Archives

Lidl súmase á tendencia de ofrecer produtos de proximidade nos supermercados

A cadea de supermercados Lidl está a intensificar nas últimas semanas os acordos con empresas e produtores galegos, ampliando a gama de produtos de proximidade que oferta nos 32 establecementos na comunidade, e que terá en conta para a venda nas súas tendas españolas e internacionais. Estes días, produtos galegos como as salgaduras, a variedade de produtos de porco celta, xunto coas leitugas, as mazás, a col, o grelo ou a pataca foron as novidades nos andeis destes supermercados. A aposta de Lidl está a supoñer un volume de compras superior ós 1.000 millóns de euros na produtores galegos nos últimos catro anos. A medida chega, ademais, en plena crise sanitaria, nun novo esforzo por contar con produto local. De feito, dende o comezo da pandemia polo Covid-19 evidenciouse que os consumidores optaban en maior medida polos produtos de proximidade, posto que confían na súa calidade, ó tempo que é un xeito de ser solidarios cos produtores locais. Ademais, tamén se constatou que aquelas cadeas que contaban con provedores locais aumentaban as súas cotas de venda e dispoñían dunha maior variedade de produtos e a reposición nos lineais foi máis rápida durante os momentos de aprovisionamento e maior desabastecemento.

Novos produtos

Ó longo do mes de outubro, Lidl ten previsto engadir, de xeito progresivo, máis de 60 novas referencias á súa oferta permanente. Unha das primeiras incorporacións foi a carne da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) de Ternera Gallega, con pezas como filete, escalopiño, carne picada ou para estofar. É unha medida que tamén resposta ás reivindicacións de organizacións como Unións Agrarias, que levan tempo con campañas de presión a distintas cadeas de supermercados en Galicia para que contasen con produtos de calidade como Ternera Gallega. A carne de vacún e agora tamén a de porco celta súmanse á oferta de produtos cárnicos galegos, posto que a cadea traballaba xa con provedores locais de polo e coello. Xunto coa carne de porco celta, esta semana tamén incorporaron máis froitas e verduras como leituga (batavia e trocadero), mazá (reineta e golden) col (rizada e picuda), cabaza ou cebola, ademais de grelo e pataca. Ademais, Lidl afianzou o compromiso co sector lácteo galego ó introducir nos primeiros días de mes xa unha decena de artigos lácteos da marca galega Larsa, entre eles diversas variedades de leite e iogures, así coma queixos de Denominacións de Orixe coma Arzúa Ulloa, Tetilla ou San Simón da Costa. “Dende o comezo da crise sanitaria, en Lidl quixemos reforzar o compromiso que dende hai máis de 25 anos vimos mantendo co produto galego. Conscientes das dificultades que están a atravesar algúns produtores para darlle saída á súa produción, redobramos a nosa colaboración co tecido produtivo local, queremos deste xeito seguir axudando a reactivar a economía galega”, explica Jaime Herrá, director rexional de Lidl en Galicia. A compañía xa levou a cabo accións nesta liña dende o inicio da crise sanitaria, como a adhesión á campaña Mercaproximidade da Xunta ou a celebración da Semana Galega para acercar Galicia ás súas 600 tendas españolas.

ADEGAL defende o efecto positivo que tivo Mercaproximidade para os produtores de pataca da Limia

A Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal) defende o efecto positivo que tivo Mercaproximidade, a canle de comercialización impulsada pola Consellería de Medio Rural, para darlle saída comercial durante os meses de abril e maio á pataca que tiñan almacenada os agricultores da Limia, debido a que o peche da hostalaría a raíz do coronavirus paralizou as vendas deste tubérculo para a industria de frito. En resposta ás críticas do Sindicato Labrego Galego, dende ADEGAL aseguran que “o prezo medio que se lle pagou ao produtor foi digno e estivo entre 15 e 20 céntimos o quilo, dependendo do estado de convervación da pataca e do formato de venda”. “O peche da hostalaría durante a crise do coronavirus creou un grave problema da comarca: había almacenados 4 millóns de quilos de pataca, sobre todo da variedade Agria, e había que darlles unha saída comercial, pois do contrario teríamos un problema moito maior, non só de perdas económicas na comarca, senón tamén de xestión de resíduos”, defenden dende a asociación. Ademais, subliñan que “nin a distribución nin os almacenistas se lucraron con esta operación, pois do que se trataba era de vender un produto perecedoiro o antes posible, e para iso fíxose unha oferta de prezos aos consumidores para que tivera maior reclamo”. “Logrouse pagar un prezo digno aos agricultores que se acolleron a esta canle de Mercaproximidade, e as marxes tanto dos almacenistas como da distribución foron reducidas”, conclúen dende ADEGAL.

De ‘Super Feirón’ no Lidl e “non atopar nin un gramo de carne galega”

O supermercado Lidl de Lugo loce na súa entrada o logo da campaña da Xunta de fomento dos produtos galegos Ir ao Super Feirón auspiciado pola Xunta de Galicia a raíz do coronavirus para fomentar a venda de produtos galegos nos supermercados pode equivaler a todo o contrario. É o que denunciaron esta mañá ás portas da cadea alemá Lidl gandeiros de Lugo reunidos por Unións Agrarias e que criticaron que dentro non houbese "nin un gramo de carne galega" malia estar adherida á canle Mercaproximidade.  O responsable de gandería extensiva de UUAA, José Ramón González, denunciou a presenza de carne procedente de Holanda, Bulgaria, Polonia ou outros países do leste de Europa nos supermercados Lidl de Galicia. "Fai falta que a carne de Galicia se venda como carne de Galicia e para iso ten que ser produción certificada dentro da IXP e amparada dentro de Ternera Gallega e temos que sinalar a aqueles que non o fan porque se están portando mal cos produtores galegos. Necesitamos que todas as partes desa cadea colaboren e por iso hoxe estamos aquí dicíndolle a unha gran superficie como é Lidl, con bastante implantación en Galicia, que non pode ser que non teña un só gramo de carne de produción galega. Necesitamos que o consumidor galego coñeza isto para que actúe en consecuencia porque en Asturias isto sería imposible, alí os supermercados están case obrigados a ter carne asturiana porque así llelo esixen os consumidores", asegurou. 
En Galicia véndese carne de Holanda, de Bulgaria e de Polonia. En Asturias isto sería imposible, alí os supermercados están case obrigados a ter carne asturiana porque así llelo esixen os consumidores
A campaña de Unións Agrarias, iniciada a semana pasada en Ourense, con parada hoxe en Lugo e que continuará nos vindeiros días noutras cidades e vilas galegas, busca concienciar ao consumidor para que mire as etiquetas e se fixe de onde vén a carne que está a mercar. "Trátase de sensibilizar á opinión pública para poñer de manifesto a situación crítica pola que atravesa o sector en Galicia e buscar aliados na outra parte, entre os consumidores, buscando a súa complicidade e que saiba que hai uns puntos da cadea de valor que non se están portando ben cos produtores", explicou José Ramón González.  Incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria "Os gandeiros de carne están a producir por debaixo dos custos de produción e, polo tanto, estase a incumprir a Lei da Cadea Alimentaria", denunciou o representante de UUAA, que demandou a posta en marcha dun Observatorio de Prezos en Galicia. "Non pode ser que esteamos a producir a carne entre 50 e 60 céntimos por quilo por debaixo dos custos de produción porque deste xeito os gandeiros están a perder cartos", explicou. 
Os gandeiros están a perder cartos porque están a producir entre 50 e 60 céntimos por baixo dos custos de produción. Non hai xustificación para seguir coa baixada de prezos do 20% en orixe que se produciu en marzo
"Houbo unha baixada nos prezos aos produtores a raíz da crise da Covid-19 de arredor dun 20% ou 25% pero esa baixada non se lle repercutiu ao consumidor, que segue pagando prezos altos que impiden moitas veces que aumente a demanda e dar saída á produción. Fai falta incentivar o consumo para que o sector arrinque de novo, pero agora xa non hai ningún motivo para seguir con esa baixada do 20% ao produtor", engadiu.   José Ramón González pediu que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria, o que implica, dixo, "que a cadea de valor sexa transparente e efectiva en todos os eslabóns desde a produción á comercialización final. Non pode ser que se nos aplicara a finais do mes de marzo unha baixada de arredor do 20% porque non se vendían unhas pezas fundamentais da canal como poden ser os chuleteiros e logo ver esas pezas á venda a un prezo elevado. É un insulto á intelixencia que vaias a calquera tenda de carne certificada galega e o quilo de costeletas custe 16 euros porque iso quere dicir que alguén nos está enganando", argumentou. Axudas enganosas Desde Unións Agrarias reclaman da Administración, tanto autonómica como estatal, "que fai falta botar unha man a este sector porque non nos podemos permitir perdelo. Algo terán que facer para compensar a baixada que sufriron os produtores. O que falte para que estas explotacións non perdan diñeiro a final de ano haberá que poñelo de fondos públicos, tanto da Xunta como do Ministerio", insistiu José Ramón González.  
A reprogramación do Plan de Desenvolvemento Rural anunciada polo conselleiro supón que nin a Administración autonómica nin a estatal van gastar nin un só céntimo máis do que xa tiñan previsto, así que ese anuncio de axudas é quedar ben e non gastar un peso
"Fan falta fondos propios específicos para este sector que ten que ser quen de cubrir os custos de produción e esa parte que falta actualmente para que se cubran ten que ser cuberta e compensada con axudas públicas. Ningunha destas explotacións puido acollerse a ningún tipo de ERTE nin de axuda pública prevista para outros sectores e están tirando neste momento de aforros ou de endebedamento para poder subsistir. A situación é grave e o chamamento é urxente para que se arbitren medidas dun xeito inmediato", dixo. Urxiu que se establezan axudas directas e afirmou que non chega coa reprogramación dos fondos do Plan de Desenvolvemento Rural anunciados a semana pasada pola Xunta. "Esta situación hai que amañala o antes posible e temos que involucrar á Administración. A Xunta de Galicia non pode pasar por alto esta situación. O conselleiro do Medio Rural admitía o outro día que este é un sector sensible e anunciaba que vai haber axudas pero consisten simplemente nunha reprogramación do PDR que supón que nin a Administración autonómica nin a estatal vaian gastar nin un só céntimo máis do que xa tiñan previsto, así que ese anuncio de axudas é quedar ben e non gastar un peso", criticou.  

Antonio Fernández, gandeiro de Ternera Gallega Suprema: "Se teño que pechar, con 50 anos que teño hoxe, para onde vou?"

A concentración diante do Lidl de Lugo xuntou a dúas ducias de gandeiros da zona. Entre eles estaba Antonio Fernández, cunha explotación de 40 nais de raza rubia galega a 5 quilómetros da cidade de Lugo e que comercializa a súa carne dentro de Ternera Gallega Suprema.  Desde que comezou o coronavirus vendeu 8 becerros a un prezo de 4 euros o quilo, cando antes da pandemia sanitaria os vendía ao mesmo comprador, a Novagrigsa, a 4,80. "Na miña casa fun eu o que saiu a mercar neste tempo e miraba os prezos nos supermercados e eu vía que mover a carne movíase e que estaba ao mesmo prezo ca antes pero sen embargo a min baixáranme o prezo polo que me compraban antes", queixouse. 
Estou cobrando a carne a menos do que a cobraba meu avó fai 40 ou 50 anos
"Xa arrastrabamos unha crise de antes do coronavirus e agora con isto baixounos un 20% o prezo/canal dos nosos xatos. Eu estou vendendo a carne a menos do que a vendía meu avó fai 40 ou 50 anos cando tiña as vacas e con este prezo non damos feito para cubrir gastos. Estamos á mercede do mercado, non temos capacidade para subir nin baixar prezos", denunciou. "Nós esforzámonos os 365 días do ano para proporcionar ao consumidor unha carne fabulosa. Eu adícome só á gandería, pero non podemos seguir así moito tempo ou teremos que pechar. Teño 50 anos a día de hoxe. Se teño que pechar, para onde vou?", preguntou. 

José Ángel Regueiro, produtor de carne en ecolóxico: "Vendín gando e reducín a explotación ao mínimo"

"Cústanos producir un quilo de carne case 6 euros en ecolóxico e non o cobramos logo á hora de vender a carne", denuncia José Ángel Regueiro, que ten unha explotación na parroquia de Bacurín, a 8 quilómetros de Lugo. José Ángel é vocal do CRAEGA e foi dos primeiros gandeiros en producir carne de tenreira en ecolóxico en Galicia, no ano 2005, pero a situación que se está a vivir no sector non distingue entre as explotacións convencionais e as que están en ecolóxico, que tamén están a notar a baixada da demanda e do prezo da carne.  "Antes desta crise do coronavirus estaba aumentando o consumo e a venda de carne ecolóxica porque os restaurantes de élite e as carnicerías gourmet especializadas estaban tirando do produto pero agora houbo un parón. E o problema é que temos un produto que caduca porque cando un becerro pasa do ano xa é añojo. Iso aféctanos tanto aos produtores en ecolóxico como aos que o fan de xeito convencional, e cando se vende véndese todo moi ben, pero cando non se vende para todo, tanto o normal como o ecolóxico", indica José Ángel.
Os gobernos protexen o que queren pero os sectores produtivos quedamos sempre desprotexidos
"Eu tiven que reducir cabezas, vendín o gando para vida para a zona de Zamora e manteño a explotación ao mínimo", conta. "Eu estou cerca da xubilación e cos prezos que hai desanímaste e botas para atrás outros proxectos, eu deféndome vendendo a particulares e para recría e o lóxico sería pechar o ciclo", di.  A súa gandería, con 25 cabezas, forma parte dun proxecto do Centro Tecnolóxico da Carne para producir cecina con destino ao mercado árabe, que non consume xamón procedente de carne de porco. Pero José Ángel ve o futuro con incerteza e teme a competencia dos países produtores do Mercosur. "Como non nos protexan un pouco estamos perdidos. Os gobernos protexen o que queren pero os sectores produtivos quedamos sempre desprotexidos", denuncia.  A súa, di, é o prototipo de pequena explotación galega de produción de carne, que se moven no caso da produción ecolóxica entre as 25 e as 30 vacas cunha superficie de entre 25 e 30 hectáreas. "Son eu só e teño 16 parcelas, iso implica dificultades á hora de mover o gando", relata. Reclama prezos de intervención que permitan "xa non gañar diñeiro, senón simplemente manternos e non perdelo", algo que, di, "con 17 céntimos de prezo de intervención no caso do leite e 2 euros no caso da carne non se garante".  

En risco 10.000 explotacións en Galicia, 5.800 delas na provincia de Lugo e 1.800 en Ourense

Entrega de información aos consumidores esta mañá ás portas do Lidl de Lugo Segundo os cálculos de Unións Agrarias, os baixos prezos actuais da carne en orixe porían en perigo a supervivencia dunhas 10.000 explotacións no conxunto de Galicia, das que máis da metade, unhas 5.800, atoparíanse na provincia de Lugo, outras 1.800 en Ourense e o resto repartidas entre A Coruña e Pontevedra, a provincia con menor presenza deste tipo de explotacións de vacún de carne en extensivo ou semiextensivo. "Hai unhas explotacións de carne moi concretas, adicadas á produción en extensivo en base a vacas nodrizas que se atopan nunha situación moi complicada. Non podemos prescindir de ningunha destas explotacións, porque moitas destas ganderías están ubicadas nas zonas de montaña e nas zonas demograficamente máis deprimidas. É polo tanto un sector estratéxico", asegurou José Ramón González.  
Non nos podemos permitir o luxo de que nin unha soa explotación de carne peche en Galicia porque están ubicadas nas zonas de montaña e nas zonas demograficamente máis deprimidas
Explicou que as preto de 6.000 explotacións da provincia de Lugo ocupan a "polo menos" 10.000 persoas, polo que, alertou, "estamos falando de que están en risco 10.000 postos de traballo nas zonas demograficamente máis delicadas da provincia de Lugo, polo que haberá que facer o que faga falta para que ningunha destas explotacións peche. Non nos podemos permitir o luxo de que nin unha soa explotación de carne peche en Galicia, porque van pechar en Cervantes ou na Fonsagrada", concluiu.

Produtores lucenses denuncian caídas de prezos dun 25% na canle Mercaproximidade

Un momento da xuntanza online organizada desde a Deputación de Lugo Productores de carne de vacún e ovino da provincia de Lugo denuncian que a canle Mercaproximidade, posta en marcha pola Xunta de Galicia para facilitar a venda de produtos agrogandeiros galegos a través das cadeas de supermercados e paliar deste xeito o peche da hostalaría ou a venda directa durante a crise do coronavirus non serviu para frear a caída de prezos, con devaluacións que chegan ao 25%.    A responsable de Medio Rural da Deputación de Lugo, Mónica Freire, mantivo unha reunión con asociacións que forman parte do tecido produtivo agrogandeiro para tratar a situación dos sectores estratéxicos na provincia durante a crise sanitaria da Covid-19 na que participaron Román Sánchez Besteiro, da cooperativa A Carqueixa dos Ancares, Rosa Maseda Bello da Asociación de Gandeiros da Fonsagrada, Carlos Rojo Pombo e Orlando González Folgueira da Asociación de criadores de ovino e caprino de Galicia (Ovica), Isabel Vilalba Seivane do Sindicato Labrego Galego e Elías Somoza Regueiro da Federación Rural Galega (Fruga).
O prezo de venta da plataforma supón unha perda en torno ao 20-25% respecto ao prezo medio de referencia dos últimos anos nas mesmas datas
Durante a xuntanza virtual acordouse solicitar un encontro co conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez, para trasladarlle un informe coas conclusións do encontro, no que se especifican as necesidades e demandas máis urxentes do sector primario da provincia de Lugo. Necesidade de establecer prezos mínimos Mónica Freire explicou que “a maioría das asociacións demanda un maior compromiso por parte da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, quen ten as competencias na materia, coa posta en marcha de accións reais na loita contra as consecuencias da pandemia no sector primario produtivo”. Entre as medidas urxentes destaca a necesidade de establecer uns prezos mínimos para os produtores que se integraron na plataforma Mercaproximidade, impulsada pola propia Consellería de Medio Rural. O prezo de venta da plataforma supón unha perda en torno ao 20-25% respecto ao prezo medio de referencia dos últimos anos nas mesmas datas.
Mentres neste contexto de crise os agricultores e gandeiros cobran menos polos seus produtos, os prezos seguen a subir para os consumidores, como reflicten os datos do IPC
A deputada mariñá subliñou que “a plataforma de venda en liña só permite a compra por parte das grandes distribuidoras, non dos pequenos comercios, reforzando a posición de forza que teñen estas empresas fronte aos produtores”. Nesa liña, Mónica Freire explicou que mentres, neste contexto de crise, os agricultores e gandeiros cobran menos polos seus produtos os prezos seguen a subir para os consumidores, como reflicten os datos do IPC. Axudas directas para os sectores máis afectados Por outra banda, a deputada nacionalista sinalou que “faise imprescindible a posta en funcionamento de axudas de mínimis para o sector agrícola, en especial para os criadores de ovino e cabrún, gandeiros de vacún de carne, produtores de horta e flor ornamental ou cortada, así como sectores tan sensibles e dependentes da hostalaría e restauración como o sector vitvinícola ou o da pataca”, sinalou a deputada nacionalista. En próximas datas, a área de Medio Rural, do Mar e Mocidade ten previsto continuar coas videoxuntanzas temáticas e sectoriais, como con algún dos concellos máis afectados pola pandemia e outros axentes como o colectivo investigador no Campus Terra da universidade, os colectivos profesionais de enxeñeiros técnicos agrícolas e veterinarios e as comunidades de montes veciñais en man común, co obxectivo de seguir elaborando un programa de medidas que axuden a minimizar as consecuencias da pandemia.

Medio Rural empeza a mercar produtos agroalimentarios a través da canle Mercaproximidade

A Consellería do Medio Rural anuncia que está a mercar produtos agroalimentarios para diversas entidades e comedores sociais sen ánimo de lucro a través da canle Mercaproximidade, co fin de axudar tamén aos pequenos agricultores e gandeiros galegos a darlle saída aos seus produtos, afectados pola caída das vendas a causa do coronavirus. Desta forma, a Consellería do Medio Rural procedeu a mercar patacas, carne, queixos e mel para repartir esta semana entre o albergue Padre Rubinos, sito na Coruña; a Cociña Económica de Santiago; San Froilán Cáritas, en Lugo; o comedor social de Cáritas de Ourense; o comedor de San Francisco, en Pontevedra; e o comedor social Vida Digna, localizado en Vigo. Esta medida excepcional impulsada pola Consellería, e publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 14 de abril, contempla tamén apoiar o futuro das explotacións agrícolas e gandeiras de Galicia. Tras a súa posta en marcha o pasado 15 de abril, a canle de distribución Mercaproximidade xa ten, segundo a Consellería de Medio Rural, máis de 100 produtores interesados en adherirse a esta fórmula de venda, na que xa están integrados os grupos Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski -a través dos establecementos Eroski e Familia-, Carrefour, El Corte Inglés, Grupo Cuevas -a través da súa rede de supermercados Plenus-, Lidl e Alcampo. Non obstante, a iniciativa segue aberta a todas aquelas cadeas, empresas de subministración de colectividades e plataformas online que desexen sumarse, co obxecto de axudar aos agricultores e gandeiros galegos durante a emerxencia sanitaria. Para incorporarse á rede, os produtores e as industrias de transformación terán que enviar un correo electrónico a mercaproximidade@xunta.gal indicando os seus datos básicos e tipo de produción. A maiores, deberán achegar unha declaración responsable na que conste que un mínimo do 50 % dos seus ingresos proceden da hostalaría e os mercados municipais, pechados na actualidade.