Archives

Saen novas axudas para apoiar ás agrupacións de xestión conxunta e ó asociacionismo forestal

A Consellería do Medio Rural sacou tres liñas de axudas para o fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta (AFXC) e ao asociacionismo forestal. A primeira liña de axudas destínase para a organización de accións de divulgación que impulsen o coñecemento e poñan en valor a importancia estratéxica das AFXC. A segunda, é para apoiar as asociacións sen ánimo de lucro que teñan por obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais. Por último, conceden axudas para a creación e apoio das Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta. As dúas primeiras liñas de axudas teñen un prazo de solicitude de 30 días hábiles, mentres que para a terceira o prazo amplíase a 45 días, contados hábiles, contados desde o próximo luns, incluído. Divulgación das Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta Poderanse beneficiar destas axudas asociacións, fundacións de interese galego e entidades sen ánimo de lucro que sexan representativas ou estean relacionadas coa propiedade forestal, así como as comunidades e mancomunidades de montes veciñais de man común. Serán subvencionables os gastos imputables ás actividades divulgativas que acrediten a asistencia mínima de 10 persoas, excepto aquelas que teñan un carácter exclusivamente de difusión por medios audiovisuais ou gráficos. Recibirán a axuda por recursos humanos (gastos de persoal en materia de coordinación ou administración; custos de relatores, gastos de aloxamento e desprazamento), gastos de publicidade para a difusión da actividade, ou gastos correspondentes a seguros de responsabilidade civil. Para esta liña, asignouse un crédito total de 200.000 euros. Este importe distribúese como segue: 160.000 euros para o ano 2024 e 40.000 euros para o ano 2025. Comercialización conxunta de produtos forestais Nesta segunda liña de axudas, poderanse beneficiar asociacións sen ánimo de lucro que teñan como obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais sempre que, con anterioridade á publicación da orde, cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela. As actuacións subvencionables son a contratación de persoal técnico para facer traballos vinculados coa comercialización conxunta de produtos forestais, a dotación e mantemento de infraestruturas para o desenvolvemento da actividade de comercialización e para o equipamento técnico e materiais necesarios para levala a cabo. O prazo máximo para presentar a xustificación das actuacións subvencionadas será o 31 de xullo de 2025, e só serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados entre unha data posterior á resolución de concesión da axuda e a data límite de xustificación, salvo que a actuación estea supeditada á inspección previa. A entidade beneficiaria poderá concertar con terceiros a execución total ou parcial das actuacións que constitúen o obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. Esta segunda liña conta cun orzamento de 400.000 euros, e distribúese en 320.000 euros para o ano 2024 e 80.000 euros para o ano 2025. Creación de Agrupacións Forestais de Xestión Conxunta A terceira das liñas de axudas destínase para a creación das agrupacións forestais de xestión conxunta mediante calquera figura xurídica de natureza civil ou mercantil que promova, impulse e poña en marcha iniciativas de xestión conxunta de terreos dedicados á actividade forestal. Estas axudas tamén apoiarán a aquelas agrupacións xa inscritas no correspondente rexistro, a fin de dar o necesario soporte de carácter loxístico, operativo e integral que precisan. As actuacións que serán subvencionables serán aquelas que se precisan para a constitución, ampliación e xestión dunha agrupación forestal de xestión conxunta, como son os gastos de tramitación e inscrición da entidade solicitante, revisión do parcelario e estado das parcelas, investigación da titularidade, adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos, inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, implantación dos sistemas de certificación internacionalmente recoñecidos e incorporación de servizos ecosistémicos e boa gobernanza das sociedades de fomento forestal (SOFOR). Para esta liña asignouse un crédito total de 1.798.931 euros, que se divide en 1.439.145 euros para o ano 2024 e 359.786 euros para o ano 2025.

Friol, un exemplo a seguir para a xestión das terras agrarias en Galicia

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Comarca de Lugo coordina un proxecto de cooperación xunto co GDR Asociación de Desenvolvemento Comarca de Ordes e GDR Terras de Pontevedra Norte para a ordenación territorial do solo agrario mediante o sistema de permutas. Hoxe celebrouse no concello de Friol a presentación do novo proxecto de cooperación e a súa localización foi nunha das zonas implicadas no proxecto inicial de permutas. Ao mesmo acto estiveron presentes o conselleiro de Medio Rural, José González, así como varios representantes da Consellería, o presidente do GDR Comarca de Lugo e alcalde de Friol, José A. Santos, o alcalde de Outerio de Rei, José Pardo, a alcaldesa de Guntín, Maria José Gómez, o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, o presidente do GDR Asdecomor e alcalde de Mesía, Mariano Iglesias, o alcalde de Ordes, José Luis Martínez, o presidente do GDR Pontevedra Norte e alcalde de Lalín, José Crespo así como diferentes colaboradores técnicos do proxecto.

Porase en marcha en tres áreas piloto de Galicia

O obxectivo principal da actuación é poñer en práctica en tres áreas piloto con características diferentes o procedemento de ordenación da terra agraria mediante o sistema de permutas, que permita avaliar a súa aptitude para aplicalo en zonas onde non existan problemas ou identificación da titularidade da parcela, nin a necesidade de máis infraestruturas viarias, especialmente naquelas zonas con actividade consolidada e para mellorar a produtividade das explotacións existentes e/ou o nacemento de novas iniciativas. Nas comarcas dos tres GDRS que participan no proxecto, o rural é un piar básico da súa economía produtiva, polo tanto, é o primeiro proxecto onde cooperan territorios moi similares que poden traballar en novos proxectos no ámbito da transformación e comercialización de produtos agrarios. Esta cooperación é necesaria para mellorar a estrutura da propiedade agraria, reducindo o minifundismo para facer as explotacións máis eficientes mediante un sistema máis sinxelo e con menor custo que a concentración/reestruturación parcelaria. Segundo o presidente do GDR 4 Comarca de Lugo e alcalde de Friol, outro dos principais obxectivos é “fomentar o aproveitamento dos terreos non utilizados, xa que ao estar concentrados se pode posibilitar a posta en marcha de novos proxectos agrarios e mellorar a produtividade dos existentes así como a favorecer a xestión da propiedade rústica xa que todas as parcelas resultantes do proceso de permuta terán, como mínimo, título público notarial”. En definitiva, este proxecto de cooperación pretende plasmar sobre o terreo as múltiples posibilidades que ten esta figura de intercambios á hora de poñer en valor as terras agrarias e favorecer a redimensión das explotacións. Ademais, aspira a servir como elemento demostrativo e valorativo dos custos (a priori inferiores) dun procedemento que pode ter unha forte implantación en zonas con actividade agraria consolidada.

Curso sobre alternativas ao minifundio forestal

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá (Lugo) organiza un curso sobre alternativas ao minifundio forestal. Na formación daranse a coñecer alternativas de xestión ás principais especies forestais e a importancia do asociacionismo como solución aos problemas derivados do minifundio. As persoas asistentes van adquirir coñecementos técnicos e profesionais para establecer un aproveitamento de arándanos, mazá para sidra e souto destinado ao aproveitamento de froito. A formación será impartida por Foresin, Consultoría de Enxeñería Forestal e Ambiental e conta coa colaboración de entidades como Agacal, entre outros organismos. O curso celebrarase os días 5, 6, 7, 8, e 9 de setembro en horario de tarde, de 16.00 a 21.00 horas. Mentres, os días 10 e 17 de setembro a formación será de 9.00 a 19.00 horas. Impartirase no local social de Tuiriz, en Santa María de Toiriz, Pantón (Lugo). A asistencia é de balde e as prazas son limitadas. As persoas interesadas poden formalizar a inscrición enviando un email a información@ƒoresin.es ou mercedes.fra.perez@xunta.es ou chamando ós teléfonos 680 208 320611 413 582 e 982 828 370 onde tamén poden solicitar máis información.  

Curso en Vimianzo sobre alternativas de xestión ao minifundio forestal

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a semana vindeira na Casa da Cultura de Vimianzo un curso sobre alternativas de xestión ao minifundio forestal. Impartida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a acción ten previsto celebrarse entre o mércores 29 de setembro e o sábado 9 de outubro en horario de mañá, cun total de 44 horas formativas distribuídas en sete xornadas. O obxectivo da iniciativa é mostrar as posibilidades que ofrece o asociacionismo como solución ao minifundio, ademais de dar a coñecer cultivos alternativos ás principais especies forestais como poden ser os arandos, as mazás de sidra ou as castañas. Nesa liña, buscarase que os participantes adquiran os coñecementos técnicos e profesionais precisos para establecer algún destes aproveitamentos. Así, o programa inclúe contidos sobre a situación do sector forestal en Galicia e sobre a xestión forestal conxunta, ademais de especificidades sobre os cultivos mencionados. En relación ao castiñeiro, falarase de tratamentos silvícolas e de canles de venda da castaña, ademais de facerse unha análise económica deste tipo de aproveitamento. No que se refire ás maceiras para sidra e aos arandos, tratarase a xestión destas plantacións e tamén os aspectos comerciais de interese. Nesa dirección, a formación concluirá cunha visita a unha produción forestal froiteira, para que os alumnos poidan comprobar en campo os coñecementos adquiridos. Canto aos participantes, a acción están dirixida en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego. Para asistir é preciso cubrir a ficha de inscripción, que se pode descargar na web de Medio Rural, e remitila cuberta ao enderezo electrónico ana.suarez.samaniego@xunta.es. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 881997285.

“Galicia é o referente forestal en España, polo que debéramos ter un Plan Forestal á altura, e este é mellorable”

A enxeñeira de montes Verónica Rodríguez Vicente acaba de converterse na primeira muller que accede ao Decanato do Colexio de Enxeñeiros de Montes en Galicia. Ademais, é a primeira decana formada na universidade galega (USC), xa que ata comezos da década dos 90, a enxeñería de montes era impartida case exclusivamente en Madrid. Abordamos con ela os proxectos do Colexio para os próximos anos e algúns dos temas de actualidade que afectan directamente á xestión do monte, como o novo Plan Forestal, as agrupacións de xestión conxunta ou os novos contratos para os montes veciñais conveniados coa Xunta. -Cal é o programa de traballo para estes 4 anos? -Queremos continuar co propósito inicial do Colexio, que é defender e apoiar a profesión de enxeñeiro de montes, como técnico superior especializado na xestión e conservación do medio natural. Buscamos potenciar o valor engadido que ten a nosa titulación. Pretendemos ser un referente en materia forestal e un interlocutor válido en todos aqueles órganos e foros relacionados co ámbito forestal, como o Consello Forestal. Para nós é moi importante a transparencia e o acceso á información por parte de todos os colexiados galegos. -Cantos asociados teñen actualmente en Galicia? -No noso caso, para exercer a profesión é obrigatorio estar colexiado, mesmo os funcionarios públicos deben estalo. Actualmente temos 262 colexiados, o que supón un 8% dos enxeñeiros de montes de España.
"Moitas veces os traballos que realizan os enxeñeiros de montes non son apreciables directamente, senón máis ben a longo prazo"
-A enxeñería de montes é unha profesión que se ten que revalorizar? -É certo que debemos ser máis visibles para a sociedade. En numerosas ocasións, os traballos que realizan os enxeñeiros de montes non son apreciables directamente, senón máis ben a longo prazo. É o caso, por exemplo, da restauración forestal de concas hidrográficas, a fixación de sistemas dunares ou a xestión sustentable de madeira e froitos silvestres. Moitas veces, a sociedade non é consciente de que existe un técnico especializado que se dedica a xestionar da forma máis sustentable o medio natural. Tamén é tarefa nosa afondar na divulgación, pois detectamos crenzas erróneas que desafían á ciencia forestal, como a falsa idea de que os piñeiros son exóticos en España, cando os rexistros históricos demostran a presenza desta especie no territorio nacional desde antigo; de feito 7 das especies de piñeiro que hai na Península son autóctonas.

"A fiscalidade actual anula calquera interese polo asociacionismo forestal"

-Como valoran o novo Plan Forestal de Galicia? -En primeiro lugar, cremos que debera ser un plan e, neste caso, carece do principio básico que debe ter calquera plan forestal nunha rexión, xa que ten que ser un programa marco para todo o territorio rexional. Debera de existir un compromiso unánime de toda a Administración pública, conciliando así intereses, usos, utilización dos recursos forestais... O documento que se presentou polo momento non cumpre con este principio básico, polo que non pode considerarse como un Plan Forestal. O monte non atende a competencias administrativas. En Galicia, as competencias en materia forestal divídense entre as Consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente. Esta última é a que se encarga de xestionar os espazos da Rede Natura, onde o 80% desta rede é terreo forestal, pero Medio Ambiente non é coimpulsora do Plan Forestal. Non se trata dun programa marco de política forestal, senón que é un plan da Consellería de Medio Rural. Debera de ser un programa para toda a sociedade, toda a Administración, e vinculante. Por outra banda, a día de hoxe non coñecemos a delimitación exacta dos nosos recursos forestais, xa que unha parte importante dos nosos 2 millóns de hectáreas non terían a consideración legal de monte e quedarían excluídos do Plan Forestal.
"O Plan Forestal non é un programa marco de política forestal, senón que é un plan da Consellería de Medio Rural"
Galicia é o referente forestal en España, xa que o 7% do monte de España é galego e se miramos o espazo arborado, increméntase ao 8%. Con esta superficie facturamos 2.200 millóns de euros e xeramos a metade das cortas a nivel español. Galicia concentra o 30% dos recursos de uso forestal que hai en España. Somos o referente do Estado e merecémonos un plan forestal á altura, e este é mellorable. É un plan que adoece de moitas carencias, por exemplo, a falta de datos actualizados de inventario, xa que os que se manexan son de 2009. Para planificar, tamén habería que ter en conta cuestións como a importación e exportación de madeira.
"En Galicia non extraemos do monte todo o potencial que temos. Debemos mellorar na xestión silvícola"
-Unha das liñas destacadas deste Plan é que procura unha regulación das plantacións de eucalipto e favorecer o aumento dos piñeirais e soutos. Prevén reducir nos próximos 20 anos un 5% os eucaliptais, ven acertada esta previsión? -Nós preguntámonos porqué se fíxa ese 5%. Sabemos que superficie de eucalipto hai realmente?. As medidas que contempla o plan son moi pouco detalladas, son só boas intencións. Unha política forestal debe ter unha planificación anual de todas as actuacións que pretende levar a cabo, e esta debe estar vinculada con indicadores claros, concretos, medibles e verificables, cousas das que carece este plan. Hai unha carencia de programación e planificación estratéxica. Precisamos de metas revisables a curto e medio prazo. -En que se debería incidir para ter unhas masas forestais con xestión máis activa? -Nas nosas masas forestais tanto de coníferas, como de frondosas autóctonas, temos que pensar que se trata dun cultivo, polo que ademais do investimento inicial que supón a propia plantación, requírese unha serie de tratamentos silvícolas que a ciencia forestal leva desenvolvendo e investigando. Non podemos pensar que só hai que plantar, senón que se precisan unha serie de tratamentos para mellorar a súa rendibilidade e lograr a ordenación sustentable desa masa. Así, no caso dos piñeirais, ademais da roza, é preciso realizar accións como clareos e podas. Tamén existen tratamentos de mellora do chan a través de vexetación espontánea, que pode interesarnos polo seu valor ambiental ou biolóxico. Todas estas prácticas están moi estudadas pola ciencia forestal e deben de aplicarse, o que en Galicia aínda custa, polo que non extraemos do monte o potencial que poderiamos obter.
-Sinalouse ao minifundismo dos montes de Galicia como un dos principais atrancos para o aproveitamento forestal, consideran que a Lei de Recuperación e Posta en Valor de Terra Agraria pode atallar este problema? -Aínda non tivemos oportunidade de examinar a lei en profundidade, polo que non podemos valorala. As leis feitas até o momento para atallar esta situación non deron os resultados esperados. É certo que o problema que temos hoxe en día co minifundio é moi importante, xa que o 97% do monte galego é privado e contén o maior número de parcelas catastrais de España. Doutra banda, temos a media máis alta de parcelas por titular. Ademais, hai un gran número de parcelas de uso forestal cuxo propietario non está claro, o chamado propietario forestal descoñecido.
"Temos aínda unha batalla de socioloxía co propietario forestal para facerlle entender as posibilidades de proxectos piloto de asociacionismo forestal"
-Que posibilidades ven nas agrupacións de xestión conxunta para reducir o minifundio? -A día de hoxe, se o que se quere é unha actividade económica que sexa rendible, viabilizar os custos e actividade, canto maior sexa o tamaño da propiedade máis fácil será logralo. Segundo apuntan diferentes estudos, hai certos tamaños da propiedade onde tamén resulta máis factible conseguir moitos dos servizos que se lle piden ao propietario dos montes como a mellora de biodiversidade, a non fragmentación esaxerada dos ecosistemas ou a provisión de servizos. Calquera tipo de agrupación e asociación contribúe a conseguir estes obxectivos. Agora estase empezando a traballar nesa liña. O propietario galego é reticente aos procesos de agrupación do territorio ou para realizar actuacións de reestruturación das parcelas debido a ese apego á terra que hai en Galicia. Ademais, a fiscalidade actual anula calquera interese polo asociacionismo. Temos aínda unha batalla de socioloxía co propietario forestal para facerlle entender as posibilidades de proxectos piloto de asociacionismo forestal, algúns deles con moi bos resultados. -As Sofor tamén se presentaron como solucións, pero non acaban de ser unha opción escollida polos propietarios forestais, que falla? -É unha figura cun marcado carácter económico-financeiro e bastante complexo para a actividade forestal. Para esta actividade precisaríase de figuras cunha maior flexibilidade económica (dobre tributación), unha agrupación forestal como pode ser unha SAT agraria, que non sexa tan coutada podería funcionar mellor. De feito, en zonas da provincia de Lugo xa están a funcionar moi ben algunhas SAT que teñen entre os seus obxectivos a xestión das masas forestais. Tamén hai proxectos de agrupación de xestión conxunta que están a funcionar moi ben, como Monte Cabalar, na Estrada (Pontevedra) ou a SAT Trabada, en Lugo. -Como se presentan os novos contratos de xestión pública para os montes veciñais con convenios coa Xunta? -A día de hoxe aínda non se sabe como se van a levar a cabo. Existe a posibilidade de que esa xestión pública por parte da Administración sexa subcontratada, o que pode ser bo, pero tamén pode converterse nunha arma de dobre fío. Si é certo que as antigas figuras que existían de xestión pública, tanto consorcios como convenios, requirían ser revisados e modernizar a situación, xa que eran acordos feitos boa parte deles entre 1976 e 1980 e a xestión e situación cambiou moito dende entón. -En que aspectos deben mellorar estes acordos de colaboración coa Administración? -Hai que diferenciar a xestión que realiza a Administración nos montes públicos da que fai en montes privados, mediante convenios en montes veciñais en man común ou con pequenos propietarios. En ámbolos dous casos, a xestión pública debe de ser única, exclusiva e baseada no respecto da ordenación da actividade forestal de forma sustentable. Nos montes privados, debe mellorarse en transparencia, ten que existir unha planificación aprobada por ámbalas dúas partes e cuxos resultados e revisións deben trasladarse aos implicados. Ademais, a xestión pública debe ser un referente e modelo para o resto, debe haber un proxecto de ordenación realizado por enxeñeiros de montes, e que debe executarse, non pode ser un documento baleiro. Ten que adaptarse ás posibilidades dese monte e debe ser un proxecto multiservicio e multiproducto, non limitarse ao aproveitamento de madeira. Tendo en conta as tendencias actuais, eses montes deberían esta certificados por unha entidade independente que garanta que se realiza unha xestión sustentable. -Como ven o futuro do sector forestal e o monte en Galicia a curto prazo? -O sector forestal é un sector de futuro e estratéxico nas axendas públicas, internacionais e nacionais e en Galicia éo indiscutiblemente. Pero o noso documento marco (Plan forestal) non planifica coherentemente todo o potencial dos nosos recursos nin liquida moitas das súas debilidades.
Xunta rectora Completan a xunta rectora do Colexio os enxeñeiros Santos G. Arenas, Gonzalo Perales, Pablo Arbones, Jesús de la Fuente e Alberto Rojo.

‘Benvidas as novas ferramentas de ordenación da terra, pero sen esquecer a concentración parcelaria’

No anterior artigo publicado neste mesmo espazo polo grupo de opinión “O Rural Importa”, facíamos un breve repaso da evolución da concentración (ou reestruturación) parcelaria dende a lei estatal de 1952 ata a autonómica de mellora da estrutura territorial de Galicia de 2015. Como diciamos nel, cos seus defectos, ata a data ningún outro instrumento se amosou tan efectivo na ampliación do tamaño das parcelas de cultivo, e de recuperación da superficie agraria útil (SAU). Mediante as leis 7/2007, de 21 de maio, do Banco de Terras de Galicia, e 6/2011, de 13 de outubro, de mobilidade de terras, buscáronse fórmulas para aumentar a base territorial das explotacións que non implicaran a modificación da propiedade e ademais, obrigaran aos propietarios absentistas a arrendar as parcelas en estado de abandono. O Banco de Terras pasou a xestionar a oferta e demanda das parcelas que os propietarios poñen voluntariamente á súa disposición, ademais das masas comúns resultantes dos procesos de concentración parcelaria. Constatándose a demanda real de superficie agraria, o Banco de Terras atópase de novo co problema do minifundismo, resultando de superficie insuficiente para as necesidades das explotacións actuais a maior parte das parcelas ofertadas.
O Banco de Terras atópase co problema do minifundio, pois a maior parte das parcelas ofertadas carecem de dimensión suficiente para as necesidades das explotacións actuais
De acordo co que se adianta dende a Consellería do Medio Rural, a futura lei de recuperación e posta en valor de terras agrarias que está a ultimar o goberno autonómico, vén a reforzar o papel do Banco de Terras e engade dúas novas ferramentas de ordenación rural: os polígonos agroforestais e as aldeas modelo. Aínda que varios proxectos destas últimas estanse a desenvolver aplicando a Lei 6/2011, de mobilidade de terras, a nova lei pretende mellorar os mecanismos de declaración de abandono, xestión de parcelas de propietario descoñecido e incorporación de predios ao Banco de Terras, así como regular o procedemento. Os proxectos de aldeas modelo están destinados á recuperación de terreos abandonados ou infrautilizados ao redor de núcleos de poboación, coa dobre finalidade de eliminar a acumulación de biomasa e o conseguinte risco de incendio, e favorecer unha actividade económica neses núcleos que evite o seu despoboamento. Polo tanto, os proxectos de aldeas modelo concíbense como actuacións destinadas a un problema concreto que en Galicia preséntase principalmente en varias zonas da provincia de Ourense e sur da de Lugo, podendo converterse nunha ferramenta moi útil para fixar poboación nesas zonas.
"Os polígonos forestais e as aldeas modelo son válidos para zonas de Galicia nas que existe abandono de terras agrarias, pero non para as zonas agrarias produtivas, nas que non hai abandono"
O outro instrumento que introduce a lei son os polígonos agroforestais. Trátase de poñer en produción superficies con potencial agrario ou forestal, que presenten un determinado grao de abandono. Iniciaranse sempre que exista un promotor, que presente un proxecto viable e que estea comprometido a realizar os investimentos necesarios en infraestruturas. Para desenvolverse, precisarán do acordo da maioría dos propietarios e contarán cos mesmos mecanismos que as aldeas modelo para a inclusión no proxecto de parcelas en estado de abandono e de propietario descoñecido. Incluso contempla a posibilidade de reestruturación parcelaria conforme á lei 4/2015, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, no interior do polígono. Esta ferramenta facilitará que agricultores ou inversores que precisen superficie para o desenvolvemento de proxectos de produción agraria poidan realizalos, conseguíndose así unha nova vía de investimentos no rural. Os proxectos de aldeas modelo e polígonos forestais son dúas ferramentas que poden ser moi útiles nos casos concretos nos que son aplicables, é dicir, nas zonas nas que existe abandono de terras agrarias, e sempre que se priorice a recuperación de SAU. As zonas agrarias produtivas de Galicia seguen a necesitar incrementar a base territorial das explotacións para garantir a súa rendibilidade. Nestas zonas non existe mais abandono que o das parcelas que polas súas características non son rendibles coas técnicas actuais de cultivo. Para estas zonas, a reestruturación parcelaria segue a ser a ferramenta que, ademais de reunir a súa propiedade en fincas de maior tamaño, permite ás explotacións comprar ou arrendar fincas dun tamaño suficiente que faga viable o cultivo.
"É un feito contrastado que moitas explotacións están dispostas a percorrer quilómetros para sementar millo ou herba, pero sempre que se trate de parcelas de varias hectáreas"
É un feito contrastado que moitas explotacións gandeiras están dispostas a percorrer varios quilómetros para ir a outras parroquias ou concellos a sementar millo ou herba para forraxe, sempre que se trate de parcelas de varias hectáreas. Nas zonas gandeiras de Galicia, as concentracións parcelarias rematadas rexistran maior mobilidade de terras que as non concentradas ao aumentar a oferta de fincas de máis extensión e, consecuentemente, máis rendibles. Sería moi necesario rematar as zonas de concentración pendentes e, ao menos, decretar unha nova zona por cada unha que se peche. En conclusión, aldeas modelo, polígonos forestais e reestruturación parcelaria son tres ferramentas complementarias destinadas a incrementar a rendibilidade do medio rural e, dese modo, mellorar as súas condicións de vida, frear o seu despoboamento e manter a biodiversidade.

SAT As Pandas, 47 litros de media nunha explotación robotizada

Juan e Moisés na nave de produción, ubicada na parroquia de Goiriz No ano 2008 catro familias das parroquias de Goiriz e Román, en Vilalba, decidiron xuntarse e constituir unha SAT para traballar máis cómodos e poder medrar. Desa unión naceu unha explotación que hoxe ten 300 cabezas e que logra medias de produción de 47 litros por vaca e día. SAT As Pandas constitúe unha das referencias na comarca chairega en canto a altas producións cun sistema de muxido robotizado. Pero entregan a Entrepinares, polo que, ademais de litros, tamén precisan calidades. Andan no 3,80% de graxa e 3,30% de proteína e cando inseminan é unha das cousas que teñen en conta á hora de escoller os touros. "Todos os anos fomos aumentando á produción e hoxe andamos nos 6.800 quilos diarios", conta Moisés Vispalia, dunha das dúas familias que quedan hoxe na explotación logo do falecemento dun dos catro membros orixinarios e da xubilación doutro. Xunto a Moisés traballan na SAT a súa irmá Nuria, Juan Pernas, outro dos socios iniciais, e un empregado. "Libramos pouco, traballamos dúas fins de semana seguidas e descansamos unha", explica Juan. Acaban de incorporar o terceiro robot A explotación comezou a funcionar na súa actual ubicación no ano 2011 xa con dous robots de muxido e o pasado mes de decembro incorporaron un terceiro para desconxestionar o sistema. "Tiñamos 140 vacas en produción en dous robots, estabamos moi sobrecargados", conta Juan. Na actualidade están muxindo 144 animais e a súa intención é medrar até os 160 e estabilizarse nesa cifra, malia que contan con 170 cubículos na nave de produción. "Non compensa ter os robots saturados. Cando puxemos o terceiro robot, coas mesmas vacas pasamos a producir 500 litros máis ao día simplemente pasando dunha media de 2,5 muxidos diarios de 3,5", detallan. Por iso, di Juan, "non nos imos obsesionar con encher o terceiro robot e poñernos outra vez en 70 vacas en cada un como tiñamos antes".
Non compensa ter os robots saturados. Cando puxemos o terceiro robot, coas mesmas vacas pasamos a producir 500 litros máis ao día simplemente pasando dunha media de 2,5 muxidos diarios de 3,5
O terceiro robot instalárono ao fondo da nave de produción, na parte exterior, sen necesidade de facer máis obra que un pequeno cobertizo onde colocalo. Pero nesa zona era onde tiñan o lote das secas e das xovencas próximas ao parto, o que os obrigou a trasladalas. Para buscarlles unha nova ubicación ampliaron o establo nun dos laterais, onde situaron agora ademais das secas e as xovencas próximas, a parideira e o espazo para a recría máis pequena, até o momento do destete. Até agora as becerras nada máis nacían e tomaban o costro eran trasladadas a outra corte, onde teñen a recría, aproveitando as antigas instalacións dunha das ganderías que constituíron a SAT pero están máis a desmán que a carón das vacas en produción. "Queremos traer para aquí a amamantadora e as xatas máis pequenas para telas máis vixiadas", explica Moisés. Recría propia Toda a recría que usan en SAT As Pandas é da propia explotación. "Criamos todo nós e cando tiñamos só os dous robots vendiamos algo para vida porque nos sobraba e a falta de sitio nos robots limitábanos", indica Juan. Do coidado da recría encárgase Nuria na antiga explotación familiar. "Dámoslles o costro e están en boxes até os 15 días, que é cando pasan á amamantadora até os 70 ou 75 días cunha curva de lactación que comeza en 6 quilos de leite e remata en 9", detalla Moisés. Unha vez destetadas, as becerras pasan a un primeiro lote até os 6-7 meses de vida e posteriormente a outro até os 12-13 meses. A continuación van ao lote de inseminación, xa en cubículos, ao igual que están as preñadas. Con 7 meses de xestación, as xovencas volven para a nave de produción, ao lote de preparto, para adaptarse á nave e aos cubículos.
A xenética está moi globalizada e tes aquí os mesmos touros que fóra porque son descendentes das mesmas familias
Empregan só algo de sexado nas primeirizas e case todo o seme que utilizan é de Xenética Fontao. "A xenética está moi globalizada e tes aquí os mesmos touros que fóra porque son descendentes das mesmas familias", di Moisés. Por iso, só de xeito puntual botan man de algunha dose de touros franceses ou holandeses en busca de máis graxa e proteína. Unha parte da recría está en extensivo e os ataques de lobo xa comezan a ser frecuentes pola zona. "Temos as xovencas fóra pero están ben pechadas e de momento non nos afectou, pero o lobo xa se ve por aquí, antes non había, pero vímolos xa a 200 metros da casa", advirte Moisés. Nave modular tipo invernadoiro Un grafitti de Pablo Laherty decora a entrada ao establo Cando no ano 2008 formaron a SAT decidiron construír o actual establo nunha finca de 10 hectáreas alonxada das casas. "Entramos aquí no 2011, estivemos dous anos esperando polos permisos e logo botamos outro ano facendo a nave", lembran. "Antes de poñer un pé aquí xa levabamos 30.000 euros gastados nos permisos", quéixase Moisés, que di que "a Administración cada vez pon máis trabas para facer cousas, máis requisitos para traballar".
A Administración cada vez pon máis trabas para facer cousas, máis requisitos para traballar
Cando fai un ano engadiron un corpo máis á nave modular tipo invernadoiro pola que se decantaron no 2011 obrigáronos a facer un estudo xeolóxico sobre o terreo malia ser unha parcela chá e tratarse dunha estrutura metálica moi sinxela. Foi unha das razóns que lles fixo optar por este sistema construtivo no seu momento en vez de polo tradicional de pórticos de formigón. "Era máis barato e como se abre polo teito funciona moi ben para ventilar cando vai calor", engade Moisés. Na entrada ao establo, no lugar onde se atopa a leitería, dous dos robots e a oficina na parte superior, un gran mural de 50 metros cadrados decora a parede exterior. É obra dun dos grafiteiros galegos de maior prestixio, Pablo Lage Sanjurjo, coñecido como Pablo Laherty, que asina as súas obras como Van-Kraft e que ten raíces familiares en Vilalba. Mellora continua A ampliación do establo que fixeron o ano pasado, de 1.000 metros cadrados, para as vacas secas, o lote de preparto e as becerras pequenas engádese a toda unha serie de melloras que foron facendo nas instalacións nos case 10 anos que levan no actual emprazamento. Despois de construir a nave no ano 2011 fixeron os silos, un almacén para a palla e a herba seca e outro a maiores de 40x15 metros para a maquinaria.
As melloras hai que pagalas mes a mes, ninguén chas regala, e o prezo do leite está igual que fai 30 anos
Ademais dos robots de muxido e a amamantadora para as becerras, foron incorporando outras melloras tecnolóxicas, como o arrimador automático de comida. "Xa cho esixen os robots, porque muxindo na sala as vacas de noite teñen menos actividade, pero cos robots o funcionamento é 24 horas e tiñamos que vir de noite arrimar porque quedaban sen comida", conta Moisés, que indica que "as melloras hai que pagalas mes a mes, ninguén chas regala, e o prezo do leite está igual que fai 30 anos". Ademais, considera que "o prezo actual do leite é enganoso porque os contratos están asinados con prezos indexados sobre o valor de mercado dos produtos lácteos que vende a industria pero non sobre os custos de produción que ten o gandeiro". Por iso, asegura, "para os gandeiros os contratos non serven máis que para ter garantida a recollida pero o prezo vai depender de diversos factores, o único que ten garantido o prezo de compra da materia prima co contrato é a industria", argumenta.

"Botamos cada vez menos millo por culpa do xabarín"

Os danos do xabarín obrigounos a reducir de 30 a 23 os quilos de silo de millo na ración SAT As Pandas traballa unhas 130 hectáreas de terreo, todas cerca, pero con outro problema: o do minifundio. "Non hai concentración e son arredor de 400 parcelas, só temos fincas grandes nas que son nosas porque fomos xuntando pero o resto a maioría son pequenas e mal feitas", explica Moisés. A metade da superficie é alugada ou cedida e o resto pertence ás explotacións que formaron a SAT. A parroquia de Goiriz conta con 3.000 hectáreas de terreo e eles son a explotación de leite máis grande das que quedan. "Non temos problema de base territorial nesta zona, pero necesitabamos unha reorganización do territorio xa, todo avanza nas granxas menos iso", demanda.
Necesitamos unha reorganización do territorio xa, todo avanza nas granxas menos iso
O reducido tamaño das parcelas e as dificultades para traballalas suponlles maiores gastos e máis horas de maquinaria. "Contratamos a colleitadora para a recollida do millo e da herba, o resto facémolo nós todo", explica Juan. O porco bravo obrigounos a variar a ración Dispoñen de carro propio Ao problema do minifundio engádese o do xabarín. Os danos provocados polo porco bravo obrigounos a ir reducindo a superficie de millo que labraban. "Cada vez botamos menos millo. Comezamos sementando 50 hectáreas e agora reducimos a 40 e como siga así o xabarín teremos que deixar de labralo. Nos últimos anos vimos aumentar moito os danos", conta Juan. "É imposible pechar 20 ou 25 fincas, que son nas que botamos o millo, e moitas delas están pegadas ao monte", engade Moisés. Nesta explotación usan o millo para renovar as fincas, polo que van rotando as parcelas nas que o sementan cada ano, pero o xabarín tamén lles desfai despois a pradeira.
No verán a ración das vacas de leite fana dúas veces ao día para que non queza e sexa máis apetecible
Co condicionante do porco bravo e a diminución na superficie que adican a millo víronse obrigados a variar a ración diaria de alimentación para que lles chegara para todo o ano. "Pasamos de dar 30 quilos de silo de millo a case igualar co de herba", explica Juan, que é o que se encarga normalmente do carro. A ración das secas e a da recría leva herba seca A ración de produción está neste momento en SAT As Pandas en 23 quilos de silo de millo, 22 de silo de herba, 7 de penso (aos que hai que engadir os outros 7 de punteo do robot) e medio quilo de herba seca. Nos días de calor do verán ás vacas de leite fanlles a ración dúas veces ao día para que non queza e sexa máis apetecible e o resto do ano sírvenllela unha vez ao día. Fan ademais unha vez cada dous días as racións para as vacas secas e a recría. No caso das secas empregan só herba seca, penso e morea, mentres que no caso das xovencas leva herba seca, silo de herba, silo de millo e un quilo de penso. O problema da area na balsa do purín A area desfana cun axitador e sácana coa cisterna mesturada no medio do purín Contan con carro propio autopropulsado, do mesmo xeito que tamén dispoñen dun importante parque de maquinaria para a realización por parte deles mesmos de case todas as labores agrícolas. Para botar o purín, por exemplo, mercaron unha cisterna un pouco máis grande e que tivese remexedor para que a area que usan para as camas das vacas en produción non quedase depositada no fondo da cisterna. "Empezamos coa area no ano 2011 cando viñemos para a nave nova. Como cama para as vacas é moi boa pero é un material que dá problemas de desgaste e á hora de sacala da balsa. Nós remexémola cun axitador e sacámola coa cisterna no medio do purín, pero tivemos que cambiar tamén a cisterna por unha que nos servise para levar a area", conta Moisés. Pero agora se se fai obrigatorio o uso de inxectores para o purín poida que o método que empregan actualmente xa non lles funcione e teñan que volver varialo.

A Xunta desestima decretar as parcelarias paralizadas en Agolada

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, confirmou esta mañá no Parlamento de Galicia, durante o transcurso da Comisión de Agricultura, a negativa da Consellería de Medio Rural a decretar as 8 parcelarias paralizadas dende 2010 noutras tantas parroquias de Agolada (Pontevedra). Foi o grupo parlamentario socialista quen preguntou sobre as demoras destas parcelarias, cuxos trámites se iniciaron no 2002. Tamén solicitou coñecer as intencións da Xunta para estes procedementos e o calendario a seguir, posto que algúns dos trámites xa realizados, e que supuxeron unha inversión de 800.000 euros, caducan a finais de ano. Pérez Dubois aclarou que, en días pasados, mantivo un encontro para abordar a situación destas parcelarias no que participaron tanto o alcalde do municipio, así como persoal municipal e un representante da plataforma Queremos Parcelarias, colectivo que leva dende o 2018 reivindicando a activación dos procedementos. Segundo detallou Pérez Dubois, nesta reunión acordaron agardar á aprobación da nova lei de recuperación e posta en valor da terra, que ultima o executivo galego, para afrontar a reordenación destas parroquias. Porén, como matizou o propio Dubois, esta opción foi rexeitada pola plataforma Queremos Parcelarias, que continúa a reivindicar a activación das parcelarias.
“Non ten sentido concentrar por concentrar se a terra vai seguir abandonada” , indica Pérez Dubois
O director xeral de Desenvolvemento Rural apelou a que a nova norma inclúe ferramentas de organización do territorio, máis alá dos procesos de concentración parcelaria, que poden axeitarse mellor ás características destas parroquias. “Non ten sentido concentrar por concentrar. De nada serve pasar de ter 10.000 fincas abandonadas a ter 1.000 parcelas, se estas van seguir abandonadas. Cómpre apostar por procedementos que sirvan para que haxa un aproveitamento da terra”, xustifica Dubois, pese a que hai varias iniciativas empresariais e de aproveitamento da terra documentadas pola plataforma e á espera das concentracións. Neste senso, Dubois recordou que na consellería contan con 104 procedementos de concentración parcelaria iniciados e máis de 130 peticións aínda que dende o 2010 non se decretaron máis ca 2 concentracións parcelarias. “De nada serve decretalas se logo non hai fondos para levalas a cabo todas”, sentenza. Tamén incidiu en que coas concentracións non sempre se consegue un aproveitamento da terra e recordou o caso de parroquias de Agolada como a de Ferreiroa onde, pese a ter agrupada a terra, rexistran unha taxa de abandono dun 67,4%.

Dispor de terra

O grupo socialista tamén requiriu explicacións polos 800.000 euros que se levan empregados nestes trámites previos ó inicio do proceso de concentración nas parroquias, así como polos perxuizos que estes atrasos están supoñendo para os proxectos que levan anos agardando pola falta de terra. Dubois indicou que, pese a non se decretar neste momento, “non tería porque perderse este traballo, xa que está feito e sería cuestión de actualizalo”. Tamén remitiu a solicitar puntualmente as peticións de terra para propor alternativas ós interesados. Porén, o director xeral eludiu dar prazos para a reorganización das terras destas parroquias.

Xornada sobre xestión conxunta e posta en valor da terra

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa organiza este mércores, 2 de outubro, en Coristanco unha “Xornada sobre xestión conxunta e posta en valor das terras de uso agrario”. A actividade dirixida ao alumnado do CFGS de Paisaxismo e Medio Rural, pero poden participar outras persoas, previa inscrición chamando ao 981 733 051. Velaquí o programa: 12,00 Presentación 12,10 “As SOFOR: unha oportunidade para o aproveitamento do minifundio forestal”. Marisé García Hermida, presidenta de AFOAF (Asociación de Fomento de Ordenación Agro Forestal), e José Fernando Enjamio Gándaras, enxeñeiro de montes e secretario de AFOAF 12,45 “Ferramentas para a xestión conxunta das terras agrarias”. José Fernando Enjamio Gándaras, enxeñeiro de montes, e secretario de AFOAF, e Domingo Daniel Canosa Blanco, técnico forestal 13,30 Coloquio sobre os temas tratados 15,00 Saída para as visitas 15,45 Visita á SOFOR de Olveira (Dumbría) 17,30 Conclusións (Local Social de Olveira – Dumbría)