Archives

Galicia rexistrou 954 lumes forestais no 2021 con preto de 4.400 hectáreas queimadas

O balance dos incendios forestais deste 2021 en Galicia deixa un total de 954 lumes cunha superficie afectada de 4.371,9 hectáreas. O conselleiro de Medio Rural, José González, na súa comparecencia a petición propia no Parlamento para informar sobre o tema, destacou que é a primeira vez na serie histórica que se baixa dos mil lumes. Ademais, só un 14% deles, un total de 135, chegaron a converterse en incendios, e o resto quedaron en conatos. Con todo, González insistiu en que “mentres en Galicia arda unha soa hectárea non estaremos conformes”. En 2020 arderan en Galicia 14.800 hectáreas, en tanto nos dous anos anteriores, os resultados son semellantes ós deste exercicio (6.800 hectáreas no 2019 e 2.500 no 2018), se ben hai que lembrar que en outubro do 2017, un outono seco acompañado de fortes ventos, deixou en dous días arredor de 50.000 hectáreas queimadas, para un total anual de 62.000. Sobre os resultados do 2021, o conselleiro atribuíunos ao bo facer do dispositivo antiincendios, á maior concienciación cidadá e ao efecto que están producindo medidas como a posta en marcha do teléfono de denuncias dos comportamentos incendiarios 900 81 50 85, o incremento dos medios técnicos (caso das cámaras de vídeo vixilancia ou os drons) e a creación da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), formada por 15 axentes ambientais. Tamén recordou a ampliación da rede de cámaras de vixilancia, ata chegar a abarcar con elas arredor do 70% do territorio galego, así como a dotación de 12 drons para o servizo. González lembrou, como outra das causas desta mellora nas cifras, que desde o ano 2018 aumentouse o tempo anual de actividade do persoal fixo descontinuo, pasando de tres meses de traballo en 2017 a seis meses na actualidade. Nesta mesma liña, mencionou ademais a creación da subdirección de prevención dentro da Dirección Xeral de Defensa do Monte, coa presenza no territorio de 250 operarios, 41 tractores e outra maquinaria destinada a acondicionar as pistas de cara ao próximo verán. Tamén puxo en valor iniciativas como Interlumes, que permitirá a creación da primeira base aérea transfronteiriza anti incendios forestais entre Galicia e Portugal, ou o Centro integral de loita contra o lume que se está a desenvolver na localidade ourensá de Toén e no que xa se están iniciando as obras neste 2021. Por outra banda, José González salientou que o seu departamento destina o 33% do orzamento global á prevención de incendios. Así, manifestou que, das contas de Medio Rural, máis de 207 millóns de euros corresponden a prevención, fronte aos case 91 millóns máis destinados á extinción.

Faixas de protección das aldeas

Entre as medidas de prevención dos lumes, González informou sobre o convenio de protección das aldeas, asinado entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga. Neste contexto completouse a comprobación da totalidade das faixas secundarias de 92 concellos galegos e comprobouse o estado de 685.000 parcelas, que suman case 44.000 hectáreas. Desa superficie está xestionada o 65%, é dicir, preto de 29.000 hectáreas repartidas en 432.000 parcelas.
Medio Rural leva realizadas máis de 35.000 notificacións a propietarios por non ter limpas as parcelas ante o risco de incendio
Ao abeiro deste convenio, con datos de 30 de novembro, dende Medio Rural levan xeradas un total de 35.326 notificacións e 33.129 publicacións en diarios oficiais, para advertir ós propietarios das parcelas non xestionadas de que no caso de que non fagan a limpeza procederase á execución por parte da Administración pública, coa conseguinte repercusión do custo e a correspondente sanción. Tamén en relación co convenio, a Consellería do Medio Rural entregou 242 plans municipais anti incendios a outros tantos concellos. Deles, xa están aprobados un total de 158. Neste ano, decidiron implantar un piloto de oito concellos nos que se acometen os traballos de limpeza por parte da Xunta. Medio Rural ten previsto estender estes labores a outros catro municipios nos vindeiros meses, para completar un total de 12 concellos, escollidos en base a criterios técnicos e de ocorrencia de incendios. Nestes municipios pretenden ter as súas franxas secundarias, as máis próximas ás vivendas, completamente xestionadas antes da tempada de máximo risco do vindeiro ano 2022. Na súa intervención, o conselleiro fixo especial fincapé no feito de que, en Galicia, a loita contra os incendios forestais pasa ineludiblemente pola xestión do territorio, partindo, iso si, da base de que o monte arde porque o queiman os incendiarios. Por iso defendeu un uso agrícola, gandeiro e forestal sustentable da terra, como fórmula de xeración de actividade económica, pero tamén como a mellor devasa natural fronte o lume. González destacou tanto a Lei de recuperación da terra como o Plan forestal 2021-2040, así como as novas leis de loita integral contra os incendios forestais e de calidade alimentaria, esta última como mecanismo de valorización da produción agrogandeira galega.

Lei de loita integral contra os incendios

González debullou algúns dos principais contidos da futura Lei de loita integral contra os incendios forestais. Así, salientou que esta norma será froito dun proceso participativo coordinado pola Universidade Vigo no que interviñeron máis de 200 persoas e que servirá de punto de partida para o anteproxecto de lei que se presentarán no Consello Forestal do vindeiro 11 de xaneiro, como paso previo ao inicio da tramitación da norma, que entrará no Parlamento antes de que remate o 2022. Estas directrices establecerán, entre outros principios, a distribución de competencias na loita contra o lume. Neste sentido, o conselleiro afeou que nestes momentos só se estean entregando tractores para prevención aos concellos da provincia de Ourense, por parte desa Deputación, mentres -sostén- o resto de deputacións galegas se negan a colaborar coa Xunta no financiamento destas máquinas. Tamén en relación coa futura lei, González sinalou que o sistema galego de loita integral contra os incendios debe basearse nunha estrutura profesionalizada composta por persoal propio da Consellería do Medio Rural, complementado con novas brigadas municipais tamén profesionais, cun mecanismo de selección uniforme a nivel autonómico e cun tempo de contratación mínima de seis meses. Algo para o que González tamén require a implicación financeira das deputacións provinciais. Ademais, apuntan á necesidade de crear equipos especializados específicos para a intervención nos grandes incendios e na súa análise posterior.

O Goberno proxecta reducir un 20% as queimas de restos de poda

A queima de restos de poda, unha práctica habitual tanto en viñedo coma nos cultivos froiteiros, terá que reducirse ata un 20% antes do 2030. Esa é a previsión que manexa o borrador do plan nacional contra a contaminación atmosférica, elaborado polo Ministerio de Transición Ecológica, que marca obxectivos de reducción de emisións tanto para o agro como para o resto de sectores. A redución de emisións de gases no agro estase a situar nos últimos meses como unha prioridade para as institucións. Malia que a actividade agrícola e gandeira aporta unha pequena parte do total de gases producidos, arredor do 10%, os obxectivos marcados pola UE para reducir a contaminación atmosférica e as emisións que propician o cambio climático levarán ineludiblemente a unha agricultura máis verde na próxima década. O obxectivo de reducir as fogueiras de restos de poda enmárcase na mesma lóxica doutras medidas que se están a implantar, como as restriccións nas aplicacións de xurros. Coa redución das queimas, o Goberno busca reducir as emisións de dióxido de carbono e doutros contaminantes, coma óxido nitroso e partículas. A alternativa que se propón pasa polo picado dos restos e a súa incorporación ó solo, o que tería beneficios colaterais, como a mellora de estrutura e fertilidade da terra. Para incentivar a sustitución das queimas polo picado dos restos, o Goberno valora o establecemento de axudas, ben agroambientais, para o caso de perceptores de axudas directas da PAC, ben por medio de convocatorias financiadas con cargo ós fondos dos Programas de Desenvolvemento Rurais (PDRs) . Son cuestións que aparecen previstas no borrador do plan nacional de contaminación atmosférica e que se terán que concretar no Plan Estratéxico da PAC, agora en fase de elaboración a nivel estatal. Uso en péllets Outra posibilidade pasa pola recollida de restos para a produción de péllets ou para a súa queima en instalacións de produción de enerxía eléctrica. En ámbolos casos considérase que as emisións serían menores que coa queima libre dos restos de poda. É unha alternativa que o Goberno considera especialmente viable no caso de olivar, onde prevé liñas de axudas para tal fin sempre e cando existan instalacións de procesado da biomasa nun radio de 50 quilómetros. En Galicia, o proxecto Biomasa-Ap valorou nos últimos anos a posibilidade de empregar restos de poda do viñedo e kiwis con destino a péllets de uso industria, unha opción que se considera factible.

Dispárase o número de presuntos incendiarios detectados en Galicia

No que vai de 2019 detivéronse ou investigáronse en Galicia arredor dun cento de presuntos incendiarios por parte das distintas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado que operan na comunidade. Así o destacou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, con motivo da reunión do Comité de Coordinación Policial Antiincendios, que tivo lugar en Santiago de Compostela. O titular de Medio Rural agradeceu este esforzo e salientou ademais que esta cifra é semellante á do conxunto do pasado ano 2018, “o que dá boa idea –dixo– de como se están intensificando os esforzos policiais para atallar este problema”. Estes datos, explicou o conselleiro, “son o resultado do esforzo coordinado da Garda Civil, da Policía Nacional e da Policía Autonómica, en colaboración cos efectivos da Consellería do Medio Rural despregados polo territorio, así como cos compoñentes do Exército integrados na Operación Centinela”. Nesta liña, José González destacou que a Benemérita detivo ou investigou no que vai de ano un total de 40 presuntos incendiarios en Galicia. O número de investigados ou detidos pola Policía Autonómica ascendeu a preto de 60 a día de hoxe, o que representa un incremento de case un 40% con respecto á cifra total do 2018. O conselleiro puxo en valor esta porcentaxe e dixo que “en gran medida se debe ao reforzo da coordinación coas brigadas de investigación da Xunta”. Pola súa banda, a Policía Nacional identificou en Galicia 110 persoas por este mesmo motivo e controlou ata 179 vehículos sospeitosos no que levamos de 2019.

“Os gandeiros somos vítimas dos incendios forestais e podemos ser a solución”

O colectivo de gandeiros denuncia que se lle pretenda asociar aos lumes forestais para xerar pastos. Polo contrario, consideran que son as principais vítimas xa que non só lle arderon as forraxes, senón tamén nalgúns casos perderon incluso o gando e as instalacións, e agora enfróntanse a unha lexislación que tampouco lles permite pacer nos terrreos queimados durante os próximos 2 anos. A realidade ven a confirmar a súa denuncia xa que nos concellos galegos nos que hai máis cabana gandeira é, en xeral, onde menos superficie arde, e son tamén os municipios nos que a despoboación do rural é menor. Pola contra, os lumes forestais en Galicia concéntranse na provincia de Ourense, no sur de Lugo e no interior da de Pontevedra, onde menos explotacións agrogandeiras quedan e onde máis avanza o abandono do rural. A mediados do século XX estaban censadas en Galicia máis de 2 millóns de cabezas de ovellas e de cabras, que se encargaban de manter libres de biomasa eses montes que agora son pasto das chamas de forma cíclica. De feito, hoxe apenas quedan 200.000 cabezas de gando ovino e cabrún na Comunidade. Ovica: “A situación para moitos gandeiros é crítica porque lle ardeu a comida do gando” Neste sentido, Carlos Rodríguez, enxeñeiro agrónomo da Asociación de criadores de ovino e cabrún de Galicia (Ovica), advirte de que trala vaga de lumes destes días “a situación para un número importante dos nosos socios é crítica, con gandeiros en Maceda, en Paderne de Allariz ou en Gondomar que perderon as forraxes que tiñan gardadas e que tiveron que sacar o gando das cortes para que non lles ardera”. Un dos aspectos prioritarios é identificar as explotacións máis afectadas, “porque precisan axudas urxentes da Administración para darlles de comer ao gando”. Asegura que, do contrario, “esta vaga de lumes pode levar ao peche de moitas explotacións, que xa arrastraban un ano moi difícil pola seca e as xeadas”.
Carlos Rodríguez (Ovica): “O gandeiro é o principal damnificado polos lumes”
Outra medida que lle reclaman dende Ovica á Xunta é que aprobe unha moratoria para a lei que prohibe pacer nos montes nos dous anos seguintes a un lume. “Xa se aprobou unha moratoria no 2015 no lume que calcinou a Serra do Larouco, en Ourense, e tamén se debería permitir agora que se puideran aproveitar os pastos que nazan na primavera, pois senón estas ganderías pecharán”. Dende Ovica tamén reclaman unha maior dotación de medios e maior axilidade para que os Distritos Forestais podan tramitar a tempo os informes necesarios para que os gandeiros podan cobrar as axudas da PAC das superficies que lles arderon. “A solución está en ordenar os usos do territorio e facer un aproveitamento silvopastoril do monte” En canto ás acusacións que involucran os gandeiros cos lumes forestais, Carlos Rodríguez denuncia que “son inxustas e infundadas, porque os gandeiros son os principais damnificados polos lumes forestais”. Como puntos clave para rachar coas vagas de lumes que periódicamente asolan o monte galego, o representante de Ovica lembra que “a solución estar en ordenar os usos do monte e facer cumprir a normativa”. Destaca que “o monte galego da para moitas producións, dende aproveitamentos gandeiros, forestais, de desbroces para centrais de biomasa, resina ou cogumelos”. “Pero para iso hai que ordenar os usos do territorio e obrigar a xente a cumprir a normativa. Podemos aproveitar para aprender dos erros e partir de cero, contando con todas as partes implicadas, e non só cos intereses privados de sempre”, conclúe.

Testemuños

Aurora Fernández Río (As Nogais): “Tiñan que deixarnos pacer o monte para que non houbera tanta maleza” Este prado de Aurora axudou a frear o lume Aurora Fernández Río é unha veciña da aldea de Castelo, no concello lucense de As Nogais. Nos últimos días ela e os seus veciños viviron un auténtico inferno, co lume rodeando o lugar. “Aquí houbo unha descordinación total e se o lume non chegou ás casas foi grazas os voluntarios que traballamos, porque os da Xunta aquí non viñeron, só se centraron nun piñeiral que está próximo”, denuncia. Ela e a súa familia teñen un rabaño de 62 ovellas que agora practicamente quedaron sen pastos tralo lume que devorou boa parte da superficie deste concello situado na Reserva da Biosfera dos Ancares. “Saqueinas da corte porque temía que arderan, pero co medo que tiñan non saían do meu redor”, asegura. O seu diagnóstico de por que se chegou a esta situación crítica é claro: “Aos gandeiros deberían deixarnos pacer o monte para que non se acumulara tanta maleza. Deberíanse facer máis pastizais e máis soutos de castiñeiros, como había antes, cando non había lumes, e prohibir as plantacións de piñeiros e eucaliptos, porque arden como a gasolina”. “E tamén que non houbera tanta fauna salvaxe, sobre todo o xabarín, porque aos que queremos producir algo no rural fainos a vida imposible”, conclúe. Pepe de Cimadevila (Montederramo): “Conseguimos apagar o lume cando chegou aos prados” Pepe de Cimadevila é un gandeiro de Montederramo, un dos moitos concellos da provincia de Ourense que estes días foron asolados polos incendios. Amósase indignado cos que acusan aos gandeiros de seren uns dos causantes dos lumes: “É unha pura mentira, como sempre queren botar a culpa a quen non a ten para non facer nada por solucionar isto”. “¿Que gandeiro lle planta lume ás súas fincas, cerca das casas, para ver arder os seus animais e a comida que teñen?”, pregúntase. Recoñece que “estes días chorei ao ver tanta desolación e como quedou todo negro”.
“Hai que ter os montes limpos co gando e obrigar a ceder o uso a quen non o faga”
Asegura que no súa aldea “fomos os propios veciños os que apagamos o lume, porque da administración aquí non veu ninguén” e destaca que “os incendios apagámolos grazas aos prados e ás terras de cultivo, porque alí amainou e foi máis fácil de apagar”. En canto ás solucións, Pepe de Cimadevila asegura que “non hai máis que ver o que facían os nosos pais e os nosos avós: ter os montes limpos co gando e obrigar a limpalo ou a ceder o seu uso a quen non o faga”.