Archives

“Queremos multiplicar por catro a produción ecolóxica e apoiar os ciclos curtos de consumo”

O desenvolvemento sostible é o piar de traballo do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Mariñas – Betanzos, que involucra nese obxectivo común ós principais sectores da comarca, o agroalimentario e o turístico. De cara ó periodo 2023-2027, o GDR, xestor do plan Leader no seu territorio, está a deseñar unha estratexia que aposta por cuestións como a agricultura ecolóxica, os ecocomedores escolares ou a conservación da biodiversidade. Tamén aspira a implicar ás comunidades de montes veciñais en proxectos medioambientais. Analizamos co xerente do Grupo, Jorge Blanco, as perspectivas para o novo periodo. Fainos unha pequena radiografía do GDR Mariñas-Betanzos Empezamos no territorio a traballar en desenvolvemento rural no ano 2003, cunha iniciativa PRODER 2, onde estaban só os concellos da comarca da Coruña. No ano 2008, este grupo das Mariñas coruñesas fusionouse co Grupo de Desenvolvemento Rural da Comarca de Betanzos, dando orixe ao GDR Mariñas-Betanzos, con 15 concellos que aglutinan a maior parte da cunca do Mandeo e a do Mero-Barcés.  Desde ahí estivemos traballando co plan Leader ata este período, e fomos seleccionados como GDR para o período 2023-2027, polo que agardamos seguir traballando coa Metodoloxía LEADER nos vindeiros anos. Actualmente, con novas entradas e saídas nestes anos, somos un total de 126 entidades asociadas ao GDR, con representación de todo tipo de colectivos, organizados en 10 mesas sectoriais -no eido do sector agrario, da xuventude, ambiental, Concellos, sector da pesca, institucións, etc., sendo unha verdadeira Mesa de Gobernanza do territorio. Como é a participación das entidades no GDR?. Que obxectivos vos marcades para o periodo 2023-2027? Sempre traballamos moito o tema da gobernanza e fortalecer esa forma de abordar problemas comúns e toma de decisións, para que pouco a pouco vaia enraizando no territorio, e que o proxecto sexa o máis amplo posible. Nestes momentos, abarcamos o desenvolvemento rural moi centrado no agro a través de iniciativas relacionadas coa produción e transformación, animando sempre á produción e transformación en ecolóxico, que será un dos piares da nova estratexia, pero tamén traballamos diversificación, modernización e innovación en todo o tecido produtivo.  Despois, tamén temos prestado un especial coidado a aspectos ambientais. Desde o ano 2013, propuxemos á Unesco que declare o noso territorio Reserva da Biosfera, e desde a Declaración no 2013 temos aliñada a nosa estratexia co programa MAB da Unesco, que plantexa aplicar unha estratexia de desenvolvemento sostible, en sentido amplo, incorporando coñecemento para unha mellor xestión do territorio.  Isto permitiunos reforzar toda a nosa parte ambiental, desde a conservación, a conectividade ecolóxica ou a biodiversidade. En paralelo, tamén fomentamos a creación de espazos naturais de interese local cos Concellos para ter unha rede máis potente de Espazos Protexidos.  Neste sentido, outro dos nosos piares é a Educación ambiental, mediante traballo coas escolas que facemos conxuntamente cos concellos. Hai que engadir que a Cooperación Leader é un aspecto clave, pois entendemos que o Grupo de Desenvolvemento Rural só non é capaz de acceder a todos os recursos necesarios para os proxectos recollidos na estratexia, e as alianzas con outros GDRs e territorios resulta unha ferramenta moi eficaz para tratar problemas e proxectos en común. Unha aposta fundamental na vosa actividade é o entorno e a sustentabilidade. Cómo vai seguir aportando o GDR á protección medioambiental e ao fomento de prácticas en ecolóxico? Pasamos dun período no que os aspectos ambientais se vían prácticamente “confinados” aos espazos naturais a outro no que queremos incorporalos de xeito transversal na xestión do territorio, no sector agrario, gandeiro, forestal, etc. Ademáis, os proxectos de mellora ambiental deben ser realmente de conservación, é dicir, que melloren a xestión do hábitat, do espazo, a eliminación de especies invasoras, ou de procurar a mellora de determinadas especies. Neste sentido, nós temos un valor engadido que son os nosos 20 anos de experiencia na xestión en contacto co territorio. Unha das cousas que aprendimos é que os “tempos da natureza” non se corresponden cos “tempos administrativos”, e sabemos que unha estratexia ten que ser a longo prazo, e na que o Grupo actúe como o facilitador de proxectos para que se poidan financiar desde outras entidades, Concellos, entidades ambientalistas, etc.  Outra das vosas prioridades está orientada ao agro. De que xeito ides apoiar ao sector no novo período? Imos traballar todo o que é mitigación e loita contra o cambio climático, aforro enerxético, xestión de residuos, xestión eficiente da auga, produción con enerxías alternativas, e no sector agrario, específicamente, mellora da biovidersidade e da conectividade ecolóxica. Isto todo é algo que queremos que permeabilice a todos os proxectos, imos impulsalo así nos criterios de selección, e logo, imos ter accións específicas co sector agrario.  Quizais para nós é un dos eixos de traballo máis potentes, todo o que é asumir a estratexia europea ‘Da granxa á mesa’ e a Estratexia da biodiversidade 2030, e nese marco procuraremos multiplicar por catro a nosa superficie e os nosos produtores en ecolóxico, avanzando cara a convertirnos nun Biodistrito. 
Os Eco-comedores escolares, que permiten achegarlle alimentos de proximidade e calidade ó estudantado, é unha iniciativa que se vai levar a máis Grupos de Desenvolvemento Rural
Pensamos que Leader nos vai permitir tanto apoiar a incorporación de novos activos como ampliar os que xa están producindo en ecolóxico ou os que se queiran meter na transición. Complementario a isto será o impulso á comercialización en ciclos curtos, interpretándoa coma unha das bazas a seguir tendo aquí ao lado unha cidade de 250.000 habitantes. Unha das liñas de traballo ao respecto é a de Eco-Comedores escolares, que temos agora en marcha, coa que pretendemos achegar produto local da zona aos mozos e mozas. Nesta iniciativa estamos colaborando con outros 10 Grupos de Desenvolvemento Rural para levar os Eco-Comedores a outras comarcas galegas. A innovación está cada vez máis presente en calquera ámbito productivo. A onde quere achegar o GDR coa innovación? Fundamentalmente queremos facer o impulso no sector agroalimentario, e para iso, temos en Galicia unha ferramenta que son os Grupos Operativos de Innovación agraria. Desde que se puxo en marcha esta ferramenta no período 2014-20, temos desenvolvido distintos proxectos de Grupos Operativos, o que permite unha conexión entre os centros de investigación e universidades co campo e co monte, para achegar información, novas formas de pensar e en definitiva, aportar eficiencia ao sector productivo. Como novidade, queremos comezar a traballar co sector forestal, un sector cunhas inercias distintas ao agrario, e cunhas lóxicas de produción diferentes. Neste caso, queremos mellorar a prestación de servizos ecosistémicos desde o ámbito forestal, mellorando a biodiversidade, a produción de outros subproductos, etc., e queremos que os Montes Veciñais en Mán Común sexan esas superficies piloto para a aplicación destas iniciativas. 
Os montes veciñais teñen capacidade para prestar servizos ecosistémicos, mellorando a biodiversidade. Faremos iniciativas piloto nesa liña
Isto representa un desafío porque o territorio forestal é moi diferente, moi plural e as comunidades teñen dinámicas propias, pero agora temos unha relación de maior confianza con elas, cuns obxectivos comúns, e iso, é o que permite o programa Leader, facer pequenos proxectos que poidamos apoiar desde o grupo, e traballar en rede con outros GDRs para amosar que os cambios se van facendo paso a paso. Ao respecto dos proxectos, como vai ser a distribución de fondos entre productivos e non productivos no novo período? Acorde á liña anterior, imos continuar mantendo maior porcentaxe de produtivos, cos límites que nos fixa Agader - 65% para productivos- porque consideramos que a parte da dinamización da economía é moi importante. Igualmente, tamén manteremos o complemento dos non-productivos, máis destinados á animación sociocultural. Cabe destacar que nós aquí desenvolvemos moita formación porque cremos que é unha fórmula excelente para animar un cambio de modelo, cambiar a forma de pensar, así como tecer alianzas con axentes locais. Cal foi o ton da formación no último período?. E por qué camiño vai seguir neste? Este ano, por exemplo, estivemos cun curso de produción de horta ecolóxica e froiteiras, porque é unha das demandas máis importantes que temos. Entón, os nosos cursos foron e irán por dúas vías: na liña agro -onde tamén somos Entidade de aconsellamento-, e polo apoio técnico aos produtores. Nestes últimos anos temos traballando moito o EcoTurismo, que xa ten unhas dinámicas de desenvolvemento moi positivas.  Temos unha Marca propia da Reserva de Biosfera, que utilizamos para os productos locais e os servizos de Ecoturismo, e que axuda a uniformizar e mellorar a comercialización destos productos, vinculándoos ao desenvolvemento deste territorio.  Neste sentido, a restauración da zona que se involucrou na Marca ten obriga de empregar produtos alimentarios de proximidade, o que xa de por sí é un circuito curto de alimentación.

Reducir a pegada ambiental das granxas, un dos retos da nova PAC

A nova Política Agraria Común (PAC) ten entre os seus obxectivos principais reducir a pegada ambiental das granxas, tanto no referente a emisións de gases de efecto invernadoiro como no relativo á conservación da biodiversidade. Falamos cun técnico e un gandeiro en ecolóxico sobre estas cuestións.

Xornada online sobre como converter o esterco avícola en enerxía térmica

Avienergy, un proxecto de innovación centrado na valorización dos estercos avícolas, celebrará o seu webinar de presentación o xoves 21 de abril, entre as 10.00h e as 12.00h a través de Zoom. Nestas xornadas daranse a coñecer máis detalles sobre os obxectivos da iniciativa, que busca que os estercos avícolas sexan utilizados como materia para a obtención dunha fonte de enerxía renovable e de fertilizantes para o solo. A asistencia require de inscrición mediante formulario en liña. Unha das motivacións para desenvolver o proxecto parte da problemática ambiental ao redor “dos residuos da pollinaza, a gallinaza e a pavinaza, as cales representan unha gran porcentaxe dos máis problemáticos do sector”, expresan desde o Grupo Operativo. Neste contexto, “Avienergy busca xerar ferramentas eficientes e medioambientalmente sustentables para a redución de gases de efecto invernadoiro e mellorar a competitividade do propio sector”, detallan. Así, Anxela Montero, de Feuga, terá a primeira quenda de palabra, explicando o proxecto en profundidade; Yarima Torreiro, do Centro Tecnolóxico Energylab, será a encargada de expor as claves da caracterización do proceso produtivo e secado do residuo avícola na xornada; e David Patiño, da Universidade de Vigo, centrará a súa intervención na caracterización e o pretratamento dos biocombustibles de partida. Pola súa banda, Manuel J. Dopico, de Demaux Manufacture S.L., porá o acento no deseño e desenvolvemento dun queimador adaptado ás características da pollinaza e pavinaza. Por último, Pilar Bernal, do Cebas-CSIC, será a encargada do relatorio dedicado á valorización das cinzas obtidas no proceso de combustión e estudo do seu potencial como material fertilizante. Para finalizar, a cita contará cunha mesa redonda sobre o impacto do proxecto no sector con José Antonio García, da Granxa José Antonio García Branco, Raúl París de Avícola O Charcón, Francisco Martínez da Cooperativa Alimer e representantes de Uvesa.

“Deixar de comer carne non vai solucionar ningún problema medioambiental”

O ministro de Consumo, Alberto Garzón, publicou nas súas redes sociais un vídeo no que insta á cidadanía a reducir o consumo excesivo de carne para atallar problemas de saúde e medioambientais. A argumentación que emprega Garzón para defender esa postura é considerada unha “difamación” polas seis interprofesionais de carne de España, que agrupan ó vacuno, porcino, aves e coellos. Tamén Unións Agrarias e o Sindicato Labrego piden a retirada da campaña e, no ámbito público, a Xunta emitiu unha nota de prensa na que tacha de “inxusta e fóra de lugar” a campaña de Alberto Garzón. Repasamos a continuación os principais argumentos do ministro e as valoracións do sector:
    • A gandería é responsable do 14,5% de emisións de gases de efecto invernadoiro do planeta, segundo Alberto Garzón.
As organizacións agrarias e as interprofesionais do sector lembran que o propio Ministerio de Transición Ecolóxica cifra as emisións da gandería en España nun 7,8% do total. A enerxía, xa sexa en forma de electricidade, calor, transporte ou procesos industriais, representa o 74,6 % das emisións de gases de efecto invernadoiro. O ministro chega a dicir que reducir o consumo de carne diminuiría un 50% as emisións de gases de efecto invernadoiro.
    • A produción de 1 Kg. de carne require do consumo de 15.000 litros de auga, segundo Alberto Garzón.
As interprofesionais da carne lembran que o 90% desa auga corresponde á chuvia que alimenta os pastos e cultivos de alimentación animal, polo que considera o cálculo unha falacia. O 90% da auga é “auga verde”, procedente da chuvia. Só un 10% corresponde a “auga azul”, procedente do servizo de suministro, ou a “auga gris”, é dicir auga depurada reutilizada para rega.
    • O consumo excesivo de carne leva consigo un aumento de enfermidades cardiovasculares, diabetes e dalgúns tipos de cancro, segundo o ministro.
É certo que as recomendacións nutricionais insisten nun consumo moderado de carne. A Fundación Dieta Mediterránea cifra ese consumo en 2 racións semanais de carne branca, menos de 2 de carne roxa e non máis dunha de carnes procesada: Desde o sector alimentario, sempre se avoga por un consumo da carne no marco dunha dieta equilibrada, pero consideran fóra de lugar que o ministro apunte á carne como responsable de enfermidades, cando “España é o país coa maior esperanza de vida do mundo, segundo os datos do Institute for Health Metrics and Evaluation (University of Washington)”, afirman as interprofesionais de carne de España.

Importacións e gandería industrial ‘versus’ gandería sostible

O Sindicato Labrego advirte de que no vídeo non se distingue a carne importada da carne obtida en ganderías extensivas de España. “Métese no mesmo saco as producións sostibles en base a pastos e terra coas producións industriais e intensivas sen terra, ou o consumo de carne de proximidade con outras importadas dende miles de quilómetros”. De feito, as reses que aparecen no vídeo corresponden a macroganderías de fóra de Europa, algo que o sector recrimina que non se aclare no vídeo. O problema -considera o Sindicato Labrego-, é de modelo de produción e de consumo, non da carne. A organización agraria sinala que o informe ‘Alimentos quilométricos’, de Amigos da Terra, apunta que España importa máis de 25 millóns de toneladas de alimentos cada ano, emitindo máis de 4 millóns de toneladas de CO₂ nese proceso. Os alimentos importados percorreron de media case 4.000 quilómetros antes de chegar aos mercados. “O consumo de legumes, hortalizas e froita con este modelo intensivo pode ser tan prexudicial como o consumo de carne” -defende a organización agraria-. “O Ministerio de Consumo avoga por recorrer ás proteínas vexetais con alimentos como os legumes, e a basear a nosa alimentación en produtos como as hortalizas e as froitas. Nada que obxectar. O problema é que a nosa dependencia alimentaria fai que traiamos boa parte dos legumes de distancias inasumibles para o medio ambiente.
"O 80% dos garvanzos que se consumen en España veñen de México e a maior parte das hortalizas dos mares de plástico de Andalucía, onde consumen e contaminan cantidades inasumibles de auga" (Sindicato Labrego Galego)
“De novo o informe “Alimentos quilométricos”, de Amigos da Terra, revela que o 80% dos garvanzos que se consumen en España son importados de México” -sinala o Sindicato Labrego-. “E a maior parte de hortalizas que se consumen en España veñen dos chamados mares de plástico de Andalucía, onde se consumen e contaminan unhas cantidades de auga inasumibles para as zonas produtoras”, cuestionan. “En resumo, que deixar de consumir carne non vai solucionar ningún problema de saúde ou medioambiental ligado ás producións agrogandeiras se seguimos producindo, importando e exportando da maneira en que o estamos facendo”, conclúe a organización agraria. O Sindicato Labrego insta ó Goberno do Estado a realizar accións que teñan un impacto positivo no medio, como saír dos tratados de libre comercio que favorecen as importacións alimentarias ou impulsar medidas en prol da soberanía alimentaria do país.

Gando e pastos como ferramenta de xestión do territorio

Unións Agrarias culpa tamén ó ministro de Consumo de “xeneralizar”, metendo no mesmo saco a deforestación da Amazonia e a gandería de vacún de carne de Galicia. “Dicir que o vacún de carne galego compromete a viabilidade do manto vexetal resultaría cómico se esas declaracións non comprometeran a viabilidade de explotacións que son o único activo económico e ambiental en moitas comarcas”, critica a organización agraria. “Os pasteiros, xunto ás terras de cultivo, son o mellor cortalumes natural, pois producen discontinuidades da biomasa no territorio e así protexe de forma estrutural as nosas masas forestais. Se hai un problema medioambiental en Galicia, son os incendios forestais, nos que o manexo axeitado do gando é unha peza fundamental da prevención”, valora Unións Agrarias.
"Os pasteiros son o mellor cortalumes natural e, en moitas zonas de montaña de Galicia, a única alternativa ós pastos sería o abandono" (Unións Agrarias)
A organización lembra asimesmo que moitas das zonas de montaña adicadas a pastos non serían aptas para outro tipo de cultivo, “sendo entón o abandono e o lume a única alternativa á gandería”. Desde a óptica de Unións Agrarias, o Goberno debe fuxir dos marcos creados por grupos de presión, como a industria de ultraprocesados vexeitais, “con intereses que non coinciden cos do ben común”.

O problema da soia da Amazonia

A deforestación da Amazonia para expandir as producións agrícolas, nomeadamente de soia, e gandeiras é un dos problemas que está no trasfondo do vídeo do ministro de Consumo, Alberto Garzón. A ese respecto, a Comisión Europea ten prevista unha inminente iniciativa lexislativa para evitar a importación de deforestación, é dicir, a importación de alimentos ou materias primas ligadas á deforestación da Amazonia.
Os fabricantes de pensos defenden que un 70% da soia importada é sostible, pero recoñecen que un 30% aínda non o é
En España, a Confederación de Fabricantes de Alimentos Compostos (CESFAC) presentou onte mesmo un informe no que calcula que un 70% da soia que importa España para alimentación animal é soia sostible, se ben recoñece que hai arredor dun 30% de soia importada do Brasil que non pode considerarse sostible. Os fabricantes de pensos avogan por avanzar no consumo de materias primas que se demostren respetuosas co medioambiente, pero tamén advirten de que un aumento de custos ligado a ese proceso de 'ecoloxización' tería que repercutir en toda a cadea, ata chegar ó consumidor. No contexto actual, de suba do prezo dos pensos, o sector gandeiro estase atopando precisamente con que non é capaz de repercutir nas industrias e cadeas de supermercados ese aumento de custos de produción en leite e carne.

Solicitan unha liña de axudas específica que permita aos gandeiros adaptarse á nova normativa de xurros

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla esixe tanto ao Ministerio de Agricultura como á Consellería do Medio Rural unha "clarificación urxente" da normativa que regulará a aplicación do purín e o esterco nos vindeiros anos e "axudas específicas directas" que permitan ao sector adaptarse á nova regulación sen que os custos aparellados que conleva o seu cumprimento supoñan "unha perda de rendabilidade inasumible para a maioría das explotacións". "Anunciouse por parte da Administración que tanto o Real Decreto estatal que prohibe a aplicación do xurro tal como o viñamos facendo até agora as ganderías así como a Lei galega de xestión integral de puríns entrarían en vigor en 2021. Atopámonos a poucas semanas desa data sen que a día de hoxe existan certezas de ningún tipo ao respecto, un feito que preocupa ao sector polos elevados custos que orixinaría o cumprimento da nova normativa nas explotacións", denuncia o presidente de Agrumuralla, Roberto López. Custos de entre 9.000 e 120.000 euros por explotación Desde Agromuralla explican que a entrada en vigor da nova normativa estatal que prohibe botar o purín cos actuais sistemas de prato ou abanico obrigaría a adaptar ou susbtituír as máis de 20.000 cisternas que hai neste momento en Galicia, unha obriga que afectaría tanto ao sector de vacún de carne como de leite pero que "castigaría especialmente ás 7.000 explotacións que hai producindo leite neste momento en Galicia".
A necesidade de adaptar as cisternas ou mercar outras novas suporía unha perda de rendabilidade para a maioría das explotacións cos prezos actuais do leite e da carne
O custo de adaptación das cisternas actuais aos novos sistemas de aplicación permitidos, mediante tubos colgantes ou inxección na terra, oscilaría entre os 9.000 e os 18.000 euros, en función da marca e a capacidade da cisterna, pero, no caso de que a súa adaptación non fose viable tecnicamente, obrigaría á adquisición dunha nova cun custo que está entre os 30.000 e os 120.000 euros, dependendo do modelo, uns equipos ademais que se están a encarecer por mor do aumento da demanda no mercado e a limitada oferta que hai a día de hoxe.
O elevado número de parcelas nas que se divide a superficie agraria da maioría de ganderías obrigará a facer centos de analíticas a cada explotación todos os anos, o que supón máis burocracia e máis gastos
A maiores, as novas esixencias en canto a que as explotacións deben levar a partir de agora un caderno de explotación con plans específicos de abonado e realizar continuas analíticas do chan para estimar a cantidade de nutrintes a aplicar engade "burocracia e novos gastos" ás granxas, denuncia Agromuralla, que demanda "un plan de axudas específico para a adaptación á nova normativa". Unha norma que non se adapta á realidade galega Agromuralla reclama unha "flexibilización" do proxecto de Real Decreto de Nutrición Sostible en Solos Agrarios presentado polo Ministerio de Agricultura a finais do pasado mes de setembro e que se atopa en fase de resolución de alegacións presentadas por "non ter en conta a realidade e o modelo de produción que se dá en Galicia". "É un Decreto que non se adapta á realidade da principal comunidade produtora de leite de España", asegura Roberto López, presidente da asociación, nin polas características das explotacións e da superficie agraria que manexan nin polos condicionantes climatolóxicos e de orografía.
O minifundio e a orografía de moitas zonas produtoras de leite galegas limita as posibilidades de aplicar o xurro mediante sistemas de tubos colgantes ou inxectores
"O minifundio e a orografía de moitas zonas produtoras de leite condiciona de maneira significativa en Galicia as posibilidades de aplicar o xurro mediante sistemas de tubos colgantes ou inxectores, un método inviable por exemplo en terreos de moita pendente ou en solos pedregosos", argumenta Agromuralla, que lembra que Galicia concentra o 40% da produción leiteira española, polo que a entrada en vigor da nova normativa podería "poñer en risco" un sector estratéxico na nosa comunidade. Exemplo de economía circular a ter en conta na PAC "A perda de axudas da PAC que podería levar aparellado o incumprimento da norma de cara ao novo periodo 2023-2027 sería un factor determinante na merma de ingresos das explotacións e na súa falta de viabilidade", alerta Roberto López, que fai fincapé en que "as explotacións galegas somos un exemplo de economía circular e de valorización de residuos mediante a utilización do xurro e o esterco como abono orgánico no chan", un factor que pide que se teña en conta nos novos criterios de reparto das axudas europeas.
A utilización de abonos orgánicos evita o uso de fertilizantes de síntese química, moito menos sustentables desde o punto de vista medioambiental. Debería terse en conta nos novos criterios de reparto das axudas da PAC
"A utilización de abonos orgánicos evita o uso de fertilizantes de síntese química, moito menos sustentables desde o punto de vista medioambiental", defende Agromuralla, que teme que "as trabas á aplicación do xurro fagan ás explotacións máis dependentes de abonos químicos, máis caros tamén desde o punto de vista económico". Indefinición e incertidume A mesma indefinición e incertidume que se produce neste momento coa entrada en vigor do Real Decreto estatal tamén se dá doa normativa de aplicación galega. "A futura Lei Galega para a Xestión Integral das Dexeccións Gandeiras atópase parada desde antes das eleccións do pasado mes de xullo e non sabemos nada máis tampouco das catro plantas de tratamento de xurros que a Xunta anunciou que instalaría nas principais comarcas gandeiras de Galicia (A Pastoriza-Terra Chá, O Deza, A Limia e Xallas-Mazaricos) para tratar nestas instalacións os posibles excedentes de purín das explotacións", denuncia Agromuralla.
A futura Lei Galega para a Xestión Integral das Dexeccións Gandeiras atópase parada desde antes das eleccións do pasado mes de xullo. Nada sabemos das catro plantas de tratamento de xurros anunciadas pola Xunta
A obriga de que as explotacións conten a partir de agora con plans de abonado e realicen análises periódicas sobre o estado dos chans implicará novos custos técnicos e de xestión para as granxas, que se engaden "á excesiva carga burocrática que xa soportan as ganderías a día de hoxe", opina Agromuralla, novos requerimentos dunha xestión máis profesionalizada desde o punto de vista agronómico que non está ao alcance das pequenas explotacións de orixe familiar galegas, denuncia Roberto López, máis tendo en conta que "o elevado número de parcelas nas que se divide a superficie agraria da maioría de ganderías obrigará a facer centos de analíticas a cada explotación todos os anos".

Fertiberia TECH súmase ao sistema de reciclaxe de envases de SIGFITO

Fertiberia TECH xa está adherida ao sistema de recollida de envases de SIGFITO, que lle outorgou o logo de calidade que permite aos seus agricultores reciclar os envases de fertilizantes, bioestimulantes e nutricionais da compañía en calquera dos máis de 5.000 puntos en todo o territorio nacional.

A partir de agora, os agricultores que compren fertilizantes Fertiberia TECH poderán acceder ao sistema de recollida SIGFITO, que está autorizado nas 17 comunidades autónomas, podendo reciclar de forma fácil e cómoda todos os envases. Ademais, ao reciclar os envases nos puntos de recollida de SIGFITO, os agricultores poden xustificar o cumprimento coa normativa a través do albará de entrega, que deberán solicitar unha vez realizado o depósito dos envases.

O sistema de reciclaxe conta con 5.000 puntos de recollida autorizados en toda España

A adhesión de Fertiberia TECH a SIGFITO xorde do compromiso firme coa agricultura sostible, o respecto polo medio ambiente e a necesidade de frear a emerxencia climática que está a sufrir o planeta. A aposta de Fertiberia TECH pola tecnoloxía máis avanzada en fertilización, para buscar a máxima eficiencia co mínimo impacto ambiental, non é suficiente se non se acompaña dunha estratexia de sustentabilidade que abarque todo o relacionado coas boas prácticas agrarias: o coidado dos chans, o aforro de auga, o correcto uso e limpeza dos equipos de aplicación, a reciclaxe dos envases, etc.

Fertilización de precisión

Fertiberia TECH é a marca do Grupo Fertiberia que incorpora os abonos especializados de máis alta calidade, precisión e tecnoloxía, avalados por anos de comprobación agronómica nos diferentes cultivos. O concepto “TECH” comprende todo un traballo conxunto, desde a investigación e o desenvolvemento en colaboración con universidades e centros de investigación, ata o apoio técnico/comercial ao agricultor.

Fertiberia TECH desenvolveu así un catálogo de produtos líderes no mercado e tecnoloxicamente innovadores para garantir os mellores resultados. Ademais, Fertiberia Tech conta cunha rede de distribución seleccionada e un equipo amplo e experimentado de técnicos que asegura o asesoramento aos agricultores e un eficaz servizo post-venda.

Galicia reciclou case 20 toneladas de envases agrarios nos 7 primeiros meses do ano

O compromiso do sector agrogandeiro galego co medio ambiente é indubidable. Só nos sete primeiros meses deste ano 2020, en Galicia recicláronse 19.818 quilos de envases fitosanitarios grazas aos puntos de recollida facilitados, que se atopan nas cooperativas e distribuidores de produtos agrarios. A pesar da crise sanitaria provocada pola Covid-19, o sector agrario non parou de traballar para asegurar a alimentación a toda a poboación durante o confinamento e, como demostran os datos de reciclaxe de SIGFITO, os agricultores desempeñaron o seu labor respectando máis que nunca o medio ambiente e a saúde pública. Por provincias, A Coruña atópase á cabeza con 7.208 quilos reciclados, por diante de Pontevedra (4.834 quilos), Ourense (4.565 quilos) e Lugo, con 3.211 quilos. Todas as provincias lograron reciclar máis con respecto ao ano pasado agás Pontevedra. Premios e agasallos Todos os agricultores que reciclasen os seus envases de fertilizantes, bioestimulantes e fitosanitarios co logo de SIGFITO –e que o acreditaran co albarán– ata o 31 de xullo nos contedores agrícolas correspondentes, xa poden converter os seus puntos obtidos en agasallos directos mediante a web de Operación Reciclaxe de SIGFITO durante este mes e ata finais de outubro. É importante que o agricultor, cando deposite os envases no punto de recollida, pida o albarán para acreditar diante das autoridades competentes que cumpriu coa lei. Así, por exemplo, o ano pasado no territorio español 154.090 agricultores reciclaron envases SIGFITO pedindo o xustificante. Sen embargo, de todos eles só se rexistraron 5.065 con albarán en toda Galicia.
Nas catro provincias galegas hai distribuídos 1.202 puntos de recollida de envases de produtos fitosanitarios
SIGFITO é unha entidade sen ánimo de lucro, autorizada nas 17 comunidades autónomas, dedicada á reciclaxe de envases agrarios a través de puntos de recollida situados en cooperativas e distribuidores de produtos agrarios, nos que o agricultor debe entregar os seus envases baleiros para cumprir coa normativa e co medio ambiente.

O desperdicio de alimentos nos hogares frea o seu crecemento

Os datos do panel do desperdicio alimentario nos fogares españois en 2019 amosan un lixeiro aumento de menos dun 1%, que contrasta co incremento do 8,9% rexistrado en 2018 fronte ao ano anterior. Este leve incremento producido o ano pasado tradúcese nun desperdicio semanal de 1,47 kg/ l por familia, é dicir o equivalente a 15 gramos máis de alimentos no lixo por cada semana e fogar. O director xeral da Industria Alimentaria, José Miguel Herrero, presentou esta semana as estatísticas do desperdicio de alimentos dos fogares españois, así como un avance de datos do estudo sobre os alimentos desperdiciados na industria e a gran distribución, ámbolos dous elaborados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Respecto ao dato en fogares, constátase un lixeiro aumento do 1% no desperdicio de alimentos con respecto a 2018, pero moi inferior ao aumento do 8,9% que se rexistrou en 2018 fronte ao ano anterior. Para o director xeral, 2019 supón un ano de estabilidade do desperdicio, cun crecemento moderado que convida ao optimismo. Asimesmo, o director xeral presentou un avance de datos do estudo sobre desperdicio alimentario na industria e a gran distribución en España 2018, elaborado polo MAPA en colaboración con AECOC (Asociación de fabricantes e distribuidores), onde tamén se observa unha maior concienciación das empresas. 1.352 quilos de alimentos e bebidas ao lixo Segundo explicou José Miguel Herrero, en 2019 tiráronse ao lixo 1.352 millóns de kg/ l de alimentos e bebidas (un 4,7% dos alimentos que compramos), dos que 1.146 millóns corresponden a produtos sen elaborar e 206 millóns a pratos cociñados. Con respecto a 2018, desperdiciáronse máis produtos sen elaborar (principalmente froitas, hortalizas e verduras), pero baixou o desperdicio de pratos cociñados (en maior medida legumes, sopas, cremas e purés, e pratos de carne e arroz).
Oito de cada dez fogares españois recoñece desperdiciar comida e case o 5% dos alimentos que compramos acaba no contedor
Preto de 8 de cada 10 fogares españois recoñece desperdiciar alimentos, onde destacan os fogares familiares con parellas de ata 49 anos, con fillos pequenos ou de idade media. Pola súa banda, non desperdician alimentos os fogares de parellas novas sen fillos ou as persoas xubiladas. A renda é outro factor que inflúe no desperdicio alimentario, de tal forma que as familias de clase baixa e media-baixa son as que menos desperdician, mentres que as clases de nivel socioeconómico máis alto xestionan peor os alimentos no fogar. O desperdicio alimentario nos fogares baixou durante o confinamento Herrero sinalou que os datos melloraron durante o confinamento ocasionado pola crise sanitaria da COVID-19, xa que durante esas semanas (do 16 de marzo ao 21 de xuño) reduciuse ata un 14% o desperdicio de alimentos, en comparación coas mesmas semanas do ano anterior. As froitas son a categoría que lidera o desperdicio, asumindo o 30,8% do total. Séguenas as verduras e hortalizas e todos os produtos lácteos. O 46% dos fogares tira pan fresco, o 22% laranxas, o 20% plátanos, o 17% mazás, o 16% iogures e o 13% leite. A industria e a distribución tira menos Segundo se desprende deste estudo do Ministerio, as empresas españolas da industria alimentaria están cada vez máis concienciadas do impacto que supón en termos económicos, sociais e ambientais o desperdicio de alimentos e da necesidade de frealo. Así, preto dun 71% dispón dunha estratéxica interna definida para loitar contra o desperdicio alimentario, un 61% promove boas prácticas destinadas á prevención ou redución en orixe do desperdicio, e un 51% promove accións conxuntas cos seus provedores para reducilo. Asimesmo, a enquisa sinala que os principais motivos para a xeración do desperdicio son os problemas relacionados coa calidade do produto, as diminucións de produción e as avarías na maquinaria. Precisamente, os controis exhaustivos dos procesos e maquinaria para eliminar ineficiencias, xunto coa formación e concienciación dos empregados son as prácticas máis habituais de loita contra o desperdicio. Por outra banda, o estudo analiza tamén as actuacións das empresas da alimentación en relación coa pandemia da COVID-19, en especial as relacionadas coa doazón dos seus excedentes alimentarios. Neste marco, un 80,4% das empresas ten un acordo de colaboración estable para a doazón dos seus excedentes alimentarios. Ademais, un 73,2% asegura que a doazón que realizan aumentou durante a crise sanitaria. Un 53,6% das empresas afirma que continuará co actual nivel de doazóns conforme comeze a superarse a pandemia, mentres que un 42,9% sostén que reducirá o actual nivel. Accesibles os datos dos últimos 5 anos O Panel de cuantificación do desperdicio alimentario nos fogares españois recolle, desde 2015, os datos relativos ao volume de alimentos que tiramos ao lixo, tanto antes de cociñalos como xa elaborados. Esta información, mediante unha enquisa en 4.000 fogares de todo o territorio español, atópase dispoñible na páxina web www.menosdesperdicio.es, onde ademais podemos atopar consellos para reducir o desperdicio de alimentos e receitas de aproveitamento. Como complemento, para coñecer o desperdicio nas empresas da alimentación, o Ministerio realizou un estudo no que se analizaron un total de 75 empresas da industria e a transformación de alimentos, e 15 compañías líderes da distribución que representan en torno ao 80% de cota de mercado do país. Consciente da importancia de frear o desperdicio de alimentos, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas designou o 29 de setembro como Día Internacional da Perda e o Desperdicio de Alimentos, para recoñecer o papel fundamental da produción sostible de alimentos na promoción da seguridade alimentaria e a nutrición. Os estudos do MAPA sobre desperdicio de alimentos en España pódense descargar nas seguintes ligazóns:

Obxectivo da UE: redución á metade do desperdicio de alimentos en 2030

A redución do desperdicio de alimentos é un dos obxectivos fixados na Estrategia Da Granxa ao Garfo presentada o pasado mes de maio pola Unión Europea e que inclúe un conxunto de 27 accións en materia de produción, elaboración e comercialización alimentaria máis sostible ata 2030. Guiada pola determinación de cumprir a meta dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas de reducir á metade, de aquí a 2030, o desperdicio de alimentos per cápita no comercio polo miúdo e polos consumidores, a Comisión Europea propoñerá en 2023 obxectivos xuridicamente vinculantes para reducir o desperdicio de alimentos en toda a UE. "Está claro que a transición cara a unha agricultura máis sa e sostible non sucederá sen un cambio na dieta das persoas. Con todo, na UE, 33 millóns de persoas non poden permitirse unha comida de calidade cada dous días e a asistencia alimentaria é esencial para unha parte da poboación en moitos Estados membros. O desafío da inseguridade alimentaria e a asequibilidade corre o risco de crecer durante unha recesión económica, polo que é esencial tomar medidas para cambiar os patróns de consumo e frear o desperdicio de alimentos. Ao redor do 20% dos alimentos producidos desperdícianse e a obesidade tamén está a aumentar. Máis da metade da poboación adulta ten sobrepeso, o que contribúe a unha alta prevalencia de enfermidades relacionadas coa dieta (incluídos varios tipos de cancro) e incrementa os custos relacionados coa atención médica", argumenta o Executivo comunitario.
A Comisión proporá en 2023 obxectivos xuridicamente vinculantes en toda a UE para reducir á metade o desperdicio de alimentos per cápita a nivel de comercio polo miúdo e de consumo no ano 2030
O envasado de alimentos desempeña un papel clave na sustentabilidade dos sistemas alimentarios, polo que tamén se fomentará a demanda sostible mediante o desenvolvemento dunha etiquetaxe de alimentos unificada na UE que teña en conta os aspectos de nutrición e saúde, así como cuestións de benestar animal e medio ambiente para vincular os esforzos de sustentabilidade nas explotacións agrícolas coa demanda dos consumidores. Por iso, Bruxelas revisará a lexislación sobre materiais en contacto con alimentos para mellorar a seguridade alimentaria e a saúde pública (en particular para reducir o uso de produtos químicos perigosos) e apoiará o uso de solucións de envasado innovadoras e sostibles utilizando materiais respectuosos co medio ambiente, reutilizables e reciclables (dado que na actualidade a industria europea só utiliza un 12% de materiais reciclados). En 2017 os residuos de envases alcanzaron en Europa un máximo de 173 quilogramos por habitante, polo que os produtos dun só uso eliminaranse progresivamente. Estas normas, recentemente adoptadas, reducirán a utilización de plásticos dun só uso, que representan o 70% dos residuos atopados nas praias europeas.

Cambios normativos que se aveciñan para a produción ecolóxica

A normativa que regula a produción ecolóxica en Europa data de 1991 e actualmente está determinada polo Regulamento (CE) n° 834/2007 sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos, e polo Regulamento (CE) nº 889/2008 polo que se establecen normas detalladas con respecto á produción, a etiquetaxe e o control ecolóxicos para a aplicación do Regulamento (CE) nº 834/2007. Pero esta normativa vai ser derogada polo novo Regulamento (UE) nº 848/2018 do Parlamento e do Consello de 30 de maio do 2018 sobre produción ecolóxica e etiquetado de produtos ecolóxicos, que estaba previsto que entrara en vigor o 1 de xaneiro de 2021 pero que a propia Comisión Europea acaba de propor aprazar a súa aplicación un ano, até o 1 de xaneiro de 2022. Polo tanto, a partir desta data para que un produto sexa certificado como ecolóxico deberá cumprir coa nova normativa, que supón algún cambio a respecto do Regulamento vixente, endurecendo nalgúns casos os requisitos para que unha produción sexa considerada ecolóxica, biolóxica ou orgánica. O salón de actos do Recinto feiral de Curtis acolle hoxe e mañá unhas xornadas organizadas polo Craega onde se abordarán estas modificacións. Analizamos con Xisela Fernández, enxeñeira agrónoma que forma parte do equipo técnico de Agronovo Ecoloxía SL, algúns aspectos a ter en conta para seguir producindo en ecolóxico a partir de 2022.
A Comisión Europea decidiu adiar durante un ano a entrada en vigor da nova normativa por non estaren aínda definidas determinadas cuestións técnicas sobre a súa aplicación
Aínda que os cambios aprobados no que respecta á produción de leite e carne de vacún no novo Regulamento son poucos comparados cos que se fixan para outras producións, como por exemplo as avícolas, onde haberá importantes novidades sobre todo en materia de instalacións, haberá menor permisividade na convivencia entre ecolóxico e convencional ou na entrada de insumos ás granxas. Así, malia que a entrada en vigor do novo Regulamento europeo foi adiada durante un ano e outras modificacións serán aplicadas de maneira escalonada, as explotacións deberán camiñar cara a autosuficiencia, tanto a nivel de forraxes como de adquisición de gando, incrementando a súa porcentaxe de alimento e de recría.
As excepcións que permiten o uso de sementes e animais convencionais na produción ecolóxica expirarán no 2035
Os cambios afectarán tamén ao período de conversión. "Até agora no período de transición dos dous anos podíase seguir dando penso convencional até os últimos 6 meses, por exemplo, pero agora iso vaise cambiar. A nova normativa é un pouco máis complexa e vai afectar sobre todo aos que empezan de novo porque lles inflúe no período de reconversión", explica Xisela. Só poderá estar preso o gando en explotacións de menos de 50 cabezas Entre as principais novidades que afectarían á produción de leite e carne ecolóxica estaría unha mellora do benestar animal cun aumento das superficies mínimas nas que están os animais, tanto en interior como en exterior, e a fixación dun límite no caso de explotacións que manteñen presos aos seus animais (só poderán ter os animais atados aquelas explotacións de menos de 50 animais adultos). Esta medida afectaría por exemplo a aquelas explotacións de maior tamaño (ganderías de leite e de carne que no inverno meten pola noite dentro ao gando), e que, en caso de teren máis de 50 vacas adultas terían que adaptar as súas instalacións para que estivesen ceibas, máis alá do tempo necesario para a alimentación, aplicar tratamentos, etc.
Aínda que un medicamento poña que non é necesario período de prescrición, haberá que agardar cando menos dous días para volver entregar o leite dese animal
Outro dos cambios previstos é que as esperas logo dun tratamento en ecolóxico serán do dobre do tempo indicado no prospecto, como até agora, só que se engade que polo menos será de 48 horas, polo que aínda que un medicamento poña que non é necesaria agarda, esta terá que ser de polo menos 2 días para volver entregar o leite dese animal. Prohíbense os substitutivos do leite materno nos primeiros meses Ademais, búscase que cada vez as explotacións sexan máis autosuficientes e o 70% da alimentación terá que ser producida na propia explotación (a porcentaxe está agora fixada no 60%). Esta medida, que entraría en vigor no 2023, obriga a que a practicamente toda a forraxe sexa de produción propia ou en colaboración con outro produtor da zona para poder empregar a porcentaxe do 30% restante de insumos que permite a normativa para mercar o penso, a palla ou outros elementos non producidos localmente.
O 70% da alimentación deberá proceder da propia explotación (a porcentaxe está agora fixada no 60%) e prohíbense os substitutivos de leite materno cando menos nos primeiros tres meses
Asimesmo, no novo Regulamento foméntanse os circuítos curtos de distribución e as producións locais nos territorios da UE, refórzase o concepto de produción ligada ao chan e promóvese o uso de novos materiais de reprodución vexetal ecolóxicos, así como de razas de animais cun alto grao de diversidade xenética, resistencia ás enfermidades e lonxevidade.
Promóvese o uso de razas de animais cun alto grao de diversidade xenética, resistencia ás enfermidades e lonxevidade
Do mesmo xeito, a nova normativa europea reforza o leite materno e prohibe os substitutivos nos primeiros meses de vida dos becerros e becerras. Deberán recibir leite materno procedente da propia explotación durante un período que está aínda sen definir pero que podería ir desde os 3 aos 5 primeiros meses de vida dos animais. Certificación en grupo Tamén se inclúe a posibilidade de que os pequenos produtores europeos poidan acollerse á certificación de grupo. Esta modalidade, fixada no artigo 36 do novo Regulamento, está pensada para explotacións dun máximo de 5 hectáreas e non máis de media hectárea de invernadoiros ou 15 hectáreas exclusivamente no caso de pastos permanentes. O volume de negocio de produción ecolóxica anual de cada membro non poderá superar os 25.000 euros e o custo de certificación individual deberá representar máis do 2% do volume de negocio.
Esta modalidade podería beneficiar a pequenos produtores de horta sempre que non cultiven máis de media hectárea en invernadoiro e 5 ha totais contando as fincas ao aire libre
Este modelo de certificación estará composto unicamente por membros que desenvolvan as súas actividades de produción en lugares próximos xeograficamente e establecerá un sistema conxunto de comercialización para os produtos que produce o grupo. A certificación de agricultura ecolóxica en grupo abre un abano de posibilidades interesante por exemplo para pequenos produtores de horta, aínda que en caso de incumprimento por parte dalgún membro correríase o risco da perda da certificación á totalidade do grupo. Harmonización dos controis no conxunto da UE Aínda que é unha das cuestións que aínda está pendente de concretar, refórzanse os controis aos operadores: como mínimo un control in situ a todos os operadores ao ano, ou cada dous anos se non se detectan fraudes nun operador durante o últimos tres anos. No que fai referencia á etiquetaxe, non se poderá utilizar o logotipo de certificación ecolóxica naqueles produtos en conversión, salvo sementes e material de reprodución vexetal, así como alimentos para animais e pensos de orixe vexetal.
Unha vez entre en vigor o novo Regulamento, os produtos certificados de conformidade co Regulamento anterior poderán comercializarse até esgotar existencias
Tamén se indica a incompatibilidade co concepto de produción ecolóxica de técnicas como a produción hidropónica, a clonación de animais ou o uso de organismos modificados xenéticamente (OMG). Ademais, prohibirase definitivamente o uso de animais ou plantas provintes de sistemas convencionais para introducilos en produción ecolóxica en 2035. Actualmente certas producións ecolóxicas requiren de animais ou plantas provintes de sistemas convencionais, por non existir oferta destes en sistema ecolóxico. Produtos importados Un dos aspectos máis relevantes é o establecemento dun novo marco para o comercio con terceiros países que, ademais de abordar por primeira vez as exportacións, establece como norma xeral o sistema de cumprimento, que garante que o produto a importar desde un terceiro país tivo que ser producido conforme á normativa europea, co que se restrinxe o modelo de equivalencia ao marco dun acordo comercial vixente.
Os produtos ecolóxicos importados deberán cumprir exactamente as mesmas condicións de produción e certificación que cumpren os agricultores ecolóxicos da UE
A redución da pegada de carbono da produción agrogandeira europea, tanto en convencional como en ecolóxico, e a súa contribución á conservación e mellora da biodiversidade serán outros dos ámbitos de traballo que guiarán o manexo das explotacións nos vindeiros anos, impulsado por unhas axudas da PAC que primarán os aspectos ambientais na procura dunha produción de alimentos en Europa máis sustentable e respectuosa co medio ambiente. Retraso dun ano na aplicación do novo Regulamento Aínda que inicialmente o novo Regulamento de produción ecolóxica debería entrar en vigor dentro de tres meses, sen apenas tempo de adaptación para o sector, Bruxelas propuxo a principios de setembro aprazar a 2022 a entrada en vigor da nova normativa. Malia que a aprobación definitiva do novo Regulamento chegou en 2018 tras catro anos de discusións e negociacións entre os Estados membros, faltan aínda por detallar as medidas de execución para especificar a través delas as normas técnicas de aplicación da nova normativa. E a estas alturas, a tres meses do prazo inicial de entrada en vigor, algúns destes elementos normativos secundarios aínda non están definidos, polo que as Autoridades comunitarias preferiron darse máis tempo para finalizar este traballo.
Á Comisión Europea colleuna o touro á hora de detallar as normas técnicas de aplicación do novo Regulamento e preferiu darse un ano máis de prazo para finalizar estes traballos
Así, a Comisión Europea propón darse un ano máis de prazo, ata o 1 de xaneiro de 2022, para a aplicación dos novos criterios de certificación e apraza algunhas das medidas cun calendario progresivo de entrada en vigor, unha decisión que foi ben acollida polo sector. Bruxelas considera “prioritario” garantir que o sector da agricultura ecolóxica dispón “dos instrumentos adecuados e dun marco legal consensuado e eficiente“, sinalou o Executivo comunitario nun comunicado a principios deste mes de setembro. Suxestións até decembro para o Plan de Acción comunitario sobre Agricultura Ecolóxica Como complemento ao novo Regulamento, a Comisión Europea acaba de poñer en marcha unha consulta pública sobre o seu futuro Plan de Acción sobre Agricultura Ecolóxica, que se enmarca no Pacto Verde Europeo. O comisario europeo de Agricultura, Janusz Wojciechowski, sinalou que a agricultura ecolóxica “será unha aliado clave na transición que estamos a liderar cara a un sistema alimentario máis sostible e unha mellor protección da nosa biodiversidade”. “A Comisión apoiará ao sector ecolóxico na consecución do obxectivo de dedicar un 25 % das terras agrícolas á agricultura ecolóxica para 2030 coa política e o marco xurídico adecuados“, engadiu.
Brexelas pretende estimular a demanda de produtos ecolóxicos e incrementar a superficie de cultivo
O plan de acción pretende estimular a demanda de produtos ecolóxicos, por exemplo nos centros escolares mediante a contratación pública ecolóxica; fomentar o incremento da superficie dedicada a eses cultivos e impulsar a contribución da produción ecolóxica á loita contra o cambio climático e a perda de biodiversidade. Este tipo de medidas contarán cun orzamento de 40 millóns de euros en 2021. A consulta pública que se puxo en marcha ten por obxecto solicitar as opinións dos cidadáns, as autoridades nacionais e as partes interesadas e estará en liña durante un período de 12 semanas, ata de decembro de 2020.

Principais modificacións en materia de produción, trazabilidade e etiquetaxe

O Regulamento (UE) nº 2018/848 do Parlamento e do Consello de 30 de maio do 2018 sobre produción ecolóxica e etiquetado de produtos ecolóxicos, que substituirá aos actuais Regulamentos (CE) nº 834/2007 e 889/2008, entrará finalmente en vigor o 1 de xaneiro de 2022 e aínda que pode haber algún cambio ou modificación na súa redacción definitiva, froito de que dos 61 artigos que compoñen a nova normativa en 49 deles é necesario aprobar aínda actos delegados ou de execución, as principais novidades serían as seguintes:
  • Fomentar os circuítos curtos de distribución e as producións locais.
  • Promover o desenvolvemento de actividades de mellora vexetal de plantas ecolóxicas
  • Novos produtos certificados: sal, corcho, capullo de verme de seda, algodón, gomas e resinas, cera de abella, aceites esenciais, la, peles, etc.
  • Simplificaranse as normas de produción grazas á supresión progresiva dunha serie de excepcións e exclusións.
  • Reforzarase o sistema de control mediante medidas preventivas máis estritas e controles rigorosos ao longo de toda a cadea de subministro
  • Os produtores de países non pertencentes á UE terán que cumprir as mesmas normas que os produtores da UE.
  • Posibilidade de certificación en grupo
  • Novas especies animais: coellos e cervos.
  • Tempo de espera despois dun tratamento, será do dobre do indicado e polo menos de 48 horas.
  • Posibilidade de manter atados animais adultos por seguridade ou benestar en explotacións de máximo 50 animais adultos.
  • Introdución de animais non ecolóxicos: 10% anual, sempre que sexan nulíparas. Posibilidade de creación dunha base de datos de animais ecolóxicos.
  • Emprego de leite materna, prohibido os substitutivos do leite.
  • Alimentación con leite materna durante tres meses (posibilidade de que sexan 5 meses).
  • A partir do 1 de xaneiro do 2023 o 70% da alimentación será da propia explotación ou en colaboración con outros operadores da mesma rexión.
  • As excepcións que permiten o uso de sementes e animais convencionais na produción ecolóxica expirarán en 2035 cun calendario de aplicación progresivo: alimentos a base de proteínas para porcos e aves até o 31/12/2025; machos adultos e femias nulíparas até o 01/01/2028; material de reprodución vexetal non orgánico, pitas de menos de 3 días e animais novos de recría até o 31/12/2035.
O obxectivo de Bruxelas: triplicar a superficie adicada a produción ecolóxica nunha década A nivel europeo, a agricultura ecolóxica é un sector que aglutina o 8% da superficie agraria, sumando un total de 13 millóns de hectáreas, con máis de 186.000 explotacións e que medra de forma acelerada a un ritmo medio de 500.000 hectáreas ao ano. A intención da Comisión Europea é triplicar a superficie actual dedicada a agricultura ecolóxica nunha década, para chegar a 2030 co 25% da superficie agraria comunitaria con plantacións ecolóxicas.
A Estratexia 'Da Granxa ao Garfo' ten como obxectivo facer que o 25 % da superficie agraria total da Unión Europea sexa orgánica en 2030
Este obxectivo foi expresado explicitamente este ano dentro do Pacto Verde Europeo e, en concreto, nas Estratexias Da granxa ao Garfo e Biodiversidade 2030, presentadas o pasado mes de maio. Para lograr unha produción alimentaria máis sostible, Bruxelas quere que o uso de fertilizantes se reduza polo menos nun 20% e o de fitosanitarios nun 50%. Tamén propón, con vistas a 2030, recortar nun 50% as vendas de antibióticos tanto para animais de granxa como na acuicultura. Grazas á produción de horta ecolóxica en zonas de Levante e Andalucía, España mantén, con máis de dous millóns de hectáreas, o seu liderado como primeiro país produtor da UE e cuarto do mundo.
Países como Suecia ou Austria teñen máis do 20% da súa superficie agraria adicada a agricultura ecolóxica. En España é o 9% e en Francia e Alemaña o 7%
Aínda así, a superficie agraria dedicada a agricultura ecolóxica en España supón só o 9,3% do total, moi por detrás do que representa en países como Austria (24,1%), Estonia (20,6%), Suecia (20,3%) ou Italia (15,2%), aínda que por diante de países como Alemaña (7,3%) ou Francia (7%). En Galicia, segundo a memoria do Craega do 2019, a superficie ecolóxica total certificada é de 34.738 hectáreas. A tendencia positiva mantense nos últimos anos (nunha década a superficie medrou un 143,9%) e en 2019 rexistrou unha suba do 2,9% con respecto a 2018. Lugo concentra case a metade (48,1%) da superficie ecolóxica, cun incremento dun 1% no último ano e tamén encabeza os procesos de conversión (42,6%), aínda que A Coruña é a provincia que máis medrou en 2019 (case o 10%). Da superficie total, 27.446 hectáreas son de pasto permanente, 5.477 ha de cultivos permanentes e 1.815 de terras arables con distintos usos. As plantas colleitadas en verde (millo forraxeiro, chícharos, nabos e praderías) acaparan o 74,2% dos cultivos arables; a hortalizas frescas e amorodos dedícanse 124,56 ha (o 44,2% na provincia da Coruña) e os cereais ocupan unha extensión de 234,2 ha (o 52,7% atópase en Lugo). Algo máis da metade dos cultivos permanentes (2.769,44 ha) dedícase a froitas, bagas e froitos secos. Con 2.321 ha, a castaña ten especial relevancia. O 42,3% da superficie permanente dedícase a este cultivo e case toda a produción (93,7%) concéntrase en Lugo.
O sector eco galego ten dous motores: a provincia de Lugo leva o peso da produción e a de Pontevedra, o da industria
En Galicia existen 1.182 operadores ecolóxicos, dos que o 75% son produtores e o 25% elaboradores. Os elaboradores case se cuadriplicaron na última década e hoxe representan o 25,7% dos inscritos. En total, a produción ecolóxica facturou o ano pasado en Galicia 92,7 millóns de euros. A produción animal leva o peso do Craega no que a volume de vendas certificadas se refire. Cun beneficio de 56,5 millóns de euros, supón case o 70% do balance de 2019.
As 109 ganderías de leite ecolóxico que hai en Galicia facturan 32,9 millóns de euros ao ano, sendo a produción que máis valor crea seguido da carne e os ovos
O leite e derivados segue a ser o produto con maior volume de vendas (32,9 millóns de €). As 109 ganderías de leite certificadas en Galicia incrementaron o pasado ano o valor dos seus produtos un 26% con respecto ao ano anterior, o que supuxo 6,8 millóns de euros máis de valor. Á marxe do leite, os ingresos do sector eco galego apóianse, por esta orde, nas carnes (15,7 millóns de €) e nos ovos (6,3 millóns de €).

SAT San Miguel, 20 anos de unión en busca de calidade de vida

De esquerda a dereita, Alejandro, Antonio, Carlos e Jesús, catro dos cinco socios da SAT "O que queriamos era mellorar e o que máis perdía ía gañar, tiñámolo todos claro". Así resume Carlos Dablanca a creación en 1998 da SAT San Miguel, en Camoucos, na parroquia de Berbetouros, pertencente ao concello lucense de Palas de Rei. Tan claro o tiñan que en menos dun mes tiñan a sociedade constituída e tal é a sintonía entre eles que nestes máis de 20 anos de traballo en conxunto sempre tomaron as decisións por consenso e sen necesidade nunca de facer unha votación.  "Un dos socios, José Manuel Iglesias, estaba nese momento facendo o curso de incorporación e faloume desa posibilidade de agrupar as granxas, algo que xa estaba funcionando noutros lugares. O 3 de setembro comezamos a falar entre os veciños e a finais de setembro estaba a SAT constituída", lembra Carlos. Ao proxecto sumáronse tamén Antonio Viña, Jesús Prieto e José Antonio Rodríguez, hoxe substituído polo seu fillo Alejandro trala súa xubilación fai tres anos.  Pero malia resultarlles doado tomar a decisión de unirse, o difícil viría despois. "Debémoslle moito a Caixa Rural, grazas a eles seguimos adiante. Foron 130 millóns de pesetas de investimento fai 20 anos. No Plan de Mellora só puideramos meter 100 millóns porque o sistema informático non deixaba meter máis e logo pedimos outros 45 millóns en créditos persoais", recordan.
Comezaron con 120 vacas e 700.000 litros de cuota e hoxe moxen 250 e producen tres millóns de litros ao ano
Destinaron os cartos a construir a nave principal, a sala de muxido, catro silos e a mercar vacas, que non entraban no Plan de Mellora. Os animais que cada un tiña nas súas explotacións valoráronos por igual, diferenciando só pola súa idade, e a maiores mercaron 2 camións de vacas da Bretaña francesa e outro de Holanda. "O 9 de decembro de 1999 metemos aquí as vacas, todos os anos o celebramos cunha comida", conta Carlos.  En total, empezaron muxindo 120 vacas para unha cuota de 700.000 litros; hoxe teñen o dobre de cabezas en produción e dan 3 millóns de litros ao ano, que venden a Pascual desde fai 6 anos. A explotación foi gañando en eficiencia e a día de hoxe permítelles ter un salarios dignos e tempo libre como en calquera outra profesión, que era realmente o obxectivo que os levou a constituir a SAT. Pero "os comezos foron fastidiados", recoñecen. "O empece foi difícil desde o punto de vista económico máis que organizativo. Metimos vacas que viñan de trabado e non se adaptaron, algunhas das que mercamos tamén fallaron e durante 6 meses non cobramos un peso", detalla Carlos. Incrementar a produción por vaca Os cubículos de fai 20 anos son moi altos e queren reformalos Ano e medio despois fixeron unha nave para a recría e trouxeron as xovencas para ela e logo pouco a pouco foron ampliando e mellorando aquelas instalacións iniciais até contaren hoxe con 500 animais en total, a metade deles en producción, aínda que a súa idea de cara ao futuro "non é aumentar en cabezas, é aumentar en litros cos mesmos animais", indican.  Para iso queren reformar os cubículos iniciais, construídos fai 20 anos con perfís moi altos, para rebaixalos e aumentar tamén a súa anchura, que neste momento é de 1,20 metros, para que deste xeito as vacas gañen en confort, benestar e produción. 
A nosa idea non é aumentar en cabezas, é aumentar en litros cos mesmos animais
Levan tamén uns meses probando distintos materiais para as camas, que na nave de produción principal é de colchoneta de goma con carbonato pero nunha ampliación que fixeron posteriormente para as vacas problemáticas, con cubículos máis anchos, cambiaron por unha mestura de serrín, corcho e carbonato que non os convenceu porque lles supuxo un incremento nos recontos de células somáticas.  A calidade hixiénico-sanitaria do leite é precisamente outro dos aspectos nos que poñen énfase, dado que a empresa que lles recolle prima a bacterioloxía. "Niso estamos sempre por debaixo de 10. Pascual por debaixo de 25 xa cho ten en conta e se baixas de 11 aplícache un extra", explica Carlos.   Probaron unha mestura de serrín, carbonato e corcho pero non os convenceu polo aumento de células que notaron Catro lotes de animais en produción Os animais en produción téñenos divididos en catro lotes: un é o das recén paridas, en cama libre de palla; outro o das vacas máis grandes en canto a tamaño, que están na zona de cubículos máis anchos; e logo estarían na nave principal dous lotes máis, un no que priman as primeirizas e outro no que hai vacas adultas fundamentalmente. 
Nós aproveitamos moito as vacas de desvelle, temos posto o corte en 25 litros
Os catro lotes, sen embargo, reciben a mesma composición na ración, coa única diferenza que nas primeirizas a cantidade é menor. A ración de produción está formada neste momento por 36 quilos de silo de millo, 8 de silo de herba, 9 de bagazo de cervexa, que traen da fábrica de Estrella Galicia, 5 de millo moído e 6 de fariña de colza. Contan con carro mesturador propio na explotación, que comparten con outra gandeiría da zona e dispoñen dun arrimador automático "que é de todos nós o que máis traballa da granxa, porque funciona 12 horas diarias e igual fai 10 quilómetros cada día", indica Carlos. Zona de posparto con cama libre de palla, sen cubículos, e capacidade para 28 animais A produción media anual por vaca é de 36 litros diarios, cun 3,60% de graxa e un 3,40% de proteína. "Non temos moita graxa porque a nós o que nos interesa é dar litros e non temos tampouco unha media de produción moi alta porque nós aproveitamos moito as vacas de desvelle, porque temos sitio e mentres tanto engordan para mandalas ao matadoiro, temos posto o corte en 25 litros", explica. Sen embargo, este ano a súa estratexia en canto ao reemprazo non lles resultou igual de rendible que en anos anteriores por mor da baixada de prezos das vacas para o matadoiro. "Aquí houbo vacas gordas de desvelle que deixaron 1.400 euros e agora tranquilamente ese tipo de animais están valendo 400 euros menos", lamenta Carlos. Ventilación e luminosidade A colocación dunha cumbreira transparente e a substitución dos ventiladores son os próximos proxectos As instalacións atópanse neste momento ao máximo da súa capacidade e non prevén facer máis ampliacións polo de agora para acoller a máis animais, o que os obrigaría tamén a ter que ampliar a súa superficie agraria ou a mercar máis insumos, pero si que pretenden seguir modernizando as naves feitas fai 20 anos.  A última ampliación que fixeron foi a construción o ano pasado dunha nave nova para a recría, o que lles permitiu liberar espazo para destinalo a unha zona de posparto con capacidade para 28 animais onde están tanto vacas como novillas recén paridas en cama libre de palla, sen cubículos. "Cando paren van para alí e están até que hai que facer sitio para que entre outra, normalmente pasan alí un mes e notámolo moito, xa non só porque hai menos baixas senón porque a vaca arrinca moito mellor no leite e produce máis durante a lactación que se a metes ao cubículo directamente da parideira", afirma Carlos. 
Pretenden incrementar a produción por vaca mellorando o benestar e comodidade do gando
Outra das obras que teñen solicitada é o cambio da cumbreira actual de uralita por unha de metacrilato transparente para gañar deste xeito claridade na parte central da nave, sobre o pasillo de alimentación, e fomentar deste xeito unha maior inxesta de alimento por parte dos animais. Tamén queren aproveitar para modificar o sistema de ventilación actual, formado por 13 ventiladores interiores, que serían substituídos por ventiladores exteriores conectados a uns conductos de ventilación mediante tubos de lona colgados do teito, que distribuirían o aire por toda a nave, co que lograrían unha maior eficacia na redución da temperatura no interior da granxa grazas a un reparto máis uniforme do aire, así como un importante aforro enerxético.   Recría propia Destetan aos 70 días e levan xa 12 anos empregando amamantadora nodriza Que a recría estivese máis cómoda foi tamén o que motivou a construción fai un ano nesta SAT dunha nova nave para as becerras pequenas. "Levamos xa 12 anos alimentando as xatas pequenas mediante amamantadora nodriza, pero dispuñan de pouco sitio e estaban moi amontoadas. Agora están moito máis cómodas. Destetámolas aos 70 días cunha curva de lactación cun máximo de 8 litros de leite e logo pasan para un lote no que están con penso e herba seca até que cumpren os seis meses, no que xa pasan a comer ración, unha específica para elas que lles facemos até os 12 meses. Despois desa idade comen xa a ración das vacas secas, a base de silo de herba e palla e algo de silo de millo, colza e fariña de millo", explica Carlos.
Para aforrar en palla fixeron a zona de comedeiro en cemento e a zona de descanso en cama quente
Nesta nova nave de recría as xatas están até os 6 meses en cama quente de palla, primeiro na zona da amamantadora e logo nun lote contiguo no que son alimentadas con penso e herba seca. "Foi algo que notamos tamén moito, na palla están moito mellor e ao estar máis cómodas tamén medran máis. O que si que fixemos foi separar a zona de comedeiro, na que non botamos palla e que se limpa cunha arrobadeira, da de descanso, onde estramos con palla, para así gastar menos palla e aforrar", conta. Tamén na zona que habilitaron para o posparto empregaron este mesmo sistema, cunha división que separa o lugar no que se deitan as vacas en palla da zona de cemento onde comen. As vacas secas e as xovencas preñadas dispoñen dun patio para poderen saír libremente ao exterior SAT San Miguel cubre as súas necesidades de reemprazo con recría propia, polo que neste aspecto tamén é autosuficiente. "Facemos a recría nós e recriamos todo seguindo o Programa de Acoplamentos de Africor Lugo", explican. Da reprodución encárgase José Manuel, cunha estratexia que busca maior lonxevidade a través de aspectos como a dureza de patas. A media de partos desta explotación é de 2,8 e o gando destaca pola facilidade de parto, xa que nos seus máis de 20 anos de historia só tiveron unha ducia de cesáreas. A parideira, igual que a zona da recría e outras partes da granxa, téñena sempre vixiada con cámaras, o que lles permite detectar o momento xusto do parto e poder intervir. "Xa temos salvado algunha cría grazas ás cámaras, xa que cando non estamos aquí e hai unha vaca próxima podemos facerlle o seguemento desde a casa ou a través do móbil", explican.  Empregan seme sexado só nas primeirizas e fan a primeira reprodución en función da configuración morfolóxica individual que cada xata. "Inseminamos por tamaño pero nunca antes dos 13 meses e se teñen pouco tamaño agardámoslles máis tempo", explica Carlos.  Unha vez preñadas e confirmadas as xatas pasan a outro lote no que teñen acceso libre a un patio exterior. Tamén o teñen as vacas secas, que dispoñen dunha finca de 4.000 metros para andar e coas que comparten logo instalacións as xovencas até o momento do parto. Secan as vacas en produción aos 7 meses (56 días de secado). "Se nese momento algunha está dando moito leite témola 5 días a auga e palla", indican. Nesta nave de preparto que comparten as vacas secas e as xatas preñadas dispoñen ademais dun sistema de rego con auga dos pasillos mediante un programador para deste xeito facilitar a súa limpeza.  Especialización nas distintas tarefas Ademais dos 5 socios actuais, SAT San Miguel ten a dúas persoas contratadas: un veciño de Bertetouros e un inmigrante de orixe marroquí ao que pagan 1.050 euros e ao que lle poñen vivenda, luz e auga de balde. "Cada un de nós ten unhas tarefas asignadas, aquí chegamos á mañá e cada un sabe xa o que ten que facer", explica Carlos, que fixo tres anos de formación agropecuaria e encárgase de todo o papeleo, facturación e provedores. "Ainda que sabemos facer de todo, desde o comezo tiñamos claro que nos tiñamos que especializar e cada un escolleu o que máis lle gustaba, deste xeito estás máis a gusto e tratas de mellorar", engaden. Por exemplo, José Manuel é o responsable da reprodución, Jesús encárgase do coidado da recría e o mantemento das camas e Antonio está centrado na maquinaria e o traballo de campo. 
Cada un escolleu o que máis lle gustaba, deste xeito estás máis contento no traballo e tratas de mellorar
Para muxir túrnanse entre todos. Muxen dúas veces ao día, ás 7 da mañá e ás 7 menos cuarto pola tarde, con dúas persoas na sala e unha máis facendo as camas e cambiando lotes. Malia que están barallando cambiar a cama, destacan unha das vantaxes dos cubículos con colchoneta: o seu doado mantemento. "Cunha hora á mañá e outra á noite temos 230 camas feitas", salienta Carlos.  Dispoñen aínda da primeira sala de 10x2 puntos paralela de muxido traseiro que montaron fai 20 anos pero que modernizaron e ampliaron a 14x2 puntos. Pasa xa das 47.000 horas pero atópase en bo uso. "Ten 20 anos pero fómola coidando: cambiamos o chan, os medidores, a identificación por chip e o sistema de retirada, co que gañamos en comodidade e limpeza", detallan. Non se plantexan pasar a tres muxidos diarios porque "muxir tres veces complícache máis as libranzas e perdes calidade de vida", asegura Carlos. "Os cinco socios fixemos isto coa filosofía de librar máis, non de gañar máis diñeiro. Antes de constituir a SAT eu levaba 10 anos sen librar un só día e o resto de veciños igual. Sempre tivemos claro que isto fundábase para vivir mellor. De pouco sirve facer cartos se non tes tempo libre para disfrutalos", engade. 
Muxir tres veces complícache máis as libranzas e perdes calidade de vida e isto fundouse coa filosofía de librar máis, non de gañar máis diñeiro
Por iso, teñen as distintas tarefas programadas por días para que as fins de semana haxa menos traballo que facer e que chegue con atender a muxir e á alimentación do gando. "Estramos e inseminamos sempre os venres", explica por exemplo Carlos. "Para tomar as decisións non eres ti só, tes que contar cos demais, é dicir, tes que consensuar as cousas, pero a nós cambiounos a vida totalmente. Agora libramos dous días á semana, o que traballa a fin de semana libra entre semana, e temos cada un un mes de vacacións no verán e unha semana en Nadal. Entendémonos ben no funcionamento da granxa porque compartimos os mesmos obxectivos, levamos 20 anos e nunca tivemos que votar unha decisión, a estratexia da explotación sempre a consensuamos entre todos", resumen en SAT San Miguel facendo balance destas dúas décadas de traballo en común.    

"Mercar os cereais a futuro permítenos obter bos prezos"

Almacén de materias primas de SAT San Miguel A busca da eficiencia a través da innovación, a mellora na comodidade e o manexo e a redución de custos foron sempre as máximas desta explotación de Palas de Rei. E aínda que aseguran que lles custa moito facer cambios, desde o inicio sempre estiveron dispostos a introducir novidades que contribúan a mellorar o seu rendemento sempre que a súa eficacia estea contrastada e demostrada previamente. "Somos moi reacios a facer cambios, cústanos moito, pero se algo vemos que funciona aplicámolo", aseguran. Unha das decisións polas que apostaron fai anos foi pola compra directa das materias primas en orixe, sen intermediarios. Xunto a outro medio cento de explotacións galegas, contan coa axuda da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, que os asesora en canto a prezos e á hora de tomar as decisións de compra.  
Buscamos estabilidade nas compras das materias primas; nós a un ano vista sabemos o prezo do leite que imos ter
"Buscamos estabilidade nas compras das materias primas; nós a un ano vista sabemos o prezo do leite que imos ter. Levamos máis de 10 anos mercando o millo e a colza a futuro con CAP Coruña e melloramos moito niso. Antes eu o que facía era pedir todos os meses prezo a tres empresas de penso, pero desta maneira temos máis control sobre o que damos ás vacas e aforramos cartos", razoa Carlos. A obsesión pola redución de gastos é unha constante en SAT San Miguel, asesorados tamén por Seragro, que lles aporta o nutrólogo. "Sempre quixemos contar cun nutrólogo independente, que non pertencese por exemplo a unha empresa de pensos e todos os anos facemos tamén unha auditoría para ver onde podemos mellorar ou onde podemos axustar algo os gastos", di.
Logran que os custos de alimentación do gando estean por debaixo dos 20 céntimos por litro de leite
Por iso, a próxima modificación que queren facer é construír dous silos de 34.000 quilos para meter neles o millo e a colza, que agora teñen nun almacén aberto. "Os gatos e as pombas dannos problemas, por iso queremos pasar as materias primas que empregamos na ración a silos pechados, para ter menos desperdicio e tamén para liberar espazo no almacén, porque unha boa estratexia para aforrar cartos é mercar a palla en grandes cantidades cando hai abundancia, cando é un ano bo en produción, porque as oscilacións de prezo son importantes dun ano para outro en función da colleita, e para estrar é igual que a palla sexa do ano ou de dous anos. Pero para facer iso é importante ter onde almacenala", xustifica Carlos.   140 hectáreas de superficie agraria Plantación de millo a carón da explotación. Sementan 85 hectáreas, 50 en rotación con veza e cebada Xunto coa adquisición en orixe dos insumos e á economía de escala nas compras, outra das estratexias desta explotación para aforrar é a autosuficiencia nas forraxes. Dispoñen dun total de 140 hectáreas de superficie agraria: 70 propiedade dos socios, 20 que son titularidade da SAT, 30 en aluguer e 20 máis de monte comunal da parroquia.
Hai xente que é ela soa e ten máis tractores ca nós
Desas 140 hectáreas, 50 mantéñenas a pradeira permanente e nas outras 85 sementan millo, en 50 delas en rotación cun cultivo de inverno a base de veza con cebada. Levan máis de 10 anos botando esta mestura con bos resultados. "Funciónanos ben, logramos unhas colleitas duns 22.000 quilos por hectárea cunha proteína do 19% e unha moi boa dixestibilidade e sérvenos para preparar as terras para o millo. Este ano por exemplo cando xa tiñamos as terras preparadas en outono choveu moito e non demos labrado e cando foi de sementar o millo a terra estaba moito máis dura e chea de malas herbas", explica Antonio. O novo silo ten catro metros de altura por 60 de longo e 12,5 de ancho e almacena 50 hectáreas de millo O ano pasado construíron un silo novo para o millo, de grandes dimensións (60 metros de longo por 12,5 de ancho e 4 metros de alto) e con outra novidade, xa que no canto de rampa fixéronlle un peirao de descarga pola parte de arriba que lles facilita enchelo máis comodamente e con menos esforzo para a maquinaria. Custoulles 100.000 euros pero colléronlles nel 50 hectáreas de millo da última campaña cunha media de 46.000 quilos de materia verde por hectárea.   Outra das vantaxes dunha SAT como a que formaron estas cinco ganderías con respecto ás explotacións individuais é que "rendibilizas máis os investimentos, por exemplo en maquinaria", din. Dispoñen de 2 tractores de 180 cabalos, outro de 145, un de 90 e unha telescópica. "Hai xente que é ela soa e ten máis tractores ca nós", afirma Carlos.  Aproveitamento das distintas posibilidades do purín SAT San Miguel dispón de tres fosas de xurro cubertas máis unha balsa, cunha capacidade de almacenaxe total de catro millóns de litros. A balsa está a un quilómetro da explotación e téñena conectada cos pozos de purín da granxa por medio dunha tubería enterrada, de maneira que poden bombear ata ela o xurro no canto de ter que transportalo en cisternas.  Aínda que fan eles a maioría dos traballos agrícolas, contratan certas tarefas, como a sementeira do millo ou o picado e transporte dos ensilados. Cando están apurados tamén contratan un reforzo para esparexer o purín. "O que tentamos é facer as tarefas o máis rápido posible", xustifica Carlos. Pozo de purín dobre cuberto da explotación Pero ademais da capacidade como fertilizante do xurro, nesta explotación participaron nun ensaio pioneiro auspiciado por AGACA e a Universidade de Vigo para estudar as posibilidades de aproveitamento do purín para xerar biogás. A investigación, financiada con fondos europeos, consistiu en medir durante un ano, mediante un sinxelo sistema dunha balsa inchable (unha lancha de praia das que usan os cativos dada a volta e conectada a un tubo), as emisións producidas pola fermentación do xurro para estudar as posibilidades de aproveitamento dese gas unha vez extraído, almacenado e filtrado (as emisións conteñen ademáis dun 50% de metano outros compoñentes como dióxido de carbono).   Máis alá das posibilidades de utilización deste biogás como fonte de enerxía nas explotacións, a extracción do metano en si das fosas de purín suporía reducir de xeito importante as emisións contaminantes das ganderías, unha esixencia cada vez maior por parte de Bruxelas. Nesa aposta pola economía circular e o aproveitamento dos residuos, ao usar carbonato nas camas, "hai 20 anos que non encalamos as terras, así que o que gastas na cama volve á granxa por esa vía de aforro", din nesta SAT. Eficiencia enerxética Sistema de condensadores para eliminar a enerxía reactiva Dentro da minimización de custos nas explotacións, a redución da factura da luz mediante a introdución de medidas de eficiencia enerxética é un aspecto moi importante. Sábeno ben en SAT San Miguel, que levan moitos anos traballando neste campo. "Se podemos arañar algo niso sempre tentamos miralo", asegura Carlos. Fai 15 anos xa que colocaron un sistema para neutralizar a enerxía reactiva que xera o sistema eléctrico da granxa e que lles supuña un custo engadido na factura da luz de 70 euros ao mes. "O aparato de condensadores que instalamos custounos 1.200 euros hai 15 anos, xa o desquitamos con creces", evidencia.
O 70% da auga quente que gastamos sáenos gratis
Dispoñen tamén de iluminación led e dun sistema de preenfriado do leite que vai ao tanque, que reduce a temperatura coa que sae do muxido, o que ten efectos beneficiosos xa non só desde o punto de vista do aforro económico, senón tamén na calidade do leite, xa que a velocidade de enfriado do leite no tanque condiciona o desenvolvemento de microorganismos. "Instalamos condensadores, variadores de frecuencia e placas para rebaixar a temperatura do leite e aproveitar a enerxía que se xera no proceso de enfriado. Grazas a iso hoxe aforramos o 70% do gasóleo da caldeira que usamos para a auga quente e co dobre de cabezas estamos gastando en luz o mesmo que antes", resume Carlos.  

“As vacas nas Azores poden estar en pastoreo os 365 días ao ano, é algo que non poden facer en Irlanda, en Francia ou en Holanda”

André Almeida é profesor de Producción Animal do Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa. Coa súa axuda facemos unha radiografía da produción de leite en Portugal e analizamos o caso particular das Azores, que comparte similitudes con Galicia, como o seu carácter excedentario e periférico ou o feito de buscar incrementar a produción en base a estabular as vacas. Portugal produce ao ano 2 millóns de toneladas de leite, con tres modelos claramente diferenciados: a metade norte do país, onde abundan as granxas familiares de pequeno tamaño; a zona sur, onde hai explotacións industriais de maior tamaño; e as illas Azores, cunha actitude leiteira predominante e un sistema produtivo baseado no pastoreo, aínda que a busca de maiores rendementos leiteiros por vaca está a propiciar un cambio neste modelo cara á intensificación.
O fin das cotas coincidiu cunha fonda crise económica en Portugal, o que fixo que no norte do país só sobreviviran unha de cada catro granxas leiteiras
O fin das cotas coincidiu cun momento de fonda crise económica en Portugal, co país intervido polos organismos financieiros internacionais, e todos eses factores aparellados levaron á desaparición dun número moi importante de explotacións, unha redución que no norte do país fixo que só sobreviviran unha cuarta parte das granxas leiteiras existentes fai 5 anos. Á par disto, as novas esixencias ambientais e no ámbito do benestar animal teñen provocado unha grande transformación do sector leiteiro no país veciño. Azores produce tres veces máis leite por quilómetro cadrado ca Galicia As Azores son un caso diferenciado. De todo Portugal é a gran rexión especializada en produción de leite e nos últimos anos gañou peso fronte a outras zonas do país onde a cabana gandeira foi a menos. Pero o seu carácter insular e a estrutura minifundista da propiedade da terra, que dificultan o incremento da base territorial das explotacións, son factores que están a levar a moitos gandeiros a apartárense do modelo tradicional de produción de leite no arquipélago, baseado no pastoreo, para adoptar modelos máis intensivos. São Miguel, Pico, Terceira, São Jorge, Faial, Flores, Santa María, Graciosa e Corvo ocupan 2.333 quilómetros cadrados, menos dunha décima parte da superficie de Galicia (29.574 quilómetros cadrados), pero producen ao ano máis de 600.000 toneladas de leite, o 35% do leite de Portugal.
Os gandeiros das illas portuguesas producen leite principalmente en base a pastos, polo que o factor que limita o seu crecemento é a falta de terra dispoñible
As nove illas do arquipélago atlántico portugués comparten ademais con Galicia problemas na industrialización do leite e a lonxanía dos centros de consumo, ademais dunha estrutura minifundista da superficie agraria que dificulta o incremento da base territorial das explotacións. Por iso, a gandaría nas Azores está a experimentar unha progresiva intensificación, cunha maior utilización de concentrados e de silo de millo. – Mentres países do norte de Europa, coma Holanda, están volvendo ao pastoreo, as Azores está abandonando este modelo co argumento de aumentar a produción?  – O arquipélago das Azores é unha zona de produción leiteira moi importante. Representa un terzo da produción de Portugal. O seu segredo é producir leite a prezos moi baratos. Azores ten moi boa climatoloxía para producir leite, pode producir leite a prezos competitivos a base de pastos. As vacas nas Azores poden estar en pastoreo os 365 días do ano, é algo que non poden facer noutras rexións de Europa, non o poden facer en Irlanda, nin en Francia, nin en Holanda.
Unha explotación con máis de 50 animais xa é considerada grande nas Azores, a maioría dispoñen dunhas 20 hectáreas de terreo repartidas en moitas fincas dispersas
Pero neste momento estase dando un proceso de intensificación da produción para poder producir máis porque hai pouca terra dispoñible. Coa excepción de San Miguel, todas as illas son relativamente pequenas e a terra que hai é limitada. Todas teñen montañas no medio polo que non é doado aumentar a superficie. Ademais, é difícil mercar terra e as propiedades agrícolas, as fincas, están moi dispersas, diseminadas por toda a illa. Unha explotación con máis de 50 animais xa é considerada grande nas Azores, a maioría dispoñen dunhas 20 hectáreas de terreo repartidas en moitas fincas dispersas. Leiras pequenas e peches de pedra: o sistema agrario máis habitual nas illas portuguesas – Que estratexia se segue para ampliar a produtividade desas fincas? Como a terra está adicada a pastizais e son fincas pequenas hai dúas cousas que se están a facer: por un lado incrementar a produción do pastizal e por outra mellorar a calidade das forraxes e iso lógrase introducindo leguminosas. A través da sementeira de trevo, por exemplo, lógrase unha valorización da herba para a produción de leite, porque ademais de fixar nitróxeno e mellorar a fertilidade do chan, as forraxes con leguminosas diminúen a dependencia das explotacións e aumentan a súa rendibilidade, porque supón unha fonte proteica propia que reduce a pegada de carbono asociada ao transporte transcontinental de materias primas importadas para as racións, como a soia, e poden tamén axudar á redución dos niveis de metano que emiten as vacas.
As forraxes con leguminosas son unha fonte proteica propia que reduce a pegada de carbono asociada ao transporte transcontinental de materias primas como a soia, diminúe a dependencia das explotacións e aumenta a súa rendibilidade
Hai compañías de sementes que teñen liñas específicas de produto para as Azores e sementes específicas adaptadas ás características do solo e á climatoloxía do arquipélago. Deste xeito os gandeiros das Azores logran producir leite de grande calidade que está baseado no aproveitamento do pastizal todo o ano e que ten moi boa aceptación por parte dos consumidores. O interesante das Azores é iso, que os gandeiros fan un produto de calidade a un prezo baixo e que ten moi boa imaxe no mercado. – Pero logo hai que vendelo no resto de Portugal. Iso tamén pasa en Galicia, onde tamén somos excedentarios. – Ese é o gran problema. Porque aínda que o leite sexa producido a prezos máis baixos tes un custo engadido de transporte que é altísimo. Por iso é moi difícil vender leite barato en Lisboa se é producido nas Azores. Se ti miras nun supermercado en Portugal o leite normal é vendido a uns 50 céntimos, mentres que o leite das Azores é vendido a máis de 60, normalmente o prezo é un 25% máis alto, iso é debido á calidade, que é maior, pero tamén aos altos custos de transporte.
O leite das Azores véndese nos supermercados de Lisboa a un prezo un 25% máis alto que o producido no resto de Portugal. Iso é debido á calidade, que é maior, pero tamén aos altos custos de transporte
Ten moito que ver con Galicia, pero quizais máis con Canarias, porque está máis lonxe da península. As Azores producen moito leite e a maioría é vendido fóra do arquipélago. Ese leite compite nos supermercados portugueses con leite de outras zonas leiteiras de Europa, como Galicia ou o norte de Francia. Penso que a solución sería incrementar a transformación, facer produtos de alta calidade, como queixos ou outros, que non teñan tanta dificultade de transporte e que teñan unha vida útil máis grande que o leite. E competir nun nicho de mercado máis especializado que non sexa o mercado do leite líquido convencional. – En Portugal tamén mandan as cadeas de distribución na fixación de prezos? – Si, e ese é outro grave problema, porque en Portugal hai só tres ou catro grandes compañías de supermercados. Así que a distribución manda na produción, presiona e fai o que quere. E temos outro problema engadido a maiores en Portugal e é que hai só tres ou catro industrias de transformación no sector lácteo, hai moi pouca competencia e iso é sempre moi inxusto para os gandeiros, porque producen un leite de alta calidade pero o prezo é sempre baixo.
A distribución manda na produción, presiona e fai o que quere e en Portugal hai moi pouca competencia e iso é sempre moi inxusto para os gandeiros
– Vostede ten traballado con algúns países africanos. Pode ter unha vantaxe Portugal coas súas ex colonias á hora de acceder a mercados emerxentes, por exemplo en África? – Si, pero unha vez máis tes o problema dos transportes. Se me fas a pregunta no caso concreto de Angola, por exemplo, que é un país moi emerxente neste momento e que fai un ano tiña moitos cartos para importar produtos estranxeiros eu diríache que si, pero quizais aplicado sobre todo a outros produtos como viño, cervexa ou mesmo auga. Para o leite é diferente porque o sector do leite é moi particular nese sentido.
En Angola o que fan é mercar leite en po, diluilo e envasalo e para iso está a competencia do leite en po de Nova Zelandia
En Angola hai plantas de envasado de leite, pero ese leite non é producido localmente. O que fan é mercar leite en po, diluilo e envasalo, e para isto hai a competencia do leite en po producido a moi baixo custo en países como Nova Zelandia ou mesmo en países de Europa. É leite que ten unha pegada de carbono moi importante, tanto no transporte como no secado. Quizais hai máis posibilidades no caso da manteiga, pero no caso do leite liquido é complicado. Ademais África ten un problema engadido a maiores para exportar alí produtos lácteos e é que a rede de frío e a electricidade son moi deficientes. E iso non é un problema para unha cervexa que está envasada nunha lata pero no caso do leite iso limítate ao UHT.

"O turismo é unha ferramenta útil nas Azores para vender o seu leite. Iso tamén o podería facer Galicia"

O desprazamento das vacas polas estradas para iren aos pastos é unha estampa habitual nas Azores A agricultura e a produción gandeira ten moita importancia na paisaxe das Azores, que constitúe un elemento esencial á hora de vender a imaxe verde das illas portuguesas como destino turístico natural, polo que a diminución da contaminación e da pegada de carbono das explotacións ten moita importancia xa non só desde o punto de vista gandeiro, senón tamén turístico, e ás vantaxes ambientais que supón a mellora neste eido engádense as de carácter económico para o conxunto do arquipélago, traspasando deste xeito ao propio sector leiteiro. – Teño lido nalgunha entrevista súa que a redución da pegada de carbono, ademais dunha cuestión ambiental é tamén unha cuestión de márqueting para as granxas. – Efectivamente non é só unha cuestión medioambiental. A redución da contaminación da auga, que non haxa olores, etc, todo iso é moi positivo para a imaxe das Azores e tamén dos propios gandeiros para vender despois o seu leite nos supermercados portugueses. Os turistas que van quedan namorados das Azores, da súa gandeiría e dos seus produtos e normalmente cando volven ás súas casas a probabilidade de que empecen a consumir leite das Azores é alta. Iso tamén o podería facer Galicia ou o norte de Portugal, onde por exemplo o queixo limiao ten unha boa imaxe, unha imaxe positiva e diferenciada en comparación co resto de queixos que se fan en Portugal.
O leite das Azores leva décadas posicionado no mercado coma un leite de calidade. Os produtos lácteos do arquipélago usan o selo 'Produto dos Açores', unha marca valorada polo consumidor portugués
As Azores é a única zona produtora de leite de Portugal que ten esa capacidade turística e iso tamén é unha ferramenta de promoción do leite e dos queixos producidos nas Azores, o turismo é unha ferramenta útil para que os gandeiros das Azores poidan incrementar a venda dos seus produtos e tamén aumentar o seu valor. – É posible producir un leite cero carbono? – Nas Azores eu penso que si. Pero unicamente producilo, porque logo para comercializalo hai que transportalo 2.000 quilómetros. Eu penso que o gran problema da pegada de carbono do leite é precisamente o transporte, non o feito de producilo. Se ti produces leite de pastizal logras unha produción a un custo económico e tamén ecolóxico moi baixo, polo que se ti descontas das emisións producidas a fixación de nitróxeno e a captura de carbono que fai o chan penso que ese leite si que podería considerarse cero carbono.
Eu penso que o gran problema da pegada de carbono do leite é precisamente o transporte, tanto dos insumos para alimentación como do propio leite, non o feito de producilo
Ademais, hai unha cuestión engadida que en lugares como Galicia ou Portugal hai que ter en conta e que é moi importante. Temos pastizais que están intimamente ligados á produción de rumiantes. Cal é a alternativa a iso? Se miras a zona de montaña de Galicia e todo o interior de Portugal, desde os anos 60 a estratexia na zona interior do país foi reemprazar a produción de rumiantes, sobre todo de pequenos rumiantes no caso de Portugal, por forestación de eucaliptos e de piñeiros.
Os pastizais nos montes estaban ligados á produción de rumiantes. Cal é a alternativa a iso? Se ti miras o mapa de lumes coincide coas zonas nas que desde os anos 60 se reemprazou ese modelo por forestación de eucaliptos e piñeiros
Iso desde o punto de vista da fixación de carbono está moi ben até que arde, cando arde hai unha liberación de carbono monumental. Eu penso que todos os problemas de incendios que temos cada xullo, cada agosto e cada setembro ten moito que ver coa substitución desta produción tradicional de rumiantes por sistemas de plantacións forestais, porque ese sistema de produción animal, contrariamente ao que opina moita xente, permíteche fixar carbono e diminuir as emisións.

“Producir máis contaminando menos, nós pensamos que iso é factible”

O pasado 20 de maio, a Comisión Europea publicou dous documentos que avanzan as directrices das políticas agrarias comunitarias para os vindeiros dez anos: o programa Da granxa ao garfo e Biodiversidade Horizonte 2030. A Estratexia Da granxa ao garfo contén un Plan de Acción con 27 medidas para os vindeiros anos que, sen dúbida, marcarán a agricultura nesta década. Entre elas, destacan a redución no uso dos pesticidas agrícolas e dos antibióticos no gando nun 50%, diminuír os fertilizantes nun 20%, aumentar a cultivo ecolóxico até chegar ao 25% da superficie agraria no conxunto da UE, que a agricultura contribúa ao arrefriamento do planeta e mellorar o benestar animal e a posición dos produtores na cadea de valor. Lida por riba, a estratexia Da granxa ao garfo soa moi ben e inclúe moitas iniciativas e finalidades que, aparentemente, deberían ser positivas para o campo, os consumidores e a sociedade no seu conxunto. Mais as novas esixencias en materia de sustentabilidade ambiental que os agricultores e gandeiros deberán cumprir nos vindeiros anos poderían encarecer os custos de produción e reducir as xa de por si mínimas marxes de beneficio das explotacións. Para abordar os aspectos que traerá consigo a nova estratexia para a produción de alimentos da Unión Europea e os desafíos que se presentan ao sector a Unión de Pequeños Agricultores (UPA) celebrou este luns unha xornada de debate online na que participou o Xefe de Unidade Adxunto de Perspectivas da PAC da Comisión Europea, Ricard Ramón i Sumoy, nado en Tarragona pero que acumula unha longa experiencia en Bruxelas, onde leva máis de 20 anos traballando na xestión comunitaria. O alto funcionario da Comisión Europea considera que é posible "producir máis contaminando menos". "Nós pensamos que isto é factible, porque hai que producir máis para alimentar ao aumento de poboación mundial", asegura en relación ás proxeccións da ONU, que estiman que no 2050 haberá máis de 9 billóns de persoas habitando o planeta. "Os avances técnicos téñennos que permitir romper esa aparente contradición, que se daba ata fai anos, entre a seguridade alimentaria e a pegada climática, para que sexa compatible aumentar a produción de alimentos e contaminar menos, aínda que esta é unha transición global, que non pode facer só a UE, porque se Europa reduce a súa pegada climática pero o resto do mundo non o fai teremos un problema", asegura Ricard, por iso aposta por implicar ao resto de países produtores do mundo a través dos acordos comerciais que asine a Unión Europea daquí en diante. Aínda que admitiu que a decisión final en relación á Estratexia Da granxa ao garfo non a vai a tomar a Comisión Europea, xa que é o Parlamento Europeo xunto cos Ministros de Agricultura dos 27 países comunitarios os que teñen que aprobala, explicou que o documento presentado reflicte "a vontade política" do Executivo comunitario "en consonancia coas tendencias do mercado e as preocupacións dos consumidores".
Non queremos facer disto bos e malos, do que se trata é de facer entre todos esta transición e acompañar este cambio cara a unha agricultura que sexa sostible e tamén rendible
Restou importancia ao feito de que a Estratexia Da granxa ao garfo estea liderada pola comisaria de Sanidade europea, Stella Kyriakides, e que o comisario de Agricultura, Janusz Wojciechowski, nin sequera estivese presente na presentación do documento. "As decisións son colexiadas, independentemente de quen saia na foto ou faga o discurso", xustificou. "A Estratexia Da granxa ao garfo responde a un cambio importante da Comisión para os próximos anos, queremos dar un salto importante de sustentabilidade para o conxunto da economía dentro do Pacto Verde Europeo e pensamos que o relanzamento da economía trala Covid ten que ser verde. Non queremos facer disto bos e malos, do que se trata é de facer entre todos esta transición e acompañar este cambio cara a unha agricultura que sexa sostible e rendible", argumentou en defensa dos plans de Bruxelas. Por primeira vez, obxectivos concretos medibles Ricard Ramón explicou que dentro das intencións do Executivo comunitario "combínanse dous elementos da gobernanza e este documento, a diferenza doutros que presentamos até o de agora, ten metas cuantificables, que son obxectivos e marcan unha dirección, son aspiracións políticas ás que nos gustaría chegar. Non é tan importante o obxectivo como o camiño", asegurou. Neste sentido, resumiu en cinco as prioridades daquí a 2030: redución do uso e risco de pesticidas, cun descenso do 50% no volume total de produtos fitosanitarios usados en agricultura e unha redución tamén á metade na utilización daqueles que presentan unha maior toxicidade; evitar nun 50% a perda actual de fertilidade do chan e con iso minorar nun 20% o uso de fertilizantes; usar a metade de antibióticos na produción gandeira; incrementar até o 25% da SAU comunitaria a superficie ecolóxica e lograr que o 10% da superficie agraria europea conteña elementos de valor ambiental.
A Directiva de Uso Sostible de Pesticidas de 2009 non funcionou e por iso debemos seguir empurrando
Xustificou que non houbese unha análise de impacto previo destas medidas porque, explicou, "fanse cando hai actos lexislativos firmes, non canto se fan propostas de obxectivos de carácter político", pero indicou que "estas cifras teñen en conta as tendencias dos últimos anos e as proxeccións existentes, pero en último termo o seu establecemento é un obxectivo e unha decisión política", admitiu. "A Directiva de Uso Sostible de Pesticidas de 2009 non funcionou e por iso debemos seguir empurrando nesa dirección, e a redución de antibióticos é quizais o obxectivo máis doado de cumprir, porque depende basicamente do porcino e avicultura e neses sectores xa houbo grandes avances nos últimos anos", destacou. Cambios lexislativos importantes nos próximos tres anos A Estratexia presentada o pasado 20 de maio pola Comisión dará lugar a partir de agora a todo un corpo lexislativo con distintas leis e normativas, indicou. "A partir de agora vanse a ir desagregando as medidas concretas en distintos actos lexislativos e as propostas lexislativas irán acompañadas de estudos de impacto para analizar como afectarán á produción agrícola", avanzou.
Autorizarase nos pensos o uso de encimas que melloren a dixestión en ruminantes para reducir desta forma as emisións de metano
Moitas destas novas propostas normativas (ou modificación das xa existentes) terán lugar no próximos tres anos, tales como a aprobación este mesmo ano do Plan de Acción de Agricultura Ecolóxica, previsto para finais de 2020; a modificación da Directiva de Pesticidas, cuxa aprobación se espera en 2021; a revisión do Regulamento de Antibióticos, que terá lugar tamén o próximo ano; a inclusión de axustes nas Normas de Competencia para favorecer a cooperación no sector primario, fixada no calendario en 2021; a revisión do Regulamento de Aditivos para pensos, que autorizará o uso de encimas que melloren a dixestión en ruminantes para reducir desta forma as emisións de metano, que se espera tamén a finais do ano que vén; os cambios a nivel de etiquetaxe dos alimentos, para achegar maior información ao consumidor, en 2022; ou a revisión das Normas de Benestar Animal, incluído o transporte e o sacrificio, previstas para 2023. Avances tecnolóxicos aplicados á produción de alimentos Para este alto funcionario comunitario, o Executivo europeo pretende "poñer a remar na mesma dirección ás distintas pezas do puzle, fundamentalmente tres: o produtor, o consumidor e a ciencia. "Hai que facilitar que o desenvolvemento tecnolóxico chegue canto antes aos nosos agricultores e gandeiros", insistiu Defensor de democratizar a modernización tecnolóxica porque senón as pequenas explotacións non poderán competir coas grandes, Ricard defende o modelo de explotacións familiares europeas ás que ve futuro. "Ás veces cústanos darnos conta da gran revolución tecnolóxica en curso que se está producindo e que se está democratizando e chegando ás pequenas explotacións, estes avances non son xa cousa só das grandes explotacións", afirma. Pero para poder adoptar todas estas tecnoloxías, como a agricultura de precisión, "ten que haber cobertura de banda ancha en todo o territorio rural da UE en 2025", remarca. "Este obxectivo existía xa, pero a Comisión insiste nel para que os fondos da PAC permitan lograr alcanzar este obxectivo cos fondos de desenvolvemento rural", anuncia.
A discusión sobre os Organismos Modificados Xeneticamente está aparcada
Os avances técnicos deberían permitir aos agricultores e gandeiros europeos reducir a súa dependencia de praguicidas e fertilizantes e aumentar a súa produción, algo que tamén se podería lograr coa introdución e autorización dos alimentos transxénicos, aínda que Ricard explicou que "a discusión sobre os Organismos Modificados Xeneticamente está aparcada actualmente na Unión Europea" diante da falta de unanimidade dos Estados a este respecto. Fomento da agricultura ecolóxica e redución do consumo de carne O responsable adxunto en Bruxelas da futura PAC defendeu que "estamos nun momento no que se abren oportunidades" e animou aos produtores para aproveitalas: "Márcanse obxectivos a longo prazo, a unha década vista. Iso permítenos anticiparnos, porque a sociedade e o consumidor van tamén nesta mesma liña e dous terzos dos consumidores afirman estar dispostos a cambiar os seus hábitos de consumo en prol da sustentabilidade", indicou. "A nosa intención é que en 2030 o 25% da superficie agrícola sexa ecolóxica, pero isto non o podemos impoñer, é o mercado o que nos ten que levar aí a través do aumento da demanda deste tipo de produtos biolóxicos", afirmou.
O 40% dos produtos ecolóxicos que demanda a sociedade europea son importados, aí hai un nicho de mercado interesante
Dado que na actualidade o 40% dos produtos ecolóxicos que demanda a sociedade europea son importados, "aí hai un nicho de mercado interesante", defendeu. Explicou ademais que segundo as perspectivas e os estudos realizados a nivel comunitario, onde a agricultura ecolóxica representa nestes momentos o 8% da superficie agraria, "sen facer nada acabaría a próxima década no 12%, polo que se trataría de empurrar a demanda para dobrar esa cifra". Aínda que aclarou que "lograr ese 25% é un horizonte político europeo, o que implica que non ten por que ser en todos os países esa cifra nin en todas as rexións", explicou que España atópase xa nestes momentos nunha porcentaxe entre o 10 e o 11%, con rexións como Andalucía onde a agricultura ecolóxica equivale xa ao 18%, pero "hai outras rexións españolas e outros países dentro da UE que están por baixo do 6-7%", dixo. Á vez que aumenta a demanda de produtos agrícolas ecolóxicos, insistiu en relación aos plans da Comisión Europea para que se reduza a produción de carne en que "hai unha realidade en Europa, con independencia de que se promova ou non, que é a tendencia á redución do consumo de carne na sociedade, e que é substancial nas xeracións máis novas". Fortalecemento da posición dos produtores na cadea Ricard Ramón considerou necesario mellorar a posición dos gandeiros na cadea de valor, xa que, exemplificou, "hai zonas onde se produce en ecolóxico pero despois eses produtos véndense como convencional porque os circuítos de comercialización en ecolóxico non están ben estruturados". A nova Estratexia Da granxa ao garfo da Comisión Europea para o sector agroalimentario inclúe como medida número 11, datada en 2021-2022, a aprobación de "iniciativas lexislativas para mellorar a cooperación dos produtores primarios a fin de apoiar a súa posición na cadea alimentaria e de iniciativas non lexislativas para aumentar a transparencia".
Hai zonas onde se produce en ecolóxico pero despois eses produtos véndense como convencional porque os circuítos de comercialización en ecolóxico non están ben estruturados
A principal novidade que presenta a nova PAC neste sentido, ademais do Regulamento da Organización Común de Mercados e a Directiva sobre Prácticas Comerciais Desleais, é o apoio decidido ás intervencións sectoriais. A pedra angular deste sistema é a cooperación dos produtores, o que lles permite fortalecer a súa posición na cadea de subministración así como a súa resistencia aos desafíos económicos e ambientais. En España existe o exemplo da aplicación das intervencións sectoriais no sector de froitas e verduras, que agora se tenta facer extensivo a máis sectores. Importacións de terceiros países En relación á competencia desleal de produtos importados pola Unión Europea con menores esixencias en materia ambiental, de seguridade alimentaria ou de condicións laborais, Ricard destaca que "por primeira vez a Comisión di que se van esixir os mesmos estándares aos produtos de terceiros países, pero isto é moi difícil de cumprir a nivel global e vai levar anos", admite.
A Comisión ten a vontade de esixir os mesmos estándares e normas nos acordos con terceiros países para a importación de produtos agroalimentarios pero isto é moi difícil de cumprir a nivel global e vai levar anos
Pero insiste en que "a Comisión ten esa vontade política, a de esixir aos agricultores de aquí o mesmo que aos agricultores de fóra, e vaise a empezar a aplicar nos novos acordos que se asinen. Mentres tanto, di, os Estados poderían facer máis do que fan na importación de produtos de terceiros países, porque é a súa competencia controlar e vixiar o cumprimento da normativa comunitaria nas entradas de produtos alimentarios ao seu territorio. Aínda que Bruxelas tamén ten intención de reducir a dependencia externa de cereais e de produtos que favorecen a deforestación, como a soia, "as importacións de soia están aí e necesitámolas para manter o noso modelo de alimentación animal", asegura.

"O mellor que lles podería pasar aos agricultores e gandeiros é que o Consello de Comisarios se pechase canto antes e aprobase a actual proposta para a PAC 2021-2027"

O Xefe de Unidade Adxunto de Perspectivas da PAC da Comisión Europea defendeu tamén a actual proposta económica para o período 2021-2027 realizada pola presidenta Úrsula Von der Leyen dentro do marco orzamentario da UE e do Plan de Recuperación post Covid, que prevé repartir entre os Estados membros 750.000 millóns de euros en distintos sectores, e dos que a España lle tocarían 15.000 millóns máis no Feader para o segundo pilar da PAC, aínda que este incremento non compensa o recorte previsto nos pagos directos do primeiro pilar. En conxunto, a proposta da Comisión mellora a proposta inicial realizada en 2018 pero non chega a igualar os fondos da PAC actual, a respecto dos cales, segundo diversos cálculos, España perdería 585 millóns de euros anuais. Ricard Ramón rebate estas cifras e afirma que "se á ficha financeira da PAC de 2020 lle sacamos o Reino Unido e multiplicámolo por sete exercicios sáenos que a PAC aumenta en conxunto un 2%, que o desenvolvemento rural aumenta un 1,6% e que os pagos directos diminúen só un 0,4%", calcula.
Quen ten hoxe unha renda mínima garantida ata 2027? Eu penso que é un luxo tal como están hoxe as cousas no mundo ter unha cantidade garantida até o 2027
Pero independentemente dos números concretos, defende as bondades da actual proposta até o punto de afirmar que "o mellor que lles podería pasar aos agricultores e gandeiros é que o Consello de Comisarios se pechase canto antes e aprobase esta proposta". "Eu penso que hoxe ter unha cantidade garantida até o 2027 é un luxo tal como están as cousas no mundo e co nivel de inestabilidade que existe. Quen ten hoxe unha renda mínima garantida até o 2027?", razoa. Leves cambios na proposta realizada hai dous anos A proposta de reforma da Política Agraria Común para o período 2021-2027, presentada pola Comisión Europea en 2018, focalizaba xa nos aspectos ambientais boa parte dos cambios previstos no reparto de axudas nos próximos anos. Por iso Ricard asegura que "a PAC que propuxemos hai dous anos pode ser útil e pode satisfacer as aspiracións de sustentabilidade da Estratexia Da granxa ao garfo, porque xa se adiantou a eses obxectivos ambientais".
Temos unha ferramenta fundamental que nos permitirá chegar aos obxectivos ambientais da Estratexia 'Da granxa ao garfo' e é a PAC
Aínda que para que sirva a eses obxectivos de sustentabilidade, asegura, a nova PAC post 2020 debería manter os aspectos clave propostos hai dous anos (por exemplo que o 30% dos fondos de desenvolvemento rural do segundo pilar se destinen a aspectos ambientais) e incorporar dous cambios a maiores: fixar un mínimo de fondos para o chamados eco-esquemas (a Comisión non estableceu na súa proposta cantidade algunha pero o Parlamento Europeo hai dous anos propuxo reservar a este fin un 20% dos fondos do primeiro pilar) e fixar obxectivos concretos a respecto da redución no uso de antibióticos nas explotacións. Sen a maioría suficiente para establecer un teito de fondos por perceptor A reforma da PAC leva dous anos de tramitación (o Parlamento paralizouna pola falta dun Marco Orzamentario e pola incerteza sobre as consecuencias do Brexit) e atópase xa nestes momentos no seu proceso final, aínda que chegar a un acordo entre os distintos países non está a resultar doado ao xerarse grandes controversias entre os intereses dos diferentes Estados. Unha das discrepancias xira ao redor da proposta de poñer un teito nas axudas por explotación. A Comisión propoñía fixar o tope en 60.000 euros por explotación e ano e o Parlamento mostrouse partidario de aumentar esa cifra ata os 100.000 euros, pero non hai maioría actualmente na Eurocámara, onde grupos de dereita e países do leste rexéitan poñer límite algún.
Os puntos de partida e as realidades en cada país son moi distintas, por iso a proposta da Comisión sobre os obxectivos alcanzables non será igual para todos os Estados
Outro dos cambios na futura PAC é o seu maior grao de descentralización, xa que os distintos Estados terán capacidade de asignar fondos segundo os seus propios criterios e prioridades dentro do marco dos obxectivos comúns europeos. Distintas voces alertan, neste sentido, de que se Bruxelas abre moito a man coa subsidiariedade dos Plans Estratéxicos fará que exista unha PAC en pequeno para cada Estado deixando de ser deste xeito unha política europea. Ricard non ten ese temor e anuncia "maior implicación da Comisión na aprobación dos Plans Estratéxicos da PAC para guiar aos Estados e facilitar que se cumpran eses obxectivos ambientais establecidos con carácter xeral para o conxunto da UE", aínda que admite que "os puntos de partida e as realidades en cada país son moi distintas, de modo que o potencial alcanzable tamén é distinto por países, por iso a proposta da Comisión non será igual para todos os Estados". Non criminalizar á agricultura e gandeiría convencionais Aínda que a aposta da Comisión Europea é clara a favor de incrementar a agricultura ecolóxica, Ricard considera que "hai outros modelos que tamén son sostibles e sería un erro levar a pensar que só a agricultura ecolóxica é sostible". "Non se pode trasladar a idea de que só é sá a agricultura ecolóxica e estigmatizar a agricultura e a gandería convencional, que son saudables, cumpren con todos os estándares de calidade e poden ser sostibles medioambientalmente introducindo unha serie de prácticas que figurarán na condicionalidade reforzada da PAC, como o control integrado de pragas ou medidas para favorecer a biodiversidade", avanza. "Co apoio de todos os novos fondos da PAC imos impulsar todos estas prácticas dentro da agricultura e a gandería convencional", anuncia, explicando que "os eco-esquemas non son como as axudas agroambientais, que só poden compensar o lucro cesante, mentres que os eco-esquemas, sen embargo, poden ir máis aló para incentivar as prácticas sostibles e financialas", indica.

Os sindicatos agrarios alertan do incremento de custos "inasumibles" para as pequenas e medianas explotacións

Como anfitrión do webinar no que participou Ricard Ramón e a exconselleira de Agricultura da Junta de Andalucía e agora europarlamentaria Clara Aguilera actuou o secretario de Relacións Internacionais de UPA, José Manuel Roche, quen avanzou a postura deste sindicato en relación á Estratexia Da granxa ao garfo. Para UPA, as intencións da Comisión Europea "xeran bastante incerteza e preocupación". "Esta estratexia ten que ser unha oportunidade para a agricultura e a gandería e non unha ameaza. En ningún outro lugar do mundo está a producirse de maneira máis sostible que na UE pero non se valoran eses avances producidos nas últimas décadas. Fomos un dos sectores que máis reducimos as emisións, un 24% desde 1990, o 12% o consumo de enerxía e o 30% de auga. Sen embargo, o documento presentado é unha patada ao sector cunha Estratexia que pon en dúbida a nosa forma de traballar", asegurou Roche. "Os agricultores e gandeiros demostramos que somos un sector esencial e queremos que así sexa considerado e o que esperamos é que se cambien aqueles obxectivos que poñen en perigo o modelo de agricultura e gandería familiar. Reducións inasumibles nos insumos usados na agricultura, como fitosanitarios e fertilizantes, boas prácticas agrarias como agricultura de conservación, sementa directa, marxes multifuncionais ou rotación de cultivos, enumerou. "Se temos que levar a cabo todos estes obxectivos con novas esixencias e un orzamento menor imos poñer en perigo a viabilidade das explotacións", asegurou.
Esta Estratexia ten que ser unha oportunidade para a agricultura e a gandería e non unha ameaza. Se temos que levar a cabo todos estes obxectivos con novas esixencias e un orzamento menor imos poñer en perigo a viabilidade das explotacións
Ademais, preguntouse: "Imos ser capaces de aumentar a produción de alimentos para o incremento de poboación mundial prescindindo de fitosanitarios, neste momento a principal ferramenta para salvar as colleitas? Porque as pragas van seguir existindo, non van desaparecer", razoou. Roche é produtor de 100 hectáreas de cereal de secaño en Aragón e afirmou que "este ano sen fitosanitarios teriamos un 40% menos de produción". "Alguén preguntou ao consumidor da UE se estaría disposto a pagar un 40% máis polo pan ou os alimentos que consome?", cuestionou. Na súa opinión, para "alcanzar os obxectivos de redución de fitosanitarios e fertilizantes a produción alimentos na UE vai reducirse inevitablemente", polo que propuxo que as medidas incorporadas á Estratexia Da granxa ao garfo sexan "de carácter voluntario", xa que "os alimentos que producimos son saudables e os produtos que usamos están avalados pola EPSA, a Axencia de Seguridade Alimentaria Europea". "Os agricultores e gandeiros buscamos o equilibrio na palabra sustentabilidade nos seu sentido máis amplo: sustentabilidade ambiental, por suposto, pero tamén social e económica", reclamou. Ademais, insistiu, "preocúpanos que se incentive á sociedade para reducir o consumo de carne vermella co que iso podería supoñer, xa que sería moi daniño para a gandería extensiva de vacún ou ovino, pero tamén para a gandería intensiva de porcino e polo". Unha nova vía de negocio para as multinacionais Pola súa banda, o Sindicato Labrego Galego considera a Estratexia Da granxa ao garfo "unha operación de márketing consistente en maquillar de verde e ecolóxico o que non o é", é dicir, "unha nova man de pintura verde para a mesma política agraria industrial e contaminante de sempre" que levará aparellados "custos inasumibles" para as pequenas e medianas explotacións e que abre unha nova vía de negocio para as grandes industrias agroalimentarias e as multinacionais do sector. "Para empezar, esta estratexia pon como causantes de todos os impactos negativos do sistema alimentario no clima aos labregos e ás labregas. Todas as medidas van dirixidas a regular as actividades agrogandeiras. Para o resto de axentes do sistema alimentario (industrias, fabricantes de insumos, distribuidoras, transportes, maquinaria, etc.) simplemente se propón un código de conduta e de boas prácticas que ben sabemos, por experiencia, que non se vai cumprir", denuncia o SLG.
A Estratexia 'Da granxa ao garfo' inclúe esixencias legais de obrigado cumprimento para os produtores e un simple código de boas prácticas voluntario para os restantes elos da cadea agroalimentaria
Así, denuncia o sindicato, "sorprende que non haxa unha visión crítica con aspectos altamente contaminantes e provocadores de cambio climático, como a agresiva vocación exportadora da Unión Europea ou os tratados de libre comercio nos que a produción alimentaria é sempre moeda de cambio e que se están a asinar con multitude de países a miles de quilómetros cos que se forza un intercambio comercial de alimentos que se poderían producir e consumir nos mesmos países de orixe para non contribuír ao quecemento global do planeta". Da mesma maneira, indica o Sindicato Labrego, "cando fala de aumentar a superficie de agricultura ecolóxica entendemos que serán benvidas as producións ecolóxicas industriais e deslocalizadas para aforrar en man de obra a costa dos dereitos laborais e humanos de miles de persoas e consumindo cantidades inxentes de combustibles fósiles para levarnos os alimentos “da granxa á mesa”.
É unha operación de márketing consistente en maquillar de verde e ecolóxico o que non o é, unha nova man de pintura verde para a mesma política agraria industrial e contaminante de sempre
Da análise das medidas concretas que se establecen, o SLG critica que "cando se fala de reducir o uso de fertilizantes, non se distingue entre abonos orgánicos producidos e utilizados na propia granxa e fertilizantes de síntese industrial. Tampouco diferencia o pastoreo e a gandería extensiva, nin fala do modelo de agronegocio que propicia as zonas máis críticas da gandería intensiva. Neste senso, ao culpar á gandería do 70% das emisións de gases con efecto invernadoiro da agricultura (que en si mesma é a causante do 10'3% das emisións globais), non diferencia entre a gandería intensiva e sen terra e a que se fai en base a pasteiros. Este meter todos os modelos gandeiros no mesmo saco repetirase en cuestións como o benestar animal", prognostica. En definitiva, para o Sindicato Labrego Galego, máis que unha estratexia para o agro, Da granxa ao garfo semella unha estratexia de márketing, un lavado de cara das políticas agrarias da Unión Europea fronte a unha sociedade cada vez máis concienciada co coidado do planeta e co ecoloxismo e, polo tanto, "contraria ao tremendo impacto que está a ter o sistema alimentario industrial dominante sobre o medio ambiente e o clima. Ese lavado de cara consiste en etiquetar de ecolóxicas e sostibles producións intensivas e deslocalizadas, con miles de quilómetros e de toneladas de combustibles fósiles entre a granxa e a mesa á que alude o slogan, e altamente dependentes dos paquetes tecnolóxicos das industrias agrarias, químicas e farmacéuticas. Parece que o que se fai é privatizar definitivamente o control da produción e a xestión das crises e que a posición na cadea de valor dos labregos e das labregas segue a ser a de subministradores de materia prima barata", denuncia.
Parece que o que se fai é privatizar definitivamente o control da produción e converter aos labregos e as labregas en subministradores de materia prima barata
"Moitos proxectos verdadeiramente sostibles quedarán fóra do sistema porque lles resultará imposible cumprir todos os requisitos burocráticos que estas medidas van levar consigo: documentar as reducións das porcentaxes propostas vai ser un gasto e un proceso que moitas pequenas e non tan pequenas granxas en Galicia probablemente non serán quen de asumir. Coma sempre, todo quedará en mans do asesoramento privado e, en moitas ocasións, nun asesoramento proporcionado polas propias empresas que lles venden insumos ou lles compran o produto ás granxas", alerta o SLG, que pon exemplos de grandes multinacionacionais que están a reconverterse para aproveitar o novo nicho de negocio creado pola UE. "Syngenta ten proxectos de biodiversidade agrícola moi variados e investirá 2.000 millóns de euros nos vindeiros cinco anos para acelerar a innovación na agricultura sostible en todo o mundo. Bayer di que as propostas da estratexia Da granxa ao garfo reflicten moitos dos seus compromisos: fitosanitarios biolóxicos, fitomelloramento, sementes melloradas, agricultura de precisión, agricultura dixital. Que industrias directamente implicadas na contaminación química e no cambio climático se posicionen agora como salvadoras dunha crise á que contribuíron e contribúen xa o di todo", argumentan desde o Sindicato Labrego.

Ganderías de Mazaricos implícanse na loita contra o cambio climático protexendo as ribeiras dos ríos

O Concello de Mazaricos é dos poucos onde se dan perfectamente as condicións óptimas para compaxinar turismo e natureza, sen perder a esencia orixinal da gandeiría como recurso máis elemental, contando con máis de 800 granxas repartidas polo territorio, e que lle dan un posto de relevancia autonómica. Técnicos de Augas de Galicia e do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), personal de campo e a motivación cada vez máis participativa de gandeirías comprometidas uníronse para preservar os bosques de ribeira que se atopan nas marxes dos ríos, coma un aliado principal contra o cambio climático e figura esencial e representativa da paisaxe rural.

Recuperación das marxes de xeito natural: Antes da actuación

Recuperación das marxes de xeito natural: Despois da actuación

Velaquí o testemuño de 3 ganderías de vacún de leite que participan nesta iniciativa:

SAT Busto Corzón (Mazaricos) : “Manter a vexetación das marxes dos regatos e ríos é beneficioso para o medioambiente e tamén para a nosa granxa”

“Somos una explotación gandeira nacida no ano 2005 e froito da fusión de tres pequenas explotacións familiares. Está situada na parroquia de Corzón, no concello de Mazaricos e dedícase á producción de leite. Neste momento contamos cunha cabana gandeira de más dun millar de cabezas, 450 das cales son vacas en muxidura que nos permiten un volume de producción anual de algo máis de cinco millóns de litros de leite. Somos unha explotación moderna, sustentable e eficiente que fai unha aposta decidida por aspectos tan importantes coma a seguridade alimentaria, o benestar animal ou o coidado ambiental. Neste sentido, fomos das primeiras explotacións de Europa en obter a certificación de calidade ISO 22000. Para Busto-Corzón o respecto e o coidado do entorno resulta fundamental e tentamos adiantarnos ás políticas ambientais máis esixentes implementando prácticas agronómicas e de manexo de xurros compatibles co coidado máximo do entorno ou da paisaxe. Por citar dous exemplos: dende fai un par de anos dispoñemos dunha fosa de xurro con capacidade para máis de 13 millóns de litros, o que nos permite aplicar este abono orgánico só dúas veces ao ano, co que isto supón á hora de controlar as potenciais filtracións ou contaminacións das augas por nitratos. José Manuel, Socio cooperativista de Busto Corzón, nunha das novas franxas fluviais que se promoven como barreira de protección. Nesta mesma liña, levamos anos respectando as distancias de seguridade mínimas de cinco metros a cauces de auga, tanto á hora de realizar tratamentos como de facer sementeira de millo ou implantacións de praderías. Consideramos que estas franxas de seguridade son fundamentais para manter un ecosistema limpo e equilibrado e que tamén son beneficiosas para a nósa granxa. Así é que temos un plan a curto prazo para prantar nestas zonas especies autóctonas que aínda consoliden máis estas áreas de especial interés ecolóxico”.

Sat CIVES (Mazaricos) : “Deixamos sen laborear 5 metros nas marxes dos cauces porque é unha actuación beneficiosa para preservar os ríos”

“Son Antonio París, socio de Sat Cives, que nacíu da fusión de 4 explotacións pequenas de Colúns, no ano 2007. Manexamos máis de 500 cabezas e en muxidura 270 para entrar así, nun sector lácteo cada vez más competitivo, considerándonos unha referencia no benestar animal. Sobre actuacións ambientais contamos cunha foxa cuberta de ata 3 millóns de litros, que nos permite secuenciar as aplicacións de abonado e reducir así os riscos de filtracións ou de escorregas. Na actualidade estamos aumentando as nosas políticas ambientais deixando sen laborear os cinco metros das marxes dos cauces. Cremos que é unha actuación beneficiosa e xusta para preservar os ríos, a pesar de que o factor limitante para desenvolver correctamente estas melloras ambientais, sexa o alto prezo dos alugueres das terras.

Sat Fernández (Mazaricos): "Queremos recompoñer as zonas de protección das marxes de ríos e regatos"

Zona de protección sen laborear, que promove a gandeiría Sat Fernández. "Son José Antonio, socio de Sat Fernández, en Busto, Mazaricos, composta por 3 socios desde o ano 2009. A nosa cabana é de 220 cabezas en muxido e contamos cunha fosa de xurro de 3 millóns de litros. Esta capacidade permítenos regular os abonados e dosificar as aplicacións, en función dun mellor modelo sostible de producción. Para incrementar e mellorar as medidas de produción sustentable e respetuosa co medioambiente, estamos promovendo progresivamente distancias de 5 metros ó borde dos cauces, evitando os laboreos, para recompoñer novamente esas zonas de protección".

Eloi Rodríguez, garda fluvial de Augas de Galicia: “Distanciar as actividades agrícolas das ribeiras dos ríos favorece a calidade das augas”

Eloi Rodríguez. Garda Fluvial de Augas de Galicia nunha das zonas de dinamización dos bosques de ribeira. "O bosque de ribeira é un grande aliado na actividade agrícola, ao ofrecer un posto relevante sobre climatoloxías locais favorables. Na actualidade, a dispersión territorial da agricultura, exerce unha presión importante sobre eles, e existe a necesidade de conservalos. Distanciar as labores agrícolas para dinamizar novamente esas zonas de servidume dos cinco metros, favorece a conexión territorial, a biodiversidade e constitúe unha aposta segura pola calidade das augas. Non nos esquecemos do reporte climatolóxico que tamén nos ofrecen os lindes e sebes naturais e zonas húmidas. Coa innegable participación das actividades agrarias que se desenvolven neste concello de Mazaricos, son as principais ferramentas que se promoven como encontro participativo. Buscamos hoxe, unha aposta; a da economía de compromiso, a de valorar e protexer o patrimonio natural, e que as denominacións de orixe de productos agrarios sostibles, sexan mostras propias da identidade e o corazón de Mazaricos".

Boas e malas prácticas agrarias nas marxes dos cauces de auga

a) Exemplos de malas prácticas agrarias

Infografía: Ánxeles Román e Juan Castro (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo)

b) Exemplos de boas prácticas agrarias:

Infografía: Ánxeles Román e Juan Castro (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo)

¿Que beneficios aporta a vexetación de ribeira e as marxes sen cultivar preto dos ríos?

Juan Castro, do centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) explica os servizos ecosistémicos que proporciona a vexetación de ribeira e as marxes sen cultivar preto dos ríos:

1) Evitan a contaminación dos ríos:

Son unhas das mellores prácticas agrarias que existen para protexer os ríos e regatos da contaminación, a vexetación de ribeira, tanto herbácea como arbustiva ou arbórea, serven para evitar a erosión das marxes do río, para evitar que as terras e os sedimentos entren no río e colmaten o leito, e para filtrar ou absorber gran parte dos nutrintes arrastrados pola erosión ou infiltrados no subsolo, nunha proporción que pode chegar ata o 80% dos mesmos. Por outra banda a vexetación arbórea protexe da chegada de aerosoles que se forman ao botar o xurro con prato de choque.

2) Fixan o carbono atmosférico axudando a combater o cambio climático:

Tanto as sebes entre fincas, como a vexetación de ribeira, características da paisaxe tradicional galega en mosaico, deberían ser valorados porque limpan a atmósfera e fixan CO2, como xa se fai cas plantacións forestais e os bosques galegos. Si se contabilizara no balance de emisión das granxas a fixación de carbono por estas sebes e vexetación de ribeira, serviría para compensar significativamente a pegada do metano entérico das granxas galegas de leite e carne de vacún.

3) Forman hábitats moi importante para a biodiversidade, e son parte da Rede Natura galega:

Galicia, xunto co Occidente de Asturias, son as CCAA que mellor representados e coidados teñen os bosques de ribeira Atlanticos, que pertecen a Rede Natura. En gran parte de Galicia, como por exemplo na Terra Cha, o Deza etc, estes bosques son recintos no“SIXPAC” que están en parcelas de granxas de vacún e son os gandeiros e agricultores os que custodian uns corredores ecolóxicos para a fauna (aves, anfibios etc.) e flora autóctona, que son fundamentais para manter conectada a biodiversidade. Tamén son vitais para especies galegas ameazadas, como por exemplo o mexillón e a toupa de río, ao protexer os leitos dos ríos da acumulación de sedimentos procedentes da erosión.

4) Favorecen a riqueza piscícola: 

A vexetación de ribeira mellora o hábitat para os macroinvertebrados que serven de alimento para os peixes. As follas das árbores autóctonas, caducifolias, son moi importantes para a cadea trófica dos ríos, sendo as follas de eucaliptos mais difíciles de descompoñer e menos nutritivas, polo que son menos valiosas para a riqueza piscícola. As árbores de ribeira, ca súa sombra no verán, rebaixan a temperatura das augas, e permiten que a auga teña máis calidade por ter máis osíxeno disolto. Por outra banda, o fósforo dos sedimentos do leito do río faise máis soluble canto máis alta é a temperatura da auga, o que xunto coa luminosidade, son os dous factores chave para a proliferación de algas, podendo orixinar a eutrofización, sendo de extrema gravidade en zonas sensibles a eutrofización, como son os encoros. A vexetación de ribeira é un hábitat moi rico en insectos, que poden servir de alimento dás troitas e outras especies piscícolas, tanto no estado de larvas acuáticas, como na súa fase adulta.
<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78935" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

“Na faixa atlántica europea pódese producir leite coa menor pegada de carbono do mundo”

André Le Gall durante a súa visita a Lugo o pasado mes de xaneiro dentro do proxecto Dairy for Future André Le Gall é membro do Institut de l'Élevage (Idele) de Francia e coordinador do proxecto comunitario Dairy for Future, que busca mellorar a sustentabilidade social, económica e ambiental das explotacións leiteiras da fachada atlántica europea e no que participan 10 rexións da UE, entre elas Galicia. O pasado mes de xaneiro expertos das distintas zonas produtoras de Inglaterra, Reino Unido, Francia, España e Portugal celebraron unha xuntanza en Lugo para analizar a situación de cada país e avanzar en solucións compartidas a desafíos comúns. No encontro participou André, co que falamos dos obxectivos do proxecto e da situación do sector leiteiro en Francia e na Bretaña, de onde é orixinario e que constitúe a primeira rexión produtora de leite da Unión Europea. A fin das cotas lácteas no ano 2015 supuxo un punto de inflexión para o sector lácteo europeo e marcou o inicio dun proceso de adaptación das explotacións para seguir sendo rendibles no que cada país escolleu unha estratexia diferente e evolucionou dun xeito tamén diferente, pois se no lado positivo, liderando os incrementos, está Irlanda, no negativo atópase Francia, que perdeu cota de produción e mercado no conxunto europeo.
Con 25 millóns de toneladas anuais, Francia é o segundo páis produtor da UE só por detrás de Alemaña
Con todo, con 56.000 granxas e 25 millóns de toneladas anuais, Francia segue sendo o segundo país produtor da Unión Europea, só por detrás de Alemaña. Tralo fin das cotas lácteas Francia autoimpúxose unha autolimitación que fixo que sexa o país da UE onde menos esta a medrar a produción de leite, que se concentra nas tres rexións atlánticas do país: a Bretaña, Normandía e o Loira. – Cal é a radiografía actual da produción de leite en Francia? – Nós acostumamos dicir que hai tres Francias leiteiras: está a Francia da produción leiteira na chaira, que é todo o oeste de Francia, a Bretaña, Normandía e o País do Loira; logo están as zonas de montaña, que producen moitos queixos baixo denominacións de orixe como Comté ou Auvera; e finalmente están as zonas do país nas que conviven os policultivos coa gandeiría. Polo tanto, a situación é diferente en cada un destes lugares: na Francia de montaña, apoiada pola demanda dos queixos con denominación, a produción leiteira soportou ben o fin das cotas, aínda que zonas como Auvergne ou Cantal pasaron dificultades; na parte do país onde a produción leiteira se mesturaba con outros cultivos a produción de leite diminuiu e case desapareceu sobre todo nesas zonas de transición; e finalmente nas rexións máis produtivas e intensivas do oeste a produción de leite mantense pero con moitos interrogantes sobre o relevo nas granxas, pois moitas delas non teñen sucesión clara.
Trala fin das cotas nas rexións máis produtivas e intensivas do oeste a produción de leite mantense pero con moitos interrogantes sobre o relevo nas granxas, pois moitas delas non teñen sucesión clara
– Ese é un problema importante tamén en Galicia. A que cres que se debe? – En Francia o número de granxas está diminuindo e temos un problema de continuidade. Fai 20 anos non tiñamos este problema. Temos un problema de prezos do leite e un ataque social continuo sobre o benestar animal e a contaminación das granxas. Isto desanima á xente nova, fai que non teñamos xente que queira traballar e continuar nas granxas. – Está en perigo entón o modelo de explotación familiar de Europa? – É unha boa pregunta. As granxas familiares están medrando e medrando e quizais sexa difícil manter o modelo das granxas familiares, aínda que hoxe o 80% das explotacións da UE aínda son familiares. A explotación da miña familia na Bretaña cando eu era novo producía 400.000 litros de leite e hoxe máis dun millón de litros só cunha persoa traballando e informatizada. E aínda así ninguén quere continuar. – A Bretaña é a principal rexión productora de leite, non só de Francia, senón de toda a Unión Europea. Cunhas 8.000 explotacións, 1.000 máis das que hai en Galicia, produce 6 millóns de toneladas anuais, o dobre do que se produce na nosa comunidade. Esta intensificación xera problemas de contaminación? – O 70 ou 80% da superficie total de Bretaña está adicada á agricultura. Temos moitas vacas e tamén moitos porcos e esa é a razón pola que temos problemas coa contaminación das augas. Temos entre 10.000 e 15.000 explotacións de todo tipo en Bretaña. Pero aínda así non hai problema polo uso das terras en Bretaña, non temos a presión de especies como o eucalipto, como hai en Galicia. As gandeirías teñen terras dabondo para producir millo ou herba e cando unha explotación medra ten superficie dispoñible nun radio de 5 ou 10 quilómetros. O volume de leite producido na Bretaña mantívose nos últimos anos malia a redución no número de granxas. A produción láctea mantén un grande peso económico e social pero ten importantes desafíos. Ademais das esixencias medioambientais, as explotacións bretonas sufriron a volatilidade de prezos e unha redución das marxes de venda en relación aos custos de produción.
O 70 ou 80% da superficie total de Bretaña está adicada á agricultura e non hai a presión de especies como o eucalipto, como hai en Galicia. Nós temos terras dabondo para producir millo ou herba e cando unha explotación medra ten superficie dispoñible nun radio de 5 ou 10 quilómetros
– En relación a iso, en Francia existe a Lei Egalim. Está funcionando? – Un ano despois da aprobación está empezando a funcionar. É posible lograr maior valor para o gandeiro en produtos como o queixo ou o iogur de marcas como Sodiaal, Lactalis, Danone ou President. Aí non hai problema. O problema aparece co leite e os produtos de marca branca das cadeas de distribución. Eu non diría que está funcionando moi ben pero eu diría que está empezando a funcionar. Se ti queres leite diferenciado, leite de pastoreo, por exemplo, ti tes que pagalo.

"A faixa atlántica de Europa ten condicións para producir leite coa pegada de carbono máis baixa do mundo"

Vacas nunha pradeira na Bretaña francesa Dairy for Future é un proxecto de colaboración do espazo atlántico europeo desde Escocia até as Azores pasando por Galicia e pola Bretaña que busca acadar referentes de eficiencia dos distintos sistemas de producción e difundilos ao tempo que se analiza de xeito conxunto como é a situación da produción leiteira en toda a costa atlántica de Europa. – Cales son os obxectivos do proxecto Dairy for Future? – Temos catro grandes obxectivos, que coinciden cos grandes desafíos do sector lácteo: o económico, o ambiental, o social e o laboral. O primeiro consiste en comprender a resilencia para garantir a seguridade económica das explotacións leiteiras, medindo e reducindo os custos de produción.Imos traballar tamén en determinar aqueles aspectos que poden dar máis valor ao leite dos gandeiros para deste xeito, combinando estes dous factores, redución de custos e incremento de prezos, que poidan quedar máis cartos no peto dos gandeiros. O segundo é a cuestión mediaoambiental, seguir profundizando neste aspecto, especialmente na redución dos gases de efecto invernadoiro e a pegada de carbono do leite. As rexións do espazo atlántico europeo teñen condicións favorables á produción forraxeira, ás leguminosas e ao pastoreo e iso permite obter a pegada de carbono máis baixa do mundo porque este tipo de prácticas permiten a captación de carbono nas pradeiras.
Importamos moitas materias primas para alimentar o gando, por ejemplo soia de países como Brasil ou Arxentina. A idea é adaptar a produción de leite ás características de cada zona para reducir deste xeito os custos e a pegada de carbono das explotacións
En terceiro lugar, queremos identificar aqueles sistemas de manexo que permiten preservar o benestar animal e o cuarto obxectivo consiste en traballar para mellorar o atractivo da profesión de gandeiro e a forma de levar as explotacións cunha boa eficiencia laboral. – No proxecto colaboran 10 rexións, entre elas Galicia ou Bretaña. De onde vén esta colaboración? – Levamos tempo traballando en distintos proxectos conxuntos centros de investigación das distintas rexións productoras de leite de Europa, xa o fixemos en proxectos anteriores como o Green Dairy (2003-2006), Dairyman (2009-2013), Autograssmilk (2013-2015) ou Eurodairy (2015-2018). O espírito é poñer en contacto xente de distintas rexións de Europa. Non se trata de competir entre as distintas rexións nin de ver quen o fai mellor ou quen o fai peor, senón de colaborar para mellorar todos, cada un naqueles aspectos nos que pode mellorar establecendo estratexias adaptadas á situación de cada rexión.
Non se trata de competir entre as distintas rexións nin de ver quen o fai mellor ou quen o fai peor, senón de colaborar para mellorar todos
A zona altántica é unha das mellores zonas para producir leite do mundo. Temos boas condicións para producir máis leite, chove moito e é doado producir forraxe e ter, polo tanto, unha produción a baixo custo e con benestar animal. Importamos moitas materias primas e moitos produtos para alimentar o gando, por ejemplo soia de países como Brasil ou Arxentina. A idea é a produción local e adaptar a produción de leite ás características de cada zona e cada rexión de Europa para reducir deste xeito a pegada de carbono. – O proxecto fala de reducir os custos de produción nas granxas un 10% e a pegada de carbono un 20%. É isto factible? Son dous obxectivos compatibles? – Eu penso que si. Porque hai unha relación entre a produción e a pegada de carbono, porque a pegada de carbono está baseada nas emisións de metano e polo tanto na eficiencia das vacas na dixestión do alimento. Se reduces as emisións de amoniaco e a pegada de carbono fas unha utilización máis eficiente da enerxía. Hai unha relación entre o custo de produción e a pegada de carbono e nós o que dicimos neste proxecto é que é posible lograr na franxa atlántica a menor pegada de carbono do mundo na producción de leite, é posible ser mellores que os neozelandeses.
Podemos ser mellores que os neozelandeses. Sendo máis éficientes é posible reducir a pegada de carbono e ao mesmo tempo aumentar a produción
É posible reducir a pegada de carbono e ao mesmo tempo aumentar a produción. Cando incrementas a eficacia produtiva da granxa reduces custos e pegada de carbono. Para iso hai que reducir o uso de fertilizantes químicos, adaptar a alimentación do gando ás características de cada zona e introducir sistemas innovadores de producción nas granxas. – Como ves o futuro da produción de leite en rexións como Galicia ou como Bretaña? – As 10 rexións participantes no proxecto xuntan 100.000 granxas de produción de leite. A produción de leite no espazo atlántico europeo terá futuro se conseguimos posicionala nun modelo de produción intermedio, que por un lado sexa aceptado polos consumidores e a sociedade en xeral e ao mesmo tempo que teña uns custos de produción baixo control, baseados nos recursos locais e con baixo impacto ambiental. Cando teñamos un sistema de produción de leite aceptado polo consumidor será posible poñer en valor produtos como o leite, o iogur, a manteiga ou os queixos e desta forma lograr que esa valorización se traslade tamén ao gandeiro.