Archives

Mazás e abellas en Boborás, unha combinación en beneficio mutuo

Unha plantación de maceiras con dous colmeares nun monte comunal de Ventosa (Boborás, Ourense) centrada na produción ecolóxica de mel e mazás. Así é a colaboración que xurdiu da man de Ouro de Feás (Manuel Lastres e Sergio Rey) e Mel da Alborada (Daniel Caiña), que nos explican como naceu esta iniciativa e os puntos clave do seu traballo. No ano 2019, Manuel Lastres e Sergio Rey, veciños de Meaño e Vilanova de Arousa respectivamente, comezaron coa súa empresa “Ouro de Feas”, plantando mazá para sidra e mesa en ecolóxico nunha finca de 22 hectáreas situada a 600 metros de altura en Ventosa. Cando estaban acondicionando a finca, contactou con eles Daniel Caiña, bombeiro, apicultor e veciño de Boborás, establecéndose unha relación de amizade. Desta amizade xurdiu a idea de copiar un modelo que xa viran en varias plantacións, abellas e maceiras coexistindo nas mesmas fincas. O resultado desta colaboración é un beneficio mutuo, mazás e mel dunha calidade e características organolépticas óptimas e un 15-20% máis de produción. Os inicios do proxecto “Estabamos buscando terreos grandes e Patricia Torres, alcaldesa de Boborás, púxonos en contacto coa comunidade de veciños de Ventosa, a aldea na que se sitúa a plantación, chegando ao acordo dun arrendamento por 30 anos no seu monte comunal. Era monte que estaba moi abandoado e ao que non lle sacaban proveito, pois ademais tiveran incendios”, conta Manuel. A execución da plantación levou consigo un importante traballo:”Houbo que subsolar o chan cun bulldozer, executamos un peche perimetral… Pedimos algunhas axudas para peches, pistas, cortalumes,pero non recibimos ningunha axuda económica. En Galicia, hai axudas para outro tipo de plantacións pero non para as plantacións de maceiras. Tamén fixemos analíticas do terreo, para saber como estaba a nivel de nutrientes. Como a terra tiña un exceso de acidez decidimos contrarrestalo con cal para que as raices creceran mellor. ”, di Manuel. Sobre o estado do monte, Daniel aclara que “era unha zona de matorrais, había moita silva, moito toxo, estaba bastante boscosa. O que houbo que facer foi un acondicionamento previo, desbrozar todo, remover a terra, e unha vez que a terra estaba osixenada, plantouse de forma sectorizada. Tamén se fixo un gran traballo perimetrando e cerrando a finca con postes e con telas para protexela de animais como o corzo ou o xabarín, que poderían entrar a comer os froitos”. “Ademais, creamos pistas, sempre respectando a orografía do terreo. En definitiva, o que buscamos é colaborar co medio ambiente e coa agricultura, poñer en valor as aldeas e montes abandonados… Limpar, facer cortalumes, traballar de forma totalmente natural”, sinala Daniel. As maceiras están nos primeiros anos de produción. Ouro de Feás: Mazás á carta Os impulsores da plantación de maceiras, Manuel e Sergio, decidiron plantar 11 das variedades de mazá máis demandadas no mercado nacional, que son: Madiedo y Amariega (amargas), Raxao, Regona y Durona de tresali (ácidas), De la Riega, Carrió y Collaos (semiácida), Verdialona y Paragües (dulce), y Florida y Carrió (mixtas). Fixérono de forma sectorizada, para poder ter un control total e poder servir as variedades específicas que busque cada cliente. O manexo límitase a abono orgánico ecolóxico, desbrozado e poda. A plantación está inscrita no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega. O proxecto está aínda nas súas primeiras fases, pero en canto ao mercado da mazá, Manuel asegura que, polo que escoita no sector, o prezo ao que se paga o kilo de mazás en Galicia “a penas cubre gastos de produción”. “Resulta moi complexo facer unha estimación da produción, pois ata dentro de 2-3 anos non teremos suficiente produción como para poder comercializar a mazá, pero cada maceira pode dar entre 200 e 60 kg, dependendo de varios factores, como a vecería, que é a tendencia a dar unha produción máis pobre nos anos pares. É moi complexo de contrarrestar, pero pódese facer algo con certos sistemas de poda e abonado que pretendemos implantar aquí”, aclara Manuel. Outra mellora chegará das colmeas colocadas por Daniel no monte, que contribuirán a unha mellor polinización: “As mazás acadan un maior tamaño, pel máis crocante, cor máis intensa, conservan o seu punto de acidez mellor e teñen alto índice de azúcar, podendo aumentar a produción entre un 5 e 15%”. “Todo isto débese tanto ao beneficio que lles aporta a polinización das abellas como ás características da finca, orientada ao sur e co norte tapado, protexida de temporais e totalmente exposta ao sol, a 600 metros de altura e con notables oscilacións térmicas. A polinización das abellas e as características da finca outórganlle ás mazás unha calidade excepcional”, destaca Daniel. Mel da Alborada: mel de calidade e variedade de productos Respecto ao mel e ás abellas, o que se consegue na plantación de maceiras é un crecemento temperá dos enxamios e a posibilidade de obter un mel monofloral, que o propio apicultor recoñece que será dificil, pois trátase dunha finca rodeada dunha gran variedade de fontes de mel, como a silva, castiñeiro, carballo, carrasco… Trátase dunha “paraxe virxe” que facilita a produción dun mel de calidade. De cara ó futuro, valoran crear un selo relacionado coa zona de Boborás e tamén incorporarse á IXP Mel de Galicia, cunha liña de produción ecolóxica e outra convencional. En canto ás variedades de mel que traballan, a idea é dirixirse cara o mel de sabor máis forte, que sería o mel de castiñeiro e o de carrasco, ben en meles monoflorais ou multiflorais. Nas últimas análises que fixeron do mel, o resultado foi un 78% de castiñeiro, excepto un colmear que teñen apartado a modo experimental, que saiu un 70% de carrasco. Ademais do mel, tamén comercializan outros produtos primarios das colmeas como a tintura de propóleo, os propios panais de cera, o pole seco, así como licores e botes nos que combinan o mel con froitos secos da zona: noces, améndoas e castañas. Daniel pensa que colocar o mel a nivel nacional resulta máis complexo que a nivel autonómico ou internacional. Asegura que en Francia, Suiza ou Alemaña, por exemplo, valórase moito o mel galego e o prezo pode triplicar o que se paga en España. Na súa opinión, deberíase estandarizar un mínimo de 10 euros polo bote de kilo de mel, menos diso pensa que non compensa para o apicultor. Daniel explica que “o noso obxectivo é ir medrando pouco a pouco e chegar a ter unha produción de miles de kilos.A idea é expandir os nosos produtos a nivel internacional. Para isto, interesaríanos crear un selo de garantía da nosa zona (Boborás), ademáis de levar a etiqueta da IXP Mel de Galicia. Coas mazás a filosofía é a mesma”. Loita biolóxica con aves Nesta zona xa había aves,pero colocando caixas, os produtores favorecen o seu aniñamento na finca. Esta idea sacárona dalgunhas plantacións profesionais que visitaron e nas que viron que facían isto para combater certas plagas. “Contra o pulgón e o verme o único control é o biolóxico, as mariquiñas, os paxaros… Realmente ainda non tivemos ningunha plaga significativa, só pequenos casos illados, pero o que está claro é que nos interesa que se autorregule o medio e intervir o menos posible” recalca Manuel. A velutina é outro dos graves problemas ós que se enfrontan de cara ó futuro. Caixa niño nunha árbore. Plan de traballo “O traballo de campo na colmea queremos seguir facéndoo igual, como se fixo toda a vida, con afumador, con pinzas… traballar sempre de xeito natural coas colmeas. Despois, no proceso de extracción si que valoramos mecanizar porque é moito máis rapido desopercular a máquina que a man. Ese sería o único proceso que poderíamos chegar a mecaniza” conclúe Daniel. Pola súa banda, Manuel declara que “actualmente as maceiras son moi pequenas e podemos facer todos os procesos nós mesmos coas nosas propias mans, planta por planta, tanto abonado como poda. Co tempo, cando as maceiras medren, será inevitable mecanizar estes procesos e outros”. Ademais, tamén teremos que contratar a xente para que nos axude no mantemento da finca, e iso nos pon frente a outro dos grandes problemas no rural actualmente: a falta de man de obra. Tamén será necesario instalar unha estación meteorolóxica para poder rexistrar os datos de forma seria e un sistema de rego automático centralizado. Son grandes investimentos, pero necesarios”.

Curso sobre alternativas ao minifundio forestal

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá (Lugo) organiza un curso sobre alternativas ao minifundio forestal. Na formación daranse a coñecer alternativas de xestión ás principais especies forestais e a importancia do asociacionismo como solución aos problemas derivados do minifundio. As persoas asistentes van adquirir coñecementos técnicos e profesionais para establecer un aproveitamento de arándanos, mazá para sidra e souto destinado ao aproveitamento de froito. A formación será impartida por Foresin, Consultoría de Enxeñería Forestal e Ambiental e conta coa colaboración de entidades como Agacal, entre outros organismos. O curso celebrarase os días 5, 6, 7, 8, e 9 de setembro en horario de tarde, de 16.00 a 21.00 horas. Mentres, os días 10 e 17 de setembro a formación será de 9.00 a 19.00 horas. Impartirase no local social de Tuiriz, en Santa María de Toiriz, Pantón (Lugo). A asistencia é de balde e as prazas son limitadas. As persoas interesadas poden formalizar a inscrición enviando un email a información@ƒoresin.es ou mercedes.fra.perez@xunta.es ou chamando ós teléfonos 680 208 320611 413 582 e 982 828 370 onde tamén poden solicitar máis información.  

Curso en Moeche sobre froitos alternativos: soutos, maceiras e arandos

A Oficina Agraria Comarcal de Ferrol acollerá dende o 27 de xuño un curso de formación e adquisición de competencias sobre as diferentes alternativas aos minifundios e as producións de froitos alternativos aos principais cultivos. A acción formativa levarase a cabo ata o 9 de xullo e terá unha duración total de 45 horas ao longo de 7 días, con horarios tanto de mañá coma de tarde.

O obradoiro aborda aspectos teóricos e prácticos sobre diferentes áreas de coñecemento relacionadas co sector forestal, o minifundio e o aproveitamento de soutos, maceiras e plantacións de arandos, incluíndo unha serie de viaxes os días 2 e 9 de xullo a diferentes tipos de producións forestais. Esta iniciativa está dirixida ás persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, e tamén ás persoas con expectativa de incorporación, en concreto a xuventude do medio rural.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Consellería do Medio Rural), a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende mostrar solucións e alternativas ao minifundio, ademais de dar a coñecer cultivos alternativos ás principais especies forestais coma os arandos, as mazás de sidra ou as castañas, e que os participantes adquiran coñecementos para saber aproveitalos.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse nesta web. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico, comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 981 33 70 49, ou enviarse un correo a oac.seca.ferrol@xunta.gal.

Campaña de sidra 2021 en Galicia: altas producións e de calidade

Coa campaña de recollida da mazá de sidra xa rematada, Galicia pecha unha das mellores colleitas dos últimos anos, aínda que con certa disparidade entre as diferentes zonas produtoras. Así, para comarcas como A Estrada, un dos referentes na produción galega de mazá de sidra, esta foi mellor campaña que a do 2019, cando lograran uns moi bos rendementos. Mentres, en zonas da Coruña e Lugo, as xeadas reduciron en parte a colleita agardada. Do mesmo xeito que os produtores, tamén dende a fábrica Custom Drinks, asentada en Chantada (Lugo), e principal destino da produción de mazá galega, en especial da ecolóxica, aseguran que se tratou dunha campaña moi boa. “Non foi de récord, mais sitúase entre as mellores. Houbo cantidade e moi boa calidade”, valora José Luis Olmedo, responsable de Innovación da fábrica chantadina, propiedade de Hijos de Rivera.
“Non foi unha campaña de récord, mais sitúase entre as mellores. Houbo cantidade e moi boa calidade”: José Luis Olmedo, Custom Drinks
Hai varios factores detrás destas boas producións: É un ano impar, ano de carga e de recuperación da colleita, logo de que o ano pasado a vecería reducise considerablemente a cantidade de mazá. Os pomares atópanse nun bo estado sanitario, sen case incidencia dalgunhas das pragas habituais como o verme da mazá. Ademais as condicións meteorolóxicas deste ano contribuíron a que o froito chegase ó final da campaña en moi boas condicións e se lograsen boas producións.

Comarca de Tabeirós

Na Estrada, unha das principais comarcas produtoras de mazá de sidra en Galicia, este ano lograron unha moi boa colleita. Dende a cooperativa Ullama, a principal cooperativa de mazá de sidra da Estrada, cuxa produción é toda ecolóxica, destacan que este ano conseguiron mellores producións que as do 2019.
“Cada ano imos incrementando a produción, a maior parte deles son maceiras novas que aínda están chegando ás cifras agardadas”: Miguel Soto, técnico de Ullama
Pecharon a colleita na primeira quincena de novembro cuns 850.000 quilos de mazá recollidos na cooperativa. En toda a comarca de Tabeirós producíronse preto de 1,5 millóns de quilos, dos que uns 200.000 quilos son de mazá en convencional e o resto corresponde a pomares en ecolóxico. “Cada ano imos incrementando a produción, a maior parte deles son maceiras novas que aínda están chegando ás cifras agardadas”, explica Miguel Soto, técnico de Ullama.

Provincias de Lugo e A Coruña

Dende a Asociación de Fruticultores de Galicia (Afrugal) recoñecen que esta foi unha boa campaña, pero apuntan a que está por debaixo das cifras que manexaron no 2019. Así, estiman que recolleron un 20% menos que aquel ano.
“Aínda hai moitas plantacións nas que non se valorou a incidencia das xeadas, a pesar de que é determinante á hora de escoller a parcela para un pomar”: Francisco Otero, Afrugal
Nesta colleita comercializaron uns 500.000 quilos de mazá a través da cooperativa Cabrinfolla, deles uns 250.000 quilos proceden de pomares en ecolóxico. “Este ano nos concellos de Xermade e Vilalba moitos pomares quedaron machacados polas xeadas”, explica Francisco Otero, presidente do colectivo. “Aínda hai moitas plantacións nas que non se valorou a incidencia das xeadas, a pesar de que é determinante á hora de escoller a parcela para un pomar”, explica o especialista na produción de mazá.

Conseguir contratos homologados

Os produtores están a buscar selar coa industria novos contratos homologados, similares ós que se estipulan para o viñedo, que poidan ofrecerlle estabilidade e maiores garantías. “Buscamos contar con contratos que garantan a recollida e que os prezos se axusten á situación do mercado, xa que no sector primario estamos vendo que todos os custes están a subir”, explican dende Ullama. Nesta campaña os prezos en Galicia mantivéronse nos 0,30 euros para o quilo de mazá ecolóxica, un prezo que os produtores galegos ven preciso subir, dados os coidados e limitacións que ten este tipo de produción. Mentres, as mazás en convencional estaban nos 0,24 euros o quilo. Ademais da mazá que se vende en Galicia, case a metade da produción galega ten como destino Asturias, onde os prezos foron máis elevados, aínda que tamén hai que ter en conta os custos do porte que asumen os produtores e que tentan reducir con envíos agrupados, que fan máis rendible a venda.
Os produtores buscan contar con contratos que lle ofrezan estabilidade e garantías de recollida
Dende o sector reivindican a necesidade de comezar a valorar as distintas variedades e calidades no prezo que se lle paga ó produtor. “Se o mercado marca diferencias para incrementar a calidade, dende as cooperativas tamén podemos comezar a traballar naquelas liñas que teñan maior interese”, valora Otero. Na Estrada, este ano xa realizaron unha colleita máis selectiva, diferenciando por variedades para lograr coller a mazá no momento óptimo, comezando a recollida polas variedades máis delicadas.

Sen case incidencia de pragas

Nos últimos anos estase vendo un incremento tanto dos pomares en ecolóxico como da demanda desta mazá. En Custom Drinks, principal industria especializada na elaboración de sidra en Galicia, están a facer unha clara aposta por esta mazá para a produción da súa sidra Maeloc. “Nesta campaña, máis do 70% da mazá que procesamos era ecolóxica. Estamos a ver os resultados dos esforzos por conseguir que os produtores apostasen por este modelo de xestión dos pomares, máis respectuoso co medio ambiente”, detalla Olmedo. Á marxe da incidencia das xeadas e a inestabilidade do verán, que fixo que as primeiras mazás fosen máis baixas de azucre, como detallan na industria, houbo unha campaña con moi boa calidade. O tempo solleiro do mes de outubro e novembro propiciou que as mazas non caeran antes de tempo e mesmo que o azucre se incrementase. Ademais, propiciou que os traballos se levasen a cabo en mellores condicións, sen ter que realizar as recollidas pasadas por auga.
Este ano o verme da mazá non foi problema en Galicia. Case non houbo danos e os ataques conseguiron atallarse con rapidez
Os pomares atopábanse nun moi bo estado sanitario esta campaña e mesmo houbo una menor afección dalgunhas das pragas habituais da mazá como o verme, provocado pola Cydia Pomonella, unha bolboreta que realiza as súas postas entre lusco e fusco nos días en que a temperatura se mantén por encima dos 15 graos. “Este ano o verme da mazá non foi problema en Galicia. Case non se produciron danos e só houbo ataques puntuais que se conseguiron atallar moi rápido”, explica Francisco Otero, quen se encarga de coordinar as tarefas de seguimento da incidencia da praga en colaboración tanto coa industria como coa Consellería de Medio Rural. De feito, teñen unha rede de trampas para comprobar a presenza deste insecto en doce puntos das provincias de Lugo, Pontevedra e A Coruña. A primavera fresca motivou que este ano a incidencia desta bolboreta fose case nula. “En 12 anos, esta foi a primeira vez que tivemos unha presenza tan baixa”, detalla Olmedo. Dos 300 exemplares que adoitaban recoller habitualmente nas trampas de Sada ó longo da tempada, que se prolonga entre os meses de abril ata setembro, este ano non chegaron nin a recoller unha cuarta parte de insectos. “Agora estamos expectantes para ver como se desenvolve a próxima campaña e se realmente ó non se realizar tantas postas tamén é menor a incidencia e a presencia do verme da mazá aínda que as condicións lle poidan ser máis favorables que nesta campaña”, valora Otero.

Curso en Xermade de introdución á fruticultura

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza, no concello lugués de Xermade, a acción formativa “Introdución á fruticultura: dende a terra á mesa”, co obxectivo de ofrecer uns coñecementos básicos, ás persoas interesadas, tanto das posibilidades que ofrecen os cultivos de froiteira como o seu cultivo e a transformación dos produtos. Trátase de destacar a fruticultura como unha oportunidade de emprego ou autoemprego no rural, por medio da posta en valor da superficie agraria útil que nestes momentos está infrautilizada ou directamente en estado de abandono. A acción formativa consta de 42 horas lectivas, que se desenvolverán na escola de Roupar. As sesións realizaranse principalmente ao longo dos sábados, entre o 22 de outubro e o 20 de novembro, para facilitar a asistencia das persoas destinatarias desta acción formativa. Así mesmo, buscando a dinamización e o intercambio de experiencias, realizarase unha visita de estudo ao Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo, onde os participantes poderán achegarse ás actividades desenvolvidas con distintas castes autóctonas de froiteiras e as súas elaboracións. Para mais información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa unidade organizadora a través do correo pablo.lugaro.seco@xunta.gal

Recomendacións para o coidado das maceiras durante estas semanas

A Consellería do Medio Rural ofrece no seu último boletín agrometerolóxico unha serie de recomendacións para o coidado das maceiras, tanto para mazá de sidra como de mesa, durante estas semanas. O feito de ter superado o umbral de tolerancia  do verme da mazá (C. pomonella),  nas zonas das Mariñas Coruñesas, Barbanza, Bergantiños e Sarria, fai necesaria a aplicación dun tratamento insecticida ovo-larvicida para esta praga que está na primeira xeneración das dúas que ten no ano. Para acadar boa actividade insecticida, compre efectuar a aplicación antes do nacemento das larvas, requerindo un coñecemento exacto do estado evolutivo da praga en cada parcela. Non obstante, debemos recordar que naquelas plantacións de mazá de mesa (patróns EM-9), nas que teñamos presenza de Aphelinus mali, evitaremos tratamentos insecticidas para respectar a súa actividade contra o pulgón laníxero. Nas plantacións de mazá de sidra, non se nos dá esta problemática polo emprego de patróns resitentes a esta praga. Este tratamento tamén terá eficacia contra a larva da Broca, sobre todo nas comarcas de Sarria e Guntín (Lugo) e Ortegal (A Coruña). É preciso recalcar, que debemos ter en conta a duración da efectividade do producto usado, segundo actuemos en agricultura convencional, integrada ou ecolóxica, xa que o tempo que debe transcorrer entre tratamentos é distinto, podendo suceder que un tratamento nunha semana cubra a súa efectividade durante dúas máis. Así en agricultura convencional e integrada, en xeral, os insecticidas usados teñen una duración da efectividade entre 15/21 días mentres que en agricultura ecolóxica é de 7/10 días (virus da granulopse da carpocapsa).

Recoméndase:

• Alternar materias activas co fin de evitar a aparición de resistencias. • Alternar substancias con diferente modo de acción. • Cumplir co número máximo de aplicacións que ten autorizadas cada produto. • Respectar com rigor os prazos de seguridade. Recomendacións dos técnicos da Asociacion de Fruticultores de Galicia (AFRUGAL): Se as maceiras están en agricultura ecolóxica: Como larvicida contra o verme da mazá: Empregar virus da granulopse da Carpocapsa, Bacillus Thuringiensis ou Spinosad. Se as maceiras están en produción integrada: Ciomo ovo-larvicida (contra o verme da mazá) empregar Clorantraniliprol.

Recolección: 

Estanse a recoller as variedades de mesa Ambassy e Lafayette. Os criterios para levar a cabo unha recolección óptima poden ser de: Natureza química:     - contido en almidón (método I/IK)     - azúcares solubles (º Brix) Natureza física:     - Cor     - Firmeza (penetrómetro)

Recomendacións para o coidado das maceiras durante estes días

A Consellería de Medio Rural ven de publicar esta semana un informe fitosanitario con recomendacións para o coidado das maceiras para previr as principais enfermidades e pragas que lle afectan. En xeral detectan este ano un adianto na floración de entre 10 e 15 días respecto de anos anteriores. Neste sentido, as recomendacións que ofrecen os técnicos da Xunta de Galicia son as seguintes: -En maceiras de sidra que estean en estado fenolóxico igual ou anterior a C-C3 (orella de rato), podemos aplicar un tratamento funxicida a base de cobre que ten como finalidade previr os ataques de fungos cando a xema está a hincharse. Como materias activas, os técnicos da Asociación de Fruticultores de Galicia (AFRUGAL) recomendan empregar captan ou mancozeb e se estamos en agricultores ecolóxica aconsellan empregar como funxicida polisulfuro de calcio. -En maceiras que superen o estado fenolóxico C-C3 e até o estado de botón rosa (E2-F), é imprescindible un tratamento preventivo cun funxicida de contacto, mellor que un funxicida sistémico, xa que no estado actual das maceiras, temos pouco desenrolo vexetativo, o que perxudica a absorción do mesmo. Este funxicida de contacto, pode ir unido a un insecticida que controlaría o ataque do pulgón cincento e o pulgón verde. Como principios activos para o insecticida, dende AFRUGAL aconsellan azadiractina (3,2%) ou flonicamid e no caso das maceiras estaren en produción ecolóxica recorreríamos ao aceite de neem -En maceiras en floración, debemos respectar esta época sen tratamentos a fin de protexer a actividade das abellas e demáis insectos polinizadores. Recoméndase alternar as materias activas usadas para evitar problemas de resistencia.

Confusión sexual e monitoreo en cydia pomonella ou verme da mazá

Os técnicos da Consellería de Medio Rural tamén aconsellan proceder á colocación de difusores de fermona de Cydia pomonella (Verme da mazá), como método biotecnolóxico para o control desta praga, xa que se debe de colocar ao inicio do vóo para que sexa eficaz. Este método de loita consiste en dispoñer de numerosos difusores de feromonas distribuidos pola plantación. A feromona é a substancia química que emiten as femias para atraer aos machos. Ao poñer moitos puntos de emisión desta feromona, interfírese a comunicación entre machos e femias dificultando o encontro e, en consecuencia, os ovos non son fecundados. A Consellería do Medio Rural dispón dunha finca piloto en Aranga para o seguemento da efectividade desde método. Esta semana foron colocadas as trampas de seguemento do voo de C. pomonella nas distintas estacións de monitoreo.

Mabegondo incorporará unha vintena de variedades autóctonas de hortalizas e cereais ó seu Banco de Xermoplasma

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) ten rexistradas case 70 variedades comerciais e de conservación dos principais cultivos de Galicia na Oficina Española de Variedades Vexetais (OEVV). A estas variedades, conservadas no Banco de Xermoplasma, sumaránselle unha vintena de variedades máis, con xenética maioritariamente autóctona galega, que están en proceso de resistro. Cultivos rexistrados Entre as variedades que rexistrou o CIAM destacan, por volume, as froiteiras, cun total de 24 tipos de maceiras rexistradas e 18 de pereiras. No primeiro dos grupos inclúense as mazás Camoesa do Inverno, Castaña e Marafonsa, así como distintas clases de Repinaldos, Peros, Tres ou Tabardillas. Mentres, no segundo están as peras Negras de Inverno, as Cabazas, as Santiaguesas, as Sevillanas ou distintos tipos de Manteca. Canto ás especies de horta, están rexistradas xa un total de 17 variedades conservadas no Banco de Xermoplasma do CIAM, entre as que resaltan os pementos de Padrón, do Couto, de Mougán, de Oímbra ou da Arnoia, así como os recentemente incorporados Couto grande e Piñeira. Neste grupo encóntrase tamén o tomate Negro de Santiago, o repolo de Betanzos e as cebolas de Betanzos, Ribadeo e Vilagarcía. Solicitudes Así mesmo, outras 22 variedades de horta están co procedemento de inscrición iniciado, téndose solicitado xa a inclusión de, por exemplo, os pementos de Guindilla da Angustia e Ourense Verde, o chícharo da Cova ou as leitugas de Feáns, Lugo e Miño. Tamén a dos tomates de Avoa de Osedo, Olimpia Ourense, San Lázaro ou Taller de Lubre. Mentres, están pendentes de solicitude por atoparse en ensaio o pemento de Seixalbo ou os tomates Amadeo Monforte, Convento ou de Corno. A maiores, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo ten rexistradas catro variedades de forraxes -o dactilo Artabro, o trevo Maragato e os raigrases Ciami e Pomba-, dúas variedades autóctonas de trigo -a Callobre e a Caaveiro-, e outras tres de millo -as Amurrio CIAM, Ponteareas e Aranga-, mentres outras tres deste tipo de gramínea están co procedemento iniciado. Neste último caso, rexistrouse tamén un cruzamento de liñas puras procedentes de xermoplasma de Galicia por liñas americanas, así como varios híbridos de millo con material de orixe galega cultivados por agricultores da comunidade. Cómpre lembrar que a inclusión dos cultivos na Oficina Española de Variedades Vexetais pode levarse a cabo como variedade comercial ou de conservación. Así, o rexistro de variedades comerciais consta, ademais da tramitación administrativa, dunha fase de realización de ensaios oficiais de identificación. No caso das variedades de conservación, a solicitude de inscrición pode promoverse para protexer cultivos en risco de desaparecer pola súa composición xenética e cando a súa procedencia está perfectamente identificada.

Alertan da necesidade de tratar contra o verme da mazá

A Asociación de Fruticultores de Galicia (AFRUGAL) recomenda no seu aviso fitosanitario deste venres de que xa comezou a primeira xeneración do verme da mazá (C. pomonella) polo que é necesario realizar un tratamento.

Recomendacións: 

En maceiras de sidra en floración, debemos respectar esta época sen tratamentos a fin de protexer a actividade das abellas e demáis insectos polinizadores. Nas variedades nas que xa estamos en fase de caída de pétalos (estados H-I), debemos dar unha aplicación dun funxicida sistémico (curativo), xunto co que aplicaremos un insecticida se atopamos gromos afectados por pulgóns, tanto verde como cincento. É preciso recalcar, que debemos ter en conta a duración da efectividade do producto usado, segundo actuemos en agricultura convencional, integrada ou ecolóxica, xa que o tempo que debe transcorrer entre tratamentos é distinto. Podendo suceder que un tratamento nunha semana cubra a súa efectividade durante dúas máis. Así en agricultura convencional e integrada, en xeral, os insecticidas usados teñen una duración da efectividade entre 15/21 días mentres que en agricultura ecolóxica é de 7/10 días (virus da granulopse da carpocapsa). Especial atención ás comarcas de A Estrada (Pontevedra) e Chantada (Lugo) xa que prevemos un ataque da primeira xeneración nos vindeiros días ( A Estrada entre o 23-24 de maio e Chantada os días 27-28 de maio.), polo que debemos aplicar un tratamento cun insecticida-larvicida. Recoméndase alternar as materias activas usadas para evitar problemas de resistencia. Recomendacións dos técnicos de AFRUGAL de insecticidas contra o verme da mazá: Produción Integrada: -Clorantraniliprol (ovicida + larvicida) -Fenoxicarb (ovicida + larvicida) Agricultura Ecolóxica: -Bacillus thuringiensis -Spinosad -Virus da granulopse da carpocapsa

Observacións:

Dúas variables meteorolóxicas, a temperatura e a humidade, marcan de maneira moi destacada a evolución dos parásitos que afectan á fruticultura. Nos últimos anos, están a darse temperaturas máis altas durante os meses de primavera e verán (este ano é un claro exemplo). Como consecuencia desto, prolongaron a súa actividade en varias semanas, o que provoca un aumento no número de xeneración e na intensidade dos danos. Horas de frío: As xemas, para sair do repouso necesitan unha cantidade específica de frío invernal que restaure a capacidade da xema para hincharse e medrar. Temperaturas por debaixo de 7ºC son as efectivas. Polo tanto, a duración media de repouso dunha determinade especie denomínase “necesidades de frío”. Este ano non acadamos a cantidade necesaria de horas-frío, polo que os síntomas que imos atopar serán: floración escalonada, perda de xemas, e polo tanto, disminución da colleita. Este desaxuste na floración provoca dificultade na polinización e que os froitos sexan de tamaño máis pequeno.

Avisan de que é necesario empezar a tratar contra o verme da mazá

A Asociación de Fruticultores de Galicia (AFRUGAL) ven de emitir un aviso fitosanitario no que alerta de que se dan as condicións para a propagación do verme da mazá, polo que aconsellan iniciar os tratamentos.

Lembrar que para que se produzca o primeiro voo anual dos primeiros adultos deste insectos, a Cydia Pomonella, debemos acadar 400 grados/día a contar dende o 1 e xaneiro, o que xa se rexistrou en todas as estacións de medición repartidas por Galicia:

Zona Estación Grados/día actual Data 400 grados/día
Mariñas Coruñesas Mabegondo > 400 7 - abril
Mariñas Coruñesas Guísamo > 400 7 - abril
Mariña Luguesa Lourenzá > 400 6 - abril
Lugo Centro Portomarín > 400 26 - abril
Lugo Sur Sarria > 400 23 - abril 
A Estrada Vedra > 400 4 – abril
Ourense Verín > 400 26 - abril

As outras condicións para a aplicación dos tratamentos é a existencia de dúas capturas de adultos/trampa e por semana, comenzando a contar grados/día cando a temperatura crepuscular (temperatura do ocaso + 2 horas) sexa maior a 15’5 ºC durante dous días seguidos.

Os dous días consecutivos cunha temperatura crepuscular superior a 15,5 ºC foron acadados nas estacións de monitoreo de Mabegondo, Guísamo, Chantada e A Estrada.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="101842" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

As primeiras dúas capturas, tiveron lugar ao longo desta semana nalgunhas das estacións que se detallan na seguinte táboa.

Táboa de capturas

Zona Estación monitoreo Capturas semanáis 29/04/2020 Capturas semanáis 06/05/2020
Mariñas Coruñesas Abegondo 0 7
Mariñas Coruñesas Aranga 0 0
Mariñas Coruñesas Bergondo 7 10
Mariñas Coruñesas Sada 2 12
Ortegal Ortigueira 0 7
Mariñas Luguesas Foz 0 6
Mariñas Luguesas Ribadeo 0 2
Lugo Centro Guntín 0 0
Lugo Sur Chantada 0 2
Lugo Sur Sarria 0 0
Verín Verín 0 0
A Estrada A Estrada 0 7
“Polo tanto danse as condicións para iniciarse a primeira xeneración do verme da mazá en varias zonas de Galicia”, asegura Francisco Otero Otero, técnico da Consellería do Medio Rural e presidente de AFRUGAL.

Recomendacións:

Maceiras de sidra e mesa: Nas estacións de monitoreo de Bergondo e Sada acadouse o día 11 de maio o estado de posta (ovicida) e calculan que entre o día 15 e o 17, en función das temperaturas dos próximos días, teremos que dar un tratamento a base de insecticida-larvicida. Estas estacións corresponden ás zonas xeográficas de Ferrolterra e Mariñas Coruñesas.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="101843" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Con qué materias activas tratar?

Segundo os técnicos de AFRUGAL, se as maceiras están en producción integrada pódese empregar:

-Clorantraniliprol (ovicida + larvicida)

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="101844" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

-Fenoxicarb (ovicida + larvicida)

E se están en agricultura ecolóxica:

-Bacillus thuringiensis

-Spinosad

-Virus da granulopse da carpocapsa

Coidados das maceiras durante estas semanas

A Asociación de Fruticultores de Galicia (AFRUGAL) ven de publicar o seu primeiro informe fitosanitario deste ano, no que fai unha analíse da situación sanitaria das maceiras e ofrece unhas recomendacións dos tratamentos e coidados a aplicar durante estas semanas.

Recomendacións: 

En maceiras que estén en estado fenolóxico igual ou anterior a C-C3 (orella de rato), podemos aplicar un tratamento funxicida a base de cobre que ten como finalidade previr os ataques de fungos cando a xema está a hincharse. Este sería o caso de casi todas as variedades sidreiras (agás De la Riega). En maceiras que superen o estado fenolóxico C-C3 e até o estado de botón rosa (E2-F)(todas as variedades de mesa), é imprescindible un tratamento preventivo cun funxicida de contacto, mellor que un funxicida sistémico, xa que no estado actual das maceiras, temos pouco desenrolo vexetativo, o que perxudica a absorción do mesmo. Este funxicida de contacto, pode ir unido a un insecticida que controlaría o ataque do pulgón cincento. En maceiras de mesa en floración, debemos respectar esta época sen tratamentos a fin de protexer a actividade das abellas e demáis insectos polinizadores. Nas variedades de mesa nas que xa estamos en fase de caída de pétalos (estados H-I), aplicaremos tamén un tratamento funxicida pero cun produto sistémico, xa que dispoñemos de máis superfície foliar. Recoméndase alternar as materias activas usadas para evitar problemas de resistencia. Confusión sexual en Cydia pomonella ou verme da mazá Debemos de proceder á colocación de difusores de fermona de Cydia pomonella (Verme da mazá), como método biotecnolóxico para o control desta praga, xa que se debe de colocar ao inicio do vóo para que sexa eficaz. Este método de loita consiste en dispoñer de numerosos difusores de feromonas distribuidos pola plantación. A feromona é a substancia química que emiten as femias para atraer aos machos. Ao poñer moitos puntos de emisión desta feromona, interfírese a comunicación entre machos e femias dificultando o encontro e, en consecuencia, os ovos non son fecundados. Observacións: As xemas, para sair do repouso necesitan unha cantidade específica de frío invernal que restaure a capacidade da xema para hincharse e medrar. Temperaturas por debaixo de 7ºC son as efectivas. Polo tanto, a duración media de repouso dunha determinade especie denomínase “necesidades de frío”. Este ano non acadamos a cantidade necesaria de horas-frío, polo que os síntomas que imos atopar serán: floración escalonada, perda de xemas, e polo tanto disminución da colleita. Este desaxuste na floración provoca dificultade na polinización e que os froitos sexan de tamaño máis pequeño.

Recomendacións dos técnicos de AFRUGAL:

Agricultura ecolóxica: Insecticida: Aceite de neem (azadiractina 1%). Funxicida de contacto: Polisulfuro de Calcio. Produción Integrada: Insecticida: Azadiractina 3,2% ou Flonicamid. Funxicida de contacto: Captam ou Mancozeb. Funxicida sistémico: Tebuconazol ou Metil-Tiofanato.

Estados fenolóxicos da maceira según Fleckinger:

O texto completo está disponible no seguinte enlace: http://fruticultoresgalicia.blogspot.com/p/informes-fitosanitarios-2020.html

Consellos para o coidado das froiteiras

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro informa no seu boletín fitosanitario desta semana das recomendacións para o coidado das froiteiras durante estes días.

Kiwi:

Segundo as previsións, a climatoloxía dos próximos días será moi húmida e con choivas. Esta situación incrementará, a priori, o risco de aparición de bacteoriose, nun momento (aparición de botóns florais) que é moi sensible e no que deberían estar as plantas protexidas. Os produtos cúpricos, así como o Bacillus subtilis (CEPA QST 713) están autorizados, e ambos teñen efecto tamén fronte ao podre, que pode instalarse igualmente nas plantas daquelas zonas onde tivera caído pedrazo ou onde, de producirse ventos como anuncian algunhas previsións, haxa roturas de gromos e/ou follas.

Maceiras:

Primeiro síntomas de moteado nunha maceira. Foto: Estación de Areeiro Nesta semana os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areiro tampouco atoparon síntomas nas plantas das parcelas ás que acodiron, “pero sabemos que a elevada humidade relativa como a destes días é un dos factores favorables para a aparición do moteado”. En todo caso, as temperaturas previstas tampouco son especialmente elevadas, e por iso o risco é só moderado. Por este motivo, se non se realiza un seguimento específico das plantas e estas son moi sensibles, no momento en que se poida convén aplicar un tratamento (sobre todo se non hai moita flor), procurando empregar un funxicida que non se lave coa choiva.

Froiteiras de óso:

As choivas rexistradas favorecen a aparicion de sintomas de cribado. Foto: Estación de Areeiro Con estas precipitacións que se están a rexistrar poden ir aparecendo diferentes patoloxías que afecten ás follas (como o "cribado") ou que poidan afectar á viabilidade da froita (como a Monilia nas cereixas). Haberá ademais maior risco naquelas zonas onde tivera caído (ou caia) pedrazo ou sarabia, polo que haberá que estar pendentes.

Patacas:

Gromo terminal de patata necrosado a consecuencia do midiu. Foto: Estación de Areeiro Ademais dos importantes danos que están a producir caracois e lesmas, esta humidade permanente é favorable a aparición de fungos como o mildiu ou a botrite. Por este motivo haberá que renovar/realizar tratamentos con funxicidas sistémicos ou penetrantes rexistrados nos diferentes cultivos cando a climatoloxía o permita.

A vendima adiantarase á primeira semana de setembro

As choivas da semana pasada e as elevadas temperaturas motivaron que xa en tódalas comarcas da provincia de Pontevedra os acios estean co pintado e abrandando, segundo os datos que manexan na Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), dependente da Deputación de Pontevedra. A isto súmase que, na última semana, nalgunhas parcelas o grao alcohólico aumentou en 2 graos, o que fai prever, que a vendima se adiantará á primeira semana de setembro. Grao alcohólico e da acidez obtido nalgunhas mostras da EFA. Á marxe da colleita, os técnicos de Areeiro tamén fan fincapé, no seu último aviso fitosanitario a que, neste momento da campaña e dadas as condicións destes días, a botrite continúa a ser a enfermidade máis destacada. Detectaron síntomas derivados da eiruga da couza ou de rachos pola choiva e distintas lesións, tanto en acios de variedades brancas coma tintas. Aínda que polo xeral, os danos son mínimos, ante a previsión de novas chuvias, dende Areeiro inciden nos tratamentos preventivos que, en determinados produtos manexan prazos de seguridade de 14 días ou mesmo de 3, o que permitiría aínda empregalos pese a proximidade da vendima. De non ser posible a aplicación de tratamentos, e aínda sendo factibles, os técnicos recomendan eliminar os acios danados e facilitar a aireación da viña. Dende Areeiro inciden en que a presenza de botrite na uva prexudica a calidade do viño posto que produce a degradación dos azucres, altera os compostos fenólicos e tamén o perfil aromático. Por iso, recomendan seguir actuando ata o momento da vendima. As condicións meteorolóxicas dos últimos días (con temperaturas nocturnas elevadas, arredor dos 16 e 17 graos, xunto coas choivas lixeiras e os orballos) tamén motivan a aparición de novos síntomas de mildio nas follas en forma de manchas de aceite ou en mosaico, que provocan a perda das follas. En canto ós acios, detectaron síntomas en forma de mildio larvado nos máis adiantados e como mildio esporulado nos menos. Aínda que as previsións meteorolóxicas poden propiciar a novas manchas, os especialistas agardan que xa non teñan incidencia na boa maduración da uva. No referido ó oídio, tampouco detectaron moitas variacións con respecto á semana anterior, agás algúns danos illados polo que xa non recomendan actuacións diferentes á marxe das que favorezan a ventilación. Nesta campaña tamén están a ter unha reducida incidencia a couzas do acio, chegando mesmo a non se rexistrar capturas nas trampas que teñen nas fincas da estación fitopatolóxica. Aínda que, tampouco descartan que se poidan producir danos posto que as condicións meteorolóxicas destes días están a ser favorables. O mesmo acontece co mosquito verde e outros cicadélicos ou cos ácaros e a erinose. Nas revisións do persoal especializado detectaron novamente danos por golpes de sol en viñas moi esfolladas. Asimesmo, tamén localizaron plantas mortas, xa dende hai semanas, por enfermidades da madeira que recomendan eliminar das fincas canto antes. Ademais, nalgunhas parcelas estanse a producir danos notorios causados por paxaros e avespas.

Maceiras e outras árbores

No caso das maceiras, continúan aparecendo novos síntomas  de moteado nas follas, aínda como recollen no informe semanal da estación, están sendo danos esporádicos. Tampouco están a rexistrar capturas da couza da mazá nas trampas da estación. Porén, os especialistas lembran que a actividade destes insectos prolóngase ata a fin da campaña, polo que aconsellan manter vixiadas os pomares para tratar a praga de ser preciso. En canto ó buxo, continúan a detectar eirugas da Cydalima perspectalis, aínda que polo de agora un número reducido de exemplares polo que recomendan continuar vixiando o seu avance. No seu último aviso sanitario, tamén fan referencia ós danos por oídio detectados en árbores de plátano de sombra situados en parques e paseos da provincia. Ó igual que están sendo cada vez máis evidentes os síntomas do Tigre do plátano, que nos seus ataques máis intensos produce unha perda de follas prematura o que reduce a capacidade de protección do sol, un dos valores desta árbore.

Recomendacións para o coidado das maceiras nestes días

A Consellería de Medio Rural ven de publicar un novo informe fitosanitario no que ofrece unhas recomendacións para o coidado das maceiras durante estas semanas.

Mazá de mesa e sidra

As condicións meteorolóxicas cambiantes, con presencia de humidade relativa alta, xunto con brétemas e orballo, abócanos a unha situación de perigo respecto dos fungos (moteado e oidio), polo que se recomenda un tratamento a base dun funxicida de contacto (infeccións secundarias) que pode ir unido a un insecticida. O feito de ter superado o limiar de tolerancia  do verme da mazá (C. pomonella),  en todas as estacións, agás en Ribadeo, fai necesaria a aplicación dun tratamento insecticida-larvicida para esta plaga que está na primeira xeneración das dúas que ten no ano. No caso das Mariñas de Betanzos (Estación de Guísamo), xa está comenzando a segunda xeneración do verme (>600 grados/día), e tendo superado o limiar de tolerancia, cómpre aplicar un tratamento insecticida-larvicida durante esta semana. Para acadar unha boa actividade insecticida, é necesario efectuar a aplicación antes do nacemento das larvas, requerindo un coñecemento exacto do estado evolutivo da praga en cada parcela. Non obstante, os técnicos da Xunta lembran que naquelas plantacións de mazá de mesa (patróns EM-9), nas que teñamos presenza de Aphelinus mali, evitaremos tratamentos insecticidas para respectar a súa actividade contra o pulgón laníxero. Nas plantacións de mazá de sidra, non se nos dá esta problemática polo emprego de patróns resitentes a esta praga. É preciso recalcar, que debemos ter en conta a duración da efectividade do producto usado, segundo actuemos en agricultura convencional, integrada ou ecolóxica, xa que o tempo que debe transcorrer entre tratamentos é distinto, podendo suceder que un tratamento nunha semana cubra a súa efectividade durante dúas máis. Así, en agricultura convencional e integrada, en xeral, os insecticidas usados teñen una duración da efectividade entre 15/21 días mentres que en agricultura ecolóxica é de 7/10 días (virus da granulopse da carpocapsa). Recoméndase: -Alternar materias activas co fin de evitar a aparición de resistencias. -Alternar substancias con diferente modo de acción. -Cumplir co número máximo de aplicacións que ten autorizadas cada produto. -Respectar con rigor os prazos de seguridade.

Recomendacións dos técnicos de Afrugal

Para combater o moteado e oídio, así como o verme da mazá, os técnicos da Asociación de Fruticultores de Galicia (Afrugal) recomendan: En maceiras en agricultura ecolóxica: -Insecticida: Aceite de Neem, spinosad, virus da granulopse da carpocapsa ou Bacillus thuringiensis. -Funxicida: Polisulfuro de calcio 18% (dose 2%) ou Polisulfuro de calcio 38% (dose 1,2%) Nas que están en produción integrada: -Insecticida: Clorantraniliprol 20%, Metil-clorpirifos. -Funxicida: Captan, Tiram ou Metiram

Recolección:

Estanse a recoller as variedades Ambassy, Lafayette e Initial. Respecto ó ano 2018, obsérvase un adianto na data de maduración duns 10-12 días.