Archives

Medir e reducir as emisións, os novos horizontes da gandería de vacún de leite

Na Unión Europea estanse desenvolvendo unha serie de estratexias para dar de comer ao mundo dun xeito máis sostible, unha cuestión que involucra á agricultura e á gandería, obrigándoas a redeseñar os seus sistemas produtivos. No camiño á adopción desta nova perspectiva, como se pode lograr a sustentabilidade no negocio lácteo? Responsabilidade social, viabilidade económica e xestión medioambiental son os tres puntos entre os que se artella a resposta.

Claves para a mitigación das emisións de carbono na gandería

A tecnoloxía aparece, de novo, coma un ingrediente fundamental “pero no futuro non é suficiente con aplicala, senón que é necesario formar alianzas tecnolóxicas para conformar liñas estratéxicas entre empresas e produtores”, sinala Xoán Rodríguez, director técnico de vacún de leite en Alltech Spain, que o pasado mércores organizou a xornada online ‘A pegada da agricultura e a gandería na alimentación’. “A gandería actual ten que afrontar unha serie de ameazas e dificultades, pero nese contexto, as persoas que a xestionan teñen que ter unha intelixencia, é dicir, ser flexibles e coller isto coma unha oportunidade; se nos esixen e nos apertan por outro lado, cómpre interpretalo coma unha oportunidade”, explica Rodríguez. Ao respecto, as emisións dunha granxa son o eixo fundamental sobre o que a normativa pretende actuar. É aquí onde cobran utilidade a tecnoloxía e as ferramentas que ofrece para “medir, predicir e reducir os índices técnicos dunha granxa en materia de cultivo, gando, dieta, dexeccións e produción”, sinala. “As medicións non se fan con ningún tipo de aparello, senón que se fan por estimacións indirectas con ferramentas competentes que teñan en conta o análise de ciclo de vida, é dicir, contemplando, non soamente o que ocorre na granxa, senón todo aquilo que a rodea”, apunta. Emisións da granxa leiteira. Fonte: Alltech

Por que é importante medir?

“Hoxe en día existen dous tipos de presións sobre as emisións dunha granxa: pola vía das axudas e do propio mercado. Na primeira, cómpre ter en conta que co apoio dos Estados Membros, as subvencións da nova PAC irán vencelladas cos índices dunha granxa. Na segunda, o mercado esixirá unha certificación de impacto medioambiental dos produtos; de feito, no caso de Reino Unido, cadeas como Lidl ou Aldi comunicaron que comezarán a traballar con isto cara a finais deste ano”, destaca Xoán Rodríguez. En calquera caso “é fundamental ter unha calidade de medición, pero hai que traballar en estandarizar os criterios, posto que, hoxe en día, a pesar de que existen ferramentas cun maior e un menor nivel de agregación, o fundamental é ter un criterio adecuado á hora de facer as estimacións indirectas das emisións, e ter claro que é o que hai que ter en conta”, sinala Rodríguez.
“O mercado esixirá unha certificación de impacto medioambiental dos produtos; Lidl ou Aldi comunicaron que comezarán a traballar con isto cara a finais deste ano” (Xoán Rodríguez)

Como se poden baixar as emisións nunha granxa?

Nesta tarefa cómpre ter un punto de vista “poliédrico”, segundo define Xoán Rodríguez, onde a nutrición ocupa un lugar central debido á carga de emisións, tanto entéricas como aquelas que proveñen da aplicación de fertilizantes sobre cultivos para gando. No seu entorno, sitúanse outros aspectos importantes como a saúde, o benestar animal, a adaptación da estratexia reprodutiva, as dexeccións, a redución de estrés ou a produción forraxeira. Redución das emisións en forma poliédrica. Fonte: Alltech En canto á produción forraxeira, é necesaria a aplicación de boas prácticas agrarias. Por iso, a valorización das dexeccións como fertilizante, ou a caracterización do ensilado e o seu manexo no día a día pode mellorar a dixeribilidade e, así mesmo, minimizar as mermas, permitindo unha alimentación de precisión. Por outra banda, en canto á saúde, “hai que utilizar programas efectivos de vacinación, de control da mastite ou de podoloxía. Nesta liña, para contribuír á redución das emisións é fundamental coidar do benestar do animal, e procurar reducir o estrés por calor", suliña Rodríguez. “Un punto importante e polémico actualmente é a adaptación da estratexia reprodutiva; os animais evolucionaron e non podemos manexar a reprodución das vacas no s. XXI cos mesmos criterios do s.XX; por isto, ten que haber unha xestión individualizada dos animais de acordo co número de lactacións, coa produtividade, coa persistencia da lactación ou coa súa saúde e condición corporal. En paralelo, é fundamental ter un programa óptimo de cría e recría”, detalla o director de vacún de leite de Alltech Spain.

Iniciativas de empresas para reducir as emisións

Durante a xornada ‘A pegada da agricultura e a gandería na alimentación’, representantes de diferentes empresas e cooperativas  transmitiron a importancia que se lle está dando na agroindustria ao balance das emisións. “Aplicamos unha estratexia integral coa finalidade de reducir as emisións, tomando medidas en materia de produción forraxeira, nas ganderías, e no ámbito industrial”, sinala o director de compras e desenvolvemento de negocio de Covap, Emilio de León. “Na produción forraxeira substituímos unha parte do ensilado de millo e desenvolvemos un cultivo que se adapte ás necesidades do terreo, no noso caso, ao Val dos Pedroches, un territorio seco. En canto ás granxas, comezamos a facer medicións dos factores de emisión e establecemos ferramentas de mellora. Por último, no eido industrial, estamos buscando o residuo que xeramos para valorizar o máximo posible; nestes momentos estamos no 85%, e en leite no 95%. Ademais, planeamos varios proxectos de enerxías renovables e de tratamento das dexeccións”, detalla De León. Igualmente, o resto de empresas seguen traballando baixo o mesmo obxectivo de reducir as emisións, aínda que non sen dificultades. “Estamos intentando reducir algo difícil de medir, hai que partir da base de que o correcto é dicir que podemos estimar as emisións, e a primeira dificultade ao respecto é que existen moitas ferramentas para facelo e non todas coinciden, polo que cómpre tratar de armonizarnos neste sentido. Outro dos inconvenientes cos que nos atopamos é que isto é algo novo, e os gandeiros están pasando a ser xestores medioambientais”, concreta o responsable de aprovisionamento lácteo de Nestlé España, Javier Gómez. Do mesmo modo, seguen traballando no posta en marcha de iniciativas para avanzar cara os novos requirimentos medioambientais. “Nas 230 granxas coas que colaboramos na cornixa cantábrica pautamos unha serie de medidas en torno á redución de metano entérico mediante plantas de biogás e a incorporación de certos aditivos; tamén introducimos produción de legumes, fóra do millo, e procedemos a realizar unha fertilización de precisión”, detalla Gómez. Pola súa banda, o coordinador do grupo de innovación de campo do Grupo AN, fixo especial alusión ás complicacións que este compromiso ambiental ten que sortear. “Nesta conversión temos que darlles aos gandeiros unha boa formación e sobre todo manter un discurso armonizado, trasladando efectivamente que é o que se lles quere pedir e de que maneira o poden dar”.

Novas prioridades na UE

A agricultura de carbono é un concepto co que a Unión Europea se está familiarizando cada vez máis, e tradúcese como a captura de dióxido de carbono dos solos agrícolas, pero inclúe moitos aspectos, desde a xestión dos almacéns de carbono ata os fluxos de gases e gases de efecto invernadoiro nas explotacións agrícolas. “Segundo o comunicado da Comisión Europea de Agricultura e Gandería do pasado decembro de 2021, o obxectivo que se pretende é conseguir un modelo de negocio ambiental que recompense aos xestores da terra pola mellora das prácticas, resultando no secuestro de carbono nos ecosistemas e a redución da liberación de carbono á atmosfera”, amplía a subdirectora de cultivos herbáceos do Ministerio de Agricultura Paz Fentes. Deste xeito, a nova Política Agraria Común aplícase en base á consecución deses obxectivos, pero, como se encaixa a agricultura de carbono na nova PAC? A mitigación do cambio climático aparece como o obxectivo específico número 4, polo cal, “un mínimo do 25% dos pagos directos deben dedicarse aos ecoesquemas; un mínimo do 35% do Feader debe ter unha finalidade medioambiental e climática; establece indicadores de impacto e de resultado,e de seguimento da aplicación da PAC, relacionados con carbono e solos”. “Todos os pagos directos están fundamentados no cumprimento dunha liña de base, a condicionalidade -que se reforza-, e que inclúe unha serie de condicións agrarias e medioambientais dentro das cales hai moitas que teñen que ver coa agricultura de carbono, por exemplo, a Becam 1, sobre mantemento de pastos e destinada a evitar a reconversión do terreo a outros usos”, recalca Fentes. Unha cuestión interesante coa que se pretende contribuír a manter unha estratexia de redución é “a posta en marcha dun marco de medición mediante unha aplicación, na cal, o gandeiro introducindo unha serie de datos poida estimar as emisións da gandería; estamos traballando para desenvolver algo así e facilitar a adopción de medidas nas granxas”, detalla Leonor Algarra, subdirectora de medios de produción gandeiros no Ministerio de Agricultura.

Peticións de corredores seguros para a saída de carne dos matadoiros e a chegada de pensos ás granxas

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo onte un encontro con representantes das industrias cárnicas para abordar a súa situación ante o paro do transporte. Na reunión, o conselleiro e as propias industrias demandáronlle ao Goberno central que facilite corredores seguros para garantir a saída de carne dos matadoiros e a chegada de pensos ás granxas, así como o abastecemento de cereais ás fábricas que producen estes compostos. Nada dixo o conselleiro nas súas declaracións previas ó encontro sobre o bloqueo que manteñen gandeiros de vacún de carne nos matadoiros, en demanda dun maior prezo da carne. A Consellería limitouse a sinalar en nota de prensa que ante o incremento dos custes de produción, agravado pola invasión rusa a Ucraína, o conselleiro insta ao ministro de Agricultura a que “faga cumprir a Lei da Cadea Alimentaria, facendo efectiva a prohibición de venda e perdas”, xustifica. Da mesma maneira, o titular de Medio Rural aproveitou a cita para pedir ao Ministerio que “se reúna inmediatamente coa distribución, coa industria e coa gandaría para acordar unha suba dos prezos que están percibindo os produtores”. Ademais, o conselleiro referiuse ao Ministerio de Transportes para demandar que “se reúna canto antes coa plataforma que convocou o paro para desbloquear esta situación, a cal, está situando a cadea alimentaria galega en risco de parálise”. A maiores, José González “insistiu na necesidade de levar a cabo outras actuacións, como a inmediata baixada de impostos dos carburantes e doutros insumos claves para o sector primario”. Anticipos da PAC Medio Rural lembra tamén que a pasada semana aprobou medidas para achegar liquidez ás empresas no ámbito das competencias autonómicas. Así, o Goberno galego asumiu o compromiso de financiar o anticipo das axudas directas da Política Agraria Común, que os produtores adoitan cobrar en outono. En concreto, anticiparanse seis meses uns 200 millóns de euros de liquidez para os agricultores e gandeiros, subvencionando os xuros. Doutra banda, contémplase a apertura de liñas de crédito para poder atender compras de circulante, por parte dos gandeiros. Para esta operación, a Consellería do Medio Rural dispón dunha liña de avais para chegar ata os 25 millóns de euros de préstamos.

España recibirá 64,5 millóns de euros para compensar ó agro polo aumento de custos

O ministro de Agricultura, Luis Planas, anunciou que España recibirá 64,5 millóns de euros, dos 500 millóns da reserva de crise habilitados pola Comisión Europea para o agro. Esta decisión chega no marco do artigo 219 da Organización Común de Mercados Agrarios para axudar aos agricultores e gandeiros a afrontar a alza de prezos das materias primas, e dos custes de produción, motivada pola guerra en Europa. Estas axudas poden complementarse con axudas estatais, polo que, desde o Ministerio afirman que “España, ao igual que outros países membros da UE, aportará fondos nacionais para completar as axudas”. Desta forma, o goberno vai traballar en conxunto coas comunidades autónomas e as organizacións agrarias para definir cales son os sectores máis afectados polas perturbacións do mercado, para así determinar como se repartirán as axudas. Sobre a urxencia das medidas, o ministro explicou que “hai que coñecer o marco comunitario de apoio para que as medidas tomadas en cada país resulten eficaces”. Polo tanto, as necesidades do Ministerio céntranse en coñecer as liñas de apoio da Comisión Europea, que se completarán coas que decida o Consello Europeo os próximos días 24 e 25. Despois, o Goberno ultimará as medidas complementarias de apoio aos distintos sectores produtivos.

Outras medidas: flexibilización da PAC

O Consello de Ministros da UE tamén se amosou favorable a flexibilizar determinados requisitos da Política Agraria Común para que se poida dispoñer de terras actualmente en barbeito, e así cultivalas para mellorar os niveis de abastecemento. No caso de España, trataríase principalmente de millo e de oleaxinosas xa que “o 22% do millo que importa España, e que se usa principalmente na alimentación animal procede de Ucraína, que é tamén o principal subministrador de aceite de xirasol”, detallan desde o Ministerio. Desta forma, a PAC obriga a deixar un 5% da terra en barbeito, se ben en España declaráronse o ano pasado en barbeito un 10% das superficies -2,2 millóns de ha- dos 21,5 millóns de hectáreas totais declaradas. Esta medida, xunto coa flexibilización de determinados requisitos para importar millo, facilitará a entrada de materias primas destinadas á alimentación animal. Outra das medidas adoptadas foi o almacenamento privado para a carne de porcino, un sector que tamén está atravesando unha situación difícil no conxunto dos Estados membros, sobre todo aqueles afectados pola peste porcina africana. Igualmente, o ministro reiterou “a necesidade de que se incremente o porcentaxe de anticipo das axudas directas das PAC, para que o sector poida contar con maior liquidez”. Proximamente a Comisión Europea debe remitir aos Estados membros a súa carta de observacións aos plans estratéxicos. A este respecto, o organismo precisou que “a perspectiva estratéxica desta PAC é a consecución de sistemas alimentarios sostibles”. Aínda que afirman que “as condicións ambientais e a loita contra o cambio climático seguen aí, outra cousa é a modulación do calendario de aplicación de determinadas medidas tendo en conta o escenario derivado da invasión rusa de Ucraína”.

O sector gandeiro reclama medidas ante a urxencia da situación do transporte

A folga de transporte está afectando ao abastecemento de materias primas a fábricas de alimentación animal, e á mobilidade da produción primaria para a súa transformación ou comercialización. Representantes de Unións Agrarias, Fruga, SLG, Agaca ou de Asaga manifestaron hoxe, nunha rolda de prensa convocada con urxencia, a súa solidariedade cos folguistas, xunto á necesidade de medidas para desbloquear a situación. As súas peticións teñen como finalidade evitar consecuencias graves que poidan suceder nos vindeiros días.

Declaración de consecuencias e peticións

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, comezou a súa intervención amosando a súa preocupación “pola falta de abastecemento de materias primas para a produción de alimento para animais, moitos dos cales, se a situación perdura, poderían morrer”. Tamén afirmou que “a día de hoxe hai barcos en portos galegos, como o da Coruña, pendentes de descarga que por cada día que pasa encarecen en 50.000 dólares o custo da carga”. Así mesmo, García, co posterior apoio total do resto de representantes, reclama “o cumprimento dos servizos mínimos establecidos que garanta a alimentación dos animais, e o abastecemento de produtos frescos -polo, vacún e porcino- e de horta á poboación”. O sector lácteo galego tamén se está vendo afectado polo paro do transporte, cuestión que “ata agora non foi un problema, pero que, a partir de mañá, segundo informan desde a industria, pode selo”, critica Roberto García. Neste aspecto, o director xeral da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), Higinio Mougán, expón que “a capacidade de intermediación da industria láctea é tan limitada como a súa capacidade de almacenamento, isto é, de 2, 3 ou 4 días nalgúns casos”. Mougán afirma que “máis dun 40% do leite cru que se produce en Galicia vai cara outras partes de España para a súa transformación”, á vez que anuncia, respaldado polas palabras de Roberto García, que “a partir de hoxe, e dado aos límites de almacenamento de leite, hai posibilidades dun par de recollida de leite, motivado pola falta de saída ao sector industrial alimentario”. Pola súa parte, o responsable da Federación Rural Galega (Fruga), Manuel Dacal vincula a situación “cunha suba de prezos e de costes de produción que se produciu antes da pandemia, e que se freou por mor da súa irrupción”, e que “arrastramos a día de hoxe, incentivada pola guerra de Ucrania e outros factores”. Da mesma maneira, Dacal critica as “operacións especulativas do mercado”, e manifesta que “existe un perigo para subministro e recollida de produción, e que pode derivar nunha tormenta perfecta para peches e grandes dificultades do sector agrogandeiro”. Ademais, desde a Asociación Agraria de Galicia, Francisco Bello, ao igual que o resto de organizacións, manifestou “a súa solidariedade e entendemento cos transportistas en folga”, establecendo que “pola súa parte, tamén levan anunciando desde fai tempo unha mobilización para o día 20 deste mes debido aos altos custes de produción”.

Demandas e peticións

O Sindicato Labrego Galego tamén interveu na rolda de prensa coas declaracións da secretaria xeral, Isabel Villalba, quen ademais de amosar “a súa coincidencia total co resto das organizacións”, expuxo que “no seu marco de actividade se traballa con seres vivos, e as necesidades vitais teñen que ser parte dos servizos mínimos”. Villalba, ao igual que criticou “a febleza dos combustibles fósiles”, destacou que “na diagnose totalmente crítica que estaban realizando, estaban vendo a necesidade de establecer un marco de traballo co sector produtor”. A secretaria xeral aproveitou esta cita para “facer unha chamada ao goberno e reclamar o establecemento dun diálogo co eido do transporte para afrontar a situación”. Entre o resto de demandas, como a de “regulación dos mercados e o establecemento urxente de servizos mínimos”, anunciada por Manuel Dacal, púxose enriba da mesa “a falta de intercambio de información co sector primario”, segundo abordou Higinio Mougán. O director xeral de Agaca fixo referencia a que “o sector agrogandeiro e agroalimentario galego non pode ser unha moeda de cambio prescindible”, e que “cómpre frear este deterioro que pode derivar na substitución da produción galega por outras”. Por iso, unha vez máis, motiva a “toma de decisións”, pedindo “a organización de convois ou algún tipo de determinación para frear o desabastecemento que algunhas cooperativas -entre outras- xa estaban sufrindo”.