Archives

Publicado o ordenamento xurídico dos montes de varas

O Diario Oficial de Galicia publica este mércores un Decreto que desenvolve o réxime xurídico dos montes denominados de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo en Galicia e, en particular, das comunidades de persoas copropietarias deles e os órganos de representación e goberno para a toma de decisións (Asemblea Xeral da Comunidade de Montes e Xunta Xestora). Tamén se regula o funcionamento do Rexistro Administrativo de Montes de Varas, Abertais, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo como sección diferenciada dentro do sistema rexistral forestal de Galicia e se habilita na sede electrónica da Xunta de Galicia o procedemento para a convocatoria da primeira Asemblea Xeral da comunidade de montes de varas e a solicitude de inscrición, modificación ou baixa dun monte no Rexistro autonómico creado. Convocatoria da primeira Asemblea Xeral da Comunidade de Montes As persoas copropietarias que teñan a titularidade dominical de cotas de participación dun monte de varas que excedan do 50% delas, poderán convocar a primeira reunión da asemblea xeral da comunidade para os efectos da constitución formal da comunidade propietaria do monte. A convocatoria desta primeira reunión, de cara á constitución formal da comunidade de persoas copropietarias, poderá ser realizada tamén por solicitude dun mínimo do 20% das cotas de participación das persoas copropietarias coñecidas dirixida á Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural correspondente á provincia na que se atope o monte ou a meirande parte da superficie deste.
As persoas propietarias do 20% do monte poderán pedir que a Xunta convoque a Asemblea de constitución da comunidade de montes
No caso de que se solicite que a Administración convoque, coa solicitude deberá achegarse tamén unha proposta de estatutos para a súa aprobación pola Asemblea. A convocatoria da asemblea xeral farase cun mínimo de 15 días naturais de antelación, mediante a notificación a todas as persoas copropietarias coñecidas. Reinvestimentos na mellora do monte Unha vez constituída formalmente a comunidade propietaria do monte de varas e os seus órganos de representación e xestión e aprobados os seus estatutos, a persoa que teña a presidencia, en nome da comunidade, deberá solicitar, no prazo máximo dun mes, a inscrición do monte pertencente á comunidade no Rexistro autonómico de montes de varas.
En Galicia, segundo os datos da Xunta, existen arredor de 37 montes de varas, pero non se descarta que aparezan máis
En aplicación da Lei 7/2012, do 28 de xuño, as comunidades propietarias deberán investir nos montes abertais da súa propiedade e para a súa mellora polo menos o 40% dos ingresos obtidos polos aproveitamentos do monte, derivados dos actos de disposición voluntaria, así como dos procedentes de procedementos de expropiación forzosa, agás daqueles ingresos obtidos nas partes da propiedade non esclarecida, por tratarse de titularidades descoñecidas, que deberá investirse na súa totalidade.

Diferenzas cos Montes Veciñais en Man Común

Os montes abertais, de voces, de vocerío, de varas ou de fabeo son montes privados en réxime de comunidade de bens pro indiviso, habituais sobre todo na zona oriental de Galicia. En Galicia, segundo os datos da Xunta, existen arredor de 37 montes de varas, sen descartarse que poidan aparecer máis. As persoas copropietarias destes montes, sen prexuízo de realizar en común aproveitamentos secundarios, teñen ou manteñen o costume de reunirse para repartirse entre si porcións determinadas de monte ou searas para o uso e aproveitamento privativo delas.
Os montes abertais ou de varas son comunidades de orixe romano en réxime de copropiedade pro indiviso por cotas
A diferenza dos montes veciñais en man común, nos de varas a propiedade vai en función dunha proporción determinada, estando a persoa propietaria en condicións de vender a súa parte ou abandonar a súa casa sen perder, por esta razón, o seu dereito á cota no monte. A repartición, para efectos de aproveitamento, faise non de modo igualitario, senón consonte as adquisicións hereditarias ou contractuais que determinan o dereito que cada unha das persoas comuneiras representan na comunidade.

Convocadas as axudas para o fomento da boa gobernanza nos montes veciñais en man común e nos de varas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se establecen as bases reguladoras da convocatoria de axudas destinada á impulsar a boa gobernanza nas entidades de xestión dos montes veciñais en man común e dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo para o 2024. A convocatoria está dotada cun montante inicial de 490.000 euros, que está previsto ampliar co correspondente incremento de crédito. Estas achegas enmárcanse no Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PRTR) de España e tamén están vencelladas co Eixo III da Primeira Revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”.

Obxecto das axudas

Neste sentido, poderán ser obxecto de axudas as actuacións relacionadas coa revisión de esbozos das carpetas-ficha en montes en man común ou en montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo. Esta actuación consiste na revisión total ou parcial dos esbozos de montes que integran un expediente que, pola súa antigüidade, non reúnen as características de fiabilidade e precisión que esixen as novas técnicas topográficas, axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios. Por outra banda, serán subvencionables tamén as actuacións para os deslindamentos parciais entre estes montes. Poderán beneficiarse as comunidades de montes veciñais en man común e as xuntas xestoras ou asembleas de copropietarios dos montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo. No caso destes últimos, constitúe unha novidade na convocatoria o feito de que estes terreos forestais -que se sitúan practicamente todos eles na provincia de Lugo- se poidan beneficiar das subvencións. Cabe sinalar que estas achegas subvencionarán o 100 % do gasto elixible. Con todo, o importe de axuda a percibir por entidade beneficiaria non poderá superar os 20.000 euros (IVE incluído). O prazo de presentación de solicitudes para beneficiarse destas axudas será de 30 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. O período máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de cinco meses, contados a partir do día seguinte da finalización do prazo para a presentación de solicitudes. O prazo máximo para presentar a xustificación das actuacións subvencionables é o 1 de setembro de 2025, e só serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados entre a data de resolución de aprobación da axuda e a data final de xustificación.

Link á orde no DOG

Os montes de varas saen do limbo

Os montes de varas, unha figura de propiedade característica das comarcas da Fonsagrada e Ancares, regularanse nos próximos meses, segundo as previsións que manexa a Xunta. O obxectivo é poñer en marcha un rexistro público e avanzar na constitución e posta en funcionamento dos montes de varas, que abarcan alomenos 7.800 hectáreas na comunidade. A Administración ten identificados 27 montes de varas, dos que a gran maioría, 21, están nas comarcas da Fonsagrada e Ancares, pero non descarta que aparezan novos montes de varas en toda Galicia unha vez se cree o rexistro público. A parte da zona oriental de Lugo, Medio Rural ten constancia doutros tres montes de varas na provincia (2 na Terra Cha e 1 na Mariña lucense), así coma doutro no Barbanza (A Coruña), e doutros 2 na provincia de Ourense (A Limia e Miño-Arnoia). O funcionamento dos montes varas sitúase a medio camiño entre o monte veciñal e a propiedade particular. O terreo é considerado un proindiviso común sobre o que os veciños propietarios adoitaban facer un reparto de porcións individuais de monte para o seu aproveitamento particular. Esa participación no monte de varas é posible mercala ou transmitila por herdanza. Dáse ademais a circunstancia de que a participación no monte adoita ser desigual entre as distintas casas do lugar. Montes de varas en Galicia. Desde a Consellería do Medio Rural estase a traballar nunha normativa que regule os montes de varas. A cuestión foi tamén levada polo grupo popular á comisión de Agricultura do Parlamento, onde tódolos grupos coincidiron en que era positiva a regulación. Desde o Bloque, o deputado Xosé Luis Rivas ‘Mini’ sinalou que consideraba preciso buscar fórmulas de xestión en común dos montes de varas para superar o minifundismo. Situación actual En alomenos dous montes de varas, na Fonsagrada e en Becerreá, xa se están impulsando Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) para o seu aproveitamento en conxunto, unha opción que podería ser extensible a máis montes. Boa parte dos montes de varas permanecían ata agora sen constituír e cunha xestión en precario. Nos Ancares, David López, técnico da cooperativa A Carqueixa, está apoiando a constitución de varios montes de varas coa figura provisional de asociacións sen ánimo de lucro. “A cuestión básica é que os montes de varas teñan unha xunta xestora que poida chegar a acordos, por exemplo para o aluguer de pastos, e que poida solicitar subvencións para a xestión do monte” -explica David-. “Non estamos falando de montes produtores, senón de montes que na maioría dos casos teñen unha función protectora do medio”, precisa.