Archives

Reunión en Lugo da Asociación Internacional de Produtores de Lúpulo

A Asociación Internacional de Produtores de Lúpulo aborda os principais avances científicos e técnicos que afectan á xestión do cultivo de lúpulo, unha planta empregada para a elaboración de cervexa, así como respecto da mellora da súa xenética, calidade e produción orgánica, no marco dun foro internacional que reúne ata o xoves na capital luguesa máis de medio centenar de investigadores e produtores, así como a representantes das principais empresas do sector no panorama europeo.

As primeiras sesións de traballo desta convención científica, organizada en colaboración co grupo Proxectos e Planificación (PROePLA) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC e na que participan investigadores procedentes de España, Alemaña, Chequia Eslovenia, Bélxica, Francia, Reino Unido, Estados Unidos, Arxentina e Xapón, botaron a andar este luns coa posta en común de diversos estudos relacionados coa xestión do cultivo da planta de lúpulo, a análise da súa xenética e da calidade, e mesmo sobre as aínda incipientes liñas de produción de lúpulo orgánico.

A celebración desta convención científica bienal en Lugo pon en valor o labor desenvolvido nos últimos anos a prol da recuperación e mellora do cultivo e da produtividade desta planta polo grupo operativo Lúpulos de Calidade, un consorcio participado polas administracións autonómicas de Galicia e Castela León, ademais de por cooperativas de produtores e investigadores da Universidade de León e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, segundo indica o responsable do comité organizador local deste congreso, o profesor Javier J. Cancela.

A presentación dos resultados dos últimos proxectos de investigación desenvolvidos arredor do lúpulo en todas as fases do seu ciclo, desde a xestión e optimización de cultivos ata a elaboración e venda do produto final, capitalizará as distintas sesións organizadas ao abeiro dun congreso que recala por vez primeira na capital luguesa.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="101842" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Os congresistas participantes compaxinarán durante estes días as sesións científicas de presentación de resultados de I+D con diversas visitas técnicas, tal e como son as programadas a unha parcela de cultivo de lúpulo no concello de Abegondo ou ás instalacións de Lutega, a cooperativa agrícola galega a prol do cultivo de lúpulo, e ao museo da cervexeira Estrella Galicia (MEGA), na Coruña.

Axudas para novas plantacións de lúpulo e mellora das existentes

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a orde da Consellería do Medio Rural que convoca as axudas de 2021 para o sector do lúpulo. En concreto, a Xunta investirá 45.673 euros para impulsar novas plantacións, mellorar as xa existentes e adquirir maquinaria específica coa que poder mecanizar este tipo de cultivos. O obxectivo da convocatoria é garantir o futuro do sector do lúpulo, apostar pola recuperación da superficie deste cultivo e adecuar a produción á demanda da industria, para garantir a súa permanencia e a maior rendibilidade dos produtores. Para beneficiarse das axudas que buscan promover novas plantacións de lúpulo ou reconverter e mellorar as xa existentes, os particulares ou agrupacións -inscritos no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga)- deberán adquirir algunha das 11 variedades recomendadas na orde que publica hoxe o DOG e manter eses cultivos obxecto de axuda durante un período mínimo de cinco colleitas dende a concesión da subvención. No caso de reconversión varietal, debe elixirse unha variedade distinta da plantación substituída, de maneira que se consiga unha mellora da calidade da produción e a adaptación ao cambio climático. Así mesmo, haberá que presentar e cumprir un plan de mellora para a explotación. En ambos casos, ademais, deberase comunicar inmediatamente á autoridade competente, a finalización da execución das medidas aprobadas. Entre as accións subvencionables neste punto, ademais da adquisición do material vexetal ou dos investimentos para a reconversión varietal, inclúese a compra e instalación de estruturas de soporte e guiado do cultivo, así como a implantación de sistemas de rega máis eficientes. No tocante ás axudas para a adquisición de maquinaria específica, poden solicitalas particulares con experiencia na actividade agraria ou que conten cun nivel de capacitación profesional suficiente e presenten un proxecto viable desde o punto de vista técnico e económico. Tamén poden acollerse a elas as cooperativas, sociedades agrarias de transformación (SAT), asociacións de produción integrada en agricultura (Aprias) ou outro tipo de agrupacións que teñan unha superficie cultivada de lúpulo que faga viable a adquisición dos equipos. Neste sentido, será subvencionable a compra de maquinaría agrícola e equipos específicos para o coidado, tratamento, recolección, pelado, secado e prensado do lúpulo, así como de grupos de presión para a posta en práctica dunha rega sustentable. Tamén se poderá pedir axuda para adquirir máquinas ou instrumentos de modernización e mellora dos sistemas de secado da flor do lúpulo xa existentes, así como para a súa instalación. Cabe engadir que ditas máquinas e equipos deberán ser novos e de primeira inscrición. Nesta segunda liña de axudas deberán cumprirse unha serie de obrigas, como ter un contrato para a comercialización do lúpulo en vigor e presentar unha memoria do plan de viabilidade que xustifique a necesidade desa maquinaria que se vai mercar. Así mesmo, deberanse manter as máquinas subvencionadas en uso e propiedade do beneficiario por un período mínimo de cinco anos e os que realicen traballos agrícolas a terceiros deberán dedicar un mínimo do 75% das súas horas anuais de funcionamento a explotacións alleas aos titulares da sociedade. A maiores, a explotación de lúpulo deberá estar inscrita no Reaga e, no caso de cooperativas, de sociedades agrarias de transformación (SAT) ou doutras agrupacións agrarias, os seus socios ou membros deben ser titulares de, polo menos, tres das devanditas explotacións.

Prazo

Os interesados teñen un mes de prazo para solicitar estas axudas a contar dende mañá, día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia; é dicir, ata o 4 de xuño. As solicitudes deberán presentaranse obrigatoriamente de xeito telemático a través da sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.gal.

Xornada formativa sobre cultivo de lúpulo

O Grupo Operativo Lúpulos de Calidade celebrará o vindeiro martes 30 de marzo, a partir das 11.30 horas, unha sesión informativa sobre a rega do cultivo de lúpulo en España. Esta actividade informativa e de divulgación desenvolverase en liña a través da plataforma Zoom. As persoas interesadas en seguir esta sesión poden formular de balde a súa inscrición no evento na ligazón https://lnkd.in/dJH3UvS. O evento, no que intervirán expertos en lúpulo e grandes coñecedores do seu coidado e cultivo, encádrase no marco do proxecto ‘Innovacións no cultivo de lúpulo en España’, unha actuación que conta con financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e que está orientada a mellorar a sustentabilidade das explotacións agrícolas. Belén Matilla, da sociedade Lúpulo Tecnoloxía de Galicia (Lutega), será a encargada de abrir este foro virtual cunha breve presentación da xornada e dos seus cometidos. De seguido, Juan Valladares falará sobre diversas experiencias desenvolvidas no Agacal e no CIAM con respecto a nutrición no cultivo no lúpulo. Os profesores da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo Benjamín J. Rey e Javier J. Cancela, tratarán nas súas exposicións cuestións relativas ao fertirrego do lúpulo e ás necesidades de auga que presenta este cultivo. Por último, Javier Fraile, en representación da SAT Lúpulos de Léon, pechará a quenda de intervencións cunha charla sobre a experiencia de rega do lúpulo na ribeira do Orbigo.

Convocadas as axudas para impulsar as plantacións de lúpulo en Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica xoves a orde da Consellería do Medio Rural que convoca as axudas de 2020 para o sector do lúpulo. En concreto, a Xunta investirá 45.672 euros para impulsar novas plantacións, mellorar as xa existentes e adquirir maquinaria específica coa que poder mecanizar este tipo de cultivos. O obxectivo da convocatoria é garantir o futuro do sector do lúpulo, adecuando a produción á demanda da industria para unha maior rendibilidade dos produtores. Para beneficiarse das axudas que buscan promover novas plantacións de lúpulo ou reconverter e mellorar as xa existentes, os particulares ou agrupacións deberán adquirir algunha das 11 variedades recomendadas na orde que publica hoxe o DOG e manter eses cultivos obxecto de axuda durante un período mínimo de 5 colleitas dende a concesión da subvención. No caso de reconversión varietal, debe elixirse unha variedade distinta da plantación substituída, de maneira que se consiga unha mellora da calidade da produción e a adaptación ao cambio climático. Así mesmo, haberá que presentar e cumprir un plan de mellora para a explotación. En ambos casos, ademais, deberase comunicar inmediatamente á autoridade competente, a finalización da execución das medidas aprobadas. Entre as accións subvencionables neste punto, ademais da adquisición do material vexetal ou dos investimentos para a reconversión varietal, inclúese a compra e instalación de estruturas de soporte e guiado do cultivo, así como a implantación de sistemas de rega máis eficientes.

Axudas para a compra de maquinaria

No tocante ás axudas para a adquisición de maquinaria específica, poden solicitalas particulares, cooperativas, sociedades agrarias de transformación (SAT), asociacións de produción integrada en agricultura (Aprias) ou outro tipo de agrupacións que teñan unha superficie cultivada de lúpulo que faga viable a adquisición dos equipos. Neste sentido, será subvencionable a compra de maquinaría agrícola e equipos específicos para o coidado, tratamento, recolección, pelado, secado e prensado do lúpulo, así como grupos de presión para a posta en práctica dunha rega sustentable. Tamén se poderá pedir axuda para adquirir máquinas ou instrumentos de modernización e mellora dos sistemas de secado da flor do lúpulo, así como para a súa instalación. Nesta segunda liña de axudas deberán cumprirse unha serie de obrigas, como ter un contrato para a comercialización do lúpulo en vigor e presentar unha memoria do plan de viabilidade que xustifique a necesidade desa maquinaria que se vai mercar. Así mesmo, deberanse manter as máquinas subvencionadas en uso e propiedade do beneficiario por un período mínimo de 5 anos e os que realicen traballos agrícolas a terceiros deberán dedicar un mínimo do 75 por cento das súas horas anuais de funcionamento a explotacións alleas aos titulares da sociedade. A maiores, a explotación de lúpulo deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións (Reaga) e, no caso de cooperativas, de sociedades agrarias de transformación (SAT) ou doutras agrupacións agrarias, os seus socios ou membros deben ser titulares de, polo menos, tres das devanditas explotacións. Os interesados teñen un mes de prazo para pedir estas axudas, a contar dende mañá, día seguinte á publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes deberán presentaranse obrigatoriamente de xeito telemático a través da sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.gal. Por último, cabe lembrar que os concellos onde tradicionalmente se produce lúpulo en Galicia sitúanse na parte setentrional da provincia da Coruña, segundo o Plan de rexionalización produtiva. En concreto, nas comarcas da Coruña, Ferrol, Betanzos, Bergantiños, Eume e Ortegal.

Enlace á orde no DOG

Xornadas en Lugo sobre elaboración de cervexa artesanal

A Oficina Agraria Comarcal de Lugo organiza os días 17 e 18 de outubro unhas xornadas centradas na elaboración de cervexa artesanal. Nas sesións abordarán a diversidade de opcións que se presentan ós produtores á hora de elaborar este tipo de bebidas. As xornadas celebraranse no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo. O xoves 17 a sesión arrancará ás 8:45 horas e prolongarase ó longo de toda a xornada, mentres que o venres 18 será só en quenda de mañá. Nos seminarios trataranse cuestións claves para a elaboración da cervexa como o cultivo da cebada cervexeira e do lúpulo, a calidade da auga para o preparado da bebida ou o proceso de fermentación. Tamén se coñecerán diferentes experiencias e proxectos e realizarase unha visita á plantación de lúpulo do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (A Coruña) e ó museo da cervexa Estrella Galicia, Mega, inaugurado o pasado mes de xuño e ubicado nas instalacións da fábrica cerveceira de Hijos de Rivera na cidade da Coruña. As xornadas son gratuítas pero será preciso inscribirse antes das 14:00 horas do próximo 16 de outubro. Os formularios de inscrición poden remitirse por fax ó 982 294 937 ou o email xbruna (arroba) xunta.es. As prazas son limitadas, e no caso das visitas, que se realizarán na xornada do venres, poderán participar un máximo de 30 persoas. Ademais, para rematar a sesión haberá un xantar que correrá por conta de cada un dos participantes. A continuación detallamos o programa das xornadas:

Xoves 17 de outubro

8:45 horas. Recepción dos asistentes e presentación da xornada. 9:00 horas. A calidade da auga para a elaboración de cervexa. Hussein Hussein (Departamento de Produción en Hijos de Rivera, SAU). 9:30 horas. O cultivo da cebada cervexeira. Benigno Ruiz Nogueiras (USC-EPSE Lugo). 10:00 horas. Caso práctico: O cultivo de cebada cervexeira en Galicia. José Manuel Leiras Fernández (A Pobra do Brollón). 10:20 horas. O malteado da cebada. Ismael Lozano Mencía, de Micromaltería Grannaria (León). 11:00 horas. O cultivo do lúpulo en Galicia. Javier José Cancela Barrio (USC-EPSE Lugo). 11:30 horas. Recuperación do cultivo do lúpulo en Bragança. M Ângelo Rodrigues (CIMO/IPB) (Bragança-Portugal). 12:20 horas. Co-fermentación: Efectos sinérxicos e o seu potencial. Joan Montasell de Lallemand Brewing España & Portugal (Cataluña). 12:45 horas. Os lévedos no proceso de fermentación da cervexa. David Carriba Alonso de Fermentis España (Madrid). 13:15 horas. Mesa redonda. 16:00 horas. A craft beer, pasado, presente e futuro. Enrique Cacicedo, de Cerveza Dougall ́s (Cantabria). 16:30 horas. Experiencias e proxectos das craft beer en España: -Fernando Iglesias. Responsable da Cultura Cervexeira de Hijos de Rivera SAU (A Coruña). -Luis González Portabales, de Cervexa Esmorga (Ourense). -Miguel Lojo de Paz, de Cervesa Maestró (Barcelona). -Mónica Somacarrera, Cerveza Ecológica Gabarrera (Madrid). -Pedro Mota, de Cerveja Nortada (Porto-Portugal). 17:45 horas. Mesa redonda. Moderador Carlos Brea. 19:00 horas. Cata de cervexas artesás.

Venres 18 de outubro (xornada de mañá)

Saída de Lugo ás 9:00 horas (Aula de Produtos Lácteos da USC - fronte á Policía Local de Lugo). 10:00-11:30 horas. Visita á plantación de lúpulo e maquinaria (CIAM Mabegondo). 12:00-13:00 horas. Visita a MEGA: Mundo Estrella Galicia (A Coruña). 13:15-14:00 horas. Cata de cervexas en MEGA (A Coruña). 14:15-16:00 horas. Xantar en Estrella Galicia-Catro Camiños (A Coruña).

- Formulario de inscripción das xornadas. 

-Consulta o programa.

 

Nova regulación do sector do lúpulo e axudas para o seu cultivo

O Consello de Ministros aprobou este venres, a proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, un Real Decreto polo que se regula a ordenación do sector do lúpulo, incorporando a regulamentación da Unión Europea, e establécense as bases para a concesión de axudas estatais de “minimis” destinadas a este sector. En materia de ordenación do sector, a nova norma establece o sistema de certificación do lúpulo e a súa comercialización co fin de asegurar a calidade do produto. Tamén regula o recoñecemento das organizacións de produtores deste cultivo e as súas asociacións, e contempla algunhas disposicións en materia de comunicacións entre as autoridades competentes e a Unión Europea. O establecemento e recoñecemento de Organizacións de Produtores neste cultivo, cuxa extensión é moi reducida (562 hectáreas en toda España e 254 agricultores) considérase esencial para impulsar a rendibilidade das explotacións e mellorar a capacidade de negociación dos produtores, ao mesmo tempo que se favorece a realización de investimentos en común. O lúpulo é un cultivo que, tras un importante retroceso nas últimas décadas, está a experimentar en España un novo e incipiente desenvolvemento vinculado ao sector cervexeiro e, en parte, ás novas tendencias en elaboración e consumo de cervexas artesanais.

Axudas ao cultivo do lúpulo

Respecto ao réxime de axudas para asegurar o futuro do sector e impulsar o mantemento deste cultivo, o Ministerio considera que “é necesario levar a cabo un axuste estrutural do sistema produtivo actual, que garanta a súa permanencia no tempo e a súa rendibilidade e viabilidade a longo prazo”. Neste sentido, o Real Decreto fixa as bases reguladoras para a concesión de subvencións para o establecemento de novas plantacións de lúpulo a partir de variedades máis adecuadas, así como para a reconversión e mellora das plantacións existentes e para a adquisición de maquinaria específica para a mecanización do cultivo, durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de decembro de 2021. O orzamento destinado ás axudas, que serán financiadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, é de 350.000 euros anuais. A contía das axudas está limitada ao 40% do investimento subvencionable e dentro duns máximos para o dicir investimento variables segundo o tipo da mesma (adquisición de material de plantación ou de postes e soportes de guiado do cultivo, implantación de sistemas de rega por goteo, maquinaria para o cultivo, equipos de secado, etc). Os importes incrementaranse no caso de agricultores novos. O límite de axuda por beneficiario establécese en todo caso, de acordo á regulamentación comunitaria sobre axudas de minimis, en 20.000 euros en tres exercicios fiscais por beneficiario. Está previsto que as axudas se publiquen no BOE nos próximos días

Aumenta a colleita de lúpulo galego

Un ano máis medra a produción en Galicia de lúpulo, unha planta rubideira de longa tradición na zona de Betanzos e moi coñecida por ser un dos principais ingredientes da cervexa, responsable do seu sabor e recendo. De feito, foi Estrella Galicia quen recuperou no seu día o cultivo do lúpulo como homenaxe ao seu fundador polo ano do seu centenario (2006). Desde entón esta iniciativa foi consolidándose e crecendo. Esta campaña 2018 concluíu coa colleita de 5.428 kg de flor seca de lúpulo, o que supón un incremento de en torno un 5% respecto ao ano anterior. Colleitáronse as variedades Nugget, Magnum, Perle, Sladek, Merkur, Cascade e Admiral.

Novidades desta campaña

Ademais, déronse unha serie de novidades froito da investigación levada a cabo nos últimos anos sobre esta planta por parte do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), en colaboración con Corporación Hijos de Rivera e a cooperativa LUTEGA. Así, por primeira vez cultivouse lúpulo da variedade americana Centennial, que ofreceu resultados interesantes na súa evolución. Ademais, comeza agora un estudo sobre control de ataque de oídio, un fungo moi nocivo para o cultivo da man do Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (LAFIGA). Por outra banda, por sexto ano, cultivouse lúpulo ecolóxico, cultivado seguindo os procedementos marcados polo CRAEGA (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia), un proxecto que foi pioneiro en España. A parcela de lúpulo ecolóxico atópase nas instalacións do CIAM e é resultado dun proceso de investigación e probas que levou á transición desde o cultivo convencional ao ecolóxico. Este ano o resultado foi excepcionalmente bo cun alto  valor de alfa acedos, dun 12,4%, próximo ao récord de 2013 con 12,6%. Outro ámbito de mellora na que se vai traballar na próxima campaña será na aplicación de fertilizantes a través do sistema de rega (fertirrigación) , neste caso en colaboración coa Escola de Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria da USC. O proxecto conta cunha previsión total de máis de 15 hectáreas de cultivo, das que Corporación Hijos de Rivera, a través de Cosecha de Galicia, achega ao redor de 9 hectáreas propias.

A AGACAL participa nunha investigación para mellorar o cultivo do lúpulo en Galicia

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, participou este venres na presentación do Grupo Operativo Supra-autonómico que investigará innovacións no cultivo de lúpulo para mellorar a rendibilidade das explotacións agrícolas. Este acto tivo lugar no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), que depende da Consellería do Medio Rural. Neste grupo participa a Agacal xunto a outros socios públicos e privados de Galicia, Castela e León e País Vasco e tamén é colaboradora a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos (Grupo de Desenvolvemento Rural 23 – Reserva Biosfera), xunto coa Asociación de Cerveceros de España. Os obxectivos deste grupo operativo pasan en primeiro lugar pola mellora da competitividade das explotacións de lúpulo mediante a optimización da xestión do rego, o mantemento do solo e o control de enfermidades, co fin de garantir a súa sustentabilidade económica e medioambiental. Os investigadores realizarán tamén o ensaio de variedades, coa introdución de aquelas que se adapten mellor á contorna das zonas de cultivo e avaliarán a resposta a diferentes produtos fitosanitarios para o control de pragas. Ademais, poranse en valor outros produtos derivados do cultivo do lúpulo e a reutilización dos residuos. Ensaios do CIAM A creación deste grupo de traballo xurdiu a raíz dos ensaios e as charlas de difusión de resultados realizados polo CIAM, que propiciaron no ano 2009 a constitución da cooperativa Lutega (Lúpulo Tecnoloxía de Galicia, Sociedade Cooperativa Galega), que xestiona unha superficie de 8 hectáreas deste cultivo. Desde esta cooperativa promoveuse a posta en marcha deste grupo operativo tendo en conta, ademais, que existe unha gran demanda no sector cervexeiro por obter lúpulos diferenciados. Xa antes, no 2004, a petición da Corporación Hijos de Rivera (Estrella Galicia), o CIAM retomou os ensaios de cultivo de lúpulo poñendo en marcha unha parcela experimental na que se estuda o comportamento e aclimatación de dez variedades de lúpulo, amargas e aromáticas.