Archives

A Xunta crea unha sociedade pública privada para investir en proxectos enerxéticos e mineiros

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe a sociedade ‘Recursos Galicia’, unha entidade público privada da que a Xunta manexará o 30% das accións. ‘Recursos Galicia’ nace no marco do proxecto de Lei de Aproveitamento dos Recursos Naturais, presentado a pasada primavera. Daquela, a Xunta xa anunciara a próxima creación dunha sociedade mixta para investir en proxectos enerxéticos e mineiros. A posta en marcha da nova sociedade é agora xa un feito, cunha trintena de empresas que se comprometeron a aportar, conxuntamente coa Xunta, os 100 millóns de euros que se proxectan investir ata o ano 2027. A idea do Goberno galego é que ‘Recursos Galicia’ invista en proxectos eólicos, tanto terrestres como mariños, en proxectos mineiros, naqueles ligados coa concesión de augas, como os de enerxía hidráulica, e noutras enerxías renovables (biogás, solar). A Xunta subliña que ‘Recursos Galicia’ nace para investir en iniciativas que sexan de “interese público” para Galicia e destácase que o Goberno galego, malia ter só un 30% da sociedade, terá unha acción de ouro, é dicir, capacidade de veto sobre os proxectos nos que investirá a sociedade. A creación da sociedade mixta ‘Recursos Galicia’ concíbese como unha entidade matriz, segundo avanzara xa a Xunta na primavera, pois para cada proxecto concreto que acometa crearase unha empresa específica na que poderán entrar outros accionistas. O Goberno galego incidiu hoxe en especial na posibilidade de que Concellos ou empresas locais entren a participar en proxectos concretos que se poñan en marcha nos seus correspondentes territorios. Impacto social Con esta iniciativa, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quere enfrontar tamén a contestación social e medioambiental que adoitan xerar parte dos proxectos enerxéticos e mineiros. “Esta é a primeira pedra para garantir que a xestión da riqueza dos recursos naturais galegos se traducirá sempre en riqueza social para a comunidade”, defendeu Rueda na presentación de ‘Recursos Galicia’, que se fixo hoxe no Museo do Pobo Galego, en Santiago. Ao acto de presentación acudiron tamén a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, e os conselleiros de Facenda, Miguel Corgos, e Medio Rural, José González. Rueda entende tamén que a creación de ‘Recursos Galicia’ é importante para que a explotación dos recursos naturais teña unha repercusión económica maior na comunidade. “Non imos resignarnos a quedar á marxe do desenvolvemento das enerxías verdes en toda Europa: aspiramos a estar no centro”, aseverou, ao tempo que avogou por que os beneficios da explotación destes recursos repercutan no conxunto do pobo galego e se repartan colectivamente. A Xunta subliña a fortaleza da firma ‘Recursos Galicia’, que incorpora unha trintena de empresas que suman máis de 20.000 empregos directos e que achegan ao Produto Interior Bruto autonómico case 11.000 millóns de euros cada ano. Entre as empresas que participan en Recursos Galicia están Abanca, Finsa, Megasa, Valtalia, Copasa, Gesuga, o Grupo Nogar, Pérez Rumbao, Jealsa, Revi, Profand, Gadisa, Ence, Exlabesa, ARP Global, AIN Active, Severiano, Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Energía Empresas, Eroxona, Sertogal, Twinleads, Wind1000, Epifanio Campo, Aceites Abril e Megaro Foods. En todo caso, o presidente da Xunta apuntou que as portas desta sociedade están abertas tamén para calquera empresa, sexa cal sexa o seu tamaño, ou Administración local que se queira incorporar aos proxectos específicos que irá desenvolvendo. A idea de Rueda é que Recursos Galicia deixe “beneficios para as comunidades locais”, que fomente o “autoconsumo de fontes renovables” e que se traduza en máis traballo para as empresas dos lugares nos que se acometan os proxectos. Sobre os proxectos de enerxías renovables e mineiros, o presidente da Xunta destaca que Recursos Galicia demostrará que “non son estranxeiros na terra na que se asentaron”, senón figuras “claves” na cohesión e no progreso da veciñanza.

“¿Por qué temos que pechar as nosas ganderías para que reabra a mina?”

O lugar de Arinteiro, na parroquia de Loxo, no concello coruñés de Touro, é dos máis próximos ás antigas minas e tamén un dos máis afectados de implantarse o proxecto megamineiro de extracción de cobre que impulsa a sociedade propietaria das antigas canteiras, Cobre San Rafael. O proxecto inicial prevé explotar durante 13 anos arredor de 700 hectáreas, do total de máis de 2.000 da concesión. A construción de dúas grandes balsas de augas e lodos ácidos deixaría ás ganderías deste lugar condenadas ó peche posto que ocuparía boa parte da base territorial da que dispoñen para alimentar o seu gando.
“Quítannos as augas e as terras e dinnos que poderemos seguir vivindo das nosas vacas”
Jesús Ares é un dos gandeiros con maior extensión afectada polo proxecto mineiro, segundo explica. Unhas das balsas proxectadas abarca boa parte dos seus terreos. Case o 80% das súas fincas de cultivos localízanse nesa zona, concentrado nunha parcela dunhas 16 hectáreas. “Quítannos as augas e as terras e dinnos que poderemos seguir vivindo das nosas vacas e, ¿como queren que o fagamos?”, pregúntase Ares. Na parte alta de Arinteiro, Ares dispón non só da base territorial coa que atender a súa explotación senón que desta zona proveñen boa parte dos mananciais que abastecen tanto ás ganderías como ó propio lugar. Un pequeno regato cruza este espazo de pradeiras e monte e del abastécense cinco explotacións. “Garántennos unha auga mellor ca que temos para as nosas vacas, pero nin sequera saben como é a que temos a día de hoxe nas nosas explotacións. Son todo promesas baleiras”, sentenza o gandeiro. Un dos mananciais de auga que se vería afectado pola construción da balsa. Ó longo destes meses, dende que no outono do ano pasado comezara a coñecerse o proxecto de reactivación, este gandeiro xa recibiu en varias ocasións a visita da empresa encargada de conseguir os terreos precisos. Ofrecéronlle mercarlle non só as fincas afectadas senón tódalas súas terras pero “a uns prezos moi baixos”. Jesús móstrase reticente a vender, non quere marchar de Arinteiro nin ter que pechar a granxa. Tamén lle ofreceron arrendarllas pero "logo cando as devolvan esas terras quedan inservibles. Van desfacer a balsa para devolverma? E se a cubren, neses terreos non se poderá producir nin plantar nada", protesta o veciño. Namentres, as ameazas dunha expropiación forzosa sobrevoan no lugar dende que se coñeceu o proxecto.

Co temor de que lle expropien como xa lle ocorreu a seu pai

Jesús recoñece o temor a que a historia se repita e que, como lle aconteceu a seu pai hai máis de 50 anos coa antiga mina, a súa negativa a vender remate nunha expropiación dos terreos. “Daquela nesta zona apenas había traballo e a mina vendeuse como de interese público, pero ¿como poden volver dicir iso se agora obriga a pechar a outras empresas que xa están funcionando?. É difícil de entender que teñamos que pechar as nosas ganderías para que veña outra empresa explotar a zona”, reflexiona. O anuncio inicial da creación de máis de 300 postos de traballo directos, que logo a empresa elevou a 400, é un dos atractivos do proxecto para os seus defensores. "Nós non queremos traballar na mina, queremos seguir traballando como ata agora nunha actividade tan necesaria como é a gandeiría e a agricultura", defende. No seu momento, seu pai foi dos poucos que non quixo traballar na mina e daquela apostou pola gandería coas terras que lle quedaban logo da expropiación. Dende entón xa se levaron a cabo dous procesos de concentración parcelaria das pradeiras e do monte. “Prometen incluso que nos darán outras fincas, pero onde? Se nos dan os terreos en Arzua ou noutra zona lonxe e sen concentrar, como as temos agora, estannos obrigando igual a pechar”, protesta. E é que as alternativas de manter as granxas redúcense.

Pechar a explotación

A Jesús este proxecto pillouno nun momento de transición. Nos últimos anos viuse obrigado a reducir o número de animais na gandería de leite que atende el só, para poder coidar de seu pai. Agora con arredor de 30 cabezas pensaba comezar a volver a meter máis animais e reformar a granxa. “Pero con isto non penso en investir, porque se ó final se aproba teremos que pechar a granxa de gratis”, conclúe. Pola granxa a empresa non contempla ningún tipo de compensacións, segundo lle aseguraron a Ares, “aínda que teñamos que pechala, vender os animais e a maquinaria porque xa non temos nin terras para mantelos ni que labrar”, recalca. É o que lle agarda tamén á outra media ducia de explotacións de leite e de carne que hai no lugar, segundo explica. Todas teñen o mesmo temor xa que quedarán sen base territorial para poder continuar coa actividade. A isto súmanse os inconvintes para actividade gandeira que recordan do outro período en funcionamento da minería: as voaduras constantes, o ruído, a contaminación polo po en suspensión nos cultivos, as fendas nas casas...

Vivir ó pe da balsa

En Arinteiro son conscientes de que aldea está abocada ó abandono de se levar a cabo o proxecto “quen vai querer vivir aquí, ó pé das balsas?”, inquire este gandeiro. Na zona alta “proxectan unha balsa cun muro de 81 metros e nós na caída del, ¿como imos vivir tranquilos aquí.? Todas as súas promesas baséanse en que é un proxecto de minería moderna e con garantías, pero somos nós os que temos que estar tódolos días ó pé da balsa e somos nós os que o imos pagar se ocorre algo". O rexeitamento á reapertura da mina é maioritario e o medio cento de veciños desta aldea amosa o seu sentir con carteis e pancartas.  Unha postura que levan defendendo nestes meses organizados en torno á Plataforma Veciñal Minas Touro-O Pino Non xunto con outros veciños da zona e co apoio de distintas organizacións. "Ó principio non sabíamos nin como reaccionar. Cando nos enteramos do proxecto de reapertura comezamos a petar en moitas portas en busca de apoios, eu no seu momento pedinlle axuda ó Sindicato Labrego Galego, ó que pertenzo- explica Jesús- e pouco a pouco fomos sumando apoios". O gandeiro amósase moi sorprendido e agradecido do respaldo que tivo a marcha en protesta contra a mina celebrada en Santiago o mes pasado. "Non sei a xente que se xuntou, eu non sei calcular esas cifras, pero foi moita", recoñece. Jesús móstrase cauto pola evolución dos acontecementos pero ten claro que "en Arinteiro non lle imos deixar que arrasen con toda unha vida de traballo e coas terras que deixarlle ós que veñen detrás sen máis", defende o gandeiro.

Unións prepara un calendario de charlas sobre a mina de Touro

Unións Agrarias ten previsto o desenvolvemento de charlas informativas sobre a defensa da propiedade dirixidas aos afectados do proxecto da mina de Touro- O Pino. O plan mineiro aínda non conta con autorización, pero a empresa promotora xa está presentando precontratos de compra de terreos da concesión, polo que a organización agraria iniciará nos próximos días o asesoramento aos afectados. A mina de cobre, que tamén extraerá prata, abarca potencialmente tres parroquias do Pino (Arca, Cebreiro e Cerceda) e outras oito do concello de Touro (Bama, Enquerentes, Foxás, Fontes, Rosas, Loxo, Prevediños, Touro e Vilar), afectando á base territorial de 47 explotacións agrarias. Unións destaca que nos dous concellos sobre os que se instalaría a mina hai un total de 161 explotacións afectadas por distintos impactos ambientais. Para a organización agraria, o impacto da mina é “inasumible ambiental e socialmente” e tamén incide en que moitas das explotacións que se verían perxudicadas están na man de xente nova recén incorporada. Unións oponse á mina de Touro – O Pino, se ben tamén di que aqueles proxectos mineiros que se demostren sostibles nos ámbitos social e medioambiental si poden ter interese para o rural galego. Impactos “A cuestión é que o proxecto desta mina de cobre a ceo aberto está fóra da realidade social e ambiental de Galicia, cun alto potencial contaminante, e que precisa dunha marcobalsa de residuos, con taludes de ata 90 metros de altura, que afectarán irreversiblemente ao lugar de Arinteiro, que non tería máis alternativa que o abandono do núcleo de poboación”, valora Unións en nota de prensa. “Asemade” -continúa a organización-, “esta mina teria un altísimo impacto nunha comarca de vocación agraria, con numerosas explotacións de leite punteiras, e unha industria láctea queixeira consolidada. Polo que os seus efectos sobre o sector agrogandeiro serían inaceptables. Por outra banda, estímase que incurre en graves problemas de incerteza e riscos medioambientais, relacionados con lixiviados de metais pesados en plena cunca do río Ulla”. Por todo elo, e dada a iniciativa da empresa promotora, de presentar precontratos de compra de propiedades afectadas polo desenvolvemento directo do proxecto, Unións Agrarias celebrará nas vindeiras datas, accións informativas sobre a defensa da propiedade afectada por concesións administrativas ou proxectos declarados de Utilidade Pública, na que colaborará a Asociación Vento Noso de afectados por parques eólicos, quen lle trasladará aos veciños a súa experiencia neste tipo de procesos de negociación.

O SLG denuncia a Erimsa por presuntas ilegalidades en terreos agrícolas de Frades

O Sindicato Labrego Galego vén de presentar diante da Fiscalía unha denuncia contra a empresa Erimsa por levar a cabo actividades mineiras no concello de Frades “sen que consten as licenzas preceptivas para poder levalas a cabo”, segundo o sindicato. Os feitos denunciados remóntanse ao outono de 2017, cando Erimsa fixo traballos extractivos dende o 27 de outubro na parcela 502, polígono 572, na parroquia fradense de Abellá. Con data 27 de novembro de 2017, o SLG puxo estes feitos en coñecemento do Concello de Frades, solicitando do goberno municipal que, unha vez comprobados os feitos, actuasen en consecuencia. “Ese mesmo día, denunciouse todo isto diante da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). A día de hoxe, o Concello de Frades aínda non contestou, e a APLU manifestou, recentemente, que as actividades denunciadas non precisaban autorización autonómica previa á licenza municipal, desentendéndose da posible infracción”, informan dende a organización agraria. Diante do “silencio” do Concello de Frades e do “absentismo da APLU” dende o Sindicato Labrego Galego tomaron a decisión de poñer estes feitos en coñecemento da Fiscalía. “Trala denuncia a empresa si solicitou as autorizacións” Tralas denuncias do SLG “curiosamente, e dándonos a razón o Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 26 de xaneiro de 2018 publicaba que Erimsa solicitaba de Augas de Galicia a autorización de obras nos lugares de Regueiro e Trigueira, parroquia de Galegos (San Martiño, Frades) e tamén a autorización para realizar cribado de terreo nas parcelas 571 e 572 do polígono 502 do catastro de Frades, no lugar de Regueiro, dentro da zona do río Samo”. O cribado consta das fases de escavación de terra vexetal, amoreamento temporal da terra vexetal escavación e cribado de materiais, carga do material a extraer, recheo do oco da escavación, estendido de terra vexetal e, finalmente, revexetación das parcelas. “O problema -denuncian- é que ese cribado de terreo xa fóra realizado antes de solicitar as licenzas para facelo”. Diante disto, o Sindicato Labrego Galego pediulle á Fiscalía que se requira da APLU a documentación referente a este caso “e explicacións sobre o seu absentismo nesta denuncia”. Tamén pide que se requiran todos os documentos relacionados con este suceso ao Concello de Frades, á Policía Autonómica , “que presenciou os feitos denunciados”, á Dirección Xeral de Minas e á propia empresa Erimsa.

“A mina sería a nosa desaparición, vivimos aquí e queremos seguir facéndoo”

A tractorada e manifestación convocada hoxe contra a mina de Touro – O Pino esperábase como termómetro para medir a oposición social que xenera o proxecto. O resultado da protesta, coa participación unánime dos gandeiros da zona e cunha alta afluencia veciñal, superou incluso as expectativas da Plataforma Mina Touro O Pino Non, constituída o pasado outono para enfrontarse ó proxecto megamineiro, que retomaría a explotación de cobre na zona. O sentir dos veciños asistentes á protesta é unánime contra o proxecto. “O impacto da mina sería a desaparición”, resumía ó final da marcha José Manuel Neira (Bendaña, Touro), un dos veciños que se desprazou en tractor á mobilización. “Estas empresas xa sabemos ó que veñen. Hai que mobilizarse porque, falando claro, veñen botarnos do concello. O que máis nos indigna é que os alcaldes dos dous concellos máis afectados estean de acordo coa mina”, criticaba. Ao longo da marcha repetíronse as consignas contra ambos rexidores, Ignacio Codesido (Touro) e Manuel Taboada (O Pino), aos que os manifestantes acusan de complicidade coa promotora da megamina, Atalaya Mining. Tamén se demandou da Xunta a paralización do proxecto, que está na fase de recabar informes dos distintos organismos públicos sectoriais, antes da súa autorización ou non.
Anterior
Siguiente
Galería de fotos (1/19).
Impacto na gandería Abrindo a mobilización, que percorreu Touro, marchaba un tractor conducido por Pedro Souto, un dos socios de Gandería Sar (Bama, Touro), a maior explotación láctea da zona, que está ubicada nunha das parroquias que quedarían máis afectadas polas canteiras a ceo aberto. “A mina tería un impacto grande para todo. Eu vívoo directamente na gandería, pero o impacto sería para todos os veciños” -destaca Pedro-. “A mobilización podemos dicir que é un éxito. Dos gandeiros da zona, penso que non falta ninguén e tamén hai moita participación do resto dos veciños. A protesta vale a pena e probablemente non será a última que fagamos. Hai que seguir loitando para que non abran isto”, concluía.
A fase inicial da mina abarcaría 700 hectáreas, pero a concesión total é de 122 quilómetros cadrados
Os veciños temen a dimensión que podería acadar a explotación mineira, que nunha fase inicial ocuparía 700 hectáreas, pero que conta cunha concesión total de 122 quilómetros cadrados, unha superficie sobre a que xa se están facendo prospeccións. “A mina afectaría a todas as explotacións, tanto ás de leite, que perderían calidades, como as de Ternera Gallega, como é o meu caso. Na primeira fase, aféctame nas augas e no vento, pero se segue para adiante, as miñas terras están todas dentro da concesión”, resumía Maricarmen Aguiar, de Obra (Vila de Cruces). “A protesta de hoxe é unha maneira de dicirlle que non á mina. Vivimos aquí e queremos seguir facéndoo”, subliña Maricarmen. Consecuencias Os impactos da mina temidos polos veciños enumeráronse no manifesto final da marcha, nunha lista de consecuencias que se prolongou durante máis de cinco minutos de lectura. Entre os principais efectos, citáronse a perda de base territorial das explotacións agrarias, a contaminación atmosférica polo po en suspensión ou a contaminación química das augas. Tamén hai preocupación polas escombreiras e depósitos de lodos. “A 200 metros do lugar de Arinteiro (Touro) ubicaríase unha balsa con capacidade para 500 millóns de metros cúbicos de residuos, o que representa unha sexta parte do encoro de Portodemouros. Hai un risco claro para as poboacións próximas á balsa”, valora a plataforma veciñal.
Témese o impacto da mina na contaminación das augas, que podería chegar a través do río Ulla ata os bancos marisqueiros de Arousa
Os veciños advirten ademais da contaminación das augas que van parar ó río Ulla, xa afectadas pola anterior mina de cobre, pechada hai tres décadas. “A contaminación chegaría á ría de Arousa, a máis produtiva de Galicia a nivel marisqueiro, e afectaría á traída de augas dos concellos da ribeira do Ulla”, inciden. Apoios ‘A vaca e o mexillón non queren a contaminación’ foi un dos lemas coreado na protesta, que contou coa participación dunha representación da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa. Asistiron tamén á mobilización colectivos contrarios a outros proxectos mineiros, como os de Mesía ou a Terra Cha, así coma colectivos ecoloxistas e organizacións agrarias, coma o Sindicato Labrego ou Unións Agrarias. Por parte do Sindicato Labrego, a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, destacaba a falta de compatibilidade entre a mina e a actividade agraria e gandeira da zona. “Este proxecto non é compatible coa gandería e hai que paralo. O beneficio que pode deixar é mínimo comparado co impacto que pode causar, pois ademais da afectación directa na comarca, as augas contaminadas impactarían no marisqueo da Ría de Arousa. É un gran perigo”.

Tractorada contra a mina de Touro e O Pino o 25 de febreiro

O proxecto de extracción de cobre que hai previsto nos concellos de Touro e O Pino, a cargo da multinacional Atalaya Mining, está a suscitar unha forte oposición veciñal. A dimensión prevista para o proxecto, que ocuparía nunha primeira fase 700 hectáreas de superficie, representa un problema tanto para os veciños como para as explotacións gandeiras, que perderían parte da súa base territorial e temen efectos secundarios da mina, como a contaminación das augas ou as consecuencias do po en suspensión que xerará a actividade mineira. A plataforma veciñal Mina Touro O Pino Non, que leva desde o outono desenvolvendo accións contra o proxecto, convocou para o domingo 25 de febreiro unha tractorada que sairá da antiga balsa mineira de Angumil e que rematará ante o Concello de Touro. Espérase a participación de boa parte das explotacións gandeiras da comarca, que xa teñen manifestado a súa oposición unánime á iniciativa mineira. Desde o Sindicato Labrego, unha das organizacións que apoia a protesta, calculan que nos concellos de Touro e O Pino hai unhas 200 explotacións gandeiras con 5.000 reses. “A área afectada polo proxecto mineiro ameaza o emprego directo na gandería de arredor de 160 persoas”, calculan no Sindicato Labrego. A organización pon en cuestión os supostos beneficios que xeraría a mina pola creación de emprego e apunta aos negativos impactos que terá na actual económía local. A organización agraria destaca casos coma o das parroquias de Bama ou Loxo, con granxas profesionalizadas, con xente nova e que acadaron unha certa dimensión nos últimos anos.

Que cambia no sector forestal e eólico coa Lei de Iniciativas Empresariais?

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Lei de Iniciativas Empresariais, coa que a Xunta pretende fomentar e axilizar a actividade empresarial na comunidade. Desde o sector agrario, analízase a normativa dun xeito crítico, pois enténdese que reduce os dereitos dos propietarios ante grandes proxectos eólicos, industriais ou mineiros. Repasamos a continuación algún dos cambios que introduce a Lei e as críticas que se lle fan, ata o punto de que a nova norma foi calificada pola oposición e por organizacións como o Sindicato Labrego como Lei de Depredación de Galicia.

Simplificación das autorizacións para aproveitamentos forestais

A simplificación do proceso de autorización das cortas no monte é un dos puntos considerados máis positivos polo sector agrario e forestal, que viña reclamando desde hai tempo a redución da burocracia. Distinta é a valoración das organizacións ecoloxistas e do Sindicato Labrego, que consideran preciso un maior control das cortas por Medio Ambiente en espazos protexidos, así como das cortas de frondosas caducifolias en masas mixtas. A nova Lei entra en vigor desde mañá xoves, pero no referente ós aproveitamentos madeireiros, a entrada en vigor retrásase ó 26 de abril. Os principais cambios son os seguintes: Montes ordenados - En montes con instrumento de ordenación, non será precisa a solicitude de autorización para a realización de aproveitamentos, sempre e cando as cortas se fagan de acordo co sinalado no instrumento de ordenación. Chegará con que haxa unha declaración responsable ante a Administración, previa á execución dos aproveitamentos. - Cando os aproveitamentos en montes ordenados non figuren no correspondente instrumento de xestión, será suficiente con facer unha declaración responsable dos mesmos, sempre que eses aproveitamentos non afecten a masas puras de frondosas caducifolias ou piñeiros silvestres. En determinadas masas mixtas de frondosas caducifolias e outras especies (coníferas, eucaliptos), podería ser suficiente cunha declaración responsable, de acordo co que estipule unha futura orde da Consellería do Medio Rural. Montes sen ordenar - En montes sen instrumento de ordenación, o propietario deberá presentar unha declaración responsable dos aproveitamentos previstos ante a Administración, salvo nos seguintes casos, que precisarán dunha autorización: se o monte está afectado pola lexislación de dominio público, se ten especies frondosas caducifolias ou piñeiro silvestre, se está nunha superficie afectada por algún réxime de protección ou se se vai cortar madeira queimada. En canto ás zonas de dominio público, a Lei estipula explicitamente que as cortas en zonas de servidume do dominio público hidráulico non precisarán de autorización. Autorizacións - Para os casos que precisen dunha autorización, será necesaria só unha solicitude única ante a Consellería do Medio Rural, que lle pedirá ós correspondentes informes ás administracións implicadas. A resolución da autorización farase no prazo máximo de 2 meses. Transcorrido ese prazo sen resposta, entenderase como concedida por silencio administrativo. En calquera caso, se no proceso de autorización algún organismo emitira un informe, ese informe quedará ligado á aprobación por silencio administrativo, de xeito que o titular do aproveitamento deberá telo en conta desde que sexa coñecedor del. - Non precisarán de declaración responsable (nin de autorización) os aproveitamentos domésticos, as cortas que se fagan no marco da Lei de Prevención de Incendios, para manter as distancias entre arborado e núcleos de poboación, nin as cortas de policía ou motivadas por rareos e tratamentos silvícolas. - As declaracións responsables poderaas trasladar o propietario ou calquera outra persoa autorizada. Poderanse presentar declaracións responsables compartidas dun conxunto de propietarios, a fin de axilizar os trámites. A presentación das declaracións responsables regularase por orde da Consellería do Medio Rural. - No portal web adicado á xestión das autorizacións de corta e das declaracións responsables, a Administración publicará un mapa con información xeolocalizada dos montes afectados por normativas de protección ou de dominio público. Tamén se xeolocalizarán, no prazo máximo dun ano, tódolos xacementos arqueolóxicos catalogados.

Axilización dos proxectos de enerxías renovables

Galicia acumula oito anos de parón na creación de parques eólicos. A adxudicación de potencia renovable a empresas da comunidade no marco das subastas enerxéticas do Goberno abre as portas a que se creen novos parques eólicos, así como outras instalacións, como a planta de biomasa proxectada por García Forestal en Curtis. Eses proxectos teñen que estar en marcha antes do 1 de xaneiro do 2020, pois de non ser así, perderán a adxudicación de megawatios.
"Está ben que se desbloqueen proxectos industriais, pero non a costa de pasar por riba dos dereitos dos propietarios" (José Antonio Diéguez, Ventonoso)
Co obxectivo de tratar de axilizar eses proxectos, a Lei de Iniciativas Empresariais prevé a posibilidade de declaralos de interese especial. Con esa declaración, reduciríanse á metade todos os pasos ligados ó proceso de autorización administrativa e avaliación ambiental, incluíndo o prazo de alegacións para afectados. “Está ben que se desbloqueen os proxectos, pero non a costa de pasar por riba dos dereitos das persoas propietarias”, critica José Antonio Diéguez de Ventonoso, unha organización ligada a Unións Agrarias que defende a propietarios afectados por parques eólicos. Expropiacións Outro dos cambios que introduce a Lei permite axilizar as expropiacións para parques eólicos: “En montes veciñais, antes o promotor do parque tiña que solicitar a declaración de prevalencia da utilidade pública do parque eólico sobre a do monte veciñal. A partir de agora, considérase de oficio que o parque éolico é prevalente sobre o monte veciñal, o que supón pisotear os dereitos das comunidades de montes”, valora José Antonio Diéguez.
"Elimínanse ferramentas legais para que a cidadanía se defenda de proxectos nocivos, como a minería, que se expanden a costa das granxas" (Sindicato Labrego)
Desde o Sindicato Labrego, consideran tamén que a nova Lei “elimina gran cantidade de ferramentas legais que tiña a cidadanía para defenderse do impacto negativo de actividades empresariais nocivas, como é o caso de proxectos mineiros e parques eólicos que se están a expandir de xeito indiscriminado, en detrimento da base territorial das nosas granxas”. Por parte da organización ecoloxista Adega critican tamén a simplificación da burocracia para grandes proxectos industriais, en tanto as pequenas empresas agrarias e cooperativas continúan a verse sometidas a unha “burocracia exasperante”.

Gandeiros na zona cero das minas de Touro – O Pino

En Arinteiro (Loxo, Touro) teñen as minas de cobre de Touro a tiro de pedra. Textualmente. Manuel Ferro, un gandeiro de Arinteiro, aínda lembra a anterior etapa das minas a ceo aberto, nos anos 80, cando ao chegar ós prados atopaba sobre a herba pedras procedentes das voaduras da mina. A sociedade propietaria das antigas canteiras, Cobre San Rafael, traballa agora na súa reapertura e ampliación, un proxecto de megaminería que ten a oposición unánime dos gandeiros da contorna. Se as minas se chegasen a reactivar, as granxas máis próximas, como as de Arinteiro, quedarían condeadas ó peche e moitas outras ven con preocupación os impactos que tería a actividade extractiva. As vellas minas, que pecharan a finais dos anos 80, ocupaban unha superficie de algo máis de 200 hectáreas, que agora se ampliarían ata 700 nunha primeira fase. O proxecto, que estivo a exposición pública ata comezos de outubro, recibiu máis de 1.500 alegacións veciñais. Gandería en Bama, Touro, preto das minas. A preocupación veciñal e dos gandeiros céntrase nas consecuencias da actividade mineira. O ruído continuo, a contaminación de manantiais e os efectos do po con metais pesados en suspensión sobre cultivos, persoas e animais centran as inquietudes. Outra espada de Damocles que pende sobre a zona é a posible ampliación futura da actividade mineira. O proxecto inicial prevé explotar durante 13 anos arredor de 700 hectáreas, do total de máis de 2.000 da concesión, pero os sondeos mineiros afectan a un área de 122 quilómetros cadrados. “Se hoxe é Arinteiro, en Loxo, o núcleo máis afectado, mañá pode ser calquera outro na comarca, en Vilar, Prevediños ou Boqueixón”, valoran os veciños, organizados en torno á Plataforma Veciñal Minas Touro-O Pino Non. O entorno máis próximo da mina inclúe parroquias de gran actividade gandeira, como Bama ou Loxo, en Touro. Visitamos explotacións da zona para coñecer a opinión dos gandeiros. O sentir é unánime. Non queren que a mina volva abrir.

“Se a mina reabre, pecho porque só podería alimentar a media ducia de vacas”

Manuel Ferro, de Arinteiro (Loxo, Touro). Manuel Ferro é un produtor de Arinteiro (Loxo, Touro) con arredor de 65 cabezas de gando, 30 en muxidura. Vive nun núcleo de poboación que quedaría emparedado pola actividade mineira. Dun lado, tería unha escombreira cun muro de ata 80 metros de alto. Do outro, a menos de 200 metros, unha balsa de augas e lodos ácidos de máis de 50 metros de alto e na que os veciños ven perigo de rotura. Entre a escombreira e a balsa, a media ducia de ganderías do lugar quedaría case sen terras. Manuel Ferro fai contas da superficie de cultivo e de monte que perdería, arredor dunha ducia de hectáreas, e da que podería manter, a penas un par de fincas. “Tería terreo para alimentar a 5 ou 6 vacas, así que non é para continuar. De momento traballo, mañá non se sabe”, resume. O sentir de Manuel e dos seus veciños de Arinteiro é unánime contra a mina. “Aquí ninguén quere que veña. Esperamos que non reabra”, conclúe. Granxa Santa María, en Loxo.

“Levaríanos parte do terreo e deixaríanos po, ruído e auga contaminada”

Antonio Taboada é socio da Sat Santa María, unha das principais explotacións lácteas de Loxo (Touro). A granxa xestiona arredor de 60 hectáreas de terreo e conta con 130 animais en muxidura. “Se a mina reabre, perderiamos o 20% da nosa base territorial e sufriríamos o impacto da súa actividade” -valora Antonio.- “Po, ruídos e augas contaminadas”, resume mentres conduce os animais cara a sala de muxidura. Cando se lle pregunta pola súa preocupación pola reapertura das canteiras, Antonio coincide co resto de granxas da contorna: “Preocupación?, De 0 a 10, un 11”.

“Os gandeiros somos os que mantemos a actividade e tiramos pola comarca”

Manuel Sandá é un dos cinco socios de Gandería Sar (Bama, Touro), a principal explotación láctea da zona, con máis de 800 animais, dos cales hai uns 380 en ordeño. A súa gandería quedaría a un quilómetro das minas, polo que a penas perdería base territorial, pero Manuel ve claros outros moitos impactos. Manuel Sandá, de Gandería Sar. “As minas aféctannos a todos. Fálase de que a actividade sería de 24 horas ao día os 7 días da semana, así que o ruído e o po en suspensión serían continuos, co impacto que iso tería nos cultivos forraxeiros e nas propias vacas”, valora. “Estamos falando dun po con metais pesados que afectaría a saúde e á actividade agraria”, subliña. A gandería en Touro e O Pino abarca 2.600 vacas de leite en control leiteiro, sen contar pequenas explotacións e granxas de carne. “Somos os que tiramos pola zona e os que mantemos a actividade”, defende Manuel. Outra das cuestións sobre as que incide o gandeiro é a contaminación de manantiais e regos por metais pesados, un problema que xa se iniciara coa vella explotación mineira. “Sería un problema para os veciños, para as granxas e moito máis alá, xa que as augas da mina chegan ó río Ulla, co impacto que iso podería xerar na pesca e no marisqueo da ría de Arousa”, valora.

“A gandería na zona ten futuro, na maioría das granxas entramos xente nova e afrontamos ampliacións”

Fernando Lago, de Casa Eiras (Cebreiro, O Pino). Fernando Lago é un gandeiro novo do Cebreiro (O Pino). A súa explotación, Casa Eiras, ten uns 140 animais, dos que 70 están en muxidura. As minas quedaríanlle tamén a un quilómetro da granxa, un escenario que ve con preocupación. “Todo o entorno da mina é unha das zonas gandeiras máis importantes da comarca. Somos granxas nas que houbo relevo xeneracional e nas que estamos afrontando ampliacións”, describe. “Aquí houbo moito investimento público en concentracións parcelarias e en apoio ó sector gandeiro. Que sentido ten botar agora todo iso abaixo?”, pregúntase. O impacto das minas sobre a actividade gandeira inquieta tanto a Fernando coma ao resto de produtores consultados. “A mina poderíame coller algunhas fincas, pero o peor sería o ruído, o po con metais pesados e a contaminación das augas” -sinala Fernando.- “É probable que nas vivendas tamén suframos fendas ou outros danos polas voaduras, como xa se produciran nos anos 80, na anterior etapa das minas”, valora. Os gandeiros son claros: “Non queremos que as canteiras reabran -conclúen-. “Sería crear uns postos de traballo durante uns anos, pero destruíndo moitos outros para sempre”.

Preocupación nas granxas de Touro polo proxecto mineiro

A reapertura das minas a ceo aberto de Touro, pechadas a finais dos anos 80, está a xerar alarma nas últimas semanas entre as granxas do entorno, logo de que se decataran de que a reapertura non é tal, pois crearanse novas canteiras a ceo aberto que afectarán de xeito directo ás explotacións lácteas. “Nos últimos anos víñase falando da reapertura e tampouco lle das máis importancia, pero a última hora enterámonos da dimensión real da concesión e de que se abrirían minas novas, ademais de ampliar as antigas”, sinalan nunha das granxas afectadas. O proxecto mineiro, que pretende retomar a extracción de cobre nos concellos de Touro e O Pino, implicaría a perda de base territorial en granxas das parroquias de Bama e Loxo (Touro) ou Cebreiro (O Pino). As explotacións terían que lidiar ademais cos inconvenientes de ter as minas a apenas uns centos de metros, cos problemas de ruídos, polvo e metais pesados que eses traballos xerarían. “Sería imposible seguir coa actividade”, valora un dos gandeiros afectados.
O proxecto mineiro implicaría a apertura de novas canteiras a ceo aberto, ademais de ampliar a dimensión das pechadas nos anos 80
Dimensións As minas afectarán en principio a unha superficie de 689 hectáreas, ampliando as 4 explotacións xa iniciadas no pasado (Arinteiro, Vieiro, Bama e Brandelos) a outras dúas de nova apertura (Arca e Monte das Minas). Ao longo da vida da mina, habería 6 cortas mineiras principais e outras 4 satélites, segundo advirte a asociación ecoloxista Adega. Os afectados subliñan tamén que a concesión total supera as 2.700 hectáreas, unha dimensión que xera preocupación. Alegacións A plataforma Contraminacción, formada por entidades ecoloxistas e sociais, e veciños e granxas afectadas presentaron a comezos de outubro 500 alegacións ante a Xunta contra o proxecto mineiro. Unha vez que a dimensión real do proxecto trascendeu e correuse a voz entre os afectados, en poucos días entregáronse outras 1.000 alegacións máis, ata totalizar 1.500. Os veciños advirten dos impactos que terían as minas sobre núcleos de poboación, granxas e mananciais de auga. Cuestiónase ademais a apertura de dúas balsas de lodos, que albergarían ata 69.000 toneladas de residuos, e dunha escombreira de 48 hectáreas.
"O proxecto proposto é incompatible coa actividade agrogandeira e implicaría o peche de numerosas explotacións", advirten as alegacións veciñais
Nas alegacións, as granxas advirten de que a actividade mineira implicará a perda da súa base territorial, co agravante de que as terras a destruír forman parte de procesos de concentración parcelaria. Destácase tamén que as ganderías afectadas están caracterizadas pola súa dimensión, polo relevo xeneracional e polos constantes investimentos realizados nos últimos anos para a súa modernización e ampliación. “En resumo -advirten os veciños-, o proxecto mineiro proposto é incompatible coa continuidade da actividade agrogandeira e determinará o peche de numerosas explotacións”.