Archives

Reny Picot descarta “actualmente” a compra da planta de Outeiro de Rei

Reny Picot, a industria asturiana con sede en Navia, descarta “actualmente” a compra da planta do Grupo Santé en Outeiro de Rei (Lugo), a antiga fábrica de Pascual. A empresa sinala que “a complicada situación patrimonial de Tegestacín, actual dona das instalacións, e do grupo ó que pertence, en situación de preconcurso, fai inviable a operación”. No sector lácteo dábase estos días por case feita a compra da planta por Industrias Lácteas Asturianas (Reny Picot), pero a empresa precisa que esa operación non é posible: “Os contactos mantidos non pasaron da fase preliminar pola dificultade de consensuar unha solución na actual situación de moratoria concursal, que a normativa Covid lle otorgou ás empresas en crise ata o próximo 30 de xuño”. A venda a Reny Picot, segundo apuntan fontes do sector, frustrouse, entre outras cuestións, polas incertezas que había en relación ás débedas do Grupo Santé. Sobre a mesa estivo a posibilidade de que Reny Picot aboase parte das débedas do Grupo Santé cos gandeiros, pero esa operación crearía unha situación de inseguridade xurídica para Reny, pois podería enfrontarse a reclamacións doutras débedas que arrastra a planta, polo que finalmente decidiu desmarcarse da operación. A entrada de Reny en Galicia era vista con bos ollos polo sector, pois trátase dunha industria que ten desde hai anos acordos estables de compra con granxas e cooperativas galegas, que xa en varias ocasións lle teñen reclamado que invista nunha planta industrial en Galicia. Así as cousas, todo apunta a que a venda da planta terá que resolverse xa co Grupo Santé en concurso de acreedores. O Grupo Santé, participado por Tegestacín e a castelá LCG Fruits, entre outros socios, atópase en situación de preconcurso de acreedores e é previsible que entre en situación concursal nos próximos meses. Se se chega a esa situación, a venda da planta teríase que facer cando menos con autorización da administración concursal. A parte de Reny Picot, hai outras industrias que tamén amosaron interese pola planta, polo que, a pesar de que se frustrase agora a súa venda a Reny, espérase a súa volta á actividade no medio prazo.

O SLG denuncia que Logística Alimentaria incumpre os contratos

O Sindicato Labrego Galego da comarca de Ordes vén de convocar unha asemblea das granxas afectadas polo que considera “incumprimentos de Logística Alimentaria nos contratos, incumprimentos que aínda están a facer máis miserables as condicións de compravenda de leite que tiña pactadas este primeiro comprador coas explotacións que lle venden”. A xuntanza será no local do SLG en Ordes, na rúa Alfonso Senra 117, ás 16:00 horas do venres, 31 de xullo. Segundo denuncia a organización agraria nunha nota de prensa , “Logística Alimentaria fixo asinar contratos ás granxas que lle fornecen de leite baixo unhas condicións leoninas: 26 céntimos por litro para o 80% da produción, e o 20% restante a un prezo variable segundo a cotización do leite en po”. Prezo base de 21 céntimos para o 80% do leite e de 18 céntimos para o 20% restante Sen embargo, segundo o SLG “e a pesares destes prezos ruinosos que non dan nin para cubrir os custes de produción, a empresa incumpriu flagrantemente as condicións asinadas e pagou o leite de maio e xuño cun prezo base de 21 céntimos para o 80% da produción, e de 18 céntimos para o 20% restante” . Na asemblea deste venres, o SLG acordará cos gandeiros e coas gandeiras afectadas as medidas legais a emprender, entre as que se baralla denunciar a Logística Alimentaria diante da Interprofesional Láctea (Inlac), que é o mediador acordado nos contratos; ou mesmo diante da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA). Logística Alimentaria alega que os prezos dos contratos varían segundo a evolución do mercado Pola súa parte, o administrador de Logística Alimentaria, Antonio Jurado, lembra que “o noso contrato non di que o prezo sexa fixo para todo o ano, senón que o 80% variará segundo a evolución do prezo medio que publique o Observatorio do Sector Lácteo da Xunta de Galicia, e o 20% restante estará referenciado á cotización da manteiga e do leite en pó que publique o Observatorio do Mercado do Leite da Unión Europea”. “A realidade é que dende que se asinaron os contratos no mes de abril o prezo do leite está baixando e nós axustámonos a iso. Se sobe nos vindeiros meses tamén teremos que incrementar os prezos que lle pagamos aos gandeiros”, asegura. Velaquí o contrato de Logística Alimentaria. 

Logística Alimentaria aspira a procesar uns 120 millóns de litros ao ano en Outeiro de Rei

A antiga planta de Pascual e de Alimentos Lácteos, no municipio lucense de Outeiro de Rei, reiniciou o pasado 19 de xaneiro a produción, agora baixo a tutela da empresa Logística Alimentaria, que aspira a procesar uns 120 millóns de litros de leite ao ano nesas instalacións. De momento, a media de produción na fábrica de Outeiro de Rei situarase en torno a uns 200.000 litros por día, segundo explicou o representante legal da empresa, Antonio Jurado, pero a “medida que vaian chegando novos contratos”, podería chegar a procesar “en pouco tempo” en torno a “400.000 ou 500.000 litros” diariamente.  Inicialmente, a nova planta dedicarase á produción de leite “á carta”, concentrada e desnatada, así como á elaboración de derivados lácteos e nata. Entre outras liñas de produción, figura a de obter “proteína” a partir do leite, mediante “un secado en torre para exportación”. En principio, a planta de Outeiro de Rei traballará para outras industrias baixo pedido, polo que non recuperará a liña de envasado que daba traballo a ducias de persoas, primeiro con Pascual e logo con Alimentos Lácteos. Separadamente dos acordos comerciais con empresas situadas en territorio nacional, unha parte importante do plan de negocio da compañía oriéntase cara ao mercado exterior.  A fábrica contará con provedores de toda Galicia, tanto “gandeiros que venderán directamente” á planta como cooperativas galegas que “xa pecharon acordos” con Logística Alimentaria.