Archives

Prohibidas as queimas agrícolas e forestais particulares desde o 15 de abril

Desde este luns 15 de abril quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia ata novo aviso. Quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais debidamente planificadas e dispoñendo dos medios de extinción precisos. Isto implica que non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir deste luns. A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Tamén tendo en conta que a normativa –Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais– prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control. Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde este luns e ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal para particulares. Ademais, a Consellería lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.

Vilar, unha aldea do Courel devastada polo lume, emprende a recuperación dos seus soutos

Cando o gran lume do Courel, no verán do 2022, a maior parte das terras queimadas en Vilar foron monte comunal e soutos de castiñeiros privados, ubicados arredor da aldea. Daquela, os soutos non frearon o incendio pola súa situación de abandono e pola extraordinaria potencia do lume, co que o lume chegou ás casas e mesmo queimou o museo etnográfico de Xan de Vilar. Falamos con Emilio Río, un dos poucos veciños que quedan na aldea, para coñecer a situación actual da recuperación do monte.

A recuperación do souto

“O souto é propiedade de todos os veciños, así como o monte comunal. O incendio afectou a todo o souto e ó monte comunal, aquí non quedou nada, ardeu todo. Só se salvaron catro casas. Agora pretendemos recuperar os soutos e o monte queimado, quitando toda a maleza, os castiñeiros queimados, e replantando con castaños novos. Deixarase algún que quedou vivo e faranse inxertos noutros”, explica Emilio.
A idea dos veciños é centrarse en primeiro lugar nunha zona de 20 hectáreas arredor da aldea
“Todo isto -engade- facémolo en común todos os veciños e a Xunta. De momento, todos os veciños están de acordo. Estamos facendo unha asociación de propietarios para que a Xunta poda actuar. A Xunta contratou unha empresa para que faga todo o papeleo e investigue os propietarios dos soutos, pero isto é imposible sen axuda dos veciños, que coñecemos o territorio. Non é fácil porque moitos veciños están fóra e hai que ir falando con todos. Moitos veciños saben que teñen soutos pero non poden identificalos pois levan moito tempo sen vir por aquí”. “Isto sería inviable particularmente, ten que ser en conxunto. De momento estamos implicados 11 propietarios, pero só 4 viven aquí na aldea, os outros andan por Madrid, Barcelona… É difícil conseguir concretar un día e hora para reunirnos, aínda que sexa telemáticamente, pero de momento imos avanzando. Tamén estivemos plantando árbores frutais nas fincas anexas á aldea, fáltannos por plantar máis e facemos un chamamento á xente que poda doarnos árbores frutais, que serían benvidos”, sinala. O proceso de recuperación avanza a modo. O que se fixo ata agora foi a creación dunha pista forestal, por parte da Xunta, e a retirada de parte dos troncos queimados.

Os soutos do Courel, alimento e protección

De sempre, os soutos arredor das aldeas sempre actuaron como sistema preventivo frente aos incendios, xa que son espazos ideais para poder apagalos pola menor velocidade de propagación das lapas, en comparación con zonas de monte baixo ou piñeirais. Pero neste caso, debido ás grandes dimensións do lume e á situación de abandono dos soutos, o de Vilar non funcionou como sistema preventivo e os castiñeiros arderon con facilidade, algo nunca visto polos veciños ata daquela. “Os soutos sempre foron vitais para a nosa aldea, pois aproveitabamos todo, as castañas e a madeira, que se vendía ou se usaba nas casas. Era unha grande riqueza para a nosa aldea. Hai bastantes variedades de castaña e traballábanse todas as que había porque eran todas boas, aquí non quedaba unha castaña abandonada. Os soutos sempre estaban limpos. Parte das castañas vendíanse e as outras consumiámolas en verde e en seco, había castañas todo o ano. Agora os sequeiros tamén arderon todos, non quedou ningún. Din que os queren recuperar, a ver se é certo…”, conta Emilio.

Os problemas do minifundio

A falta de marcos no souto é un dos problemas que se están atopando, de cara a poñer en marcha a agrupación forestal de xestión conxunta. ”O souto nunca estivo no catastro nin limitado por marcos, os veciños sabían cales eran os de cada un… pero moitos deses veciños están fóra ou morreron, entón agora é moi difícil o proceso de identificación dos propietarios. Había familias que tiñan un castiñeiro ou varios, e sabían identificalos, pero non había marcos. Agora mesmo ainda queda algún por identificar ou falar co propietario”, sinala o veciño. O proceso de posta en marcha da agrupación, así como traballos asociados, como a apertura dunha pista e a retirada de madeira queimada, contan co apoio da Xunta. Folgoso do Courel está enmarcado no ámbito de actuación dun fondo público-privado impulsado pola Administración autonómica para anticiparse aos incendios forestais. Este fondo opera en 26 concellos -cunha poboación total de 118.000 persoas- das comarcas do Courel, Valdeorras, Monterrei, O Barbanza e o Macizo Central de Ourense, afectados habitualmente polos incendios forestais.

Venda de carbono

Os veciños de Vilar mantiveron tamén unha reunión recente coa Asociación Forestal de Galicia para valorar a posiblidade de financiar parte da restauración do seu monte a través da venda co carbono que vaian capturar as masas forestais. O Rexistro estatal de proxectos de Absorción de CO2 dálle entrada ós montes restaurados tras un incendio forestal, a fin de que poidan captar fondos no mercado voluntario de carbono, por medio da venda do CO2 das masas rexeneradas.

“Aumentar pastizais é máis viable que rozar cortalumes cada ano”

Quico Ónega presentando o proxecto Terra Activa O verán do 2022 Galicia sufriu no Courel o seu maior incendio forestal da última década, con máis de 11.700 hectáreas afectadas e unha aldea arrasada polo lume. O avance das lapas só se detivo por completo nos pastos e prados, como constataron as ganderías e veciños da comarca. Para divulgar esa potencialidade da gandería extensiva, a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes vén de organizar este sábado unha xornada na Pobra de Brollón na que se presentaron as experiencias de distintos produtores e investigadores. Foi o caso de Quico Ónega, enxeñeiro agrónomo do Laboratorio de Territorio da USC centrado na creación de ferramentas e materiais para “novos entrantes” no Medio Rural a través do seu proxecto “Terra Activa”, co que pretende dar apoio e soporte á xente do rural, pero especialmente ás persoas que comezan a actividade agrogandeira.  Os directivos da Comunidade de Montes de Pinzás (Tomiño) Natividad González e Francisco J. López continuaron a xornada coa súa experiencia de recuperación de pastizais a través de vacas cachenas, coas que conseguiron xerar un novo posto de traballo e os primeiros beneficios pola venda da carne.
“Aumentar os pastizais é moito máis viable que desbrozar cada ano” (Marcos Ferreira, Parada dos Montes)
Despois da pausa para o café, Marcos Ferreira, enxeñeiro de montes expuso a seu modelo de recuperación de faixas de pastoreo en Montes do Courel e Pobra do Brollón como “ferramenta viable e sostible, fronte aos cortalumes tradicionais que, neste novo tipo de incendios, non funcionan e implican unha gran inversión en mantemento. "Aumentar os pastizais é moito máis viable que desbrozar cada ano”, valora. Un momento da xornada celebrada na Pobra do Brollón  Continuou a xornada María Virginia Rodríguez e a súa explotación familiar de cabras en Sobredo (Courel), enfatizando na dificultade e soidade de comezar na gandería, e na importancia de que este tipo de proxectos podan ter apoios, como o do programa “O que non arde” da Área de Medio Rural da Deputación de Lugo. Seguiu “Fernandín”, unha granxa de vacas de carne en Seceda (Courel) que conseguiu recuperar vellos pastizais e casas, fixando poboación a través de Javier Carballo, quen recuperou a tradición familiar tras anos de inactividade gandeira. Roi Estévez, enxeñeiro de montes, falou da súa experiencia como “novo entrante” no mundo das ovellas en Vieiros (Quiroga, Courel), resaltando as dificultades de ser novato e sufrir un mal asesoramento nun inicio. Despois da comida Xosé Manuel Iglesias falou da xestión multifuncional e diversificada da comunidade de montes veciñais de Carballo-Friol, onde traballa como asesor e técnico forestal. Na comunidade, contan actualmente con cabalos, porco celta, cabras e colmeas.
“Queríamos recuperar terras abandonadas e pensamos que podería ser un negocio rendible. Decidimos apostar pola cachena porque é unha carne que gusta moito e para os partos é unha marabilla” (Alex Villa, Marcón)
A última experiencia foi a de Alex Villa, técnico de incendios e veciño de Marcón (A Pobra do Brollón), onde está recuperando terras abandonadas con vacas cachenas, das que xa están comercializando a carne por encargo de forma directa. “Queríamos recuperar terras abandonadas e pensamos que podería ser un negocio rendible. Decidimos apostar pola cachena porque é unha carne que gusta moito e para os partos é unha marabilla”, destacou Alex. Por último houbo un breve debate no que se enfatizou na importancia do apoio das institucións públicas e privadas ás explotacións agrogandeiras, especialmente ás de nova creación e, concretamente, na creación de infraestructuras. Tamén se falou sobre a importancia do valor engadido que xeran as ganderías, capaces de fixar poboación xerando novos postos de traballo, á vez que serven para conservar a paisaxe e aumentar a biodiversidade, mitigar os efectos do cambio climático e son unha gran prevención contra incendios, quizáis unha das máis eficientes e viables que temos a día de hoxe. En próximas entregas ofreceremos información máis en profundidade das distintas iniciativas de aproveitamento agrogandeiro que se presentaron nesta xornada

Xornada técnica na Pobra do Brollón sobre “As actividades agrogandeiras fronte aos incendios na montaña”

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) organiza para o vindeiro 2 de decembro a segunda edición da xornada sobre “As actividades agrogandeiras fronte aos incendios na montaña. Experiencias”. A xornada celebrarase na Casa da Cultura da Pobra do Brollón (Lugo) e nela exporanse distintos estudos e experiencias sobre actividades agrícolas e gandeiras en zonas de montaña dos Ancares e do Courel que actúan como freo aos lumes forestais ao tempo que manteñen a paisaxe e incrementan a biodiversidade. A participación na reunión é de balde pero é preciso inscribirse antes do 28 de novembro, por correo electrónico sgpf.galicia@gmail.com ou mediante chamada ou WhatsApp aos teléfonos 686620154 (Eloi) ou 628713263 (Victor), indicando se vai participar ou non no xantar. O coste do xantar será de 20 euros. Nesta formación colaboran o Concello de A Pobra do Brollón, Vicepresidencia da Deputación de Lugo, Consellería de Medio Rural e USC -Campus Terra. Velaquí o programa completo:  

O souto de Vilar, en Folgoso do Courel, recupérase dos lumes a través dunha Agrupación Forestal de Xestión Conxunta

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e pola alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, visitou este sábado o souto de Vilar deste concello lucense, onde os veciños están en proceso de constitución dunha agrupación forestal de xestión conxunta na súa superficie de máis 20 hectáreas que se viron afectadas polo incendio forestal de xullo de 2022. A Xunta de Galicia aposta polas agrupacións forestais de xestión conxunta e, por iso, no 2024 investirá 2,4 millóns de euros para impulsar estas figuras, que están incluídas na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Ademais, para facilitar a súa constitución, o goberno galego puxo a disposición dos interesados os modelos de estatutos para estas agrupacións e tamén para constituír dereitos de usos e aproveitamento, publicados esta mesma semana nunha orde no Diario Oficial de Galicia.

O exemplo do souto de Vilar

No caso concreto do souto de Vilar estase a traballar para podelo recuperar e por iso leváronse a cabo unha serie de traballos para mellorar unha pista forestal que permitirá o acceso para a retirada da madeira queimada. O obxectivo, segundo o conselleiro, é “recuperar este extraordinario souto” e darlle unha finalidade máis, a de protexer ao núcleo de poboación fronte aos lumes. José González engadiu que os soutos teñen que ser, neste caso no Courel, unha infraestrutura preventiva fundamental. Os traballos realizados consistiron na colocación de pasos de auga naqueles lugares onde foi preciso e realizouse a mellora e ensanche da plataforma da pista mediante o pase con bulldozer, co obxectivo de posibilitar o acceso na zona de actuación para facilitar os labores de extinción de lumes. O titular do Medio Rural puxo en valor a decisión dos veciños involucrados neste proceso de creación dunha agrupación forestal de xestión conxunta para recuperar este souto afectado polo lume. Xunto a este proxecto piloto, José González destacou os outros que se están a levar a cabo nos concellos lucenses do Incio e Paradela, ademais de na provincia de Ourense en Parada de Sil, O Bolo e A Veiga. José González tamén quixo resaltar o reforzo do apoio do goberno autonómico ao sector da castaña para a recuperación de soutos e novas plantacións. Para estas accións, os orzamentos do 2024 contemplan unha inversión de 3 millóns de euros que permitirán continuar co incremento da superficie de castiñeiros en Galicia. A esta cantidade, hai que engadirlle os 500.000 euros que se concederán en axudas a aqueles soutos que se viron afectados polos incendios do verán de 2022.

Prevención de lumes

Folgoso do Courel está enmarcado no ámbito de actuación do fondo público-privado impulsado pola Xunta para anticiparse aos incendios forestais, que traballa en 26 concellos -cunha poboación total de 118.000 persoas- das comarcas do Courel, Valdeorras, Monterrei, O Barbanza e o Macizo Central, afectados habitualmente polos incendios forestais. Estes traballos preventivos están realizados baixo unha planificación “transversal e integral” do territorio, segundo resaltou José González, que lembrou que Inditex foi a primeira empresa en participar neste fondo, cunha achega de 9 millóns de euros, nunha folla de ruta deseñada polo goberno autonómico e traducida en labores preventivas e a aposta por implantación de actividade agrogandeira sostible. Este fondo conta cunha dotación orzamentaria da Xunta de 3,2 millóns de euros en 2024.

Aldea modelo de Moreda

O conselleiro do Medio Rural, acompañado polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, e a alcaldesa de Folgoso, aproveitou a xornada para visitar a aldea modelo de Moreda, que conta cunha superficie de 38,86 hectáreas e entrou en funcionamento este ano cunha explotación de porco celta en extensivo. En paralelo, estúdase para ela a posibilidade de combinar a explotación con apicultura, cultivo de horta e árbores froiteiras; xunto coa implantación de oliveiras e castiñeiros para froito. A Xunta destinou preto de 122.000 euros para poñer en marcha esta iniciativa. Ademais, nesta aldea modelo estase a levar a cabo, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, un proxecto piloto sobre monitorización do gando que permite ás empresas gandeiras -neste caso, na explotación de Moreda- coñecer o estado dos animais e a súa localización cunha aplicación destinada para esta función. Esta aplicación permite controlar, a través dun rastreador GPS, a actividade desenvolvida por cada animal e amosa estudos comparados coa actividade media de cada un. As aldeas modelo -actualmente están decretadas 21 ao longo de Galicia- son unha das ferramentas de mobilización incluídas na Lei de recuperación da terra agraria. Os orzamentos para 2024 da Consellería do Medio Rural contan con 7,4 millóns de euros para seguir potenciando os polígonos agroforestais e as aldeas modelo, e máis de 3 millóns de euros para actuacións deseñadas arredor desta lei.

Lista das 128 explotacións apícolas que recibirán axudas da Xunta polos danos dos lumes

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas da Consellería do Medio Rural para paliar as perdas de produción das explotacións apícolas en concellos afectados polos grandes lumes forestais que se produciron en Galicia o ano pasado. Así, resultaron beneficiaras 128 titulares de explotacións, cun total de 15.682 colmeas, por un importe conxunto de 250.000 euros. Estas achegas están destinadas a paliar as perdas de produción derivadas da situación de emerxencia creada polos incendios forestais, tendo en conta que estes destruíron unha gran parte da vexetación das zonas queimadas, de tal xeito que as abellas que sobreviviron tiveron enormes dificultades para atopar alimento para sobrevivir, afectando de xeito significativo á produción apícola. Para iso, a axuda, tras o rateo realizado, consistirá nun pagamento a tanto global cunha contía de 17,114 euros por colmea declarada en asentamentos apícolas localizados nos concellos afectados, cun máximo de 15.000 euros por persoa beneficiaria. Os beneficiarios destas achegas son titulares deste tipo de explotacións -excepto administracións ou entidades do sector público, así como as explotacións de autoconsumo- con asentamentos apícolas nos concellos con máis de mil hectáreas afectadas por incendios no ano 2022.

Listaxe de beneficiarios/as: 

Reunión entre o conselleiro de Medio Rural cos alcaldes dos concellos da Mariña afectados polos últimos incendios

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polos directores xerais de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, reuniuse este mércores co alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, a alcaldesa de Trabada, Mayra García, e co alcalde de Foz, Francisco Cajoto. O obxectivo do encontro foi o de abordar a situación creada tras os lumes que se rexistraron recentemente nos montes destes municipios da Mariña luguesa e analizar as diferentes liñas de colaboración para a recuperación do territorio afectado. Na xuntanza avanzouse que por parte da Consellería do Medio Rural elaborarase un informe técnico sobre o estado da masa arborada afectada. Esta información detallada servirá para planificar as actuacións oportunas en relación coa recuperación post incendio. Ademais, programaranse diferentes charlas cos propietarios forestais afectados para axudalos a optimizar a xestión das áreas das que son titulares. A maiores, abordarase cos diferentes organismos sectoriais implicados a axilización das cortas de madeira, co fin de aproveitar este recurso da mellor maneira posible. No encontro tratouse tamén, cun enfoque máis a longo prazo, a planificación integral do territorio, na procura de avanzar cara a fórmulas que afonden en seguir mellorando a xestión forestal, cun enfoque sustentable tanto dende o punto de vista económico como social e ambiental.

Como afrontan montes veciñais e propietarios a prevención de lumes arredor das vivendas?

Dúas de cada tres hectáreas de Galicia son forestais. O resto do territorio divídese entre terras agrarias e máis de 30.000 núcleos de poboación. Durante décadas, as terras agrarias constituían unha fronteira natural entre aldeas e monte, pero a progresiva perda de actividade agraria, unida á perda de poboación no interior galego, difuminou a barreira de prados e terras de cultivo. Outro fenómeno paralelo foi o achegamento de urbanizacións e vivendas ó monte en áreas periurbanas, co consentemento das Administracións. Ese escenario explica a situación actual, na que a xestión das arredor de 85.000 hectáreas forestais que se ubican en franxas de seguranza de vivendas convertiuse nunha tarefa titánica. Como afrontan montes veciñais e propietarios particulares ese desafío?. Falamos con técnicos do sector que traballan coas comunidades de montes e propietarios particulares. Hai coincidencia en dúas apreciacións. Primeira, as comunidades de montes están adaptándose de xeito progresivo ás esixencias de prevención, basicamente con investimentos propios. Segundo, sería preciso un maior apoio público para a xestión da rede seguranza.
Xosé Covelo. Director técnico da Asociación Forestal de Galicia (AFG)

“As comunidades de montes están investindo nun labor de protección civil que non lles corresponde”

A Asociación Forestal de Galicia destaca en primeiro lugar o seu traballo de información e asesoramento ós propietarios e montes veciñais, “que en xeral teñen pouca información da Administración, en moitos casos só por vía de propostas de sanción”, sinala o director técnico da AFG, Xosé Covelo. En canto ás comunidades de montes, Covelo apunta que a maioría das redes de prevención figuran nos instrumentos de ordenación das comunidades. De acordo con eses instrumentos, os montes veciñais están procedendo a eliminar piñeiros e eucaliptos nas faixas de seguranza establecidas (50 metros arredor do límite de solo urbano ou vivendas). Un segundo paso é a plantación nas franxas de corredores verdes de frondosas caducifolias, “principalmente bidueiros e carballos”, sinala Covelo. Trala plantación, queda a obriga de acometer periódicas rozas do mato, “que representan un gasto permanente”. “É un traballo que con frecuencia faise en exclusiva con fondos propios, xa que as axudas da Xunta para forestación con frondosas obrigan ó propietario a elixir só unha liña de forestación: ou ben plantacións en parcelas forestais non ubicadas en redes de seguranza ou ben a plantación en faixas de seguranza” -cuestiona Covelo-. Así as cousas, “as comunidades de montes están asumindo o peso do gasto dun labor de protección civil que non lles corresponde”, valora. Malia as dificultades, a maioría de montes veciñais está acometendo a xestión das franxas, a excepción, nalgúns casos, dalgunhas zonas que, pola súa orografía, teñen complicada mecanización. Aumentar a biodiversidade “Para a xestión das franxas de seguranza arredor de vivendas, estamos recomendando en xeral a plantación de frondosas, salvo algunhas zonas que non teñen solo apto para estas especies”, apunta Covelo. “Son unha vía para aumentar a diversidade do monte e en 15-20 anos, cando a súa copa impida o paso da luz, reducirase o custo do mantemento, pois non medrará o mato”, explica.
"A frondosa máis habitual para as faixas é o bidueiro, co complemento do carballo. En solos bos de exposición norte e oeste, tamén o castiñeiro"
A recomendación principal de especies pasa polo bidueiro, unha árbore pioneira que adoita implantarse ben, co complemento do carballo autóctono. “En zonas con solo profundo de orientación norte ou oeste, tamén pode plantarse castiñeiro, pero en orientación sur non tería sentido”, sinala o director técnico da AFG. “Para zonas de exposición sur, nalgúns casos empréganse sobreiras”. Franxa plantada con frondosas nunha zona de orografía difícil. / Imaxe: AFG. Propiedades particulares Entre os propietarios particulares, en zonas marcadas polo minifundio, as actuacións son máis complicadas. Hai que ter en conta que unha parte das parcelas é de propietarios descoñecidos ou ausentes, en tanto no resto do monte, os propietarios adoitan actuar, en xeral, a requerimento da Administración.
Alejandro Oliveros. Director de ordenación forestal de Ence

“Estamos animando ós propietarios a respetar as franxas de seguridade, para as que lles entregamos de xeito gratuíto planta de bidueiro”

Ence, a principal consumidora de eucalipto na comunidade, iniciou este verán unha campaña para incentivar a plantación de frondosas caducifolias nas franxas de protección de vivendas e núcleos de poboación. “Estamos agasallándolle planta de bidueiro ós propietarios forestais que nos venden madeira de eucalipto e, nesta primeira fase, estamos correndo ademais cos custos de plantación”, explica Alejandro Oliveros, director de ordenación forestal de Ence. Plantación de bidueiros por Ence. Oliveros considera que o bidueiro é unha especie que ademais pode proporcionarlle ós propietarios unha renda futura, se deciden cortalo. En Galicia, na actualidade o principal destino do bidueiro é para leñas e taboleiros, se ben trátase dunha especie que en países do norte de Europa emprégase tamén para pasta de papel. Preguntado sobre esa posibilidade, Oliveros non a descarta, se ben precisa que Ence na actualidade traballa en exclusiva con eucalipto. A pasteira valora tamén introducir outras frondosas caducifolias na oferta de planta para as franxas de prevención dos propietarios que lles vendan madeira.
Manuel Méijome. H20 Iniciativa no medio rural

“Os montes con proxectos de ordenación aprobados están a deixar as distancias esixidas en todas as repoboacións”

Manuel Méijome, da consultora forestal H20 Iniciativa no medio rural, apunta a que a maioría de comunidades de montes con proxectos de ordenación aprobados están a cumprir as obrigas derivadas das franxas, tanto no caso das secundarias, arredor de núcleos de poboación, como das primarias, arredor de estradas. “Nas estradas, a idea da normativa é crear cortalumes verdes con frondosas nas dúas beiras da estrada. En xeral, estanse empregando para iso bidueiros e carballos. É un sistema que para ter eficacia, está condicionado a que as frondosas non morran e a que esa superficie se manteña desbrozada, que é complicado”, apunta. Nos propietarios particulares, a xestión das franxas difire duns concellos a outros, segundo a experiencia de Méijome. “No interior de Lugo, temos casos como o do Incio, que cumpre ao pé da letra a normativa, con notificacións ós propietarios no caso de incumprimento, en tanto outros Concellos teñen unha actitude máis flexible”, valora.
"A orde de axudas obriga a empregar planta de orixe galega, pero non existe suficiente carballo de procedencia galega"
En canto ás dificultades que se están atopando comunidades de montes e propietarios para cumprir coa normativa, a parte das económicas, Méijome apunta a carencia de plantas de frondosas de procedencia galega. “A orde de axudas obriga a empregar planta de procedencia galega, pero atopámonos con que non existe suficiente carballo de orixe galega”, cuestiona. Ante esa situación, a alternativa que queda é o bidueiro e o castiñeiro, este último no caso de solos profundos con humidade suficiente. “Se o castiñeiro se planta nun sitio equivocado, nun verán seco pode morrer a metade da planta”, advirte.
José Manuel Iglesias. Xesforest Ingeniería

“Os corredores de frondosas arredor das estradas teñen un custo laborioso”

Outro técnico que traballa no interior de Lugo é José Manuel Iglesias, de Xesforest Ingeniería, que analiza o que sucede no entorno de Friol. “As comunidades de montes e propietarios están xestionando por si mesmas en gran medida as áreas lindantes coas casas, tanto por iniciativa propia como por requerimentos dos Concellos”, explica. En canto ás beiras das estradas, onde hai que cortar piñeiros e eucaliptos e pódense implantar frondosas, “é un traballo moi laborioso que esixe un investimento anual de rozas. É máis complicado, sobre todo cumprir en tempo e forma cos desbroces do mato cada ano”, valora José Manuel. “O ideal sería facer alí unha selección de brotes de frondosas, para rexeneralas, pero é un traballo que ten un custo laborioso e que non ofrece rendemento económico”, explica. En canto ás especies coas que máis se traballa, José Manuel coincide en sinalar o bidueiro, “que ten fácil implantación, mesmo en terreos malos” e o castiñeiro para froito en zonas que foron terras de cultivo no seu día.

“A sociedade tería que premiar ós propietarios que conservaron as Fragas do Eume ou o Courel”

Antonio Rigueiro Rodríguez é o presidente da Asociación Forestal de Galicia e un fondo coñecedor da realidade do monte galego. Dende o ano pasado que se xubilou, é catedrático emérito do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Universidade de Santiago. Ademais, durante 14 anos exerceu como director da Estación Científica do Courel, o que lle permitiu estar en contacto directo coa realidade da montaña lucense. Con el abordamos algunhas das cuestións que preocupan ós propietarios forestais, como o anteproxecto da lei de incendios, o minifundio que predomina en moitas zonas de Galicia, así como os problemas do Catastro ou as limitacións que hai nas zonas cunha protección especial e Rede Natura. -Dende a Asociación Forestal de Galicia teñen presentado unha serie de alegacións ó anteproxecto da Lei de Loita contra os incendios forestais de Galicia, en concreto pola xestión das faixas de seguranza arredor dos núcleos de poboación. En que se basean? -Comprendemos que o primeiro que hai que protexer son os pobos, as casas e a vida das persoas, pero tamén entendemos que é un tema de protección civil. É dicir, que esa necesidade de manter limpas estas faixas non é responsabilidade dos propietarios, mentres que tal e como está redactado o anteproxecto de lei, conságrase esa responsabilidade só para o propietario forestal. Estímase que o importe de manter limpas todas as faixas secundarias custaría uns 85 millóns de euros, aínda que hai algunhas que se atopan xa cunha actividade agropecuaria que as mantén limpas, co que este investimento reduciríase a 30 millóns de euros. A nosa proposta é que isto sexa financiado polas Administracións e que non recaia esa obriga nos propietarios forestais.
“É un agravio para o resto de propietarios que só se subvencione a limpeza de faixas secundarias das parroquias con risco alto de incendios. Penalízanse as zonas con menos lumes”
-Na actualidade, a Administración (Xunta e Fegamp) están a impulsar rozas bonificadas en arredor de 150 parroquias consideradas como de alta prioridade. Como valorades ese sistema? - Pensamos que é un agravio para aqueles propietarios de terreos en faixas secundarias de parroquias cun risco de lume baixo, que deben asumir a súa limpeza. Mentres, ós propietarios con parcelas en parroquias prioritarias (aquelas que rexistran maior número de lumes) a Administración subvenciónalle estes desbroces. É un agravio para o resto dos propietarios que se subvencione a limpeza de faixas secundarias destas parroquias e que non se faga o mesmo co resto de parroquias, xa que deste xeito as que menos lumes teñen estanse castigando, no canto de saír favorecidas. -Outro dos temas sobre os que se leva moito tempo debatendo é o minifundismo forestal e agora volve estar de actualidade coa creación das agrupacións de xestión conxunta. Que perspectivas teñen sobre elas dende AFG? -Temos esperanzas postas nelas, logo de que houbera outros intentos por afrontar o minifundio como foron as UXFOR (no bipartito) ou máis recentemente as SOFOR, e que non deron moito resultado. Agora estamos agardando que o día 23 deste mes de xuño, no Consello Forestal, se presente o borrador dos estatutos destas agrupacións de xestión conxunta e un borrador do tipo de contrato que deberán asinar os propietarios. A superficie mínima son 10 hectáreas, como mínimo deben ser 3 propietarios e teñen que estar de acordo os propietarios do 75% da superficie. Este é un requisito moi importante, xa que en Galicia hai bastante rexeitamento ó asociacionismo para a xestión da terra, polo que o feito de que non teña que ser o 100% da superficie pode ser decisivo para que poidan ir adiante. Tamén supoñemos que as axudas das Administracións irán encamiñadas a este tipo de agrupacións, polo que tamén pode ser un incentivo para a súa creación.
“Estamos agardando a que se presenten os estatutos para poder crear as agrupacións de xestións conxunta”
-Que traballo están a realizar cos seus socios para fomentalas? - A nosa intención é fomentar a súa creación entre os nosos asociados porque cremos que pode ser un xeito de superar o minifundismo. Xa o estamos facendo con iniciativas como as desenvolvidas con Promas da Mariña e na provincia da Coruña, que dalgunha maneira xa case son agrupacións de xestión conxunta. Falta darlle a forma legal, para o que é preciso que se presenten eses estatutos, que xa chegan con case dous anos de atraso.
“Nalgunhas zonas de Ourense descoñécese o propietario de preto do 40% da superficie forestal”
-Xunto co minifundio, unha das trabas para a xestión dos montes é a problemática do Catastro en Galicia, que presenta erros, falta de actualización, propietarios descoñecidos... Que impacto ten nos propietarios? -É unha reclamación recorrente, de feito o tema volveuse a tratar na última asemblea da Asociación que celebramos a finais do mes de abril. Volveremos enviar unha petición para entrevistarnos co delegado do Catastro, ó non ter polo momento contestación, xa que queremos poder tratar a situación con el. Houbo moitas revisións do Catastro, pero seguramente a que está vixente sexa unha das peores. Hai un gran número de parcelas con erros na cartografía ou na identificación do propietario e mesmo moitas delas de propietarios descoñecidos. Nalgunhas zonas de Ourense descoñécese o propietario de entre o 35 e 40% da superficie de monte, segundo datos do Agader. En Galicia tampouco é unha porcentaxe nada desprezable, posto que posiblemente se atope entre un 20 e un 30%. Estes erros xeran ós propietarios un importante prexuízo, xa que mesmo se están dando casos de venda de madeira por parte de persoas que non son os propietarios da parcela. -Como se podería solucionar este problema? -Hai distintas medidas que se poden tomar. Por un lado tratar de aclarar a propiedade e actualizar o catálogo en canto ós propietarios para que figuren os propietarios actuais e non os seus antepasados. Tamén habería que mellorar a cartografía, botando man das novas tecnoloxías, que poden contribuír a ter referencias de gran calidade. E sen dilatalo moito no tempo, sería conveniente facer un novo Catastro. -A demanda da mellora da fiscalidade dos propietarios particulares e comunidades de montes é outra das liñas de traballo da AFG dos últimos anos, en que se basea a proposta que se fai dende a Asociación? -Un dos aspectos máis importantes ten que ver co tratamento fiscal que teñen moitos propietarios forestais. Aqueles propietarios que se deben acoller ó sistema de estimación directa para a venda en madeira, ó ter xa ese réxime para a súa actividade principal, teñen un agravio fronte ós propietarios que para a venda de madeira poden facer unha estimación obxectiva (funcionarios, pensionistas...). A aqueles que o fan por estimación directa só se lles permite desgravar os gastos que tiveron ó longo dos anos (podas, desbroces...). Tendo en conta que se trata de quendas de corta que poden chegar a varias xeracións é difícil que se garden os recibos durante este tempo. Mentres, os que poden acollerse a unha estimación obxectiva, simplemente se lle aplica un coeficiente en función do tipo de especie (de crecemento rápido é o 0,26% e para as de crecemento lento do 0,13%). Realmente é un tratamento moi favorable e buscamos que se poida estender a tódolos propietarios. -Hai posibilidades de logralo? Tiveron resposta a esta petición? -O Ministerio de Transición Ecolóxica móstrase partidario, pero as reticencias veñen por parte de Facenda, que xa rexeitou a proposta. Seguiremos traballando para conseguir un trato máis xusto para os propietarios.

"Sería interesante incrementar a superficie forestal pública adquirindo espazos de gran valor ecolóxico"

-Unha cuestión recurrente nas asembleas da AFG son as complexidades que supón o manexo de áreas forestais en Rede Natura. Cales son as principais limitacións nestes espazos? -Hai limitacións que están xa contempladas no propio Plan director da Rede Natura. Non se poden plantar determinadas especies, como eucaliptos. É unha medida acertada, xa que en Galicia tamén debemos de ter algúns espazos preservados. Tampouco se poden instalar parques eólicos e mesmo hai limitacións para as cortas de frondosas. O problema é que estas directrices limitan o aproveitamento dos propietarios, por iso dende a AFG defendemos que se manteñan este tipo de espazos protexidos, pero se compense ós propietarios polo lucro cesante destes montes, que adoitan ser moi valiosos. Debería de premiarse ós propietarios que permitiron que espazos naturais de gran valor como as Fragas do Eume ou a Serra do Courel cheguen ós nosos días e non limitarlle a actividade e o uso. Eles interprétano como un castigo e non obteñen ningún tipo de compensación, cando estes espazos repercuten nun beneficio para o resto da sociedade. Habería que establecer un sistema de compensación para estes propietarios. -No caso das Fragas do Eume, hai unha percepción dos visitantes ó espazo de que o cultivo do eucalipto está moi estendido, nas partes media - altas do val, principalmente. Como presidente da xunta reitora do Parque Natural, como se conxuga aí a conservación dun espazo natural e os dereitos dos propietarios? -É certo que hai tenzas de eucalipto e houbo incendios que permitiron que o eucalipto se fose estendendo. Tamén hai unha conciencia de que nun parque destas características non haxa esta especie, de feito acaba de aprobarse agora o plan reitor do Parque Natural, que leva un atraso duns 25 anos. Neste plan establécense zonas onde os usos son moi limitados, xa que son as de maior valor pola súa biodiversidade, e outras nas que hai máis usos permitidos. Tamén se limitan especies ou as infraestruturas, para así conservar o espazo. Por outra parte, a Consellería de Medio Ambiente habilitou liñas de axuda para a transformación destes eucaliptais en montes de frondosas ou outras especies. Ademais, desenvolveu un plan de compra para adquirir parcelas nas Fragas do Eume, atendendo a unha reivindicación histórica dos propietarios. É unha medida que considero acertada, non só para o parque do Eume senón para a Rede Natura en xeral, posto que en Galicia a administración pública só ten un 2% da superficie forestal e sería interesante que se fose incrementando, centrándose nestes espazos de gran valor ecolóxico e onde os propietarios teñen moitas limitacións. -Vaiamos a outro espazo natural, como é a Serra do Courel. Como bo coñecedor dos montes do Courel polo seu traballo na Estación Científica da USC, como valora a situación da Serra? -O Courel, xunto cos Ancares, está nunha zona especial de conservación e é o espazo máis extenso da Rede Natura que temos en Galicia, con 110.000 hectáreas. Estamos en zonas de montaña con poboación envellecida e escasa e cunha redución moi significativa da actividade agrogandeira, con abandono dos terreos agrícolas e forestais. Tamén hai plantacións de piñeiro que non teñen un tratamento silvícola axeitado e o lume pode acabar afectando a moito territorio, como xa aconteceu. -Logo daquel lume houbo críticas ás superficies repoboadas con piñeiro na serra. Cre que foron un problema? -Hai colectivos na Serra do Courel que creen que eses piñeirais foron unha das causas para que o incendio fose tan virulento. É certo que os piñeirais que estaban abandonados arderon, pero tamén arderon moitas zonas de matogueira e aínda que arderon menos, tamén se queimaron algunhas zonas de frondosas (soutos e carballeiras). Mesmo chegou a estar ameazada a Devesa da Rogueira, un símbolo do Courel.
"En Vilar están mirando de facer plantacións de castiñeiros, de piñeiros, de froiteiras, de plantas medicinais... que servan de experiencia piloto para a restauración doutras áreas do Courel"
-Como habería que enfocar a restauración do espazo? -Hai iniciativas da Administración para a recuperación e plantación de novos soutos. Nas zonas de matogueira vaise recuperando pouco a pouco. Tamén é certo que se perdeu terra, xa que tras o lume houbo importantes choivas. Nesas zonas a recuperación será moito máis lenta, mesmo no caso do mato. Hai algunha iniciativa a pequena escala en Vilar para facer plantacións de castiñeiros, de piñeiros, de froiteiras, de plantas medicinais... que serva de experiencia piloto para ver o que se podería realizar noutras áreas do Courel. -Nos últimos anos vivimos grandes lumes en zonas como Ancares, Courel ou Valdeorras. Veremos máis lumes así nos próximos anos? -Por desgracia coido que si. Estamos vivindo os efectos do cambio climático co incremento das temperaturas e as secas. Tal e como amosan os datos por exemplo do último ano hidrolóxico (setembro de 2021 - setembro 2022), as precipitacións en Galicia foron a metade da media dos últimos anos. Estes períodos de seca prolongada e altas temperaturas favorecen os grandes lumes, que son moi difíciles de atallar e perigosos. -A seca é un aliado para os lumes no monte, pero que efectos pode ter o estrés hídrico nas enfermidades e pragas forestais? -Tanto a seca como efecto do cambio climático, así como a globalización, relaciónanse coa expansión de pragas e de especies invasoras. Un exemplo diso é que nos últimos anos houbo unha elevada afectación de banda marrón, que afecta sobre todo ó piñeiro insigne, aínda que esta campaña hai menos incidencia. Temos que estar alerta e non podemos baixar a garda. No eucalipto viuse nos últimos anos en determinadas comarcas unha explosión do fungo Mycosphaerella, pero tamén se está tendo xa algunha planta resistente. Aínda que aparecen problemas sanitarios, tamén se está avanzando en investigación e na obtención de plantas melloradas e resistentes. Cada vez trabállase máis con solucións respectuosas co medio, coma no caso da avespiña do castiñeiro ou o gurgullo do eucalipto, contra os que se están conseguindo resultados favorables coa loita biolóxica.
“Debería priorizarse a investigación aplicada, que responda ós problemas que se detectan dende o sector, dada a importancia que ten en Galicia”
- Cales deberían ser os obxectivos prioritarios na investigación forestal en Galicia? -Aínda que é importante a investigación básica, tamén debería priorizarse a investigación aplicada ó sector, é dicir, que responda ós problemas que se detectan dende o sector, dada a importancia que ten en Galicia. Sería interesante que a Administración establecera un plan de investigación agrogandeiro e forestal para atender os problemas destes tres subsectores.

"Búscase que Galicia tamén poida producir madeira de frondosas de calidade"

-Coñecidos os novos datos de superficies por especies no novo Inventario Forestal de Galicia, como valora a situación do monte galego? -Seguimos tendo a mesma superficie global de arborado (1.400.000 hectáreas) e de matogueira (600.000 hectáreas). O que cambia con respecto ós datos de anteriores inventarios forestais é o reparto, con máis superficie de frondosas, temos tamén algo máis de eucalipto e menos piñeiro. Hai que ter en conta tamén que esas 600.000 hectáreas de masas de frondosas non son de plantacións con material xenético de calidade, nin con tratamentos silvícolas axeitados, nin están pensadas para a produción de madeira de calidade, que é algo que Galicia tamén necesita. Son masas de frondosas en moitos casos froito do abandono e que teñen un importante valor paisaxístico, pero non produtivo.
Hai masas de frondosas cun importante valor paisaxístico que se terán que conservar sen aproveitamentos, pero noutra parte das frondosas sería de interese aplicar tratamentos silvícolas
-Que sería preciso para crear unha oferta de frondosas atractiva para a industria da madeira? -Nalgunhas zonas, onde teñan un maior valor paisaxístico e de conservación do medio, sobre todo aquelas que estean en zonas de Rede Natura, haberá que conservalas. Mentres, aquelas nas que se poida facer un aproveitamento produtivo, sería de interese aplicar tratamentos silvícolas axeitados para lograr un aproveitamento madeireiro de calidade. Precisamente, no próximo Consello Forestal presentarase o Plan de Aproveitamento de Frondosas de Galicia para producir madeira de calidade, nel tamén se inclúe facer plantacións con material xenético de calidade. O obxectivo é que Galicia, que é un produtor de madeira, sobre todo de eucalipto e piñeiro, tamén poida producir madeira de calidade de frondosas, xa que estase a importar este tipo de madeira. - No caso do eucalipto, cuxa superficie se incrementou con respecto dos últimos datos que se manexaban no 2009, cando acabe a moratoria no 2025, como sería partidario de regular a especie? -Esta moratoria foi aprobada polos 3 grupos políticos do Parlamento, entón cabe pensar que se busque de novo ese consenso. Podería suceder que continúe a moratoria, unha opción que preferirán os que teñen eucalipto, xa que eles poderían seguir cortando e plantando, ó tempo que se limitaría a competencia e a caída de prezos por exceso de produción. Tamén podería darse a situación de que se levantase por completo a moratoria, o que podería ocasionar que volva haber un gran interese por plantar eucaliptos, o que seguramente á súa vez levaría a unha nova moratoria a curto prazo.
Tras a moratoria do eucalipto, unha opción é establecer certas limitacións xeográficas e de superficies mínimas para esa especie
Unha terceira vía é que se establezan certas limitacións á hora de realizar plantacións de eucaliptos. Limitar o territorio onde plantar esta especie e fixar unha superficie mínima, para atallar o mosaico de eucalipto que había antes da moratoria por toda Galicia. Deste xeito, poderíase superar o minifundio e fomentaríase a xestión do monte de xeito conxunto, como coas agrupacións de xestión conxunta ou coas comunidades de montes. Penso tamén que debería limitarse a proporción de eucalipto en nova superficie de plantación, sendo mínima, e que o resto teña que plantarse con outras especies.
"A moratoria do eucalipto e a suba do prezo da madeira de piñeiro de calidade favoreceu que se incremente o interese dos produtores polo piñeiro"
- O piñeiro foi nos últimos 15 anos unha especie en regresión, se ben os datos apuntan a un aumento das plantacións en monte. Hai que ser optimistas sobre o futuro do piñeiro? -Penso que si. É verdade que dende que se comezou a falar da moratoria e xa anos antes se estaba vendo un boom do eucalipto, en parte polo prezo alto que se estaba pagando polo eucalipto en comparación co piñeiro. Mentres o eucalipto para trituración podía rondar os 30 euros a tonelada, no piñeiro para o mesmo fin o prezo caída ata os 15 euros. Pero, dende hai un par de anos, o prezo da madeira de piñeiro mellorou notablemente e hoxe a tonelada de piñeiro de calidade para a serra pode chegarse a pagar a 60 ou 80 euros a tonelada, mentres que a de eucalipto está a menos da metade. Isto, xunto coa moratoria do eucalipto, favorece que o propietario se anime a plantar piñeiro, aínda que a quenda de corta sexa un pouco máis longa. No ano 2022 plantáronse unhas 5.000 hectáreas de piñeiro en Galicia (2.000 de piñeiro insigne e 2.000 de piñeiro do país e unhas 1.000 de piñeiro silvestre) e vendéronse uns 6 millóns de plantas, o que fai que sexa un ano récord. Hai unha boa tendencia de recuperación do piñeiro e esperemos que cando se levante a moratoria do eucalipto, non se rompa esta tendencia.

A Xunta limpará a biomasa arredor das vivendas en sete concellos nun plan piloto

A Xunta xestionará directamente a biomasa preto das vivendas de sete concellos piloto seleccionados ao abeiro do convenio de defensa das aldeas, asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga. Nestes municipios, as franxas secundarias comprenden unha superficie total de 2.500 hectáreas preto das casas, distribuídas en máis de 50.000 parcelas dos concellos de Carnota, na provincia da Coruña; As Nogais, na de Lugo; Cualedro, A Gudiña, Monterrei e Lobios, na provincia de Ourense; e Gondomar, na de Pontevedra. Precisamente hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, realizou unha visita a unha zona na que se están a executar traballos de xestión da biomasa preto das vivendas no concello de Carnota. Estivo acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, polo alcalde en funcións da localidade, Juan Manuel Saborido, e pola directora-xerente de Seaga, María Luisa Piñeiro. O conselleiro lembrou que o principal obxectivo do devandito convenio é apoiar os particulares e os municipios no seu cumprimento da normativa sobre prevención de incendios, pero que a Xunta quixo ir máis alá e por iso se planificaron estas actuacións integrais nos sete concellos mencionados, como complemento ao labor feito polos propios titulares dos terreos.

Reforzo da prevención

Ademais, o titular de Medio Rural lembrou que se introduciron melloras na normativa sobre incendios forestais para reforzar dita prevención. Así, cunha disposición adicional modificouse a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia para facilitar e axilizar a execución dos labores de xestión da biomasa. Desta forma, sinalou José González, con dita modificación precisouse mellor que a obrigación de xestión de biomasa é durante todo o ano, aínda que desde finais de maio se intensifiquen os controis e desde principios de abril para aqueles que incumpriron nos últimos catro anos as súas obrigacións de xestión. Do mesmo xeito, clarificou o conselleiro, o apercibimento aos particulares é válido por catro exercicios, o cal soluciona o problema de ter que apercibir todos os anos e abriuse a posibilidade de proceder directamente á execución subsidiaria por parte da Administración competente naquelas parcelas de propietarios que desatenderan ditos avisos. Por último, tamén se solucionou o problema do cobro dos custos da execución subsidiaria, xa que ata o momento non se podía recadar pola Administración autonómica, por corresponder a unha competencia municipal, matizou o titular de Medio Rural.

Actuacións en Carnota

No caso concreto de Carnota, segundo explicou González, as franxas secundarias comprenden unha superficie de preto de 377 hectáreas preto das casas, distribuídas en algo máis de 9.600 parcelas, e engadiu que preto de 46 hectáreas xa foron contratadas a Seaga para a súa adecuada xestión. Ademais, neste municipio tamén se está traballando nun Perímetro de Alto Risco de Incendios (PARI), unha figura que ten por obxecto anticiparse aos lumes forestais adecuando as infraestruturas preventivas e a rede de faixas de xestión de biomasa situadas preto das vivendas. Así, estanse levando a cabo actuacións preventivas en case 12 hectáreas e 10 quilómetros de superficie onde o estado de abandono significa un alto risco de propagación de incendios forestais. Nesta liña, estes labores enmárcanse no Plan preventivo impulsado pola Xunta e que estará en vigor ata marzo de 2024. Esta planificación prevé actuar cando menos en 60.000 hectáreas e nuns 5.600 quilómetros de vías, ademais de en máis de 4.800 puntos de auga, en toda a xeografía galega. Neste contexto, salienta como novidade este ano a posta a disposición dun visor de faixas secundarias de xestión de biomasa (as que rodean as vivendas), accesible para toda a cidadanía. Mediante esta ferramenta é posible delimitar as devanditas faixas daqueles concellos que teñan o plan de prevención de incendios aprobado. Desta forma, calquera persoa poderá visualizar as parcelas incluídas nestas franxas, con indicación da parroquia, referencia catastral, superficie total e área afectada pola faixa.

Convenio coa Fegamp e Seaga

En relación co convenio asinado coa Fegamp e Seaga, ao que están adheridos o 89 % dos concellos galegos -entre eles o de Carnota-, José González puxo en valor o feito de que entre 2021 e 2022 se inspeccionaran preto de 85.000 hectáreas e máis de 1,2 millóns de parcelas incluídas na rede de faixas secundarias e que a superficie xestionada -ben polos propietarios, ben de xeito subsidiario- pasou de representar a metade do total en 2019 a superar o 70% en 2022.

Quen debe protexer aldeas e vivendas dos lumes?

O rural galego presenta unha vulnerabilidade crecente ante os incendios forestais por factores como a perda de poboación en amplas zonas do interior, o envellecemento e a redución da actividade agrogandeira. En definitiva, hai unha menor actividade sobre o territorio, o que leva a que se perda a protección natural que proporcionaban prados e terras de labor en torno aos máis de 30.000 núcleos de poboación que ten Galicia. Ante este escenario, colectivos como a Asociación Forestal de Galicia (AFG) ou a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga) avogan por declarar de utilidade pública a intervención nas faixas de seguranza, como medida de protección civil fronte ós incendios forestais. Ambos colectivos, que representan a propietarios forestais e comunidades de montes, entenden que a futura Lei de Loita Integral contra os Incendios Forestais de Galicia, da que a Xunta presentou un anteproxecto, é a ocasión para buscar unha solución realista de seguridade cidadá ante os lumes, que están a agravar os seus riscos polo cambio climático. Esa solución -entenden- pasa por que a Administración asuma a responsabilidade do mantemento das faixas de seguranza arredor de núcleos de poboación. Situación lexislativa A actual Lei 3/2007 de Prevención de Incendios Forestais de Galicia e o anteproxecto de Lei de Loita Integral contra os Incendios Forestais manteñen un enfoque que os colectivos forestais consideran “errado”, pois cargan co custo do mantemento das faixas a comunidades de montes e propietarios forestais, “ós que se lles pide que financien do seu peto medidas de protección civil para garantir a seguridade colectiva”. A Asociación Forestal de Galicia insiste en que non é de recibo que se lles pida a propietarios e comunidades de montes que financien a seguridade pública. “O anteproxecto da Lei afonda ademais na montaxe dun sistema punitivo orientado a culpabilizar a propietarios forestais e comunidades de montes, pois prevense multas coercitivas, multas punitivas, execución subsidiaria de traballos de prevención, repercusión de gastos de extinción en terreos afectados polo lume (con carga de biomasa) e mesmo expropiacións, no caso de que o valor dos traballos executados supere ós da propiedade”, enumeran. Estas esixencias lexislativas e ameazas de sancións “pecan de falta de realismo” -ao entender da Asociación Forestal de Galicia-. “Pode comprobalo a propia Administración nas máis de 295.000 hectáreas de monte que xestiona en virtude de convenios ou consorcios con comunidades de montes e propietarios. De manterse esta liña lexislativa -afirman- a propia Xunta de Galicia estaría incorrendo en graves responsabilidades nas superficies forestais de xestión pública, ante calquera falla no cumprimento das disposicións preventivas de lumes”. Ordenación do territorio Os colectivos de propietarios advirten ademais de que a lexislación premia a desorde urbanística, “pois responsabiliza ós propietarios forestais da defensa de vivendas e construcións sen licencia que invaden zonas forestais ou o seu perímetro”. Así as cousas, a Asociación Forestal de Galicia empraza á Administración a buscar solucións prácticas de consenso co conxunto do sector forestal. A cuestión é que Galicia ten arredor de 85.000 hectáreas en zona de interface urbana – forestal, as chamadas faixas secundarias de seguranza, sen ter en conta as faixas primarias e terciarias arredor de vías e comunicación e de camiños e pistas forestais. No caso das faixas secundarias, pódese estimar que arredor dun 30% delas precisa de rozas periódicas, en tanto o resto da superficie estase a manter despexada pola actividade agraria e gandeira. O custo da roza dese 30% de faixas secundarias que o requiren roldaría uns 32 millóns de euros anuais, segundo estiman desde Asefoga. Os colectivos forestais apunta que boa parte destas franxas que precisan de roza correspóndense con parcelas minifundistas, con escasa superficie e, con frecuencia, faltas de xestión por ese mesmo minifundismo. Sistema público de xestión da biomasa de terreos rústicos incluídos en faixas secundarias O sistema público de xestión de biomasa actualmente en vigor dende 2018 vén regulado na propia Lei 3/2007 de prevención de incendios de Galicia. Engloba á Consellería de Medio Rural, á Federación Galega de Municipios e Provincias e á empresa pública SEAGA como órgano instrumental para a execución dos traballos de mantemento nas faixas. Actualmente agrupa a 273 dos 315 Concellos de Galicia e conta cun orzamento anual de 12.250.000 euros. As intervencións que contempla este convenio para os concellos adheridos son de dous tipos:
  1. Execucións subsidiarias en parcelas de descoñecidos e propietarios que non compren en prazo e forma as súas obrigas de xestión. Hai un tope de 10 ha por concello, polo que esta parte do Convenio interviría en 2.730 ha.
  2. Execucións a través de convenio con persoas propietarias para a execución dos traballos de mantemento, unicamente nas 154 parroquias clasificadas como prioritarias, e que suman 10.287 ha totais, das que 1.378 ha (13 % do total) subscribiron convenio os seus propietarios a través dos concellos, para a roza das súas faixas, a un custo bonificado para as persoas propietarias de 350 euros/ha.
Na actualidade, apuntan as asociacións de propietarios, só se lle está a dar unha solución de xestión pública ás faixas de 154 parroquias declaradas de alta prioridade polo risco de incendio. Nestas parroquias, os propietarios poden acceder a unha roza dos seus terreos a un prezo bonificado de 350 euros / hectárea, que se pode estimar, como media, que representa un 25-30% do prezo real dos traballos. “Esta situación representa unha grave discriminación en relación ó resto de propietarios e comunidades de montes veciñais de Galicia, polo que cómpre que a Xunta busque unha solución de xestión pública para o conxunto de faixas de seguranza”, pecha a Asociación Forestal de Galicia.

Acusan á Xunta de “criminalizar á sociedade” polos lumes forestais

Outro colectivo que se pronunciou por medio dunha nota de prensa contra o anteproxecto da Lei de Loita Integral contra os Incendios Forestais é a Organización Galega de Comunidades de Montes, que considera que a Consellería do Medio Rural está a criminalizar á sociedade, e en particular ás comunidades de montes, ante posibles incendios. “O anteproxecto da Lei especifica que as comunidades de montes poden ser sancionadas cando se produza un lume nas súas terras, aínda que o lume sexa provocado por terceiros”, argumentan. En lugar dun sistema baseado en sancións, a Organización Galega de Comunidades de Montes propón que a Consellería impulse medidas para promover un monte veciñal multifuncional e chama a combatir o que considera causas estruturais dos lumes: “monocultivos forestais con especies de crecemento rápido, desordenación das masas boscosas ou abandono do rural e despoboación, entre outras”. Outra cuestión na que incide a Organización Galega de Comunidades de Montes -tamén advertida polo Colexio de Xornalistas de Galicia- é a posible limitación á liberdade de información que introduciría a nova Lei. “O anteproxecto semella apuntar implícitamente ós datos oficiais da Administración como única fonte posible en materia de superficies queimadas”, advirte o Colexio de Xornalistas. O texto establece que se perseguirá a comunicación de “feitos e datos falsos” sobre os incendios, pero queda na indefinición o que se poden considerar feitos e datos falsos.

Axudas para a recuperación de soutos de castiñeiros e explotacións apicolas afectadas polos lumes de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe cadansúa orde da Consellería do Medio Rural polas que se convocan axudas para a recuperación de soutos de castiñeiros e para paliar as perdas de produción das explotacións apícolas en concellos afectados polos incendios forestais que se produciron en Galicia o ano pasado, por un importe total de 750.000 euros. En concreto, as achegas para recuperación de soutos están dotadas cun orzamento de 500.000 euros, que irán destinados a compensar os danos causados polos incendios rexistrados no mes de xullo de 2022. A solicitude desta subvención e os trámites administrativos posteriores poden facerse por medio dunha entidade colaboradora que, á súa vez, tamén realizará os traballos de campo e as obras necesarias para a execución das accións subvencionables. No caso das subvencións para o sector apícola, a dotación é de 250.000 euros e os fondos destinaranse a paliar as perdas de produción daquelas explotacións localizadas nos concellos onde se rexistraron grandes lumes forestais durante o ano 2022, con máis de mil hectáreas afectadas.

Axudas para recuperación de soutos

No que atinxe ás axudas para recuperación de soutos, ábrense tres liñas de financiamento. En primeiro lugar, de achegas para corta, recollida e estelado ou retirada de pés de árbores danados polo lume, roza do souto e plantación de novos pés de castiñeiros en substitución dos exemplares danados. En segundo termo, outra liña destínase á reparación dos danos causados polos incendios nas pistas forestais estremeiras ou interiores, así como nos cerramentos dos soutos. En terceiro lugar, establécense axudas para a reparación dos danos nos equipamentos inmobiliarios auxiliares da explotación do souto para castaña. Nestas dúas últimas liñas, a súa petición está condicionada a que se solicite a primeira opción das axudas (corta, roza e plantación). Os beneficiarios destas subvencións serán os titulares, arrendatarios ou persoas que teñan un dereito de explotación e/ou xestión dos soutos, quedando excluídas as administracións ou entidades do sector público. Tamén poderán obter estas axudas aquelas persoas cuxas propostas para o aproveitamento de parcelas incorporadas a instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia resulten seleccionadas, segundo o establecido nesta norma. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde 40 días hábiles seguintes á xornada de hoxe, data da publicación desta convocatoria no DOG. Nesta orde tamén se fixan as bases para a selección de entidades colaboradoras participantes na xestión destas axudas. Así, establécese que poderán ter tal condición as entidades privadas con personalidade xurídica e os empresarios individuais, e que ambos os dous estean inscritos no Rexistro de empresas do sector forestal (Resfor). Explícanse, así mesmo, os requisitos, condicións e obrigas que terán que cumprir para poder colaborar. Neste caso, o prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras será de 10 días hábiles contados a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. As axudas convócanse en concorrencia non competitiva.

Axudas para explotacións apícolas

As axudas para paliar as perdas de produción nas explotacións apícolas consistirán nun pagamento a tanto global, cunha contía de 20 euros por colmea declarada. Os beneficiarios serán os titulares deste tipo de explotacións -excluídas as administracións ou entidades do sector público, así como as de autoconsumo- que teñan asentamentos apícolas nos concellos con máis de mil hectáreas afectadas por incendios no ano 2022. Neste caso en concreto, o prazo para a presentación de solicitudes será dun mes a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase tamén en réxime de concorrencia non competitiva.

Enlace á orde do DOG sobre soutos: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230526/AnuncioG0426-240523-0002_gl.html

Enlace á orde do DOG sobre explotacións apícolas: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230526/AnuncioG0426-240523-0004_gl.html

Parada dos Montes, unha comunidade do Courel que busca renacer das cinzas

A Comunidade de Parada dos Montes (A Pobra do Brollón) resultou seriamente afectada polo gran incendio da Serra do Courel deste pasado verán, no que arderon máis de 12.000 hectáreas. O lume chegou ao monte comunal e calcinoulles 950 hectáreas de terreo forestal, das que unhas 500 estaban destinadas ao aproveitamento madeireiro. Agora, a comunidade quere repensar o seu proxecto para o monte. Distribución do territorio, proxecto futuro e problemas de base O proxecto forestal de Parada dos Montes conéctase coa propia aldea, que desde fai dous anos convertiuse nunha aldea modelo coa idea de recuperar os terreos privados que a rodean, agora transformados nun espazo cercado e limpo. Os terreos da aldea modelo son maioritariamente pastizais destinados á única facenda do lugar. “Agora mesmo teño oito vacas que son as que pacen todo o pobo, coma quen di. Eu págolle unha cantidade á Xunta polo seu uso, que logo reparten entre toda a veciñanza propietaria. A cambio diso temos as parcelas de preto das nosas casas limpas e cercadas, unha cuestión que evita que o lume chegue ás vivendas”, afirma Marisol Martínez, gandeira en Parada dos Montes.
“Coa aldea modelo temos as parcelas de preto das nosas casas limpas e cercadas, unha cuestión que evita que o lume chegue ás vivendas” (Marisol Martínez)
“Máis alá das vivendas e das fincas que rodean a aldea, atópanse, nun círculo máis aberto, os terreos privados que xa non teñen uso e que foron os primeiros en quedar abandonados; sobre estes non temos actualmente capacidade de xestión. A partir de aí, xa sería o territorio da Comunidade de Montes de Parada dos Montes”, explica Marcos Ferreira, secretario da comunidade e veciño. O monte veciñal está conformado por 950 hectáreas de monte clasificado, que estaban en distintas situacións. “As 600 hectáreas que estaban conveniadas coa Xunta destináronse a aproveitamento madeireiro, polo que hai diferentes especies de piñeiro -pinaster, sylvestris e radiata- de distintas idades. O resto do monte está sobre todo a raso e outras zonas pequenas teñen frondosas, aínda que a maior parte das frondosas corresponden a propiedades privadas. Por iso, cando a Comunidade colleu a xestión directa do monte, o que se atopou foi unha superficie moi grande dedicada á madeira de piñeiro”, detalla Marcos Ferreira.
“Cando a Comunidade colleu a xestión directa do monte, o que se atopou foi unha superficie moi grande dedicada á madeira de piñeiro” (Marcos Ferreira)
Tras a grande vaga de incendios deste verán, as 950 hectáreas dos veciños de Parada arderon por completo. “O proceso que se seguiu a partir disto foi chorar, logo cubicar a madeira queimada de diferentes formas -manualmente e con tecnoloxía lidar- e logo poxala. Unha vez se venda e se corte, toda a cantidade obtida destinarase a rexenerar o monte da Comunidade e a intentar xestionar aqueles terreos que están abandonados para darlles un uso, como por exemplo, para frutais”, amplía sobre o proxecto futuro comunal o secretario.
“Toda a cantidade obtida destinarase a rexenerar o monte da Comunidade e intentar xestionar aqueles terreos que están abandonados para darlles un uso, como por exemplo, para frutais” (Marcos Ferreira)
O problema que se atopa a comunidade de montes é a falta de poboación. “No núcleo non hai xente, polo tanto, se queremos manter xestionado o territorio e pretendemos resolver o tema dos incendios é fundamental que haxa xente que teña gando para controlar o territorio que nos rodea. Hai que pensar nun proxecto integral”, comenta Ferreira. Por este motivo, Marisol Martínez critica a falta de apoios que ve para o rural, “xa que din que o apoian pero seguimos tendo estes problemas; a xente non quere vir para os pobos e a actividade gandeira é necesaria, pero neste caso, son a única gandeira que queda aquí en Parada, e para chegar a fin de mes só co gando é moi complicado porque estamos vendendo a perdas”, valora. ”De seguir así, o futuro pinta moi complicado”. https://www.campogalego.gal/non-publicar-antes-por-exemplo-habia-50-vecinos-con-2-ou-3-vacas-cada-un-agora-so-somos-dous/

A aldea de Vieiros, no Courel, porá en marcha un proxecto de pastoreo financiado por ‘crowdfunding’

Vieiros é a última aldea de Quiroga cara ao Courel. Dúas familias viven na actualidade no pobo, que durante anos chegou a estar deshabitado. Pero o abandono das terras e o monte que rodea as casas constitúe un risco importante en caso de incendio. Os cinco habitantes da aldea comprobárono en carne propia este verán, cando o lume que afectou a amplas zonas da serra do Courel se achegou perigosamente ás súas casas e tiveron que ser desaloxados.   
Ata os anos 70 Vieiros pertencía a Folgoso pero na actualidade a parroquia de A Seara, da que forma parte, está incluída no termo municipal de Quiroga
Pero unha vez pasado aquel perigo decidiron poñer en marcha medidas preventivas para que aquela situación non volva acontecer. “Os animais son a mellor ferramenta para evitar os incendios”, aseguran. Por iso están a levar a cabo unha campaña de micromecenado co obxectivo de recadar fondos para desenvolver un proxecto de pastoreo con ovellas e cabras. Recuperar a actividade agrogandeira O gando desapareceu dos prados e os montes de Vieiros cando o fixo a xente, aló polos anos 70 e 80, e agora que as persoas regresaron, queren que tamén volva o gando. Na plataforma de crowdfunding Verkami teñen aberta unha suscrición para colaborar con esta iniciativa. Baixo o nome Vieiros con vida, o proxecto consiste en adquirir un rabaño de 30 ovellas e 5 cabras, así como un burro e dous mastíns para a protección do gando fronte ao lobo. Levan xa recadados neste momento máis de 11.400 euros, froito das 247 aportacións recibidas. Pero o prazo para colaborar co proxecto segue aínda aberto até este venres. “Pódense facer aínda aportacións, porque a verdade é que imos moi xustos”, aseguran.
Até este venres pódense facer aportacións para colaborar co proxecto
Ademáis de para mercar os animais, o recadado destinarase á preparación dos terreos, á adquisición do material para os cercados do gando e ao asesoramento necesario para aprender o manexo de cabras e ovellas. As recompensas por colaborar na iniciativa van desde apadriñar calquera dos animais e recibir fotos periódicas deles a unha visita guiada pola Devesa da Rogueira e a Lagoa de Lucenza, ou participar na vida da aldea e en actividades como cocer o pan ou visitar as colmeas e o muíño restaurado. Manexo do gando Nas vindeiras semanas os animais empezarán a chegar a Vieiros para que poidan adaptarse á zona e de paso poidan ir xa limpando os pastos do outono antes de que comecen as primeiras nevaradas. Empezarán por pacer a zona de hortas e prados de regadío a carón das casas. Son unha superficie dunhas 5 hectáreas, difíciles de manter limpas por medios mecánicos. “Ata agora tratabamos de rozalos a base de desbrozadora, pero non dabamos feito”, recoñece Roi Estévez, un dos 5 habitantes permanentes da aldea.
Estamos a recibir formación e asesoramento porque non tiñamos experiencia co gando
Aínda que é enxeñeiro de montes, está a recibir formación sobre como xestionar os pastos, manexar o gando e protexelo do lobo. “Imos traballar con peches electrificados móbiles, porque os peches fixos en parcelas pequenas coma estas, que ademais teñen muros, é complicado; os móbiles dan máis flexibilidade”, asegura. Os terreos que van pacer as cabras e ovellas son propiedade das distintas casas do pobo, que non puxeron impedimento algún á iniciativa e a intención é ir ampliando despois paulatinamente a zona de pasto.
O proxecto vai arrincar pacendo os prados arredor das casas para ir subindo despois cara os soutos, a devesa e o monte baixo
“Despois de pacer arredor das casas pasaremos aos prados de secano e iremos subindo cara aos soutos e a devesa”, avanza. Pola parte de enriba, a máis de 1.000 metros de altitude, está o monte que bordea a aldea, constituído por monte baixo de uces principalmente. En total, a superficie acada unhas 500 hectáreas. O lume deste verán chegou ás portas da aldea No pasado mes de agosto o incendio forestal que afectou á zona do Courel achegouse ás casas de Vieiros e os seus habitantes tiveron que fuxir. “Desaloxaron a aldea e o lume andivo moi cerca, pero por sorte non chegou, porque os esforzos que se fixeron por parte dos equipos de extinción para protexer A Devesa da Rogueira salváronnos a nós tamén”, explica Roi.  “O medo que collemos todos foi o que nos empurrou a facer algo”, recoñece.
Temos a todos os propietarios dacordo, están moi implicados porque o abandono da aldea é relativamente recente e lémbranse aínda de cando Vieiros tiña moita vida
O proxecto Vieiros con vida conta coa colaboración de todos os veciños, mesmo dos que xa non viven na aldea. “Creamos unha asociación. Somos unas 15 ou 20 persoas con implicación directa e temos o apoio do resto de familias, dos veciños que se marcharon pero que teñen aquí aínda casa ou fincas. O abandono da aldea é relativamente recente e os propietarios lémbranse de cando tiña moita vida”, explica Roi.

"O obxectivo é que se asenten novos veciños"

Até os anos 70 Vieiros era unha aldea illada á que non chegaba a estrada. Pero a chegada das comunicacións non freou o declive demográfico e a emigración, máis ben ao contrario. “Foi curioso, porque a chegada da estrada baleirou as casas de xente”, conta Roi. Até o punto de que a aldea estivo deshabitada durante anos. “No 2011 fun o primeiro en chegar. Tiñamos casa aquí”, explica. Teresa, a muller de Roi, é bióloga, e teñen unha filla, Taroa, de 2 anos.
Vieiros estivo incomunicada por estrada até os anos 70 e a emigración levou ao declive demográfico e ao abandono
Xunto a eles, outra parella está a recuperar a vida na aldea. Son José Manuel e Paula, que teñen unha casa de apartamentos turísticos. Paula está embarazada. Sae de contas en decembro, así que no 2023 Viveiros terá 6 habitantes en vez de 5, un incremento demográfico do 20%. Pero non se conforman e buscan que veñan máis veciños, para o que están dispostos a ceder terreos e mesmo algunhas das casas para quen desexe poñer en marcha algún proxecto na zona.  
Están dispostos a ceder terreos e vivenda a quen queira desenvolver un proxecto na zona
Sete familias vivían no pobo antes do seu abandono, e case todas contaban con varias edificacións. Entre segundas residencias en uso regular e casas habitables existen hoxe en día 9 vivendas, pero hai moitas outras construcións abandonadas ou en mal estado, que están tratando de recuperar. Coa súa iniciativa, Roi, Teresa, Taroa, José Manuel e Paula queren demostrar "que hai futuro no rural e que merece a pena loitar por el". “Agardamos inspirar a outras persoas e a outras aldeas para que vexan que é posible vivir no rural”, din.