Archives

Vacún de carne: Advirten de importantes atrasos nos matadoiros e de que as ganderías aínda non cobraron a axuda de 200 euros por becerro

Nas últimas semanas varias gandarías reportaron ao Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) problemas na cadea de distribución de vacún de carne. Concretamente estanse a producir demoras na recollida dos xatos nas granxas para o seu traslado aos matadoiros, en ocasións de até máis dunha semana. Con esta situación, preocupadas pola posibilidade dun funcionamento deficiente da cadea, son varias as posibilidades que están a barallar as gandarías, sen que a Consellaría do Medio Rural (CMR) estea a aportar información que concrete estas circunstancias. Dende o SLG solicitan á Conselleria do Medio Rural que “aclare se estes atrasos efectivamente se deben a que os matadoiros están saturados e acumulan demoras de días e, de ser así, cal é o motivo desta saturación”. “Tamén hai rumores -engaden- de que, ante a imposibilidade de fornecer carne fresca abondo ao mercado, estanse a pór en circulación xatos conxelados, polo que consideramos que cómpre que a Xunta se pronuncie sobre a realidade desta hipótese canto antes”. Segundo o Sindicato Labrego, as gandeiras e gandeiros sinalan tamén que, “de non ser atallada con celeridade, en poucas semanas esta problemática vaise agravar”. Así, explican que “até o 31 de maio pode haber liberdade de movementos de animais, pero a partir desa data será preciso que as reses teñan administrada a vacina da lingua azul. Sen embargo, moitas zonas están inda sen vacinar -e nas zonas vacinadas está a haber unha alta incidencia de efectos secundarios-, o que pode repercutir en que máis gando do habitual sexa levado a matadoiro ante as posibles dificultades para movelo a partires do 31”. Canda a incertidume de non saber cando van ser recollidos os animais para o seu traslado aos matadoiros, o Sindicato Labrego tamén asegura que “no sector tamén medra a inseguridade con respecto á axuda de 200€ anunciada pola Consellaría para aqueles xatos marcados co selo nos matadoiros da IXP Vacún de Galicia, xa que polo dagora non temos constancia de que fora percibida por ningunha granxa”. Ante esta situación, dende a organización labrega reclaman á Consellaría do Medio Rural “que se pronuncie o antes posible para concretar cales están sendo os motivos da ralentización da cadea de distribución do vacún de carne e pór solucións; aclarar en que medida a campaña de vacinación da lingua azul pode afectar a estas dinámicas comerciais e indicar en que data contempla abonar as axudas de 200 euros por xato sacrificado nos matadoiros da IXP anunciada fai catro meses”.

O servizo de matadoiro móbil da Xunta estará ao dispor dos gandeiros dende este venres

O servizo de matadoiro móbil da Xunta estará plenamente operativo a partir do vindeiro venres, día 19 de xaneiro, tras completar a etapa de formación do persoal e de axustes técnicos e levar a cabo as primeiras probas en explotacións Xa a partir do 15 de xaneiro de 2024 os gandeiros interesados en facer uso do matadoiro móbil da Xunta poderán solicitalo a través do teléfono 982 251 201. Este servizo está orientado ao sacrificio de gando ovino, cabrún e porcino naquelas explotacións gandeiras de pequeno tamaño de zonas afastadas de grandes núcleos de poboación e situadas a distancia dos matadoiros convencionais. Unha vez se vaian recollendo as demandas dos gandeiros, organizaranse as rutas do matadoiro, procurando sempre optimizar este recurso, que ten como principal obxectivo mellorar a xestión e a rendibilidade das devanditas explotacións, ao reducir os custos de transporte do gando e mellorar, ao tempo, a calidade da carne e o benestar animal. De acordo co cronograma de traballo, o matadoiro estará plenamente operativo a partir do vindeiro venres, día 19 de xaneiro, tras completar a etapa de formación do persoal e de axustes técnicos e despois de levar a cabo as primeiras probas en explotacións -que se están a desenvolver estes días-, todo isto necesario para a súa posta en marcha. Os prezos para optar a este servizo oscilan entre os 10 euros para animais ovinos e cabrúns menores dun ano (contabilizando só o sacrificio e a preparación do canal) ata os 50 euros para os porcos, no caso de incluír tamén o almacenamento e transporte a punto de distribución.

O servizo de matadoiro móbil da Xunta poderá solicitarse dende o 15 deste mes

Os gandeiros interesados en facer uso do servizo do matadoiro móbil de gando ovino, cabrún e porcino posto en marcha pola Xunta poderán solicitalo a partir do vindeiro luns día 15 deste mes de xaneiro. Para encargar esta prestación, deberán chamar ao número de teléfono 982 251 201, que estará operativo a partir desa data. Tendo en conta esas demandas, organizaranse as rutas do matadoiro, procurando sempre optimizar este recurso, que ten como principal obxectivo mellorar a xestión e a rendibilidade de moitas explotacións gandeiras de pequeno tamaño de zonas afastadas de grandes núcleos de poboación e situadas a distancia dos matadoiros convencionais. Segundo o cronograma de traballo, o matadoiro estará plenamente operativo a partir do vindeiro día 19 de xaneiro. Nas próximas dúas semanas completarase a actual etapa de formación do persoal e de axustes técnicos, necesaria para a súa posta en marcha, e levaranse a cabo as primeiras probas en explotacións. O matadoiro facilitará o sacrificio de ovellas, cabras e porcos -neste caso especialmente das explotacións de porco celta-, nesas zonas afastadas ou de montaña, optimizando así a xestión destas explotacións ao reducir os custos de transporte do gando e mellorando ao tempo a calidade da carne e o benestar animal. Os prezos do servizo oscilan entre os 10 euros para animais ovinos e cabrúns menores dun ano (contabilizando só o sacrificio e a preparación do canal) ata os 50 euros para os porcos, no caso de incluír tamén o almacenamento e transporte a punto de distribución.

Presentado o matadoiro móbil para pequenas granxas de ovino, cabrún e porcino

A Xunta de Galicia presentou o matadoiro móbil para pequenas granxas de ovino, cabrún e porcino. O servizo -asegura a Xunta- permitirá mellorar a xestión e a rendibilidade de moitas explotacións de pequeno tamaño, localizadas en zonas afastadas de grandes núcleos de poboación e a distancia dos matadoiros convencionais. O servizo contará cunha decena de traballadores e, para optimizar o seu funcionamento, habilitarase proximamente un número de teléfono específico e un acceso web, co fin de resolver dúbidas e facilitar a petición de citas. En canto ao custo, os prezos van dende os 10 euros para animais ovinos e cabrúns menores dun ano (contabilizando só o sacrificio e a preparación do canal) ata os 50 euros para os porcos, no caso de incluír tamén o almacenamento e transporte a punto de distribución. O conselleiro de Medio Rural presenta o matadoiro móbil en Chantada O conselleiro de Medio Rural, José González, presentou esta iniciativa nun acto que tivo lugar en Chantada, a base do matadoiro, e no que estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, José Balseiros, polo alcalde desta localidade luguesa, Manuel Varela, e polos delegados territoriais da Xunta en Lugo e Ourense, Javier Arias e Gabriel Alén, respectivamente. No acto sinalou que este matadoiro móbil busca optimizar a xestión das explotacións de ovellas, cabras e porcos, ao reducir os custos de transporte do gando e mellorar ao tempo a calidade da carne e o benestar animal. Tamén destacou que con esta iniciativa se busca “impulsar as pequenas explotacións, traballar no benestar animal e innovar para mellorar a situación do rural galego”. Engadiu que en Galicia, pola “dispersión das súas explotacións, este proxecto ten especial razón de ser” e definiu as instalacións como “moito máis que dignas” para arrancar con este servizo. Vista interior do matadoiro móbil O conselleiro, que defendeu esta iniciativa como “pioneira en España”, explicou que para a súa posta en marcha estudáronse os antecedentes noutros países, caso de Suecia, así como as posibles explotacións interesadas. A partir de aí creouse un matadoiro que se basea en dous eixo principais. Por un lado, a propia unidade móbil de sacrificio de gando, montada sobre un semi-remolque frigorífico, dotado da súa correspondente cabeza tractora. Por outra banda, unha instalación base con sede en Chantada, que permitirá, entre outras cousas, o almacenamento das pezas en canal en cámaras frigoríficas, o mantemento e desinfección da unidade móbil e a xestión administrativa e de residuos. No acto, o conselleiro avanzou que, no marco desta iniciativa, vaise desenvolver unha marca como certificación de calidade, que amparará os produtos resultantes dos animais sacrificados como de proximidade e cun alto grao de benestar animal, entre outras vantaxes recoñecibles.

O matadoiro móbil da Xunta apraza a súa entrada en funcionamento a comezos de 2023

O conselleiro de Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse o venres da pasada semana con responsables da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica). No encontro de traballo, os representantes da Consellería explicáronlles aos de Ovica os trámites que se están ultimando para a posta en marcha do matadoiro móbil, que está prevista segundo a Xunta para comezos do próximo ano 2023. Esta iniciativa xa foi anunciada a súa entrada en funcionamento a finais de 2019 e desde entón houbo diversos anuncios de posta en servizo que se foron aprazando. Os responsables da asociación Ovica mostraron especial interese por esta iniciativa, orientada a dar servizo a explotacións das zonas de montaña das provincias de Ourense e de Lugo, máis afastadas dos matadoiros fixos.

Ovica pide apoio para poñer en marcha unha sala de despezamento

Por outra banda, desde a asociación de criadores trasladouse tamén a posibilidade, que están a considerar, de poñer en marcha unha sala de despezamento, que podería facilitar a comercialización dos seus produtos. Neste sentido, o conselleiro informoulles de diferentes liñas de axudas ás que se poderían acoller, no caso de levar adiante a iniciativa, para procurar apoio económico. O obxectivo sería mellorar o produto, no sentido de buscar unha homoxeneidade en tamaño, peso e condicións organolépticas. A maiores, José González animou os responsables de Ovica a continuar co seu labor a favor destas producións, xa que -sinalou o conselleiro- Galicia conta con moita superficie susceptible de ser aproveitada por ese tipo de gando e coas figuras da Lei de recuperación da terra agraria teñen moitas posibilidades para facelo.

España será o primeiro país da UE con sistemas de videovixilancia obrigatorios nos matadoiros

O Consello de Ministros aprobou este martes un real decreto que garante o cumprimento da lexislación en materia de benestar animal coa implantación obrigatoria nos matadoiros españois de sistemas de videovixilancia. Grazas a este decreto, España será o primeiro país da Unión Europea con sistemas de videovixilancia para o control do benestar animal, os cales permitirán a realización de controis adicionais aos que xa se efectúan nos matadoiros.
Trala publicación do real decreto no BOE, os grandes matadoiros terán un prazo dun ano para adaptarse á nova normativa e os pequenos, dous
A normativa permitirá establecer ferramentas adicionais de control que garantan que, en todos os matadoiros españois (incluídos os móbiles), se minimiza o sufrimento animal, por exemplo, durante a descarga, o traslado, a estabulación ou o aturdimento dos animais. Gravación e rexistro de imaxes As cámaras de videovixilancia deberán abarcar as instalacións nas que se atopen animais vivos, incluíndo as zonas de descarga, os corredores de condución e as zonas onde se proceda ás actividades de aturdimento e sangrado ata a morte dos animais. Os sistemas de videovixilancia non serán obrigatorios nas zonas de espera onde se atopan os medios de transporte con animais vivos antes do inicio da descarga, pero as empresas deberán levar un control do tempo de permanencia dos animais nos vehículos.
As empresas de transporte deberán levar un control do tempo de permanencia dos animais nos vehículos
No caso de aves e porcinos, a instalación das cámaras deberá permitir a gravación do escaldado para poder comprobar que non se someten a esta operación animais que presenten signos de vida. Os responsables dos matadoiros deberán gardar as imaxes relativas á descarga, aloxamento nos currais, condución á zona de aturdimento, suxeición, aturdimiento e sangrado ata a morte para posibles comprobacións a posteriori. Tamén terán que asegurar a reprodución, a copia ou a transmisión das mesmas a outros dispositivos con igual calidade que a gravación orixinal.

Acruga cifra unhas perdas duns 350 euros por exemplar de Tenreira Galega Suprema que levan ó matadeiro

O presidente da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, César Dorado, cifra unha perda media de 350 euros en cada exemplar de Rubia Galega que se leva ao matadoiro, cun peso medio duns 250 quilos de carne e que se comercializa baixo o selo de Ternera Gallega Suprema.  Así, dende o colectivo estiman que producir un quilo de carne desta calidade custa uns 6 euros, mentres que o prezo por quilo está a pagarse agora entre 4,60 e 4,80 euros, no mellor dos casos. "Actualmente os gandeiros de Rubia Galega atópanse producindo a perdas, cun déficit de 1,40 euros por quilo, e vendendo moi por debaixo dos seus custos de produción, o que a longo prazo supón pagar do seu peto uns 350 euros por cada exemplar que levan ao matadoiro”, explica César Dorado. O presidente deste colectivo, que comercializa carne baixo a marca Ternera Gallega Suprema - Carne de Rubia Galega, reclama unha vez máis ás administracións que senten a dialogar para adoptar as medidas necesarias que poñan fin a esta situación. Dorado Pin lembra que no último ano o prezo da tonelada de penso viuse incrementado en máis de 100 euros por tonelada, é dicir máis dun 40% do seu custo; o gasóleo, que representa un 20% dos gastos de produción, dobrou o seu prezo, mentres que os abonos e plásticos agrícolas aumentaron a súa contía en máis dun 60%. "Todo isto fai que os custos de produción se incrementasen de maneira considerable, custando máis de 6 euros producir un quilo de carne desta cualificación”, detalla Dorado.  O presidente desta asociación sinala ademais que “a situación actual vén apontoar un panorama que xa era malo nos últimos anos”. De feito comenta que “os prezos de venda da carne mantéñense en niveis de hai 30 anos”. Por último, dende o colectivo, fan fincapé en que “esta situación condena á desaparición a miles de ganderías tradicionais que basean a súa produción no aproveitamento do pastoreo e na que os animais maman nas súas nais ata o momento en que van ao matadoiro. Creo que isto non só afectará os gandeiros de Rubia Galega, senón que condenará ao abandono do medio rural”, sentenza César Dorado.   

A folga do transporte deixa sen osíxeno á gandería

A gandería galega chegou ó límite pola folga do transporte e nalgúns casos comeza a entrar en zona de perigo. A preocupacíón máis inmediata céntrase nas granxas de porcos, que están sobrecargadas de animais polo parón dos matadoiros. “Podemos chegar a ver imaxes de animais en mal estado, baixas e ata canibalismo entre porcos”, advirte o presidente da Federación Galega de Porcino, José Antonio Vidal, que esta mañá participou na concentración convocada ante a Delegación do Goberno na Coruña por Unións Agrarias. Pensos A situación é complicada en tódolos sectores gandeiros. Un problema común é o suministro de penso. As fábricas, segundo explican desde o sector, funcionan a medio gas, cumprindo coas entregas imprescindibles. Do porto da Coruña está saíndo a contagotas cereal para as plantas, pois hai un acordo de servizos mínimos cos piquetes da folga do transporte, pero as dificultades están agora nas materias primas que teñen que chegar por estrada. En concreto, desde a Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos para os animais (Agafac) explican que non están chegando a Galicia “minerais, vitaminas, melazas, carbonatos e outras materias primas que son tan necesarias como os cereais para a correcta formulación dos pensos”. Ante esta situación, as granxas están a recibir pensos reformulados, con variacións nos nutrintes que utilizaban normalmente, o que pode levar a desaxustes nos animais. A parte que polo momento está máis encauzada é a entrada de cereal a porto, que está chegando xa de procedencias como Rumania ou Canadá. Durante a fin de semana, ademais, houbo un acordo das fábricas de pensos cos folguistas, que permitiron durante 24 horas sacar cereal e materias primas dos almacéns do porto da Coruña en bañeiras. O acordo estivo vixente desde o sábado ás 4 da tarde ata o domingo ás 4 da tarde. Iso permitiu aliviar a situación das fábricas de penso con maiores problemas e que algunha outra fixera certo acopio de materias primas nos silos das plantas para a fabricación nos vindeiros días. Finalizado ese prazo, a saída de materias primas volve a ser en cisternas. Desde Agafac explican que "seguimos solventando día a día". Leite Nas granxas de leite, a situación actual é que a totalidade das grandes industrias teñen as cisternas de recollida na estrada, incluída Nestlé, que tiña parados os seus camións. A cuestión é que os retrasos na recollida e na circulación das cisternas levou xa a multitude de granxas a ter que tirar parte da súa produción. Mesmo se deron casos de ganderías que tiraron o leite e que ao pouco tempo recibiron a visita da cisterna de leite. Esta tarde ás 17.30 horas o conselleiro do Medio Rural, José González, ten convocada unha reunión coas industrias lácteas para analizar a situación. As industrias transformadoras poden normalizar a recollida ata certo punto, dados os acordos de mínimos cos convocantes da folga do transporte, pero xa avisaron de que precisan normalizar a circulación de mercancía cara ós supermercados, así como os suministros precisos para a elaboración dos seus produtos, como envases e outros. Esta mañá, o conselleiro do Medio Rural mantivo tamén unha reunión cun cento de gandeiros en Mazaricos, un encontro no que tamén participou o alcalde local, Juan Blanco, que anunciou a sinatura dunha carta xunto con outros 24 concellos galegos destacados na produción de leite para urxir ó Ministerio a unha solución na folga do transporte. “Só a pasada semana en Mazaricos tiráronse máis de 100.000 litros de leite”, advirte o Concello.
Só a pasada semana en Mazaricos tiráronse máis de 100.000 litros de leite
Lactalis, Nestlé ou Celta, con dificultades Ante as dificultades para manter a recollida, moitas das empresas están redistribuíndo as rutas e os horarios de recollida para recoller a aqueles gandeiros máis apurados, con menor capacidade no tanque. Nalgúns casos, para optimizar os camións, non recollen a totalidade do tanque, senón só unha parte para permitir ás ganderías seguir muxindo sen tirar o leite, ou canto menos a menor cantidade posible. Os gandeiros de leite máis afectados seguen a ser os de Lactalis. Aínda que a empresa recuperou a recollida, segue sendo de mínimos, habendo gandeiros que están tendo que tirar leite. Nestlé tampouco recolleu a fin de semana, por ter que parar a súa planta de Pontecesures, aínda que volveron empezar a recoller esta mañá. Víronse afectados os seus 140 produtores, das provincias da Coruña e Pontevedra, durante a fin de semana. Leite Celta enviou un comunicado aos seus gandeiros informando da parada na recollida pero de momento segue recollendo. "Seguimos recollendo e producindo aínda que con moitas dificultades. Pero saída de protuto terminado, cero litros". O resto de empresas tamén seguen recollendo e producindo "de momento". Parón dos matadoiros Outra fronte está no parón que teñen os matadoiros, pois nin hai mercados de gando nin os matadoiros están a recibir animais. En paralelo ós piquetes do transporte, produtores da asociación Gandeiros Galegos de Suprema están a frear a entrada de gando nas plantas. “No noso caso, a nosa reivindicación é polos baixos prezos da carne e mantemos unha actuación informativa ante os matadoiros”, precisa o presidente da asociación, Santiago Rego, que espera un pronto acordo coas industrias e apunta ás cadeas de supermercados como responsables últimas dos actuais prezos da carne. A parálise dos matadoiros ampliouse este luns ós de carácter comarcal. Ademáis de Novafrigsa, Carnicosa, Viana e Baixo Miño, este luns bloquearonse tamén Frilea, Incada, Ribadeo, O Pino e O Carballiño.

O Sindicato Labrego pide un gabinete de crise na Xunta

Ante a situación derivada da folga de transportes, desde o Sindicato labrego piden a convocatoria urxente dun gabinete de crise por parte da Xunta, con participación do sector gandeiro e do transporte. “Precisamos garantías inmediatas de recollida do leite e de distribución de suministros básicos. Estamos nunha situación de pasividade das distintas administracións e o goberno da Xunta non se pode limitar a mandarlle unha petición ó Goberno central, na clásica estratexia de pasarse a pelota cando hai dificultades”, critica a organización agraria.

A Delegación do Goberno ofrece vehículos de escolta e corredores seguros

Trala concentración convocada hoxe por Unións Agrarias ante a Delegación do Goberno na Coruña, o delegado, José Miñones, mantivo un encontro cos convocantes e anunciou que 2.000 policías e gardas civiles estaban a disposición das empresas para garantir en Galicia corredores seguros para o transporte. Miñones cifrou en 900 camións os escoltados a pasada semana, ben de xeito individual, ben en convoys.

“Os cordeiros e cabritos galegos están todo o tempo mamando da nai e iso marca a diferenza de calidade”

Luis Miguel Rivera Otero, é gandeiro de ovino en Cospeito (Lugo), e acaba de ser escollido como novo presidente da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), que agrupa a 143 gandeiros socios e outros case 40 socios colaboradores. Con Rivera coñecemos algúns dos proxectos que están a impulsar a curto prazo, así como as preocupacións e retos que afronta o sector, entre os que se inclúe a convivencia co lobo ou a xestión da la das ovellas. - Cal é a situación na que se atopa na actualidade o sector ovino e cabrún en Galicia? - Nas ganderías de ovino e cabrún a rendibilidade está a ser mínima, máis agora coas subas tan importantes que está habendo de insumos como os pensos ou o gasóleo. Do mesmo xeito que acontece co vacún de carne, as granxas están a ter moitas dificultades para seguir producindo mentres non se lle compense cos prezos que se paga a carne. - Que liñas de traballo queredes priorizar dende Ovica a curto prazo? - Un dos temas que máis nos preocupa é a comercialización. Por un lado estamos traballando coa nosa marca Pastores de Galicia e tamén estamos pendentes de impulsar proxectos de man da Consellería de Medio Rural como o matadoiro móbil ou a Estratexia da carne, coa que tentar mellorar os prezos que industria e distribución pagan. Tamén queremos impulsar un plan de formación e encontros cos socios, para fomentar o intercambio de experiencias entre os asociados e visitas a ganderías que poidan axudar a mellorar e seguir a profesionalizar o sector. Ademais, aínda que o Covid-19 paralizou un pouco o tema, queremos abrir as nosas granxas a visitas de escolares coas que amosarlle ás novas xeracións as oportunidades destas ganderías e estes sabores. Buscamos un achegamento ó mundo urbano e novas oportunidades ofrecendo a carne galega para comedores escolares. - Segue sen valorarse como debera o cordeiro ou o cabrito galego? - O cordeiro galego segue sen ser valorado e a carne que se vende nos supermercados non se reflexa que sexa galega. Escúsanse dicindo que se indican que é cabrito ou cordeiro galego non se vende igual de ben que se ten outra orixe. Aínda que xa hai xente que comeza a apreciar a calidade da carne de cordeiro ou cabrito galego, segue moi estendida a crenza de que o cordeiro de Galicia non é tan bo como o de outros puntos de España. Tanto os tratantes como comerciantes aseguran que a industria e a distribución seguen sen marcar un prezo acorde ó valor da calidade que ten a carne galega. - A marca Pastores de Galicia, impulsada por vós, é unha vía para poder abrir mercado para a carne galega? -Coa marca buscamos precisamente iso, poñer en valor a carne que producimos en Galicia. Estamos a producir unha carne de calidade. As nosas ovellas e cabras pacen en pradeiras verdes e as crías maman das nais, a diferenza de moitos dos cordeiros doutras zonas onde os crían a base de amamantadeira, e adoitan destetalos ó mes, para logo pasalos ós cebadeiros. Os cordeiros e cabritos galegos están todo o tempo mamando da nai, aínda que na última fase se complemente a alimentación con aportes de cereal e penso; e iso marca unha diferencia, tanto no benestar do animal que permanece todo o tempo coa nai, como na carne que se obtén. - Que presenza ten esta marca actualmente en Galicia? - Antes da pandemia estabamos empezando a traballar no relanzamento da marca para conseguir un posicionamento da carne galega no mercado, pero coas restricións viuse todo paralizado. Dende a pandemia non comercializamos ningunha carne con este selo. Ademais na asociación tamén pasamos de ter varios técnicos a só ter unha técnica, que está a traballar moi intensamente, pero esta redución de persoal tamén dificultou sacar adiante todo o que queriamos. Agora estamos volvendo a retomar os traballos para impulsar a marca, xa que é moi importante para nós, é unha demanda dos socios. - O Nadal é un dos momentos de auxe das vendas da carne de cordeiro e cabrito, como está a ser a campaña? - En Galicia os produtores seguen a centrarse máis nas vendas do verán que nas do Nadal. Agora mesmo hai moita demanda desta carne, o que fai que tamén melloren minimamente os prezos, con todo o prezo aínda segue por baixo do que se precisa. - Falta produción galega para abastecer a demanda do Nadal? - Hai moitos socios que prefiren ter os partos noutras épocas do ano, xa que agora contra o inverno é máis difícil ter pasto, polo que as parideiras que se fan para esta época supoñen un maior custo de alimentación. Dende Ovica cremos que sería importante que máis socios programasen os partos para ter maior produción nesta época e poder atender a demanda. Non todos os produtores o poderían facer polas propias características e xestión das súas ganderías, pero hai moitos gandeiros de semiextensivo ós que non lles resultaría difícil e para os que sería interesante e rendible. Tampouco podemos darlle as costas ó mercado e se nesta época hai demanda, temos que axustar a nosa produción para poder satisfacelas peticións dos consumidores. - Estades abordando xa este cambio de manexo das parideiras cos gandeiros? - Estamos traballando xa coa ADS para proporcionarlle asesoramento ós socios sobre a programación dos partos, para que vexan que é posible e se lle pode sacar rendibilidade. É un paso máis cara a profesionalización do sector, xa que a programación dos partos tamén axuda a que os gandeiros non só teñan máis oportunidades para a súa produción, senón que pode mellorar a súa calidade de vida. Ademais de para as parideiras, tamén queremos traballar estreitamente coa ADS noutras cuestións para seguir mellorando o sector. - No sector galego é habitual a variabilidade das canais fronte a outros territorios, ten sido un lastre para a comercialización? - Dende logo. Téñensenos pechado portas por non ter canais uniformes. Isto en gran medida débese a non ter nas ganderías unha raza que propicie ter crías boas e iguais. - Valorades impulsar medidas para fomentar a homoxeneización entre os produtores socios? - É un dos temas nos que queremos traballar de man da ADS. Queremos prestarlle asesoramento ós gandeiros en cuestións como a elección dos sementais das súas ganderías con mellores aptitudes cárnicas, para que se logren cordeiros uniformes, xa que é fundamental para a rendibilidade económica da gandería. Se consegues sacar tódolos cordeiros ou cabritos no prazo previsto, sen que ningún deles teña que quedar máis tempo porque non alcanzou o peso preciso afórranse gastos extras. A rendibilidade nas granxas é mínima, polo que é preciso ter en conta estes detalles.
"A dispersión dos nosos socios pódese converter nunha oportunidade para ofrecer produto de proximidade ós nosos compradores"
- Outro dos desafíos para o sector galego é a dispersión das granxas, como valoras esta cuestión? Que dificultades vos supón? - É certo que é un sector moi disperso. En Ovica temos ganderías nas catro provincias, aínda que a maioría dos nosos socios están en Ourense e Lugo. Con todo, hai moita distancia entre os socios, o que dificulta cuestións como as visitas ás granxas. Pero máis alá desas dificultades, a dispersión dos nosos socios tamén se pode converter nunha oportunidade, xa que ó ter ganderías en tódalas provincias podemos ofrecer produto de proximidade ós nosos compradores. Para Ovica tamén é satisfactorio ter socios en toda Galicia, oxalá houbera máis! - O matadoiro móbil impulsado pola Consellería de Medio Rural pode ser unha solución fronte esta dispersión? - Temos moitos socios ós que lle quedan lonxe os matadoiros, algúns a máis de 100 quilómetros, por iso vemos que esta pode ser unha alternativa para estas ganderías. Aínda que o matadoiro non vaia directamente á granxa, se os teñen que achegar a un punto que lles quede preto xa pode resultar unha gran mellora. Redúcense os gastos de transporte e increméntase a rendibilidade para a gandería. Ademais, esta solución tamén mellora o benestar dos animais, xa que os cordeiros e cabritos pasan menos tempo no transporte. Polo momento non está operativo e estamos á espera dunha reunión con Medio Rural para seguir tratando o tema e conseguir que vaia para adiante.
"Os gandeiros temos os mastíns porque hai lobo e para defender o rabaño dos seus ataques, se non houbese lobo non teríamos tantos"
-Con referencia á xestión do lobo, como valoras a situación actual? -Estamos a ter bastantes ataques do lobo nas ganderías. Hai que ter en conta que as ovellas e cabras son as máis vulnerables e cando estes animais entran sempre causan grandes estragos, non só polos animais que mata ou deixa feridos, senón polo estrés que provoca en todo o rabaño, co que se hai animais preñados é moi habitual que terminen abortando. -Que medidas contribuirían a mellorar a situación actual? -Xa tivemos unha reunión coa Consellería de Medio Rural para transmitirlle a necesidade de facer melloras nas axudas que teñen activas. No caso da liña destinada á prevención dos ataques precísase máis tempo á hora de xustificar as obras de peches fixos, xa que moitas axudas estanse a perder por non poder aportar a documentación en prazo, ó estar moitas veces pendentes de licenzas. Tamén vemos preciso que se incrementen as axudas para ter mastíns nas ganderías para previr os ataques. Máis que as axudas para a adquisición dos animais cremos que é máis importante proporcionar unha axuda para mantelos, xa que é aí o que realmente supón un desembolso. Hai que ter presente que os gandeiros temos os mastíns porque hai lobo e para defender o rabaño dos seus ataques, se non houbese lobo non teríamos tantos. Entre vacinas, desparasitación e alimentación supoñen importantes gastos para as ganderías. En rabaños de 300 ovellas tes que ter catro ou cinco mastíns, co que pode estar gastándose uns 5.000 euros, o que supón un gasto importante na gandería.
"Estamos procurando revalorizar a la da ovella con artesáns galegos que a poidan empregala nas súas confeccións de xeito que tamén poida ser un recurso para os gandeiros"
- Outro dos retos para o sector parece estar na xestión da la das ovellas ante a falta de mercado para ela. Que saídas ten agora a la da rapa? -O ano pasado xa tivemos dificultades para sacala adiante. Aquí xa non hai quen recolla a la, viña xente doutras zonas de Galicia por ela. Levábana case sen pagar nada por ela. Este ano, despois de tentalo con moitos xestores xa non houbo quen viñera recollela e moitos témola gardada aínda na granxa. Agora temos o problema de que para a PAC precisamos un certificado de ter entregada esta la a un xestor. Se non hai outra alternativa imos ter que pagar por desfacernos da la cando se podería empregar noutros usos no canto de tratala como un residuo. Por iso estamos procurando revalorizar a la da ovella con artesáns galegos que poidan empregala nas súas confeccións de xeito que tamén poida ser un recurso para os gandeiros e non un residuo do que desfacerse. -A curto prazo tedes xa actividades previstas cos socios? -A intención é fomentar as xuntanzas cos socios aínda que polo momento, polas restricións do Covid-19, tampouco puidemos xuntarnos moito. Tamén queremos ofrecer xornadas formativas para seguir a profesionalizar o sector. Con esta formación buscamos fomentar o relevo xeracional nas granxas, formando a persoas mozas que poidan poñerse ó fronte de granxas que vaian pechar por xubilación, así como asesorar ós mozos que queiran crear a súa propia gandería. Ademais, queremos seguir sumando socios en Ovica, xa que hai moitos gandeiros de ovino e caprino en Galicia que aínda non están no colectivo e cremos que sumando forza entre todos é máis viable buscar oportunidades para o sector. Tamén estamos colaborando en rede con outras asociacións e colectivos do resto de España para afrontar problemáticas que temos en común e tratar entre todos de fortalecer o sector.

Medio Rural proxecta crear un sistema online de compra – venda de gando

A Consellería do Medio Rural proxecta implementar un sistema online de compra – venda de gando, para o que destinou 500.000 euros nos seus presupostos do 2022. A posta en marcha da aplicación busca facilitar as transaccións, sen necesidade de que compradores, vendedores e animais se teñan que desprazar a unha feira física, segundo explica a Consellería. A ferramenta pode funcionar ben por sistema de poxa online, ben por compra-venda. Os pagos xestionaranse pola propia plataforma e tamén se ofrecerá a posibilidade de contratar a través do sistema os transportistas para a recollida e entrega do gando. A aplicación concíbese como un sistema complementario e alternativo ás feiras e mercados de gando. Potencialidade das vendas online A posibilidade de promover vendas online tamén está a ser explorada a nivel europeo polos propios mercados gandeiros. En Kilkenny (Irlanda), un 39% das poxas son xa online, segundo constatou nunha recente visita o director da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán, que vén de participar en Irlanda nunha reunión da Asociación Europea de Mercados de Gando. Kilkenny ten un sistema particular de poxa, pois presenta cada animal de xeito individual nun ring, o que facilita que poida ser valorado a distancia. Desde a implantación da aplicación online de poxa, aumentaron os animais asistentes ó mercado e melloráronse prezos. Ring de poxa do mercado gandeiro de Kilkenny, en Irlanda. En Silleda, mentres tanto, o obxectivo da Lonxa Agropecuaria de Galicia é seguir mellorando a aplicación creada este ano para facilitar as poxas e avanzar en ofrecer novas funcionalidades.

Xornadas de difusión da aplicación Conta Láctea

Xornada sobre a aplicación Conta Láctea na cooperativa Clun. No ámbito do vacún de leite, a Xunta lanzou este ano outra aplicación informática, Conta Láctea, neste caso para medir os custos de produción das granxas. Nas últimas semanas, Medio Rural está a desenvolver unha serie de charlas polas distintas comarcas produtoras de Galicia para explicar o funcionamento da ferramenta. A principal finalidade da aplicación, segundo explica a Consellería, é mellorar a xestión económica das explotacións e tamén a capacidade negociadora dos gandeiros diante dos primeiros compradores de leite. A ferramenta permite, entre outras cousas, controlar os investimentos e os custos de produción e concretar canto custa producir un litro de leite e a que prezo se pode vender. O acceso á aplicación pode facerse vía web, é gratuíta e entre as súas funcionalidades, figura a posibilidade de imprimir un informe de resultados. Desde a Xunta estímase que este informe pode ser útil na negociación do prezo do leite, de xeito que o prezo de venda, de acordo coa lexislación, non poida ser inferior ó custo de produción.

Curso online sobre pequenos matadoiros de aves

Ao longo deste mes de outubro impartirase de forma online un curso gratuíto sobre “Pequenos matadoiros de aves”, unha alternativa para que as pequenas producións avícolas destinadas á comercialización podan cumprir dunha forma máis sinxela a normativa de sacrificio. O curso está organizado polo grupo de traballo “Producciones campesinas y artesanas”, integado polo Sindicato Labrego Galego, Ecologistas en Acción, a Coordinadora de Organizaciones Agrarias y Ganaderas (COAG) e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Este curso pretende servir para introducir ás persoas interesadas nas necesidades do marco normativo hixiénico e sanitarii á hora de montar un pequeno matadoiro de aves. A inscrición póde facerse enviando un email a produccionescampesinasyartesanas@mundo-r.com ou na ligazón https://forms.gle/grqhJLBNpTtZdRHr5 Pódese solicitar máis información chamando ao 981554147 ou por correo electrónico enviando un mail a formacion@sindicatolabrego.gal Velaquí o programa: