Archives

Que factores determinan o benestar da recría na granxa?

A recría é un dos activos máis valiosos das gandarías xa que condicionarán a evolución da granxa. "O reto no coidado das tenreiras pasa por adaptar as instalacións da granxa para ofrecer o maior benestar á recría e que ao mesmo tempo sexan fáciles de manexar polos gandeiros", afirma Carlos Carbonell Baeza, veterinario especialista en recría e membro do servizo técnico da firma MSD Animal Health. Na súa participación nas XVIII Xornadas de Seragro, que se iniciaron en setembro e que este ano se celebran por primeira vez de forma telemática, Carbonell Baeza analiza as claves para conseguir proporcionar benestar tanto ás tenreiras como facilitar o seu manexo aos gandeiros.
"Temos que tentar que o espazo no que estea a nosa recría e o manexo que fagamos del lle xere o mínimo estrés e o maior benestar"
Baeza destaca ademais, que deixar de investir no benestar da recría ten un importante custo para os animais."Os ruminantes adáptanse a un medio ambiente non confortable cun custo biolóxico que repercute negativamente no crecemento e a inmunidade dos animais, como consecuencia dun estrés duradeiro", detalla. Así, incide en garantir un espazo axeitado para as tenreiras. "Temos que tentar que o espazo no que estea a nosa recría e como o manexemos lle xere o mínimo estrés e o maior benestar ás tenreiras", incide.

O ABC no manexo das instalacións de recría

Na súa intervención, o veterinario fíxase en 3 aspectos básicos, un particular ABC, que a modo de guía básica ofrece claves para garantir o benestar da recría. Baeza fai fincapé na xestión dos animais (A), o benestar da recría (B) e o confort ambiental (C) para ofrecer confort á recría.

A xestión dos animais

Un dos principais aspectos a ter en conta na xestión da recría é o obxectivo que se pretende lograr na granxa, se se busca que a gandaría siga medrando ou se quere manter o número de animais actuais. "Se se quere manter o censo e non seguir crecendo temos que prestar atención ao seme que utilizamos, empregando seme sexado ou razas de carne, xa que os gandeiros galegos funcionan moi ben na reprodución, co que se non se toman medidas a gandaría segue crecendo", apunta o veterinario. Neste sentido é fundamental ter presente o % de xovencas por vaca no rabaño e que este sexa equilibrado.
Carecer dunhas instalacións suficientes para a recría e adaptadas ás súas necesidades trae consecuencias directas ás tenreiras
Á marxe do obxectivo que se persiga, hai que ver se as instalacións da granxa son suficientes para a recría que se vai a xestionar, posto que non ter un espazo suficiente e adaptado ás súas necesidades ten unhas consecuencias directas sobre os animais. Un estudo realizado en 2018 en 35 granxas da Cornixa Cantábrica revela que as granxas con problemas na recría tiñan pouco espazo para as tenreiras. "Case 7 de cada 10 granxas analizadas tiñan unhas instalacións insuficientes para a recría", sentenza Carbonell. Estudo realizado en granxas da Cornixa Cantábrica sobre o espazo para a recría na granxa. As instalacións teñen que adaptarse ao número de animais que haxa ou vaia a haber na granxa e para iso abonda con calcular a entrada de xovencas lactantes da granxa de leite. Carbonell exemplifica esta previsión nunha gandaría de 100 vacas. Cun 30% de eliminación e 400 días de intervalo entre partos xeraranse uns 64 partos. Estas cifras apuntan a que haberá unhas 85 xovencas, das que haberá que descontar un 10% de baixas, o que suporá uns 41 partos ao ano, de maneira que sumado aos das vacas adultas teremos uns 105 partos ao ano. Unha vez que se ten esa cifra, estímase que haberá un 5% de mortalidade no parto. De media serán unhas 100 tenreiras ao ano, polo que haberá unhas 4 ao mes. "Nunhas condicións estándar podemos establecer que nacerán un 4% de tenreiras na granxa", explica o veterinario. Nestes cálculos tamén é preciso ter en conta a estacionalidade, xa que hai épocas con maior número de partos, así como de nacementos de tenreiras. Estímase que a estacionalidade pode supor un incremento do 25%. Desta maneira pódense calcular as prazas necesarias nas casetas de lactantes, a amamantadora, a zona de postdestete, crecemento e preinseminación. Efectos da estacionalidade no rabaño.

Garantir o benestar

Outro dos alicerces indispensables para o coidado da recría é o seu benestar. "O deseño da nave e o manexo das instalacións nas tenreiras de menos de 4 meses ten que estar enfocado no benestar dos animais, xa que iso traeranos crecemento e saúde, que son os principais desafíos desta fase", argumenta o veterinario. Á marxe do benestar dos animais, Carbonell tamén identifica o benestar do gandeiro como fundamental para lograr bos resultados. Incide na importancia de proporcionar condicións laborais e espazos de traballo adaptados para que os produtores poidan realizar adecuadamente o coidado dos animais. No benestar das tenreiras uno dos factores determinantes é a cama. Cómpre determinar que espazo necesitan e como debe ser.  En canto ó espazo que precisa a tenreira, a recomendación do veterinario, en base a distintos estudos, pasa por proporcionar mínimo uns 3,3 metros cadrados por animal. 
"Por cada metro cadrado por tenreira que se proporcione á recría redúcense as probabilidades de presentar síntomas respiratorios na amamantadora"
"Os estudos apuntan a que por cada metro cadrado por tenreira que se proporcione á recría redúcense as probabilidades de presentar síntomas respiratorios na amamantadora", concreta. Neste cómputo da superficie da cama tense en conta só a cama útil e descártanse as zonas de comederos ou próximas a bebedoiros, xa que son espazos máis pisados ou mollados.  A maior espazo de cama redúcese a incidencia de enfermidades como a neumonía. Do mesmo xeito que un dos primeiros pasos é calcular o número de tenreiras que haberá na granxa, tamén é preciso estimar o número de casetas que se precisarán. Nesta estimación, Carbonell Baeza recomenda calcular un número superior de casetas dos animais que se prevé ter para garantir que o gandeiro dispón dunha marxe de tempo para ter limpas as casetas, xa que nesta fase é moi importante a hixiene. "Non se pode deixar que as tenreiras teñan problemas como diarrea, cheguen á amantadora con menos peso ou que haxa que demorar o seu paso á amantadora porque están baixas de peso", explica o veterinario. O veterinario toma como exemplo a Cooperativa Grille, en Mazaricos (A Coruña) cunhas 350 vacas. Neste caso estiman que necesitan de cama uns 3,5 metros cadrados por tenreira, mentres que serán precisos uns 150 metros cadrados de curral. Distribución da recría na Cooperativa Grille de Mazaricos. O material empregado na cama é outro factor clave. Segundo os estudos do veterinario galego Alfonso Lago o crecemento das tenreiras está condicionado polo tipo de encamado. Unha cama seca, con pouca cantidade e con materiais como serraduras de madeira ou terra reduce o confort, xa que o animal non é capaz de tapar as patas, a zona onde máis temperatura perden. "Seguimos atopándonos granxas que traballan con serraduras de madeira ou con camas con pouco material, que poderían ser unha opción no verán, pero no inverno e en tenreiras de menos dun mes é insuficiente", valora Carbonell.  Pola contra, a palla é unha alternativa na que o animal xa pode esconder as patas e reducir esa perda de calor corporal. A cama ideal é aquela na que a tenreira, sobre todo nos 3 primeiros días, pode taparse case por completo.
Hai que darlle saída aos ouriños con pendente e sistemas de drenaxe para proporcionar unha cama seca tamén no fondo e reducir o contacto do animal con emisións de gases
Para garantir o confort da cama non abonda con dispor de espazo suficiente e contar cun encamado axeitado, senón que este material debe estar en condicións óptimas. Un dos problemas habituais nas granxas galegas é que a zona de recría carece de drenax,e tanto nos boxes como nas zonas de grupo, o que dificulta manter seca e confortable a cama. "Hai que darlle saída aos ouriños con pendente e sistemas de drenaxe", comenta o veterinario. A drenaxe permite traballar con palla longa, o material máis recomendable para as tenreiras. Aínda que, a palla longa non absorbe a humidade de maneira eficiente se non hai elementos como a inclinación do chan ou a drenaxe. "Aínda que a palla curta parece unha boa solución, se non existen inclinación de chan e drenaxe non o é, xa que parece atallar a humidade pero o amoníaco queda nese espazo e persiste humidade no fondo da cama, o que resulta contraproducente para a tenreira", detalla o veterinario ante unha opción moi empregada en gran número de gandarías de vacún de leite galegas. Crianza individual ou en grupo? Outro dos aspectos que inflúen no benestar da recría é o modelo que se escolla para a súa xestión: crianza individual ou en grupo. Ámbolos dous sistemas presentan vantaxes e inconvenientes, polo que Carbonell avoga por combinalos, optando polos boxes individuais nos primeiros días e a crianza en grupo nas seguintes fases. Coa cría individual hai menor risco de infección, xa que un tenreiro con diarrea non contaxia ao que está á beira. Así, penalizan en menor medida os erros de manexo e proporciónase unha maior atención ao animal. A necesidade de maior espazo e máis man de obra son os inconvenientes que presenta este modo de crianza.
Na crianza en grupo os animais comen maior cantidade de materia seca e concentrado e gañan maior peso
A principal vantaxe de criar ás tenreiras en grupo é que son animais máis felices, teñen maior desenvolvemento cognitivo ao aprender uns doutros e adáptanse mellor aos cambios. Os estudos realizados sobre esta modalidade ratifican que os animais comen maior cantidade de materia seca e concentrado e gañan maior peso. Ademais, é un sistema con maior respaldo ante a opinión pública. O maior desafío neste modelo é o risco de infección e contaxio ante enfermidades e por erros de manexo. Outro dos inconvenientes deste sistema é a competencia que xorde ao ter aos animais xuntos. "Come máis o que mama máis rápido e iso non é bo, xa que provoca que mamen máis rápido á vez que se mantén o reflexo de mamado aínda ao acabar a súa toma, polo que maman nas compañeiras", detalla o veterinario. No deseño dos currais en grupo é importante ter claros 6 criterios: -Agrupar ás tenreiras tras as 2 semanas de vida. -Manter un grupo homoxéneo e estático. -O tamaño de grupo debe estar entre os 6 e 8 animais, aínda que o grupo pode incrementarse naquelas granxas de maior tamaño que teñen grupos moi homoxéneos de idade. -Contar con 3,3 metros cadrados efectivos de cama por animal. -Dispor dun espazo con ventilación. -Na amamantadora, ter entre 15 ou 20 tenreiras no curral e tetina, aínda que tamén é variable en función do tamaño da granxa. "En función de como se manexe e movan tanto os boxes individuais como o grupo deben organizarse o resto de tarefas, desde a limpeza, a vacinación ou o descornado", detalla Carbonell. Resulta clave que no destete, as tenreiras teñan acceso fácil a concentrado e auga. Para os lactantes en caseta, o veterinario recomenda utilizar cubos tanto como comedeiro e como bebedoiro. Mentres, no curral serán necesarios 30 centímetros lineais de comedeiro por tenreira e uns 5 centímetros lineais de bebedoiro por animal. "Hai que evitar os bebedoiros en forma de cazoleta e en obra, xa que son difíciles de limpar. Recoméndanse os bebedoiros volteables, que permite limpar ben e proporcionarlle auga limpa ás tenreiras e fomentar que beban, xa que así tamén incrementarán o consumo de materia seca e o desenvolvemento do animal", especifica o experto en recría.

Confort ambiental

Non menos importante para garantir o confort dos animais é prestar atención ás condicións ambientais que poden xogar un papel moi destacado. Carbonell destaca 3 variables climáticas: a velocidade do aire, a humidade e a radiación solar. Para todas elas é determinante a orientación da granxa e poderá variar dunha estación a outra. Mentres que contar cunha boa velocidade de aire no verán é beneficioso, no inverno arrefría aos animais. O mesmo ocorre coa radiación solar: durante os meses de verán as tenreiras buscan evitar o sol e durante o inverno resulta favorable. No caso da humidade, un factor moi presente nas granxas galega, resulta prexudicial en calquera época do ano, xa que mesmo no verán contribúe ó estrés térmico por calor. "Temos que tentar ter espazos secos, xa que a humidade contribúe ao desenvolvemento de bacterias e virus", declara.
"En Galicia tense a impresión de que as tenreiras enfermarán polo frío e téndese a pechar as naves, pero os espazos abertos e ventilados reducen os riscos de infección"
Carbonell Baeza incide na importancia que chega a ter a ventilación nas granxas para que as tenreiras teñan boa saúde. "En Galicia tense a impresión de que as tenreiras enfermarán polo frío e téndese a pechar as naves, cando o vimos co Covid-19, os espazos abertos e ventilados reducen os riscos", detalla. O sistema de ventilación debe prover de aire fresco e limpo o espazo das tenreiras, eliminar o exceso de humidade, gases nocivos como o amoníaco e calor e diminuír o estrés térmico. Un dos métodos para conseguir esta renovación do aire  é a ventilación vertical, de maneira que unha cumieira aberta permite que exista unha diferenza de temperatura e o aire cargado e quente saia por esta parte da nave. Tamén se pode optar pola ventilación lateral, moi utilizada no verán. Neste caso, o aire entra por un lateral, arrastra o aire do interior e lévalo polo outro. Para logralo pode recorrerse a ter o lateral aberto, como nas zonas de vacas adultas e utilizar cortinas, para no inverno reducir esta ventilación."As cortinas é un dos mellores sistemas que temos actualmente para favorecer a ventilación. Sempre debemos deixar unha abertura na parte alta para manter a ventilación tamén no inverno", concreta o veterinario. Neste tipo de ventilación, o aire debe entrar sempre polo lateral e non pola parte lonxitudinal, xa que desta forma non será capaz de renovarse o aire. "Nesta ventilación é moi importante o ángulo de entrada do aire con respecto ao eixo longitudinal", esgrime. A orientación e as instalacións da nave van determinar se pode funcionar a ventilación natural. Botar man de ferramentas como a rosa dos ventos, que ofrece información sobre os ventos predominantes, é moi útil para establecer os espazos abertos e saber se é suficiente a forza do vento. En Galicia predominan os ventos nor-noroeste e sur- suroeste. Nas naves nas que a ventilación natural é insuficiente existen outros sistemas como a ventilación por tubos de presión positiva. "O tubo capta o aire do exterior e ten un ventilador no fondo que permite que o aire se reparta encima das tenreiras. Está programado nunha velocidade adecuada para que non xere correntes. Continuamente entra aire e leva aire fresco ás tenreiras", explica. Tubos de ventilación por presión positiva instalados na Cooperativa Grille. En canto á radiación solar, os tenreiros evitan exporse ao sol durante o verán, aínda que no inverno pode satisfacerlles estar tombadas ao sol. "A incidencia solar no curral reducirá a superficie de cama útil por animal e agrupa ás tenreiras", concreta. En Galicia, o veterinario recomenda ter especial atención ás granxas que teñan a recría na zona oeste, xa que terán máis incidencia de sol durante as tardes de verán.

Webinar sobre a optimización dos sistemas para combater o estrés por calor en vacún de leite

Sistema de ventilación de SAT San Antonio, en Palas de Rei, que conduce o aire a través dun tubo perforado

MSD Animal Health organiza este mércores 14 de xullo ás 18:00 horas un webinar baixo o título Estrés por calor: optimización dos sistemas de arrefriado, no que distintos expertos e gandeiros exporán distintas alternativas para mellorar o confort do gando nos meses de verán e os seus beneficios en canto á produción ou a aspectos reprodutivos.

Sebastián Ruiz, Xerente de Emporvet, dará o relatorio 20 anos de revolución dos sistemas de control de estrés por calor en vacún de leite. Despois, o Dr. Israel Flamembaun, Consultor internacional en manexo de granxas de vacún de leite e CEO de Cow Cooling Solutions, falará sobre os beneficios produtivos e económicos ao optimizar o sistema de arrefriado.

Por último, o webinar finalizará cunha mesa redonda de discusión sobre os sistemas para combater o estrés por calor con tres produtores de vacún de leite: Ramón Morla, de SAT More Holstein; Anxo Arronte, de SAT Arronte; e Pablo Librán; de SAT Irmáns Librán. Este debate será moderado por Anxo Revilla, Director da Unidade de Ruminantes de MSD Animal Health.

Apoiar a profesionalización do sector

Todas aquelas persoas interesadas en seguir esta xornada poden facelo gratuitamente tras rexistrarse a través deste link para poder acceder a este webinar e aos seus contidos tanto en directo como en diferido. Se se queren coñecer outras experiencias de profesionais do sector e acceder a outra información de interese, pode facerse seguindo @vacunalavaca en Facebook e Instagram.

A través deste e o resto de webinars de Vacuna la Vaca, MSD Animal Health pon de manifesto a súa aposta por apoiar a profesionalización do sector e estar xunto aos profesionais, veterinarios e gandeiros, que fan que grazas ao seu esforzo e dedicación no día a día, sexa posible dispoñer de produtos de alto valor nutricional para as persoas, garantindo en todo momento a saúde e o benestar dos animais.

Un novo estudo ratifica a vacina de MSD Animal contra a diarrea neonatal como a máis completa

Un novo estudo publicado na revista científica internacional Animals demostra que a vacina Bovilis Rotavec Coroa, de MSD Animal Health, proporciona a resposta inmunitaria específica máis completa e equilibrada.

O artigo, de acceso público e titulado The Specific Immune Response after Vaccination against Neonatal Calf Diarrhoea Differs between Apparent Similar Vaccines in a Case Study, compara os resultados de Bovilis® Rotavec® Coroa, de MSD Animal Health, con outra vacina comercial, ámbalas dúas con dose única en primovacinación. O estudo levouse a cabo nunha granxa de vacún leiteiro de Galicia.

“Os resultados do estudo poñen de manifesto como a vacinación das nais no último terzo de xestación é unha ferramenta excelente para incrementar a inmunidade específica fronte aos principais axentes infecciosos e a súa transferencia de forma pasiva aos tenreiros a través do calostro”, explican dende MSD Animal Health. Entre as principais causas infecciosas de diarrea neonatal atopamos frecuentemente Escherichia coli, coronavirus ou rotavirus en infección pura ou mixta, e existen diferentes vacinas comerciais dispoñibles para a súa prevención.

Ademais, evidencia como a resposta obtida varía en gran medida entre vacinas. Bovilis® Rotavec® Coroa (MSD Animal Health) incrementou a resposta inmune de forma significativa fronte a coronavirus e E. coli, en comparación á outra vacina do estudo, tanto no calostro e leite de transición, como no soro dos tenreiros encalostrados.

Como conclusión, o estudo demostra que Bovilis® Rotavec® Coroa (MSD Animal Health) induce unha resposta inmune máis robusta e equilibrada fronte aos tres axentes (rotavirus, coronavirus e E. coli), o que resulta de gran interese de cara á protección dos tenreiros, sobre todo tendo en conta o frecuentes que son as infeccións mixtas nos casos de diarrea neonatal en granxa.

Este estudo foi realizado por Román González (Veterinario de SAT Prolesa), Laura Elvira e Carlos Carbonell (Equipo Técnico de Rumiantes de MSD Animal Health), Geert Vertenten (MSD Animal Health) e Lorenzo Frade (Departamento de Produción Animal, Universidade de Lleida).

-Accede aquí ao estudo completo.

Como a dixitalización está a mellorar o manexo das ganderías de carne

Localizar o gando no monte, cando as parcelas comprenden dehesas enteiras, en alta montaña ou con centos de hectáreas, é un dos retos aos que se enfrontan no seu día a día as gandarías de vacún en extensivo españolas. Resolvelo botando man de novos sistemas de xeolocalización é un claro exemplo do que a gandaría de precisión pode facer polo sector, pero poden contribuír estas novas ferramentas máis aló do manexo diario do gando? Este foi un dos temas que expertos e empresas especializadas nestes sistemas abordaron na terceira sesión do ciclo de videoconferencias Gandaría de precisión: a dixitalización da gandaría, organizado por Cajamar. Este encontro virtual celebrado recentemente, puxo o foco en coñecer os avances dixitais que xa se inclúen en gandarías de vacún de carne españolas e nas oportunidades que poden brindar tanto aos gandeiros na súa xestión diaria como á evolución e ó futuro do sector.

Monitorizar o día a día

"Hai 8 anos atopámonos cun brote de diarrea vírica (BVD) nos tenreiros acabado de nacer que tiñamos na serra de Ávila. Se non os localizabamos a tempo os animais terminaban morrendo deshidratados. En pleno século XXI non podiamos ter estes problemas". Esta necesidade real na súa gandaría foi a que levou a Rubén Blanco, enxeñeiro industrial e director comercial da empresa Digitanimal a comezar a traballar en solucións para xeolocalizar ao gando en extensivo.
A gandaría de vacún de carne en extensivo incorpora novos sistemas tecnolóxicos para mellorar o manexo do gando como os colares ou crotais localizadores ou as básculas de autopesaxe en cebadeiros
Hoxe a súa empresa logrou financiamento europeo e participar en diferentes proxectos internacionais sobre a dixitalización do campo, nos que desenvolveron ferramentas para a localización das nais ou básculas de autopesaxe en cebadeiros de tenreiros. "Non só ofrecemos a localización do animal ao gandeiro, senón tamén outra información que pode resultarlle de utilidade como a actividade ou a temperatura. Ter monitorizado o rabaño permite tamén ao gandeiro contar con aplicacións de control reprodutivo, tanto global como individuais", explicou Branco durante o webinar.  Juan José Núñez, veterinario e responsable en España da firma Allflex livestock intelligence (MSD), empresa que leva desde 2014 implementando os sistemas de monitorización do gando vacún, reivindica o papel destas ferramentas ante algúns dos retos actuais do sector como a redución do uso de antibióticos, o benestar animal, a falta de man de obra ou a trazabilidade. Aínda que esta firma, pioneira en controlar a rumia ou o estrés por calor a través da respiración da vaca, comezou co vacún de leite en intensivo, tamén están a dar pasos para a monitorización do gando de carne en extensivo.
"O obxectivo é determinar que vaca necesita atención e cando. Trátase de xestionar a excepción" : Juan José Núñez, responsable en España de Allflex 
O control da saúde da vaca é un dos ámbitos nos que poden contribuír estes dispositivos. "Distintos estudos demostraron como este tipo de sistemas permite detectar problemas no animal con 3 días de antelación con respecto á revisión humana", detalla Núñez. Controlar a saúde do animal é sinónimo de benestar e de mellores cifras na produción e na rendibilidade da gandaría. "Está a traballarse por unha monitorización do animal. O obxectivo é determinar que vaca necesita atención e cando. Trátase de xestionar a excepción", concreta o veterinario.

Outros beneficios

Máis aló de facilitar o manexo diario, ter o gando xeolocalizado pode converterse nun aliado noutros ámbitos. "Coñecer en que áreas pastan as vacas ofrece unha forma de xustificar na PAC parcelas como os pasteiros baixo arboledo, que adoitan ser rexeitados", apunta Rubén Blanco. Tamén abre a posibilidade a implementar iniciativas de prevención fronte a ataques do lobo ao dispor de información sobre a reacción das vacas ante eles ou ao saber das rutas máis habituais que fan. Rutas seguidas por un rabaño en extensivo. // Foto Digitanimal. A monitorización do gando permite visualizar dunha forma máis directa un dos principais beneficios ecosistémicos das gandarías en extensivo: a redución do risco de incendio ao diminuír a biomasa no monte. Precisamente, a firma Digitanimal está a levar a cabo proxectos nesta liña na serra de Madrid ou co Cabildo de Gran Canaria con rabaños de cabras e ovellas.

Gandarías máis eficientes

Fronte ás importantes vantaxes coas que contan outros países produtores de carne, Europa liga o futuro do seu gando extensivo de carne á eficiencia e a converterse nun referente mundial na redución de impacto ambiental. Boa proba diso son as políticas europeas do Pacto Verde e a estratexia do Campo á Mesa, que buscan gandarías cada vez máis eficientes e sustentables. Tanto gandeiros, expertos e empresas do sector viron nestas melloras dixitais unha vía para facer fronte a outros desafíos como as modificacións da demanda dos consumidores, a competencia internacional ou o cambio climático. "A dixitalización pode favorecer a mellora da eficiencia e trazabilidad das gandarías de carne en extensivo", sinala o enxeñeiro agrónomo da Universidade de Córdoba, Francisco Maroto, que participou no proxecto europeo, IoF2020 una das iniciativas de referencia en produción primaria. Un exemplo do intercambio de datos dun rabaño en extensivo, con información como o destete que pode ser de utilidade para o gandeiro ou o cebadeiro. Neste camiño cara á eficiencia, o experto incide no necesario que resulta compartir esta información entre os integrantes do sector. "Non se trata de monitorizar individualmente cada elo senón que o realmente importante é que estes datos que proporcionan os sistemas de dixitalización se compartan para así mellorar non só a trazabilidade senón tamén a eficiencia en toda a cadea", concreta Maroto. A información que o gandeiro poida proporcionar sobre cuestións como a data de parto ou de destete permite facer unha previsión ao cebadeiro con varios meses de antelación. Maroto incide en contar con sistemas flexibles que permitan ofrecer solucións personalizables, de maneira que se superen tamén as reticencias a compartir datos, ao poder intercambiar só determinada información. Tamén é fundamental dispor dunha plataforma que posibilite dispor dos datos e que en base a eles se poidan tomar decisións.

Contarllo ao consumidor

Este intercambio de información non ten tampouco que limitarse ao sector, senón que pode chegar ao propio consumidor, incrementando a trazabilidade, outro dos eixos que Europa quere potenciar para manter o vacún de carne en extensivo como referente mundial. "Sectores como o vacún de leite levan xa tempo sacando partido diso e dicíndollo ao consumidor, ao certificar o pastoreo e o benestar animal dos seus animais, mentres que en vacún de carne non se está aproveitando", valora Maroto.
"A dixitalización pode ser unha ferramenta clave para a valorización da gandaría extensiva, especialmente de cara ao consumidor": Francisco Maroto, enxeñeiro agrónomo
Ao incorporar esta tecnoloxía, que contribúe a mellorar tanto a xestión como o manexo do rabaño, estase a apostar polo benestar do gando, polo que Maroto incide en transmitirllo ao consumidor. Sistemas de certificación de benestar como o selo Welfair poden botar man desta monitorización continua e sensorizada. "En lugar de ter unha foto fixa, que é o que representan as visitas puntuais ás gandarías, acceder aos datos que manexan no seu día a día é como visualizar un vídeo, achega maior cantidade de información para acreditar o benestar dos animais", coinciden en sinalar tanto Maroto como os demais relatores do encontro dixital. Os colares de monitorización permiten ter localizado o gando e proporcionanlle información sobre o estado do animal. // Foto Digitanimal. "A dixitalización pode ser unha ferramenta clave para a valorización da gandaría extensiva, especialmente de cara ao consumidor. Trátase de acurtar a cadea e chegar máis pronto ao consumidor e ofrecerlle información de como e que está a ocorrer na granxa", reivindica Maroto. Así o están facendo xa diferentes gandarías en extensivo ao trasladar información directamente ao consumidor. "Podemos incrementar a trazabilidade da carne que producimos a través dun código QR que proporcione á consumidor información sinxela, real e tanxible", explica Rubén Blanco, que colabora con algunhas gandarías implicadas nestas iniciativas para aproximarse ao consumidor. Proporcionar maior información sobre a carne e coidados do gando pode contribuír a atender as novas demandas. Datos como a data do destete resultan xa de interese para consumidores de distintos países europeos onde se está valorando en gran medida que o tenreiro se críe coa súa nai nos primeiros días de vida.

O custo da gandaría de precisión

A implantación dos sistemas dixitais como os localizadores de gando no vacún de carne extensivo atopouse con dous obstáculos principais: o desembolso a realizar e a cobertura do rural, en ocasións precaria ou mesmo nula. Aínda que o custo é unha barreira inicial, tanto gandeiros como expertos apuentan a que esta se dilúe se realmente resultan de utilidade os datos que achegan. "Canto máis uso lle dou ao dato que me ofrecen os sistemas de monitorización máis se dilúe o custo. O valor engadido debe ser proporcional ao gasto, por iso exponse tamén que se distribúa o custo entre diversos elos que se poidan beneficiar desa información", explica Maroto. Os prezos dos colares son moi variables, en función da tecnoloxía que utilicen, a autonomía que ofrezan ou os programas de monitorización que se contraten. Os prezos manexados por ámbalas dúas empresas que participaron no webinar sitúanse entre os 100 e os 150 euros. No caso de Allflex, os seus crotales sitúanse entre os 70 e 90 euros, cunha autonomía de 3 anos, por baixo dos 8 que alcanzan os seus colares. Mentres, a báscula de autopesaxe desenvolvida por Digitanimal para os tenreiros de cebo, que ofrece información non só do seu peso senón do comportamento do animal ao situarse nas zonas de acceso ao bebedoiro, sitúase ao redor dos 3.000 euros. A colocación das básculas de autopesaxe faise nas zonas de bebedoiro. // Foto Digitanimal. No caso da cobertura, as empresas deseñaron distintas estratexias para facerlle fronte e conseguir garantir o seguimento do animal. "Queriamos que o noso sistema servise e chegase a todo tipo de gandarías, dende aqueles rabaños en dehesas, aos da alta montaña ou os que continúan coa transhumancia", detalla o enxeñeiro Rubén Blanco, de Digitanimal. Os seus colares localizadores empregan a tecnoloxía 2G, naqueles lugares con maior problemática, e cunha autonomía de preto de 7 meses. A súa opción preferente é a cobertura Sigfox, que lles ofrece mellores prestacións e permite que a batería dos seus dispositivos chegue case a alcanzar os 2 anos. Pola súa banda, para dar cobertura aos seus colares e crotais Allflex apostou por un sistema composto por un router 4 g equipado cun panel solar, o que permite a súa colocación sen necesidade dunha fonte de alimentación ou conexión a internet e convérteo nunha opción para a gandaría extensiva. Os seus colares contan cunha memoria de 24 horas o que permite almacenar os datos durante este tempo e que se descarguen cando o animal se achegue ó lugar no que se instala o router.

Que retos se lle presentan ás gandarías de vacún de leite a curto prazo?

Tres gandarías de vacún de leite destacadas na actualidade pola súa xestión e resultados analizan os retos e desafíos que se presentan para as súas granxas nos próximos anos. A Granxa San José, en Huesca; a Granxa Santa Teresa, situada en Toledo e a SAT Busto Corzón (Mazaricos, A Coruña) fixeron ao longo dos últimos anos unha clara aposta pola profesionalización, o crecemento e a optimización das súas gandarías. A pesar das súas diferenzas en canto a tamaño e traxectoria, coinciden á hora de sinalar algúns dos principais retos para as súas gandarías no futuro. Nos tres casos, os gandeiros que impulsaron estas granxas viven con paixón o coidado dos seus animais. Repasamos a continuación a visión de cada gandería, que expuxeron os produtores nunha mesa redonda organizada por MSD Animal Health.

A xestión do persoal

Un dos retos que coinciden en sinalar dende as 3 gandarías é a xestión do persoal, non só polas dificultades que constatan para conseguir empregados, senón por lograr a súa implicación. "O máis importante na gandaría é o capital humano, por iso nós tentamos que os nosos traballadores se sintan importantes polo labor que realizan na granxa, aínda que non imprescindibles", explica Manuel Sánchez Tienza, encargado da gandaría Santa Teresa.
"Tentamos que os nosos traballadores se sintan importantes, aínda que non imprescindibles, polo labor que realizan na granxa": (Manuel Sánchez, granxa Santa Teresa)
Para lograr unha maior eficiencia dos seus traballadores, na granxa San José optan por fixar pautas organizadas de traballo. "Establecemos protocolos e realizamos un seguemento e control das tarefas para que o persoal saiba o que ten que facer e como. Ten que haber unha estratexia de xestión do persoal", detalla José María Pont, veterinario e gandeiro propietario da granxa San José. Nestes momentos, a gandaría conta con 75 traballadores, 50 deles centrados na produción láctea e a recría; 15 operarios en produción agrícola, 6 empregados de mantemento e 4 na sección de administración. Unha opinión semellante teñen na SAT Busto Corzón, situada en Mazaricos (A Coruña), onde destacan a importancia de contar con persoal cualificado e que comprenda aos animais. Nesta gandaría son moi conscientes da carga de traballo que implica no día a día atender a granxa, xa que precisamente gañar en calidade de vida foi un dos motivos polos que as tres familias socias formaron a sociedade hai 11 anos. "Para nós é fundamental conseguir que o persoal se adapte e formalo para que coñeza ben aos animais e os manteña controlados", explica José Manuel Fernández, un dos socios da gandaría. "Nestes momentos, na granxa temos este tema canalizado, de feito contamos tamén cun veterinario na gandaría para axudarnos no coidado directo dos nosos animais", detalla. Actualmente teñen unhas 900 cabezas de gando, con 450 vacas en muxido e unhas 80 vacas secas.
"É fundamental conseguir que o persoal se adapte e formalo para que coñeza ben aos animais e os manteña controlados" (José Manuel Fernández, SAT Busto Corzón)
Os gandeiros tamén asumen a necesidade de proporcionar salarios competitivos e boas condicións aos seus traballadores. "Temos que conseguir que o traballador que tes na granxa non se vaia á fábrica por cuestión do salario", indican desde a Granxa Santa Teresa. Sala de muxido da granxa San José, en Huesca, considerada a gandería con máis vacas de España. // Foto MSD. Para garantir esa fidelización dos seus traballadores, unha das metas que contemplan na Granxa San José é a subida dos salarios. Para logralo, entre outros axustes, buscan incrementar a marxe bruta, mellorando a calidade das forraxes. "Hai que facer un produto de máxima calidade, a un prezo razoable e en cantidade, para reducir así o custo da alimentación", explican. Nesta gandaría, a sección de produción forraxeira encárgase de xestionar 1.200 hectáreas nas que obteñen o 100% das forraxes que necesitan para alimentar ás 6.500 cabezas de gando que teñen na actualidade, das que 3.600 son vacas en produción. Tamén teñen presente o papel determinante que pode xogar a xestión das compras, por iso esperan mellorala con previsións máis axustadas para evitar estar a mercé das variacións do mercado.
"En Granxa San José levamos 15 anos traballando cun programa de incentivos. Cremos que é unha forma de estimular ao persoal" (José María Pont, propietario da gandaría)
Un dos mecanismos dos que botan man nesta gandaría para lograr unha maior implicación do persoal son as primas. Das tres granxas participantes no coloquio é a única que considera positivo contar cun programa de incentivos, que leva aplicando desde hai 15 anos e que supón entre un 10 e un 15% do soldo dos traballadores. "Hai que saber manexalo, pero creo que é unha forma de estimular ao persoal, aínda que deben definirse ben os obxectivos que permitirán cobrar as primas", detallan desde Granxa San José.

As esixencias ambientais

Outro dos desafíos que contemplan nestas gandarías para os próximos anos son as esixencias en materia ambiental, derivadas das políticas verdes europeas e que xa se traduciron ao campo español co proxecto de Decreto de Nutrición Sustentable nos solos agrarios, que suporá cambios directos no seu día a día. "A curto prazo adaptarse aos requirimentos ambientais é un tema que nos preocupa, sabemos que imos ter que realizar investimentos en cuestións como a xestión dos xurros", explican desde a gandaría galega. De feito, un dos investimentos prioritarios que están a estudar é o sistema de separación da fracción líquida e sólida dos xurros para o seu aproveitamento. Na Granxa Santa Teresa, cunhas 420 vacas en ordeño e unhas 350 novillas, axustarse á nova normativa ambiental é tamén un dos retos para os próximos meses. "Cumprir a nova normativa vai supor un esforzo na granxa", valora o responsable da gandaría.
As granxas prepáranse para afrontar investimentos coas que adaptarse aos novos requisitos ambientais, sobre todo en xestión de xurros
A xestión de residuos, un dos principais eixos das políticas ambientais, é unha das cuestións que preocupa ás gandarías non só na actualidade senón ao longo dos últimos anos. Ao preguntarlle sobre aquelas cuestións que encararían de forma diferente se puidesen retroceder no tempo 15 anos, na Granxa San José valoran que a xestión dos xurros sería un dos aspectos aos que prestarían máis atención, "aínda que tampouco foi fácil prever cara a onde había que canalizar os esforzos, xa que tivemos unha normativa moi cambiante", comenta Pont. Recría da granxa Santa Teresa, en Toledo. // Foto MSD.

A recría e o confort do animal

Nos últimos anos, as 3 gandarías fixeron esforzos por mellorar o confort e benestar dos seus animais, tanto das vacas en produción como dos exemplares máis novos. Recoñecen que coidar a recría require un investimento destacado. "Cando empezamos coa SAT centrámonos en producir leite para poder afrontar os investimentos en instalacións que realizamos. Tivemos que comprar moitas xovencas francesas e alemás, xa que as nosas vacas non nos chegaban, pero agora para nós a recría e a aposta pola xenética é un dos alicerces da gandaría", explican na SAT Busto Corzón. No seu caso, levan un ano cun programa para monitorear e controlar a súa recría. "Polo momento non temos moitos datos, pero así sabemos o que criamos e temos", detalla. Unha das apostas desta granxa é o leite A2A2, unha acción subvencionada pola Cooperativa Clun á que pertencen. "Ter recría propia custa moito diñeiro, xa que o mellor vai para estes animais desde o primeiro día, para así lograr animais sans e que cheguen antes á primeira inseminación", concreta o gandeiro. Hai anos a primeira inseminación situábase ao redor dos 15 ou 16 meses, hoxe rozan xa os 13 meses, o seu obxectivo.
"É máis caro criar un animal na granxa en boas condicións que importalo de países como Francia, pero ofréceche outras vantaxes, sobre todo a tranquilidade que che proporciona a nivel sanitario" (Manuel Sánchez, gandería Santa Teresa)
"Hai 15 anos a recría era a gran esquecida, non se lle daba a importancia que ten na granxa. As granxas están a ver que en temas de produción láctea está a tocarse teito e empezan a valorar máis a recría", indican na gandaría Santa Teresa."É máis caro criar un animal na granxa en boas condicións que importalo de países como Francia, pero ofréceche outras vantaxes, sobre todo a tranquilidade que che proporciona a nivel sanitario", destaca Manuel Sánchez na granxa Santa Teresa. Por este motivo, as tres gandarías realizan un programa completo de vacinación tanto da recría como das vacas adultas. "O máis económico é previr, xa que coas infeccións os custos dispáranse", argumenta. Na Granxa San José márcanse dous obxectivos principais: incrementar as producións vitalicias e conseguir unha recría máis rápida, con animais máis sans. Contan cun estudo de custos de produción da recría pormenorizado no que se inclúen desde os gastos de medicación, alimentación, seme ou man de obra. "Criamos 1.200 xovencas cada ano polo que temos que coñecer os custos de produción para saber se se pode aforrar nalgunha partida", detalla Pont.
Na granxa San José crian 1.200 xovencas cada ano e contan cun programa de control dos gastos para optimizar a súa crianza
Tamén teñen previsto mellorar as instalacións para as tenreiras máis novas e sopesan instalar unha amamantadeira, así como os sistemas de casetas. "A nosa intención é lograr xovencas de gran calidade a mínimo custo, para o que a alimentación é clave. Contar con instalacións adecuadas e un bo programa vacinal é fundamental para evitar mortes", apunta. Xunto coas xovencas, a análise xenómica é outro dos retos na gandaría. "Pode ofrecernos moita información sobre os animais, pero tamén necesitamos profesionais que saiban analizar estes datos e sacarlle partido", reivindica.

Dispor de terra

No caso da gandaría galega, un dos desafíos é lograr base territorial, debido ás limitacións que existen e que xa supuxeron os maiores obstáculos cando decidiron fundar a SAT. "É moi complicado conseguir terra, hai moitas leiras moi pequenas que non se adaptan ás necesidades para producir forraxes", explica o gandeiro. A súa granxa atópase nun dos municipios con maior concentración de vacas e produción leiteira de Galicia, Mazaricos, polo que a competencia pola terra é moi elevada. A día de hoxe, conseguir terra segue sendo un dos retos que ven na gandaría.

Así se controla o estrés por calor das vacas nas granxas de Israel

As elevadas temperaturas na granxa son un factor que condiciona tanto o benestar do animal como a produción. A firma farmacéutica MSD Animal Health abordou recentemente nun seminario como enfrontan ó estrés por calor as granxas situadas en rexións de climas cálidos como Israel. A empresa contou con varios expertos e experiencias en gandarías que están a encarar con éxito estas situacións.

Os esforzos no país de Oriente Medio céntranse en contar tanto con métodos eficaces e economicamente rendibles para paliar as elevadas temperaturas como con dispositivos para coñecer cando a vaca está a sufrir estrés por calor.

O director do Departamento de Produción Animal do Ministerio de Agricultura de Israel, Gaby Adin, achegou durante unha xornada online organizada por MSD Animal Health algunhas das claves que teñen en conta no seu país para aliviar as altas temperaturas que adoitan rexistrar. No verán, nas zonas de costa e montañas, a temperatura media sitúase ao redor dos 30 – 35 graos, mentres que nos vales chega aos 40 graos.

MSD reuniu expertos de Israel que traballan con sistemas para mitigar a calor que se rexistra tanto de día como pola noite

“Nos últimos 40 anos comprobamos como tamén as temperaturas nocturnas se incrementaron, co que a vaca xa non consegue refrescarse pola noite e a produción reséntese se non se empregan sistemas que lle axuden a baixar a temperatura corporal”, detalla o experto.

Detectar o estrés por calor

A combinación de elevadas temperaturas e humidade provoca no animal efectos negativos que afectan á súa saúde e rendemento. “Cando a vaca supera os 39 graos de temperatura corporal ou ben ela ou nós deberemos de facer algo para que se reduza, xa que as súas consecuencias son similares a que estivese enferma”, declara Adin.

Cando a vaca está sometida a unha situación de estrés por calor o seu ritmo respiratorio supera as 60 respiracións por minuto. O consumo de alimento e a produción de leite nestas circunstancias tamén se reduce entre un 10% e un 15%. O mesmo ocorre coa fertilidade do animal, a calidade do calostro que produce ou o peso da cría.

O estrés por calor nestas gandarías reduce o consumo de alimento e a produción de leite entre un 10 e un 15%

Daniel Weisz, técnico agropecuario e director da Finca Kibutz Ein Ashlosha, unha gandaría de vacún de leite situada nas proximidades da fronteira con Gaza, case no comezo do deserto, revela que as perdas por calor poden supor ao redor de 3 litros por día, cando algún dos sistemas de refrixeración cos que contan se avaría.

Unha das ferramentas máis utilizadas para estimar a tensión por calor no animal segue sendo o Índice de Temperatura e Humidade relativa (ITH), que ten en conta ambos factores. Así, cando este índice alcanza un valor de 72 ou superior, o animal empeza a sufrir estrés por calor. Ademais, Adin traballou tamén con outros métodos, como a recompilación da temperatura rectal do animal cada 15 minutos, unhas medicións que ofrecen información dos picos de calor. “Aínda que coñecemos esta información a posteriori, axúdanos a estimar cada canto tempo debemos arrefriar ao animal”, detalla Adin.

Estes traballos leváronnos a cabo en 1980 con vacas cunha produción duns 9.000 quilos de leite ao ano e que permanecían atadas. A observación dos datos permitiulles determinar que cada 2 horas e 30 minutos necesitaban ser refrixeradas durante 45 minutos. O estudo repetiuse hai uns anos con vacas cunha produción de 12.000 quilos ao ano e o tempo reduciuse até ser necesaria a refrixeración do animal cada hora. “Arrefriar o animal cada hora pode ser moi problemático, polas implicacións todas que supón, pero estes estudos dannos unha idea de cal sería a frecuencia óptima”, explica o experto.

Utilizan sistemas de medición da frecuencia respiratoria do animal para estimar cando sofre tensión por calor

Un dos métodos que se están empregando nestes momentos en Israel é o control das respiracións das vacas mediante a instalación de dispositivos que monitorizan a frecuencia respiratoria a través de colares. “Permítenos identificar o momento do día no que a vaca necesita da axuda do gandeiro para arrefriarse”, apunta Rotem Rabinovich, técnico da firma Allflex, empresa que está a desenvolver estes sistemas en granxas de Israel.

“Ao monitorizar a frecuencia respiratoria e detectar que as súas respiracións son entre 60 e 70 por minuto, sabemos que nese momento o animal está a sufrir de estrés por calor, xa que só pode estar a respirar. Esa frecuencia respiratoria non lle permite xa nin comer nin estar remoendo”, concreta o experto. Este é o sistema que empregan tamén na gandaría que xestiona Daniel e no que se baseou para establecer os momentos en que arrefriar ás súas vacas.

Mecanismos para regular a temperatura na granxa

Nas gandarías israelís adoitan optar por combinar diferentes sistemas de ventilación e arrefriado dos animais para reducir a tensión por calor. Así, en granxas como a que xestiona Daniel dispoñen de sistemas de refrixeración directa, que combina duchas con ventiladores, que están colocados na zona de muxido e funcionan durante uns 45 minutos. “É importante que as vacas nunca volvan ao grupo molladas, por iso empregamos os ventiladores. Desta forma conseguimos reducir a súa temperatura e evitar outros problemas derivados da humidade como os fungos, a irritación da pel ou a aparición de mastite”, detalla o produtor.

Sistemas de refrixeración indirecta en granxas de Israel.

A estes, súmanse sistemas de nebulización, onde o achegue de auga é inferior, xa que o gasto de auga é unha das limitacións que teñen. Nestes casos tamén recorren ao uso do ventilador para potenciar o efecto da auga. Estes sistemas están colocados na zona dos comedeiros. Polo xeral, no verán na granxa arrefrían ás vacas, cos diferentes sistemas, 7 veces ao día. “Os máis importantes son os que se fan no muxido e pola noite, no comedeiro”, explica Weisz.

Optan por empregar ventiladores e duchas ou nebulizadores para reducir a temperatura corporal das vacas

Ademais, en Israel apostan pola instalación de grandes ventiladores en diferentes puntos da granxa e por construcións pensadas para climas cálidos, cunha altura de entre 12 e 13 metros nas zonas máis altas e de 5 metros nos costados. Inclúen sistemas de chemineas que funcionan como condutos para facer mover o aire quente de novo cara ao exterior. “Algunhas granxas mesmo contan con teitos móbiles para ventilar, pero que tampouco terminan sendo moi utilizados”, concretan desde o Ministerio de Agricultura.

As naves para o gando en Israel contan con teitos altos e estruturas pensadas para favorecer a ventilación.

Xunto a estes sistemas, a variación da ración do animal está a resultar un método para tentar reducir o estrés nas vacas en produción. O traballo doutoral de Adin aborda os resultados que se poden obter con estes cambios. As recomendacións neste sentido pasan por concentrar a enerxía e axustar a proteína, ademais de reducir tanto a forraxe basta como a súa calidade. Neste caso, Adin aposta por substituír parte da forraxe basta por subproductos facilmente dixeribles como a casca de soia ou a pulpa de remolacha (ao redor duns 2,8 quilos).

O experto recomenda ter en conta a perda de minerais, como sodio e potasio, que as elevadas temperaturas xeran ao animal, polo que adoitan agregar sal á ración. Tamén axusta a porcentaxe de humidade da dieta e insiste en proporcionar auga limpa e fresca ao gando en áreas accesibles.

Efectos da refrixeración directa ou da dieta fría tanto en vacas de produción como nas secas.

Adin concreta que a combinación dunha dieta fría e a utilización de sistemas de refrixeración son fundamentais para evitar o estrés por calor nas gandarías de vacún de leite.

Consulta aquí o video da sesión de MSD centrada no estrés por calor nas gandarías de vacún de leite.