Archives

Como mellorar o balance de minerais nas dietas de vacas leiteiras?

Alejandro Castillo, durante a súa intervención nas Xornadas organizadas por Seragro (Foto: Jose Luis Miguez) Desde fai 20 anos, as racións para vacas leiteiras empezaron a ter en conta os balances de nutrintes, onde os minerais xogan un papel fundamental, ao mesmo nivel que outros elementos como a proteína, a enerxía ou as vitaminas. Cantidades inaxeitadas de minerais na dieta dos animais pode afectar á súa eficiencia produtiva. “Pero cando falamos de cantidades inadecuadas, pode ser tanto por defecto como por exceso”, puntualiza Alejandro Castillo, experto nutricionista e profesor na Universidade de California, que participou nas últimas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro, onde achegou unha serie de consellos para mellorar o balance de minerais nas explotacións lácteas.
Debemos ser máis precisos e eficientes nas nosas dietas para cubrir as necesidades de animais que son cada vez máis produtivos
“O resultado de manexar ben os minerais na dieta non só se ve no aforro económico na ración, senón sobre todo na resposta produtiva dos animais, que mellora de maneira impresionante”, afirma Alejandro. “Debemos ser máis precisos e eficientes nas nosas dietas para cubrir as necesidades de animais que son cada vez máis produtivos”, defende. A importancia dos minerais Aínda que se avanzou moito nos últimos anos no estudo dos principais minerais e os seus efectos sobre os animais produtores de leite, é un campo con elementos aínda por investigar. “Os microminerales son aínda grandes descoñecidos na nutrición das vacas leiteiras e hai unha serie de factores que aínda non podemos controlar, porque descoñecemos o cálculo dos requirimentos de minerais dos microorganismos de rumen, que segue sendo unha materia pendente, cal é o consumo do sistema inmune ou os efectos do estrés sobre a absorción de minerais”, admite este experto.
Hoxe en día segue sendo unha materia pendente o cálculo dos requirimentos de minerais dos microorganismos de rumen
As vacas leiteiras que consomen inadecuadas cantidades de nutrintes esenciais poden sufrir problemas de saúde e reducir a produción de leite e a súa eficiencia reprodutiva. O cálculo de requirimentos minerais actual ten en conta as necesidades dos animais (TAR) e as achegas da dieta (TAS) mediante un software que realiza un balance para así corrixir as deficiencias mediante suplementos incorporados á ración como premesturas.
Na actualidade a maioría dos programas de nutrición animal baséanse na metodoloxía proposta polo sistema oficial de EEUU
A absorción dos minerais depende de distintos factores relacionados co animal (idade, peso vivo, produción, estado fisiolóxico) e a dieta (forraxes, concentrados, auga de bebida). “Pero habitualmente as dietas formúlanse para que a inxesta de minerais exceda o requirimento dos animais”, explica Alejandro. Sobrealimentar é contraproducente A sobrealimentación de minerais pode incrementar os custos de alimentación e mesmo ser contraproducente, ben polos seus efectos adversos sobre os microorganismos ruminais, ben porque o exceso dun mineral pode bloquear a absorción doutro por antagonismo entre eles, o que obriga a “gastar diñeiro en correxilo”. “O axuste dos antagonismos obriga a incrementar o mineral afectado na mesma proporción na que a súa absorción ser ve reducida pola presenza doutro mineral en exceso. Os niveis de potasio nas dietas son un 30% máis altos dos requirimentos dos animais. Aí teriamos un espazo para mellorar a eficiencia”, detalla.
Os niveis de potasio nas dietas son un 30% máis altos dos requirimentos dos animais. Aí teriamos un espazo para mellorar a eficiencia
Pero a maiores, esta sobrealimentación ten efectos prexudiciais sobre o medio ambiente. “Unha maior excreción de minerais a través das feces e os ouriños podería ter efectos negativos sobre o chan”, afirma Alejandro. Racións para lotes homoxéneos O habitual á hora da formulación de dietas con minerais é traballar cunha “marxe de seguridade” do 20%, é dicir, que a presenza de minerais sexa un 20% superior ás necesidades medias do grupo de animais para o que se formula, para que deste xeito esa mesma ración sexa capaz de cubrir tamén os requirimentos dos animais máis produtivos do grupo. Por iso, para poder axustar mellor a ración, este experto recomenda reducir o máximo posible a disparidade de individuos que forman ese grupo. É moi importante eliminar os animais menos eficientes para axustar ben o balance, de maneira que permita cubrir os requirimentos nutricionais das vacas máis produtivas. “Unha vaca que dá 15 litros non paga o que come e distorsiona a media”, asegura Alejandro.
Unha vaca que dá 15 litros non paga o que come e distorsiona a media
Outra medida efectiva pasaría por distribuír ás vacas da explotación en lotes o máis homoxéneos posibles, por criterios como produción de leite, e aplicar aos distintos grupos de animais alimentación diferenciada a través de varias racións. “Se temos unha soa dieta para todo o rabaño, a dispersión é moito maior que se temos tres dietas en función das necesidades nutricionais de cada grupo de animais, a precisión na nutrición mellora”, asegura.
A eficiencia produtiva dunha granxa mellora un 8% se temos máis dunha ración
Isto comporta un aforro de diñeiro e mellores resultados produtivos. “Hai unha clara relación directa entre o número de dietas dunha gandería e a produción media de leite desa gandería. A eficiencia produtiva mellora un 8% con máis dunha ración, é algo que é moi importante desde o punto de vista económico”, afirma este experto. Hai 20 anos en California o 40% das ganderías facía unha soa ración e non tiña nutrólogo. Co paso dos anos a situación cambiou por completo e hoxe a gran maioría contan con asesoramento nutricional e confeccionan polo menos tres racións: unha dieta para as vacas recentemente paridas (ata os 21-28 días postparto), outra para o lote de alta produción e outra para o grupo de baixa produción ou fin de lactación. “Iso é o máis común hoxe en California”, explica Alejandro.
A idade do animal é un factor determinante á hora da absorción dos minerais
Dependendo da idade cambia a biodispoñibilidade dos minerais. As vacas vellas dixiren menos os minerais, polo que sempre hai que aumentar máis a cantidade de minerais en animais de varias lactacións a respecto dun lote de xovencas primeirizas, por exemplo. Niveis máximos tolerables As dietas normalmente teñen algún mineral en exceso. Os máis típicos son o potasio, o sodio, o xofre ou o ferro. Pero estes excesos deben ser analizados en función de dous criterios: os niveis máximos tolerables e os antagonismos ou incompatibilidade entre minerais.
Á hora de balancear, debemos ter en conta os niveis máximos tolerables de minerais e os antagonismos entre minerais incompatibles
O nivel máximo tolerable dun mineral é a maior dose que se pode dar a unha vaca sen causar efectos adversos sobre ese animal. Por exemplo, os niveis máximos tolerables de calcio son de 1,5%. “Se un se pasa desa proporción empezamos a ter problemas, por exemplo unha redución de consumo”, explica Alejandro.
Analizamos algunhas racións de ganderías en Galicia e tiñan niveis de ferro por encima dos recomendados
No caso do fósforo, o nivel máximo tolerable é do 0,7%. A partir desa cantidade descende a produción de leite e hai afectacións sobre o magnesio. O límite do potasio estaría no 2%. “É importante controlar o exceso de potasio na vaca preparto para evitar a hipocalcemia ou síndrome da vaca caída por falta de calcio no postparto”, indica. Para outros minerais, os niveis máximos serían: 3% de sal; 0,3% de xofre; 500 ppm de ferro; 40 ppm de cobre; 5 ppm de selenio.
O antagonismo entre o potasio e o magnesio é o máis estudado en vacas de leite
Algúns dos exemplos máis comúns de antagonismos entre minerais danse entre o potasio e o magnesio; o xofre e o selenio; e o cobre co molibdeno e co xofre. Hai tamén relación negativa entre calcio e fósforo ou entre fósforo e magnesio. “O requirimento de magnesio para unha vaca de 30 litros é de 41 gramos por día. Cando o potasio está nun nivel normal (1% da ración) a dixestibilidade do magnesio é do 25% (10 gramos dos 41 inxeridos chegan ao sangue), pero se duplicamos o nivel de potasio ao 2%, a dixestibilidade do magnesio cae á metade”, explica Alejandro. “Para corrixir esta situación, o que facemos é subir o magnesio ao nivel do exceso de potasio para que desta forma poida haber un nivel de magnesio aceptable a nivel plasmático. Por iso, por cada 1% de exceso de potasio debemos agregar 18 gramos máis de magnesio”, indica.

“Hai que ter en conta a agua de bebida, pero en Galicia é realmente de moi boa calidade”

Alejandro recomendou a todas as ganderías facer unha análise da auga. “Débese incluír unha análise da auga de bebida nos balances de minerais porque cando provén de pozos ou captacións normalmente contén materiais disoltos ou outras partículas”, asegura este experto. Se os resultados das analíticas indican que os niveis de sólidos totais da auga están por baixo de 1 gramo por litro de auga poderían non ser tidos en conta. “Nese caso eu non lle daría importancia, porque significa que esa auga está perfecta. Por encima desa cantidade, xa habería que contemplalos porque unha vaca no verán nunha situación extrema pode chegar a tomar 150 litros de auga, polo que estaría a tomar 150 gramos de minerais, o que xa ten certa importancia”, argumenta.
Con niveis de sólidos totais por baixo de 1 gramo por litro, a auga está perfecta
Tras analizar os resultados de varias mostras de auga de ganderías en Galicia Alejandro conclúe que “a auga aquí é realmente boa, de moi boa calidade”. A respecto das forraxes, recomenda analizalas durante un período de entre 3 e 5 anos consecutivos para ter datos fiables cos que poder traballar á hora de formular as racións. “Iso significa diñeiro para as ganderías porque esas análises ás veces son caras, pero o retorno económico de balancear correctamente os minerais é moi superior”, defende. Un gran salto na capacidade analítica Nos últimos 30 anos creceu de maneira substancial a capacidade analítica, algo que permitiu avanzar en precisión e maior rapidez á hora de balancear as racións para vacas leiteiras. “Cando eu empecei a formular, ás veces un mandaba unha mostra a un laboratorio dun silo de millo para facer un perfil mineral e cando chegaban os resultados o silo xa se acabara. Non había capacidade analítica, era todo a ollo. Sen embargo, os laboratorios actuais permítennos ter resultados sobre calidade de forraxes en 24 horas”, compara.
A produción de leite evolucionou máis rápido que a información sobre minerais
“Fai 30 ou 40 anos non había un esquema de suplementación animal como existe hoxe. Nese momento os suplementos incluían o 100% dos requirimentos nutricionais da vaca ata que nos demos conta de que estabamos sobrealimentando mal. A gran posibilidade que temos hoxe é que temos unha capacidade analítica incrible, podemos enviar ao laboratorio unha mostra de silo hoxe e mañá ter os resultados para balancear a ración en base a eles. Isto permítenos ir cubrindo en tempo real a demanda de requirimento das vacas”, insiste.

Alegan contra o proxecto mineiro de Beariz e Avión polo posible impacto na poboación e no agro

O Sindicato Labrego Galego (SLG) acaba de presentar unha batería de alegacións contra o proxecto mineiro que a empresa Recursos Minerales de Galicia S.A. está impulsando en Beariz e Avión (Ourense). Segundo indica a entidade agraria, a firma mineira acaba de solicitar pasar dun permiso de investigación no proxecto mineiro Alberta I a un permiso de explotación que afectaría unha zona denominada Coto Tocayo, nos lugares de Doade (Beariz), Acevedo e Rubillón (ambos de Avión). A organización agraria advirte de que o proceso está a incurrir en varias irregularidades que poñen en perigo tanto á poboación da zona como a riqueza forestal e gandeira. O SLG reitera así a oposición a este proxecto, unha postura que vén exercendo dende o 2013. A área que se pretende explotar inicialmente abrangue 60 cuadrículas mineiras que equivalen, aproximadamente, a 1.680 hectáreas. O Sindicato Labrego sinala que “o proxecto inicial está fragmentado de maneira fraudulenta para evitar presentar a avaliación de impacto ambiental”. A falta dun informe de avaliación do impacto ambiental é unha das irregularidades do proceso administrativo que denuncian dende o Sindicato Labrego. Indican, ademais, que a Consellería de Medio Ambiente consentíu que se eluda este trámite logo de que, tanto o xefe da sección de Avaliación Ambiental da Consellería, José Javier Pereletegui; coma a xefa de Servizo de Enerxía e Minas de Ourense, Dolores Pérez Ayuso, ditaminasen que a empresa non ten que presentar dito informe. A organización agraria sinala que “ambos cargos poderían estar incorrendo nun posible delito de prevaricación administrativa ou ambiental, así como de falsidade en documentos públicos”, tal e como recollen nun comunicado.

Tres razóns para incluír o informe ambiental

En concreto, xustifican a súa acusación alegando que debera presentarse o informe ambiental, posto que o proxecto mineiro cumpriría os tres supostos para que se inclúa este trámite: pode producir augas acedas ou alcalinas, explótanse minerais radiactivos e atópase a menos dun quilómetro de núcleos urbanos. Por unha banda, o filón que se vai explotar é de permatitas, que inclúen sulfuros e óxidos que provocarán drenaxes e augas acedas. Segundo indican dende o SLG, nas análises realizadas, constatouse a presenza de niveis considerables de arsénico, cobre, chumbo e cinc. Ademais, nas permatitas adoitan atoparse minerais radiactivos, o que confirmaron as analíticas, constatando cantidades significativas de cesio e rubidio “co perigo que a radiación supón para as poboacións asentadas na zona e os eventuais traballadores da mina”, indican dende o Sindicato Labrego. Sinalan, tamén, que as vivendas de Acevedo se atopan a menos de 300 metros da explotación para a que se está a solicitar permiso. Xunto coa carencia do informe de impacto ambiental, dende o Sindicato Labrego apuntan tamén que existe un informe desfavorable da Confederación Hidrográfica Miño –Sil no que solicitan un estudo hidroxeolóxico para determinar os posibles impactos nas augas subterráneas e superficiais. Ademais, alertan de que nos informes presentados para avaliar o impacto da explotación mineira tampouco figura o que debería realizar o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, que resulta esencial neste tipo de tramitacións.

Protexer recursos gandeiros e forestais

O Sindicato Labrego reprocha a “absoluta desidia da Consellería de Medio Rural que esquece no seu informe a enorme riqueza forestal da zona afectada e as actividades gandeiras que se desenvolven nela”. O proxecto afecta a varias comunidades de montes veciñais como as de Lamacega, Betiscobo, Correa, Framia e Abeleira. Na superficie ocupada polo proxecto inclúense uns 10.000 metros cadrados de bosques de frondosas na zona de Porto Espiño. Nos 69.000 metros cadrados restantes neste monte, a maioría está repoboado con plantacións de piñeiros financiadas pola Consellería de Medio Rural. O resto do monte de Doade tamén está practicamente repoboado, a súa maior parte con piñeiros, así como con pequenas zonas de bidueiros e castiñeiros. Nos montes de Correa, Framia e Abeleira tamén se asenta unha gandería de vacún con case un cento de reses que contou con financiamento da Consellería de Medio Rural para realizar varios quilómetros de peches, así como unha manga de manexo, pasos canadenses e outras infraestruturas. Ó mesmo tempo, no entorno dos lugares de Doade e Acevedo tamén se aproveitan os pastos en extensivo para gando vacún e cabalar. Esta non é a primeira vez que o Sindicato Labrego denuncia as irregularidades en proxectos mineiros desta firma. A organización agraria xa alertou no 2013 de irregularidades noutros proxectos como o Alberta II ou Vilatuxe, que en conxunto afectarían a 11.000 hectáreas nas comarcas de Deza, Tabeirós –Terra de Montes e O Carballiño. Daquela, a empresa tamén pretendía levar a cabo o seu proxecto sen a preceptiva declaración de impacto ambiental.

Advirten dun incremento das deficiencias de minerais na alimentación do vacún de leite

As vacas das gandarías de Galicia e da Cornixa Cantábrica presentan unha crecente deficiencia en minerais, sobre todo Se, Cu e I, polas deficiencias destes oligoelementos nos solos e, á súa vez, nas forraxes. Estas deficiencias afectan á saúde dos animais e tamén poden repercutir na riqueza nutricional do leite. Así se puxo de manifesto o pasado venres en GandAgro durante a xornada sobre “Transmisión natural de nutrientes na cadea alimentaria” organizada pola cooperativa Delagro. Neste sentido, Marta I. Miranda Castañón, profesora titular do Departamento de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias (APACCV) da Universidade de Santiago de Compostela, explicou cales son as principais carencias que se detectan nestes oligoelementos na nutrición da cabana de vacún de leite de Galicia e da cornixa cantábrica. “Nestas rexións os solos predispoñen á baixa dispoñibilidade de Se, Cu e I para as plantas, e estas carencias, se non se compensan no abonado, transfírense a través da cadea alimentaria abono-planta-animal-leite”, explica. Por iso resulta clave a suplementación mineral, ben sexa como fertilizantes no chan, como aditivos na forraxe ou directamente ás vacas. “Os desequilibrios nestes minerais van en aumento e detéctanse tanto en explotacións con vacas estabuladas e ración unifeed debido a racións menos variadas e equilibradas, ao estar moi baseadas no silo de millo e nunha ou dúas especies de gramíneas no silo de herba, aínda que é certo que se corrixen mediante suplementos minerais. Pero tamén nos sorprendeu que detectamos maiores deficiencias nas granxas en ecolóxico e a pastoreo, debido á falta de suplementación mineral”, explica a profesora da Facultade de Veterinaria.

¿Que consecuencias ten nas vacas a falta de minerais?

As deficiencias ou desequilibrios nesta minerais traza poden comprometer gravemente a saúde do rabaño. “Estes elementos traza son clave para o organismo xa que regulan todos os procesos metabólicos a nivel orgánico. Ademais, no caso do Cu, Zn e Se, son claves para a actividade encimática; para as hormonas, no caso do I, e para a absorción das vitaminas, se se trata do cobalto (Co)”, subliña Marta Miranda Castañón. Ás carencias hai que engadir a existencia de interaccións entre estes microminerais e con outros compoñentes da ración, o que tamén pode levar a un desequilibrio. Así no caso dos ruminantes, o caso do antagonismo cobre-xofre-molidbdeno, ou a interacción do ferro coa maioría dos elementos esenciais, etc. Desta forma, a alteración ou desequilibrio destes oligoelementos pode provocar os seguintes problemas asociados a nivel de saúde: -Problemas reprodutivos asociados a desequilibrios de Se, I e manganeso (Mn): pode provocar morte embrionaria e do feto, abortos, partos prematuros (I) ou retención de placenta e metrite (Se). -Fallo na inmunidade (Zn, Se) -Diarrea: asociado a alteracións dos niveis de Cobre (Cu) e de Cobalto (Co). -Enfermidades da pel, coxeiras, dermatite dixital e pedeiro (Zn, Cu, I) -Pica -Mastite (Se, Zn) e altos niveis de células en tanque RCS (Se) -Sds METABÓLICOS vaca gorda e caída (I, Se, Co) -Baixada do leite (I, Cu, Zn..), etc. -Tenreiros: mala adaptación á vida extra-uterina, e mortinatos (I); debilidade, maior susceptibilidade a enfermidades infecciosas (Se e I), anemia (Cu, Co: Vit. B12), músculo branco, miopatía e cardiomiopatía (Se)

Deficiencias de minerais en Galicia e na cornixa Cantábrica: Comparación entre granxas en convencional e en ecolóxico

Para coñecer o status mineral do gando de vacún en ecolóxico e a súa comparación co convencional a Facultade de Veterinaria do Campus Terra realizou un estudo entre 2012-2015, subvencionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación. Realizáronse analíticas de sangue de 552 animais, pertencentes a 22 granxas en ecolóxico e 10 en convencional.

Niveis de elementos traza en sangue de gando vacún de leite procedentes de granxas convencionais e ecolóxicas:

“O contido mineral en sangue está influenciado polo tipo de explotación. As granxas ecolóxicas presentan menores niveis dos elementos habitualmente suplementados nos concentrados (Cu, I ,Mn e Se) e maiores de elementos ligados ao solo e ao pastoreo (Fe, Mo). Tanto nas granxas convencionais como nas ecolóxicas observamos deficiencias en Cu, Se e I, aínda que a porcentaxe de deficiencia é maior nas granxas ecolóxicas”, resume Marta Miranda Castañón. Unhas diferenzas que tamén se transfiren ao leite producido por estes animais, mostrando o leite das vacas en convencional un maior contido de Cu, I, Mn, Se e Zn.

Niveis de elementos traza (µg/L) en leite ecolóxico (a nivel de granxa) e convencional (a nivel de granxa e de supermercado) no noroeste de España:

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78935" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

¿Cales son os ingredientes máis ricos en minerais nunha ración de vacún de leite?

Para coñecer a orixe destas deficiencias un equipo da Facultade de Veterinaria de Lugo realizou un estudo sobre “Avaliación de minerais traza no vacún de leite en ecolóxico”, no que se analizaron 164 mostras de alimentos (pasto, concentrado, feno, alfalfa, silo de herba e silo de millo) de gandarías en ecolóxico e en convencional. A achega dos principais elementos traza (Cu, I, Mn, Se e Zn) vén dada polos concentrados.

Niveis de elementos traza (mg/kg MS expresados como medias xeométricas) nas dietas das granxas ecolóxicas e convencionais:

RMSE: Raíz cadrada do erro cuadrático medio “Os resultados confirman que hai unha correspondencia entre o contido de oligoelementos da ración e o contido en sangue e en leite dos animais”, destaca Marta Miranda Castañón. En concreto, detectáronse que os niveis de Cu, I e Se en a ración están por baixo do rango adecuado para a dieta do gando de vacún de leite. Estas carencias son máis acusadas nas dietas das granxas ecolóxicas

A recomendación: Monitorear o status micromineral nos rabaños

Para previr as deficiencias en oligoelementos no rabaño a recomendación da profesora da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela é clara: “É importante monitorizar o status micromineral nos rabaños, realizando analíticas de sangue ou leite dunha mostra de animais do rabaño”. “Mellorouse moito na realización de análise, pois hoxe en día as técnicas son moi específicas e multielementais. Deste xeito, as analíticas son rápidas, sensibles e específicas”, destaca. Desta forma, cada vez son máis as gandarías e empresas do sector que acoden ao Servizo de Asesoramento e Análise Mineral, dirixido polas doutoras Marta Miranda e Marta López Alonso, na Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela, para realizar probas de saúde do rabaño a nivel de status micromineral. “A solución máis sustentable sempre será, co asesoramento dun técnico, suplementar o solo con esta minerais traza que son deficientes para que se transmitan á herba ou ao millo e destas forraxes ao gando, así como suplementar aos animais”, conclúe Marta Miranda Castañón.

Presenza de selenio nas correntes de auga de Europa: 

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78936" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>
Máis información: http://weppi.gtk.fi/publ/foregsatlas/maps_table.php

Os 5 piares da nutrición mineral do gando

Os chamados minerais traza, especialmente o cobre, o ferro, o manganeso e o cinc, son imprescindibles para unha correcta nutrición do gando posto que interveñen en case todos os procesos bioquímicos do organismo. Sirva como exemplo que o cobre ou o cinc son imprescindibles para máis de 400 encimas do organismo. As súas deficiencias ou os seus excesos teñen graves consecuencias na saúde, debido a que se necesitan cantidades mínimas, estamos a falar de miligramos e mesmo de microgramos. O seu exceso, por tanto, provoca problemas de toxicidade e poden interactuar negativamente con outros minerais. Ademais, o mecanismo para o seu transporte e absorción polo organismo é complexo, e vanse perdendo ao longo da vida produtiva do animal. As deficiencias rara vez se manifestan clinicamente pero, sen embargo, cando se proporcionan estes minerais traza ao gando melloramos a capacidade de crecemento, a fertilidade e o sistema inmunitario, con menos problemas de enfermidades. Porén, o organismo desenvolveu mecanismos de protección no intestino e no torrente sanguíneo para impedir que minerais presentes de forma moi abundante na natureza, como o aluminio ou o ferro, sexan absorbidos en exceso. Este obstáculo pódese salvar se os minerais preséntanse en forma orgánica, xa sexa a través das plantas ou ben quelados a través dun proceso industrial; é dicir, se están ligados fortemente a unha molécula orgánica, o que permite “enganar” ao organismo e que cheguen aos puntos de absorción. Neste sentido, segundo Josep Roquet, veterinario e director técnico de Alltech Spain, os 5 piares da nutrición mineral en gando que se deben ter en conta son:

1) Requirimentos: A xenética dos animais cambiou e tamén as súas necesidades de microminerais

As cantidades de minerais traza ou microminerais que se acheguen na ración ao gando deben estar adaptadas aos seus requirimentos para que o animal poida expresar o 100% do seu potencial xenético e manteña en bo estado o seu sistema inmulóxico. Neste sentido, Josep Roquet advertiu que “o problema é que os estudos que temos sobre necesidades de minerais en gando son de hai 40 anos cando as vacas producían 20 litros ou os polos tardaban 60 días en sacrificarse”. “Sen embargo, os animais de hoxe en día necesitan a metade de comida para facer os mesmos quilos de carne, co que lles estamos en moitos casos achegando a metade dos minerais que necesitan”, advertiu. Ademais, lembrou que os animais máis produtivos son os que requiren maior cantidade de minerais. Así, lembrou un estudo realizado en porcino por Mahan e Newton en porcas no que se confirmou que as porcas con maior produción de bacoriños son as que maiores carencias de minerais traza presentaban. O estrés é outro dos factores que inflúen na perda de microminerais, algo que se pode evitar cando estes se presentan en forma orgánica. Así, Josep Roquet lembrou un estudo realizado por Nockels no que conclúe que os becerros sometidos a estrés e aos que se lles subministrara sulfato de cobre presentaban unha retención deste mineral de só a 3,3% fronte ao 8,1% dos que non foran sometidos a tensión. Pola contra, cando a fonte de mineral era quelato de cobre, unha fonte orgánica, a retención era do 15 e do 14,3% respectivamente, ao ter maior capacidade de retención polo organismo. Noutros minerais traza, como o cinc, a fonte tamén é determinante para a biodisponibilidade do mesmo. Así, un estudo realizado en polos revela que a biodisponibilidade deste micromineral na tibia varía o 22 ao 91%.

2) Interaccións con outros minerais: Os proteinatos son os que máis garantías ofrecen

Mapa de interaccións entre os minerais:

As interaccións entre minerais é unha problemática importante que provoca menor actividade biolóxica, problemas de retención, e por conseguinte problemas ambientais ao excretarse nas dexeccións. Esta problemática pódese evitar cos bioplexes ou minerais quelados, en forma orgánica, xa que se protexe ao mineral de interaccións con outros minerais mentres viaxa polo tracto gastrointestinal até o seu punto de absorción. Dentro da minerais traza orgánicos, os bioplexes ou proteinatos (froito da reacción de proteínas hidrolizadas con minerais) son os que máis garantías ofrecen en canto a ausencia de interaccións, mesmo no caso de correctores. Este é posible grazas ao tipo de ligazón, que garante a máxima estabilidade da unión mesmo nas condicións de PH do estómago e do intestino. Pola contra, os minerais orgánicos con unións febles poden ocasionar nos pensos e correctores inhibición de encimas, destrución de vitaminas e aumento da oxidación. Isto levou á Comisión Europea ha establecer unha nova clasificación dos minerais orgánicos, distinguindo os hidrolizados de proteína dos hidrolizados de aminoácidos, ao presentar forzas de unión e comportamentos distintos. Como se indicou anteriormente, a fonte dos microminerais é clave para a súa absorción ou biodisponibilidade polo organismo do animal. Así un estudo realizado en polos confirmou que o lévedo selenizado permite triplicar a biodisponibilidade de selenio no organismo das aves: Ademais, e tal e como se observa na táboa anterior, a forma orgánica do selenio en forma de fermento é a que afecta a máis xenes que inciden na produción animal.

3) Medioambiente: Evitar problemas de toxicidade dos microminerais

O exceso de cobre, cinc e doutros microminerais no solo débese en moitos casos a un sobreaporte desta minerais traza nos pensos do gando e que, ao non ser absorbidos polo organismo do animal, acaban no esterco e no xurro. “Isto é xa un problema en países como China, onde estudos concluíron que só o 4% das mostras de esterco de porcino cumprían os límites máximos recomendados de cinc. O exceso de cinc ou de cobre provoca moitos problemas na fertilidade do chan, como redución da capacidade de nitrificación e de mineralización da materia orgánica”, advertiu o director técnico de Alltech Spain. A problemática levou á Comisión Europea a reducir os límites máximos de minerais, como o cobre, o cinc ou o ferro nas racións dos animais: “E posiblemente volverán reducirse os niveis máximos, tanto de cobre como de cinc, para esta e para outras cabanas gandeiras”, advertiu Josep Roquet. Neste sentido, destacou que en ensaios realizados por Alltech substituíndo totalmente os minerais inorgánicos por bioplexes en broilers lográronse os mesmos índices de crecemento, pero cunha importante redución da presenza de Cobre, Cinc ou Hierro nas excreccións:

4) A importancia de que os minerais que se subministran ao gando non conteñan impurezas

Josep Roquet advertiu de que “as fontes inorgánicas de minerais poden estar contaminadas de forma natural por cadmio, arsénico, chumbo, mercurio...todas elas sustancias prexudiciais para a saúde”. Neste sentido, destacou que os minerais orgánicos fabricados por Alltech cumpren cun estrito sistema de calidade que analiza o 100% das mostras tanto á entrada das materias primas como á saída dos bioplex xa elaborados para garantir que cumpren os límites da normativa.

5) TRT: O reemprazo de minerais inorgánicos por orgánicos é viable

Josep Roquet concluíu que “a substitución total dos minerais na súa forma inorgánica pola súa forma orgánica é viable e é o futuro, porque se mantén ou aumenta a produtividade e a lonxevidade dos animais e redúcense notablemente as emisións ao solo”. Como exemplo, lembrou un estudo realizado en vacún de leite no que se concluíu que o emprego de minerais orgánicos aumentou un 4,8% a produción de leite a 305 días.

Futuro: Lograr que as forraxes e cereais conteñan todos os minerais que precisa o gando

Por último, o director técnico de Alltech Spain, avanzou que unha liña estratéxica de futuro “pasa porque as forraxes e o resto de cereais que alimentan aos animais conteñan todos os minerais que necesitan, e iso pódese lograr mediante a suplementación de minerais aos cultivos”. “Que os animais coman directamente das forraxes os minerais que necesitan”, concluíu.