Archives

Mazás e abellas en Boborás, unha combinación en beneficio mutuo

Unha plantación de maceiras con dous colmeares nun monte comunal de Ventosa (Boborás, Ourense) centrada na produción ecolóxica de mel e mazás. Así é a colaboración que xurdiu da man de Ouro de Feás (Manuel Lastres e Sergio Rey) e Mel da Alborada (Daniel Caiña), que nos explican como naceu esta iniciativa e os puntos clave do seu traballo. No ano 2019, Manuel Lastres e Sergio Rey, veciños de Meaño e Vilanova de Arousa respectivamente, comezaron coa súa empresa “Ouro de Feas”, plantando mazá para sidra e mesa en ecolóxico nunha finca de 22 hectáreas situada a 600 metros de altura en Ventosa. Cando estaban acondicionando a finca, contactou con eles Daniel Caiña, bombeiro, apicultor e veciño de Boborás, establecéndose unha relación de amizade. Desta amizade xurdiu a idea de copiar un modelo que xa viran en varias plantacións, abellas e maceiras coexistindo nas mesmas fincas. O resultado desta colaboración é un beneficio mutuo, mazás e mel dunha calidade e características organolépticas óptimas e un 15-20% máis de produción. Os inicios do proxecto “Estabamos buscando terreos grandes e Patricia Torres, alcaldesa de Boborás, púxonos en contacto coa comunidade de veciños de Ventosa, a aldea na que se sitúa a plantación, chegando ao acordo dun arrendamento por 30 anos no seu monte comunal. Era monte que estaba moi abandoado e ao que non lle sacaban proveito, pois ademais tiveran incendios”, conta Manuel. A execución da plantación levou consigo un importante traballo:”Houbo que subsolar o chan cun bulldozer, executamos un peche perimetral… Pedimos algunhas axudas para peches, pistas, cortalumes,pero non recibimos ningunha axuda económica. En Galicia, hai axudas para outro tipo de plantacións pero non para as plantacións de maceiras. Tamén fixemos analíticas do terreo, para saber como estaba a nivel de nutrientes. Como a terra tiña un exceso de acidez decidimos contrarrestalo con cal para que as raices creceran mellor. ”, di Manuel. Sobre o estado do monte, Daniel aclara que “era unha zona de matorrais, había moita silva, moito toxo, estaba bastante boscosa. O que houbo que facer foi un acondicionamento previo, desbrozar todo, remover a terra, e unha vez que a terra estaba osixenada, plantouse de forma sectorizada. Tamén se fixo un gran traballo perimetrando e cerrando a finca con postes e con telas para protexela de animais como o corzo ou o xabarín, que poderían entrar a comer os froitos”. “Ademais, creamos pistas, sempre respectando a orografía do terreo. En definitiva, o que buscamos é colaborar co medio ambiente e coa agricultura, poñer en valor as aldeas e montes abandonados… Limpar, facer cortalumes, traballar de forma totalmente natural”, sinala Daniel. As maceiras están nos primeiros anos de produción. Ouro de Feás: Mazás á carta Os impulsores da plantación de maceiras, Manuel e Sergio, decidiron plantar 11 das variedades de mazá máis demandadas no mercado nacional, que son: Madiedo y Amariega (amargas), Raxao, Regona y Durona de tresali (ácidas), De la Riega, Carrió y Collaos (semiácida), Verdialona y Paragües (dulce), y Florida y Carrió (mixtas). Fixérono de forma sectorizada, para poder ter un control total e poder servir as variedades específicas que busque cada cliente. O manexo límitase a abono orgánico ecolóxico, desbrozado e poda. A plantación está inscrita no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega. O proxecto está aínda nas súas primeiras fases, pero en canto ao mercado da mazá, Manuel asegura que, polo que escoita no sector, o prezo ao que se paga o kilo de mazás en Galicia “a penas cubre gastos de produción”. “Resulta moi complexo facer unha estimación da produción, pois ata dentro de 2-3 anos non teremos suficiente produción como para poder comercializar a mazá, pero cada maceira pode dar entre 200 e 60 kg, dependendo de varios factores, como a vecería, que é a tendencia a dar unha produción máis pobre nos anos pares. É moi complexo de contrarrestar, pero pódese facer algo con certos sistemas de poda e abonado que pretendemos implantar aquí”, aclara Manuel. Outra mellora chegará das colmeas colocadas por Daniel no monte, que contribuirán a unha mellor polinización: “As mazás acadan un maior tamaño, pel máis crocante, cor máis intensa, conservan o seu punto de acidez mellor e teñen alto índice de azúcar, podendo aumentar a produción entre un 5 e 15%”. “Todo isto débese tanto ao beneficio que lles aporta a polinización das abellas como ás características da finca, orientada ao sur e co norte tapado, protexida de temporais e totalmente exposta ao sol, a 600 metros de altura e con notables oscilacións térmicas. A polinización das abellas e as características da finca outórganlle ás mazás unha calidade excepcional”, destaca Daniel. Mel da Alborada: mel de calidade e variedade de productos Respecto ao mel e ás abellas, o que se consegue na plantación de maceiras é un crecemento temperá dos enxamios e a posibilidade de obter un mel monofloral, que o propio apicultor recoñece que será dificil, pois trátase dunha finca rodeada dunha gran variedade de fontes de mel, como a silva, castiñeiro, carballo, carrasco… Trátase dunha “paraxe virxe” que facilita a produción dun mel de calidade. De cara ó futuro, valoran crear un selo relacionado coa zona de Boborás e tamén incorporarse á IXP Mel de Galicia, cunha liña de produción ecolóxica e outra convencional. En canto ás variedades de mel que traballan, a idea é dirixirse cara o mel de sabor máis forte, que sería o mel de castiñeiro e o de carrasco, ben en meles monoflorais ou multiflorais. Nas últimas análises que fixeron do mel, o resultado foi un 78% de castiñeiro, excepto un colmear que teñen apartado a modo experimental, que saiu un 70% de carrasco. Ademais do mel, tamén comercializan outros produtos primarios das colmeas como a tintura de propóleo, os propios panais de cera, o pole seco, así como licores e botes nos que combinan o mel con froitos secos da zona: noces, améndoas e castañas. Daniel pensa que colocar o mel a nivel nacional resulta máis complexo que a nivel autonómico ou internacional. Asegura que en Francia, Suiza ou Alemaña, por exemplo, valórase moito o mel galego e o prezo pode triplicar o que se paga en España. Na súa opinión, deberíase estandarizar un mínimo de 10 euros polo bote de kilo de mel, menos diso pensa que non compensa para o apicultor. Daniel explica que “o noso obxectivo é ir medrando pouco a pouco e chegar a ter unha produción de miles de kilos.A idea é expandir os nosos produtos a nivel internacional. Para isto, interesaríanos crear un selo de garantía da nosa zona (Boborás), ademáis de levar a etiqueta da IXP Mel de Galicia. Coas mazás a filosofía é a mesma”. Loita biolóxica con aves Nesta zona xa había aves,pero colocando caixas, os produtores favorecen o seu aniñamento na finca. Esta idea sacárona dalgunhas plantacións profesionais que visitaron e nas que viron que facían isto para combater certas plagas. “Contra o pulgón e o verme o único control é o biolóxico, as mariquiñas, os paxaros… Realmente ainda non tivemos ningunha plaga significativa, só pequenos casos illados, pero o que está claro é que nos interesa que se autorregule o medio e intervir o menos posible” recalca Manuel. A velutina é outro dos graves problemas ós que se enfrontan de cara ó futuro. Caixa niño nunha árbore. Plan de traballo “O traballo de campo na colmea queremos seguir facéndoo igual, como se fixo toda a vida, con afumador, con pinzas… traballar sempre de xeito natural coas colmeas. Despois, no proceso de extracción si que valoramos mecanizar porque é moito máis rapido desopercular a máquina que a man. Ese sería o único proceso que poderíamos chegar a mecaniza” conclúe Daniel. Pola súa banda, Manuel declara que “actualmente as maceiras son moi pequenas e podemos facer todos os procesos nós mesmos coas nosas propias mans, planta por planta, tanto abonado como poda. Co tempo, cando as maceiras medren, será inevitable mecanizar estes procesos e outros”. Ademais, tamén teremos que contratar a xente para que nos axude no mantemento da finca, e iso nos pon frente a outro dos grandes problemas no rural actualmente: a falta de man de obra. Tamén será necesario instalar unha estación meteorolóxica para poder rexistrar os datos de forma seria e un sistema de rego automático centralizado. Son grandes investimentos, pero necesarios”.

Seminario sobre cultivo e importancia da mazá de mesa e sidra en Galicia

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo organizan o vindeiro 28 de xuño un seminario temático sobre cultivo e importancia da mazá de mesa e sidra en Galicia. As persoas interesadas en asistir poden realizar a inscrición nesta ligazón https://foagro.xunta.gal/foagro/inscripcion/publica/accionsFormativas Para máis información enviar un correo a  xose.antonio.meixide.fernandez@xunta.gal ou chamar ao 881881863

Programa:

MÉRCORES 28 DE XUÑO 2023 A xornada dividirase en dous bloques, o primeiro, adicado a mazá de sidra, realizarase no CFEA de Guísamo entre as 09:00h e as 14:00h, e unha pola tarde no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). -09:00h – 09:30h Inauguración. Presentación das xornadas da man de José Luis Cabarcos Corral (Director Xeral do AGACAL), Manuel López Luaces (Xefe de Área de Formación, Innovación e Investigación do AGACAL), Mª Camino Nicolás Velado (Directora do CFEA de Guísamo) e Abelardo Nimo Silva (Director do CIAM). -09:30h – 10:30h “Conxuntura da mazá de sidra en Galiza”. Conferencia realizada por Javier Ascasíbar Errasti, Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galiza. -10:30h – 11:30h Conferencia telemática de Enrique Dapena de la Fuente, pesponsable do Programa de Fruticultura e investigador do SERIDA (Principado de Asturias). -11:30h – 12:00h Pausa para café. -12:00h – 13:00h Mesa redonda da mazá de sidra. Coloquio para entender a situación actual dos modelos de cultivo e a realidade das asociacións e cooperativas de maceira de sidra en Galiza. Participarán Miguel Soto Alborés (Técnico Agrícola da Cooperativa Maestra), Jesús Rodríguez Raposo (membro da Asociación AFRUVAL), José Manuel Vázquez Porto (presidente da Cooperativa de Ullama), Alberto Gallego (Presidente de FAGRECO) e Juan Manuel Veiga Vázquez (fruticultor vinculado a Cooperativa Cabrinfolla). -13:00h – 14:00h Experiencias coa mazá de sidra no CFEA de Guísamo. Conferencia realizada por Xián Liñares García (Técnico Superior en Paixasismo e Medio rural ) e Xosé Antonio Meixide Fernández (investigador do CIAM) e visita ao campo de ensaio de mazá de sidra do CFEA de Guísamo. -14:00h – 16:00h Pausa para xantar. Localización: Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). 16:00h – 17:00h Mesa redonda da mazá de mesa. Coloquio para entender a situación actual dos modelos de cultivo e a realidade das asociacións e cooperativas de maceira de mesa en Galiza. Participarán Francisco Otero Otero (Presidente da AFRUGAL), Ignacio Bellas (presidente do AGFA) e Manuel Varela Mecías (produtor de mazá de mesa ) -17:00h – 18:00h Conferencia João Calixto, consultor de Fruticultura “ A produçao da maçã de mesa no Norte do Portugal e na Galiza” -18:00h – 19:00h Visita ao Campo de Conservación das castes de mazá de cultivo tradicional en Galiza, do Banco de Xermoplasma de Mabegondo. XOVES 29 DE XUÑO DE 2023 Visita a Finca do Pazo de Des, localizada en Lalín, o desprazamento realizarase en autobús. -09:00h Saída dende o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo. Prégase puntualidade.

Cae un 70% a colleita de mazá de sidra en Galicia e soben os prezos

A colleita de mazás de sidra deste ano non tivo un bo balance de cantidades. A diminución da produción en certas zonas de tradición de cultivo como A Estrada, con respecto ao ano pasado, chegou ao 70%. Deste xeito, a recollida pecharase progresivamente por moitas zonas de Galicia a partir da semana que ven, cun número de quilos reducido que trouxo como consecuencia unha lixeira subida de prezos. “O ano pasado rematamos o 20 de novembro, pero este ano esperamos ter acabado a partir da semana que ven”, detalla Miguel Soto, produtor da comarca da Estrada, unha das principais localidades produtoras de mazá de sidra en Galicia. Os fortes ventos e, sobre todo, as choivas durante o período de floración motivaron un descenso da capacidade produtora das maceiras, pero a causa principal “é a coincidencia co ano de descarga das árbores”, explica o enxeñeiro agrónomo e presidente da Cooperativa Cabrinfolla, Francisco Otero. Deste modo, “a gran loita da fruticultura é regular as producións, e abandonar estas tendencias bienais”, matiza.

Unha colleita con cantidade reducida

A superficie de explotación de mazá para sidra da comarca da Estrada chega ás 100 hectáreas de terreo en produción, aproximadamente. Dende os últimos anos ata o de agora “ampliouse a plantación de maceiras pero, polo momento, teñen que pasar sobre 3 anos para que esas árbores entren en produción, e ademais inscribilas no Craega para certificalas en ecolóxico”, explica Soto. As especies con maior presencia nesta zona son ‘Raxao’, ‘Regona’ e ‘De la Riega’, acompañadas da ‘Rabiosa de Callobre’; en calquera dos casos traballadas en ecolóxico. “Este ano, ao igual que o resto de anos pares, a produción é mala, e ademais as choivas e os ventos na primavera, no momento do callado, acabaron por prexudicar a produción”, amplía o productor estradense. Por este motivo, a produción deste ano na Estrada será “un 60% ou 70% máis baixa que o ano anterior; no 2021, sacamos sobre millón e medio de quilos e este ano non superaremos o medio millón no concello”, detalla.
“A produción deste ano na Estrada será un 60% ou 70% máis baixa que o ano anterior” (Miguel Soto)
O caso da Estrada non é unha excepción á mala colleita de sidra deste ano, senón que se percibe o mesmo a través doutras zonas de Galicia, como na Cooperativa Cabrinfolla. Actualmente, contan con “20-25 hectáreas plantadas pero non están todas en produción, contamos con 15 en plena produción, repartidas por diferentes puntos da xeografía galega, como Portomarín, Aranga, Láncara ou Guntín, principalmente entre as provincias de Lugo e A Coruña”, describe Francisco Otero. En canto ás variedades que traballan nesta cooperativa existen grandes similitudes coas da Estrada posto que “a partir dun estudo que se fixo no 1996, e do cal se obtiveron os resultados no 2001, puxéronse 14 variedades asturianas repartidas en diferentes partes do territorio, e sacáronse como variedades principais ‘De la Riega’ ‘Regona’ e ‘Raxao’, e despois outras como ‘Perico’, 'Solarina' e ‘Durona de Tresali’; por iso, o que normalmente se aconsella é plantar un 75% das tres primeiras e o 25% con outras variedades para completar polinización”, explica Otero. Así se reparte a produción en Cabrinfolla coa maior parte en ecolóxico, e nalgún caso en convencional. Comparativamente ao caso da Estrada, a situación en canto a volume de recollida nestes momentos, con respecto ao ano pasado, é case a mesma. “Agora mesmo estamos en torno ao 30% ou o 40% de quilos de mazá recollidos nun ano de carga como o pasado; este é ano de descarga das árbores porque así se acostumou en Galicia a produción, cara os anos pares” sinala o enxeñeiro agrónomo.
“Este é ano de descarga das árbores porque así se acostumou en Galicia a produción, cara os anos pares” (Francisco Otero)
Así mesmo, “non quere dicir que todas sexan así, pode haber algunha plantación que non estea influenciada pola zona froiteira na que se situou, como é o caso dun socio que temos en Xermade, a quen lle afectaron as xeadas o ano pasado e non houbo apenas flor, e por iso, nesta colleita tivo moita máis mazá que o resto”, comenta Otero. Fotografía dun dos socios da cooperativa Cabrinfolla, en Xermade, recollendo mazás. Fonte: Cabrinfolla Por outra banda, respecto a enfermidades non se rexistraron grandes perdas. “Foi un ano ideal para que non houbera ataque de fungos xa que non houbo moita choiva, e polo tanto, non houbo humidade, cuestión que permitiu evitar o moteado ou o oídio”, afirma o membro de Cabrinfolla. Igualmente, “houbo algúns casos de ataques severos ocasionados polo verme da mazá, e iso tamén facilitou a entrada de monilia nalgúns froitos”, apunta. En consecuencia, a baixada de froito da colleita deste ano trouxo como unha lixeira subida dos prezos. “Nestes momentos estannos pagando o quilo dous céntimos por riba do ano pasado, aproximadamente”, concreta Miguel Soto. “Agora están pagando o quilo no intervalo dos 0,25€ e os 0,32€”, especifica Otero.
“Agora están pagando o quilo no intervalo dos 0,25€ e os 0,32€” (Francisco Otero)

A necesidade de regular a plantación e claves para logralo

O ano de carga e o de descarga representa un patrón no cal as árbores froiteiras, neste caso as maceiras, teñen unha tendencia bienal de maiores e menores producións; “é coma un dente de serra, un ano hai moita produción e ao seguinte moita menos, e por isto, a loita grande en fruticultura é regular a produción para que non pase isto”, explica Francisco Otero. Por este motivo, “estase investindo moito en investigación para axustar isto, e solo se subsana mediante aclareo; polo momento, pode ser manual ou químico, pero independentemente do método, hai que sacar flor ou froito”, sinala o enxeñeiro agrónomo. “A froita que imos ter no 2023, xa está na árbore desde xullo. O que acontece no mes de xullo é que as xemas de madeira pasan a xemas de flor, fenómeno que se coñece como 'iniciación floral', explica. "Se estamos nun ano de carga, as sementes das mazás inhíben o paso da xema de madeira a xema de flor por medio das xiberelinas (compostos hormonais), e as xemas de madeira que queren pasar a flor vense inhibidas polas sementes das mazás que se están formando”, concreta Otero. Tendo en conta estas cuestións, cales son as claves de cara o ano que ven? “Se pensamos que o próximo ano vai ser de carga -falando en termos xerais porque sempre pode haber excepcións, incluso nunha mesma plantación- recomendaría, en primeiro lugar, que se fixera unha poda máis forte tratando de eliminar máis xemas de flor. Tamén restrinxiría o abonado para a campaña que ven. Despois, aclarearía coas ferramentas que sexan posibles de utilizar en función da súa metodoloxía de cultivo”, recomenda Francisco Otero.

Xornada este xoves no CIAM sobre presente e futuro da produción de froita en Galicia

O departamento de Pastos e Cultivos do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-AGACAL) organiza para este xoves, 14 de xullo, as “Xornadas Técnicas sobre Fruticultura en Galicia: Evolución e Perspectivas”. O evento congregará tanto a investigadores como a produtores que informarán da situación actual, avances técnicos e posibilidades de cultivos de froitas e froitos xa tradicionais en Galicia, como a mazá, tanto de sidra como de mesa, a castaña ou o kiwi, pero tamén doutros incipientes como os froitos vermellos, aguacate ou cereixas, entre outros. A inscrición é gratuíta e para facela é preciso descargar e cubrir a solicitude e enviala ao seguinte enderezo electrónico: xornadas.fruticultura.22@gmail.com

Descarga aquí a solicitude

Ullama, como o cooperativismo profesionalizou o cultivo tradicional de mazá

No ano 1999 fixéronse as primeiras plantacións a escala comercial de mazás para sidra na Estrada. A partir de entón, este cultivo comezou a coller cada vez máis protagonismo ata pasar a ser unha das actividades máis representativas do municipio pontevedrés. Debido á crecente produción de mazá, no ano 2002 constituíuse a cooperativa Ullama, a cal, no 2007, pasou case na totalidade á vertente ecolóxica ao establecer un vínculo comercial con Maeloc (Estrella Galicia). Hoxe en día, a produción da cooperativa achégase ao millón de kg, principalmente de variedades asturianas, mentres que a cantidade producida en todo o municipio se aproxima ao millón e medio. Para o ano que vén, as expectativas están por debaixo destas cantidades por mor da vecería (ciclo de menor produción nos anos impares), pero nos vindeiros anos esperan un aumento de cantidade producida a medida que as novas plantacións entren en plena produción. "Entre as variedades principais que Ullama colleita están Raxao, Regona, de la Riega, Durona ou Verdialona”, especifica Miguel Soto, técnico da cooperativa. Estas tipoloxías inclúense no catálogo mazás da DOP Sidra de Asturias, cada unha con resgos diferentes en termos de sabor e maduración. De la Riega, por exemplo, é unha mazá semiácida, caracterizada por un bo nivel produtivo, e a súa maduración ten lugar na primeira quincena de novembro. A sociedade de Ullama visita unha recollida de mazá de Serida Asturias A dinámica de cultivo de mazá no municipio pontevedrés provén da tradición de producir mazás, tanto de mesa coma de sidra. Co descenso da actividade gandeira que se deu a finais do século pasado, a veciñanza comezou a plantar cada vez máis árbores. Desde a formación de Ullama, apostouse en maior medida por un cultivo para sidra, ata chegar á actualidade, na que a recuperación de variedades autóctonas galegas é un dos novos horizontes de traballo da cooperativa.

A produción De Ullama

“A partir dunha subvención do 1999 a novos proxectos, acordouse entre varios veciños plantar mazá de sidra; e no 2002 constituíuse a cooperativa con 26 socios fundadores, coa finalidade de facilitar a xestión e comercialización da produción”, explica José Manuel Villaverde, secretario de Ullama. No 2009-10 aquelas persoas produtoras de mazá, que nun inicio non entraran na cooperativa, foron sumándose á iniciativa; desde entón a agrupación medrou ano a ano, ata chegar á actualidade con 60 socios.
Nos seus inicios Ullama contou con 26 socios, e hoxe en día escalou ata os 60
Para 2022, Ullama ten encargadas máis de 1700 novas plantas, e fai referencia a que o ano pasado “encargáronlle a un viveiro de Asturias outras tantas, o que é sinal de crecemento”. “Tendo o paraugas da cooperativa, que che garante unha venda e unha recollida, aparece cada ano nova xente interesada”, detalla Miguel Soto. O rendemento por cultivo de maceiras prodúcese a medio-longo prazo, “ata os 4-5 anos non comeza a producir, e ata os 8 ou 10 non empeza a dar beneficios”, afirma Villaverde. Igualmente, o secretario fai fincapé en que unha plantación de mazás permite outras vantaxes, como “ter as fincas limpas e coidadas, posto que non se permite o uso de herbicidas ou de determinados abonos, só aqueles que autoriza a certificación ecolóxica”. “Para conseguir a certificación é necesario estar tres anos en período transitorio, e despois tes inspeccións que velan polo desbroce das fincas en lugar do uso de herbicidas, etc.”, detalla Soto. Unha das posibilidades que outorga esta forma de traballar é unha froita de maior calidade, máis interesante para a industria, e así mesmo, un dos requisitos do seu principal comprador.
O cultivo de mazá para sidra en ecolóxico outorga máis facilidades para a súa venta
O cultivo ecolóxico tamén repercute no prezo, “posta en fábrica anda nuns 30 céntimos o kilo, pero hai que ter en conta que hai que organizar a recollida, e despois enviala en camións, con envíos de entre 20 a 25.toneladas á fábrica”, avanza Soto. Debido á redución de gastos de transporte que implica o envío colectivo, pequenas producións locais viron unha boa oportunidade de unión á cooperativa, posto que, senón, “levar 4 ou 5.000kg de mazás a Chantada, por exemplo, non é moi rentable”, comenta o técnico.  

Dificultades e novos retos

  Ullama procede á recollida do froito cun modelo mixto. “Agora, na toma de forza dos tractores conectase un vibrador que desempeña a mesma función que a sacudida tradicional, cuestión que reduce, en certo modo, a man de obra necesaria”, explica Soto. O técnico da cooperativa destaca que “a outra parte que lles falta é a mecanización completa da recollida”, aínda que “xurdiu unha iniciativa local dunha veciña que comprou unha máquina para recoller mazás da árbore, de forma que 3 persoas poden chegar a colectar 1 ha diaria, cando o habitual para a mesma extensión serían 6 persoas e 3 días”. A man de obra da recollida da mazá segue sendo o gasto máis alto en todo o ciclo de produción, non só polo amplo número de persoas que se necesitan para cada colleita, senón tamén pola súa dispoñibilidade. “En moitos casos compartimos man de obra para a recollida co sector vitícola, polo que, algúns anos vémonos obrigados a esperar a que rematen na viña para poder recoller de seguido as nosas mazás”, amplía Miguel Soto. Outra das dificultades é a novidade que representa o cultivo profesional de mazá. Aínda que está mudando a concepción, “a fruticultura está case de complemento do da casa; estamos traballando con algo que, en certa escala, apenas existía en Galicia ata fai uns cantos anos”, comenta Miguel Soto. Pero o verdadeiro “talón de Aquiles” que o técnico destaca é “o traballo con planta de fóra, no noso caso, principalmente de Asturias”.  E é que aínda que existen variedades autóctonas, moitas delas perdéronse. Socios e socias da cooperativa observando plantacións e métodos de traballo no Museo Astigarraga
“O noso talón de Aquiles é que estamos traballando principalmente con planta de fóra de Galicia” (Miguel Soto)
Baixo a intención de recuperar o uso de variedades autóctonas, Miguel Soto fai alusión a un “campo de ensaio que están traballando con Estrella Galicia, con 10 variedades autóctonas, do que estamos a piques de publicar os resultados do estudo”. “Isto é para industria, para facer sidra, mostos e vinagre, polo tanto, se lles interesa pode haber unha alternativa con variedades galegas; nos próximos meses a ver que di Estrella, por que tipoloxías se interesa, e a partir de aí facer unha previsión a anos, e entrar en contacto con viveiros, coa Xunta, etc.”, detalla o técnico de Ullama.

Trasfondo da colleita na Estrada

José Manuel Villaverde lembra traballar desde pequeno na súa casa con mazá, pero non sempre foi unha tradición impulsada pola xente local. O secretario de Ullama afirma que “houbo un momento no que a concentración parcelaria, e a expansión da gandería, apartou a colleita de mazás de sidra cara un segundo plano, inexistente a gran escala”. Vistos os coidados das fincas e as vantaxes a medio-longo prazo para o terreo, e as facilidades de absorción da produción desde a constitución da cooperativa, cada vez máis veciñanza da Estrada se sumou a produción frutícola; pero na Estrada, non só se produce, tamén se transforma. A día de hoxe, Miguel Soto e José Manuel Villaverde fan referencia a catro sidrerías en activo: Peroja, Bioestore, Lagar de Ribera e Bioibérica. Tamén destacan que existen particulares dentro da cooperativa que están retomando, a pequena escala, a produción de sidra.

Campaña de sidra 2021 en Galicia: altas producións e de calidade

Coa campaña de recollida da mazá de sidra xa rematada, Galicia pecha unha das mellores colleitas dos últimos anos, aínda que con certa disparidade entre as diferentes zonas produtoras. Así, para comarcas como A Estrada, un dos referentes na produción galega de mazá de sidra, esta foi mellor campaña que a do 2019, cando lograran uns moi bos rendementos. Mentres, en zonas da Coruña e Lugo, as xeadas reduciron en parte a colleita agardada. Do mesmo xeito que os produtores, tamén dende a fábrica Custom Drinks, asentada en Chantada (Lugo), e principal destino da produción de mazá galega, en especial da ecolóxica, aseguran que se tratou dunha campaña moi boa. “Non foi de récord, mais sitúase entre as mellores. Houbo cantidade e moi boa calidade”, valora José Luis Olmedo, responsable de Innovación da fábrica chantadina, propiedade de Hijos de Rivera.
“Non foi unha campaña de récord, mais sitúase entre as mellores. Houbo cantidade e moi boa calidade”: José Luis Olmedo, Custom Drinks
Hai varios factores detrás destas boas producións: É un ano impar, ano de carga e de recuperación da colleita, logo de que o ano pasado a vecería reducise considerablemente a cantidade de mazá. Os pomares atópanse nun bo estado sanitario, sen case incidencia dalgunhas das pragas habituais como o verme da mazá. Ademais as condicións meteorolóxicas deste ano contribuíron a que o froito chegase ó final da campaña en moi boas condicións e se lograsen boas producións.

Comarca de Tabeirós

Na Estrada, unha das principais comarcas produtoras de mazá de sidra en Galicia, este ano lograron unha moi boa colleita. Dende a cooperativa Ullama, a principal cooperativa de mazá de sidra da Estrada, cuxa produción é toda ecolóxica, destacan que este ano conseguiron mellores producións que as do 2019.
“Cada ano imos incrementando a produción, a maior parte deles son maceiras novas que aínda están chegando ás cifras agardadas”: Miguel Soto, técnico de Ullama
Pecharon a colleita na primeira quincena de novembro cuns 850.000 quilos de mazá recollidos na cooperativa. En toda a comarca de Tabeirós producíronse preto de 1,5 millóns de quilos, dos que uns 200.000 quilos son de mazá en convencional e o resto corresponde a pomares en ecolóxico. “Cada ano imos incrementando a produción, a maior parte deles son maceiras novas que aínda están chegando ás cifras agardadas”, explica Miguel Soto, técnico de Ullama.

Provincias de Lugo e A Coruña

Dende a Asociación de Fruticultores de Galicia (Afrugal) recoñecen que esta foi unha boa campaña, pero apuntan a que está por debaixo das cifras que manexaron no 2019. Así, estiman que recolleron un 20% menos que aquel ano.
“Aínda hai moitas plantacións nas que non se valorou a incidencia das xeadas, a pesar de que é determinante á hora de escoller a parcela para un pomar”: Francisco Otero, Afrugal
Nesta colleita comercializaron uns 500.000 quilos de mazá a través da cooperativa Cabrinfolla, deles uns 250.000 quilos proceden de pomares en ecolóxico. “Este ano nos concellos de Xermade e Vilalba moitos pomares quedaron machacados polas xeadas”, explica Francisco Otero, presidente do colectivo. “Aínda hai moitas plantacións nas que non se valorou a incidencia das xeadas, a pesar de que é determinante á hora de escoller a parcela para un pomar”, explica o especialista na produción de mazá.

Conseguir contratos homologados

Os produtores están a buscar selar coa industria novos contratos homologados, similares ós que se estipulan para o viñedo, que poidan ofrecerlle estabilidade e maiores garantías. “Buscamos contar con contratos que garantan a recollida e que os prezos se axusten á situación do mercado, xa que no sector primario estamos vendo que todos os custes están a subir”, explican dende Ullama. Nesta campaña os prezos en Galicia mantivéronse nos 0,30 euros para o quilo de mazá ecolóxica, un prezo que os produtores galegos ven preciso subir, dados os coidados e limitacións que ten este tipo de produción. Mentres, as mazás en convencional estaban nos 0,24 euros o quilo. Ademais da mazá que se vende en Galicia, case a metade da produción galega ten como destino Asturias, onde os prezos foron máis elevados, aínda que tamén hai que ter en conta os custos do porte que asumen os produtores e que tentan reducir con envíos agrupados, que fan máis rendible a venda.
Os produtores buscan contar con contratos que lle ofrezan estabilidade e garantías de recollida
Dende o sector reivindican a necesidade de comezar a valorar as distintas variedades e calidades no prezo que se lle paga ó produtor. “Se o mercado marca diferencias para incrementar a calidade, dende as cooperativas tamén podemos comezar a traballar naquelas liñas que teñan maior interese”, valora Otero. Na Estrada, este ano xa realizaron unha colleita máis selectiva, diferenciando por variedades para lograr coller a mazá no momento óptimo, comezando a recollida polas variedades máis delicadas.

Sen case incidencia de pragas

Nos últimos anos estase vendo un incremento tanto dos pomares en ecolóxico como da demanda desta mazá. En Custom Drinks, principal industria especializada na elaboración de sidra en Galicia, están a facer unha clara aposta por esta mazá para a produción da súa sidra Maeloc. “Nesta campaña, máis do 70% da mazá que procesamos era ecolóxica. Estamos a ver os resultados dos esforzos por conseguir que os produtores apostasen por este modelo de xestión dos pomares, máis respectuoso co medio ambiente”, detalla Olmedo. Á marxe da incidencia das xeadas e a inestabilidade do verán, que fixo que as primeiras mazás fosen máis baixas de azucre, como detallan na industria, houbo unha campaña con moi boa calidade. O tempo solleiro do mes de outubro e novembro propiciou que as mazas non caeran antes de tempo e mesmo que o azucre se incrementase. Ademais, propiciou que os traballos se levasen a cabo en mellores condicións, sen ter que realizar as recollidas pasadas por auga.
Este ano o verme da mazá non foi problema en Galicia. Case non houbo danos e os ataques conseguiron atallarse con rapidez
Os pomares atopábanse nun moi bo estado sanitario esta campaña e mesmo houbo una menor afección dalgunhas das pragas habituais da mazá como o verme, provocado pola Cydia Pomonella, unha bolboreta que realiza as súas postas entre lusco e fusco nos días en que a temperatura se mantén por encima dos 15 graos. “Este ano o verme da mazá non foi problema en Galicia. Case non se produciron danos e só houbo ataques puntuais que se conseguiron atallar moi rápido”, explica Francisco Otero, quen se encarga de coordinar as tarefas de seguimento da incidencia da praga en colaboración tanto coa industria como coa Consellería de Medio Rural. De feito, teñen unha rede de trampas para comprobar a presenza deste insecto en doce puntos das provincias de Lugo, Pontevedra e A Coruña. A primavera fresca motivou que este ano a incidencia desta bolboreta fose case nula. “En 12 anos, esta foi a primeira vez que tivemos unha presenza tan baixa”, detalla Olmedo. Dos 300 exemplares que adoitaban recoller habitualmente nas trampas de Sada ó longo da tempada, que se prolonga entre os meses de abril ata setembro, este ano non chegaron nin a recoller unha cuarta parte de insectos. “Agora estamos expectantes para ver como se desenvolve a próxima campaña e se realmente ó non se realizar tantas postas tamén é menor a incidencia e a presencia do verme da mazá aínda que as condicións lle poidan ser máis favorables que nesta campaña”, valora Otero.

Curso sobre alternativas de xestión ó minifundio forestal en Camariñas

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a vindeira semana no Centro de Iniciativas Empresariais de Camariñas un curso sobre alternativas de xestión ao minifundio forestal. A formación será impartida pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural entre o mércores 13 e o sábado 23 de outubro en horario de mañá, cun total de 44 horas formativas distribuídas en sete xornadas. O obxectivo da iniciativa é amosar as posibilidades que ofrece o asociacionismo como solución ao minifundio, ademais de dar a coñecer cultivos alternativos ás principais especies forestais, como poden ser os arandos, as mazás de sidra ou as castañas. Nesa liña, pretenden proporcionar ós participantes coñecementos técnicos e profesionais precisos para establecer algún destes aproveitamentos. O programa inclúe contidos sobre a situación do sector forestal en Galicia e sobre a xestión forestal conxunta, ademais de especificidades sobre os cultivos mencionados. En relación ao castiñeiro, falarase de tratamentos silvícolas e de canles de venda da castaña, ademais de facerse unha análise económica deste tipo de aproveitamento. No que se refire ás maceiras para sidra e aos arandos, tratarase a xestión destas plantacións e tamén os aspectos comerciais de interese. Nesa dirección, a formación concluirá cunha visita a unha produción forestal froiteira, para que os alumnos poidan comprobar en campo os coñecementos adquiridos. A acción están dirixida en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego. As persoas interesadas poden anotarse descargando aquí a solicitude de asistencia, que deben remitir cuberta ó enderezo electrónico ana.suarez.samaniego@xunta.es. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 881 997 285. O curso inclúese no programa de formación non regrada de Agacal e dentro do Plan de formación continua 2021, co que a Xunta busca incrementar a competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de accións formativas.

Consulta aquí outros cursos incluídos no Plan de accións formativas da Consellería de Medio Rural para o 2021

Curso sobre cultivo e manexo da mazá de sidra en ecolóxico

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), ten previsto impartir a semana que vén na Estrada un curso sobre maduración, recolección, manipulación e mecanización da mazá de sidra en ecolóxico. Organizado pola Oficina Agraria Comarcal (OAC) desta localidade pontevedresa, está programado para desenvolverse no Novo Mercado entre o luns 13 e o venres 17. A formación impartirase na Estrada ao ser un concello que destaca polo seu cultivo de mazá de sidra en ecolóxico, cunha produción actual de arredor de 100 hectáreas que ten previsión de incrementarse. Así mesmo, este municipio pontevedrés conta cunha ampla tradición na elaboración de sidra, cunha maioría dos produtores integrados na cooperativa Ullama, que ten máis de 60 socios dedicados á produción de mazá en ecolóxico. O obxectivo desta acción, que se impartirá en horario de tarde ao longo de 16 horas de formación, é mellorar as técnicas de produción de mazá de sidra e enfocalas ao cultivo ecolóxico, así como a mecanización co obxectivo de reducir custos para aumentar a rendibilidade dos cultivos. En concreto, no programa constan contidos sobre a produción e a comercialización da mazá de sidra, o seu aproveitamento industrial, a súa maduración, a súa recolección e transporte e o seu proceso de elaboración. Por último, o venres 17 está prevista unha visita ao campo de ensaio de Maeloc, onde se explicará todo o proceso de maduración, recolección, manipulación e mecanizado da mazá de sidra en ecolóxico. Así mesmo, realizarase unha práctica con maquinaria de vareado portátil, vareado adaptado ao tractor e recolección mecanizada. As persoas interesadas poden descargar a solicitude de inscrición nesta ligazón. A ficha deberá remitirse cuberta ao enderezo electrónico paula.barciela.alonso@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 886159347.

Canto custa producir mazá de sidra en ecolóxico en Galicia?

É rendible producir mazá en ecolóxico en Galicia para a elaboración de sidra? Esa é a pregunta á que tenta dar resposta o estudo de custos de produción encargado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería de Medio Rural, e que foi presentado recentemente na Estrada (Pontevedra), un dos principais concellos produtores de mazá de sidra en Galicia, que conta con máis de 100 hectáreas dedicadas a esta produción. O traballo foi elaborado pola asesoría especializada GB Auditores Asociados SL, empresa con máis de 25 anos de experiencia no sector. A firma levou a cabo o estudo coa colaboración de dúas das principais cooperativas que agrupan a gran parte dos produtores en ecolóxico e convencional de Galicia: Ullama, situada na Estrada, e Cabrinfolla, en Bergondo (A Coruña). “É o primeiro estudo que se realiza neste ámbito e pretende amosar os custos reais e a rendibilidade económica desta produción”, explican dende a auditoría.
Na elaboración do informe participaron Ullama e Cabrinfolla, as principais cooperativas centradas na produción de mazá de sidra en Galicia
Á hora de responder sobre os custos de produción, un dos condicionantes máis importantes é o tamaño da plantación, que inflúe directamente na rendibilidade actual desta actividade agraria. A maior tamaño, a actividade vólvese máis rendible, pero a marxe aínda resulta mínima, tal e como amosa o informe.

Estimar os custos

Para chegar a estimar os custos medios que se derivan nun pomar adicado á sidra en ecolóxico, dende GB Auditores Asociados fixeron un repaso e un cálculo dos gastos que se xeran na plantación durante o seu período produtivo. Como plantación estándar fixaron un pomar dunha hectárea de superficie e cunhas 500 árbores das principais variedades que se cultivan en Galicia, xa que en termos xerais, tampouco hai grandes variacións de requirimentos ou produtividade. O estudo avalía un período produtivo de 24 anos, que comeza coa preparación da parcela e a plantación das árbores. Estiman os gastos de mantemento durante os 6 primeiros anos, nos que non producen colleita, e a partir do oitavo ano da plantación, cando xa comeza a estabilizarse a produción. A análise prolóngase ata que comeza a decaer a produtividade das maceiras, cando se cumpren arredor dos 24 anos.
Estimaron os gastos dende os primeiros traballos precisos para realizar a plantación de maceiras ata pasar 24 anos, cando xa comeza a decaer a produción
Estipularon uns rendementos que oscilan entre os 35.000 quilos, nos anos de carga, cos anos de menor produción, nos que a media adoita situarse nos 17.000 quilos. “Levamos a cabo unha calendarización dos traballos que se van facer na plantación ó longo deses 24 anos para logo poder estimar os gastos que se van producir”, explica Enrique González, un dos socios de GB Auditores e que participou directamente na elaboración do informe. Os principais gastos teñen que ver coas horas de traballo manual e mecánico. Realizaron un detalle pormenorizado da maquinaria que se precisa para atender a plantación e inclúense tanto os prazos de amortización dos aparellos como os gastos variables da maquinaria, tendo en conta tanto o paso do tempo como a carga de traballo. Períodos, procesos e tarefas básicas que se levan a cabo nos 24 anos de produción dun pomar. // Datos GB Auditores. No traballo tamén incluíron os gastos habituais dunha plantación deste tipo para o coidado e mantemento das árbores, que van variando en función de cada etapa. Así en plena produción incluíron os tratamentos que adoitan darse ás árbores coma nos primeiros anos as tarefas de arado profundo. Xunto coa maquinaria e os tratamentos tamén incluíron os custes por hora de traballo. “Moitas veces no campo, e con actividades complementarias, os produtores esquécense de incluír nos gastos o seu propio traballo, pero é fundamental incluílo, para saber se realmente é rendible en termos económicos esta actividade”, indica González. Horas de traballo que requiren as distintas tarefas no pomar. // Datos GB Auditoría.

O equilibrio entre custos e prezo

A análise establece un modelo económico que permite estimar os custos para unha plantación dunha hectárea, así como tamén recolle para plantacións de 10 ou 15 hectáreas. Neste cálculo, estiman que a inversión necesaria para un pomar dunha hectárea sitúase nos 50.000 euros, mentres que para unha plantación de 15 hectáreas os gastos sitúanse nos 117.000 euros.
Nun pomar dunha hectárea, producir un quilo de mazá ecolóxica custa 0,40 euros e o prezo medio que reciben os produtores sitúase nos 0,31 euros
O factor máis significativo que determina a redución dos custos cunha plantación de maior superficie débese a que nos pomares máis pequenos a maquinaria está a ser infrautilizada, co que non chega a desempeñarse o desembolso que supón a súa adquisición. Estiman que nunha plantación dunha hectárea o uso da maquinaria é de unhas 111 horas ó ano, mentres que cando se trata de plantacións de 15 hectáreas chega ás 1.600 horas anuais, o que se aproxima máis a que estea a pleno rendemento. Custos e gastos de maquinaria nun pomar. // Datos GB Auditores. En canto ó custo de produción, o estudo conclúe que nunha plantación dunha hectárea sitúanse nos 0,40 euros por quilo. “Esta cifra estímase despois de calcular os gastos todos que supón a plantación ó longo dos 24 anos”, puntualiza González. A cifra afástase considerablemente do prezo de referencia que perciben os produtores. O prezo medio que manexan no estudo e que lle proporcionaron dende o sector, sitúase nos 0,31 euros por quilo. “Canto maior sexa a plantación estes custos redúcense e os prezos actuais achéganse a cubrir alomenos o custo de produción”, detalla González. Así, nas plantacións de 15 hectáreas, o custo de produción establécese entre os 0,29 e os 0,30 euros por quilo de mazá. “Con todo, aínda nestas plantacións de maior tamaño é unha rendibilidade moi baixa e resulta preciso levar un control estrito dos custos da explotación para que as contas saian”, concreta o experto. Se se analiza por partidas, as máis significativas nos gastos do pomar corresponden ás horas de traballo, nas que se inclúen os salarios do propio produtor e dos xornaleiros; así como a maquinaria. Nun pomar de 15 hectáreas, o salario do produtor supón 0,08 euros por quilo de mazás, mentres que ós salarios dos traballadores destínanse 0,11 euros e a mesma cantidade estiman que corresponde para o gasto en maquinaria. “A situación cambia considerablemente se se trata dunha parcela dunha hectárea, xa que aí os gastos en maquinaria dispáranse ata os 0,21 euros ó estar infrautilizada, polas poucas horas de traballo que acomete”, explica o asesor financeiro.

Claves para incrementar a rendibilidade

Logo de analizar a realidade das plantacións, unha das recomendacións para que o pomar sexa rendible é contar cunha superficie mínima de 15 hectáreas. “Por debaixo das 15 hectáreas, dende un punto económico só se entende como unha actividade complementaria”, concreta González. Na análise de custos tamén abordaron as vías que resultarían máis factibles para incrementar a rendibilidade do pomar. “Mellorar a produtividade pode ser importante, pero débese conseguir un mellor prezo para facer rendible esta actividade”, sinala o informe. Botar man tanto das cooperativas como doutros modelos asociativos para abordar a compra da maquinaria e tratamentos ou a comercialización das mazás é outra das vías que apuntan para incrementar a rendibilidade dos pomares. Por outra banda, na presentación do informe, o director de Agacal, José Luis Cabarcos, tamén avanzou que o Goberno galego está traballando xa na actualización da Lei da calidade alimentaria, que data do ano 2005, para reforzar a posta en valor dos produtos con figuras de protección, é dicir, dos que están inscritos a algún selo de calidade, como pode ser a mazá en ecolóxico, o que tamén podería conseguir a súa valorización. Do mesmo xeito, Cabarcos tamén apuntou á nova Lei de recuperación da terra agraria, que inclúe ferramentas como os polígonos agroforestais, e que poden ser de utilidade para mellorar a rendibilidade dos pomares.

Recomendacións para o coidado das maceiras durante estas semanas

A Consellería do Medio Rural ofrece no seu último boletín agrometerolóxico unha serie de recomendacións para o coidado das maceiras, tanto para mazá de sidra como de mesa, durante estas semanas. O feito de ter superado o umbral de tolerancia  do verme da mazá (C. pomonella),  nas zonas das Mariñas Coruñesas, Barbanza, Bergantiños e Sarria, fai necesaria a aplicación dun tratamento insecticida ovo-larvicida para esta praga que está na primeira xeneración das dúas que ten no ano. Para acadar boa actividade insecticida, compre efectuar a aplicación antes do nacemento das larvas, requerindo un coñecemento exacto do estado evolutivo da praga en cada parcela. Non obstante, debemos recordar que naquelas plantacións de mazá de mesa (patróns EM-9), nas que teñamos presenza de Aphelinus mali, evitaremos tratamentos insecticidas para respectar a súa actividade contra o pulgón laníxero. Nas plantacións de mazá de sidra, non se nos dá esta problemática polo emprego de patróns resitentes a esta praga. Este tratamento tamén terá eficacia contra a larva da Broca, sobre todo nas comarcas de Sarria e Guntín (Lugo) e Ortegal (A Coruña). É preciso recalcar, que debemos ter en conta a duración da efectividade do producto usado, segundo actuemos en agricultura convencional, integrada ou ecolóxica, xa que o tempo que debe transcorrer entre tratamentos é distinto, podendo suceder que un tratamento nunha semana cubra a súa efectividade durante dúas máis. Así en agricultura convencional e integrada, en xeral, os insecticidas usados teñen una duración da efectividade entre 15/21 días mentres que en agricultura ecolóxica é de 7/10 días (virus da granulopse da carpocapsa).

Recoméndase:

• Alternar materias activas co fin de evitar a aparición de resistencias. • Alternar substancias con diferente modo de acción. • Cumplir co número máximo de aplicacións que ten autorizadas cada produto. • Respectar com rigor os prazos de seguridade. Recomendacións dos técnicos da Asociacion de Fruticultores de Galicia (AFRUGAL): Se as maceiras están en agricultura ecolóxica: Como larvicida contra o verme da mazá: Empregar virus da granulopse da Carpocapsa, Bacillus Thuringiensis ou Spinosad. Se as maceiras están en produción integrada: Ciomo ovo-larvicida (contra o verme da mazá) empregar Clorantraniliprol.

Recolección: 

Estanse a recoller as variedades de mesa Ambassy e Lafayette. Os criterios para levar a cabo unha recolección óptima poden ser de: Natureza química:     - contido en almidón (método I/IK)     - azúcares solubles (º Brix) Natureza física:     - Cor     - Firmeza (penetrómetro)

Colleita de mazá de sidra 2020, balance de produción e prezos

Os anos pares seguen a ser sinónimo de baixas producións en boa parte dos pomares galegos. Coa colleita de mazá de sidra recén comezada, as previsións afástanse dos 9 millóns de quilos do ano pasado. “Contamos ter arredor dun 40% menos do que conseguimos na campaña de 2019”, explica Francisco Otero, presidente da Asociación de Fruticultores de Galicia (Afrugal), unha entidade que agrupa a máis de 30 produtores, sobre todo das provincias de Lugo e A Coruña.
“Contamos ter arredor dun 40% menos do que conseguimos na campaña de 2019”, (Francisco Otero, Afrugal)
En comarcas coma A Estrada, unha das zonas con maior tradición deste cultivo, as previsións seguen na mesma liña que amosan dende Afrugal. Agardan recoller arredor duns 500.000 quilos de mazá nas preto de 100 hectáreas de maceiras. Na cooperativa Ullama, a principal cooperativa de mazá de sidra da Estrada, cuxa produción é toda ela ecolóxica, prevén recoller uns 300.000 quilos. “A primavera foi moi mala e a seca tan grande que houbo no verán fixo que as maceiras tiraran a froita, un mecanismo de protección da propia árbore, para evitar secar”, explica Miguel Soto, técnico de Ullama.

Primeiras entregas

A recollida de mazá comezou xa en plantacións da zona de Lugo e Pontevedra, onde produtores con variedades máis temperás empezaron a recollida. “Nalgunhas zonas había xa mazá no chan, o que fixo que iniciasen a colleita”, concretan dende Afrugal. “A campaña iniciouse con entre 10 e 14 días de adianto con respecto doutros anos”, sinala Otero.
A campaña iniciouse con case 15 días de adianto con respecto doutros anos
Esta mesma semana, dende a cooperativa Ullama enviaban o primeiro tráiler de mazás para a planta procesadora Custom Drinks, situada en Chantada, propiedade de Hijos de Rivera. Esta sidrería está a ser o principal destino da produción de mazá actual de Galicia. Esta semana iniciaron a recollida de mazá cos grandes produtores tanto de Ullama como de Afrugal e a vindeira semana teñen previsto comezar a recibir mazá de produtores máis pequenos. A mazá galega tamén remata nas sidrerías asturianas, que este ano agardan ter moi pouca colleita, co que iniciaron as pescudas en Galicia con varios meses de antelación. Así, mentres que outros anos os compradores asturianos chegaban á comunidade a mediados deste mes, unha vez iniciada a recollida en Asturias, este ano xa nos meses de verán visitaron pomares galegos ante as perspectivas de que a colleita ía ser escasa. Xunto coas grandes sidrerías, pouco a pouco comezan a afianzarse proxectos de elaboración de sidra artesanal en distintas zonas da comunidade, boa parte deles cunha produción propia e maioritariamente en ecolóxico.

A pegada do Covid-19

A pandemia do coronavirus tamén está a deixar a súa pegada na campaña de recollida da mazá e obriga a tomar medidas preventivas para evitar contaxios, tanto na recollida da mazá nos pomares como nas entregas nas fábricas. “Estamos adaptándonos á nova situación, tomando medidas moi rigorosas para controlar os accesos á planta”, detalla José Luís Olmedo, xestor de proxectos de I+D+i de Hijos de Rivera Investimentos Corporativos SL. Ó mesmo tempo, ó ser un ano de menor produción, isto estalles permitindo ter un fluxo de entrada da mercadoría máis tranquilo, o que lle facilita adoptar as medidas preventivas.
A paralización da hostalaría deixou á fábrica de Chantada cunha maior cantidade de sidra ó comezo da campaña
O parón de 3 meses na hostalaría e a redución das vendas durante este ano por causa do coronavirus fixo que nestes momentos se atopen con maior cantidade de sidra na fábrica do que cabía agardar. “Nunca nos atopáramos cun parón destas dimensións, no que as vendas se paralizasen por completo, polo que agora toda a nosa rede comercial está facendo un importante esforzo para darlle saída á produción que temos”, apunta Olmedo. A estacionalidade da produción da mazá de sidra en Galicia motiva que na sidrería, igual que noutras plantas, traballen sempre cun certo marxe para garantir o subministro. Con todo, polo momento, pese a contar con stock de sidra están a mercar a mesma mazá que tiñan previsto. “A día de hoxe non lle dixemos a ningún produtor que non queríamos mazá. Estamos a mercar todo o que tiñamos previsto, para non quedar desabastecidos en canto a demanda se reactive”, explica Olmedo.
“A día de hoxe non lle dixemos a ningún produtor que non queríamos mazá”, (José Luís Olmedo, Custom Drinks)
Os prezos tamén parecen manterse, por agora, similares ós da campaña pasada. Mentres a mazá en ecolóxico se sitúa nos 0,30 euros, a producida en convencional págase entre os 0,22 e 0,24 euros o quilo. “Sobre a mesa estivo a idea de baixar os prezos pola situación do coronavirus e a baixada das vendas, pero decidimos facer un esforzo grande por manter os prezos para os nosos produtores, porque temos que seguir remando todos na mesma dirección para tentar remontar esta situación”, indican dende Custom Drinks. No caso dos compradores asturianos o prezo medio sitúase entre os 0,29 e os 0,30 euros. Porén, algúns pequenos produtores detectaron máis dificultades para vender a súa produción, pese a ser ano de poucas mazás e mesmo apuntan a que os prezos baixaron ata os 0,21 euros en convencional. A pandemia do coronavirus tamén está obrigando a extremar as precaucións na recollida da mazá. A reorganización das cuadrillas en grupos máis reducidos, así como a fixación dun protocolo na recollida para reducir o contacto entre o persoal ó mínimo ou a realización das probas do coronavirus ó persoal que participa na recollida foron algunhas das medidas adoptadas pola cooperativa Ullama.

Os coidados do pomar

O sector tamén comeza apostar pola mecanización dos traballos de recollida, incorporando maquinaria como a que se emprega noutras zonas cunha fonda tradición na produción de mazá para a sidra. Ó mesmo tempo, os produtores empezan a ver a necesidade de incorporar sistemas de rego nos pomares ante as secas que están condicionando a súas producións. Así, este verán produtores da Estrada optaron por realizar regas con cisternas para evitar maiores danos nos pomares. “Os produtores que barallen plantar maceiras deben comezar a ter en conta que teñan posibilidade de regalos, xa que os pomares máis novos son os que máis sofren as consecuencias das secas, os máis vellos van resistindo mellor”, recomendan dende Ullama. Pola súa banda, dende Afrugal insisten na importancia de realizar aclareos nas plantacións e regular a produción mediante podas e un control da floración para conseguir ter unha produción máis regular, sen tanta variedade entre os anos pares e os impares. “Hai xente que xa o está conseguindo. Mesmo hai produtores en zona do interior, sen unha tradición froiteira, que non están a ter esa diferencia dos anos pares ou que invertiron a tendencia, conseguindo maior produción nos anos pares”, explica Otero.
O conselleiro de Medio Rural, José González, visitou esta mañá un pomar na Estrada.

Polígono agrario para produción de mazá en Tabeirós-Terra de Montes

Por outra banda, a Xunta ultima a creación dun polígono agrario para impulsar a produción de mazá de sidra na comarca de Tabeirós-Terra de Montes. Así o afirmou o conselleiro de Medio Rural, José González, durante a visita que realizou esta mañá a unha plantación da Estrada para coñecer a recollida de mazá e reunirse coa Asociación de Sidreiros da Estrada. O conselleiro sinalou que se está a traballar na mobilización de máis terras para que se poidan aproveitar para a plantación de maceiras. González apuntou que “toda a comarca reúne unhas condicións agronómicas idóneas para estas froiteiras. Interesa moito mobilizar terra para un produto que xa ten a súa venda asegurada”.
O primeiro polígono para maceiras de sidra conta cunhas 100 hectáreas e localízase en Cerdedo-Cotobade
O titular de Medio Rural concretou que teñen xa localizado un primeiro polígono para maceiras para sidra dunhas 100 hectáreas en Cerdedo-Cotobade, mentres que na Estrada están a buscar outras localizacións. González enmarcou a iniciativa na estratexia de mobilización de terras que está a levar a cabo a Consellería de Medio Rural, recuperando parcelas abandonadas ou infrautilizadas para incrementar a súa capacidade produtiva. Neste senso están traballando tamén en polígonos para o viñedo nas 5 denominacións de orixe, para pasteiros en Cualedro (Ourense) ou para a plantación de cereal na IXP Pan Galego así como para horta e ganderías en Curtis (A Coruña). Na súa visita, González tamén comprobou de primeira man a mecanización dos traballos de recollida da mazá pola que están apostando xa algúns produtores na Estrada. O conselleiro destacou non só a mecanización da recollida, senón tamén a aposta pola produción ecolóxica que proporciona maior valor engadido.

A plantación de Narón na que se acadou o récord de colleita de mazá de sidra: 45 toneladas por hectárea

Nas plantacións de mazá de sidra os anos impares son sinónimo de abundancia, mentres os pares a produción adoita ser máis reducida. Pese a ter iso moi presente, Rubén Ramos Ramos recoñece que a colleita do ano pasado foi mellor do agardado e contaron cunha moi boa produción ó acadar máis de 45 toneladas por hectárea de media. Nas 2 hectáreas que ocupa a plantación no concello coruñés de Narón recolleron uns 95.000 quilos de mazá. “Hai que ser moi consciente de que non tódolos anos van ser así, este ano a ver se conseguimos chegar polo menos á metade”, recoñece o produtor.
Na última colleita, nas 2 hectáreas que ocupa a plantación recolleron uns 95.000 quilos de mazá
O obxectivo no que traballa Rubén é conseguir unha media bianual de 35 toneladas por hectárea. As cifras manexadas o ano pasado acercan máis esa meta. “Unha boa plantación a pleno rendemento debería poder lograr esa produción de media cada dous anos”, indica. Porén, ata chegar aquí recorda que hai un longo traballo no que os primeiros anos apenas se conseguen beneficios. “De toda a xente que veu visitar a plantación porque estaba interesada en facer un pomar, creo que ningún se decidiu a facela, posto que os 3 primeiros anos dá moito traballo e gastos, sen case ingresos. Hai que estar convencido de querer facela”, aclara o colleiteiro.

Asesoramento e formación para comezar

A plantación realizouna, xunto cun socio, no ano 2012, logo de participar nun curso organizado polo Concello de Narón e impartido polo enxeñeiro agrónomo e presidente da Asociación de Fruticultores de Galicia (Afrugal), Francisco Otero Otero. “Foi un curso moi completo que se prolongou durante todo o ano e no que fomos vendo os coidados que requiría a plantación en cada etapa”, rememora o produtor. Logo desta formación optou pola plantación de mazá de sidra, xa que se axustaba máis ó que procuraba ó requirir menos mantemento que os pomares dedicados á mazá de mesa. “Eu xa contaba cunha pequena finca con maceiras, pero decidímonos a buscar unha parcela na que dispor dunha plantación profesional”, detalla. Conseguiron alugar dous predios consecutivos a pouca distancia da súa vivenda, o que lle permite compaxinar a actividade co bar familiar que atende. “Para ser rendible economicamente tes que facer unha plantación mínima dunha hectárea”, explica Ramos.
Plantaron 1.200 maceiras de 5 variedades recoñecidas pola DO Sidra de Asturias
Plantaron unhas 1.200 maceiras de cinco variedades das recoñecidas pola Denominación de Orixe Sidra de Asturias. “Naquel momento decidímonos polas variedades asturianas que mellor se adaptaban á climatoloxía de Galicia en base ós resultados que se obtiveran nos campos de ensaio da Consellería e porque aínda non había moita información para optar polas variedades galegas”, detalla o produtor. Así, contan con maceiras semiácidas da caste De la Riega e Perico; outras dúas variedades ácidas: Raxao e Durona de Tresali, e unha caste ácida amarga, a Regona. “Unhas castes son máis sans ca outras, pero estamos contentos cos resultados que nos están ofrecendo. Adáptanse moi ben ás características de Galicia”, sinala Ramos. As chuvias do outono pasado dificultaron a recollida da gran cantidade de mazá que tiveron. As maceiras plantáronas nun marco de 6x3 metros e son árbores en patrón de nova xeración clonados de MM106. “Son maceiras moi resistentes a enfermidades e que entran en produción moi rápido”, detalla.

Os primeiros anos, os máis duros

Coa plantación acadando a plena produción, Rubén recorda como os primeiros anos son nos que se require maior traballo para conseguir formar os árbores. O labor de arqueado, básico para a produción, é unha das fases de maior traballo e máis importante, xa que condicionará os resultados que se terán e os danos nas árbores. Trátase de conseguir que as ramas formen un ángulo de 90 graos co tronco, polo que cada unha delas fíxase ó chan con arames. “De cada maceira terás que fixar 7 u 8 arames tensados para conseguir a forma que queres”, concreta o produtor. Con este proceso acometido nos primeiros anos de vida da árbore e realizado entre os meses de setembro a novembro, conséguese guiar a árbore e definir a estrutura que se adapta mellor para a produción de mazá de sidra. “Se o arqueado se fai correctamente conséguese que as ramas non rompan coa carga das mazás”, explica Ramos. Este ano as maceiras tiveron menos flor, polo que agarda unha produción máis reducida. Xunto con estes traballos, para definir a estrutura da árbore tamén realizan podas complementarias cada ano. “Estes patróns non son moi vigorosos, co que non acadan grandes alturas e non é preciso podar moito”, detalla. Nos traballos de mantemento da plantación tamén se inclúen o abonado, que recomenda realizar cada 2 anos para compensar as carencias que poida ter o solo. Acostuma aportar o cal que precise a terra, ó tempo que realiza un abonado a base de potasio e fósforo. A análise da terra e o aporte necesario para garantir bos resultados na produción da froita foi unha das primeiras accións que fixeron na plantación. “Ó principio pódese pensar que abonda con ter boas árbores e de boa raza para lograr boas producións, pero é fundamental coñecer as características dos solos para poder facer os aportes precisos, e iso foi o primeiro que fixemos”, concreta Ramos.
"É fundamental coñecer as características dos solos para poder facer os aportes precisos antes de plantar as maceiras"
Teñen a plantación cercada, para evitar os danos nas froiteiras, pero actualmente teñen algunha incursión da fauna salvaxe na parcela que, aínda que deixa evidencias, non causa perdas na colleita. “O xabaril ten zonas nas que entra e ten moi malladas e fozadas, pero non nos dana as árbores. Tamén os corzos entran, pero agora non causan danos”, detalla. Porén, nos primeiros tempos tiveron que colocar protectores para os roedores (similares ós que se empregan para os corzos, pero de menor altura), para facer fronte a unha sobrepoboación de coellos na zona que rillaba as maceiras. No inverno, tamén adoitan darlle algún tratamento fitosanitario para atallar a aparición de fungos. Acostuma empregar cobre e repetir a súa aplicación na primavera se detectan afeccións nas árbores. “Os 3 primeiros anos é cando máis coidados require tamén en canto a tratamentos fitosanitarios”, apunta Ramos.
O ano pasado as maceiras soportaron unha gran carga de mazás sen chegar a producirse danos nas árbores.

Cabrinfolla, clave na comercialización

A produción comercialízana a través da cooperativa Cabrinfolla, creada por asociados de Afrugal para poder comercializar a mazá e procurar alternativas para a súa transformación. A maior parte das mazás de sidra que chegan a Cabrinfolla destínanse ó mercado galego, onde un dos principais compradores é a fábrica Custom Drinks que Hijos de Rivera ten en Chantada (Lugo) e onde se elabora a sidra da marca Maeloc. Porén, algunha da produción galega tamén se destina a Asturias.
A maior parte das mazás que comercializa Cabrinfolla destínanse ó mercado galego
“Contar co apoio da cooperativa para comercializar a produción para nós resultou clave”, destaca o produtor. De feito, tamén agardan que a través da asociación poidan atallar outras dificultades que se lle presentan ós produtores como é lograr man de obra para a recolleita da mazá. “Algúns socios probaron xa sistemas de recolleita mecanizada, pero polo momento nós seguimos recollendo á man”, explica. Pese ós bos resultados que están colleitando xa na plantación, Rubén non baralla ampliar o pomar, xa que debe compaxinalo co bar que rexenta en Narón. Poren, recoñece que é unha actividade rendible e da que goza: “se tivera feito o curso sendo máis novo, había facer unha plantación máis grande e centrarme só nas maceiras”, conclúe o produtor.

Galicia prevé lograr unha colleita histórica de mazá de sidra, cuns 9 millóns de quilos

A colleita de mazá de sidra en Galicia está a piques de comezar e as previsións apuntan a que este 2019 será un bo ano tanto en calidade como en produción, despois dunha campaña moi frouxa o pasado ano. Dende o sector estímase que se poidan chegar a recoller entre 8 e 9 millóns de quilos e que nalgunhas zonas se acade o 90 ou 100% das cifras de produción que se manexaron nos mellores anos. Boa parte desta produción destinarase á sidrería Custom Drinks, situada en Chantada, propiedade de Hijos de Rivera, e que é  a maior produtora de sidra na comunidade, mentres que unha reducida parte da produción xestionarase directamente en pequenos lagares de sidrerías artesanais. Tamén se enviará mazá galega para as sidrerías asturianas que, durante anos foron o principal mercado para os produtores galegos.

Un ano de moito froito

As estimacións iniciais indican que se tratará dun ano con moita froita, non só polas condicións meteorolóxicas favorables senón tamén pola alternancia que experimentan as árbores froiteiras, con anos de moita produción con outros de recuperación. Así, despois de que o ano pasado a produción fora máis reducida, esta campaña agárdase boa. “Ata que esteamos metidos en outubro, en plena recollida, non se pode asegurar con certeza, pero todo apunta que será unha moi boa campaña e que se pode mesmo chegar ós 9 millóns de quilos”, indica Francisco Otero, presidente de Afrugal, unha organización que agrupa a máis de 30 produtores profesionais sobre todo das provincias de Lugo e A Coruña.
Os pomares gozan dun bo estado sanitario, logo da escaseza de choiva que reduciu a incidencia de pragas
Tamén contribuíron as estas boas perspectivas as axeitadas condicións meteorolóxicas que se levan producindo nos últimos meses que permitiron que os pomares apenas rexistraran incidencia de pragas que minguaran a produción. “Levamos sen chover case dende mediados de agosto e iso propiciou que o estado sanitario sexa moi bo”, concreta Miguel Soto, técnico de Ullama, a principal cooperativa da Estrada, unha das comarcas destacadas na produción de mazá de sidra de Galicia. Na cooperativa estradense agardan chegar ó millón de quilos -o ano pasado recolleron uns 300.000 kilos-, toda ela producida en ecolóxico e que se destinará a Custom Drinks para elaborar a sidra comercializada baixo o selo Maeloc. Na zona, que suma máis de 100 hectáreas plantadas, tamén se producirá preto doutro millón de quilos por parte dos produtores particulares e algunha destas mazás destinaranse á produción de sidra en pequenos lagares da zona que tamén están a comercializar a súas sidras.
Na Estrada agardan recoller arredor de 2 millóns de quilos de mazás
Ademais da cantidade de mazá prevista, as primeiros análises realizadas na fábrica de Chantada amosan que é unha mazá de calidade, cunha importante proporción de azucre. “Estamos vendo que é unha mazá pequena pero cunha cantidade de azucres moi interesante para elaborar a sidra”, concreta José Luis Olmedo, xestor de proxectos de I+D+i de Hijos de Rivera Investimentos Corporativos SL.

Mazá procesada en Galicia

A colleita arrancará xa esta semana nas fincas que conten con variedades máis temperás e prolongarase ó longo de todo o mes de outubro e mesmo pode que chegue a novembro, debido á cantidade de mazá, como apuntan dende o sector. “O bo tempo fixo que xa se estea a recoller mazá de mesa e iso danos tamén unha idea de que coa de sidra tamén se comezará xa esta semana”, concreta Francisco Otero. Na Estrada as previsións son similares, e nestes días contan comezar coa recollida xa nos pomares coas variedades de cedo. A maior parte das mazás de sidra destinaranse á fábrica de Custom Drinks. “Aquí chégannos mazás de toda Galicia, dende o eixo central coa Estrada e Chantada como principais zonas produtoras, ata doutros puntos. Así, temos mazá procedente de Ortigueira ou chegada do sur de Galicia, da zona de Verín; así como do este, de zonas como Láncara ou Becerreá; ou do oeste, de concellos como Boiro”, apunta José Luis Olmedo. En canto ós prezos, Hijos de Rivera mantén contratos a varios anos cos seus provedores, o que garante que permaneza entre os 0,22 e os 0,24 para a mazá de sidra convencional e sobre os 0,30 para a ecolóxica. Porén, a mazá que se destine a Asturias estará máis suxeita a variacións. “Ó ser un ano abundante de froita pode que dende Asturias queiran baixar os prezos”, apuntan dende Afrugal.

Auxe da produción en ecolóxico

Nos últimos anos estase a comprobar unha clara evolución cara a produción de mazá en ecolóxico. Arredor dun 30% da produción atópase nesta categoría que tamén está a ter unha gran demanda. “Dende Custom Drinks aspiramos a ser a primeira sidrería cunha produción 100% ecolóxica porque creemos na importancia de prácticas sostibles, por iso tamén primamos os prezos da produción con certificado en ecolóxico”, concreta Olmedo. “É unha tendencia cada vez máis estendida. A xente comeza con convencional ou integrado e logo dos primeiros anos pásase á produción en ecolóxico”, indica Francisco Otero. A tendencia é similar tamén na zona da Estrada, onde a cooperativa Ullama vende toda a súa produción en ecolóxico.
Están a realizar un estudo para optimizar a produción de variedades galegas de mazá, mellor adaptadas ó clima
Por outra banda, tamén se está levando a cabo un ensaio por parte de Custom Drinks xunto con produtores como Afrugal sobre as variedades galegas que mellor se adaptan para a sidra. “Antes recomendabamos plantar variedades asturianas porque o mercado estaba alí e pedían ese tipo de mazás pero agora que hai unha boa produción en Galicia estamos vendo as posibilidades que ofrece a mazá galega para a sidra e cales son as que mellor se adaptan”, concreta Otero. Trátase dun estudo do que agardan ter resultados nos próximos anos.

Areeiro detecta podremias debidas a picaduras de insectos

Nestes últimos días, os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), dependente da Deputación de Pontevedra, detectaron podremias secundarias no acio asociadas a picaduras de dípteros. Ademais, localizaron síntomas de tisanópteros (trips), na comarca do Salnés e na IXP Ribeiras do Morrazo, polo que recomendan ós viticultores estar alerta para a próxima campaña fronte a estes insectos. En canto ó resto de enfermidades que afectan ó viñedo, os técnicos constatan no seu último boletín fitosanitario que apenas se están rexistrando incidencia coas afeccións máis comúns. Así, no caso do mildio, aínda que as últimas chuvias provocaron a aparición de manchas, dado que non se aplicaran tratamentos cúpricos dende había tempo, as elevadas temperaturas están a mitigar o efecto do fungo. Tamén observaron casos de defoliacións nas zonas altas dos viñedos a causa do mildio pero que non están afectando á produción. Porén, naqueles viñedos con danos, dende a EFA recomendan realizar un tratamento cúprico despois da vendima, pero antes da caída da folla, para favorecer o bo agostado da madeira e reducir a presenza do fungo de cara a próxima campaña. Tampouco está a detectar oídio nin botrite, e as uvas gozan dun bo estado sanitario tanto no Albariño como noutras variedades máis sensibles. Con todo, os técnicos recomendan permanecer alertos nestes días previos á vendima posto que as chuvias poden provocar danos. Recordan que para reducir a incidencia de botrite é preciso manter ben aireados os acios, aínda que esta retirada das follas debe ser moderada para evitar danos por exceso de insolación. En canto ás couzas dos acios, logo de que se detectaran algunhas viñas afectadas, os técnicos recomendan retirar os acios danados, se se trata dunha parcela pequena, ou ben aplicar un produto cun prazo de seguridade de 7 días ou algunha substancia natural. Aínda que advirten que estes insecticidas, ó non penetrar na uva, terán unha eficacia parcial. Nesta campaña tampouco detectaron presenza de mosquito verde ou outros cicadélicos aínda que na EFA manterán as trampas de cara o outono. A presenza de ácaros tamén foi anecdótica ó igual que de erinose.

Maceiras

Coa colleita da maza a piques de comezar ou en curso xa nalgunhas fincas, os técnicos de Areeiro recomendan aumentar a vixilancia polos danos por moteado. No canto de aplicar tratamentos químicos, aconsellan garantir a ventilación das plantas e, nas plantacións pequenas, retirar e destruir os froitos moi afectados. Nas variedades máis sensibles ó moteado recomendan aplicar un tratamento con funxicida cúprico despois da colleita para reducir o potencial da enfermidade para a vindeira campaña. Ademais, dende a Estación Fitopatolóxica instan a manter a vixilancia fronte á couza da mazá, aínda que non de detectaran danos polo momento. Co boletín sanitario desta semana, a Estación Fitopatolóxica de Areeiro remata as súas emisións regulares para esta campaña ante a proximidade do inicio da vendima e da colleita doutras froitas, aínda que continuarán a emitir avisos e recomendacións puntuais.