres do SLG esta fin de semana en Chantada

Esta fin de semana terá lugar o XVIII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL). Trátase dunha edición que pon o colofón aos 20 anos de encontros dende o primeiro celebrado en Allariz no ano 2004. Nesta ocasión, terá lugar no Espazo Vilaseco, en Chantada. A xuntanza dará comezo ás 12:00h da mañá do sábado 2 de marzo coa benvida da Secretaria Xeral do SLG-CCLL, a gandeira e produtora de fabas de Lourenzá Isabel Seivane, e da concelleira de igualdade de Chantada, Pamela Fernández, e rematará na tarde do domingo 3 de marzo, coa visita a proxectos vitivinícolas de mulleres labregas da comarca. “Para nós, os encontro anuais da Secretaría das Mulleres son moi importantes. Xuntámonos para analizar, debater, dar e obter información e sacar liñas de traballo, pero tamén para compartir e colectivizar. Este ano case un centro de labregas de todo o país, pero tamén doutras xeografías, traballaremos e celebraremos este aniversario tan especial. Son xa 20 anos de encontros, 20 anos da man ”, sinala a responsable da Secretaría dende o ano 2012, María Ferreiro. Durante esta edición “tamén presentaremos o documental ‘Labregas, espazos de venda’ (2023), realizado polo Sindicato Labrego Galego para dar a coñecer a realidade das mulleres labregas que fan venda directa no segundo lugar máis visitado de Santiago de Compostela: a Praza de Abastos; e a publicación ‘A fala da terra. Labregas’ (2023), unha compilación de testemuñas de mulleres labregas da provincia de Pontevedra tamén publicada polo SLG”, sinalan desde o Sindicato.  Do mesmo xeito, “o sábado pola tarde degustaremos unha cata de produtos da Queixería Airas Monis a cargo de Ana Vázquez, intercambiaremos sementes e pola noite danzaremos ao ritmo das pandereteiras Bouba, entre outras actividades. Ademais, o domingo pola tarde visitaremos as adegas Amedo, na comarca de Chantada”, amplían. Asemade, no Espazo Vilaseco estará instalada unha exposición fotográfica de Espadela Coop Arabías con 58 retratos de mulleres realizados pola fotógrafa e xornalista Charo Lopes; a exposición fotográfica do SLG-CCLL ‘Vinte anos da man’, sobre os encontros e actividades realizadas pola Secretaría das Mulleres ao longo destas dúas décadas, e tamén un espazo de conciliación para que as mulleres que participen no Encontro podan acudir cas súas fillas e fillos se así o desexan.

Secretaría das Mulleres 

A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego nace entre finais dos anos 80 e comezos dos 90, principalmente con loitas polos dereitos de mulleres labregas como profesionais, concretamente o dereito a cotizar e o seu dereito a ser donas-titulares das súas granxas. Nesta etapa algunhas mulleres organizadas no Sindicato comezan a decatarse de que certas leis e situacións que vivimos non son iguais e non nos afectan do mesmo xeito a homes e mulleres. Comezan a poñer esta realidade enriba da mesa e tamén a falalo dentro da organización, dentro do SLG. “Os actuais eixos de traballo son o referido ao eido profesional; á autoestima, vencer os medos e saber que o que nos pasa de xeito individual pásanos a todas e polo tanto é colectivo; organización e participación e violencia machista. Canda estas temáticas, os encontros anuais permítennos abordar tamén cuestións máis diversas, como a formación en feminismos, a defensa dos servizos públicos no rural ou a concienciación sobre a violencia obstétrica e educativa, entre outras moitas”, avanzan desde a agrupación.

O Campo, unha explotación leiteira que atende ao gando e ao traballo agrario

  Maricarmen e o seu fillo Aarón na súa granxa de Viladonga (Castro de Rei) A simbiose gando-terra é un binomio perfecto. Permite pechar o círculo do aproveitamento de recursos: as forraxes alimentan ao gando e o xurro á terra. Se a iso lle sumamos ter maquinaria para facer case todos os traballos agrarios, o resultado é a gandería O Campo, situada na parroquia de Viladonga, no concello de Castro de Rei. Á fronte desta granxa está unha muller, Maricarmen Barreiro Irimia, que colleu a explotación hai máis de 20 anos do seu avó Federico. Tiñan daquela 30 vacas en produción, na corte na que hoxe está a amamantadora das becerras. Na actualidade, tras construír un establo novo que acumula xa dúas ampliacións, están muxindo 180 animais, con 320 cabezas totais.
Cando nacín aquí xa había vacas; eu collín a granxa do meu avó
Na súa mente está seguir medrando, se os prezos do leite seguen compensando. “A ver como segue isto, se pagan o leite como deberan animariámonos a ampliar”, di pensando na incorporación, dentro de dous anos, do seu fillo Aarón.   Unha explotación con relevo O Campo medra con paso firme porque “ao meu fillo encántalle isto”, di orgullosa Maricarmen. Aarón ten agora 16 anos e está a acabar a ESO. Despois ten pensado facer un ciclo de gandería e incorporarse á granxa familiar, na que hoxe xa bota unha man. “Gústame a maquinaria, pero tamén me gusta o gando”, conta. “Son cousas moi diferentes pero as vacas gústanme, é un traballo máis continuo e máis tranquilo”, opina. “Cando naces nunha granxa valo mamando desde pequeno, para min é un traballo bonito”, di.
As vacas gústanme; é un traballo máis continuo e máis tranquilo que o da maquinaria
Aínda que a gandería O Campo non acode a concursos, a Aarón gústalle axudar a preparar vacas, e leva dous anos asistindo ás xuntanzas do Clube de Xóvenes Gandeiros. Á súa nai gústalle que vaia, pero ela é máis práctica: “Aquí estamos para buscar a máxima rendibilidade; eu quero unha vaca que dea ben leite e boas calidades, non me importa o corpo que teña porque non a quero para mirar para ela, aínda que hai aspectos da morfoloxía que evidentemente son importantes, como por exemplo que teña unhas boas patas ou unha boa ubre. Se o pode ter todo mellor, pero senón priorizo a produción e os sólidos”, aclara. Aposta polos sólidos e 38 litros de media Maricarmen atende a granxa coa axuda de Aarón e de tres empregados, todos inmigrantes, un deles de Marrocos e dous irmáns de Guinea Ecuatorial. Os tres traballadores, que xa levan 5 anos na explotación, fan turnos de xornada continua: o que está pola mañá de 6 a 2 e o que está pola tarde de 2 a 9. Gandería O Campo moxe 2 veces ao día, ás 6 da mañá e ás 6 da tarde, e logra unha produción media por vaca e día de 38 litros, cun 3,95% de graxa e un 3,43% de proteína.
Entregan a Queserías Sarrianas, que lles baixou dous céntimos o prezo do leite no último contrato
Dispoñen de carro mesturador propio para facer diariamente as distintas racións de alimentación do gando. Fai unha para vacas de leite, outra para as secas e unha terceira para as xovencas de recría. Maricarmen é quen se encarga de facer o carro segundo as indicacións que lle marca o nutrólogo. Neste momento na ración de produción están metendo 37 quilos de silo de millo, 12 de silo de herba e 10,5 de concentrado. A incógnita dos robots Instalaron paneis fotovoltaicos en previsión á colocación robots de muxido no futuro Hoxe moxen nunha sala de 20 puntos pero non descartan automatizar esta tarefa no futuro se optan por seguir medrando e a man de obra escasea. Maricarmen considera que ese é un dos principais problemas que ten hoxe o sector, pero pensa que a nivel técnico e de manexo as granxas galegas están ao nivel, ou mesmo por diante, das de outros países europeos. “Creo que nalgunhas cousas, como en instalacións, por exemplo, a día de hoxe levámoslles nós vantaxe”, asegura.
É difícil atopar xente para traballar; nós tivemos unha época na que paraban pouco tempo
En previsión á posible colocación dos robots no futuro instalaron paneis fotovoltaicos, mediante unha subvención do INEGA. “Muxindo en sala non se lles saca o mesmo rendemento, pero cos robots son imprescindibles para que non se dispare a factura da luz”, considera Maricarmen.
Eu preferir prefiro a sala, porque nela ves todo: vacas coxas, vacas enfermas. É un sitio onde podes detectar moitas cousas
Ao contrario do que acostuma suceder nestes casos, Aarón prefire a sala aos robots. “Dime que se poño os 4 robots non se incorpora”, conta a súa nai. “Habendo xente para traballar é moito mellor a sala, porque acabas de muxir e sabes que acabache ata o día seguinte. Eu en condicións normais prefiro a sala, pero o malo é atopar a xente e cada vez vai ser peor”, xustifica Maricarmen. Aarón prefire as salas robotizadas ou o sistema de batch milking aos robots convencionais. “Levas as vacas a unha sala de espera, igual que para a sala de muxido convencional, e van entrando a muxirse soas, así tamén te aseguras que todas as vacas pasan e que non queda ningunha, porque un ou dous robots aínda os atendes, pero desde que tes tres ou catro, ou un volume importante de animais, a cousa complícase bastante e, ou estás sempre na granxa, ou é imposible”, di. “Como o muxido robotizado está cambiando e evolucionando moito cando el se incorpore e teña que tomar decisións neste sentido pode que xa haxa cousas novas”, engade a súa nai. Recría propia Ao igual que o traballo agrario ou a alimentación, nesta granxa fan tamén eles mesmos todo o proceso de recría, para o que acondicionaron unha ala da corte vella para poñer unha amamantadora para as becerras e mercaron o establo a un veciño que deixou as vacas para ter as xovencas.   Cando nacen as tenreiras fan o encalostrado e logo están unha semana en boxes individuais antes de pasar á amamantadora. Téñena desde fai uns 5 anos. Supúxolles aforrar traballo, pero non notaron un incremento considerable no crecemento das becerras e si un aumento nas enfermidades. “Antes de ter a amamantadora dabámoslles ás becerras leite de vaca e ían mellor; agora temos máis problemas de pneumonías. Penso que se xunta un pouco todo: por un lado a instalación, porque ao ser a nave vella é baixa e pouco ventilada, e por outro os problemas de contaxio que se dan ao mamar todas da mesma tetina”, di Maricarmen.
A amamantadora, cando vas a moito volume, tela que ter, porque as xatas dan moito traballo
Destetan a partir dos dous meses. “Se unha xata a vemos moi pequeniña deixámolas uns días máis”, explica Maricarmen. Despois van pasando polos distintos lotes ata o momento da inseminación, que fan entre os 13 e os 14 meses, novamente en función do seu crecemento. “Miramos máis o corpo que a idade”, explica. “Levámolas para inseminar xa na outra granxa e despois volven parir aquí, traémolas un mes antes e metémolas nun espazo onde temos a parideira, onde paren antes de pasar aos cubículos”, indica. As camas da nave principal son de area e fanas dúas veces ao día, coincidindo coa muxidura. Traballan con dous lotes de produción (primeirizas e multíparas) e as vacas dúranlles unha media de tres partos. Novas normativas e máis burocracia Maricarmen quéixase da carga burocrática que asumen as explotacións e que se vai incrementar coa entrada en vigor o vindeiro ano do Caderno Dixital, así como dos novos requisitos e esixencias derivados das últimas normativas aprobadas en materia de abonado, fitosanitarios ou medicamentos. “Agora póñeno todo moi complicado para producir e hai que pagar por todo. Agora non che pode o veterinario nin receitar un calcio; tencho que vir poñer el, e iso acarrea un custo. Eu a cada vaca que paría metíalle un calcio por rutina, de maneira preventiva. Pero hoxe, tal como está o tema dos antibióticos, non queren que curemos nin nos deixan previr”, quéixase.
Producir hoxe é moi complicado; non queren que curemos nin nos deixan previr
“Para min poñer un calcio nun parto é moi importante para non ter que curar despois, pero se por cada vaca que pare na granxa tes que chamar ao veterinario, deixa de ser viable”, afirma. O mesmo, di, vai pasar con outras normativas de recente aplicación, en materia de benestar animal ou fertilización, e sobre a próxima entrada en vigor do Caderno Dixital utiliza unha frase ben expresiva que resume o sentir de todo o sector: “menudo lío”.

O Trigueiro, unha empresa de servizos para diversificar ingresos e facer os traballos no momento óptimo

En paralelo á gandería, contan cunha empresa de servizos agrarios, O Trigueiro, que leva Toni, o home de Maricarmen, que ademais de atender as necesidades da granxa traballa para outras explotacións. “Antes traballabamos moito máis para outras ganderías desta zona, pero cada vez menos, porque a granxa nosa xa absorbe moitas horas de traballo da maquinaria e é difícil compatibilizalo, porque cando os demais queren botar o millo nós estámolo botando tamén, cando o queren recoller pasa o mesmo”, contan.
Priorizamos o traballo para nós e ás veces é difícil de compatibilizar co de fóra
Optan por priorizar as súas sementeiras e ensilados para que a calidade da ración sexa a axeitada. “A vantaxe de ter ti a maquinaria é que fas os traballos cando queres e como queres e nunca se che pasa ou se che molla a herba nin se che seca demais o millo e se hai unha praga cóllela a tempo, porque non esperas por ninguén”, argumenta Maricarmen. 95 hectáreas nas que fan dobre cultivo Traballan en total unhas 95 hectáreas para a súa explotación, todas na zona na que se atopa a granxa. Fan dobre cultivo de millo e herba en case toda a superficie. “Quedarán unhas 10 nada máis”, explica Maricarmen. “Esta é unha boa zona de millo, dase ben e logramos boas producións; este ano sacamos moito”, conta. Até agora botaban raigrás como cultivo de inverno, pero este ano empezaron a botar leguminosas para cumprir co ecorrexime de rotación con especies mellorantes da PAC.
Nesta zona dase ben o millo; sacamos boas producións
Nos últimos anos foron modernizando o seu parque de maquinaria e contan con tecnoloxía de última xeración, como tractores con sistema de autoguiado e aperos para facer agricultura de precisión (sementeira variable, dosificación de fitosanitarios), co que reducen custos e insumos. “É positivo para os cultivos porque ao non haber solapes os cultivos non levan máis sulfato nesas zonas e non se retrasa o seu crecemento”, conta Aarón.   Especializados en sacar a area dos pozos do purín Ademais da maquinaria para os traballos agrarios, O Trigueiro dispón tamén de camións, cos que transportan, por exemplo, area para as camas, e unha retroescavadora para retirala dos pozos de purín.
Contan cun parque de maquinaria amplo, co que fan todos os traballos da explotación, agás picar o millo
Contan cun parque de maquinaria amplo (tractores, segadoras, remolques para transporte de forraxe, cisterna de purín con tubos colgantes, estercador), co que fan todos os traballos da explotación, agás picar o millo, e tamén están especializados en sacar a area dos pozos do purín e distribuíla en fincas con moita arxila, onde axuda a mellorar a capacidade de drenaxe do solo.
https://www.campogalego.gal/instalar-paneis-solares-nunha-ganderia-de-leite-pode-aforrar-entre-o-45-e-o-60-da-factura-da-luz/

Prevención de riscos laborais no sector agrogandeiro para mulleres embarazas e lactantes

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), ten a disposición da cidadanía unha guía sobre “Prevención de riscos laborais durante o embarazo e a lactación no sector agrario”. Estes son os puntos clave a ter en conta para reducir os riscos para a saúde das mulleres: 

1) Características da muller en situación de embarazo, posparto e lactación

Como punto de partida hai que ter en conta que o embarazo supón unha serie de cambios na muller cuxo obxectivo é asegurar a supervivencia e o axeitado desenvolvemento do fetol. Malia ser un proceso fisiolóxico, o certo é que algúns destes cambios poden limitar a capacidade funcional da traballadora grávida e a súa tolerancia a determinadas condicións da contorna laboral. Os cambios máis relevantes da muller embarazada maniféstanse a nivel circulatorio, no peso corporal, na postura e no equilibrio, na lasitude ligamentosa e na frecuencia urinaria. Durante o posparto a muller presenta cambios tales como molestias urinarias, cansazo, alteracións emocionais, falta de sono, incontinencia urinaria que poden limitala na realización das súas tarefas. E no período de lactación a traballadora pode ter molestias a nivel físico coma sensibilidade nos seos, presenza de gretas ou mastite; dificultades para a produción de leite por substancias químicas ou por condicións de traballo estresantes; inconvenientes á hora de poder compatibilizar a xornada laboral coas tomas, así como no desenvolvemento daquelas tarefas nas que existan axentes nocivos que se poidan transmitir por contacto ou polo leite materno.

2) Boas prácticas para evitar os riscos no embarazo e na lactación

Riscos físicos:

-Calor ou frío extremos:en xeral considéranse situacións ambientais con posible risco para o embarazo aquelas nas que a temperatura é maior de 28°C ou menor de 10°C. Como medidas preventivas aconséllase: • Empregar roupa de traballo adecuada á temperatura. • Non realizar traballos en lugares ou momentos do día con altas ou baixas temperaturas. • Beber líquidos con frecuencia.

Ruído:

A exposición a ambientes ruidosos no traballo é prexudicial para a embarazada e para o feto. A protección da nai non elimina o risco para o feto. Medidas preventivas: • Evitar os ruídos molestos e intensos. • Se non pode evitar o ambiente ruidoso, reducir o tempo de exposición, cambiar o momento de realización da tarefa ou trocala con outra persoa.

Vibracións:

Estar exposta ás vibracións cando se utilizan tractores, colleitadoras, empacadoras, debulladoras, sementadoras, pas mecánicas, etc. e no manexo de equipos manuais como motocultores, motoserras, rozadoiras, etc. que pode ser prexudiciais para o embarazo.  Como medidas preventivas suxírense: • Evitar ou reducir o seu uso sempre que se poida. • Vixiar o estado das ferramentas ou maquinaria agrícola que se vaia utilizar.

Radiación non ionizante:

A exposición a campos electromagnéticos, ultravioletas, infravermellos, radiofrecuencia, microondas e ultrasóns poden ter efectos adversos para o embarazo e o feto. Como medidas preventivas aconséllanse: • Evitar a exposición durante o embarazo e a lactación.

Caídas, golpes e choques:

Ao realizar traballos en altura, en chans esvaradíos, ao traballar entre animais, usar ferramentas e maquinaria agrícola, etc., pódense sufrir accidentes que che causen lesións á muller e ao feto. Medidas preventivas: • Evitar os traballos sobre superficies elevadas, inestables ou escorregadizas. • Evitar as tarefas nas que se poida recibir golpes. • Tentar non circular por terreos irregulares e conducir a baixa velocidade, sen freadas ou sacudidas fortes.

Riscos químicos:

Algúns produtos químicos poden ser perigosos para o embarazo e a lactación natural. Entre estes encóntranse os canceríxenos, os mutáxenos, os tóxicos para a reprodución, os alteradores hormonais e os neurotóxicos que se poden atopar en praguicidas, deterxentes, disolventes, etc. Medidas preventivas: • Ler a etiqueta e a ficha de datos de seguridade dos produtos que se empreguen, onde informan se é perigoso para mulleres embarazadas ou para a lactación natural. É preciso fixarse nas frases R ou H que indican perigo para o embarazo e a lactación. • Se é perigoso, é necesario cambialo por outro que non o sexa se é posible, e senón seguir as medidas preventivas que indica o fabricante do produto. • Traballar con ventilación axeitada para reducir a concentración ambiental de partículas coma o po e a néboa, vapores e gases perigosos. • Usar equipos de protección individual (EPI) axeitados e en bo estado. • Gardar e lavar por separado a roupa de rúa e a de traballo. • Coidar a hixiene persoal durante o traballo e nunca comer, beber ou fumar se se están a manipular produtos químicos.

Riscos biolóxicos:

Algunhas enfermidades infecciosas contraídas durante o embarazo poden producir danos no feto. Transmítense polo contacto con animais, produtos de abortos ou partos, estercos, xurros, augas residuais, solos e materiais contaminados por virus, bacterias, endoparásitos…, coma por exemplo, a Brucella abortus, a Listeria monocytogenes e o Toxoplasma gondi. Medidas preventivas: • Realizar ás inspeccións sanitarias aos animais. • Evitar o contacto con animais enfermos ou mortos, coas súas placentas ou outros tecidos e cos materiais contaminados, esterco e xurros. • Eliminar os residuos biolóxicos de forma axeitada. • Empregar equipos de protección axeitados: luvas, máscara, roupa e calzado. • Gardar e lavar por separado a roupa de traballo e a de rúa. • Seguir normas de hixiene persoal, lavar as mans con frecuencia. • Limpar e desinfectar os lugares e os materiais de traballo.

Riscos ergonómicos e psicosociais:

Sobre os riscos ergonómicos, as posturas forzadas que se manteñen durante moito tempo poden resultar daniñas para a embarazada e o feto, por exemplo, cando se traballa de crequenas, axeonllada, sentada, de pé ou co tronco inclinado. Medidas preventivas: • Realizar cambios posturais frecuentes. • Realizar pausas para descansar ao longo da xornada laboral. • Utilizar roupa e calzado cómodos. • Recoméndase usar medias de compresión venosa A manipulación manual de cargas e a aplicación de forza ao arrastrar ou empurrar poden producir danos á traballadora grávida e durante a lactación debido aos cambios fisiolóxicos propios deste estado, como é o aumento de volume do abdome que dificulta o manexo das cargas. Medidas preventivas: • Evitar aquelas manipulacións que supoñan un risco de sufrir golpes a nivel do abdome. • Durante os seis primeiros meses de embarazo: - Se o manexo de cargas é reiterado, o peso máximo recomendado é de 5 quilos. - Se o manexo de cargas é intermitente, o peso máximo recomendado é de 10 quilos. • A partir do sétimo mes de embarazo, evitar a manipulación manual de cargas. Os riscos psicosociais tamén poden influír negativamente no embarazo e na lactación: Estes riscos tamén poden influír negativamente no embarazo e na lactación: - No caso de traballadoras do campo hai que ter en conta o horario de traballo, as xornadas prolongadas, o ritmo de traballo imposto pola tarefa, o gran volume de traballo en determinadas épocas do ano, o estrés derivado dos investimentos, do uso de novas tecnoloxías, o aumento da burocracia, e as posibles perdas económicas. - No caso de traballadoras forestais: illamento, inestabilidade laboral, problemas para conciliar a vida laboral e familiar, etc. Medidas preventivas: • Evitar as xornadas prolongadas. Tentar facer unha xornada diaria igual ou menor de oito horas. • Evitar a sobrecarga de traballo, reducir o volume e o ritmo. • Realizar pausas máis longas e frecuentes. • Procurar ter un asento ou apoio axeitado cando se realizen tarefas de pé. • Adoptar medidas que permitan a conciliación da vida laboral e familiar. • Evitar situacións de estrés. • Favorecer as condicións axeitadas para a lactación.

12 Consellos útiles:

1- Protéxete da calor, do frío extremo e dos ambientes húmidos. Utiliza roupa e calzado cómodo, seguro e axeitado á estación do ano.

2- Tenta facer pausas frecuentes, evita as xornadas longas, descansa e durme as horas necesarias.

3- Bebe auga e toma refrixerios nutritivos sempre que sexa posible. Non debes saltar as comidas por mor do traballo.

4- Evita os ruídos molestos e intensos. Os protectores auditivos protéxente a ti pero non ao feto, en especial, a partir do quinto/ sexto mes de embarazo.

5- Reduce o traballo con maquinaria para non estar exposta a vibracións nin a ruídos.

6- Evita levantar pesos, facer esforzos, realizar movementos bruscos e adoptar posturas forzadas.

7- Se traballas de pé, débeste sentar de cando en vez.

8- Non fagas traballos sobre superficies elevadas, inestables nin preto dos animais.

9- Emprega equipos de protección individual axeitados.

10- Le sempre a etiqueta e a ficha de datos de seguridade dos produtos que vaias manipular porque poden ser prexudiciais para o embarazo, o feto e a lactación.

11- Evita o traballo con esterco, xurro e animais enfermos ou mortos.

12- Evita, sempre que sexa posible, as tarefas estresantes.

Descarga aquí a guía completa do ISSGA

Concedidas axudas do Ministerio de Agricultura a máis de novecentas explotacións agrarias de titularidade compartida

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou, no taboleiro de anuncios da súa sede electrónica, a resolución definitiva das subvencións para as explotacións agrarias de titularidade compartida, que beneficiaron a un total de 916 na convocatoria 2023, cun importe de 1.500 euros, a contía máxima anual establecida nas bases reguladoras para cada explotación. A finalidade destas axudas, cuxos pagos se realizarán antes de que finalice este ano, é contribuír ao pago das cotas da Seguridade Social dos titulares das explotacións agrarias de titularidade compartida. Deste xeito, o ministerio apoia a unhas entidades que teñen un elevado potencial á hora de manter o tecido social e económico do sector agroalimentario e do medio rural. Esta liña de axudas, que en 2023 contaba cun orzamento de 1,8 millóns de euros, enmárcase nas actuacións que leva a cabo o ministerio para impulsar a profesionalización do traballo das mulleres do sector agrario, a través da incorporación das mulleres á titularidade das explotacións agrarias. Pódese consultar máis información sobre as características destas axudas na páxina web do ministerio, nesta ligazón sobre titularidade compartida nas explotacións agrarias.

Encontro estatal en Santiago “Labregas participando para transformar as políticas públicas”

Este martes, 24 de outubro, dará comezo en Santiago de Compostela o Encontro Estatal de Mulleres “Labregas participando para transformar as políticas públicas” organizado pola Confederación de Asociacións de Mulleres do Mundo Rural CERES, da que forma parte o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL). Dende a organización inciden na “importancia da participación das mulleres labregas nas mesas de negociación e onde se deciden as políticas que despois nos afectan nas nosas produccións, por exemplo a PAC, e tamén na visibilización de modelos agrícolas - gandeiros liderados por mulleres”. As conferencias programadas no marco deste evento terán lugar no local da CUT en Santiago de Compostela (Rúa de Sar Nº 93 Baixo) e darán inicio cunha intervención da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e Innovación e Formación, continuando ás 18.30 ca Directora Xeral de Políticas contra o Despoboamento, en representación do Ministerio do Reto Demográfico. A continuación será o momento para debullar polo miúdo a perspectiva de xénero e a integración das medidas de apoio á igualdade dentro das políticas públicas existentes para o desenvolvemento económico do medio rural, análise que correrá a cargo de dúas representantes do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a gandeira e economista experta en desenvolvemento rural Ana Rodríguez Vázquez e a responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG-CCLL, María Ferreiro. Na mañá do mércores realizarase unha visita a unha granxas de Rois xestionada pola afiliada do SLG-CCLL Carmen de Socastro, e ao obrador compartido de Rois, finalizando esta parte da xornada ás 14h. A sesión de tarde fornecerá a oportunidade de coñecer dende as 17h experiencia de boas prácticas en innovación para a economía dixital agraria lideradas por mulleres. Presentaranse neste bloque de contidos o proxecto “Consume cabrito por Navidad”, liderado por unha granxa de carne de cabra en Gran Canaria en colaboración con escolas de hostelaría e Asoquegran; os proxectos que está a desenvolver no entorno europeo a Asociación de Mulleres de Cooperativas Alimentarias de España e as experiencias das afiliadas e integrantes da Dirección Nacional do SLG-CCLL Concha Montecelos de Casa Bértolo S.C. -gandeira en ecolóxico que transforma o leite e é socia dunha cooperativa agraria- e Uxía de Buciños Nóvoa, tamén membro da Executiva do SLG-CCLL, do proxecto agroecolóxico Tralaleira, situado na aldea de Oroxo na Reserva da Biosfera de Allariz (Orense), enmarcado dentro da Agricultura Sostida pola Comunidade. A continuación a colaboradora do SLG-CCLL Tareixa Ledo Regal, especialista feminista en procesos participativos no marco da produción de alimentos impartirá a ponencia “A participación activa das mulleres nas políticas públicas como acto consciente de cidadanía para o exercicio dos dereitos humanos e a consecución dos ODS”. Este encontro estatal pechará ca palestra “A perspectiva da mocidade e o futuro das zonas rurais da man das organizacións agrarias do Estado”, a cargo das xuventudes agrarias de COAG. As conclusións e clausura están previstas ás 20.30h.

Santa Comba acolleu a celebración do Día da Muller Rural

A localidade coruñesa de Santa Comba acolleu a celebración do Día da Muller Rural. O acto celebrouse no multiusos Terra do Xallas organizado pola Deputación da Coruña, en colaboración con FADEMUR. Participaron a deputada responsable de Política Social, Mar García Vidal, a presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur- Galicia), Verónica Marcos, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e o alcalde de Santa Comba, Alberto Romar. Con este acto, tanto a Deputación da Coruña como FADEMUR, buscan contribuír a pór en valor e mellorar a visibilidade ante a sociedade do papel decisivo que desempeñan as mulleres no desenvolvemento social e económico da comunidade e a loita contra o despoboamento do rural. Durante a gala entregáronse distintos recoñecementos para subliñar o papel da muller en diferentes campos e destacar o seu labor. A continuación desenvolveuse unha mesa redonda sobre a temática deste ano, que foi «As mulleres Rurais no Deporte». Moderada por Manuela Vilaboy, pedagoga e xefa da Unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno, contou coa participación de María Carmen Noya, presidenta da Sociedade Deportiva Dubra, Mónica Sande, campioa de España de Remo no ano 1996, María Bardanca, futbolista de Carballo; Sabela Rei, ciclista, Elena Roca, xogadora de rugby e Daniela Suárez, xogadora de balonmán. Clausuraron a xornada Estefanía Calvelo Muñiz, concelleira de Igualdade, Roberto García López, secretario xeral de Unións Agrarias-UPA e Teresa López López, presidenta de FADEMUR España.

Gadis visibiliza a importancia das mulleres rurais na economía local

Gadis volveu a organizar un foro coas mulleres rurais como protagonistas para axudar no seu empoderamento tendo en conta o relevante papel que asumen para o desenvolvemento sostible da súa contorna. Coa asistencia de máis de corenta profesionais de diversos sectores produtivos, e baixo o título “Mulleres rurais: a importancia na economía local”, levouse a cabo esta xornada na sede do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), con posibilidade de seguimento vía streaming.

O foro abrírono a directora de Marketing e RSC e a responsable de Calidade de GADISA Retail, Melisa Pagliaro, e Yolanda Álvarez, respectivamente. Articularon a súa intervención ao redor da aposta pioneira da compañía pola produción local como eixo vertebrador do tecido socioeconómico das comunidades nas que está implantada. Esta aposta tamén é un dos piares sobre os que se asenta o seu programa de Responsabilidade Social Corporativa para o desempeño económico, social e ambiental. Na práctica, estes valores que identifican á empresa supuxeron máis de 466 millóns destinados a compras a provedores de orixe local en 2022, co consecuente impacto positivo na súa contorna. Nos Supermercados Gadis incentívase a adquisición de produtos de proximidade, frescos, de tempada e ecolóxicos.

A súa visión para o emprendemento, os numerosos retos que afrontan a diario, a capacidade para proporcionar benestar a toda a comunidade a través da creación e desenvolvemento de pequenas e medianas empresas xeradoras de emprego e de afianzar poboación no rural son algunhas das fortalezas que enumeraron as responsables de GADISA Retail sobre estas profesionais, coas que a compañía mantén unha estreita colaboración comercializando os seus produtos de orixe local, na maioría dos casos, desde hai moitos anos.

O papel dos Grupos de Desenvolvemento Rural

O foro tamén serviu para poñer de manifesto a relevancia dos Grupos de Desenvolvemento Rural como elementos integradores e dinamizadores nas súas respectivas áreas de influencia. O xerente do GDR Mariñas-Betanzos, Jorge M. Blanco, e a produtora Cristina Bañobre, tamén socia da entidade, intercambiaron opinións e experiencias sobre as iniciativas que levan a cabo para mellorar a calidade de vida da poboación local a partir da valorización do territorio, o seu patrimonio natural e cultural. Unha destas accións, coa que Gadis coopera, é o proxecto Ecocomedores, que impulsan once GDR en Galicia para promover a alimentación saudable e de proximidade nos menús escolares dos centros educativos.

Mesa redonda

As tres protagonistas da nova campaña audiovisual de Gadis sobre as mulleres rurais tomaron a palabra na mesa redonda que puxo fin ao foro. Marta Novoa (Finca A Reinica), Cristina Vázquez (Verduras Chelin) e Maika Mougan (Hortamanda) narraron as súas experiencias á fronte das súas respectivas pemes. As tres agradeceron o apoio de Gadis e coincidiron en que o seu traballo permítelles xerar emprego, conciliar a vida persoal e familiar e estar en contacto coa natureza.

Tres historias de superación e esforzo diario como o mellor exemplo de que o emprendemento na contorna rural é complexo, pero a terra está a xerar novas oportunidades de negocio, sendo polo de atracción para asentar poboación a través da innovación e a competitividade. Tanto o sector agrícola como o gandeiro están a atraer, na actualidade, cada vez a máis novos profesionais que impulsan a súa modernización captando e retendo talento vinculado a actividades económicas tradicionais.

“Mulleres de Seu” celebra 10 anos traballando polo empoderamento feminino no rural galego

A asociación Mulleres de Seu, impulsada pola cooperativa Clun cumple 10 anos traballando por fomentar a visibilidade, o empoderamento e o desenvolvemento profesional e persoal das mulleres no rural. Este é un grupo interxeracional de mulleres gandeiras que viven e traballan en zonas rurais dos concellos de Ames, Ribadeo e Melide. Coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller Rural (15 de outubro), poñen en marcha unha serie de actividades para conmemorar o seu 10º aniversario. “Os nosos grandes obxectivos son empoderar e motivar ás mulleres rurais para fomentar o seu liderado, traballar pola visibilidade e o recoñecemento do papel das mulleres no ámbito rural. Buscamos a igualdade de oportunidades real e efectiva entre homes e mulleres e tratamos de contribuír á transformación do rural como motor de emprendemento e innovación, como un medio sostible e como un lugar onde vivir e traballar”, explica Carmen Rodríguez, vicepresidenta da cooperativa Clun e presidenta de “Mulleres de Seu”. O colectivo celebra o seu décimo aniversario coa posta en marcha un novo plan de formación para o período 2023-2024 baixo o lema “Para Nós”. Trátase dunha serie de talleres persoais e de auto coidado cos que se pretende mellorar o benestar físico e emocional das mulleres, reforzar o seu traballo diario de empoderamento e potenciar o seu recoñecemento profesional como mulleres rurais. Nesta liña, abordaranse aspectos como a nutrición, a beleza, o mindfulness… “Nacemos para visibilizar a presenza e a profesionalidade das mulleres na gandería, dando importantes pasos ao longo destes anos, e agora traballamos polo noso empoderamento a través do desenvolvemento persoal”, indica a presidenta de “Mulleres de Seu”. Con motivo deste aniversario, a través das redes sociais de Clun (Instagram, Facebook e TikTok) vanse difundir historias das mulleres da asociación, unha nova sección titulada “Mulleres gandeiras de CLUN” que formará parte das redes da cooperativa con novas entrevistas cada mes. Ademais, durante uns días, a nova canle de TikTok da cooperativa estará en mans de Lucía Casal, unha moza influencer gandeira, socia de CLUN e membro de “Mulleres de Seu”, tiktoker con preto de 15.000 seguidores que recibiu este ano o Premio Nacional de Juventud na categoría de Medio Ambiente -un galardón que concede o Instituto de la Juventud en España (Injuve), dependente do Ministerio de Asuntos Sociales y Agenda 2030-. Desde a súa granxa familiar de vacas, situada nunha aldea de Melide, amosa cada día como é o seu oficio, achegando o traballo das mulleres gandeiras á poboación máis nova.

Xuntanza de Mulleres Rurais

Ademais, este domingo 15 de outubro co motivo da celebración do Día da Muller Rural a asociación Mulleres de Seu reunirase en Melide no encontro de Mulleres Rurais organizado pola Asociación Alecrín. Un evento que servirá como homenaxe ás traballadoras do rural e que contará coa presenza institucional acollendo a personalidades como Susana López Abella, Conselleira de Emprego e Igualdade ou Ángeles Vázquez Mejuto Conselleira do Medio Rural.

Loitas e recoñecementos

Ao longo destes anos, representantes de “Mulleres de Seu” levaron as súas demandas a Bruxelas, ao Congreso dos Deputados e ao Parlamento de Galicia. E teñen recibido importantes recoñecementos ao seu labor como o Premio á Igualdade de Oportunidades por parte de Cooperativas Agroalimentarias de España, o Premio pola Innovación da Muller no Rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a Medalla Emilia Pardo Bazán da Xunta de Galicia, un recoñecemento público polas acción realizadas en Galicia que contribúen á defensa da igualdade e o Premio Muller Agro, que outorgan Siete Agromarketing e Comercio Agrario.

“Na cooperativa Condes de Albarei xeramos riqueza compartida no rural galego”

María Dolores Calvo Méndez é presidenta da cooperativa Condes de Albarei, socia de Delagro, e integrante da representación sectorial de viño de costa da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), sendo ademais a primeira muller que entrou a formar parte do consello de AGACA (2017-2021). O seu compromiso coa igualdade levouna a sumarse á asociación “Nós, as mulleres”. Ademais da súa vinculación co mundo do viño e cooperativo, é profesora, e asegura que non renunciaría a ningunha das súas dúas vocacións. Falamos con ela sobre as tres décadas que leva vinculada á cooperativa. As xornadas de María Dolores Calvo Méndez repártense entre dúas actividades profesionais que vive con entusiasmo a partes iguais: a de exercer como profesora de matemáticas nun instituto de Salceda de Caselas e como presidenta dos cooperativa Condes de Albarei. “Pode haber tempadas tranquilas nas que podes atender a todo sen moitos abafos e outras nas que todo parece coincidir e tes a sensación de non chegar, pero finalmente vaise resolvendo. Hai que organizarse e repartir tempos”, asegura, á vez que recoñece que non podería elixir quedar só cunha das dúas. “A viticultura e o ensino son dous mundos distintos e á vez con bastantes semellanzas. Traballas con seres vivos, que teñen o seu ciclo vital. Ambos requiren de coidados, dedicación, paixón, acompañamento, van crecendo e ves a túa intervención na súa formación. En ambos gozas da vida e a súa evolución. No ensino asumes moita responsabilidade porque o que fas e dis repercute en persoas en formación e hai que coidar moito os sentimentos e sensibilidades. Creo que non hai necesidade de escoller, a combinación paréceme boa e enriquecedora”. En 2006 chegou ao Consello Reitor de Condes de Albarei como vogal e permaneceu no cargo oito anos. “Cando Guillermo Rodríguez decidiu deixar a presidencia en 2014, a cooperativa estaba a pasar un momento económico complicado e parecía lóxico que se presentase alguén do consello reitor que coñecese o funcionamento. Ningún dos meus compañeiros animouse e eu decidín dar o paso e presentarme, contando en todo momento co seu apoio e confianza. Debo dicir que non foi unha sorpresa ver que a sociedade aceptaba con naturalidade que unha muller asumise a presidencia, valorando en todo momento á persoa e non o xénero”, explica. A partir de aí, iniciouse un proceso de traballo e esforzo por reverter o ambiente de descontento e certa tensión que se instalou na cooperativa. “Naquel momento as dificultades viñan dadas pola situación a nivel mundial e a nosa en particular: fixeramos un investimento de gran envergadura, as vendas e os prezos baixaron e o pago a socios foise atrasando. Facer fronte a esta situación era o obxectivo prioritario. Con moito sacrificio logrouse e hoxe podemos estar orgullosos de que hai moita máis cohesión social e unha situación económica desafogada”. Pero empecemos polo principio de todo, que levou a Dolores Calvo a vincularse ao mundo do viño? “Na casa había vacas, viñas, cultivábase millo, patacas e eu colaboraba desde moi pequena en todos os traballos derivados da actividade familiar (munguir, coidar o gando, estercar, cavar, vendimar, pisar as uvas....). Os cheiros, cores e procesos da viña van asociados ás miñas vivencias desde sempre”, rememora. “Daquela non ouvira falar nunca de cooperativismo como tal, aínda que coñecía e participaba dos labores colaborativas entre veciños. A cooperativa Condes de Albarei non existía, nin outras na zona. A finais do oitenta os meus pais cambiaron as viñas á variedade de albariño e nese momento comprendín que xa non se podía facer viño na casa e que a mellor forma de sacarlle produtividade era entrar a formar parte dunha cooperativa. Eu animeime e en 1992 fíxenme socia de Condes de Albarei”.

Unha cooperativa con gran impacto social

Nestes 30 anos que Dolores leva vinculada a Condes de Albarei, a cooperativa creceu e evolucionou, tanto a nivel de servizos aos socios como de implicación social, actuando como dinamizador económico, social e cultural da comarca. “Consumimos e gastamos na nosa zona, achegamos nivel económico aos nosos veciños. Xeramos riqueza compartida”. “A cooperativa achega e crea benestar, fixando poboación. Ademais, ofrece apoio técnico a socios e formación para que coñezan os últimos avances e poidan aplicalos coa finalidade de obter o maior e mellor rendemento das súas viñas. Pero tamén formación noutros aspectos como a igualdade, liderado e xestión, sen esquecer facetas máis persoais como autoestima, motivación.... Destacaría tamén a súa gran implicación no coidado do medioambiente, a saúde alimentaria, a calidade dos viños e a sustentabilidade”. Pero se hai quedar cun momento clave no percorrido pola historia de Condes de Albarei, Dolores destaca cando, hai catorce anos, materializábase a compra de pazo Baión, unha finca con cinco séculos de historia. “É difícil expresar o regueiro de sentimentos que me invadiron naquel momento: sorpresa, alegría, responsabilidade, moitísima responsabilidade, ilusión, expectativa.... Fixemos unha aposta moi forte porque tiñamos moi claro o proxecto que queriamos levar a cabo e o enclave era inmellorable. A adquisición e posta en marcha do proxecto de Pazo Baión supuxo un antes e un despois na nosa historia, pero aínda nos queda moito por escribir!”. Hoxe en día, Pazo Baión é un proxecto consolidado, recoñecido como centro de referencia de enoturismo (en 2016 foi recoñecido como mellor recuncho enoturístico de España pola ruta de viños de España) e que ademais ten unha importante compoñente social: o 5% das vendas dos seus albariños destínanse a programas de prevención contra as drogas á vez que colabora na reinserción sociolaboral de ex drogodependentes. “Co investimento recentemente realizado e unha crise económica mundial, as cousas foron complicadas ao comezo e a sociedade tivo que sufrir, pero hoxe en día valoramos que pagou a pena. É unha contribución de enorme valor colectivo. É unha satisfacción ver que chegan a Pazo Baión visitas de toda España e de países estranxeiros, consomen na comarca, pasan a noite, compran, visitan outros lugares.... É unha forma máis de activar a economía local”.

Unha cooperativa á dianteira en igualdade

Outra dos acenos de identidade da cooperativa Condes de Albarei, socia tamén da cooperativa de segundo grao Delagro,  é o seu traballo pioneiro no ámbito da igualdade de xénero e proba diso é que o seu Consello Reitor mantén unha composición proporcional ao número de mulleres da masa social. “En xeral, nas cooperativas agroalimentarias galegas e españolas, segue habendo pouca participación feminina nos Consellos Reitores e postos de toma de decisións. No noso caso dáse un equilibrio na repartición de postos de responsabilidade entre traballadores e traballadoras, pero son consciente de que somos aínda excepción”, recoñece. O certo é que as tornas van cambiando, e no últimos dez anos a porcentaxe de mulleres foi en aumento. Algo que, para Dolores, “non é froito da casualidade, senón do traballo de concienciación que vén realizando desde distintos ámbitos, aínda que non é suficiente”. Entre eles, destaca dúas iniciativas nas que ela mesma está fortemente involucrada: AMCAE (Asociación de Mulleres de Cooperativas Agroalimentarias de España) e a Asociación de AGACA “Nós, as Mulleres”. “Na sociedade en xeral e no rural en particular, a presenza da muller na vida pública aínda non está equilibrada. No rural a presenza da muller, sobre todo nova, é fundamental para afianzar poboación e dar un futuro aos pobos. Necesítanse mulleres formadas profesionalmente, competentes, con iniciativa e ganas de desenvolver o seu proxecto de vida no rural. Para iso debemos ofrecer servizos, conectividade e recursos que permitan á xente nova ver o rural como alternativa”. “Entendo que o discurso ten que cambiar. Non podemos transmitir aos nosos fillos que estuden e fórmense en especialidades que nada teñen que ver co mundo agroalimentario e despois pretender ter remuda xeracional. Debemos dar unha oportunidade ao rural e ao mundo agroalimentario. Presumamos do mesmo, poñamos en valor o que facemos e o que temos. Pidamos ás administracións plans de estudos específicos nos que haxa unha oferta formativa relacionada coas actividades agroalimentarias de cada zona”.

A viticultura en perspectiva: esforzo, retos e paixón

Que terá o mundo do viño que, a pesar de esixir sacrificios (e non poder vivir en exclusiva diso nos casos de pequenos viticultores como o seu), engancha tanto? “Cando coñeces de preto o mundo do viño é difícil mirar a outro lado. Ver como cada ano os ciclos da vide repítense, como van progresando os acios, vas acompañando o seu proceso e vaste identificando con el”. Outra recompensa, segundo confesa, vén “cando te atopas unha botella do teu viño nun liñal dun supermercado, nun restaurante, nun país estranxeiro, na que hai algo de ti, do teu traballo, do teu esforzo...., resulta moi motivador e estimulante. Sentes que estás a contribuír á alegría da xente, estás presente nas súas celebracións e as súas emocións”. Os logros da cooperativa chegaron co esforzo dos socios. “Na D.O. Rías Baixas e en Galicia, en xeral, non é fácil vivir da viticultura e o principal escollo preséntao o minifundismo. Somos un D.O. pequena que fixo as cousas ben, apostando sempre pola calidade e agora mesmo estamos moi ben situados no mercado, pero é complicado para os pequenos viticultores medrar, xa que a concentración parcelaria non chegou aínda a todas as zonas. En comarcas tan poboadas como o Salnés, se o pouco terreo que tes dispoñible para plantar non o tes xunto, non é viable facelo. Necesitamos que nos faciliten un pouco as cousas”. Para ir pechando a nosa charla, pedímoslle que bote a vista atrás e cóntenos de que está máis orgullosa como presidenta de Condes de Albarei. “Creo que o maior logro foi chegar até aquí xuntos, permanecer unidos e consolidarse como unha adega de referencia no sector. O meu maior orgullo como presidenta son as persoas que formamos a cooperativa: sociedade e traballadores. A capacidade para tomar decisións conxuntas que nos permitan saír adiante nun mercado moi competitivo, a forza que impulsa ás familias a crer nun soño común e loitar por levalo á práctica, con ilusión compartida2. Por último, fálanos dos retos de futuro para o sector vitivinícola. 2Creo que o principal reto que ten a D.O. Rías Baixas é non perder os seus acenos de identidade. Somos unha D.O. pequena e temos que seguir diferenciándonos, non podemos perder a nosa esencia. Temos ameazas, como o feito de que a variedade albariño é máis coñecida que a D.O. Rías Baixas e pode plantarse en calquera parte do planeta. A isto temos que facerlle fronte distinguíndonos por potenciar a nosa situación xeográfica, a tipicidade do noso clima, as características do terreo: identificándonos co territorio”. Non dubida en detallar cales son os desafíos que están sobre a mesa da cooperativa: “Seguir traballando na cohesión social e achegando calidade de vida aos nosos socios e traballadores. Continuar apostando pola calidade dos nosos viños, xerando valor engadido. Ademais, temos que seguir conservando os nosos valores: solidariedade, igualdade, honestidade, compromiso.... e seguir avanzando cara á sustentabilidade ambiental, económica e social, sen deixar de ser rendibles. En definitiva, seguir mirando ao futuro xuntos con ilusión compartida”.

25 mulleres rurais fórmanse en Lugo no uso de drons no ámbito agrogandeiro

Tras aterrar noutras cinco comunidades, a escola ambulante de pilotaxe de drons para mulleres rurais ‘FADEMUR Vuela” despegou este xoves en Lugo. Alí celebrouse a xornada de presentación e posta en marcha dun curso no que participan 25 mulleres rurais galegas; que nas vindeiras semanas formaranse para converterse en pilotas profesionais de drons. A presidenta de FADEMUR Galicia, Verónica Marcos, a responsable da formación, Carlota Nieto, e a concelleira de Desenvolvemento Local do Concello de Lugo, Ana González Abelleira inauguraron unha formación que se impartirá na súa maior parte de maneira online. Dese xeito, as participantes poderán avanzar no temario teórico do curso de maneira cómoda para rematar completando a súa capacitación, seis semanas despois, con sesións prácticas de voo e exames presenciais. Unha vez remate esta primeira parte, as mulleres optarán a unha especialización, tamén gratuíta, en drons para agricultura de precisión ou en drons con fins audiovisuais. En total, o curso completo supón 80 horas de formación. Artesás, gandeiras, emprendedoras de diversos eidos e tamén desempregadas en busca de novos nichos de emprego. Os perfís das mulleres rurais que participan no curso que arrincou onte son diversos. Como tamén as súas localidades de orixe, repartidas entre as catro provincias galegas. O curso servirá ás participantes para obter a titulación de pilotas a distancia de UAS/drons en categoría aberta, A1/A3, A2 e STS01 e STS02 certificado pola AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aérea). Ademais, tamén obterán a certificación de Fotogrametría, que proporciona as técnicas para obter mapas e planos de grandes extensións de terreo por medio da fotografía aérea.

A escola ‘FADEMUR Vuela’ no ‘Plan Allen Rural’

Para lanzar a súa escola de pilotaxe de dron, FADEMUR aliouse coa academia Advanced Smart Robotics (ASR-Formación), da empresa Pirineos Drone, e con Drone Doing, empresa responsable da formación no caso de Galicia. Tamén con IKEA, compañía cuxo apoio permitiu a FADEMUR lanzar a escola xunto con outras iniciativas enmarcadas no ‘Plan Allen Rural’. Este é un programa co que a organización cumprirá un ambicioso obxectivo: mellorar a situación de máis de 1.000 mulleres de toda España no sector agroalimentario e no ámbito rural. Pola súa parte, cos cursos de ‘FADEMUR Vuela’, a Federación formará a 500 mulleres rurais de dez comunidades autónomas durante 2023 e 2024. Ademais da formación en pilotaxe de dron, o ‘Plan Allen Rural’ de FADEMUR tamén axuda ás mulleres agricultoras e gandeiras na transición ecolóxica das súas explotacións, a mellorar a comercialización dos seus produtos, a complementar os seus proxectos con iniciativas de agroturismo e a avanzar na dixitalización dos seus negocios, entre outras cuestións.

“Animo ás mulleres a quedar na gandería e no rural, pódese vivir como noutro sitio”

Trinidad Castro é unha muller que leva traballando toda a vida na súa explotación familiar, Gandería Gaela, que se localiza no municipio lucense de Castro de Rei e actualmente conta con 360 animais aproximadamente, dos cales entre 170 e 180 están en muxido. Como empresaria, comparte con nós as súas preocupacións sobre a inestabilidade dos prezos do leite e a ameaza constante da súa baixada, e como gandeira, conta a falta de relevo xeracional á que se enfronta o sector gandeiro en Galicia.  A produtora fai fincapé no avance do abandono do rural e insiste en que “no rural vívese como en calquera outro sitio, todo vai avanzando, e non é como fai 30 anos ou máis, que era bastante difícil vivir, sobre todo para unha muller. En definitiva, animaría á xente a que se quedara no rural”. Dos comezos a hoxe Os pais de Trinidad eran tamén gandeiros pero contaban cun número moi reducido de animais, “contaban con 7 ou 8 vacas”, e ela decidiuse a quedar cas vacas “un pouco á aventura”, comenta. A partir dese momento, ela e o seu home quedaron en Castro de Rei e pouco a pouco foron facendo “a primeira cuadra, que é agora na que temos a recría, e fomos aumentando ata chegar ao que temos hoxe, a base de traballar, poucos días libres, e poucas vacacións ou case ningunha”, comenta Trinidad mentres sorrí. A primeira cuadra, onde se localiza a recría de Ganadería Gaela, e ao fondo a granxa de vacún de leite. / Fonte: Campo Galego Desde aquel momento ata hoxe en día, “cambiaron moito as cousas e houbo moitos avances no rural. A situación naqueles comezos non era fácil, e especialmente para as mulleres era bastante difícil. Sen embargo, hoxe, pódese vivir coma en calquera outro sitio, e máis cos cambios que se ven, por iso animaría á xente a quedarse aquí”, insiste. Situación actual: dificultades presentes e futuras Nestes momentos, Gandería Gaela conta cuns 360 animais en total, dos que entre 170 e 180 están en muxido e o resto son vacas secas e recría, que fan eles mesmos. A explotación dispón de carro de alimentación tanto para vacas secas como para recría e animais en muxido, se ben xovencas e vacas secas complementan a súa alimentación cos pastos. “Na nosa granxa só está estabulado o gando de leite, o resto sae fóra”, detalla a gandeira. En Gaela fan dous muxidos diarios e “en calidades do leite, estamos en torno a un 4 ou algo máis de materia graxa e un 3,50 de proteína”, afirma. Entre ela e a súa parella manexan “entre 70 e 80 hectáreas de terreo, onde rotamos entre millo e herba a partes iguais. A pesar da extensión, o traballo facemos o máis posible na explotación, debido aos gastos que xera a contratación de man de obra externa; tan só tiramos man de servizos externos para a recollida do millo ou da herba en campaña”, apunta Trinidad Castro. Nesta granxa de Castro de Rei, ao igual que noutras granxas familiares “tes o teu horario e organízaste un pouco ao teu xeito, pero iso temos que combinalo con outras labores e mesmo coa crianza dos fillos. Por exemplo, cando alguén se pon malo e se ten que ir ao hospital, ou eu ou o meu home ten que quedar a cargo de todo o traballo da explotación, ata que a outra persoa se poida incorporar de novo; é un traballo no que case non hai vacacións”, comenta. A esixencia do sector lácteo en canto a condicións laborais non deixa de ser algo “no que aínda queda camiño por andar”, afirma a gandeira. Outro apartado que sinala como dificultoso é a adaptación ao novo período da PAC, “do cal non temos moita información ata o de agora, pero que sabemos que nos vai afectar tanto polas limitacións dos fitosanitarios, os cambios de cultivo, a xestión de puríns, etc.”, cuestiona.
“O relevo xeneracional está comprometido porque todo o mundo escapa dos problemas. Cada vez poñen as cousas máis complicadas”
Trinidad Castro apunta á normativa como unha carga que se vai endurecendo a cada paso, o que supón unha dificultade a maiores para garantir a continuidade de moitas granxas familiares. “Cada vez nos poñen as cousas máis complicadas entón o relevo xeracional está comprometido porque todo o mundo se escapa dos problemas. É máis fácil traballar para outra empresa e non ter que estar lidiando continuamente con provedores de pensos, abonos, etc., ademais de estar pendente de todas as necesidades administrativas e de xestión de trámites”, recalca.

Encontro este fin de semana en Bergondo da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego

Este fin de semana celebrarase a decimoséptima edición do encontro anunual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), órgano do SLG-CCLL de acción transversal a toda a actividade sindical da organización. A XVII edición desta xuntanza terá lugar no Espacio Sociocultural A Senra de Bergondo o 18 e 19 de marzo, baixo o lema “Identificando as violencias e construíndo un bo trato”, acollendo espazos de traballo e convivencia centrados en avanzar na identificación dalgunhas das violencias que afectan ás mulleres labregas, e finalizando cun obradoiro da activista feminista Tareixa Ledo. “Levamos décadas alertando da violencia estructural do capitalismo neoliberal como sistema económico, e do seu impacto diferenciado nas mulleres. Ademais, no caso das labregas, malia que somos nós as que ao longo de todo o planeta alimentamos ao mundo, non temos a propiedade das terras ou non constamos como titulares das explotacións, e habitamos áreas rurais violentadas pola cobiza das depredadoras agroindustrias e industrias enerxéticas, de feito as mulleres adoitamos incorporamos sempre na primeira liña nas loitas pola defensa da terra, da Vida”, explica a actual responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, a gandeira María Ferreiro. Mulleres labregas da comarca de Betanzos serán as encargadas de dar a benvida ás participantes. Isabel Vilalba, secretaría xeral do SLG, encetará o encontro ás 11h. do sábado 18 introducindo a programación desta primeira xornada, baixo a premisa “Identificando as violencias do sistema como mulleres labregas”. A propia Isabel Vilalba, canda a tamén gandeira e economista especializada en Política Agraria Común (PAC) Ana Rodríguez, desenvolverán ás 11.15h. a palestra “Invisibilizando os proxectos das mulleres labregas”, centrada na identificación de violencias no ámbito profesional cuestionándose comolles afectan como labregas as políticas públicas e na análise da PAC dende unha perspectiva feminista. A segunda parte da mañá abordará as violencias no ámbito educativo, para o que contarán ca labrega afiliada do SLG Belén Fervenza, que exporá a súa experiencia na búsqueda de escola para crianzas, así coma as cooperativas galegas de traballo asociado sen ánimo de lucro Arabías, que deseña e dinamiza procesos para a transformación social co obxectivo de contribuír ao avance da igualdade de xénero e á erradicación das violencias machistas, e Outonía, que procura xestionar proxectos educativos desde e para os territorios rurais, fiando realidades e propostas a través dos feminismos, a sustentabilidade rural e o respecto pola memoria e o patrimonio inmaterial das comarcas.  Logo do xantar, na tarde do sábado falarase sobre violencias machistas no eido da saúde, cunha palestra sobre violencia obstétrica impartida pola matrona Esther Parada. A continuación analizarase tamén as violencias no ámbito xudicial a través da charla “A lei do só sí e sí, máis protexidas ou máis desprotexidas?”, impartida pola escritora e activista feminista Nanina Santos. No serán, previamente á cea compartida na que se degustarán alimentos levados polas mulleres participantes no encontro, a labrega da comarca Carmen de Vilarmaior dinamizará unha cerimonia de intercambio de sementes -tamén denominada “mística” no ambito das organizacións que integramos La Vía Campesina Inernacional-. Esta primeira xornada finalizará co desfrute dun espazo festivo-combativo logo da cea. A mañá do domingo 19 estará protagonizada polo obradoiro “Autovalidarnos como mulleres labregas”, conducido pola académica e activista feminista Tareixa Ledo. Logo do xantar pecharase este XVII Encontro da Secretaría das Mulleres do SLG visitando un proxecto de horta ecolóxica da afiliada Ana María Rodríguez Lago (Carral).

“Vivo mellor ca se fose funcionaria; ogallá me tivera decidido antes a traballar na gandería”

A semana pasada, na que se celebraba o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, Río de Galicia, marca pertencente ao Grupo Lence, celebraba a segunda edición do seu programa Gandeiras con Actitude Río, na que xuntou a unha vintena de mulleres pertencentes a distintas ganderías galegas provedoras da empresa láctea lucense. Entre as asistentes a estas xornadas, que buscan contribuír ao empoderamento feminino e a que vaian gañando espazos de responsabilidade e decisión nas ganderías, había mulleres de distintas idades e procedentes de distintos tipos de explotacións, pero todas comparten un sentimento común: “somos imprescindibles nas explotacións”, aseguran. Falamos con tres delas, Quiara Pardiñas, socia de SAT O Palomar (Láncara); Julia Fernández, titular dunha gandería no Corgo; e Maite Vázquez, traballadora de SAT San Antonio (Palas de Rei). As tres están orgullosas de traballar no rural e valoran a independencia e a liberdade que lles aporta. Motivación e autoestima É a segunda edición deste programa de apoio ás mulleres que traballan nas explotacións lácteas galegas e que terá continuidade, segundo avanzan desde Río de Galicia. Ademais do seu carácter formativo, esta iniciativa pretende ser un lugar de intercambio de experiencias e de relación entre mulleres gandeiras.  Gandeiras con Actitude Río pretende contribuír deste xeito á valorización do traballo feminino no agro, un traballo sempre presente pero moitas veces silenciado. Esa realidade, sen embargo, agora está cambiando, como explica Cristina Dopico, responsable do Departamento de Campo da empresa lucense.
Recollemos leite en 350 explotacións de toda Galicia e poido dicir que no 100% delas traballa unha muller
“Recollemos leite en 350 explotacións de toda Galicia e poido dicir que no 100% delas traballa unha muller, xa sexa directa ou indirectamente. A súa labor é esencial e queremos axudarlles a que adquiran ferramentas útiles no seu día a día, contribuíndo á súa autoestima, á súa motivación e ao seu crecemento persoal”, indica. A posta en marcha deste programa é unha mostra, di, do compromiso do Grupo Lence coa igualdade. “A igualdade é un feito moi notorio na propia empresa, onde moitos dos departamentos clave están dirixidos por mulleres”, salienta. Quiara Pardiñas, socia de SAT O Palomar (Láncara)

“Para min cambiarme para o rural foron todo vantaxes; estou moi contenta de terme ido para a gandería”

Hai 4 anos que Quiara cambiou a profesión para a que estudara, perruqueira, pola gandería. Incorporouse á explotación na que o seu home, Odón, tomara o relevo dos seus pais, SAT O Palomar, de Láncara.    “Traballaba en Lugo de perruqueira pero cando me quedei embarazada decidimos que o mellor era que eu me fose traballar tamén á granxa, e a verdade é que estou moi contenta, non me arrepinto para nada desa decisión”, di.
Eu non tiña nada que ver co campo, nin sequera vivía no rural, só ía as fins de semana cando ía ver á miña avoa
Quiara non se criara no rural pero hoxe non o cambiaría por ningunha cidade. “Eu non tiña nada que ver co campo, nin sequera vivía no rural, só ía as fins de semana cando ía ver á miña avoa, pero para min o de cambiarme para o rural foron todo vantaxes. Estou moi contenta de terme ido para a gandería, porque teño outra independencia e poido criar ao meu fillo nun ambiente totalmente san”, afirma. O día a día de Quiara comeza deixando ao seu fillo Antón no colexio. Despois vai para a granxa, onde se ocupa de atender aos animais que están na enfermería. “Miro temperaturas e vexo se hai que poñer calcio, vitaminas ou algún outro tratamento. Levo ese control a primeira hora e despois ocúpome da parte administrativa. Esa parte non me gusta tanto como tratar cos animais, pero a día de hoxe as ganderías temos que botar moitas horas co papeleo”, quéixase.
A día de hoxe a muller ten un papel moi importante nas ganderías, somos imprescindibles e estamos logrando que nos valoren
Quiara considera que a día de hoxe “a muller ten un papel moi importante nas ganderías, penso que somos imprescindibles e estamos logrando que nos valoren como ten que ser, igual que a un home. Na nosa granxa sempre se contou moito coas nosas opinións, tanto a miña como a da miña sogra; sinceiramente creo que mandamos máis ca os homes a día de hoxe”, asegura. Por iso, di, “paréceme moi interesante que se organicen xornadas coma esta por parte da empresa que nos recolle o leite, onde se recoñece o papel tan importante que realizamos as mulleres nas ganderías”. Quiara é das gandeiras máis novas nestas xornadas de formación e faino co ánimo de "desconectar un pouco da rutina e aprender" porque, di, “sempre se aprende algo das demais e da súa experiencia”. Julia Fernández, titular dunha explotación no Corgo

“Hai mulleres que se defenden tan ben coma os homes e explotacións que quedaron nas mans de mulleres e van para arriba”

Julia Fernández leva toda a vida traballando na explotación familiar, ubicada no Corgo, pero as vacas non estiveron nunca ao seu nome, ata fai un ano, cando o seu home, Fermín, se tivo que xubilar por enfermidade. “Tivo un brote de artrite e a explotación pasou ao meu nome”, explica Julia. A súa situación era a habitual hai 30 anos en Galicia, unha realidade que está a mudar hoxe co avance da cotitularidade nas explotacións. “Os meus pais tiñan vacas de carne na casa, pero cando nos casamos decidimos pasarnos ao leite; xa levamos máis de 30 anos producindo leite”, conta.
Julia é hoxe a titular da explotación familiar despois da xubilación hai un ano do seu marido por enfermidade
Julia destaca as posibilidades de conciliación que ofrece o traballo agrario. “Eu criei aos meus fillos e coidei aos meus pais e á miña avoa. Atendía a casa e axudaba na gandería. Sempre levamos ben o traballo entre os dous”, di, aínda que ás veces sexa difícil atender a todo: “igual che é hora de recoller aos nenos ou de facer a comida e hai un parto, hai días complicados”, recoñece. Foi o propio Fermín o que a animou a apuntarse á segunda edición das xornadas Gandeiras con Actitude Río, que buscan incrementar a autoestima feminina no sector. “Hai mulleres que se defenden tan ben coma os homes e hai ganderías que quedaron nas mans das mulleres e van arriba igual, eu non vexo que un home teña máis importancia que unha muller nunha explotación”, afirma Julia.
Nunha explotación hai que traballar, é certo, pero podes obter unha rendibilidade coma en calquera outro sector
Para continuar producindo leite nos vindeiros anos e poder adaptarse ás actuais normativas, a súa granxa necesitaría de novas instalacións, recoñece, pero ao non ter o relevo asegurado prefiren non facer eses investimentos. “Temos dous fillos, pero teñen outros traballos. Eu estaría encantada de que algún continuara pero debe ser unha decisión deles. E é certo que as vacas hai que muxilas todos os días, é máis suxeito que outros traballos, pero podes obter uns ingresos igual que en calquera outro sector. Eu nunca tiven falta de nada, o que moitas veces teño é falta de tempo para ir gastar algo, iso si”, bromea.   Maite Vázquez, traballadora de SAT San Antonio (Palas de Rei)

“Libro unha semana completa ao mes; teño unhas condicións laborais que moitos envexan”

Maite Vázquez vivía no rural pero nunca traballara na gandería ata hai dous anos, os que leva como empregada en SAT San Antonio, de Vilar de Donas, en Palas de Rei. “Entereime de que buscaban xente, fun alí, probei e estou encantada”, di. Ela atopou no sector agrogandeiro unha saída laboral. “Para min é un traballo coma outro calquera. Son do rural pero non tiña ningunha experiencia nisto, porque non tiñamos vacas na casa. Ogallá me tivera decidido antes a traballar no sector”, afirma. A labor de Maite céntrase en muxir. “Vou polas mañás, lévanos arredor de tres horas, e cando acabamos marcho para a casa e despois volvo outra vez á hora de muxir pola tarde”, explica. Comparativamente con outros empregos que tivo antes, di, “foi unha mágoa que isto non se me tivera ocorrido antes, porque tes unha independencia e un horario que non tes en ningún outro traballo”, destaca.
Teño un horario que che dá unha liberdade total á hora de poder facer outras cousas
“Traballamos tres semanas, cun fin de semana polo medio, e despois libramos unha semana completa ao mes, con fin de semana incluído. Para min o horario está moi ben, porque unha semana de vacacións ao mes non a tes en ningún outro traballo, iso dache unha liberdade total á hora de poder facer cousas. A verdade é que realmente hoxe teño unha vida moi privilexiada e unhas condicións laborais que moitas persoas do meu entorno envexan; vivo mellor ca un funcionario”, recalca.   A falta de man de obra é un dos problemas máis acuciantes das explotacións a día de hoxe. Sen embargo, Maite non entende como a xente non quere traballar nunha granxa: “É un traballo no que non colles pesos, non é un traballo canso, e pasas frío ou calor coma noutro traballo calquera. As vacas dan olor si, e acabas de traballar e teste que duchar, pero igual que se traballaras nunha peixería”, argumenta.
Somos tres mulleres na explotación e o ambiente de traballo cos nosos compañeiros é moi bo
SAT San Antonio está formada por 5 socios, entre as que está tamén Pili, que acompañou a Maite ás xornadas organizadas por Río de Galicia. “Animámonos a vir as dúas e merece a pena, porque as ferramentas persoais que adquires neste tipo de cursos ábreche outras expectativas para o futuro en moitos ámbitos da vida. É interesante que outras mulleres veñan e as adquiran tamén”, di.   O ambiente de traballo na explotación é algo que tamén quere destacar Maite. “Somos tres mulleres, Pili, Ana e máis eu, e a relación cos nosos compañeiros é moi boa; eu estou como se estivera na miña casa”, salienta.
Reportaxe elaborada coa colaboración comercial do Grupo Lence