Archives

Protesta en Madrid de Gandeiros Galegos da Suprema

A Asociación de Gandeiros Galegos da Suprema viaxou hoxe a Madrid para reivindicar a necesidade de cambios na súa situación actual, ante a inviabilidade das súas explotacións. Os gandeiros e gandeiras alí presentes protestan pola venta a perdas, polas dificultades engadidas debido ás novas esixencias administrativas e legais da PAC, ou pola falta de solucións ante os problemas de convivencia co lobo e ca fauna silvestre. Desde a organización amosan a súa preocupación e fan referencia á falta de relevo xeracional no campo, acrecentado pola de atractivo que suxire o contexto actual. Ante esta situación, gandeiros e gandeiras optaron por elevar o ton da súas peticións manifestándose ante o Congreso de Deputados. No seu discurso fan fincapé “na necesidade de ter un prezo digno pola súa produción, tanto para soster as súas explotacións, como para garantir a vida no rural e fomentar o relevo xeracional”, erixíndose como “figuras claves por ser quen custodia o territorio, e quen suministra de alimentos a España”, manifestan desde a Asociación. “Os nosos familiares que viviron deste sector, miran abatidos o que nos custa manter a flote as nosas granxas e as nosas familias. É difícil entender que, co paso dos anos, os nosos produtos en orixe foron perdendo poder adquisitivo e, en definitiva, empobrecéndonos aos poucos. Con todo, ao consumidor na cesta da compra os produtos sóbenlle desorbitadamente”, sinalan. maxe do trascurso da mobilización dos gandeiros e gandeiras en Madrid. / Fonte: Asociación de Gandeiros Peticións do seu manifesto “Estamos sostendo un sector vacún con venta a perdas desde fai moitos anos, e cun período da PAC 2023-2027 claramente lesivo para todas as explotacións de orientación cárnica de Galicia”, critican desde a Asociación de Gandeiros. Por este motivo, desde a agrupación solicitan os seguintes puntos:
  • O cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria “e así acabar con prácticas abusivas onde hai unha enorme presión da industria por parte de diferentes operadores, para que asinemos contratos con cláusulas que digan que os prezos que nos pagan cobren os custos de produción”, engaden.
  • “Defender a Soberanía Alimentaria, fomentando e concienciando á cidadanía do consumo dos nosos produtos, alimentos de calidade e proximidade. Potenciando do mesmo xeito o pequeno comercio”.
  • “Unha PAC para os gandeiros, gandeiras, agricultores e agricultoras EN ACTIVO e que estean dados de alta no réxime agrario”. 
  • “A igualdade da prima por vaca nodriza coas explotacións de leite porque non se pode fomentar gandeiros de primeira e de segunda”.
  • “A substitución do antigos ‘pago básico’ e ‘pago verde’ pola ‘axuda básica á renda’ e ao ‘eco-réximes’ foi unha descapitalización das nosas explotacións en toda regra xa que se incrementaron as esixencias a cumprir, volvéndose estas moito máis complexas onde non houbo ningunha contrapartida económica respecto diso. Por isto, pedimos unha compensación económica por dita descapitalización”.
  • Poñerlle freo e dar facilidades para cumplir coa burocracia neste período da PAC.
  • “Solucionar o problema da conviviencia co lobo e a fauna silvestre”.
  • Habilitar unha liña de axudas de indemnización para as enfermidades da lingua azul e a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE).
  • Incluir a carne entre os alimentos de primeira necesidade, reducindo ou eliminando o IVE.
  • Un sistema de cotización agrario digno.
  • Eleccións ás Cámaras Agrarias.

Concentración este mércores en Santiago pola falta de axudas para as granxas en ecolóxico

Produtoras e produtores en ecolóxico e de zonas desfavorecidas, afectadas pola xestión de fondos públicos da Consellaría do Medio Rural, concentraranse ás 13.00h de mañá, mércores 21 de decembro, diante do Parlamento Galego en Santiago de Compostela, convocadas polo Sindicato Labrego Galego. Esta acción busca esixir medidas ante a exclusión por parte da Consellería do Medio Rural das axudas para  ecolóxico a unha parte importante das ganderías solicitantes.  A secretaria xeral do SLG-CCLL e gandeira, Isabel Vilalba, denuncia que "as deficiencias na xestión destas axudas están impedindo o desenvolvemento dun dos sectores considerado crucial polas institucións a nivel europeo e estatal para garantir unha alimentación sa e de calidade, así como o coidado do noso medioambiente”.  O calendario de mobilizacións comezou cunha concentración o pasado venres en Lugo.  Cartel da concentración: Cartel coa proclama da concentración. Fonte: Sindicato Labrego Galego.