Archives

O Ministerio realiza un novo pago da axuda extraordinaria aos sectores gandeiros

O Ministerio de Agricultura publicou unha terceira listaxe dos beneficiarios da axuda extraordinaria para compensar a situación de dificultades como consecuencia da seca e da guerra de Ucraína. Son un total de 1.411 titulares de explotacións produtores de carne de vacún, ovino e caprino e produtores de leite de vaca, ovella e cabra os que se beneficiarán do pago desta axuda, por un importe total de 9,1 millóns de euros.

O pago súmase aos xa realizados nos meses de outubro e novembro de 2023, que totalizan un importe abonado de 352 millóns de euros, repartidos entre 73.369 gandeiros beneficiarios. Isto representa un 99 % sobre o orzamento total inicial de 355 millóns de euros.

No caso de Galicia, este novo pago beneficia a 228 gandeiros e gandeiras, que recibiron un total de 197.351 euros. En canto aos totais dos importes pagos e do número de explotacións gandeiros que se beneficiaron da axuda até o momento son 12.534 galegos e galegas con 10.180.810 euros.

A relación dos titulares das explotacións gandeiras beneficiarios, o número de cabezas de gando computadas e o importe da axuda a percibir está dispoñible para a súa consulta na sede electrónica do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA).

O caderno dixital pasa a ser voluntario, con incentivos ó seu uso

O ministro de Agricultura, Luis Planas, anunciou hoxe un paquete de medidas para atender ás demandas de agricultores e gandeiros, que desde hai semanas se están a mobilizar a nivel de toda España. Planas reuniuse esta tarde coas organizacións agrarias Asaja, Upa e Coag, coas que comprometeu unha serie de cambios. “Escoitamos e damos resposta. Pero os sentementos e inquietudes do agro teñen que transformarse en cuestións concretas que sexamos capaces de resolver”, valorou Planas. “As protestas de agricultores e gandeiros nacen de preocupacións lexítimas e respetamos toda protesta pacífica. O problema -valorou Planas- son as interferencias políticas espúreas”. En rolda de prensa tralo encontro coas organizacións agrarias, Planas subliñou que este primeiro paquete de medidas seguirase traballando en reunións técnicas, así como en próximos encontros coas comunidades autónomas e a nivel europeo o 26 de febreiro. As medidas concretas xa comprometidas polo Ministerio son as seguintes:

1) Simplificación da PAC e das normativas

  • O caderno dixital pasa a ser voluntario, en lugar de obrigatorio. Agricultura habilitará incentivos para promover o seu uso, pero non será unha cuestión obrigatoria. Quedan por definir que tipo de incentivos decide o Ministerio. “Hai que dicir que o caderno dixital é algo fundamental para o agro, pois permítenos levar un control sobre aspectos como o uso de fitosanitarios. A cuestión é que temos moitos tipos de explotacións diferentes, tamén pequenas explotacións”, valorou Planas. “Por iso decidimos facer o seu uso voluntario, aínda que estou convencido de que o caderno dixital popularizarase no agro ao nivel do que ten un smartphone hoxe en día”, comparou.
  • Flexibilización da normativa de condicionalidade da PAC 2024. O ministro aludiu á flexibilización dos requisitos 7 e 8 das Boas Condicións Agrarias e Medioambientais, que abordan a rotación de cultivos e as superficies non produtivas. Queda por ver o detalle dos compromisos e se Bruxelas os valida.
  • Eliminación das fotos xeorreferenciadas das parcelas na declaración da PAC. “É necesario que haxa unha correcta xustificación do destino dos fondos públicos da PAC, pero tamén hai que eliminar requisitos superfluos”, opina Planas ao respecto desta medida.
  • Réxime simplificado da PAC. "Proporémoslle á Comisión Europea o día 26 que se poña en marcha un rexime simplificado da PAC, con menos requisitos, para os beneficiarios que cobren menos de 5.000 euros", sinalou o ministro.
  • >Ampliación do catálogo de ecoesquemas en zonas áridas, onde menos se solicitaron ecoesquemas. “Tres de cada catro explotacións solicitaron ecoesquemas e imos gastar o 100% dos fondos nesa partida, o que non poden dicir moitos Estados membros, pero si é certo que nas zonas áridas detectamos que hai problemas para entrar nos ecorreximes”, recoñeceu Planas.
  • Veterinario de explotación. O ministro anunciou a convocatoria dun foro de gandería extensiva para abordar a normativa do veterinario de explotación, que preocupa no sector.

2) Reforzamento do control da cadea alimentaria

O ministro avogou por unha maior coordinación coas comunidades autónomas, “que teñen que asumir a súa responsabilidade na aplicación da Ley de la Cadena Alimentaria”, valorou Planas. En canto as medidas concretas, o ministro sinalou as seguintes:
  • A Agencia de Información y Control Alimentario (Aica) eleva o seu rango ó nivel de axencia estatal e contará con máis medios materiais e humanos. O obxectivo é aumentar as inspeccións e controis de oficio.
  • Publicaranse as sancións totais acumuladas por empresa en sancións graves ou moi graves. “É unha medida pedagóxica que preocupa ás empresas, pois o dano reputacional é importante”, valora o ministro. Desde xaneiro do 2013 anúncianse trimestralmente as novas multas que impón a AICA, pero as anteriores nunca se publicaran.

3) Controis en fronteira

  • Reorganización dos controis en fronteira para mellorar a eficacia dos controis. “Non é certo que non haxa controis, como teño escoitado estes días, pero hai que melloralos”, valorou Planas.
  • España vetará a entrada de froitas ou hortalizas nas que se detecten residuos de produtos fitosanitarios non autorizados na UE, con independencia do volume destes residuos. O Goberno defenderá ademais nos foros internacionais que as clausulas espello se apliquen de xeito xeralizado na UE, é dicir, que os produtos que se importan teñan que cumprir os mesmos requisitos que os producidos na UE.

4) Relevo xeneracional

O Ministerio de Agricultura anuncia unha Conferencia Sectorial cos conselleiros das comunidades autónomas para abordar a cuestión do relevo xeneracional, un dos graves problemas estruturais do agro en España.

Valoracións das organizacións agrarias

Asaja, Upa e Coag anunciaron que manteñen o calendario de protestas convocado, “xa que queda camiño por percorrer”, se ben consideraron un “paso adiante” os compromisos de Planas. Desde Asaja, a organización maioritaria, valoraron en positivo as medidas pero chamaron a solucionar outros asuntos pendentes, como a xestión dos xurros na gandería ou a cuestión do lobo, da que culparon ó Ministerio de Transición Ecolóxica.
Máis información: Podes ler na web do Ministerio a nota de prensa que emitiron despois da reunión coas organizacións agrarias, na que detallan o paquete de medidas acordado. https://www.campogalego.gal/tractoradas-o-martes-20-para-urxir-medidas-adicionais-para-galicia-nos-xurros-e-nos-ecorreximes/ https://www.campogalego.gal/execion-de-normas-sobre-terras-en-barbeito-para-agricultores-europeos/

A Xunta asegura que as axudas ás granxas pola EHE terán carácter retroactivo

A Xunta ratificou esta semana na comisión de Agricultura no Parlamento galego o seu compromiso de habilitar axudas para facer fronte ás mortes do gando causadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Dende o grupo parlamentario do Partido Popular reiterouse o compromiso acadado e anunciado xa en días pasados. “Non só se está a traballar nese dereito de indemnizacións senón en que estas sexan retroactivas, para poder abarcar os danos que a enfermidade xa causou en granxas galegas” explicou o parlamentario do PP, Ángel Rodríguez. Con todo, a petición do BNG de incluír nesta liña de axudas os abortos, as baixadas de produción ou os gastos veterinarios derivados do tratamento da EHE foi descartada. “Cando nunha gandería aínda que non lle morran as vacas, lles quedan coxas ou infértiles e ten que sacrificalas, deben contabilizarse eses gastos”, reclamou o parlamentario nacionalista Xosé Luis Rivas.
A EHE deixou en Galicia xa 245 vacas mortas e detectáronse 29 focos da enfermidade
A proposta foi apoiada polo PSdeG, pero o PP desestimou apoiar dita proposición debido á dificultade que supón incorporar e cuantificar eses danos derivados da enfermidade, polo que opta por contemplar só as mortes e o apoio a medidas preventivas. Así, recordou que xa adoptou medidas consensuadas co sector para informar sobre o avance da enfermidade e ofrecer charlas informativas sobre a mesma. Tamén apuntan que se publicará un protocolo de medidas preventivas e se realizarán novas accións dende as Oficinas Agrarias Comarcais. Tal e como indicaron dende a Xunta, na actualidade hai declarados 29 focos da enfermidade en Galicia que deixaron xa 245 vacas mortas. Cómpre precisar que cada foco territorial abarca normalmente casos en diversas granxas da mesma zona.

Plan nacional fronte a EHE

Dende a Xunta tamén reclaman ó Ministerio de Agricultura unha estratexia estatal conxunta e un plan nacional fronte á EHE. “É fundamental unha vacina e loitar pola súa homologación en Europa, polo que é fundamental o apoio do Goberno español e Europa”, reivindica Ángel Rodríguez. De feito, a Xunta trasladoulle xa ó ministro nunha carta esta petición, así como a de necesidade de crear un sistema de alertas sobre as novas enfermidades que están afectando ó sector primario para ter unha mellor resposta fronte a elas.

O Ministerio de Agricultura observa melloras nas marxes produtivas do sector lácteo vacún

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e os representantes da mesa sectorial do vacún de leite mantiveron un encontro no que constataron unha mellora nas marxes da actividade produtora, tras uns anos complicados, aínda que os custos mantéñense aínda en niveis altos. En concreto, obsérvase unha estabilización nos custos enerxéticos e de alimentación dos animais, que son os que máis peso teñen na actividade deste sector, aínda que o Ministerio manterá un seguimento constante da situación dos mercados exteriores ante as incertezas do contexto xeopolítico actual. A directora xeral de Producións e Mercados Agrarios, Esperanza Orellana, presidiu este xoves a reunión desta mesa sectorial, na que se analizou a evolución dos principais indicadores do mercado, para ter unha visión máis precisa da situación actual do sector. Orellana lembrou que, para paliar as dificultades polas que atravesou o sector gandeiro en 2022 e 2023 como consecuencia do incremento de custos derivados da guerra en Ucraína e a extrema seca, o ministerio puxo en marcha un paquete de axudas aos produtores de leite de vaca valoradas en 140,4 millóns de euros, que xa foron abonadas na súa totalidade. Así mesmo, na reunión analizouse o comportamento dos prezos percibidos polos gandeiros, que descenden desde o mes de marzo, despois de marcar rexistros históricos en 2022. Desde xaneiro deste ano, os prezos sitúanse por encima do prezo medio da Unión Europea. En relación coa evolución da produción de leite, os datos dispoñibles de 2023 (xaneiro a setembro) reflicten unha diminución da produción de leite, tendencia que se iniciou en 2022 tras os incrementos rexistrados desde que finalizou o réxime de cota láctea, en marzo de 2015. En todo caso, a directora xeral ha precisado que, no conxunto da Unión Europea, produciuse un lixeiro repunte da produción láctea. A diminución na produción de leite está asociada ao descenso do número de granxas e dos censos de vacas ocorrido en 2022, tendencia que se estaría estabilizando neste ano. Polo que se refire ao mercado exterior, o saldo comercial (exportacións menos importacións) do sector lácteo español segue sendo negativo no ano 2023, con descensos tanto nas importacións como nas exportacións. Doutra banda, a mesa sectorial ha pasado revista a un informe baseado na información dos paneis de consumo do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, de cuxo análise se pode concluír que o consumo de leite e produtos lácteos en España en 2022 presenta unha tendencia descendente, en particular nos fogares. Ademais, anunciouse a próxima publicación dos informes relacionados co sector lácteo (vacún, ovino e caprino) nun novo formato, interactivo e moito máis dinámico, que vai permitir ao sector e á sociedade en xeral dispoñer de información máis detallada e actualizada.

Galicia crea un grupo de traballo para abordar a seca e o aumento de custos no agro

O sector agrario de Galicia reuniuse hoxe coa Consellería do Medio Rural para abordar a situación no agro pola seca e o aumento de custos de produción. Se ben a seca en Galicia polo de agora a penas tivo impacto, sí que o problema xa se deixou notar no encarecemento das forraxes, con casos como a palla, que triplicou o seu prezo. Sobre a mesa estivo ademais o desaguisado que provocou o Ministerio de Agricultura coas axudas pola seca. As axudas do Ministerio de Agricultura pola seca e o aumento de custos, anunciadas o xoves pasado, poden quedar de exemplo para o futuro de como convertir en mala unha medida en principio boa. O Ministerio acordou destinar máis de 600 millóns ó agro pola actual crise, acompañando os apoios de beneficios fiscais e medidas de flexibilización da PAC, pero cometeu dous erros claros. Primeiro, non consultou a medida nin con comunidades autónomas nin con organizacións agrarias e cooperativas, co risco que iso implica, e segundo, anunciou datos errados. Agricultura comunicou o pasado xoves que as granxas de vacún de carne se beneficiarían dun apoio de 100 euros por vaca, un apoio que no caso do vacún de leite fixaba en 40 euros e no ovino e caprino de carne en 15 euros. Ao día seguinte, o Boletín Oficial del Estado chegou coa sorpresa de que os importes eran outros. No sur de España, nas comunidades máis afectadas pola seca, 157 euros por vaca de carne, 61 polas de leite e 18 por ovella e cabra de carne, pero en Galicia e na Cornisa Cantábrica, un 25% desas cantidades: 39,25 euros por vaca nutriz, 15,25 por vaca de leite e 4,5 por ovella e cabra. Entre medias, Castela e León e comunidades do centro, co 50% dos apoios. O cambio dos números, obviamente, sentou mal en Galicia. A Xunta, organizacións agrarias, cooperativas e a IXP de Vacún de Galicia mantiveron hoxe un encontro no que acordaron solicitar unha reunión urxente co Ministerio, a fin de pedirlle que rectifique a orde de axudas. “O Ministerio ten que ter en conta o aumento de custos das forraxes que están experimentando as granxas galegas pola seca xeralizada” -defende o conselleiro de Medio Rural, José González-. “Tampouco vemos lóxico que dúas provincias con condicións climáticas semellantes, como Zamora e Ourense, teñan un trato tan diferente”, advirte González, dado que os gandeiros de Zamora cobrarán o dobre que os de Ourense. A falta de axudas para os apicultores galegos, “que no mellor dos casos ingresarán 15.500 euros en conxunto” -pronostica o conselleiro-, é outro dos motivos do malestar. Grupo de traballo O sector acordou ademais crear un grupo de traballo en Galicia para facer un seguemento da seca e do aumento de custos no agro. O obxectivo é tanto trasladarlle ó Ministerio a evolución da situación como adoptar posibles medidas propias. “Temos que pensar que esta seca non é unha situación coxuntural, senón estrutural” -apunta a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba-. “Non se precisarán só axudas para os sectores máis afectados, tamén será preciso adoptar medidas en infraestruturas para o almacenamento da auga e para aumentar a base territorial das explotacións”, defende. Por parte de Unións Agrarias, o seu secretario xeral, Roberto García, considerou “moi importante” a creación do grupo de traballo, pois “Galicia pode verse nun mes en problemas de seca como os que teñen agora outros territorios”, valorou. De cara ó futuro, en caso de que se agudice a crise de seca e custos, García apuntou que unha posibilidade pasaba pola convocatoria de axudas autonómicas, ben con fondos Feader -previa autorización de Bruxelas-, ben con fondos propios da Xunta. Preguntado a ese respecto, o conselleiro non negou tal posibilidade de axudas complementarias, se ben subliñou que o prioritario era que o Ministerio de Agricultura modificase a súa orde de axudas pola seca, que considera “electoralista e discriminatoria con Galicia”, unha postura que compartiu o responsable de Asaga Galicia, Francisco Bello.

Trasládanlle ao Ministerio a situación crítica do sector do mel español

As organizacións profesionais agrarias, ASAJA, COAG e UPA, e Cooperativas Agro-alimentarias de España trasladaron nunha reunión co secretario xeral de Agricultura, Fernando Miranda, a grave situación que atravesa o sector apícola, derivada entre outros factores, da redución da colleita de mel e o incremento dos custos de produción. Piden ao Ministerio axudas directas coas que abordar a crise e evitar o peche de explotacións. A colleita de mel este último ano reduciuse un 50% como consecuencia, entre outras causas, da seca e a intensificación das infestaciones por Varroa. Ademais, o debilitamento das colmeas que vén arrastrándose os últimos anos provoca que un importante esforzo do traballo se centre na súa recuperación e non en producir mel. Esta diminución da colleita acompañada do importante incremento dos custos de produción, a subida dos carburantes e da alimentación suplementaria está a afectar severamente ao sector. A pesar desta falta de produción en España, ao contrario do esperable, o mercado está paralizado. Como sinalan as organizacións agrarias,aAs envasadoras e a distribución substituíron o mel español pola doutras procedencias, especialmente de China, aínda que tamén de Uruguai, Turquía ou Ucraína. "Mentres unha porcentaxe moi importante do mel nacional atópase aínda por vender, a importación non cesa a prezos cos que ningunha produtora ou produtor español pode competir, o que provoca que as poucas vendas e ofertas fáganse a prezos moi inferiores aos custos de produción actuais", aseguran as organizacións agrarias nun comunicado. Para liquidar esta situación, as organizacións solicitaron ao Ministerio habilitar de forma urxente unha axuda directa aos apicultores profesionais co fin de paliar as perdas que están obrigando ós abelleiros a abandonar a actividade. Tamén se solicitou incorporar aos apicultores profesionais entre os beneficiarios dos 20 céntimos por litro de combustible de axuda ao transporte.

Iniciativas solicitadas ao Ministerio de Agricultura

Á marxe das axudas directas e para evitar que esta situación se converta nun feito estrutural, as organizacións lanzaron unha serie de iniciativas para que sexan implementadas por parte do Ministerio: -Promover un cambio na etiquetaxe de orixe do mel, especialmente aproveitando a presidencia Europea do próximo ano. -Poñer en marcha unha campaña institucional que poña en valor o mel español entre os consumidores. -Incentivar a presenza destacada do mel español nos lineais, especialmente na gran distribución. -Adaptar a lexislación sanitaria á realidade e circunstancias da produción apícola, especialmente a profesional e trashumante. Concretamente sinaláronse os aspectos que se refiren ao veterinario de explotación, o plan sanitario, a identificación ou a certificación de movementos. -Solicitan un maior involucramento da administración e a investigación pública na resolución dos problemas asociados con Varroa, especialmente na procura de alternativas aos tratamentos actuais que están resultando ineficaces, co abelleiro ou a Vespa.

Así se xestionará o pago das axudas por fertilizantes e gasóleo

As axudas polo encarecemento dos fertilizantes abonaranse só ás explotacións agrícolas que fosen beneficiarias das axudas da PAC no 2022. O número de hectáreas por beneficiario determinarase de oficio polo Ministerio de Agricultura e corresponderase coa superficie declarada na PAC, con exclusión de terras de barbeito e pastos temporais. O Ministerio, tal e como se anunciara, abonará 22 euros por hectárea de secano e 55 por hectárea de regadío. Non se concederán axudas cando o importe a recibir resulte inferior a 200 euros. Tamén se establece un tope de 300 hectáreas por beneficiario, a partir do cal non se paga a axuda. O Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) publicará no tablón de anuncios da súa sede electrónica a relación de titulares beneficiarios, así como o número de hectáreas computadas e a contía que lles correspondería cobrar. Os beneficiarios terán 10 días hábiles para presentar alegacións. No caso de non facelo, transcurrido ese prazo, o Fondo Español de Garantía Agraria procederá ó pago da axuda, facéndose ese pago na conta bancaria na que se ingresou a PAC 2022. O Ministerio, por último, subliña que fará un seguemento da evolución do prezo de mercado dos fertilizantes para comprobar que as empresas comercializadoras dos mesmos non ‘inflan’ artificialmente os prezos para quedarse indirectamente coa subvención. Pódese consultar aquí a información relativa a axuda de fertilizantes, no real decreto de medidas urxentes para compensar as consecuencias sociais e económicas da guerra de Ucraína. Axuda por gasóleo En paralelo á axuda por fertilizantes, o Ministerio de Agricultura estableceu tamén un apoio extraordinario para profesionais da agricultura, gandería e silvicultura forestal. Serán beneficiarios as persoas e entidades ás que se lle recoñeza o dereito a devolución das cotas do Imposto sobre Hidrocarburos. O importe das axudas ascenderá a 20 céntimos por litro de gasóleo destinado exclusivamente a uso agrario e polo que o beneficiario obteña a devolución das cotas do Imposto de Hidrocarburos. Considerarase presentada a solicitude coa presentación da solicitude de devolución do Imposto de Hidrocarburos. Pódese consultar aquí toda a información no Real decreto de resposta ás consecuencias sociais e económicas da guerra de Ucraína.

Aberto o prazo de solicitudes para as estancias formativas do programa Cultiva 2022

O Ministerio de Agricultura abre o prazo de presentación de solicitudes para as estancias formativas do programa Cultiva 2022 ata o vindeiro 16 de agosto. En total ofértanse 491 estancias en 192 explotacións modelo de acollida, e a xuventude de explotacións agrícolas e gandeiras pode obter máis información sobre o territorio, tipo de produción agraria e datas no catálogo do programa. Os interesados poden solicitar ata 10 estancias formativas diferentes en explotacións modelo de acollida cunha produción igual ou distinta á propia, sempre que sexan do seu mesmo sector -agrícola ou gandeiro-, e que se localicen, por norma xeral, nunha comunidade autónoma diferente a aquela na que desenvolven a súa propia actividade. O programa está destinado a aquelas persoas novas que, por primeira vez, se incorporaran á actividade agraria como responsables de explotación desde o 1 de xaneiro de 2017, polo menos, e que tivesen menos de 41 anos no momento da súa primeira instalación. Á hora de asignar as prazas, terán prioridade os xóvenes cuxas instalacións sexan máis recentes, a mulleres dos sectores obxectivos, e aqueles que non participaran en edicións anteriores. Os gastos de aloxamento, manutención e transporte dos participantes, durante o tempo que dure a súa participación nas estancias formativas, está cubertos polo programa Cultiva. Ademais, tamén poderán optar a unha compensación por gastos de substitución para a atención e xestión da súa explotación por parte dunha terceira persoa, durante a súa ausencia. As estancias formativas comezarán no mes de outubro deste ano e prolongaranse ata o vindeiro xuño de 2023. A solicitude tramitase a través da sede electrónica do Ministerio, e o prazo para a súa presentación permanecerá aberto ata o 16 de agosto, incluído. Toda a información sobre o programa Cultiva 2021 pódese consultar no espazo de ‘Jóvenes Rurales’ da páxina de internet do Ministerio de Agricultura. As estancias ofertadas están organizadas polas entidades colaboradoras do programa: Asociación Agraria Xóvenes Agricultores (ASAJA), Cooperativas Agroalimentarias de España Unión de Cooperativas, Unión de Unións de Agricultores e Gandeiros, Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA), e Unión de Escolas Familiares Agrarias (UNEFA).

O Goberno regula as organizacións de produtores de carne de vacún, ovino e caprino

O Consello de Ministros aprobou este martes o real decreto polo que se regula o recoñecemento das organizacións de produtores e as súas asociacións dos sectores gandeiros de carne de vacún, e de carne de ovino. O novo margo xurídico establece as condicións para a negociación contractual por parte destas organizacións e as súas asociacións. O real decreto busca reforzar a posición negociadora dos produtores de carne para que poidan lograr unha maior retribución para o sector gandeiro e un mellor reparto do valor ao longo da cadea alimentaria. Todo iso dentro do marco da normativa comunitaria e da libre competencia no mercado. Tal e como sinalan desde o Ministerio de Agricultura, o novo decreto reafirma o seu compromiso e apoio á constitución de organizacións de produtores no sector agrario.  Ademais do decreto, tamén a Política Agraria Común (PAC) recoñece o papel fundamental das organizacións de produtores na concentración da oferta e na mellora da comercialización e planificación da produción, así como na adaptación da produción á demanda, a optimización dos custos de produción e a estabilización dos prezos ao produtor. Por iso, inclúeas como estruturas clave para mellorar a posición do sector primario na cadea, contribuíndo desta forma a cumprir cos obxectivos desta política comunitaria. De feito, as recomendacións realizadas pola Comisión Europea a España en decembro de 2020, no marco da 'Estratexia da Granxa á mesa', e que se tiveron en conta na elaboración do Plan Estratéxico para a aplicación da PAC español, xa incluían o desenvolvemento lexislativo para o recoñecemento de organizacións de produtores naqueles sectores que aínda non contaran con normativa a este respecto. Contexto en Galicia En Galicia, nos últimos anos xa se produciron varios movementos para a constitución de organizacións de produtores de vacún de carne que poidan fortalecer a posición das granxas. Unha vez que a normnativa para estas organizacións de produtores está aprobada, espérase a súa inminente posta en marcha. Entre os proxectos de organizacións de produtores de vacún de carne, figuraban o de Unións Agrarias e o de Agrigga.

O Ministerio e a Inlac suman esforzos para mellorar a cadea de valor do sector lácteo

O Ministerio de Agricultura e a Interprofesional Láctea (Inlac) acaban de pechar un convenio de colaboración para mellorar a cadea de valor do sector lácteo. O acordo busca avanzar en cuestións prioritarias como a contratación, a cohesión intersectorial, a monitorización e a transparencia do mercado, así como en actividades de promoción do consumo de leite e produtos lácteos. Entre os compromisos adquiridos no convenio atópase o desenvolvemento de actividades de promoción do sector, ao obxecto de difundir e promover os beneficios do consumo do leite e os produtos lácteos. Ámbolos dous organismos comprométense a impulsar accións que poñan de manifesto a sustentabilidade ambiental, social e económica do sector, así como accións que valoricen os seus esforzos polo benestar animal. Doutra banda, no acordo tamén se comprometen a promocionar e participar en encontros cos elos da cadea alimentaria que non estean representados en Inlac, así como chegar a acordos e desenvolver iniciativas que aseguren un correcto funcionamento da cadea láctea. Neste ámbito, o papel da Interprofesional é crucial ao manter o esforzo por pór a disposición do sector os medios que faciliten a utilización de índices para a determinación do prezo nos contratos, en particular nos de longa duración. De igual forma, as partes comprométense a identificar as liñas prioritarias de investigación, desenvolvemento e innovación no sector lácteo. Coa subscrición do acordo poténciase o papel de Inlac como órgano para a consecución de acordos sectoriais, á vez que permite sumar esforzos que reverterán en beneficio do sector, tal e como sinalan dende o Ministerio, nun comunicado de prensa. O convenio subscríbese como continuación dos catro asinados anteriormente nos anos 2011, 2013, 2015 e 2019, co que é un novo paso que testemuña a relación entre o Ministerio e a Interprofesional Láctea.

Agricultura introducirá o ‘renting’ e o ‘leasing’ de maquinaria agrícola no Plan Renove

O Consello de Ministros acaba de aprobar as novas bases reguladoras das axudas para o Plan Renove de maquinaria agrícola que convoca o Ministerio de Agricultura. Unha das novidades da próxima convocatoria é que tamén se contemplan outras formas de adquisición da maquinaria ademais da compra, como son o leasing ou renting, alternativas polas que cada vez optan máis agricultores, segundo explica o Ministerio. Nestes dous métodos de obtención de maquinaria, en ambos casos establécese un contrato de aluguer da maquinaria con cotas fixas e que adoitan ser mensuais. No caso do renting, tamén é habitual que no contrato se proporcione cobertura ó mantemento e reparacións da maquinaria. A principal diferenza nos contratos de leasing é que son a medio ou longo prazo e existe a opción de compra final. A nova convocatoria tamén introducíu outros cambios trala xperiencia acumulada dos 5 anos de funcionamento das actuais bases do Plan Renove, pensado para incorporar maquinaria con novas tecnoloxías que permitan reducir emisións e ter unhas prácticas agrícolas e gandeiras máis sostibles. As novas bases amplían o tipo de maquinaria subvencionable e tamén aumentará a contía base e total das axudas en consonancia ás prioridades que establece o Ministerio, como a clasificación enerxética, as emisións ou as estruturas de protección homologada. A actualización inclúe unha revisión dos requisitos de antigüidade de inscrición no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (Roma). Ademais, estas novas bases procuran axilizar a xestión das axudas ó concretar a documentación que se debe presentar por parte dos solicitantes.

Galicia, declarada zona libre de tuberculose bovina

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, valorou a importancia da declaración do estatuto libre de enfermidade de tuberculose bovina de Galicia e Asturias, cuxo regulamento de execución publicou estes días o Boletín Oficial da Unión Europea (DOUE), "porque pon de manifesto os avances que nos últimos anos deu España en materia de sanidade animal". Desde o Ministerio destacou que se trata de "un paso adiante moi relevante e que é froito dun gran traballo de estreita colaboración" realizado durante anos entre os sectores produtivos e as administracións públicas. As declaracións de rexións libres de enfermidades afianzan o gran esforzo que vén realizando España coas campañas de saneamento gandeiro para combater e erradicar epidemias.
No caso do complexo Micobacterium tuberculose, o programa de erradicación nacional implantouse a principios dos anos noventa
No caso de Galicia e Asturias, o estatuto libre de tuberculose bovina é especialmente relevante, xa que en ambas as concéntrase a quinta parte (19,5%) da cabana española de gando vacún (941.692 cabezas en Galicia e 386.385 en Asturias). "O estatuto libre de tuberculose supón un incentivo tanto para as administracións públicas como para os sectores produtivos porque significa a posibilidade de flexibilización algunhas medidas", explican fontes do Ministerio de Agricultura. Estes resultados marcan o camiño a seguir por outras rexións, algunhas das cales están xa en disposición de cumprir as condicións para ser declaradas como tales nun futuro próximo. Estas declaracións engádense ás efectuadas nos anos anteriores para a comunidade autónoma de Canarias e a provincia de Pontevedra, que con este novo regulamento de estatuto de libre amplíase a toda a comunidade autónoma galega.

Convocadas as axudas para estancias formativas de mozos agricultores

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación acaba de publicar as bases reguladoras das subvencións do Programa Cultiva, que permite as estancias formativas de novos agricultores en explotacións modelo, así como a convocatoria de axudas para o ano 2021. O Programa Cultiva 2021, coñecido popularmente como Erasmus agrario, conta cun orzamento de 1 millón de euros para a organización de estancias de entre 5 e 14 días que contribúan á transferencia de coñecemento e á formación práctica dos mozos profesionais agrarios. Nos próximos días abrirase o prazo de solicitude das subvencións para entidades de ámbito nacional representativas e vinculadas co sector agrario destinadas á organización de estancias formativas en explotacións modelo do Programa Cultiva 2021. As entidades interesadas terán 20 días hábiles para presentar a súa solicitude a partir da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial do Estado. Poderán participar as organizacións profesionais agrarias de carácter xeral e ámbito estatal, así como calquera entidade, asociación ou organización representativa dos sectores agrícola ou gandeiro de ámbito nacional sen ánimo de lucro. Estas entidades serán as encargadas de identificar as explotacións modelo de acollida e deseñar as estancias e os programas formativos, así como de preparar, xestionar e coordinar loxisticamente as estancias. Estas entidades terán que acompañar a súa solicitude cun plan de estancias formativas co conxunto de explotacións modelo de acollida e as estancias programadas en cada unha delas. Este plan será de carácter suprautonómico e debe incluír explotacións con mulleres á fronte das mesmas. Ademais, todas as explotacións agrarias de acollida terán que estar vinculadas á entidade que as presente e ser modélicas desde o punto de vista da innovación, os medios produtivos, o modelo de negocio ou as características sociais, ambientais ou climáticas. O conxunto dos plans presentados polas entidades solicitantes conformarán o Catálogo de Estancias Formativas de 2021 e será a base para a selección de estancias por parte dos novos agricultores e gandeiros. Este ano poderán participar no Programa Cultiva aqueles mozos profesionais instalados por primeira vez na actividade agraria como responsables de explotación en data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2016 e que teñan menos de 41 anos no momento da súa incorporación ao sector. Na asignación das estancias formativas priorizaranse os mozos máis recentemente instalados, as mulleres agricultoras e gandeiras e aqueles que non participasen no programa do ano pasado. As estancias formativas empezarán a desenvolverse no cuarto trimestre deste ano e estenderanse até o 31 de marzo de 2022. Toda a información sobre o Programa Cultiva 2021 pódese consultar no espazo de Mozos Rurais na web do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Inician a consulta pública do novo decreto de sanidade e protección animal durante o transporte

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (Mapa) iniciou o procedemento de audiencia pública do proxecto de real decreto sobre normas de sanidade e protección animal durante o transporte. Esta norma substituirá á normativa vixente. Durante este tempo de exposición pública solicitase a opinión dos cidadáns e das organizacións representativas do sector.  Desde a publicación do Real Decreto 542/2016, de 25 de novembro, sobre normas de sanidade e protección animal durante o transporte, o ministerio fixo un seguimento da súa implementación, a través dos resultados dos controis oficiais levados a cabo tanto polas autoridades competentes das comunidades autónomas como polos servizos veterinarios dos postos de control fronteirizos e puntos de saída. En base a este seguimento quedou patente a necesidade de introducir melloras no texto, co fin de garantir a protección dos animais durante o transporte. "Tras a aprobación dun novo marco comunitario sobre controis oficiais, púxose de manifesto que existe unha marxe de actuación nos mecanismos dispoñibles á hora de establecer e implementar os controis oficiais", detallan dende o Ministerio.

O novo decreto

O proxecto de real decreto establece novos requisitos, en especial aos organizadores que exporten animais vivos. A partir da súa entrada en vigor deberán rexistrarse e dispor dun plan de continxencia para actuar en caso de imprevistos. En relación ao transporte en buques de gando, a nova norma concreta aspectos relacionados coa documentación e os prazos, tanto para a autorización dos buques como para a carga dos mesmos. Así mesmo, establécense requisitos específicos que deben cumprir os operadores que prestan servizos en portos e aeroportos para ser autorizados e rexistrados. Tamén se establece a necesidade de dispor de formación específica a determinados operadores e incluiranse na Base de Datos Nacional (Sirentra) ás persoas que dispoñan de certificado de competencia, o que facilitará o control oficial. "A nova norma suporá un gran avance para reforzar o benestar animal durante o transporte, actividade de gran relevancia no noso país, e dará resposta ás recomendacións que respecto diso se expoñen desde as institucións comunitarias", apuntan desde o Ministerio. O prazo para remitir suxestións finaliza o próximo 19 de xullo. A información sobre o procedemento para presentar propostas e modificacións pode consultarse aquí.