Archives

Organizan en Monforte varios cursos sobre estratexias de venda para o sector agroalimentario

O centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos, dependente da Consellería do Medio Rural, acolle dende este luns varios cursos de formación e adquisición de competencias sobre estratexias de venda no sector agroalimentario. As accións formativas levaranse a cabo ata este venres, 10 de xuño, e cada unha terá unha duración total de 4 horas ao día, en quenda de mañá, que comeza ás 10:00 ata as 14:15 horas. Os obradoiros abordan tanto aspectos teóricos coma prácticos sobre a venda e o estudo da mercadotecnia. Estas iniciativas están dirixidas ás persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira ou ás persoas con expectativa de incorporación, en concreto, á xunventude do medio rural. As persoas interesadas poden obter máis información sobre os cursos na páxina da consellería de Medio Rural, onde se recollen tódas as accións formativas, así como formalizar a prescrición para os cursos. O coordinador do curso poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 889 103 ou enviar un correo a ceca.monforte@edu.xunta.gal.

Listado de parroquias de alta actividade incendiaria 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, presentou este martes no Consello Forestal o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2022, paso previo á súa aprobación polo Consello da Xunta, que se prevé para esta mesma semana. O plan volve sinalar un total de 35 parroquias de alta actividade incendiaria, unha distinción que marca as zonas nas que cómpre avanzar na prevención dos lumes. Este ano repiten 31 parroquias consideradas de alto risco respecto do listado do ano pasado e entran catro parroquias novas. Os criterios de inclusión é que as parroquias tiveran dous incendios, ou máis, maiores de 200 hectáreas nos últimos 10 anos e nos que a superficie total media por incendio fose igual ou superior a 9 hectáreas. Tamén aquelas parroquias que teñan 7 ou máis incendios anuais de media nos últimos cinco anos. Así, súmanse a esta lista a parroquia de Meiraos, do concello lucense de Folgoso do Courel. Ademais, inclúense as parroquias ourensás de A Gudiña, situada no concello homónimo, O Pereiro, do concello da Mezquita; e Calvos, de Calvos de Randín. Saen da lista outras catro parroquias nas que nos últimos 2 anos a superficie queimada foi inferior a 3 hectáreas. Son as parroquias ourensás de Covas, en San Cristovo de Cea; Soutipedre, en Manzaneda e A Ponte, no concello da Veiga. Ademais, tamén se exclúe do listado a parroquia de Ribasieira, no concello coruñés de Porto do Son. Deixamos, a continuación, a listaxe das 35 Parroquias de Alta Actividade Incendiaria neste 2022: É de salientar que das 35 parroquias de alta actividade incendiaria, 27 están na provincia de Ourense, que representa un auténtico Expediente X en materia de lumes. Ademais, na presentación do Pladiga 2022 destacaron unha serie de novidades como a creación do Sistema Estrutural de Mando Operativo, para afondar na mellora da organización, da coordinación e da eficacia do dispositivo. Outra clave do Pladiga deste ano é o reforzo e impulso do labor da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), que dende a súa creación na campaña pasada realizou un total de 242 dilixencias de investigación. Tamén melloraron o parque de motobombas do Servizo de Prevención de incendios, coa renovación este ano de 13 destes vehículos. A maiores, o conselleiro lembrou que o operativo antiincendios estará integrado por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto ós profesionais propios da Xunta como ós adscritos a outras administracións e mobilizarán ata 30 medios aéreos, aportados tanto pola Xunta como polo Estado, así como preto de 380 motobombas.

Programa estratéxico do castiñeiro

Nesta xuntanza do Consello Forestal, a Xunta expuxo o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña. Con este plan pretenden recuperar 8.000 hectáreas de soutos tradicionais e plantar outras 16.000 hectáreas novas para a produción de madeira e de froito desta especie. Na primeira fase de execución, ata 2025, dispoñen un orzamento de preto de 22 millóns de euros -incluíndo fondos públicos e privados- para a plantación de 3.500 hectáreas de castiñeiro para froito e doutras 2.000 para a produción de madeira, así como a restauración de 2.000 hectáreas de soutos. Entre este ano e o que vén contan con chegar xa as 1.100 hectáreas de plantación e ás 500 hectáreas de recuperación.

Pagaranse en Galicia a partir deste venres 127 millóns de euros máis das axudas da PAC 2021-2022

A partir deste venres, día 10 de decembro, a Xunta anuncia que, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), comezará a facer efectivo o pagamento de máis de 127 millóns de euros das achegas da PAC da campaña 2021-2022. En total, serán máis de 110 millóns de euros de axudas directas e outros 17 millóns do pago de desenvolvemento rural destinado a zonas con limitacións naturais. Estes pagamentos beneficiarán, en conxunto, a máis de 25.000 agricultores e gandeiros galegos. En concreto, no marco das achegas directas que comezarán a aboarse este venres, inclúense 62,3 millóns de euros do pago básico, 31,8 millóns do pago verde, 7,7 millóns para vacún de leite, 3,5 millóns de euros para vacún de carne, case 2,4 millóns para pequenos agricultores e, por último, 2,2 millóns para agricultores mozos. En canto ao pago de desenvolvemento rural correspondente a zonas con limitacións naturais, ingresaranse dende o venres 9,2 millóns ao abeiro da submedida de montaña e outros 8 millóns pola submedida de zonas desfavorecidas distintas de montaña. O Fogga anticipou xa en outubro 37 millóns de euros das liñas de vacún de leite e vacún de carne, polo que o total de cartos aboados polo organismo sumando esta segunda xeira de pagos ascende a 164 millóns de euros. Medio Rural subliña que Galicia situouse entre as primeiras comunidades autónomas que pagou anticipos das axudas da PAC, trala realización das comprobacións administrativas e dos controis obrigatorios sobre o terreo.

Programada a I Mostra de Calidade Alimentaria do 15 ó 17 de decembro en Boqueixón

A Xunta celebrará a I Mostra de Calidade Alimentaria entre os días 15 e 17 destes mes de decembro no Pazo de Quián, situado no lugar de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón. Así o avanzou o conselleiro do Medio Rural, José González, na presentación do convenio entre a empresa Culinaria e a Asociación de Criadores de Galo de Curral de Vila de Cruces (Pontevedra) para a promoción deste produto como referente de excelencia gastronómica. O titular de Medio Rural estivo acompañado neste acto polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. O conselleiro avanzou que a I Mostra de Calidade Alimentaria será un encontro de produtos e produtores que ao longo de tres xornadas acollerá a entrega dos xa coñecidos premios Exceleite, así como os das Catas de Queixos e Meles de Galicia 2021, entre outras accións. Na súa intervención, José González referiuse ao tradicional como ao máis natural, apostando por dar visibilidade ás prácticas máis senlleiras. Nesa liña, lembrou que Galicia, con 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, é a comunidade que aglutina máis distintivos deste tipo. O conselleiro recordou que o ano que vén entrará no Parlamento a nova Lei de calidade alimentaria de Galicia ó tempo que tamén mencionou as posibilidades de posta en valor que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, ao abeiro da cal hai 14 aldeas modelo aprobadas e máis dunha decena de polígonos agroforestais ligados de xeito prioritario ás producións de calidade.

O galo de Vila de Cruces

O convenio asinado este venres entre a firma Culinaria, afincada en Silleda (Pontevedra) e cunha traxectoria de máis de 20 anos no sector da restauración colectiva e social, e a Asociación de Criadores de Galo de Curral de Vila de Cruces busca promocionar os galos de curral criados de forma tradicional nesta localidade pontevedresa. A iniciativa enmárcase na estratexia de posta en valor deste produto na que se inclúen outras actividades como a Festa Gastronómica do Galo de Curral que leva celebrándose na localidade cruceña dende 1993 e que se integra na Rede Europea de Patrimonio Gastronómico.

Medio Rural terá operativo o Banco de explotacións agrarias a finais de ano

O Banco de Explotacións Agrarias, impulsado no marco da nova Lei de recuperación de terras abandonadas, estará operativo antes de finais de ano, segundo informou esta mañá a voceira do grupo Popular, María Elena Candia López, na Comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandería e Montes. De feito, o propio grupo presentou na comisión unha proposición, que foi apoiada polo resto de grupos, sobre as actuacións para promover a difusión desta nova ferramenta entre os posibles beneficiarios. A voceira popular informou que nestes momentos están a desenvolver unha aplicación informática coa que xestionar o Banco de Explotacións, cun funcionamento que recorda ó do Banco de Terras, como lembraron dende o grupo socialista. Esta ferramenta pública de mediación pretende poñer en contacto ós gandeiros que se xubilen ou que cesen a actividade con aquelas persoas que teñan interese en incorporarse a este sector. “O obxectivo é buscar a continuidade das explotacións e loitar contra o abandono da actividade e das terras”, sinalou Candia.
Ofrecerá asesoramento para redimensionar as instalacións e facer a actividade viable e sostible
O Banco de Explotacións contará cunha listaxe actualizada das ganderías que estean nesta situación e que sexan susceptibles de participar neste programa e servirá como interlocutor entre as dúas partes interesadas. Ademais, esta ferramenta tamén incluirá un asesoramento para o redimensionamento das instalacións e de precisarse ofrecerá colaboración para o deseño dos plans de negocio, para que as ganderías sexan viables a nivel económico e sostibles no ámbito ambiental. Calquera persoa poderá solicitar incorporarse ó Banco de Explotacións, pero ademais, incluiránse todas aquelas explotacións que non acrediten a súa continuidade e que recibisen axudas públicas para a súa mellora no período inmediatamente anterior ó cese da actividade, é dicir, que teñan unha subvención activa no momento do peche ou que a recibiran recentemente. Fixar o prezo Con todo, inscribirse no Banco de Explotacións tampouco obriga ó propietario a ter que arrendar ou vender as instalacións aínda que teña ofertas sobre elas. “A explotación inclúese para facilitar a transmisión de actividade, pero o dereito do propietario sempre está salvagardado”, indicou a voceira popular. Tampouco será o Banco de Explotacións o que fixe o prezo das instalacións e terras para o seu aluguer o venda, senón que o prezo será negociable polas partes e terán a mediación da Axencia Galega de Desenvolvemento do Rural. “A finalidade fundamental é aportar información e transparencia neste proceso”, valora.

A Xunta destina 2,15 millóns de euros en axudas ás ADS

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a resolución das axudas concedidas pola Consellería do Medio Rural ás agrupacións de defensa sanitaria gandeira (ASDG) de Galicia para o período 2021-2022. Un total de 66 entidades resultaron beneficiarias das achegas, que suman 2,15 millóns de euros. Estas axudas están destinadas a desenvolver os programas de prevención e control de enfermidades dos animais nas ganderías por medio de programas de zoosanitarios. “Os orzamentos permitirán a estas entidades abordar o control de determinadas enfermidades animais que non adoitan ser obxecto de programas a nivel nacional, a excepción da rinotraqueite bovina infecciosa (IBR), xa que foi establecido un programa nacional voluntario por parte do Estado en setembro do 2019”, aclaran dende a Consellería de Medio Rural. A partida económica financiará aqueles gastos derivados da contratación de servizos técnicos veterinarios para a realización dos programas zoosanitarios, así como a compra de material funxible como luvas, calzas, tubos de extracción e agullas. Os programas de planificación zoosanitaria deberán realizarse entre o 1 de marzo do 2021 e o 28 de febreiro do 2022.

- Consulta aquí os detalles da resolución da convocatoria.

 

Medio Rural estuda crear cuadrillas de substitución para granxas afectadas pola Covid-19

A Consellería de Medio Rural está a avaliar a creación de cruadrillas de peóns para facer substitucións naquelas ganderías cuxos propietarios ou traballadores se vexan afectados directamente polo coronavirus e teñan que afrontar a enfermidade ou pasar unha corentena. Estas cuadrillas estarían integradas por peóns agrícolas especializados en muxido e maquinaria. A medida inclúese nun paquete de propostas que a administración está a estudar para afrontar as consecuencias da Covid-19 nos distintos sectores agrarios e gandeiros. Aínda por concretar os pormenores, a disposición anunciouse nunha reunión celebrada a comezos de semana e na que participaron o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e organizacións agrarias. A proposta de poñer en marcha distintas brigadas para garantir que a actividade nas ganderías poida continuar en caso de sufrir un contaxio por coronavirus responde a unha petición realizada por Unións Agrarias, que se amosa satisfeita coa sensibilidade da Consellería respecto desta situación. “Hai un problema real para os gandeiros cun positivo de Covid-19, posto que poden illar ós traballadores dunha granxa e a gandería é unha actividade que non pode esperar”, explica José Ramón González, responsable de Agricultura e Producións Extensivas de Unións Agrarias. A organización agraria solicítalle ademais á Consellería a continuidade destas cuadrillas de substitución no sector gandeiro. “O que demandamos é que estas brigadas, aínda que non sexan subvencionadas ó 100%, que continúen despois da Covid-19, porque lle vai permitir a moitos gandeiros descansar algún día”, apunta González. Polo momento, dende a Consellería de Medio Rural só confirmaron que están a avaliar a aplicación desta medida, mais non quixeron concretar prazos. Porén, en dita reunión, segundo Unións, apuntaron a que a orde podería quedar aprobada esta mesma semana. Máis información - -Recomendacións para granxas familiares con casos positivos de coronavirus.