Archives

Investigadores galegos únense para estudar os beneficios das brásicas para a saúde

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que dispón da figura de Unidade Asociada para colaborar con outras institucións en áreas comúns ás dos seus institutos, concedeu, por Resolución da súa Presidencia, esta condición, a través da Misión Biolóxica de Galicia, a “FARMABRASSICAS: metabolitos de plantas e saúde humana” da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O investigador responsable da Unidade Asociada é Manuel Freire-Garabal Núñez, catedrático da USC, e o investigador responsable do CSIC coa Unidade Asociada é Pablo Velasco Pazos, científico titular na MBG. A Unidade Asociada xorde no marco da colaboración científica previa, desde fai algo máis dunha década, entre o grupo Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas da MBG-CSIC e o LABORATORIO SNL-LENNART LEVI da USC, cando iniciaron no marco de diferentes proxectos de investigación unha liña de traballo centrada no estudo do efecto dos compostos glucosinolatos presentes nos cultivos de básicas en diferentes liñas celulares de cancro de mama e próstata. O grupo da USC ten como actividade principal o descubrimento de compostos de orixe natural e sintética con actividade antitumoral, mentres que o grupo da MBG ten unha das súas liñas de investigación centrada no estudo dos compostos bioactivos presentes en cultivos de brásicas como os grelos, o repolo ou as verzas. “Nas últimas décadas prestouse unha gran atención á prevención do cancro por medio de produtos naturais e, en concreto, ás propiedades quimioprotectoras dos compostos glucosinolatos presentes na familia de plantas crucíferas (Brassicaceae). Os glucosinolatos e os seus produtos de degradación, os isotiocianatos (ITCs), son compostos únicos e exclusivos destas plantas que actúan fronte a diferentes enfermidades a través da protección contra a inflamación e #estrés oxidativo nas células, retardando ou previndo certos cancros e outras enfermidades cardiovasculares ou neurodegenerativas. Por iso, non é de estrañar o gran interese que xerou na comunidade científica o estudo da relación entre o contido en ITCs e a diminución da incidencia de determinados tipos de cancro en humanos”, explica Pablo Velasco. “Neste contexto, e impulsados agora polo recoñecemento da Unidade Asociada, imos seguir avanzando no cribado de compostos con efectos antitumorais presentes en brásicas e os seus metabolitos secundarios, así como no estudo de mecanismos de acción e desenvolvemento de aplicacións terapéuticas”, avanza Manuel Freire-Garabal. “A Unidade Asociada non só permitirá obter resultados no ámbito da mellora dos cultivos e da produción agraria sostible, senón que tamén contribuirá a estreitar as relacións entre a USC e o CSIC en xeral e entre a Facultade de Medicina e Odontoloxía e a MBG en particular, o que podería favorecer a xeración doutras novas sinerxias”, destacan. Entre outras actuacións, prevese a publicación en conxunto de artigos científicos sobre os resultados alcanzados nas investigacións para desenvolver pola Unidade Asociada ou a celebración de accións de formación e divulgación, entre outras. O CSIC e as Unidades Asociadas O Estatuto do CSIC establece como unha das súas funcións “a colaboración con outras institucións no fomento e a transferencia da ciencia e a tecnoloxía, así como a colaboración coas universidades nas actividades de investigación científica e desenvolvemento tecnolóxico”. Neste contexto, enmárcase a figura de “Unidade Asociada ao CSIC”. As unidades susceptibles de ter esta figura son os departamentos, laboratorios, grupos de investigación ou outras estruturas de I+D+i, pertencentes a universidades, organismos de investigación, centros tecnolóxicos e calquera outras institucións ou entidades de carácter público ou privado, sen ánimo de lucro, que estean a desenvolver actividades científicas ou tecnolóxicas en áreas comúns, afíns ou complementarias ás dun ou máis institutos do CSIC e manteñan con este/s relación estable de cooperación científica. As Unidades Asociadas están reguladas por Resolución do 28 de xuño de 2017, do Consello Reitor da Axencia Estatal CSIC.

O CSIC inicia catro investigacións en Galicia no ámbito agrario e forestal

Un dos proxectos analizará distintas variedades de millo e a súa adaptación ao cambio climático O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) inicia en Galicia catro novas investigacións no ámbito agrario e forestal financiadas pola Axencia Estatal de Investigación a través da Convocatoria 2021 de proxectos orientados á transición ecolóxica e á transición dixital, do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica 2021-2023 no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado con fondos europeos post-covid. A Misión Biolóxica de Galicia inicia proxectos ao amparo desta convocatoria tanto na súa sede en Santiago como na súa sede en Pontevedra. As investigacións concluirán en 2025 e contarán cun orzamento total dun millón de euros. Cultivo de pataca con menos fertilizantes e fitosanitarios O proxecto Redución de insumos (fertilizantes e pesticidas) e incremento da biodiversidade do chan en cultivo de pataca, do que forma parte Montserrat Díaz Raviña (Grupo de Bioquímica do Solo), buscará estratexias naturais para a transición a unha agricultura máis resiliente e sostible. O seu obxectivo é reducir o uso de fertilizantes e de nematicidas no cultivo da pataca, a través de novas prácticas de manexo baseadas na natureza (introdución de leguminosas na rotación trigo-pataca, nematicidas de plantas ou extracto de plantas e variedades de pataca resistentes ao nematodo da pataca), que permiten conservar a calidade e a diversidade microbiana do chan e obter unha produción sostible e rendible. Este proxecto estará dirixido por David Fernández Calviño (UVigo) e participarán tamén a Universidade de Copenague (Dinamarca) e o Johann Heinrich Von Thunen Institute (Alemaña). Millo de dobre propósito (para gran e forraxe) resistente á seca A sede de Pontevedra da Misión Biolóxica de Galicia levará a cabo o proxecto Desenvolvo de variedades de millo con dobre aproveitamento nun escenario de cambio climático, dirixido por Ana María Butrón Gómez (Grupo Xenética e Mellora de Millo) e Rogelio Santiago Carabelos (Grupo Bioquímica e Fisioloxía de Cultivos) e no que participan tamén o Instituto de Recursos Naturais e Agrobiología de Salamanca (CSIC) e o Instituto de Agrobiotecnología (CSIC, Gobierno de Navarra). Pretende estudar a variabilidade para un dobre aproveitamento do millo en diferentes réximes hídricos e identificar metabolitos ou caracteres fisiolóxicos que sirvan para unha mellora indirecta da cantidade e calidade de biomasa. Castiñeiros e piñeiros resistentes ao cambio climático O proxecto Rexeneración in vitro de árbores resilientes para a recuperación de ecosistemas agroforestais ameazados polo cambio climático: novas estratexias con pequenas moléculas desenvolverase en Santiago e estará dirixido por Elena Corredoira Castro, da Unidade Técnica de Biotecnoloxía e Mellora Forestal, como investigadora principal, xunto con Pilar Sánchez Testillano (Centro de Investigacións Biolóxicas-CSIC). O obxectivo xeral é descubrir novas moléculas que promovan a reprogramación celular e a indución de embrioxénese somática para mellorar a rexeneración in vitro dalgunhas das especies forestais máis importantes da península ibérica: sobreira, aciñeira, castiñeiro, piñeiro de California e piñeiro marítimo. As cinco especies están gravemente afectadas por enfermidades causadas por diferentes patóxenos (fungos, oomicetos ou bacterias) cuxos efectos se viron acelerados como consecuencia do cambio climático. Efectos do resinado sobre o mantemento dos piñeirais Rafael Zas Arregui e Luís Sampedro Pérez (Grupo Xenética e Ecoloxía Forestal) son os coordinadores do proxecto Esclarecendo os efectos do aproveitamento resinero para asegurar a resiliencia e a sustentabilidade de servizos ecosistémicos dos piñeirais de piñeiro marítimo, investigación na que participan o Centro de Investigación Forestal (INIA), Universitat de Lleida, CESEFOR, Generalitat Valenciana, Swedish University of Agricultural Science (SLU), Zumain Enxeñeiros SL e ENEBADA SL. O proxecto pretende establecer unha rede de parcelas experimentais de longa duración para analizar o efecto integrado do aproveitamento resinero sobre a fisioloxía, ecoloxía e resiliencia dos piñeirais, incluíndo o estudo dos efectos da resinación sobre a maquinaria defensiva, o crecemento e a ecofisiología dos piñeiros, as interaccións ecolóxicas a nivel de ecosistema e a rexeneración dos piñeirais.

100 anos da Misión Biolóxica de Galicia

Este xoves, 1 de abril, cúmprense 100 anos da fundación da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), centro de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) desde 1939. Con motivo deste aniversario, o centro prepara un programa de actividades dirixido ao público xeral para achegar e difundir máis o seu traballo. A Misión Biolóxica creouse por iniciativa da Xunta de Ampliación de Estudos e Investigacións Científicas (XAE), institución que tivo un papel relevante no desenvolvemento científico e cultural de España até a súa desaparición en 1936. O obxectivo inicial da Misión Biolóxica era realizar investigacións e traballos de bioloxía aplicados á agricultura e gandaría de Galicia. Hoxe en día, a Misión Biolóxica conta con dous departamentos -Xenética e Mellora Vexetal, Viticultura e Forestal- e oito grupos de investigación: Bioloxía de Agrosistemas, Xenética do Desenvolvemento de Plantas, Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas, Xenética e Mellora de Millo, Ecoloxía Evolutiva das Interaccións Planta-Herbívoro, Xenética e Ecoloxía Forestal, Viticultura, Oliveira e Rosa e Adaptación e Sustentabilidade de Cultivos.

De Santiago a Pontevedra

As primeiras instalacións estiveron en Santiago de Compostela, na Escola de Veterinaria. O seu primeiro director foi Cruz Gallástegui e neses anos centráronse na obtención de variedades vexetais e gando porcino de boa calidade, e en transmitir estes coñecementos ao sector agrario. En 1927 Daniel de la Sota, presidente da Deputación de Pontevedra, xunto con outras personalidades da época, facilitou o traslado da MBG a Pontevedra: nun primeiro momento, á leira A Tablada e, posteriormente, á leira e Palacio de Salcedo, coñecido como 'Pazo de Gandarón', propiedade da Deputación e a súa sede actual. 
A finais de 1920 a Misión Biolóxica trasládase a Santiago e comeza a traballarse na mellora xenética do millo e en variedades de castiñeiro resistente á tinta
A partir de 1930 os traballos da MBG centráronse na mellora xenética do millo e na obtención de variedades de castiñeiro resistentes á tinta, unha liña consolidada por Ernesto Vieitez. A difusión en toda España da raza porcina inglesa Large White foi outro dos obxectivos da MBG e fundouse, por iniciativa de Miguel Odriozola, a piara, que axiña adquiriu gran desenvolvemento e difundiuse por todo o país para a mellora xenética do gando porcino. No período 1940-1950 a MBG consolidou as súas primeiras liñas de investigación sobre mellora xenética vexetal e animal e fisioloxía. Entre 1960-1973 pecháronse algunhas das liñas de investigación por xubilación ou traslado dos investigadores. Mantívose a sección de Química Agrícola, baixo a dirección de Benito Sánchez, que iniciou o estudo dos solos agrícolas das provincias de Ourense e Pontevedra. As investigacións sobre xenética vexetal sufriron un parón ata que, a partir de 1973, Amando Ordás retomou a liña de investigación de mellora xenética de millo, comezando a recolección de variedades locais de millo e o inicio de programas de selección e mellora.

Recuperar programas claves para Galicia

A partir de 1980, ábrense novas liñas de investigación na Misión Biolóxica e incorpórase máis persoal, o que permite desenvolver novos programas baseados en máis cultivos de importancia para Galicia: os legumes, as brásicas e a vide. Comezan a colleitar e caracterizar recursos xenéticos destas especies, conservadas no banco de xermoplasma da MBG. Estes materiais son a base das investigacións que, a día de hoxe, se realizan no centro e que permiten ampliar coñecementos teóricos sobre a xenética e mellora dos cultivos e desenvolver novas variedades resistentes a pragas ou enfermidades, mellor adaptadas, tolerantes a diferentes estreses como frío, seca, baixa fertilidade do solo...

Centrado nas investigacións agrarias e forestais

Na actualidade, a MBG dedícase fundamentalmente á investigación agraria e forestal, ocupándose dos principais cultivos, e especies leñosas e ornamentais de Galicia. A súa liña de investigación global versa sobre os procesos xenéticos, bioquímicos, metabólicos, moleculares, ecolóxicos e evolutivos que son relevantes para facer máis sustentable a agricultura e silvicultura, centrándose en diversas especies hortícolas, cereais e leñosas amplamente cultivadas. Traballan baixo un enfoque integrador, tentando abordar simultaneamente tres aspectos: resiliencia-produtividade-calidade.

8 Grupos de traballo especializados

Coñecemos máis detalles sobre os 8 grupos de traballo operativos na Misión Biolóxica de Galicia: 1) Bioloxía de Agrosistemas. Expón obxectivos e estratexias transdisciplinares para afrontar problemas globais das especies cultivadas e que poidan ser obxecto de transferencia horizontal de coñecemento e tecnoloxía, incorporando os recursos fitoxenéticos como fonte de estudos de diversidade e xenética , e realizando programas de mellora para o desenvolvemento de novas variedades xeneticamente melloradas. Estuda as interaccións das plantas e o seu agrosistema en leguminosas, hortícolas e ornamentais, incluíndo a microbiota do solo. 2) Xenética do Desenvolvemento de Plantas. Os obxectivos da súa liña de investigación son a arquitectura da planta, a floración, o desenvolvemento e maduración do froito e a dehiscencia da semente. Constitúen, á súa vez, fitos relevantes no actual marco conceptual da xenética e a xenómica vexetal. 3) Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas. Estuda a calidade nutricional e resistencia a estreses e a súa aplicación na mellora dos cultivos de brásicas hortícolas, con especial énfase nos metabolitos secundarios e o seu papel na alimentación, saúde e resistencia a estreses bióticos e abióticos. 4) Xenética e Mellora de Millo. Estuda os mecanismos xenéticos que controlan a resistencia a estreses, a calidade e a produción do cultivo de millo para a aplicación á mellora do millo para a alimentación (animal e humana) e usos industriais e a conservación da súa biodiversidade. 5) Ecoloxía Evolutiva das Interaccións Planta-Herbívoro. Dedícase ao estudo dos procesos eco-evolutivos que afectan as interaccións planta-herbívoro, a predicir como o cambio climático influirá nas interaccións planta-herbívoro e ás estratexias de manexo en sistemas agroforestais. 6) Xenética e Ecoloxía Forestal. Estuda a xenética e ecoloxía da resistencia a insectos e patóxenos en especies forestais como determinantes da variación fenotípica en caracteres de resistencia e tolerancia a enfermidades e pragas. A liña de investigación busca coñecer as repercusións e determinar posibles aplicacións á sanidade e xestión forestal sustentable. 7) Viticultura, Oliveira e Rosa. Dedícase á descrición botánica, histolóxica, agronómica e molecular de variedades autóctonas de vide e oliveira; á cuantificación da resistencia a enfermidades fúnxicas e mecanismos bioquímicos/fisiolóxicos de defensa da planta fronte a fungos; variabilidade intra/intervarietal-terroir-novos manexos de cultivo e o aproveitamento de residuos vitivinícolas/oleícolas para obter novos produtos. 8) Adaptación e Sustentabilidade de Cultivos. Estuda a variación xenética e a resposta á selección en caracteres importantes para a adaptación dos cultivos ao ambiente (como son o vigor temperán, a floración e a senescencia) e en caracteres de relevancia no cultivo sustentable (como son o uso eficiente do nitróxeno, o rendemento, a humidade e a calidade da biomasa residual).

Investigacións galegas procuran millo e variedades de viñedo máis resistentes ós fungos

O millo e o viñedo son dous dos cultivos sobre os que se están a realizar investigacións en Galicia para conseguir variedades máis resistentes ós fungos. Estes estudos inclúense nos 14 novos proxectos que o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) está desenvolvendo na comunidade no marco do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica de Innovación 2017 – 2020. En concreto, no caso do millo, o proxecto está coordinado pola Universidade de Vigo e as investigadoras Rosa Ana Malvar e Ana María Butrón están a estudar a mellora xenética da resistencia e os mecanismos de defensa do millo fronte a pragas como o taladro ou a contaminación do gran con micotoxinas. No viñedo, os traballos, liderados pola investigadora Carmen Martínez, céntranse na posta en valor de variedades minoritarias de uva pola súa resistencia a enfermidades fúnxicas derivadas do cambio climático. Ademais, estas variedades contribúen a diversificar a viticultura e a enoloxía. Un dos tres subproxectos que están a desenvolver céntrase en coñecer a sensibilidade de 51 viníferas españolas a afeccións como o mildio e o oídio e a súa resposta fronte ós fungos que as provocan. Por outra banda, no ámbito da viticultura, a investigadora Eva Balsa está a levar a cabo estudos sobre as dinámicas do metabolismo dos fermentos híbridos nas fermentacións do viño. Esta investigación procura comprender en detalle as diferencias en fermentación e os atributos dos viños obtidos empregando distintas especies de fermento. Ademais, buscan deseñar novos fermentos para lograr os atributos desexados no viño. O sector forestal é outra das áreas nas que se están a leva a cabo investigacións para a mellora xenética e contar con exemplares máis resistentes. Os investigadores Luis Sampedro e Rafael Zas abordan o estudo da resilencia dos piñeiros mediterráneos nun ambiente cambiante. Nun dos seus subproxectos, coordinado coa Universitat de Lleida e o Centro de Investigación Forestal, están a tratar o papel da evolución dos fenotipos de defensas químicas e físicas en diversas especies de piñeiros mediterráneos e as súas respostas ó clima. Tamén están abordando a diferenciación entre poboacións ó desenvolver síndromes adaptativos. Na Misión Biolóxica de Galicia, onde 5 dos 7 grupos de investigación recibirán máis de 900.000 euros de financiamento deste plan estatal, tamén se están a desenvolver estudos centrados noutros cultivos. Así, o traballo liderado polas investigadoras Elena Cartea e Pilar Soengas aborda a mellora xenética e os mecanismos de resistencia e defensa contra pragas e enfermidades en cultivos hortícolas de brásicas, unha familia entre as que se atopan cultivos como repolo, a coliflor ou a mostaza, entre outros. A investigadora Marta Francisco tamén está a traballar con cultivos de brásica para obter información sobre o papel do reloxo que sincroniza a fisioloxía endóxena da planta cos ciclos ambientais de luz e escuridade na defensa das plantas fronte ós depredadores herbívoros. O cultivo da pataca é o eixe central doutra das investigacións que se están a levar a cabo na Misión Biolóxica de Galicia. O investigador Xoaquín Moreira traballa sobre a comunicación entre plantas mediante compostos orgánicos volátiles. Coñecer esta comunicación pode servir para levar a cabo estratexias para o control de pragas e enfermidades da pataca. Os seus traballos están a centrarse en tres aspectos: a identidade xenética da planta hospedadora, a identidade dos diferentes insectos herbívoros e patóxenos que atacan a planta e a dispoñibilidade de nutrientes no solo no que se desenvolven as interaccións.

Consellos para realizar correctamente o esfollado da viña

O esfollado é unha técnica que se volveu imprescindible no viñedo xa que permite aumentar a calidade da uva e mellorar o estado sanitario da vide. Emilia Díaz Losada, técnica da Estación de Enoloxía e Viticultura de Galicia (EVEGA), e Mar Vilanova de la Torre, investigadora da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC ofrecen as claves para realizalo correctamente.

Emilia Díaz Losada (EVEGA): “O esfollado tense que realizar na cara exposta ao leste e evitar os esfollados profundos”

Cales son os momentos indicados para realizar o esfollado no viñedo? Hai que matizar que hoxe en día pódese falar de distintos tipos de esfollado, que teñen distintas finalidades. O esfollado precoz realízase en época de floración coa finalidade de diminuír produción e aumentar calidade de colleita. Neste momento todas as follas basais teñen aínda elevada actividade fotosintética. Coa súa eliminación estamos a diminuír a dispoñibilidade de azucres pola inflorescencia e, por tanto, pode diminuír tanto o callado como o tamaño do bago, e por tanto a compacidade dos acios. Este esfollado está indicado en viñedos moi produtivos, e evitaríanos ter que recorrer a un aclareo de acios cando o que queremos é obter unha vendima de alta calidade. O esfollado tradicional, que moitos viticultores realizan, sobre todo nas zonas frescas como Galicia, consiste na eliminación das follas basais próximas ao acio, entre 2 e 4 desde cerrazón do acio até vendima. A finalidade deste esfollado pode ser dobre: por unha banda mellorar a aireación reducindo a incidencia de enfermidades criptogámicas, e incrementar a eficacia de aplicación dos produtos fitosanitarios, xa que se favorece o seu contacto cos acios. O outro obxectivo é mellorar a calidade da uva, especialmente un aumento da cor e da tipicidade aromática, ademais de facilitar a vendima. En función do fin perseguido hase de realizar nunha época ou noutra. Se se persegue unha finalidade sanitaria debería realizarse desde a fase de peche do acio. Isto é adecuado en viñedos vigorosos con moita densidade de vexetación e en variedades con acios moi compactos. En viñedos pouco vigorosos, nos que a densidade foliar sexa limitada, cómpre manter a masa foliar para o seu axeitado desenvolvemento polo que se se fai esfollado deberá realizarse iniciado o envero, cando as follas basais van perdendo a súa maior capacidade fotosintética. O esfollado tres semanas antes de vendima non produce malos efectos xa que as follas basais presentan unha actividade fotosintética que é prescindible, e pode aumentar o rendemento dos vendimiadores dun 20 a un 40%.
“En Godello o esfollado debe ser mínimo”
Este esfollado pode incrementar a concentración dos azucres debido á perda de auga producida polo incremento de transpiración do bago; pode diminuír a acidez, en particular do ácido málico, favorecida por un microclima máis luminoso dos acios; e a cor dos bagos pódese ver favorecida. Por outra banda, prodúcese unha aireación dos acios que sobre todo en acios compactos actúa como unha medida preventiva fronte a botryte. Como e cando debemos realizalo? O esfollado hase de realizarse na cara exposta ao leste. Así os acios quedan expostos ao sol da mañá, menos nocivo que o do mediodía e o da tarde. E é que os fortes golpes de sol poden danar os bagos producindo queimaduras e deshidratacións. Hai que ter en conta o tipo de variedade cultivada. Así, en variedades como Godello, sensibles ás  queimaduras, o esfollado debe ser mínimo, de forma que os acios queden en certa medida protexidos. Que relación debe haber entre a masa foliar e a produción? Hai que dicir que son moitos os factores (chan, clima, sistema de cultivo, sistema de condución e poda, insolación, xenotipo etc.) que en interacción condicionan a produción e calidade da uva, sendo difícil atribuír a cada un o efecto único que pode ter sobre o resultado final. En principio, unha maior superficie foliar total vai asociada a unha maior capacidade fotosintética, pero a medida que vai aumentando, vai aumentando a densidade foliar. Así, unha maior densidade foliar leva un peor microclima na zona de acios e unha menor taxa fotosintética das follas interiores pola súa baixa iluminación. Un microclima interior sombreado, leva unha menor actividade fotosintética das follas interiores, menor fertilidade das xemas e peor maduración.
“Hai que evitar os esfollados profundos”
A relación entre a superficie foliar total e superficie foliar externa (LAI/SA) é un bo índice que nos permite unha apreciación de cal debería de ser a densidade de follas ou porosidade do sistema, para un adecuado desenvolvemento. Recoméndase de maneira xeral unha relación de 1,5 ou ben unhas 4-5 capas de follas no caso dos sistemas verticais. Distintos estudos mostran que superficies de 1m2 a 1,5 m2 de superficie foliar serían as máis adecuadas para producir un Kg de uvas, en formacións en espaldeira. Aínda que é necesario remarcar que os factores edafoclimáticos e varietais do viñedo poden variar estes valores xerais. Cales son os erros máis comúns que consideras que se realizan no esfollado? Existen certas zonas nas que se realizan esfollados moi profundos, sen beneficio algún nin para a planta nin para a calidade da colleita e cun importante custo económico. E a realización de esfollados na cara máis exposta ao sol, que non leva máis que a queimaduras nos acios por posibles golpes de sol.

Mar Vilanova de la Torre (Misión Biolóxica de Galicia-CSIC): “Co esfollado precoz logramos un 30% menos de incidencia de botryte na variedade Loureira”

Cales son as prinicipales vantaxes do esfollado precoz? O sector vitivinícola require un control da produción que diminúa os excedentes e produza un aumento da calidade de uva. É ben coñecido que modificacións na vexetación repercuten en cambios significativos no rendemento e a composición da uva. O control do cociente folla:froito é básico para a execución de prácticas culturais destinadas á obtención de froita de maior calidade. Para iso, na última década desenvolvéronse novas técnicas en viticultura dirixidas a xestionar os rendementos co obxectivo de mellorar a calidade da uva e o viño. Entre estas novas técnicas, cabe salientar o esfollado precoz da vide. Non se pode confundir o esfollado precoz co esfollado clásico. Os seus obxectivos son moi diferentes e tamén a época en que se realizan. O esfollado precoz é unha técnica vitícola pioneira e innovadora desenvolvida en Italia. O seu principal obxectivo é a regulación da produción de uva e a mellora da calidade da mesma. Os efectos do esfollado precoz, chamado así porque se realiza ao redor da floración, son moi diferentes do esfollado clásico ou tradicional que é máis tardío. Co esfollado precoz ao eliminar as follas basais en floración, que son a principal fonte de carbohidratos, provócase unha menor taxa de callado, obtendo acios con menor numero de bagos e de menor tamaño reducindo así o rendemento, e conseguindo unha colleita xeralmente de maior calidade.
“O esfollado precoz é unha alternativa economicamente competitiva ás custosas prácticas manuais tradicionais, como o aclareo manual de acios”
Unha gran vantaxe desta práctica é que ao conseguir acios con menor numero de bagos, estes son máis porosos e por tanto están máis aireados, o que reduce significativamente a incidencia de enfermidades criptogámicas como a Botryte. A nosa experiencia en Galicia coa variedade Loureira foi de redución dun 30 % a incidencia de Botyite, coa consecuente diminución do número de tratamentos. Outra vantaxe é que esta técnica é a súa fácil mecanización podendo resultar unha alternativa economicamente competitiva ás custosas prácticas manuais tradicionais, como o aclareo manual de acios. En canto ao número de follas a eliminar recoméndase entre 6 e 8 follas basais. Que destacarías do esfollado clásico? O esfollado clásico é unha das operacións en verde máis frecuentemente utilizada na viticultura. Habitualmente realízase entre o callado e o envero, en condicións de elevada densidade foliar. Consiste en suprimir as follas basais dos pámpanos co obxectivo de mellorar o microclima do acio incrementando a exposición dos froitos. Como consecuencia desta maior exposición solar, este esfollado tamén mellora a coloración e a calidade aromática das uvas. Igualmente, ao eliminar parte da follaxe da planta, esta práctica facilita a vendima manual e incrementa a eficacia dos tratamentos fitosanitarios.

“Os rendementos do millo poden aumentar até 1 tonelada de gran por hectárea coa senescencia retardada”

Os rendementos do millo poden aumentar notablemente a través da mellora xenética, integrando o carácter da senescencia retardada ou Stay Green como un carácter adicional e garantido no desenvolvemento de híbridos. Neste sentido, o investigador ecuatoriano Marlon Caicedo presentou recentemente na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC a súa tese doutoral baixo o título “Mellora xenética do millo para senescencia atrasada Stay Green”. A senescencia retardada ou “Stay Green” (SG) fai referencia a un carácter que presentan algunhas plantas e que provoca un atraso no envellecemento das follas respecto do que é habitual. Como consecuencia, esta característica permite acumular unha maior cantidade de materia seca durante o enchido do gran, o que significa un maior rendemento dos cultivos Nesta tese de doutoramento, dirixida polos investigadores Margarita Lema Márquez (USC) e Bernardo Ordás López (CSIC), Marlon Caicedo profunda no estudo da senescencia no millo, tanto a nivel fisiolóxico como xenético, achegando importantes descubertas. En primeiro lugar, parabéns pola túa tese. De onde vén o teu interese polo cultivo do millo? O interese débese a que levo traballando ao redor de 16 anos en proxectos de investigación dentro do Instituto Nacional de Investigacións Agropecuarias (INIAP) de Ecuador con este cultivo, onde o millo é moi importante para a seguridade alimentaria do país e cultivado na súa maioría por pequenos e medianos produtores, para quen vai dirixido o noso traballo. A túa tese centrouse na mellora de millo mediante a senescencia programada ou Stay Green. En que consiste? O Stay Green é un termo utilizado para denominar a aqueles xenotipos que presentan unha senescencia foliar tardía herdable en comparación a un xenotipo de referencia. É dicir, o millo mantense máis tempo verde e polo tanto realiza a fotosítense durante un período máis longo. Este carácter esta asociado positivamente co rendemento de gran e biomasa, especialmente. Existe moita marxe de mellora neste sentido no millo cultivado actualmente? Si, debido a que a maioría de variedades ou híbridos (incluíndo varias liñas proxenitoras), só foron identificadas co carácter visualmente e unicamente con base na cor das follas e talos nas etapas finais da senescencia; mentres que, usando caracteres fisiolóxicos como a taxa fotosintética poderíase identificar se o Stay Green é funcional ou non.
 “Hai unha parte das variedades de millo que se comercializan que teñen un stay green non funcional”
Nas distintas mostras de millo que estudou ¿Que diferenzas de senescencia chegou a atopar? En todas as liñas estudadas e clasificadas con Stay Green visual e non Stay Green previo á investigación, confirmouse que na maioría de liñas o Stay Green foi funcional (é dicir manteñen a súa cor verde e alta taxa fotosintética por máis tempo durante a senescencia) e outra parte de liñas presentaron Stay Green non funcional. Ademais, dentro das non funcionais, identificáronse poucas liñas con Stay Green cosmético (é dicir manteñen a súa cor verde, pero o seu aparello fotosintético está inactivo). ¿Poderíase cuantificar en canto pódese incrementar o rendemento do millo, tanto para forraxe como para gran, mediante Stay Green? Con base na nosa investigación e considerando a utilización de liñas puras de millo (non híbridos, nin variedades), os xenotipos SG producen entre 0.5 e 1 t/ha de gran máis que as liñas normais. No caso da biomasa, as liñas SG producen entre 0.4 e 0.8 t/ha máis en comparación ás non SG.
“As variedades de millo con Stay Green producen até 1 toneladas máis de gran t de biomasa por hectárea”
En canto ao estado sanitario do millo e a súa resistencia a patóxenos, ¿Que diferenzas atoparon entre o millo con maior senescencia e o que presenta menos? Na presente investigación non se incluíron este tipo de caracteres. Porén, de maneira xeral, observouse que as liñas Stay Green foron máis saudables e presentaron menor infestación de insectos, como tamén menor incidencia de patóxenos en relación ás liñas normais. Como continuación deste traballo, teño entendido que, a curto prazo se iniciarán investigacións neste sentido na Misión Biolóxica de Galicia.
“As variedades Stay Green presentan menos problemas sanitarios que as normais”
¿Existen empresas xa interesadas en aplicar esta mellora xenética nas súas variedades de millo? Si, existen empresas a nivel mundial que están a traballar na obtención de variedades e/ou híbridos Stay Green. Mesmo existe unha empresa produtora de sementes de millo que está a colaborar cos científicos da MBG para desenvolver sementes con estas características. Marlon Gaicedo defendendo a súa tese no Campus Terra ¿Cando prevé que poidan chegar a comercializarse millos mellorados en canto a senescencia? Comercialmente xa existen variedades SG de diferentes cultivos que foron desenvolvidos con base a avaliacións visuais. Sen embargo, con seguridade de que o SG sexa funcional, non existen variedades que se estean comercializando actualmente, este proceso considero que entre 7 a 10 anos, podería ofertarse este tipo de variedades ou híbridos. ¿En que outros caracteres do millo ve marxe de mellora nos próximos anos? Desde o punto de vista da sustentabilidade dos cultivos, conservación dos recursos naturais e contaminación do ambiente, poderíase mellorar para desenvolver variedades eficientes no uso da auga, na utilización de cantidades menores de fertilizantes químicos especialmente nitroxenados, redución de produtos químicos tóxicos entre outros aspectos.
 “Nuns 10 anos chegarán ao mercado variedades de millo con Stay Green funcional garantido”
Por que elixiu o CSIC e o Campus de Lugo para realizar a súa tese? A elección fíxose en función da importancia e credibilidade a nivel mundial do CSIC en temas de investigación agrícola. Dentro do CSIC elixín a MBG, debido a que esta institución conta cun programa de millo moi fortalecido e científicos con moita traxectoria de investigación, o que se adaptaba de maneira precisa á miña formación profesional. Adicionalmente, en anos anteriores (2009-2010) xa traballei cos científicos da MBG, polo que xa existía un antecedente e nexo laboral. A elección do Campus de Lugo, foi debido a que a miña formación previa enmarcábase mellor dentro do programa de doutoramento en ciencias agrícolas e ambientais e tamén porque, o INIAP (institución que financia a miña bolsa), seleccionou á Universidade de Santiago de Compostela para continuar cos estudos de doutoramento. Galicia é unha rexión líder en España en cultivo de millo forraxeiro. ¿Que impresión leva deste cultivo en Galicia, en que aspectos cre que é necesario mellorar? A miña impresión é moi positiva, especialmente porque o cultivo realízase baixo condicións de alta tecnificación, desde o uso de semente certificada na súa totalidade como no manexo do cultivo. Non obstante, poderíase mellorar practicando actividades acordes coa agricultura de precisión, redución do uso de fertilizantes nitroxenados para reducir a contaminación, enmarcado dentro do cultivo orgánico, entre os principais. En que liñas de traballo prevé seguir investigando? As liñas de investigación que realizarei versan sobre a mellora xenética (convencional e moderna) de millo, integrando o SG como carácter adicional no desenvolvemento de híbridos; posterior a iso, validación e difusión da tecnoloxía xerada en millo tropical amarelo duro para a zona costeira do Ecuador. Adicionalmente, na conservación de xermoplasma nativo do Ecuador. Algo máis que queira engadir? A mellora de cultivares SG no caso do millo, permitiría desenvolver variedades para o dobre aproveitamento, é dicir, gran para a alimentación humana e animal e os residuos vexetais (carozo e palla) para a xeración de bioenerxía ou biocombustible. En consecuencia, brindaríase aos produtores unha alterativa eficiente de produción, como a xeración de ingresos económicos.

“Os centros de investigación temos que substituir a competencia pola colaboración”

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) nomeou este mes a Elena Cartea González, investigadora científica do CSIC, directora da Misión Biolóxica de Galicia (MBG). Elena Cartea González (Vigo, 1967), que é a responsable do Grupo de Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas, era dende abril de 2011 vicedirectora da MBG e releva no cargo a Pedro Revilla Temiño, do Grupo de Xenética e Mellora de Millo. Que retos se marca para este novo período? En primeiro lugar, gustaríame que a Misión Biolóxica de Galicia se consolidase como un centro de referencia tanto a nivel nacional como internacional en investigación en ciencias agrarias e forestais. Iso pasa por reforzar o noso equipo científico, sobre todo mediante a consolidación do persoal postdoutoral a través de máis convocatorias de contratos e de prazas de científico titular que permitan a este persoal continuar os seus traballos de investigación nos diferentes grupos do centro. Ademais, gustaríame seguir proxectando a imaxe da Misión Biolóxica tanto a nivel local como nacional, unha liña na que xa traballaron as anteriores direccións. Os recortes pasaron factura á Misión Biolóxica? Nos últimos anos houbo recortes en xeral, e a investigación foi un dos sectores máis afectados. En concreto, en investigación en ciencias agrarias o recorte foi bastante drástico. En todo caso, creo que o peor xa pasou e agora son moderadamente optimista no que é a recuperación do investimento público e privado en I+D. Nestes momentos traballamos na Misión Biolóxica 75 persoas, das que 14 somos científicos en equipo. Nos anos anteriores á crise o equipo ascendía uns 90 traballadores, que foi diminuíndo polas xubilacións, os estudantes que unha vez finalizada a súa tese non puideron continuar, pero principalmente polos investigadores cuxo contrato non se renovou. Para remontar esta situación, cales son os principais proxectos de investigación aos que se van presentar para lograr financiamento? Os proxectos máis ambiciosos son as convocatorias da Unión Europea, que nos obrigan a presentar proxectos conxuntos en consorcio con grupos de investigación doutros países da UE. O problema é que cada vez son máis competitivas dado o gran número de grupos que se presentan a estas axudas e as partidas permanecen estables, co que a taxa de éxito é bastante baixa.
A filosofía dos proxectos de investigación da Unión Europea débese trasladar a España e a Galicia
Outra vía de financiamento importante son os proxectos Interconecta, que presentamos en colaboración con empresas do sector. Actualmente estamos inmersos na convocatoria de proxectos nacionais que acaba de presentar o Ministerio de Economía e Competitividade. O prazo de presentación finaliza a finais de xullo e estamos a traballar para presentar proxectos competitivos con liñas de investigación relevantes e novidosas. Non é raro ver grupos de investigación en Galicia traballando no mesmo en distintas institucións e competindo entre eles polos proxectos. Deberíase avanzar cara a unha maior coordinación na investigación agraria en Galicia? A filosofía dos proxectos de investigación da Unión Europea débese trasladar a España e a Galicia. Temos que substituír a palabra competencia pola palabra colaboración e aproveitar sinerxías entre os distintos grupos de investigación para poder aspirar a obxectivos máis amplos. A colaboración é esencial e iso tamén é aplicable ao traballo de investigación conxunto coa empresa privada. Por último, gustaríame recordar que a Misión Biolóxica de Galicia traballamos 6 grupos de investigación (Bioloxía de Agrosistemas; Bioquímica da vide; Xenética, mellora e bioquímica de brásicas; Xenética e ecoloxía forestal; Xenética e mellora de millo e Viticultura) en diferentes liñas de investigación, e quero subliñar que todos eles desenvolven liñas de investigación básica e aplicada de gran relevancia para a comunidade científica na mellora de plantas, a viticultura e o sector forestal.