Archives

Altri aporta 2 millóns de euros ó fondo público – privado de prevención de lumes

O Consello da Xunta aprobou a sinatura dun convenio coa pasteira portuguesa Altri por medio do que a firma lusa aportará 2 millóns de euros a un fondo público – privado creado pola Xunta para mellorar a prevención de incendios forestais. O acordo terá unha duración de catro anos e inclúe obxectivos ligados coa ordenación dos montes, a restauración de zonas afectadas por lumes, a potenciación de agrupacións forestais e o fomento de recursos forestais, incluídos resina, mel e outros aproveitamentos, segundo detalla a Xunta en nota de prensa. A aportación de Altri súmase á que xa fixera Inditex, de 9 millóns de euros. A Xunta aspira a captar en total 18 millóns de euros das empresas privadas, ós que sumará outros 18 millóns de cartos públicos. O acordo con Altri, a parte de aspectos ligados coa prevención de lumes e a restauración de zonas afectadas, inclúe cuestións sobre mellora xenética forestal. A Xunta sinala que as actuacións neste ámbito poden consistir, entre outras, “no establecemento de hortos sementeiros, parcelas de investigación, estudos de campo, determinación de rodais selectos ou transferencia tecnolóxica de diferentes especies forestais”. Outro dos eixos de actuación será o fomento de agrupacións conxuntas de xestión forestal, co fin de reducir o minifundio do monte. Programa para fomentar o manexo de gando na prevención de lumes En relación cos lumes, o Consello da Xunta valorou tamén un programa de Medio Rural para fomentar o manexo de gando como sistema complementario ás rozas mecanizadas na prevención dos lumes. Para este 2024 anúnciase unha experiencia piloto, se ben non se concretou aínda onde se fará. Asimesmo, abordouse no Consello outro proxecto piloto para crear áreas cortalumes na comarca de Monterrei, afectada por incendios que en ocasións son transfronteirizos.

Apoios para a recuperación das comarcas máis afectadas por incendios forestais

A Xunta traballa en diferentes medidas na liña da recuperación e xestión das áreas afectadas polos incendios rexistrados no 2022,con iniciativas como a reforestación con coníferas e frondosas autóctonas, a apertura e mellora de pistas e camiños, a construción e mellora de puntos de auga, a creación, recuperación e mantemento de pradarías e pasteiros ou o impulso dos instrumentos de recuperación da terra, como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo, os soutos tradicionais ou os pasteiros. Así o explicou o conselleiro do Medio Rural, José González, na mesa de axentes sociais que tivo lugar onte no Pazo de Quián, no concello coruñés de Boqueixón. O obxectivo desta xuntanza, á que tamén asistiron o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, foi presentar as conclusións obtidas durante as primeiras fases do proceso participativo para a recuperación e xestión de áreas de concorrencia de lumes forestais. Cinco ámbitos xeográficos Esta colaboración con axentes sociais -sinalou o conselleiro- implica cinco comarcas afectadas polos lumes de 2022: O Courel, Valdeorras, Macizo Central, Monterrei e Barbanza. Neste sentido, a Consellería do Medio Rural colabora con 26 concellos para buscar solucións as máis de 245.000 hectáreas que requirían de medidas para a súa xestión. De seguido, José González reafirmou a súa aposta pola recuperación de terra abandonada xa que “é a mellor forma de evitar que se produzan os lumes e de limitar a súa afectación unha vez que se producen”, aseverou. Con respecto ao proceso, realizáronse encontros con axentes destas áreas, como cargos e técnicos de diferentes administracións, empresas xestoras, axentes forestais, profesionais da madeira, gandeiros, comuneiros e cidadanía en xeral. Os principais obxectivos deste proceso son a compilación de propostas de uso e xestión do territorio, dende os puntos de vista forestal, agrogandeiro, ambiental e social-recreativo, identificar os axentes interesados en levar a cabo propostas, así como priorizar as áreas de actuación de cara a mellora da resiliencia fronte ao lume. Seguindo esta liña, o titular de Medio Rural trasladou a importancia dos instrumentos que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria na anticipación aos lumes. Deste xeito, dixo, trabállase mediante as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, o Banco de terras, os polígonos cortalumes ou as agrupacións forestais de xestión conxunta. Ademais, referiuse tamén a ferramentas como o Plan Forestal de Galicia, o Plan de Pastos, o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña de Galicia ou o Plan Galego de valorización sustentable de madeiras frondosas caducifolias. Fondo público-privado O conselleiro fixo fincapé na planificación estratéxica posta en marcha polo Goberno galego, que implicará unha acción integral no territorio. Para levar isto a cabo, tal e como indicou José González, cóntase coa colaboración aberta pola Xunta para crear un novo fondo público-privado para anticiparse aos incendios. Neste sentido, agradeceu de novo a incorporación de Inditex a este fondo, cunha achega de 9 millóns de euros que se suman ao esforzo investidor da Xunta e que permitirá intervir nas devanditas comarcas e beneficiar unhas 118.000 persoas e trasladou que proximamente se engadirán máis empresas. Este fondo naceu co fin de crear un territorio resiliente ao lume, restaurar os espazos afectados e levar a cabo unha política de xestión da paisaxe centrada na prevención.

Inditex é a primeira empresa en sumarse ao fondo creado pola Xunta para prevención de incendios forestais

Cunha achega de 9 millóns de euros, Inditex é a primeira empresa en sumarse ao novo fondo público-privado posto en marcha pola Xunta para anticiparse aos incendios forestais da comunidade. Este proxecto terá unha duración de tres anos e beneficiará a 26 concellos das comarcas do Courel, Valdeorras, Monterrei, O Barbanza e o Macizo Central Ourensán, onde as estatísticas amosan unha concentración recorrente de incendios forestais. Os impactos sociais, económicos e medioambientais dos incendios forestais incrementáronse nas últimas décadas a nivel mundial. Cada vez existe un maior consenso técnico e científico sobre a necesidade de actuar para estar preparados ante un novo escenario de incendios extremos. O novo acordo alcanzado hoxe busca promover paisaxes resilientes, vivas e menos vulnerables, así como a restauración dos territorios afectados polos efectos do lume e o desenvolvemento dunha política de prevención centrada na xestión do territorio. A Xunta realizará unha planificación transversal da área rural afectada delimitada polo seu perímetro natural, dando prioridade aos labores de prevención de incendios, ao tempo que se procurará a implantación de actividade agrogandeira e forestal sostible para apoiar a poboación local. Este proxecto tamén contempla actuacións para impulsar a creación de descontinuidades na vexetación e nas masas arbóreas das zonas rurais afectadas polo lume, para evitar incendios futuros e reducir o seu impacto ambiental e socioeconómico. Tamén se traballará na silvicultura preventiva e na diversificación de especies. Ademais, acometerase o deseño de infraestruturas defensivas, que faciliten a loita contra os incendios forestais, segundo sinala a Xunta en nota de prensa.

A Xunta e 250 Concellos impulsan brigadas municipais que revisarán a biomasa das faixas de seguridade

A Xunta está a asinar convenios con preto de 250 Concellos galegos para que poidan constituír as brigadas municipais contraincendios, que este ano se encargarán tamén -como novidade- de revisar o estado de xestión da biomasa nas franxas secundarias, isto é, nas dos 50 metros máis próximos ás vivendas. Así mesmo, no mes de xuño un grupo de supervisores da empresa pública Seaga comezará a encargarse tamén deste tipo de traballos. En canto ás brigadas municipais, coa sinatura dos pertinentes convenios entre a Xunta e os respectivos Concellos, os consistorios están en disposición de constituír brigadas de cinco compoñentes cada unha, para o desenvolvemento de labores de vixilancia e defensa contra os incendios forestais, así como de actuacións preventivas de control de combustible. A maiores, este ano tamén se contempla no marco dos convenios que se poidan encargar da inspección do estado de xestión de biomasa das parcelas incluídas na rede de faixas secundarias, como tarefa prioritaria de cara á anticipación dos lumes. Este labor de revisión das franxas máis próximas as casas será tamén cometido do grupo de supervisores da empresa pública Seaga, que comezarán a operar no mes de xuño no marco do convenio de protección das aldeas, asinado entre a Xunta, a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e Seaga. Un convenio ao que están adheridos un total de 279 concellos, que representan o 89% dos municipios galegos. Cabe lembrar que no marco deste acordo este ano tamén se implementou como novidade un visor público para que os cidadáns dos concellos que contan xa co seu plan municipal de prevención aprobado poidan consultar as parcelas incluídas nas faixas secundarias, co gallo de impulsar a súa prioritaria limpeza.

A Xunta crea un equipo multidisciplinar especializado en grandes incendios forestais

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu este martes en Boqueixón (A Coruña) unha nova xuntanza do Consello Forestal de Galicia no que se abordou a nova Lei de loita integral contra os incendios forestais e cuestións como a creación dun equipo multidisciplinar especializado en grandes incendios forestais no marco do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2023, como previo paso a que o documento sexa aprobado no Consello da Xunta. En concreto, créase unha unidade de directores de extinción composta por un equipo de traballo formado por persoal especialmente cualificado e especializado nos labores de dirección de extinción para actuar nos lumes con elevado potencial de converterse en gran incendio forestal, coma os acontecidos o pasado verán no Courel e Valdeorras.
Crearanse tres novas brigadas públicas helitransportadas nas bases do Barco de Valdeorras, no Xurés e en Mondariz
Este ano crearanse tamén tres novas brigadas públicas helitransportadas nas bases do Barco de Valdeorras, no Xurés (Muíños) e en Queimadelos (Mondariz), Terán medio cento de efectivos para cubrir todas as quendas e sumaranse ás xa existentes nas bases de Marroxo (Monforte), Campiño (Pontevedra) e Vilamaior (Verín). Con estas brigadas dispoñerase de medios e persoal durante todo o ano. Está prevista a compra de 15 motobombas e doutros 12 batracios, que consisten nun tractor con cisterna, trituradora multifunción e polidozer. Ademais, ao longo deste exercicio poderanse adquirir outros tres vehículos motobombas e outros dous batracios.

Lei de loita integral contra os incendios forestais

Durante a xuntanza do Consello Forestal de Galicia, González tamén puxo en valor a futura Lei de loita integral contra os incendios forestais, cuxo anteproxecto inicia a súa tramitación. Pese a que o titular de medio Rural salientou que a nova norma atende a recomendacións de distintas entidades expertas, tamén é certo que ata o momento o sector descoñece o anteproxecto presentado, xa que non tiveron acceso ó documento. Deberán esperar a que se abra o prazo de exposición pública para coñecelo en profundidade, o que xerou certo malestar ó non participar dun xeito máis directo na nova lei e non podelo abordar en detalle no Consello Forestal. González apuntou a posibilidade de volver tratar a nova lei cando se convoca o Consello Forestal para presentar o ‘Libro blanco’ de Montes Veciñais en man común. Entre os aspectos que destacou o conselleiro da nova lei figura a creación do Mapa dinámico de perigo de incendios forestais, un documento técnico que reflicte a zonificación do territorio desde a perspectiva de risco de ocorrencia de incendios forestais. Este mapa terá en conta o combustible existente, a frecuencia histórica de lumes ou as súas causas e motivacións.
A nova lei contempla un mapa dinámico dos perigos forestais e plans preventivos por distrito
Tamén se establecerán a nivel autonómico as zonas de alto risco de incendios, nas que a frecuencia ou virulencia dos lumes e a importancia dos valores ameazados fan necesarias medidas especiais de protección e para as que se terán en conta as mesas abertas de traballo, unha canle de participación pública nova. Estas zonas permitirán definir a nivel distrito as áreas estratéxicas de xestión, zonas de actuación singularizada no territorio nas que se optimizarán combustibles, usos, actividades ou infraestruturas para limitar a potencialidade dos incendios. O anteproxecto inclúe tamén os plans preventivos por distrito, que ampliarán os actuais plans preventivos municipais. Neles deberán establecerse faixas de seguridade primarias, secundarias e terciarias, darán orientación para a alternancia de teselas de diferente inflamabilidade, identificarán zonas para facer queimas prescritas e os puntos de vixilancia fixa e a rede de puntos de auga, ademais de todos os medios dispoñibles de prevención e extinción. Neste contexto, tamén se ofreceron algúns dos datos de mantemento das faixas secundarias, que ocupan unhas 85.000 hectáreas e das cales unhas 60.000 se atopan limpas, cuxos traballos de mantemento son asumidos polos propietarios ou os Concellos. Mentres, o 30% restante inclúen parcelas con algunha problemática como ter un propietario descoñecido e que permanecen sen limpar, co risco que iso supón. Esta é unha das cuestións que colectivos como Asefoga teñen previsto incluír nas propostas á nova lei, con alternativas que pasan por buscar a declaración de interese público destas zonas, para evitar que os gastos recaian deste xeito directo nos propietarios. No relativo ao sistemas preventivos vinculados ao territorio, o conselleiro sinalou que está previsto dispor das paisaxes en mosaico, cuxas descontinuidades na biomasa procurarán a diversificación agroforestal do territorio freando ou atenuando os efectos dos incendios coa implantación de actividade sustentable. Así, dentro destas paisaxes cortalumes prevén impulsar os polígonos cortalumes no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, as agrupacións forestais de xestión conxunta, actividade agrogandeira ou árbores frondosas autóctonas ou froiteiras nas faixas de seguridade e as súas ampliacións  e sistemas silvopastorais e gandería en extensivo.

Medio Rural crea as figuras de paisaxes cortalumes e de áreas estratéxicas de xestión contra incendios

A normativa de protección contra incendios actualizarase previsiblemente este ano cunha nova normativa, a Lei de Loita Integral contra Incendios Forestais, que inicia agora o seu proceso de información previa, antes de entrar no Parlamento. A normativa, que se abordou hoxe no Consello da Xunta, substituirá á Lei de Prevención dos Incendios Forestais, aprobada no 2007 e sometida desde entón a numerosos cambios. A Lei de Loita Integral que se proxecta agora manterá a esencia daquela Lei de Prevención de Incendios, pois segundo anunciou o presidente da Xunta, manteranse as franxas de xestión de biomasa xa definidas: as primarias arredor das vías de comunicación, as secundarias arredor dos núcleos de poboación e as terceiras, aos lados das pistas forestais. As principais novidades sitúanse no campo dos proxectos de actuación da Administración. Medio Rural creará dúas novas figuras de zonificación do territorio, a efectos de programar a xestión e ordenación de usos. Son as paisaxes cortalumes e as áreas estratéxicas de xestión (contra incendios), que se definirán nos correspondentes plans de prevención por distrito forestal, que substituirán ós actuais plans municipais. Paisaxes cortalume O obxectivo declarado das paisaxes cortalume é o de impulsar a actividade agrícola, gandeira e forestal sostible nas zonas onde se detecten máis riscos de lumes, a fin de avanzar cara unha paisaxe mosaico, con discontinuidades nas masas forestais por aproveitamentos agrogandeiros, así como con teselas de diversas especies nas propias masas forestais, combinando aquelas que son máis inflamables coas que presentan unha velocidade máis reducida de avance dos lumes, como as frondosas caducifolias. Nas paisaxes cortalume, Medio Rural prevé impulsar os polígonos cortalumes, no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, e as agrupacións forestais de xestión conxunta, especialmente diversificando as masas forestais nas franxas de biomasa arredor dos núcleos de poboación, con emprego de froiteiras e frondosas caducifolias. Tamén se lle quere dar máis peso ó silvopastoreo. Áreas de xestión As áreas de xestión, segundo avanzou a Xunta, serán zonas de actuación singularizada no territorio nas que se optimizarán combustibles, usos, actividades ou infraestruturas para limitar a potencialidade dos incendios. Outra novidade chegará da man dun mapa dinámico de incendios forestais, no que se zonificará o territorio desde a perspectiva do risco de incendios. Para iso terase en conta a vexetación existente, a recurrencia histórica de lumes e as súas causas. Por último, a Xunta anuncia a creación dun Consello de Loita contra os Incendios Forestais de Galicia, que será un órgano colexiado consultivo e de asesoramento. Ausencia de valoracións do sector Desde as asociacións do sector forestal, non valoraron de momento o anteproxecto da Lei de Loita Integral contra Incendios, xa que aseguraron hoxe que aínda non tiñan o borrador. Está previsto que este anteproxecto se debata o próximo martes no Consello Forestal, pero desde as asociacións do sector pregúntanse como vai ser posible ese debate se aínda non coñecen o texto. Diversos colectivos forestais xa teñen criticado nos últimos anos o papel do Consello Forestal de Galicia, que de órgano consultivo da Administración pasou máis ben a desempeñar unha función de foro no que a Administración informa das súas decisións e medidas.

Medio Rural convocará axudas para replantar soutos de castiñeiros afectados polo lume

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo hoxe un encontro con veciños da comarca de Valdeorras con castiñeiros afectados polos lumes do pasado verán, ante os que anunciou que a Xunta convocará unha liña de axudas para garantir a súa replantación. Así, explicou o conselleiro, habilitaranse dúas liñas de achegas sen requisito de superficie mínima de actuación. Unha para a corta, recollida e estelado ou retirada de pés de árbores danados polos incendios, roza do souto e a plantación de novos pés de castiñeiros en substitución dos exemplares danados. A outra liña será para a reparación dos danos causados polos incendios nas pistas forestais estremeiras ou interiores e/ou nos cerramentos dos soutos. Poderán beneficiarse das subvencións as persoas físicas ou xurídicas propietarias ou arrendatarias de soutos afectados polos lumes do pasado mes de xullo e a contía da axuda será do 100 % do gasto subvencionable, establecendo o apoio de entidades colaboradoras para facilitar a súa tramitación. Esta liña de apoios, sinala Medio Rural, complementa ás axudas que se publicaron o pasado verán, co gallo de abordar a reposición de explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras danadas polos lumes. Foron axudas que finalmente se distribuíron entre preto de 180 beneficiarios, cun importe superior aos 830.000 euros. Medio Rural lembra ademais outra liña xa aberta para a plantación de castiñeiros e restauración de soutos tradicionais, dotada de 3,6 millóns de euros. https://www.campogalego.gal/os-soutos-afectados-polo-lume-en-valdeorras-impactan-na-economia-da-castana/

Medio Rural destina 8,3 millóns de euros para vehículos do servizo de extinción de incendios

O Consello da Xunta autorizou á Consellería do Medio Rural para a compra de 15 motobombas e 12 batracios -que consisten nun tractor con cisterna, trituradora multifunción e polidózer-, coa opción de adquirir ata cinco vehículos máis en 2023. Con este investimento, a Xunta sinala que trátase de garantir o éxito das operacións de defensa contra os incendios forestais, incrementando a seguridade do persoal e apostando por medios de prevención que minimicen a carga de biomasa nos montes galegos En concreto, prevense comprar 15 motobombas por un importe de 4,2 millóns de euros e outros 12 batracios, que consisten nun tractor con cisterna, trituradora multifunción e polidózer, por importe de 4,16 millóns de euros. Así, vaise licitar a compra de 15 vehículos motobomba que terán unha capacidade mínima para dúas persoas e 3.500 litros de cabida útil de auga. Doutra banda, Medio Rural sinala que cómpre afondar nos medios relacionados con traballos preventivos nos montes, de cara a minimizar a carga de biomasa e, polo tanto, reducir tamén a virulencia dos incendios forestais. Así, a Consellería sacará a licitación a compra de 12 batracios, que permitirán desenvolver traballos de limpeza e mantemento de pistas forestais, liñas de defensa contra incendios e cortalumes. Tamén se empregarán no mantemento de puntos de auga e apoio nas queimas prescritas que se levan a cabo no dispositivo de prevención contra incendios forestais. Ademais, poderanse empregar, en caso necesario, para tarefas de extinción de lumes. Cómpre salientar que a compra de todos estes equipamentos está financiada ao 100% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) 2014-2020, cuxa execución se prolongou ata o 2022. Por último, cabe indicar que, en ambas as licitacións, se especifica unha cláusula de modificación do contrato que permite a compra de ata 3 vehículos motobombas e 2 batracios adicionais no ano 2023, a través do programa operativo Feder 2014-2020. O importe máximo destas adxudicacións será de case 700.000 euros no primeiro caso e de 580.000 euros no segundo. Investimentos adicionais no 2022 A parte dos investimentos anteriores, neste ano 2022 mercáronse outras 13 novas motobombas por importe de 2.717.000 euros, que serán entregadas no ano 2023 e que están financiadas con fondos NextGeneration da UE. Renovación do parque móbil da Consellería Medio Rural informou tamén recentemente dun investimento de 7,5 millóns de euros dirixido a renovar o parque móbil da Consellería. En concreto, este ano investiranse 3,8 millóns de euros para 89 vehículos de axentes ambientais e persoal técnico, en tanto que no 2023 destinaranse 2,7 millóns de euros para 61 vehículos. Outro millón de euros irá a parar ó renting de 137 pick-ups para as brigadas de 6 meses dos servizos de extinción.

A saca da madeira queimada arrefría o mercado de piñeiro, en tanto o eucalipto mantense estable

Logo de que no último ano houbera unha importante suba de prezos do piñeiro en monte, o mercado de coníferas está a entrar nunha nova fase. Polo de agora, a percepción xeralizada no sector é a de que na madeira en verde, mantéñense os prezos e as cortas dos lotes mercados ao longo do ano, pero estanse ralentizando novas compras. A cuestión é que serradoiros e industrias enfócanse estes meses na corta e saca da madeira queimada no verán, tanto en Galicia como na veciña Zamora. En conxunto, entre Ourense, Lugo e Zamora hai decenas de miles de hectáreas de piñeiros queimados que hai que retirar o antes posible do monte, pois canto máis tempo permaneza esa madeira sen cortar, máis se devalúa polo ataque de insectos xilófagos e de fungos, como o do azulado. Esa saca e corta de madeira queimada está en pleno proceso, o que distorsionará o mercado unha tempada. Un segundo factor que introduce incertidume de cara ó 2023 é a incógnita sobre a evolución do mercado da madeira a nivel estatal e internacional. Nas coníferas do norte de Europa, os prezos de produtos de referencia, como a viga laminada, desplomáronse nos últimos meses, pero en Galicia, sen embargo, o mercado aguanta polo de agora os prezos en monte. Galicia sostén o mercado de coníferas A clave para a madeira galega é que mantén forte un dos principais destinos, o de palés e embalaxes.A iso hai que engadirlle novos usos de maior valor engadido para a madeira serrada en Galicia, como o CLT (Cross Laminated Timber), empregado na construción, ou a madeira termotratada, que contribúen a soster prezos en monte para a madeira de calidade. “En termos reais, podemos dicir que a madeira de piñeiro en Galicia non só mantén prezos, senón que incluso seguiu subindo nos últimos meses, pois a pesar de que os custos de explotación forestal aumentaron, pola suba do combustible, a madeira en monte non se viu afectada no prezo”, destaca o director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, Juan Picos, que onte presentou o informe da cadea forestal – madeira 2022. Un dato que reflicte o bo momento do mercado apuntábao recentemente nun acto o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, que detallou que se adxudicara un rareo de piñeiro silvestre nun monte de xestión pública de Ourense a un prezo, a resultas de medición, de 40 euros / tonelada.
Un rareo de piñeiro silvestre en Ourense adxudicouse, a resultas de medición, a 40 euros a tonelada, o que proba o excepcional momento de prezos das coníferas
Desde a Federación de Aserraderos de Galicia (Fearmaga) confirman a estabilidade do mercado de coníferas en prezos, pero advirten da incertidume do 2023, pois factores como a suba do interese das hipótecas están a lastrar ó sector da construción e introducen temor nos compradores tradicionais. En consecuencia, se a construción decae prevese un efecto en cadea sobre boa parte da cadea forestal, tanto a nivel de primeira transformación (taboleiros, madeira serrada) como da segunda transformación (mobiliario). Freo ás vendas de madeira en verde No tocante á situación en monte, desde a Asociación Forestal de Galicia (AFG) sinalan que hai que esperar a que se desfaga o actual ‘tapón’ de madeira para comprobar o escenario. “Hai moita madeira comprada e moita madeira queimada pendente de saca. En consecuencia, nestes momentos é complicado vender madeira, sobre todo se falamos de lotes pequenos ou de rareos”, subliña Xosé Covelo, responsable de comercialización de madeira na AFG. Sobre os prezos, Covelo indica que “estamos vendo que os prezos son bos, pero non tan bos como en meses anteriores. Detectamos máis oscilacións de prezos entre madeireiros, probablemente en función dos seus compromisos de suministro e de cuestións loxísticas. Continúan ofrecéndose prezos bos pola madeira, xunto con outros non tan bos”. Con todo, a Asociación Forestal pechou aínda recentemente a venda dun lote de madeira cun prezo de 62 euros en pé / tonelada (sen Ive) para troncos de máis de 20 centímetros.

Devaluación da madeira queimada

Piñeiral queimado no Courel. Un dos puntos negros dos grandes incendios do verán foi o Courel, onde permanecen miles de hectáreas de piñeiros pendentes de corta e saca. É unha madeira na que as comunidades de montes xa asumiron que van perder cartos, pois teñen que vendela o antes posible nun momento marcado pola sobreoferta. “En montes que xa saíron a subasta, os prezos medios rondaron os 17 euros / tonelada, falando sempre de madeira en diámetros comerciais” -explica o enxeñeiro forestal Marcos Ferreira, que traballa con comunidades de montes do Courel-. “En función do lote, o prezo pode oscilar nun arco entre 8 euros e algo máis de 20”, precisa.
No Courel, a madeira queimada está saíndo a prezos que rondan os 17 euros / tonelada
Sobre a devaluación que experimentou a madeira queimada, Marcos confirma a situación. “Para que te fagas unha idea, antes dos incendios tiñamos un lote de madeira verde pendente de sacar a poxa no que esperaba lograr arredor de 35 - 40 euros / tonelada. Despois do incendio, vendémolo en 24 euros / tonelada”, explica. “Hai varios factores para explicar esta baixada de prezos. Primeiro, trátase dunha madeira afectada polo incendio, co que perde algo de valor. En segundo lugar, a comunidade de montes ten que vender si ou si, e aínda que pense que a madeira vale máis, ten que vendela polo mellor prezo que lle ofrezan. En terceiro lugar, hai unha sobreoferta de madeira queimada no mercado, e iso repercute en baixadas de prezo”, enumera Marcos. En canto ós montes de xestión pública, por convenios da Xunta coas comunidades de montes, desde a Administración sinalan que as primeiras poxas de madeira afectada polos lumes en Lugo e na Coruña tiveron boa demanda e acadaron bos prezos medios, se ben o mercado estase ralentizando as últimas semanas, con menos compradores interesados na madeira e mesmo con algunhas poxas desertas en Ourense. Nas próximas semanas, a Xunta sacará novos lotes a subasta, tanto no Courel como na provincia de Ourense.

O eucalipto continúa forte pero espérase que a pasta de papel reduza cotizacións no 2023

Extracción de madeira na Mariña de Lugo. / Arquivo. Os prezos dos lotes de eucalipto globulus continúan en arredor de 32 – 34 euros / tonelada (madeira en pé sen Ive e con casca), segundo os datos da Asociación Forestal de Galicia. No caso do eucalipto nitens, son 6 euros menos. É un escenario positivo de prezos, derivado en parte das altas cotizacións que acadou a pasta de papel. Para este ano, espérase unha media de cotizacións en Europa de 1.280 dólares / tonelada. “A pasta podería continuar a tendencia á alza no primeiro trimestre do 2023, pero logo os analistas internacionais esperan unha baixada progresiva ata o 2025”, sinala Juan Picos. As estimacións internacionais apuntan a que a pasta podería chegar a baixar dos 1.000 dólares / tonelada no 2024, para volver a remontar no 2025 por riba desa cifra. En calquera caso, son altos prezos para a pasta de papel que lle deixan a Ence sustanciosas marxes netas de beneficio. A empresa benefíciase ademais da devaluación experimentada polo euro, que nos últimos meses equiparou o seu cambio co dólar. “Ao ser os principais competidores de Ence sudamericanos, perden competitividade no mercado internacional”, sinala Picos. Se o dólar se mantén forte e a evolución das cotizacións da pasta de papel segue as previsións, os prezos do eucalipto en Galicia non se deberían ver afectados, pois a prima que abona Ence ligada ó prezo da pasta de papel (3 euros) só se reduce no caso de que esa cotización baixe dos 900 euros / tonelada. https://www.campogalego.gal/cadea-forestal-continua-no-2022-en-cifras-record-de-facturacion/

Vintecinco anos do Colexio de Enxeñería Forestal de Galicia

O Colexio de Enxeñería Técnica Forestal de Galicia (Coetfg) vén de cumprir 25 anos, un aniversario que a entidade celebrou cun encontro dos seus socios. O obxectivo era dobre, facer un repaso pola traxectoria do Colexio, con importantes fitos na súa historia, e marcar desafíos de futuro para a profesión e para a propia entidade. Antes de que se crease o Colexio de Enxeñería Técnica Forestal de Galicia (Coetfg), a finais da década dos 90, os titulados galegos estaban englobados no Colegio que existía a nivel estatal, que era único. Como daquela non existían os sistemas dixitais, todos os trámites tiñan que facerse con papel e a única formación que se impartía era presencial. Tratábase dunha situación que os colexiados de Galicia vían pouco práctica e naquel entón, 38 persoas xuntáronse para poñer en marcha o Coetfg. “Foi unha aposta complexa, que no seu día xerou reticencias, pero que se demostrou moi útil en tarefas como a xestión de visados e o acompañamento ós colexiados”, repasa a xerente do Colexio, Patricia González. Desde o seu inicio, a entidade foi dando pasos progresivos, primeiro coa apertura dunha sede física e logo coa creación dunha sede dixital, un fito no seu día, pois foi a primeira dun colexio profesional en Galicia e a terceira en España. Consolidada a súa liña de servizos, na actualidade e de cara ó futuro o Colexio oriéntase a defender as atribucións da profesión ante a Administración e a sociedade. “Cando se pensa na enxeñería técnica forestal, existe con frecuencia a impresión de que a nosa cualificación límitase a actuar no ámbito forestal e no de incendios, cando en realidade hai outros ámbitos, como o mediaombiental, o industrial ou o de prevención de riscos laborais que entran dentro das nosas competencias”, subliña a xerente do Coetfg, Patricia González. “Dar a coñecer os servizos que pode prestar a profesión, tanto ante a sociedade como ante a Administración, é e será unha das grandes batallas que temos por diante”, conclúe Patricia González. O encontro do Coettg, que se celebrou o pasado sábado no Pazo de Adrán (Calo, Teo, A Coruña), estivo presidido polo actual equipo directivo, encabezado por Santiago García (decano), Mercedes Rois (secretaria) e Beatriz Carrera (vogal). A xornada incluíu unha mesa coloquio entre tódalas persoas socias asistentes, na que se debatiu sobre o desenvolvemento da profesión e as súas orientacións de futuro. Asimesmo, de cara a dinamizar a labor da entidade, acordouse a creación de grupos de traballo internos, que fomenten a participación e sirvan de apoio ó Colexio.

A falta de limpeza de fincas centra as queixas do agro á Valedora do Pobo

A Valedora do Pobo é un organismo no que a cidadanía adoita buscar amparo cando lle fallan o resto de institucións. O seu informe anual de queixas é un termómetro das preocupacións sociais que teñen complicada solución. Un ano máis, o ránking de problemas difíciles encabézao a falta de limpeza de fincas forestais próximas a vivendas. Arredor da metade de expedientes ligados ó rural que tramitou a Valedora, 53 de 105, corresponden a esta cuestión. A falta de xestión de biomasa forestal é un problema xeneralizado en toda Galicia, como proba que as queixas chegadas ó organismo proceden de tódalas provincias, tanto de áreas metropolitanas como de comarcas rurais da costa ou do interior. Cando lle chega unha queixa deste tipo, a Valedora adoita trasladarlle a cuestións ós Concellos implicados. Os gobernos locais son os encargados de contactar cos propietarios para emprazalos ós correspondentes desbroces. De non proceder os propietarios á limpeza, os Concellos poden aplicar multas coercitivas e proceder á execución subsidiaria, cargándolle os custos ós propietarios, segundo lembra a Valedora no seu informe 2021. Distancias de arborado e plantacións ilegais Un segundo foco de queixas ligadas coa prevención de incendios atópase nas distancias do arborado ás vivendas e nas plantacións ilegais, en especial de eucaliptos, en terreos nos que esta especie está prohibida. Por estes motivos, a institución recibiu unha ducia de reclamacións. A Valedora do Pobo sinala que o proceso para solventar este tipo de cuestións é complexo, pois inclúe inspeccións e medicións sobre o terreo dos axentes forestais, así como a determinación dos propietarios implicados. En caso de que non se localice ós propietarios, haberá que proceder a publicacións nos diarios oficiais (Boe e Dog), o que dilata os trámites e os prazos a cumprir. “Debido á complexidade do expediente e os medios con que contan os pequenos Concellos, a finalización dos expedientes con execución subsidiaria prolóngase no tempo”, recoñece a Valedora. Outras cuestións forestais No informe de actividade da Valedora do último ano, hai outra cuestión forestal a destacar, a queixa de asociacións de Riotorto, Meira, A Pontenova e Pastoriza (Lugo) polas taxas municipais á extracción de madeira. Desde o punto de vista da Valedora, trátase de taxas acertadas, pois actividades como a forestal ou a das canteiras implican un impacto para as pistas. “O obxectivo da taxa é que os danos causados á rede viaria municipal sexan soportados polos causantes dos mesmos, que obteñen un beneficio pola realización da súa actividade”, subliña. Cuestións agrarias En cuestións estrictamente agrarias, a concentración parcelaria volve ser un dos motivos máis frecuentes de queixas, por factores diversos como desacordo coas fincas de reemprazo, retrasos, estado de camiños de acceso e outros. Tamén se recibiu unha queixa polas axudas do lobo, en concreto dunha granxa que entendía denegada a súa solicitude de dano por silencio administrativo. É dicir, pasados 3 meses da solicitude non recibira contestación da Consellería de Medio Ambiente. Consultada a Consellería pola Valedora, Medio Ambiente precisou que os seus traballadores non tiveran capacidade para contestar ó expediente en tempo, pero que esa indemnización fóra aprobada por unha resolución posterior, o que deixaba sen efecto a suposta denegación por silencio administrativo.

O abc da normativa forestal para prevención de incendios

Un verán máis, sucédense en Galicia os incendios nos que se declara a situación 2 de alerta, é dicir aqueles lumes que poñen en perigo vivendas e núcleos de poboación. Os últimos, estes días en Ponteareas e Moaña (Pontevedra). O de Moaña mesmo obrigou onte a cortar a autovía do Morrazo, pois as lapas chegaron á beiravía e o fume invadiu a calzada. Así as cousas, repasamos a normativa forestal sobre distancias e outros criterios de prevención e xestión, que ata o de agora tiveron máis éxito no papel que na práctica. A dimensión do monte en Galicia (2 millóns de hectáreas), unida á existencia de 30.000 núcleos de poboación, ó minifundio e ó envellecemento e despoboación do interior galego, complican a xestión do territorio. Galicia conta desde o 2007 cunha normativa de prevención de incendios, se ben, os criterios endurecéronse a partir do 2018, trala vaga de lumes do 2017, que deixara máis de 150 vivendas afectadas. Este 2022 volveron repetirse as escenas de aldeas queimadas ou ameazadas, en especial nos incendios de xullo do Courel e Valdeorras.
  • Distancia do monte a vivendas e núcleos de poboación. Arredor do solo urbano, de núcleo rural e urbanizable debe manterse unha franxa de 50 metros rozada e libre de piñeiros, eucaliptos e acacias. Esta franxa de 50 metros ten que respetarse tamén en teoría arredor de campings, gasolineiras e parques industriais. Na franxa de 50 metros poden manterse frondosas caducifolias (carballos, bidueiros, castiñeiros, etc.), que só deben gardar unha separación de 2 metros co solo urbano, de núcleo rural ou urbanizable.
  • Prazos de xestión da biomasa. A xestión da biomasa deberá realizarse antes do 31 de maio cada ano e en caso de ser requirido, o propietario dispón por Lei dun prazo de 15 días prorrogable en casos debidamente xustificados. A obriga de rozar o terreo é do propietario e poderá contratalo ou elixir o sistema que considere oportuno. En caso de que o propietario non responda ó requerimento da Administración, esta poderá executar as rozas e cortas de xeito subsidiario, cargándolle os custos ó propietario.
  • Distancia do monte a solo agrario. En solos de especial protección agropecuaria, o arborado ten que manter unha distancia de 10 metros, en tanto nos labradíos que non sexan de especial protección agraria, as frondosas poderán estar a 4 metros.
  • Xestión do monte arredor de instalacións eléctricas. A normativa establece que o propietario forestal ten que manter rozados 200 metros de perímetro arredor de cada aeroxenerador eólico, unha cuestión que suscitou no seu momento as críticas das asociacións forestais, que entenden que este criterio é especialmente gravoso para os propietarios. Tamén deben xestionar en teoría unha franxa de 5 metros paralela ós tendidos eléctricos.
  • Xestión do mato e do arborado arredor de vivendas fóra de ordenación. A normativa de prevención de incendios no caso das edificacións fóra de ordenación, feitas sen licenza, establecía ata o 2018 que era responsabilidade do propietario da construcción a xestión da biomasa arredor da súa edificación. Para esa xestión, o propietario tiña servidume de paso ás fincas colindantes, co obxectivo de poder facer as rozas pertinentes. No caso de que houbese que facer unha corta de árbores, esta tiña que ser feita pola persoa propietaria do terreo, podendo requerirlle o correspondente lucro cesante (compensación) ó titular da vivenda.
    Desde xaneiro do 2019, establecéuse que, de acordo co artigo 153 da Lei do Solo 2/2016, a situación cambiará transcorridos seis anos desde a finalización das obras da edificación que estea fóra de ordenación. Ese prazo de seis anos é o tempo que ten o Concello correspondente para incoar un expediente de reposición da legalidade. Pasado ese prazo, a obriga da xestión da biomasa corresponderalle ó propietario das parcelas forestais próximas á edificación.
  • Distancia de novas edificacións ó monte. Outro caso é o das novas edificacións con licenza que non gardan a distancia de 50 metros a masas arboradas de piñeiros ou eucaliptos. Nos últimos anos, déronse casos de Concellos que se negaron a actuar ante estas situacións, pois entendían que o arborado era anterior á presenza da edificación. Outra cuestión é por que se lle concedeu a licenza a esas construccións se non cumprían coa obriga de “asegurar a existencia dunha franxa perimetral de protección”, tal e como establece a lei.
  • Forestación de terras agrarias. Só poderán cambiar de uso os terreos agrícolas en solo rústico que leven máis de dez anos en estado de manifesto abandono e que posteriormente se adscribisen ao Banco de Terras de Galicia, consonte os prezos de arrendamento de referencia oficiais, por un período de polo menos dous anos. Pasado ese prazo, poderanse forestar sempre que estean nun destes supostos:
    – Que estremen con terreos forestais, cando se utilicen frondosas caducifolias. – Que constitúan enclaves de ata 5 hectáreas en superficie arborada, utilizando frondosas caducifolias.
  • Novas plantacións de eucaliptos. O eucalipto está vetado en terras agrarias e masas de frondosas caducifolias, en tanto nas zonas de Rede Natura non pode aumentar a súa actual distribución. Desde o ano pasado, prohíbese tamén sustituír masas de piñeiro ou zonas de monte raso con plantacións de eucalipto. Igualmente, a especie está vetada en montes públicos ou de xestión pública (montes veciñais conveniados).

O Consello de Ministros declara as zonas afectadas por emerxencias de protección civil

Dadas as graves perdas provocadas este ano polo lume en todo o país, o Consello de Ministros acordou a declaración de zona catastrófica para os incendios rexistrados este verán na maioría de comunidades. En virtude desa declaración, o Goberno habilitará as seguintes axudas, complementarias ás das Administracións autonómicas e municipais. • Axudas por destrución total da vivenda habitual ata unha contía máxima de 15.120 euros. • Axudas por danos que afecten á estrutura da vivenda habitual, ata o 50 por cento da súa valoración técnica e cun límite de 10.320 euros. • Axudas por danos que non afecten á estrutura da vivenda habitual, ata o 50 por cento da súa valoración técnica e cun límite de 5.160 euros. • Axudas por destrución ou danos nos bens domésticos de primeira necesidade da vivenda habitual, para a súa reposición ou reparación, cun límite de 2.580 euros. • Axudas por danos en elementos comúns de uso xeral dunha comunidade de propietarios en réxime de propiedade horizontal, ata o 50 por cento da valoración técnica efectuada polo Consorcio de Compensación de Seguros e cun límite de 9.224 euros. • Axudas a persoas físicas ou xurídicas que realizasen prestacións persoais e de bens: o importe total dos gastos. • Axudas aos titulares de establecementos industriais, mercantís e de servizos, incluídos os agrarios, marítimo-pesqueiros e turísticos: ata 9.224 euros. Tamén se prevé que se poidan habilitar, por parte dos Ministerios correspondentes, exencións no IAE, no IBI e bonificacións da Seguridade Social para persoas e empresas afectadas. Igualmente, o Consello de Ministros decidiu apoiar ós Concellos na reposición de instalacións e equipamentos municipais danados polo lume.

Os danos provocados pola vaga de lumes reabren o debate sobre a desorde territorial

A vaga de lumes deste verán levouse por diante aldeas e casas en comarcas como o Courel (Lugo), Valdeorras ou Verín (Ourense), con moitos máis núcleos de poboación ameazados polos incendios en toda Galicia. Desde hai 15 anos, na comunidade hai consenso sobre o que facer para evitar este tipo de situacións. No 2007 aprobouse unha lexislación que marca distancias das masas forestais a vivendas, poboacións e estradas, na idea de protexer a seguridade de persoas e infraestruturas. Pero unha cousa é a normativa e outra a súa aplicación práctica. Calquera paseo por unha comarca rural de Galicia deixa imaxes de casas rodeadas por masas arboradas, eucaliptos plantados nos últimos anos ata na cuneta das estradas ou antigas terras agrarias con plantacións vizosas de eucaliptos. A desorde forestal e urbanística chegou a tal punto que xa constitúe unha cuestión cultural de difícil solución. Apercibementos e sancións O control da normativa nun territorio como o galego, con arredor de 20.000 quilómetros cadrados de monte, preséntase como unha tarefa titánica. Medio Rural cursou 1.446 denuncias no que vai de ano (ata o 31 de xullo) por incumprimentos da normativa forestal, en especial por incumprimentos das distancias a núcleos de poboación e estradas, así como por plantacións ilegais. Nos tres anos anteriores (2019-2021), a Xunta suma outras 6.000 denuncias. Esas denuncias derivaron en apercibementos ós propietarios afectados, de cara a que subsanasen as irregularidades, pero en preto do 30% dos casos esa subsanación non chega. Por elo, desde o 2019 houbo un total de 2.319 denuncias que culminaron en expedientes sancionadores, ó non correxirse as irregularidades. Só neste ano xa foron 511.
No que vai de ano, Medio Rural abriu 511 expedientes sancionadores en materia forestal
As multas por plantacións ilegais considéranse infraccións graves e poden ir desde 601 a 3.000 euros, en tanto os incumprimentos de distancias ás franxas de prevención con vías de comunicación e casas tamén se consideran casos graves, con multas mínimas de 1.000 euros e máximas de 100.000, segundo o estipulado na lei. No debate parlamentario, os grupos da oposición adoitan afearlle ó Goberno galego que unha parte que consideran importante das denuncias e sancións derívanse máis de denuncias particulares que de actuacións de oficio da Administración. Pero non hai datos oficiais sobre iso, e máis alá dos dimes e diretes políticos, a cuestión de fondo permanece. E é que tras 15 anos de normativa de prevención forestal en Galicia, as vagas de lumes revelan que os avances para unha maior prevención foron insuficientes. Iniciativas Xunto coa vía coercitiva, trala vaga do 2017, a Xunta adoptou unha serie de iniciativas coas que buscaba aumentar a prevención do lume nos núcleos de poboación. É o caso da posta en marcha de aldeas modelo ou o acordo coa Federación Galega de Municipios e Provincias para colaborar cos Concellos na roza de franxas de prevención en áreas problemáticas. Son todas elas medidas que desde o sector forestal vense como positivas, pero advírtese da necesidade de darlles máis corpo para afrontar a dimensión do problema. Boa parte do rural presenta ou ben problemas de abandono, envellecemento e despoboación, ou ben de abandono da actividade primaria. En calquera dos casos, están a desaparecer os mellores cortalumes que tiña o territorio, os prados e as terras cultivadas. Na vaga de lumes deste verán, no Courel, a maioría das aldeas salváronse polos soutos de castiñeiros que circundan os pobos, onde se puido apagar o lume, pero nalgún caso nin sequera iso as salvou da destrución, como pasou no pobo de Vilar. Ademais, os soutos ardidos en Valdeorras con lume de copas demostran que, en situacións extremas, as frondosas caducifolias están lonxe de ser a solución máxica que en ocasións se reivindica desde o ecoloxismo. O problema é complexo, pois a ecuación do caos territorial complétase coa desorde urbanística que abunda no territorio, pero a vaga de lumes do 2022 é un novo aviso da necesidade de seguir buscando solucións. Como demostran as sucesivas vagas de lumes das últimas décadas (1989, 2006, 2017, 2022), a pregunta non é se Galicia volverá ter unha vaga de lumes que ameace á poboación, senón cando será e que perdas haberá.

Os ecoloxistas levan a actuación nos lumes da Xunta ante a Fiscalía e a Valedora do Pobo

A Plataforma ‘Por un monte galego con futuro’, integrada principalmente por organizacións ecoloxistas, vén de emitir unha nota de prensa na que asegura que “denunciou ante a Fiscalía o desleixo do Goberno da Xunta ante a vaga de lumes”. O colectivo, no que participan tamén asociacións forestais como Frouma e a Organización Galega de Comunidades de Montes, pediu asímesmo a actuación da Valedora do Pobo. Desde a perspectiva da Plataforma, os efectos da vaga de lumes agraváronse porque -sostén- estaban sen executar a maioría dos traballos de prevención de incendios previstos para o 2022 por parte da Xunta. Ademais, aseguran que o alcance dos incendios tería sido “moito menor” de estar activido todo o operativo de extinción de incendios. “O operativo para extinguir os incendios estivo desbordado desde o principio pola falla de medios técnicos, materiais e humanos. Así, había brigadas que entraban día si e día tamén con só 1, 2 ou 3 compoñentes, cando a brigada forestal tipo dos servizos forestais de Galicia é de 5 compoñentes; as poucas autobombas dispoñibles estiveron sen cubrir as 24 horas do día por falla de condutores, houbo vehículos autobombas gardados nos garaxes, brigadas de reforzo de verán das bases de helicópteros sen contratar, brigadas de concellos sen activar, vacantes e baixas do operativo de prevención e extinción de incendios forestais sen cubrir”, enumeran. A Plataforma insiste igualmente en que “producidos os primeiros focos iniciais, non se actuou en tempo e forma cos medios suficientes co fin de intentar controlar a súa expansión e minimizar os efectos dos lumes”. O colectivo agarda que a Fiscalía abra unha investigación ante o enorme prexuizo causado polo “desleixo” do que acusan á Xunta. Axudas por danos Noutra orde de cousas, a Unión de Tecores de Galicia (Unitega) solicitou por escrito á Consellería de Medio Ambiente que amplie aos meses que restan de verán a Orde de axudas económicas destinadas a titulares de terreos cinexéticos ordenados (TECOR) de Galicia afectados polos incendios do mes de xullo de 2022. Durante o mes de agosto de 2022, Unitega sinala que continuou habendo incendios, polo que o número de Tecores afectados foi aumentando “e é probable que o siga facendo tamén nos meses de setembro ou mesmo outubro”. Por ese motivo Unitega solicitou á Consellería de Medio Ambiente que amplíe o ámbito das axudas aos Tecores ao resto de meses de verán de 2022, de forma que poida cubrir os danos que se produzan desde xuño ata outubro de 2022. A mesma necesidade podería darse nas axudas habilitadas pola Consellería do Medio Rural para o sector agrario, se ben polo de agora ningunha organización se pronunciou ó respecto.
https://www.campogalego.gal/o-abc-da-normativa-forestal-para-prevencion-de-incendios/

Os soutos afectados polo lume en Valdeorras impactan na economía da castaña

O incendio que a mediados de xullo arrasou máis de 10.000 hectáreas en Valdeorras, levando por diante mesmo aldeas e soutos, deixou tocada á comarca. Os ánimos entre os afectados están aínda baixos e a paisaxe que deixou o lume nos soutos tampouco dá azos. A maioría dos castiñeiros sufriu lume de copa, co cal a colleita deste ano considérase perdida en toda a comarca, nalgunhas aldeas ó 100%, e hai incertidume sobre como será a recuperación dos soutos danados. “Temos a esperanza de que a maioría dos castiñeiros poida recuperar, pero no noso caso, hai arredor de medio cento que arderon por completo, troncos incluídos, que xa están perdidos. Do resto, a maioría dos castiñeiros, salvo casos contados, viuse afectado por lume na copa, pero cremos que para o ano volverán estar verdes” -explica unha produtora de Rubiá perxudicada polos lumes-. “Foi un lume que nunca vimos, porque o solo dos nosos soutos estaba limpo e non ardeu, pero arderon todas as copas”, lamenta. Así as cousas, na comarca calcúlase a perda de colleita en arredor dun millón de quilos de castaña, coa perspectiva de que en próximos anos haxa colleitas máis baixas do habitual. “O impacto depende da zona. Hai áreas moi afectadas, pero tamén é certo que nos soutos grandes o lume só afectou ás árbores dos bordes, en tanto a parte central salvouse”, valora Juan Fernández, de Castañas Rafael, unha das principais empresas que comercializa a castaña da comarca.
"Foi un lume que nunca vimos porque o solo dos nosos soutos estaba limpo e non ardeu, pero queimáronse as copas dos castiñeiros"
A cuestión é en que porcentaxe e ata que punto se recuperarán os castiñeiros para o próximo ano. “Lembro que en Rubiá hai cousa de dez anos houbera tamén un incendio que entrara nun souto noso e ese souto nunca se chegou a recuperar de todo. Son 30 castiñeiros e a día de hoxe seguen sen producir máis de 200 ou 300 quilos ó ano, cando antes tiñan producións moi superiores”, sinala unha veciña afectada, consultada por Campo Galego. Souto afectado polos lumes que se espera que agrome de novo a próxima primavera. Dificultades para acceder ás axudas Un problema engadido co que se atopan os produtores de Valdeorras é a dificultade de acceder ás axudas por perda de produción dispostas pola Xunta para paliar os danos dos lumes. Unha das condicións que esixe a convocatoria é que os propietarios dos soutos estean dados de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, cuestión que case ningún cumpre, pois a castaña trátase dunha segunda actividade na maioría dos casos. Entre os produtores de castaña consultados hai coincidencia en que as axudas non se axustan ás características dos propietarios dos soutos. Hai tamén malestar por outras cuestións, como o feito de que as axudas sexan por concurrencia non competitiva, é dicir, por orde de presentación ata que se esgota o crédito disposto. Tampouco convence o prezo que se vai pagar pola perda de produción de castaña, que se estima en arredor de 90 céntimos/kg., cando o valor no mercado da castaña nos últimos anos rondaba 1,50 euros.
Modernización e plantación de novos soutos

“Temos a oportunidade de crear plantacións modernas e produtivas”

Trala catástrofe sufrida en Valdeorras, o sector comeza a plantearse o futuro. “Na comarca, o aproveitamento da castaña centrouse ata o de agora en pequenos soutos tradicionais, que servían para complementar a renda familiar, pero quizais de cara ó futuro, sobre algunhas das superficies que arderon, debéramos de plantexarnos crear plantacións modernas e produtivas dun mínimo de 10 hectáreas”, valora Juan Fernández. “O gran problema da comarca é o minifundio. Se unha persoa quere mercar terras para facer unha plantación de 10 hectáreas, igual ten que negociar con 100 persoas, salvo que se trate dun aluguer nun monte veciñal” -explica Juan Fernández-. “O lume foi unha catástrofe, pero deixa tamén unha oportunidade. Hai que ver se hai persoas dispostas a investir en plantacións e valorar que axudas saen en próximos anos para novas superficies de castiñeiros”.
Colleita 2022 A situación vivida en Valdeorras cos incendios terá previsiblemente un impacto global no mercado galego. No Bierzo, tralos lumes do oriente ourensán, xa pronostican un aumento de prezos da castaña para esta campaña. Tanto no Bierzo como no resto de Galicia hai de tódolos xeitos temor á evolución do tempo nas próximas semanas, pois veu un verán con moito calor e seca que podería afectar á colleita.
No Bierzo pronostican un aumento de prezos da castaña polos lumes no oriente ourensán
Desde a IXP Castaña de Galicia, avogan por facer unha valoración máis clara da situación a finais de mes, tanto no que respecta á situación da próxima colleita como sobre o impacto dos lumes nas distintas zonas produtoras, pois aínda hai lumes activos en áreas tradicionais de castaña, como o Macizo Central de Ourense, onde a parte dos incendios xa extinguidos, está hoxe activo un en Laza (1.350 hectáreas). O Courel e outras zonas produtoras No Courel (Lugo), unha comarca de castaña que sufriu en xullo un gran lume paralelo ó de Valdeorras, apuntan polo de agora a que os incendios a penas danaron de xeito directo ós soutos. “O lume chegou ós soutos que hai arredor dos pobos, pero aí ralentizouse e púidose apagar”, explica Verónica Núñez, da firma Caurelor, especializada na transformación de castaña. “No noso pobo, Santa Eufemia, o souto foi o que nos protexeu do lume, fixo un efecto illa. Houbo algunhas árbores afectadas nos bordes, pero a maioría están sen danos. Outra cousa é que o lume, unido á calor e a falta de auga, poida ter un impacto na colleita deste ano” -reflexiona Verónica-. “Pero na maioría dos pobos do Courel, salvo en Vilar, os soutos salváronse”, conclúe.