Archives

Control eléctrico: un método novidoso para eliminación de malas herbas en frutais, pradeira e viñedo

Control eléctrico de maleza entre liñas de plantación de frutais de Reino Unido A redución no uso de herbicidas e a busca de alternativas reais a algunhas das materias activas máis controvertidas, como o glifosato, é un dos principais obxectivos da Unión Europea para esta década. O proxecto Oper8 involucra a 8 institucións de 7 países nunha rede que busca solucións alternativas ao uso de produtos químicos para o control da maleza, con distintos métodos que se están probando tanto en campos experimentais como en explotacións reais. A intención é analizar os distintos métodos dispoñibles, a súa eficacia, resultados e custos para establecer un inventario de prácticas posibles en función dos tipos de cultivos e sistemas produtivos.
Foi desenvolvida maquinaria específica para limpeza de rúas en plantacións de viñedo e froitos vermellos
Dentro destes métodos innovadores ábrese camiño a eliminación de malas herbas por medio de eléctrodos que conducen a electricidade a través das plantas para secarlas, producindo a súa desaparición. Este sistema novo está a aplicarse xa en Reino Unido con bos resultados para a limpeza de rúas en plantacións en ringleira de froitos vermellos e en Francia en viñedo. Nestes casos búscase a eliminación da totalidade da maleza existente.
A aplicación localizada sobre lavazas en praderías presenta resultados “prometedores”
En Gales, ensaiouse tamén para a eliminación selectiva de malas herbas en praderías de explotacións lácteas. Os traballos nesta ocasión estaban focalizados na erradicación de lavazas, unha das malas herbas máis frecuentes en pasteiros, con resultados “prometedores”, destacan. Esta tecnoloxía e a nova maquinaria necesaria para a súa aplicación está a ser desenvolvida pola empresa Rootwave, formada por un equipo de 45 persoas no Reino Unido, e que está a aplicar xa o sistema eléctrico en xardinería, fruticultura e mesmo en cultivos de millo ou remolacha. Nas plantas ou rúas que se queren limpar xérase, por medio dun eléctrodo positivo e un eléctrodo negativo, un arco eléctrico que fai pasar a corrente a través da mala herba, producindo que se seque nas dúas semanas posteriores debido a esta descarga.

FRUTAIS: “O control mecánico mediante laboreo afecta á estrutura do chan mentres que o desherbado eléctrico non”

Desherbado eléctrico en plantacións de froitos vermellos en Reino Unido Lynn Tatnell, investigadora de ADAS, unha entidade de asesoramento agrícola e de consultoría ambiental de Reino Unido especializada en produción ecolóxica e que tamén realiza investigación aplicada, leva controlando as malas herbas nunha plantación de grosellas negras mediante desherbado eléctrico desde hai 5 anos. A principal conclusión destes ensaios é que este sistema novidoso é un método efectivo de control de malezas en arbustos e froitos de cana. “O control eléctrico é unha ferramenta de futuro. Estes ensaios mostraron resultados extremadamente prometedores", asegura Lynn.
É un método respectuoso cos preceptos da agricultura rexenerativa
Entre as principais razóns para estender este método, explica Lynn, estaría a súa menor afectación á estrutura do chan. “En plantacións de froiteiras as herbas que saen xusto á beira das liñas de plantación teñen efectos negativos, pero os métodos mecánicos usados perturban o chan, algo que non pasa co método eléctrico de desherbado. Os efectos positivos de non mover o chan percíbense no segundo ano”, asegura. Do mesmo xeito, este sistema non mata a insectos que non estean directamente en contacto coa mala herba e respecta a microbiota existente no chan, polo que é un método válido para o seu uso en agricultura ecolóxica e rexenerativa. Maior efectividade ao incrementar o número de pases Son necesarios polo menos dous tratamentos e o resultado mellora ao reducir a velocidade de aplicación Segundo os ensaios realizados nos anos 2018 e 2019, cuxos resultados completos están dispoñibles nesta ligazón, conclúese que varios pases son máis efectivos que un só para o control de malas herbas e que unha velocidade lenta de aplicación mellora a eficacia do tratamento, debido ao tempo de contacto da electricidade coa planta.
Estase a demostrar que os resultados melloran realizando varios pases e que as velocidades de aplicación máis lentas aumentan a eficacia do tratamento
“Isto pode ser un factor máis importante para malas herbas perennes persistentes ou malas herbas que son máis grandes no momento do tratamento”, destaca Lynn. “O control dos cardos é extremadamente eficaz mediante tratamentos eléctricos, algo que tamén se pode estender a outras malas herbas perennes, como as ortigas”, explica. No verán a redución de maleza á beira das liñas de plantación é do 60% cun só pase e do 90% en dous pases. Dúas semanas despois do segundo tratamento eléctrico a maioría de malas herbas estarían completamente mortas. No inverno a eficacia redúcese ao 50% cun pase e ao 75% con dous tratamentos. As aplicacións realízanse cun intervalo de entre 2 e 3 semanas de separación entre elas. Menos condicionado pola climatoloxía Un dos problemas para a aplicación de herbicidas en determinadas circunstancias son as condicións climatolóxicas, que minguan a eficacia dos tratamentos. No caso do control eléctrico as condicións de aplicación son moito máis flexibles. “O desherbado eléctrico é unha opción eficaz e versátil. O produtor ten a flexibilidade de tratar en condicións climáticas nas que non podería facelo cun pulverizador para aplicación de herbicidas, como por exemplo en condicións de vento e inmediatamente antes ou despois da choiva”, asegura Lynn.
O sistema eléctrico achega flexibilidade na aplicación, xa que permite traballar con condicións atmosféricas de vento ou inmediatamente antes ou despois de chover
“A desherbadora eléctrica non reduce o banco de sementes do chan, polo que non fomenta unha maior eliminación de malas herbas en comparación coas desmalezadoras mecánicas que moven o chan. Con todo, un enfoque integrado de manexo de malezas podería combinar ambos sistemas, incentivando primeiro o nacemento dunha onda de malas herbas, ao ser estimulada polo tratamento mecánico, para daquela ser tratada por un sistema eléctrico e reducir deste xeito o banco de sementes de malezas presente na parcela”, propón o estudo.
O desherbado eléctrico destrúe tanto a planta como as raíces, polo que reduce os tratamentos posteriores de forma máis efectiva que os métodos mecánicos
En cultivos de grosella negra en ecolóxico, onde había moita presenza de herba, comprobouse que "a sega é esencial para asegurar que a herba estea a unha altura e densidade manexable antes de aplicar o tratamento eléctrico".

VIÑEDO: “O custo é comparable con outros métodos”

Desherbado eléctrico en viñedos franceses Christophe Gaviglio, especialista do Instituto Francés de Viticultura (IFV), detallou as posibilidades de utilización de métodos eléctricos de desherbado en viñedo. Os resultados dos ensaios realizados indican que o consumo de combustible non é superior ao dun tractor convencional utilizado para segar ou tratar as malas herbas mecanicamente ou para realizar a aplicación de herbicida con sulfatadora suspendida. Polo tanto, en canto a custos, “os tratamentos eléctricos serían comparables a outros tratamentos contra malezas”, asegura. O custo de tratamento químico mediante herbicida rolda os 250€/ha/ano; mentres o custo dos desherbados mecánicos elevaríanse a entre 450 e 650€/ha/ano. O custo do control eléctrico non está aínda totalmente definido, en función da superficie a tratar, o número de intervencións, etc, pero o custo medio aproximado estímase en 300€/ha/ano. “Ten un custo competitivo en comparación aos herbicidas”, asegura Christophe. Aínda que aclara que o custo final é variable en función de múltiples circunstancias. “Hai unha serie de factores que condicionan unha mellor eficiencia do tratamento eléctrico: velocidade de aplicación, tipo de mala herba, densidade, etc. Por tanto, o custo depende de numerosas hipóteses”, di. Redúcese o risco de erosión “En viticultura non necesitamos un control selectivo, senón limpar de herbas as rúas. Non necesitamos un control de precisión. Aínda que o tratamento eléctrico é aplicable a todo tipo de malas herbas, tarda algún tempo en mostrar a súa eficacia sobre algunhas malas herbas e en condicións similares non todas as especies reaccionan igual ao contacto cos eléctrodos”, recoñece.
Ao non abrir o chan permite unha maior captura de carbono
Outras alternativas aos herbicidas tiñan menor eficacia e un curto período de efectividade ou persistencia, impacto sobre as viñas e imposibilidade de uso en chans en pendente, algo que non sucede neste caso, xa que pode ser aplicado en zonas pedregosas ou en pendente porque ao non abrir o chan redúcese o risco de erosión. “Este método axuda á restauración natural do chan e a biodiversidade e dá soporte á agricultura rexenerativa. Permite ademais facer tratamentos próximos a leitos de auga ou zonas sensibles desde o punto de vista ambiental”, compara Christophe.

PRADEIRA: “Tres tratamentos eléctricos son equivalentes a unha aplicación de herbicida para o control de labazas”

Kevin Godfrey participou nos ensaios realizados en pradeiras de explotacións lácteas de Reino Unido para o control de labazas (Rumex spp.) mediante uso de eléctrodos eléctricos. As experiencias leváronse a cabo en tres granxas leiteiras do sur de Gales durante un período de dous anos (2019-2021), onde se alcanzaron resultados “prometedores”, asegura. Trátase neste caso dun sistema eléctrico para tratamentos localizados en pradería mediante un kit portátil tamén usado en xardinería. Aplicáronse tres tratamentos eléctricos cun espazo de entre 3 e 4 semanas entre eles, realizando a primeira aplicación no mes de maio, e comprobouse que a eficacia iguala ao uso de herbicidas.
O control eléctrico é un sistema prometedor como ferramenta de xestión de praderías con lavazas
“Para o control de lavazas (Rumex obtusifolius) en praderías, tres pases eléctricos son equivalentes a unha aplicación de herbicida. É un método que ten aplicación evidente para os produtores en ecolóxico ou aqueles que queiran reducir o uso de herbicidas na súa explotación”, afirma.
A eficacia de tres pases eléctricos sería similar ao uso de herbicida
Segundo os ensaios realizados no ano 2021, medindo os resultados 4 e 8 semanas despois do tratamento, un pase logra unha eficacia inferior ao 40%, dous pases acadan o 60% e tres pases incrementan a efectividade ao 95% no control de labazas. Uso combinado con herbicidas “Os herbicidas requiren unha planta en crecemento activo que non sexa nin demasiado pequena nin demasiado grande, polo que conseguir a aplicación no momento correcto para unha absorción e eficacia óptimas é moi importante, pero ás veces é difícil de lograr unha aplicación de herbicida no momento óptimo, debido á climatoloxía”, asegura Kevin. “Os resultados obtidos en 2021 reflicten o beneficio dun enfoque integrado, onde se aplicou un tratamento eléctrico en maio que controlou significativamente as lavazas e logo un tratamento con herbicida de seguimento un mes máis tarde. Esta combinación foi altamente efectiva xa que a etapa de crecemento foi máis favorable para a aplicación do tratamento con herbicida”, detalla. Presenza de trevo Sistema portátil deseñado para aplicación en pradeiras “As labazas son o maior problema nos sistemas de pastoreo: reducen en rendemento e a calidade do pasto, así como a calidade da ensilaxe, xa que posúen só o 65% do valor nutricional da herba”, explica Kevin. Pero o uso de herbicidas pode ter un efecto negativo sobre outras especies, como os trevos, polo que, afirma, “a eliminación das labazas mantendo os niveis de trevo supón un beneficio adicional para os agricultores en canto á redución das necesidades de aplicación de nitróxeno na parcela”.

“A resistencia a herbicidas é un problema para os agricultores; necesitamos outros métodos”

Ilias Travlos, da Universidade de Atenas, entidade coordinadora da rede Oper8, pon o foco en aspectos como a resistencia das malas herbas aos herbicidas, un problema crecente para o desenvolvemento da agricultura nos próximos anos. “A resistencia a herbicidas foi confirmada en 255 especies de malas herbas en 70 países do mundo; necesitamos outros métodos”, asegura. Por iso, di, “unha eficacia, aínda que sexa moderada, do control eléctrico sobre determinadas malas herbas, sería moi importante para os agricultores da área mediterránea, que se atopan con frecuentes resistencias para o control de malas herbas mediante métodos químicos”. Escaso uso de métodos alternativos aos herbicidas Ensaios de tratamento eléctrico para control de malas herbas en plantacións de millo “Os agricultores necesitan atopar métodos non químicos para o control de malas herbas, pero son métodos complicados e caros”, recoñece. “A nivel de explotación, os agricultores son remisos a adoptar métodos non químicos debido á súa complexidade, custo e tempo de aplicación, o que resulta nunha implementación deficiente do manexo non químico da maleza”, indica. De acordo con a Directiva 2009/128/CE sobre o uso sostible de praguicidas, avanzouse pouco na promoción da adopción de métodos alternativos de control de malas herbas que son clave para garantir a redución da dependencia dos praguicidas.
A Escola Politécnica de Lugo participa nesta rede europea xunto a institucións de Francia, Italia, Grecia, Letonia, Suecia e Reino Unido
Sobre a base dos resultados de oito Grupos Operativos en toda Europa, a Rede Temática Oper8 tratará de descubrir as barreiras fundamentais existentes para a non adopción de sistemas de control de maleza sen produtos químicos por parte dos agricultores europeos, analizando e validando distintas solucións non químicas para o control de malas herbas. Ademais de crear e establecer estes novos métodos experimentais, tamén serán despregadas técnicas de transferencia de coñecemento para facer chegar estes avences aos produtores. Este proxecto, financiado con 1,6 millóns de euros dos fondos Horizon Europe, destinados a investigación, iniciou os seus traballos en outubro pasado e finalizará as investigacións en setembro de 2025. Forman parte 8 grupos operativos de 7 países (España, Francia, Italia, Grecia, Letonia, Suecia e Reino Unido). En España integra este proxecto a Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, que traballará no desenvolvemento de biocidas baseados en aceites naturais de plantas. Un terzo dos praguicidas usados na UE son herbicidas Os herbicidas son a segunda categoría de praguicidas máis vendida na UE (131.300 toneladas de ingredientes activos), o que representa o 33% de todas as vendas de praguicidas en 2019. “Aínda que o uso de pesticidas sintéticos na agricultura axudou a aumentar a produción de alimentos, isto non ocorreu sen grandes custos para o medio ambiente, os recursos naturais e a saúde humana”, afirma Ilias Travlos.
A intención da UE é reducir un 50% o uso de pesticidas e un 20% os fertilizantes en 2030
A Estratexia Da Granxa á Mesa, adoptada pola Comisión Europea, fixa o obxectivo de reducir un 50% o uso de pesticidas no ano 2030, un camiño que tamén adoptou a nova Política Agraria Común para o período 2023-2027. “Os beneficios do uso de métodos alternativos de control da maleza beneficia aos agricultores pero tamén aos consumidores e á sociedade en xeral, porque mellora a saúde do chan, a produtividade da terra e a calidade dos cultivos e redúcese o impacto ambiental da agricultura e a produción de alimentos sobre a auga e a emisión de gases de efecto invernadoiro”, detalla o investigador da Universidade de Atenas.

Xornada online este mércores sobre control de malas herbas con escarda eléctrica

A Escola Politéctica Superior de Lugo organiza para este mércores, 26 de abril, unha xornada técnica online sobre control alternativo de malas herbas nos cultivos mediante o sistema de escarda electrica. A xornada, que se desenvolverá de 11:00 a 12:00 horas, abordará o escardado eléctrico en pradarías e froiteiras, unha presentación da tecnoloxía de escarda eléctrica Rootwave e, finalmente, unha demostración de escarda eléctrica en viñedo. A inscrición pode facerse online a través desta ligazón. Este é o programa completo da xornada:

O proxecto Welaser logra a integración preliminar do seu prototipo para eliminar malas herbas sen químicos

O proxecto de innovación Welaser, que busca alternativas ao uso de herbicidas no agro, logrou con éxito a integración preliminar do sistema para a eliminación de malas herbas no campo sen a utilización de produtos químicos. Nesta fase montáronse todos os sistemas a bordo da plataforma móbil e comprobáronse os compoñentes mecánicos, eléctricos e interfaces de comunicacións. Os impulsores do proxecto destacan importantes avances nas diferentes partes do prototipo como a integración das redes de sensores IoT e aplicacións de computación na nube, a fonte láser de alta potencia, o sistema de percepción de Intelixencia Artificial e o sistema de escaneo e o segundo prototipo do robot autónomo. “Todo o sistema está a funcionar de acordo co plan de traballo”, indican. Agora, de acordo coas probas que se están realizando e a lista de problemas detectados, están a elaborar un plan de acción e levarán a cabo as melloras adecuadas nos diferentes compoñentes para desenvolver a integración final do proxecto. Esta fase de integración preliminar levárona a cabo durante a última semana do pasado mes de abril, xa que sufriron atrasos na entrega de pezas e compoñentes derivados pola actual pandemia e as crises xeopolíticas. Así, a aprobación definitiva desta integración acordouse nunha reunión presencial de proxecto celebrada en Madrid o pasado 27 de abril.
Na última fase do proxecto realizarán demostracións do funcionamento do prototipo en diferentes países europeos
Durante os últimos 6 meses do proxecto está previsto que realicen demostracións do uso do prototipo en escenarios reais en diferentes localizacións europeas. Estas demostracións estarán dirixidas a audiencias profesionais e xerais, incluídas autoridades, expertos e investigadores e medios de comunicación.

Os socios do proxecto

WeLASER é un proxecto de innovación europeo que comezou en setembro de 2020 e finalizará en 2023, tras 36 meses de traballo. Está financiado dentro do programa Horizonte 2020. Está coordinado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (España) e conta coa participación de Futonics Laser GmbH (Alemaña), Laser Centrum Hannover (Alemaña), Departamento de Plantas e Ciencias Ambientais da Universidade de Copenhague (Dinamarca), AGREENCULTURE SaS (Francia), Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (España), Departamento de Ciencias Agrícolas da Universidade de Bolonia (Italia), Instituto para a Ecoloxía de Áreas Industriais (Polonia), Departamento de Agricultura Economía da Universidade de Gante (Bélxica) e Van dean Borne Projecten BV (Países Baixos).

-Consulta aquí máis información sobre o proxecto.

 

WeLASER, a solución tecnolóxica que pretende acabar cos tratamentos químicos na eliminación de malas herbas

O proxecto europeo WeLASER empeza a súa andaina co obxectivo de acabar coa utilización de produtos químicos na eliminación das herbas non desexadas. Por diante, 36 meses (2020-2023) nos que se dará forma a un prototipo de solución tecnolóxica que requirirá un posterior desenvolvemento para ser comercializada. Nun contexto de crecente poboación mundial e necesidade de redución do uso de pesticidas e fertilizantes, WeLASER busca a súa substitución. As solucións mecánicas contribúen a deteriorar as propiedades do solo, danan os seus organismos beneficiosos e proporcionan malos resultados para a eliminación de malas herbas.

Como funciona?

Porén, a solución WeLASER enfócase no manexo non químico de herbas non desexadas baseado na aplicación de doses letais de enerxía nos meristemos das devanditas herbas utilizando unha fonte láser de alta potencia. Un sistema de visión de Intelixencia Artificial discrimina os cultivos das herbas adventicias e detecta a posición dos seus meristemos para apuntar co láser sobre eles, utilizando un escáner láser. Un controlador intelixente coordina estes sistemas e utiliza IoT e técnicas de computación na nube para administrar o coñecemento agrícola. Un vehículo autónomo conduce de maneira eficiente o conxunto de sistemas pola explotación para a súa correcta aplicación. Esta tecnoloxía proporcionará unha solución limpa ao problema da eliminación de malas herbas e axudará a reducir significativamente os produtos químicos no medio ambiente.

Quen participa no proxecto?

WeLASER é un proxecto de innovación financiado pola UE dentro do seu programa Horizonte 2020. Está coordinado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e conta coa participación de Futonics LASER (Alemaña), Centro do laser de Hanover (Alemaña), Departamento de Plantas e Ciencias Ambientais da Universidade de Copenhague (Dinamarca), AGREENCULTURE SaS (AGC) (Francia), a Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) (España), o Departamento de Ciencias Agrarias da Universidade de Bolonia (Italia), o Instituto para a Ecoloxía das Áreas Industriais (Polonia), o Departamento de Economía Agraria da Universidade de Gante Bélxica) e Van dean Borne Projecten BV (VDBP) (Holanda). Con axuda de financiamento comunitario, WeLASER porá a traballar a un gran grupo de actores e partes interesadas para aumentar a produtividade agrícola, á vez que se logra maior sustentabilidade ambiental e mellórase a saúde de animais e seres humanos.

Infografía do proceso tecnolóxico da solución WeLASER: 

 

Abonos verdes, unha solución para reducir o uso de herbicidas nas terras

Momento de gradar os nabos antes de sementar o millo na SAT Castro Buxía, en Trazo A maioría das explotacións leiteiras galegas dispoñen de menos superficie agraria da que precisarían para producir as forraxes necesarias para a alimentación do seu gando. Isto provoca un aproveitamento máximo da capacidade produtiva das terras dispoñibles, con cultivos anuais en rotación de especies de alto aporte de materia seca, como millo forraxeiro ou raigrass. Galicia concentra a maior parte da produción de millo e raigrass da cornixa cantrábrica. Sete de cada dez hectáreas sementadas con algún destes dous cultivos atópase na nosa comunidade. Pero esta alta esixencia produtiva para as terras leva aparellada a necesidade de empregar herbicidas de xeito sistemático para sacar adiante as colleitas. Co glifosato en entredito e o previsible aumento das restricións futuras á súa utilización, xorden novas alternativas a base de rotación de cultivos para o control das malas herbas. Son os chamados abonos verdes, cultivos de inverno destinados a roturar en primavera e que reducen a necesidade de herbicidas. De momento estas solucións son pouco empregadas en Galicia, e menos na gandeiría intensiva de leite. A dificultade para incrementar a superficie agraria en paralelo ao crecimento do número de cabezas non permite desbotar unha das colleitas como simple abono. A escasa mobilidade de terras en Galicia queda patente se temos en conta que un terzo das terras que tiñan as explotacións leiteiras que pecharon na nosa comunidade na última década non se incorporaron ás explotacións que continuaron en activo. Unha escasa transferencia de fincas que dificulta o crecimento e redimensionamento das explotacións ao impedir o incremento parello necesario da superficie agraria útil e do número de cabezas.
"O valor nutricional dos cultivos forraxeiros de inverno é moi interesante e aportan un terzo da materia seca que se obtén da parcela" (Gonzalo Flores, CIAM)
Por iso a utilización de abonos verdes a gran escala en ganderías de leite non é frecuente, como explica Gonzalo Flores Calvete, xefe do Departamento de Pastos e Cultivos do CIAM: "Non é habitual facer este tipo de rotacións en Galicia. Dúas de cada tres ganderías de leite que botaron millo van poñer agora un cultivo forraxeiro de inverno, na maioría dos casos raigrass italiano e estanse abrindo paso tamén as mesturas con trebo anual", di. "Nos outros casos, naquelas fincas onde non se fai rotación, isto débese moitas veces a que son fincas molladas onde se empeza a chover non se dá entrado nelas para traballalas", engade. Considera ademais que "non é unha práctica frecuente en Galicia empregar o cultivo de inverno como abono en verde porque a falta de base territorial é un problema para a maioría das explotacións e as forraxes custan cartos", polo que habitualmente "só cando a colleita se estraga e o cultivo non se pode aproveitar é cando se enterra para abonar".
"En Galicia as terras son ricas en materia orgánica, con porcentaxes do 4, 5 ou 6% non precisan ese aporte extra que si que sería necesario en Castela, onde só teñen un 1%", asegura Gonzalo
Gonzalo explica que desde o punto de vista agronómico fresar un cultivo de nabos antes de sementar o millo, por exemplo, incrementa a materia orgánica do solo, pero di: "os solos de Galicia xa son ricos en materia orgánica, con porcentaxes do 4, 5 ou 6%, polo que non é necesario facer ese aporte". "En Castela, con terras que teñen só un 1% de materia orgánica, si que sería necesario facelo, pero aquí afortunadamente non temos ese problema", conclúe. Este especialista defende ademais que "o valor nutricional dos cultivos de inverno é moi interesante" para as explotacións leiteiras. Indica que nas rotacións millo-raigrass "o millo aporta 2/3 da materia seca que se obtén ao ano da parcela mentres que a pradeira aporta 1/3 a maiores". Como media, di, lógranse entre 12 e 13 toneladas de materia seca por hectárea de millo cunha produción en verde de 40.000 quilos por hectárea co 30% de materia seca e 5 toneladas de materia seca por hectárea de raigrass, polo que a produción anual de materia seca por hectárea achégase ás 20 toneladas neste tipo de rotacións. Unha práctica máis frecuente no sector da horta O emprego de cultivos de inverno como abonos verdes (fundamentalmente nabos pero tamén chícharos) forma parte do sistema tradicional de laboreo en Galicia. Era habitual empregar esta rotación nas terras das patacas, por exemplo, onde as brassicas coma os nabos, as verzas ou as coles contribúen a desinfectar a terra de fungos, pragas e malas herbas e as leguminosas coma os chícharos, a veza ou o trebo aportan unha boa cantidade de nitróxeno. O seu uso forma parte das boas prácticas no eido sobre todo da agricultura ecolóxica ante a imposibilidade do emprego de herbicidas. Aínda que non é frecuente no sector da gandeiría, a práctica do abonado en verde é habitual atopala en produtores de horta. Javier Miranda botou este ano 17 hectáreas de pataca e 34 de faba en fincas situadas en Pacio, no concello de Castro de Rei e San Martín de Ferreiros, en Pol. Nunha parte delas bota repolo no inverno pero no resto fai rotación de cultivo para abonado. "Uso as patacas para renovar as fincas e logo boto abono verde de cereal no inverno: veza con trigo, guisante, etc. Na primavera seguinte abonamos con purín de explotacións da zona, encalamos e enterramos. Facemos isto na metade das 52 hectáreas que manexamos", explica. Tamén no Val de Lourenzá hai produtores que usan este sistema, aínda que na maioría dos casos empregan nabos, que sementan no mes de outubro ou comezos de novembro, logo de apañar as fabas. Logran por un lado que as fincas non queden baldías mentres non volven preparar a terra (habitualmente no mes de marzo) para volver botar as fabas (en maio) e por outra banda reducen a necesidade de esterco para o abonado.
Hortícolas Javier Miranda fai abonado en verde con cereal (veza con trigo) na metade das 52 hectáreas que traballan
A cooperativa Terras da Mariña pretende de feito este ano que os seus asociados (16 produtores de toda a comarca) sementen nabos da IXP Grelos de Galicia cando apañen as fabas coa finalidade de favorecer a rotación de cultivos nas terras e diversificar os ingresos cunha produción diferente no inverno. Trala recollida dos grelos o resto da pranta sería fresado para abonar a terra na que se volverían botar fabas.

Unha de cada 5 terras de millo queda baleira 

Os datos do Informe de estruturas e sistemas de alimentación das explotacións leiteiras de Galicia, cornixa cantábrica e Navarra, elaborado polo Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA) coa participación e colaboración do INGACAL-CIAM de Galicia, SERIDA de Asturias, CIFA de Cantabria, NEIKER do País Vasco e INTIA de Navarra, reflicten as prácticas máis habituais en canto á produción de forraxes nas ganderías de leite. Foi feito mediante unha enquisa completa no ano 2014 a un total de 461 explotacións leiteiras, 316 delas ubicadas en Galicia. A porcentaxe de explotacións que declararon sementar cultivos forraxeiros anuais foi do 58,7% no caso do millo e do 52% para o raigrass italiano. Moito menos frecuentes son as explotacións que botan cereal de inverno (4,4%) ou outros cultivos anuais (4,6%). En total, segundo estes datos, unhas 9.700 explotacións cultivarían millo forraxeiro no conxunto da cornixa cantábrica sobre unha superficie total de 87.100 ha e 8.600 cultivarían raigrass italiano en 64.200 ha. "O cultivo de raigrass italiano inclúese, polo xeral, como cultivo de inverno nunha rotación de dous cultivos por ano co millo como cultivo de verán, podendo pois estimarse unha superficie total de cultivos forraxeiros anuais de algo menos de 100.000 ha para as explotacións leiteiras da área de estudo", conclúe o informe.
Galicia acapara máis do 70% das hectáreas destinadas a millo forraxeiro e raigrass italiano da cornixa cantábrica
Estes cultivos concéntranse na súa meirande parte en Galicia, comunidade que ten o 76,3% (66.400 ha) e o 70,8% (45.400 ha), respectivamente, das superficies totais sementadas con millo forraxeiro y raigrass italiano da zona norte da península. A porcentaxe de explotacións que botan millo en Galicia está no 66,2%. Raigrass italiano botaríano o 53,4%, cereal de inverno o 5,1% e outros cultivos o 2,7%. Segundo eses datos, un total de 7.872 explotacións botarían millo en Galicia, cunha superficie total cultivada desta forraxe de 66.494 hectáreas; 6.349 botarían raigrass italiano (45.489 hectáreas), 603 cereal de inverno (2.576 hectáreas) e 315 botarían outros cultivos, que ocuparían unha superficie de 2.012 hectáreas. En canto á rotación de cultivos máis frecuentes, máis da metade das explotacións (52,6%) declararon botar no mesmo ano millo e raigrass italiano nas parcelas, seguido polos que fan pradeira (25,1%) e en menor proporción os que fan rotación de millo con cereal de inverno (6,3%), por exemplo centeo para ensilar, e de millo con outros cultivos (5,4%), que polo xeral acostuman ser mesturas con leguminosas forraxeiras. Sen embargo, un 19,1% das explotacións cultivaban millo sen intercalar ningún outro cultivo. O 63% das explotacións que botan millo declaran botar sempre na mesma parcela un cultivo de inverno e un 21,5% din que non o fan todos os anos e que dependendo de cuestións como a climatoloxía deixan fincas baleiras entre sementeira e sementeira de millo.

Expertos de varios países reúnense en Vigo para avanzar no control das malas herbas

Preto de 100 especialistas participan en Vigo dende este martes e ata o xoves no XVII Congreso da Sociedad Española de Malherbología (SEMh), un evento organizado polo grupo de investigación da Universidade de Vigo Agrobioloxía ambiental: calidade de solos e plantas, membro da Agrupación Estratéxica Citaca, en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia (CSIC). Trátase dun congreso bianual que nesta edición reunirá a investigadoras e investigadores de toda España, con participantes tamén de Portugal, Reino Unido, e EEUU. Este é o evento de referencia en España na investigación e transferencia en malherboloxía, a ciencia que estuda a bioloxía e o manexo das malezas ou malas herbas, un dos problemas máis urxentes na agricultura moderna, e chave na conservación da biodiversidade e dos espazos naturais e no control das especies invasoras. A conferencia inaugural deste martes correu a cargo de Nilda R. Burgos, presidenta da International Weed Science Society, Department of Crop, Soil, and Environmental Sciences da University of Arkansas e versou sobre os retos, investigación e xestión da malherboloxía moderna. O congreso é un foro idóneo “para comunicar e discutir os últimos avances en distintas áreas de coñecemento, intercambiar ideas e coñecer ás novas e novos investigadores do ámbito”, asegura Nuria Pedrol, investigadora do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo e coordinadora do Comité Organizador. “Non é aleatorio que a SEMh elixira Vigo como sede: o grupo de I+D+i da Universidade de Vigo BEV1 Agrobioloxía Ambiental é ben coñecido na SEMh pola súa intensa actividade investigadora en diversos aspectos da malherboloxía, como a bioloxía de especies invasoras, a procura de herbicidas con novos modos de acción ou o deseño de estratexias eco-innovadoras para o control de malezas en agricultura ecolóxica”, explica Nuria Pedrol.

Máis innovación e interdisciplinariedade

Baixo o lema “Novas estratexias para novos retos”, o Comité Organizador decidiu afondar neste congreso no avance cara estratexias de control que posibiliten un manexo integrado e sostible de malezas agrícolas e invasoras, “abríndonos máis á innovación e tratando de intensificar a comunicación e as colaboracións interdisciplinares”. Para iso dispóñense seis sesións temáticas: busca de herbicidas con novos modos de acción; control químico e resistencia a herbicidas; manexo integrado; estratexias eco-innovadoras; diversidade, estabilidade e servizos ecosistémicos; e bioloxía e manexo de especies invasoras. Xunto coa exposición de comunicacións orais e en formato póster, as e os congresistas poderán desfrutar de catro conferencias plenarias de invitados de recoñecido prestixio internacional no campo da Malherboloxía, que abrirán as distintas sesións temáticas. Así, Nilda R. Burgos, presidenta da International Weed Science Society e investigadora da University of Arkansas (EEUU) foi a encargada de dar a conferencia inaugural este martes ; Fabricio Araniti, do Dipartamento Agraria da Università Mediterranea di Reggio Calabria (Italia) abriu a sesión de tarde; Jordi Recasens, do Grupo de Malherboloxía e Ecoloxía Vexetal da Universitat de Lléida, dará a conferencia plenaria o mércores 9 e Rodrigo Medel, do Departamento de Ecoloxía da Universidad de Chile inaugurará a última xornada o xoves 10 de outubro. O simposio, que se celebrará na sede viguesa de Afundación, completarase cunha saída técnica á Misión Biolóxica de Galicia en Pontevedra, o veciño centro do CSIC adscrito á área de Ciencias Agrarias, que ofrecerá unha visita guiada polos distintos departamentos de investigación, incluíndo as súas instalacións e parcelas experimentais. Esta edición conta tamén coa colaboración do Concello de Vigo e de bodegas Pazo Señoráns, xunto co patrocinio de Bayer, FCM, Syngenta, Adama, Ascenza, BASF, Corteva Agriscience, FTS AgroConsulting, Belchim, Galdemic, e Phytoma, moitos deles socios protectores da SEMh dende os seus orixes.

Consulta aquí o programa do XVII Congreso da Sociedade Española de Malherboloxía (SEMh)

“Controlar as malas herbas só con herbicidas leva á aparición de resistencias”

A aparición de malas herbas resistentes a herbicidas é un problema crecente que dificulta a agricultura, sobre todo nos países avanzados. Así, España é o sétimo país do mundo e o segundo de Europa con máis casos rexistrados. Para afrontar esta problemática a compañía de solucións agrícolas en sanidade e nutrición vexetal, ASCENZA, impartiu o pasado mes de febreiro na Universidade de Lleida un curso no que formou a 26 técnicos no recoñecemento de malas herbas, gramíneas e dicotilendóneas, en estado de plántula. O curso estivo impartido por 5 profesores e foi dirixido polo catedrático da Escola Técnica Superior de Enxeñaría Agraria (ETSEA) e profesor de Botánica Agrícola e Malherbología, Jordi Recasens, un experto a nivel estatal nesta problemática. Como xurdiu o seu interese pola malherboloxía? Eu xa tiña formación botánica grazas aos meus estudos universitarios, pero no ano 1981 asistín a un curso de recoñecemento de malas herbas que organizou a Institució Catalá d'Estudis Agraris en Barcelona e que espertou a miña curiosidade. No ano 1982 obtiven unha praza de profesor de botánica agrícola na Escola Técnica Superior de Enxeñaría Agraria de Lleida e iniciei unha liña de investigación neste tema xunto co meu colega Andreu Taberner, responsable do servizo de Malherboloxía da consellería de Agricultura da Generalitat de Catalunya. Como definiriamos unha mala herba? O atopar unha definición acertada é un tema recorrente e motivo de moitos debates. Pero a resposta é fácil: “toda planta ou comunidade vexetal que interfire cos obxectivos das persoas”. Unha especie pode ser mala herba nun escenario e situación concreta e en cambio ser beneficiosa noutro. As soaxes, acelgas, cenorias, etc. son plantas cultivadas pero tamén teñen formas silvestres que poden ser malas herbas. E inversamente, moitas crucíferas son malas herbas de campos de cultivo, pero achegan tamén servizos ecosistémicos ao favorecer a presenza de polinizadores cando se atopan en floración. Por iso unha mala herba éo nunha situación concreta, pero pode non selo noutra. Cales son as malas herbas que máis problemas están a xerar neste momento, tanto en cultivos de cereais como de millo? En campos de cereal son ben coñecidos os problemas causados por gramíneas como Lolium rigidum (vallico), Avena sterilis (avea tola), Bromus diandrus (bromo), Papaver rhoeas (mapoula), non só pola súa proliferación e dificultade de control senón pola crecente presenza de biotipos resistentes a herbicidas. En millo, segundo as zonas, podemos citar Sorghum halepense (cañota), Chenopodium album (fariñento) ou Echinochloa crus-galli (pata de galo) no val do Ebro, ou Cyperus sculentus (xuncia) ou Datura stramonium (estramonio ou figueira do inferno) na zona noroeste de España. Por que é tan importante detectalas en estado de plántula? Mediante un correcto recoñecemento en estado moi precoz non só identificamos o problema senón que ademais podemos tomar unha decisión acertada en canto aos métodos de control a planificar. Que parámetros debe ter en conta o agricultor á hora de identificar as malas herbas? En primeiro lugar coñecer o seu ciclo e estacionalidade e saber se se trata de plantas anuais -que proceden de semente- ou ben plurianuais -que agroman a partir de órganos subterráneos-. En canto a caracteres morfolóxicos, para as dicotiledóneas (herbas de folla ancha) a forma e tamaño dos cotiledóns así como a disposición e posible pilosidade das primeiras follas. Para as gramíneas, a presenza de pelos, aurículas, tipo de lígula, prefoliación da folla ou compresión da vaina.
“Para controlar as malas herbas con eficacia é imprescindible combinar métodos químicos con mecánicos e culturais”
Cales son os erros máis comúns ou deficiencias que detectas nas prácticas agrícolas e que favorecen as malas herbas? O principal erro consiste en depender soamente dun método de control. Se só é mecánico ou químico imos seleccionando involuntariamente as especies que mellor se adaptan aos devanditos manexos. Por iso resulta imprescindible ter estratexias de control integrado, onde os métodos, químicos, mecánicos e culturais poidan integrarse sen dar prioridade a ningún deles. En canto á utilización de herbicidas, ¿Que aspectos consideras claves para que resulten efectivos e non se produzan problemas de toxicidade para os cultivos? Os herbicidas están rexistrados e autorizados para distintos cultivos en base aos estudos de eficacia e de selectividade. Para garantir un uso correcto, resulta imprescindible estar ben asesorado por parte dun técnico experto en sanidade vexetal, e que teña coñecementos profundos de malherboloxía. Está a ser cada vez máis difícil controlar as malas herbas nos cultivos? Resulta cada vez máis difícil se dependemos só dun método de control. Chegouse a depender en exceso dos métodos químicos. Os herbicidas son unha ferramenta moi eficaz, versátil e relativamente económica, pero depender só deles non resolve o problema das malas herbas. A eficacia dos herbicidas pode verse moi favorecida se se integran con outros métodos de control. Estratexias de tipo cultural como rotación de cultivos, densidades e datas de sementeira, posibles labores do terreo, etc. poden reducir a presenza de malas herbas e facer entón máis eficaz unha aplicación de herbicida. A integración de métodos culturais, mecánicos e químicos define o concepto de manexo integrado. A curto prazo, a súa implementación pode resultar difícil ou pouco atractiva, pero a medio prazo os resultados sempre serán máis favorables que utilizar só métodos químicos. Por que aparecen as resistencias aos herbicidas e como deberiamos actuar para previlas? As plantas resistentes non aparecen senón que xa están presentes dentro dunha poboación pero cunha frecuencia baixísima (unha entre millóns). O uso reiterado dun herbicida cun mesmo modo de acción non fai máis que ir seleccionando, ano tras ano, ás plantas resistentes. Os descendentes desas plantas resistentes seleccionadas tamén o serán. Así, en poucos anos a proporción de plantas resistentes pode ser maioritaria nun campo. Se imos utilizando herbicidas co mesmo modo de acción, aínda sendo moléculas e produtos con nome distinto, imos agravando o problema. Por iso é recomendable diversificar os modos de acción dos herbicidas que se van utilizando un ano tras outro e sobre todo integralos con métodos de control mecánico e cultural.
 “España é o sétimo país do mundo e o segundo de Europa con máis casos de malas herbas resistentes a herbicidas”
Que especies consideras que están a desenvolver unhas resistencias máis preocupantes? España é o sétimo país do mundo e o segundo de Europa con máis casos de especies de malas herbas resistentes a herbicidas. En cereais de inverno son problemáticos os casos de resistencia cruzada (a distintos herbicidas que actúan sobre un mesmo mecanismo de acción) e mesmo múltiple (a herbicidas con diferente mecanismos de acción) detectados en poboacións de Lolium rigidum (vallico) e Papaver rhoeas (mapoula). En millo coñécense casos de Sorghum halepense resistente a sulfonilureas. En arroz hai casos de resistencias nos xéneros Alisma, Echinochloa e Cyperus. E coñécense casos de resistencia a glifosato en especies do xénero Conyza en oliveiral e froiteiras de rega e de Lolium rigidum en cítricos.
 “A xuncia contrólase ben se se priva de luz durante primavera e verán, por exemplo con sorgo a alta densidade”
No caso de Galicia unha especie que preocupa aos gandeiros que sementan millo forraxeiro é a xuncia ou Cyperus rotundus. ¿Cales consideras que son as claves para o seu bo control? En millo en Galicia adoitan ser frecuentes as especies Cyperus rotundus e C. esculentus. As dúas mostran unha alta capacidade de rexeneración a partir de tubérculos subterráneos que permanecen no chan dunha campaña a outra. Por esta razón o seu control non resulta fácil pero existen herbicidas (p.e. sulcotriona, tembotriona e mesotriona) que achegan boas eficacias. Pero non debemos pensar só en métodos químicos. Estas especies vense moi inhibidas se se lles priva de luz durante primavera e verán. Hai estudos que verifican que o sorgo sementado a alta densidade inhibe significativamente a emerxencia da xuncia. Por iso ,a posible inclusión nunha rotación deste ou outro cultivo que xere suficiente sombra e competencia, podería favorecer o manexo desas malas herbas. Outra especie que trae de cabeza a moitos gandeiros, sobre todo en pastoreo, é o Rumex. ¿Que recomendacións lles darías para evitar a infestación desta mala herba? Certas especies do xénero Rumex como R. obtusifolius e R. crispus, mostran unha capacidade de adaptación moi rápida en campos sometidos a segas periódicas e en ambientes con elevada humidade. Cos anos, a pesar de verse sometida a pastoreo ou sega, a planta adquire maior presenza, especialmente a nivel subterráneo onde desenvolve unha cepa persistente e vigorosa. Campos de alfalfa con presenza de Rumex chegan a tratarse con herbicidas específicos. En pasteiros unha posible recomendación sería ,en función do nivel de infestación despois duns anos, un laboreo do terreo que favorecese o desenterro das cepas e o seu secado ao exterior.

“O glifosato é unha ferramenta cunha moi boa relación custo-eficacia e non está clara a súa toxicidade”

En Francia e noutros países europeos están a tender á limitación e mesmo a prohibición do glifosato. ¿Como valoras a súa eficacia no control das malas herbas?, ¿é merecente da mala fama que arrastra? A Unión Europea deu un novo prazo de autorización até decembro de 2022 do uso do glifosato. Este herbicida é un dos máis eficaces até agora coñecidos, o seu uso resulta moi importante en campos de cereal con sementeira directa ou no manexo de malas herbas baixo as fileiras de froiteiras ou viñas. Existe unha gran controversia sobre o seu uso e posible toxicidade. A EFSA (Axencia Europea de Seguridade Alimentaria) e a ECHA (Axencia Europea de Produtos Químicos) nos seus respectivos informes de outono 2015 e outono 2017, emitiron senllos informes nos que se descartaba que houbese evidencias científicas que puidesen considerar o glifosato como mutaxénico, carcinoxénico ou tóxico para a reprodución. A controversia vén da catalogación que fixo en 2015 a IARC (Axencia Internacional de Investigación sobre o Cancro) ao publicar un informe que cualificaba ao glifosato como “probable carcinoxénico”. Debemos engadir que nese mesmo grupo (2A) esa axencia incluíu tamén a herba mate e as carnes vermellas. Así mesmo, outra realidade está no impacto económico e agronómico que este herbicida tivo e ten na agricultura, xa que o glifosato deveu unha ferramenta cunha moi boa relación custo-eficacia, feito que xustifica o gran incremento que houbo no seu uso desde a súa descuberta. En caso dunha hipotética prohibición, as alternativas de futuro pasarían por utilizar herbicidas distintos ao glifosato e/ou nun aumento dos labores do solo, o que implicaría un maior custo de produción para moitas explotacións. Do 8 ao 10 de outubro celebrarase en Vigo o XVII Congreso Sociedade Española de Malherboloxía. ¿Podes adiantarnos algo dos temas que se tratarán neste foro? O congreso ten como lema “Novas estratexias para novos retos” e quere reflectir o interese actual da investigación en malherboloxía cara á procura de métodos alternativos que permitan establecer estratexias de control eco-innovadoras, avanzar cara á implementación de estratexias de manexo integrado, profundar en aspectos fisiolóxicos dos mecanismos de resistencia a herbicidas e previr o risco da expansión de especies invasoras. Os detalles do congreso poden atoparse na páxina web: https://semh2019.gal/. O grupo que organiza o evento é o grupo de investigación “Agrobioloxía Ambiental: calidade de solos e plantas” (agrobiologia.webs.uvigo.es) e actua como presidenta do comitè organizador a Dra. Nuria Pedrol, especialista na alelopatía e control de males herbas.
“En España falta formación en malherboloxía nas enxeñarías agrarias”
En que estás a centrar o teu traballo de investigación nestes momentos? Que liñas de traballo crees que se deberían potenciar dentro da Malherboloxía? O grupo de investigación que coordino na Universidade de Lleida céntrase, na actualidade, no manexo integrado de malas herbas en cereais de inverno e viña. No primeiro caso co fin de profundar nos mecanismos de resistencia de certas malas herbas a herbicidas e en establecer estratexias de control. En viña, estamos implementando o uso de cubertas vexetais nas rúas e de acolchados (mulching) baixo as liñas do cultivo co fin establecer, en viña convencional, métodos de control de malas herbas alternativos ao uso de herbicidas ou, en viña ecolóxica, ao pase de intercepas. Estes estudos van acompañados de traballos experimentais concretos que permiten afondar en aspectos sobre a xerminación, emerxencia e desenvolvemento de certas especies problemáticas. Algo máis que queiras engadir? Non quixese finalizar sen pór de manifesto a necesidade dunha maior formación no ámbito da sanidade vexetal, e en concreto da malherboloxía, nos titulados universitarios en enxeñaría agraria de España. Existe unha carencia importante de contidos en malherboloxía nos plans de estudo de moitos centros universitarios onde se imparte ese grao. Esta carencia pode desembocar nunha falta de formación dos técnicos e asesores dos nosos campos e en consecuencia nunha dificultade á hora de identificar un problema e tomar unha decisión. As malas herbas non son un problema menor da nosa agricultura. Por iso a prevención sempre será mellor que calquera actuación.