Archives

Aberto o prazo de inscrición para a III edición do programa de incubación de proxectos de emprendemento, RR_dTerritorio

A Fundación Roberto Rivas acaba de abrir o prazo de inscrición para a III edición do programa RR_dTerritorio, unha iniciativa de incubación de proxectos de emprendemento con enfoque social e innovador para transformar o interior de Galicia. Para participar no programa é necesario inscribirse a través da páxina web www.rrdterritorio.com, que estará aberta desde o día 10 de abril ata o día 10 de maio ás 00.00 horas, ambos os incluídos, período durante o cal se poderán presentar as candidaturas.
O programa desenvólvese de maio a setembro e consta de 260 horas de formación en liña con visitas e actividades presenciais
A convocatoria está aberta a calquera persoa que estea a pensar en emprender en Galicia, agora ou no futuro, e queira formarse para facelo. En particular, o programa enfócase a persoas mozas e que se atopen en comarcas do interior de Galicia, de modo que as candidaturas priorizaranse en función deste e outros criterios establecidos nas bases. Contido formativo O programa ten unha duración total de 260 horas, repartidas entre os meses de maio a setembro de 2023, nun formato en liña complementado con algunhas actividades presenciais. A formación iniciarase o luns 22 de maio de 2023 e as persoas participantes aprenderán de forma 100% aplicada, incluíndo as seguintes temáticas:
  • Deseño de propostas de valor
  • Viabilidade económica e financiamento
  • Marketing en liña e redes sociais
  • Comunicación e pitch
  • Economía circular e sustentabilidade
  • Economía social
  • Emprendemento con propósito
Ademais, o apoio e acompañamento personalizado estruturarase a través de mentorías en liña a cargo do equipo de formadores, tanto individuais como de equipo. O programa contará tamén con visitas a empresas e a outros axentes, co obxectivo de coñecer casos inspiradores e innovadores, así como para detectar as principais necesidades e recursos que hai no territorio e que poden ser de utilidade para emprender. Rede Eusumo As actividades presenciais terán como referencia o espazo da Fundación Roberto Rivas denominado “A Moda” Rural Lab, en Silleda, e incluirán encontros de traballo xunto con outros destinados ao lecer e a comunidade.
O programa RR_dTerritorio forma parte da Rede Eusumo de colaboración impulsada pola Xunta
Na súa terceira edición o programa ofrece a oportunidade de formarse e capacitarse para emprender, a través do deseño e desenvolvemento de cinco ideas de negocio viables, innovadoras e sostibles, partindo das oportunidades detectadas no territorio e elixidas conxuntamente as persoas participantes. Nas edicións anteriores deste programa participaron xa máis de 30 persoas, que desenvolveron proxectos de emprendemento en sectores tan diversos como a biotecnoloxía, o uso de drons, a cosmética baseada en produtos locais, os licores e produtos artesanais, a agricultura ecolóxica, o turismo sostible e os servizos persoais no territorio.

Encontro virtual da mocidade das cooperativas agroalimentarias galegas

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) organiza este luns, 14 de febreiro, un encontro online para mozos e mozas que traballan no sector agroalimentario galego. A sesión centrarase na Incorporación á actividade agrogandeira. O encontro celebrarase de modo online e terá formato participativo (a través de Zoom). Dende Agaca buscan ofrecer ás persoas mozas que participen o coñecemento en primeira persoa dos principais aspectos a ter en conta ao iniciárense na actividade agrogandeira. “Tratarase de achegar propostas, suxestións, estratexias e aspectos clave na posta en marcha da actividade, para abrir as expectativas da mocidade á realidade da actividade na empresa agrogandeira e o cooperativismo agroalimentario”, indican os organizadores. O programa completo da xornada é o seguinte: 16:30 horas— Recepción e entrega de documentación. 16:45 horas — Presentación dos resultados do programa CULTIVA 2021 “Catálogo de Estancias Formativas para mozos”. Higinio Mougán, director-xerente de Agaca. 17:00 horas — A incorporación á Actividade Agraria: Aspectos clave para acadar o éxito. José Ramón Pedreira Dono, xefe de Sección Estruturas Agrarias da Xunta de Galicia. 17:45 horas — Debate: Incorporación á Actividade e cooperativas agroalimentarias. Axudas actuais. José Ramón Pedreira Dono. xefe de Sección Estruturas Agrarias da Xunta de Galicia e Carlos Ares Fernández. técnico de Agaca. 19:30 horas — Peche do encontro.

Inscrición

A xornada desenvolverase en horario de tarde, de 16:00 a 19:30 horas. As persoas interesadas en participar poden inscribirse nesta ligazón. A actividade enmárcase no programa de actuación 2022 da Rede Eusumo. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta con financiamento do Ministerio de Trabajo y Economía Social.    

O Ministerio potenciará este ano a formación práctica de mozos en granxas modelo

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación destinará este ano un millón de euros ao programa de formación práctica de mozas e mozos en explotacións modelo, tanto agrícolas como gandeiras. O balance que fan da primeira edición piloto, celebrada en 2020 e realizada en colaboración con organizacións do sector -especialmente o sindicato UPA e cooperativas-, é de 12 visitas formativas nas que participaron 13 mozos de 7 comunidades autónomas. Para este ano, espérase ampliar este programa, no que o Ministerio prevé que participen ao redor de 500 mozos que visitarán máis de 250 explotacións modelo repartidas por todas as comunidades autónomas. Este programa de visitas formativas, financiado polo MAPA, ofrece a mozos menores de 41 anos e incorporados nos últimos 5 anos á actividade agraria ou gandeira, realizar estancias de 5 a 14 días en explotacións agrarias e gandeiras modelo, situadas nun ámbito territorial distinto ao da comunidade onde desenvolven a súa propia actividade. Nas accións impulsadas en 2020 participaron 13 mozos, cunha idade media de 30 anos, pertencentes a sete comunidades autónomas: 3 de Castela-A Mancha; 2 de cada unha das comunidades autónomas de Asturias, Illas Baleares, Castela e León e Madrid; 1 de Estremadura e 1 de País Vasco.  As 12 visitas formativas realizáronse en explotacións situadas en 8 comunidades autónomas: 4 en Andalucía, 2 en Castela e León, e unha en cada unha das comunidades de Aragón, Illas Baleares, Estremadura, Madrid, Murcia e A Rioxa. Atendendo ao sector, 7 explotacións foron agrícolas, 1 gandeira e 4 de orientación mixta agrícola-gandeira. As explotacións modelo de acollida dos mozos manteñen unha actividade agraria real, preferentemente familiar, en disposición de realizar formación in situ en materias como mecanización e uso de tecnoloxías dixitais, técnicas para o uso racional do regadío, manexo de razas autóctonas, métodos de produción ecolóxica ou a incorporación de criterios ambientais e prácticas sustentables, entre outras. O 75 % das explotacións de acollida producen baixo sistema ecolóxico ou produción integrada; case o 60 % posúen regadíos e preto tamén do 60 % desenvolven a transformación dos produtos agrarios. Toda a información sobre as visitas formativas ofrecidas en 2020 pódese consultar no Catálogo de visitas. Ademais, o ministerio creou na súa páxina Web o espazo de Mozos Rurais, que inclúe un apartado específico onde se publica toda a información referente ao Programa de visitas formativas.  

Aterra!, unha iniciativa para impulsar o emprendemento da mocidade no agro

O salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) de Lugo acolleu esta semana a presentación de Aterra!: o teu futuro no agro, un proxecto posto en marcha polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas (Coita) de Lugo e o Grupo de Innovación Docente Ruralia, que conta con financiamento da EPSE a cargo do XVIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural.

No acto de presentación interviron o presidente do Coita Lugo, Marcos Vázquez; a vicerreitora do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e o director da EPSE, Tomás Cuesta, que lles trasladaron aos asistentes o porqué e os obxectivos do proxecto. A continuación, o profesor ad honorem da USC Francisco Sineiro ofreceu unha conferencia centrada na situación e as perspectivas de futuro do sector agrario galego.

Na última parte do acto desenvolveuse unha mesa redonda na que participaron varios egresados da EPSE que emprenderon a súa vida no rural. Xosé García (produtor e transformador de leite ecolóxico), Vanesa Carro (produtora de leite), Eva González (produtora e transformadora de froitos do sabugueiro) e Marcos Vázquez (produtor de bovino de carne e de mazá de sidra) compartiron a súa experiencia co público, responderon as preguntas que se lles formularon e debateron sobre temas como o problema de limitación de terras, os tópicos do rural, a comercialización dos produtos, o papel das administracións para a dinamización do rural etc.

O proxecto ATERRA!

Esta iniciativa pretende animar á xente a emprender no rural empregando a súa experiencia vital, onde tamén entra a formación superior universitaria.

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Desenvolvemento Rural 1 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101891&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

Así o explica Marcos Vázquez, un dos seus principais impulsores: “O proxecto aséntase en dúas palabras, ilusionar e conectar. Ilusionar á xente para que sexa capaz de superar esa barreira e incorporarse á súa casa de labranza, e conectar titulares de casas de labranza que non teñen traspaso con xente formada na Escola e con ganas de apostar por un proxecto así”.

Trátase de facerlles ver aos mozos e ás mozas que o rural ofrece moitas posibilidades, que ten moitos recursos que se poden aproveitar e que moitas veces o “pequeno é grande”, en palabras do tamén presidente do Coita Lugo.

Precisamente, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo será o o punto de contacto entre distintas xeracións que viven do rural para facilitar, por exemplo, o traspaso de negocios nos casos de persoas próximas á xubilación, así como incentivar a volta das novas xeracións aos negocios agrarios. Para isto, dende o Coita poñerán a disposición dos interesados un teléfono e unha dirección de correo electrónico de contacto para que os interesados na idea poidan anotarse e/ou solicitar información.

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Desenvolvemento Rural 2 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101892&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

Velaquí un vídeo resumo do proxecto: https://vimeo.com/331691457

¿Cales son os retos para os mozos gandeiros de Galicia?

Máis de 150 mozos e mozas de toda Galicia, boa parte estudantes de formación profesional agrogandeira, déronse cita este martes en Santiago de Compostela no IV Encontro da Mocidade Gandeira, unha xuntanza organizada polo Clube de Xóvenes Gandeiros e que contou coa colaboración de 15 empresas do sector. O acto, ao que asistiu o conselleiro de Medio Rural, José González, serviu para analizar os principais retos aos que se enfrenta a xente nova que decide traballar na actividade gandeira e tamén para relanzar a actividade do Clube de Xóvenes Gandeiros, cuxo presidente, o lalinense Avelino Souto Rozados, avanzou como unha das novidades desta nova etapa que tamén se poderán asociar os gandeiros de vacún de carne, con actividades tamén para este sector.

6 retos para a xente nova que se inicia na actividade gandeira en Galicia

Tanto na mesa redonda como nas ponencias, ao longo deste Encontro da Mocidade Gandeira analizáronse os retos aos que se enfrontan os mozos e mozas que deciden continuar na actividade gandeira en Galicia. As propostas, que o Clube de Xóvenes Gandeiros trasladará á Consellería de Medio Rural, pasan entre outros aspectos por: -Xestión empresarial das ganderías: Gonzalo Gómez Grobas, gandeiro de O Pino e traballador da área de Xestión Técnico-Económica de Seragro. falou da importancia de que as ganderías sexan xestionadas de forma empresarial, tomando as decisións con criterios económicos. “Hai 20 anos o prezo do leite estaba nas 50 pesetas o litro e o kilo do concentrado andaba nas 20 pesetas, polo que para ter beneficios no leite non era necesario ser moi bo. Hoxe cambiou moito a realidade, e as marxes de beneficios son moito máis estreitas, duns 9 euros por tonelada de leite no caso do grupo de xestión que levo eu”, explicou.
Gonzalo Grobas: “Cada vez implantarase máis nas granxas o servizo de xestión técnico-económica”
Neste sentido, Gonzalo Gómez Grobas considerou “esencial” que as ganderías incorporen o servizo de xestión técnico-económica, ao igual que contan con servizo de reprodución ou de alimentación. “É un servizo que cada vez máis se implantará nas ganderías, pois temos unha visión global da granxa e facilitamos que as decisións se tomen con criterios económicos, facendo posible que se incrementen os beneficios”, subliñou -Solucións ao problema da fauna salvaxe: Xabier Paz, un mozo gandeiro de Vilalba, explicou o obstáculo que supón para el, como para outros moitos en extensivo, o problema da fauna salvaxe, e en concreto do lobo. No seu caso, conta cun rabaño de 130 vacas de carne e 100 cabezas de gando equino, pero destas apenas consegue que sobrevivan os poldros debido aos ataques do lobo. “De 100 poldros este ano os lobos matáronme 80 e a este paso van acabar co rabaño e comezarán a atacar ao gando vacún”, lamentou. En canto ás medidas da Xunta, asegura que as axudas para prevención que ven de convocar a Consellería de Medio Ambiente “son ineficaces, xa no caso dos cans mastíns, teñen que estar inscritos no libro xenealóxico da raza, no que se prima un can de concurso e non un can efectivo para defender o gando”. Igualmente, denuncia que “nas axudas para peches fixos esixen que no momento de presentar a solicitude tamén presentes todos os permisos, algo totalmente imposible de conseguir nun mes”. Como solucións, ademais de solventar os anteriores erros, Xabier Paz demandou que a Xunta axilice o pagamento das axudas por danos de fauna salvaxe e que aumente a súa contía, “xa que na actualidade 800 euros que che dan por unha vaca non cobren os 3 ou 4 becerros que deixas de ter no futuro pola súa morte”. “Se a Xunta non toma medidas a gandería en pastoreo, e en concreto do gando equino, vai ir a menos en Galicia ata case desaparecer”, advertiu. -Mellorar a imaxe da gandería na sociedade: María Ramos Castro, gandeira de SAT Os Agros, unha granxa de vacún de leite de Santa Comba cun rabaño de 386 animais, defendeu o papel activo que deben ter os e as gandeiras para mellorar a imaxe social deste colectivo. “A imaxe que transmiten os medios dos gandeiros de vacún de leite non corresponde á realidade, preséntasenos como xente maior e con problemas e, últimamente, incluso como maltratadores de animais por parte de colectivos animalistas”, advertiu.
 María Ramos: “Cada un de nós ten que dar unha imaxe positiva do sector”
Neste sentido, defendeu que o sector debe ser o primeiro en cambiar esta imaxe: “Nas nosas redes sociais e no noso entorno os gandeiros temos que mostrar con orgullo as nosas vidas, demostrar que tratamos con cariño aos nosos animais, que nos gusta o noso traballo, abrindo as nosas granxas ás visitas da xente, especialmente dos nenos, para que a sociedade vaia cambiando a imaxe que ten de nós cara unha visión máis positiva e real”. -Axudas de incorporación: María Manteiga, ademais de membro da directiva do Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia, é unha nova activa do sector. “Incorporeime o ano pasado á gandería familiar en Vila de Cruces despois de realizar os estudos de de Enxeñería Agrónoma. Fíxeno porque me gusta a gandería e creo no futuro do sector”, explicou. No seu caso xunto á axuda de incorporación solicitaron un plan de mellora que lles foi aprobado e co que construíron un novo establo e mercaron un robot de muxido. En canto ás axudas de incorporación, María Manteiga demandou á Consellería de Medio Rural máis rigor na súa concesión para mellorar a eficacia deste diñeiro público. “Presúmese de que cada ano se están incorporando 500 mozos e mozas á agricultura e á gandería en Galicia, pero todos sabemos que moitas destas incorporacións non son reais”, advertiu. Igualmente, demandou unha menor fiscalidade por parte do Ministerio de Hacienda para as axudas de incorporación, xa que os mozos e mozas beneficiarias teñen que devolver arredor do 25% desta subvención á Agencia Tributaria, a veces incluso antes de que a cobren. -Formación: Constante Lorenzo Santos, profesor da EFA Fonteboa destacou que a formación xoga un papel clave para poder exercer esta profesión. “Creo que a formación que ten máis éxito é a que vivimos como unha experiencia persoal, na que participamos e nos involucramos, e para iso a nosa actitude como estudante ou xa como gandeiros debe ser a de ter un interese por aprender e mellorar continuamente”, subliñou.
Constante Lorenzo: “Debedes manter ao longo da vida unha actitude de interese continuo por aprender”
Neste sentido, destacou o éxito da formación en alternancia na EFA Fonteboa: “Os alumnos pasan ata 2 meses traballando en granxas de Irlanda ou de Francia, e nese período viven con outra familia, aprenden outra lingua, ven outras realidades e melloran profesionalmente. É unha experiencia moi enriquecedora que lles fai madurar”. Do mesmo xeito, aconselloulles que manteñan a inquedanza por formarse e enriquecerse ao longo da súa vida, tanto con lecturas como con visitas a outras ganderías. “Os gandeiros debemos aprender a ser aliados, e non alegrarse de que a explotación do veciño vai pechar, porque así podo alugarlle as terras ou a granxa. É un erro, porque cantos menos gandeiros haxa menos servizos vai ter o rural e menos poderemos apoiarnos entre nós”, sentenciou. -Aposta polo cooperativismo: Alba Rodríguez García, unha moza de 24 anos, falou da súa experiencia como traballadora e socia dunha cooperativa de Faba de Lourenzá. Destacou o papel do cooperativismo para baixar os custos de produción dos socios e aumentar o valor engadido dos seus produtos. “Creo que as cooperativas leiteiras deberían seguir o mesmo camiño de pechar o ciclo para aumentar o valor engadido do leite e suprimir intermediarios”, valorou.

Pioneer monitoreará por satélite as fincas de millo de Galicia

Adrián Varela Pérez, técnico de Pioneer, presentou o proxecto da multinacional de seguimento de fincas de millo por satélite. “Galicia vai ser pioneira en España nesta iniciativa de Pioneer, mediante a que imos medir por satélite a actividade fotosintética das fincas de millo e así poder estimar cal vai ser o seu rendemento”, explicou. Os gandeiros poden apuntarse a esta iniciativa de forma gratuíta, indicando a parcela ou parcela á que queren que se lle faga seguimento. “Cada 15 días, se non hai nubes, recibirán no seu móbil e de forma gratuíta a foto do satélite, podendo comprobar como é a uniformidade e o nivel de crecemento das plantas a partir da medición da actividade fotosintética da parcela. E a finais do mes de agosto recibirán unha estimación do rendemento que vai ter a finca”, explicou o técnico de Pioneer. Por ultimo, Cristina Pilar Losada, técnica de ruminantes de MSD falou en “Só hai unha oportunidade de facelo ben”, sobre os retos aos que se enfronta a mocidade cando comeza a traballar nunha gandería.

Galería de imaxes do IV Encontro da Mocidade Gandeira:

Encontro da mocidade gandeira o 15 de xaneiro en Santiago

O Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia organiza para o día 15 de xaneiro, martes, o cuarto Encontro da Mocidade Gandeira, que se celebrará na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. O programa da xornada é o seguinte: -11:00 Recepción.  -11:30: Charla: "Só hai unha oportunidade de facelo ben".  -12:00 Café -12:30 Charla: "Formación ao carón da vida".  -13:00 Mesa redonda -14:00 Conclusións e clausura.  -14:30 Xantar.  O encontro está aberto ao público previa inscrición enviando un email a clubexovenes@fefriga.com ou chamando ao teléfono  981 573 879

Critican os atrancos da administración ás granxas que apostan por modelos alternativos

A aldea de Garabelos, no concello de Chantada, foi este sábado o escenario da segunda edición do Festival Son Labreg@, que comezou xa de mañá cunha palestra na que participaron mozos e mozas que están a desenvolver interesantes proxectos gandeiros en clave agroecolóxica.

Así, Ana Corredoira (Lácteos A Cernada, Palas de Rei), Alberto Santín (gandeiro de ovino e caprino, Samos), Xosé García (Casa da Fonte, lácteos, Pantón) ou Mónica Llenderrozos (gandeira de Oscos, Asturies) foron as persoas encargadas de iniciar un rico diálogo no que participou o público asistente. Nesta conversa, un dos principais denominadores comúns foi a enorme cantidade de atrancos legais e a burocracia, moitas veces insuperable á que teñen que facer fronte dende o primeiro momento.

“A falta de conexión da Administración coa realidade ou o apoio interesado que se lle dá a un modelo agrícola produtivista e en clave industrial, fai que as granxas familiares de pequeno e mediano tamaño, ou aquelas que apostan por modelos alternativos, como as agroecolóxicas, queden sempre marxinadas e cun sistema legal e administrativo que vai contra elas e as súas realidades”, sinalan dende a organización do Festival Son Labreg@.

Reclaman á Administración que apoie os proxectos a pequena escala de produción no rural

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Desenvolvemento Rural 1 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101891&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

Neste sentido, demandaron que as diversas administracións, tanto Consellaría de Medio Rural como Ministerio de Agricultura, deberían facer moito máis por este tipo de proxectos aprobando leis e normas que favorecesen este tipo de producións a pequena escala que apostan por transformar e comercializar os seus propios produtos.

Sen embargo, os gandeiros e gandeiras participantes afirmaron que se conforman “con que non nos amolen. Xa que non nolas queren dar, que non nos dean axudas pero, polo menos, que non nos poñan continuamente atrancos”.

Tras unha sesión vermú na que Anxo Moure actuou para a rapazada, e despois do xantar, as palestras continuaron centrando a ollada na cultura que se está a desenvolver no rural.

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Desenvolvemento Rural 2 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101892&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

Participaron, desta vez, Antón Bocixa (cineasta, xestor da produtora audiovisual Tingalaranga e cantante do grupo Zënzar), Anxo Moure (Cinema Palleiriso e Asociación Cultural Papaventos de Educación Ambiental), Lola Tourón (Cestería Viva) e Rural CE.

Unha vez remata debates, a programación estivo máis centrada no lecer, con obradoiros de cestería e de regueifas, un torneo de billarda, ou a realización dun túnel de cata de viños no que participaron tres adegas da Ribeira Sacra.

Ademais, durante toda a xornada houbo diversos postos de venda no entorno do Cinema Palleiriso nos que se podía mercar queixos, mel, produtos do comercio xusto, libros, cosmética natural, xoguetes ou pezas artesás de roupa, ourivaría, cestería e encadernación. Xa para a noite, a partir das 23:00 horas, chegaron os concertos da man das Punkdereteiras (Chantada), Liviao de Marrao (Chantada), Quinta Xusta (Melide) e DJ Peter.

<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Desenvolvemento Rural 3 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101893&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

O Festival Son Labreg@ celebrarase en Chantada para reivindicar á mocidade do rural

O Sindicato Labrego Galego presentou este venres en Chantada, a que será a segunda edición do Festival Son Labreg@, que desta vez elixiu como escenario o entorno do Cinema Palleiriso, en Garabelos (parroquia de Mariz), apoiados por Anxo Moure e a Asociación Cultural Papaventos de Educación Ambiental. Trátase dunha iniciativa dos mozos e mozas do SLG que están organizad@s ao redor de Mocidade Labrega e que explicaron polo miúdo dúas das persoas que a integran: Sonia Vidal Lamas, gandeira que, ademais, forma parte da Executiva do SLG; e Vítor Fernández, gandeiro tamén e membro do grupo chantadino Liviao de Marrao. Co o lema “Construíndo soberanía alimentaria e cultural”, este festival pretende ser “unha xornada lúdica e festiva na que o lecer e a convivencia non estean rifados cos debates ou a reflexión”, explicou Lamas. “A intención é que a sociedade galega e, especialmente, aquelas persoas que nos queiran acompañar, poidan coñecer as problemáticas e desafíos aos que nos enfrontamos día a día nun ambiente festivo e en clave positiva”, engadiu. Nun plano de diálogo e debates, a programación dará contido a esta intención con dúas palestras. Na primeira, ás 11:30 horas, sobre soberanía alimentaria, falarán mozos e mozas que xestionan anovadores proxectos agrogandeiros, como Ana Corredoira (Lácteos A Cernada), Alberto Santín (gandeiro de ovino e caprino), Xosé García (Casa da Fonte, lácteos) ou Mónica Llenderrozos (gandeira de Oscos). Xa poñendo o foco en iniciativas culturais que se están a xerar dende o rural galego, nunha segunda palestra, pola tarde e a partir das 16:30 horas, participarán Xosé Antón Bocixa (cineasta, xestor da produtora audiovisual Tingalaranga e cantante do grupo Zënzar), Anxo Moure (Cinema Palleiriso), Lola Tourón (Cestería Viva) e Rural CE. “Todo isto sen perder o sentido crítico”, puntualizou Sonia Vidal, “pois, dende Mocidade Labrega, con este festival tamén queremos denunciar a nefasta xestión que se está a levar a cabo do rural dende as administracións, deixándonos decotío aos mozos e mozas que vivimos no rural a única saída da emigración”. Feira de alimentos e artesanía, obradoiros e música Así e todo, o ambiente será marcadamente festivo, nun entorno que albergará unha feira cunha vintena de postos onde se poderán atopar dende alimentos a diversas artesanías; no que se poderá xantar nalgún dos varios restaurantes que servirán comidas ou traendo un mesmo a comida; ou participando en obradoiros para tódolos públicos como o de regueifas ou o de cestería. Mesmo o Son Labreg@ servirá para acoller unha proba valedora para os campionatos galegos de billarda. E de cara a coñecer máis de preto un dos principais alimentos producidos na bisbarra, haberá unha cata de viños da Ribeira Sacra a partir das 21:00 horas. En canto ás actuacións, antes de xantar haberá unha sesión vermú e un circo dirixido polo anfitrión do festival, Anxo Moure. O prato forte virá pola noite, para poñer remate ao festival, coas actuacións de Liviao de Marrao (Chantada), Cuarta Xusta (Melide), Punkdereteiras (Chantada) e DJ Peter. E para facilitar o goce deste amplo programa, a organización disporá de ludoteca para deixar os nenos e nenas durante toda a xornada a cargo de monitores e monitoras, e haberá unha zona de acampada para todas aquelas persoa que queiran instalar unha tenda de campaña para pasar a noite.

¿Que demanda a mocidade que se incorpora ao agro en Galicia?

A Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) presentou recentemente o “Informe para o fomento da incorporación de mozos e mozas ao sector primario en Galicia”, un traballo elaborado pola Comisión Xuventude Cooperativista Emprendedora, creada para dar voz á mocidade rural galega. Velaquí algunhas das demandas desta comisión e que xa lle trasladaron á Consellería de Medio Rural: -Consideran que o criterio determinante para a concesión dunha axuda de plan de mellora, como é que a explotación tivera unha incorporación nos últimos 5 anos, “provoca que moitas granxas modernas e profesionais non estean nesa situación, co que se dificulta a súa viabilidade a medio prazo”. -Os membros da Comisión Xuventude Cooperativista Emprendedora consideran importante xeneralizar o emprego de expertos que titoricen aos mozos e mozas que se incorporen, tal e como xa se está a facer nalgunha comunidade autónoma de España. -Fiscalidade: Consideran inxustificado que a Agencia Tributaria obrigue a tributar en impostos ata o 30% da axuda de incorporación así como que se imputen como ingreso no ano no que foron concedidas, non no que realmente se ingresaron. “Debería regularse o rateo destas axudas durante un período mínimo de 5 anos, e regular tamén reducións nos rendementos xerados por este tipo de axudas”, demandan. No caso da cesión de granxas entre pais e fillos, deberíase lograr un tratamento fiscal xusto e equitativo co mozo ou moza que se incorpore e acadar un acordo para que non exista unha fiscalidade abusiva por parte da Agencia Tributaria. “É inxustificable e dificulta a viabilidade do futuro profesional agrario que a AEAT cobre arredor do 15% das axudas por dereitos de pago básico da PAC ao consideralo unha operación de compravenda, ao igual que no caso de cónxuxes en réxime de gananciais, cando un deles se dá de alta como titular da granxa da que, en teoría, xa tiña o 50% da propiedade”, defenden. -Formación: Reclaman que o curso de incorporación á empresa agraria, de 250 horas e requisito imprescindible para acceder á axuda de instalación, sexa versátil e adaptado aos sectores de destino. “Non é axeitado que todos os mozos e mozas que se incorporen teñan que facer o curso das vacas cando non se van dedicar profesionalmente a esta actividade. Os futuros apicultores, fruticultores, horticultores, viticultores... queren acceder a cursos de 250 horas centrados específicamente na súa actividade futura”, subliñan. Igualmente, os mozos e mozas de Agaca demandan da Administración que apoie decididamente a formación profesional regrada dirixida ao sector agroalimentario. Así, piden que se abran novas posibilidades, como a formación a distancia e a formación en réxime nocturno, para que o alumnado con cargas familiares ou laborais poda acceder a ela con facilidade. -Solicitan tamén que sexan atendidas todas as solicitudes, debidamente xustificadas, de plans de mellora. -Defenden que as axudas de incorporación deben estar totalmente ligadas á concesión de axudas aos plans de mellora que presentan os mozos e mozas que se incorporen, para evitar que os granxeiros novos se enfronten a granxas obsoletas. -Por último, e entre outras demandas, reclaman que as administracións deben resolver de xeito inmediato os problemas de acceso a internet no rural. “A xuventude ten dereito a unha banda larga que permita os mesmos servizos dixitais que estando nunha contorna urbana”, reclaman.

Descarga aquí o “Informe para o fomento da incorporación de mozos e mozas ao sector primario en Galicia”, elaborado pola Comisión Xuventude Cooperativista Emprendedora.

5 mozos que se incorporaron ao agro con éxito e sen complexos

Traballar no agro é unha profesión de presente e sobre todo de futuro, nun país e nun planeta cada vez máis necesitado de profesionais que produzan alimentos de calidade para alimentar á humanidade. De feito, a falta de relevo xeracional no agro é unha preocupación prioritaria para a Unión Europa e así está previsto que se traslade á futura PAC. Dous datos reveladores da magnitude do problema: segundo un informe do Consello Europeo de Mozos Agricultores, só o 7% dos agricultores da UE teñen menos de 35 anos, unha porcentaxe que no caso de España baixa ao 5,3%. A Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) e a Fundación La Caixa organizaron este venres en Santiago de Compostela a segunda edición da xornada “Incorpórate!”, na que, precisamente, se demostrou que, malia as dificultades, o agro é neste momento unha terra de oportunidades para a xente nova que decida emprender. Así, o demostraron os 5 mozos que participaron nunha mesa redonda para relatar as súas experiencias. Todos eles teñen en común que son integrantes da Comisión Xuventude Cooperativista Emprendedora, órgano creado dende AGACA, e o máis importante: están orgullosos do seu traballo e na maioría dos casos foron animados polas súas familias a continuar coa gandería ou coa horta familiar. Estas son as súas historias:

Manuel Iglesias (SAT O Chope, Silleda): “Dende pequenos os nosos pais contaron con nós para tomar decisións, e iso foi un gran acerto”

Manuel Iglesias é un gandeiro de 37 anos de Silleda que xunto co seu irmán e outro socio levan unha gandería de vacún de leite e unha granxa de porcino. “Tiven oportunidades de traballar na construción gañando moito máis, pero rexeiteino porque no campo é onde me sinto realizado, gústame o traballo cos animais e ter o meu propio negocio”, asegura como declaración de principios. Incide na importancia da formación, de mecanizar as actividades e de empregar as novas tecnoloxías para mellorar a calidade de vida. “Lembro a meu pais dicir que a veces de noite soñaban con apretarlle a un botón para que se fixera o muxido só e non ter que levantarse para facer o primeiro ordeño da mañá. Hoxe temos un robot de muxido e é unha realidade”, bromeou.
“Tiven a sorte de que o meu pai me dixera que o que facía era rendible”
Ademais, Manuel Iglesias recomenda visitar outras explotacións gandeiras que sexan punteiras para coller ideas. Iso é o que fai a través da European Dairy Farmers, unha asociación de gandeiros europeos, que organiza visitas e intercambia datos entre os socios e que, segundo el, “permitiume ser máis selectivo e menos influenciable á presión comercial que temos os gandeiros”. ¿E cal foi a clave para que el e o seu irmán seguiran coa gandería familiar? “Tiven a sorte de que o meu pai dende pequenos nos dixera que o que el facía era rendible. Dende pequenos os nosos pais contaron coa nosa opinión para tomar decisións na gandería e iso foi un gran acerto”, subliñou.

Carlos Lede, produtor avícola, de horta e de viña (Vilanova de Arousa): “Estar nunha cooperativa foi un gran acerto”

Carlos Lede ten 36 anos e hai 9 anos, debido á crise, incorporouse á explotación agraria familiar en Vilanova de Arousa (Pontevedra). Hoxe ten unha produción diversificada que combina produción de horta tanto ao aire libre como baixo invernadoiro (leituga e tomate, principalmente); o viñedo e unha granxa de polos. “Apostamos pola diversificación porque na nosa zona hai moito minifundio e sería complicado ampliar superficie para poder vivir só dunha destas actividades”, explica. Neste sentido, incide na importancia de avanzar nos procesos de concentración parcelaria e na mellora da mecanización. Como aspectos que máis valora do seu traballo, Carlos destaca “a tranquilidade de traballar con menos presión, aprender cousas novas cada día e a vantaxe de estar nunha cooperativa, que nos facilita moito o traballo, xa que se ocupa da comercialización e nos facilita asesoramento”.

Darío Lema, gandeiro en Mazaricos: “Os meus pais ao principio tomaron mal que quixera seguir coa gandería familiar”

Darío Lema é un mozo gandeiro, de 20 anos de idade que, despois de criarse na cidade da Coruña decidiu volver ao rural para continuar coa gandería familiar en Mazaricos. “Si que é posible que un chorbo da Coruña coma min acabe muxindo vacas. É algo que me gusta e do que valoro especialmente a tranquilidade”, asegura convencido. O principal obstáculo para que este mozo tomara o relevo nunha gandería moderna con 240 vacas de leite foi precisamente a súa propia familia. “Os meus pais non querían que me metese na gandería, rematadamente non, e os meus avós non tanto. Pero eu teimei e agora empezan a aceptalo”, explica.
“Si que é posible que un chorbo da Coruña coma min acabe muxindo vacas”
Ao pertencer a un medio urbano, Darío ten a vantaxe de ter tamén o punto de vista máis urbanita sobre o agro, “e a miña percepción é que hai unha idea moi desfasada e sesgada nas cidades do que é o agro galego”. “Aquí hai máis tranquilidade e se te organizas ben podes ter tempo libre e calidade de vida”, valora. ¿O que máis bota en falta? “O cine e un programa de inserción social no agro para darlle unha oportunidade de traballar a xente en risco de exclusión social. Penso que sería algo moi positivo”, valora.

Fernando Fernández, apicultor de Lalín: “Fáltanos saber vender e estar orgullosos do que producimos”

Fernando Fernández é un apicultor de Lalín cunhas 300 colmeas na comarca do Deza, e ven de plantar tamén 2 hectáreas de castiñeiros. Empezou prácticamente de cero, pois os seus pais só tiñan unhas poucas colmeas para autoconsumo. O seu obxectivo é vender directamente o seu mel cunha marca de calidade. “Paréceme moi importante que haxa unha maior compenetración entre os produtores e o consumidor final e tamén comercializar baixo unha denominación de calidade”, explica. Neste sentido, amósase convencido de que “en Galicia temos produtos boísimos, pero fáltanos saber vendelos e estar moi orgullosos do que producimos”. E cal é o principal problema ao que se enfronta? “A Vespa Velutina, que dezma as colmeas e por parte da Administración non se nos ofrece unha solución”.

Avelino Souto, gandeiro de Lalín: “Precisamos un cambio de mentalidade e estar orgullosos do noso traballo”

Avelino Souto é un mozo de 19 anos de Lalín que compatibiliza os estudos na Efa Fonteboa co traballo durante as fins de semana na gandería de vacún de leite familiar. Afirma convencido de que un dos principais obstáculos á incorporación de xente nova ao agro é a presión social negativa. “Precisamos un cambio de mentalidade, que ten que partir do sector, para que transmitamos esa nova imaxe á sociedade”, asegura.
“Temos que transmitir unha nova imaxe do sector”
Neste sentido, explicou que “hai pouco estiven nunha estancia en ganderías de Canadá e alí é un orgullo dicir que es gandeiro ou fillo de gandeiro, porque hai unha conciencia e unha valoración social do que representan para o país”. “Aquí, pola contra case é unha vergoña, e é algo que os propios profesionais do sector transmiten en moitos casos aos seus fillos para que non tomen o relevo na gandería familiar”, advirte.