Archives

Prevese unha primavera máis cálida e seca do normal en Galicia

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) acaba de publicar o seu balance do pasado inverno en Galicia e a súa previsión para esta primavera. Se para os meses de xaneiro, febreiro e marzo o balance é de cálido, con 2 graos por riba da media e normal en canto a choivas, cunhas precipitacións un 4 % inferiores a fai dez anos, para a primavera a previsión é máis calorosa e seca do normal. En concreto, a súa previsión para os meses de abril, maio e xuño é dunha temperatura cálida e menos precipitacións. Así, a temperatura media nesta primavera estará, segundo os modelos predictivos de Aemet, no tercil superior en toda España, tomando como referencia as estatísticas da década anterior. Espérase, por tanto, máis calor do habitual nestes meses. Doutra banda, hai unha maior probabilidade de que as precipitacións sexan inferiores en Galicia que hai unha década. No resto de España, os valores serían os habituais, pero no terzo norte é probable que a primavera sexa máis seca do habitual.

Resumo do inverno

Doutra banda, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) tamén fixo unha valoración do inverno en Galicia. Segundo o Goberno, foi un período moi cálido nesta comunidade autónoma. A anomalía media foi de 1,5 graos. Trátase do terceiro inverno máis cálido desde 1971, só superado polos invernos de 1990 e 1998. En canto á choiva, o pasado inverno resultou "normal". En febreiro apenas se alcanzou o 50% dos valores medios, pero eses datos compensáronse cun mes de decembro moi húmido.

Aemet prevé un verán en Galicia con temperaturas normais pero con menos precipitacións

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) ven de facer públicas este mércores as súas predicións para o verán, que se prevé en Galicia con temperaturas normais pero con menos precipitacións. En concreto, Aemet prevé que “para os meses de xullo, agosto e setembro hai unha maior probabilidade de que a precipitación sexa inferior aos valores normais”, unha predición que estende a toda España, e que toma como referencia o período 1981-2010. En canto ás temperaturas, afirma que para o verán “no cadrante Noroccidental -Galicia, Asturias, e León- non se aprecian diferencias significativas con respecto á climatoloxía”, mentres que no resto de España a previsión é que as temperaturas acaden valores superiores aos normais. Unha primavera moi fría e húmida En canto á primavera que vimos de rematar, o balance que fai Aemet é que en Galicia foi fría e moi húmida, especialmente nos meses de marzo e de abril. Así, en marzo as precipitacións superaron nun 75% aos valores normais.

Prevén que a seca provoque a perda de ata o 30% da colleita de millo

O millo é o principal cultivo forraxeiro en Galicia, con máis de 67.000 hectáreas, arredor do 60% da superficie do Estado destinado ao mesmo. As ganderías de leite dedícanlle moitos recursos e esforzos a este cultivo que constitúe o principal compoñente da alimentación diaria das vacas. O seu cultivo foi a máis nos últimos anos impulsado pola ampliación da base territorial das explotacións lácteas e a necesidade de reducir custos, aumentando a alimentación en base a forraxes producidos na explotación. Sen embargo, máis dun mes sen choivas, nunha primavera anormalmente seca, están a poñer en risco a colleita deste ano, constituíndo un motivo de preocupación para moitos gandeiros. Os diferentes microclimas de Galicia provocan que a situación varíe dunha zona a outra, pero a maioría dos gandeiros consultados, especialmente nas comarcas do interior, estiman que, incluso aínda que chova nos próximos días, a redución da colleita roldará o 30%. E é que a seca está a provocar problemas de nacenza na semente, especialmente naquelas explotacións que sementaron o millo a partir da terceira semana de maio, cando a seca e o vento nordés xa reduciran sensiblemente a humidade do terreo. As fincas con menor profundidade de solo ou en costa e o millo que non foi sementado a unha profundidade maior, tamén están a ser as máis afectadas. Outras consecuencias que está a provocar a seca é a proliferación nalgunhas zonas de vermes que atacan as plántulas, como o verme do arame ou o taladro. Ademais, o tempo seco está a atrasar a aplicación de herbicidas. Nas fincas de millo máis afectadas pola seca, hai gandeiros que están a resementar, unha decisión arriscada e custosa que require que a choiva chegue a tempo e en cantidade. A continuación recollemos a situación en diversas explotacións gandeiras de Galicia: Xosé Manuel Calvo, gandeiro de Oroso e membro da Executiva do Sindicato Labrego Galego: “Na nosa zona o que peor o está a pasar é o millo que foi sementado en terras lixeiras, pouco profundas, e en costa, e o que foi sementado máis tarde”. “Na nosa explotación sementamos o millo nunha primeira vez o 20 de maio e unha semana despois sementamos noutras fincas e a diferencia nótase moito, había menos humidade na terra e houbo máis problemas de nacenza e de crecemento. O que foi sementado primeiro non tivo problemas de nacenza”. “Debido á primavera seca que está a vir onde que si temos problema é cos vermes de rosca”. “Agardamos que chova nas próximas semanas porque senón o millo vaino pasar mal. Hai que ter en conta que é a forraxe principal da ración das vacas. No noso caso empregamos 25 kilos de silo de millo por vaca e día e uns 8 kilos de silo de herba”. Antonio París, de SAT Cives. Mazaricos: "Fixemos a sementeira do millo entre o 15 e o 22 de maio. Naceu moi ben. O que si temos é problemas coa aplicación do herbicida, xa que veu o tempo tan seco que non puidemos botalo". Xan Ramos, de SAT GANXABAR, Mazaricos: "Sementámolo sobre o 20 de abril e a seca non nos afectou. Naceu bastante ben e está a ter un bo desenvolvemento. Se persiste a seca si que teríamos problemas". Julio López, de Gandería Quintián, O Páramo (Lugo): "Por problemas de exceso de humidade nas fincas este ano non puidemos facer a sementeira ata o 26 de maio e, debido á seca, si que estamos a ter problemas de nacenza. Normalmente sementamos unha semana antes, pero a principios de maio estivo chovendo e a terra non valía para traballar porque estaba apelmazada". "Prevendo a seca fixemos unha sementeira máis profunda do normal, a 5,5 centímetros, pero é difícil que a profundidade sexa homoxénea en toda a finca. Así, o que foi fondo naceu aos 5-6 días pero o que foi a menos aínda está empezando a nacer ou non naceu. Se chove este fin de semana e acaba nacendo teremos igualmente un problema á hora da colleita , con distintos estadios de maduración do millo na mesma finca e diferentes niveis de almidón, polo que teremos que calcular unha media. De todos os xeitos, e inda que todo vaia ben, calculamos unha mingua na colleita de ata o 30%". Román Santalla, gandeiro e secretario comarcal de Unións Agrarias de O Deza-Tabeirós- Terra de Montes:  "Estamos a padecer unha seca importante, porque nesta zona practicamente non choveu dende o 8 de abril o que, unido ao vento do nordés, secou moito a terra". Estado no que se debería atopar o millo por estas datas nun ano normal "A climatoloxía atrasou o ensilado da herba ata a primeira quincena de maio e na última quincena do mes pasado foi cando se sementou a maior parte das fincas de millo. A sementeira foi bastante mala porque non había sazón na terra e o millo ten problemas de nacenza". "Agás o millo que se sementou en abril e antes do 20 de maio, o que se sementou despois, sexa a zona de Galicia que sexa, está a ter bastantes problemas para nacer. Mesmo se a partir de agora chove, calculamos unha perda de arredor do 30% da colleita de millo con respecto ao ano pasado". "Outro efecto deste tempo é que os pastos están resecos e a segunda ensilada de herba dámola por perdida en moitas zonas". "Hai unha situación clara de déficit de forraxes este ano na Península e o gandeiro o que está a facer é ou reducir produción ou mercar máis forraxes e concentrados".

Abril foi un dos meses máis cálidos en Galicia en anos

Abril, ao igual que marzo, foi un mes cálido e con precipitacións inferiores aos valores normais para esta época do ano en Galicia. Este é o balance que se desprende do último resumo climático da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet). En canto ás temperaturas, o mes de abril foi cálido en toda Galicia, con amplas zonas nas que as temperaturas medias resultaron superiores aos valores normais en máis de 2º C. As mínimas máis baixas alcanzaron aínda valores negativos ou próximos a 0º C en zonas do interior por enriba dos 300 m (-1.5 en Beariz o día 4 como mínima absoluta) e entre 4 e 5º C nas proximidades da costa (4.8 º Cen Ribadeo o día 7). As máximas máis elevadas rexistráronse os días 2 e 13 e chegaron a alcanzar os 30º C (30.1 en Vilagarcía de Arousa e 30 en Ribadavia os días 13 e 2). No que respecta a temperaturas medias Aemet conclúe que abril de 2015 se encontra en xeral entre os 4 ou 5 máis cálidos dos últimos 20 anos. Precipitacións inferiores á media, sobre todo na primeira quincena Ao igual que o precedente, este mes resultou seco en toda Galicia. As precipitacións máis importantes rexistráronse durante a segunda quincena, especialmente os días 25 e 30 cando en distintas estacións de Rías Baixas e Costa da Morte chegaron a superarse amplamente en 24 horas os 40-50 l/m2. Rexistráronse tormentas un total de 10 días, cifra que, segundo Aemet, se pode considerar normal para un mes de abril en Galicia. Destacan as rexistradas o día 21 que afectou principalmente á metade occidental da Comunidade e chegaron a acumularse cantidades entre 12 e 15 l/m2 en media hora en estacións do oeste de Ourense e interior da Coruña e Pontevedra. Fonte: Aemet

O pasado marzo foi dos máis secos en Galicia nos últimos 40 anos

O mes de marzo foi seco ou moi seco en toda Galicia, con zonas do sueste da Comunidade nas que as cantidades recollidas apenas alcanzaron os 2 litros, segundo os datos que ven de publicar AEMET. Pola súa banda, as desviacións das temperaturas con respecto á media non resultaron, en xeral, significativas. En canto ás precipitacións, houbo zonas do sueste nas cales non se alcanzou o 20% dos valores normais. Así, por exemplo, no observatorio de Ourense recolléronse pouco máis de 2 litros no total do mes, só "superado" nos últimos 40 anos por marzo de 1997, cando se contabilizaron menos de 0.1 l. As precipitacións máis importantes rexistráronse durante os tres primeiros días. Destaca o día 1 cando en distintos puntos das provincias occidentais se superaron os 40-50 l/m2 en 24 horas, cantidades que supuxeron en moitos casos máis do 50% do total do mes. O número de días con precipitación maior que 1 l varía, no que se refire aos observatorios principais, entre os 0 días de Ourense e os 7 de Lugo e A Coruña, e resulta en todos os casos moi inferior á media. En canto ao vento, destacar o día 20 cando se superaron, en puntos do litoral da Coruña, os 100 km/h de refacho. Temperaturas inferiores no Norte e zonas do interior e superiores no resto. As temperaturas de marzo resultaron inferiores ás normais na metade norte e zonas do interior e superiores no resto da Comunidade, se ben as desviacións con respecto á media non resultan en xeral significativas. As mínimas máis baixas rexistráronse entre os días 14 e 16, con valores por debaixo de -4º C no interior (-5.0 º C en Beariz el día 16) e próximos a 2º C en puntos da costa (2.2 º C en Boiro o mesmo día). As máximas máis elevadas alcanzáronse entre os días 7 e 9, cando se superaron os 25º C no interior (26.3 º C en Ourense o día 9 como máxima absoluta) e, amplamente, os 20º C nas proximidades da costa (23.3 º C en Vigo Aeroporto e 22.2 º C en Boiro, en ambos os dous casos o día 7). Destacar as oscilacións térmicas rexistradas entre os días 5 e 10 que, por exemplo, no observatorio de Ourense chegaron case a alcanzar os 26º C (0º C de mínima e 25.9 de máxima o día 7).

Aemet prevé unha primavera con menos precipitacións

Unha primavera en Galicia con temperaturas na media dun ano normal pero con algo menos de precipitacións da media. Esta é a previsión que fai a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) para a estación que comeza mañá, día 20 de marzo. En declaracións a Campo Galego, o delegado territorial de AEMET en Galicia, Francisco A. Infante Alonso , afirma que “as nosas previsións para abril, maio e xuño indican que é probable que as precipitacións sexan lixeiramente inferiores aos valores normais, o que tampouco significa que será unha primavera seca, pero si que prevemos que a cantidade de choiva sexa un pouco inferior aos valores normais”. Respecto ás temperaturas, Francisco Infante asegura que “as previsións de Aemet non aprecian diferencias significativas respecto aos valores de temperatura promedio para unha primavera normal”. Non obstante, o responsable de Aemet en Galicia subliña que “estas previsións hai que tomalas con certa precaución, xa que a súa fiabilidade non é tan grande como as predicións a curto prazo”. Inverno frío e seco na maior parte de Galicia Respecto á valoración da estación que remata hoxe, o delegado de Aemet sinala que “o inverno no conxunto de Galicia foi frío e seco na maior parte de Galicia, quedando excluído o noroeste da provincia da Coruña e case toda a provincia de Lugo, “onde o inverno foi máis ben húmido”. Polo que respecta ás temperaturas, Francisco Infante sinala que “o inverno foi en xeral frío no conxunto de Galicia, cunhas temperaturas que estiveron en torno aos 0,7 graos por debaixo da media normal, situándose a temperatura media nos 8,2 graos”. Aemet porá en marcha un servizo especial para o sector agrogandeiro Por outra parte, Francisco Infante avanzou a Campo Galego que “Aemet está traballando nun proxecto para establecer un sistema de predición meteorolóxica máis adaptada á agricultura e á gandeiría”. “O proxecto, que está sendo desenvolvido por Aemet en colaboración con centros de investigación agraria de varias Comunidades Autónomas, ten como obxectivo elaborar un sistema de previsión de rendemento de colleitas”, afirma o responsable de Aemet en Galicia. O servizo prevese que estea operativo ao longo deste ano e será un servizo gratuíto a través da páxina web de Aemet.