Archives

Rey Beemer Yuri volve gañar na Moexmu

A vaca Rey 814 Beemer Yuri, da gandería Rey de Miñotelo da Pastoriza, Vaca Gran Campiona na Moexmu 2024 A Gandería Rey de Miñotelo, da Pastoriza, volveu gañar o Concurso de Gando Frisón da Moexmu. A súa vaca Rey 814 Beemer Yuri colocouse de novo este sábado no Recinto Feiral Manuel Vila de Muimenta a banda de Vaca Gran Campiona e fíxose tamén co premio á vaca con mellor ubre do certame.  O xuíz do Concurso, Bonet Cid, asegurou que a vaca gañadora, que leva 4 anos proclamándose Vaca Gran Campiona de Galicia no Concurso de Fefriga, "está facendo historia nas pistas". Trátase dun animal de 5 partos, "que presenta un sistema mamario moi destacado, sobre todo na súa inserción anterior, e que acompaña unha estrutura leiteira formidable, igual que as patas", salientou. Como Reserva Gran Campiona quedou Kergo Ozalid 6818, que resultou designada tamén Vaca Adulta Subcampiona. Trátase dun animal da gandería A Lagoa Serabel, de Xermade. "É unha vaca de 5 anos que chegou fai 4 á nosa explotación procedente de Francia e que ao principio non destacaba moito, pero que foi mellorando, polo que nos puxemos a traballar con ela e está a dar os seus froitos", explica Abel Carballo, que xunto ao seu irmán Sergio están á fronte desta gandería familiar que está a muxir neste momento 140 vacas. Outra vaca desta explotación, Vilarmor Cayenne Nanci, que xa quedara como Reserva no Certame Autonómico celebrado no mes de febreiro en Santa Comba, fíxose co título de Vaca Intermedia Campiona. "Chegou á explotación fai 3 anos aínda sen parir e parecíanos que iba ser boa, polo que nos puxemos a preparala para concursos e está evolucionando moi ben", destaca Abel.   Carro, Mellor Criador Un total de 81 animais, pertencentes a 17 ganderías, participaron na edición deste ano do Concurso da Moexmu. Ademais de explotacións galegas das provincias de Lugo (A Lagoa Serabel, A Vereda, Casa Pozo, As Cavadas, Gaigo, Penelas, Portalousa e Rey de Miñotelo) , A Coruña (Carro, Casa Toldeiro, Casas, O Rubio e Pistulario) e Pontevedra (Anila, Carballeiras e Midón), tamén acudiu unha gandería asturiana, Gorrello, de Castropol. De todas elas Carro, de Mesía, foi elixido como Mellor Criador de Xovencas, por diante de Rey de Miñotelo.  Nas seccións de xatas e xovencas, xulgadas na sesión da mañá, resultou vencedora Rey 1174 Thunderstorm Holy, da gandería Rey de Miñotelo, que cumprirá dous anos o vindeiro mes de xuño e que foi elixida Xovenca Gran Campiona. A Xata Campiona foi, pola súa banda, Pozosaa Fitters 0259, da gandería Casa Pozo.   Os animais gañadores das distintas seccións a concurso foron os seguintes:  
  • Xatas de ata 8 meses: Casa-Nova Mr Sugus Choice ET (Carro)
  • Xatas de 8 a 10 meses: Rey 1246 Dani Brahina (Rey de Miñotelo)
  • Xatas de 11 a 14 meses: Pozosaa Fitters 0259 (Casa Pozo)
  • Xata Campiona: Pozosaa Fitters 0259 (Casa Pozo)
  • Xata Subcampiona: Casa-Nova Mr Sugus Choice ET (Carro)
  • Xovencas de 15 a 18 meses: Casa-Nova Gigi Blaska 1661 (Carro)
  • Xovencas de 19 a 26 meses: Rey 1174 Thunderstonm Holy (Rey de Miñotelo)
  • Xovenca Campiona: Rey 1174 Thunderstonm Holy (Rey de Miñotelo)
  • Xovenca Subcampiona: Casa-Nova Gigi Blaska 1661 (Carro)
  • Mellor criador de xovencas: Carro
  • Segundo mellor criador de xovencas: Rey de Miñotelo
  • XOVENCA GRAN CAMPIONA:  Rey 1174 Thunderstonm Holy (Rey de Miñotelo)
  • Vaca nova ata 28 meses: Gorrella Chekia Hannans (Gorrello)
  • Vaca nova de 29 a 35 meses: Casa-Nova Galir Denver 1497 (Carro)
  • Vaca nova Campiona: Gorrella Chekia Hannans (Gorrello)
  • Vaca nova Subcampiona: Casa-Nova Galir Denver 1497 (Carro)
  • Vaca intermedia de 3 anos: Vilarmor Cayenne Nanci (A Lagoa Serabel)
  • Vaca intermedia de 4 anos: Rey 946 Jacoby Mahendra (Rey de Miñotelo)
  • Vaca intermedia Campiona: Vilarmor Cayenne Nanci (A Lagoa Serabel)
  • Vaca intermedia Subcampiona: Rey 946 Jacoby Mahendra (Rey de Miñotelo)
  • Vaca adulta de 5 anos: Kergo Ozalid 6818(A Lagoa Serabel)
  • Vaca adulta de 6 anos ou máis: Rey 814 Beemer Yuri (Rey de Miñotelo)
  • Vaca adulta Campiona: Rey 814 Beemer Yuri (Rey de Miñotelo)
  • Vaca adulta Subcampiona: Kergo Ozalid 6818 (A Lagoa Serabel)
  • Mellor criador de vacas: Rey de Miñotelo
  • Segundo mellor criador de vacas: Carro
  • Mellor ubre: Rey 814 Beemer Yuri (Rey de Miñotelo)
  • Vaca de maior produción: Rey 719 Rivisy Elude (Rey de Miñotelo). Nacida o 1-11-15, 82.215 kg producidos (6 partos)
  • Mellor gandería de nova participación: Gorrello
  • Mellor rabaño: Rey de Miñotelo
  • Mellor concello: A Pastoriza
  • VACA GRAN CAMPIONA: Rey 814 Beemer Yuri (Rey de Miñotelo)
  • Reserva Gran Campiona: Kergo Ozalid 6818 (A Lagoa Serabel)
Concurso de Manexadores O Concurso de Xóvenes Manexadores da Moexmu contou coa participación de 27 ganderías, na súa maioría de concellos lucenses (Cospeito, Castro de Rei, Pol, A Pastoriza, Meira, Xermade, Lugo, O Páramo, Láncara, Riotorto, Barreiros e Chantada) e doutros concellos gandeiros da Coruña e Pontevedra. No acto de clausura da feira entregáronse agasallos a todas as ganderías participantes e ás gañadoras e gañadores en cada categoría: Blanca Expósito Capón, da gandería Capón Hosltein de Chantada (menores de 9 anos), Helena Castro Iglesia, da SAT A Vereda de Lugo (entre os 10 e os 15 anos), María Otero Naval, de Fontixón de Castro de Rei (entre os 16 e os 20 anos), que tamén foi campioa absoluta do certame, e Nicolás Andrade Meixide, da Gandería Carro de Mesía (maiores de 21 anos). Tamén se recoñeceu ás mellores gandarías do Concurso de Gando Frisón, da Exposición de Gando de Rubia Galega e da Poxa de Gando Selecto, que se celebraron durante a fin de semana no recinto Manuel Vila de Muimenta, que acolleu tamén unha ampla exposición de maquinaría agrícola e de postos de artesanía. 40 anos da Moexmu A deste ano é unha edición especial da Mostra Exposición de Muimenta, que cumpre 40 anos e que mantén o único Concurso de Gando que se celebra na provincia de Lugo. Ademais dunha cita de referencia para o sector agrogandeiro da Terra Chá, a Moexmu esperta grande interese entre a mocidade, con actividades como o Concurso de Novos Preparadores de Gando ou o de Novos Manexadores, organizados polo Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia.  O xuíz deste ano da Moexmu, Bonet Cid, tamén comezou participando de mozo nesta cita con animais da explotación familiar, gandería Cid, de Barreiros, aló polos anos 90, pero esta era a primeira vez que xulgaba na Moexmu desde que é xuíz de CONAFE, algo que logrou no ano 2008. 

Prezo medio de 3.050 euros na poxa de gando, cunha xovenca roxa que acadou os 4.150 euros 

O recinto feiral Manuel Vila de Muimenta acolle a numeroso público durante toda a fin de semana A poxa de gando selecto que se leva a cabo dentro do programa da Moexmu incluíu este ano 7 animais, 3 vacas paridas e 4 xovencas preñadas, pertencentes a 5 ganderías da provincia de Lugo (A Lagoa Serabel, Gandería Marey Castro, Carballo de Baixo, Casa Pozo e Tío Andrés). Vendéronse todos os exemplares presentados, acadando un prezo medio de 3.050 euros.  O animal que logrou un maior prezo foi Marey Rompen 8381 Rue Red, unha xovenca roxa próxima ao parto propiedade da gandería Marey Castro SC, de Pol, que foi vendida en 4.150 euros. Foi adquirida por Antonio Gayoso Díaz, de Monterroso.  Entre as vacas paridas, a que acadou un maior prezo foi Carballo de Baixo Salari Chula, un animal de segundo parto da gandería Carballo de Baixo SC, de Sarria, que foi vendida en 3.650 euros. 

“A Moexmu cumpre 40 anos máis viva ca nunca”

José Manuel Rus, no acto de entrega do Premio Aresa para a Moexmu A Feira Exposición de Muimenta (Moexmu) vén de ser galardonada con Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un recoñecemento á súa contribución ao desenvolvemento do sector agrogandeiro da comarca da Terra Chá e á implicación de todos os veciños e veciñas da localidade que ao longo destas catro décadas souberon manter unha cita de referencia no panorama rural galego.   José Manuel Rus leva 26 anos como xerente da Moexmu e foi o encargado de recoller o premio na Facultade de Veterinaria de Lugo en nome deses veciños e veciñas da parroquia que no ano 1985 tiveron a visión de botar a andar o proxecto, moitos deles presentes tamén no acto nun auditorio ateigado de público.  – A primeira pregunta é obrigada: que se sinte ao recibir un galardón tan recoñecido como é o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural? – Unha gran ilusión polo recoñecemento e o prestixio que representa o Premio Aresa. Todo o mundo en Muimenta, en especial as Comisións organizadoras da Moexmu, están moi contentas. Cando se presentou o expediente para defender a  nosa candidatura fixémolo conscientes do gran nivel que ao longo destes anos tiñan tanto outros premiados como outros proxectos que se presentaron nesta edición.  – Cantos veciños ten Muimenta? – Non chegamos aos 800, e debemos ter en conta que, coma no resto do medio rural, o despoboamento empeza a notarse, ao igual que unha media de idade elevada entre a veciñanza. – Ten moito mérito manter durante 40 anos unha cita como a Moexmu nunha vila dese tamaño. Como se logra? – Totalmente certo. Moitas veces poñer en marcha estas iniciativas é complexo, pero mantelas no tempo, moito máis. Nestas catro décadas vivimos momentos complicados, como o mal da vacas tolas ou a pandemia no ano 2020, no que se tivo que cancelar todo a escasos vinte días da data de celebración. Pero o prestixio que foi acadando a Moexmu ao longo destes anos permitiulle ser un referente, non só en Galicia, e por iso ese esforzo merece a pena.
A implicación da veciñanza é o principal activo da Moexmu
Sen lugar a dúbidas, a implicación da veciñanza é o seu principal activo. As seis comisión están formadas por empresarios e empresarias que teñen o seu negocio no pobo e que nestes anos se foron renovando. Pero a colaboración do Concello de Cospeito, da Deputación Provincial de Lugo, da Xunta de Galicia, de moitas empresas e, sobre todo, dos gandeiros, é fundamental. Como digo moitas veces, organizar a Moexmu é lograr a cadratura do círculo. – Ao longo destas 4 décadas as explotacións agrogandeiras foron evolucionando á par que a Moexmu. Cales son os principais cambios que ti destacarías no sector desde entón? – O cambio de modelo das explotacións. Nos anos oitenta moita xente tiña granxas como un xeito de subsistir e hoxe son moito máis grandes, con mellor xenética, etc... O cambio que acompañamos nestas catro década foi bestial. – A Moexmu mantén vivo o único concurso morfolóxico de raza frisoa que se celebra na provincia de Lugo. Cantos animais participarán na edición deste ano? – A día de hoxe, a preinscripción previa do gando é de 81 vacas e 55 xatas, 136 cabezas frisoas en total, ao que lle temos que sumar outras doce que se porán á venda na Poxa de Gando Selecto. En total son 18 ganderías galegas (9 da provincia de Lugo, 5 da Coruña e 4 de Pontevedra) ás que estarán presentes na Moexmu deste ano. A maiores tamén virá unha gandería de Castropol (Asturias) e temos pendente a confirmación da participación dunha gandería de Euskadi.
Un total de 136 animais de 18 ganderías galegas participarán este ano no Concurso Morfolóxico de Gando Frisón
– Non fai moito, Alberto Iglesia, da gandería Rey de Miñotelo, afirmaba tras gañar por sétima vez o Concurso Autonómico de Gando Frisón, que comezou niso porque o seu soño de pequeno era gañar o Concurso da Moexmu. Consideras que o certame que puxestes en marcha en Muimenta contribuíu á mellora xenética da cabana gandeira e de acicate para a profesionalización do sector? – Desde logo. E para iso contamos coa colaboración de Africor Lugo.  – En moitas ganderías e no medio rural en xeral existe un problema evidente de relevo xeracional, pero na Moexmu a xente moza segue a ser protagonista en moitos dos actos principais da Feira, como pode ser o Concurso Morfolóxico ou o Certame de Preparadores e Manexadores de Gando. Cal é a clave para conectar coas novas xeracións? – Ese traballo creo que se fai fundamentalmente nas casas porque tenche que gustar o gando. Pero evidentemente, as actividades que se encamiñan para os máis novos axuda a incentivar ese gusto, de feito o xuíz deste ano, Bonet Cid, participou na década nos noventa como xoven manexador na Moexmu. Calquera actividade que se organice para que a xente nova se involucre, debe ser potenciada. – A modo de avance, pódesnos adiantar algunhas das novidades do programa da Moexmu deste ano? – Mantemos a esencia de todos os anos e as principais actividades, que están xa consolidadas, pero en cada edición hai sempre lugar para introducir algúns cambios e novidades. O programa provisional é o seguinte: 
VENRES, Día 5 (Día da Veciñanza)

08:00   Apertura do Recinto Feiral “Manuel Vila López”

08:05   Comenzará a entrada do gando no Recinto Feiral “Manuel Vila López” ao longo de toda a 
xornada e verificación da correspondente documentación.

10:00   Ubicación nos stands e parcelas dos expositores de maquinaria, automóbiles, motos, 
artesanía popular, dos productos galegos de calidade e da terra, etc.

15:00   Remate da entrada de gando no Recinto Feiral “Manuel Vila López”

17:00   Concurso de Xóvenes Preparadores de Gando (Organizado coa colaboración do Clube de Xóvenes
Gandeiros)

18:30   Actuación musical a cargo de “Asubíos da Chaira”, en colaboración coa Área de Cultura da
Deputación Provincial de Lugo.

18:45   Recepción por parte da comisión organizadora do inaugurador, pregoeira e demáis autoridades
que acudan ao Recinto Feiral “Manuel Vila López”.

19:00   Inauguración oficial da XL Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU), XXXVIII Concurso de 
Gando Raza Frisona, XXXVIII Exposición de Gando de Raza Rubia e XXVIII Poxa de Gando Selecto a 
cargo do Presidente da Deputación Provincial de Lugo, Don José Tomé Roca.

19:20   Lectura do “pregón” a cargo de Dona Carmen Uz (xornalista nada en A Pastoriza) e Presidenta
da Asociación da Prensa de Lugo.

19:40   Merenda para os asistentes á inauguración da Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU), coa 
que se celebra o día da veciñanza.

21:30   Peche do Recinto Feiral “Manuel Vila López” ao público.


SÁBADO, Día 6 (Día do Gando Frisón)

09:00   Apertura do Recinto Feiral para os expositores e gandeiros.

10:00   Apertura ao público do Recinto Feiral “Manuel Vila López”

10:15   Apertura das instalacións para poder ver parte da exposición do Traxe Tradicional do Centro
de Artesanía da Deputación Provincial de Lugo.

10:30: XXXVIII Concurso de Gando Frisón da MOEXMU – Sección de xatas e xovencas, así como os 
campionatos correspondentes.

11:30   Apertura da exposición fotográfica itinerante, “Crónica da pegada do Porco Celta en 
Galicia”, de Asopocel (Asociación de Criadores de Raza Porcino Celta”, que estará ubicada na Igrexa
Vella de Muimenta. De balde.

12:00   Apertura dos Museo da Zoca e da Escola Vella (ubicadas no campo da Igrexa Vella) por parte
da directiva de Xotramu para toda a xente que desexe visitala. De balde.

12:30   XXVIII Poxa de gando selecto.

12:30   Incio do taller de cestería a cargo de Beatriz Valín,en colaboración co Centro de Artesanía
da Deputación Provincial de Lugo.

15:30   XXXVIII Concurso de Gando Frisón MOEXMU, coas sección correspondentes ás vacas de lactación
e os correspondentes campionatos.

16:30   Retómase o taller de cestería a cargo de Beatriz Valín, en colaboración co Centro de 
Artesanía da Deputación Provincial de Lugo.

17:30   Reapertura do Museo da Zoca e da Escola Vella (ubicadas no campo da Igrexa Vella) por parte 
da directiva de Xotramu para toda a xente que desexe visitala; e tamén da exposición fotográfica 
“Crónica da pegada do Porco Celta en Galicia”. Ambas de balde.

21:00   Peche ao público do Recinto Feiral “Manuel Vila López”


DOMINGO, Día 7 (Día da Clausura)

09:30   Apertura do Recinto Feiral para os expositores e gandeiros.

10:00   Apertura ao público do Recinto Feiral “Manuel Vila López”

11:30   XXII Concurso de xóvenes manexadores, organizado polo Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia:
            sección 1:        menores de 9 anos
            sección 2:        nen@s de entre 10 a 15 anos
            sección 3:        rapaces e rapazas de entre 16 e 20 anos
            sección 4:        xóvenes de entre 21 e 25 anos

11:30   Apertura da exposición fotográfica itinerante, “Crónica da pegada do Porco Celta en 
Galicia”, de Asopocel (Asociación de Criadores de Raza Porcino Celta”, que estará ubicada na 
Igrexa Vella de Muimenta. De balde.

12:00   Apertura dos Museo da Zoca e da Escola Vella (ubicadas no campo da Igrexa Vella) por parte 
da directiva de Xotramu para toda a xente que desexe visitala. De balde.

12:30   Concurso de manexadores adultos

13:00   Entrega de premios aos participantes e gañadores das diferentes seccións e campionatos do 
concurso de gando.

14:00   Clausura oficial da XL Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU), do XXXVIII Concurso de Gando 
Frisón, XXXVIII Exposición de Gando de Rubia Galega e XXVIII da Poxa de Gando Selecto, a cargo do
Alcalde-Presidente do Concello de Cospeito, Armando Castosa Alvariño.

15:30  Inicio do Taller de telar, a cargo de Lourdes Otero Mato, en colaboración co Centro de 
Artesanía da Deputación Provincial de Lugo.

16:30   XXI Concurso Monográfico da Raza Can de Palleiro (VI Monográfico da  MOEXMU), no propio 
Recinto Feiral “Manuel Vila López” de Muimenta, valedeiro para o Trofeo Can de Palleiro deste ano.

17:30   Reapertura do Museo da Zoca e da Escola Vella (ubicadas no campo da Igrexa Vella) por parte 
da directiva de Xotramu para toda a xente que desexe visitala; e tamén da exposición fotográfica 
“Crónica da pegada do Porco Celta en Galicia”. Ambas de balde.

21:00   Peche ao público do Recinto Feiral “Manuel Vila López”

A Moexmu: pasado, presente e futuro

Veciños e veciñas de Muimenta que asistiron á entrega do Premio Aresa á Moexmu Reproducimos a continuación un extracto do discurso lido por José Manuel Rus o pasado 1 de marzo no acto de entrega do Premio Aresa no que repasa a historia da Moexmu e marca as liñas de futuro desta cita imprescindible tanto para o sector produtor como para as empresas que forman parte do ecosistema agrario e gandeiro de Galicia:  A concesión do Premio ARESA de Desenvolvemento Rural á a Mostra Exposición de Muimenta constitúe todo un respaldo ao traballo que durante estas catro décadas leva a cabo a veciñanza de Muimenta, a través de 89 homes e 10 mulleres que forman, ou formaron parte das seis comisións de empresarios que a organizan de maneira rotatoria. Os comenzos da Moexmu no ano 1985 confirmaron o espíritu emprendedor da xente do pobo que se reflicte neste tipo de eventos e que foron xurdindo ao longo de todos estos anos: Festa da Filloa, XOTRAMU, festival do Pozomouro ou iniciativas como as do Museo Pedagóxico, ou a Área Ribas do Miño. Nas primeiras edicións da Moexmu promocionouse a artesanía, e para iso, contouse coa participación de Bernardo Falcón, un dos veciños de maior idade neses anos e que fora zoqueiro de profesión, un dos principais motores económicos da parroquia na dédada dos corenta e dos cincuenta. Hoxe o proceso de elaboración das zocas e a historia destes case cen zoqueiros, está recollida no Museo da Zoca ubicado na pórtico da Igrexa Vella, recentemente restaurada co esforzo e traballo dos veciños e veciñas de Muimenta. Grazas á Moexmu e á participación nela durante moitos anos dos poucos zoqueiros que quedaban vivos en Muimenta (Herminio do Carboeiro, Perfecto da Panadería, José de Morán ou Germán de Jesús), un rapaz de 16 anos, Álvaro Pin Campo, O Florencio de Barreiros, coñeceu máis polo miúdo esta profesión, e ampliou coñecementos grazas ás visitas que fixo a Paco da Reigosela. Con total naturalidade, na entrevista publicada no diario de El Progreso de Lugo con motivo da súa participación na última edición, fai agora un ano, Álvaro dicía que: “se debe reivindicar a necesidade de protexer e recuperar os oficios máis ancestrais”.
Poñer a andar este tipo de iniciativas é complexo, pero mantelas no tempo, aínda máis
A principal idea dos promotores da Moexmu sempre foi poñer en marcha actividades para promocionar o principal motor económico da comarca da Terra Chá, o sector primario, o cal se logra, por fin, no ano 1987. Con moita ilusión e grazas a unhas instalacións de madeira e xestas feitas de modo manual polos veciños e veciñas lógrase organizar, con grande éxito, a primeira edición do Concurso de Gando Frisón e Exposición de Raza Rubia Galega, dos primeiros de Galicia, e que se celebra anualmente e sen faltar nunca a súa cita (agás pola pandemia mundial). A década dos noventa comezan para a Moexmu cunha nova ubicación. Déixanse atrás as rúas do pobo e os terreos que hoxe ocupa o Colexio Público, polo Recinto Feiral Manuel Vila, o cal se merca cos cartos dunha masa forestal pertencente ao pobo. A partir dese momento, e coa afianzamento da Moexmu no calendario de feiras multisectoriais de Galicia, comézase a levantar en dito terreo diversas instalacións: naves para o gando, pavillóns, stands… , e a organizar a Festa da Filloa no ano 1992 ou a Poxa de Gando Selecto no 1999. Co novo século, comézase a barallar, tras moitas reunións e debate, a posibilidade de modificar a súa data de celebración. Dende os seus inicios, a Moexmu era no mes de xullo e facíase coincidir coas Festas Patronais. Definitivamente, no ano 2002, e a punto de alcanzar a maioría de idade, independizámonos e adiántase a celebración da Moexmu ao primeiro fin de semana do mes de abril.          O cambio foi todo un acerto e marca un antes e un despois para a Moexmu. O recinto faise pequeno ano tras ano, e consolídase no mapa de celebracións tanto en Galicia como no resto de España. E para exemplo a seguinte anécdota que lle pasou a Fina de Neira en Madrid aló polo ano 2014. Tocáballe organizar á Comisión á que ela pertencía. Logo dunha conversa que mantivemos ambos por teléfono sobre a Moexmu, un compañeiro seu de traballo, veciño de Bilbao, preguntoulle que tiña que ver ela con esa Feira, o cal lle resumiu nun par de minutos e o seu compañeiro manifestoulle que para el o concurso de Gando Frisón da Moexmu era un dos de máis prestixio tiña no norte da Península Ibérica. Fina quedou abraiada da repercusión que tiña aquel certame que se organizaba no seu pobo.          Moita xente de Muimenta descoñece o prestixio e o nome que ten a Moexmu e as actividades que nela se desenvolven. Seguro que se a algún dos primeiros organizadores lles din cando empezaron onde estamos hoxe, seguro que non o creen. Poñer a andar este tipo de iniciativas é complexo, pero mantelas no tempo, aínda máis.
Dende os seus inicios ata o día de hoxe, a Mostra Exposición de Muimenta foi testemuña da transformación que viviu o rural de Galicia
Dende os seus inicios ata o día de hoxe, a Mostra Exposición de Muimenta foi testemuña da transformación que viviu o rural de Galicia: o número de ganderías que están abertas a día de hoxe distan moito en número das existentes na década dos oitenta, pero estas agora son máis grandes, con maior número de cabezas, con mellor xenética e con maior produtividade; e a Moexmu acompañou nesa revolución tecnolóxica ás ganderías. Pero, pola contra, tamén asistimos ao gran problema que temos a día de hoxe: o despoboamento do noso rural. A xente nova marcha cara a cidade, con todas as derivadas que isto conleva. Este é un dos grandes retos que, como sociedade, enfrontaremos nas vindeiras décadas, porque sen xente non temos servizos e, sen servizos, non teremos xente. Por iso, dende a Moexmu queremos poñer en valor a toda a xente nova que se queda no rural e que constitúen o futuro do sector primario e dos nosos pobos. Gañas, traballo e forza non lles faltan, pero non podemos fallarlles; temos e debemos  apoialos. Esperamos que rapaces e rapazas como: Anxo, María, Lorena, Xavi, Simón, Andrea, Helena, Martina, Xoel, Claudia, Samuel, Brais, Aldara ou Íker; e nenos e nenas que non alcanzan os noves anos, como Álex, Diego, Cloe, Xoel, Antón, Alejandra, Luca, Saínza ou Enar (todos participantes na última edición do concurso de xóvenes manexadores da Moexmu), poidan dicir dentro de moitos anos aquilo de “comezamos na Moexmu, comezamos en Muimenta”.

A Moexmu recibe o XXIV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural polo seu 40 aniversario

O acto de entrega do XXIV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural á Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), que congregou esta tarde no auditorio da Facultade de Veterinaria a personalidades dos eidos social, económico, político e cultural, foi presidido polo o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, acompañado polo presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, e o conselleiro de Medio Rural en funcións, José González. Tamén estiveron presentes o vicerreitor do Campus de Lugo, Francisco José Fraga; a conselleira e directora de Marketing e Exportación de Aceites Abril, Elena Pérez Canal; a catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da USC, Ángeles Romero, e a vicepresidenta de Aresa, Carlota López Pardo. O reitor da USC deulle inicio á gala e concedeulle a palabra a Elena Pérez Canal, membro do xurado desta edición, que impartiu a conferencia maxistral “O aceite que pon en valor a gastronomía local”. Durante o relatorio falou de como construír marca reivindicando o patrimonio culinario, as festas gastronómicas ou as tradicións e fixo referencia á premiada deste ano tamén neste sentido, como unha feira de recoñecido prestixio e recoñecemento que celebrará en abril a súa 40 edición. Como exemplo fixo un repaso polas últimas campañas publicitarias da súa marca, Aceites Abril, nas que puxeron voz a persoas anónimas que conforman o universo gastronómico galego, como ela mesmo apuntou, “as produtoras e elaboradoras que miman e coidan os produtos da terra e do mar para que receitas de toda a vida cheguen ás nosas mesas”. Así mesmo, afondou tamén na riqueza das terras galegas e na importancia de continuar dándolle o valor que merecen, xa que son produtoras de grandes alimentos, “como é o ouro líquido de inigualable sabor” que eles mesmos comercializan. De seguido, o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco Fraga López, leu publicamente a acta co fallo do xurado na que destacaron o papel da Moexmu para a profesionalización do sector gandeiro, a remuda xeracional, o desenvolvemento rural e a posta en valor da gastronomía local. O conselleiro de Medio Rural en funcións fixo entrega da placa conmemorativa do Premio Aresa a José Manuel Rus, xerente da Moexmu, e o presidente de Aresa rematou a entrega do galardón coa parte económica, 10.000 euros.

A 40 edición da feira, en abril

A continuación, José Manuel Rus dirixiuse ao auditorio e comezou agradecendo o premio ao grupo Aresa, á Universidade e aos membros do xurado, “é moi gratificante para min e para todo o equipo recibir este premio”. Enumerou os obxectivos principais da feira, como son “potenciar o sector primario a través sobre todo do concurso, da exposición, da poxa e tamén da artesanía, co exemplo dos zoqueiros; loitar contra o despoboamento, gran problema do rural a día de hoxe, e recoñecer tamén o espírito emprendedor da veciñanza de Muimenta”. Rus finalizou a súa intervención solicitando que Aresa e a USC “deberían tamén ter algún tipo de recoñecemento por promover iniciativas coma a deste Premio” e convidou a todos os asistentes a achegarse á vindeira edición da Moexmu, que cumplirá o seu corenta aniversario a primeira fin de semana de abril. Tras a entrega do Premio e as palabras de agradecemento do premiado, interveu Álvaro Rodríguez Eiras, quen reforzou unha vez máis a contribución desta feira ao rural lucense e agradeceu a asistencia de todo o público. Inmediatamente, deulle paso á vicepresidenta do grupo Aresa, Carlota López Pardo, quen tomou a palabra en nome da entidade. López Pardo salientou a transformación do rural á que asistimos durante os vinte e catro anos de celebración deste premio e fixo referencia ás protestas que o sector agricultor e gandeiro está levando adiante nas últimas semanas en toda Europa, ante as que transmitiu o seu total apoio “para garantir a súa supervivencia”. Puxo tamén de manifesto os retos aos que se terá que enfrontar o mundo rural, “a adaptación a normativa medioambiental, a remuda xeracional e a competitividade”, pero tamén enumerou as oportunidades coas que xa se contan, como “o alto grao de tecnificación e profesionalización das empresas, das que son exemplo a gran parte das candidaturas ao Premio”. Da Moexmu, a vicepresidenta de Aresa, destacou “a súa ampla traxectoria, a súa implicación con empresarios e empresarias da comarca e o desenvolvemento de novas iniciativas cada ano”. Carlota López agradeceulle, por último, á Universidade de Santiago de Compostela, a súa total dedicación para seguir adiante co Premio Aresa, aos membros do xurado –Antonio López, reitor da USC; Francisco José Fraga, vicerreitor do Campus de Lugo; Elena Pérez Canal, conselleira e directora de Marketing e Exportación de Aceites Abril, e Ángeles Romero, catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da USC– o seu esforzo para resolver esta edición e ao conselleiro e a todos os asistentes, a súa presenza no acto. Pola súa banda, o reitor da USC, Antonio López Díaz, felicitou unha vez máis a Moexmu e ao resto de candidaturas presentadas nesta edición. Recoñeceu a Álvaro Rodríguez, como “un exemplo de vitalidade e de compromiso co rural” e augurou “un futuro por diante para moitas máis edicións do Premio Aresa”. A gala foi clausurada polo conselleiro de Medio Rural en funcións da Xunta de Galicia, José González, que resaltou “o seu compromiso pleno co sector e con este tipo de certames como a Moexmu porque un dos nosos obxectivos debe ser apoiar todos os proxectos que estean encamiñados a mellorar o medio rural”.

Resto de candidaturas presentadas

Xunto coa Moexmu, postuláronse como candidatos desta edición o proxecto Eo Alimenta, o proxecto Moirai, Slow Food Compostela, Apicultura no Concello de Boborás, o proxecto H2GZ As Pontes. The City Under The Lake, Cosmética Muuhlloa, Traloagro, Puresa, a Asociación Soutos do Courel, a candidatura conxunta dos grupos de investigación Farmatox e NanoMag, da Facultade de Veterinaria e da Facultade de Física da USC, respectivamente, e o traballo Influencia dos residuos de funxicidas a base de mepanipirim sobre a composición aromática do viño.

O palmarés do Premio Aresa

Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, EPS (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020), EFA Fonteboa (2021) e Casa Grande de Xanceda (2022).

Aberto o prazo para solicitar stands na Moexmu e para apuntar vacas para o Concurso de Gando

Cartel da Moexmu 2024, obra un ano máis de Paula Francos A Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu) celebra este ano unha cita moi especial. Por un lado, porque cumpre catro décadas de maneira ininterrompida e por outro porque o esforzo que ano a ano realizan os veciños da localidade, a través das distintas comisións organizadoras, acaba de ser recoñecido co Premio Aresa de Desenvolvemento Rural. Pero o traballo para esta cita de referencia para o sector agrogandeiro da provincia de Lugo, que terá lugar os días 5, 6 e 7 de abril, continúa. O prazo para a reserva de stands e parcelas expositivas xa está aberto e pode realizarse a través do enderezo moexmu@gmail.com ou do teléfono 982504002, chamando preferiblemente polas tardes. Tamén está aberto o prazo para apuntar xatas e vacas ao Concurso de Gando, o único destas características que se segue a celebrar na provincia. A inscrición debe facerse a través de Africor Lugo no teléfono 982250714. Xuíz do Concurso O encargado de xulgar o certame deste ano será Bonet Cid, xuíz de Conafe desde o ano 2008 e con experiencia como xuíz en distintos concursos, como o Nacional celebrado en Xixón no 2016, os concursos rexionais de Cataluña e Euskal Herria e numerosos certames locais (Galizano, Renedo, Valle de Carriedo, Villaviciosa, Nava ou Gordesola). Bonet é un gran coñecedor da Moexmu, xa que, dende moi noviño, e xunto ao seu irmán Iván participaban no concurso de xóvenes gandeiros, con cabezas de gando da granxa familiar, ubicada no concello de Barreiros, que atesoura distintos premios en concursos morfolóxicos tanto a nivel galego como nacional, como o de Vaca Gran Campeona no Concurso Nacional 2007, logrado con Rosalía James, elixida vaca do ano 2007. 

A Moexmu logra o Premio Aresa ao Desenvolvemento Rural

A candidatura da Mostra Exposición Muimenta (Moexmu), impulsada pola comisión organizadora da feira decana do sector agrogandeiro da provincia de Lugo que este ano chega á súa cuadraxésima edición, resultou gañadora do XXIV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, segundo deu a coñecer este mércores no lugués Pazo de Montenegro o xurado encargado de emitir o ditame dun galardón que recibiu na presente edición “12 candidaturas de perfís diferentes, pero de alta calidade”, segundo remarcou a vicepresidenta de Aresa, Carlota López Pardo. O reitor da USC deu conta da decisión do xurado logo de máis dunha hora de reunión, durante a que fixo “unha avaliación polo miúdo das fortalezas e dos méritos das propostas recibidas”. Antonio López salientou que as últimas deliberacións centráronse entre a candidatura gañadora e a presentada por Traloagro, unha iniciativa empresarial de produción agrogandeira en ecolóxico, que tamén foi moi valorada. Unha vez feita pública a decisión do xurado, un tribunal do que tamén formaron parte o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; a catedrática da área de Tecnoloxía de Alimentos da USC e profesora na Facultade de Ciencias, Ángeles Romero Rodríguez, e a conselleira delegada e directora de Marketing e Exportación de Aceites Abril, Elena Pérez Canal, o reitor Antonio López informou de que a cerimonia de entrega do XXIV Premio Aresa será o vindeiro 1 de marzo, a partir das 20.00 horas, nun acto público que se desenvolverá no auditorio da Facultade de Veterinaria. A candidatura gañadora do XXIV Premio Aresa representa valores moi aliñados cos intereses e coas liñas de especialización do Campus Terra, sinalou o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, quen, logo de salientar a condición da Moexmu como decana das feiras do sector agrogandeiro, lembrou a xa dilatada colaboración que mantén a sede universitaria luguesa coa comisión organizadora desta cita sectorial e tamén da Festa da Filloa de Muimenta, tamén no concello de Cospeito. O impacto da Moexmu como elemento de dinamización do medio rural, alén da súa localización chairega, foi un dos aspectos destacados pola catedrática da USC Ángeles Romero, quen tamén sinalou que esta celebración deste evento incentiva a reflexión colectiva sobre o medio rural, ao tempo que actúa como escaparate que axuda a facer visible a súa realidade. Asemade, a conselleira de Aceites Abril, Elena Pérez Canal, aproveitou a súa intervención para poñer en valor a progresiva profesionalización do sector agrogandeiro á que contribuíu e contribúe a Moexmu, ademais de salientar o particular impacto xerado polos promotores deste evento na mellora xenética do gando vacún frisón.

Agradecemento a todas as candidaturas

A vicepresidenta de Aresa, Carlota López, aproveitou a reunión do xurado do XXIV Premio Aresa para reiterar de xeito público o seu agradecemento á USC pola cooperación na promoción do Premio Aresa, ademais de para trasladar os seus parabéns a todos as candidaturas presentadas a última edición deste galardón: Proxecto Eo Alimenta, Proxecto Moirai, Slow Food Compostela, Apicultura no Concello de Boborás, Moexmu, Proxecto H2GZ As Pontes. The City Under The Lake, Cosmética Muuhlloa, Traloagro, Puresa, Asociación Soutos do Courel, un proxecto de investigación conxunto entre os grupos Farmatox e NanoMag da USC, e un traballo sobre a influencia dos residuos de funxicidas a base de mepanipirim sobre a composición aromática do viño.

O certame de gando da Moexmu 2024 terá 22 seccións a concurso

Xuntanza de traballo para a 40 edición da Moexmu, coa presenza de Africor e de gandeiros participantes no concurso O pasado sábado, 16 de decembro, tivo lugar o tradicional encontro cos gandeiros participantes no Concurso de Gando da Moexmu, no que se fixo balance da última edición do certame organizado durante a Mostra Exposición de Muimenta e comezou a preparación da vindeira cita, que terá lugar os días 5, 6 e 7 de abril do 2024, con 22 seccións a concurso.  Na xuntanza falouse da organización do Concurso de Gando, o único destas características que se mantén na provincia de Lugo e confirmouse tamén a realización da Poxa de Gando Selecto que o acompaña e que chega xa á súa 28 edición.
 Haberá unha Liga de pelado e de manexadores ademais dunha Liga xeral
Tamén se manterá na vindeira edición o Concurso de pelado, destinado a mozos e mozas preparadoras na tarde do venres 5 de abril no Recinto Feiral Manuel Vila. Africor Lugo, a petición dos gandeiros, estudará a posta en marcha dunha Liga de pelado e outra de manexadores, ademais dunha Liga xeral. As distintas categorías do vindeiro Concurso da Moexmu serán as seguintes: 

A próxima Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu) celebrarase os días 6 e 7 de abril

Un momento do Concurso Fefriga 2022 celebrado a comezos de abril en Muimenta A Asociación de Empresarios de Muimenta ten xa data para a que vai ser a edición número 40 da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu). Así, esta terá lugar a fin de semana do 6 e 7 de abril do ano 2024. A comisión organizadora traballa arreo para preparar unha nova edición que buscará ser aínda máis espectacular debido ao aniversario dos 40 anos de vida. Como sempre, a comisión está xa coa recadación de fondos e vende lotería cun donativo, cartos que se utilizarán para subvencionar esta feira.

Arranca a Escola de Xuíces que CONAFE celebra esta semana en Galicia

Un momento do Concurso da Moexmu deste ano A Confederación Nacional de Raza Frisona Española (CONAFE) celebra en Galicia a edición número 60 da súa Escola Nacional de Xuices Gandeiros, cun completo programa que terá lugar os días 19, 20 e 21 en distintas localizacións das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Participarán gandeiros de toda España así como aspirantes a xuíces e xuízas chegados de distintas comunidades, que visitarán distintas explotacións galegas, como por exemplo SAT Lodos e Pérez (A Pastoriza), Finca La Asunción (Touro) ou Gandería Carro SC (Mesía), onde este mércores terá lugar a primeira das prácticas de xuíces. 
Participarán gandeiros de toda España, que visitarán distintas explotacións galegas
A calificación de animais terá lugar o xoves 20 durante todo o día no recinto feiral Manuel Vila de Muimenta, que acolle todos os anos o Concurso de Gando da Moexmu. Catro ganderías da provincia de Lugo colaboran con esta cita aportando animais: SAT A Vereda, SAT Teixeiro, Rey de Miñotelo e Casa Pozo. Pola mañá calificaranse vacas e pola tarde xatas.
O recinto feiral da Moexmu xa acollera outra Escola Nacional de Xuíces no ano 2005
O venres a sesión práctica trasládase ao recinto feiral de Lalín, onde se xulgarán vacas e xatas procedentes doutras catro ganderías: SAT Carballeiras, A Costa, Midón e Rato.  Este tipo de formacións son a base para os futuros xuíces e xuízas da raza, pero tamén son de utilidade para todos os criadores de gando frisón, que aprenden a valorar e a seleccionar os seus animais con criterios obxectivos, o que lles axuda a mellorar o rabaño existente nas súas explotacións.

Rey de Miñotelo domina o Concurso da Moexmu

A vaca Rey 814 Beemer Yuri, da gandería Rey de Miñotelo da Pastoriza, Vaca Gran Campiona na Moexmu 2023 A Gandería Rey de Miñotelo volveu a monopolizar o Concurso de Gando da Moexmu, celebrado este sábado no Recinto Feiral Manuel Vila de Muimenta. A explotación da Pastoriza gañou 16 das 22 seccións do Concurso, incluídas Vaca Gran Campiona e Xovenca Gran Campiona, mellor criador de vacas e xovencas e animal con mellor ubre.  A Vaca Gran Campiona foi Rey 814 Beemer Yuri, que se fixo tamén co premio á vaca con mellor ubre do concurso. Trátase dun animal de 4 lactacións que leva 3 anos seguidos sendo a mellor vaca de Galicia e que repite como triunfadora en Muimenta. Foi tamén vaca Reserva no último certame Internacional de Gandagro e vaca Campiona de España Reserva no último concurso celebrado en setembro.
A Vaca Gran Campiona, Rey 814 Beemer Yuri, procede da mesma familia que leva 5 anos consecutivos gañando o título de mellor vaca de Galicia
Como Reserva Gran Campiona foi escollida Cundins Adele Moovin ET, da gandería Pistulario, de Santa Comba. Rey 1085 Moovin Soly ET, un animal pertencente tamén á Gandería Rey de Miñotelo, foi escollida Xovenca Gran Campiona. O encargado de xulgar o certame foi o catalán Pol Collell Sabaté, xuíz nacional de Conafe. O concurso desenvolveuse en xornada de mañá (xatas) e tarde (vacas), cun cento de animais a concurso de 14 ganderías das provincias de Lugo (A Lagoa Serabel, A Vereda, Casa Pozo, Cavadas, Gaigo, Pena Guisande, Penelas e Rey de Miñotelo), A Coruña (Casa Toldeiro, Casas, O Rubio e Pistulario), Pontevedra (Anila) e Asturias (Gorrello).  Os animais gañadores das 22 seccións a concurso foron os seguintes:  
  • Xatas de ata 8 meses: Rey 1193 Haxl Zynal (Rey de Miñotelo)
  • Xatas de 8 a 10 meses: Rey 1174 Thunderstonm Holy (Rey de Miñotelo)
  • Xatas de 11 a 14 meses: Rey 1165 Beemer Esencial (Rey de Miñotelo)
  • Xata Campiona: Rey 1174 Thunderstonm Holy (Rey de Miñotelo)
  • Xata Subcampiona: Rey 1165 Beemer Esencial (Rey de Miñotelo)
  • Xovencas de 15 a 18 meses: Rey 1091 Moovin Zintal (Rey de Miñotelo)
  • Xovencas de 19 a 26 meses: Rey 1085 Moovin Soly ET (Rey de Miñotelo)
  • Xovenca Campiona: Rey 1085 Moovin Soly ET (Rey de Miñotelo)
  • Xovenca Subcampiona: Rey 1091 Moovin Zintal (Rey de Miñotelo)
  • Mellor criador de xovencas: Rey de Miñotelo
  • Segundo mellor criador de xovencas: A Vereda
  • XOVENCA GRAN CAMPIONA:  Rey 1085 Moovin Soly ET (Rey de Miñotelo)
  • Vaca nova ata 28 meses: Cundins Adele Moovin ET (Pistulario)
  • Vaca nova de 29 a 35 meses: Vilarmor Cayenne Nanci (A Lagoa Serabel)
  • Vaca nova Campiona: Cundins Adele Moovin ET (Pistulario)
  • Vaca nova Subcampiona: Vilarmor Cayenne Nanci (A Lagoa Serabel)
  • Vaca intermedia de 3 anos: Rey 946 Jacoby Mahendra (Rey de Miñotelo)
  • Vaca intermedia de 4 anos: Penelas Hurricane Skali (Penelas)
  • Vaca intermedia Campiona: Rey 946 Jacoby Mahendra (Rey de Miñotelo)
  • Vaca intermedia Subcampiona: Rey 947 Thunder Storm Yurieta (Rey de Miñotelo)
  • Vaca adulta de 5 anos: Rey 814 Beemer Yuri (Rey de Miñotelo)
  • Vaca adulta de 6 anos ou máis: Pozosaa Krusander 9450 Xela (Casa Pozo)
  • Vaca adulta Campiona: Rey 814 Beemer Yuri (Rey de Miñotelo)
  • Vaca adulta Subcampiona: Pozosaa Krusander 9450 Xela (Casa Pozo)
  • Mellor criador de vacas: Rey de Miñotelo
  • Segundo mellor criador de vacas: Casa Pozo
  • Mellor ubre: Rey 814 Beemer Yuri (Rey de Miñotelo)
  • Mellor gandería de nova participación: Gorrello (Asturias)
  • Mellor concello: A Pastoriza
  • Segundo mellor concello: Castro de Rei
  • VACA GRAN CAMPIONA: Rey 814 Beemer Yuri (Rey de Miñotelo)
  • Reserva Gran Campiona: Cundins Adele Moovin ET (Pistulario)
Novos Manexadores Pol Collell, xuíz do certame da Moexmu, destacou o grande nivel dos animais participantes, o traballo dos seus criadores e a profesionalidade dos gandeiros galegos.  A Moexmu continúa este domingo, no que terá lugar o concurso de novos manexadores, organizado polo Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia. O venres escolleuse aos mellores preparadores, entre os 7 participantes. A primeira clasificada foi Lorena Rodríguez e como segunda quedou Lorena Iglesias. 

Prezo medio de 2.883 euros na poxa de gando, cunha primeiriza parida que acadou os 4.050 euros 

A poxa de gando selecto que se leva a cabo dentro do programa da Moexmu incluíu este ano 9 animais, 5 vacas paridas e catro xovencas preñadas, pertencentes a 8 ganderías da provincia de Lugo. Vendéronse todos os exemplares presentados, acadando un prezo medio de 2.883 euros.  O animal que logrou un maior prezo foi Rego Basic Basica 7101, unha vaca primeiriza de 27 meses parida o 1 de febreiro da Gandería Rego SC de Láncara, que foi vendida en 4.050 euros. É neta dunha vaca Excelente, ten unha cualificación de 81 puntos e está dando neste momento 42 litros. Foi adquirida por Agrociocende, de Boimorto, que mercou outros 3 animais na poxa. 
Agrociocende, de Boimorto, mercou 4 animais e Explotaciones Ferreiro, do Cádavo, 3
Entre as xovencas, a que acadou un maior prezo foi Marey Guay 3964 Lia, de Gandería Marey Castro SC, de Pol. Trátase dunha xata de 21 meses con 6 de preñez, inseminada o 21 de setembro. Foi adquirida por Manuel López López, do Incio. 

A mostra gandeira MOEXMU terá lugar a fin de semana do 31 de marzo

Os deputados de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, e de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participaron este sábado en Cospeito nunha xuntanza de traballo celebrada pola Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta con motivo da XXXIX Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu). A cita, que terá lugar a fin de semana do 31 de marzo, reuniu a gandeiros e gandeiras e serviu para abordar a organización deste evento. Fernández Rico destacou o compromiso da deputación con esta feira multisectorial que supón “un dos mellores escaparates para o impulso do sector primario da nosa provincia”. A institución provincial triplicou na edición deste ano 2022 a súa colaboración coa Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros, e Autónomos de Muimenta, á que achegou 33.000 euros para a celebración da cita e a realización do primeiro concurso autonómico de gando frisón na provincia de Lugo, Frisón FEFRIGA 2022.

“As 4 últimas vacas campionas de Galicia veñen todas da mesma familia”

Gandería Rey de Miñotelo, con tres dos seus animais, recibindo o galardón de Mellor Criador de Xovencas Unha cuarta parte dos animais do Concurso Autonómico FEFRIGA 2022 xulgados este sábado en Muimenta procedían da mesma explotación, a gandería Rey de Miñotelo, da Pastoriza, que aportou 31 dos 126 animais a concurso e fíxose con 17 galardóns, entre eles o de Vaca Gran Campiona de Galicia con Rey 814 Beemer Yuri. Pero tamén se alzou co triunfo nas seccións de xatas de 5 a 7 meses, xatas de 11 a 13 meses, xovencas de 17 a 20 meses, xovencas de 21 a 26 meses, xovenca Campiona de Galicia, xovenca Subcampiona, vaca intermedia de 4 anos, vaca intermedia Campiona de Galicia, vaca adulta de 5 anos, vaca produción vitalicia, vaca adulta Campiona de Galicia, vaca Gran Campiona de Galicia, vaca Reserva Gran Campiona, mellor descendencia de vaca, mellor criador de vacas, mellor criador de xovencas e mellor manexador do Concurso.   
A gandería Rey de Miñotelo aportou 31 animais ao concurso e alzouse con 17 dos galardóns do certame
"É moi especial gañar na casa e máis cando é a primeira vez que o Concurso Autonómico se celebra aquí", asegurou Alberto Iglesia nada máis alzarse co título principal do certame, o de Vaca Gran Campiona de Galicia, que a gandería da Pastoriza reedita por cuatro ano consecutivo con animais da mesma saga.  "As catro últimas campionas de Galicia son todas da mesma familia, a da Cooper Yudi. Rey 814 Beemer Yuri é unha vaca que destaca, moi moderna, con moi boa ubre, moi ben unida e con moi boas patas", presume Alberto, que ten 190 vacas en produción na súa explotación, ubicada na parroquia de Aguarda.

"Cando vemos que baixan de nivel para ir aos concursos entran ao establo a producir leite co resto de animais"

Membros de Gandería Carro celebrando a vitoria na sección Xovenca Gran Campiona de Galicia Gandería Carro, de Mesía, gañou con Casa-Nova Shania Moovin 1481 o título de Xovenca Gran Campiona de Galicia. "É unha xata criada na casa que ten algo máis de 9 meses. É filla do último parto natural que tivo Casa-Nova Sonny MCC, e foi un parto xemelar, polo que ten unha irmá xemelga", explica Miguel Rial, que é colaborador nos concursos desta gandería familiar ubicada na parroquia de Boado. "Procede dunha familia moi destacada nos concursos. A súa nai, Casa-Nova Sonny MCC, foi a única xovenca que gañou dúas veces o campionato nacional, unha tía dela é a última Gran Campiona Nacional e unha irmá foi Xata Campiona Nacional. Parece que de momento continúa a saga", di. 
Gandería Carro aportou 18 animais ao Concurso de Gando da Moexmu, que gañou no ano 2016
En Muimenta gandería Carro xa gañara noutra ocasión, no ano 2016, coa vaca Casa-Nova Vanesa Aikman. "Na granxa a xenética enfócase bastante cara ao tipo en determinados animais, aínda que sen descoidar o leite. Temos algunhas familias que se traballan para concursos morfolóxicos e outras que se traballan fijándose no mérito neto, é dicir, o índice de conversión. Traballamos para os concursos, pero o resto dos animais teñen que funcionar ben na granxa a nivel de produción e animais desta familia están no establo producindo como as outras", di Miguel.
Na granxa temos algunhas familias que se traballan para ir aos concursos morfolóxicos, pero non dan menos leite por ser destas familias destacadas
A explotación ten neste momento 150 vacas en muxidura e a produción de leite é a base, pero "determinados animais destacados sepáranse e teñen unha dieta distinta para telos nunha boa forma para os concursos pero no momento que vemos que baixan de nivel e non sirven para concursar entran a competir ao establo co resto de animais da granxa cos mesmos resultados, non dan menos leite por ser destas familias", asegura. Gandería Carro foi a segunda explotación que máis animais aportou ao Concurso, por detrás de Rey de Miñotelo, e fíxose coa vitoria nas seccións de xatas de 8 a 10 meses, xata campiona de Galicia e vaca nova de 26 a 30 meses e co segundo posto noutras tres seccións: segundo mellor criador de Xovencas, vaca nova Subcampiona de Galicia e vaca intermedia Subcampiona de Galicia. 

Rey 814 Beemer Yuri repite como Vaca Gran Campiona de Galicia

Un momento do Concurso Autonómico celebrado este sábado na Moexmu, seguido por numeroso público Vinte ganderías galegas, cun total de 126 animais, participaron este sábado en Muimenta no XXX Concurso Autonómico de Raza Frisona FEFRIGA 2022, que se celebrou coincidindo coa Moexmu. A gandería Rey de Miñotelo, da Pastoriza, revalida o título de Vaca Gran Campiona de Galicia con Rey 814 Beemer Yuri, mentres que Gandería Carro, de Mesía, faise co de Xovenca Gran Campiona. O encargado de calificar os animais foi o xuíz internacional portugués Henrique Moniz, que destacou o alto nivel morfolóxico e o importante número de animais participantes e agradeceu aos distintos criadores o traballo que fan por mellorar a xenética da súa cabana en tempos de dificultades económicas no sector lácteo.
A Mostra Exposición de Muimenta levaba dous anos sen celebrarse por mor da pandemia da covid-19 e acolleu por primeira vez o Concurso Autonómico
O concurso de gando da Moexmu é o único que se celebra na provincia de Lugo, aínda que levaba dous anos sen poder celebrarse por mor da pandemia da covid-19, e acolleu por primeira vez nas súas 36 edicións o campionato galego. Xatas e xovencas Casa-Nova Shania Mooving 1481, de Ganadería Carro, Xata Campiona e Xovenca Gran Campiona de Galicia Nas seccións adicadas á recría, que se desenvolveron pola mañá, resultaron gañadoras as ganderías Carro, de Mesía, coa xata Casa-Nova Shania Moovin 1481; e Rey de Miñotelo, da Pastoriza, coa xovenca Rey 967 Jordi Hole.
Como Reserva Gran Campiona de Galicia quedou Asunción King Doc Elsa 2, de Finca La Asunción
Como Xovenca Gran Campiona quedou Casa-Nova Shania Moovin 1481, unha xata de 9 meses, da que o xuíz do concurso, o portugués Henrique Moniz, destacou ser moi homoxénea e con moi boas costelas. Como Reserva queda Asunción King Doc Elsa 2, de Finca La Asunción, de Touro. Vacas Rey 814 Beemer Yuri, da Gandería Rey de Miñotelo, Vaca Gran Campiona de Galicia Pola tarde foron xulgadas as vacas, entre as que volveu gañar Rey 814 Beemer Yuri, que revalida o galardón de Vaca Gran Campiona de Galicia que acadara por primeira vez o pasado mes de setembro en Lalín no Concurso Autonómico FEFRIGA 2021, celebrado en Feiradeza. Como Reserva Gran Campiona quedou outro animal da mesma gandería, en concreto Rey 747 July High Octane.
O recoñecemento para a gandería de nova participación foi para Gaigo, de Meira
De Rey 814 Beemer Yuri o xuíz do concurso destacou o seu equilibrio, profundidade corporal e calidade ósea, así como o seu ubre fino e a colocación dos pezóns. A gandería chairega propietaria fíxose tamén co título de Mellor Criador de Vacas e Mellor Criador de Xovencas, Mellor Descendencia de Vaca e Mellor Manexador do Concurso, que foi para Alberto Iglesia. Descarga aquí a listaxe dos gañadores de todas as seccións do Concurso FEFRIGA 2022

Media de 2.640 euros na poxa da Moexmu

Un momento da poxa celebrada na Moexmu, na que se venderon 5 animais Un total de 11 animais, entre vacas e xatas, puxéronse á venda na Poxa de Gando Selecto da Moexmu, das que se venderon de xeito efectivo 5. O prezo medio acadado foi de 2.640 euros.  O animal que máis valor logrou foi Midón Artemisa King Doc ET, da Gandería Midón, de Lalín, unha vaca de segundo parto cualificada como MB no primeiro parto, con 2.808 puntos ICO, 9.107 litros de leite co 4,04% de graxa e o 3,26% de proteína. Foi adquirida por 3.100 euros pola Gandería Xesteiro, ubicada en Langueirón, na parroquia de Meanos (Zas). 
Animal Gandería Prezo saída Prezo venda
Rey 1094 Denver Riviela ET Rey de Miñotelo (A Pastoriza) 1.500 € 1.900 €
Cundins Delirio Unstopabull Red ET Pistulario (Santa Comba) 2.500 € 2.600 €
Gracoza Sound System Renata 2 Lar de Gracoza (Cospeito) 2.500 € 2.800 €
Mantoño Tatoo Vendetta Mantoño Holstein (Barreiros) 2.300 € 2.800 €
Midón Artemisa King Doc ET Midón (Lalín) 2.300 € 3.100 €

“Estamos traballando para que o recinto da Moexmu acolla unha nova poxa de gando no mes de xullo”

José Manuel Rus, na entrada ao recinto feiral Manuel Vila López, onde ten lugar a Moexmu José Manuel Rus Rodríguez (Muimenta, 1976) leva 24 anos na xerencia da Moexmu, unha das citas de referencia para o sector agrogandeiro galego e onde este sábado se disputarán o título as mellores xatas, xovencas e vacas leiteiras da comunidade. A Mostra Exposición que desde 1985 se celebra na Terra Chá non se puido levar a cabo os últimos dous anos por mor da covid-19 pero este ano retoma a súa celebración reforzada co respaldo de acoller por primeira vez na súa historia o Concurso Autonómico de Gando Fefriga 2022. A iniciativa, posta en marcha polos empresarios de Muimenta para dinamizar a vida da localidade, acolle este venres, sábado e domingo, un completo programa de actividades centradas na produción de leite e de carne, dous dos piares económicos da zona, e que volverán reunir no recinto feiral Manuel Vila López a numeroso público durante toda a fin de semana. – Supoño que xa tendes todo listo – Está todo a punto, aínda que dous anos sen facer a Moexmu notouse en canto ao mantemento das infraestruturas. Temos que agradecer o traballo dos veciños e do persoal do Concello no acondicionamento do recinto. Tamén se acometeron melloras importantes no pavillón das vacas.   Ademais da implicación dos empresarios de Muimenta, a Moexmu non sería posible sen a colaboración de Administracións públicas (Concello de Cospeito, Deputación de Lugo e Xunta de Galicia), asociacións de gandeiros (Africor Lugo ou Acruga) e empresas (Progando, De Heus, Clun, Hermanos Falcón, Agroamb, Abanca, Caixa Rural Galega, Xenética Fontao ou Cadena Cope), aos que queremos agradecer un ano máis a súa confianza. – Que poderemos ver na Moexmu deste ano? – Hai máis de 25.000 metros cadrados adicados a exposición, dos que case 15.000 serán ocupados por maquinaria nova e usada, coches e motos. En total, hai reservado espazo para aproximadamente uns 100 expositores, que non só veñen das catro provincias galegas senón tamén de Asturias, Salamanca, León, Zamora, Cáceres, Guadalajara, Zaragoza ou Madrid.
Hai máis de 25.000 metros cadrados adicados a exposición, dos que case 15.000 serán ocupados por maquinaria nova e usada
Unha vez máis o recinto feiral quedou pequeño para acoller a todos os expositores. As máis de 30 parcelas do recinto feiral están todas cubertas, polo que tivemos que amplialo con parte da pista que o rodea, mantendo e incrementando deste xeito o espazo de anos anteriores. Ademáis de maquinaria, tamén teñen cabida pensos, fertilizantes, produtos fitosanitarios, xardinería, recambios, etc., coa presenza de históricos da Moexmu como Hermanos Falcón, Solyt ou Saiga, por poñer algún exemplo.  
O prezo da entrada é de 3 euros para toda a xornada e os menores de 12 anos non pagan
Os stands fixos do recinto feiral, uns 60, todos a cuberto, estarán ocupados por artesanía popular galega, produtos galegos de calidade, viños, mel, utensilios agrícolas e gandeiros, etc. Dentro da artesanía destacan cerámica, bordados, ferrería, cestería, restauración de mobles, coiro, pintura, manualidades ou antigüidades, mentres que nos produtos de alimentación haberá queixos de San Simón, embutidos, pastelería ou produtos ecolóxicos.
A Moexmu ten sempre unha parte reservada para a artesanía e a alimentación
Este ano permanecerá aberto tamén o Museo da Zoca e o museo pedagóxico da Escola Vella, ubicados no campo da Igrexa Vella para que toda a xente que os desexe visitar o poidan facer tanto o sábado coma o domingo. A entrada é de balde e está atendido pola directiva da asociación de xogos tradicionais de Muimenta (Xotramu).
O pregón correrá a cargo de Antón Losada, profesor da USC, analista político e colaborador habitual de numerosos medios de comunicación
Tamén haberá exposición de traxes tradicionais galegos nas oficinas da Moexmu, así como pezas de cantería, pertencentes ao Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, que trasladará a Muimenta unha parte das súas coleccións, e o pregón inaugural correrá a cargo de Antón Losada. Vista aérea do recinto feiral da Moexmu nunha edición anterior – Haberá tamén presentación de novidades técnicas para o sector – As empresas teñen na Moexmu un bo escaparate para chegar ao seu público e moitas delas aproveitan para presentar novidades aos seus clientes. Por exemplo, o venres pola tarde terá lugar no centro sociocultural de Muimenta unhas xornadas técnicas para gandeiros organizada por Severiano Agrocomercial e Hermanos Falcón traerá á Moexmu a súa liña de produtos ecolóxicos Phytogrape, que toma como base o bagazo de uva e foi desenvolvida en colaboración coa Universidade de Santiago.
As empresas teñen na Moexmu un bo escaparate para chegar ao seu público
Gústanos ademais que haxa presenza de empresas locais e este ano haberá dúas empresas novas, Innogando co seu colar GPS Rumi e Tecgal Enerxías, especializada en enerxías renovables e eficiencia enerxética nas explotacións. Ademais, en canto a maquinaria, Flielg Ibérica presenta o novo tractor Kubota M7173 KVT e unha telescópica da marca BOBCAT e Agrícola Acevedo presentará un robot de muxido, o R9500-DairyProQ da marca GEA.  O concurso de gando ten lugar no pavillón das vacas e congrega a numeroso público O Concurso de gando é un ano máis unha das actividades estrela da Moexmu – Levamos unha década sendo o único Concurso de Gando que se celebra na provincia de Lugo. Volverá desenvolverse, igual que acontece desde o ano 2005, no polideportivo do recinto feiral, e existen a maiores dúas naves habilitadas para o gando e unha zona específica de lavado. O Concurso será o sábado durante todo o día, pola mañá as xatas e xovencas e pola tarde as vacas.
Haberá 24 seccións a concurso entre xatas, xovencas e vacas e participarán máis dun cento de animais
Hai en total 24 seccións a concurso, entre xatas, xovencas e vacas. Ademais dos premios de vaca e xovenca campiona Fefriga 2022, destacan galardóns como mellor gandería de nova participación, mellor rabaño, mellor descendencia de vaca e mellor Concello. A maiores, existen premios especiais de Xenética Fontao para fillas de touros do programa de mellora gandeira de Galicia. Nesta edición o premio para a gran vaca campiona será de 1.500€, doados en forma de produtos da empresa Progando. Para a xovenca campiona o premio será de 500€, repartidos a partes iguais entre Abanca e Caixa Rural Galega, mentres que para o mellor criador haberá un premio de 250€ froito das aportacións dos Empresarios de Muimenta.
A gandería da Pastoriza Rei de Miñotelo fíxose co triunfo na Moexmu nos anos 2014, 2015, 2016, 2017 e 2019
Este foi o mellor ano en canto a preinscricións de animais, cun total de 208, superando os 183 que houbera no ano 2002, coincidindo co cambio de data da Moexmu, que inicialmente se facía no verán xunto ás festas patronais. A valoración conxunta do gando presente no recinto feiral será de case 500.000 euros, o que dá idea da calidade dos animais. No concurso participarán 28 ganderías: 14 da provincia de Lugo, 10 da Coruña e 4 de Pontevedra. A inscrición supera a das edicións anteriores, aínda influíndo a situación pola que atravesa o agro e o rural galego e os gandeiros en particular, e a coincidencia de varios concursos de gando nun periodo de tempo curto.
O xuíz internacional portugués Henrique Moniz xulgará por primeira vez o Concurso da Moexmu
O xuíz portugués Henrique Moniz será o encargado de xulgar o Concurso. É a terceira vez que a Moexmu conta cun xuíz internacional. Henrique Moniz criouse na gandería leiteira Herdeiros de Elías Melo Moniz, que actualmente pertence á súa nai e aos seus tíos, e no 2007 entrou a traballar na Asociación Agrícola de São Miguel (Azores), onde coordinou o servizo de control leiteiro. Grazas a un convenio que se pon en marcha coa EFA Fonteboa de Coristanco, catro dos seus estudantes virán toda a fin de semana ao Concurso de Gando e tamén haberá casas comerciais de Santander, Burgos, León, Albacete ou Navarra, o que deixa ver a importancia que o Concurso de Gando de Muimenta ten a nivel estatal. Os oito membros da comisión organizadora da Moexmu 2022: José Darriba Hermida, Mari Celi Cruña Anllo, Julio Francos Grandío, Darío Freire Novo, José Ángel Maseda Canto, José Antonio Morán Puente, Guillermo Tojo Fuentes e José Manuel Rus – Supoño que non é nada doado neste momento xuntar cartos. Cal é o orzamento necesario para levar a cabo unha cita como a Moexmu? – O orzamento total da Moexmu deste ano ronda os 125.000 euros, sen contar o traballo que, sen ningún tipo de remuneración, leva a cabo a comisión organizadora, os vecinos de Muimenta e o persoal do Concello. Só o Concurso de Gando lévase 75.000 euros, a metade do orzamento total da Moexmu, e repartiranse 25.000 euros en premios, tanto en metálico como en especie.
O orzamento total da Moexmu deste ano ronda os 125.000 euros e só o Concurso de Gando lévase a metade
Este ano increméntanse os premios por sección, que serán de 125, 100, 75, 50 e 25€ para os cinco primeiros clasificados. Realízase un gran esforzo, en especial nestes tempos de crise económica e de dificultade para captar recursos.
Repartiranse 25.000 euros en premios, tanto en metálico como en especie
Existen un total de 6 gradas habilitadas para que o público poida seguir o concurso, con capacidade para máis de 1.000 persoas sentadas, máis dúas gradas máis que se solicitaron á Semana Verde de Silleda. Ao rematar o Concurso de Gando terá lugar a poxa de gando selecto, no que se venderán 13 animais de alto valor xenético pertencentes a algunhas das mellores ganderías de Galicia. Estamos traballando tamén para que haxa outra poxa en Muimenta no mes de xullo. – Cambiou moito a Moexmu desde os seus comezos? – Cambiou moito, mesmo de data. Inicialmente era no mes de xullo, coincidindo coas festas do pobo, pero optouse por pasala á primeira fin de semana de abril para repartir máis as actividades que se organizan ao longo de todo o ano.
Os empresarios de Muimenta organizan tamén outras actividades ao longo do ano, como a Festa da Filloa, declarada de Interese Turístico Galego, o Concurso de Tapas ou a campaña para as compras de nadal
Mantemos a mesma filosofía coa que se creou, a de servir de escaparate ao sector agrogandeiro da Terra Chá, e, nese sentido, a Moexmu foi evolucionando ao mesmo tempo que o foi facendo o propio sector. Nesta zona foron desaparecendo moitas explotacións pero as que quedan fóronse profesionalizando e somos unha das comarcas con máis produción de leite de Galicia. Botamos en falta quizais maior participación das ganderías locais no Concurso de Gando pero entendemos que a situación actual do sector leiteiro non anima moito a facelo. Ademais, un dos problemas comúns a todas as explotacións é que falta man de obra e acudir a un certame deste tipo require tempo e dedicación.

Programa da Moexmu 2022 e listaxe das ganderías participantes

Este venres remata o prazo de inscrición para participar no Concurso Autonómico FEFRIGA 2022

Vaca Gran Campiona FEFRIGA 2021 no certame celebrado en Feiradeza Últimos días para poder participar no Concurso Autonómico de Raza Frisona FEFRIGA 2022. Este venres, 25 de febreiro, remata o prazo de inscrición aberto para que as ganderías que desexen tomar parte no certame poidan anotar as súas vacas, xatas e xovencas. Coincidindo coa Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), o recinto Manuel Vila López acollerá a primeira fin de semana de abril o Concurso Autonómico, que alcanza a edición número 30.
A celebración do Certame Autonómico constitúe un verdadeiro respaldo ás actividades organizadas na Moexmu e ao Concurso de Gando celebrado en Muimenta desde o ano 1987
Tal como se establece no Regulamento do certame, no que tamén se detallan os premios, tan só poderán participar no Concurso FEFRIGA 2022 animais nacidos en Galicia e propiedade de ganderías galegas. A inscrición dos animais debe realizarse en AFRICOR Lugo, a través do teléfono 982250714 ou do email xerencia@africorlugo.com. Campionato Can de Palleiro Do mesmo xeito, o domingo 3 de abril terá lugar na Moexmu, a partir das 16:30 horas, o IV Campionato de raza Can de Palleiro, que está reservado a cans maiores de 3 anos inscritos no Libro de Orixes da Xunta de Galicia. O certame é puntuable para o XVI Monográfico Can de Palleiro 2022. Pode obterse máis información na páxina web www.clubcandepalleiro.com e para apuntarse debe enviarse un email cos datos do animal a candepalleiro@clubcandepalleiro.com. Como é habitual, a Moexmu incluirá ademais unha Exposición de Gando de Raza Rubia Galega e a 26 edición da Poxa de Gando Selecto organizada por Acruga.