Archives

Convocadas axudas para o sector apícola

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde pola que se convocan preto de 1,5 millóns destinados ao sector apícola co obxecto de mellorar a súa competitividade a través da modernización e a optimización de equipamentos, así como para loitar contra a perda de poboación de abellas e outros insectos polinizadores como consecuencia da expansión de patoloxías; o incremento das especies inimigas, como a vespa asiática, ou o cambio climático. A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, xestionará estas axudas cun orzamento total de 1.487.810 euros para actividades realizadas entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024, ambos inclusive, período de duración dunha campaña apícola. Esta axuda está cofinanciada polo Feaga da UE ata un 50 %, o Ministerio de Agricultura ata un 25 % e a porcentaxe restante a Xunta de Galicia . Poderán optar a estas axudas aquelas persoas físicas ou xurídicas, ou entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares de explotacións apícolas e que desenvolvan a súa actividade con anterioridade ao 1 de xaneiro, así como agrupacións de apicultores. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes a partir de mañá, día seguinte da publicación da orde no DOG. Entre os gastos subvencionables desta orde de axudas están os servizos de asesoramento e asistencia técnica; os tratamentos contra a varroase; a adquisición de produtos para incrementar a vitalidade das colmeas en estados de risco para a supervivencia da colonia; a renovación e acondicionamento de ceras; a adquisición de material necesario para a captura, eliminación, disuasión e control da Vespa velutina ou de outras especies exóticas invasoras; ou os investimentos en equipamentos que permitan a adaptación a fenómenos climáticos adversos das explotacións apícolas, para a cría e adquisición de raíñas ou para a mellora de maquinaria. Ademais, tamén se inclúen aquelas accións destinadas a mellorar a orientación ao mercado e aumentar a competitividade, facendo maior fincapé na investigación, a tecnoloxía e a dixitalización; e sobre a posición dos apicultores na cadea de valor.

Resoltas as axudas por danos do oso na montaña lucense

A progresiva expansión do oso polas montañas orientais de Lugo está a deixar periódicos danos no agro, principalmente pola incursión do oso nos colmeares. Esta situación está a obrigar ós apicultores a establecer medidas de prevención, como o emprego de peches eléctricos ou a recuperación de alvarizas tradicionais para protexer as colmeas. Este ano, Medio Ambiente concedeu apoios a sete produtores afectados, cun total de 12 expedientes de axuda aprobados. O de maior contía corresponde a Mel O de Sempre, cun importe superior a 5.000 euros para compensar as perdas sufridas. Esta é a relación de beneficiarios:

Unha trintena de postos participarán esta fin de semana na Feira do Mel de Montaña de Muras

O concello lugués de Muras celebra esta fin de semana a oitava edición da Feira do Mel de Montaña, coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O deputado Daniel García, o alcalde de Muras Manuel Requeijo e a tenente alcalde Paula Gómez, acompañados por Isabel Goti e Manuel Ferreira da Casa do Mel de Goente , presentaron o programa de actividades, que pon en valor a calidade do mel das producións locais. A feira, que se abrirá o domingo ás 10.00 horas, na Praza do Viveiró contará cunha trinta de postos de venda de mel e outros produtos derivados ou elaborados con mel -hidromel, cervexa, cera..... -, entre eles oito postos de produtoras e produtores de mel de Muras que participarán tamén na cata de mel que se celebrará o sábado pola tarde. Manuel Requeijo valorou a Feira do Mel como "un evento consolidado co que fomos cumprindo os obxectivos que nos marcamos inicialmente de promocionar o mel de montaña e poñer en valor as producións locais" e convidou "a achegarse a Muras para disfrutar do produto e dun espazo único como o Viveiró, nun día que reflicte o dinamismo e vida que hai no rural” Daniel García explicou que “desde a área de Medio Rural valoramos especialmente estas iniciativas que inciden na diversificación produtiva, promovendo actividades como a apicultura que xeneran rendas complementarias para as persoas que viven no rural e contribúen ao mantemento do medio natural” e valorou “o traballo que o goberno municipal de Muras ven desenvolvendo para dinamizar económica e socialmente o concello a partir do aproveitamento do monte”. A feira e cata de mel compleméntase cun programa lúdico con demostracións de cociña -con Lucía Freitas- , obradoiros de cocina ou elaboración de cera para as máis pequenas e actuacións musicais para amenizar a xornada.

Programa:

Sábado 9 de decembro -17.30 horas. Cata de Mel de Montaña -20.00 horas. Conferencia “Invernada das abellas” a cargo do biólogo e apicultor Miguel Vélez -21.30 horas. Degustación de liscos de balde, amenizado polo Dúo Musical Pedriñas Domingo 10 de decembro Pasarrúas e música en directo para amenizar toda a xornada -10.00 horas. Apertura da Feria -11.00 horas. Obradoiro de cera a cargo da Asociación Casa do Mel de Goente -12.00 horas. Showcooking con Lucías Freitas. propietaria e chefdos restaurantes “Lume” e “A Tafona” galardoado cunha Estrela Michelín -14.00 horas. Xantar -16.00 horas. Obradoiro de cociña para os máis pequenos impartido por “Espacio Vivo” -19.00 horas. Entrega de premios do concurso da cata de Mel de Montaña

Nace un programa de voluntariado de Mel de Galicia para reforestar 500 castiñeiros en Valdeorras

A Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia arrincaba este 2023 cunha campaña destinada a honrar e dignificar a apicultura galega baixo o título ‘Un modo de vida’. Seguindo precisamente esta filosofía, na que a preservación da biodiversidade, o coidado das abellas e a valorización dun oficio tradicional son o eixo central, o Consello Regulador da IXP lanza a iniciativa ‘Elixindo un modo de vida’, un proxecto de reforestación para o que chaman á participación de persoas voluntarias. O vindeiro venres 1 de decembro, ás 11.00 h, o Consello Regulador da IXP prevé plantar 500 castiñeiros nunha das áreas arrasadas polos incendios en Valdeorras. Concretamente, na parroquia de Alixo, pertencente ao concello do Barco de Valdeorras. A elección desta árbore senlleira débese a que se trata dunha especie melífera e autóctona con moito que ofrecer. Ademais de flor para a polinización e a consecución de rico mel, tamén se obterán castañas nun futuro, contribuíndo así coa dinamización do medio rural. “A repoboación das zonas queimadas con especies autóctonas é de vital importancia para a recuperación do territorio e para a alimentación das abellas e en consecuencia para a produción do Mel de Galicia. Xurde así a acción medioambiental Elixindo un modo de vida respectuoso co medio ambiente, unha mensaxe en favor dos produtores e dun futuro comprometido co medio ambiente e as abellas” explican dende Mel de Galicia. As persoas interesadas en participar coma voluntarias poderán facelo inscribíndose a través do enderezo electrónico info@mieldegalicia.org ou aparecendo no propio lugar da reforestación. Iso si, os 10 primeiros voluntarios que se acheguen levarán como agasallo unha casa de insectos.

Xornadas sobre comercialización de produtos apícolas no Courel

O local social Fondo de Vila, en Folgoso do Courel, acolle o 30 de setembro e o 14 de outubro senllas formacións centradas na diversificación e comercialización de mel e outros produtos da colmea coas que se busca dar valor engadido á produción apícola.  A primeira xornada terá lugar o sábado 30 de setembro e estará centrada nas esixencias para a etiquetaxe dos produtos apícolas, as figuras de calidade existentes para o mel e o exemplo de transformación conxunta levado a cabo no concello ourensán da Veiga. O segundo día, o sábado 14 de outubro, entraranse a abordar as distintas fases do proceso de comercialización, as principais vías de saída e o camiño a seguir para chegar ao mercado. As dúas sesións serán en horario de mañá, de 10 a 14 horas. A asistencia é gratuita previa inscrición a través do seguinte formulario

O Mel de Quiroga, un dos máis singulares de Galicia, celebra este xoves a súa festa

Este xoves, 10 de agosto, o concello lucense de Quiroga celebrará a súa xa tradicional Mostra do Mel, que este ano chega á edición número 32. O evento servirá para promocionar o mel e os demais produtos derivados da apicultura que se producen na zona de Quiroga, que debido á variedade da súa vexetación, con influencias mediterráneas, converten ao seu mel nun dos máis singulares de Galicia. Os produtos apícolas que se exporán para a súa degustación e venda serán de seis apicultores da zona: Manuel Macía, de As Estradas; María Carmen Macía e Caurelor, de Quiroga; Rubén Figueroa, de Toucedo; Ángel Gómez, de Paradapiñol e Manuel Rodríguez, de Centeais. Exporán tres tipos de meles: de carballo, de queiruga e multifloral. A mostra estará aberta no recinto feiral a partir das 11.00 horas na rúa Real, nas inmediacións da casa consistorial. A Mostra do Mel de Quiroga estará amenizada polo grupo de gaitas O Recanto. Ademais, ás 13.00 horas, terá lugar a sesión vermú coa actuación de Movilla y Los Irrepetibles. Ás 19.00 horas celebrarase o Torneo Street Soccer e Street Volley nas pistas deportivas. E ás 23.00 horas, gran verbena coa osquestra Panorama.

Mazás e abellas en Boborás, unha combinación en beneficio mutuo

Unha plantación de maceiras con dous colmeares nun monte comunal de Ventosa (Boborás, Ourense) centrada na produción ecolóxica de mel e mazás. Así é a colaboración que xurdiu da man de Ouro de Feás (Manuel Lastres e Sergio Rey) e Mel da Alborada (Daniel Caiña), que nos explican como naceu esta iniciativa e os puntos clave do seu traballo. No ano 2019, Manuel Lastres e Sergio Rey, veciños de Meaño e Vilanova de Arousa respectivamente, comezaron coa súa empresa “Ouro de Feas”, plantando mazá para sidra e mesa en ecolóxico nunha finca de 22 hectáreas situada a 600 metros de altura en Ventosa. Cando estaban acondicionando a finca, contactou con eles Daniel Caiña, bombeiro, apicultor e veciño de Boborás, establecéndose unha relación de amizade. Desta amizade xurdiu a idea de copiar un modelo que xa viran en varias plantacións, abellas e maceiras coexistindo nas mesmas fincas. O resultado desta colaboración é un beneficio mutuo, mazás e mel dunha calidade e características organolépticas óptimas e un 15-20% máis de produción. Os inicios do proxecto “Estabamos buscando terreos grandes e Patricia Torres, alcaldesa de Boborás, púxonos en contacto coa comunidade de veciños de Ventosa, a aldea na que se sitúa a plantación, chegando ao acordo dun arrendamento por 30 anos no seu monte comunal. Era monte que estaba moi abandoado e ao que non lle sacaban proveito, pois ademais tiveran incendios”, conta Manuel. A execución da plantación levou consigo un importante traballo:”Houbo que subsolar o chan cun bulldozer, executamos un peche perimetral… Pedimos algunhas axudas para peches, pistas, cortalumes,pero non recibimos ningunha axuda económica. En Galicia, hai axudas para outro tipo de plantacións pero non para as plantacións de maceiras. Tamén fixemos analíticas do terreo, para saber como estaba a nivel de nutrientes. Como a terra tiña un exceso de acidez decidimos contrarrestalo con cal para que as raices creceran mellor. ”, di Manuel. Sobre o estado do monte, Daniel aclara que “era unha zona de matorrais, había moita silva, moito toxo, estaba bastante boscosa. O que houbo que facer foi un acondicionamento previo, desbrozar todo, remover a terra, e unha vez que a terra estaba osixenada, plantouse de forma sectorizada. Tamén se fixo un gran traballo perimetrando e cerrando a finca con postes e con telas para protexela de animais como o corzo ou o xabarín, que poderían entrar a comer os froitos”. “Ademais, creamos pistas, sempre respectando a orografía do terreo. En definitiva, o que buscamos é colaborar co medio ambiente e coa agricultura, poñer en valor as aldeas e montes abandonados… Limpar, facer cortalumes, traballar de forma totalmente natural”, sinala Daniel. As maceiras están nos primeiros anos de produción. Ouro de Feás: Mazás á carta Os impulsores da plantación de maceiras, Manuel e Sergio, decidiron plantar 11 das variedades de mazá máis demandadas no mercado nacional, que son: Madiedo y Amariega (amargas), Raxao, Regona y Durona de tresali (ácidas), De la Riega, Carrió y Collaos (semiácida), Verdialona y Paragües (dulce), y Florida y Carrió (mixtas). Fixérono de forma sectorizada, para poder ter un control total e poder servir as variedades específicas que busque cada cliente. O manexo límitase a abono orgánico ecolóxico, desbrozado e poda. A plantación está inscrita no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega. O proxecto está aínda nas súas primeiras fases, pero en canto ao mercado da mazá, Manuel asegura que, polo que escoita no sector, o prezo ao que se paga o kilo de mazás en Galicia “a penas cubre gastos de produción”. “Resulta moi complexo facer unha estimación da produción, pois ata dentro de 2-3 anos non teremos suficiente produción como para poder comercializar a mazá, pero cada maceira pode dar entre 200 e 60 kg, dependendo de varios factores, como a vecería, que é a tendencia a dar unha produción máis pobre nos anos pares. É moi complexo de contrarrestar, pero pódese facer algo con certos sistemas de poda e abonado que pretendemos implantar aquí”, aclara Manuel. Outra mellora chegará das colmeas colocadas por Daniel no monte, que contribuirán a unha mellor polinización: “As mazás acadan un maior tamaño, pel máis crocante, cor máis intensa, conservan o seu punto de acidez mellor e teñen alto índice de azúcar, podendo aumentar a produción entre un 5 e 15%”. “Todo isto débese tanto ao beneficio que lles aporta a polinización das abellas como ás características da finca, orientada ao sur e co norte tapado, protexida de temporais e totalmente exposta ao sol, a 600 metros de altura e con notables oscilacións térmicas. A polinización das abellas e as características da finca outórganlle ás mazás unha calidade excepcional”, destaca Daniel. Mel da Alborada: mel de calidade e variedade de productos Respecto ao mel e ás abellas, o que se consegue na plantación de maceiras é un crecemento temperá dos enxamios e a posibilidade de obter un mel monofloral, que o propio apicultor recoñece que será dificil, pois trátase dunha finca rodeada dunha gran variedade de fontes de mel, como a silva, castiñeiro, carballo, carrasco… Trátase dunha “paraxe virxe” que facilita a produción dun mel de calidade. De cara ó futuro, valoran crear un selo relacionado coa zona de Boborás e tamén incorporarse á IXP Mel de Galicia, cunha liña de produción ecolóxica e outra convencional. En canto ás variedades de mel que traballan, a idea é dirixirse cara o mel de sabor máis forte, que sería o mel de castiñeiro e o de carrasco, ben en meles monoflorais ou multiflorais. Nas últimas análises que fixeron do mel, o resultado foi un 78% de castiñeiro, excepto un colmear que teñen apartado a modo experimental, que saiu un 70% de carrasco. Ademais do mel, tamén comercializan outros produtos primarios das colmeas como a tintura de propóleo, os propios panais de cera, o pole seco, así como licores e botes nos que combinan o mel con froitos secos da zona: noces, améndoas e castañas. Daniel pensa que colocar o mel a nivel nacional resulta máis complexo que a nivel autonómico ou internacional. Asegura que en Francia, Suiza ou Alemaña, por exemplo, valórase moito o mel galego e o prezo pode triplicar o que se paga en España. Na súa opinión, deberíase estandarizar un mínimo de 10 euros polo bote de kilo de mel, menos diso pensa que non compensa para o apicultor. Daniel explica que “o noso obxectivo é ir medrando pouco a pouco e chegar a ter unha produción de miles de kilos.A idea é expandir os nosos produtos a nivel internacional. Para isto, interesaríanos crear un selo de garantía da nosa zona (Boborás), ademáis de levar a etiqueta da IXP Mel de Galicia. Coas mazás a filosofía é a mesma”. Loita biolóxica con aves Nesta zona xa había aves,pero colocando caixas, os produtores favorecen o seu aniñamento na finca. Esta idea sacárona dalgunhas plantacións profesionais que visitaron e nas que viron que facían isto para combater certas plagas. “Contra o pulgón e o verme o único control é o biolóxico, as mariquiñas, os paxaros… Realmente ainda non tivemos ningunha plaga significativa, só pequenos casos illados, pero o que está claro é que nos interesa que se autorregule o medio e intervir o menos posible” recalca Manuel. A velutina é outro dos graves problemas ós que se enfrontan de cara ó futuro. Caixa niño nunha árbore. Plan de traballo “O traballo de campo na colmea queremos seguir facéndoo igual, como se fixo toda a vida, con afumador, con pinzas… traballar sempre de xeito natural coas colmeas. Despois, no proceso de extracción si que valoramos mecanizar porque é moito máis rapido desopercular a máquina que a man. Ese sería o único proceso que poderíamos chegar a mecaniza” conclúe Daniel. Pola súa banda, Manuel declara que “actualmente as maceiras son moi pequenas e podemos facer todos os procesos nós mesmos coas nosas propias mans, planta por planta, tanto abonado como poda. Co tempo, cando as maceiras medren, será inevitable mecanizar estes procesos e outros”. Ademais, tamén teremos que contratar a xente para que nos axude no mantemento da finca, e iso nos pon frente a outro dos grandes problemas no rural actualmente: a falta de man de obra. Tamén será necesario instalar unha estación meteorolóxica para poder rexistrar os datos de forma seria e un sistema de rego automático centralizado. Son grandes investimentos, pero necesarios”.

Arzúa acolle esta fin de semana a Mostra Galega de Apicultura

Este sábado día 3 de xuño celebrarase en Arzúa a 38ª Mostra Galega de Apicultura. A actividade terá lugar no local da sede de AGA en Arzúa (xestión administrativa e recollida de material do Plan apícola) e no local da Polbeira de Santa María (conferencias e asemblea). Nos arredores do Centro de Divulgación do Queixo e do Mel estarán os postos dos comerciantes e provedores de material e produtos apícolas. As persoas asistentes poden aproveitar este día para recoller a parte do material do Plan Apícola que teñan solicitado. A asociación lembra que este material (alimento, cera, fondos…) debe estar retirado antes do día 1 de xullo, por seguimento de AGA e operatividade das casas comerciais provedoras. Esta Mostra xira arredor de dous temas de actualidade para os apicultores e as apicultoras, tal como é o papel do cambio climático na apicultura actual e as derivas do mel no mercado galego, español, europeo e mundial, tanto na súa comercialización por xunto coma polo miúdo. Desde o punto de vista técnico, abordaranse innovacións para protexer as colonias de abellas da vespa velutina. E desde a profesión abelleira explicaranse as axudas da PAC 2023 para a apicultura. Dado que na pasada convocatoria do Día do Apicultor que se realizou o 4 de febreiro non se puido realizar a asemblea xeral anual deste ano 2023, por causa de non haber quórum suficiente para o seu desenvolvemento conforme os Estatutos de AGA (artigo 29), como esta é unha data propicia para poder convocar as socias e os socios da Asociación Galega de Apicultura, convócase a Asemblea Xeral ordinaria para este sábado día 3 de xuño.   PROGRAMA DA 38ª MOSTRA GALEGA DE APICULTURA 10.00 h: Conferencia: O cambio climático e a práctica da apicultura, por Etienne Bruneau, do CARI-Centro Apícola de Investigación e Información, Bélxica. 11.30 h: Asemblea xeral de AGA. 14.00 h: Xantar abelleiro na polbeira de Santa María. 16.00 h: Mesa redonda sobre O proxecto da nova directiva europea e as medidas que se deben tomar para limitar a adulteración do mel, coordinado por Etienne Bruneau, presidente do Grupo de Traballo «Mel» do Copa e Coxeca. 17.30 h: Presentación: O módulo protector de canalización con aleiróns eléctricos, por José María Serpa, inventor e investigador, xerente da empresa SERPA. 18.00 h: Axudas da PAC 2023, por unha entidade de asesoramento colaboradora de AGA.

Aprobados máis de 1,3 millóns de euros en axudas para a produción e comercialización de produtos apícolas

O Consello da Xunta aprobou este xoves as axudas destinadas á mellora das condicións xerais para a produción e comercialización de produtos apícolas. As axudas enmárcanse dentro do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC) e buscan protexer a biodiversidade, mellorar a posición dos produtores e modernizar o sector. Os apoios convocaranse proximamente a través do Diario Oficial de Galicia. O total das axudas é de 1.323.229,98€ coa previsión dunha ampliación orzamentaria de 100.000€ con base na repartición sectorial entre todas as comunidades autónomas que se vén de aprobar. Haberá cinco liñas de intervención. A primeira será para servizos, asesoramento, mellora de prácticas, colaboración entre apicultores, contratación de persoal técnico e administrativo. Tamén se poden destinar a organizar cursos, xornadas e publicacións sobre o sector. A segunda liña está destinada á loita contra enfermidades, invasores como a avespa velutina e a varroose. Tamén se cobren danos por adversidades climáticas, fomento de novas prácticas de xestión e repoboación de colmeas e racionalizar a transhumancia. A terceira liña quere prestar axuda a laboratorios de análise para produtos apícolas, o estudo sobre perda de abellas e caídas na produtividade. Poderán financiarse contratacións de máis servizos de análise, mercar material de laboratorio e outras matrices de colmeas para a detección de praguicidas. Dentro da cuarta liña, inclúense aquelas accións de promoción, comunicación e comercialización dos produtos. Ademais, poderanse contratar estudos de viabilidade e de mercado así como creación de proxectos piloto innovadores e presentar novas formas de consumo para o mel. A quinta liña recolle actuacións de cara a mellora da calidade dos produtos mediante promoción, creación e mantemento. Incluiranse, se é necesario, os gastos de certificación e seguimento da cadea de calidade, entre outros puntos. As persoas beneficiarias poderán ser titulares de explotacións apícolas, mesmo titularidade compartida e agrupación de apicultores. Para o acceso ás achegas, os solicitantes deberán ter realizado actividades apícolas con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano de presentación de solicitude e ter titularidade individual de 15 colmeas ou 50 colmeas en caso de facer transhumancia. As agrupacións de apicultores deberán ter mínimo 1.500 colmeas. Estas axudas súmanse ás publicadas recentemente para o período estendido do Programa nacional apícola 2020-2022, é dicir, desde o 1 de agosto ao 31 de decembro do ano 2022, que contaron cunha dotación orzamentaria de 80.000 euros. Importancia do sector Desde a Xunta lembran que a apicultura xoga un papel fundamental na conservación da biodiversidade dos hábitats e na sustentabilidade da economía, polo seu labor de polinización dos cultivos. A Comisión Europea considera que as abellas contribúen anualmente con 22.000 millóns de euros á agricultura europea. Desde o goberno autonómico foise aumentando a contía das axudas até chegar o pasado a máis de 2.000 explotacións beneficiarias con case 190.000 colmeas, o dobre que o acadado sete anos antes. Galicia conta coa indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia. Segundo os datos de 2021, na nosa comunidade comercializáronse case 230 toneladas de produto amparado por este selo cun valor estimado de case 2 millóns de euros.

Curso de iniciación á apicultura en San Sadurniño

A área de Desenvolvemento local de San Sadurniño subscribe todos os anos un convenio de colaboración coa Casa do Mel de Goente que contempla o mantemento do colmear didáctico da Cortiña e a impartición de cursos sectoriais, como o que se vai desenvolver os días 7, 12, 13 e 14 de maio. A acción formativa centrarase na iniciación á apicultura e tocarao practicamente todo, desde o coidado e mantemento das colonias de abella até a colleita do mel e doutros produtos da colmea. Para participar neste curso farán falla un mínimo de 10 inscricións e como tope fixouse a cifra de 25 participantes. O último día para apuntarse é o 26 de abril mandándolle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou chamando ao 616 332 919 en horario de mañá de luns a venres. O curso é totalmente gratuíto para a veciñanza empadroada en San Sadurniño e para as persoas asociadas á Casa do Mel, mentres que o resto de participantes deberán pagar o primeiro día unha matrícula de 45€. As sesións están programadas para o domingo 7 de maio entre as 9:00 e as 14:00h, o venres 12 de 16:30 a 21:30h e o sábado 13 e domingo 14 de maio de 9:00h a 14:00h. As tres primeiras clases desenvolveranse na Casa da Cultura, mentres que a do último día trasladarase á Casa do Mel de Goente. O curso está orientado a persoas que queiran empezar a pastorear abellas ou que teñan certo interese no mundo apícola, aínda que tamén será moi interesante para quen teña xa certa experiencia e queira seguir aprendendo. Neste sentido, os contidos irán desde unha introdución xenérica sobre a bioloxía dos enxames, a figura da persoa apicultora e o funcionamento das colmeas, ata cuestións máis técnicas que se irán abordando paso a paso, combinando a teoría e a práctica no espazo didáctico da Cortiña. Algúns dos temas tratados serán a instalación do apiario, a flora máis axeitada para a produción de mel -as diferenzas de cor e sabor segundo o tipo de alimentación- e as prácticas de reprodución dos enxames. Tamén se facilitará información sobre a saúde das abellas e, principalmente, sobre como protexelas da avespa asiática e de fungos e parasitos que poden decimar a súa poboación. O último día, o domingo 14, a formación trasladarase ás instalacións da Casa do Mel, en Goente, onde se poderán ver os produtos principais e subprodutos que se extraen da colmea, como por exemplo o mel, o pole, a própole, a xelea ou a cera. O persoal deste centro dedicado integramente á difusión da cultura apícola explicará, ademais, os procesos de colleita, de envasado e de comercialización de cada produto.
Tamén se facilitará información sobre a saúde das abellas e sobre como protexelas da avespa asiática e de fungos e parasitos que poden decimar a súa poboación
O curso de iniciación á apicultura encádrase no convenio que veñen asinando nos últimos anos o Concello e a Casa do Mel, coa finalidade de mellorar a capacitación de todas aquelas persoas interesadas no mundo das abellas e continuar promovendo a cultura apícola, que ademais de ser fundamental para o ambiente tamén ofrece interesantes oportunidades económicas e de emprego. Ofértanse un máximo de 25 prazas, que serán gratuítas para veciñanza empadroada en San Sadurniño e persoas socias da Casa do Mel (o resto de participantes, 45€). Para que a actividade vaia adiante farán falla un mínimo de 10 inscricións. Hai que anotarse no 616 332 919 chamando en horario de mañá ou enviar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal indicando no corpo do asunto "Inscrición curso de apicultura" e achegando os datos persoais e de contacto. O último día é o mércores 26 de abril. Venres 5 de maio, 19:00h: Métodos de loita contra a avespa asiática Cómpre recordar que o programa Apostando polo sector primario tamén abordará, unha vez máis, o problema da vespa velutina nigrithorax. A praga xa está asentada no territorio e, á espera dun método de loita baseado en feromonas, nestes momentos o único método efectivo para conter o seu avance son os trampeos na primavera e a comezos do inverno, así como a localización e destrución de niños primarios. A estratexia de combate debe combinarse con medidas de protección das colmeas, entre as que se encontran as arpas eléctricas, as trampas con atraentes ou a busca, cada vez máis difícil, de lugares para instalar as alvarizas que teñan unha baixa incidencia da praga. Estas serán algunhas das cuestións que se tratarán na Casa da Xuventude o venres 5 de maio ás 19:00h, nunha charla gratuíta e con entrada libre ofrecida tamén pola Asociación Casa do Mel.

“Esta é a crise máis forte do sector apícola desde sempre”

O sector apícola en Galicia está pasando por grandes dificultades motivadas pola maior presenza das pragas e o aumento dos custos de produción, que están levando a unha venda a perdas. Ante esta situación, Unións Agrarias demanda unha serie de medidas e alenta aos produtores a sumarse á próxima manifestación do día 9 deste mes en Madrid. Causas “Hai unha problemática que queremos trasladar: unha caída de produción en todo o territorio de en torno do 50% nos últimos anos, acompañada dun incremento moi marcado dos custes de produción froito da subida de tódolos inputs das explotacións. Deste xeito, o prezo medio do mel, que ronda os 3,5 euros nunha explotación profesional, non chega a cubrir os custos de produción”, critica o secretario de coordinación sectorial de Unións Agrarias, Félix Porto. “Rexistramos unha suba de prezos absolutamente histórica de todos os bens relacionados co envasado do produto, é dicir, vidro, cartón, papel para etiquetaxe, tapas, etc., case duplicaron o seu prezo, e isto ten que poñer enriba da mesa as dificultades actuais do sector. Neste sentido, hai que facer especial referencia ao prezo final que se lle paga ao apicultor, posto que é un prezo insuficiente para manter unha explotación apícola profesional porque non cobren os custos de produción”, sinalou o responsable do sector apícola en Unións Agrarias, Roi Rigueira.
“Rexistramos unha subida de prezos absolutamente histórica de todos os bens relacionados co envasado do produto” (Roi Rigueira)
Baixada da produción A caída da produción achácana principalmente ao cambio climático: “as olas de calor continuas e as temperaturas extremas, acompañados de problemas sanitarios nos enxames, como a varroa, ou a presenza de depredadores como a velutina”, apunta Porto. Ademais, a incidencia de incendios forestais está dando lugar á falta de alimento para as abellas nalgunhas comarcas, cuestión que leva á necesidade de desprazar as colmeas. Pola súa parte, Rigueira recalcou que “nos últimos 5 anos produciuse un incremento do 30% tanto no número de explotacións profesionais como no incremento de colmeas, pero nestes momentos hai certas problemáticas que dificultan a actividade, especialmente o tema da varroa, que non depende completamente do manexo do apicultor, senón que tamén existen causas externas na proliferación da praga”. Peticións “Necesitamos que se actúe desde o Ministerio de Agricultura para poñer en marcha o mecanismo da Agencia de Inspección y Controla Alimentario (Aica) e inspeccionar as irregularidades que se están producindo na comercialización de mel no noso país e que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria para non producir a perdas”, reclamou Portos. A situación vese agravada pola importación de mel orixinario de China, Turquía ou Arxentina, que é cada vez máis común nos puntos de venda. “Isto é en parte froito dun etiquetado deficiente posto que no produto final cómpre engadir máis información sobre o produto. Esta é unha das causas que está conducindo a unha caída dos prezos aquí en España, polo que é urxente tomar medidas”, denunciou o secretario. “É necesario que as autoridades competentes, tanto o Ministerio como as correspondentes da Comunidade Autónoma tomen medidas ao respecto. Fai falta facer un cambio no Plan de Desenvolvemento Rural a nivel autonómico para inxectar cartos e así compensar os baixos prezos do mel. Tamén é preciso garantir unha correcta etiquetaxe, para que o consumidor teña coñecemento do mel que está mercando e da súa procedencia. Ao respecto, as cadeas de distribución tamén teñen que ser partícipes da non destrución de postos de traballo do sector”, avanza Félix Porto. Ademais, reclamou un maior control das importacións de mel e unha posta en marcha dun plan de acción contra a varroa, “un dos grandes problemas que temos, e en definitiva, poñer en valor o papel medioambiental da apicultura”, sinalou. Con estas problemáticas referenciadas “animamos a todos os apicultores e asociacións agrarias a que se unan á manifestación do vindeiro día 9 en Madrid”, engadiu.

O sector apícola reclama axudas directas e maior control sobre a importación de meles

O apicultor e membro da executiva do Sindicato Labrego, Brais Álvarez, e o coordinador da Área de Apicultura da entidade, Diego Sánchez Agra, presentaron esta mañá en rolda de prensa unha batería de demandas urxentes que o sector apícola galego trasladou ás Consellarías do Medio Rural e Medioambiente, así como á Delegación do Goberno. En primeiro lugar Agra e Álvarez salientaron a necesidade de que, ao igual que se outorgaron a outros sectores para paliar os efectos da guerra de Ucraína, as administracións públicas activen axudas directas por colmea ó sector apícola profesional. “Estas axudas directas contriburían a compensar parcialmente o sobrecoste de mantemento das colonias de abellas e a perda de produción, nun contexto de grave crise de mercado”, explicou o coordinador da área de apicultura no SLG. Demanda un importe de axuda de 10 €/colmea para o total de colmeas censadas no REGA a data 1 de xaneiro del 2022 e xestionadas por ATP, cun límite de axuda por explotación de 1.000 colmeas. Tendo en conta que nas granxas apícolas, tanto nos apiarios fixos como nos transhumantes, o combustible é un dos custes de produción que condicionan en gran medida a viabilidade dos proxectos, demandan a inclusión dos apicultores profesionais entre os sectores aos que se prorroga en 2023 a axuda de 20 céntimos por litro de combustible. Tamén reclamaron reducir a carga burocrática das ganderías, que condiciona a actividade profesional. “O MAPA debe atender con flexibilidade ás particularidades do sector na futura aplicación dos reais decretos de trazabilidade, identificación e rexistro de determinadas especies animais, así como de veterinario de explotación e plan sanitario integral. Estas esixencias, que pretenden unicamente facilitar o traballo da Administración, non aportarán ningunha mellora ás granxas apícolas e ás persoas consumidoras, mentres que prexudicarán enormemente ás granxas apícolas familiares e profesionais”, advertiu Agra. O apicultor e membro da Executiva Nacional do SLG, Brais Álvarez, abordou as preocupacións que no sector está a suscitar a entrada de meles de distintas calidades, e en ocasións de procedencia non transparente: “No momento de maior nivel de importacións de baixa calidade da serie histórica é imprescindible que os gobernos mostren a súa determinación de cara a facilitar información transparente ós consumidores sobre a orixe dos produtos apícolas que consumen”, reivindica. Dende o SLG apuntan que debe aproveitarse a próxima Presidencia española do Consello da Unión Europea para liderar a nivel europeo a modificación da Directiva do Mel e do Código Aduaneiro da Unión, co obxectivo de que a verdadeira orixe dos meles comercializados no Estado español se reflicta correctamente na súa etiquetaxe: “Esiximos un maior control da calidade dos meles importados, así como das posibles adulteracións e do mel envasado no mercado”, insistiu Álvarez. As demandas do sector apícola pasan tamén por esixir unha Política Agraria Común (PAC) na que poidan ter cabida os apicultores, por exemplo habilitando pagos asociados por número de colmeas, igual que se fai con outras especies gandeiras, así como establecer ecoesquemas para esta actividade agraria e non restrinxir as axudas do primeiro piar só á declaración de superficies, que non ten sentido na actividade das abellas. Ademais, dadas as circunstancias de afectación da Vespa velutina nos apiarios e os efectos do cambio climático, mesmo os abelleiros que non practican transhumancia vense na obriga de mover colmeas entre os distintos apiarios estantes, polo que dende o SLG reclaman que os compromisos de mantemento do número de colmeas declaradas para as axudas de agroambientais do segundo piar, poidan cumprirse no cómputo xeral dos apiarios dunha mesma persoa apicultora e non en cada un deles.

Campaña contra a vespa velutina

Ante o grave problema que está supoñer o avance e expansión da Vespa velutina en Galicia, non só para as colmeas, se non tamén para as producións de froita e viño, o apicultor Brais Álvarez criticou a deixadez por parte da Administración. Apuntan que o control do tártago asiático pasa pola elaboración dun Plan de Loita como Especie Exótica Invasora, coa implicación e coordinación de distintas áreas dos gobernos de Galicia e do estado español. De feito, con este obxectivo e na procura dunha maior implicación política nesta problemática, o coordinador do sector apícola, Sánchez Agra, anunciou o inicio dunha campaña conxunta dos distintos sectores afectados para reclamar unha loita real por parte das administracións.

Claves para realizar un bo manexo do apiario no inverno e o comezo da primavera

O coidado que se fai das colmeas durante o inverno e o comezo da primavera pode resultar vital para a evolución desta durante a tempada, tanto sexa para a produción de mel coma doutros produtos da colmea e mesmo para a propia supervivencia da colmea. O francés Gilles Fert, un experimentado apicultor especializado na cría de raíñas, que participou na segunda edición da Feira Internacional de Apicultura de Lalín (Pontevedra) celebrada a finais de xaneiro, comparte un decálogo de factores ós que prestar atención tanto nos meses do inverno coma nas primeiras revisións da primavera.

1_ Manter controlado o alimento dispoñible na colmea

Para Gilles Fert é fundamental deixar a colmea con reservas abondo para pasar o inverno. “Ó remate da tempada apícola hai que deixarlle ás abellas suficiente mel e polen para que poidan pasar o inverno e complementalo con outros alimentos como o azucre”, apunta o apicultor. Durante o outono e o inverno e co obxectivo de que a colmea non pase fame, o que pode provocar que chegue a morrer, Fert apunta que se poden empregar alimentos sólidos para complementar as reservas de mel e polen que se lle deixaron trala cata. Mentres, o aporte líquido, a base de agua e azucre é para estimular a cría. Ademais, o apicultor non adoita mesturar proteínas no alimento líquido para evitar o risco de fermentación.

Emprego de básculas

Para manter controladas as reservas de alimento das colmeas, no seu apiario Fert dispón de básculas electrónicas que lle permiten coñecer a distancia as variacións de peso da colmea, o que lle alerta sobre a necesidade de proporcionarlle máis alimento ou de colocar alzas cando comezan a xuntar mel.

2_ Protexer as colmeas do frío

Fert presta especial coidado a manter ben illadas as colmeas para protexelas en especial do frío do inverno, aínda que algunhas destas proteccións tamén lles permiten mitigar a calor no verán. Así, no outono o apicultor opta por colocar chapas illantes no interior daquelas colmeas con menor número de abellas, de xeito que se reduce o espazo nos meses máis fríos. “Unha colmea que ten 5 ou máis cadros baleiros, vai gastar moito alimento para manter a temperatura no interior”, apunta. Por iso, emprega particións para reducir o volume.
Arredor dun 60% do calor pérdese polo teito da colmea por iso é importante que teña un bo illante nesta parte
“Cómpre ter en conta tamén o teito, xa que arredor dun 60% do calor pérdese polo teito da colmea”, explica. Por iso, emprega teitos recubertos na parte interna con material illante, que lle permite reter o calor no inverno e tamén lle serve no verán contra as altas temperaturas. Deste xeito logra reducir os esforzos das abellas para mitigar as variacións térmicas. A retirada destes elementos illantes colocados no interior da colmea, realízao xa nos meses de febreiro e marzo, posto que tamén comeza nesta época co trasfego dos núcleos ás colmeas. Só deixa os illantes situados nos teitos, xa que lle permiten mitigar tamén o calor no verán.

3_ Estimular a cría

Fert, que está especializado na cría de raíñas, tamén adoita realizar prácticas para fomentar a extensión da cría na colmea. Para logralo, nos seus apiarios procede a romper algunha cría operculada e ó mesmo tempo proporciónalle ás abellas unha pasta proteica e xarope líquido cunha proporción igual de agua que de azucre, para que comecen a repoñer a cría. “Este procedemento pódese realizar xa a comezos de ano, aínda que haxa baixas temperaturas, posto que as abellas, ó igual que os paxaros, detectan o crecemento dos días e estanse xa preparando para a tempada”, apunta.

4_ Control de infestación de varroa

O apicultor coincide con outros expertos en sinalar que a varroa é hoxe o maior problema das abellas, polo que é moi necesario manter unha supervisión do grao de afección desta enfermidade para actuar a tempo. “O obxectivo é ter unha taxa de menos dunha varroa por 100 abellas”, detalla. Porén, en función da época do ano, a variación de varroa tamén se debe ter en conta para proceder a aplicar un tratamento. Así, recoméndase tratar se se detectan: - 2 varroas por 100 abellas na primavera - 3 varroas por 100 abellas no comezo do verán - 10,5 varroas por 100 abellas no outono - 3 varroas por 100 abellas despois do tratamento antivarroa que se aplica ó final da campaña. Entre os métodos para detectar a presenza de varroa atópanse os test realizados con azucre moído ou CO2. En ambos casos captúranse abellas e logo de esparexerlle o azucre ou adormecelas co gas procédese a un reconto das varroas que se desprenden do seu corpo. Tamén se pode optar por empregar fondos sanitarios e realizar recontos das varroas que se desprenden das abellas de xeito natural nun período de 24 horas. Con este procedemento, Fert recomenda aplicar tratamento cando se localizan máis de 3 varroas.

5_ Revisar outras posibles enfermidades da colmea

Coa chegada da primavera é tempo tamén para realizar unha revisión da colmea para detectar outros posibles problemas, como a aparición de loque, considerada a segunda enfermidade máis importante para as colmeas. Se se trata de loque americana, para a que a abella negra ten certa resistencia, Fert apunta que a única solución pasa por destruír os cadros afectados para evitar o contaxio. Mentres, se se detectan síntomas de loque europea pode ser un indicador dunha carencia de proteína na dieta das abellas, o que pode atallarse cun aporte ou coa chegada da primavera cando as abellas comecen a poder acceder a maior cantidade de proteína. Polen de abella.

6_ A xestión do polen

Para Fert a mellor maneira de proporcionar proteína á abellas é co pan de abella, elaborado polas abellas con polen, mel e diversas enzimas proporcionadas por elas. “O polen é o alimento fundamental para ter colmeas sas”, afirma o abelleiro. Tanto no caso da pasta proteica como o pan de abella deben colocarse próximas á cría, encima dos cadros, xa que pode que non a coman por estar lonxe desa zona.
Utiliza polen fresco para suplementar a alimentación das abellas, xa que o polen seco perde arrededor do 40% do seu valor nutritivo
Para a elaboración da pasta proteica, o abelleiro emprega polen fresco que mantén conxelado, xa que deste xeito mantéñense as propiedades deste, mentres que se o polen se seca pérdese arredor do 40% do seu valor nutritivo. Para incrementar o aporte de proteína mestura o polen con fermento de cervexa e fariña de soia. Recomenda proporcionar unha galleta proteica de entre 150 e 200 gramos por colmea. Ademais, aposta por un polen de calidade e diverso, xa que se procede de diferentes plantas tamén lle proporciona un aporte de diferentes nutrientes á abella. “As proteínas son un alimento esencial para o sistema inmunolóxico das abellas”, sinala o abelleiro. A falta de polen provoca abellas máis pequenas e crías irregulares, chegando a producirse canibalismo sobre os machos, a cría destes ou as larvas de abellas.

7_ Dispoñer de cera de calidade

Prestar atención á cera que se lle proporciona ás colmeas, procurando que sexa de calidade, é outra das prioridades para o apicultor. A renovación da cera que se fai tanto á saída do inverno no núcleo de cría como na colocación de alzas debe facerse con cera de calidade. “Se se detectan irregularidades nos panais pode deberse a que existen restos contaminantes ou a cera é de baixa calidade”, apunta. Por iso, o abelleiro recomenda pechar o círculo da cera reciclando a cera de opérculo das colmeas propias e facer as láminas con ela.

8_ Proporcionar auga limpa

O inverno e o comezo da primavera é tamén o momento para preparar un punto de auga limpa para as abellas. Cómpre ter presente que unha colmea consume arredor duns 40 litros de auga por colleita. “Ter dispoñible un pozo de agua ó comezo da tempada contribúe a reducir a mortalidade das abellas”, apunta o experto abelleiro.
“Ter dispoñible un pozo de agua ó comezo da tempada contribúe a reducir a mortalidade das abellas”
Fert recomenda que este punto de agua estea próximo ó apiario, pero non apegado ás colmeas. En concreto, eles sitúanos a uns 60 metros de distancia e teñen comprobado que esta distancia é a que mellores resultados lles proporciona. Adoitan colocar un bidón con auga e un dosificador, de xeito que a auga se vai renovando e evitan que outra fauna acabe por bañarse alí e destruílo. Ademais, proporciónanlle un aporte de sal nesta auga. Así, engaden 0,5 gramos de sal por cada litro de auga.

9_ Prepararse para combater a vespa velutina

Tanto no inverno coa elaboración de trampas e dispositivos, como co comezo da tempada coa colocación de trampas para capturar raíñas, tamén é preciso prepararse para tentar reducir a incidencia da vespa velutina sobre os apiarios.

10_ Procesado dos propóleos

Durante os meses de inverno Fert aproveita a baixada de actividade das colmeas para acometer outros labores como recolección dos propóleos que xa retirou da colmea a finais da tempada e que mantén conxelados para garantir a súa conservación. Así, durante o inverno proceden ó raspado dos panais de recolección. “Os propóleos teñen moita demanda en Francia”, valora o apicultor. Nesta época tamén procede á selección das colmeas con maior produción, escollendo aquelas nas que logran arredor de 350 gramos de propóleo por colmea.

Lalín celebrará a segunda edición da Feira Internacional de Apicultura o 28 e 29 de xaneiro

O concello pontevedrés de Lalín acollerá a finais deste mes a segunda edición de Alvariza, Feira Internacional de Apicultura. Celebrarase os días 28 e 29 baixo a Carpa do Cocido, que se instalará no Campo da Feira Vello do municipio, para acoller ó longo destes meses tanto este evento como os organizados arredor da Feira do Cocido. A cita apícola contará con 57 expositores, 11 máis que na primeira edición e consolídase así como un referente autonómico. Estarán presentes as principais asociacións apícolas de Galicia, que representan case ó 90% dos apicultores galegos. Ademais haberá produtores, empresas e especialistas procedentes doutras zonas de España, así como de Austria, Francia ou Macedonia. Como apuntou durante a presentación o organizador do evento, o apicultor lalinense David Liñares, a cita busca ser un atractivo para tódolos públicos. Ofrecerá actividades de interese tanto para apicultores experimentados, así como para aqueles abelleiros que comezan a achegarse ó sector e para un público xeral que poida coñecer e degustar produtos de mel, así como para os máis cativos. A feira contará con actividades o sábado 28 dende as 10.00 ata as 14.00 horas e entre as 16.00 e as 20.30 horas. O domingo a cita será só en quenda de mañá, entre as 10.00 e as 15.00 horas.

Relatorios apícolas

Aínda que por agora non se fixo público o programa definido de actividades, dende a organización xa confirmaron a participación de importantes referentes no mundo da apicultura. O sábado contarán cunha destacada investigadora que abordará a flora apícola. Ó longo da mañá o especialista francés Gilles Fert tratará temas como o manexo das colmeas na saída do inverno e durante a primavera. Pola tarde, o experto tamén abordará a importancia de traballar coa abella autóctona, así como as características a potenciar e seleccionar destas abellas, na procura dunhas colmeas con mellores rendementos. Na xornada do sábado tamén contarán co técnico macedonio Aleksandar Uzunov, especializado na selección xenética de abella negra e outra razas, que abordará en Lalín os caracteres herdados e selecionables nas abellas. O domingo, a IXP Mel de Galicia abordará as características da Indicación Xeográfica. Haberá un relatorio sobre a varroa, unha das principais enfermidades das abellas. Trataranse ademais as claves sobre alimentación apícola. Durante a fin de semana, o programa completarase con demostracións sobre o proceso produtivo do mel e exhibicións de equipamentos por parte de varias empresas.

Degustacións de mel e visita a alvarizas

O programa da Feira incluirá degustacións, catas de mel e exhibición de produtos elaborados con mel como cervexas, licores ou mesmo vinagre. Ó longo das dúas xornadas haberá demostracións culinarias que inclúen mel nas súas elaboracións e catas guiadas pola IXP Mel de Galicia, para coñecer os distintos tipos de mel producidos en Galicia. Ademais, dispoñerán dun espazo de cata libre chamado Recantos de Galicia, onde os asistentes poderán degustar diferentes meles galegas e maridaxes de queixos das principais queixerías da comarca do Deza. A cita incluirá ademais obradoiros para os cativos. Como na primeira edición realizarase unha ruta para visitar as alvarizas, apiarios pechados con lousas para protexer as colmeas dos ataques da fauna salvaxe e que se conservan no municipio, entre as que destacan as conservadas na Serra do Candán. Trala boa acollida da primeira edición, neste segundo ano a Feira busca seguir consolidándose como un referente, como sinalaron tanto o alcalde do Concello, José Crespo, como os edís Avelino Souto e Begoña Blanco durante a presentación, ó tempo que aseguraron o apoio do Concello de Lalín ó proxecto.