Archives

Prezos da uva na vendima 2023 en Galicia: Estabilízase a branca e caída da tinta

Coa vendima arrancando en tódalas Denominacións de Orixe, adegas e viticultores miran os prezos da uva que se marcarán nesta campaña. Nestes primeiros días da vendima aínda se están asinando contratos e fixándose prezos. As variedades brancas seguen mantendo unha gran demanda, sobre todo o Albariño e o Godello. Con todo, este ano os prezos parecen estabilizarse logo do boom que experimentaran o ano pasado, cando chegaran a pagarse a 3,5 euros. Prevese que esta campaña o prezo das uvas brancas en Galicia se poida chegar a pagar a 2,8 euros, segundo apuntan tanto industria coma produtores. Do mesmo xeito que aconteceu noutras campañas, haberá diferencias de prezos entre as distintas demarcacións e variedades. Mentres, as tintas acusan unha caída da demanda e do valor. Nalgunhas zonas xa se están pagando as uvas de Mencía a 60 céntimos e mesmo hai viticultores que deixarán sen recoller parcelas con Garnacha debido á baixada dos prezos.

Prezos por variedades e DO’s

Facemos un percorrido polas distintas DO’s para coñecer os prezos que se están pagando por variedades e territorios:

Rías Baixas

Na terra do Albariño esta uva, xunto con outras variedades brancas que se cultivan, segue a ter unha elevada demanda nesta campaña. Estímase que o prezo da uva Albariña se situará entre os 2,5 e 2,8 euros, lonxe dos 3,5 euros que chegaran a pagarse puntualmente o ano pasado, logo da entrada no mercado de novas adegas foráneas que demandaban máis uva e incrementaran o prezo.

Ribeiro

Nesta campaña no Ribeiro mantéñense os prezos en valores semellantes ós dos últimos anos, aínda que se aprecia unha lixeira suba con respecto da última vendima, segundo indican dende o sector. Así, as uvas brancas de variedades autóctonas situaranse arredor de 1,5 e 1,8 euros, en función da variedade e da calidade. En concreto, a Treixadura está pagándose entre 1,5 e 1,7 euros, según indican viticultores da zona. Mentres, as uvas de Palomino están a 0,85 euros.

Ribeira Sacra

Os prezos reséntense para as uvas tintas da Ribeira Sacra. “A saturación do mercado dos viños españois está pasando factura tamén ós viños galegos tintos”, explica Carlos Basalo, responsable da área de viticultura en Unións Agrarias. No caso das uvas de Godello, a variedade branca con maior demanda nesta denominación, os prezos mantéñense arredor dos 2 euros, mesmo poden superarse de xeito puntual naquelas uvas de maior calidade. “Na Ribeira Sacra cada vez hai máis Godello, está habendo un cambio importante cara a esta casta”, sinala Basalo.

Valdeorras

Nesta Denominación de Orixe, o Godello segue a marcar os prezos máis altos e as uvas desta variedade sitúanse unha campaña máis nun prezo de entre 1,8 e 2 euros. “O Godello en Valdeorras ten este prezo, se queres esta uva tes que pagalo, levan anos que se sitúa arredor dos 2 euros”, apunta Basalo. En canto ós tintos, os prezos da Mencía nesta campaña atópanse entre os 70 ou 80 céntimos, aínda que tamén se están pagando ata a 90 céntimos en función da calidade da uva, segundo apuntan os viticultores da zona.

Monterrei

Do mesmo xeito que en Valdeorras, o Godello tamén se sitúa arredor dos 2 euros en Monterrei. Aínda que tamén hai ofertas puntuais que mesmo se supera esta cantidade, aínda como recoñecen no sector, son casos moi puntuais. Mentres, nesta DO acúsase unha forte caída da demanda das uvas tintas. Agárdase que a maioría das uvas se paguen en torno ós 90 céntimos ou 1 euro, pero xa hai casos de adegas que están pagando as uvas de Mencía a 60 céntimos.

Caída da demanda dos tintos

Esta campaña parece que os maiores problemas se presentarán na venda dos viños tintos. Como sinalan dende o sector, unha das principais causas é caída da demanda dos viños tintos españois, como o Ribera del Duero e en especial a baixada experimentada nos últimos tempos do Rioja, debido á saturación do mercado destes viños.
“Hai Riojas que se están vendendo a auténticos prezos de derribo para os tintos galegos”: Carlos Basalo, responsable de viticultura de Unións Agrarias
“O problema é que cada día os viños galegos véndense en mercados máis globais polo que aféctanos tamén a baixada de demanda doutros viños, que pasan a ocupar o lugar dos nosos no mercado”, explican dende Unións Agrarias. Mentres os Riojas tiñan uns prezos máis altos que os Mencías galegos, convivían no mercado. Porén, ó saturarse o mercado do Rioja, estes están baixando os prezos e pasan a facer competencia directa cos Mencías galegos. “Hai Riojas que se están vendendo a auténticos prezos de derribo para os tintos galegos”, apuntan dende Unións. Mentres, outros viños galegos de variedades tintas como Sousón ou Brancellao, castas que marcan outras liñas de mercado, non están experimentando esa caída da demanda e mantéñense a prezos semellantes ós doutros anos.
Os viños brancos continúan á alza tanto a nivel mundial como en Galicia
Na situación contraria atópanse na actualidade os brancos, tanto a nivel mundial, onde están experimentando un moi bo momento, como en Galicia, onde os viños brancos teñen unha alta demanda. Dende distintos ámbitos apuntan a que isto se debe ó incremento do consumo dos branco por parte das mulleres, que comezan a achegarse máis ó mundo do viño e fano de man deste tipo de viños. Por outra banda, tamén o cambio climático, e o incremento das temperaturas, está motivando que se comece antes co consumo de brancos, máis asociados ó bo tempo e a un consumo estival. No caso dos brancos galegos, ademais dos esforzos de internacionalización que se fixeron dende as distintas DO’s e en especial por parte de Rías Baixas, a entrada de grandes grupos adegueiros foráneos nos últimos anos tamén está contribuíndo a esa expansión e a continuar aumentando o interese por estes viños. Tamén son significativos os recoñecementos que acadan os viños brancos galegos pola súa calidade, que están favorecendo que cada vez se coñezan máis fóra do territorio galego.

Vixiantes ante a entrada de uva foránea

A alta demanda e os prezos que se manexan para as variedades brancas provocan que haxa certa preocupación á entrada de uva de fora de Galicia, procedente de Portugal, onde o Albariño está pagándose a pouco máis de 35 céntimos; ou mesmo outras variedades como o Verdejo, dende Rueda. “Estamos reclamando que se extremen as inspeccións para que non chegue a entrar esa uva, xa que provocaría que se desvirtúen os brancos galegos”, indican dende Unións Agrarias. Neste senso dende Medio Rural, volveuse activar por quinto ano consecutivo os controis na vendima para asegurar e preservar a calidade dos viños das denominacións de orixe. No marco das accións do Plan de control de vendima 2023 inclúese o control da procedencia na entrada das uvas a adega. Nesta campaña participarán 18 controladores da Xunta que velarán porque se cumpra a lexislación durante a vendima.

Galicia agarda unha gran vendima que supere os 75 millóns de quilos de uva

Aínda non rematou agosto e a vendima comezou xa en tódalas Denominacións de Orixe. Nalgunhas delas foron adegas puntuais, pero noutras, como é o caso de Valdeorras, a comezos desta semana xa estaban realizando a recollida da uva unhas 30 adegas. Mesmo nas denominacións onde a vendima adoita comezar a mediados de setembro, coma Rías Baixas, están xa cos traballos nalgunhas adegas. As previsións de tódalas DO’s apuntan a un incremento da produción o que fai prever que en termos xerais sexa unha vendima que supere ás cifras do ano pasado, cando se acadaran os 70,2 millóns de quilos de uva recollida. Pese a que nalgunhas demarcacións, coma as Rías Baixas ou o Ribeiro houbo unha forte presión de mildio, hai unha gran calidade de uva e están entrando en adega acios en moi boas condicións, o que fai prever tamén moi bos resultados. Facemos un repaso polas cinco Denominacións de Orixe para coñecer as previsións que manexan nestes primeiros días da campaña.

Rías Baixas: Vendima récord de 46 millóns de quilos de uva

Nalgunhas subzonas da DO Rías Baixas xa comezou a vendima nestas últimas semanas de agosto e prevese que se vaian sumando máis adegas. A calor apurou mesmo as previsións iniciais do Consello Regulador, que apuntaban xa a un adianto da vendima a comezos de setembro, posto que o habitual nesta demarcación é que se inicie a mediados dese mes. Nas Rías Baixas prevese que a vendima deste ano alcance os 46 millóns de quilos de uva, unha cifra récord, bastante superior aos 40 millóns colleitados en 2022. Estímase que se logre un rendemento medio de 10.507 quilos por hectárea.
Aumento en 114 hectáreas na superficie vitícola respecto de 2022
En parte este incremento da produción débese ó aumento da superficie vitícola. En concreto, neste último ano sumáronse 114 hectáreas de viña, unha superficie que se reparte entre 22.808 parcelas atendidas por 5.033 viticultores.

Ribeiro: Agárdase unha vendima extensa, pese a comezar xa en agosto

No Ribeiro tamén se adiantaba o inicio da vendima e cinco adegas comezaban xa os traballos a pasada semana para recoller as uvas de maduración máis temperá, coma o Godello, dalgunhas parcelas situadas en zonas baixas. Xa nas súas inspeccións técnicas realizadas polo persoal do Consello Regulador en días previos apuntaban que algunhas variedades se atopaban nun excelente grao de maduración para a recollida. Aínda que comezou máis cedo ca outros anos, prevese que sexa unha vendima que se prolongue no tempo, case ata mediados de outubro, xa que algunhas variedades e nalgunhas comarcas de gran altitude as uvas aínda non acadaron o grao de maduración axeitado.
Prevese que nalgúns viñedos a vendima non se faga ata mediados de outubro
As previsións iniciais apuntaban tamén a que pode ser unha campaña con boa colleita en canto a cantidade se refire, aínda que puidera verse reducido o número de quilos final pola seca dos últimos meses. Con todo, podería volver situarse nas medias dos últimos anos ou superarse. O ano pasado nesta DO recolléronse un total de 10,3 millóns de quilos de uva.

Valdeorras: A calor da última semana apurou a maduración do Godello e boa parte das adegas comezaron a vendima

As altas temperaturas da semana pasada precipitaron o inicio da vendima na DO Valdeorras, onde as previsións iniciais apuntaban a que a recollida da uva comezase aínda nesta semana. Así, adegas como Godeval e Sampayolo iniciaban xa arredor do día 20 os primeiros labores de recollida da uva, sendo tamén das vendimas máis adiantadas. “Temos xa unhas 30 adegas coa vendima e agárdase que nesta semana se sigan sumando máis”, explican na DO. O calor deses días fixo que aumentase o grao alcohólico das uvas e se acadase o óptimo para a recollida. “Algunhas adegas comentábannos que neses 4 días incrementouse case 2 graos”, apuntan dende o departamento técnico do Consello Regulador. Nalgunhas zonas, as plantas tamén acusan xa certo estrés hídrico, con risco de deshidratación, o que motivou que non se agardase máis para a súa recollida. “O Godello está maduro e, salvo que haxa malas condicións que obriguen a paralizalos traballos, agárdase que se recolla como é habitual nun mes e medio, polo que a finais de setembro case teríamos rematada a vendima”, concretan no Consello Regulador. Faltan por comezar as cooperativas, que están ultimando a campaña, de xeito que se prevé que na próxima semana estean xa boa parte das adegas coa vendima.
Están tendo uns rendementos de 11.000 quilos por hectárea cunha uva excelente, cun sabor, acidez, grao alcohólico e pH moi bos
“Están entrando acios cun bo peso e unha boa calidade. Todo apunta a que sexa unha vendima espectacular, porque a pel da uva está resistente, a uva ten sabor e ten acidez e pH moi bos”, indican nas valoracións iniciais dende o departamento técnico. Tamén están a ter uns bos rendementos, que se sitúan arredor dos 11.000 quilos por hectárea, o que fai prever que se superen tamén os 7,5 millóns de quilos de uva entre brancos e tintos. Así, agardan recoller máis de 5 millóns de quilos de uva só das variedades brancas. Pese ás boas previsións xerais, algunhas pequenas adegas tiveron problemas co mildio que afectou de xeito considerable á produción. “Non foron despistes, senón que foron tratamentos cos que non se acertou e logo foi moi difícil de controlar”, apuntan. Aínda que son casos puntuais, as perdas polo mildio chegan a reducir á metade a colleita.

Ribeira Sacra: Comezou xa de xeito puntual a recollida de uva en variedades brancas e tintas

Na Ribeira Sacra as primeiras uvas recolléronse o 22 de agosto, pero nesta primeira semana de vendima só se fixeron traballos puntuais. “Polo momento só entraron 70.000 quilos de uva”, explicaban dende o Consello Regulador. Nesta semana, fixarase a data recomendada para o inicio da vendima, polo que nos próximos días arrancará o forte do traballo en boa parte das adegas. Así, recolléronse aquelas variedades que acadaron xa o seu grao óptimo de maduración. O que máis se recolleu por agora é Godello, cuns 26.000 quilos, así como Albariño. Con todo, non só hai recollidas xa variedades brancas, que adoitan madurar antes, senón que tamén se recolleron xa uvas de Mencía ou Merenzao.
Agardan que cheguen chuvias nestes días que contribúan á maduración da uva e a paliar a seca que acusan nestes meses
Ademais, a uva recollida ten unha moi boa calidade. “Esperemos que chova algo para que dea un último empurrón ás viñas que aínda que non maduraron”, apuntan dende o departamento técnico. Pese a que as cepas máis vellas teñen unha gran resistencia á seca, nesta DO non se produciron chuvias dende as treboadas de xuño e as plantas máis novas acusan a escaseza de auga e nalgunhas parcelas as viñas teñen xa as follas secas e mesmo hai acios con certa deshidratación. En canto a rendementos, as previsións iniciais apuntan a que se poidan situar preto dos 6 millóns de quilos que se obtiveron o ano pasado, xa que os ataques de mildio e a seca afectaron en certa medida.

Monterrei: Afronta unha das vendimas máis prematuras coa uva nunhas condicións sanitarias excelentes

“Estamos ante unha das vendimas máis prematuras nesta DO”, explican dende o departamento técnico da Denominación de Orixe Monterrei. O pasado domingo, día 27, comezaban a recollerse as primeiras uvas. Nesta semana foron incorporándose xa varias adegas e espérase que nos próximos días se sigan sumando boa parte das 28 adegas que integran a DO. Comezouse coa recollida do Godello, así como de parcelas con Merenzao, unha variedade coñecida na zona popularmente como Bastardo. Tamén se recolleron xa uvas de Mencía naquelas parcelas cun grao óptimo de maduración. Se as condicións climáticas non apuran os traballos de recollida da uva, agárdase que esta sexa unha vendima longa, xa que comenzou moi cedo e irá facéndose de xeito gradual, segundo vaian madurando as variedades nas distintas zonas. “Comézase nas zonas de val, onde a uva xa está madura, para ir subindo en altitude onde a maduración é máis tardía”, detallan.
Contan superar os 6,4 millóns de quilos de uva recollidos o ano pasado, xa que se está a incrementar a superficie de viñedo
Aínda que nalgunhas parcelas hai xa plantas con certo grao de estrés hídrico, as abondosas precipitacións de xuño e a capacidade de resistencia da planta, fan que as cepas vaian resistindo. O estado sanitario da uva a comezos da campaña era excelente. Agardan superar as cifras do ano pasado, no que se recolleran 6,4 millóns de quilos de uva, xa que se incrementou a superficie de viñedo. “A demanda constante dos nosos viños fai que tamén aumente o número de hectáreas plantadas”, apuntan. A demarcación conta a día de hoxe con 720 hectáreas de viñedo.

Vendima 2021: Galicia agarda unha gran colleita en cantidade e calidade

É tempo do tintado e a maduración da uva, a poucas semanas xa para que comece a vendima en Galicia. Este ano, as previsións son boas e agárdase que mesmo se poidan acadar vendimas históricas en zonas como as Rías Baixas. A inestabilidade meteorolóxica deste verán está a atrasar a maduración e tamén propiciou episodios de mildio tardío nas distintas comarcas vitivinícolas. Con todo, o estado sanitario dos viñedos está a ser moi bo e agárdase unha colleita de calidade. Facemos un repaso polas cinco Denominacións de Orixe (DO) para coñecer o estado dos viñedos e as previsións para esta vendima:

Rías Baixas: Vendima récord de case 44 millóns de quilos

Este ano na Denominación de Orixe Rías Baixas calculan unha recollida de 43,7 millóns de quilos de uvas, un 27% máis que na colleita de 2020, e cuns posibles rendementos medios de 10.455 quilos por hectárea. Sería a maior colleita da historia da DO, superando a anterior marca: 41 millóns de quilos de uva recollidos en 2011. O aumento de produción débese a unha taxa de brotación elevada e homoxénea, cunha fertilidade media-alta, unha media en valores do 91,3 %, segundo recolle o informe elaborado polo equipo técnico. Así mesmo sinala que as diminucións deste ano foron pouco significativas, con valores medios do 10%, que se atribúen nun 5% ao corremento de flor, un 2,8% á meteoroloxía (xeadas) e un 2,4% a pragas. Os datos foron presentados a finais do mes de xullo e recollidos na primeira semana dese mesmo mes. Polo momento as previsións non variaron aínda que haberá que agardar á vendima para confirmalas. Tamén apuntan a que será unha vendima moi heteroxénea, posto que algúns viñedos sufriron perdas de uva polos ataques tardíos de mildio, e mesmo hai unha porcentaxe de cepas afectadas por mildio larvado. Con todo, apuntan a que se trata de predios de pequenos viticultores, co que os danos non representan unha porcentaxe relevante. Este ano a vendima vén con certo atraso en comparación co 2020 e non se agarda que comece ata o 10 de setembro, aínda que poden recollerse certas parcelas sobre todo para a elaboración de escumoso, en auxe nos últimos anos. En calquera caso, o momento óptimo virá dado polo resultado dos controis de maduración que cada unha das adegas inscritas realicen nos seus viñedos. Na recta final previa á vendima, dende o Consello Regular recomendan manter vixiados os viñedos e prestar especial atención ós prazos de corentena dos produtos para garantir as mellores condicións para a vendima.

Ribeiro: A incidencia do mildio reduce a cantidade de uva prevista

As continuas chuvias e as temperaturas frescas que caracterizaron os primeiros meses de verán fan mudar as previsións iniciais que manexaban no Consello Regulador do Ribeiro. “En xuño as estimacións que tiñamos facían prever unha colleita moi boa, pero a climatoloxía condicionou non só o proceso de maduración senón que propiciou condicións para pragas endémicas como o mildio”, valora Juan Casares, presidente do Consello Regulador. Deste xeito agardan unha menor cantidade de uva da que cabía esperar a comezos de verán. Os episodios de precipitacións provocaron a aparición tanto de mildio, como de oídio e mesmo danos por botrite, aínda que dun xeito irregular polo territorio do Ribeiro. “Aínda que se reducirá a cantidade de uva, o Ribeiro é sinónimo de calidade, co que a calidade á hora da recollida está garantida”, reivindica Casares. A diferenza do acontecido o ano pasado, onde as altas temperaturas ocasionaron que as viñas sufriran estrés hídrico e se adiantara a colleita, nesta vendima recupéranse as datas habituais para a recollida de uva no Ribeiro. Agardan comezar os traballos a mediados do mes de setembro. Nestas últimas 5 semanas, dende o Consello Regulador activaron un dispositivos de inspeccións prevendima para realizar os controis precisos. A este equipo sumaranse máis profesionais para garantir tanto a orixe como a calidade na recollida da uva.

Valdeorras: A vendima arrancará a finais de agosto nos viñedos máis adiantados

En terras de Valdeorras agardan que a vendima arranque xa a finais de agosto. Aínda sen concretar unha data fixa, no Consello Regulador apuntan a que os predios con viñedos máis adiantados comezarán a recollida de uva arredor do 28 de agosto. O groso da vendima tardará algúns días máis. Prevese recoller unha cantidade de uva semellante á dos últimos anos, arredor dos 6 millóns de quilos. Porén, este ano tiveron variacións nos viñedos o que pode ocasionar tamén un incremento. “Estivemos incorporando novos viñedos, sobre todo da variedade Godello, e dando de baixa predios con cepas vellas que xa tiñan unha baixa produción ou con variedades como a Xerez ou Garnacha que non estaban tendo a mesma saída comercial”, explican dende o órgano regulador. Así, aínda que se manteñen nas 1.200 hectáreas de viñedo, estes cambios poden deixar tamén variacións no balance final da recollida de uva. O estado sanitario dos viñedos é bo pese a que houbo brotes de variedade de afeccións dende mildio, oídio ou black rot, pero que conseguiron ser controladas. “Dende que no 20218 houbera un ataque moi forte de mildio, os viticultores teñen os viñedos moi controlados e vixiados ademais de realizar prácticas que permitan a ventilación das cepas e melloren o estado sanitario das plantas e a uva”, indican no Consello Regulador.

Ribeira Sacra: Máis gastos e traballo para lograr a uva

Na maior parte das viñas da Ribeira Sacra a vendima agardará para setembro. “Pode haber algunha viña que se poida recoller xa na última semana de agosto, pero son casos anecdóticos e singulares”, explica José Manuel Rodríguez, presidente do Consello Regulador. Prevén que as primeiras uvas se recollan na primeira fin de semana de setembro, unha semana máis tarde do que se fixo o ano pasado. De feito, os controis de maduración realizados por técnicos do Consello Regulador comezaranse a realizar a vindeira semana. “Está máis atrasada que outros anos”, apunta Beatriz Soto, directora técnica da DO. No Consello Regulador agardan unha produción de arredor de 6 millóns de quilos, o que deixaría cifras semellantes ás manexadas tamén o ano pasado. A inestabilidade meteorolóxica deste ano provocou ataques importantes de mildio. “Con este tempo tivemos máis traballo no viñedo e tamén máis gastos para conseguir garantir a uva en boas condicións”, sentencia Rodríguez. O tempo xogou tamén malas pasadas nesta DO onde unha treboada de saraiba arrasou os viñedos da zona de San Fiz, en pleno corazón da Ribeira Sacra, arrasando a colleita. “O tempo é tan cambiante que ata que teñamos vendimiado non estamos tranquilos, agora está bo o que está axudando á maduración, pero tamén se pode botar a auga e fastidiarnos a vendima”, recoñece Rodríguez.

Monterrei: Agárdase unha moi boa colleita en cantidade e calidade

Tamén son boas as previsións este ano en Monterrei. Aínda queda case un mes para o inicio da vendima, que se prevé comece a mediados do mes de setembro. “Esta campaña vén con certo atraso se a comparamos coa do ano pasado, pero cómpre recordar que a 2020 viñera adiantada e xa comezáramos a vendimar a finais de agosto”, explican dende o Consello Regulador. Deste xeito, a vendima en Monterrei regresa ás datas habituais nesta zona. O viñedo atópase nun moi bo estado fitosanitario o que fai prever unha moi boa colleita tanto en calidade como en cantidade, tal e como indican os técnicos da DO. “As altas temperaturas dos últimos días están favorecendo a maduración das uvas, xa que ata o de agora vírase un certo atraso no estado fenolóxico”, indican no Consello Regulador. Aínda que é cedo para facer estimacións precisas, agardan que a colleita de uva volva situarse nas cifras que se manexaron o ano pasado, arredor dos 5,6 millóns de quilos. As recomendacións dende o Consello Regulador para estes días previos á vendima céntranse en controlar a eliminación das follas para favorecer a circulación do aire e a maduración da uva.

O boom do Godello: As potencialidades desta variedade

Godello é unha das variedades en auxe en Galicia, en especial en Denominacións de Orixe (DO) como Valdeorras ou Monterrei, onde a presenza desta variedade incrementouse de forma notable nos últimos anos. Para moitos,  atopámonos en pleno boom do Godello, non só pola crecente expansión que experimentou nos últimos anos nos viñedos e adegas senón polo recoñecemento que logrou tamén no mercado, pero a que se debe esta expansión? Por que conquista aos viticultores e no mercado esta variedade? O enólogo Jorge Navascués, un dos grandes 'elaboradores' de viño como el mesmo defínese, é tamén un dos grandes apaixonados desta variedade autóctona. A súa experiencia nos últimos anos en Valdeorras, nun proxecto impulsado pola Compañía Vitivinícola do Norte de España (CVNE) permitiulle estar en contacto directo coa variedade e coñecela máis en profundidade. "Godello é unha uva moi atractiva, unha variedade que desde o primeiro momento te atrapa. Ten a capacidade de dar o mellor nun viño novo. É, sen dúbida unha variedade moi boa para poder embotellar unha paisaxe", reivindica o experto durante a súa participación nunha masterclass organizada por Ourense Vinis Terrae.
"Godello é unha variedade que desde o primeiro momento te atrapa. Ten a capacidade de dar o mellor nun viño novo. Sen dúbida, resulta moi boa alternativa para embotellar unha paisaxe"
Navascués recoñece que o Godello atópase, do mesmo xeito que Galicia "nunha época doce" pola proxección que están a ter o seu viño, pero asegura que aínda queda traballo por facer e moito que ofrecer no que a produción vitivinícola se refire. "Galicia ten clima, cultura, historia, variedades propias e unha identidade propia", sinala o experto. De aí que poida reivindicar o espazo que lle corresponde no mundo do viño. Navascués incide na necesidade de sacudirse xa os complexos de inferioridade aínda presentes que hai en moitas rexións produtoras de viño de España con respecto ás dúas grandes referencias históricas de viño. "Galicia aínda pode chegar moito máis arriba. Galicia era un auténtico diamante por puír, no que a vinicultura refírese", valora o elaborador.

As potencialidades

En base á súa experiencia no mundo do viño e en especial no contacto directo que está a ter nos últimos anos coa variedade en Valdeorras, Navascués analiza o Godello desde tres etapas claves: a viticultura, a elaboración e a crianza. O enólogo somete así a unha revisión á variedade para coñecer tanto os seus puntos fortes como as súas debilidades. No viñedo, Godello é unha variedade cun gran potencial e capacidade de adaptación e de expresar o solo e o clima do que procede. "Sorprendeume moito o seu carácter camaleónico, a súa capacidade para poder sobrevivir en calquera tipo de solo, pasando dos solos barrentos que podemos atopar en Monterrei, ao granito ou á lousa pura do Barco de Valdeorras", detalla o enólogo. Navascués recoñece que no seu primeiro contacto coa variedade en Valdeorras tivo as súas dúbidas sobre a resposta da variedade ante estes solos pizarrosos. "Eu tiven medo con ese solo, pero Godello comportouse moi ben e demostroume que é unha variedade forte e moi resistente", sentenza. Godello é tamén unha variedade con rendementos destacados. "Trátase dunha variedade bastante xenerosa en canto a rendementos se refire e iso é bastante bo, non só pola rendibilidade do viñedo, senón porque ter unha produción equilibrada asegura unha madurez máis lenta", destaca o enólogo.
"Ter unha madurez moi rápida fai que teñamos que estar moi encima na época de madurez para non perder de vista o PH e a acidez"
Un dos puntos febles da variedade radica no sensible que resulta á calor e á radiación solar. Esta alta sensibilidade choca de cheo coa expansión que tivo esta variedade nunha DO como Valdeorras onde aperta a calor. "Ter unha madurez moi rápida fai que teñamos que estar moi encima na época de madurez para non perder de vista o PH e a acidez. Á fin e ao cabo queremos colleitar unha uva o máis equilibrada posible, cunha acidez que reflicta ese carácter galego", recoñece Navascués. Neste senso, a orientación das cepas tamén pode xogar un papel decisivo. Así, o enólogo sostén a teoría de que en Valdeorras se plantaron moitas viñas de Godello en terreos antes ocupados por cepas de Mencía, cunhas necesidades para a súa madurez moi diferentes. "En Mencía búscase unha maduración mediante a exposición sur, mentres que en Godello estamos a experimentar con exposicións ao norte para poder gañar uns 15 días máis de ciclo e frescor natural", concreta o enólogo. O enólogo incide en ter moi presente esta sensibilidade da uva á radiación solar non só en prácticas habituais noutras rexións, como o esfollado, senón tamén polo tipo de solo, que pode acentuar os riscos de conseguir unha uva óptima. "O solo de lousa achega importantes matices ao viño, pero tamén hai que ter presente que reflicte moito a luz", apunta. A nivel sanitario, Navascués sinala que se trata dunha variedade na que se poden lograr uvas de calidade 'cun pouco de criterio e sendo sustentables, a pesar da humidade típica de Galicia', indica.
"Hai que analizar moi ben que viño se pode traballar ou non con leas. As leas son capaces de ofrecer o mellor e o peor dun viño"
O comportamento da variedade Godello na súa elaboración tamén sorprendeu, en gran medida, ao enólogo. "Custoume entender a variedade dentro da adega", recoñece. As súas catas para coñecer os Godellos que se elaboran tanto en Valdeorras como en Monterrei déronlle boa conta do gran nivel destes viños, o que tamén lle levou a pensar, equívocamente, que podería ser unha tarefa fácil. "Empezamos con prensados directos, sen macerar moito coa pel. Traballabamos con temperaturas de fermentación moi baixas e vimos que tampouco é o mellor para Godello", apunta o enólogo. Tamén incide no papel determinante que poden ter as leas, pero que tampouco debe condicionar o viño. "Parece que as leas, deba ser unha obrigación. As leas son capaces do mellor e o peor. Hai que analizar moi ben que viño se pode traballar ou non con leas", valora Navascués. Ao mesmo tempo tamén recomenda prestar atención á redución que se fai en adega. "Hai que gardar ben esta marabilla de viño que ofrece Godello, sen tampouco ser excesivamente redutivo, porque senón facemos viños moi de moda e tendencia, pero que non chegan a reflectir ben o que é a variedade", incide.
"A gran sorpresa de Godello foi a capacidade de envellecemento que ten. A madeira, ben utilizada, é a mellor amiga desta variedade"
No que a crianza se refire, Navascués confesa que "a gran sorpresa de Godello foi a capacidade de envellecemento que ten. Cun carácter tan comercial e maduro que teñen desde o principio, logo amosa ser un viño atlántico moderado, con moita acidez e madurez ao mesmo tempo. É un conxunto perfecto para que o viño evolucione moi ben", insiste. Nestes anos en Valdeorras, Navascués tamén experimentou con diferentes crianzas, tanto en madeira como formigón ou poliestireno para comprender a evolución do viño e do comportamento do osíxeno durante a crianza. O enólogo reivindica a crianza en madeira para Godello. "A madeira, ben utilizada, é a mellor amiga da Godello, cando se utiliza para potenciar as súas virtudes, non para enmascaralas". Así, para viños que vaian estar 3 ou 4 anos, indica que a madeira case "debería de ser unha obrigación, xa que é o complemento perfecto". Ademais, a súa recomendación pasa por utilizar grandes depósitos de madeira. En CVME están a apostar por depósitos de 500 e de 2.000 litros.

En plena expansión

Aínda que nestes momentos, o Godello se atope en plena expansión, cabe lembrar que esta variedade estivo case a piques de desaparecer debido á filoxera. Neste sentido, é imprescindible o labor de recuperación e posta en valor levada ao amparo do movemento Revival en Valdeorras, que conseguiu iniciar a expansión desta variedade e resultou clave para evitar a súa desaparición. Abonda un repaso aos datos de produción dos últimos anos en zonas como Valdeorras ou Monterrei para comprobar e ratificar a gran proxección que tivo esta variedade. Así, na DO Valdeorras pasaron dunha produción de 2,4 millóns de uvas en 2014 a sumar máis de 7 millóns de quilos en 2020 e máis de 1.000 hectáreas de viñedo. Na última colleita, 4 millóns de quilos eran só de variedades brancas, na súa maioría Godello.
"Mentres o crecemento sexa sustentable, creo que é interesante para todos, tanto para viticultores como para a DO"
As cifras manexadas por Navascués mostran un gran crecemento no Godello. "Valdeorras experimentou nos últimos anos un auténtico boom do Godello. Lograron case dobrar a produción de Godello en só 6 colleitas, xa que as producións en tinto mantivéronse", recoñece o enólogo á vez que o valora como algo positivo. "Mentres este crecemento sexa sustentable, creo que é interesante para todos, tanto para viticultores como para a DO", indica. Un crecemento similar experimentou a DO Monterrei, que alcanzou unha produción de 6,7 millóns de quilos en 2020, cunhas 600 hectáreas de viñedo. "Aínda que en Monterrei hai máis variedade varietal entre os brancos que en Valdeorras, onde predomina máis o Godello, tamén nesta DO se constatou case o mesmo crecemento. Pasaron de 1,9 millóns quilos a 3,6 en 2020. Creo que é un crecemento necesario", argumenta. Evolución da produción de uva branca, na súa maioría Godello, nos últimos anos na Ribeira Sacra, o Bierzo, Monterrei e Valdeorras. Tamén noutras Denominacións de Orixe están a elaborarse grandes Godellos, como ocorre na Ribeira Sacra, tal e como destaca Navascués, aínda que a presenza destes viños é moito menor. O enólogo tamén incide na gran compañeira e o gran potencial que ten a variedade Godello para o Albariño.

Retos da variedade ante o futuro

Entre os retos que se debuxan para o Godello, en opinión do enólogo, atópase o posicionamento e a difusión da variedade. "Os viños actuais de Godello de Valdeorras teñen pouca identidade e apenas se diferencian entre xenérico e leas. O potencial que ten a DO en variedade de solos, fincas e influencias é moi interesante", reivindica. Neste sentido, fixeron xa traballos para establecer un mapa de clasificación das comarcas de Valdeorras polo tipo de solos (solos pizarrosos, barrentos e graníticos) que pode axudar a clarificar a gran variedade e múltiples expresións de Godello que xa se elaboran. Navascués tamén incide no transcendental que debe ser encamiñar a proxección futura do Godello tendo moi presente a evolución doutros viños. "É fundamental que non se prostitúa a variedade, como ocorreu noutras rexións vitivinícolas, que experimentaron unha explosión comercial e mediática moi grande e perderon un pouco a identidade", indica o enólogo.
"Vender viño só pola variedade sería un suicidio profesional, como xa ocorreu con outras variedades desligadas da súa orixe"
Para Navascués a estratexia debe centrarse en definir a personalidade e o lugar no mercado da DO sen caer no erro de vender unicamente Godello. "Vender viño só pola variedade sería un suicidio profesional, como xa temos visto que ocorreu noutras zonas de España e con outras variedades brancas, xa que cando só vendes unha variedade e non unha orixe tes moitas posibilidades de que che copien. Debemos embotellar paisaxes, atopar o noso estilo e ter coidado con este boom. É unha variedade de futuro, para seguir traballando, pero sen perder o norte", conclúe Navascués.

A DO. Monterrei arrinca cara á nova normalidade na Coruña

A última actividade promocional do D.O. Monterrei, celebrada na Coruña, contou con máis dun cento de profesionais procedentes de Ferrolterra, Costa da Morte, Santiago e A Coruña. Durante dúas quendas, e baixo a lema "A máis atlántica das continentais e a máis continental das atlánticas", hostaleiros, catadores, distribuidores, enófilos, profesores de hostalaría do IES da Coruña, Santiago e Pondedeume, descubriron as peculiaridades desta denominación vitivinícola galega. Nesta iniciativa recibiron información sobre as características edafoclimáticas -chan e clima-, variedades de uva, tipoloxías de viño, proceso de elaboración dos mesmos ou importancia da viticultura na historia e economía da comarca. Doutra banda, os participantes nesta iniciativa da denominación de orixe Monterrei puideron degustar os tintos e brancos das seguintes adegas:  Ladairo, Pazos del Rey, Gargalo, José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Manuel Guerra Justo, Tabú, Franco Basalo, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), Crego e Monaguillo, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo), Pazo de Valdeconde, Castro de Lobarzán, Manuel Vázquez Losada, Terrae Monterrei (Adegas Terrae) e Triay Adegas de Oímbra. Para o desenvolvemento desta actividade  implementáronse as pautas e recomendacións preventivas para eventos, congresos e feiras da guía editada polo ISSGA (Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia). Para iso, e co obxecto de garantir as medidas hixiénico-sanitarias, reducíronse o aforamento e horarios, incrementouse a distancia entre as mesas, e as augas eran de uso persoal (así como as cuspideiras individuais); facilitouse xel hidroalcóholico en todas as mesas e máscaras hixiénicas a disposición de todo o público asistente, entre outras cuestións. Esta iniciativa atópase dentro do ciclo de accións promocionais realizadas pola denominación para este 2020, que permitirá que os viños de Monterrei visiten cidades como Vigo, Bilbao, Santander ou Barcelona.

 Sobre o D.O Monterrei

A de Monterrei é unha do cinco denominacións de orixe vinícolas galegas. Confórmana 27 adegas do val de Monterrei, que abrangue os municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós, Oimbra e Castrelo do Val. Os viñedos deste D.O. ocupan un total de 581 hectáreas de territorio nas que traballan 389 viticultores.

Fanrela, un viño para o optimismo, nado en plena pandemia

Cando Manuel Vázquez Losada comezou a traballar para elaborar e comercializar o seu propio viño, ninguén podía imaxinar que o mercado se paralizaría tal e como o fixo a causa da crise do coronavirus. Pese ós atrancos que supuxo para as adegas o peche da restauración, Manuel non dubidou en continuar adiante. “Eu son bastante decidido e tiña claro que había que seguir, que tiña un viño para dar a coñecer, con identidade propia”, declara este mozo viticultor.
“Tiña claro que había que seguir adiante, pese ó coronavirus”
O coronavirus demorou un pouco os tempos que tiña marcado nun principio. Ó igual que o resto das adegas, a saída  do viño ó mercado fíxose con certo atraso. “Eu contaba ter o primeiro viño embotellado xa en febreiro e ó final fíxose en abril”, explica. Porén, Manuel tenta ver o lado positivo. “Ó estar empezando non me afectou tanto coma a outras adegas que tiñan máis cantidade de viño xa embotellado e por vender”, indica. Os efectos da crise do coronavirus sentiunos máis na cafetería que rexenta en Castrelo do Val (Ourense), o mesmo municipio onde ten a adega, e que mantivo pechada nos últimos meses. A adega Manuel Vázquez Losada é a última incorporación á Denominación de Orixe Monterrei, un selo que comparten xa 27 adegas desta demarcación. “Estar baixo a denominación de orixe é unha oportunidade de negocio, sobre todo á hora de comercializar un viño de calidade”, valora o viticultor. Fanrela é o primeiro viño que pon no mercado e para o ano agarda sacar tamén un tinto. // Foto. Pepe Paz.

Un branco para abrir camiño

Manuel coñeceu o mundo da viticultura de man de seus avós e seu pai, que xa elaboraban viño para consumo doméstico e para a venda directa na taberna que rexentaban na vila. Durante os 3 primeiros anos como viticultor, Manuel aproximouse ó oficio de man de seu pai, e coa xubilación deste decidiuse a apostar pola calidade e a comercialización dos seus propios viños. A súa primeira colleita no mercado é un viño branco bautizado como Fanrela, un nome vinculado á historia familiar, posto que é o alcume co que se coñecía a casa de seus avós, onde está situada a adega. Trátase dun viño onde predomina o Godello (60%), xunto con Dona Branca (24%) e Treixadura (16%). “É un viño fresco en boca, cunha moi boa entrada e con aromas a froitas da terra, como as mazás ou as peras”, detalla o adegueiro.
Nesta primeira colleita embotellou unhas 6.300 botellas do seu viño Fanrela
Nesta campaña embotellou uns 5.000 litros de viño branco e para o ano prevé duplicar a produción e situarse nos 10.000 ou 11.000 litros, posto que tamén conta sacar ó mercado un viño tinto. Precisamente este ano xa elaborou un tinto, pero os resultados obtidos non lle convenceron e prefire descatalogalo e agardar ó vindeiro ano. “Cando presentas un viño ten que ser o mellor que deas elaborado e este ano non conseguín os resultados que agardaba co tinto, polo que prefiro deixalo para o ano”, declara o viticultor.

Coa vista posta no viño de parcela

Xunto coas variedades brancas, conta con viñas de Mencía, Araúxa e en menor medida Sousón, da que proxecta incrementar a produción nos próximos anos. Agora mesmo ten unhas 3 hectáreas de viñedo repartidas en varias parcelas próximas á adega. Ademais, o ano pasado realizou a plantación dunha parcela de 1,5 hectáreas con cepas de Mencía e Godello. “A finca está situada nunha das mellores ladeiras para a produción de viño nesta zona”, explica o viticultor. A Seara, que así se coñece a finca, conta cos ingredientes para elaborar un viño de calidade, aínda que a produción se demorará uns anos. “É unha zona pedregosa e pobre, na que non agardo grandes cantidades, pero si conseguir un viño de calidade”, concreta. Algúns dos viñedos están situados nas proximidades da adega. Este ano conseguiulle alugar a unha comunidade de monte da zona outras case 3 hectáreas de terreo próximas á Seara, nas que pretende continuar a plantar vides nos vindeiros anos. “A miña intención é seguir a elaborar o viño coas uvas propias. O meu obxectivo non é medrar senón que busco ter unha adega que me permita elaborar un viño propio, con identidade e calidade”, reivindica o colleiteiro. Polo momento, encárgase el mesmo de case tódolos traballos e coidados que require o viñedo e coa axuda familiar afrontou campañas de maior carga de traballo como a vendima. “Esta colleita conseguimos sacala adiante así, pero en canto se vai aumentando a superficie de viñedo a vendimar, haberá que pensar noutras solucións para eses traballos”, comenta. Tamén na elaboración do viño Manuel asume todo o proceso. “O máis importante é manter a temperatura controlada durante toda a fase de maceración para así acadar bos resultados”, subliña o vitivinicultor.

Abrirse oco nun mercado baixo mínimos

A comercialización do produto é un dos puntos que máis custa a moitos viticultores, pese a contar con viños de calidade. A situación tornouse aínda máis difícil nun mercado case paralizado polo coronavirus. Aínda así, Manuel traballa cun distribuidor en Santiago e comezou a dar a coñecer o seu viño a nivel local para, pouco a pouco, facerse un oco noutros mercados. A súa cafetería é tamén unha vía para que os clientes comecen a degustalo.
Manuel asumiu un proceso de renovación da antiga adega familiar para comezar a producir de forma profesional
Nestes primeiros tempos de viticultor, Manuel tamén afrontou a remodelación da pequena adega familiar, adaptándoa para poder cumprir as esixencias sanitarias que requiren dende a denominación de orixe. “As principais inversións foron para acondicionar tanto as paredes como os teitos e destinadas á compra de maquinaria”, concreta o produtor. Para afrontar a posta en marcha da adega de xeito profesional dispuxo de varias subvencións, como a de incorporación de mozos ó rural, que lle facilitaron o acondicionamento das instalacións.

Preocupación no sector do viño polo Brexit e as medidas de Trump

A D.O. Rías Baixas exporta neste momento o 30% da súa produción, con EEUU e Reino Unido como principais destinos Representantes das cinco Denominacións de Orixe galegas mostran a súa fonda preocupación por como poden acabar afectando aos adegueiros da comunidade as medidas proteccionistas que se aveciñan nos Estados Unidos e no Reino Unido, dous dos países de destino dos viños galegos, que foron incrementando a súa cota de mercado exterior nos últimos anos. Alén de supoñer un freo ás exportacións a estes países polo encarecemento do produto, as distintas marcas terán que respostar ao cambio de condicións aplicando distintas medidas en función da marxe comercial coa que conten neste momento, reducindo nalgúns casos a rendibilidade existente ou buscando outros mercados que poidan asumir o volume de viño destinado a eses dous mercados. Aínda que a suba arancelaria afectará en teoría máis a aqueles produtos con menor valor engadido, é dicir, de menor prezo ou menor marxe de venda, e no caso das exportacións de viños galegos sitúanse no lado contrario, ao tratarse de viños dun segmento medio alto ubicados en moitos casos nun mercado máis gourmet, cun prezo medio de exportación maior que a media dos viños españois exportados, os efectos do incremento impositivo acabarán deixándose sentir tamén.
Rías Baixas exporta o 30% da súa produción total por un valor de 40 millóns de euros
A maior ou menor afectación terá que ver co volume exportado de xeito individual por cada adega e tamén co peso que para cada unha delas supoñen os mercados de EEUU e Reino Unido. No conxunto das Denominacións de Orixe, a máis afectada será Rías Baixas, que destina á exportación xa neste momento o 30% da súa produción total. Ademais, para os viños albariños galegos os mercados estadounidense e británico son vitais, pois en conxunto representan máis da metade das súas vendas no exterior. En total, 9.579.273 de botellas de Rías Baixas vendéronse nos mercados de exportación durante 2018, que supoñen algo máis de 7 millóns de litros, dos que 3,8 millóns de litros viaxaron cara a EEUU e Reino Unido. "O pau é tremendo porque coincide que tanto os EEUU como o Reino Unido son dous dos nosos mellores mercados. Se che incrementan os prezos en destino vía aranceis vólveste menos competitivo e prevemos que iso poida afectar ás vendas cun descenso importante", recoñecen no Consello Regulador. Os problemas para vender en Estados Unidos e Inglaterra a partir de agora engádense a unha colleita que non foi boa en canto a cantidade, cun descenso importante este ano na produción de uva, o que por outra banda sen embargo pode mitigar dalgún xeito o efecto do descenso previsto nas exportacións, ao producírense este ano nas Rías Baixas uns 4 millóns de litros de viño menos que na colleita do 2018, unha cantidade equivalente ao volume de exportación a EEUU e Reino Unido. O oco deixado poderían ocupalo viños italianos ou californianos No caso dos EEUU as novas condicións fixadas pola Administración Trump están claras: incremento adicional dos aranceis vixentes nun 25% ás importacións de determinados produtos agroalimentarios (viño envasado, aceite, queixos, carne de porco, embutidos, zumes e froitas) procedentes da maioría dos países da UE, entre os que se atopa España, Francia, Reino Unido e Alemania, como integrantes do consorcio Airbus, pero non Italia, por exemplo.
"O pau é tremendo porque coincide que tanto os EEUU como o Reino Unido son dous dos nosos mellores mercados" (Agustín Lago, D.O. Rías Baixas)
Isto supón que o posible oco que deixasen os viños galegos podería ser ocupado por competidores italianos, por exemplo, aos que non afectarían os novos aranceis (no caso italiano a suba de aranceis só afectaría aos licores, pero non aos viños), ou mesmo por viños norteamericanos, da zona de California, por exemplo. A falta de que este venres se publique a lista definitiva de produtos (as novas condicións arancelarias entrarían en vigor a partir desa mesma data), o novo gravame incrementado nun 25% aplicaríase aos viños embotellados cun volume de até 2 litros e unha graduación inferior aos 14 grados. Outras denominacións, menos afectadas O resto de denominacións de orixe galegas tamén se verán prexudicadas polo incremento de taxas norteamericana, pero veranse menos afectadas debido ao seu menor volume de exportación, agás algún caso individual dalgunha adega concreta. A media de exportación no resto de denominacións ronda o 10%, con lixeiras variacións: entre o 8 e o 10% no Ribeiro, o 12% en Monterrrei e entre o 10 e o 11% no caso de Valdeorras. O volume de venda no exterior para as 96 adegas inscritas no Consello Regulador da Ribeira Sacra sitúase no 10%. Igual que no caso das Rías Baixas, os Estados Unidos e o Reino Unido son dous dos principais destinos, supoñendo tamén neste caso máis da metade das exportacións. Con todo, o presidente do Consello Regulador, José Manuel Rodríguez, relativiza os posibles efectos sobre os viños da Ribeira Sacra. "No noso caso non vai ser moi relevante, porque estamos menos expostos que os que traballan con marxes moi pequenas nos que uns céntimos de incremento arancelario pode supoñer quedar por baixo do límite da rendibilidade. A suba de taxas aduaneiras afecta sempre máis aos viños máis baratos do centro de España, que son tamén os que máis se exportan, que aos viños de calidade galegos, porque afecta máis aos viños que se moven por prezo", di.
"Os Estados Unidos e o Reino Unido son mercados que aceptan moi ben os nosos viños" (Jorge Mazaira, D.O. Valdeorras)
Na mesma situación están en Valdeorras. Na denominación que preside José Luis García Pando exportan un volume que está entre o 10 e o 11% da produción total das 40 adegas inscritas, con EEUU, Reino Unido e Alemania como principais destinos. "Os Estados Unidos e o Reino Unido son mercados que aceptan moi ben os nosos viños", recoñece Jorge Mazaira, director técnico do Consello Regulador. "Unha suba arancelaria do 25% como a que se plantexa en EEUU vai incrementar os custos e se vas cun prezo moi xusto vas ter menos capacidade de asumir ese incremento, polo que as medidas anunciadas por Trump van afectar máis ou menos en función da política de prezos levada a cabo por cada adega nos últimos anos e a marxe de beneficio coa que traballen", explica. "Son mercados globais, onde vendes aquí e alí, e este tipo de medidas aféctannos a todos en maior ou menor medida, aínda que seguramente haberá outras denominacións máis afectadas que a nosa por unha simple cuestión de volume de exportación", argumenta o responsable técnico dos viños de Valdeorras. Reorientar a política de internacionalización das adegas O mercado galego asume o 70% da produción de viño do Ribeiro e o resto do Estado arredor doutro 20%. Exportan, polo tanto, entre un 8 e un 10% da súa produción anual. Os viños do Ribeiro viaxan principalmente cara ao Reino Unido e centroeuropa dentro da UE, tamén cara a Asia e Xapón e cara a EEUU, México e Colombia no continente americano.
"O Reino Unido é un país onde case non hai viño, polo que a incidencia dos novos aranceis tralo Brexit vai afectar a todos por igual, tanto aos viños galegos como aos franceses, aos italianos ou aos da Rioja" (José Manuel Rodríguez, D.O. Ribeira Sacra)
"Coido que para nós os efectos das medidas en Estados Unidos non van ser tan importantes como noutras denominacións, porque temos exportación a EEUU pero non é relevante. A exportación ao Reino Unido si que é máis relevante que aos Estados Unidos", recoñece Juan Casares, presidente do Consello Regulador. "As empresas terán que adaptarse a esas novas taxas, facer unha reflexión e reorientar a política de internacionalización das adegas cara a novos nichos de mercado", considera, porque "cun arancel do 25% máis vai ser moi difícil competir", opina. O presidente dos viños do Ribeiro afirma que "o Brexit tampouco é unha boa nova" e rexeita o modo de actuar tanto de Donald Trump como de Boris Johnson. "Cada país é soberano, pero non comparto as medidas ultraproteccionistas que van contra a lóxica dos mercados neste momento e que prexudica ás dúas partes, porque saen perdendo os exportadores pero tamén os consumidores deses países, que se ven privados dunha variedade de produtos que van deixar de ter", razoa. Agardando polas condicións finais do Brexit Outras denominacións tampouco se verían moi afectadas polas medidas de Trump pero seguen con atención os acontecementos relativos ao Brexit. Os viños da D.O. Monterrei teñen no Reino Unido o seu principal destino exterior. En conxunto, o volume de exportación dos viños desta denominación sitúase no 12% e 10 serían as adegas máis afectadas. "Estados Unidos supón para nós pouca porcentaxe de vendas, pero o Reino Unido si que absorbe unha cantidade importante, de feito, o ano pasado foi o principal país de destino dos nosos viños polo que unha suba brusca de aranceis neste caso si que sería máis problemático", indican no Consello Regulador.
"Inglaterra foi o ano pasado o principal destino dos noso viños, pero até que non saibamos como quedan finalmente as condicións trala saída do Reino Unido da Unión Europea non saberemos cal vai ser a indicencia real do Brexit" (Miguel López, D.O. Monterrei)
Os viños de Monterrei están aumentando nos últimos anos as súas vendas no exterior, aínda que os seus principais destinos están dentro da Unión Europea, co Reino Unido á cabeza, seguido de Holanda, Bélxica ou Alemania. "En EEUU xa sabemos que ao subirnos os aranceis vainos prexudicar na exportación, pero a incidencia non será moi significativa porque o volume de exportación a ese país tampouco é moi elevado, pero no caso do Brexit, que nos collería máis de cheo, aínda non temos unha idea clara de como vai afectar porque non sabemos como vai quedar, non o saben nin sequera eles, e até que non saibamos como quedan finalmente as condicións para a exportación de viños non saberemos a incidencia real que poida ter o Brexit", razoa Miguel López, o director técnico da denomiación. Como vai afectar aos competidores? Tralo acordo alcanzado nas últimas horas entre a Comisión Europea e o Goberno de Boris Johnson para unha saída pactada a partir do vindeiro 31 de outubro, falta por coñecer a letra pequena do acordo, así como as condicións para o periodo de transición previsto até finais de 2020. Estados Unidos é un país onde se produce viño, polo que as medidas proteccionistas poderían incentivar o consumo interno de viño. Pero o caso do Reino Unido é diferente. "Inglaterra é un país onde case non hai viño e as novas condicións tralo Brexit van afectar por igual a todos os nosos competidores, por exemplo, os franceses ou os italianos, á hora de enviar os seus viños ao Reino Unido", razoa José Manuel Rodríguez.

Galicia exportou o pasado ano 20 millóns de litros de viño por valor de 45 millóns de euros

Evolución das exportacións de viño de Galicia. As cinco Denominacións de Orixe galegas exportaron o pasado ano 20 millóns de litros de viño, por valor de 45 millóns de euros, logrando un prezo medio de 2,21 euros por litro. Desde o ano 2000 o valor das exportacións dos viños galegos multiplicouse por tres, pasando de 17 millóns de euros a comezos deste século a 50 millóns no ano 2017, o exercicio de máis facturación até o momento. Ao longo destes anos, as exportacións foron diversificándose e ampliando o abano de países aos que se dirixen. Os principais destinos dos viños galegos hoxe en día son Estados Unidos, o Reino Unido, China e Canadá onde as vendas sumaron 19,6 millóns no 2018. Norteamérica, que xa no 2000 era un dos principais mercados para os viños galegos, continúa afianzándose e as ventas no pasado ano alcanzaron os 14 millóns de euros. As adegas galegas están a exportar en valor un 41,5% a Estados Unidos e Reino Unido. Se a isto engadimos China, a cifra sobe até o 50%. Galicia ocupa na actualidade o 12º lugar en volume e o 13º en valor do conxunto das Comunidades Autónomas. As tres primeiras comunidades por valor na categoría de viños brancos envasados son Castela e León, Cataluña e Galicia, cos viños albariños das Rías Baixas como punta de lanza. Ademáis, a recuperación do mercado británico dende 2016 e o crecemento do de Estados Unidos e Alemania dende o 2014 potenciou as exportacións da Denominación Rías Baixas. Na actualidade, das 184 adegas adscritas a denominación Rías Baixas, 103 atópanse en plans de exportación. Destas, medio cento exportan os seus viños a Estados Unidos, principal mercado internacional para os viños desta denominación con 2.468.535,50 litros no 2017 e 2.373.862,93 litros o pasado ano. En total, España exporta a Estados Unidos 300 millóns de euros anuais en viño.
 

“Os pequenos viticultores somos auténticos sufridores do viñedo, pero non nos rendemos”

“Os pequenos viticultores somos auténticos sufridores do viñedo, cada día atopamos máis trabas que fan que adicarse a isto sexa unha actividade heroica aínda que non esteamos na Ribeira Sacra. Pero, pese ós atrancos non nos rendemos, cómpre ser optimistas”, así de rotundo é Fausto Rivero con respecto á situación que atravesa desde que hai un par de anos decidira construír unha adega , Quinta Soutullo, en Oímbra (Ourense). A súa foi a última en incorporarse á Denominación de Orixe Monterrei. Fausto procede dunha familia cunha fonda tradición vitivinícola en esta zona. Xa seu bisavó se adicaba ó mundo do viño e tanto seu avó, como seu pai, continuaron co cultivo da vide, cunha produción que elaboraban nunha pequena adega sita no baixo da casa familiar, asentada no casco antigo desta vila ourensá. Aínda que durante anos Fausto mantivo certa distancia cos viñedos, pouco a pouco foi apreciando as satisfaccións da viticultura e preocupándose, cada vez máis, pola vide e por ofrecer unha continuidade ó legado familiar. “Por motivos laborais marcheime para Madrid e foi alí cando comecei a botar de menos o viñedo e a interesarme porque se mantivera, así como a implicarme cada vez máis”, apunta Fausto. Vista da adega Fausto Rivero, situada en Oímbra.

Construír a adega, superar atrancos

A idea de construír a adega xurdiu a modo de recoñecemento a esas colleitas anónimas que durante anos realizaron na súa familia, ó comercializar o viño a granel. Foi tamén por unha cuestión de propia supervivencia posto que a adega familiar na que se procesaba o viño estaba obsoleta para elaborar viños de calidade. Decidiuse por edificar unha adega con forma de nave, cunha fachada personalizada, na que contar co espazo suficiente para a produción actual e poder seguir medrando. No 2017 botou a andar este proxecto e a súa produción sitúase agora nos 40.000 quilos de uva, aínda que conta con capacidade para chegar a procesar entre 300.000 e 400.000 quilos. “A miña intención é situarme nunha produción entre os 40.000 e os 100.000 quilos nos próximos anos. Somos conscientes de que non podemos competir coas grandes firmas en canto a produción, por iso queremos situarnos nunha produción media e diferenciarnos ofrecendo maior calidade”, apunta o adegueiro.
"Estiven a piques de tirar a toalla polos atrancos que ían xurdindo conforme ía avanzando a tramitación do proxecto"
Valora que o sector atravesa un momento de puxanza onde cada vez hai máis demanda de viñedos e adegas. “Só nos primeiros meses xa me preguntaron en varias ocasións se vendería a adega. Iso é unha mostra do interese que  hai por facerse con viñedos na DO Monterrei”, comenta Fausto. Porén, nestes dous anos de andaina, foron moitos os atrancos que atopou para poñer en marcha o proxecto. Un dos obstáculos que máis acusa nas primeiras estapas foi a demora dos trámites burocráticos.“Cheguei a agardar máis de 12 meses por un informe, ó ser o proxecto unha licenza autonómica e intervir as tres administracións (local, provincial e autonómica). Ás veces non queda claro ata onde chegan as competencias de cada unha delas, solapándose entre si, e isto provoca que teñas que contratar expertos para estas tramitacións tan complexas. Non pido que a administración axude cando decides afrontar un proxecto así pero, alomenos, que non sexan todo trabas”, indica. No proceso de tramitación do proxecto, Fausto tamén recoñece que comprobou como “o portelo único é aínda unha utopía na administración galega”, comenta. Recoñece que a pasividade que atopou nestes anos de trámites mesmo lle fixeron dubidar de seguir adiante. “Estiven a piques de tirar a toalla polos atrancos que ían xurdindo conforme ía avanzando a tramitación do proxecto”, recorda. Fausto ten claro, agora que a adega botou a andar, que o máis importante á hora de afrontar un proxecto destas características é ter moita paciencia. “Ó mellor fanche retrasar o proxecto pero, o importante é non dobregarse e resistir”, anima o produtor. Foron dos primeiros en afrontar unha reestruturación dos viñedos que lles permitira mecanizar os labores.

Reestruturación do viñedo

Aínda que Fausto se decidiu agora por abrir a adega, hai xa máis de 20 anos que comezou a implicarse dun xeito máis activo no viñedo, cando afrontaron a reestruturación das parcelas, adecuándose á normativa. No ano 1995 decidiron modificar os seus viñedos para contar con documentación, ó mesmo tempo que optaron por plantar variedades autóctonas e nun marco de plantación que lles permitise mecanizar os labores no viñedo.
Hai 24 anos que empezaron a adaptar o seu viñedo para poder acceder co tractor e plantaron variedades autóctonas
Deste xeito pasaron de antigos viñedos en vaso, cun marco de plantación de 1,5 x 1,8 metros, que os obrigaba a traballar a terra con animais; a contar cunha condución de cordón dobre con marco de plantación 1,20 x 2,5 metros que lles permitiu acceder co tractor para tarefas como o sulfatado e o laboreo da vide. Daquelas arrancaron unhas 1.200 vides. “Fomos dos primeiros en afrontar eses cambios nas viñas nesta zona”, apunta Fausto. Porén, labores como a vendima continúan a facela de xeito manual polo que adoitan contratar arredor de media ducia de traballadores, así como para a poda. Aínda que, o resto do ano non contan con traballadores fixos. “Cada vez é máis difícil atopar xente que queira traballar na campaña. Nos últimos anos contamos con traballadores de Rumanía que, pese a que non coñecían o traballo da viña e non realizaran a vendima antes, enseguida entenderon como se debía facer e fixeron un moi bo traballo”, comenta. Traballos de poda nos viñedos. Na actualidade contan cunhas 6 hectáreas de viñedo repartidas en varias fincas sitas en Oímbra. Destacan dúas parcelas de maior tamaño, unha delas asentada na ladeira do monte Soutullo, cunha superficie de 2,5 hectáreas, chamada Tocos, e outra contigua, de 1,2 hectáreas, chamada Lavandeira, a escasa distancia da fronteira con Portugal. Estas fincas, de onde toman o nome os seus viños, comercializados baixo a marca Quinta Soutullo, son viñas con rendementos baixos pero con calidades superiores ó resto. A estes viñedos sumáronse outros 4.500 metros cadrados que plantaron esta tempada. Nos próximos anos agarda continuar a incrementar a superficie de viñas e chegar a dispoñer de 10 hectáreas de viñedo.
Contan cunhas 6 hectáreas de viñedo, algunhas delas próximas á fronteira con Portugal
A súa produción atópase dividida, case a partes iguais, entre os tintos e os brancos. No referido ás variedades, nos tintos predomina o Mencía, xunto con Arauxa, Bastardo e Sousón, estas dúas últimas cunha presenza moi reducida pero polas que quere seguir apostando. Nos brancos, a maior parte das cepas son de Godello, xunto con Treixadura, Albariño e Dona Branca, con apenas uns 1.500 metros cadrados desta última. “A Dona Branca é unha variedade moi boa pero problemática coas chuvias. Aínda así, nós queremos conservala polo aporte que lle dá ó noso viño”, sinala Fausto. O viticultor tamén recoñece as vantaxes que lle está a ofrecer o Albariño ó adaptarse mellor en determinados terreos. “Estamos probando con esta variedade en vetas do terreo onde con outras tivemos problemas e estanos a resultar moi ben. Hai que estudar en cada terreo as viñas que mellor se axeitan”, apunta. Un dos viñedos cos que elaboran os viños Quinta Soutullo. Fausto traballa por unha produción adaptada ó terreo por iso procura variedades que se aclimaten mellor ás características das parcelas. “Preferimos non interferir demasiado aportando minerais ou labrando a terra acotío, buscamos unha viticultura máis respectuosa co medio”, aclara.

Dificultades para entrar no mercado

Nestes momentos, na adega están a comercializar baixo a marca ‘Quinta Soutullo’ viños varietais tinto e branco ademais dun monovarietal de Godello do que elaboraron arredor dunhas 4.000 botellas. Fausto baralla ampliar a súa oferta e comezar a elaborar un crianza envellecido en barricas de madeira de carballo, unha aposta que agarda levar a cabo xa nesta próxima colleita.
As dificultades para comercializar o viño obrigárono a ter que vender parte da produción a granel a outras adegas da DO
O adegueiro recoñece que esta decisión de diversificar e ampliar a produción está condicionada pola comercialización dos seus viños xa que, nestes primeiros anos, está a resultar unha tarefa ardua. Precisamente, nese esforzo por comercializar os seus viños, Fausto valora que pertencer á DO Monterrei estalle a facilitar o labor xa que esa distinción ofrécelle ó consumidor a garantía de calidade da denominación de orixe. “É moi complicado entrar no mercado. Resulta difícil que os distribuidores se interesen por comercializar viños de marcas que acaban de saír fronte a outras que xa son coñecidas e teñen unha traxectoria detrás co que, ás veces, tes que facelo ti directamente”, concreta. As dificultades para comercializar o seu viño obrigárono a ter que vender unha parte da produción a granel a outras adegas da propia DO Monterrei. Con todo, polo do momento, xa conseguiu abrirse mercado en distintos puntos de Galicia e os seus viños comercialízanse en cidades como Lugo, A Coruña, Ferrol, Ourense, así como na zona centro de Galicia.

Monterrei réndelle homenaxe aos seus 25 anos de historia

Máis de 250 persoas entre adegueiros, viticultores e profesionais do sector déronse cita no Castelo de Monterrei para celebrar que a Denominación de Orixe (D.O) Monterrei cumpre este ano o seu cuarto de século de andaina. Fixérono nun acto que tamén serviu para dar comezo a unha nova etapa na que esta D.O quere apostar pola profesionalización, a formación e a innovación, pero sobre todo, “pola terra e pola xente que a traballa na busca e a defensa da máxima calidade para os seus viños”, segundo expuxo no evento a presidenta da D.O Monterrei, Lara Da Silva. O Consello Regulador da DO aproveitou a conmemoración para renderlle unha homenaxe a tres persoas do sector vitivinícola de Monterrei, un viticultor, un adegueiro e un técnico, que representan ao conxunto da denominación. Son todos eles profesionais que a presidenta da denominación de orixe cualficou de “mestres con maiúsculas dos viños de Monterrei, dos que seguimos aprendendo día a día”. Os homenaxeados foron o catador Juan Ramón Fuentes Lorenzo, o viticultor Felisindo Prieto Arcos e a Adega Ladairo. Fuentes é membro do Panel Oficial de Cata do Consello Regulador desde a súa creación, hai 25 anos, medrando como profesional ao tempo que medraba a calidade e recoñecemento dos viños de Monterrei. Pola súa parte Felisindo Prieto representa a historia viva da viticultura de Monterrei, con máis de 30 anos traballando as súas vides de Godello, Treixadura e Mencía, que foi adaptando ás novas esixencias do mercado actual. O último dos homenaxeados foi a Adega Ladairo, fundada o mesmo ano en que se crea oficialmente a Denominación de Orixe Monterrei, no 1993. A homenaxe foi especialmente para o seu fundador, José Luís Vaz Vilela, falecido o ano pasado, como impulsor da denominación de orixe e un dos pioneiros na produción de viños brancos e tintos de Monterrei de calidade. José Luís Vaz creu desde o principio na calidade destes viños e o seu amor pola viña e por Monterrei segue presente en Ladairo. A todos eles se lles rende unha sentida homenaxe nun acto no que tamén houbo espazo para recoñecer o traballo dos predecesores de Lara da Silva no seu cargo, “homes e mulleres incansables que deixaron a pel en situar a Monterrei no mapa internacional dos viños”, tal e como asegurou a actual presidenta: Emilio Rodríguez Fernández, Bernabé Jiménez Gómez, Nicanor Payo Boo, Antonio Ángel Méndez Atanes, Asunción Rodríguez Zarraquiños e José Antonio Da Silva Pereira. O acto contou coa participación da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Belén do Campo, e dos alcaldes dos concellos nos que se estende a D.O. Monterrei. Asistentes ó acto do 25 aniversario de Monterrei. A Denominación de Orixe Monterrei, en datos A Denominación de Orixe Monterrei suma 26 adegas, 426 viticultores e 566 hectáreas situadas ao sur da provincia de Ourense, nun territorio lindeiro con Portugal que abarca os concellos de Castrelo do Val, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós. A DO creouse no ano 1993 e é a máis nova de Galicia, aínda que como lembran desde o Consello Regulador, a historia vitícola de Monterrei suma máis de 2.000 anos de historia, como demostran os lagares rupestres recuperados no territorio da denominación.

Ladairo, viños con mimo

Ladairo é unha adega da denominación de orixe (DO) Monterrei que exemplifica a aposta pola calidade que seguen os viños da comarca. Xa nos anos 80, o fundador de Ladairo, José Luis Vaz, comezou a orientar os viñedos familiares cara variedades de prestixio, coma o godello e a treixadura en brancos, ou a mencía e a arauxa (tempranillo) en tintos. O seu traballo no viñedo, con rendementos controlados, culminou a mediados dos anos 90 na posta en marcha dunha moderna adega, na que desde un comezo contou coa colaboración do enólogo Álvaro Bueno, que continúa á fronte do control enolóxico na actualidade. A adega, na que colleron o relevo de José Luis a súa viúva, Josefa Vaz García, e a súa filla Ana, elabora arredor de 200.000 litros ó ano, en torno a un 60% de tintos e un 40% de brancos. Ladairo ten os seus mercados principais en Galicia e Madrid, e tamén cunha pequena parte adicada á exportación a países como Bélxica, Holanda ou Gran Bretaña. Como é habitual na denominación, en Ladairo destacan os viños xoves, un branco de godello e treixadura, e un tinto de mencía con arauxa. En barrica, elabórase ademais tódolos anos un tinto en base a unha selección de cepas vellas, tanto de mencía e arauxa como doutras variedades, caso da sousón, brancellao ou a bastardo, unha variedade local característica de Monterrei. Elaboracións A elaboración dos viños brancos xoves presenta en Ladairo a particularidade dun traballo das lías antes da primeira fermentación. Durante 2-3 días, o viño permanece en cuba coas lías a unha temperatura de 5º C, a fin de evitar a súa fermentación. “É un proceso que permite lograr viños con máis estrutura e densidade. Tamén se facilita a cesión de aromas da pel da uva ó mosto, o que favorece a fermentación”, explica Álvaro Bueno. Coa uva treixadura, dado que se trata dunha variedade con gran presenza de aromas na pel, a adega procede á conxelación da pel con neve carbónica para favorecer a súa rotura e a saída dos aromas durante a maceración. O proceso continúa co filtrado e fermentación dos viños para, finalmente, cando está concluído o seu acabado, facer un ‘coupage’ de variedades e proceder a embotellalas. En tintos xoves, a elaboración contempla arredor de 12 días de maceración do mosto co bagazo. Faise despois un sangrado do mosto e un prensado do bagazo, uníndose os viños xema cos viños prensa. O proceso inclúe tamén a microosixenación dos viños antes da fermentación maloláctica co obxectivo de que expresen todo o seu potencial aromático. Barricas na adega de Ladairo. Para as elaboracións de tintos en barrica, a maceración chega ós 20-25 días e mantense o bagazo en contacto co viño tras rematar a primeira fermentación, facilitando así a adición de máis taninos e cor. O viño, unha vez sangrado, pasará en barricas de carballo francés e americano arredor de 6-8 meses, antes da súa clasificación e embotellado. En anos de colleitas excepcionais, tamén se elaboran brancos en barrica, aínda que non é o máis habitual. “O godello é un viño con corpo, estrutura e acidez, apto para o traballo en barrica, pero a tendencia de mercado en brancos é a de viños xoves, aromáticos e con toques de froita e acidez”, valora Álvaro Bueno. Os numerosos premios nacionais e internacionais logrados pola adega avalan o seu traballo. En tintos, conseguiron en varias ocasións a distinción ó mellor tinto de Galicia, no marco das Catas de Galicia, a última vez no 2016, en tanto que en brancos tamén acumulan numerosos galardóns, un dos últimos un baco de prata. Vista dalgúns dos viñedos da adega. Viticultura O traballo na adega aséntase sobre a base dun traballo vitícola que mantén a liña tradicional de Ladairo, con rendementos controlados que rondan o 7.000-9.000 quilos por hectárea en brancos e algo máis en tintos. Estes días, Ladairo estivo acometendo podas en verde e en agosto completará o traballo con clareos de racimos, a fin de deixar a carga final que se busca. Espérase para esta campaña unha bo desenvolvemento do viñedo que compense as perdas do 2017, cando toda a denominación de orixe sufriu unhas xeadas tardías que minguaron a colleita en arredor dun 50%.

Terras do Cigarrón, explorando a potencialidade da uva godello

A estratexia de diversificación e expansión de Martín Códax levou a esta adega cooperativa de Rías Baixas a emprender un proxecto na denominación de orixe Monterrei, onde chegou a un acordo de colaboración coa cooperativa local Terras do Cigarrón no 2009. Desde aquela, Martín Códax ocúpase da xestión completa da viticultura e enoloxía dos viños de Terras do Cigarrón, orientándose á elaboración de brancos de calidade baseados na uva godello. A adega salienta o gran potencial e diversidade da denominación de orixe Monterrei, na que apostou por explorar diferentes posibilidades de elaboracións con uva godello. Nunha primeira etapa, Martín Códax centrouse nos monovarietais de godello, para o que buscou complementar os viñedos existentes no val, a uns 400 metros de altitude, con novos viñedos propios a máis de 700 metros, na procura dunha frescura que acompañase a maduración e calidez dos viños do val. Vendima en Terras do Cigarrón. Co paso dos anos, a adega optou por adentrarse en viños máis complexos, incorporando a crianza sobre lías e outras variedades como a treixadura. O resultado son viños xa multipremiados e cun recoñecemento internacional, como o Mara Martín e o Terras do Cigarrón, godellos 100%, ou o Mara Moura, un godello elaborado a partir dos viñedos de ladeira que se acompaña dunha pequena porcentaxe de treixadura, unha uva que lle aporta notas florais e minerais. Co Mara Moura faise unha crianza sobre lías e desde Martín Códax destacan o seu gran potencial de garda. O proxecto de Martín Códax en Monterrei arrancou cunha produción anual de preto de 200.000 botellas, se ben foi medrando de xeito progresivo e na actualidade Terras do Cigarrón ten capacidade para producir un millón de botellas anuais. “Este crecemento permítenos expandirnos non só a nivel nacional, senón levar o godello a países que ata hai pouco nin sequera o coñecían”, destacan na cooperativa. De cara ó futuro, a adega aposta por continuar no camiño de consolidar o godello como un viño branco de calidade, un traballo que se acompañará de elaboracións con novas variedades.

Mara Moura Rosado, un viño que recupera a uva merenzao

Outra das liñas de traballo propio de Martín Códax en Terras do Cigarrón pasa pola recuperación da uva bastardo (merenzao), unha variedade autóctona coa que está a elaborar un viño rosado fóra da denominación, o Mara Moura Rosado, do que polo de agora fai unha edición limitada dun milleiro de botellas. Nos próximos anos, a adega proxecta plantar alomenos unha hectárea de merenzao, de cara a aumentar a produción. Desde Martín Códax destacan valores da merenzao como a súa frescura e o compoñente mineral e especiado. A súa escasa cor e a pel fina converten á uva en ideal para a elaboración de viños rosados.

“A viña e a terra é algo que vivín desde pequena e que levo nas emocións”

A adega Triay é a culminación dunha tradición familiar de coidado do viñedo e de elaboración de viños que se remonta varias xeracións. Puri García, que creou a adega conxuntamente co seu marido, Antonio Triay, fala dunha historia de emocións e paixón. “O mundo do viñedo e do viño é algo que vivín desde pequena e que marca. Ves esa loita constante de teus pais, esa forma de vivir, que se o coidado dunha viña, que se a atención a un cliente, a elaboración do viño... Lévalo moito nas emocións e a min é un sector que me tira”, conta Puri García. Os seus pais, Isaac García e Obdulia Domínguez, adicaron toda a vida á viticultura. Cultivaban algo máis de oito hectáreas en fincas tradicionais, con mestura de variedades autóctonas e cepas antigas que chegaban a superar o século de vida. A colleita transformábase daquela en viño a granel. O obxectivo era entón producir todo o viño posible, aínda que xa coidando a calidade, pois o mercado comezaba a demandar o viño de variedades nobres, como godello e treixadura en brancos e mencía en tintos. Obdulia Domínguez e Isaac García. Cando Puri García e Antonio Triay decidiron crear a adega para embotellar o seu propio viño, remataron o traballo de reconversión dos viñedos cara as variedades godello e mencía, principalmente, e comezaron a manexar a viña para limitar o seu rendemento produtivo. En lugar de cantidade de uva, buscaron a calidade. “É un traballo que fas na poda. Limitas o número de varas a fin de lograr unha uva que reciba máis alimento da planta” -explica Puri.- “Cando o meu pai viu iso por primeira vez, pensaba que estabamos facendo algo equivocado porque na súa época o que importaba era o volume, pero logo deuse de conta de que iamos no camiño correcto”. Parte das viñas de godello de Triay corresponden ó que se coñece en Monterrei como verdello, unha variedade local de godello caracterizada por bagos máis pequenos e por un sabor particular. “Lembro cando se enxertou esa viña -conta Puri-. Custou sacala adiante porque non tódolos enxertos van adiante á primeira, pero finalmente consolidamos ese viñedo, que nos aporta elementos diferenciais”. En Triay, o traballo na viña é algo que lles apasiona. “Eu vivino desde sempre, pero ao meu marido, que nunca se adicara ó viño, é algo que tamén lle encanta”, apunta Puri. A adega manexa na actualidade arredor de catro hectáreas de viñas e mércalle tamén pequenas cantidades a produtores de confianza do entorno, que seguen a mesma liña de traballo de Triay. Viños A empresa elabora dous monovarietais baixo a marca Triay, un godello, que incorpora pequenas aportacións de treixadura, e un mencía. Do godello elaboran un ano normal unhas 32.000 botellas e outras 9.000 de mencía. Esta campaña, a produción será inferior á metade polo efecto das xeadas tardías de primavera, que limitaron a produción. “Cando vimos os efectos da xeada pensamos en non coller nada e incluso tiñamos medo de que secaran as cepas, pero a viña volveu agromar e aínda que collemos menos uvas e pequerrechas, eran saborosas e de calidade”, destaca Puri. O mercado da adega céntrase en Galicia e no resto de España, con vendas principalmente en toda a zona norte, Baleares e Madrid. Tamén exportan pequenas cantidades a Estados Unidos e Alemania.

“Dende o 2008 a superficie de viñedos da DO Monterrei aumentou máis dun 50%”

Lara da Silva Rodríguez é dende o 28 de xullo a nova presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, a DO vitivinícola máis nova e a máis pequena de Galicia. Licenciada en Dereito pola Universidade de Vigo e diplomada en Criminoloxía pola de Santiago, convértese na séptima mandataria do organismo vitícola nun ano especialmente difícil para a DO debido ás xeadas do mes de abril. ¿Sorprendeulle que fora elixida presidenta do Consello Regulador por maioría absoluta? ¿Que supón para vostede? O nomeamento como presidenta supón un importante reto, tanto a nivel persoal como profesional. Todo elo, porque non só debo representar, no máis sentido estrito da palabra á Denominación, senón tamén traballar a reo en prol do seu crecemento tanto a nivel nacional coma internacional. Tocoulle asumir a presidencia quizás no ano máis difícil para o consello regulador polos efectos das xeadas ¿Como asume este reto? Certamente non se pode afirmar que esteamos nun ano idílico. A nosa Denominación este ano tivo que sufrir as inclemencias meteorolóxicas, non una, senón dúas veces, como foron as xeadas do mes de Abril e a saraibada no mes de Agosto. Con todo, a actitude debe ser positiva e de traballo porque non podemos esquecer o noso reto, que non é outro que seguir mantendo a calidade dos viños de Monterrei. E neste aspecto podo afirmar que o traballo de todos os que formamos parte deste proxecto está orientado precisamente a que os nosos consumidores ou potenciais consumidores sigan confiando e confíen en nós para consumir e desfrutar dos nosos viños. ¿Cales son as previsións da vendima para este ano? A tempada de vendima 2017 finalizou na Denominación de Orixe Monterrei cun total 2.884.103 quilogramos colleitados , das que un 70% son variedades brancas e o 30% tintas. Con respecto á campaña anterior, na que se alcanzaron 4.470.338 quilogramos, produciuse unha redución do 35,48%. Dita redución débese ás condicións climatolóxicas adversas sufridas no territorio da D.O. Monterrei: sarabia a finais de agosto, seca e, sobre todo, as xeadas que tiveron lugar as noites do 27 e 28 de abril.
"A colleita foi un 35% inferior pero mantívose a calidade"
Estas xeadas, que afectaron de forma selectiva a zonas e parcelas, tamén ocasionaron que se realizará unha vendima por etapas, de forma que nas primeiras xornadas colleitáronse as parcelas non afectadas por dicha xeadas, mentres que nos últimos días, as uvas das vides danadas que conseguiron volver agromar. As peticións de axudas para viticultores e adegas polos efectos das xeadas parece que caeron en saco roto. ¿Que lle demandan ás administracións e como afronta o sector en Monterrei esta situación? ¿Existe risco de abandono da actividade? Dende o primeiro momento, e así me consta, a Denominación de Orixe de Monterrei realizou todas as xestións que estiveron da súa man para apoiar aos viticultores afectados. De feito, a Conselleira de Medio Rural acudiu enseguida a Monterrei para coñecer as consecuencias das xeadas e falar con adegueiros e viticultores co obxecto de que lle transmitiran as súas inquedanzas. Incluso podo manifestar que a conselleira o día 27 de Agosto, con motivo da caída do pedrazo en determinadas zonas, estivo ao outro lado da liña telefónica. Dende a D.O, con motivo das xeadas, realizáronse mesas de traballo para atallar determinadas cuestións que foron xurdindo como actualizar o prezo da uva nos seguros, informar a viticultores de determinados procedementos a seguir… Pero son consciente de que aínda queda moito por facer. Dende o Consello Regulador remitimos varios escritos solicitando axudas de distinto tipo, directas a viticultores, métodos antixeadas, axudas para prepoda e replantación, reposición de enxertos, e estamos á espera dunha resposta, que confío poida xurdir nos próximos meses. Como presidenta, ¿Cales son os obxectivos que se marca para o seu mandato no Consello Regulador? As liñas inmediatas que nos propomos son seguir traballando no crecemento da D.O. Monterrei, apostando pola internacionalización e intensificar as accións de defensa e promoción do sector do viño de Monterrei. É necesario aproveitar a boa acollida que os nosos viños están tendo tanto en concursos nacionais como internacionais, porque temos un produto galego de calidade, froito do esforzo de adegas e viticultores. Sen dúbida un dos traballos da Denominación debe estar enfocado a intensificar o noso produto e con el a marca Monterrei.
“Posiblemente nos vindeiros meses se sumarán novas adegas á DO. Monterrei”
Do mesmo xeito, resulta importantísimo manter e traballar a prol da calidade, da que xa dan boa conta os consumidores do noso viño, polo que loita día a día o Departamento Técnico da Denominación. Ademais, por suposto, estamos nestes momentos a realizar as accións que xa se planificaron no principio do ano, como as que se van desenvolver con alumnos de escolas de hostalería ou iniciativas para o sector hostaleiro e de distribución en cidades españolas. Gustaríame tamén seguir avanzando nos próximos anos con campañas formativas, dado que a profesionalización de viticultores e adegueiros pasa sen lugar a dúbida pola súa formación e información, o que creo axudará a alcanzar aínda unha maior excelencia nos nosos viños. ¿Existe potencial de crecemento dos viñedos da DO? Desde logo que existe potencial, de feito nos últimos anos foron moitos as adegas e viticultores que plantaron novos viñedos, pasándose de 374 hectáreas no ano 2008 ás 571 hectáreas actuais. ¿Hai previsións de apertura de novas adegas e de entrada de grupos de fóra no sector, como está a acontecer noutras Denominacións de Orixe galegas? Temos constancia, de que actualmente Monterrei é una Denominación de Orixe con atractivo e que posiblemente nos vindeiros meses se sumarán á D.O. Monterrei novas adegas, unha nova que sempre é positiva para o sector. A comarca de Monterrei está a sufrir unha nova vaga de lumes forestais. ¿Como está a afectar aos viñedos? ¿En que medida a viticultura pode ser nesta comarca un freo ao abandono do rural e aos lumes forestais? Os lumes son unha lacra nesta comarca e é moi triste ver como se queiman os nosos montes ano tras ano. De feito, no pasado ano moitos viñedos do municipio de Oímbra víronse danados polos incendios, e neste ano tamén temos constancia de que o lume afectou a algúns viticultores, un contratempo máis entre os múltiples que xa teñen.
“Creo firmemente que a posta en cultivo das terras, por exemplo a través da viticultura, axudará a combater os lumes forestais”
Neste sentido, creo firmemente que o cultivo das terras, coa plantación de viñedos, contribúe a xerar riqueza no rural galego, de feito somos uns dos sectores principias da comarca, e ademais pode axudar en parte a limitar os lumes forestais. Es a segunda muller, e a única das 5 DO´s galegas, que é elixida presidenta da DO Monterrei. ¿Existe un teito de cristal para as mulleres no sector do viño? Certamente, é unha pregunta que dende o meu nomeamento, levo escoitado moito, porque parece unha gran novidade, máis incluso que o feito de que teña 27 anos. En realidade asústame comprobar como se amosa tanta curiosidade polo feito de ser muller porque se lle contesto con franqueza non creo que ser home ou muller sexa relevante para presidir un consello regulador, de feito tanto en Monterrei como noutras denominacións xa estiveron presididas anos atrás por mulleres. É máis, en Monterrei, dende hai décadas, son moitas mulleres vinculadas ao mundo do viño, tanto como viticultoras como adegueiras.

Adega Sat Boo-Rivero, un exemplo de relevo xeracional e de aposta pola exportación

A adega Sat Boo Rivero, situada en Vilaza, no concello de Monterrei, é un exemplo de como o relevo xeracional na viticultura pode crear riqueza e fixar poboación no medio rural. Cristóbal Boo Rivero, xerente da adega familiar SAT Boo Rivero, na que tamén traballan a tempo completo outras catro persoas, decidiu no ano 2006 dar o salto definitivo á profesionalización na viticultura. “Partimos dunha adega familiar, que xa viña do meu pai e do meu avó, na que empezamos elaborando viño de forma tradicional para consumo en casa, e cos anos fomos aumentando a superficie, ata que no ano 2006 tomamos a decisión de poñer en marcha nosa propia adega”, explica este mozo. A día de hoxe Sat Boo Rivero canta con 20 hectáreas de viñedo, entre propios e alugados, repartidos por toda a Denominación de Orixe Monterrei, desde o val de Vilaza e de Albarellos, pasando pola zona de ladeira de Gargalo ata Tamaguelos e tamén na zona máis de montaña, na Salgueira. “Os nosos viñedos están en solos e en altitudes diferentes, o que unido ás distintas variedades, e a un método de cultivo tradicional, con moita man de obra, permite que os nosos viños expresen unha esencia única do terroir no que se se sitúan”, destaca Cristóbal.
 “Temos unha enorme variedade de solos, altitudes e de parcelas. É o que nos diferencia”
A diversidade vese potenciada polo minifundio, xa que nesta adega a superficie repártese en nada menos que 38 parcelas diferentes, a máis grande de 4,5 hectáreas pero a maioría son pequenas parcelas de entre 1.000 e 2000 metros cadrados de superficie. Como non podía ser doutro xeito na D.O. Monterrei, a variedade raíña desta adega é a Godello, que ocupa ao redor do 70% dos viñedos, un 15% é de Treixadura, e o resto de Mencía. A idade media vai dos 12 anos aos 50 para as máis antigas. “Son variedades que nesta zona, polas súas características climatolóxicas e de solo, exprésanse de forma diferente a en outras Denominacións de Galicia”, recoñece Cristóbal.

Tres viños para tres momentos diferentes

Actualmente adega Boo-Rivero conta con tres viños no mercado: Fraga do Corvo Godello, Fragas do Lecer e Fraga do Corvo Tinto, “tres viños diferentes para cada tipo de cliente e distintos momentos”, subliña Cristóbal. Fraga do Corvo Godello, un viño con máis estrutura e máis gastronómico, está elaborado coa uva de viñedos propios de máis de 20 anos. As uvas vendímanse manualmente en caixas de 15 kg e a continuación son transportadas de inmediato á adega, onde a uva sométese a control de temperatura mediante a súa introdución en cámara frigorífica a 5 ºC. Posteriormente selecciónase acio a acio e unha vez fermentado o viño, sométese a unha crianza sobre lías finas durante 7 meses. Pola contra, Fragas de Lecer é un coupage de 85% Godello e 15% Treixadura. É un viño alegre, fresco, dirixido a ese público novo que está a recuperar a tradición do consumo de viño. Os expertos cualifícano como “de cor amarela palliza e cuns claros reflexos verdosos; moi complexo en nariz, con recordos a froita tropical, cítricos e froitas de óso, e en boca é envolvente e moi amplo, cun final equilibrado e persistente”.
“Estados Unidos copa o 70% das súas exportacións de viño”
Por último, Fraga do Corvo Tinto, é un viño elaborado con Mencía 100% dun viñedo situado nunha das ladeiras históricas de Monterrei. Despois da maceración en frío, o viño fermenta en barricas de carballo francés de 500 litros. Cando termina a fermentación alcohólica e a maloláctica, unha parte do viño realiza unha crianza estática en depósitos de aceiro inoxidable e a outra parte en barricas de carballo francés de gran fino durante 7 meses. Este delicado proceso complétase cun mínimo de tres meses de repouso en botella antes de saír ao mercado. Estamos, por tanto, ante un viño fluído, intenso e fresco, excelente exemplo do potencial da variedade Mencía nesta zona. En total, adega Boo-Rivero elabora arredor de 120.000 botellas ao ano: unhas 75.000 de Fragas de Lecer, 30.000 de Fraga do Corvo Godello e unhas 12.000 de Fraga do Corvo Tinto. Máis do 50%das súas vendas fóra de España e crecendo En canto ao mercado, Cristóbal Boo Rivero tivo claro desde un principio que era necesario apostar pola exportación, e a día de hoxe o 50% das vendas de Fraga do Corvo Godello xa están fóra de España, fundamentalmente en Estados Unidos, mentres que a outra metade repártase a partes iguais entre Galicia e o resto do Estado. “Estados Unidos representa o 70% do noso mercado exterior, fundamentalmente para o Fraga do Corvo Godello. Temos moitas esperanzas postas no mercado exterior”, recoñece este adegueiro. E é que “mentres que no mercado nacional existe moita competencia por prezo entre moitos e bos viños, sen embargo noutros países valoran máis o produto e a filosofía que hai detrás do teu traballo, máis que o prezo do viño”.

Futuro: novas plantacións para atender á crecente demanda

Viñedos da adega Sat Boo-Rivero O incremento da demanda e as boas expectativas para os viños da Denominación de Orixe Monterrei, levaron a esta adega a planificar a ampliación dos viñedos. “Tanto a variedade Godello como os viños da nosa zona son cada vez máis valorados e demandados. Por iso temos un proxecto para realizar nos próximos dous anos novas plantacións de viñedo que ocuparán unhas 15 hectáreas, tanto na zona de val como na montaña”, asegura Cristóbal. E é que, tal como subliña este novo viticultor, “o futuro da D.O. Monterrei está no relevo xeracional e en que a xente que se incorpore traballe de forma profesional”. O seu caso é un exemplo a seguir.