Archives

Proxecto ‘Montes de Vigo 2046’: montes veciñais en valor

O proxecto «Valorización e xestión sostible dos servizos ecosistémicos mancomunados dos montes periurbanos de Vigo» busca destacar a importancia do anel periurbano da cidade en servizos á sociedade, así como na dispoñibilidade de auga e a súa contribución para enfrontar as secas urbanas. A iniciativa, lanzada na Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo, pretende xestionar de maneira sostible máis de 1.500 hectáreas de montes comunais, harmonizando o seu uso social e económico. Co apoio da Fundación Biodiversidade e a Unión Europea, proponse involucrar á sociedade na valoración destes recursos. A colaboración entre a Universidade e a Mancomunidade de Montes de Vigo -sinalouse na xornada- é fundamental para o éxito do proxecto, con énfase na transferencia de coñecementos técnicos á cidadanía. Resáltase a importancia de entender a natureza como un motor económico. Os montes de Vigo, cunha historia de reclamo pola súa valorización, enfrontan o reto de ser recoñecidos e utilizados de maneira sostible. O enfoque do proxecto abarca cinco liñas de acción, incluíndo a valoración dos servizos ecosistémicos. Destácase o papel crucial destes servizos na calidade e dispoñibilidade da auga na cidade. Expertos en xestión forestal e economía aplicada salientan a necesidade de valorar economicamente os beneficios do monte, o que proporcionaría argumentos sólidos para negociar con entidades públicas e privadas. Na xornada presentouse un caso de certificación de servizos ecosistémicos no monte de utilidade pública de Arnoia, promovido pola Consellería do Medio Rural. A xornada reúne a diversos actores, desde comunidades de montes ata empresas e institucións sociais, co obxectivo de promover a xestión sostible dos recursos forestais en Galicia.

Xornadas sobre convivencia co lobo nos montes veciñais

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común "O Raño" ofrecerá unhas "Xornadas sobre a convivencia co lobo no monte veciñal". As xornadas impartiranse en Altos de Veris, no Concello de Irixoa, que tamén participa na organización dos encontros xunto con Granxas de Lousada. A formación estará dividida en catro xornadas repartidas entre os días 26 e 27 de abril e os días 3 e 4 de maio. A continuación o programa das xornadas:

Tarefas de prevención contra incendios na Comunidade de Montes do Viso

A Comunidade de Montes Veciñais en man Común do Viso (Redondela) traballa desde hai anos baixo o lema "os lumes apáganse en inverno". Por iso, a xestión diaria do monte, o estar pendente de cada necesidade do mesmo e o seguimento permanente da súa evolución son as principais ferramentas para loitar contra a lacra dos incendios forestais. Así o indican dende a Xunta Directiva do monte veciñal do Viso: “un monte abandonado e sen xestión nun territorio tan antropizado leva, tarde ou cedo á súa destrución polas lapas, sobre todo coa desastrosa situación actual de cambio climático”. Por este motivo, a Comunidade de Montes mantén unha actividade constante nos seus montes, que se rexen baixo estándares internacionais de xestión forestal sostible. No último ano traballouse en multitude de áreas e fíxose un importante esforzo para reducir a biomasa no entorno das zonas habitadas na parroquia e lindeiras co monte veciñal. No monte Espiño traballouse sobre 12,62 hectáreas (ha) do rexenerado de piñeiro, reducindo a súa densidade e rozando o mato. Neste caso contouse cunha axuda para actuacións silvícolas da Consellería de Medio Rural. Reforestáronse 4,91 ha destruídas no incendio do ano 2016, das cales a metade foron de piñeiro do país e a outra metade de castiñeiros, bidueiros e carballos. Esta actuación contou cunha axuda da Xunta de Galicia para forestación de rasos. Tamén se realizaron pequenas repoboacións con frondosas en zonas do monte Outeiro Grande e do monte Espiño. A propia comunidade realizou xornadas de voluntariado coa veciñanza enmarcadas no Día da Árbore nas que, entre o ano 2023 e o 2024, repoboáronse máis de 800 frondosas caducifolias en zonas de defensa contra incendios no entorno de vivendas na zona de Saramagoso, onde previamente se cortara o eucalipto alí presente, e no entorno da senda alternativa ao Camiño de Santiago que pasa polo monte comunal. Rozáronse pistas forestais no monte Espiño, rozouse a parcela da Lomba e rozouse e podouse o arborado do entorno do Miradoiro do Outeiro Grande. Na Nogueira, cunha axuda do Plan Social de Ence, actuouse sobre dúas zonas de matogueira e arborado moi próxima a unhas vivendas. Xa recentemente rozouse unha zona de difícil acceso no entorno das casas no lugar da Feixoeira, na base da Peneda. O traballo é permanente e a xestión dos montes do Viso busca fomentar unha importante descontinuidade arbórea e definir de maneira estratéxica franxas de defensa pasiva contra incendios forestais. Así pois, nos vindeiros meses seguirase traballando coa roza de pistas forestais, e realizarase un esforzo importante no monte que os comuneiros do Viso teñen na Peneda, un lugar emblemático da comarca no que os incendios provocaron importantes danos no pasado.

A Federación Rural estudará as faixas de biomasa no Barbanza e Costa da Morte

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o coordinador da Federación Rural Galega (FRUGA), Manuel Dacal Vázquez, e a deputada responsable da área de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, asinaron na sede da institución provincial o convenio para o financiamento do proxecto "Estudo, Análise de Viabiliade Económico-Social e Medio-Ambiental nas franxas da biomasa forestal nos Montes Veciñais en Man Común das comarcas do Barbanza e da Costa da Morte na Provincia da Coruña". O orzamento total deste proxecto ascende a 60.042 euros, dos que a Deputación achega 48.000 euros, o que supón o 80 % da actuación. "O obxectivo deste estudo é o de establecer medidas de apoio ás Comunidades de Montes Veciñais en Man Común para acadar un maior coñecemento das posibles viabilidades económicas, sociais e medioambientais da xestión da biomasa forestal, naquelas superficies dos seus montes nas que é necesario establecer faixas de protección de carácter social, como é a prevención e a loita contra os incendios forestais", explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso. A Federación Rural Galega ten como finalidade principal a defensa dos intereses das asociacións vinculadas ao medio rural galego e asociadas ás mesmas así como tamén a información, a formación, a investigación e a transferencia de coñecementos en actividades relacionadas co rural galego, en calquera das súas formas. Ademais, o servizo desenvolvido pola entidade está a levar a cabo diversas actuacións no eido do medio ambiente, que teñen relación cos Montes Veciñais en Man Común, en aplicación da lexislación de prevención e defensa contra os incendios forestais, e a repercusión económica de custos de xestión da biomasa forestal nas superficies afectadas polas faixas de protección de redes secundarias e terciarias, e a formulación de alternativa para a sustentabilidade económica e social por medio dos aproveitamentos.

Comezan en Galicia as entresacas de carballos, castiñeiros e bidueiros para usos de valor

Francisco Pedras, José Martel e Roque Rodríguez Soalleiro durante a primeira xornada do simposio internacional sobre frondosas que se celebra en Lugo Galicia conta cunhas 617.000 hectáreas de frondosas, que representan o 40% das áreas cubertas de arborado da comunidade. A maioría veñen de rexeneración natural, froito do abandono do monte, e esa falta dunha selvicultura axeitada leva a que as industrias galegas non conten neste momento con materia prima local de calidade e se vexan obrigadas a importar carballo ou castiñeiro de países como Francia. Como aproveitar e valorizar a madeira de frondosas que hai actualmente nos nosos montes, de escasa dimensión, a través da innovación e novos usos, e como mellorar as labores culturais aplicadas nestas masas para obter de cara ao futuro pés de porvir que nutran o desenvolvemento dunha industria centrada nas frondosas caducifolias é o obxectivo do Proxecto para a Valorización Sustentable da Madeira das Masas de Frondosas de Galicia, posto en marcha hai un ano pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA). Os resultados preliminares deste proxecto foron presentados este mércores en Lugo no marco dun Simposio internacional que reúne até o venres a 32 expertos, 16 deles procedentes de 9 países europeos (Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Finlandia, Francia, Letonia, Suecia e Suíza) onde se están a dar novos usos ás frondosas.
Temos a necesidade de asegurar un futuro aprovisionamento de madeira de frondosa de calidade aos aserradoiros galegos
O proteccionismo ou conservacionismo excesivo por parte da Administración das masas de frondosas autóctonas, a escasa dimensión das parcelas privadas individuais e a falta de profesionalización de moitas das CMVMC existentes en Galicia xogan en contra dun maior aproveitamento das masas existentes e das posibilidades que ofrecen.   “Temos a necesidade de asegurar un futuro aprovisionamento de madeira. Cando visitamos aserradoiros de frondosas vemos moitas veces que esas materias primas non son locais, porque non temos en Galicia os diámetros e longos necesarios”, evidencia Francisco Pedras, do CIS Madeira. Primeiras cortas en Labio, Couso e A Veiga Aproveitamentos de castiñeiro no monte veciñal en man común de Couso (Gondomar) O Proxecto para a Valorización Sustentable da Madeira das Masas de Frondosas de Galicia xorde para dispoñer de experiencias piloto concretas en parcelas de experimentación das que obter datos cuantificables que sirvan de referencia para o impulso dunha nova industria da madeira de frondosas na comunidade. “Estanse facendo xa sinalamentos e apeando madeira de carballo en Labio (Lugo), de castiñeiro en Couso (Gondomar) e de bidueiro na Veiga. Estamos traballando fundamentalmente con estas tres especies”, explica Francisco.
As entresacas estanse a facer con maquinaria adaptada para que non queden afectadas as árbores de porvir que quedan no monte
Este tipo de entresacas e cortas cirúrxicas estanse a realizar con maquinaria adaptada, de maneira que non afecten ás árbores de porvir que van quedar no monte. Unha vez cortada e aserrada comezarase o proceso de secado da madeira antes da súa transformación.   Novos usos para as frondosas De cara a esa fase de industrialización é onde entra en xogo a necesidade de atopar novos usos que permitan valorizar esa madeira de pouco diámetro que se obtén destas cortas intermedias. “Sabemos que podemos facer con madeira de calidade e bo porte, pero até que teñamos ese tipo de madeira temos que desenvolver produtos de maior valor engadido para esta outra”, razoa Francisco. “Estamos neste momento no proceso de buscar partners tecnolóxicos que nos dean ese impulso. Temos empresas forestais moi importantes en Galicia que poden ser tractoras e que deberían abrir ese camiño que outras industrias de menor tamaño quizais non teñan esa capacidade”, argumenta.
Ademais de innovar explorando novas oportunidades e mercados, preténdense mellorar tamén as técnicas de aserrado e secado actuais
Ademais de innovar explorando novas oportunidades e mercados, preténdense mellorar tamén as técnicas de aserrado ou secado actuais, procurando un aproveitamento en cascada, de maneira que parte da madeira que vai actualmente para leña poida ter un uso doutro tipo, de maior valor, e así sucesivamente en todos chanzos a medida que se sobe de calidade. Postes para peches que poidan substituír os de piñeiro tratado ou elementos para mobiliario urbano poden ser algunha das utilidades para esta madeira de frondosa de pouco diámetro. “O deseño e a innovación vai ser unha parte fundamental do noso proxecto; temos que pensar o que quere o noso cliente final”, asegura o técnico do CIS Madeira.
Queremos coñecer de primeira man que se está facendo noutras latitudes con madeiras moi similares ás nosas
A maiores, preténdense aproveitar os refugallos da madeira a través de procesos químicos, a través dos cales obter por exemplo taninos que poidan ser empregados na industria da curtiduría, a produción de adhesivos ou en alimentación animal. “Non estamos condicionando ningún tipo de aproveitamento, só imos avaliar as distintas posibilidades e aportar as mellores ferramentas tecnolóxicas, pero queremos artellar tamén novos usos vendo que están facendo noutros países con madeiras moi similares ás nosas”, indica Francisco. Necesidade de adaptar a selvicultura á tipoloxía dos montes galegos Visita ao marteloscopio de Labio, en Lugo, dalgún dos expertos internacionais que asisten ao simposio  Roque Rodríguez Soalleiro, profesor da USC na Escola Politécnica Superior do Campus Terra de Lugo explica que o 80% dos montes de frondosas actuais que hai en Galicia requiren dalgún tipo de actuación, sexan podas, desbroces ou mesmo cortas para aproveitamento comercial. “A selvicultura de frondosas require facer sinalamentos, é algo esencial”, destaca. “E temos que adaptar esa selvicultura á tipoloxía forestal e á estrutura da propiedade que temos”, engade.
O 80% das masas de frondosas actuais que hai en Galicia requiren dalgún tipo de actuación
“No caso da selvicultura de frondosas trátase de intervencións non moi intensas, polo que se require dunha superficie bastante ampla para acadar un lote de madeira que compense esa intervención. Nos montes privados individuais de pequena dimensión que temos en Galicia na maioría dos casos a venda dos produtos obtidos non compensa os custos de realización dos traballos”, indica. A maiores da función produtiva, “ter unha superficie de frondosas xestionadas resulta positivo a nivel de incendios e tamén aporta resiliencia sanitaria ante pragas que afectan a outras especies, como a banda marrón no piñeiro ou as que castigan ao eucalipto (Gonipterus e Mycosphaerella)”, asegura Roque.   “Temos un recurso pouco explotado e aproveitado” O profesor da Escola Politécnica é un dos artífices do Marteloscopio de Labio, unha parcela de carballos ubicada no monte veciñal desta parroquia de Lugo onde se realizou unha labor de clasificación dos distintos pés en función da súa calidade.
En Galicia córtanse anualmente uns 0,3 millóns de metros cúbicos de madeira de frondosas autóctonas, fronte aos 6,2 millóns de eucalipto e aos 3,5 millóns de piñeiro
Esta parcela, incluída nunha rede europea de marteloscopios e que foi visitada este mércores pola tarde polos asistentes ao simposio internacional, “é un lugar onde ensinar como facer os sinalamentos”, explicou Roque. En Galicia córtanse anualmente uns 0,3 millóns de metros cúbicos de madeira de frondosas autóctonas, fronte aos 6,2 millóns de eucalipto (3,7 de glóbulus e 2,5 de nitens) e aos 3,5 millóns de piñeiro (1,6 pinaster, 1,6 radiata e 0,3 sylvestris). “Temos un recurso pouco explotado e aproveitado”, concluíu referíndose ás frondosas caducifolias.

“Hai que favorecer as cortas de frondosas; non podemos vivir de costas a 620.000 hectáreas do territorio”

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, durante a súa intervención A prohibición leva ao abandono. Por iso, o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, avogou na inauguración das xornadas por favorecer desde a Administración as cortas de frondosas para fomentar o seu aproveitamento. “Temos que entender que hai cabida no monte para a biodiversidade, pero tamén para o aproveitamento da madeira. Non podemos vivir de costas a 620.000 hectáreas do territorio e que cada vez van ser máis”, asegurou. Estas cortas servirían para incentivar nos propietarios forestais as labores selvícolas necesarias e para dotalos de ingresos cos que financialas, algo ao que tamén contribuirían os pagos polos servizos ecosistémicos que prestan estas masas de frondosas autóctonas, unha medida que a Xunta de Galicia está a valorar para a súa posta en marcha. “Temos que empezar a facer selvicultura xa” O director de XERA apostou por este tipo de medidas incentivadoras e por centrar esforzos en convencer ás industrias de transformación de que hai futuro nas frondosas, o mesmo que aos propietarios forestais, empezando polas comunidades de montes.
Non podemos aplicar receitas baseadas na selvicultura do 50%
A Xunta de Galicia elaborou 42 modelos selvícolas dos que 23 están intimamente relacionados co manexo de frondosas caducifolias. “Os técnicos forestais deben coñecelos e saber aplicalos e non aplicar receitas xenéricas ou baseadas na selvicultura do 50%. Temos que pasar a unha selvicultura de claras e entresacas”, insistiu. Aproveitamento industrial En canto ao papel das empresas da cadea monte-industria, Jacobo asegurou, en relación ao simposio internacional que se está a desenvolver esta semana en Lugo, que “este evento será un éxito no caso de que algunha compañía industrial do sector forestal de Galicia valore a posibilidade de abrir unha liña de produción industrial baseada na frondosa caducifolia, co material que nós temos, que é de pequenas dimensións”, recoñeceu.
Temos que poñernos a traballar canto antes e facerlle a selvicultura precisa aos nosos bosques
“Non estamos na situación de Francia, non estamos nunha situación na que podamos escoller árbores que teñan un prezo de mercado de 250 euros a tonelada. Pero para chegar a esa situación dentro de 20 ou 30 anos temos que empezar xa a facer selvicultura”, insistiu. A situación de Galicia, dixo, non é diferente á que se dá noutros países europeos e mudar esa situación pasa por convencer tanto ás empresas como aos produtores primarios de madeira para que valoren máis as masas de frondosas existentes.
Noutros países europeos estase aproveitando material de pequenas dimensións como o que temos en Galicia
Algunhas delas levan abandonadas os últimos 30 ou 40 anos, polo que é posible facer xa algún tipo de aproveitamento nelas, unhas cortas selectivas necesarias ademais para que as árbores de porvir que queden desenvolvan todo o seu potencial, argumenta o director da Axencia Galega da Industria Forestal. “E con ese material que nós retiremos temos que tratar de obter o maior valor engadido”, defende.
Contamos con masas abandonadas nos últimos 30 ou 40 anos nas que xa hai madeira para cortar
“Desde XERA pensamos que a transformación química e mecánica desas frondosas de escaso porte ou dimensión pode abrir novas posibilidades de valorización. Por exemplo a extracción de taninos dirixida a lograr un mellor aproveitamento dixestivo nos pensos de alimentación animal, para emulsionantes ou o seu uso en materiais illantes térmicos e acústicos”, indicou. E en materia de elementos de construción, “o bidueiro ou a faia son madeiras que agora mesmo xa se están a prescribir por parte dos arquitectos para introducilas con usos estruturais”, aclarou Jacobo.

A comunidade de montes do Viso, en Redondela, celebrará o Día da Árbore coa plantación de frondosas

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Viso organiza unha nova edición do día da árbore para o vindeiro domingo 3 de marzo. O punto de encontro será a explanada xunto a casa rural “As Chivas” a partir das 10:30 h da mañá. Seguindo a liña de edicións anteriores, nesta ocasión participarase na creación dunha franxa verde con frondosas autóctonas para a defensa contra incendios forestais no entorno das vivendas. Esta área sitúase sobre o barrio de Saramagoso e faranse plantacións fundamentalmente de castiñeiros e bidueiros. Do mesmo xeito, no entorno da senda alternativa ao Camiño de Santiago, actuarase sobre outra superficie onde se pretende consolidar a masa de frondosas caducifolias de cara a aumentar as zonas de conservación do monte veciñal e naturalizar o entorno deste roteiro por onde se prevé que transcorran numerosos camiñantes. Repoboarase así coa axuda dos voluntarios que se acheguen máis de un douscentas árbores diversas para deste xeito apoiar a recuperación da diversidade arbórea da zona e, como non, realizar unha acción didáctica entre adultos e os máis cativos achegando a experiencia de participar no mantemento e coidado da natureza en xeral, e do monte comunal en man común en concreto. O día da árbore do Viso é unha actividade aberta a toda a veciñanza, na que poden participar sen máis que levando un legón, unha lubas e ganas de traballar para conseguir un monte que siga proporcionando recursos tanxibles e intanxibles como poden ser as augas, a paisaxe, a fixación de carbono, leñas, froitos como as castañas, cogomelos, hábitats de fauna e flora.

Convocadas as axudas para o fomento da boa gobernanza nos montes veciñais en man común e nos de varas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se establecen as bases reguladoras da convocatoria de axudas destinada á impulsar a boa gobernanza nas entidades de xestión dos montes veciñais en man común e dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo para o 2024. A convocatoria está dotada cun montante inicial de 490.000 euros, que está previsto ampliar co correspondente incremento de crédito. Estas achegas enmárcanse no Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PRTR) de España e tamén están vencelladas co Eixo III da Primeira Revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”.

Obxecto das axudas

Neste sentido, poderán ser obxecto de axudas as actuacións relacionadas coa revisión de esbozos das carpetas-ficha en montes en man común ou en montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo. Esta actuación consiste na revisión total ou parcial dos esbozos de montes que integran un expediente que, pola súa antigüidade, non reúnen as características de fiabilidade e precisión que esixen as novas técnicas topográficas, axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios. Por outra banda, serán subvencionables tamén as actuacións para os deslindamentos parciais entre estes montes. Poderán beneficiarse as comunidades de montes veciñais en man común e as xuntas xestoras ou asembleas de copropietarios dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo. No caso destes últimos, constitúe unha novidade na convocatoria o feito de que estes terreos forestais -que se sitúan practicamente todos eles na provincia de Lugo- se poidan beneficiar das subvencións. Cabe sinalar que estas achegas subvencionarán o 100 % do gasto elixible. Con todo, o importe de axuda a percibir por entidade beneficiaria non poderá superar os 20.000 euros (IVE incluído). O prazo de presentación de solicitudes para beneficiarse destas axudas será de 30 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. O período máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do día seguinte da finalización do prazo para a presentación de solicitudes. O prazo máximo para presentar a xustificación das actuacións subvencionables é o 1 de setembro de 2025, e só serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados entre a data de resolución de aprobación da axuda e a data final de xustificación.

Link á orde no DOG

Mazaricos celebra este sábado a terceira xornada na Defensa do Monte Veciñal

Mazaricos acolle este sábado, 20 de xaneiro, a terceira edición do Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal. Por terceiro ano consecutivo, a xornada recollerá a memoria desta forma de propiedade tradicional galega e de todas as persoas que loitaron por mantela fronte ás tentativas de especulación sobre os montes. En particular, lémbrarase a figura do veciño Xosé Esperante, 'Che de Pedro', quen morreu nun enfrontamento con forzas de seguridade franquistas e que causou tamén varios feridos. Este acontecemento motivaría penas de prisión para varios veciños de Mazaricos. A xornada comezara ás 11h no local social de Eirón, con apertura a cargo da entidade organizadora, o Instituto Galego das Terras Comunitarias (INGATECO). Dará a benvida o alcalde de Mazaricos, Juan Blanco. Posteriormente, impartirase a palestra “O futuro dos Montes Veciñais en Man Común na Galiza rural do século XXI” polo profesor do departamento de Economía Aplicada da USC e antigo director xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, Edelmiro López Iglesias. Ás 12h celebrarase unha homenaxe á Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), que vén de acadar o cuarto de século de existencia. Falará o seu presidente, Xosé Alfredo Pereira. Ás 13h terá lugar a homenaxe e ofrenda floral no monumento situado no monte en Eirón en recordo de Che de Pedro e os veciños represaliados. Intervirán INGATECO, o Concello de Mazaricos, a ORGACCMM e a familia de Xosé Esperante. Colocarase unha ofrenda floral no monólito e entoarase o himno de Galicia. A organización do evento, o INGATECO, coa colaboración da ORGACCMM e do Concello do Concello de Mazaricos, volve convidar a toda a cidadanía a participar deste homenaxe, que pretende servir de restitución da memoria e reivindicación da dignidade de todas as persoas que loitaron contra a usurpación das terras comunais e pola riqueza e o futuro do mundo rural.

Poxa pública da Xunta para vender 37 lotes de piñeiro en Lugo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución da convocatoria dun alleamento de madeiras en Lugo, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, nunha poxa pública electrónica que terá lugar na Delegación Territorial da Xunta na provincia lucense. Nesta poxa, adxudicaranse 37 lotes cun valor total de 1.780.000 euros, dos cales 23 contan con certificación forestal sostible PEFC e 3 dispoñen da dobre certificación, PEFC e FSC, os dous sistemas de certificación máis implantados no mundo. Case todos os lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común que teñen convenios ou consorcios de xestión forestal coa Consellería do Medio Rural. As empresas que opten aos lotes deben ter un certificado de cadea de custodia, que garante a trazabilidade da madeira. A certificación forestal sostible asegura que a xestión dos bosques de onde procede a madeira é respectuosa co medio ambiente, mentres cumpre con outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais. Os lotes suman 67.204 metros cúbicos de madeira de piñeiro. A madeira é toda verde e será vendida baixo a modalidade de alleamento de risco e ventura. Ao igual que en poxas electrónicas anteriores, os licitadores realizarán os trámites de forma telemática, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Para seguir todo o proceso, disporán dunha sala virtual creada para tal fin. Plataforma de consulta Os interesados en poxar por algún destes lotes dispoñen dunha plataforma desenvolvida pola Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para consultalos e obter información sobre as súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio. Ademais, este espazo tamén permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato PDF os planos ou descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles, para localizar facilmente as superficies arboradas obxecto de poxas públicas. Por outra banda, os licitadores terán que presentar as súas ofertas económicas a través da sede electrónica da Xunta, apoiándose nun videotitorial elaborado para axudar nesta situación.

Adxudicados 40 lotes de madeira en poxa pública por 1,8 millóns de euros

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, adxudicou 40 lotes de madeira en Ourense por un total de 1.828.175,12 € nunha poxa electrónica. Amais destes lotes, outros catro quedaron desertos e serán alleados -a un prezo menor- en próximos procedementos. Case todos os lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común que teñen convenios ou consorcios de xestión forestal coa Consellería do Medio Rural. Os lotes adxudicados suman máis de 63.000 metros cúbicos de madeira de coníferas, incluíndo unha pequena porción de eucalipto branco e chopo negro. Toda a madeira é verde e será vendida baixo os sistemas de risco e ventura e a resultas de liquidación final. Os importes acadados na poxa confirman unha vez máis os altos prezos da madeira de coníferas, acadándose os valores máis altos na madeira baixo certificación da xestión forestal sostible realizada polo persoal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. Así, enmárcanse nunha dinámica de suba desta materia prima, sendo previsible que se manteñan no futuro, pois a madeira de coníferas está sendo moi demandada internacionalmente polas súas múltiples aplicacións. Certificacións forestais sostibles A Xunta destaca o feito de que 29 dos lotes teñen a certificación de xestión forestal sostible PEFC e outros 14 teñen a dobre certificación PEFC e FSC. Isto significa que cumpren polo menos os requisitos dun dos dous sistemas de certificación máis comúns a nivel mundial. Ademais, as empresas que opten aos lotes certificados deben ter tamén un certificado de cadea de custodia, que garante a trazabilidade da madeira. A certificación forestal sostible garante que a xestión dos bosques de onde procede a madeira é respectuosa co medio ambiente, e que cumpre outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais. Como nas poxas electrónicas de madeira anteriores, os licitadores realizaron todos os trámites de forma telemática, desde a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Tamén puideron seguir o proceso a través dunha sala virtual creada para este fin. A plataforma desenvolvida pola Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET). Tamén permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato pdf os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas. Ademais, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado para este fin. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse neste enlace que leva ao enderezo do portal web da Consellería do Medio Rural. Medio Rural, por último, lembra que a explotación destas árbores representa unha absorción de CO2 de máis de 44.000 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a súa vida. Estas árbores serán substituídas por outras novas que seguirán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.

Mondariz acolle unhas xornadas sobre xestión sostible de montes veciñais e proxectos de absorción de carbono

O centro cultural de Mouriscados (Mondariz) acollerá este venres 24 e sábado 25 unhas xornadas orientadas a difundir as posibilidades de xestión sostible dos montes veciñais. O evento abordará a planificación dos montes veciñais, así como as posibilidades que abren os proxectos de absorción de carbono. Estes proxectos representan tanto unha vía de ingresos adicional para as comunidades como unha oportunidade para a restauración de áreas degradadas ou afectadas por incendios forestais. A Asociación Forestal de Galicia, organizadora das xornadas, aproveitará tamén o acto para presentar o monte demostrativo de Mouriscados, un espazo que aspira a convertirse nun referente de boas prácticas silvícolas. Para asistir ás xornadas, requírese inscripción previa gratuíta nos teléfonos 986 660 864, 981 564 011 ou 618 752 214. Tamén é posible a inscripcíón vía email a afg@asociacionforestal.org. O programa das xornadas será o seguinte: VENRES 24 16.30 – 17 h. Presentación do monte demostrativo de Mouriscados. 17 – 17.45 h. A importancia da planificación na xestión forestal sostible. 17.45 – 18.15 h. Pausa café. 18.15 – 19 h. Os proxectos de absorción de carbono como impulso á planificación. SÁBADO 25 10 – 13 h. Visita guiada ao monte veciñal en man común de Mouriscados.

A comunidade de montes veciñais de Bermés (Lalín) inicia a comercialización do carbono dun proxecto de restauración forestal

A empresa lalinense Inasus, unha firma de referencia a nivel internacional no deseño, enxeñaría e montaxe de fachadas, está a impulsar a compensación voluntaria da súa pegada de carbono a través dun proxecto de restauración forestal. En concreto, Inasus adquiriu unha parte das toneladas equivalentes de CO2 que está a captar da atmósfera un proxecto de restauración ambiental promovido pola comunidade de montes veciñais de Bermés, no monte Carrio (Lalín). A comunidade de montes veciñais de Bermés iniciou no 2014 a forestación dunha zona que estivera desarborada cando menos desde o ano 1989, o que lle permitiu a posterior inscripción do proxecto no Rexistro de Absorcións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica. A restauración ambiental iniciouse coa plantación dunha masa de 20,7 hectáreas de piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), á que se sumaron nos últimos anos 7,4 hectáreas de castiñeiro e 2,4 hectáreas doutras frondosas caducifolias (carballos e bidueiros). O compromiso da comunidade de montes é que ese arborado permaneza en pé un mínimo de 40 anos, periodo no que captará arredor de 7.500 toneladas de CO2 equivalente da atmósfera. Unha parte das toneladas de CO2 equivalente que está previsto captar, arredor de 1.300, xa quedaron dispoñibles para a súa comercialización, o que permitiu pechar un contrato de colaboración entre Inasus e a comunidade de montes. Neutralidade en carbono en Inasus no 2025 A empresa Inasus está acometendo de xeito voluntario un plan de redución e compensación da súa pegada de carbono, co obxectivo de ser neutra en emisións de carbono no ano 2025. Para compensar a súa pegada de carbono, Inasus estaba interesada en apoiar proxectos ambientais na comarca do Deza, o que propiciou unha colaboración plurianual a tres anos (2023 – 2025) coa comunidade de montes veciñais de Bermés (Lalín). Os fondos que Inasus lle aportará á comunidade de montes de Bermés permitirán apoiar os traballos de mantemento das masas forestais, nas que xa se teñen feito traballos de reposición de marras e rozas. Nos próximos anos está previsto que se acometan tamén podas e rareos, de acordo coa plan forestal da comunidade aprobado pola Administración. Deste xeito, avánzase no obxectivo de que esas masas forestais cheguen a adultas, contribuíndo así á restauración ambiental dunha zona degradada. Colaboración da Asociación Forestal de Galicia O proxecto de restauración promovido pola comunidade de montes veciñais de Bermés contou co apoio técnico e coordinación da Asociación Forestal de Galicia (AFG). A iniciativa está incluída dentro do programa Galicia Rexenera, impulsado pola AFG. O obxectivo de Galicia Rexenera é a captación de financiamento daquelas empresas que estean interesadas en compensar de xeito voluntario a súa pegada de CO2. Con eses fondos preténdese acelerar o proceso de recuperación dos montes que fosen afectados polos incendios forestais nos últimos anos, así como promover a reforestación daquelas superficies que se atopan rasas dende antes de 1990. O proceso de restauración completouse nos últimos anos con castiñeiros e frondosas.

Xornada este sábado en Friol sobre alternativas sostibles nas comunidades de montes

O vindeiro sábado 28 de outubro o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas desenvolverá unha xornada sobre alternativas sostíbeis nas comunidades de montes. O evento terá lugar no local social de Carballo (Carballo, Friol), dende as 11:00h da mañá até as 18:00h., e contará con palestras, a presentación do vídeo Píldoras Verdes, xantar e visita ao Monte Veciñal en Man Común de Carballo. Esta xornada ten como obxectivo poñer de manifesto o papel de dinamizador dos bens comúns e a propiedade colectiva no medio rural, expoñendo o potencial da xestión comunal da terra e as súas vantaxes. Neste caso enfocado nunha figura tan especial na Galiza como son os montes veciñais en man común Inscricións: https://forms.gle/UhSKu3uHTR5E9agAA Máis información en montes@sindicatolabrego.gal ou chamando ao 608 175 565 (data límite 26 de outubro)

Programación:

11H Conferencias Contexto histórico e actual das comunidades de montes - SLG Alternativas produtivas e diversificación - CMVMC de Carballo Alternativas de xestión desde a comunidade - Comuneiros dos montes do Chá Aproveitamento comuneiro frente ao acaparamento da agroindustria - Comuneira do MVMC de Loentia Ameazas actuais das comunidades de montes - ORGACCMM Presentación do vídeo PÍLDORAS VERDES Reflexión e conclusións 14h Xantar 16H Visita ao MVMC de Carballo 18H Peche  

Convocadas as axudas de prevención de incendios forestais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos titulares de montes veciñais de man común, as súas agrupacións e as sociedades de fomento forestal (Sofor) para a posta en marcha de actuacións preventivas dos danos causados aos bosques por incendios. A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, convoca estas axudas para contribuír a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción destes montes, cun orzamento superior aos 3,5 millóns de euros que se repartirán entre 2023 -353.990,7 euros- e 2024 -3.159.816,3 euros-. As achegas contan con dúas liñas de actuación. A primeira é para o control selectivo de combustible, na que se concederán achegas para áreas de devasa en monte desarborado, para roza mecanizada con rozadoira de cadeas ou similar, con preto de 590 euros por hectárea. Para montes en rexeneración, serán máis de 1.650 euros por hectárea para o clareo sistemático de rexenerado forestal con tratamento de restos, mentres que para roza de penetración, rareo de entrefaixa e trituración de restos nas faixas, será de case 1.300 euros por hectárea. Nesta liña, as axudas complétanse para as devasas con 635 euros por hectárea para a mellora de faixas cortalumes xa existentes con folla de máquina e, para as faixas de pista con ou sen roza da plataforma de rodadura, destinaranse case 590 euros/ha se é roza mecanizada con rozadora arrastrada de cadeas ou similar, ou con 734 euros/ha, no caso da roza mecanizada con rozadora de brazo ou similar. A segunda liña desta convocatoria de axudas destínase para a construción de puntos de auga. Nesta caso, a achega será de 25.690 euros por cada depósito de auga de 8x7x2 metros cun volume útil de 110 metros cúbicos. Superficies de máis de 100 hectáreas Os beneficiarios serán as persoas titulares dos montes veciñais de man común, as súas agrupacións e mancomunidades, e as sociedades de fomento forestal que conten con superficies de máis de 100 hectáreas. Ademais, as actuacións localizaranse en zonas de alto ou medio risco de incendios, é dicir, que poderá abranguer todo o territorio de Galicia. As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta. O prazo de presentación será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.