Archives

Renovación da xunta de goberno do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia (Coetfg) vén de renovar a súa xunta de goberno, que tomou oficialmente posesión dos cargos este pasado 18 de xuño, tralo proceso electoral realizado en maio. Desde o Colexio destacan que a nova xunta “integra experiencia e destreza cunha visión renovada e cargada de ilusión e confianza”. Sinalan asímesmo que o equipo está conformado por “profesionais en activo que exercen dende áreas moi diversas e configurando deste xeito un equipo multidisciplinar e cun amplo foco cara a profesión”.

A nova Xunta de Goberno está formada por:

  • Santiago García, en calidade de Decano. Enxeñeiro Forestal e Técnico Superior en prevención de riscos laborais, que actualmente desempeña funcións de Coordinación de Seguridade e Saúde en obras relacionadas coas Enerxías Renovables. Promotor da constitución do COETFG e socio cofundador deste colexio profesional; liderou a entidade dende o cargo de Decano durante distintas etapas, participando ademais noutros cargos ao longo da vida do Colexio.
  • Mercedes Rois, en calidade de Secretaria. Enxeñeira Forestal, Doutora Enxeñeira de Montes, colexiada do COETFG dende 1999, conta cunha ampla experiencia profesional no Instituto Forestal Europeo, con sede en Finlandia, e actualmente exerce a profesión en Galicia como consultora independente no eido da bioeconomía forestal.
  • Anxos Corral, en calidade de Tesoureira. Enxeñeira Forestal colexiada dende 2004, con experiencia profesional no ámbito da consultoría forestal no eido da construción en madeira e execución de obra. Actualmente compatibiliza a súa actividade profesional no eido dos seguros coa labor docente. En distintas ocasións ten participado activamente na organización e deseño de distintas actividades postas en marcha polo colexio.
  • Beatriz Carrera, en calidade de Vogal. Enxeñeira Forestal e Enxeñeira de Montes, colexiada dende 2006, exerce a profesión libre dende unha consultaría técnica centrada no eido da Topografía. Colaboradora activa en numerosas actividades do COETFG.
  • Francisco Javier Turrillo, en calidade de Vogal. Enxeñeiro Forestal, promotor da constitución do COETFG e socio fundador deste colexio profesional. Dende fai mais de 25 anos desempeña a profesión na Administración Pública Galega, e actualmente no cargo de Xefe de Área Técnica do Servizo de Actuacións Preventivas da Subdirección Xeral de Prevención, na Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural.

O equipo directivo do COETFG, composto pola Xunta de Goberno, está apoiado no traballo profesional da Xerencia, a cargo de Patricia González, que conta cunha traxectoria de máis de 20 anos no desenvolvemento da entidade. Outra das patas do Colexio é a Asesoría Xurídica. encabezada por Simón Carballal. con participación tanto na constitución da entidade como na súa traxectoria.

O Colexio apunta como retos máis inmediatos da nova xunta o de consolidar e reforzar a entidade, incrementar a súa presenza e liñas de colaboración con distintas administracións e entidades representativas do sector e acadar unha maior implicación do colectivo.

Outro dos eixos centrarase en avanzar na defensa da profesión , en áreas como son as atribucións profesionais, a defensa de condicións de emprego dignas, fomentar vocacións, acadar unha igualdade real no desempeño da profesión en calquera das súas áreas, así como a adecuación e adaptación dos servizos colexiais ás novas demandas e a nova realidade tecnolóxica.

Por último, o Colexio lembra que todo isto “sería imposible sen a confianza e o apoio do colectivo de Enxeñeir@s Forestais, que no seu día a día realiza unha labor encomiable en defensa da profesión, ademais das aportacións e colaboración que continuamente achega ao seu colexio”.

Créase o rexistro de silvicultores activos e de agrupacións forestais de xestión conxunta

O Consello da Xunta coñeceu hoxe o informe da Consellería do Medio Rural sobre a nova orde pola que se regularán os procedementos de tramitación electrónica para o recoñecemento das agrupacións forestais de xestión conxunta e das persoas silvicultoras activas. A orde publicarase proximamente no Diario Oficial de Galicia.

Así, poderán solicitar o recoñecemento como silvicultor activo persoas ou entidades, con ou sen personalidade xurídica, xa sexan propietarias, titulares ou xestoras dos aproveitamentos e servizos ecosistémicos de unidades de xestión forestal. Deberán contar cun instrumento de ordenación ou de xestión forestal e dispoñer dun certificado de xestión forestal sustentable emitido por un sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente.

O recoñecemento do estatus de silvicultor activo facilitará o acceso prioritario ás axudas vinculadas á ordenación e xestión forestal ou medidas públicas de apoio ao sector forestal. Tamén permitirá o acceso á cesión dos montes veciñais en man común que sexan declarados en estado de grave abandono ou degradación, con preferencia dos silvicultores activos que sexan comunidades de montes, e en todas aquelas situacións en que se requira unha xestión sustentable do monte, en particular nos procesos de declaración de abandono ou infrautilización de terras agroforestais.

Agrupacións forestais de xestión conxunta

Por outro lado, poderán ser recoñecidas como agrupacións forestais de xestión conxunta as sociedades de fomento forestal (Sofor), así como as asociacións sen ánimo de lucro constituídas para o auxilio, apoio e asesoramento ás persoas propietarias ou titulares dos dereitos de aproveitamento de terreos na planificación da xestión forestal e na xestión e comercialización conxunta dos seus aproveitamentos.

Tamén poderán ter esta denominación as sociedades civís e comunidades de bens, as cooperativas e outras entidades de economía social, as sociedades agrarias de transformación (SAT), as sociedades mercantís reguladas na lexislación de sociedades de capital, así como calquera outra que teña por obxecto a recuperación, de forma conxunta, de terras forestais.

Estas agrupacións deben ter por finalidade un ou varios dos seguintes obxectivos:

-A mobilización de terreos forestais por medio da súa xestión conxunta e sustentable.

-A recuperación de terreos forestais e impedir o seu abandono.

-Favorecer a xestión, produción e comercialización conxunta.

-Servir como instrumento para a conservación do ambiente mediante a xestión activa e valorización das masas consolidadas de frondosas autóctonas.

-A prevención e defensa contra os incendios forestais.

-A protección fronte a catástrofes e a mitigación e adaptación contra o cambio climático.

-A creación de emprego endóxeno.

Unha vez recoñecida a agrupación, inscribirase de oficio no Rexistro de Agrupacións Forestais e as persoas titulares de parcelas forestais lindeiras quedarán obrigadas a manter unha xestión cun nivel de actividade forestal equiparable ao da agrupación. De non facelo, poderán declararse en situación de abandono ou infrautilización, e a agrupación terá a posibilidade de acceder a arrendar ese terreo.

Ademais, a Consellería do Medio Rural poderá concertar contratos temporais, de carácter voluntario, para a xestión forestal sustentable dos montes particulares das agrupacións de xestión conxunta.

Xestión do monte, fronte ó abandono

A posta en marcha de ambos rexistros estaba xa recollida na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia e buscan atallar o abandono e infrautilización dos montes galegos. A previsión manexada por Medio Rural é acadar as 100 agrupacións e os 25.000 silvicultores activos deica o ano 2025.

Agardan que as iniciativas de xestión conxunta promovan a recuperación da terra, ampliando a base territorial e aumentando a rendibilidade do sector forestal, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais. En canto á figura do silvicultor activo tamén esperan que contribúa a estes fins, mediante o impulso de terreos baixo instrumentos de ordenación e de xestión, e adheridos a sistemas de certificación forestal sustentable.

“Galicia é o referente forestal en España, polo que debéramos ter un Plan Forestal á altura, e este é mellorable”

A enxeñeira de montes Verónica Rodríguez Vicente acaba de converterse na primeira muller que accede ao Decanato do Colexio de Enxeñeiros de Montes en Galicia. Ademais, é a primeira decana formada na universidade galega (USC), xa que ata comezos da década dos 90, a enxeñería de montes era impartida case exclusivamente en Madrid. Abordamos con ela os proxectos do Colexio para os próximos anos e algúns dos temas de actualidade que afectan directamente á xestión do monte, como o novo Plan Forestal, as agrupacións de xestión conxunta ou os novos contratos para os montes veciñais conveniados coa Xunta. -Cal é o programa de traballo para estes 4 anos? -Queremos continuar co propósito inicial do Colexio, que é defender e apoiar a profesión de enxeñeiro de montes, como técnico superior especializado na xestión e conservación do medio natural. Buscamos potenciar o valor engadido que ten a nosa titulación. Pretendemos ser un referente en materia forestal e un interlocutor válido en todos aqueles órganos e foros relacionados co ámbito forestal, como o Consello Forestal. Para nós é moi importante a transparencia e o acceso á información por parte de todos os colexiados galegos. -Cantos asociados teñen actualmente en Galicia? -No noso caso, para exercer a profesión é obrigatorio estar colexiado, mesmo os funcionarios públicos deben estalo. Actualmente temos 262 colexiados, o que supón un 8% dos enxeñeiros de montes de España.
"Moitas veces os traballos que realizan os enxeñeiros de montes non son apreciables directamente, senón máis ben a longo prazo"
-A enxeñería de montes é unha profesión que se ten que revalorizar? -É certo que debemos ser máis visibles para a sociedade. En numerosas ocasións, os traballos que realizan os enxeñeiros de montes non son apreciables directamente, senón máis ben a longo prazo. É o caso, por exemplo, da restauración forestal de concas hidrográficas, a fixación de sistemas dunares ou a xestión sustentable de madeira e froitos silvestres. Moitas veces, a sociedade non é consciente de que existe un técnico especializado que se dedica a xestionar da forma máis sustentable o medio natural. Tamén é tarefa nosa afondar na divulgación, pois detectamos crenzas erróneas que desafían á ciencia forestal, como a falsa idea de que os piñeiros son exóticos en España, cando os rexistros históricos demostran a presenza desta especie no territorio nacional desde antigo; de feito 7 das especies de piñeiro que hai na Península son autóctonas.

"A fiscalidade actual anula calquera interese polo asociacionismo forestal"

-Como valoran o novo Plan Forestal de Galicia? -En primeiro lugar, cremos que debera ser un plan e, neste caso, carece do principio básico que debe ter calquera plan forestal nunha rexión, xa que ten que ser un programa marco para todo o territorio rexional. Debera de existir un compromiso unánime de toda a Administración pública, conciliando así intereses, usos, utilización dos recursos forestais... O documento que se presentou polo momento non cumpre con este principio básico, polo que non pode considerarse como un Plan Forestal. O monte non atende a competencias administrativas. En Galicia, as competencias en materia forestal divídense entre as Consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente. Esta última é a que se encarga de xestionar os espazos da Rede Natura, onde o 80% desta rede é terreo forestal, pero Medio Ambiente non é coimpulsora do Plan Forestal. Non se trata dun programa marco de política forestal, senón que é un plan da Consellería de Medio Rural. Debera de ser un programa para toda a sociedade, toda a Administración, e vinculante. Por outra banda, a día de hoxe non coñecemos a delimitación exacta dos nosos recursos forestais, xa que unha parte importante dos nosos 2 millóns de hectáreas non terían a consideración legal de monte e quedarían excluídos do Plan Forestal.
"O Plan Forestal non é un programa marco de política forestal, senón que é un plan da Consellería de Medio Rural"
Galicia é o referente forestal en España, xa que o 7% do monte de España é galego e se miramos o espazo arborado, increméntase ao 8%. Con esta superficie facturamos 2.200 millóns de euros e xeramos a metade das cortas a nivel español. Galicia concentra o 30% dos recursos de uso forestal que hai en España. Somos o referente do Estado e merecémonos un plan forestal á altura, e este é mellorable. É un plan que adoece de moitas carencias, por exemplo, a falta de datos actualizados de inventario, xa que os que se manexan son de 2009. Para planificar, tamén habería que ter en conta cuestións como a importación e exportación de madeira.
"En Galicia non extraemos do monte todo o potencial que temos. Debemos mellorar na xestión silvícola"
-Unha das liñas destacadas deste Plan é que procura unha regulación das plantacións de eucalipto e favorecer o aumento dos piñeirais e soutos. Prevén reducir nos próximos 20 anos un 5% os eucaliptais, ven acertada esta previsión? -Nós preguntámonos porqué se fíxa ese 5%. Sabemos que superficie de eucalipto hai realmente?. As medidas que contempla o plan son moi pouco detalladas, son só boas intencións. Unha política forestal debe ter unha planificación anual de todas as actuacións que pretende levar a cabo, e esta debe estar vinculada con indicadores claros, concretos, medibles e verificables, cousas das que carece este plan. Hai unha carencia de programación e planificación estratéxica. Precisamos de metas revisables a curto e medio prazo. -En que se debería incidir para ter unhas masas forestais con xestión máis activa? -Nas nosas masas forestais tanto de coníferas, como de frondosas autóctonas, temos que pensar que se trata dun cultivo, polo que ademais do investimento inicial que supón a propia plantación, requírese unha serie de tratamentos silvícolas que a ciencia forestal leva desenvolvendo e investigando. Non podemos pensar que só hai que plantar, senón que se precisan unha serie de tratamentos para mellorar a súa rendibilidade e lograr a ordenación sustentable desa masa. Así, no caso dos piñeirais, ademais da roza, é preciso realizar accións como clareos e podas. Tamén existen tratamentos de mellora do chan a través de vexetación espontánea, que pode interesarnos polo seu valor ambiental ou biolóxico. Todas estas prácticas están moi estudadas pola ciencia forestal e deben de aplicarse, o que en Galicia aínda custa, polo que non extraemos do monte o potencial que poderiamos obter.
-Sinalouse ao minifundismo dos montes de Galicia como un dos principais atrancos para o aproveitamento forestal, consideran que a Lei de Recuperación e Posta en Valor de Terra Agraria pode atallar este problema? -Aínda non tivemos oportunidade de examinar a lei en profundidade, polo que non podemos valorala. As leis feitas até o momento para atallar esta situación non deron os resultados esperados. É certo que o problema que temos hoxe en día co minifundio é moi importante, xa que o 97% do monte galego é privado e contén o maior número de parcelas catastrais de España. Doutra banda, temos a media máis alta de parcelas por titular. Ademais, hai un gran número de parcelas de uso forestal cuxo propietario non está claro, o chamado propietario forestal descoñecido.
"Temos aínda unha batalla de socioloxía co propietario forestal para facerlle entender as posibilidades de proxectos piloto de asociacionismo forestal"
-Que posibilidades ven nas agrupacións de xestión conxunta para reducir o minifundio? -A día de hoxe, se o que se quere é unha actividade económica que sexa rendible, viabilizar os custos e actividade, canto maior sexa o tamaño da propiedade máis fácil será logralo. Segundo apuntan diferentes estudos, hai certos tamaños da propiedade onde tamén resulta máis factible conseguir moitos dos servizos que se lle piden ao propietario dos montes como a mellora de biodiversidade, a non fragmentación esaxerada dos ecosistemas ou a provisión de servizos. Calquera tipo de agrupación e asociación contribúe a conseguir estes obxectivos. Agora estase empezando a traballar nesa liña. O propietario galego é reticente aos procesos de agrupación do territorio ou para realizar actuacións de reestruturación das parcelas debido a ese apego á terra que hai en Galicia. Ademais, a fiscalidade actual anula calquera interese polo asociacionismo. Temos aínda unha batalla de socioloxía co propietario forestal para facerlle entender as posibilidades de proxectos piloto de asociacionismo forestal, algúns deles con moi bos resultados. -As Sofor tamén se presentaron como solucións, pero non acaban de ser unha opción escollida polos propietarios forestais, que falla? -É unha figura cun marcado carácter económico-financeiro e bastante complexo para a actividade forestal. Para esta actividade precisaríase de figuras cunha maior flexibilidade económica (dobre tributación), unha agrupación forestal como pode ser unha SAT agraria, que non sexa tan coutada podería funcionar mellor. De feito, en zonas da provincia de Lugo xa están a funcionar moi ben algunhas SAT que teñen entre os seus obxectivos a xestión das masas forestais. Tamén hai proxectos de agrupación de xestión conxunta que están a funcionar moi ben, como Monte Cabalar, na Estrada (Pontevedra) ou a SAT Trabada, en Lugo. -Como se presentan os novos contratos de xestión pública para os montes veciñais con convenios coa Xunta? -A día de hoxe aínda non se sabe como se van a levar a cabo. Existe a posibilidade de que esa xestión pública por parte da Administración sexa subcontratada, o que pode ser bo, pero tamén pode converterse nunha arma de dobre fío. Si é certo que as antigas figuras que existían de xestión pública, tanto consorcios como convenios, requirían ser revisados e modernizar a situación, xa que eran acordos feitos boa parte deles entre 1976 e 1980 e a xestión e situación cambiou moito dende entón. -En que aspectos deben mellorar estes acordos de colaboración coa Administración? -Hai que diferenciar a xestión que realiza a Administración nos montes públicos da que fai en montes privados, mediante convenios en montes veciñais en man común ou con pequenos propietarios. En ámbolos dous casos, a xestión pública debe de ser única, exclusiva e baseada no respecto da ordenación da actividade forestal de forma sustentable. Nos montes privados, debe mellorarse en transparencia, ten que existir unha planificación aprobada por ámbalas dúas partes e cuxos resultados e revisións deben trasladarse aos implicados. Ademais, a xestión pública debe ser un referente e modelo para o resto, debe haber un proxecto de ordenación realizado por enxeñeiros de montes, e que debe executarse, non pode ser un documento baleiro. Ten que adaptarse ás posibilidades dese monte e debe ser un proxecto multiservicio e multiproducto, non limitarse ao aproveitamento de madeira. Tendo en conta as tendencias actuais, eses montes deberían esta certificados por unha entidade independente que garanta que se realiza unha xestión sustentable. -Como ven o futuro do sector forestal e o monte en Galicia a curto prazo? -O sector forestal é un sector de futuro e estratéxico nas axendas públicas, internacionais e nacionais e en Galicia éo indiscutiblemente. Pero o noso documento marco (Plan forestal) non planifica coherentemente todo o potencial dos nosos recursos nin liquida moitas das súas debilidades.
Xunta rectora Completan a xunta rectora do Colexio os enxeñeiros Santos G. Arenas, Gonzalo Perales, Pablo Arbones, Jesús de la Fuente e Alberto Rojo.

A Xunta autoriza as rozas e os traballos de mantemento e limpeza nos montes

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural que autoriza a desenvolver actividades de roza, mantemento e limpeza nos montes ou terreos forestais. Os traballos poderán realizarse nos predios situados en solo rústico, así coma nas fincas en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable. A medida foi acordada polo Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria, que xa reactivara en días pasados a obriga da limpeza das faixas secundarias -as dos 50 metros máis próximos ás vivendas. Dende a Consellería de Medio Rural indican que tiveron en conta a proximidade da época de alto risco de incendios, así coma o tempo transcorrido dende a primeira declaración do estado de alarma, a evolución da pandemia e a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, para permitir estas actividades no monte. A resolución autoriza a realizar traballos de xestión de biomasa nos montes ou terreos forestais, nos predios en solo rústico que alberguen especies vexetais leñosas ou herbáceas, así como nas fincas en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable. As rozas, limpezas ou tarefas de mantemento poderán levalas a cabo os titulares desas parcelas ou as persoas que ostenten dereitos sobre as mesmas que as habiliten a tal fin.

Declaración responsable

Para xustificar o desprazamento, os interesados deberán levar consigo unha declaración responsable que comprenda as fincas nas que van traballar, incluíndo a identificación da parcela e a súa referencia catastral. Tamén terán que portar os apeiros, utensilios ou ferramentas necesarios ou, de non levalos, incluír na declaración responsable que os teñen depositados na finca ou lugar determinado. Se os titulares dos terreos teñen contratado con terceiros a xestión da biomasa e precisan desprazarse ás leiras para dirixir os traballos ou por calquera outro motivo relacionado cos labores deberán incluír na declaración responsable os datos da empresa ou persoa contratada: nome ou razón social, NIF, domicilio ou sede e a previsión das datas nas que se levarán a cabo os traballos. Neste caso, non será obrigatorio levar os apeiros, utensilios ou ferramentas.

-Consulta aquí a resolución en detalle.

 

Ampliado o prazo para inscribirse no plan de emprego xuvenil no rural de Lugo

A Deputación de Lugo aprobou a ampliación ata o día 20 de xaneiro do prazo de inscrición para favorecer a participación no plan de emprego xuvenil para fixar poboación, denominado ‘Prende! Bota raíces no rural’, que ten en marcha a Deputación, tendo en conta que o período inicial de solicitude coincidiu na súa práctica totalidade coas datas de Nadal. O programa está dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, apuntados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e empadroados nalgún dos 58 concellos lucenses que teñan menos de 5.000 habitantes, ou entre 5.000 e 10.000 cun saldo demográfico negativo. Os interesados poden anotarse de forma presencial no Pazo de San Marcos ou a través da sede electrónica. Os seleccionados formarán parte dunha primeira etapa de formación, que se levará a cabo por sectores: enerxías renovables (que se impartirá na Mariña), xestión forestal (na Montaña), hostalería e turismo (Ribeira Sacra), e agricultura e gandería (zona centro). Nesta fase de aprendizaxe, os participantes comprométense á asistencia e aproveitamento da preparación recibida e haberá unha proba de coñecemento por cada acción formativa. Por cada xornada de formación de cinco horas o participante recibirá 14 euros e a Deputación entregará tamén un diploma de asistencia ao final deste período. Despois da primeira fase de formación, desenvolverase unha segunda de experiencia laboral, na que a Deputación concederá axudas a empresas vinculadas cos anteriores sectores produtivos para que contraten durante 8 meses aos mozos e mozas que recibiron a formación, e poidan así adquirir experiencia laboral. O importe da axuda que recibirán as empresas será de 4.410€ por cada persoa contratada. Os traballadores e traballadoras percibirán como mínimo 900€ ao mes. Ademais, a aqueles participantes no programa que decidan emprender, a Deputación concederalles unha axuda de 5.510€ para poñer en marcha o seu proxecto empresarial. Os concellos beneficiarios deste plan de emprego representan o 82 % de toda a provincia. Son os seguintes: Carballedo, Taboada, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Chantada, Paradela, Samos, Triacastela, Bóveda, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober, Antas de Ulla, Palas de Rei, Monterroso, O Incio, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Rábade, Castro de Rei, Meira, Pol, Riotorto, Láncara, Begonte, Cospeito, Guitiriz, Muras, A Pastoriza, Xermade, Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, Cervo, Ourol, O Vicedo, Xove, Barreiros, A Pontenova, Trabada, Abadín, Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín e O Courel.

As vacas e os cabalos contribúen a ter un monte con vexetación máis diversa

A presenza de gando vacún e cabalar no monte contribúe a controlar especies como o breixo e as toxeiras e favorece que aparezan outras variedades vexetais e florais, de maneira que se consegue un monte máis diverso. Estas son algunhas das principais conclusións que se extraen da tese do investigador Carlos López López, presentada na Escola Politécnica Superior (EPS) de Enxeñaría do Campus de Lugo. O investigador abordou o comportamento alimentario do gando cabalar e vacún en áreas de montes da cornixa cantábrica onde predominan os breixos e as toxeiras. Ademais, a investigación procura establecer pautas de manexo axeitadas para o desenvolvemento de sistemas sostibles destes grandes herbívoros neste tipo de montes.
A investigación procura establecer pautas de manexo axeitadas para o desenvolvemento de sistemas sostibles destes herbívoros no monte
As conclusións ás que chega López proceden dos resultados obtidos en tres experimentos desenvolvidos na finca do Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Agroalimentario de Asturias (Serida) 'Monte Carbayal', localizada na Serra de San Isidro (Illano, Asturias). O primeiro destes experimentos centrouse na avaliación da selección da dieta do gando cabalar, ademais da resposta produtiva e o estado parasitario destes animais. Nesta fase, López tamén avaliou a dinámica vexetal das áreas de matogueira de breixos e toxos nas que pastaba o gando. Outra das experiencias desenvolvidas compara o comportamento do gando cabalar e o vacún en distintas situacións de vexetación. Tralo estudo, López constata que as bestas pacen máis tempo que as vacas. Nunha terceira fase, o investigador avaliou a composición e dixestión da dieta e a inxestión en equinos e gando vacún alimentados con forraxes procedentes de matogueiras e prados.

Tribunal da tese

A investigación do doutoramento estivo dirixida por Koldo Osoro e Rafael Celaya. Ademais, o doutorando contou coa titoría da catedrática do Departamento de Produción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela (USC) na EPS de Enxeñaría, Rosa Mosquera Losada. O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento estivo presidido pola profesora da área de Bioloxía Vexetal e Ecoloxía da Universidade do País Vasco Arantxa Aldezabal. A docente da Facultade de Medicina Veterinaria da Universidade de Lisboa María Joâo de Sousa Ferreira Martelo Fradinho e o catedrático da USC Antonio Rigueiro, que actuou como secretario, completaron un tribunal que outorgou a máxima cualificación académica á tese desenvolvida polo investigador.

A cortiza das sobreiras, un recurso descoñecido do monte galego

“Moitos sorpréndense cando descobren que en Galicia tamén hai sobreiras e que producimos cortiza”, recoñece Francisco Ribeiro de Almeida, propietario da fábrica Corchos Almeida, en Ribadavia (Ourense), a única industria que procesa cortiza en Galicia. Tanto as sobreiras como o aproveitamento da súa cortiza, principalmente para a elaboración de tapóns e con fins industriais, é un recurso infravalorado e pouco aproveitado, como coinciden en sinalar dende o sector.
As concas do río Miño, Alvia ou Arnego son algunhas das zonas onde se localizan sobreiras
Aínda que é escasa a documentación que dá conta dos sobreirais que se contabilizan nos montes galegos, hai zonas onde as sobreiras levan tempo asentadas e o aproveitamento da cortiza ten unha longa tradición. A conca do río Miño, en zonas como Arbo, Os Peares ou Salvaterra ten montes onde a sobreira é unha máis das árbores do bosque tradicional. As ribeiras do río Alvia, é outro dos enclaves onde se localizan sobreiras, nas terras de Boborás. Na zona centro da provincia de Pontevedra, de novo na conca dun río, neste caso no Arnego, que percorre concellos como Vila de Cruces e Agolada, é terra de sobreiras. De feito, o coñecido como Sobreiral do Arnego, que se estende polas marxes deste río é unha das zonas que acumulan unha maior densidade de sobreiras. Tamén nos montes do Courel, aínda que dun xeito máis puntual e mesturado entre o bosque autóctono, contabilízanse un importante número de exemplares.

Valorar a sobreira

Detalle da cortiza nunha sobreira. Ó contrario do que acontece noutras zonas da Península Ibérica, como Extremadura, Andalucía ou Portugal, onde teñen gran presenza da sobreira na súa paisaxe, en Galicia esta árbore non é tan apreciada nin valorada. “A xente non acostuma a darlle valor á sobreira, o que propicia que eses montes vaian quedando  abandonados e sexa máis difícil que o seu aproveitamento sexa rendible, polo esforzo que supón acceder a eles”, apunta Ribeiro de Almeida. O aproveitamento da cortiza das sobreiras contempla uns prazos longos de produción, posto que debe agardarse a que a árbore acade un perímetro mínimo de 60 centímetros a unha altura de 1,30 metros para realizar a primeira saca, para o que poden facer falta 25 ou 30 anos. Ademais, entre cada extracción deben pasar alomenos 10 anos.
“A cortiza pode supor un aproveitamento, igual que se está facendo co resinado dos piñeiros” (Alberto González)
“Aínda que son prazos longos, a cortiza pode supor un aproveitamento destas árbores, igual que se está facendo co resinado dos piñeiros”, comenta Alberto González, profesor no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán e que está a traballar sobre as sobreiras. Hai quen aposta pola conservación das sobreiras como parte dun monte diverso e pola súa capacidade, ó igual que outras frondosas, para mitigar e frear o avance dos lumes forestais. Estes son precisamente dous dos argumentos que levan á Comunidade de Montes de Meis (Pontevedra), a querer conservar un sobreiral de preto de 3 hectáreas. Agora están inmersos na tramitación dunha área de 4,5 hectáreas, na que se inclúe o sobreiral, como Espazo Privado de Interese Natural (Epin). Agardan que esta tramitación lles permita preservar ese espazo e tamén valoran un aproveitamento da cortiza nos próximos anos, aínda que, polo momento, non descortizaron case ningún destes exemplares.
Na Comunidade de Montes de Meis contan cun sobreiral de preto de 3 hectáreas que queren preservar e aproveitar
“É moi importante conservar as sobreiras para ter un monte variado e poder amosarlle ós máis novos o potencial que poden ter as frondosas e a protección que ofrecen fronte ó lume”, explica Francisco Casás Graña, presidente da Comunidade de Montes de Meis. Ademais de preservar o sobreiral, dende a Comunidade de Montes están a levar a cabo repoboacións con sobreiras noutras partes do monte onde xa hai algún exemplar co gaio de aumentar a presenza destas árbores. Con este mesmo afán de conservación e fomento da diversidade pervive a Zarra da Pena, no corazón do Sobreiral do Arnego, en Carmoega (Agolada, Pontevedra). Trátase dunha finca que pertence a varios propietarios e abrangue unhas 24 hectáreas de monte, onde predominan as sobreiras mesturadas con outras especies, na súa maioría árbores autóctonas e caducifolias. Sobreiras na Zarra da Pena, no Sobreiral do Arnego, en Agolada (Pontevedra). Marcial Barral, un dos propietarios e xestor da finca recoñece que foron moitos os que, hai anos, tentaron convencelo dun aproveitamento da zona con especies como o piñeiro e o eucalipto. Porén, el rexeitou esa opción e apostou pola conservación do espazo. A saca da cortiza e outros proxectos de aproveitamento do monte como a introdución de cabalos foron algunhas das opcións que levou a cabo nos últimos anos.

A saca da cortiza e a escaseza de profesionais en Galicia

A extracción da cortiza é un proceso tradicional do que apenas se contabilizan especialistas en Galicia polo que adoitan encargarse cuadrillas chegadas dende Portugal ou Extremadura que logo, a maior parte das veces, tamén levan para estas zonas a cortiza. “É difícil saber canta cortiza se está a producir en Galicia porque moitas destas cuadrillas lévana directamente para outras zonas”, coinciden dende o sector. Planchas de cortiza na zona de Agolada apiladas para ser transportadas. A saca da cortiza debe facerse nos meses centrais do verán e sempre con calor e sen choivas para evitar que a árbore se vexa logo afectada polos fungos. “Se non se fai con esas condicións o risco de que a árbore termine danada é moi alto, posto que sacarlle a cortiza é como espir a sobreira”, comenta Yago Tato, quen aprendeu de seu avó o oficio e extraeu durante varias tempadas a cortiza no Deza, aínda que agora xa só realiza sacas en iniciativas formativas e divulgativas. Unha macheta, unha panca de madeira resistente, unha navalla, unha regra e unha escada abondan para realizar este labor, que debe ser delicado. “É preciso ter coidado á hora de sacarlle a cortiza porque pode chegar a danarse a árbore. Ás veces, é preferible deixarllo sen quitar e non marcar o tronco”, explica outro descortizador da comarca do Deza, xa xubilado, que puntualmente se ten adicado a esta tarefa na zona.
Da saca da cortiza adoitan encargarse cuadrillas especializadas chegadas de Extremadura ou Portugal
“É un traballo duro e cada vez vai quedando menos xente que o faga”, coinciden en sinalar tanto antigos descortizadores como dende o sector. “Nós miramos de traer unha cuadrilla de Portugal para extraer porque é difícil atopar quen o faga aquí”, indican dende Corchos Almeida. Arredor dunhas 120 toneladas, das 400 que procesan nesta fábrica de Ribadavia, proceden de montes de Galicia. Teñen tamén pequenos provedores que se encargan de proporcionarlles cortiza de distintas zonas. “Son descortizadores que che poden traer 100 ou 500 quilos de cortiza, sempre pequenas cantidades”, indica. A cortiza das sobreiras galegas, a diferenza das que se producen en zonas como Extremadura ou en Portugal, ten un menor rendemento. “Aprovéitase menos porcentaxe de cortiza de calidade. Mentres que noutras zonas teñen un 80% de cortiza de gran calidade, aquí pode situarse nun 30%, pero esa porcentaxe é moi boa”, concreta Francisco Ribeiro de Almeida.
Arredor dun 30% da cortiza galega é de gran calidade e precisa un período de secado antes de poder empregarse
Ademais, debido ó clima máis húmido de Galicia, a cortiza chega máis verde e é preciso deixala secar para poder aproveitala. A diferenza do que acontece coa cortiza de zonas como Extremadura, que se pode empregar ó ano da súa extracción, no caso da cortiza galega cómpre que seque.

Comercialización

Tal e como explican dende Corchos Almeida, arredor do 30% da cortiza que chega á fábrica destínase para a elaboración de tapóns de calidade para o viño. O resto, de menor calidade, termina triturándose e aprovéitase, sobre todo, para usos industriais, dende a elaboración de solos ata revestimentos illantes. “A maior parte destínase para facer aglomerado de cortiza ou como illante”, explican dende a firma. Na actualidade, boa parte da actividade desta fábrica derívase a Portugal, aínda que hai anos realizaban en Galicia tanto a elaboración dos tapóns como o triturado da cortiza para outros fins. En función da calidade e do aproveitamento que se faga despois da cortiza fíxase un valor. Así, o prezo pode determinarse xa por exemplar, variando en función da cantidade que se extraia e da calidade que teña. Esta é unha práctica moi habitual dos descortizadores chegados doutras zonas, que negocian o prezo directamente cos propietarios.
O principal destino da cortiza galega é Portugal, aínda que unha parte procésase en Ribadavia
Noutros casos, trátase un prezo medio no que se inclúe diferentes categorías, como adoita facer a industria de Ribadavia, que compra a cortiza a un prezo medio de entre 70 e 80 céntimos o quilo e logo encárganse de facer a selección da cortiza. Así, o destino da cortiza galega, á marxe da que se procesa na fábrica de Ribadavia, adoita ser Portugal onde remata en diferentes usos en función da súa calidade, posto que son expertos no aproveitamento deste material. En Galicia tamén queda, aínda que de xeito moi puntual, un aproveitamento da cortiza para a elaboración de colmeas para as abellas, un dos usos máis tradicionais e estendidos durante moito tempo para a cortiza.

O rexurdimento do cabalo galego como xestor do monte

Nos anos 70, os datos oficiais apuntaban a que Galicia contaba con 22.000 cabalos bravos nos montes. Hoxe, segundo indican os expertos, este número reduciuse drasticamente e estímase que quedan arredor da metade. Aínda así, trátase da poboación de cabalos salvaxes máis importante de Europa.
Galicia conta coa poboación de cabalos salvaxes máis importante de Europa
“É un valor en si mesmo contar cunha poboación tan destacada de cabalos en liberdade, pero non se valora como debera”, indica Laura Lagos, investigadora da Universidade da Coruña e que participou no proxecto GOI Bestas, un estudo levado a cabo durante os últimos tres anos que precisamente procura a posta en valor destes animais dende distintas perspectivas. Unha grea de cabalos e poldros nos montes galegos. // Foto: Laura Lagos. Que aporta contar con cabalos no monte? A presenza de cabalos no monte veuse reducida nos últimos anos principalmente porque foron abandonándose moitas das prácticas que implicaban a estes animais, así como polo avellentamento da poboación, a despoboación que afecta ó rural galego ou distintas trabas administrativas, como apuntan os expertos. “Fóronse perdendo algúns dos usos que tiñan estes cabalos como os traballos agrícolas, o seu uso nos desprazamentos ou o aproveitamento das crinas. Hoxe en día, só se conserva a venda de poldros, que ademais teñen un prezo moi baixo, o que fai pouco rendible a actividade. Pero as bestas ou garranos teñen un gran potencial para outros aproveitamentos”, indica Laura Lagos.
“Os cabalos galegos son grandes consumidores de toxo. Hai dez anos, as comunidades de montes non valoraban o seu uso, pero agora cada vez hai máis interese neles" (Laura Lagos)
Tal e como recolle esta investigación, as bestas bravas poden ter aínda hoxe en día un papel destacado para a xestión dos montes. O cabalo galego ten unha alimentación equilibrada a base de toxos e herbáceas, polo que contribúe a reducir e manter controlada a biomasa. “Os cabalos galegos son grandes consumidores de toxo”, apunta a investigadora Laura Lagos. De feito, no proxecto, grazas ó emprego de ferramentas de seguimento, conseguiron coñecer as áreas vitais nas que permanecen os cabalos, o que lles deu tamén información sobre a dieta. Esta observación permitiulles determinar que en zonas como Sabucedo, unha manda de 10-20 bestas mantense fiel a unha área de campeo que pode abranguer entre 200 e 500 hectáreas. Estes datos non implican que a biomasa estea totalmente controlada con este número de animais, posto que, como explica Lagos, as áreas de campeo das greas mostran certa superposición. Área vital de cabalos bravos nos montes de Sabucedo, A Estrada. // Laura Lagos. Así, por exemplo, nos montes de Sabucedo, hoxe contabilízanse arredor de 255 bestas adultas nun área de máis de 3.000 hectáreas na que, aínda que os cabalos contribúen enormemente, non abondan para manter controlada a vexetación. “Faría falta unha maior densidade de poboación e hai que ter en conta que antes estes montes tamén estaban aproveitados por outras especies”, concreta a investigadora. A eficiencia destes animais á hora do control da biomasa convérteos nun aliado na prevención de incendios forestais, ó contribuír a manter os montes máis limpos. “Hai que ter en conta que o cabalo non só come os brotes dos toxos senón a madeira”, apunta a investigadora. Por iso, o emprego de cabalos para os desbroces á par de ser un método máis sostible permite aforrar custos. “Hai 10 anos non se contemplaba como unha alternativa, pero agora cada vez hai máis interese por parte de comunidades de montes, que ven no cabalo unha alternativa”, concreta a investigadora. Esta tendencia a recuperar o uso do cabalo estase sentindo tamén en Europa, onde cada vez se dan máis pasos para a posta en valor destes animais. Os cabalos bravos son grandes consumidores de toxos, tanto de brotes como da madeira. // Foto: Laura Lagos. Á par do control da biomasa no monte, o Centro de Investigacións Agroforestais de Mabebongo (Ciam), que foi outra das partes implicadas no proxecto, afondou sobre as vantaxes que supón a presenza de cabalos para a rexeneración dos pastos de montaña. Segundo as observacións dos investigadores, naquelas pradeiras dedicadas á alimentación do gando vacún onde os cabalos paceron durante o inverno, o rebrote do pasto é máis exitoso, posto que as bestas fan un mellor aproveitamento. Nesta liña, xa se están dando as primeiras experiencias de rexeneración da pradeira con cabalos nos montes do Xistral, (Lugo). Asimesmo, o cabalo salvaxe tamén é un aliado para o gando vacún fronte á fauna salvaxe, posto que a súa presenza nos montes reduce a incidencia dos ataques dos lobos sobre becerros e vacas.
Os cabalos bravos son fundamentais para a conservación de hábitats de interese comunitario como son as uceiras húmidas
Os cabalos xogan tamén un papel fundamental para a conservación de hábitats de interese comunitario como son as uceiras húmidas, segundo apunta o investigador da Universidade da Coruña Jaime Fagundez. “Os cabalos son indispensables para unha boa conservación destes espazos en Galicia, polo que a administración debería valoralo para favorecer a presenza de cabalos nos montes”, indica. Outro dos valores dos cabalos salvaxes é o seu atractivo turístico e etnolóxico. “Á parte dos curros, que serven como unha cita turística de achegamento a estes animais, o turismo de natureza e observación dos animais no seu espazo natural tamén podería pórse en valor e aproveitarse”, engade Lagos.

 Ferramentas para mellorar o seu manexo no monte

Un dos animais co collar de localización que probaron no proxecto. // Foto: Laura Lagos. O proxecto GOI Bestas levouse a cabo durante os últimos tres anos impulsado pola Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, a Universidade da Coruña, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) e a firma 3edata. Ademais, tamén colaboraron outras entidades involucradas na cría de bestas salvaxes en Galicia como a Asociación de Gandeiros de Cabalos da Groba e a Comunidade de Montes de Carballo, o que permitiu lograr información directa e de utilidade sobre estes animais.
Colocar un colar GPS por grea permite monitorizar ós animais cada hora e detectar calquera desprazamento de risco cara estradas, prados ou hortas
No marco do proxecto, probáronse diferentes ferramentas para mellorar o manexo no monte. “Cada vez quedan menos besteiros e o manexo dos animais faise máis difícil, por iso tamén tentamos estudar alternativas que poidan facilitar o control das greas”, apunta Laura Lagos. Unha das ferramentas que probaron foi o emprego de colares de localización dos animais por GPS. Segundo a experiencia no monte, os colares poden emitir a posición dos animais e transmitila ó móbil cada hora, co que as baterías dos dispositivos aguantarían un ano. Isto facilita a labor á hora de buscar as novas crías ou para ter controlada a grea e evitar que acedan a zonas onde poidan causar problemas, como hortas e prados ou estradas. “Ter os animais localizados deste xeito permite reducir os riscos e aporta información sobre as rutinas e movementos dos cabalos”, concreta a investigadora. Abonda con colocar un colar por grea, aínda que como sinala a experta, é preciso coñecer ben a grea para seleccionar o animal ó que se lle coloca. Na súa experiencia cos colares, a penas rexistraron incidencias e elaboraron un manual práctico de recomendacións para aqueles besteiros interesados en probalo sistema. Localización de cabalos nos montes mediante o uso de drons. // Foto: Laura Lagos. O uso dos drons foi outra das ferramentas que probaron tanto para controlar a manda e tentar cambialas de sitio como para a súa localización no monte. “É moi importante non abusar do emprego dos drons para mover as greas, xa que os animais poden rematar acostumándose, polo que só se debe facer en casos moi puntuais”, advirte Lagos. Ademais, dentro do proxecto, a empresa 3edata e a Universidade da Coruña tamén estiveron a traballar na elaboración dunha ferramenta dixital, baseada na cartografía de hábitats, que permita facer unha clasificación do tipo de vexetación. Esta catalogación pode ser de utilidade para a introdución de mandas de cabalos ou para determinar as áreas en función do risco de incendio.
Realizaron probas para atopar alternativas ó marcado dos cabalos en quente que foran máis visibles e menos agresivas para o animal
Xunto a estes avances, dende o CIAM tamén levaron a cabo unha investigación sobre as alternativas que se presentan para diferenciar os cabalos no monte e poder identificar a que besteiro ou comunidade pertencen. Ata o de agora a marca máis empregada está a ser a realizada cun ferro quente. O estudo buscaba non só unha marca máis visible senón tamén unha alternativa menos agresiva para o cabalo. Avaliaron a colocación de crotais ou as marcas en frío, mediante o emprego de nitróxeno líquido, pero as primeiras avaliacións determinan que ningunha das alternativas resulta máis viable á marca en quente. Dado que os cabalos empregan as orellas para se comunicar, o uso dos crotais é unha opción que non convence porque pode interferir no comportamento dos animais. Tampouco a marcaxe en frío resultou mellor opción, posto que aínda que implica unha redución da dor ó animal, require un maior tempo de inmovilización para unha correcta marcaxe, segundo documentaron outras investigacións.

Medio Rural acláralle ós silvicultores do Morrazo que apoiará agrupacións de 10 hectáreas

A Lei de Mobilidade de Terras que está a preparar Medio Rural posibilitará a creación de agrupacións forestais dun mínimo de 10 hectáreas unificadas, en couto redondo. Así llo trasladou o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, á Asociación de Propietarios de Montes do Morrazo (APMM), coa que mantivo unha reunión na Casa de Cultura de Ardán (Marín). En casos xustificados, a Administración tamén está disposta a admitir a constitución de agrupacións que xunten nun inicio un 50% desa superficie (5 hectáreas), segundo indican desde a APMM. A nova figura de agrupación abre en principio portas para implantar unidades de xestión conxunta no Morrazo (Pontevedra). Os montes privados da comarca teñen parcelas medias de arredor de 700 metros cadrados. unha superficie que imposibilita calquera xestión forestal. No 2015, un grupo de propietarios de Marín e Bueu constituíu a Asociación de Propietarios de Montes do Morrazo na idea de impulsar a xestión conxunta do monte. Problema, a Xunta só apoiaba agrupacións cun mínimo de 50 hectáreas, as chamadas Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), unha superficie complicada de acadar en zonas de minifundio extremo. A ampliación das figuras de agrupación forestal é considerada positiva pola Asociación, pero o colectivo advirte da necesidade de apoios públicos. “Na reunión non nos quedou claro como poderán afrontar os propietarios os investimentos iniciais de explotación”, sinalan desde o colectivo, que agarda unha orde específica de axudas para apoiar ás agrupacións que se poidan constituír. A Asociación de Propietarios do Morrazo, en base ó traballo da súa directiva e socios, logrou aglutinar nos últimos anos varias zonas de monte nas que os propietarios están dispostos a apostar por fórmulas de xestión conxunta. É o caso dunha zona dunhas 15 hectáreas preto do parque industrial de Bueu, en Forqueiros, e doutras zonas en Cela e Marín. “Xuntar estas superficies de monte, tendo en conta o minifundio que temos, é case un milagro”, valoran desde o colectivo. Coa nova figura de agrupación, igual que sucede coas Sofor, os propietarios que queden enclavados na agrupación e non queiran integrarse na mesma, terán dereito a manter a súa xestión individual. A Administración, non obstante, trasladoulle á APMM que a eses propietarios esixiráselles o correcto mantemento das súas parcelas, baixo ameaza de sanción. Experiencias piloto O director xeral de Desenvolvemento Rural trasladoulle á Asociación que a a Xunta está impulsando experiencias piloto de xestión conxunta en áreas afectadas polas franxas de protección de incendios dos núcleos de poboación. Pérez Dubois pediulle á APMM que valorase se algunha das zonas nas que traballa pode ser susceptible de ser apoiada no marco destas experiencias piloto. Desde a Asociación de Propietarios de Montes do Morrazo comprometéronse a trasladarlle a Medio Rural toda a información precisa á maior brevidade, de cara a valorar esa posibilidade.

FSC organiza cursos para calcular os beneficios dos bosques

A organización internacional FSC organiza en Santiago os primeiros cursos para calcular os beneficios que os bosques españois reportan ao ecosistema. Os seminarios buscan mostrar a achega que realizan os bosques máis aló da madeira que producen. FSC desenvolveu unha metodoloxía para realizar a estimación da achega dos bosques ao ecosistema e que presentará en España en distintos talleres técnicos. As primeiras sesións serán en Santiago os próximos días 12 e 13 de setembro na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade de Compostela. O procedemento de FSC permite verificar os beneficios que unha correcta xestión forestal ten sobre os servizos do ecosistema: conservación da biodiversidade, secuestro e almacenamento de carbono, servizos de concas hidrográficas, conservación do chan e servizos recreativos. Desde FSC reivindican que estas ferramentas de cálculo poden ser utilizadas por empresas ou gobernos para demostrar o impacto positivo que teñen as súas compras, pagos e investimentos no mantemento e mellora dos servizos do ecosistema. Nos talleres participarán expertos como Silvia Martínez, directora técnica de FSC España; Petra Westerlaan, especialista nos Servizos do Ecosistema de FSC Internacional; Francisco Omil, subdirector da ETSE e coordinador do seu Máster de Enxeñaría Ambiental, e Alberto Rojo, profesor de Enxeñaría Agroforestal na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC en Lugo. Os cursos van dirixidos tanto a técnicos e licenciados relacionados co medio ambiente, como a empresas, asociacións, propietarios e xestores forestais ou centros de investigación. A inscrición é gratuíta e pódese tramitar aquí.

“Dun xeito individual non fas nada no monte, calquera ordenación pasa por zonas agrupadas”

O monte particular da comarca do Morrazo (Pontevedra) convertiuse nas últimas décadas nun espazo con escasas perspectivas. Hai un minifundio forestal extremo, con parcelas medias que rondan os 700 – 800 metros cadrados, e unha maioría de propietarios que xa non vive da terra e que é incapaz de situar boa parte das súas parcelas. “Moita xente pensa que o monte non vale para nada”, resumen na Asociación de Propietarios do Morrazo, un colectivo que xurdiu no 2015 coa idea de recuperar o monte. Falamos co presidente da Asociación, Luciano Guimeráns, de Marín, e co vicepresidente do colectivo, José Manuel Carracelas (Bueu), sobre o traballo que están a facer. “Queremos deixar un monte vivo”, enuncia Luciano. - Como naceu a Asociación, unha iniciativa que é singular a nivel de Galicia? Luciano: A Asociación naceu por iniciativa dun grupo de propietarios que viamos que a situación do monte era a cada paso de máis abandono. Sentámonos un grupo de xente de Marín e Bueu e decidimos constituír unha asociación para animar ós propietarios a sumarse. O obxectivo era abrir un debate sobre o que facer no monte. A idea inicial era chegar a todo o Morrazo, pero enseguida vimos que era moi complicado, así que finalmente centrámonos en Bueu e Marín. - Que se pode facer fronte a ese abandono do monte do que falades? Luciano: Calquera iniciativa tería que pasar por crear zonas agrupadas. No Morrazo, individualmente non fas nada no monte porque está moi dividido, en parcelas moi pequenas.
"Os nosos socios teñen unhas 1.400 parcelas, cunha superficie media duns 700 metros cadrados"
José Manuel: Os nosos socios, que son 160, teñen máis de 1.400 parcelas, cunha media de 700-800 metros por tomada, pero dentro diso, temos parcelas de 50 metros cadrados. O monte aquí está con moito minifundio polas particións que había nas herdanzas. Un propietario pode ter 10 parcelas dispersas e en moitos casos, teñen identificadas algunhas fincas e outras non saben nin por onde están. - Que resposta atopastes á vosa inquedanza entre os propietarios forestais? Luciano: Cada vez que facemos unha asemblea nunha parroquia, á xente parécelle moi boa idea a Asociación e está interesada, pero tampouco podemos ofrecer solucións concretas, xa que polo de agora a Xunta non apoia figuras de xestión do monte que sexan acaídas á nosa realidade. Tamén hai propietarios que din: ‘A min non me interesa porque teño as miñas tomadas limpas e están localizadas’. Igual a el non lle interesa, porque ten por exemplo 60 anos e aínda vai ó monte, pero cando teña 70 ou 75 deixará de ir ó monte e os seus fillos igual non queren saber nada. Entón, temos que buscar remedio e ese remedio ten que ser de xeito agrupado. - Pensastes en promover unha Sociedade de Fomento Forestal (Sofor) para agrupar a xestión das fincas? José Manuel: Pensouse nunha Sofor, pero non é viable. As dimensións mínimas que se esixen para as Sofor, de 50 hectáreas, están pensadas para outras zonas, non para o Morrazo. Na Estrada, hai unha Sofor de 30 propietarios que suma 50 hectáreas. Aquí 30 propietarios sumamos pouco máis de 4 hectáreas.
"As Sofor non se adaptan a nosa realidade. Apostamos por facer agrupacións de 3 hectáreas en coto redondo, pero a Xunta ten que apoialas"
Luciano: A Sofor é a figura que apoia actualmente a Administración, pero para o Morrazo vémola difícil. Nós apostamos por agrupar a xestión en unidades que teñan un mínimo de 3 hectáreas en coto redondo, con continuidade entre as parcelas, que é algo que nos parece máis factible. Estamos traballando en varias zonas concretas nas que temos socios e outra parte de propietarios que estarían interesados. O que precisamos é que a Administración apoie este tipo de agrupacións. Se imos a unha zona e lle dicimos ós propietarios, imos valorar a madeira de cada un, cortar e plantar en conxunto, é algo que pode saír adiante. Traballar en conxunto permitiría ademais satisfacer as distintas visións que hai sobre o monte. Hai propietarios que defenden o eucalipto, outros o castiñeiro, a cerdeira ou o carballo. Se tes varias hectáreas en conxunto, pode haber diversidade de especies, eucaliptos, piñeiros, castiñeiros… e non como agora, que no Morrazo camiñamos cara un monocultivo do eucalipto.
"Agrupar a xestión permitiría satisfacer as distintas visións que conviven sobre o monte. Habería sitio para eucaliptos, piñeiros, castiñeiros ou cerdeiras"
José Manuel: Cunha ordenación do monte e plantacións diversas, estarían todos os propietarios contentos. Pensamos que o monte ten que ter rendabilidade porque se non ten rendabilidade, mal vamos. Dicíamo unha propietaria estes días: ‘Fálolle ós fillos do monte e os fillos dinme que o monte non vale nada’. Luciano: Un dos motivos do abandono é ese. Non hai xeito de rendabilizar parcelas pequenas. Por iso nós dicimos que traballando de xeito agrupado, pode haber prezos á alza e unha mellora de rendabilidade.
"O monte ten que ter rendibilidade. Se non, mal imos"
- Entón, a vosa idea sería a creación de agrupacións de máis de 3 hectáreas nas que manteriades a propiedade individual e xestionariades en conxunto? José Manuel: Exactamente, pero non chega con crear só zonas agrupadas porque hai moitas fincas que teñen muros de separación ou carecen de accesos. Temos tamén que superar o minifundio interno. Luciano: Un dos obxectivos sería a concentración. Dentro do mesmo polígono, hai propietarios que terían varias parcelas. Unha primeira medida sería limpar, medir toda a zona, investigar a propiedade e facer un plan de reordenación, que debería ser aprobado polos propietarios antes da súa inscripción notarial. Se un propietario ten catro parcelas nun polígono, pode rematar tendo unha, o cal lle favorece.
"Un dos obxectivos sería a concentración dentro de cada polígono. Esa é a nosa proposta, pero ata agora tivemos cero apoio da Xunta"
José Manuel: Esa é a nosa proposta, pero ten que ser asumida pola Administración. Ata o de agora, tivemos cero apoios da Administración ás nosas propostas e necesidades. A cuestión de fondo é que somos unha zona moi pequena no conxunto de Galicia e ignórannos. Luciano: Se ti lle dis ó propietario que ten que saír todo do seu peto, o propietario é reacio. - Falabades de investigar a propiedade. A parte das fincas dos vosos socios e de propietarios que tedes identificados, hai moita propiedade descoñecida? Luciano: Á hora de identificar as propiedades, contabamos con que Catastro puidera colaborar máis con nós, pero a nosa sorpresa é que, aínda que xa o intuiamos, a información que hai no Catastro está moi atrasada. Falando con Catastro, confesáronnos que hai arredor dun 20% de parcelas de propietarios descoñecidos. Iso dificulta moito o traballo. Ten que haber algunha norma que respalde ás entidades que queiran ordear unha zona para que o poidan facer incluíndo as parcelas de propietario descoñecido. Se un día aparece o propietario, pois buscarase unha solución, pero doutro xeito é imposible facer nada.
"Hai parcelas que están a nome de persoas que terían 130 anos. Esa é a realidade e carecemos de apoio para localizar ós propietarios reais"
José Manuel: Hai parcelas que están a nome dunha persoa que a día de hoxe tería 130 anos. Esa é a realidade. Temos dificultades para localizar ós propietarios reais desas parcelas e non temos ningunha axuda. Se vas a Catastro buscando información dos lindantes dunha parcela, tes que pagar por esa información, cando é información sen actualizar e que non che resolve nada. E se vas pedir unha corrección, pídenche que aportes un informe técnico, que nalgúns casos vai valer máis que a propia parcela, e un acordo cos lindantes. Ese é o papel que xoga a Administración, cando debería intervir ela directamente para buscar solucións.
"Unha vez que iamos petando polas portas, díxonos un propietario que estabamos facendo un traballo de apostolado. Non lle falta razón"
Na Asociación estamos facendo un traballo de falar cos propietarios e de investigar a propiedade que non ten ningún respaldo. Unha vez díxonos un propietario que o traballo que estabamos facendo era de apostolado e non lle falta razón. Imos chamando ás portas e hai xente que nos di: ‘Menos mal que alguén se ocupa disto’. Luciano: Tamén hai que dicir que nalgunza zona, como Marín, temos xente que nos combate, xente que igual ten os seus intereses e ingresos do monte e pensa que lle vai ir peor se os propietarios nos agrupamos e traballamos en conxunto. Iso tamén deriva en que teñamos dificultades en agrupar ós propietarios. José Manuel: Hai moita picaresca no monte e tamén hai que entender á xente. Houbo moitos enganos e a xente vólvese desconfiada.
"Que monte lle queremos deixar os nosos fillos? Dez parcelas pequenas que non sabemos nin onde están ou tres máis grandes e ben xestionadas?"
Luciano: Ao final, o que estamos facendo é un planteamento de futuro e todo o mundo vaise dando de conta do sentido que teñen as nosas propostas. Que queremos deixarlle ós nosos fillos? Dez parcelas de monte pequenas que non sabemos nin onde están ou 3 - 4 parcelas agrupadas e ben xestionadas?. Por iso pensamos que pode triunfar. - Nos vosos casos concretos, en que situación se atopan as vosas parcelas? José Manuel: Teño unhas 16 parcelas que suman uns 8.000 metros e que se atopan en tres concellos distintos. De todas esas, só teño perdidas 2 pequenas, ensináronmas algunha vez, pero non fun capaz de volver. E iso é algo que lle sucede a moita xente. No meu caso, cando era pequeno, o meu pai andaba ó mar e cando viña, lembro que me levaba ó monte a pasar o día, levabamos unha mochila con comida e bebida, ensinábame os marcos e pintábaos. É unha lembranza marabillosa que teño daquilo e por iso eu sigo con isto. O meu pai dicíame, ‘Vós ides perder o monte’. Pero non o perdemos, temos unha asociación para recuperalo. Luciano: No noso caso, eu son un pequeno propietario e a miña muller ten unhas 12 tomadas, sumando 6.000 metros, todas no concello de Marín, pero non saberiamos identificalas. Temos estado nalgunha delas hai anos, pero agora xa non se entra coa altura de mato que hai. Esta é a realidade de moitos propietarios. Por iso a asociación é tan importante e é a esperanza que temos.

“As franxas de protección non son a solución, limpas a ribeira e deixas un polvorín detrás”

- Estamos agora en plena época de lumes. Como vedes a situación do monte no Morrazo ante os incendios? Luciano: A realidade é que temos un perigo moi serio. Nós vivimos en zonas rurais, pegadas ó monte, e hai un perigo serio non só para o monte senón para a vida da xente. José Manuel: Se hai unha vaga de calor, con circunstancias extremas, temos medo. Así de claro. Luciano: Pensa que se entra un lume en Moaña con vento do sur ou do suroeste, o incendio chega a Pontevedra. Con vento e calor non hai quen o apague. - Como vedes a normativa que obriga á creación de franxas de protección arredor dos núcleos de poboación? É unha solución? Luciano: A Xunta debería ser consciente de que por esa vía non vai resolver o problema dos incendios en Galicia. O problema para nós está no interior do monte. Se ti tes a ribeira limpa, pero detrás tes un polvorín, non é solución. Imos seguir investindo en apagalumes ou planteando medidas preventivas? José Manuel: Unha asociación como a nosa podería xogar un papel importante en prevención, pero de momento nunca tivemos apoios. Luciano: As franxas son ademais algo tremendamente custoso para o propietario. Ao que lle cae, se ten ameaza de multa, non lle queda outra, pero se un propietario que teña unha tomada ao lado dunha zona urbán ten que estar gastando tódolos anos e non pode ter arborado, ao final o monte representa unha carga constante.

Prezos da terra rústica en Galicia por comarca

O prezo medio da terra rústica en Galicia repuntou ata niveis similares ós do 2008, tanto no referente a superficie agrícola coma ó monte. Logo de anos de que os prezos seguisen unha tendencia á baixa, máis marcada na terra agraria que na forestal, os valores medios semellan ter repuntado, segundo se desprende do informe anual 2019 do Observatorio Galego de Mobilidade Terras, que incorpora datos do 2017 e analiza o periodo 2008 - 2017. A cotización media da superficie agraria situouse no 2017 en 1,79 euros / metro cadrado (+ 0,40 euros en relación ó 2016), en tanto o monte valorouse a 0,64 euros (+ 0,05). A revalorización experimentada nos últimos anos foi desigual nas distintas comarcas de Galicia, con subida nas provincias de Ourense e Pontevedra, en tanto na provincia da Coruña mesmo baixaron os prezos medios e en Lugo mantéñense estables.
Os prezos da terra agraria varían moito entre comarcas. Na Terra Cha custa case a metade que no Deza
Os datos do último informe do Observatorio presentáronse hoxe en Santiago, nun acto no que un dos autores do traballo, Eduardo Corbelle (Universidade de Santiago), precisou que a suba de prezos da terra rústica destaca en zonas vitícolas como Valdeorras, O Ribeiro ou Rías Baixas, así coma no entorno de grandes cidades (Ourense, A Coruña, Vigo) e en áreas costeiras. En Vigo e no Morrazo, por exemplo, o prezo dispárase a 11 euros por metro cadrado. “Esta revalorización no entorno de cidades semella estar relacionada cunha expectativa de urbanización, con independencia de que esa expectativa sexa real ou legal”, especula Eduardo Corbelle. As variacións entre comarcas agrarias son tamén importantes. Así, mentres en zonas lácteas como o Deza (Pontevedra), Ordes ou Barcala (A Coruña), a terra rústica agraria móvese no entorno de 1,50 euros / metro cadrado, en comarcas coma a Ulloa ou Terra Cha quédase en 0,80 euros, con casos na provincia de Ourense por baixo de 0,50 euros (Viana, Terra de Caldelas). Pecha a clasificación A Fonsagrada, con 0,20, segundo os datos do último informe do Observatorio de Mobilidade de Terras. Os valores do monte amosan igualmente un gran arco. Desde os 0,40 euros por metro que custa na Mariña ou no Eume ós máis de 3 euros a que cotiza o metro no Ribeiro ou no Morrazo. Prezos medios por comarca de superficie agraria útil (SAU) e monte. / Fonte: Informe 2019 do Observatorio de Mobilidade de Terras de Galicia. Balance de operacións Durante o 2017, pecháronse en Galicia unhas 40.000 operacións de compra venda de terras rústicas, cun total de 9.835 hectáreas transaccionadas, segundo os datos da Axencia Tributaria que recolle o informe. Arredor de dous terzos da superficie vendida é de monte, correspondendo ó resto a terras agrarias. Entre os Concellos con maior mobilidade de terras, destacan precisamente municipios con forte peso do sector forestal, máis en concreto do cultivo do eucalipto. Dos 10 concellos con maior taxa de vendas, seis corresponden ó ámbito da costa norte dominada polo eucalipto (Cariño, Ortigueira, Mañón, Cerdido, Pontedeume e O Vicedo). Concellos con maior mobilidade de terras sobre a superficie rústica total susceptible de venda. A menor mobilidade dáse principalmente na provincia de Ourense, tanto na zona oriental como na Baixa Limia e noutros concellos do interior. Tamén a montaña oriental lucense rexistra unha baixa taxa de transaccións. A presentación do informe anual do Observatorio de Mobilidade de Terras, desenvolta hoxe en Sergude (Boqueixón), contou coa intervención da Fundación Juana de Vega, da Universidade de Santiago e da Xunta de Galicia, todas elas entidades participantes no Observatorio. Valoracións de Medio Rural O conselleiro do Medio Rural, José González, que clausurou o acto, destacou na súa intervención que Galicia conta con suficiente terra rústica para usos agrícolas, gandeiros e forestais, “sen que haxa ningún conflicto entre eles”, valorou. Sobre a perda de superficie agraria na comunidade, que supera as 100.000 hectáreas no periodo 2007-2016, González culpou ó minifundio e quixo poñer en valor o proxecto de lei para a recuperación de terras abandonadas, que espera que vexa a luz a fin de ano ou comezos do 2020. “Conformaremos polígonos agroforestais con centos de hectáreas infrautilizadas que serán empregadas para a gandería, para o ámbito forestal e para a produción agrícola en sectores coma a horta, o cereal ou a viña”, pronosticou. Máis información - Consulta aquí o informe anual sobre prezos e mobilidade da terra rústica en Galicia. Mapa de mobilidade de terras en Galicia.